Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo VII

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     No ano setenta os mariñeiros de Solomba fabricaban cilindros de chumbo coa mesma técnica coa que os Apaches construían puntas de frecha. Sopraban boias de cristal aburbulladas de nicotina, que sinaban de pintura cunha marca parella á que diferenciaba ás tribos indias en pé de guerra. Uliscaban os ventos coa mesma cencia coa que o emigrante B aparcaba en fronte ó Sardiñeira e lían a costa dende o mar memorizándoa coa mesma terquedade coa que el lle repetía a historia de Davi e Joliá a don Sexismundo. Lección que o levaba a permanecer de xeonllos todo o día sen que xamais soubera o por qué. Joliá era Goliat e Davi era o auténtico David, pero o maestro refugaba do substrato a pesar da certeza do relatado. Igual lle pasaba co Birtas por negarse a chamarlle Santa a Inquisición. Tíñao trabucado súa nai porque cando corría detrás del baténdolle o lombo coa vasoira, berráballe que era como o diaño da Inquisición. Niso Birtas non dubidaba porque unha nai era unha nai apesar das vareadas de tamarindo.

     Brincas tiña o cometido de encher agullas de atar mentres as mulleres da familia cosían redes na entrada da porta. Ó tempo que facía ese traballo espreitaba o chumbo falluto espallado polo chan, que non servía para ensarta-las cordas que tremaban das redes e impedían que se liasen polo batemento do mar. Estudaba con prudencia cal sería o máis axeitado para construí-la potera. Debía confiscalos sen que lle víran, pois todos serían fundidos de novo. A Tom non lle parecera ben aquel que lle amosara a Cochise o día anterior, despois de xoga-la partida no futbolín do señor Fígaro. Brincas atoparía outro que semellaba o idóneo mentres enchía agullas.
     Peinaba o nordeste a praia arremuiñando as toallas dos veraneantes e o sol caía firme enriba do tellado de terracota da lonxa de Solomba cando Tom lle confirmara o acerto. Brincas ollábao con espectación ó tempo que el lle daba voltas ó chumbo á altura dos ollos. Case non lle dera tempo a resoprar de alivio cando xa vía a Tom saca-lo nilón do peto do pantalón e o oía pedirlle a lata de brincas. Entre Birtas, Tom e el empatarían os anzós nun ramallo, que máis tarde tentaban afiunzar nun extremo pasando a tanza por dentro do chumbo. Despois de machacado o cilindro cunha pedra e amarrado ó nailon cunha diminuta argola de aceiro probarían o artiluxio.

     Aquela tarde de venres na que Lili viaxaba a Camelle o vento baldeirara de súpeto a area e enchera o muelle de curiosos e ociosos paseantes con cara de frío, que se achegaban a eles para olla-los avances da potera somerxida máis que nada porque non había outro tipo de entretenemento en Solomba. A intrépida panda de veraneantes, que rivalizaban ano tras ano coa dos Cacauetes, tamén aproveitaran para concerta-la data do único partido de fútbol co que medirían as súas forzas. Sen embargo, Tom non estaba a gusto con tanto espectador ceibe as súas costas e ademáis, non había rastro de Lili. A súa ausencia comezaba a xerarlle a melancolía dos inicios da gripe, pero el non podía consintir iso. Debía vacinarse contra ela. Era un home e os homes tiñan que ser firmes, constantes e ambiciosos. Ademais, eles enfaenábanse de moitas maneiras e conseguían pasa-lo verán cun cento de actividades físicas. As mulleres pola contra pedíanlle ó día moitos tempos mortos. "¡O emigrante B do Mercedes con ferradura na defensa coñece ben ó Nordeste!",- reflexionaba Tom mentres lle mandaba ó Brincas recolle-la feble potera e liscar axiña. Irían polo mar coa chalana do Nico ata a punta do espigón. El, Birtas e Chulo estaban a lidiar unha batalla de remos contra Cali e Cochise ó abrigo do peirao. Non foron ben recibidos porque sabían o que lle agardaba. Pescar ós calamares era o máis aburrido do mundo para a maior parte dos Cacauetes. Con todo, Tom faría que se achegaran á rampa para recollelos argumentando o da data do fútbol. A teima do Brincas erguera un lote de improperios que rematarían coa estrataxema dun invento de laboratorio o cal poderían patentar. Si a potera pescaba tiñan o negocio feito, dicíalles Tom para contentalos. Sen embargo, ó pouco tempo estaban de novo na rampa para desgracia de Brincas. Tom entrara en discusión con Cochise.


—¡Con iso non pican!.— Falaba Cochise de pé e acaneado polas ondas.

—¡Por que o dís ti!.— Contestaba Tom sentado no banco de proa, mentres subía e baixaba o nilón da potera.

—¿Como pican, Cochise?.— Preguntaba Brincas de lado de Tom envolto na conversa dos demáis.

—¡Como vamos xogar este domingo, ho!.— Berráballe Birtas a Cali, ocupante da chalana onde estaban Tom, Brincas e Cochise.— ¿Non sabes que ímos de expedición?. ¡A que, a que!.— Burlábase.— ¡A investiga-lo home de Camelle, maleta!.

—Os calamares pasan onda ela sen vela.— Continuaba Cochise.— Non sei, pero ó mellor se a pintaras.

—¿Pero a ti quen che dou vela neste enterro?.— Xirou Tom con enerxía a cabeza para replicar a Cochise no momento no que os da outra chalana comezaban a batica-la tona da auga cos remos coa intención de mollar a Cali. Aquilo exasperou a Tom, quen recolleu a potera chimpándoa dentro da chalana de calquera forma, camiñou ata o banco do medio, colleu os remos e dirixíuse á rampa. A impetixe do súpeto movemento da chalana tirou a Cochise ó mar. Tom non se detivo para collelo. Nin sequera lle destinara unha ollada por riba do ombro para ver si estaba ben ou mal.

     Brincas estaba decepcionado diante do mal xenio de Tom. Apesarado pola actitude do líder e sen dicir nada erguera a potera, liáralle o nailon ó redor e gardáraa sen máis na lata de pastillas mentoladas. Non sabía qué estaba a pasar ese verán do setenta. Non entendía nada. Incluso don Sexismundo cambiara. Durante o curso moderara as malleiras, os cantos ó sol e os erguementos de patillas, que o levaran a rasuralas por riba das orellas para non facerlle a idea. Mesmo o cura prohibíra ese ano entrar coas árbores na Igrexa o día de Ramos, porque perigaban as lámpadas e os barcos colgados do teito enriba do altar do Carmo. Nin sequera os castigara cando os atopou facendo unha farsa da Semana Santa dentro do recinto Sagrado. A panda dos Cacauetes acabara antes de tempo de coloca-los bancos enriba do estrado onde lavarían os pés. Nico non tivera outra idea máis que a de sair da sacristía vestido coa branca casula de bordados dourados, que o cura tiña disposta para o día da Resurrección de Cristo. Nas mans, tapadas pola vestimenta, portaba o receptáculo baldeiro da Sagrada Forma á altura dos ollos. Nada máis velo, Cochise deixou de erguerlle as faldras á Verónica e a San Xoán para concienciar a Cali de que só eran uns cabaletes sen vida e dirixíuse resolto ó palio apoiado nunha esquina do presbiterio. Chulo, Cali, Birtas e Brincas seguírano ó instante. Despois duns segundos de indignación Tom tamén participaría do enredo. Nico ía debaixo do palio, que levaban os outros seis ó ritmo dos cantos místicos, mergullado na casula e con paso lento polo longo pasillo central da Igrexa. Estaban moi metidos dentro do papel de curas reproducíndo o latín, tal e como eles o entendían e coreados polo sonido metálico, que producían as patas do palio na pedra, cando un refachón de luz penetrou pola porta que don Basilio abría sen esperar. A parálese fixérase dona dos corpos dos rapaces sen remedo nin intencións de escapada algunha. Para a súa sorpresa don Basilio limitárase a mandalos acaba-la comedia sen risas, pero tampouco sen castigos nin excomunións nin chivatazos á familia. O mundo xiraba a pesar de todo en Solomba anque con retraso.

     Brincas estaba conforme co discurso dos acontecementos na escola e na Igrexa. O do día de Ramos non lle importara moito, pois podían quedar fóra cos loureiros facéndolle o paseíño ás rapazas. Elas ían de estrea cunha póla de oliva nas mans e xa sabían que debían esquiva-las caídas de árbores, cada ano máis outos, que os Cacauetes mantiñan na entrada. O asunto da potera non tiña moitas voltas. Iría ver as que estaban expostas no trinque do señor Tobo. Comprobaría si as tiña pintadas ou non e xa está. Sen embargo, suspende-las liortas entre indios e cowboys non debería ser legal, matinaba o Brincas pensativo mentres camiñaba detrás de Tom polo muelle ollando as lonxanas dunas de Solomba. Coas mans nos petos do pantalón acariñando a lata das pastillas mentoladas e os chumbos confiscados non deixaría de lembrar ó rostro pálido que quería ser Cochise mergullado no medio da ría...  

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega