Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo XXIII

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     Man quedaría gravado para sempre na memoria de Lili. A visita que fixera cos pais dous días antes non lle deixara máis impresión que a realidade expresada no Peñón ós Cacauetes. Sen embargo, aquel domingo el mandáralle unha mensaxe case fantástica coa súa sospeitosa ollada. O que podía ser ou non podía ser levaríao ela no sentido durante moito tempo. Lili non se cansaría de reflexionar sobre o sucedido buscándolle una solución real e afastando as idealistas ou románticas, que pola contra a estaban a obsesionar. Para iso xa chegaba aquela punta de fantasiosos, que desandaban os pasos deica Solomba con máis pena que groria e que nese intre estaban a discuti-los pormenores do próximo partido de fútbol coa panda de veraneantes. Atopáranos na primeira praia oceánica limpa de borraxeira e bañados por un sol afable, que baixaba sen inquedanzas deica o horizonte como si esa mañá non fora perturbado pola néboa. Cando Lili pudo escoitar xa decidíran o día, o lugar e o nome do evento. O quince na area. Veraneantes contra locais, comentaba Chulo con Brincas e con Birtas, quenes quedaran de últimos e se achegaban a eles acompañados por Lili. Brincas antes de subir o monte do Peñón non dubidou en aconsellarlles que non se chimparan naquel mar, que con ser o mesmo nada se parecía ó remanso da ría de Solomba.

     O areal de Solomba sempre fora un recorrido espazo de recreo para os Cacauetes. Semellaba unha extensión da casa e mesmo das súas vidas. Un gran patio de chan brilante, frío e esponxoso onde eles se desenvolvían tranquilos e protexidos. Descalzos corrían polas dunas arreando un cabalo ficticio, mentres o sonido das balas saían en perfecta similitude polas bocas entreabertas. Collían argazo e longueiróns cando había e cando non construían colosais submarinos ou fortalezas nas que as polgas mariñas facían de exército e cuios frontais adornaban de conchas. Descalzos aprenderan a pegarlle patadas a un balón. Acostumaran os pasos ó peso inconstante da area e os ollos a medi-las distancias co sol de cara. Sen entrenar e sen teoría suplían a amargura da coordinación técnica coa destreza nas faltas. Non tiñan porterías nin camisetas nin botas nin equipo, pero tampouco lle facían falla para dar un bo espectáculo e para triunfar.
     Solomba non era Rio de Janeiro, pero un antergo espírito brasileiro semellaba rondarlle nos pés. Os veraneantes adoecerían por gañar unha soa vez, só unha, pero xamais o acadarían. Os fachendosos Cacauetes nunca lle pedían aqueles torneos, mesmo anque un verán quedaran sen xogar. Sen embargo, os turistas ano tras ano e cada vez con máis insistencia desexaban o reto.

     Lili nos anos seguintes sería unha espectadora obxectiva, que sempre os animaba a eles. Non podía ser doutra maneira, pois os emigrantes B xamais serían vistos como turistas nas areas de Solomba. Eles eran a gran verdade, que se lle espallara por Europa na procura dunha melloría cun ollo aquí e outro alá. Ela vería progresar a Solomba e ós riladores de cacauetes a partir daquel ano setenta, onde esquecerían definitivamente as loitas de cowboys, as clases de don Sexismundo e o lavatorio de pés de don Basilio. Nos cinco anos restantes ata o seu decidido afastamento, eles pasarían a ser homes que xogaban como futbolistas na liga da costa e vestían camisetas, que imitaban ás do Arsenal con número no dorsal. O dono do bar Sardiñeira alentábaos converténdose no mister, ó mesmo tempo que facía de transportista polos distintos campos comarcais no seu Land Rover ou buscaba financiación entre as casas comerciais para mercar botas de tacos, toallas e balón reglamentario. Do mesmo xeito ou parecido conseguía que despois do partido tiveran unhas tortillas e algo de xamón para repoñer folgos antes de regresar a Solomba. Con todo, o entrenamento sería discontínuo por mor do frío e da chuvia e pouco disciplinado polo xenuino salvaxismo que os envolvía e polas confianzas co tio de Chulo. As duchas nas casas particulares da vila que tocaba en sorte con cada partido ou no mar como sucedería sempre que ían a Camelle no inverno, faría desertar a moitos deles.
     Sen embargo, os Cacauetes xamais rexeitarían chimparse ás augas xeadas de Camelle. Si Man era quen de facelo eles tamén. Só había que encherse de filosofía. Non pensar no corpo. Man dicía que non había frío nin calor insuperable, que todo radicaba no punto e sinalaba co índice a Nada. De seguida, dicía que había que pecharse nese punto mentres trazaba unha liña no baldeiro, que era a raia transportadora deica o infinito e disparaba os ollos ó baldeiro cósmico. Dese xeito, o alemán de Camelle tentaba concencialos de que o frío quedaba fóra, que non entraba como sucedía con calquera outro mal.

     A palabrería do home de Camelle engaiolaría a Lili non veraneos posteriores. Ela adicaríase a ler historia contemporánea, dos nazis, da guerra fría e de espías nos invernos helvéticos, que logo lle contaría ós Cacauetes. Ó ano seguinte da desfeita dos líderes do Oeste na panda, ela chegaríase ó museo do alemán cun libro debaixo do brazo. O espía chegado do xeo de Le Carré impactara a Nico, quen se apropiaría del para sempre. A pesar das lecturas invernais Lili non atopaba ningún indicio de espionaxe en Man, pero en contra diso pensaba que sería o normal de ser realmente un bo espía. Estaba confundida, pero estudaba ó milímetro os seus movementos e as enrugas que se lle estaban a formar na faciana. Foi entón, diante daquela insistencia, cando el comezou un trato singular con aqueles mozos que o visitaban unha vez por Agosto. Co tempo, Lili estaba case a renunciar na súa laboura de investigadora e mesmo de concluir que estaba diante dun mero filósofo, dun home ó que lle gustaba pensar ou dun anacoreta meditativo e solitario sen máis. Sen embargo, pasados dous veráns Man decidiu ir a un programa de televisión española para que o mundo soubera da súa existencia. A Lili non lle cadraban as contas cando llo contaron; Non podía ser. Un anacoreta non quere publicidade. Por qué o faría. Un filósofo pasa desas cousas. Talvez tentaba despistalos, facerlle acabar con aquela enquisa á que o sometía Lili. Quizá desexaba disipa-las dúbidas que albiscaba na súa ollada espreitadora. Ela non daba creto. Con todo, a estratexia de Man daría o resultado agardado na manda dos Cacauetes. Despois da súa visita ós Estudos de Prado del Rey, Nico, Chulo e Cochise irían diluíndo os cavilamentos sobre a verdadeira identidade de Man coa búsqueda da súa propia. Para o resto sería quen foi sempre, un de tantos que se achega á costa e que non é quen de deixala máis. Para Tom, Birtas, Cali e Brincas non había outro misterio e así levaba a suceder toda a vida. Lili ó contrario que eles xamais lograría definirse dun xeito concreto. Aquela ollada gris, asustada e dura deixáralle un escrito en letra pequena no peito ó que renunciaría para non importunar ó alemán, pero que non lograría esquecer.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega