Crónicas desde a India

 

Introdución

Páxina Seguinte

v2mariareimondezcronicasdesdeaindia001.html

     Non vou ocultar que para min este era un ano especial. Dez anos. Dez anos de compromiso, de coñecemento, de descubrir, de aprender, de vivir dúas vidas, como digo ás veces. Co paso do tempo as cousas vanse vendo en perspectiva e aquelo que comecei con dezaoito anos como unha aposta por unha forma de vida véxoo agora transformado en moitas pingas que van facendo ondas na auga, mesmo nestes tempos de seca. Mirando cara atrás comprobo que as opcións non sempre son tan doadas como semellan, pero que a recompensa que me proporciona a interacción con tantas persoas que teñen marcado a miña vida, algunhas delas presentes nestas páxinas e outras presentes deste o outro lado, a través de Implicadas/os no Desenvolvemento, non se pode comparar con ningunha outra emoción. Sería tópico falar de sorrisos de nenas, e como veredes nestes textiños, ás veces hai sorrisos e outras moita dor e cabezadas contra muros. Pero todo iso é unha inmensidade de vida e de enerxía, a enerxía que transforma o mundo.
     A min ás veces pregúntanme se sinto fascinación pola India e nunca puiden dicir que si porque para min é o fogar tanto como Galiza a estas alturas. E o fogar non fascina, ámase por veces e detéstase outras. Aquí, neste mundo de fartura no que eu me sinto estraña, agradezo ese meu outro espazo da India que non me permite sentar e ser espectadora dos horrores do mundo que creamos cada día. E cando estou aló, como tamén conto nestas páxinas, boto en falta outras cousas, iso si, ningunha delas materiais agás os abrazos. Ao cabo, por sempre dividida, ou duplicada. Pero as divisións son as que fan que poidamos ver a través dos caleidoscopios, os que fan a nosa visión e a nosa vida máis rica.
     Estas páxinas significan moito para min. Son un pulsar do meu día a día en Tiruchy, dez anos de querer cambiar o mundo, esa cousa que está tan deostada. Pero son tamén o meu intento por comunicar precisamente esa forma de entender a vida como un compromiso co resto da humanidade e sobre todo coas persoas que por desgraza teñen a vida moi difícil e se ven esmagadas pola inxustiza. A comunicación é un acto de xenerosidade, e eu entendo así o interese das persoas que sen sequera coñecerme lestes e ledes esta crónica, o interese do equipo de Vieiros que foron o meu altofalante
(alto e claro) e o enorme cariño do meu outro fogar indio (Ambal, Manimekalai, Vinay...) onde gardo os meus saris, a miña mirada e unha gran parte do que son. As persoas que aquí aparecen son todas tan parte de min como o aire que respiro e o pracer de compartilas convosco é inmenso porque paga
a pena achegarse e escoitar. Porque como di un dito tamil, unha man soa non fai música. Todas as mans son necesarias e o camiño moi longo.

María Reimóndez Meilán
Vigo, 9 de novembro de 2004

 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega