Cantigueiro popular

 

"Notas bio-bibliográficas", por Ricardo Carballo Calero (pp. 10-15)

Páxina Seguinte

NOTAS BIO


[p. 9]

NOTAS BIO-BIBLIOGRÁFICAS



[p. 11]

MARCIAL VALLADARES NÚNEZ


     Coñecemos xa a Marcial Valladares como autor dun Diccionario gallego-castellano. Iste escritor, nado en Vilancosta, freiguesía de San Vicente de Berres, na Estrada, o 14 de xunio de 1821, foi un distinguido periodista i erudito. Colaboróu con don Antonio Machado Alvarez, ao que proporcionóu materiás folklóricos. En 1844 tíñase licenciado en Dereito pola Universidade compostelá. Retirado á súa aldea nadal dende 1866, consagróuse ás letras, abandoando as actividades políticas ás que adicara algún tempo parte das súas enerxías; ate que finóu, alí mesmo, o 20 de maio de 1903.
     Nista obra interésanos Valladares como poeta e novelista. No primeiro aspeito é un versificador de estilo familiar, que non refusa o emprego das espresións tópicas, nen evita certos cabalgamentos pouco artísticos; pero que, non embargantes, é agradabre de leer, pois o seu verso é sentido, craro e doce. Unha das súas poesías máis temperás, de 1845, «Suidades» (1) , en endecasílabos, lembra moito o sentimentalismo de Alberto Camino. Tamén hai tenrura na tiduada «A miña aldea»  (2), en pentasílabos. No mesmo metro están escritas as endechas de amores e ausencia, moi sentidas e persoás, que tiduadas «A ... »  (3), xiran arredor da letra

¿Qué é de ti agora,
meu ai, ai, ai?

     Un pouco didácticas de máis son as quintillas «A fonte do Pico Sagro»  (4). A poesía máis dina de leitura, lembranza e celebración, é

—————

(1) Album de Ia Caridad, páxs. 299-300.
(2) Id. Páx. 147.
(3) Id. Páxs. 325-327.
(4) IId.Páxs. 272-273.


[p. 12]

«A castañeira en Santiago»  (5), escrita aos sesenta anos; peza de moitísimo sabor local, moi linda e graciosa. É un monólogo posto en boca da castañeira, que fai o seu pregón,

¡Ai qué ricas fervendo!,

e oferece a súa mercancía ás

mosiñas madrugadeiras
que, todas cheas de frío,

veñen á cidade ás súas angueiras pra voltar axiña a traballar no campo; ao señor estudante ao que ten que recomendar

Quietiño... Non sea tunante,

mentras o despacha; aos soldados, que dan un bo toque á ola, favorabremente dispostos polo engado do corpo xentil da castañeira, e, finalmente, a

doña Urbana,
a comersianta de enfrente,

boa siareira.
     Valladares é tamén autor dunha serie de cantares de tipo popular, que tiduóu «Vilancosta. Cántigas» , inspirada, como se deixa entender, polo amor ao lugar do seu nacimento (6) ; e de algúns epigramas (7).
     Como novelista, Valladares merez atención especial, pois é, cronolóxicamente, o primeiro da nosa renacencia. Efeitivamente, a il débese a primeira novela galega, Maxina, ou a filla espúrea, pubricada na Ilustración Gallega e Asturiana (8). Coa redacción dista obra rea-

—————
(5) El idioma gallego. Tomo 1. Páxs. 79-81.
(6) F. BOUZA BREY: «Achegos pra a bibriografía de Marcial Valladares como etnógrafo» , en Boletín de Ia Real Academia Gallega, La Coruña, tomo XXVII, año 1956, páxinas 19-20.
(7) Poden se ver os que comenzan «Bebendo onde eu me atopaba» , «Pedíndolle a un labrador» , «Consultóu con don Alejos» , en La Ilustración Gallega y Asturiana, tomo III, Madrid, 1881, páx. 95; «Coa vinagreira na man» , «Indo as uvas eu a ver» , «Pepiño rompe un cristal» , en páx. 425 da mesma revista e tomo; «Unha tarde en que eu sentia»  e «Apeándose en Santiago» , en Galicia humorística, ano 1, tomo 1, núm. 5, Santiago, 15, marzo, 1888, páx. 152.
(8) «Majina, ou a filla espúrea» , por don Marcial Valladares. La ilustración Gallega y Asturiana, tomo II, 1880, núms. 21-36. Comeza a novela na páxina 266 do tomo, e remata na 461.


[p. 13]

lizóu un grande esforzo en varios sensos. Dende logo, inda que se non trate dunha novela moi estesa, Valladares superóu a todos os seus predecesores e contemporáneos do renacimento galego no que se refire ás dimensións do escrito. Maxina é, efeitivamente, a obra en galego máis estesa antre as pubricadas por aqueles tempos. Tratándose dunha novela de asunto contemporáneo, e que en grande parte quere ser de costumes, o autor víase obrigado a resolver unha infindade de problemas de léisico, morfoloxía e sintase, pra cuia solución carecía de modelos, e prácticamente de antecedentes de calquer ordre. Estaba, porén, ben preparado pra o desempeño diste cometido, como estudoso ben acretado da fala, á que catro anos dempóis tiña de oferecer o seu Diccionario. Un tesouro de sabiduría verbo da lingoa popular está esparexido polas páxinas de Maxina. Mesmo por veces a riqueza de léisico é superabundante, e as frases semellan compostas escrusivamente pra introducir verbas enxebres. Malia o que ista preocupación poda perxudicar á fluidez artística do relato, se non pode negar a importancia que dou á obra como museo da lingua, como arsenal de vocabros pra a futura prosa galega e como documento histórico da fala real, xa que adiantando o proceso de corrupción do idioma popular, iste tipo de obras son as únicas autoridades de que dispomos pra coñecer o estado de aquíl en cada intre.
     Non é menos venerabre a obra como primeiro ensaio de novela galega, xa non polo que se refire á sua prosa, senón en canto esforzo por fundar un xénero. Por descontado, Valladares ten máis importancia como lesicógrafo que como novelista. Pero ter intentado e levado a cabo a primeira novela galega é xa un mérito histórico que lle non debemos relear. Contra o que poidera se prever, Valladares non escribíu unha novela rural. Hai en Maxina labregos, pero tamén hai señores, e ístes desempeñan na fábula os papés principás. Maxina é, en realidade, unha novela de xinea romántica, do tipo de asunto contemporáneo, como, por exempro, o Flavio de Rosalía de Castro. Pero o sentimentalismo en Valladares está temperado pola moderación característica diste escritor. Escribindo en 1880, e profesando ideás literarios rexionalistas, non podía se dispensar de describir esceas de costumes ou tipos populares cun pintoresquismo máis ou menos realista (9).

—————
(9) A data de 1880 é, dende logo, a da pubricación da novela. Ísta, por suposto, houbo de esixir pra a súa redacción un espacio de tempo folgado. Pero escápasenos o coñecimento do que puido mediar antre a composición e a impresión.


[p. 14]

     A esposición e o desenlace da novela están tratados cun tempo lento, miuciosas descripcións de persoas, lugares e ouxetos e puntual crónica das accións, teñan moita ou pouca importancia pra o desenrolo da fábula. Pero no meio da obra pasan os anos rápidamente, o autor renuncia a seguir aos persoaxes de cotío e, se ao comezo da novela asistimos ao nacimento de Maxina, somos invitado á súa boda ao final.
     Maxina, que dá tíduo ao conto, non é, porén, o protagonista do mesmo, inda que sí, mesmo antes de nacer, a causa desencadeante dos acontecimentos. O nome de Maxina, aparece escrito con j, porque o autor non proscribe isa letra do abecedario galego; pero, dende logo, entendemos que o pronuncia igual que si estivera escrito con x, e por iso nós reproducímolo así nista Historia.
   «— Majina, pues, llevará de nombre, por mi gusto -dijo a abó, pronunciando entonce-l-a j com'os gallegos a pronunciamos»  (10).
     Nomes non menos peleriños que Maxina, levan outros persoaxes da novela. Así Otilia, Salvio, Veranio, Ermelio, Adria e Fara. No diálogo, a xente fina fala en castelán, inda que sexa cos labradores. Os labregos falan en galego. Algúns persoaxes cómicos empregan o castrapo. Istes rasgos de inocente realismo, e os inevitabres convencionalismos e inverosimilitudes, non son dabondo pra restar interés a iste petrucial prototipo dun xénero inda hoxe non ben desenrolado.
     Maxina oferece a curiosidade de nos presentar unha muller embarazada que iñora quén foi o autor do seu estado. Otilia asiste a un baile de máscaras no teatro de Santiago. «A media noite... entra no salón unha comparsa rara chamada dos manetizadores, por consistil as súas bromas en querer manetizar a aquél ou éste... Un dos da comparsa... tanto de manitismo lles falóu... que... foron hasta un gabinete non moi alumeado, onde o descoñecido máscara, con estudiada verba e novas garatusas cloroformizóu... e abusóu de Otilia»  (11). Ísta atópase, así, encinta sen saber de quén.
     Tan curiosa, e dabondo fantástica situación tina xa sido tratada literariamente polo famoso escritor alemán Heinrich von Kleist (1777-1811), na súa novela A marquesa de 0... Tal marquesa durante o asalto dunha fortaleza, sofre un esmaio. Tempo dempóis resulta increibremente embarazada, sen que garde a menor lembranza do acto de posesión que tivo lugar durante o esmaio mencioado.

—————
(10) Ob. cit. Páx. 293. A Eirexa conmemora a unha Santa Magina, mártir, o 3 de Nadal.
(11) Ob. cit. Páx. 293.


[p. 15]

     Tanto en Kleist como en Valladares, vense ao cabo en coñecimento de quén é o pai da criatura, anque en circunstancias moi distintas.
     Merez tamén un pequeno comentario a técnica de desenlace empregada polo noso novelista. Conduz íste ao cabo os acontecimentos cara un final feliz. A desditada Otilia e o seu constante namorado Salvio, poden finalmente se reunir e vivir tranquíos. Todo é ledicia na casa de Sancti-Petri. Todo o desenrolo da novela asegúranos, cando entramos no penúltimo capítulo, que o autor non ten xa outra cousa que facer senón nos describir unha boda e pechar o relato con tonos consoladores e outimistas. Pero, súpetamente, bruscamente, deixándonos verdadeiramente pampos, don Marcial preséntanos un remate inesperado. A probe Otilia, cando xa non ten motivos pra vivir anguriada... ¡louquea! «¡¡¡Louqueara!!! »  (12), escribe o novelista con triple signo de admiración. E a cousa é realmente pra ademirar. Seméllanos dende logo inxusta a sorte que se depara á heroína, se enfocamos sentimentalmente a obra, como farían as leitoras da Ilustración. Non vemos xustificación sicolóxica nen artística suficiente nista peripecia. O noso corazón alimenta un intre a desesperada espranza de que Otilia recupere a razón. Mais non ocurre nada disto, e o que non podemos negar a Valladares é o mérito de nos sorprender completamente. Tanto se nos ocurre pensar se o seu plan primitivo era o final completamente feliz, e só a derradeira hora, cando tiña que escribir as derradeiras páxinas, sintíuse un pouco ofendido coidando que todo leitor daba por descontado o que tiña que vir, e quixo demostrar que era dono dos seus persoaxes ate o final, e que podia facer con eles, non só o que agardaba o leitor, senón tamén o que non agardaba (13).

RICARDO CARBALLO CALERO
(Da Historia da literatura galega e
contemporánea
, vol. 1 —Galaxia,
Vigo, 1963—, páxinas 88-91)



—————
(12) Ob. cit. Páx. 461.
(13) A irmá de Marcial Valladares, Avelina, nada tamén en Vilancosta, o 23 de outubro de 1825, e morta en marzo de 1902, cultivóu asimesmo a poesía galega. Fícannos dela algunhas composicións, antre as que figura a tiduada «A probe orfiña» , que pode se leer en Carré, Literatura gallega, páxs. 301-303; e a que leva como rubro «Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego» , contida no tomo VIII do Heraldo Gallego. Ista, firmada en Vilancosta, abril de 1879, é bilingüe. O peregrino fala en castelán. O labrego, en galego.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega