Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae"

Páxina Anterior

V. A Xeración "Nós" e algúns homes máis

Páxina Seguinte

Galegos e cristiáns - V



     A xeración "Nós" foi, posiblemente, a máis senlleira das xeracións galegas, a que deu a Galicia, o grupo de xente máis cumprida que endexamais traballara por esta terra, este pobo e esta cultura. Se Rosalía, Curros e Pondal forman a trindade dos grandes poetas, Castelao quedou para sempre coma o símbolo de Galicia, Vicente Risco como o primeiro gran teórico do nacionalismo galego e Otero Pedrayo coma a figura intelectual máis titánica que produciu esta Terra; ó seu lado, Florentino Cuevillas era "o arqueólogo e historiador da raza" e Ramón Cabanillas o "poeta da raza". Só lles faltaba un mártir, e ese foi Alexandre Bóveda.
     Sen dúbida, foi unha época de esplendor creativo para Galicia. Por iso, como escribiu Chao Rego, "hoxe constitúen non só obrigado, senón aínda máis, devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xenerosos" (35). Ou, como escribiu Carlos Baliñas, "por eles tamén nós somos nós" (36).
     Os catro persoeiros máis significados da xeración "Nós" son, sen dúbida, Castelao, Otero, Risco e Cuevillas. Pero tamén forman parte deste senlleiro grupo que traballou non só en Nós, senón tamén en A Nosa Terra e tódolos espacios culturais e políticos que puideron acadar neses benditos anos 20-30, Ramón Cabanillas, algo máis vello, Antón Losada Diéguez o seu mentor e quen "os trouxo ó rego", Antón Vilar Ponte e Vicente Viqueira. Máis novos, pero vencellados a eles están tamén Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo e Alexandre Bóveda. A todos compre metelos neste gran grupo dos cristiáns galeguistas, pois, cada un ó seu xeito, mantiveron na súa vida a dobre opción de cristiáns e galeguistas.






1. Ramón Cabanillas (1876-1959)

     Non fai falla dicir xa que Ramón Cabanillas é unha figura de importancia capital dentro da nosa literatura, particularmente no eido da poesía. "O poeta da raza", chamábanlle os seus compañeiros de xeración. Un "poeta total", chámalle Carballo Calero, dos máis fecundos da literatura galega; abrangue a poesía lírica, narrativa e dramática, os temas amorosos, sociais e relixiosos. Destacan entre os seus libros: No desterro, Vento mareiro, e o impresionante Da terra asoballada; tamén Na noite estrelecida,... e o derradeiro, de carácter totalmente relixioso, Samos, dedicado ó mosteiro dos benedictinos e á vida monacal. Non compre falar tampouco do compromiso nacionalista de Cabanillas, que foi un dos primeiros en adscribirse ás Irmandades da Fala, e sempre fixo causa nacionalista toda súa vida, aínda que non fora tan activista político coma outros amigos seus.
     Fora seminarista en Compostela e sempre mantivo unha fonda vivencia relixiosa. Mesmo ingresou na Real Academia Galega xuntamente co crego Antonio Rey Soto e quixo ser enterrado co hábito franciscano. Foi Basilio Alvarez un dos que o empuxou a compoñer poesía, o que prologou o seu primeiro libro de poemas, e o que o meteu polos camiños do compromiso social na causa agrarista. Basilio Alvarez saúdao coma sucesor de Curros; pero Cabanillas, que ten moitos puntos en común co outro gran poeta, sobre todo na súa poesía cívica anticaciquil, mantense sempre máis claramente no campo relixioso católico. E por iso, nun poema adicado a Curros ("Curros Enriquez"), Cabanillas imaxina que ó final, de acordo coa Virxe do Cristal, os anxos: "ao autor das triadas fungadoras/ —queiras ou non— metérono no ceo".


"Xa no primeiro libro de Cabanillas vaise apontando un elemento de sinxela piedade que no noso poeta ten unha importancia fundamental, que representa unha auténtica vivencia persoal" (37)

     En efecto, Cabanillas é un poeta fondamente relixioso, e a súa obra está plagada de versos fondamente tinguidos de relixiosidade, de poemas expresamente relixiosos e mesmo de oracións. Así, nun libro tan combativo como Da Terra asoballada atopamos poemas coma "O Noso Señor Santiago":

"O do bordón, das cunchas e da estrela,
Patrón da Terra nosa, aloumiñado
de saudosa paz, no esgrevio estrado
da enxebre catedral de Compostela.
Así te adoura nosa fe sinxela:
no teu trono de prata encadeirado,
a man a benzoar, asosegado,
esquecido das loitas de Castela".

     É particularmente en todo o poemario Samos, onde a vena relixiosa do poeta se manifesta máis claramente cristiá e aínda católica, acollendo fondamente e respectando a riqueza da simbólica do catolicismo e do seu dogma. Mesmo chega, ás veces, a unha significación mística. O libro manifesta unha formación relixiosa tradicional, que non é nun leigo. Alí podemos atopar versos cultos e sinxelamente relixiosos, coma os do longo poema "Do abrente ó serán", dos que entresacamos estes:

"Mediamañán, conmóvese a abadía:
a campaña voltexa
e nos craustros, nas celdas e na eirexa
vai e ven un rumor de Epifanía.
É a misa conventual, o diamantino
eixo en que roda a vida do mosteiro
no degorado, místico roteiro
de interior perfeución, vaso mirrino
de arumado, eucarístico resolio,
neutar espiritual benedictino.
No presbiterio, subrimado solio,
o altar do Sacrificio
é un recuncho do ceo...

A misa encomenzou. Un sentimento
de traslevo homildoso e de piedade
mergulla os corazóns na claridade
de rendido, interior recollimento...
Nos litúrxicos ritos o sentido,
a mirada no altar do presbiterio,
o pobo vai seguindo, conmovido,
o drama eterno, o redentor Misterio:
O Sanctus en que o coro exulta e canta
ó Dios de Sebaoth todo potente,
a presencia de Cristo na hostia santa..."

     Ramón Cabanillas ten tamén varios poemas de sinxela relixiosidade popular, como esta fermosa "Pregaria", feita desde a realidade galega:

"Bendice a choza labrega,
o millo, a viña, o centeio,
e o fume que sube ao ceu
coma orazón do fogar;
e trae a porto seguro
a dorna que está no escuro,
luitando co leste duro
sobre as ondas do mar.
Dóanos días tranquilos,
e de paz, e de sosego,
no saudoso chao galego
onde viñemos nacer,
aplastando para sempre
a roxa serpe da guerra,
que leva lonxe da Terra
nosos fillos a morrer (...)"

     Ou esta outra "Oración":

"Señor, que baixo o teu manto
nenos mozos e vellos
sigamos os teus consellos,
camiño da eterna Luz;
e que a túa mao divina
aparte de nós a guerra
e asente a paz sobre a terra
á sombra sacra da cruz (...)"

     Rematar, tan só, cos versos dunha versión orixinal que fixo dunha famosa canción relixiosa inglesa, que tivo moita acollida nas igrexas ... en castelán:

"Preto de ti vivir quero, Señor,
anque deba sofrir na cruz da dor:
ledo no sofrimento hei de cantar así:
"Máis preto, si, máis preto, meu Deus de ti (...)
Pois todo sai do teu amor de de pai,
o camiño acharei que ao ceo vai
e vendo o seu claror, dirame todo aquí
que teño de ir máis preto, meu Deus, de ti".






2. Antón Losada Diéguez (1884-1929)

     "Imos facer un libro sobre Lousada, que ha ser encuadernado en ouro, ilustrado por min para os amigos". Así conta Otero Pedrayo, no Libro dos amigos, que lle dixera Castelao nunha ocasión. A pesar da súa gran influencia nos galeguistas do seu tempo, apenas escribiu, porque, como conta Otero no libro citado, "foi lóxico que apenas escribira nada quen alentaba con tan calmo e constante entusiasmo na actualidade". Carballo Calero fala do seu labor "socrático". Foi dos que animaba a e movía a "facer", sabendo abrir horizontes na xente.
     Foi, sen dúbida, un home clave no galeguismo nacente. A el corresponde o mérito de gañar para a causa nacionalista a Risco, Otero e Cuevillas. Por iso, Francisco Fernández del Riego chámao "recreador da conciencia galega na xente moza" e Otero recoñéceo coma "apóstolo de xuventudes". O seu nacionalismo parece fora de dúbida, como confesaron repetidamente os seus achegados, sobre todo os homes da revista Nós; nela recollían postumamente algúns textos seus espallados, entre os que atopamos expresións coma estas:

"O nacionalismo galego, diante dos problemas de Galicia, proclama a personalidade xeográfica, histórica e espiritual da nosa Terra, e significa para a ela autonomía en todos os ordes" (38)

     O seu fillo, Xoaquín Losada —xesuita e profesor na Universidade de Comillas—, recordaba o nacionalismo do seu pai desde as páxinas de Encrucillada, con ocasión do ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E traía un bo feixe de textos que apoiaban isto. Como aquela alocución "Os católicos e rexionalistas":

"O ideal rexionalista únenos ... Cando se loita por unha nai, no se pregunta de onde veñen os que axudan, e agora estamos a loitar por Galicia ... é preciso que os católicos fagamos constar a nosa protesta contra a política desprestixiada, chea de inxusticias por moi conservadora que sexa... "Benaventurados os que teñen fame e sede de xusticia" dixo o Señor, e famentos de xusticia estamos os galegos" (39)

     No texto aparece xa claramente non só este amor á terra, que o levou a embarcarse no carro galeguista e nacionalista, e mesmo a embarcar a outros —como xa se apuntou—, senón tamén a súa confesión de fe cristiá, e mesmo de home de Igrexa. O seu fillo apunta que esta crencia víñalle de neno e tamén dos estudios cos xesuítas na Universidade de Deusto. Deles colleu o mellor e deixou o peor, que era u seu integrismo intransixente deses anos. A súa confesión de fe faise impresionante nunha nunhas liñas escritas do seu puño e letra pouco antes de que o cancro rematase coa súa vida:

"Que mis hijos lean y afirmen, sobre todo lo que he escrito como materias de religión y política. Que se convenzan de que el primer ideal del hombre es ideal religioso, concretado en la vida, pasión y muerte de nuestro Señor Jesucristo y en la Iglesia Católica. Que trabajen mis hijos por Galicia ... que sean hombres religiosos y patriotas" (40).






3. Antón Vilar Ponte (1881-1936) e Ramón Vilar Ponte (1890-1953)

     Se Losada era un home de talante máis ben conservador, aínda que nacionalista, ANTÓN VILAR PONTE foi, desde sempre un hombre progresista e de esquerdas, da esquerda republicana e obreirista. Esta foi a súa primeira opción política, mesmo anterior á nacionalista. Pero rematou, como tódolos bos galegos do seu tempo, no carro nacionalista, e morreu coma deputado nacionalista do Partido Galeguista, sen chegar a disfroitar do trunfo do Estatuto Galego.
     A súa dobre vocación foi a xornalística e a política. En razón da primeira traballou en numerosos xornais e revistas galegos, españois e da emigración; desde os seus comezos en Nueva Brisa, semanario republicano do seu Viveiro natal, El Combate, Tierra Gallega e La Voz de Galicia, ata o seu importante traballo no xornal nacionalista A Nosa Terra, órgano das "Irmandades da Fala", das que fora o seu creador xunto con outro feixe de bos galegos en Maio de 1916, datos ben coñecidos. Pola súa vocación política militou nas filas republicanas, primeiro na Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) —un partido federalista e republicano que tiña nas súas filas unha relativa abundancia de católicos, como recoñece Francisco Carballo (41)— e logo no Partido Galeguista, sendo deputado nas dúas formacións políticas. Froito desta dobre vocación xornalística e política naceu Pensamento e sementeira, que recolle os seus afervoados artigos nacionalistas:

"Quen non sinta o nacionalismo, será rexionalista por especializar os asuntos de orde universal práctico dunha parte de España, pero non fará nada por erguer da lama e da escravitude moral á Nosa Terra... O nacionalismo non se discute, ou se sinte, ou se rechaza. E eu asegúrovos que ningún galego de alma libre pode deixar de ser nacionalista se afonda na súa conciencia e na conciencia do seu pobo" (42)

     Pero Antón Vilar Ponte foi tamén un home fonda e expresamente cristián. Xa liamos máis arriba algunhas verbas do seu discurso laudatorio dun home nas antípodas do seu ideario político, o bispo Lago González, a quen respectaba coma persoa e coma bo galego; foi o seu sucesor na cadeira que ocupou o bispo galeguista na Real Academia Galega. Daquel discurso de ingreso na Academia, aínda entresacamos algunhas verbas máis que manifestan esta fonda relixiosidade:

"A súa vida foi exemplar, a súa morte foi máis edificante aínda para Galicia... Aquela alma branca acugulada de virtudes, ateigada de recendos de santidade, chea de amor á terra onde tivo nacencia" (43)

     No mesmo discurso, ten outra frase ben definitoria dun talante relixioso: "O verdadeiro superhome ten para min o seu arquetipo en Francisco de Asís e non en Zaratustra". Esta relixiosidade manifesta en moitos lugares máis, como outro artigo recollido en Pensamento e sementeira titulado "A lingua das oracións", que traio máis amplamente a estas páxinas pola importancia no contexto do que estamos a facer, como valoración da importancia da relixión na cultura galega e a alma do pobo, e tamén —nunha interpretación ampla— como confesión relixiosa dun nacionalista de esquerdas, que non precisou renegar da súa fe, aínda que vira as contradiccións da Igrexa da que formaba parte. Como di noutros artigos do mesmo libro: "El enorme yerro del clero gallego" e "Una serena lección que nos sugiere la actualidad". Pero vede o que escribiu sobre as oracións:

"O feito de que os galegos, aínda que nunca empregan outro idioma que o que lles dou natura nas horas do traballo, das festas e do fogar, na cousa máis epiritualmente íntima da vida, que é a oración relixiosa, áchanse pillados pola pouta de unha hexemonía idiomática estrana que magoa as esencias máis puras da súa alma.
E iste é un problema serio de abondo que percisamos resolver cantos vimos preiteando rexamente polo cultivo da lingua materna. Para os crentes é un asunto de verdadeira trascendenza. Un pobo que rece no seu idioma, aínda que deixe de empregalo en tódalas outras ocasións da vida, poderá ir ó recobro do mesmo de xeito máis doado que aquel que o fale a cotío en toda ocasión agás no rezo... Non hai incompatibilidade entre a nosa lingua e as oracións relixiosas.
Ora percísase divulgar estas e crear outras capaces de seren vitalizadas con indulxencia da Igrexa. Percísase tamén que tódolos verdadeiros galeguistas que sexan crentes lles fagan deprender ós seus fillos, sobriños e irmáns pequenos rezos enxebres, aínda que para o demáis empreguen o castelán. Porque conquerida esa suprema intimidade das almas para a lingua materna, desbotado o idioma usurpador da máis fertil leira do esprito de cada galego, o outro virá por engádega. O horto do corazón agarda a mellor semente".

     O seu irmán RAMON VILAR PONTE sempre manifestou un notorio e fervente catolicismo, o que lle valeu non pouco para salvar a vida nos primeiros tempos da represión política desatada co comezo da Guerra Civil; aínda que non se librou das represalias profesionais e civís de todo tipo, pois fora un dos homes máis destacados do nacionalismo.
     Irmán menor de Antón, a súa figura foi escurecida inxustamente pola meirande dimensión pública do seu irmán. Sen embargo, home de conviccións galeguistas, republicanas e democráticas desde os seus comezos, concibiu a idea das Irmandades antes que Antón, o que confesa este mesmo, e foi sempre nelas un destacado dirixente. Licenciado en Letras e tamén con vocación periodística, foi o gran sistematizador da teoría do nacionalismo galego, xunto con Risco; compre poñer ó lado da súa Teoría do nazonalismo galego a obra de Ramón Vilar Ponte Doctrina Nazonalista, e tamén escribiu O sentimento nazonalista e o internazonalismo e moitas cousa máis.
     A pesar da súa dereitización ideolóxica como consecuencia da crispación social e política dos últimos tempos da República, e aínda que lle disgustara o pacto do Partido Galeguista coa Esquerda Republicana e a entrada na Fronte Popular, non abandonou nunca os seus presupostos galeguistas e a súa aposta pola necesaria unidade do nacionalismo galego, como chegou a facer Risco.





4. Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)

"Abrazarte a ti e abrazar a Galicia" (Castelao).

"Ninguén nos ten dado unha imaxe de Galicia tan completa como Otero Pedrayo... Era un gran escritor, un gran cabaleiro e un gran home" (Carballo Calero).

"O símbolo máximo da realidade galega" (Ramón Piñeiro).

"Quizaves un tan nobre carballo só se da unha vez na vida dunha nación" (Cunqueiro).

"Andar pola obra de D. Ramón é andar pola ialma do pobo galego, sentila fondamente e sofrir con ela, como sofriron Rosalía, Curros e Castelao" (Manuel María).

     Otero Pedrayo é unha figura realmente titánica, inxusta e estúpidamente minusvalorada polos nacionalistas dos anos 60-70 —por un sector numericamente importante deles— porque era "de dereitas" e non estivera no cárcere franquista nin tivera que emigrar, aínda que fora represaliado académica e laboralmente pola súa profesión de fe galeguista e por ter sido deputado nacionalista na República. Pero foi definitivamente rehabilitado e valorado, pola cultura oficial e pola outra, no ano do seu centenario (1988), declarado con xustiza "Ano de Otero Pedrayo", ademais de dedicárselle o Día das Letras Galegas. Nese ano houbo ocasión para recoñecer a súa talla humana, científica e creadora sempre a prol de Galicia, da cultura e da xente desta Terra. Aínda que xa de moito antes tiñamos manifestacións como as que encabezaban este apartado (44).
     Noutro lugar escribín que Otero Pedrayo é unha das figura máis grandes na historia de Galicia non só pola súa obra material, senón tamén pola súa personalidade a humanidade, home coherente toda súa vida coa verdade que un día descubriu. O seu paso polos traballos nos que andivo metido así o manifestan claramente: Irmandades da Fala, Nós, Logos, A Nosa Terra e ducias de revistas e xornais nos que colaborou; libros de historia, xeografía, novela, teatro, ...; membro da Real Academia Galega e do Seminario de Estudos Galegos, deputado nacionalista por Ourense polo Partido Nazonalista Republicán e logo no Partido Galeguista, presencia de Galicia na Universidade, fundador de Galaxia, etc.
     O seu galeguismo foi o resultado dunha entrega total e incondicional á realidade galega, poñendo á súa disposición todo o seu valer. "Un galeguismo visceral", como recoñeceu García Sabell (45). El ten a obra escrita máis copiosa de toda historia galega, e a maior parte en galego: unha ducia de novelas (entre as que destaca a ambiciosa Os camiños da vida; e no aspecto relixioso Fra Vernero e La vocación de Adrián Silva, aínda que as máis impresionantes son as páxinas sobre o crego Don Bernaldo en Arredor de si) e un par de libros de contos, media ducia de obras de teatro, máis de trinta libros de ensaios e artigos e ata un libro de poemas.
     É abondo coñecido que este gran galego foi tamén un gran cristián. "Un cristián e un galego como a poucos se lles poden dar estes apelativos xuntos —escribín noutro lugar—... Un verdadeiro humanista e crente que, sen esquece-la transcendencia do único Absoluto, soubo ve-lo absoluto do home, e toda a súa vida foi unha entrega a esa fe... Vivida cunha ledicia que lle viña do seu espírito franciscano". O bispo Araújo chegou a dicir:

"A nota esencial de Don Ramón é a relixiosidade; relixiosidade fondamente sentida, fecundante da súa caudalosa obra literaria, vivida coa vontade trascendente para a vida do seu espírito: o seu amor a Galicia e aos homes desta terra" (46)

     Con razón o cualificaban en Logos de "a máis rexa personalidade leiga do catolicismo galego" (47). Crente de fe fonda e sinxela a un tempo, popular e ilustrada. A fe dun labrego de Trasalba, e ó mesmo tempo a formación teolóxica e a capacidade de análise dun teólogo, como abondei no meu libro e como confesaba Torres Queiruga:

"Foi pena que o seu tempo non e descubrira aínda, entre nós, que a vocación teolóxica non precisa distinguir entre clérigos e leigos" (48)

     Esa fe rexa foi a fortaleza para que o seu mundo relixioso e eclesial non se derrubara co vergoñento posicionamento da Igrexa na Guerra Civil e no franquismo, que fixo pasar esa fe por un verdadeiro inferno. Outros non saíron tan ben parados do inevitable conflicto que se creou nos nacionalistas galegos.
     Otero interpreta o cristianismo como a alma do pobo galego ó longo da súa historia: "No cristianismo atopou Galiza a verdadeira patria do seu espírito", repite nas páxinas do seu Ensaio histórico sobre a cultura galega (49), que foi saudado desde as páxinas de Logos coma "un limpo canto á catolicidade do noso pobo". A súa reflexión achégase en varias ocasións ó mundo da relixiosidade popular, coma en artigos como "Xoves Santo", "A parroquia dos ermos", "Os probes de Deus", ... e particularmente no seu libro Pelerinaxes. No libro atopamos anacos tan fermosos como a descrición de San Andrés de Teixido:

"San Andrés, apóstolo, pecador e mártir, non ten historia. Representa a infinda sinxeleza do pobo, levado da man, sin esforzo, polo convencemento da divinidade de Xesús ... Por iso, o culto do San Andrés chegou ó cabo do mundo e prendeu como un faro no Fisterra, somentes venerado pola oración, sen verba precisa, todo semento calado do pobo" (50)

     Ese catolicismo de Don Ramón sabe conservar o equilibrio entre a fe da súa Igrexa e os valores ancestrais do seu pobo; por iso se chegou a falar dun certo "panteísmo" en Otero Pedrayo (doutrina filosófica e relixiosa que di que todo é Deus, e este non é algo trascendente ó mesmo mundo), que el mesmo interpreta como algo que non vai máis aló dun vencellamento afectivo, físico e espiritual á terra.
     O seu catolicismo nunca foi tan só privado, senón tamén público. Nas cortes republicanas de 1931 tivo unha soada intervención parlamentaria con ocasión da discusión sobre o laicismo do Estado. Defende o ensino relixioso, porque neste país "el catolicismo es algo más que una religión, una psicoloxía". Máis aínda "todos somos en el fondo católicos —di— porque catolicismo significa espíritu de libertad". Isto non obsta para que avogue pola liberdade relixiosa cun talante claramente liberal. E chega a dicir que non lle importaría mesmo un "comunismo cristián", pero que lle parece nefasto o laicismo. Moito habería que falar con Otero sobre o que el entendía por catolicismo, no senso do seu discurso, aínda que parece quedar claro que el interpretábao coma un cuestión de "talante", e non o vía tan represivo como ás veces se absolutiza, sen deixar espacio para tanta vea de liberdade como se xerou na Igrexa ó longo dos séculos, parella a outra moita represión.
     Con ocasión do seu pasamento, Conde Corbal pintou un fermoso e expresivo cadro de todo o que representou Otero Pedrayo: Don Ramón, enfundado no hábito franciscano e envolto na bandeira galega, metido nun cadaleito que levan os seus amigos vivos (Xoaquín Lourenzo, Paco del Riego, Filgueira Valverde, Paz Andrade, ....), e ollado desde o Pórtico da Gloria polas figuras pétreas dos seus amigos que pasaron a mellor vida (Cuevillas, Castelao, Risco, Losada e Ferro Couselo).
     No seu pasamento, ata Monsr. Temiño, o bispo máis reaccionario que tivo Galicia nos últimos trinta anos, falou ¡en galego! de Otero Pedrayo e do "fogar de Breogán"; acompañábano tódolos bispos galegos. As verbas fermosas da Oración fúnebre púxoas un franciscano, vello amigo do Patriarca das Letras, o P. Isorna, que rematou dicindo:

"A Galicia da terra
perdeu ó seu meirande home.
Pro, a Galicia do ceo
ganou un non pequeno santo"






5. Vicente Risco (1884-1963)

     Vicente Risco, outro home grande ha historia galega, non ten no seu haber unha biografía coherente coma Don Ramón, e por iso non suscitou coma el un "vencello de unidade" nos bos e xenerosos. Pero iso non lle resta valor a súa figura e a súa obra a prol de Galicia. El foi a cabeza pensante do grupo Nós e o primeiro ideólogo do nacionalismo, e así lle foi recoñecido polos seus compañeiros, mesmo por Castelao, que o chamaba "o outro eu" e o recoñecía coma guieiro indiscutible. Mesmo tras do seu abandono do compromiso galeguista despois da Guerra Civil e a represión franquista, Castelao, nunha ocasión en que se atopa con Otero no exilio, dille: "Cando volva a Galiza e atope a Risco, doulle unha labazada e cúspolle nun ollo, ... pero despois, recólloo nos brazos, érgoo e doulle unha aperta, e póñome a chorar con el, porque ¡debémoslle tanto!". A súa evolución foi un mollo de altos e baixos, tal como estudiei noutro lugar, pero o máis xenuino e ricaz de Risco, foi a súa aportación á cultura galega. Esta obra vai desde a Teoría do nacionalismo galego e unha ducia de libros máis de libros de ensaio e artigos, ata novelas emblemáticas coma O porco de pe e outras narracións. Velaí un par de mostras do seu pensamento galeguista:

"Ti dis Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo... Non digas Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concebir nada grande" (en Leria).

"Ser nacionalista é querer esperta-la ialma dun pobo. Aos nacionalistas é a ialma o que lles importa. Os nacionalistas galegos debemos estar a favor da ialma de Galiza, anque seña en contra de tódolos galegos.

Ser nacionalista é querer erguer un pobo que se teña en pé; que seña consciente e dono de si, emancipado, maior de edade, que se abonde a si mesmo" (En A ideoloxía do nacionalismo en esquema).

     Que Risco era un home relixioso é algo sabido demáis. Mesmo que se pasaba... que era "hiperrelixioso", como teño escrito. El mesmo escribira nunha ocasión "Eu son heterodoxo en todo menos en relixión", aínda que nin era tan heterodoxo en todo, nin tan ortodoxo en relixión, polo seu tradicionalismo reaccionario, que o levaba a caer en posturas supersticiosas, que costa ben caro casalas coa formación intelectual da que deu mostras mais que abondosas. Torres Queiruga expresouno moi ben:

"A piedade de Risco manterá sempre unha aura tradicional de devoción e rosarios, de medo ó demo e de confesada angustia pola salvación da alma e das almas... que lonxe de o facer "símbolo do intelectual cristián"... lle impediu vivenciar e expresar a fe á altura da súa capacidade crítica e da súa amplitude cultural" (51)

     Con todo, Otero Pedrayo ten confesado que "Risco chegou ao catolicismo por primeira vez ao se facer galeguista" (52). De feito, Risco establecerá un íntimo vencello entre a relixión, Terra galega e nación; é un verdadeiro sentimento relixioso o que vencella o pobo galego coa súa Terra,que Risco tenta rastrear nos grandes poetas galegos, desde Rosalía a Cabanillas. Así escribe en "O sentimento da Terra na raza galega" (artigo recollido en Leria):

"Sentimos a presencia evidente de Deus na nosa Terra, que se nos fai sagrada como unha eirexa, porta da eternidade, tabernáculo da gracia de Deus feita beleza... Eis a arela mística da Raza Galega. Aló no máis fondo da ialma, cada un de nós reza a Deus o seu rezo de humildade. El está preto de nós humanizado polo seu divino amor... O imperativo da Terra presérvanos da suprema impiedade, e os que poseemos a ialma da Raza, endexamais tentaremos escadar o ceo [como a soberbia dos de Babel]" (53).

     Noutro lugar teño analizado máis criticamente afirmacións coma estas e outras moito máis chamativas, nas que Vicente Risco chega a dicir que o pobo galego é coma un novo pobo de Deus chamado a salvar o mundo occidental do seu pecado colectivo, manifestado na súa progresiva decadencia por ter vendido a alma ó demo e esquecerense de Deus, co que Risco remata nun verdadeiro "nacionalcatolicismo galego": "Os pobos célticos ergueranse para cristianizar a nova cultura, para signala co signo da cruz", escribe en Logos (54). Tamén é ben interesante, a pesar do que ten de descabellado, a súa obra Satanás. Biografía del diablo, que analisei amplamente no meu libro e que ten estudiado tamén posteriormente Mariño Ferro.





6. Florentino Cuevillas (1886-1958)

     Don Floro, recoñecido galeguista que traballou como poucos na investigación das orixes da cultura galega, foi sempre un home fondamente relixioso, coma os seus compañeiros do "cenáculo ourensán" Otero e Risco. Coma eles traballou por Galicia desde as Irmandades da Fala, Nós, o Seminario de Estudos Galegos (1924, a pouco da súa creación. Foi xefe da sección de Prehistoria) e logo o Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento"; foi membro da Real Academia Galega (1941) e outras Academias e Sociedades.
     Toda a súa obra é unha preocupación constante por Galicia e a súa xente: "Home de bulideira mentalidade, de aguzada perspicacia —di Fernández del Riego—... limpou nunha chea de ocasións, coa loxa cauterizante da súa prosa ... os homes e os seus costumes" (55). Foron sobre todo as súas publicacións arqueolóxicas (A civilización céltica en Galicia, A Edade de Ferro na Galiza,...) pero tamén escritos soltos, dos que Prosas Galegas ofrece unha excelente escolla. Foille adicado, nunha das primeiras ocasións, o Día das Letras Galegas (1968). Otero Pedrayo recoñeceu a súa valía nun fermoso estudio que remata con estas solemnes e conmovedoras verbas:

"Porque foi home humilde e relixioso, mereceu a lus do saber ... Fixo pra Deus a Galiza máis grande e lembradoira" (56)

     A fe de Don Floro foi sinxela e rexa, en consonancia coa súa personalidade cordial, case dunha inxenuidade franciscana; a pesares das súas veleidades de mocidade. Tamén o seu amigo Risco fala da súa fe:

"Crente con afinco e devoto coa fidelidade e coa tenacidade mesma con que se entregaba ao estudio... Lía repetidamente os Evanxelios e estaba ao tanto do pensamento católico moderno; interesábase polos progresos da fe... Defendía ao clero católico das censuras e inculpacións dos seus amigos... En materia de relixión era esixente consigo mesmos e tolerante cos demáis" (57)

     Católico tradicional e ó mesmo tempo liberal, Cuevillas chegou a defender o socialismo, desde algún dos seus artigos: "Eu creo no triunfo do socialismo, porque creo que a sociedade humana é un organismo vivo.... E creo que para a sociedade humana ...este ha ser unha cousa útil e boa" ("Dos nosos tempos", en Prosas Galegas). Galicia e o catolicismo foron os dous eixos da súa vida, que soubo casar sen traumas, a pesares da crise que supuxeron para algúns dos seus amigos (Risco e Castelao, aínda que de maneira ben diferente). Estes dous amores quedan magnificamente reflexados na súa fermosa "Oración a noso Señor Santiago":

"Señor Santiago, que de tan lonxe viñeches predicar á nosa patria as verdades do evanxelio... ¿Por que nos esqueces?
Arredor da túa sepultura formouse a nosa lingua... Galicia enteira ten algo teu ... ¿Consentirás, Señor, que Galicia desapareza, que Galicia morra?
Mira ao teu derredor os vellos costumes abandoados, mortas as antigas liberades, despreciado o vello idioma ...; mira a nosa terra presa de homes que viñeron de fora a roubala e magoala; ... mira a triste miseria dos seus fillos, a súa sede de xustiza, e a súa fame de pan...
E xa que amaches a Galicia, cando era Galicia, acorre aos que queremos resucitala e volvela outra vez ao esplendor e a riqueza da que é merecente" (en Prosas Galegas).






7. Castelao (1886-1950)

     Con Castelao chegamos, sen dúbida, a unha das meirandes figuras que deu a historia galega. Ou polo menos o símbolo moderno da identidade galega. Se Rosalía, a outra máxima figura representativa do ser de Galicia, é a pescudadora da alma galega, Castelao é o ser testemuñante. E isto non son afirmacións de cenáculo ou grupúsculo de amiguetes, Castelao ten moito máis recoñecemento popular que ningún outro persoeiro da historia galega, sinxelamente porque o pobo se viu reflexado na súa nobre pluma e acollido no seu xeneroso corazón. Desde os nacionalistas máis radicais, ata a xente sinxela da aldea. Xa se ten feito a revisión crítica da persoa e da obra de Castelao, pero ninguén pode negar a súa xenerosidade co pobo galego, ao que lle deu o mellor de si, e o seu compromiso que nacía dunha "indignación ética", que diríamos desde a teoloxía moderna. Con razón escribiu Ramón Piñeiro:

"Castelao era o símbolo humán das arelas morais do seu pobo... A alma galega descóbrese a si mesma coa súa nidia pureza esencial na personalidade humana de Castelao" (58)

     Debuxante, político, escritor; home de acción, artista e pensador a un tempo, a súa obra é abondo coñecida: A plástica está marcada pola súa frase emblemática "Eu non teño vocación de estupefaciente", o que lle fai subordinar a expresión plástica á súa opción moral, aquela está sempre en función desta; esta obra vai desde os debuxos do álbum Nós, e os de Cousas da vida, ata os Albumes de guerra e os sorprendentes Debuxos de negros. Na escrita, o seu estilo limpo e elegante, clásico, vai desde as súas Cousas, que nos abriron a moitos á realidade galega, ata Os dous de sempre e a obra de política e pensamento a un tempo Sempre en Galiza, sen esquecer As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza, que manifestan unha sensibilidade relixiosa, ademais da artística, que vai atopar a súa máxima expresión nas páxinas do seu Diario 1921.
     Se o nacionalismo e o compromiso con Galicia de Castelao é universalmente coñecido, o que non resulta tanto é a súa confesión relixiosa cristiá, mesmo resultou sorprendente cando algúns escribimos diso hai anos, porque resultaban máis coñecidos os seus plantexamentos republicanos e críticos con certas actuacións da Igrexa. Sen embargo, Castelao é un home relixioso e un cristián confeso (59).
     Carballo conclúe: "A denuncia enérxica de Castelao vai contra a Igrexa española aliada do militarismo e do fascismo. E deulle tristura tamén o sector amplo de eclesiásticos galegos submisos á Igrexa castelá. Suxeriu que buscásemos no fondo do povo galego as raíces dun cristianismo e da base na que podía sustentarse unha Igrexa galega que estivera a par dos bos e xenerosos para recuperar e dinamizar o propio país". "Castelao, a relixión e a Igrexa", A Nosa Terra, especial 50 aniversario de Sempre en Galiza, Nº 631, 21 de Xullo de 1994. Non só porque a súa obra é "o exemplo e trunfo da verdadeira política de Deus", como dixo dela Otero Pedrayo, ou que "a obra de Castelao colócanos a todos fronte ao misterio do home que realiza o miragre de ser fiel á profundidade", como dixo Torres Queiruga (60). Senón porque el tamén manifestou publicamente esta fe, de palabra e por escrito.
     O artista manifestouno na sinxeleza popular dos seus debuxos do álbum Nós e as Cousas da vida: "Non me fan xusticia, Señor", prega o velliño diante do cruceiro ou "Que San Roquiño nos libere de médicos, avogados e boticarios", pregan outros dende a ventá; e outros . E as queixas dos Albumes de guerra: "Queiman, rouban e asesinan no teu nome", reza unha muller diante dun cruceiro. "Abondaría o libro dos cruceiros —di Otero Pedrayo— para sinalar o carácter relixioso da obra de Castelao".
     Pero é sobre todo o escritor e o político o que nos deixa unha manifestación clara da súa fe cristiá. Desde a conmovedora escena de Cousas na que o piñeiro "acende" as súas velas ó paso do viático, ata as confesión de Sempre en Galiza (61); velaí algunhas:

"No nome de Deus non se pode afoga-lo espírito nin se pode couta-lo anceio dos pobos que loitan polo seu propio ser" (px. 24).

"Un galeguista verdadeiramente cristián non ten por que arredarse do noso partido, nin para preservar o cristianismo da nosa terra, nin para salvar a propia alma" (px. 25).

"Ai, cando xurdirá unha relixión que nos dea azos para ascendermos e achegármonos a Deus!" (px. 224).

     E outras críticas coa Igrexa —a Igrexa española, máis que á galega, aínda que en motos casos non houbera diferencia, cousa que magoaba grandemente a Castelao—, sobre todo no seu tempo, porque non soubo facer ben a súa misión:

"A Eirexa hespañola como forza era a menopausia defendida polo histerismo; como ideal era a miopía sen anteollos... Os cregos eran prófugos do sacho ... agachaban os Evanxelios, bulrábanse das encíclicas e botaban das eirexas ó pobo traballador... Por algo Deus deixou queimar as eirexas" (px. 196)

     O pecado da Igrexa galega foi non ser fiel a súa misión na nosa Terra e ser un vasallo da de Castela e dos seus monarcas:

"Sucedeu que a Eirexa, esquecendo a súa misión divina, someteuse ao padroádego dos reis de Castela e os cregos e frades —tamén alleos ao país— nin tan siquera consentiron que se rezase en galego. Sucede que os bispos e Coengos eran feitura dos Monarcas... Sucedeun en fin, que a Eirexa —reitora e fiscalizadora de tódalas manifestacións do esprito— convirteuse en axente do imperialismo castelán e, por tanto, persecutora do noso xenio" (px. 103).

     O drama da relixiosidade de Castelao queda ben reflexado nestas verbas de Sempre en Galiza:

"Hai un drama no meu desterro, semellante a unha cruz que abre os seus brazos ós catro ventos para abranguer a dor do mundo... enxendrado pola interseción contradictoria de dous sentimentos terribles: un deles impídeme perdoar aos asesiños e verdugos do noso pobo... o outro non os permite acoller á idea dunha xusticia instintiva ... e inclinanos á resignación. Na nosa Terra soio un milagre de bondade poderá restablecer a paz dos espritos... Se tódolos galegos creésemos en deus podíamos encomendarlle a El o castigo dos crimes cometidos en Galiza; pero é que os sentimentos cristiáns están moi debilitados en toda Hespaña, dende que alí se invocou o nome de deus para matar" (px.253).

     É esta defensa do clero galego, víctima do de fora, aínda que non esconde a utilización egoísta que parte deste clero galego fixo do relixioso, o que aparece nalgunhas páxinas dos recen publicados Cadernos. Así, fala da actitude dun crego que escribira en Logos:

"O abade de santa Eufemia de Ourense, cando lle mataron os seus catro sobriños, dixo: Se esta é a xusticia que se fai en nome da relixión, eu racho a sotana. E rachouna" (62).

     Este crego era Don Fernando Quiroga Palacios, logo cardeal arcebispo de Santiago... como conta Cesareo Gil no seu libro sobre o cardeal (63).
     Outra nota de simpatía para os cregos galegos está na mesma páxina na que comenta un detalle negativo doutro crego que lle dixo ós seus fregueses: "Cristo predicou o amor entre os homes e non sei por que ha de haber dereitas e esquerdas, pois todos debiamos ser de dereitas" (!). Vexamos a nota positiva:

"Decíame un crego, chamado Solla, que non podía ver aos frades... Este mesmo crego, que era moi bo e crente, decíame, cando eu andaba no inicio do galeguismo político: 'Ti pon moito coidado en que ninguén queira facer xusticia contra ti no nome de Deus'. E solía dicir decotío: 'Non hai home máis ruín que aquel que pretende facer xusticia en nome de Deus' ¡Pobre Solla!" (64)

     Sobre todo, a súa fe cristiá déixase ver nas páxinas do seu Diario (65), onde atopamos cousas coma estas:

"Sempre fun fondamente relixioso, porque sempre coidei que a existencia de Deus era necesaria...; máis agora, aquí en París, adequirín a seguridade de que Deus existe...
En Notre Dâme... pedinlle a Deus que non me mate nin me deixe cego namentras non remate a miña obra, a obra que xurdirá cando desenrole tódalas posibilidades da ialma que El me deu. Teño ganas de ser bo" (px. 56).

"Hoxe compre pertencer ó fato de homes que traballan polo espertar do sentimento relixioso se queremos que o mundo se salve" (px. 304).

     Esta fe crítica (crítica sobre todo despois da vergonzosa actuación da Igrexa na Guerra Civil) mantívose en Castelao ata a fin da súa vida. O P.Seixas comentaba un feito que lle oíra a un amigo que fora testemuña presencial, e que xa teño lido ou oído noutro lugar; cando Castelao foi á Arxentina e tivo que cubrir a ficha de inmigración, no apartado de Relixión puxo "católico-xacobeo". É moi probable que mesmo fora a Misa con frecuencia coa súa dona, Virxinia, que era moi devota; cousa que tamén me teñen comentado. O médico que o asistiu no seu leito de morte, conta que falaba frecuentemente de relixión e rezaba a cotío o "Noso Pai". No recordatorio do seu pasamento puxeron os seus amigos: "Piedá, Señor, piedá para el que finou co Teu nome nos beizos, os ollos esvaídos na súa Terra que ti quixeches facer a máis belida do mundo".





8. Lois Porteiro Garea (1888-1918)

"Tiña na fronte unha estrela,
tiña no bico un cantar" (Dun poema de Ramón Cabanillas adicado a el)

     "O noso guía", chamouno Castelao. "O cerebro máis grande de Galicia" dixo Lois Peña Novo, "Pai espiritual das nosas angueiras patrióticas", dixo Ramón Vilar Ponte. "O Cristo da causa galega de quen tiven a sorte de ser o Bautista", afirma o seu irmán Antón Vilar Ponte. E aínda moitas máis polo estilo se poden ler nas notas necrolóxicas de A Nosa Terra en Setembro 1918, con ocasión da súa prematura morte, antes de cumprir os trinta anos. Non é moi coñecido hoxe este home que levantaba tanta devoción. Incansable loitador xa desde o mesmo bacharelato, estudiou dereito na Universidade Compostelá e doutorouse logo na de Madrid co traballo El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo. Traballou en El Imparcial e en El Radical, onde inaugurou unha sección de temas galegos. Gañou a cátedra de Dereito Político de Santiago. E pronto se converteu en Galicia nun indiscutible mestre de galeguidade e lider nacionalista das Irmandades da Fala, sendo presidente da de Santiago. Destacouse tamén polo seu anticaciquismo e o seu compromiso cos labregos, o que o levou á cadea cando os sucesos de Nebra. Lois Peña Novo conta emocionado:

"Vendo os caciques en Porteiro un poder que avanzaba por Galicia como ola purificadora ... ofrecéronlle unha acta de deputado a Cortes... A resposta de Porteiro foi espartana: Soupen o que era a fame, contestou, e fun sempre honrado; máis quero morrer que ser instrumento de morte para a miña terra" (66)

      "Comencemos por ter conciencia do pecado —di nin discurso do 28 de maio de 1916, impreso polo Partido Galeguista en 1932— que é o introito do arrepentimento".
     A gripe sorprendeuno preparando a Asemblea que estaban argallando as Irmandades para celebrar en Lugo, como recorda Pampín (67), e morreu na pobreza, tendo que correr o concello cos gastos do enterro. O P. Atanasio Fernández acompañouno nos derradeiro momentos, que viviu con gran fondura relixiosa, segundo conta. O seu enterro foi unha impresionante manifestación galeguista.

     Lois Peña Novo (1893-1967). Foi outro dos principais impulsores das Irmandades da Fala, xornalista e brillante orador, máximo estudioso da realidade socioeconómica galega o seu tempo, foi o primeiro concellal nacionalista electo. Estudiou primeiro no Seminario de Mondoñedo, o que o marcou cunha fonda relixiosidade, e logo Dereito na Universidade Compostelá. Exerceu brillantemente a avogacía, pero coa sublevación militar do 36 é encarcerado, pasando varios anos na cadea, ata despois da Guerra Civil. Pasou os derradeiros anos no seu Vilalba natal, agochado na nostalxia e ignorado. Nos últimos tempos seica non ía moito a Misa, e non é difícil adiviñar por que.





10. Alexandre Bóveda (1903-1936)

"A miña patria natural é Galiza. Ámoa afervoadamente. Endexamais a traizoaría, inda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis alá da miña morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañábel me debe ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela...
A miña morte servirá mesmo para ensino dos que non consideran a nosa loita tan rexa como a das outras nacionalidades" (68)

     Estas verbas pronunciadas pouco antes de morrer fusilado e a súa traxectoria vital e política fixeron de Alexandre Bóveda, xa para sempre, o mártir galeguista e cristián da intolerancia dunha España que se proclamaba católica, pero vía nos nacionalistas galegos un perigo para a "sagrada unidade da patria" e non manifestaba realmente moitos sentimentos cristiáns cos que pensaban de distinta maneira. Castelao chamouno "a bandeira da nosa redención".
     O galeguismo xa fora agromando nel desde neno coa lectura do Catecismo do labrego, e logo como discípulo de Risco, e en contacto con Otero e Cuevillas, Losada e Castelao. Logo escribiría que na revista Nós e no seu grupo "estivo a miña fontela máis cabal". Aínda que o máis novo deles, converteuse de contado, tal como conta o mesmo Castelao en "motor de explosión" do galeguismo.
     O Seminario de Estudos Galegos require a súa colaboración na preparación do Estatuto e o traballo económico de Bóveda, que era Contable da Facenda por oposición, parece que impresionou a todos. E na fundación do Partido Galeguista en 1931 era tan apreciado que foi nomeado secretario de organización, cargo que mantivo ata a súa morte, traballando porque fora un verdadeiro partido de masas. "Fronte aos que querían facer do partido un grupo minoritario para cultivar a mente do país, Bóveda actuou de activista de masas e o partido multiplicouse", escribe Francisco Carballo (69). O anteproxecto do Estatuto Galego parece ser que é en gran parte obra de Bóveda, que sempre acreditou unha mentalidade moi progresista.
     Pero Bóveda non só era un nacionalista progresista, senón tamén un cristián practicante, aínda que non alineado coas posicións dereitistas doutros compañeiros galeguistas.

"O comportamento altamente avanzado de Bóveda como militante cristián amósase en varios sectores da súa actividade. Practicaba un catolicismo fondo e sacramental a nivel persoal e familiar... A súa militancia cristiá facíase compatibel coa militancia nun partido democrático, claramente antifascista, aconfesional e respectuoso coas ideoloxías, defensor a ultranza da sociedade galega... Poucas posicións cristiás había no Estado Español naqueles tempos tan lúcidas" (70)

     A súa morte exemplar foi o broche de ouro a unha vida exemplar. Puido escapar da cadea, pero coidaba que non había razóns para matalo, pola súa vida sen mancha, non contaba con que o fanatismo dos fascistas podera chegar tan lonxe. Pasou a derradeira noite lendo a Rosalía e un libro relixioso (o Kempis). Escribe ó seu irmán Valentín: "Confío en que serei recibido onde todos queremos xuntarmos e fágoo coa ledicia confiando en Deus este sacrificio". Oe Misa recollidamente e pídelle a un amigo :"Sestiño, ven rezar comigo en galego". Recibe os sacramentos e un P. franciscano acompáñao ata a morte. Sobre o mesmo caixón no que se dixera a Misa escribiu varias cartas, e nunha delas puxo de PD á súa muller: "Recei contigo".


NOTAS


(35) Xosé Chao Rego, Limiar do meu libro A xeración "Nós". Galeguismo e relixión, op. cit.
(36) Carlos Baliñas, Limiar de Pensamento galego I, SEP, Vigo 1977.
(37) Carballo Calero, Historia da ... px. 577.
(38) In Nós, nº 75, 1930.
(39) Xoaquín Losada "Antón Losada Diéguez, un de nós", Encrucillada 42, 1985, px.57
(40) In Xoaquin Losada, op.cit. px. 59.
(41) F.Carballo "A Igrexa Galega ante o Estatuto", Encrucillada 2, 1977.
(42) Antón Vilar Ponte, "Dos nosos valores", en Pensamento e sementeira, Bos Aires 1971.
(43) "Louvanza de Lago González". Discurso de ingreso na Real Academia Galega, recollido en Lembranza de Lago González, op. cit. px.19.
(44) Recollidas no meu libro A xeración Nós. Galeguismo e relixión, Galaxia, Vigo 1988 pxs. 52-53. Alí se pode atopara unha análise máis plolo miúdo da persoa e aobra de Otero, Risco, Cuevillas e Castelao.
(45) Ibidem, px. 54.
(46) Ibidem px. 63.
(47) Ibidem.
(48) Ibidem.
(49) Ver análise no meu libro pxs. 77-88.
(50) Ibidem, px. 92.
(51) A.Torres Queiruga, "Vicente Risco: entre a ortodoxia e o galeguismo" Encrucillada 40, 1984, px.8.
(52) Nunha entrevista que lle fixo Victor Freixanes, e aparecida no seu libro Unha ducia de galegos, Galaxia, Vigo 1976, px.29.
(53) Leria, Galaxia, Vigo 1961 pxs. 30-32. O libro é unha boa escolma dos seus artigos da etapa galeguista.
(54) Ver A xeración Nós... op. cit. pxs. 149-153.
(55) F.Fernández del Riego, Historia da literatura galega, Galaxia, Vigo 1978, px.172.
(56) R.Otero Pedrayo, "Florentino Cuevillas, ou a fidalguia ourensá", Homaxe a Florentino Cuevillas, Galaxia, Vigo 1957, px.17.
(57) V. Risco, "El lembranza de Florentino López Cuevillas", en Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Galaxia, Vigo 1980, px.162.
(58) Ramón Piñeiro, "Castelao", en Olladas no futuro, Galaxia, Vigo 1974.
(59)

Recentemente, o historiador Francisco Carballo xa escribía:

"Hai estudios abondo sobre a relixiosidade de Castelao. Algo moi posto de relevo no seu Diario. Un relixioso respeto a Xesucristo e á doutrina dos evanxeos advírtese constantemente nel... Incluso nos escritos de crise, tal adhesión non é nunca negada. Pero unha cousa é esa dimensión humana e outra a visión da Igrexa".

Con todo tamén compre distinguir o que representa a crítica da Igrexa en Castelao, tal como recoñece o mesmo Carballo. "En Sempre en Galiza hai un rexeitamento indignado da Igrexa española aliada dos sublevados do 36. E un rechazo matizado á Igrexa galega que se deixou domesticar pola castelá".
Valora o positivo da Igrexa galega, coma ocorre na Alba de gloria, cando evoca a historia dos seus persoeiros máis significativos; e mesmo "nin sequer na actividade desgaleguizadora da Igrexa galega -segue Carballo- se atreve Castelao a acusar aos cregos galegos, fainos víctimas dos de fora". E conta certas valoración do clero galego que aparecen nos Cadernos(Galaxia, Vigo 1993).

(60) A.Torres Queiruga, "O tema relixioso en Castelao", Grial 47, 1975, px. 51.
(61) Edición de Akal, Madrid 1976.
(62) Castelao, Cadernos, Ed. Galaxia, Vigo 1993, pax. 8
(63) Cesareo Gil, Don Fernando Quiroga Palacios, Santiago 1993, pax. 82
(64) Cadernos, op. cit. pax. 50
(65) Diario 1921, Galaxia, Vigo 1977.
(66) En A Nosa Terra 5-9-1918.
(67) Rodriguez Pampin, art. cit. de Encrucillada 2, pax. 64.
(68) Da súa intervención no Consello de Guerra que o xulgou e condenou a morte. En X. Alvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Nós, Bos Aires 1972. Este e o libro máis recente de Alvarez Blázquez, Alexandre Bóveda, Ir Indo, Vigo 1992
(69) F.Carballo "Alexandre Bóveda. Un nacionalista cristián", Irimia 239, 1986
(70) Francisco Carballo, ibidem. Tamén "Alexandre Bóveda", en Encrucillada 50, 1986; e nun dos extras de A Nosa Terra, "Alexandre Bóveda, un cristián", Castelao e Bóveda, irmáns!, nº 6-7, 1986

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega