Crónica de Ofiusa

Páxina Anterior

I. Os visitantes de Sonán (fragmento)

 

v3fcovchantadaofiusa003.html






I

Os visitantes de Sonán

     Mentres no claro acochado entre as árbores da fraga, as casas e as xentes de Sonán durmían, un alento de lobos que galgaban serra abaixo aboiaba furente na misteriosa voz da noite. Ducias de teimados cazadores ían vencendo as altas penedías, das que descían guindándose veloces por entre uces e toxeiras.
     Os seus feroces ollos xa furaban o corazón da moura fraga, espallándose en mandas entre piñeiros, lixeiros como o lóstrego, á procura do gando e mais do home, que moraban tras do bosque, nos pequenos vales ó pé do río.
     Un fato de sete cabezas poderosas, sen deixar de galopar, uliscaba devecido a caza que ventaban cada vez máis próxima. Destemidos, nin sequera minguaron a súa frenética carreira diante do atranco dunha alta cerca de toros de madeira que se erguía, circular e protectora, diante da casa sorprendida polo ataque.
     Un trebón de ferocidade estaba a piques de caer, atacando arteiro as partes máis febles da vivenda que, adurmiñada, acollía no colo terreo, o descanso profundo dos seus catro moradores.Contra a cachopa de carballo, que mantiña aínda o rescaldo do lume, bateron mesturándose co salvaxe ruxir dos lobos, berros anguriados, que se chamaban entre si e que alertaban da terrible presencia do animal.

[...]

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega