Espiñas, follas e frores. Colección de versiños gallegos (Ramiño primeiro)

Páxina Anterior

"O cruceiro de pedra" (pp. 35-38)

Páxina Seguinte

m5lamascarvajalraminhoprimeiro009.html




[p. 35]

O CRUCEIRO DE PEDRA.


TRISTE, afrixida e chorosa
'O pé d'o cruceiro, Rosa
Morríase de door;
A probiña sospiraba,

E choraba

A morte d'o seu amor.

     Xóven ainda, moy nena,
Xamais conocer á pena
Triste herenza d'o vivir;
Non coidara á coitadiña

Qu'inda tiña

Que chorar e que sofrir.

Recordos que non-a deixan,
Seus pensamentos aqueixan,
Pensando con inquietud,
Que mais felis tiña visto

Aquil cristo

Que fai cravado n'a crus.

[p. 36]

     ¡Ay, cantas veces a lua
Alumou a sorte sua
Diante d'o cruceiro aquil!
¡Cantas veces seu refrexo
Nos brazos d'o seu cortexo
A vira sourrindo alí!

     ¡E cantas diant' o cruceiro
As tocatas d'o gaiteiro
Moveran seu curazon,
Cand'o o verao comenzaba,

chegaba

A festa do San Anton!

     Cantas veces ó alalalaa,
Cantar qu'o gallego exhala
Do fondo d'o curazon,
Adormeceu seus amores
Co ises máxicos rumores
Que teñen nosas canciós!

     Hox' encóntrase soliña,
¡Mal pecado, coitadiña!
Non fai sinon sospirar;
Ay! a xóven namorada,

Esconsolada,

¿Qué ha fácer sinon chorar?

[p. 37]

     Santo cruceiro de pedra
Cuberto de musgo e d'hedra
Qu' o seu desconsolo ves,
Dalle tí un consolo agora

Xá que chora

Morta d'amor, 'os teus pés.

     Mira como xa te chama;
Mira como xa recrama
O teu favor cando dí
«¡Dios d'o ceo, Dios d'o ceo
O curazon d'o meu seo
Quixera arrincar eiquí!»

     «Mira que vivir non podo
Sin seu amor, que foi todo
Canto n'a terra adorei,
Foi miña groria querida

Lus d'a vida,

Sin seu amor morrerei»

     «Mira meu Dios que son nova
E que tan terribre proba
Non poderei resistir;
¡Santo Cristo d'o cruceiro,

Meu luceiro

Compadeceivos de min»

[p. 38]

     Asina triste escramaba
A Rosiña que choraba
Morréndose de door
'O pé d'o santo cruceiro

Compañeiro

Testigo d'o seu amor.

Sempre gardan cen mamorias
D'amantes tenras hestorias
Os cruceiros d'o lugar,
N'as aldeas compañeiros

D'os misteiros

D'o amor e d'a soedad.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega