Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae"

Páxina Anterior

VII. Un bispo, algúns curas, frades e monxas na realidade presente

Páxina Seguinte

v3victorinoperezgalegosecristians010.html

"As eirexas son comercios
e os curas comerciantes,
e, ó toque de campana,
van os ignorantes.

Priguiceiro do convento,
aprende a traballar,
que o pan do Kirieleisón
sempre non ha de durar.

Si qués ter algo de teu
fai en todo coma os cregos
que nunca dan nada a naide
agás que sexan consellos". (O clero na literatura popular galega)


"Temos unha Igrexa clericalizada, con medo aos leigos... Unha Igrexa que atende aos pobres desde os ricos, pero nen cre neles, nen deixa que os pobres se promocionen... Gran parte do clero e relixiosos son conformistas tradicionais, cerrados á cultura actual e concretamente á galega...
     Dentro deste cadro sombrizo temos que afirmar a existencia dunha minoría cristiá cunha nova conciencia de servicio á sociedade, aos máis pobres, e con mentalidade progresiva, democrática. Voceiros deste movimento foron os Coloquios e son as Romaxes e grupos tan plurais como os de HOAC, XOC, MECG, Movemento Rural, CCP, algunhas Comunidades parroquiais de base, Irimia, Encrucillada, ... grupos cheos de vida e esperanza". (Francisco Carballo) (1)






1. Un bispo galeguista: Miguel-Anxo Araújo Iglesias

"Por todas partes espunta hoxe en Galicia como un despertar de conciencia comunitaria: vaise extendendo a convicción de que formamos un pobo dotado de persoalidade propia, e de que o noso desenrolo integral como persoas ten que pasar necesariamente polo desenvolvimento desa persoalidade comunitaria...
     Este fenómeno social apresenta un desafío á Igrexa galega de hoxe... O despertar da conciencia colectiva é un claro sinal dos tempos na nosa sociedade galega de hoxe" (2)

     Estas verbas publicadas no ano 1975 son as dun bispo que, penso que sen pretendelo moito, foi branco de polémicas e tivo que aturar fortes detraccións, parellas a sinceras adhesións. A "Hermandad de Alféreces Provisionales" —a mesma que anos despois felicitaría ó seu sucesor á fronte da diócese de Mondoñedo-Ferrol, José Gea Escolano, polas súas manifestacións contra o PSOE— contestoulle inmediatamente tras da súa pastoral sobre a lingua galega: "Si usted quiere hablar en gallego desde el púlpito, le aconsejamos que nos presente una traducción para seguirle". Outros menos educados escribíranlle xa con ocasión dos dolorosos sucesos do ano 72 en Ferrol, cando a policía asasinou a dous obreiros, e o bispo falou valentemente defendendo os dereitos da clase traballadora; dixéranlle cousas coma estas: "No estamos de acuerdo con el Caudillo en que a estas alturas no le haya fusilado a Vd. y a todos los curas y obispos que piensan así". Estes dous foron os conflictos máis gordos nos que estivo metido o bispo Araújo, pero non foron os únicos.
     Non é difícil a estas alturas coñecer a historia e o pensamento de Don Miguel-Anxo Araújo. Dous libros sobre el e a publicación de case tódolos seus escritos permiten doadamente coñecer a realidade deste bispo controvertido. O primeiro é o capítulo correspondente do libro de Victor Freixanes Unha ducia de galegos (1976), e o segundo, máis recente, é a súa autobiografía aparecida co título de Memoria de vida (1993). A súa obra está fundamentalmente publicada en Escritos cristiáns sobre problemas, personaxes e conflictos de Galicia (1987) e Escritos pastorais (1990), ademais de Palabras para os amigos (1989) e outros artigos e colaboracións en libros.
     Don Miguel-Anxo Araújo naceu en 1920 no pobo ourensán de Sabadelle-Pereiro de Aguiar, nunha casa rectoral, como conta nas súas memorias, pois estaba alí de párroco un tío cura. Ten tamén un irmán cura, Amando, o que fai da súa unha familia moi levítica. Por iso confesa: "A miña querencia polo sacerdocio debe virme desde as mesmas raíces"(3). No libro de Freixanes fai un rápido resumo das súas raíces e da súa descuberta do mundo galeguista:

"Eu son un neno campesiño e coido que o feito debe ser abondo significativo. Estudiei o bacharelato en Ourense. Fíxenme cura e pasei a miña vida de crego nesta mesma cidade. O meu contacto coa realidade da terra é forte e dun xeito constante...
     A miña lingua primeira foi a dos meus pais e a dos meus abós, ou seña: a lingua de Galicia. Naquela nenez rural vivín a fala e a circunstancia social dos seus falantes, eso que se chama diglosia e da que eu me decatei cando cheguei á cidade falando o meu galego de aldea e atopei outra lingua que se tiña superior e culta frente a nosa, que era fala de iñorantes e xente cativa. Alí soupen que o galego nos facía, na práctica social, xentes de segunda caste"(4).

     Na súa memoria fai unha ampla referencia á súa nenez rural, os anos da escola unitaria, a vida na casa rectoral do seu tío, "pegada ó cemiterio e á igrexa", e o "sentimento de fraternidade que tiñan os cregos que formaban o radio para funerais, festas e confesións", as visitas episcopais, ...; e moi particularmente o ambiente relixioso e moral, a disciplina e o orde, pero tamén o feito de que non se lle impuxera falar castelán. Fai o bacharelato en Ourense, que comezou no Instituto que dirixía Otero Pedrayo e rematou no Seminario, con problemas co latín. Logo seguiría os seus estudios na Universidade de Comillas, truncados momentaneamente pola Guerra Civil. En Comillas fai os últimos cursos de Humanidades, e logo Filosofía e Teoloxía, que rematou no ano 1945, licenciandose en Teoloxía coa tesiña Las relaciones de la Iglesia y el Estado de Constantino. Entre os seus compañeiros estiveron algúns que serían logo bispos de sona: Narcis Jubany, Marcelo González, Xosé Maria Cirarda, e outros.
     Ordenado sacerdote en 1945, tras unha breve estancia nunha parroquia da capital, pasa ó Seminario de Ourense e colaborará noutra parroquia do centro, onde estará ata ser nomeado bispo de Mondoñedo-Ferrol. É en
Ourense onde vai coñecer ós galeguistas históricos, entablando particular amistade con Florentino Cuevillas, do que foi confesor, cousa que facía sempre en galego. "Foi el quen máis influíu na miña galeguidade", e por quen coñeceu a Castelao, Losada e demais, confesa nas memorias (5).

"Todos deixaron o seu selo e, entre todos, matinando arreo na realidade que me arrodeaba, na miña procedencia e máis na dos meus pais e a miña xente, atopei Galicia" (6).

     En Ourense vai participar na política clerical desde diversos cargos de responsabilidade, sen abandonar o Seminario no que chegaría a Rector; pero o seu irmán Amando foi marxinado dalgúns cargos de responsabilidade que lle corresponderían pola súa preparación e valía. Desta maneira, o nome de Don Miguel-Anxo barallouse entre os episcopables, e en 1970 é consagrado bispo de Mondoñedo-Ferrol nunha polémica celebración na que a coral de Ruada remata cantando o Himno galego. Pero o máis conflictivo foron uns famosos versos da autoría do seu irmán, como recoñeceu Don Miguel. Os versos foron considerados subversivos por algunhas autoridades, particularmente polo gobernador civil.

"Somos a xente labrega
e vimos ó teu altar
a traerche o pan e o viño
que a nosa terra nos da;
a nosa alma cansiña,
cansiña de salaiar
por unha vida mellor
e unha terra máis humá.
(...)
Donos denantes, e agora
escravos do capital
os proletarios galegos
pouco temos que ofrendar..
(...)

Galicia crucificada,
todo o corpiño a sangrar
polas feridas das rías
os cravos de pés e mans.
Xungue o seu sacrificio
co de Cristo no Altar,
e agarda ó terceiro día
pra con El resucitar".(7)

     A este conflictivo comezo do seu episcopado engadíronse de seguida outros conflictos fundamentalmente en Ferrol. Nos mesmos días da súa entrada na diócese o conflicto de MEGASA, empresa de Narón, que ocasionou unha importante folga e un peche na concatedral de San Xulián, desaloxado violentamente pola Forza pública, cousa que condenou Don Miguel. En 1972 foron os tristes sucesos da represión dos obreiros da Bazán, nos que caeron baixo as balas da policía Amador e Daniel; Don Miguel tivo que aturar os ataques dos elementos máis reaccionarios contra unha homilía que el recomendou dicir nas igrexas (ver máis adiante). En 1975 foi o rexistro da mesma residencia episcopal na Domus Ecclesiae de Ferrol, polas sospeitas de que se esconderan alí activistas da UPG, tras do asasinato de Moncho Reboiras (8). Ese mesmo ano veu tamén a luz o máis polémico e comprometido dos seus escritos A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega. Don Miguel recoñece nas súas memorias como estes conflictos condicionaron en gran maneira todo o seu labor de bispo, que quedou marcado polo alcume de "vermello" e "comunista" (9); tamén aquí se cumpriu aquelo de "calumnia que algo queda".
     Pola contra, este estar no ollo do furacán, e o seu compromiso moderadamente galeguista, fixo del o bispo máis popular e querido de Galicia, a pesar do seu carácter seco e ás veces cortante. Boa mostra diso foron as constantes manifestacións de adhesión, de xente do mundo da Igrexa e de fora dela, e os títulos que lle foron concedidos. El sabe ben a clave da maior parte deles:

"As razóns expostas en tódolos premios que me foron concedidos ata agora teñen sido a miña galeguidade e, sobre todo, o meu labor a prol da nosa lingua galega e da nosa cultura. A miña galeguidade xúlgoa normal de todo, é dicir, aquela que corresponde a toda persoa nacida en Galicia. Ser galego é algo que se nos da, que non escollemos. Exercer de galego, xa non se nos da, senón que debe ser unha opción libre de cada quen... Ser galego e non exercer de galego, polo manos para min, sería unha esquizofrenia mental e cordial. E aínda máis, para un cristián sería ou é un pecado contra o misterio da encarnación...
     Pero a Igrexa galega ten unha débeda e un pecado histórico con respecto ó noso pobo, ó esquecer a nosa lingua e a nosa cultura"(10).

     Entre eses premios destacan: o "Pedrón de Ouro" en 1977, en 1978 entra como membro numerario na Real Academia Galega, dez anos despois déronlle a medalla de Castelao; logo virían os premios de "Galego ilustre", "Premio Trasalba" e ata o "Grelo de Ouro" (1992).
     A cuestión de galeguismo e cristianismo ten atraído en numerosas ocasións a atención de Don Miguel Araújo, pero os máis importantes escritos que foron firmados por el, son sen dúbida o xa citado O cristián ante a cuestión da lingua galega e Achegamento a unha ética da galeguidade. Non se poden esquecer, sen embargo, algunhas das súas brillantes homilías e escritos máis breves sobre persoeiros galegos, con ocasión de pasamentos e centenarios; algúns foron recollidos en Palabras para os amigos (11) e algún máis nos Escritos cristiáns (12).
     Antes de analizar eses dous grandes escritos aludidos, non será ocioso lembrar algunhas das afirmacións verbo do tema feitas polo bispo Araújo xa polo ano 75, a pouco de facer pública a primeira pastoral.
     Estas verbas quedaron reflexadas na citada entrevista de Víctor Freixanes:

"Si lle falo á miña nai ou lle falaba ao meu pai en galego, esa mesma lingua tenme que servir pra falar con Deus que, ao cabo, é o noso pai tamén" (pax. 261).

"Quixera unha Eirexa máis encarnada cos verdadeiros problemas dese home ao que ten que servir e alumear, unha Eirexa que ten que estar arreo á escoita de todos os latexos deste pobo noso pra poder, dende a vida real e concreta, acadar a resposta evanxélica e liberadora" (pax. 265).

"A Eirexa ... ten que se encarnar nas diferentes xeografías humáns... No caso de Galicia non so non vexo inconveniente senón que me parece necesario que a Eirexa se encarne na realidade galega social, cultural, temporal, etc. De bo grado quixera ver unha Teoloxía galega, unha Liturxia galega, un xeito galego de ser Eirexa" (páxs. 267-268).

     En O cristián ante a cuestión da lingua galega, despois de falar do moderno despertar da conciencia colectiva galega e o desafío que representa para a Igrexa como verdadeiro "sinal dos tempos", particularmente a súa vertente idiomática, Don Miguel fai unha sintética historia do problema, falando do proceso de colonización cultural ("A vinculación política de Galicia a castela trocouse en presión uniformante, tendente a afogar a persoalidade propia de Galicia") e particularmente da implicación da Igrexa neste proceso:

"Se quixésemos resumir en poucas palabras o comportamento histórico da Igrexa galega, teríamos que recoñecer que, en definitiva, contribuíu a intensificar o proceso de alienación cultural.
Ao noso pobo transmitíaselle a fe cristiá xeralmente non na súa lingua cotiá, senon na lingua castelá; e ensinábaselle a rezar, ou mesmo a confesarse, en castelán e non en galego"(13).

     A resposta da fe cristiá ante esta situación que foi erosionando a identidade do pobo galego, resulta clara para o bispo Araújo, desde o plantexamento de que a salvación cristiá quere ser integral, de toda a persoa humana:

"Por fidelidade á nosa fe cristiá, sentímonos obrigados en conciencia, por unha parte, a denunciar como inxusto o estado de desfavor social no que se ten relegada a lingua galega; e por outra, a exhortar ao home galego a que tome conciencia da súa propia riqueza espiritual...
  Permitímonos exhortar aos sacerdotes a que adopten con convicción a lingua galega pra que o seu labor apostólico en todas as súas facetas e concretamente no terreo litúrxico, cando se trate de comunidades galego falantes"(14)

     ¡Que pouco caso lle fixeron ó bispo, incluso a maioría dos seus diocesanos! El mesmo tivo en ocasións unha praxe contradictoria, plegándose á actuación castelanizante dos curas, mesmo cando non cadraba nin coa letra nin co espírito deste escrito.
     Achegamento a unha ética da galeguidade representa un avance respecto da reflexión anterior, para darlle unha fundamentación máis fonda e sólida á cuestión galega desde a súa dimensión comunitaria e os riscos da súa persoalidade máis fonda, particularmente, de novo, a fala como "alma do pobo". Pero o máis interesante son os párrafos sobre o que significa actuar como galego e cristián:

     a) Asunción do noso ser galegos, primeira demanda ética. "Nosoutros, queiramos ou non , somos en principio galegos. Non somos folerpiñas de néboa que se esfiañan e esvaecen nunha abstracción que chamamos 'humanidade' ou 'ser home'... Somos unha existencia situada, unha existencia concreta, galega, enraizada nun pobo, o pobo galego".

     b) A asunción positiva do noso ser galegos, por obriga con un mesmo e por obriga co propio pobo, e finalmente por obriga con Deus e coa fe. "A negación da propia galeguidade non só afecta á propia autenticidade, ó propio pobo e á humanidade, senón que danaría gravemente a autenticidade da fe cristiá e a fidelidade ó Deus que se encarna entre os humildes... A non asunción pola fe do feito da galeguidade, suporía reducir a fe a un estreito marco individualista, idealista, acaso legalista, supeditando a Lei de Deus á lei dos homes.... Conleva unha gravísima idolatración de Deus".

     c) A galeguidade como tarefa: Unha ética maior de idade, unha ética creadora, unha ética que sexa auténtica experiencia de fe, unha ética capaz de asumir o conflicto desde a non-violencia, unha ética persoal e comunitaria. "Unha ética adulta da galeguidade debe ser crítica, superadora dun falso legalismo, unha ética de liberdade". "A nosa primeira e máis fundamental pregunta non debe ser: ¿Que nos permite a lei facer por Galicia?, senón ¿Que é o que convén facer para construír Galicia?, ¿Que é o que convén facer para construír pobo e non masa?..."(15)

     Hoxe este bispo xa xubilado ó que lle gosta escribir, aínda que —segundo propia confesión— non se ten nin por escritor, nin por historiador, nin por sociólogo, nin tan sequera por teólogo, segue tendo claro que a lei evanxélica da encarnación obriga á Igrexa e ós cristiáns de Galicia a asumir a galeguidade como compoñente necesaria dunha fe cristiá adulta en Galicia. Pero, nunha das súas últimas publicacións, chega a dicir nun alarde de optimismo que a xerarquía galega actual "simpatiza cun nacionalismo equilibrado, non so cultural, senón mesmo político". Máis aínda, "Poucas institucións galegas están tan preto do pobo como o está esta Igrexa e, en concreto, a mesma Xerarquía" (16). ¡Que Deus lle conserve o bo humor, Don Miguel!, sobre todo polo que se refire á segunda parte da súa afirmación.






1. Un bispo galeguista: Miguel-Anxo Araújo Iglesias

I.

"Esta Santa Misa é a primeira do mundo no noso idioma galego... O remata-la Misa, D. Ramón Otero Pedrayo achegouse a min, doume unha forte aperta e díxome:
—Estaba agardando que chegara este día e chegou, xa podo morrer contento.
Toda a xente estaba emocionada, porque en Galicia a relixión vai moi unida coa Patria, coa Patria Galega, e isto non se soubo aproveitar para facer unha Galicia nova"

     Estas verbas son dun cura xesuíta XAIME SEIXAS SUBIRÁ, máis coñecido como o Padre Seixas, que tivo a gloria grande de celebrar a primeira Misa en galego en honra dunha santa non canonizada, Rosalía de Castro, un 25 de Xullo, Día da Patria Galega, ademais do día do Apóstolo, precisamente nun Ano Santo vai xa para os 30 anos (1965). Pioneiro do galego na liturxia, foi un home grande en outros moitos aspectos; ven de finar moi recentemente (o 14 de Novembro de 1994), na residencia dos xesuitas de Villagarcía de Campos (Valladolid), onde vexetaba desde había nove anos, tras sufrir unha parálise cerebral, este home de actvidade gratuitamente febril a prol das causas marxinais.
Non cheguei a tratar moito ó P. Seixas, aínda que estiveramos varias veces xuntos, nalgunhas con ocasión da Romaxe de Crentes Galegos. Nunha delas, no monte Aloia, preto de Tui, o 10 de setembro de 1983. O lema dese ano era, coma sempre, ben expresivo: "O Miño non separa" (ou "non se para"), non separa Galicia
de Portugal e non se para desde Irimia ata a Garda; alí presidiu o P. Seixas a eucaristía. Cando despois de moitos anos volvín velo no verán do 94 lonxe da terra galega, xa sen coñecemento algún, a Benito Santos e máis a min entrounos un arrepío polos osos, aínda que eramos coñecedores da súa situación. "Sic transit gloria mundi". As honras pasan, pero o traballo feito queda, e o deste home fora moito a prol dunha Galicia e unha Igrexa galega novas. Benito Santos, compañeiro xesuíta comprometido no mundo obreiro, que coñeceu ó P. Seixas xa polo ano 57 en Salamanca, fálame da súa admiración por este home "que tan ben uniu a fe, o amor á Terra e o amor universal"; xunguido a unha gran creatividade e facilidade para a relación coa xente. Nunha memorable entrevista, cando lle preguntaron cal era o segredo para ser tan querido por todos, o P. Seixas non dubidou en responder: "É que eu sempre procuro tratar ben á xente, con agarimo, e polo xeral son ben correspondido"(17).
     "Como un ave que se vai cun bater de ás que non fire o vento, foi o devalar da súa vida que rematou neste outono, pero que en nós habita por tódalas primaveras", rezaban na misa do seu enterro lembrando os versos de Cunqueiro:

"Díxenlle á rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o rio".

     Non é de extrañar, logo, que o seu enterro fora unha manifestación de dó, na que ó pobo sinxelo se sumaron numerosos persoeiros da cultura e da vida pública galega; desde Filgueira Valverde e Fernández del Riego ata Laxeiro, sen esquecer a Xaime Isla, Zulueta e os seus amigos de SEPT e a comunidade cristiá que fundara en Vigo. Xaime Isla destacaba nas páxinas dun xornal que "Seixas traballou pola encarnación da voz cristiá en galego". No mesmo xornal, Camilo Nogueira manifestaba tamén a súa admiración por este crego, "porque era unha persoa moi entregada ó galeguismo, o movememento obreiro e á idea cristiá"; mesmo, lembraba que o P. Seixas "foi o educador do grupo que formou a UPG".
     Xaime Seixas Subirá nacera en Compostela en 1915, Ano Santo, nunha familia de clase media, con ascendencia de señorío. Unha familia galega e catalana; Manuel Espiña escribe que "reúne a constancia e a forza organizadora dos cataláns co amor telúrico e o sentimento dos galegos"(18) Familia moi relixiosa, carlista, pero cun talante democrático e aínda galeguista. "Nela aprendín o amor a Galicia —di (19)— todos sentiamos afervoadamente o ideal da galeguidade". O seu pai era un mestre atípico nestes tempos, que "tiña moito a honra falar ben o galego e que os fillos o falasemos". Do seu pai segue a confesar o P.Seixas: "Facía moi compatible o ser galego co ser español e doíanlle as ofensas que se facían nalgunhas partes de España a Galicia". Mesmo, conta, cantaba o himno galego nas clases. O seu avó, mallorquín, tamén era amante do galego e amigo de Alfredo Brañas. Mesmo, o seu irmán máis vello foi das Mocidades Galeguistas.
     Con todo, Xaime Seixas, que confesa "era unha gloria de familia", diría tamén máis adiante —sen renegar do seu berce familiar—: "Eu nacín nunha familia burguesa, pero renego da miña condición burguesa". Había razóns fondas para esta postura: "Sempre me identifiquei totalmente coa clase proletaria" (20).
     Foi confirmado nada menos que polo arcebispo Lago González e fixo a súa Primeira Comunión na igrexa dos xesuítas de A Coruña, dúas cousas que el mesmo toma coma unha verdadeira premonición: "As veces penso que iso marcoume para o futuro porque acabei sendo xesuíta e téñolle un gran amor a Galicia como lle tiña Lago González".
     Deste xeito, xa da infancia lle ven o amor ó galego e a Galicia, en xeral a sensibilidade por toda a realidade galega, que el descubre no que ten de fermosa e no que ten de dura. Vai moito a aldea (en Tal, entre Coruña e Santiago), e confesa: "Foi de moito proveito para o meu galego, porque son zonas onde se conservaba un galego moi puro... Alí aprendín moito e bo galego... Aprendín a amar a nosa xente, ós labregos; daquela o nivel de vida era baixísimo... Alí naceu en min un espírito social, de irmandade co pobo galego a través do idioma, os costumes e a vida"(21).
     Lía na súa casa tanto a prensa carlista, como a catalana e a galeguista. Por iso chegou a ser militante carlista na súa mocidade, cousa que logo abandonou, por ideas máis progresistas. "Considérome profundamente galeguista e funo toda a vida" —di—, e igualmente "O que máis amo é a liberdade... Cristo é o gran defensor da liberdade e do amor"(px.48).
     Estudiou Maxisterio, pero exerceu pouco tempo de mestre. Veulle a vocación de cura e entrou na Compañía de Xesús, cousa ousada naquel tempo, pois estaba prohibida en España (1935). Carrión de los Condes, Bélxica, Salamanca (estudios de Linguas Clásicas) e finalmente os estudios de Filosofía e Teoloxía en Comillas e Salamanca. Ordenado sacerdote en 1948 (de novo Ano Santo), celebra a súa primeira Misa outro 25 de Xullo en Compostela. En parroquias de aldea veciñas á cidade episcopal vai celebrar as súas primeiras Misas, e xa predica en galego (ollo coas datas: arredor de 1950, máis de dez anos antes do Concilio Vaticano II, que permitiu o uso das linguas vernáculas na Liturxia)."A xente collíao con ledicia", no dubida en confesar.
     O seu primeiro destino pastoral é unha parroquia obreira rexida por xesuítas en Burdeos (1950-53). Alí lle acontece a súa "segunda conversión" en contacto co conflictivo mundo obreiro. Aquel home de sotana é ben acollido nas casas dos traballadores —emigrantes, exiliados— pois saben da súa toma de postura a prol dos marxinados, e por iso é quen de brindar cos obreiros do PC pola revolución: "Vós facédela en nome do proletariado e eu defendo a revolución da clase obreira no nome de Cristo" (px. 52). Inicia unha relación epistolar con vellos galeguistas cos que vai trabando fonda amistade (Otero Pedrayo, Manuel Beiras,...). Tres anos despois ten que vir para Salamanca por motivos de saúde; aquí traballa en movementos sociais e funda un grupo de "Vangarda Obreira" (organizacións de pastoral obreira, que teñen os xesuítas e que serviron de canle organizativo para o movemento obreiro, particularmente naqueles anos da dictadura). "Recibía e lía todo o que podía en galego, dime Benito Santos, compartía especialmente cos galegos. Os pobres eran a súa dedicación máis importante; os pobres e os obreiros de Vangarda Obreira".
     A comezos dos 60 vai para A Coruña. Tamén aquí funda logo Vangarda Obreira, que aínda segue funcionando. "Aquí o noso traballo está xa moi galeguizado", di, "organizamos a primeira conferencia en galego despois da Guerra". Misa "clandestina" en galego. Entre 1960-65 vai estar nas misións dos xesuítas na República Dominicana, tamén para traballar na pastoral obreira. Esforzo de inculturación nunha realidade tan distinta... Ata alí chegan os ecos do Vaticano II, con toda a súa profunda transformación... Tamén vive a Revolución e guerra civil, apoiando ós guerrilleiros, aínda que sen comprometerse armada nin politicamente no conflicto.
     E en 1965, Ano Santo, volta a Galicia, dicindo a primeira Misa en galego en San Domingos de Bonaval, cos auspicios do cardeal Quiroga Palacios:

"Hoxe a cidade santa de Compostela volve ser a esperanza dun futuro mellor para os doentes deste mundo —predica o P.Seixas—, para os pequenos que amou Cristo, para os asoballados polas inxusticias... Pidámoslle ó Señor Xesucristo que abenzoe a tódolos homes do mundo: de tódalas razas, de tódalas linguas... a aqueles que sofren persecuación racial, lingüística ou relixiosa".

     Antón Beiras, galeguista de esquerdas, dille: "Dixeches todo o que se pode dicir, nin menos do que podías, nin máis". Máis arriba liamos a reacción emocionada de Otero Pedrayo (22). Para Seixas supuxo o compromiso estable co traballo en Galicia. A Misa de Rosalía, celebrada cada 25 de Xullo desde o ano 1933, sería nos anos escuros unha caixa de resonancia do galeguismo, no so do católico, senón tamén do cultural e político en xeral. Os simpatizantes franquistas chamaranlle "a Misa dos ateos". Desde este momento, a súa actividade vai xirar sobre todo arredor de Vigo, onde funda a "Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía e Santiago Apóstolo", e impulsa a liturxia galega, colabora cos medios de comunicación, ...
     A postura do P. Seixas sobre a relación entre Galicia e a relixión, e entre galeguismo e cristianismo é clara e contundente. Velaí as súas palabras, collidas das declaracións no libro citado, e xulgue o lector:

"Non se pode separa-la historia de Galicia da relixión porque sempre foi moi relixiosa: foino cos celtas, foino no mundo romano e co priscilianismo, foi relixiosa con Xelmírez... con Brañas, Lousada Diéguez. E outras persoas pertencentes a movementos de liña máis esquerdista ou eran profundamente relixiosos ou cando menos eran moi respectuosos coa relixión. Suárez Picallo... Castelao... Toda a tradición galega é relixiosa" (páxs. 113-14).

"Cumprín unha obriga de conciencia que é a encarnación da Igrexa nos valores galegos. Fixen un matrimonio do idioma coa Igrexa, que levaban moito tempo apartados, e iso paréceme que foi unha das maiores cousas da miña vida. A liturxia en galego é un vencello de amor, algo marabilloso" (pax. 132).

"O traballar pola identidade e a defensa do pobo galego é un xeito de vivi-la miña fe cristiá porque é unha relación de amor ó próximo, e o máis próximo para o cristián galego son os propios galegos... Ademais, o amor cristiano sempre ten preferencia polos máis necesitados, polos oprimidos, e o pobo galego leva séculos de opresión... Galicia aínda hoxe segue sendo un país asoballado, que non lle dan dereito de vivir como pobo e de chamarse nación" (pax. 138)

"O cristián progresista entende mellor ese compromiso coa súa terra có cristián conservador, que normalmente ten unha visión menos social, menos comunitaria da vida de fe" (pax. 140) (23)

     Manuel Espiña chamouno merecidamente "un dos mellores galegos deste tempo". E o mesmo escritor Méndez Ferrín, que non é precisamente sospeitose de clerical, falou publicamente da súa "forza moral e solidaria". A Xunta de Galicia concedeulle en 1985 a medalla de Castelao, un título un tanto abaratado polo abuso no seu reparto, pero que nesta, coma nalgunhas outras ocasións, foi entregada con moita xustiza. "De seguro que o irmán Daniel sentirá a meirande ledicia por adorna-lo peito deste gran loitador da galeguidade". Seguro.



II. ANTONIO RODRIGUEZ FRAIZ, máis coñecido como "o cura de Campañó", porque leva 45 anos nesta parroquia rural, preto de Pontevedra, é outro dos curas galeguistas históricos, pero máis dado a pluma que o P. Seixas. Tamén coma el estivo en Sudamérica de misión. E tamén coma el é foi pioneiro da Liturxia en galego ó celebrar outro 25 de Xullo (xa en 1961!) unha Misa en memoria de Castelao, en Buenos Aires, introducindo o galego en tódalas partes da celebración onde non era preceptivo o latín. Os textos das lecturas daquela histórica Misa, foron traducidos nada menos que polo deputado galeguista Ramón Suárez Picallo, que representaba a liña máis esquerdosa do galeguismo, e era considerado un anticatólico, aínda que non pasaba de ser un xustificado anticlerical. Así me contaba o feito o cura de Campañó:

     "Suárez Picallo díxome antes da Misa no cemiterio da Chacarita: —Cura, se me deixa tradúzolle as lecturas da Misa do Apóstolo, pois aínda que alá me teñen por herexe, eu de herexe non teño nada; pero dóeme moito a campaña que fixo a Igrexa contra min".

     Antonio Rodriguez Fraiz naceu no 1912, en Tamonde (Cercedo). Tras dos estudios eclesiásticos en Santiago, ordénase de cura en 1937, e pasa polas parroquias de Vilariño, e Cervás-Ares (entre 1940 e 1950), antes de chegar a Campañó. En Cervás xa facía unha revista en galego na que chegou a colaborar Otero Pedrayo, "Cando o bon de D. Ramón tiña fama de criminal pola súa historia na República", dime. Esta afección a escribir seguiuna cultivando en Campañó desde outra revista parroquial e logo desde as páxinas de Faro de Vigo, e outras moitas revistas como Compostellanum, Spes, Cuadernos de Estudios Gallegos, etc.
O cura de Campañó é membro do Instituto Padre Sarmiento, cofundador do Museo do Pobo Galego, membro do Pedrón de Ouro e varias sociedades máis, pola súa fama como meticuloso investigador da cultura galega. As súas primeiras publicacións foron de tema mariano (Nuestra señora de la Merced de Chanteiro, El santuario de Nuestra Sra. de los Milagros de Amil, ...). Pero entre as súas obras destaca a máis querida para el
Canteiros e artistas da terra de Montes e ribeiras do Lérez ("a máis querida para min pola aportación ó mundo dos pobres"); pero tamén compre reseñar As pontes do Lérez e Castelao na alma dos escritores do seu tempo.
     Amigo de Otero Pedrayo, Filgueira Valverde e Alvaro Cunqueiro, coñeceu tamén a Castelao nun mitin en defensa do Estatuto Galego. Achegouse ó galeguismo pola relación con Bouza Brey, a quen coñecera por medio do cura de Tamonde, o seu pobo natal. "Foi un achegamento conflictivo, a causa da represión do galego que viviramos no seminario, con prohibicións e castigos por utilizalo". "Ver que un home da talla de Bouza Brey —confesábame en Campañó—, xuíz de primeira instancia, falaba galego, impactoume tanto que decidín recuperar publicamente a lingua da miña infancia". E desde aquela vai sempre as Misas de Rosalía, nos gloriosos anos en que Paulino Pedret casado e Xesús Carro predicaban en galego nun dos únicos foros nos que isto era posible, nos anos da posguerra.

"As miñas lecturas do Seminario foron case sempre de temática galega e, se era posible, galeguista. A miña lingua, coma a de todos, era o galego. Non sei que me daba, cando se perseguía e castigaba ós que falabamos na única lingua que coñeciamos, aprendida no colo das nosas nais.
Como crego nas parroquias non tiven endexamais conflicto co pobo, co que sempre falei na nosa lingua. Coas autoridades eclesiásticas sempre falei tamén galego e non tiven conflicto algún.
Pero doime moito que a miña Igrexa galega, que tanto quero, non sexa siquera galeguista na medida do pobo que desenrola a súa misión".

     Para Rodriguez Fraiz "Non poden sernos indiferentes os movementos e loitas do noso pobo por recuperar a súa personalidade que consciente ou inconscientemente é a súa maneira de ser e de vivir; porque cando utilizamos a nosa lingua reafirmamos a identidade de Galicia". Pola mesma razón, sobre a cuestión da relación entre galeguismo e cristianismo, contéstame contundente:

"A realidade cristián na Galiza é tan profunda coma todas as demais que configuran esta realidade nacional galega, e por iso teñen que estar vencelladas. Todos sentimos que ese remar contracorrente, ese quero e non quero no que se desenrola a vida eclesial na Galiza, non acadará nada bo para o ben espiritual e material do noso pobo. Cristianismo e galeguismo han de ser realidades necesariamente vencelladas nesta Terra"

     Por iso, dime tamén cun ton que soa a confesión de fe:

"Eu, por temperamento e fidelidade a Xesús, o Señor, que se encarnou, naceu, viviu e espallou a Boa Nova da Salvación na humildosa lingua do seu pobo, teño que ser nacionalista e loitar, dentro da miña humildanza e posibilidades, pola liberdade do noso Pobo"






3. Un frade e un cóengo: O P.Isorna (O.F.M.) e Manuel Espiña

I.

"Galicia, sempre Galicia.
Na ialma: coma un recendo;
no rostro: lus de ledicia;
no peito: baril alento.

Nos ollos: inxel primicia;
no cerebro: pensamento;
nas mans: saudosa caricia;
no corazón: sentimento.

Nas verbas: tenra xusticia;
no esprito: sacramento;
na vida: limpa ledicia;
na morte: rexurdimento."

     Son versos dun frade franciscano, XOSÉ ISORNA FERREIROS, un dos poucos desa venerable orde fundada por Francisco de Asís, que manifestan unha sensibilidade galeguista, aínda que levan máis de seiscentos anos por estas terras galegas (24). Un dos poucos que chaman a Galicia "Nai" e celebran o "Día de Galicia" como Día da "Patria Galega", aínda que a el gústalle máis chamarlle "Matria". Un home bo e pacífico, como o "poverello" de Asís. Un home acolledor, e amigo de grandes persoeiros da cultura galega, que non casualmente colleu a diócese compostelá hai anos coma relacións públicas. Ninguén coma el debeu predicar tantas honras fúnebres de persoeiros coma Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Martínez Risco, Carballo Calero, ...
     Naceu en 1921 en Santa Comba de Louro-Valga; entrou cedo na orde franciscana e, tras estudiar Filosofía e Teoloxía, ordenouse de crego en 1947. Profesor e predicador, ocupou diversos cargos de responsabilidade na orde; espertou cedo nel a vocación periodística e colaborou en diversos medios galegos (actualmente adoita facelo no xornal El Correo Gallego e no seu homónimo galego), foi director de El Eco franciscano e foi fundador doutras revistas vencelladas á orde. As súas primeiras publicacións son de carácter relixioso, en castelán.
     Correspondente da Real Academia Galega, os seus escritos son desde hai anos textos sobre a realidade cultural e humana de Galicia, que manifestan o seu pasado coma profesor de oratoria e un delicado lirismo. Son na súa meirande parte homilías pronunciadas con ocasión do pasamento de galegos egrexios (Xesús Ferro Couselo. Un home ó servicio de Galicia, 1975; Ramón Otero Pedrayo. Gloria dunha cultura, 1976; Modesto R. Figueiredo, Leuter Salgado, Sebastián Martínez Risco, ...) ou outras efemérides, particularmente nas Misas do día do Apóstolo (Galicia ¿podes?, 1968; Galicia ¿poderás?, 1969; A Nai Galega, 1971, cun fermoso prólogo de Otero Pedrayo; A Guadalupe de Rianxo, 1969, homilía á Virxe no souto de Rianxo).
     Este frade conservador e galeguista leva moitos anos celebrando a Misa en galego; aínda que as primeiras que fixo en Bonaval, aló polos anos 50, tiveran que ser en latín, menos a homilía, tal como facían noutras ocasións Xesús Carro e Paulino Pedret. E faino sen contradicción coa realidade dunha Igrexa que non valora así as cousas, porque desde Pentecostes "ningunha lingua do mundo ha ser estraña á Igrexa; para Deus tódalas linguas son fermosas, por seren humanas". Máis aínda, "a lingua galega é un vieiro seguro para achegarnos entrañablemente a Deus, porque é como o sangue do corpo social", dime.
     Para o P. Isorna, Galicia é "a terra nai", "agasallo de Deus", e a lingua tamén un don de Deus, que cultivou desde cativo na súa familia e na lectura temperá dos Cantares Gallegos de Rosalía, os versos de Curros e Cabanillas e as Cousas de Castelao:

"Desde o colo da miña nai aprendín a falar galego, e sentinme sempre feliz de poder expresarme en lingua tan garimosa... O gusto pola lingua foi medrando en min coma unha primavera, que aínda no meu corazón está a derramar unha fragrancia de tan grato recendo que cada día me enche o peito coa satisfacción coa forma e identidade da miña terra, coa miña lingua e coa miña fe: Un home galego de corpo enteiro".

     É por iso que se identifica como galeguista: "Ese é o meu retrato, a expresión do meu sentir, do meu pensamento, do meu falar e do meu comportamento social. Nacendo en Galicia, non comprendo que calquera fillo de Galicia non sinta amor pola terra nai, pola lingua e pola cultura". E mesmo como nacionalista galego, "no sentido orixinal da palabra, xa que ela marca unha relación directa co feito de ter nacido nunha terra que é a nosa patria, ou mellor, 'matria'... que vencella a tódolos nacionalistas no amor común á terra nai". Non é de estrañar que o P. Isorna manifeste un gran respecto e admiración polos homes da xeración "Nós": "A vida deles é un paradigma dun nacionalismo que rexeita os separatismos radicais e as fronteiras opostas á universalidade e á internacionalidade".
     Polo mesmo, coida este galego discípulo de Francisco de Asís que o cristianismo e o galeguismo deben ir xunguidos en Galicia, como realidades complementarias "no servicio á Terra, á lingua e ó pobo galego". Máis aínda, coa súa amistade e admiración por Otero Pedrayo, non nos estraña tampouco que o P. Isorna pense que:

"O cristianismo é a raíz primeira e unificante do pobo galego. Galicia ten que ser consciente do feito de que a súa identidade histórica e cultural ten a súa orixe no cristianismo. Coido que un galeguismo intelixente, agradecido e progresista non debe endexamais ollar con mirada receosa, desconfiada e, menos aínda, resentida ou rancorosa, os valores do cristianismo que son prestixio e gloria da cultura e da historia de Galicia. A fe cristiá sempre será unha realidade cultural potenciadora do auténtico galeguismo. Pola contra, un galeguismo que se identifique ideoloxicamente contra o cristianismo non é propio da nosa terra, porque esa raíz anticristiana non xermola na nosa historia galega".

     Ou polo menos, engadiría eu, un galeguismo que non teña en conta a realidade cristiá e relixiosa maioritaria no noso país —con tódalas súas contradiccións—, ten moi pouca visión histórica e adoece dunha visión miope da sociedade galega, que lle impedirá sempre empatizar con ela.



II. 

"Don Manuel Espiña, cóengo, ... trata de espertar os valores humáns nas xentes cara ós problemas de Galicia... Non é somentes un cóengo da Igrexa católica, é algo máis importante e difícil... é un cristián, por esto síntese xunguido, en comunión co seu pobo. Como os apóstolos, como os primeiros cristiáns, os das catacumbas, pobres, lixados, abourados, máis cheos de esperanza, as mesmas xentes coas que Xesús comulgaba. Sinte, matinamos, a necesidade de facer verdadeiros cristiáns ós cristiáns... nun intre no que aínda existen sacerdotes no mundo que procuran semellar procónsules romanos".

     Son verbas do pintor, escritor e galego egrexio, Luís Seoane, nunha das súas Figuraciós (25). Non era a primeira vez que este artista galeguista, non coñecido precisamente polas súas relacións clericais, reparaba en MANUEL ESPIÑA GAMALLO. No ano 1975, estaba Seoane nunha exposición en Madrid e, sabedor da multa que lle impuxera o goberno ó cóengo coruñés, envioulle inmediatamente un dos seus cadros, que cubría abondosamente o desorbitado importe da multa. Era un fermoso e impresionante óleo dun Cristo crucificado, que aínda conserva na súa casa. Díxolle Seoane: "No Deus que vostede predica, tamén creo eu".
     Nunha ocasión escribira este cóengo: "O crego non pode limitarse a ser soamente sacerdote, senón que tamén debe ser profeta... Todo crego do Novo Testamento ten que comportarse non só como ministro do culto, senón ó mesmo tempo como profeta... Ven ser unha constante en todo o Antigo Testamento que os profetas denuncian a práctica cultual establecida, cando se desentende da posta en práctica da xustiza entre o pobo" (Outeiro do 17 de Out. 1984 ¿Medo ós cregos?)
     Manuel Espiña Gamallo naceu en Xullo do 1933 en Folgoso-Cerdedo, na Terra de Montes (en Pontevedra, aínda que todo o mundo o relacione hoxe con A Coruña), no seo dunha familia moi relixiosa, sobriño segundo dun crego comprometido na defensa da xente na Guerra Civil; e unha familia galegofalante, mamando a lingua no berce. Seria moito máis adiante cando descubrira o galeguismo como compromiso cunha terra, e o cristianismo como "unha revolución sen estrear"(Chesterton). Entra no Seminario de Santiago por influencia do párroco, pero pronto continúa os estudios en Comillas (1951-1959), onde descubre un ambiente moito máis libre ("Alí atopeime como peixe na auga").
     En Comillas empeza a formarse a súa conciencia galeguista, como lle ocorreu a tantos outros; conseguindo, xunto con varios compañeiros galegos, que a acepción despectiva de "gallego" desaparecera do Diccionario da Real Academia Española. Máis adiante escribiría: "Pra min tódolos días do ano e tódolos anos da miña vida foron e han ser datas adicadas a Galiza, como home e como crego" (Outeiro de San Xusto, 9-IX-1973). Coincide con Carlos Baliñas, o P. Silva ("La Ciudad de los muchachos") e Morente Torres, ... Licénciase en Filosofía e Teoloxía e ordénase sacerdote.
     O seu primeiro destino vai ser a parroquia de Santa María de Azougue en Betanzos (1959-1962), onde realizada un importante e gratificante labor pastoral (catequese, escolas nocturnas,... os Cursillos de Cristiandad) e vai descubrindo as contradiccións do réxime franquista. Ós tres anos, o Cardeal Quiroga nómbrao Director Espiritual do Seminario Menor de Santiago, onde o seu labor máis innovador vai ser o galeguizador ó atoparse cuns rapaces que se avergoñan da lingua dos seus pais. Alí comeza a traducir os Evanxeos ó galego, no medio da incomprensión dos compañeiros.
     En 1965 o Cardeal volve animalo, segundo me conta, para que se presenta a unha canonxía da Colexiata da Coruña, que gaña sen dificultade. Na Coruña compaxinará este labor co de profesor na Escola de Maxisterio e outros labores máis xa para o resto dos seus días. Na cidade herculina remata a traducción dos Evanxeos coa axuda de Morente Torres, A Palabra de Deus, que sal editado por SEPT, o primeiro libro desta editorial que se creara ese mesmo ano; ano tamén da primeira Misa en galego. O ano seguinte é el o que fai na nosa lingua a Misa de Rosalía e comeza, tamén con Morente, unha Misa semanal en galego nas Capuchinas de A Coruña. Pero non consegue o permiso de Fraga para poder retransmitir a Misa en galego pola radio. Participación nos Coloquios Europeos, nos que a súa sotana manifesta a postura galeguista honrada dun home conservador nun ambiente progresista; mesmo tivo un papel importante na galeguización dos Coloquios. En 1968 recibe con Morente o Pedrón de Ouro polo seu labor a prol da galeguización da liturxia; un camiño demasiado lento pola eterna resposta do "supersedeatur", con que Roma contestaba unha e outra vez, a pesares da insistencia do Cardeal Quiroga (será a comezos do 69 cando se acade a aprobación oficial). No ano 68 edítase tamén o Misal Galego dos Fieis, obra de novo do tándem Espiña-Morente, coa colaboración de Vidán Torreira.
     Xaneiro de 1970 é outra data histórica importante, pois o daquela director de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, concédelle unha sección semanal no xornal; será o nacemento de O outeiro de san Xusto; a pesar das chamadas que as "autoridades competentes" fixeron ó director do xornal. "Para min o Outeiro foi un espacio que me obrigou a un compromiso progresivo e cada vez máis radical con Galicia e co meu cristianismo". E tamén unha atalaia que lle deu unha notoriedade inusual nun cura, ata o punto de que en dúas ocasións (1973-1981) foi "Invitado de honra" do Centro Galego de Bos Aires e Montevideo. Pero esta notoriedade levou a que a súa Misa dominical nos locais do Servicio Doméstico, estivera sempre controlada pola policía e que lle meteran unha famosa multa de 150.000 pts. en 1975, con ocasión dos últimos fusilamentos franquistas, pagada por escote popular.
     Poderíase falar tamén da súa popular Comunidade de vida cristiá "Home Novo", que leva máis de dúas décadas de existencia. Ou da súa amistade co polémico cura nacionalista Moncho Valcarce, "o cura das Encrobas", a quen trouxo para o Seminario e defendeu en numerosas ocasións. Podería falarse, en fin, da súa evolución ideolóxica desde os ataques ó marxismo nos anos 70 (Outeiro 16-X-77) ata a defensa dos sandinistas (Outeiro 4-IV-90), a descualificación do "monstro ianqui" (4-XII-89) e a aposta pola Teoloxía da Liberación (28-IV-91) nos anos 80-90; foi a evolución do cóengo de moura sotana ó crego con cruz de labrego crucificado na solapa. Xa o notara hai uns anos Manolo Rivas. "Este home quere loitar contra ese tópico de que ós 20 anos hai que ser revolucionario e ós 40 conservador. O paso dos anos foi facendo máis radical fronte á inxusticia" (La Voz de Galicia, 22-IV-90).
     Manuel Espiña, que a Enciclopedia Galega cualificaba xa en 1978 de "unha das figuras máis destacadas do clero galego", non pasou a historia de Galicia polos seus libros, senón precisamente polo seu labor de crego e tamén polo traballo periodístico desde O outeiro de San Xusto co que todo o mundo na Galicia dos anos 70-90 o identifica. Esta sección do xornal La Voz de Galicia, que xa vai cara nas súas vodas de prata, apareceu por vez primeira en Xaneiro de 1970; é a sección máis antiga e continuada do xornal. Nesa primeira colaboración (4-1-70) o atípico cóengo xa definía a nova sección acudindo ó seu mesmo nome, "outeiro", como un lugar privilexiado para ollar a realidade cotián.

"Outeiro de San Xusto, porque o queremos usar somente para defender a xusticia, sen deixarnos levar de incomprensión ou apaixonamento de ningún tipo... Porque hai 'outeiros-escaparate' ós que soben os famentos de sona, 'outeiros botafumeiro' pros hipócritas, oportunistas e gasalleiros, 'outeiros-sofá' pros que queren que todo siga igual, 'outeiros de bambaneira' (mecedora, pros que buscan comer con todos, ... Rubir ó Outeiro 'de San Xusto é unha gran responsabilidade e está exposto a moitos perigos e sen ningunha ventaxa persoal neste mundo...
Queremos ser siquera como aqueles canciños que cos seus berros espertan ó amo e fan fuxir ós raposos. Se cos nosos berros conseguimos espertar a algún poderoso ou asustar a algún raposo e así salvamos algunha indefensa galiña, xa nos damos por satisfeitos. E coidamos que non será difícil, porque aínda hai moitos raposos soltos e hastra algún lobo".

     O que isto dicía recoñecíase aínda como "un cura de sotana", o que facía o seu manifesto aínda máis perigoso. Non é de estrañar que un arcebispo de Santiago, logo arcebispo de Madrid e cardeal, Angel Suquía, —a quen Espiña non lle tiña moita simpatía, pois situábao do lado dos "raposos e poderosos"— dixera nunha conversa en Madrid, que os seus anos en Santiago foran moi felices, pois "los gallegos sois muy fáciles de gobernar"; pero "habría sido totalmente feliz de no ser por ese Espiña y sus artículos en el periódico que no dejaban de fastidiar". "Os 22 anos desde a morte do Cardeal Quiroga ata hoxe —dime Espiña— foron nefastos para Galicia, e xeraron un desencanto sen igual no clero e os laicos".
     Espiña foi fiel a ese programa do seu primeiro Outeiro, cos seus erros e contradiccións, aberto a firmas dispares e as veces contrapostas, cunha lingua que tiña pouca preocupación de ser literaria, pero sempre fiel ó galego. Agás nunha ocasión en que a sección apareceu sorprendentemente titulada El oterito de San Justino (8-I-93):

"Esta sección quiso mantenerse fiel a su idea original de defender la verdad y la justicia en todos los campos, y creo poder afirmar honestamente que lo consiguió. Mejor dicho, creía hasta ayer, porque ahora ya no lo creo... Los medios de comunicación dieron la noticia del nombramiento de un obispo auxiliar no gallego... Me acordé de monseñor Suquía y sus anteriores faenas a Galicia... Sentí unha rabia inmensa, al constatar el agravio para mi tierra...
Más cuando estaba sufriendo estas congojas, una luz vivísima rodeó todo mi ser y traspasó mi espíritu. Y esta luz me hizo ver todo de manera diferente... Pude ver con toda claridad que eso de que Galicia es diferente de Castilla y de que tiene una lengua e identidad propias, es una absoluta tonteria. Aquí el noventa y cinco por ciento de los curas hacen todo en castellano y sus obispos tambien, y el diminuto número de disidentes es por política, y una política heterodoxa, separatista, revolucionaria y casi atea".

     Polas páxinas do Outeiro de san Xusto pasaron estes anos temas coma os da educación, os nenos e os mozos, a democracia e a xustiza social, a lingua e a patria galega, os marxinados, os problemas dos labregos, obreiros e mariñeiros; e sobre todo a Igrexa, particularmente por non ser unha Igrexa encarnada na realidade galega, unha Igrexa que fale e celebre en galego, desde a realidade quente do pobo. En máis dunha ocasión recoñeceu Espiña a morea de ataques e apoios que suscitou. Mesmo na sección houbo diversas colaboracións sobre o socialismo e o novo sindicalismo (xa polos anos 70, antes da morte do dictador...).
     O tema do galego foi, sen dúbida dos máis recurrentes no Outeiro desde o comezo. Xa a pouco de comezar, con ocasión da Pascua escribe sobre A resurrección de Galicia (29-III-70) denunciando particularmente o posicionamento de mestres e curas rurais:

"Galicia está viva, nunca estivo morta, anque houbo quenes lle cantaron o funeral. O espíritu de Galicia sempre estivo con ela... Mais temos que confesar que en Galicia hai moitas cousas mortas e outras a piques de morrer. O máis grande que temos, a nosa lingua, pra moitos é como as follas secas, que se espera que o vento as leve a calquera recanto onde apodrezan... O pecado ven de moito atrás, xa case é pecado orixinal"

     Non é so a preocupación lingüística, senón toda a realidade galega, a que aflora no Outeiro, por iso acolle con alborozo a aparición do libro de X.M. Beiras O atraso económico de Galicia (6-V-73):

"Galicia está de noraboa. A semente de concienciación dos galegos sobor do seu propio país comeza a dar froitos certos e abondosos. Está xurdindo unha feliz madureza, unha nova xeración de galegos conscentes, vencellados á Terra ... axudando a desentangarañar o noso tangaraño... Este libro é, sen dúbida, un dos máis importantes que se levan escrito na nosa lingua".

     ¿Dúas Igrexas católicas en Galicia? (23-I-87) pregúntase nunha ocasión Espiña, co conseguinte escándalo para algúns do seus pacatos lectores. Non argumentaba un cisma, senón a constatación de que en Galicia hai dúas formas de Grexa: a forma oficial ou tradicional e a popular. A primeira é a das xerarquias estáticas e inmovilistas, desde o alto ó baixo clero. E a segunda a das camadas populares, o clero e os intelectuais comprometidos; unha fe dinámica, progresista e encarnada na vida. Esta última, segundo entende Espiña, ten a súa mellor expresión nas revistas Encrucillada e Irimia, os Cruceiros e as Romaxes de Crentes Galegos.
     Respecto desta última, xa falara Espiña no seu Outeiro do 20-X-78 con ocasión da primeira das Romaxes. Unha Romaxe polémica que ocasionou reaccións encontradas a favor e en contra, cousa que motiva o seu artigo ¿Que pasou en Meira?, tomando claramente partido:

"Alí chegamos varios centos de romeiros de toda Galicia ... Baixo o lema 'Eu renazo galego' pretendíase espertar as nosas conciencias na galeguidade e a fe cristiá para xunguir, como Deus quere, ambas cousas. Veu ser coma unha reconciliación do noso catolicismo con Galicia... ¡Que facil resultou alí revivir o bautismo!... Pero ó mesmo tempo sentíase o amor telúrico... pola nosa nai Terra... Foi tan emotivo coma o dos xudeos e Xoan Bautista no Xordán. Pero eiquí non se pensaba tanto nos pecados como nunha nova vida de galegos e cristiáns...
Detrás dese choio está o mellor equipo de cregos que temos en Galicia, como veñen demostrando coa publicación Boa Nova... Con eles estamos moitos de Galicia... Actos semellantes a estes son os que poden facer que, alá cara ó ano 2000 teñamos unha verdadeira Igrexa galega. Entón ser cristián resultará algo moi serio e moi fermoso"

     Con ocasión da IX Romaxe escribe Verdadeiros crentes galegos (6-IX-86):

"¡Que distinta sería a situación de Galicia se a Igrexa oficial fixese seu este programa non só na teoría, senón na práctica! Entón si que faría presente a Cristo Salvador, porque sería máis humana e máis evanxélica, como foi El... Esta Romaxe é toda ela auténtica liberación cristiana e fai verdadeiros crentes galegos".

     Pola contra, cando a primeira visita do Papa a Galicia en 1982 escribe falando da catolicidade da Igrexa (O Papa en Galicia):

"A Igrexa non existe nunca simplemente para si mesma; desde a súa orixe vive pros outros, pra humanidade, pra o mundo. Por tanto, excluír a un soio pobo, a unha cultura... é un pecado contra a catolicidade... Na nosa Galicia, onde había moitas relixións e crenzas seculares, a evanxelización xa non respectou debidamente o que había de positivo naquelas realidades. Moitas veces o cristianismo foi botado coma unha lousa para aplastar todo o anterior... O Concilio Vaticano II intentou correxir este pecado aprobando o emprego das linguas vernáculas na liturxia... Quince anos despois desta aprobación o 98% dos cregos galegos aínda non se deron por enterados deste deber e deste dereito da xente... Por iso, o acto do Papa foi un acto non anticatólico, pero si acatólico... unha ocasión máis pra necesaria renovación da Igrexa na nosa Terra".

     Unhas verbas de hai dez anos, resumen finalmente o pensamento do cóengo coruñés sobre o tema de cristianismo e galeguismo ¿Fe sen galeguidade? (1-6-84):

"Difícilmente se pode dar en Galicia fe verdadeira sen galeguidade, quero dicir, unha fe cristiá auténticamente evanxélica sen a encarnación na alma do noso pobo. Pode darse galeguidade sen fe, pero non vexo como hoxe se poida dar un verdadeiro compromiso cristián en Galicia, sen galeguidade".






4. Intelectuais comprometidos: Torres Queiruga, Chao Rego, ...

I.

" Vocación relixiosa, vocación intelectual, vocación galeguista.... A unidade das tres dimensións persoais pódese resumir decindo que Andrés Torres Queiruga é un teólogo galego... A verdade é que se trata dun feito excepcional, porque Torres Queiruga é o primeiro teólogo galego. Antes del non tivemos ningún. Houbo bastantes teólogos nados na nosa terra ... pero ningún, ata Torres Queiruga, foi teólogo galego... El é un teólogo do seu tempo e, mesmo por eso, é un teólogo da súa terra... Vive no mundo e aberto ao mundo".(26)

     As verbas de Ramón Piñeiro sitúanos magnificamente ante un home de talla excepcional, teólogo galego, cristián e galeguista, e un dos intelectuais de máis altura que deu Galicia neste século, ANDRÉS TORRES QUEIRUGA; aínda que non todos opinen o mesmo nesta terra na que nos desangran os enfrontamentos e descualificacións entre irmáns. Nunha ocasión, cando se lle concedeu o título de "Galego egrexio" (1994), escribín que Queiruga era "un luxo para Galicia", non porque Galicia non merecera persoas así, senón porque ter persoas así era un luxo que non posuían tódolos pobos; e desde logo non tódalas igrexas locais, aínda que a miopía da Igrexa galega non o soubera valorar con xustiza, cousa da que o mesmo Queiruga se laia, non porque lle negaran un cargo, senón porque se sente "moi desaproveitado pola Igrexa galega". Compre dicir con sarcasmo, que é pouco valorado pola súa Igrexa galega precisamente polo seu compromiso galeguista, como el sabe moi ben. Pero o seu pobo, o mundo da cultura galega, si que o soubo valorar e aí están recoñecementos como o que veño de nomear, no que, como tamén se denunciou, non tivo nin a felicitación dun bispo galego; coa excepción de Mons. Peteiro,... desde Tánger.
 
    Aquela noite en Samil, tamén Xesús Ferro Ruibal coidaba que Andrés era un luxo para Galicia, "o símbolo do mellor que o clero leva dado e pode dar para Galicia", e fíxolle estes versos:

"¡Que molesta, Andrés, a luz cando é moita!
¡Que negra a soidá do pensador que non pode abrillanta-la tiara!
¡Como doe non encontra-lo eco do lector crítico e comprensivo!
¡Que amargo que non te lean os da primeira hora!"

     Con Andrés Torres Queiruga atopámonos cun clérigo no que a súa obra escrita, que manifesta a reflexión dun intelectual cristián de primeira fila nacional e internacional, é o seu legado máis importante. Un legado para unha Igrexa, a católica e a que forman tódolos cristiáns —e aínda todo o plural mundo relixioso formado polas distintas relixións, obxecto repetido do seu estudio—; e un legado para un pobo, o galego e o universal. Como dixo Ferro Ruibal na noite citada: Nesto de xunguir cristianismo e galeguismo hoxe en Galicia, poucos haberá "que non sexamos ou fillos ou netos de Andrés", mesmo algún máis vello, e desde logo os máis novos, o que isto escribe, cóntase entre eles. Pero a súa vida tamén manifesta o seu compromiso, aínda que se recoñece esencialmente home de letras, máis que home de acción.
     Andrés Torres Queiruga naceu en Aguiño-Ribeira no ano 1940 no seo dunha familia mariñeira galego-falante:

"Sempre me sentín galego, pero para min nos primeiros tempos o mundo da cultura identificouse co castelán. Na medida en que fun amando a Galicia e o galego fun comprendendo tamén máis á miña nai; á que tanto lle debo, tamén parte do meu galeguismo e da miña fe".

     Pouco dura naquel seminario provinciano de Compostela. Pronto a súa intelixencia esperta fai que o manden a estudiar á Universidade de Comillas.

"Tiven ocasión de saír pronto fora a estudiar e alí, na distancia e na diferencia descubrinme galego, e foi o momento da reacción. Un notaba o tremendo desprezo e a inxusticia con que se consideraba ó galego. Espontaneamente alí me afirmei como galego. Desde a distancia, Galicia aparece coma un corazón".

     En Comillas son os anos da ruptura coa vella e rancia teoloxía e o nacemento doloroso dunha nova reflexión. Queiruga ten fama de rebelde fronte ás estructuras escolásticas. "Comillas —di— era daquela dos puntos máis intelectuais e inquedos que había en España, contando a Universidade Civil". Alí vai formar con outros galegos un grupo moi identificado e respectado polo seu prestixio intelectual; o grupo manifestaba claramente unha actitude afirmativa e reivindicativa. É alí tamén cando coñece a Ramón Piñeiro, co que mantén unha relación de fonda amistade, que lle durou ata o remate dese outro gran galego. Con Piñeiro mantivo en Comillas unha rica relación epistolar. "Piñeiro chegou a escribirme a máquina algún texto que eu lle pedira, pois non había aínda as fotocopias, e mandarmo a Comillas —coméntame Queiruga—. Íame tamén mandando moitos libros". A través de Ramón Piñeiro vai coñecendo ó mundo da cultura galeguista, entrando pouco a pouco en contacto con tódolos persoeiros da cultura galega.
     Loxicamente, a tremenda división entre a Igrexa e a cultura galega foi un desafío cada vez máis forte para este intelectual que quería manter a dobre fidelidade á súa Igrexa e á súa Terra. "Empezamos a ver no grupo como se podía facer a síntese", realizando traduccións de textos bíblicos e elaborando reflexións e materiais. Alí nace a idea dos "Irmandiños", xunto cos galegos que estaban na Universidade Pontificia de Salamanca, aínda que a consolidación do grupo foi despois, en Roma, na Universidade Gregoriana. Foi durante a súa estancia en Comillas cando publica na revista Grial un artigo verdadeiramente histórico e programático: "Nota pra unha teoloxía do galeguismo"(27). "O meu soño, xa daquela, era xuntar cristianismo e galeguismo". Claro que non eran eses os ventos que corrían polas terras galegas; nunha ocasión en que Queiruga volve de Comillas, a mediados dos sesenta, o seu ex-rector confésalle defraudado: "Queiruga, tiñamos tantas esperanzas depositadas en ti e agora ¡chegas falando galego!".
     Eran eses anos en Galicia, duros, creativos e ilusionados a un tempo. Son os tempos dos Coloquios Europeos de Parroquias (28) . "Foi un tempo no que houbo unha forza na Igrexa galega como non volveu haber en Galicia —coméntame—. Metemos moita ilusión, creamos moita teoloxía, enlazando moi ben coa nacente Teoloxía da Liberación". Foi certamente o kairós, o tempo oportuno. Eu coñecín a Queiruga, no ano 73, baixo o alcume de "europeo", pois así era como se lles chamaba ós integrantes dos Coloquios (29)
. "Foi un momento estelar en Galicia; é unha pena que non fora adiante e se frustrara en gran parte". Unha das frustracións meirandes destes anos foi o non acadar unha Facultade de Teoloxía con prestixio para Galicia, divididas as forzas eclesiais en cinco febles seminarios, con poucos seminaristas e unha gran pobreza intelectual. "Unha vergonza", comenta Queiruga, "non a quixeron os nosos bispos, nin Suquía nin Rouco", a pesares do interese do cardeal Quiroga Palacios. "Unha das traxedias da Igrexa galega", di sen paliativos.
     Licenciado en Filosofía (1962) e Teoloxía pola Universidade de Comillas (1966), vaise a Roma a facer os cursos de doutoramento e comeza a súa tese sobre Amor Ruibal. En Roma cristaliza o grupo dos "Irmandiños" (ademais de Queiruga estaban Martiño Montero Santalla, Xesús Ferro Ruibal, Xoán Trillo Pérez, Soneira Lema,..), un grupo con gran capacidade intelectual; chegan a artellar unha Misa semanal en galego, e alí xorden tamén os primeiros cantos litúrxicos en galego: "Onda ti noso Pai á tardiña" e "Perto de vivir". Volve a Santiago para dar clases no Centro Teolóxico, e presenta a tese en 1973. O traballo vai ser o primeiro dos seus grandes libros: Constitución y evolución del dogma. La teoría de Amor Ruibal (Santiago 1977). No ano 1985 presentará a tese de doutoramento en Filosofía na Universidade de Santiago: Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri (Pontevedra 1990).
     En Galicia a actividade intelectual de Torres Queiruga foi febril: clases, charlas, artigos en xornais e revistas(30). Particularmente compre destacar Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián, da que é director desde o seu comezo en 1977(31); unha revista que marca un fito histórico decisivo na reflexión dunha
Igrexa que quere estar encarnada en Galicia; foi a primeira do seu xénero que logrou manterse, tras da interesante, pero frustrada moi cedo, experiencia de Logos. Encrucillada mantívose non sen dificultades, de dentro e de fora; as meirandes non foron os ataques dunha xerarquía que vía heterodoxa e perigosa a súa liña, ou as críticas dos sectores da Igrexa galega máis reaccionarios e españolistas, senón no seo do mesmo galeguismo cristián, polas disensións e cativezas, os sectarismos e as posturas intransixentes nas que ás veces caeu a mesma revista (32).
     Particular importancia no traballo de Torres Queiruga, como non podía ser menos nun intelectual que traballa, son os seus libros. Ademais dos grosos volumes das súas teses en Teoloxía e Filosofía, aludidos máis arriba, o primeiro libro en galego, do que teño vivamente presente o eco que acadou na comunidade galeguista do Seminario compostelán, foi Teoloxía e sociedade (Vigo 1974). Logo viría un libro que lle fixo moito ben a moita xente Recupera-la salvación (Vigo 1977), Premio da Crítica galega ese ano, e que apareceu ó ano seguinte en castelán; Ramón Piñeiro dixo del: "nas páxinas deste libro —espléndido libro— síntese a quentura case palpitante da súa fe", e tamén que "anuncia futuros camiños de renovación teolóxica"; ¡Canta razón!, ¡e que tantos cristiáns galegos —témome que aínda os mesmos xerarcas— non o leran!. Logo veu Nova aproximación a unha filosofía da saudade (A Coruña 1981), o seu discurso de ingreso como membro numerario na Real Academia Galega; e Rolda de ideas (Vigo 1984), escolma dos seus artigos de xornal.
     En 1985 veu a luz a súa obra magna, un groso volume que o deu a coñecer en todo mundo coma un dos grandes teólogos actuais: A revelación de Deus na realización do home (Vigo 1985), traducido ó castelán, ó brasileiro, ó italiano e ó alemán, que tamén foi Premio da Crítica. O ano seguinte saíu do prelo un dos seus libros máis fermosos Creo en Deus Pai (Vigo 1986), tamén aparecido en castelán, e que a máis de un serviunos no so de repaso e aprendizaxe teolóxico, senón mesmo para rezar . As súas publicacións en castelán aínda forman unha boa ringleira (Opción por los pobres. La justicia del Dios cristiano, La constitución moderna de la razón religiosa, El diálogo de las religiones, etc.); e tanto en galego como en castelán ten varios títulos máis en colaboración (As relacións Eirexa-Mundo en Galicia, A crise actual da conciencia relixiosa, Los gallegos, Jesucristo en la historia y en la fe, etc.).
     A teoloxía de Andrés Torres Queiruga é unha teoloxía que quixo responder ós grandes interrogantes do mundo contemporáneo, en realidade, as vellas e eternas preguntas, pero feitas hoxe. Ten varios polos que a artellan:
     Por unha banda, o diálogo co mundo moderno, tendo presente a realidade de cada día e a reflexión contemporánea; particularmente ten moi en conta o pensamento de Hegel e a reflexión filosófica e social feita pola Escola Crítica de Frankfurt (unha reflexión crítica da modernidade). A súa é unha teoloxía que quere ser herdeira da maiéutica socrática; el mesmo acláranos o concepto:

"Sócrates, fillo de comadroa (maia), afirma practica-la mesma arte que a súa nai: a maiéutica. Mediante a súa palabra saca á luz —axuda a xera-lo que estaba dentro do interlocutor—. Coma no famoso caso de Menón, onde o escravo, gracias ás preguntas de Sócrates, chega a descubri-la xeometría; a maiéutica fai que o interlocutor descubra, xere ou dea luz a verdade que leva en si mesmo"(33).

     Desde esta concepción maiéutica é desde onde elabora a súa orixinal reflexión sobre a Revelación, que manifesta a fonda formación bíblica e filosófica deste teólogo: a Revelación divina non é algo caído do ceo, ou o dictado divino ó autor sagrado (Deus que lle "sopra" ó oído o que ten que dicir e escribir), senón que é un proceso histórico no que Deus se vai manifestando a un pobo desde a realidade histórica concreta dese pobo, desde dentro da súa experiencia vital. Así, os seus elementos básicos son "a palabra externa do mediador" (líderes excepcionais coma Moisés e os grandes profetas) e "a remisión ó oínte da súa propia realidade".
     Outro polo fundamental da teoloxía de Torres Queiruga é o esforzo por manifestar un Deus Amor, non un Deus Xuíz. Este esforzo fixo sobre todo cos seus libros Recupera-la salvación e Creo en Deus Pai. Dínolo el neste último libro:

"Gratis se ofrece o que gratis se recibiu [unha fe cristiá nun Deus de amor, inculturada no noso tempo]... A esperanza do autor consiste unicamente en que se logre reflexar sequera un mínimo da inconcebible liberación que a todos se nos anuncia no Deus de Xesús"(34).

     Non é de estrañar que con estes presupostos un dos puntos fundamentais da súa reflexión teolóxica e nos que aportou unha resposta verdadeiramente nova, é o problema do mal: Non é que Deus permita o mal porque quere, por escuras razóns, senón que, sendo o mundo como é (material e por tanto limitado), Deus non pode facer outra cousa. Non pode retocar constantemente os mecanismos cósmicos e non pode pasar por riba da liberdade humana. "Deus soporta connosco as nosas cruces e identifícase coas nosas pobrezas", escribe. É o Deus que chora co seu Fillo cravado na cruz, "impotente" ante a maldade humana, pero que redime o mal, desde a súa mesma entraña, desde dentro da realidade histórica.
     No mesmo camiño vai a súa reflexión teolóxica sobre a oración, querendo ir máis aló da oración de petición, para que a oración se converta sempre nun acto de confianza e agradecemento a Deus. Outro polo importante da súa reflexión teolóxica é a fenomenoloxía da relixión, en diálogo con tódalas relixións, porque todas elas son un camiño cara a Deus, cara a verdade fonda do home e do mundo.
     E finalmente, outro polo da teoloxía do teólogo galego é precisamente a súa vontade de artellar unha reflexión que xunta cristianismo e galeguismo, como aposta por Xesús e pola realidade sociocultural e histórica de Galicia. Xa o dicía Piñeiro: "El é un teólogo do seu tempo e, por eso pode ser, e é, un teólogo da súa terra"(35). O mesmo Queiruga explicitouno numerosas veces. Xa no seu primeiro artigo coñecido, cos seus mozos 25 anos, no xa famoso "Nota pra unha Teoloxía do galeguismo" (publicado "con censura eclesiástica") di:

"O home que dunha vez por todos aceptou a Deus, meteu a súa vida por unha dirección definitiva, tomou sobor de si unha decisión que por forza ha de ir inexorablemente integrando en si mesma a tódalas demais, engulíndoas e alimentándose delas...O que sente a fondo a súa galeguidade, o que se decata de hastra que estratos da súa vida lle pode calar, non necesita, si é crente, máis nin mellor demostración da necesidade dunha Teoloxía do Galeguismo"

     Un pouco máis adiante xa apunta o argumento que sempre considerei coma o máis decisivo para que un cristián se apunte ó galeguismo en Galicia, "o estreito vencello entre o galeguismo e o amor polo pobo humilde". Non me resisto a reproducir unhas emocionantes verbas:

"Tal vencello non pode resultar escuro pra quen teña mirado un pouco de perto o movemento galeguista. Dende o amor dorido da nai Rosalía, sin refugar pasar polo gridante e apaixoado de Curros —cuia fobia antieclesiástica era no fondo un amor moi evanxélico polo oprimidos...— hastra os que hoxe consagran o seu esforzo ó rexurdir da nosa cultura... Pois resulta indubidabel que o primeiro e máis patente beneficiario de tales esforzos é o pobo. Nestes trafegos culturais el é o que sae malparado. Os demais sempre poden cubrirse, mal que ben, ca nova camisa da cultura aprendida, pro el queda ó descuberto, núo e ridículo, sin fala e ferido na diñidade do seu status ético... ¿Hai algo máis evanxélico que a loita pola diñidade de unha persoa humana"(36)

     En Teoloxía e sociedade, este breve apunte convertese nunha reflexión máis elaborada sobre o papel que debe cumprir a teoloxía en Galicia, que non pode ser outro que "axudar a que Galicia tome conciencia de si mesma, recobre o seu sentido de dignidade e empuñe o temón do seu destino histórico"(37), supere esa "esquizofrenia da alma galega", denunciada xa polo galeguismo dos ano 20-30:

"Compre facer resoar na nosa eirexa local a hora da eirexa universal... Unha das compoñentes fundamentais da presente hora da eirexa e do cristianismo é... a recuperación histórica do dinamismo do evanxelio... Si en Galicia a eirexa leva séculos e séculos 'anunciando a Boa Nova aos pobres, a redención aos cautivos, a liberación aos asoballados', eso pode ser unha burla ... si non se traduce nun esforzo efectivo por ir combatendo xa aquí a probeza, por ir rompendo xa aquí moitas cadeas, por ir denunciando, compartindo e superando xa aquí moitas opresións"(38).

     Xa apunta alí tamén unha das reflexións que máis axudaron ó que isto escribe a facer unha aposta por un cristianismo e unha teoloxía comprometida nesa dirección: "O verdadeiro universalismo ven da profundidade, do compromiso a fondo cos problemas específicos do entorno, que son os únicos reais". Ou o que é o mesmo "non se pode ser verdadeiramente universal se non se é radicalmente concreto", como repite a miúdo. Noutro artigo verdadeiramente programático, "Reflexións teolóxicas sobre o nacionalismo", dirá claramente, pasando a un nivel político,:"O nacionalismo galego mostrouse historicamente como o portador máis xenuíno dos valores do pobo e como o mellor defensor dos seus intereses reais". Máis aínda, "Non abonda con aceptar o nacionalismo, é preciso promovelo positivamente desde a fe"(39).
     Coa madurez dos anos, dicía máis recentemente, asumindo o dito anteriormente, pero cunha perspectiva máis ampla:

"Son unha persoa moi relixiosa, cunha vida adicada ó traballo eclesial —di—, porque o que me interesa é facer presente a fe na cultura e no país galegos. Teño moi claro que a min me interesa o que aporta a experiencia relixiosa á humanidade e en concreto a Galicia. É o meu empeño romper cun dos máis vellos mitos cristiáns, a dualidade de vida-relixión, a dialéctica sagrado-profano"(40).

     Non é de estrañar que á pregunta sobre o conflicto entre cristianismo e galeguismo, dúas realidades enfrontadas e como artellalas, Queiruga me responda contundente: "Máis ben ¿como e posible que estean separadas?. Ser é ser auténticamente relixioso, se ti es galego non podes ser verdadeiramente relixioso sin ser fondamente galego". ¿Por que, logo, ocorreu e segue a ocorrer ese divorcio?. A clave da resposta non pode ser outra que unha realidade secularmente anormal en Galicia. É a mostrosidade de que cando se decreta a liturxia en linguas vernáculas, decídese que a lingua de Galicia é o castelán. "Esta mostrosidade só é posible porque detrás hai tamén unha historia anormal". A xerarquía galega desgraciadamente non axudou, confésame Queiruga: "Tivemos moi mala sorte coa xerarquia galega desde o cardeal Quiroga ata hoxe; en vez de potenciar a nova reflexión teolóxica levantaron unha desconfianza contra ela, co que so conseguiron repetir unha teoloxía rancia, que nin sequera ela se estudia". Hoxe Queiruga confía máis na evolución desde o mundo secular que desde o mundo eclesiástico; é consciente de que ese mundo secular respecta cada vez máis a reflexión seria e a coherencia dos intelectuais galegos e os clérigos comprometidos co mundo actual, aínda que haxa sectores na cultura que exclúan sistematicamente a realidade relixiosa, por unha falla de fondura humana.
     Finalmente, volvendo á difícil relación entre o cristianismo e o nacionalismo hoxe, dime Torres Queiruga que "pasamos dunha situación de unión nos comezos, con grandes posibilidades de traballar xuntos, a unha división que non soubo conxugar esa unidade por riba das lóxicas diferencias, poñendo Galicia por enriba de todo". "Galicia capital Galicia", escribiu nunha ocasión (41). Queiruga sente que esa unión non fora posible nin na política, nin sequera na lingua. Sente tamén que non haxa un recoñecemento por parte dos galeguistas do labor realizado polos cristiáns e a mesma Igrexa, nin por parte da Igrexa do labor feito polos galeguistas. É o conflicto cristianismo-galeguismo, fillo en parte do conflicto manifestado en toda a modernidade europea entre a cultura e a Igrexa, agravado en Galicia pola súa realidade cativa. "Non hai algo forte que unifique cara adiante, e as forzas disgregadoras teñen máis forza que a feble vontade de unión nun ideal común, que é Galicia". Sen esquecer o trauma da Guerra Civil. Andrés pensa que vive "nun país e nunha Igrexa un pouco frustrantes", pero non perde a esperanza e segue coa mesma aposta cristián e galeguista da súa mocidade. Aínda que non lle gosta a verba galeguista, simplemente "son galego", un galego que exerce de tal.



II. Tamén exerce de galego outro intelectual de talla singular XOSÉ CHAO REGO. Aínda que Chao recoñece que non naceu galego, senón que máis ben "renaceu" galego serodiamente, xa na súa madurez. Siro, o gran caricaturista galego, contábao plasticamente e con palabras, no Limiar que lle fixo á obra máis importante de Chao, Eu renazo galego; é o Limiar máis orixinal que coñezo nun libro "serio". Alí recoñecía Siro, como bo discípulo de Chao, que nacer en Galicia non supón nacer galego.

"A inmensa maioría dos galegos nacemos entangariñados, e tardamos en atopar a cova do tobo que nos deixe desentangarañados. Pra sermos galegos, pra sentir e vivir conscientemente en galego, cómprenos as máis das veces, re-nacer ... recuperar a dimensión orixinal"(42)

     A caricatura de Chao na bañeira berrando "¡Eureka!", coma o vello sabio grego, sempre estivo desde aquela no meu maxín, vinculada a este libro revelador e "rebelador". Quizais porque tamén eu "nacín galego" un día, ou mellor, nun longo proceso, aínda que non nacera materialmente nesta terra, nin nacera galego do ventre da miña nai. Os dous somos "conversos", e quizais por iso temos un aquel de apóstolos, como o foron outrora os homes da xeración "Nós".
     Pero Chao si naceu en Galicia, en Vilalba, capital da Terra Cha, pola primavera de 1932, nunha coñecida e acolledora familia, a do famoso Hotel Chao. Parente lonxano doutro cura que escribiu en galego, Xosé María Chao Ledo. O seu pai, segundo me confesa Pepe, era un galeguista convencido, mesmo "cun anticastelanismo forte e unha admiración por Cataluña grande", pero que falaba castelán co seu fillo, como era habitual, xa que era a lingua de promoción; aínda que Xosé Chao tiña ocasión de escoitar falar en galego cos clientes do Hotel. Por iso recoñece que a diglosia viviuna no propio berce.
     Foi de neno para o Seminario de Mondoñedo e en 1947 pasa á Universidade Pontificia de Salamanca, onde recibe un forte shoc polo desprezo que alí había polos galegos e todo o galego; isto ocasionoulle unha ferida forte no seu narcisismo, como me confesa na conversa; pero o golpe non foi o suficiente, aínda cumpría que as contradiccións se agudizaran máis. Con todo, a Tesina para a Licencia en Filosofía fíxoa sobre Galicia (Galicia. Psicoloxía do pobo galego). Continúa os seus estudios na Universidade Gregoriana de Roma, onde se licencia en Teoloxía no ano 1956.
     Uns anos como profesor no Seminario de Mondoñedo e logo o traballo pastoral na parroquia de Santa Mariña do Ferrol (1959-1976), onde aquel galego aprendido no seminario "queda só coma unha cousa romántica", facendo todo o seu traballo en castelán. Con todo, un traballo ben interesante e progresista: animación parroquial, Secretariado Diocesano de Catequese, Delegado de Cáritas Diocesana, e mesmo Arcipreste por uns días, destituído polo conflicto do Corpus de 1968. Un labor que simultanea co seu traballo periodístico e de escritor en xornais e revistas de Galicia e de fora; confésame que os primeiros traballos que lle publicaron en galego nos libros da editorial galeguista SEPT enviábaos en castelán (A parroquia hoxe, As relacións eirexa-mundo en Galicia, mesmo a Introducción ao Xénesis). Por iso, insiste en que é "o exemplo clásico dunha persoa convertida", da man sobre todo de Torres Queiruga, como outros moitos, e tamén da man da xente de SEPT e outros amigos da diócese.
     Recoñece que non foi nunca un militante político antifranquista, pero si foi sempre crítico co franquismo e tivo que aturar vixilancia policial na súa parroquia e mesmo ir a cadea en 1969, e sufrir un proceso do Tribunal do Orde Público (TOP). En realidade a policía non podía acusalo de "axitación subversiva", nin sequera de asistencia a reunións subversivas, pero si de "anuencia" como dicía a policía, que sabía que tales reunións se facían na súa parroquia. Tres semanas na cadea en Ferrol e un ano en Madrid agardando o xuízo. O bo foi que Chao aproveitou ese ano para facer o curso de doutoramento en Filosofía, e a Tese (El humanismo ateo en Jean Paul Sartre). Tamén foi un importante colaborador no movemento de Cristianos por el socialismo (CPS, que tivo unha incidencia importante en Galicia, e mesmo chegou ó movemento dos Coloquios), para o que elaborou un estudio publicado no libro do mesmo título en 1977 en Madrid.
     Particular importancia ten nesta etapa vital de Chao Rego o seu traballo nos Coloquios Europeos de Parroquias ou Coloquios Galegos de Cristiáns, como se chamaron logo. Foi el quen iniciou en Galicia esta interesante experiencia que se estaba a vivir no comezo dos anos 60 en toda Europa. No ano 1963 Chao participa cos teólogos españois Casiano Floristán e Luis Maldonado no II Coloquio Europeo de Parroquias na cidade de Viena. No III dos Coloquios, en 1965, xa presenta unha ponencia (Parroquia misioneira en España, publicada en francés nas Actas do Coloquio) e asume o compromiso de organizalos en Galicia e Portugal. Inmediatamente ponse en contacto con xente de Vigo, Ourense e Santiago, e en 1966 ten lugar nesta cidade o I Coloquio galego. O III, en 1968, vai marcar un paso decisivo na galeguización dos Coloquios; a finais do mesmo ano, no IV, cóntase coa participación do Cardeal Quiroga. Un crego compostelán, Antón Vilasó, vai ter un papel protagonista nos Coloquios, mesmo chegando a enfrontarse con Chao no V sobre a liña a seguir (foi en 1969, e nel tiveron un papel moi activo os mozos universitarios da XEC, na que estaba de presidenta Camino Noia). Chao propón unha liña máis de Igrexa, Vilasó propón unha liña máis aberta ó mundo secular e político, triunfando esta última, o que el considerou un erro; isto supuxo que Chao fora abandonando unha participación tan activa no movemento. Pero aínda ten unha intervención no VIII Coloquio, realizado no 1971 en Ferrol (43) O seu testigo sería collido pola Asemblea de Encrucillada (1987), moito máis que un encontro dos suscriptores da revista, un verdadeiro foro de reflexión e debate. Anteriormente os Cruceiros (1978), tamén supuxeron un espacio importante de reflexión. Así coma os encontros da Coordenadora de grupos e movementos de cristiáns galegos (1984). Desde hai anos só queda a devandita Asemblea de Encrucillada como espacio de encontro e debate para os cristiáns galegos neste xeito de ser Igrexa en Galicia. Nestos momentos, é esta Asemblea a que recolle ese necesario momento globalizante de todo o movemento, aínda que algúns non se sintan representados . Máis adiante dirá Chao algo que lle oín moitas veces: "O problema da Igrexa galega e española era que non había esquerda teolóxica, aínda que si política".
     Tamén é fundamental a súa participación no equipo pastoral de Boa Nova, xurdido na diócese mindoniense en 1974, co apoio do bispo Araújo, aínda que máis adiante el mesmo influiría para a súa extinción. O equipo tiña a función de elaborar materias para o traballo litúrxico-pastoral, e pasou de facelo inicialmente en castelán a un opción punteiramente galeguista, sendo verdadeiros pioneiros en Galicia.
     Desde 1970 é colaborador habitual de La Voz de Galicia con diversas seccións fixas; desde Signos de los tiempos e Pobo sen fronteiras, ata as que mantén agora: A Chouzana e O abeiro da fe. O artigo fundamental que marca o seu cambio de rumbo no traballo escrito é "La hora de la etnia", comezando pouco despois a sección galega Pobo sen fronteiras, e definitivamente en galego desde 1976, coa súa marcha a Vilalba. Tamén colaborou e segue a colaborar nunha manchea de revistas galegas (Teima, Encrucillada e Irimia, das que é fundador e da mesa de redacción) e españolas (Pastoral Misioneira, Misión Abierta, Sal Terrae, Vida Nueva, Exodo, ...).
     Ó abandoar a parroquia e o traballo directamente pastoral, multiplícase a súa actividade como ensaísta e escritor. Xa antes publicara varios libros de éxito, nun estilo que Torres Queiruga calificou de "periodismo teolóxico"(44). Froito deste traballo, a cabalo entre a análise histórica, a reflexión teolóxica e o periodismo, foron os seus libros La Iglesia en el franquismo e La Iglesia que Franco quiso (1976), xunto con Marcel Lefèvre un integrismo histórico (1977). En galego publicou primeiro colaboracións en A parroquia hoxe (1970) e As relacións Eirexa-Mundo en Galicia (1972), ademais do deu libro primeirizo Introducción ao Xénesis (1972), que sería o antecesor dunha gran obra sobre a Biblia co título xenérico de Historia do pobo de Xesús, do que xa van editados sete volumes, e aínda é obra non rematada. Está a saír do prelo unha gran obra sobre A auga, na liña simbólica doutro pequeno libro seu O misterio do lume (1985).
     As dúas grandes obras sobre Galicia e o galeguismo son Eu renazo galego. Ensaio sobre identidade galega (1983) e Para comprendermos Galicia (1987). O primeiro é unha verdadeira "biblia do galeguismo", con máis méritos para converterse en tal que o Sempre en Galiza, de Castelao, pois analiza máis fondamente as raíces do ser galego, da súa identidade étnica, ética e cultural (45). E o segundo representou un paso adiante nese proxecto de abrir camiños sobre o que debe ser Galicia; un libro que vai máis aló do discurso científico para chegar ó discurso programático, como recoñece o antropólogo Marcial Gondar no Limiar, porque "a fidelidade ás raíces propias non son nin un luxo, nin capricho, nin chochén de vello, senón simplemente unha necesidade"(46).
     A súa chegada de novo ó Vilalba das raíces, marca o comezo dunha nova etapa, galeguista, "sen retorno", como un compromiso claro con Galicia e a súa cultura, pero tamén coa realidade social do país; alí entra en contacto cos movementos sobre todo agrarios (O SILGA, sindicato que axudou a formar). Encrucillada (1977)(47), os Cruceiros (1978)(48), as Romaxes de Crentes Galegos (1978)(49) e sobre todo Irimia pra
rexurdirmos galegos" (Asociación, desde 1980, e revista, desde 1981, na que leva catorce anos entoando o "Cantar do irimego"), son outros tantos marcos deste camiño. Os Cruceiros eran xuntanzas de cristiáns galegos que, en parte, recolleron a testemuña dos Coloquios, aínda que conviviron moitos anos; no I Cruceiro, en 1978, ("Galicia na encrucillada. Quince anos da Igrexa Galega") ten unha ponencia importante "Entre a utopía e a realidade", o xerme do seu Eu renazo galego, que foi primeiro o slogan da I Romaxe e logo título do seu libro.

"Se a miña toma de postura galeguista foi tan coherente e non fanática, debeuse a que eu non cheguei ó galego pola vía cultural e histórica do galeguismo, senón polas esixencias evanxélicas. Cheguei a darme de conta que cun pobo que falaba galego, un pobo humilde, sería unha traición ás esixencias do Evanxelio no asumi-la súa fala. O camiño evanxélico esixía unha encarnación coa Terra".

     De feito, recoñece que a súa cultura galeguista era moi escasa neses comezos. Mesmo leu moi tardiamente o Sempre en Galiza. "Non foi unha conversión damasquina, como a caída de San Paulo no camiño de Damasco, senón un longo proceso que fixo espertar o que estaba latente desde a miña infancia". E "fun resistente", recoñece, ata que descubriu as raíces da aposta galeguista. "Se eu tardei corenta anos en caer da burra, que menos que deixe ó Espírito que vai traballando lentamente á xente". O problema é o dos "cegos que se cren que ven", dicíalle, e dime Chao "¡O dos cegos que deixan voluntariamente de ver, e o dos cegos que non deixan ver!". O que esixe necesariamente unha postura militante, non para impoñer nada, senón para ofrecer, para que non se priven dunha riqueza que está aí.
     A conversión fixo de Chao un pilar desa nova Igrexa galega que quere artellar armónicamente cristianismo e galeguismo. Así mo contaba nunha conversa:

"Deime de conta que ambos teñen que ser dúas realidades simbióticas, non valía que o galeguismo ou o cristianismo fosen un accidente; son dúas dimensións fondas na vida dun galego... Por iso hoxe son moi sensible á inculturación da fe. Paréceme a pura evidencia. Aquí ou na Patagonia, toda dimensión verdadeiramente relixiosa, que queira cultivar a realidade do Misterio, ten que facelo desde a propia cultura para chegar a un culto propio, que todo é unha cousa a cultivar.
É a hora de que as minorías abrahámicas berren a esperanza do futuro para unha terra e un pobo."

     A realidade sacral e o factor relixioso e aínda o cristianismo, parécelle a Chao un elemento determinante na realidade de Galicia, pero quere ir máis aló; non lle abonda coa dimensión telúrica, que valora enormemente, quere ir máis aló polos vieiros dun cristianismo liberador, por iso agradece o movemento de secularidade que deslinda os campos sacral e secular e nos convida a entrar nunha dimensión transformadora da realidade. Por iso, afirmacións como a de que o "cristianismo é consubstancial a Galicia", tan caras ós homes da xeración "Nós", parécenlle afirmacións románticas; cultural e socioloxicamente válidas, pero insuficientes para a transformación social e humana do país. "Cómpre incrustar a liberación evanxélica nas propias raíces culturais, como fixo o pobo hebreo".
     O problema é cando o nacionalismo se sacraliza e se converte en sectario, entón tende a chocar con calquera outra igrexa que tamén se comporte de maneira sectaria. A miopía de certos nacionalistas radicais para saber ver a realidade fondamente relixiosa do pobo galego e o potencial liberador do cristianismo, fainos "malos marxistas", pois non atenden ó primado da praxe.
     Pola outra banda, a Institución eclesiástica claudicou das súas raíces evanxélicas, e non sabe ver os múltiples sinais da galeguidade, na sociedade, na cultura, na reflexión teolóxica, etc. "Non decatarse hoxe desta realidade, parece dunha invidencia extraordinaria". A única explicación desta invidencia vén desde as claves do poder: o idioma castelán en Galicia foi sempre o idioma do poder, pois o pobo sinxelo non podía acceder con normalidade a el; por iso o castelán foi sempre un instrumento de dominio. Para Chao, as meteduras de pata da Igrexa son máis graves porque pretende falar no nome de Deus; o que obriga a ser máis críticos con ela. Por iso séntese tolerante cos individuos, pero crítico e dorido coas institucións:

"A unha xerarquia ou a un pobo cristián enteiro que renuncie a expresarse en galego había que collelo polos colares e dicirlle: Esperta do teu sono fogar de Breogán, porque estás traizoando a causa dos pobres e esta é a primeira no Evanxeo, e a lei da Encarnación".

     Ademais de todo o movemento galeguizador da Igrexa en Galicia, no que el se sabe persoalmente metido no ollo do furacán, Chao valora particularmente a postura tomada por certas congregacións relixiosas femininas, por varias razóns: "Porque o mundo feminino en Galicia sempre estivo máis alienado aínda que o masculino" —Sari, a súa muller, escoita e asinte—, e por "entrar co galego nun camiño de liberación nunha Igrexa dominada por homes"; máis aínda cando a realidade da que proceden moitas delas é un mundo castelán e urbano en gran parte. Pero aínda lle parece máis meritorio o feito de deixar os seus ampulosos conventos para irse ós barrio e o mundo rural, motivadas tan so pola súa evanxélica aposta polos máis pobres; isto supuña necesariamente pasarse ó galego, a lingua dos pobres.
     Pola contra, o problema do clero segue a ser a distancia do pobo, manifestado nesa separación lingüística, precisamente ó entrar no templo para oficiar ó culto do que son representantes. Este cambio de lingua da realidade cotián ó culto é moi significativo: primeiro é insultante con Deus, "ó que facemos analfabeto —di Chao—, ou polo menos non polígloto"; e segundo co pobo, cuxo idioma non é merecente de ser empregado na liturxia". Se hai esperanza, esta non ven da realidade interna da Igrexa nin da mesma Galicia, senón do necesario cambio que se está a xestar no mundo occidental e mundial. "A humanidade non soporta por moito tempo máis todo este imperialismo capitalista no sentido económico e simbólico (que aplasta o capital simbólico dos pobos)". Por iso Chao fai unha chamada a un optimismo non inxenuo, non un "optimismo sen esperanza", senón un "pesimismo esperanzado".
     ¿Galeguismo, nacionalismo, etnia? Chao é amante desta última expresión, aínda que é consciente da resoancia racista que ten para algúns. "É que non coñecen a palabra, di, porque etnia ven ser o mesmo que
natividade". En Eu renazo galego fai unha xustificación do termo, aducindo que o de nacionalismo estaba demasiado circunscrito á súa acepción política, particularmente hipotecada pola esquerda nacionalista, cando a realidade é máis ampla. Na circunstancia actual Chao volve a gustar da verba nacionalismo como reivindicadora da realidade nacional, á que parecen achacárselle hoxe tódolos males do mundo, o que é "dunha falsidade enorme".

"O problema non é o nacionalismo, senón a carencia dos nacionalismos, englobados en estados falsa e artificialmente chamados nacionais. Falar hoxe contra os nacionalismos é falar contra as etnias minoritarias, que non teñen estado. Hai unha razón oculta para acusar ós nacionalismos actuais de tódolos males: que o mundo está dominado polo imperialismo económico que leva á realidade dun home unidimensional. Os estados queren homes e mulleres uniformados culturalmente".

     Este é o pensamento a testemuña de Chao Rego, cristián e galeguista, empeñado na inculturación da fe cristiá nesta terra galega, para que sexa un verdadeiro camiño de liberación para os galegos; un cristianismo enraizado na tradición bíblica e sobre todo na aposta de Xesús de Nazaret e a súa memoria subversiva. Unha relixiosidade que debe recobrar toda a súa riqueza simbólica. E unha aposta galeguista que quere ser étnica, como unha volta ás raíces dun pobo, e ética, como aposta polos humildes, polos oprimidos. Convencido de que Deus Pai, o Deus de Xesús, está silencioso neste mundo secular, pero non ausente; un Deus liberador, comprometido misteriosamente na liberación dun home máis menesteroso que nunca, a pesares do seu poder. E Pepe Chao é un namorado de Paco de Asís, como lle chama con confianza.



III.

"Eu creo nunha IGREXA
que lle plante cara ó risco do cambio que se está a dar en Galicia.
Que comparta as angurias dun pobo que loita cunha economía de subsistencia, alviscando permanentemente a ilusión realista dunha LIBERACION progresiva.
Que tenta ESNAQUIZA-LOS VINCALLOS inxustos.
Que proclama na práctica o protagonismo dos homes e mulleres da nosa Terra, contribuíndo a unha
COMUNION ABERTA.
Identificada coa CULTURA GALEGA e integrando de cheo a idiosincrasia do home galego.
Que fai causa común cos TRABALLADORES.
Na que a MULLER participa e pe de igualdade.
Que non mantén dependencias atávicas do clero.
Capaz de descubrir a forza da TERRA. (...)"

     Estas verbas son de XULIO ANDIÓN MARAN, menos coñecido nos ambientes extra-eclesiais que os dous persoeiros anteriores, pero ben coñecido en Vigo, onde traballa desde hai moitos anos, polo seu labor na radio e na prensa. É un home do "aparato eclesial", pero de posturas claramente galeguistas, aínda que, como el mesmo di, "non radicais", pois non é agresivo, batallador. "Son máis partidario desa batalla permanente e cotián, fiel a uns principios, a eficacia da constancia —di—. Aprendín da paciencia histórica do pobo galego". Pero é un galeguista en exercicio, colaborador de Encrucillada e moitas cousas máis. Coma o seu irmán Xoán, un dos máis importantes artífices dunha catequese renovadora e comprometida co seu pobo galego.
     Naceu no 1941 en Arcos da Condesa (Caldas de Reis) no seo dunha familia galegofalante. Fixo os estudios eclesiásticos en Comillas e Roma, onde coincidiu con Torres Queiruga, e mesmo ambos tiveron un director da Tese de Doutoramento común. Licenciouse en Filosofía e fixo o doutoramento en Teoloxía pola Universidade Gregoriana. Especialista en eclesioloxía, como reflexaban as verbas de máis arriba, publicou neste eido as obras Primado y Episcopado e Sois el cuerpo de Cristo. Pasou por diversos cargos na súa diócese: formación permanente do clero, membro do Colexio de Consultores do bispado, Delegado diocesán en varios campos de pastoral, ... profesor no Instituto Teolóxico Compostelán e actualmente Rector e profesor do Seminario de Vigo.
     É neste Seminario onde está a desenrolar un calado pero efectivo labor galeguizador. "A utilización do galego na liturxia é practicamente total e moi habitual nas clases, mesmo maioritaria", o que se foi conseguindo nun proceso progresivo e normal, aínda que coas tensións derivadas de grupos opostos a estas ideas, ás veces con posturas viscerais. "Fíjate tú como será este cura que ¡hasta habla en gallego!", comentoulle a un seminarista un cura da súa mesma diócese, referíndose ó seu labor como rector. Foi unha tarefa realizada nos últimos anos, como froito dunha opción claramente tomada, pois "coidamos que o sacerdote ten que conectar con normalidade coa realidade galega do país". É consciente de que iso non vai garantizar a galeguización do clero, pero, axudará a súa normalización. Polo pronto, cando algún seminarista salta co consabido "¡Ya está bien de gallego!", os demais saben dicirlle "De que vas, tío".
     Esta non é a realidade totalmente normal dos seminarios galegos, aínda que sexa bastante habitual, e de feito, os rectores exprésanse con bastante normalidade en galego, menos cando se xuntan cos bispos ...
     A descuberta e o compromiso con Galicia foi para Xulio Andión (como para tantos outros) unha experiencia dos seus anos de estudiante fora de Galicia, en Roma (con Torres Queiruga, Ferro Ruibal, ...). Cunha clara conciencia de comunión eclesial, Andión recoñece que a descuberta de Galicia levouno a concretar esa comunión coa Igrexa na valoración da realidade galega e diocesá.          Ademais, di, "eu son un home de aldea" e nunca renunciei ás miñas raíces. E "as persoas que son máis significativas na miña vida son partícipes desta propia perspectiva galeguista e cristiá".
     Xulio Andión é un dos membros de Badal, unha das obras nacidas da inspiración do P.Seixas, no seo da súa comunidade cristiá (Xaime Isla, Quico Domínguez, Alfonso Zulueta, ...). Este material litúrxico-pastoral é sucesor de Boa Nova, aínda que cun plan máis modesto (menos amplo) e máis moderado (menos combativo co establishment). Sucesor como material galeguizador da liturxia, un traballo ímprobo nun país onde só misan únicamente en galego o 4% dos curas, aínda (!) que cheguen a un 7% as misas que se celebran en galego e no 14% das parroquias haxa "algunha" misa en galego. Comezou no ano 1987 e continúa ininterrumpidamente ata hoxe. A pesares da súa moderación Xulio Andión e o equipo de Badal, teñen moi claro a necesaria relación entre galeguismo e cristianismo, ou o que é o mesmo, o necesario compromiso galeguista dos cristiáns:

"Partindo da Palabra encarnada (feita carne) nun lugar concreto, nunha persoa e nun pobo concreto, cunha cultura e unhas características concretas. Hai unha relación entre Revelación e encarnación que nos fai comprender que a vivencia da fe non pode ser unha vivencia abstracta, senón que ten que ser moi concreta, encarnada nun pobo e unha cultura. Eu se estou encarnado, estou encarnado aquí. É algo absolutamente elemental que se ten que traducir, entre outras cousas, na celebración no idioma propio dun pobo, no caso de Galicia, o galego. A dimensión social e política deste compromiso debe quedar necesariamente integrado.
Entendemos que a celebración da fe en Galicia pasa por asumir non só o idioma galego como tal, senón tamén a simbólica galega e a relidaded sociopolítica galega. A fe cristiá é unha expesión máis da realidade galega dun pobo e non se pode menos que asumir, se non se quere traicionar a este pobo. Isto é para nós unha realidade tan clara, que nin sequera é polémica".

     Xulio Andión sabe moi ben que esta realidade é polémica de cara a outro importante sector da Igrexa; con todo, cre no valor dunha "proposta cordial" e confía en que sexa unha realidade en expansión. Sen dúbida, a Igrexa toléraos, máis que "amar con paixón" e apoiar esta súa experiencia, a pesar da moderación. Pola contra o mundo galeguista, mesmo o máis secular, valora moi positivamente propostas coma estas, como un vehículo de normalización do galego.
     Traballou con Encrucillada case desde os primeiros anos da revista, formando parte do seu Consello de Redacción. Hoxe, sen esquecer esta, é tamén da redacción doutra revista con plantexamentos máis reformistas, Lumieira (50), que quere propiciar unha liña de pastoral galega, aínda que non é editada íntegramente en galego; cousa que non comparte Xulio Andión, pero que, segundo algúns dos seus responsables, é por razón de non reducirse ó ambito galego. Xulio Andión tamén ten publicado numerosos artigos en outras revistas da Igrexa como Ecclesia, Homilética, Compostellanum, ...; e colabora habitualmente con El Faro de Vigo.
     As perspectivas de Xulio Andión de cara á relación cristianismo-galeguismo son dunha normalización, a pesar das reticencias e da perda de galegofalantes. Confésase moderadamente optimista pola esperanza que pon na realidade da xente humilde: "O que hai, hai, e o que é cerne, esta aí e non se desfai así como así. A raizame do pobo non hai que a poida arrincar".



IV. Compriría falar doutros cregos intelectuais no eido do galeguismo, tan só un breve apunte sobre tres deles: Xosé Alvilares, Marcial Gondar e Uxio Romero Pose. XOSÉ ALVILARES MOURE é un crego lucense que naceu nunha aldea de Chantada no ano 1928 e traballou de párroco en O Cebreiro e Amandi, pero logo abandonou a pastoral —que non o sacerdocio— para dedicarse ó traballo intelectual e docente, doutorándose en Filosofía e Teoloxía e dando clases no Instituto de Lugo. Destacouse nos anos 60-70 como un decidido defensor da renovación da Igrexa segundo os aires do Vaticano II; o que lle aportou tensións e censuras. Iso é o que reflexa no seu libro Memorial de agravios (Vigo 1992); a obra, moito máis que unha autobiografía, é un valioso documento para coñecer a Igrexa galega nos seus anos, ademais dun excelente traballo literario e de altura intelectual. A súa participación na efervescente Igrexa do Concilio e o postconcilio, a rocambolesca "Operación Moisés", da que foi un dos protagonistas, a Asemblea Conxunta de bispos e cregos, a súa participación nos Coloquios, ... e en xeral toda a vida da diócese de Lugo, da Igrexa galega e aínda da española en corenta tormentosos anos (entre os anos 50-90).

"A visión mística da Igrexa —non administrativa ou burocrática, legalista e clerical— impide caer no sectarismo, na apoloxética sobre a Igrexa histórica. Non só o mundo; tamén a Igrexa é forzosamente sucia"(51).
"A crónica de sucesos na Igrexa... pode parecer a confesión dun desánimo, da perda de confianza na Promesa cristiá. Pero ten outra lectura. A Igrexa non é o Reino de Deus. Deus é a crítica da Igrexa. Porque Deus está vivo, non nos gusta a Igrexa" (52).

     Por iso Alvilares segue sendo cura, e exerce, aínda que hai xa moitos anos que non ten "cura de almas", e comente con humor: "Sen parroquia, a condición de cura ¿é no meu caso algo máis ca un engadido persoal, un título suntuoso e inútil para a comunidade?" (pax. 369). Paréceme que non, e eu sei que segue a celebrar a Eucaristía.
     Anteriormente ó Memorial, Alvilares xa publicara O clero e o uso do idioma galego (Lugo 1965) e unha gran obra ¿Proceso a la Iglesia gallega? (Madrid 1971); ademais de importantes colaboracións noutros libros colectivos: "O leigo na Igrexa galega" (en A parroquia hoxe, Vigo 1970), "Santiago e a crisis do catolicismo español" (en A crisis da conciencia relixiosa no mundo moderno, Vigo 1972) e "Sacerdote e Eirexa, e Eirexa-Mundo" (en As relacións Eirexa-Mundo en Galicia, Vigo 1972). Alvilares é colaborador de Encrucillada desde os seus comezos, con algunhas ausencias, publicando na revista interesantes traballos.
     En Pro en contra da liturxia en galego, Caamaño e Pampín hablan da primeira publicación de Alvilares, a conferencia sobre "O clero e o Idioma galego", nestes términos:

"A conferencia é un rico vieiro de ideas mesturadas, que por primeira vez en Galicia ofrece un plantexamento extenso e intenso da fonda problemática do tema... No primeiro lugar aparece un nivel antropolóxico, onde Alvilares valora a lingua como fonda e íntima expresión da autenticidade humá... Hai un nivel sociopolítico onde se desenmascaran as causas políticas... Sendo o galego o idioma dos parias, ficou desculturalizado e desnutrido, por non desenrolarse normalmente... Nun terceiro nivle, teolóxico... Para Alvilares, 'o interés do cristianismo polo galego é primordialmente o interés polo home'... está clara a necesidade do uso do galego en toda a pastoral da Igrexa..."(53)

     MARCIAL GONDAR PORTASANI (Pontevedra 1948), clérigo galeguista con moi pouco de clerical, estudiou en Comillas e Roma (Universidade Gregoriana) Filosofía e Teoloxía. Exerceu toda a vida o traballo intelectual e docente, no Seminario de Santiago e na Universidade Compostelana, na que leva actualmente a cátedra de Antropoloxía Social. É membro do Instituto P. Sarmiento e do Patronato do Museo do Pobo Galego e ten publicado varios libros. Os temas e títulos da súas obras manifestan o seu compromiso con Galicia; destacan entre eles: Romeiros do alén (Vigo 1989), que recibiu o Premio da Crítica Galega en Ensaio; Mulleres de mortos (Vigo 1991); e o último, co suxerente título Crítica da razón galega (Vigo 1994). Tamén publicou: Xogando coa morte: unha ollada antropolóxica dos xogos e falcatruadas no velatorio na Galicia tradicional, Os banquetes fúnebres na Galicia tradicional, A morte, Espiritados. Ensaios de etnopsiquiatría, ...

     UXIO ROMERO POSE (Baio-Coruña 1949). Fixo os estudios no Seminario de Santiago e Roma (Teoloxía na Universidade Gregoriana e Patrística no Augustinianum). Doctorouse en Teoloxía no ano 1978 da man do prestixioso patrólogo o P. Orbe. Profesor en Canarias e Burgos, leva exercendo a docencia desde o ano 80 no Centro Teolóxico Compostelano, do que é tamén o Director. Ademáis é da Comisión da fe da Conferencia Episcopal Española e do Consello da Cultura Galega, e director da revista Compostellanum. Na súa especialidade de Patrística é unha autoridade con recoñecemento mundial, sobre todo pola reconstrucción que
levou a cabo dos Comentarios ó Apocalipse de Ticonio.
     Ten publicado numerosos traballos de patrística en revistas especializadas (Gregorianum, Augustinianum, Salmanticensis, Compostellanum, ...). Son particularmente interesantes para o noso tema os artigos que publicou en Encrucillada sobre Prisciliano, Exeria e san Martiño de Dumio (54). A súa relación con este revista galeguista manifesta o seu moderado e sincero galeguismo.





5. Os curas de IRIMIA: X.A. Miguélez, M. Regal, A. Blanco Torrado, ...

    
Seguramente, este apartado é para o que estou menos en disposición de dar unha visión neutral, non apaixonada, da realidade das persoas e o medio, pola miña implicación nese fermoso proxecto que é Irimia, e a relación que me une á xente que máis traballou nel. Unha relación que supera a realidade funcional do puro traballo de compañeiros, e chega a converterse nunha fonda amistade. As mesas de redacción de Irimia en Lagoa de Pastoriza, ou en Romaríz de Abadín, e logo en Oirán (Mondoñedo) e en Xove, foron moitos anos, cada semana, un fermoso e rico espacio de encontro, onde compartir fe e vida, compromiso e loita, esperanzas e fracasos, utopía e realidade. Esta primeira etapa da revista durou máis de dez anos (1981-1991).
     Tan importante como a realización da revista, que saía case miragosamente cada semana ata facer máis de 300 números, practicamente sen máis medios que un bolígrafo e unha máquina de escribir —non había nin teléfono e o ordenador era, daquela, cousa dos americanos—, era a realidade do compartir. Mentras uns buscaban datos na hemeroteca e a biblioteca particular da casa, outros escribían, e un terceiro ía facendo a cea. Era tamén unha escola de comunión evanxélica, de democracia e de igualdade; sobra dicir que os curas non tiñan o máis mínimo privilexio e ás mulleres non lles tocaba necesariamente facer a cea ou fregar os pratos. O director da revista, o que isto escribe, coordinaba o traballo da mesa de redacción, mentras pelaba as patacas e poñía a tixola ó lume. Tamén había, con frecuencia, momentos de oración, expresión do fondo compartir a vida desde a fe común; ben é certo que había bos mestres de oración como Xosé Antón Miguélez e Manolo Regal.
     Falar de Irimia, é falar dunha realidade moito máis ampla que a revista popular do mesmo nome. É falar da homónima Asociación Civil que a ampara, falar das populares Romaxes de Crentes Galegos, falar dos Cruceiros e falar tamén da Escola "Alento" de Tempo Libre, todas elas realidades intimamente implicadas e nas que, a pesar do reparto do traballo, tiñamos que coincidir os mesmos en moitas ocasións.
Nesa realidade estabamos metidos un grupo de curas, ademais dos leigos ós que se aludirá máis adiante. Na revista, que lanzou o seu número 0 en Setembro de 1981, e saíu ininterrompidamente ata o momento presente, estabamos: Xosé Antón Miguélez, Manolo Regal, Alfonso Blanco Torrado, Xosé Manuel Carballo, Ramón Díaz Raña e Xosé Chao Rego, xa daquela cura secularizado, como sería logo o caso de Raña e Manolo Regal. Nas Romaxes, ademais de Chao e Raña, estaba Bernardo García Cendán en un longo etcétera formado polos cregos das distintas localidades onde se foi facendo ano tras ano desde setembro de 1978 ata hoxe. A Escola de Templo Libre, nacida en 1982, levábana exclusivamente os leigos. E nos Cruceiros, que se realizaron entre 1978 e 1983,
tiveron un particular protagonismo Chao e Miguélez.



I. XOSÉ ANTÓN MIGUÉLEZ DÍAZ naceu en Lugo no ano 1946, pero cedo foise para Barcelona coa súa familia, facendo alí os estudios eclesiásticos e a Licenciatura en Teoloxía Dogmática pola Facultade de Teoloxía de Barcelona co tema "La Teología de la Liberación y su método". O traballo sairía de contado editado nun libro (55) que foi pioneiro do tema en España. Aquel libro de mocidade xa anunciaba un teólogo creativo; pero ó novo crego non lle tiraban os claustros das Universidades ou dos Seminarios, senón o traballo pastoral no compromiso cos pobres, compartindo as súas ledicias e as súas penas, como anunciaba a Constitución Lumen Gentium da nova Igrexa do Vaticano II. Tras un curto tempo de traballo como obreiro en Barcelona, Miguélez decide volver ás súas raíces galegas, e pídelle a Monseñor Suquia ordenarse sacerdote e incardinarse en Santiago. Pero non era este arcebispo compostelán o prelado adecuado para acoller a un profeta como Miguélez, e a resposta foi negativa.
     Houbo de chamar a outra porta, e acolleuno un bispo que tiña sona de galeguista, D. Miguel-Anxo Araújo, como nos ocorreu a outros. En 1974 ordénao crego o bispo de Mondoñedo na parroquia onde tiña Miguélez as raíces familiares, Pedrafita, preto de Chantada. Vense de cura para Romariz (Abadín-Lugo), onde botou 20 anos, levando adiante un labor profético e innovador, primeiro co seu compañeiro Xosé Meiriño, e logo con outro compañeiro poeta coma el, Manolo Regal. Durante sete longos anos (1981-1988) fomos facendo xuntos, eles e máis eu, un equipo zonal vivo e activo; daquel grupo saíron moitas das realidades desta Igrexa Galega, que os tres seguimos tendo como teima e norte da nosa praxe de fe e do noso compromiso social. Hoxe o grupo desfíxose por esixencias históricas, pero os tres seguimos mantendo os vencellos e unha utopía común: o Reino de Deus nunha Galicia liberada.
     A vea galeguista de Miguélez xa se fora forxando na súa estancia en Cataluña, lonxe da Terra, na correspondencia con Ramón Piñeiro, Torres Queiruga e Manuel Espiña. Desta relación naceron algúns poemas que viron a luz en Grial (56). Porque no caso deste crego, a vocación pastoral xúnguese á vocación teolóxica e á creación literaria, sobre todo no eido da poesía. Aínda non veu a luz ningún dos dous excelentes poemarios que só lle coñecemos os amigos: Elemental pan pro camiño (1979) e Recuperar a morte (1983). Algúns dos poemas destes libros chegaron ó público coa música de Saraibas e nunha Antoloxía de 1984 (57). Outros sairían, ademais de Grial, en Encrucillada e Irimia. Compre engadir que Xosé Antón Miguélez é autor de gran parte dos Himnos litúrxicos da Liturxia das Horas en galego, cos que recentemente volveu aflorar a súa vea poética, abandonada por un tempo.
     Os versos de Miguélez sitúannos na realidade deste crego, teólogo e poeta galeguista, tanto como todo un longo discurso sobre el. É a súa unha poesía que foi definida de "realismo social cristián"; unha poesía fiel ás raíces evanxélicas e galegas nun compromiso de liberación, poesía testemuñal e militante. Como estes versos de Elemental pan de camiño. ("Un cántico en 18 poemas con un prologo homaxe aos bos e xenerosos de Galicia"):

"Coutaron as crestas do teu orgullo
crearemos xuntos dignidades meirandes desde o abismo.
Secaron a túa lingoa gorxa e palabra
repoñerémola arma terrible e doce arte. (...)
Esmagaron a gaita e apagaron a cantiga
Nunha inmensa coral de terra e mar refaremos o canto. (...)". (Do Prólogo)

"Xa o tempero da sega!
Xa o tempo favorable pra seitura!
Xa o día da entrega!
Xa a hora da verdade! (...)
E vexo ao Deus forte e paciente
grande e prudente,
o Deus labrego,
sempre contido, sempre mesurado,
revestirse agora de impaciencia
pra chamarte. (...)". (De A chamada)

"Ti querías ser pan pra unha alegría
pan de convite estarruxente e mol, (...)
Fúchelo ti, Xesús,
pan entregado
no povo e só no povo
comprendido...
ti pan de Deus pra o camiño,
pan pra os pobres,
resucitado e vivo, (...)
Amador e Daniel
recordaremos sempre
o pan das vosas vidas
no asfalto ferrolano sementado. (...)". (De Compre pan pra o deserto)

"Se chega a primavera á nosa Patria
co seu ledo estoupido en volvoretas
e a vedes danzar moza en cada folla
coa brisa lene dos risos dos nenos. (...)". (De Por se chega a primavera á nosa Terra)

Ou estes impresionantes versos de Recuperar a morte:
"Eu non quero unha morte amordazada
quero unha morte tal cal Deus a fixo:
berrándolles aos pobres a esperanza
de que a loita da vida ten sentido,
quéroa a pulso conquerida e gañada
como un regalo por Deus ofrecido;
non a quero pró escape, pra batalla
en cambio por un amor compartido,
non como medio de gañar a alma
mantendo a soedade no individuo,
como encontro total e aperta ancha
con Deus e o mundo sempre perseguidos!. (..)
Amote mundo miña casa, Galicia
doce matria, ámote vida e quentura
prometida, ámote Deus entregado e fuxidío
ámote morte misterio aberto á vida. (...)".

     Non fai falla moita capacidade de análise nin especial formación teolóxica para palpar nestes versos un fervoroso amor á Patria galega, que chega ata o amor político no compromiso cos pobres, e unha fe relixiosa que é calquera cousa menos "opio do pobo". Pero, o mesmo Miguélez teno explicitado desde os seus artigos de Encrucillada e, con menor articulación intelectual, desde as sinxelas páxinas de Irimia. Así, xa no mesmo comezo da primeira das revistas aludidas, no seu artigo "O amor político dos cristiáns", dicía cousas coma estas:

"A grave situación galega é para todos motivo de autoexame e de conversión persoal, e tamén unha invitación a facer saír o Maligno das estructuras sociáis que asoballan ao noso povo... Hai que dicilo claramente: en derradeira análise, a situación galega ten unha raíz política, e política debe ser a súa solución...
Non hai, logo, posíbel neutralidade, senón concesión ao que de feito exerce máis poder. Se a sociedade está dividida en clases con interes contrapostos e enfrentados, intentar a neutralidade supón un imposibel anxelismo que de feito avala a política dominante e fáise cómplice da violencia sobre a que repousa: a explotación do materialismo capitalista, o colonialismo imperialista do diñeiro e do medo á liberdade"(58).

     No mesmo artigo, tras denunciar a lacra do capitalismo (porque é un sistema materialista "en función do lucro e da ganancia", de explotación, de competencia que "fai ó home lobo para o home", elimininativo dos máis débiles, imperialista e infantilizador), os estragos que fai en Galicia, e defender os dereitos nacionais do pobo galego, remata facendo unha chamada a un compromiso socialista e nacionalista dos cristiáns galegos.
     Sobre a cuestión da relación entre galeguismo-nacionalismo e cristianismo ten publicado tamén na revista varios traballos: "O galego na liturxia", co seu compañeiro de traballo pastoral, Manolo Regal, onde elaboran 9 argumentos para facer a liturxia en galego (59). E sobre todo o magnífico "Fe e galeguidade", nacido dunha histórica ponencia para o IV Cruceiro. Xa no primeiro párrafo adianta o que é para el o seu convencemento fundamental:

"A asunción da galeguidade é camiño imprescindíbel, en Galicia, pra acceder a unha fe adulta, viva e liberadora, auténticamente cristiá... Aquelas fes incapaces de asumir a galeguidade son fes hoxe pouco auténticas e pouco fieis á mensaxe cristiá, bloqueadas pra que non poidan representar pro crente unha boa nova practicamente liberadora"(60).

     Miguélez non quere facer afirmacións no ar, por iso, o seu punto de partida é, por unha banda a realidade eclesial galega ("pouco eclesial e abondo clericalizada... pouco galega e galeguizada") e a realidade social galega ("caracterizada polo pouco eco que teñen as alternativas de esquerda e nacionalistas"); e por outra, a presencia de crentes conscientes "que pretendemos tomar cada vez máis en serio a nosa galeguidade e vivila integrada na nosa fe". Con estes presupostos plantéase o desafío de integrar fe e galeguidade nunha situación "lánguida e triste" polo camiño dunha fe cristiá madura, evanxélica, trinitaria e esperanzada, que sexa capaz de romper a ideoloxía do poder que bloquean esa fe e esa galeguidade. Iso só se pode realizar cunha triple conversión: a) Do ahistoricismo á historia, do dualismo á encarnación. b) Do legalismo á fe, da reproducción á creación. c) Do individualismo á fraternidade. Porque o problema non está "no galego", senón na mesma fe como tal:

"Non pode galeguizarse o que é anticarne, antipovo, antihistoria, antigalego. A fe cristiá madura e auténtica é histórica, encarnativa, comunitaria, creadora de dereito e de historia; esa fe si que, por si mesma, se fai galega porque é auténtica fe católica, é dicir, universal no concreto encarnado"(61).

     Non foron estas as únicas ocasións nas que Xosé Antón Miguélez reflexionou sobre o tema que nos ocupa. Aínda publicaría en Encrucillada outros dous traballos máis, co que se convirte na persoa que máis ten elaborado unha reflexión sobre cristianismo e galeguismo: "Galego e nacionalismo: un desafío á Igrexa" e "Fe cristiá e nacionalismo galego". No primeiro, Miguélez vai moito máis aló das argumentacións culturais, antropolóxicas, ou pastorais, para chegar a unha fundamentación teolóxica ¿pode ser cristián en Galicia quen non ame o galego?:

"A teima pola galeguización da Igrexa é algo máis que unha teima cultural e se corresponde cunha preocupación eclesial básica. Máis aínda, é unha cuestión teolóxica na que se está a xogar, coma en tantas outras cousas da vida diaria e social, unha imaxe, unha doctrina e unha vivencia de Deus que pode ser encarnada e salvadora ou abstracta e insignificante, cando non alienadora...
Amar ou non amar a realidade galega e dentro dela coma núcleo sustantivo o idioma galego, ten unha entidade teolóxica clave, pois ven ser como detector da veracidade do Espírito... Podemos afirmar que non se pode ser (bo, auténtico) cristián en Galicia sen ama-lo galego"(62).

     Finalmente, en "Fe cristián e nacionalismo galego" (ponencia para unha das Asembleas de Encrucillada), tras falar do que entende por un nacionalismo liberador e por unha fe liberadora, sintetiza nunha ducia de afirmacións "Como cadran no seu dinamismo a fe e o nacionalismo liberadores". Velaí algunhas:

"Nacionalismo liberador e cristianismo liberador son ambos unha aceptación fundamentalmente amorosa e gozosa da realidade que nos constitúe (a nación e Deus)...
Son ámbolos dous un encontro con algo xerador positivo de vida, que é a un tempo alguén (persoal) e comunidade [un pobo de persoas e un Deus persoal e comunitario]...
Teñen en común que valoran a política e a politización coma madurez no amor ós individuos e ó pobo (galego e humano respectivamente) ...
Teñen en común que ambos son e sábense fillos dunha historia que requiriu etapas e maduracións por veces longas e con aparentes pasos atrás..."(63)

     Pero, antes de rematar, compre ter presente de que Miguélez fala tamén de "evanxelizar o nacionalismo", consciente de que nacionalismo e relixión son simultaneamente dúas realidades grandes e perigosas. A radicalidade nacionalista de Miguélez é vivida tamén por este crego atemperada cunha postura crítica, que reclama unha necesaria autocrítica, que teña moi presente o perigo de posturas intolerantes. En tal sentido deu unha ponencia no ano 1990 nun encontro entre o Grupo Sant Jordi (expoñente da igrexa catalanista) e Encrucillada (representaban o grupo da revista, ademais de Xosé Miguélez, Torres Queiruga, Pilar Wirtz, Ferro Ruibal e outros); o título da ponencia era precisamente "Evanxelizar o nacionalismo". Da súa autoría é un "Decálogo do nacionalismo dos cristiáns" aparecido en Irimia, velaquí algúns pontos:
     —Non é igual o nacionalismo dun pobo dominado que o dun pobo que domina.
     Porque o noso Deus é un Deus de vida e non de morte, o nacionalismo dos cristiáns ten que ser un alento que dea vida ó pobo encollido, inseguro, esgarriado.
     —O nacionalismo dos cristiáns ten que ser un nacionalismo de amor e non de odio, de aposta pola vida, e non pola morte (pacifista e ecoloxista).
     —O nacionalismo do cristián ten que ser un nacionalismo aberto ás outras culturas e ás outras patrias (universalista).
     —O nacionalismo do cristián non pode ser só culturalista, folclórico, ou sentimental. Precisa un compromiso con toda a realidade do pobo (político).



II. MANOLO REGAL LEDO naceu en Chantada un ano despois de Miguélez, en 1947, pero seguiu outros camiños, que habían de marcar fondamente a súa vida. Orfo na súa infancia, entrou cedo no mosteiro benedictino de Samos, onde fixo os estudios eclesiásticos, profesando como monxe co nome de Bernardo. Traballou en proxectos de arte e historia monástica (64). Pero a realidade pouco galega da comunidade creou tensións no xove monxe, que pediu unha exclaustración temporal. Vai a Euzkadi, onde tiña familia, e fai a Licenciatura en Teoloxía na Universidade de Deusto. En Bilbao conecta coas comunidades Fe y Justicia de Patxi Loidi, con quen editará un libro de oración que debe ir xa pola 20ª edición, Gritos y plegarias (65), e que marcará a súa vida polo camiño dun compromiso social máis explícito.
     No ano 79 volve a Galicia, pero xa non o fai reitegrándose ó seu convento de Samos, senón indo a unha aldea rural, onda un cura que xa daquela tiña fama de ser diferente: Xosé Antón Miguélez, o cura de Romariz. Fan equipo, levando varias parroquias (Romariz, Labrada, Galgao, Quende e Fanoi) durante unha ducia de anos, e logo os camiños da vida vainos conducindo por diferentes derroteiros, pero sempre unidos na aposta pola causa de Xesús, a dos pobres e a de Galicia. Manolo Regal abandonará no ano 94 o exercicio do ministerio sacerdotal.
     Como Xosé Antón, colaborará desde o comezo en Encrucillada e Irimia, aínda que a creación teolóxica foi sempre máis obra de Miguélez. Tamén coma el, Manolo Regal é un poeta de versos limpos, sinxelos e populares, cargados de relixiosidade e compromiso cos pobres desta Terra. Unha poesía que se fai oración e que converteu a Manolo Regal no creador máis prolífico de oracións en galego. Os poemas-oración de Manolo son rezados hoxe tanto nos grupos de catequese e os grupos de base, como nas parroquias galeguizadas, ou nas comunidades relixiosas; e non estiveron ausentes de todo nalgunha celebración nunha catedral. En 1988 publica Un caxato para o camiño, onde recolle unha escolma das oracións e versos que fora publicando en Irimia semana tras semana; eu tiven o privilexio de ocupar a portada cunha foto que tomara nos casais de Berdoias. O libro ten versos inesquecibles:

"Louvado sexas, Deus,
nos pobres desta terra,
se o espírito os anima,
faraos donos dela". (De Louvanzas a Deus)

"Nunca digas:
non sei, non vallo, non podo,
non teño forzas,
eu non entendo,
esas cousas para os que saben...
Para facer pobo e Terra,
todos valemos, sabemos e podemos". (De Xuntos facemos pobo)

"Cando dicimos Galicia,
terra e traballo dicimos,
dicimos pobo con forza,
fala galega dicimos. (...)
Cando dicimos Galicia,
un soño grande dicimos,
dicimos cruz e Evanxeo,
Reino de Deus dicimos". (De Cando dicimos Galicia)

     En 1991 publica outro libro semellante, con prólogo de Torres Queiruga ("De libros así vaise tecendo unha vida cristiá integral"): Chorimas. Plegarias de amor e soidade, editado por SEPT:

"Nós soñamos con que un día
o amor sexa libre,
poida circular libremente
polos carreiros todos
do noso corpo e a nosa alma,
do noso pobo e a nosa cidade" (De Soño pequeno)

     Posteriormente saíron da súa prolífica pluma tres libros de comentarios, plegarias e preces para os Evanxeos dos domingos e festivos dos Ciclos Litúrxicos A (Co Evanxeo pola man, 1992), B (Benqueridos amigos, 1993) e C (Convocados para irmandade, 1994), cun tratamento diferente e orixinal en cada un, e plegarias-poemas de gran calidade relixiosa e poética.
     A súa reflexión verqueuna Manolo Regal na revista Encrucillada, sobre todo referente ó mundo rural galego; traballos nacidos en moitas ocasións de ponencias para animadores do mundo rural, pois el foi un dos puntais do "Movemento Rural Cristián Galego". Así: "A convivencia na parroquia rural" (27, 1982), "Mundo rural galego e os seus condicionamentos" (34, 1983), "Un camiño cristián para o mundo rural" (46, 1986), "Ser cristián no mundo rural galego" (56, 1988), e o fermoso "Xesús, aquel home de aldea" (75, 1991). Tamén desde hai anos na súa fiel sección da revista "Rolda da Igrexa", que arrastrou máis dunha polémica.



III. ALFONSO BLANCO TORRADO naceu accidentalmente en Montevideo, no ano 1950, fillo de emigrantes. Movido por unha incipiente vocación sacerdotal, entra no Seminario de Santiago e vai abríndose ó galeguismo da man de Torres Queiruga e outros cregos como Antón Vilasó e Xosé Antón Iglesias (que se verán máis adiante). "Neles descubrín un xeito de vivir o Evanxeo co pobo galego". Por iso, concibirá o seu ministerio sacerdotal como un compromiso liberador e evanxélico con Galicia; nunca foi pola banda ritualista e cultualista ("Nin sequera aprendín a ser crego dese outro xeito").
     No Seminario levou Alfonso unha actividade cultural galeguista moi intensa, organizando recitais de cantautores de "Voces Ceibes" (Xerardo Moscoso, Xoán Rubia,...), teatro comprometido, charlas, ... e ata un curso de galego. Esto non podía menos que crear conflicto no Seminario e é expulsado no curso 1970-71. Foi
ese un ano conflictivo e importante na marcha do Seminario de Santiago; o problema non ía so con Alfonso, pero el era o Delegado de estudiantes e levou a maior parte da responsabilidade. A folga dos seminaristas nese curso viña motivada desde varios frontes: un novo xeito de concebir o Seminario e o ser crego, a relación co pensamento crítico e galeguista que estaba xurdindo en Galicia (Xosé Manuel Beiras,...), e os plans para ir creando equipos de cregos, mestres, médicos, ... que no futuro traballaran conxuntamente nunha zona de Galicia. O detonante do que logo aconteceu (peche do seminario e expulsión de varios seminaristas) foi unha nota de prensa sobre tres conferencias que ía haber no Seminario sobre o proscrito Castelao, a cargo de Ramón Piñeiro, Carvallo Calero, e outros. Tras da expulsión, Alfonso é acollido na diócese de Mondoñedo —verdadeiro "refugium pecatorum" por esas datas— e segue os estudios en Salamanca, onde fai a Licenciatura en Teoloxía.
     En Salamanca xúntanse os estudiantes galegos cristiáns, seminaristas e leigos, con xente que non estaban na cidade da intelectualidade levítica (entre eles X.A. Miguélez, que lles mandou algúns versos desde Barcelona), coa colaboración de Francisco Carballo e os PP Paúles; elaboraban os seus panfletos na "vietnamita" do colexio paúl. Mesmo editaron de maneira popular os libros de Paulo Freire, Karl Marx e Wilhelm Reich. O que non quitaba que animaran unha histórica Misa en galego na igrexa de San Benito. No seu voceiro, O Sacho (Nadal do 1972), escribían:

"Chegue a todos o desexo máis sincero de que o que estamos facendo axude a liberarnos das escravitudes —externas e internas— nas que estamos envoltos, pra que deste xeito podamos liberar ós irmáns da Nosa Terra".

     E recollían uns versos de Miguélez (que alí publicou tamén as súas primeiras reflexións sobre cristianismo e galeguismo político), que expresaba o sentir do grupo:

"Pepiño Aldeán Galego (...)
¿Sentiches, si, meu amigo?
Pois aló! aperta a Deus na túa Terra
sementando
o pan do novo abrente nun suco novo. (...)
Compre cavar arreo,
abrir camiños,
espertar as entrañas
deses montes durmidos. (...)".

     Alfonso volve para Galicia en 1976, ordénase sacerdote, e o bispo Araújo mándao de coadxutor Guitiriz e párroco dunhas parroquias veciñas. Alí traballa especialmente coa mocidade, desde as clases no Instituto e, sobre todo, desde a Asociación Cultural "Xermolos"(66) (coa súa revista do mesmo nome); unha asociación que crea Alfonso ó estilo de "O Galo" e "O Facho", as mais prestixiosas entón. Veñen as acusacións habituais de comunista, que torea habilmente o bispo, e continúa o seu traballo cultural e evanxelizador constante ata o tempo presente. O seu labor galeguizador coa mocidade e os pobos foi recoñecido en máis dunha ocasión; particularmente cunha homenaxe que se lle tributou no ano 1993, sobre todo por parte dos homes e mulleres das Letras do país. As nosa breves e sinxelas verbas naquela homenaxe foron recollidas nun fermoso libro: Alfonso Blanco Torrado. Pregoeiro da luz. "Sempre foi forte en min a teima cultural —dime—. Un dos camiños que sempre me levaron a Deus foi a creación artística, literaria e plástica, aínda que non fora obra de crentes".
     En Guitiriz, sobre todo por medio de "Xermolos", vai entrando en contacto coa xente máis significativa da cultura galega, sobre todo no eido literario (Díaz Castro, Manuel María, Bernardino Graña, Franco Grande, Lois Diéguez, Felipe Senén, Fernán Vello, Dario Xoán Cabana,...). Só chocou cos escritores "vendidos ó poder". "Sempre vin a estes creadores como un sector marxinado pola Igrexa; por iso sempre quixen ser moi acolledor con eles". Esa experiencia humana é en si mesma catequese, tal como a ve Alfonso. Nunca se sentiu escindido no seu ser crego e persoa no mundo. Por esta razón Guitiriz é lugar de encontro de escritores, que atopan sempre en Alfonso unha quente acollida. No ano 1993 correspondéronlle cunha soada homenaxe, na que os escritores lle ofreceron un libro coas súas colaboracións en prosa e en verso, libro no que participamos moitos dos que aquí fomos aparecendo: Pregoeiro da luz.
     Colabora desde o comezo, e de maneira ininterrompida, nas revistas Irimia e Encrucillada, aínda que a actividade febril e diaria deste crego galeguista non lle permite pararse moito para escribir cousa longas, e por iso a súa presencia en Encrucillada é máis que nada testemuñal.



IV. XOSÉ MANUEL CARBALLO é outro crego galeguista con cargo pastoral en varias parroquias e na Delegación de Catequese da súa diócese de Mondoñedo. Escritor, humorista, prestidixitador, animador, "Lucense do ano", ... É un espécime singular desa rica e variada "fauna" clerical. Xosé Manuel é un home de pluma fácil e, a pesar de que ten o tempo sempre moi ocupado —unha das cousas habitualmente máis inútiles é pedirlle algún traballo a quen estea moi folgado—, pedinlle que me puxera por escrito o que a outros adoitei a tomar coa gravadora. Sabía que o ía facer rápido e ben; o resultado foi tan bo, que o lector ha agradecer máis que o deixe falar a el:

"Trouxéronme ó mundo no ano 1944 en san Martiño de Goberno, do concello de Castro de Rei, provincia de Lugo, unha parroquia rural de arredor de cincuenta casas con lume. Non escollín onde nacer, como tampouco puiden escoller a meus pais, pero quérolles ben a eles e ó sitio onde me naceron. Proba diso é que sigo vivindo nel.
Son cura desta mesma parroquia e coñezo o dito evanxélico de que só desprezan a un profeta na súa terra. E, como resulta que eu non noto que me desprecen, unha de dúas: ou os meus veciños disimulan moi ben, ou eu non son profeta. Probablemente sexa esto último, e nese caso a cousa é seria, porque se o sacerdote deixa de ser profeta, tamén deixa de ser crítico e, se non é profeta nin crítico, mal asunto, xa que pode ficar estéril, afogando a Boa Nova, ou reducindo o exercicio do seu ministerio a un culto puramente ritualista.

O de ir parar ó Seminario aló polo ano 1954 foi debido a que na miña casa decidiron darme una preparación, a ver se non tiña que andar embodagado en esterco coma os meus pais e os meus avós, que eran labregos. A eles non lles desgustaba ter un cura na familia, porque eran crentes practicantes e porque tiñan entendido que os señores curas vivían ben, e a min gustábanme os capotes que vestían os cregos nas festas e nos enterros, e fun para Lourenzá e logo pasei a Mondoñedo, coa fin de poder vestir así cando fose grande. Pero á hora de recibir o sacramento da Orde Sacerdotal, xa non o fixen por motivacións tan febles coma unhas vestimentas, que tanto se poden poñer como se poden quitar, e os meus pais dixéronme que non seguise para diante pola simple razón de non darlles a eles un desgusto, que o aprendido ninguén mo podía quitar e que un cacho de pan, malo sexa que non o gañase en calquera sitio. Agradecínlles moito que me dixesen aquelo; pero seguín para adiante.
De momento non me pesou pola decisión tomada aló polo 1966, e hoxe volvería a pedir o mesmo sacramento e pídolle a Deus que mañá tamén.

Xa antes de ordenarme comezara a practicar o ilusionismo como afección, e como un certo xeito de manter e sementar ilusión, pensando en que o día de mañá me sería útil para a catequese e, como o ilusionista ten a rara habilidade de espertar nos demais a ilusión de que un vale máis do que vale en realidade, os meus superiores decidiron quedarse comigo como formador do Seminario. Non cheguei a ser ningunha eminencia, nin ningún erudito pozo de ciencia, pero hai tres ou catro alumnos que me teñen dito que aprenderon comigo cinco ou seis graos de humanismo ¡Xa non foi perder o tempo!
Algún tamén me dixo que daqueles tempos do Seminario arrinca o seu amor ó Galego e a Galicia. Isto éncheme de fachenda, pero o caso é que eu non sabería dicir moi ben de onde arrinca o meu amor por Galicia e polo galego. Segundo hai, polo visto, ciencia infusa, poida que haxa tamén amor infuso e, quizabes, no meu caso sexa unha cuestión de amor infuso á miña terra.

     A cuestión do galego, o galeguismo e a liturxia en galego, é algo do que Xosé Manuel Carballo ten escrito ducias de artigos e sobre o que ten falado en público centos de ocasións. Así me escribía nesta ocasión:

Cando aló polo 1974, por razóns de enfermidade na familia, me nomearon cura de Castro de Rei, Azúmara e Ramil, parroquias veciñas á de Goberno, onde nacera e vivían os meus, xa sentía o galego como a miña lingua oficial. Coido que xa daquela o falaba con bastante soltura, pero aínda hoxe non teño ningún título de iniciación a esta lingua, porque quen me iniciou nela foi o meu pobo, que non estaba capacitado para expedir títulos de iniciación convalidables.
Con todo, cando cheguei de cura a estas parroquias, anque sentía o galego como a miña lingua oficial, seguía sendo o castelán a miña lingua cultural; pero ós poucos meses comecei a notar que era superior ás miñas forzas dirixirme en castelán desde atrás do altar a aqueles mesmos cos que no adro da igrexa estivera falando galego. Non sei por que se me deu na cabeza que, o utilizar linguas distintas antes e despois, o altar que é mesa de comuñón trocábase en sebe de separación e, co consentimento explícito dos curas compañeiros máis achegados, comecei a predicar en galego. Eles tamén se puxeron a facer o mesmo de contado e non houbo maiores problemas.
O pouco tempo caemos na conta curas e fregueses de que non é o mesmo ler nas lecturas da misa velliña que "anciana", xesta que "retama", cadrís que "vértebras lumbares", e acordamos o primeiro, e parece que a cousa tiña outra gracia e que a mensaxe facíase máis intelixible e tampouco houbo maiores problemas, salvo no caso de tres ou catro que necesitaban seguir dicindo e oíndo "anciana" e "retama" para que se notase que tiñan estudios ou cartos.
Home, é certo que tamén había algún que non tiña nada de todo isto e que pensaba que Deus entende mellor o castellano có galego e que é máis propio dirixirse a el na lingua dun imperio ca na das minorías, sobre todo se esa lingua se pode identificar cos pobres; pero iso é debido á gran eficacia da colonización e probablemente á idea dun Deus dos exércitos e non dos desvalidos ... Pero tampouco faltan entre o clero desertores do arado que non queren abrir sucos para sementar a Palabra coa lingua do país e prefiren seguir sucando con arados de importación. Se cadra é porque xa están afeitos a eses aveños e sempre custa experimentar outros novos e, se cadra, é pola eficacia da colonización.
Téñenme dito que 'la utilización del gallego en la liturgia es una cuestión política'. ¡Que listos son os que o din! ¡Eles sábeno ben, por iso o din en castelán! Ó mellor, o feito de que Deus se encarnase nun determinado xeito e nunha determinada cultura tamén é unha cuestión política".

     O cura de Castro de Rei, ademais de atender á súa parroquia ("para que a Boa Nova vaia transformando o que podería ser simple sociedade en comunidade, Pobo de Deus"), colabora na Delegación Diocesana de Catequese e no Equipo dos Secretariados de Catequese de Galicia; tamén colabora no Colexio de EXB con clases e actividades, e puxo en marcha algún grupo de teatro; colabora asiduamente na radio e nos últimos tempos no xornal El Progreso; tivo "algo que ver" con obras de carácter social coma o arranxo dos camiños do seu concello, con teleclubs, asociacións culturais e reelectrificacións,... e aínda ten tempo para contar contos e facer sesións de ilusionismo ante auditorios de pequenos e grandes, cun público que olla e escoita cos ollos estarulados e oído atento. ¡Para que logo digan que o celibato non é productivo!. Xosé Manuel ten moi claro cal é a motivación fundamental de tan atafegada vida, aínda que sabe curarse en saúde sobre a pureza de tal motivación:

"Penso que a motivación fundamental que me move en todo isto é tratar de aproveitar o maior número posible de medios e de poñelos ó servicio dun ministerio, pero puidera darse o caso de que estivese equivocado no referente ás motivacións e que os aplausos e as loubanzas tamén manden en min; porque, se hei dicir a verdade, desgustar non me desgustan".

     Colabora, como se dixo xa, en Irimia desde os seus comezos, cuns contos ("Parábolas", parte delas editadas en libro (67) que para algúns lectores é do que máis agradecen da revista:

"A este movemento e á súa revista lles debo unha meirande comprensión de que a salvación de Deus é para cada home de cada tempo e de cada lugar; polo tanto, desde esta terra e nesta época, o meu cristianismo non se sostería desvencellado dun amor a Galicia, non exclusivista nin separatista, pero si militante".




V. Aínda quedan dous amigos que tiveron un papel fundamental no nacemento de Irimia: Ramón Díaz Raña e Bernardo García Cendán. RAMÓN DÍAZ RAÑA (Arante 1938) estudiou en Mondoñedo e Roma, onde chegou a facer os cursos de Doutoramento en Teoloxía, ordenándose de crego en 1963. Foi primeiro secretario do bispo D. Jacinto Argaya, e coa súa partida é nomeado párroco de San Saturniño; de seguida a súa casa rectoral (no vello convento) converteuse nun verdadeiro viveiro de proxectos pastorais e culturais galeguistas. Alí naceu o grupo musical Saraibas e alí funcionou o equipo de Boa Nova na súa mellor etapa (Manolo Cillero, Chao Rego, Bernardo Garcia Cendán, Martiño Montero, Xaquín Campo, Alfonso Gil,...), que eu collín nos últimos anos. Alí se artellaron as primeiras Romaxes de Crentes Galegos (o mesmo Raña presidiu a polémica celebración da I Romaxe no pedregal de Irimia-Meira) e alí se puxo a andar a revista Irimia (noutro lugar teño escrito xa como o que isto escribe chegou a coller a responsabilidade da dirección da revista, cando cheguei de Salamanca no ano 1981, pola ousadía de Raña que mo propuxo nunha das primeiras reunións nas que participei en Boa Nova ). Hoxe fora do traballo pastoral de crego, Raña foi un dos curas máis activos e entregados que coñecín; radicalmente comprometido coa causa dunha Igrexa Galega, non puido aturar a lentitude do proceso e a desconfianza dos xerarcas da súa Igrexa fronte a ese fermoso proxecto.

     BERNARDO GARCIA CENDÁN (Vilalba 1941), tamén é crego mindoniense. Tras ordenarse de crego en 1965, foi estudiar Socioloxía e Filosofía a París tres anos despois, en plena efervescencia do 68 francés, botando aló cinco anos (1968-73). De familia galegofalante, pero que non lle falaba galego ós seus fillos, como adoitaba ocurrir daquela, e aínda hoxe, comeza a falar galego no Seminario, "gracias ós meus amigos do mundo rural Tamén aproveita para dicirme Bernardo que Antonio Rouco —futuro arcebispo de Santiago— lles insistía que tiñan que falar castelán, porque senón non o saberían falar logo; cousa que tamén os corrixía de cando en vez o mesmo Chao. En París buscaba avidamente os libros prohibidos que lle falaran de Galicia, e contactou cos emigrantes galeguistas e republicanos; pero tamén veu a contradicción dos galegos que "querían falar castelán con acento andaluz", e a marxinación dos vagóns de terceira que traían ós galegos ("os bos ían a Cataluña e o
Levante"). A tese marxista da agudización das contradiccións —posiblemente sen ser de xeito consciente-levouno a decidirse por un compromiso cunha Terra asoballada.
     No ano 1973 ven para Ferrol, á parroquia do Socorro, unha parroquia moi tradicional, corazón do "ferrolanismo", o que supón unha dificultade grande no proceso de galeguización. Participa nos Coloquios e en todo o que organizan os grupos galeguistas de Igrexa: colabora na creación de Encrucillada e das Romaxes, Irimia, ...
Bernardo, entre outras cousas, é poeta e músico, o que representou un aporte fundamental para as creativas liturxias das Romaxes, ás que lles compuxo varios poemas e cantos; entre eles, o seu emblemático "O noso Credo". Tamén compuxo cancións para as celebracións litúrxicas ("Xurdirá, "Son ledicia e son cantar", "Xuntiños", etc. moitos aparecidos no libro A Terra que canta, editado por Irimia), e para o grupo Saraibas ("Xa non podemos calar", "Canción a un pai", ...).

"Coa forza do noso pobo
hoxe proclamo o meu Credo,
quero ser un home
porque eu renazo galego.

Creo en Deus, dono da vida
que brinca nas nosas leiras (...)

Creo no Cristo que vive
naquel que deixa suores (...)

Creo no Esprito que vive
na liberdade e libera,
anima ós homes que loitan
pra ser donos da súa Terra.
Vive en quen racha cadeas
e xurde nos nosos nenos
cando falan sen complexos
a lingua dos devanceiros (...)" (O noso Credo)






6. O outro galeguismo cristián: Martinho Montero Santalha e os reintegracionistas

"O meu amigo [Manuel Rodrigues Lapa (68), un día comenzou a sentir temor polo futuro do galego. A emigración en masa da mocedade campesiña, a aculturación oficial intensiva, a alarma dos xóvenes escritores, despertaron no espírito do gran galego de Anadía unha grave e crecente preocupación: ¿sobrevivirá o galego? ¿sucumbirá?... Un día e outro, e cada día con máis forza, xurdían as dúbidas punxentes: ¿morrerá o galego? Mas, un día, as dúbidas desapareceron de súpeto. Unha raiola de luz quente que viña do fondo do corazón anulounas para sempre con unha mensaxe inequívoca: ¡Non, o galego non morrerá! ¡Seguirá vivo no portugués!. O noso grande amigo ficóu tranquilo, feliz mesmo. O galego ten asegurada a súa pervivencia e a súa crecente universalidade no portugués.

Unha idea que resolvía tan definitivamente as magoantes dúbidas, tiña que engaiolar a mente idealista e movilizar o temperamento radical do meu querido amigo. E así foi. Galgando por enriba da vontade de pervivencia do galego e pechando os ollos á realidade dos seus logros e posibilidades literarias, concluíu que a solución —a salvación— dos galegos que queiran seguir sendo culturalmente galegos é ... escribir en portugués" (69) Este longo e fermoso texto de Ramón Piñeiro manifesta con todo o seu dramatismo a escisión meirande que se da hoxe no galego: os que queren convertilo en lingua autónoma, aínda que parente do portugués, e os que postulan asimilalo ó portugués, de onde non debeu esgazarse nunca. Os que manteñen a primeira postura chegan a afirmar, nunha expresión extrema, que sería sucumbir a un "imperialismo" do portugués o feito de que o galego se anulara como lingua literaria independente. Os que defenden a segunda —os reintegracionistas ou lusistas— cren firmemente que querer manterse como lingua independente do portugués (isolacionacionismo) será o suicidio do galego a mans do castelán . A oposición parece irreductible e crea unha loita fratricida que semella na súa virulencia —cultural— a dureza de tódalas guerras de irmáns. Os primeiros cualifican de "sectarios" ós segundos, e estes cualifican de "vendidos ó poder" ós primeiros.
     Carvalho Calero (1910-1990), o egrexio profesor e escritor que veu ser a bandeira máis alta dos reintegracionistas polo seu prestixio na cultura galega, dixo con dureza:
"A imposiçom dumha soluçón pola força ou pola milagrosa inspiraçom da colectividade nun consenso universal, é unha fata utopía. No entanto, precisamente porque a inflaçom de retórica pseudodemocrática tende a igualar as opinións dos ignorantes coas dos doutos e a reivindicar o valor do número nas decisons...
Muitos séculos de castelanizaçom tenhem influído na mentalidade dos galegos de tal jeito que mesmo os galeguistas mais radicais revelan as veces o seu castelanismo. O nacionalismo lingüístico que propugna o isolamento do galego, parece inconsciente manifestaçóm de vassalage ao ponto de vista centralista castelam. O isolacionismo fronte ao português... nom pode conduzir senom ao bloqueio das possibilidades de expansom do noso idioma...
O 'espléndido isolamento' do galego é um suicídio ou um assasinato por asfixia, o sonho anacrónico e utópico dum galego arquidiocesano, cismático, provincial, ... está sendo abandonado polos galegos que se decatam do tempo e o lugar en que vivemos"(70)

     "Cada vello que morre é un galegofalante menos, pois non vai ser reposto por un novo", dime Martinho Montero no seu cuarto da Domus Ecclesiae de Ferrol, rodeado de libros e moreas papeis. Séntese marxinado e magoado, coma o caso dos seus compañeiros reintegracionaistas; pero el particularmente máis, por sentirse traizoado pola súa Igrexa Galega, polos compañeiros no pequeno barco de cristiáns galeguistas. El e outro clérigo, Isaac Alonso Estravís (71), son os máis importantes representantes dese "outro galeguismo cristián"(72), unha cosmovisión alternativa do que debe ser a Galicia e o papel da Igrexa; aínda que Martinho non dubida en dicirme que os "outros" son os demais, que eles non se moveron de onde estaban desde o comezo, porque a súa é a única postura viabel para o galego.
     José-Martinho Montero Santalha naceu en Cerdido no ano 1947, realizou os estudios eclesiásticos entre o Seminario de Mondoñedo e a Universidade Gregoriana de Roma, onde se licenciou en Filosofía e Teoloxía. Nesta última disciplina fixo os cursos de Doutoramento, e ten practicamente rematados os traballos da súa Tese, que non chegou a presentar "por falla de motivación"; o tema é ben interesante: "A linguaxe relixiosa". En Roma (1965-74) forma parte moi activa do grupo dos "Irmandiños", xa aludido; como outros tantos, foi alí onde espertou á realidade galega, descuberta que se converteu en tarefa galeguista. Ordenouse sacerdote en 1971, cunha particularidade importante: foi a primeira ordenación en galego; de mans de Don Miguel Araújo e con textos do mesmo Martinho. Traballou pastoralmente nas parroquias do Carme e San Paulo de Catabois, no Ferrol. Foi profesor de Teoloxía na Universidade Gregoriana, no Instituto Teolóxico Compostelán de Santiago e na Escola Diocesana de Teoloxía, da que foi director. Deu tamén clases de idiomas en Ferrol, onde vive actualmente. Ademais do estudios de Filosofía e Teoloxía, é tamén licenciado en Filoloxía Románica e titulado en Inglés, Alemán, Italiano e Arabe.
     Recibiu varios premios, coma o Fernández Latorre de Xornalismo e o Carvalho Calero de Investigación Lingüístico-Literaria (1992) e de Narrativa (1993). É membro fundador da Associaçóm Galega da Lingua (AGAL) (73) A asociación, segundo conta Henriquez Salido, constituíu de contado unha "Comissom de textos relixiosos por motivo de oferecer os criterios de leitura que permitissen usar na Galiza os textos litúrxico luso-brasileiros, já aprovados pola Santa Sé. Com esta iniciativa tencionáva-se proporcionar aos crentes galegos de tendência reintegracionista os textos litúrxico e religiosos em geral, estabelecendo unha alternativa ao chamado Misal galego que se estaba a elaborar e que respondía unicamente às ideias lingísticas da tendência anti-reintegracionista ou isolacionista. Esta Comisson consegui manter entrevistas com bispos galegos e o cardeal Suquia em Compostela; estava constituida por Issaac Alonso Estravis, Mª das Dores Arribe Dopico, Joaquim Campo Freire, Mª do Carmo Henriquez, Antonio Gil Hernández, J.M. Montero Santalha, José Luis Rodríguez e Joám Trilho Pérez". "Dom Ricardo Carvalho Calero na vida da Associaçom Galega da Lingua", Agalia 29, 1992, paxs. 27-28 e da súa revista Agalia (1985), presidiu as Irmandades da Fala, outro grupo lusófono. E ten publicado varios libros, ademais de ducias de artigos, principalmente de tema lingüístico (74): Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa
(Ferrol 1979), Método práctico de língua galego-portuguesa (Ourense 1983), e o seu magno traballo sobre Carballo Calero Carballo Calero e a súa obra (Santiago 1993). Finalmente, a mesma editorial (Laiovento) publicou no ano 1994 a súa novela Oxalá voltasem tempos idos, na que recrea o personaxe Felipe de Amancia, do Merlín e familia cunqueirián, con novas historias. Tamén formou parte do equipo de traductores do Novo Testamento ó galego e colaborou moi activamente nos traballos do Concilio Pastoral de Galicia.
     Martinho foi un dos iniciadores desas dúas realidades tan ricas da Igrexa galega, como foron o equipo Boa Nova e a revista Encrucillada; en ambas traballou ardegamente. En Boa Nova colaborou desde o seu comezo en 1974, ata a súa fin en 1983. Unha das súas aportacións máis destacadas ó excelente material catequético e litúrxico elaborado po este equipo, foi un traballo publicado en varias entregas das "Introduccións teolóxicas pro ano litúrxico", levaba por título Fe cristiá e nacionalismo galego (75)É boa pena que o magnífico material elaborado anonimamente nestas Introduccións Teolóxicas de Boa Nova non chegue a ver a luz para o gran público. En gran parte conservan aínda a actualidade e estanse a editar cousas de moito menos valor.. Respecto de Encrucillada, Martinho foi da Mesa de Redacción os tres primeiros anos da revista, e figurou aínda algún tempo máis no Consello de Redacción. No nº1 xa saíu precisamente un artigo seu co título "A Igrexa en Portugal". Nos números seguintes foron aparecendo varios artigos e colaboracións; a última foi no nº 10 (Decembro de 1978) cunha recensión crítica sobre a edición galega do Ritual do Bautismo de Nenos.
     Compre engadir tamén, para empatizar con este cristián galeguista, un dato moi importante, descoñecido ata hai ben pouco tempo para a maioría e que xa se pode dicir publicamente. É da autoría de Martinho Montero o primeiro proxecto da famosa pastoral de Don Miguel-Anxo Araújo A fe cristiá ante a cuestión da Lingua Galega, tal como recoñece o mesmo ex-bispo de Mondoñedo nas súas memorias:

"Quero ter unha memoria agradecida para Martiño Montero, que foi quen redactou, pola miña suxerencia, o primeiro borrador da carta pastoral sobre a Lingua galega e a Igrexa"(76).

     Moitos antigos compañeiros se estrañan de non velo desde hai anos nin na revista, nin nos foros dos cristiáns galeguistas, interpretando coma unha automarxinación. "Non estou ó marxe —di—, estou marxinado. Mesmo sigo sendo suscriptor de Encrucillada, coa estrañeza dos meus amigos. Foron eles os que me excluíron... Eu non cambiei, foi a xente a que cambiou, o grupo de poder que controla hoxe a lingua e os que se deixan levar polas súas directrices". Por iso, Montero Santalha conta que xa recibiu máis dunha suxerencia para crear unha nova publicación "que non sexa sectaria", e asuma os seus posicionamentos verbo da lingua, permitindo unha reflexión cristiá ó estilo da revista que lles pecha as súas portas... lingüisticamente.
     As posturas reintegracionistas de Martinho viñan de vello. Xa nos seus anos de Roma publicou con outros compañeiros un Manifesto para a supervivencia da cultura galega (1974)(77), que se converteu nun
verdadeiro texto emblemático do reintegracionismo actual, influíndo no mesmo Carballo Calero. En 1976 publica en Grial tamén outro texto importante Unificación ortográfica galego-portuguesa: "O galego é unha variedade ou modalidade da lingua portuguesa... A actual ortografía separatista galega está orixinada máis polas circunstancias socio-políticas que por factores de natureza lingüística"(78). Logo virían textos máis radicais.
     Martinho Montero Santalha representa outra cara do galeguismo cristián, a súa visión da historia recente e da realidade presente do galeguismo é alternativa á dos dous persoeiros que víamos anteriormente (Torres Queiruga e Chao Rego). Pero el segue considerándose un crego desta Igrexa galega, consciente das súas contradiccións e de posturas que non comparte; segue a exercer o seu ministerio sacerdotal desde as súas celebracións en galego-portugués nunha parroquia de Ferrol. No seu eido reintegracionista, o P. Martinho é considerado algo así como o "padre espiritual" do movemento; oficia as Eucaristías nos Congresos de AGAL e veu ser un dos persoeiros máis respectados nesta organización, que forman en gran parte cristiáns galegos. Crente e practicante, cre que a opción cristiá esixe un compromiso, mesmo coa Igrexa; por iso, "cando me toca falar con galeguistas non cristiáns, teño que defender á Igrexa, porque eu tamén son da Igrexa; e diante desta, teño que defender ós galeguistas, porque eu amo á miña Terra". Co que máis sofre é coa incomprensión por parte dos cristiáns galeguistas antireintegracionistas. Quizais non saiba que tamén moitos dos "outros" sofren por non poder contar coa súa colaboración e seguir facendo o traballo xuntos, xa que todos queren camiñar cara ó mesmo porto: unha Igrexa comprometida coa realidade do seu pobo e defensora das súas esencias, consciente de que "a lingua é o seu escudo" nacional.





7. Curas nas organizacións nacionalistas: Moncho Valcarce, Francisco Carballo,
X.A. Iglesias, Gumersindo Campaña e os Peleteiros

     O clero galego contemporáneo non só estivo comprometido co galeguismo desde a reflexión e a escrita, tamén participou cun compromiso político activo nas organizaciós nacionalistas radicais. Compre salientar de entrada, que estes cregos que imos ver agora, aínda que o seu labor pastoral pasou polo lume do compromiso máis conflictivo, na fronteira, seguiron sendo cregos; e hoxe, moitos anos despois, séntense aínda máis cregos. Moncho Valcarce non, o "corviño" do cancro acabou recentemente con el.



I. MONCHO VALCARCE."O derradeiro cura comunista", así titulei un artigo con ocasión do seu pasamento, dicindo que este cura era "dos que non abandonaron nin o ministerio sacerdotal, nin a súa militancia política nun partido socialista e nacionalista"(79). "Un home grande que fixo unha aposta seria polos pobres —escribín noutro lugar— e que se mantivo incólume ata a fin da súa vida"(80). "O crego revolucionario", chamouno
Espiña desde o seu Outeiro (81). "O Che galego, ou Basilio Álvarez renovado", chámalle Queiruga (82). Unha cruz, o retrato do Che Guevara e a bandeira galega coa estrela bermella, eran os seus símbolos; e tíñaos ós tres na súa igrexa parroquial. No cadaleito ía tal como el mesmo dispuxo: vestido de alba e casula, coa caixa envolta na bandeira galega. As Encrobas, Baldaio, Xove e tódalas loitas labregas eran as súas credenciais; pero tamén outras que non quedaron desveladas para a maioría ata a aparición do seu Diario íntimo, pouco despois da súa morte.
     Non é de estrañar que a Moncho non o entendera a súa Igrexa, pero si as clases populares do seu país, que fixeron del un mito. O periódico nacionalista A Nosa Terra publicou un artigo do seu director co título: "Moncho Valcarce, un símbolo da loita labrega" (4-II-93). Dous poemas aparecidos neste diario, deixan clara constancia do que representa no mundo do nacionalismo:

"(...) Ti, compañeiro,
segues a ir polo monte,
como a mellor testemuña
da liberación do home (...)
Na historia está escrito xa o teu nome,
e o vento mareiro achégao
polos catro esquinais
da nosa Patria Unica;
da Nosa, Sempre Nosa,
como mais gloria
da túa condición militante" (M.Lugris)

"Moncho Valcarce querido:
deixas na Historia Galega
cheiña de pan a moega,
ateigada de pantrigo
prá nosa fama galega.
Fixeches a Deus amigo,
a Cristo noso irmanciño" (X.Fraga)

     Non importa a calidade cativa dos versos, si o que representan; o mesmo que a morea de notas necrolóxicas que cubriron unha páxina dun xornal o día do seu enterro. Notas necrolóxicas atípicas dos seus compañeiros de militancia, e dos seus fregueses e amigos. Desde a famosa frase de Bertold Brecht ("Hai homes que loitan un día e son bos... Pero hainos que loitan toda a vida, eses son os imprescindibles") a "Durma en paz... o que foi guía de xentes e sirva de exemplo ás xeracións vindeiras", que soa a frase louvosa sobre Castelao ou calquera dos galegos egrexios da nosa historia.
     Moncho Valcarce nacera en 1935 en A Coruña, no seo dunha familia burguesa de comerciantes leoneses. Estudia Dereito na Universidade compostelá, e no último ano da carreira "dálle a vena mística" —como me comenta o seu amigo tamén crego, Vicente Cerdeiriña— e decide facerse crego. Ingresa no Seminario de Santiago en 1960 á edade serodia de 24 anos, aturando coa vontade do converso uns compañeiros máis novos e un ambiente deplorable. "Non nos educaban para curas abertos, senón para cregos de sancristía", ten comentado Moncho. No terceiro ano pasa a facer os estudios de Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma, onde atopa un ambiente máis rico teolóxica, social e culturalmente. Alí ten tamén os seus primeiros contactos coa política, coñecendo algún cura militante do PCI; coñece o socialismo á par da Teoloxía. Pronto volve a Santiago, para non se desgaleguizar, pero é expulsado do Seminario por presentar un escrito contra o tipo de ensino e organización do centro. Xa daquela tiña fama de loitador e de místico a un tempo, polo que é readmitido tras un ano na Coruña, baixo a tutela de Manuel Espiña. Por fin ordénase sacerdote no 1969.
     O seu primeiro destino é a parroquia de Sésamo (Culleredo), onde vai practicar desde o comezo un estilo novo de pastoral: gratuidade do ministerio, sinxeleza e compromiso coa realidade social do pobo ...; mesmo renuncia á paga da diócese e ponse a traballar de obreiro para gañarse a vida. "A pobreza e a humildade van ser as características da súa función presbiteral", comentan os veciños(83); nin un cativo coche. "A eucaristía celebrabaa con molete e viño do ribeiro, nun intento de autoidentificación popular, á vez que convertía as misas en verdadeiras ágoras abertas á comunicación socia"(84). "A súa teima era presentar unha Igrexa espida de todo poder", comenta Espiña. Por iso a porta da rectoral está sempre aberta, e pronto se transforma a casa nun centro cívico-cultural e "nun foco de loita social"; as leiras do igrexario convértense en lugar de acampada xuvenil. Alí comeza a falar galego e galeguiza toda a liturxia, mesmo nunha famosa romaría, na que fai ondear por vez primeira nunha igrexa a bandeira galega. Así, chega a facer de súa parroquia de Sésamo "un bastión contra a dictadura franquista", comentase no libro citado dos seus antigos fregreses e amigos.
     Politicamente, aproxímase primeiro ó Partido Comunista, custodiando o seu aparato de propaganda nos baixos da rectoral; colabora coas Comisións Campesiñas, participa en mitins de partidos á esquerda do PCE (PCI-PT), polo que é detido. Desde 1976 vaise achegando ó nacionalismo, colaborando na fundación das Comisións Labregas, e ingresando na ANPG en 1977, ano de febril actividade política e social para Moncho."Todo desde unha opción de fe", coméntame o seu amigo Cerdeiriña, non desde unha pura racionalidade política; por iso non foi cacique na súa relación coa xente nin buscou o protagonismo persoal.
     Nese ano recibe o carné nº 1 do sindicato CCLL. Alí di verbas históricas: "Si queremos que algún día remate a explotación á que estamos sometidos, soamente o conseguiremos cando cada labrego teña un carne das CCLL no peto". Tamén a finais dese ano o BNG preséntao como cabeza de lista pola candidatura da Coruña para o senado nas primeiras eleccións democráticas. E 1979 é elixido Concelleiro do BNPG no Axuntamento de Culleredo, facendo que ondeara a bandeira galega e animando a vida cultural do concello, ademais de reivindicar os dereitos dos máis desfavorecidos. Pero daquela xa tiña unha longa e intensa experiencia política, pola súa participación nas loitas populares de As Encrobas, Xove e Baldaio; como anos despois As Enchousas.
     As Encrobas, Febreiro de 1977, a destrucción dunha parroquia "en aras do progreso" provoca a reacción dos labregos, Moncho Valcarce está á cabeza no momento máis dramático: a carga policial; era a súa primeira gran loita política; para sempre lle quedaría o alcume de "cura das Encrobas". Xove, Abril do 77, unha longa serpe de máis de 2 Km. de xente vai cara a Xove a manifestarse contra a implantación dunha central nuclear, que suporía un tremendo perigo e un grave prexuízo para a vida do concello; Moncho Valcarce está á
fronte, arengando á xente con verbas radicais. Baldaio, maio do 77, nunha magna manifestación os veciños piden a devolución da praia, expoliada por unha empresa areeira, e nas marismas a policía carga contra os manifestantes, entre os que está o inefable Moncho que é levado á cadea. E aínda, antes de acabar este movido ano, Moncho participa nunha loita máis, a do NON á Cota Empresarial. Entre as grandes loitas deste cura, non se pode esquecer tampouco a que fixo a carón dos labregos desafiuzados das Enchousas (1984), coa impresionante imaxe de Moncho subido ó cazo da escavadora que ia derrubar as casas; tamén é detido. Non é de estrañar que ese ano a revista sensacionalista Interviu lle fixera unha longa reportaxe.
     Os seus últimos anos foron en Salamanca primeiro (1987-88), nun curso de reciclaxe na súa Universidade Pontificia (froito daquel ano é o seu traballo O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galicia, no que ratifica o seu compromiso cristiá e galeguista); e en As Pontes despois, volvendo ó traballo pastoral nunhas parroquias limítrofes coa diócese de Mondoñedo, pero agora coordinado co equipo de curas e monxas desta vila. Aínda participa nos conflictos de Larín, en apoio dos caseiros. A finais de 1991 descúbreselle o cancro, que o vai comer en pouco máis dun ano, morrendo en Febreiro do 1993.
     Xa quedou patente o compromiso e a actividade política militante de Moncho Valcarce. Era o máis coñecido da súa vida; o que xa resultaba un enigma para moita xente era como este cura vivía a súa fe e o seu ministerio pastoral. Os máis achegados sabían que era tan radical nesto como en aquelo. Por iso, negábase a facer vodas —relixiosas—farsa aínda que foran dos seus compañeiros de militancia na ANPG, porque "vós non credes". Moncho sufría porque moitos dos seus compañeiros na loita política non comprendían nin empatizaban coas súas opcións de fe. Algúns compañeiros curas sabían que Moncho, ademais dun militante e un profeta, era un místico, pero a maioría non chegamos a descubrilo ata despois da súa morte, coa publicación do seu Diario.
     O libro, que non é obra dun escritor de oficio, manifesta unha fondura e delicadeza de fe abraiante, con páxinas que fixeron chorar a máis dun, polos sentimentos e a beleza literaria ó escribilos. Toda a obra é estarrecedora, pois é a de "un condenado a morte", como recoñece, que quere contar a súa verdade máis íntima. E a verdade máis fonda de Moncho é a súa fe en Xesús Cristo, o Liberador, e en Deus Pai, que o levou a unha aposta por Galicia e polos oprimidos. "Pobre Deus —confesa—¡cantas lle cargamos! Co tempo descubrín o Deus de Xesús, o Abba. Un Deus que quere a nosa vida, quérea tanto, que a morte non é morte" (pax. 33). Por iso non lle ten medo á morte (¡Moncho, que era tan mixiricas, para as dores!. "Sempre tiven, máis que medo, pavor á dor" pax. 71); por iso ve a mesma morte con esperanza, coma un encontro co Pai Deus.

"A morte é a porta do infinito; non é escuridade, é luz, non é condena, é amor. O triunfo da Cruz e do Rexurdimento, así coma Xesús de Nazaré se transformou en Cristo, o Señor, eu transformareime, polo seu triunfo, en señor co Señor; xa non serei o Moncho pecador, mentireiro, egoísta, orgulloso, serei Cristo en Cristo" (pax.32).

"Para min, a luz é o infinito, o Pai Deus, por iso non lle teño medo á morte" (pax. 46).

"Se por unha banda, o físico cae e se rende, o espírito cada vez ten máis valor moral, está máis forte. Se pouco a pouco miro o mundo máis lonxe, sinto a Deus máis preto" (pax. 72)

     Mesmo, interpreta as palabras de Xesús Cristo na cruz "Señor, por que me abandonaches", non como desespero, senón en clave de esperanza: "son un canto á confianza no ben" (pax. 38). A vida non ten sentido para Moncho máis que coma unha candea que serva para dar algo de luz ós demais, a luz do Evanxeo, e a teoloxía "abrir camiños ós peregrinos". "Pregúntome se a miña luz serviu e aínda serve para dar testemuño do Evanxeo. O que fixen, fíxeno convencido de que defendía valores evanxélicos". Por iso, non renega da súa opción de crego, senón máis ben a ve coma o mellor canle da súa vida para levar adiante esta tarefa: "Mantívenme fiel ó meu sacerdocio. Tiven moita sorte, xa que atopei amigos sinceros que me axudaron". Láiase, en cambio de que "hoxe fálase moi pouco de esperanza, e sen Esperanza non hai Fe nin Amor... o noso traballo é inútil" (pax.47). Por iso, mesmo asume a súa dor e a súa enfermidade coma forza de liberación para os irmáns:

"¡Señor, Deus, axúdame! Que o malestar que teño sexa liberación para os oprimidos, axuda para todos... dunha maneira especial as parroquias benqueridas de As Pontes, Sésamo, Sueiro, Poio" (pax. 37). "Xunto o meu sufrimento ó da Humanidade doente para axudar a transformala... Na Cruz converxen tódalas dores para transformarse en Esperanza" (pax. 42).

     O libro manifesta unha boa teoloxía, actual e ben asentada no Evanxeo: "A dor rexorde con Cristo, que deu unha aperta a toda dor da Historia" (pax. 42). O sentido da cruz é a asunción da dor e a opresión humana, para salvar desde a mesma entraña do mal: unha historia de opresión.
     Moncho valora moito a oración, non coma expresión dun pedir egoísta, ou un consolo alienante, senón coma encontro con Deus, particularmente a oración dos Salmos. Na primeira páxina do seu Breviario galego (A oración da comunidade cristiá), escribiu:

"A oración non é un consolo, un calmante para adormecer e fuxir da realidade. É unha forza para vivir a realidade coa luz da Fe nun mundo sen dor; unha forza para loitar coa dor en tódalas súas manifestacións; unha forza para axudar a descubrir o Rexurdimento acochado nunha cruz instrumento de xusticia. A oración non é aguillón, é calmante que obriga a camiñar" (e firma o 18-II-92 na Residencia).

     E valora a eucaristía; vede estas fermosas palabras, transidas de fe na presencia dun Deus que se fai pan, mantenza para o corpo e o espírito:

"Hai cinco minutos José avisou a toque de badal que comezaba a Eucaristía... Xúntome a el e a tódolos participantes; recibín hai dez minutos o Pan da Vida... Que a vida de todos nós, Señor, sexa un cántico permanente á túa misericordia fiel e o Pan que xuntiños comemos nos sirva para compartir dende ser compañeiros, por participar dunha mesma fe...
Gracias polo Pan, máis que lembranza de Cristo, presencia misteriosa, presencia real... Andamos a buscar milagres por tódolos lados, a aparicións por outros, e non vemos o gran milagre cotián da multiplicación dun mesmo Pan que está na Gaiteira e en As Pontes, en o Cebreiro e A Guarda. Son aparicións dun mesmo Cristo, que cura as doenzas do espírito, da alentos para as físicas a todos, e cando nos xuntamos dáno-la man e di: Ven, non teñas medo" (pax. 80).

     Cara ó remate fai unha confesión fonda sobre a súa vida, diante de Xesús Cristo, o Señor, onde se ve a motivación crente que marcou a súa vida:

"Ti coñécesme mellor do que eu me vexo, sabes que busco, onte e hoxe unha resposta ó meu vivir.
Nalgunha ocasión demandei se era sincero o meu actuar como abade. Se camiñaba polas corredoiras marxinais loitando, berrando e esixindo xustiza cos ollos no crucificado, ou era a fascinación do liderato, o apoio ó grupo político" (pax. 139).




II. Coñecín a FRANCISCO CARBALLO CARBALLO coma un cura que escribía criticamente a Historia de Galicia e, sobre todo, que militaba activamente na política nacionalista. Creo que é esta a imaxe que prevaleceu para a maioría dos que o coñecen, vinculado indisolublemente ó periódico nacionalista A Nosa Terra. Cumprirá revisar os tópicos, deixando sobre todo falar ó protagonista, que manifesta claramente como as claves da súa vida non están na política, senón na súa fe e no compromiso desta coa realidade concreta na que está, Galicia, particularmente no eido cultural.
     Naceu no ano 1925 en Maseda (Ourense), entrou cedo nos PP.Paúles, unha orde relixiosa fundada no 1618 polo santo francés Vicente de Paúl (1590-1660) co compromiso de formación do clero e a atención ás misións populares, pois foi un santo moi sensible a realidade do pobo, sobre todo dos máis pobres (fundou tamén as Fillas da Caridade, de carácter asistencial). Fixo os estudios eclesiásticos primeiro no colexio do santuario ourensán dos Milagres, e logo en Madrid (Filosofía e Teoloxía); logo faría tamén na capital a Licenciatura en Historia, que completaría coa Diplomatura en Socioloxía e Idiomas. Novicio paúl, profesor dos filósofos e dos teólogos nada máis acabar os estudios, director do colexio dos Paúles de Baracaldo e rector do Colexio Maior da congregación en Salamanca durante máis de seis anos, membro do Consello Provincial, ... foi —como el mesmo me confesa— "un home totalmente do aparato eclesiástico". Como un frade nun convento, vivía a anos luz do que era a realidade mundana, esa na que se daría moito máis que un baño cativo anos despois: "A participación na política foi coma un baño no mar da realidade, foi coma unha magnífica piscina para poder nadar libremente".
     Comeza xa na infancia unha relación consciente coa realidade de Galicia, pois era dunha familia na que quedaban restos do vello galeguismo. "Na miña casa había unha boa biblioteca galega e portuguesa; lin Os Lusíadas ós 11 anos: sempre levei na mente o aprecio á cultura propia". Pero a preocupación directa e comprometida chegou polos anos 60, lonxe da terra —para non variar...—a  través das publicación galegas Galicia emigrante e Terra e tempo; logo recibiría en Salamanca Grial, Revista de Economía de Galicia, etc. Particularmente valora a súa relación cos seminaristas de Mondoñedo en Salamanca, coas súas revistas Anduriña e O Sacho.
     Veu para Galicia no 73, como profesor do Instituto de Vigo, do que foi director. Funda a Asociación Cultural desa cidade, da que foi presidente moitos anos (85)e alí ponse en contacto non so co movemento cultural, senón tamén o movemento social (por medio da UTEG), político (a A.C. de Vigo era o espacio no que se debatían neses anos os grandes problemas da esquerda e o nacionalismo) e o movemento relixioso galeguista (coñece ó P. Seixas e a súa comunidade, participa moi activamente nos Coloquios, ...). Logo participará tamén na formación de Encrucillada e de Irimia.
     Os PP. Paúles tiñan dous núcleos progresistas en Galicia, os de Vigo, que se dedicaban o mundo obreiro, e os Peleteiros de Filgueira de Barranca, que se dedicaban ó mundo rural (tres irmáns cregos dos que se falará máis adiante). O obxectivo e o proxecto común era crear en Galicia unha Igrexa inculturada e traballar pola promoción das clases socias máis desfavorecidas, labregos, obreiros e mariñeiros.
     Vaise comprometendo cada vez máis tamén co Bloque Nacional Popular Galego como militante independente (non foi nunca do partido, a UPG), participando en mitins e indo nas súas candidaturas. Foi o nº 1 da candidatura para o Senado por Ourense nas primeiras eleccións democráticas; confesa que "participei nela tan so por unha razón de defensa do débil" e porque non había xente suficiente. Foi famosa a súa participación nun mitin do 25 de Xullo en A Quintana. Tivo un papel activo na política ata o ano 1985, abandonando ese labor pola necesidade de reducir a súa actividade por razóns de saúde; opta entón por dedicarse só o aspecto cultural e social, político, pero mantendo a súa relación co BNG.
     "Na organización política atopeime un bo feixe de curas e monxas excepcionais: Xosé Antón Iglesias, Gumersindo Campaña, Moncho Valcarce, ...". Houbo moito clero apoiando á ANPG nos anos 70-80, que acabou nunha dispersión debido ás escisións políticas.

"As miñas motivacións sempre foron evanxélicas, nunca busquei na política ningún interese persoal —di—. Considerei a miña actuación política como unha participación nun ámbito democrático e para colaborar coa democracia neste país. O BNPG-BNG nunca foi esa organización monolítica ferreamente marxista-leninista que dicían del, aínda que estivera nel un partido con esas ideas; a maioría era de grupos máis pluralistas e respectuosos coa relixión. E en segundo lugar porque considerei que era necesario defender o país nunha liña de liberación, como promove a Teoloxía de Liberación".

     Francisco Carballo confesa que nunca sentiu imposición nin manipulación, senón que foi respectado sempre nas súas posturas; aínda que é consciente de que isto se debía en parte a que era útil á organización. Por iso di que o seu paso pola política deixoulle "unha nostalxia de benandanza". De feito, os conflictos da propia organización e os conflictos coa autoridade eclesiástica non o levaron nunca a unha rúa cega, sen saída; por iso segue sendo frade paúl e sacerdote. Confesa Carballo que a autoridade eclesiástica sempre foi respectuosa con el, a pesar do rechamante do seu papel; gracias sobre todo á defensa do seu padre provincial. Non obstante, tivo numerosas censuras na súa congregación e o conflicto interno foi para el en ocasións moi duro, pola situación política tan crítica na que viviu, pola incomprensión dos compañeiros e a dureza da racionalidade política; pero confesa que nunca tivo a tentación de abandonar. "A alegría tan grande que me ten proporcionado a miña participación política, as satisfaccións humanas que tiven, compensa sobradamente o que tiven que aguantar. Volveríao a repetir".
     Con todo, a pesar de que tivo unha participación política pública e sonada, Carballo considera que isto é anecdótico, unha "participación interina", pois o seu traballo cultural e eclesial é, para el, moito máis importante. Foi seis anos presidente da A.C. de Vigo. E no ano 1977 participa na fundación de A Nosa Terra; a partir de 1982 é o presidente do Consello de Administración de "Promocións Culturais Galegas", a empresa do periódico, con pequenos períodos de ausencia. Aí veu como unha revista que naceu cun carácter totalmente voluntarista —e ás veces sectario de máis, engadiría eu— se foi transformando nun periódico que aspira a chegar a ser diario; unha editora de libros galegos; e un obradoiro de montaxe de libros que da postos de traballo. "Hoxe vexo máis esperanzador o crecemento da planta da cultura nesta empresa, que o crecemento da Igrexa galega polo camiño da inculturación e a liberación nos distintos grupos eclesiais en que participo".
     Asiduo colaborador da prensa galeguista (A Nosa Terra, Irimia, Encrucillada,...) e de diversas revistas especializadas de historia, ten publicado varios volumes (Historia de la oración cristiana, La Iglesia en la Galicia contemporánea (86), Historia de Galicia (87) ,...).
     Historiador, teólogo, frade, político nacionalista, Francisco Carballo é unha figura especialmente apta para enxuizar a realidade da relación entre o cristianismo e o galeguismo no tempo presente, e quizá a mais dun lle sorprendan algunhas afirmacións que manifestan o dobre compromiso coa causa de Galicia e a causa de Xesús, na Igrexa.

"Certo galeguismo agnóstico, ou mesmo crente non practicante, pero relixioso, que tivo ou ten algunha práctica e non é ateo, que se sente distante de calquera tipo de Igrexa, non acaba de ver o fenómeno de fermento que supón esta minoría da Igrexa galega que son os eclesiásticos e outros cristiáns comprometidos co galeguismo. Considerao minoritario e considera que a Igrexa convencional é tan solidamente allea a Galicia que esta minoría non vai poder facer nada; e noutros casos considera as súas posturas excesivamente reformistas e non sabe captar os aspectos profundos nos que ti e máis eu apostamos en serio: unha teoloxía da inculturación cun compromiso liberador. Ese é o problema, están moi trabucados, eles quixeran ver un movemento máis masivo, máis sólido, máis revolucionario, con máis connotacións da igrexa da liberación latinoamericana".

     Xa dixo nunha ocasión Méndez Ferrín, atacando "ós cregos de Irimia", que "defendían unha Teoloxía da Liberación, pero para Latinoamérica, para Galicia non"(88). No grupo "desenganchado" tanto se suma xente agnóstica —segue Carballo—, como xente relixiosa, pero que está tan desanimado da Igrexa galega que "nos ve loitando contra un xigante, o que é perder o tempo". Considera Carballo que hai unha carencia de coñecemento e formación teolóxica, ou minimamente relixiosa, fundamental, que os leva a ver as cousas moi trabucadas, pensando que "ser da Igrexa" é estar en todo absolutamente de acordo coa xerarquia eclesiástica.

"Non queren darse de conta que na Igrexa hai unhas verdades fundamentais, os dogmas, e un mudo de liberdade; no primeiro (o Credo) temos que coincidir todos, no segundo non coincidimos moitos, pero estamos dentro da Igrexa igual, e hai un gran pluralismo. Esquecen que o monolitismo eclesiástico xa se foi superando. Que en todo caso o papa só e infalible cando fala 'ex cátedra', e os bispos non son nunca dogmaticamente infalibles, pódese discrepar deles. A causante foi en gran parte a catequese fatal que tivemos, e actualmente que a mesma Igrexa parece fomentar ese confusionismo, invocando ambiguamente fórmulas falsas".

     A pesar diso, Carballo afirma rotundamente que os galeguistas e nacionalistas crentes e non crentes coñecen esa minoría da Igrexa galega e respétana e estímana cada vez máis; incluso "non lles agrada que opten politicamente de maneira partidaria, valorando positivamente de xeito público máis unha corrente do nacionalismo que outra". "Os nacionalistas que encontran membros da Igrexa, curas ou monxas, que non militan nos aspectos máis visibles do galeguismo, pero que teñen unha praxe galeguizadora consecuente nas súas parroquias ou noutros traballos, respétannos enormemente; máis que outros que teñen moita figura pública, e participan en organizacións, pero a súa praxe é contradictoria". Isto modifica moito un anticlericalismo xeral que existe na sociedade galega.
     Cada vez hai máis católicos practicantes nas alternativas nacionalistas, moderadas e radicais."Hoxe hai
cristiáns practicantes, mesmo de Misa diaria e que participan na catequese, etc., en tódolos campos das organizacións nacionalistas —di—: desde a realidade da base ó Consello Nacional, permanentes, concellais, responsables de zona, ...; tanto en organizacións políticas como sindicatos". As organizacións nacionalistas tamén se foron facendo máis plurais e moitos que estaban alonxados da Igrexa están recuperando a súa dimensión relixiosa e practicante. "Pasou o momento de conflicto e agora hai un momento de busca e en moitos casos de encontro, cando atopan unha Igrexa minimamente potable". "Algúns foron encontrando na Igrexa algo que nin sospeitaban, a oración e a celebración en galego; e no caso da emigración levounos a irse incorporando a Igrexa, participando mesmo en parroquias italianas ou francesas, a falta dunha realidade galega permanente".
     Francisco Carballo sabe, e dío, que hai un importante sector do galeguismo que se foi incorporando a unha Igrexa comprometida coa realidade galega, tanto xente máis conservadora politicamente, como xente máis progresista e mesmo do nacionalismo radical. Pero confesa tamén que a Igrexa do poder é hoxe unha "Igrexa opaca" que non transparenta a misión para a que foi creada; compre unha reforma en profundidade das estructuras e a mentalidade da Igrexa galega no seu conxunto, especialmente no que se refire ás súas máximas autoridades. Unha reforma que non se pode quedar en puro reformismo, e debe ir en dúas liñas fundamentais: a inculturación da fe (galeguizarse) e a democratización (diálogo fronte a adoutrinamento, diálogo profundo).
     "Creo que merece a pena seguir traballando niso, aínda que as cousas vaian moi lentamente". A fin de contas S. Martiño de Dumio, s. Froituoso e S. Rosendo non tiñan máis grupos de cristiáns naquel tempo do que temos hoxe esta minoría da Igrexa. "O interesante é o Reino de Deus —di—, o interesante é ir facendo unha sociedade máis humana; a Igrexa é o instrumento ordinario, o sacramento, para facer iso".



III. 

"Un dos meus meirandes conflictos persoais é que me atopo cos compañeiros cregos, cos que compartín no Seminario e no traballo pastoral, como en terra allea; cunha grande dificultade para o diálogo. Os compañeiros cos que cheguei a compartir moitas veces a miña experiencia vital, mesmo ós niveis máis fondos da miña vida, foron os compañeiros de militancia política, e non os compañeiros de fe, como agora comparto con vós. Necesitamos espacios de reinterpretación fonda da nosa fe, onde un poida expresar o que vive, mesmo as propias contradiccións".

     Son as verbas de XOSÉ ANTÓN IGLESIAS PÉREZ, un nome que seguramente lles resulte descoñecido para moitos, pero non así nos medios do nacionalismo galego máis radical, no que militou moi activamente, sobre todo nos anos 70-80; aínda que para moitos era tan só o "Fuguillas" ou "Tati", os seus nomes de loita na UPG nos tempos da clandestinidade. Dicíao nun interesante encontro que tivemos varios cregos con ocasión do traballo deste libro.
     Xosé Antón Iglesias entende claramente que a súa historia ten dúas etapas claras separadas por un ano máxico e emblemático: antes do 68 e despois do 68. Naceu a comezos dos anos 40 en Lousame (Noia) nunha familia moi católica con varios cregos; veu de neno para Santiago, estudiou no Seminario de Compostela e en Salamanca e fíxose crego, traballando coa mocidade estudiantil. Pero recoñece que "comecei e a ter uso de razón ós 26 anos", despois de ordenarse de crego, "cando descubrín a vida, e á xente".
     O ano 68 colleuno naquel fervedoiro da Universidade Compostelá, onde unha morea de xente loitaba pola democratización da universidade e da sociedade, e polo recoñecemento da realidade galega con carta de identidade. Un fervedoiro achegado ó Maio francés. Estaba na XEC (Xuventude Estudiante Católica), como consiliario, e tamén estaba en relación coa XOC (a rama obreira do apostolado xuvenil) na acción de barrios. Alí foi abrindo os ollos á realidade social e ó seu ser galego.

"Foi a descuberta máis gozosa e máis determinante que tiven na vida: a descuberta da galeguidade e a do ser humán como comunitario".

     Foi a bafarada de aire fresco, que anos antes pedira para a Igrexa o bo papa Xoán XXIII: "Abramos as ventás da Igrexa ó mundo para que entre ar fresco". El era consciente do risco, pois co ar fresco entra tamén o ar contaminado; pero merece a pena correr o risco, pois senón morre un asfixiado. Entra en contacto coas forzas máis vivas do país, do mesmo estado e a veciña Portugal; vivas desde abaixo. Foi "renacer de novo", di, ós 26 anos. O descubrir a realidade comunitaria, a súa fe cristiá vaise personalizando, socializando e facendo madura. A experiencia foi verdadeiramente de liberación. "Daquela comezou para min o verdadeiro camiño de iniciación da fe" (¡despois de ser cura!). Descubre que "A vida é o lugar de encontra de Deus co home".
     Fronte a unha "Doutrina Social da Igrexa" recibida no Seminario, que condenaba a "opción de clase", vai descubrindo o compromiso cos pobres, a opción polas clases populares, o ideal revolucionario e o socialismo, nuns anos en que a politización da mocidade era grande e radical. E fai a súa propia "opción polos pobres". Descubre que é galego, que está nun país ("un pobo, unha terra, unha fala") oprimido social e culturalmente. Mesmo confesa que empeza a redescubrir máis fondamente ata a súa propia nai: "Vivín a experiencia gozosa da miña nai galega, coa súa grandísima calidade humana, sensible, acolledora, comprensiva e coa súa opción polos pobres. Dela recibín a máis grande lección evanxélica e revolucionaria".
     Este proceso faise en evidente conflictividade, sobre todo co achegamento ós militantes marxistas non crentes, ós que vai nun primeiro momento con desconfianza e medo, cheo de prexuízos. Pero, gracias á nova reflexión que estaba a nacer na Igrexa neses tempos, pasa, como lle ocorreu a outros moitos, "da anatema ó diálogo", ata chegar a un colaboración activa e sincera con eles, sendo ben acollido. Participa do conflicto que viviron tantos militantes entre o cristianismo e o ideal revolucionario, sobre todo entre a opción pola loita de clases e o mandamento do amor fraterno; pero, a pesares das contradiccións, non so non perde a fe, senón que esta sal purificada. Como lle ocorreu a outros moitos, entre os que lembra significativamente a Cuco (Eliseo Cortázar) un crego do Ferrol que de "cuco" non tiña nada, pois era un home fondamente sincero e nada calculador, respectuoso e tolerante, que fora Consiliario nacional da XOC; e a Moncho Valcarce. O primeiro era a referencia dunha "opción de clase" feita desde unha postura evanxélica e o segundo era a referencia dunha "opción nacionalista", feita tamén desde o Evanxelio. Xosé Antón vai tentar xunguir as dúas, desde a mesma raíz evanxélica.
     Xurde entón Cristiáns polo Socialismo (CPS) nos anos 1972-73, como necesidade de crear espacios para a reinterpretación da fe desde unha militancia marxista e cristiá, e por entender que a loita política —"sobre todo loita de desbloqueo ideolóxico"— pasa tamén polo interior da Igrexa. Con outros compañeiros sente como o seu compromiso político vai xerando unha chea de contradiccións e unha desvinculación eclesial que non queren, a pesar de que ven a súa Igrexa casada co poder franquista que repudian, e do que a ven coma soporte lexitimador de toda esa realidade. CPS xurde no seo dos Coloquios de Parroquias coma verdadeira reflexión da Igrexa máis viva. Esa Igrexa viva estaba tamén nos movementos especializados de Acción Católica, que por iso foron descabezados pola xerarquía.
     Con outros cregos coma Antón G. Vilasó, Ferreirós (XOC), Xaquin G. Barros (XARC ou mocidade rural), Antón Caamaño (XEC), .... elaboraron unha famosa homilía polo ano 68 contra a represión política na Universidade, que ocasionara moitos feridos e detidos; a homilía leuse en varias igrexas, sendo contestada nos mesmos templos por algunhas forzas conservadoras, e publicamente desatorizada na Hoja del Lunes polo Cardeal Quiroga. Pero compre situarse ben ante o feito; seica o Gobernador Civil da Coruña tentaba procesalos, e o bo do cardeal optou pola desautorización pública, como mal menor. "Asegúroche, Tori, que aquela era unha homilía inofensiva e reconciliadora, pura auga bendita". Sen embargo, mereceu un extraordinario da revista ultra Que pasa, con este titular en portada: "Llegó la marea negra con tintas rojas a Santiago de Compostela".
     Entra na UPG da man de Moncho Muñiz e Margarita Ledo. "Eles introducíronme no conflicto; e eles, como outros moitos (Camilo Nogueira, Miguel Campuzano, Aurora, Pili...), axudáronme a vivilo en positivo". A pesar da excesiva mediatización do marxismo, na acción política organizada aprende iso da "paciencia histórica", do exercicio da crítica e a autocrítica para cambiar e facer cambiar; e descubre, tamén, que "nada hai mais revolucionario que o amor".

"Esa é a afirmación máis radicalmente comunista que se pode concebir —confesa—. É a referencia crítica permanente entre fins e medios na loita; non para neutralizala, senón para facela máis auténtica, e para non absolutizar a propia ideoloxía, e para respectar a diverxencia. O mandamento evanxélico do amor fraterno efectivo é quen nos impulsou a moitos ó compromiso, a acción de clase, á loita... pero tamén quen o xulga".

     A asunción da conflictividade a violencia é o que máis lle costa admitir —dime—; non so a violencia física, senón a hostilidade e a moral sectaria que se vivía moitas veces dentro da propia organización, e que desembocou en purgas, resentimentos e rivalidades: "Os nacionalistas de esquerdas en Galicia fumos moldeados na hostilidade mutua, e así nos foi ...". Alí descubre que o Reino de Deus vai moito máis aló que o ideal socialista, pois nel tamén hai moito pecado e morte, incomprensión e cativeza. Foron os seus anos como militante da UPG, organización radical que preconizaba a independencia e mesmo, nos seus comezos, a loita armada como medio de liberación nacional de Galicia. Entra na organización independentista no ano 1975, a raíz da morte do militante Moncho Reboiras a mans da policía, "atópome dentro case sen sabelo"; pois el, coma outros cregos e militantes cristiáns colaboraron na fuxida a Portugal do cumio da organización, perseguida de preto pola policía; ocultan militantes e material subversivo,... Daquela Xosé Antón estaba tamén integrado na organización cristián Xusticia e Paz, e colaboraba con Luta anticolonial, asentada en Portugal, que pretendía aglutinar as forzas opositoras ó salazarismo, paralela co Xunta Democrática, que en España coordinaba a oposición ó franquismo. Colaboraba coas periodistas Margarita Ledo e Aurora Platas no movemento dos barrios, e cos activistas Ramón Muñiz, Elvira Souto, ... Con Ramón Muñiz participa no lanzamento dos CALL (Comités de Axuda a Loita Labrega) e do sindicato CC LL (Comisións Labregas); no libro Os labregos e a súa loita, contará Muñiz como CC LL naceu nun colexio de relixiosas no ano 1973, "a iniciativa duns cregos e uns axentes de Extensión Agraria".

"Benquerido compañeiro:
O próximo día 25 de Xullo é o Día da Patria Galega... Nós, como membros dunha Igrexa comprometida co pobo debemos contribuír a desenmascarar a imaxe deformada dunha 'Galicia da paisaxe, a gaita e a saudade' que nos queren dar, debemos sumarnos á conversión do 'Día de galicia' en Día da Patria Galega e facer del un símbolo da nosa loita contra a opresión colonial que padecemos... Nesta liña debe entenderse a Homilía que che enviamos e que sería convinte que se lera o Domingo en tódalas igrexas". (CALL, Xullo 1975)

     Nada máis entrar na UPG, xa o elixen para o Comité Central e o Comité Executivo, a proposta de Pepiño Salgado (hoxe máis coñecido como "Pepiño de Redondela", gran animador da normalización do galego nos concellos). O primeiro Comité Central que se celebra desde a desfeita tras da morte de Moncho Reboiras (1975), foi nun colexio de relixiosas, baixo a cobertura dunha reunión de catequese, pois daquela Xosé Antón era nada menos que o Delegado de Catequese da diócese de Santiago (foino entre os anos 1969-1981). Outros comités centrais da UPG serían no Seminario Maior de Santiago, e outros locais da Igrexa, cousa habitual por eses tempos:

"Naqueles anos da Dictadura —comenta Xosé Antón— moitas das reunións do movemento obreiro e das súas organizacións sindicais e políticas celebrábanse en locais da Igrexa, baixo a cobertura de 'xuntanza de catequistas', de 'xóvenes cristiáns', ou 'catequese de adultos'. Nos eramos os que contabamos cos locais e coa legalidade, non poñelos ó servicio de quen estaba a loitar polo recoñecemento dos dereitos máis elementais, era coma un abuso de poder, e así lle-lo fixen saber nunha ocasión ó arcebispo Suquía cando fun sorprendido nos locais do Secretariado de Catequese, no Seminario Maior de Santiago, co aparato de propaganda da UPG. Non pasou nada".

     Con todo, Iglesias chegou a ter nese tempo tres úlceras simultáneas: "Unha pola UPG, outra polos conflictos coa Igrexa e outra por problemas varios".
     Cando os conflictos da UPG a fan intolerablemente intransixente (expúlsase militantes inxustamente,...) e Xosé Antón vai vendo a necesidade dun pluralismo político, que non se acepta, dáse de baixa na organización. Con razón comenta Alvilares: "A súa [a UPG] seguridade era inconmovible, desafiante. Máis ca dogmáticos eran apocalípticos". A seguridade doutrinal víñalles daquel verdadeiro "catecismo marxista" que era o Politzer; "A filosofía do Politzer era peor cá do Donat"(89)O "Politzer" era un libro deste autor titulado Elementos y fundamentos de Filosofía, que tiven persoalmente a ocasión de lelo en París no ano 1974; deixoume abraiado o seu simplismo e a rotundidade fascista dos seus asertos. O "Donat" era un vello manual escolástico utilizado nos seminarios polos anos 40-50. Máis adiante, Xosé Antón Iglesias integrarase en Esquerda Galega, e con el moitos mozos e mozas dos grupos da XOC (a Xuventude Obreira Cristiá que el reiniciará en Galicia), algúns estudiantes do MECG (Movementos de Estudiantes Cristiáns Galegos), Scouts, ... O nacionalismo e a esquerda deste país debe gardar a memoria histórica de todo isto: non toda a Igrexa amolou ó pobo galego. Por iso, este crego tan crítico coa súa Igrexa non dubida en afirmar: "Moitas organizacións de mocidade da Igrexa foron verdadeiros viveiros mesmo dos cadros das organizacións políticas e sindicais de esquerda, non só en Galicia, senón en todo o Estado".
     Con todo, o seu compromiso político non o fai abandonar o compromiso diocesano. "Eu fun un gran profesional da catequese e sempre procurei facer ben o meu traballo". Xunto con Manolo Cillero e o equipo de Boa Nova de Ferrol, Xoán Andión de Vigo, Eladio Vega de Lugo, ... traballaron arreo nunha catequese renovadora desde a galeguidade e o espírito evanxélico. "Foi das experiencias eclesiais máis intensas e gratificantes", dime.
     Hoxe confesa que non ten complexo de cura nin de crente, aínda que tampouco ten "orgulo de casta", nin renega do seu pasado político ("axudoume a non instalarme na trascendencia tranquilizadora") con tódalas
súas inxenuidades e contradiccións. "O único absoluto é Deus, o demais, todo é relativo, e todo compre encadralo no seu contexto, mesmo a causa da revolución social". Por iso confesa tamén: "Fun sempre tremendamente contemplativo, aínda que non rezara moito". Hoxe traballa nunha empresa editorial e na acción de barrios; tamén nas parroquias rurais de Maía, dicindo Misa e facendo a catequese. Anteriormente estivo sete anos levando persoalmente a responsabilidade de tres parroquias (1985-1991).



IV. GUMERSINDO CAMPAÑA FERRO vén dunha familia "moi levítica", como el mesmo confesa; naceu en 1942 en Cordeiro, "o pobo de máis cregos por metro cadrado". Licénciase en Filosofía e Teoloxía pola Universidade de Comillas e ordénase sacerdote en 1966. Traballa seis anos como profesor de Grego no Seminario Menor de Santiago e remata por irse para aldea, desencantado do traballo académico e como froito dun compromiso cos pobres, cos labregos; unha verdadeira opción de clase que naceu nos grupos de reflexión e oración con leigos e relixiosas na Residencia do Sagrado Corazón de Santiago (Tere Maailly, Marta Garcia de Leanez, Engracia Vidal...).
     O seu nacemento ó compromiso co galeguismo e a vida política foi nestas datas (1973). Aínda que as súas preocupacións sociais e galeguistas viñan de antes: familia galeguista (Xesús Ferro Couselo), os anos de Comillas; e desde o ano 1969 xa lle encargaran as misas en galego que se realizaban en Santa María. A iniciativa de irse ó mundo rural foi de Xesús Portas Ferro, outro crego hoxe secularizado, pero que segue sendo unha persoa crente e mantén o seu compromiso galeguista, desde as súas clases e o seu traballo en Encrucillada (90) O galeguismo é para el agora a maneira normal de entenderse e de entender Galicia. Como crego sempre entendeu que "facer comunidade cristiá é facer comunidade galega con compromisos populares, senón sempre será algo alienante". Segue a sentirse cristián e galeguista, a pesar de tódalas contradiccións que ve na súa Igrexa. . "Fómonos ó mundo rural cunha idea moi romántica". O equipo aséntase en Visantoña, "o concello de Galicia con máis caciques por metro cadrado"; perdura so un ano, pois Portas vaise, pero Gumer continúa alí, ata hoxe.
     Os Coloquios do 73 impactárono moito; é a descuberta do socialismo como unha chamada a un compromiso popular. O mundo dos caseiros, a opresión dos labregos, a realidade social impactante, son a súa verdadeira escola de compromiso cos labregos. Contacta con Xosé Antón Iglesias, Gino (Domingo Martínez Beiro, outro crego), Carlos Vázquez (daquela crego, hoxe significado líder nacionalista), Ramón Muñiz,... e logo, Moncho Valcarce... E vaise achegando ás organizacións nacionalistas, participando no nacemento de Comisións Labregas, no que tiveron moito que ver os Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) formados por cregos, mestres e axentes de Extensión Agraria. Afiliado ás CC LL maniféstase como militante da organización e participa nas súas loitas.

"Compañeiro: O 25 de Xullo é o DÍA DA PATRIA GALEGA, día de afirmación nacional galega fronte ao asoballamento exercido polo Estado Español.
Nós, cregos ruráes, en contauto cotián ca realidade dos labregos que, coma os demais seutores
populares se atopan esplotados e asoballados, temos a obriga como cristiáns galegos de falarlle ás feligresías desta data importante do 25 de Xullo e comprometernos con tódolos seutores populares oprimidos polo capitalismo colonial.
Propoñamos aos labregos ire a Santiago o 25 de Xullo ... Organicemos escursións para ire a Santiago e reafirmar o noso esprito nacional e pra testemuñar a nosa Fe no Cristo Libertador defensor do Pobo e da Libertade...
Como crentes en Cristo non podemos traicionar ao Noso Pobo"
             (Grupo de Cregos Ruraes dos Comités de Axuda á Loita Labrega. CALL)

     Despois virá o compromiso coa ANPG, chegando a estar na dirección de zona. Un dos momentos máis críticos desta loita labrega foi a "guerra do leite", no 1978, que levou a enfrontamentos cos mesmos labregos, pois chegaran a botar os bidóns de leite polo chan. Foi un erro que botou a moita xente para atrás, confesa Gumer, que estaba na política non pola política mesma, senón claramente pola xente, polos labregos. "Eu entendín sempre o meu compromiso político en función da defensa da dignidade dos labregos", e como canle organizativo dos mesmos labregos.
     Un instrumento importante para espallar estas ideas e "atacar a ideoloxía dominante", foi para Gumersindo Campaña a publicación Mar Roxo. Boletín de información política para cregos, revista vinculada os grupos de CPS, definíase cunha ideoloxía marxista e cristián, pretendendo reinterpretar a fe desde o compromiso coas clases populares. So saíron dous números.
     Pronto se converteu Gumer nun dos curas máis significados da loita nacionalista, pola súa manifestación pública e pola súa coherencia. Ata Augusto Assía recoñecerá, referíndose a el, que "algúns curas saben conciliar o amor cristián e a loita de clases". Gumer tentaba conciliar o seu compromiso político co seu labor como párroco, que lle agradaba a uns ("o cura está cos pobres") e desagradaba a outros (os caciques, que lle recoñecían, a pesar de todo moitas cousas boas). Tiña claro que a loita política era importante, pero non era o seu absoluto, o absoluto seguía sendo para el o Evanxelio, e iso foi o que lle axudou a superar os necesarios conflictos. "O que me interesa é o Reino de Deus, a presencia efectiva da salvación de Xesús neste mundo, para o que a Igrexa ten que ser un instrumento". Por iso, non resulta traumático a súa evolución nos anos 80 cara a un traballo máis especificamente eclesial e menos sindical e político.
     Tanto para Gumer como para Xosé Antón o seu compromiso político é realizado claramente desde a fe cristiá, desde a súa opción crente. Pero é algo dialéctico: descobren o compromiso con Galicia e cos pobres desde a fe, e desde a realidade sociopolítica redescobren a súa fe. "Hai un transvase constante dun ó outro". Son conscientes de que a súa espiritualidade as veces non foi moi fonda, e a oración era sentida como vacío, debido á forza da ideoloxía e á racionalidade política.
     Pero séntense curas, e hoxe queren seguir sendo curas nesta Igrexa contradictoria, e a pesar das súas contradiccións e de que se senten moi en desacordo co status do crego.

"Eu sinto que debo seguir sendo crego para ser fiel a min mesmo e realizarme como crente e como persoa —di Gumer—. Isto aínda segue a ser para min unha fonte grande de estímulos. Séntome collido polo Evanxeo, e creo que podo levar mellor adiante a evanxelización como crego".

     Xosé Antón, máis crítico coa institución clerical, á que mesmo ve en moitos casos coma un obstáculo para a evanxelización, quere ser crego sobre todo desde o traballo educativo coa xente, un traballo liberador e non regulamentado polo sistema, como o fixo Xesús de Nazaret.

"Unha catequese e unha pastoral liberadora, feita desde a realidade galega, e que axude a comprender esta realidade e comprometerse con ela polo camiño do Reino de Deus".

     E feita desde as obras. "O que queda ó final non é o que dixeches, senón o que viviches", di Xosé Antón; "Se a túa presencia é interrogadora, é significativa". Xa lle dicía a súa nai."A fe éche como a gripe, se a tes, contaxiala, senón, por moito que fales dela, nada".



IV. Finalmente, hai tamén tres irmáns cregos e frades paúles que compre lembrar á hora de falar dos curas cun compromiso sociopolítico cos labregos desde opcións claramente nacionalistas. Son os irmáns PELETEIRO RODRIGUEZ, que viven en Filgueira de Barranca-Cesuras coa súa irmá relixiosa e a súa nai; un caso tan excepcional, que abondarían eles sós para facer un libro.
     Naceron nunha familia moi relixiosa, como non podía ser menos, e galego-falante. Manolo —traxe de pana, zocas e boina—, naceu en 1942, en Sevilla, pero Bieito (1944) e Xosé Carlos (1947) xa naceron e n Ourense (Ferreirúa-Nogueira de Ramuín). Primeiro, foi unha irmá a que se fixo relixiosa, das Fillas da Caridade, e logo eles foron entrando progresivamente nos PP Paúles, orde coas mesmas raíces. Nos Milagres (Maceda), primeiro, e logo Filosofía e Teoloxía en Madrid e Salamanca (91), onde tiveron de profesor a Francisco Carballo. Ordénanse de cregos e van primeiro para o santuario e colexio dos Milagres (Manolo), coa xente da emigración en Londres (Bieito) e no colexio de Marín (Xosé Carlos). Conflicto nos Milagres no ano 1978, pola maneira de levar o santuario, en contradicción co espírito galeguista e democrática que xa reinaba neses anos franquistas no colexio, e por deixar xuntarse no colexio a grupos da oposición. E véñense os tres irmáns para o mundo rural, como froito dunha clara opción pola Galicia marxinada.
     A "conversión" ó galeguismo foi para Manolo en os Milagres, levouno mesmo a asumir a simbólica estética dos labregos na súa indumentaria, froito dunha sensibilidade que xa había no colexio. A de Bieito foi na oposición ó réxime que se vivía na emigración. Eles cóntano con naturalidade, pero son moi conscientes da opción que representaba e representa o galeguismo.

"Nos Milagres dicían que éramos comunistas e separatistas porque falabamos galego. O único que fixemos foi tentar facer un colexio onde os rapaces puideran saír con clara conciencia da súa realidade galega e con ganas de loitar por ela; onde o idioma oficial fora o galego".

     En Filgueira fan un proceso progresivo de galeguización na liturxia e no traballo pastoral, chegando a un compromiso sociopolítico claro cos labregos; apoian ós movementos nacionalistas, particularmente a CC LL, pois "é a única saída que ten o pobo, para que a xente discriminada poida acadar os seus dereitos e a súa dignidade".

"Nunca tentei xustificar diante da xente a Misa en galego —di Manolo— porque entón era cando podía vir o conflicto. Ademais, ter que xustificar que a Misa debe ser en galego é o mesmo que ter que xustificar que un neno lle debe querer ó seu pai".

     Noutra ocasión ten dito tamén:

"Estou plenamente convencido, e véxoo, que á xente que se expresa falando galego fora e falando castelán na igrexa, Deus resúltalle unha persoa falsa; é como se fora algo moi superior (un señorito ou cacique, algo externo a eles)... Quero que a xente se exprese tal como é, para que se dea conta de que Deus non ten diferencias nin por razón da cultura, nin por razón da lingua, nin por razón do estamento social, senón que Deus quere o corazón da xente e que sexa sinxela e que se manifeste como é...
No meu compromiso coa xente actúa fundamentalmente o compromiso cristián. Eu teño moi claro que Xesús no seu tempo foi unha persoa totalmente comprometida coa xente, sobre todo coa máis desfavorecida. Unha das chatas máis grandes que hoxe ten a xente é a falta da súa identidade, o sentirse avergoñados de ser galegos e de falalo. Entón aí non pode haber persoa e ó non haber persoa non pode haber fe; porque a fe é algo que se acepta persoalmente, libremente, despois de buscar e descubrir. Unha persoa canto máis crítica sexa, máis persoa é...
A xente está na resistencia, todo o mundo é a pasar por riba deles, e Cristo veu liberar; unha das cousas máis fundamentais é que hai que recuperar a alegría de ser persoas... A fe non se pode expresar máis que a través do que a persoa é, algo que libera, que axuda a recuperar a propia identidade persoal".(92)

     O seu apoio público ó sindicato nacionalista ocasionoulles chamadas ó orde do bispo e incomprensións, ás veces dos mesmos labregos. Mobilizacións polo problema dos caseiros, o leite, as cotas, ... Manolo presentouse nas listas do BNG nas terceiras eleccións democráticas, "so como terceira reserva, porque non había xente abondo para encher as listas"; iso ocasionoulle as conseguintes censuras da autoridade. Relación con Moncho Valcarce ("un home fenomenal e moi evanxélico que non lle gardaba xenreira a ninguén, pero ... que lles puña a bandeira galega ós nenos cando os bautizaba"), e, sobre todo con Gumersindo Campaña, pois son veciños. Ambos está integrados no Movemento Rural Cristián Galego, colaboran con Irimia, ...
     Son conscientes de que compre optar. Eles fixérono polo seguimento de Xesús Cristo, na Igrexa, e como cregos e frades. Pero tamén saben que na mesma Igrexa hai dúas opcións ben diferentes, tal como me comenta Manolo, "a burocrática e a do pobo", "non hai posibilidade de poñerse no medio, ou optas por unha, ou falo pola outra". Bieito di con tranquilidade que, asumindo a marxinación que supón a opción pola segunda, un pode levar a cabo a súa misión sen demasiado conflicto, "a carón da xente". "Tes que camiñar co pobo, aceptando tal como é, e vivindo a súa mesma esperanza, que vai ir acabando co sistema sinagogal", dime Manolo, expresando, seguro, o sentir dos seus irmáns e consciente de que están nunhas parroquias dos pobres, desas que ninguén quere, e sacandolle a terra co seu suor o que comen coma os seus veciños labregos.





8. Curas no mundo obreiro: Benito Santos, Xaquín Campo Freire e os conflictos de Ferrol

"¿Para que é o sacramento da Orde?, preguntábase o Catecismo do labrego. 'Para que algúns fillos de labregos cheguen a ser xente', constestábase. De sempre viña a imaxe social do cura coma carreira, camiño de promoción social e económica para os fillos dos labregos... Esta orixe non era allea a unha mentalidade estamental, xerárquica e conservadora característica do clero.
O traballo dos curas era o abandono da figura canónica do cura, da equívoca dignidade sacerdotal, e unha abdicación do rango social sobre o labrego que as ordes sagradas lle deran...
A decisión de compatibilizar servicio pastoral e traballo tivo unha poderosa carga transformadora que iriamos vendo. Ademais de purificar o culto, o traballo abolía, de entrada, a mesma respectabilidade clerical... A consecuencia máis valiosa era a identificación coas xentes... O traballo era unha posta a proba da verdade evanxélica que debiamos facer presente"(93).

     Un dos compromisos dos curas tras da chamada renovadora do Concilio Vaticano II, que invitaba a abrirse ó mundo e comprometerse fondamente nel, compartindo a súas esperanzas e os seus fracasos, foi o traballo como obreiros, principalmente traballo manual, e logo calquera de tipo civil. As verbas de Alvilares fan referencia a esta realidade no contexto concreto dunha provincia eminentemente rural, como é Lugo; en cambio, o movemento dos cregos obreiros foi maioritariamente unha realidade urbana por razóns evidentes. O mesmo Alvilares é consciente da diferencia entre as motivacións dos cregos de Lugo e os curas obreiros da posguerra francesa e do postconcilio, ou os do Cerro do Tío Pío en Madrid.
     Os Prêtres Ouvriers (PO) en Francia foi un movemento moi importante nos anos 50-70; en España os Curas Obreiros tamén, sobre todo en Cataluña, Asturias, Euzkadi e Madrid; pero en Galicia nunca foi un movemento numericamente importante
(94), debido á escasa realidade industrial. Tan so en dous núcleos chegou haber máis ou menos significativamente unha presencia de curas obreiros: Vigo e Ferrol. Certamente non son as únicas dióceses galegas con curas obreiros; Alvilares fala da realidade da súa diócese, sobre todo nos difíciles anos do comezo desta experiencia, e nomea cregos ben coñecidos como Anxo González no Incio, Leopoldo (un cura ecoloxista e vexetariano dos máis singulares que coñezo) en Monforte, ... En Vigo e Ferrol quedan dous curas cunha rica historia de compromiso galeguista e obreiro ás súas espaldas, que manteñen aínda a ilusión e a aposta dos anos mozos: Benito Santos (SJ) e Xaquín Campo (diocesano).



I. BENITO SANTOS é un xesuíta que naceu polo 1939 en Corvillón, preto de Cambados. Os 18 anos éntralle a vena da vocación e vaise estudiar cos xesuítas a Salamanca, onde fai Filosofía e Teoloxía, e non volve a Galicia ata os 30 anos. Doce anos fora de Galicia (1957-1970), pero lonxe da Terra, como tantos outros, esperta á realidade galega que vivira nos seus primeiros anos. Os seus pais eran labregos e o seu ambiente galego-falante, polo que chega ó seu primeiros Colexio, en A Garda, sen saber o castelán. Lonxe da Terra foi remoendo a súa realidade galega e afondando no ser galego, acadando pouco a pouco unha identidade galeguista. "Eu quería ser un crego achegado ó pobo, mesmo un cura obreiro"; a súa Tesina de Licenciatura vai ser precisamente sobre os Dereitos Humanos, colaborou en colexios obreiros e en barrios, traballo manual (ata de mineiro), vida comunitaria en pisos, ... relación con outros curas obreiros. En Madrid tivo problemas co TOP por participar en manifestacións e peches, particularmente un 1º de Maio. Non sería a única ocasión en que foi detido pola policía; en Vigo foi vixiado pola policía polas súas homilías e polo seu traballo de líder obreiro e sindical.
     Non era esa a realidade habitual da Compañía de Xesús, que atendía máis ben ás clases privilexiadas cos seus colexios, cousa da que logo se decata en canto volve a Galicia, para poñerse a traballar. Busca o sector popular cos seus compañeiros (Fernando Bandeira e Alfonso Fondado), comprometéndose no traballo obreiro en barrios populares.

"As dúas rodas do noso carro eran a presencia no mundo obreiro co traballo manual, pero tamén unha acción pastoral o máis intensa posible nunha parroquia de barrio, que lle dera identidade a esa presencia".

     Diversos traballos, militancia sindical e política... De seguida veu o achegamento á máis importante organización católica no mundo obreiro, a HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica), que xa coñecera en Madrid nos anos da crise dos movementos (1966-68). A HOAC, organización fondamente comprometida desde os seus comezos co mundo obreiro, asumindo claramente as súas loitas, foi tamén achegándose progresivamente ó galego, aínda que moitos dos seus compoñentes viñan de fora. A influencia externa do mundo no que se move foina levando cara a claras posturas galeguistas. De feito, moitos dos seus militantes están comprometidos sindical e politicamente co nacionalismo (95).
     En Vigo Benito Santos vai estar na punta do galeguismo na Igrexa colaborando co P. Seixas e na parroquia dos xesuítas, S. Francisco Xabier, no barrio de Teis. Como traballador (repartidor, electricista, traballador nos estaleiros vigueses, ...e finalmente na sanidade, desde a crise do sector naval) e sindicalista (primeiro en USO e logo na CXTG e finalmente na CIG), estivo no ollo do furacán das loitas obreiras (as loitas de ASCON, a súa empresa; foi dos primeiros despedidos e buscou un traballo autónomo con eses compañeiros). Aparte dalgúns xesuítas, había varios paúles e outros curas seculares no traballo en fábricas, xunto con algunhas relixiosas. Benito valora ese traballo como algo "moi gratificante", polo achegamento que supuxo á realidade obreira, pero moi conflictivo, pola falla de asistencia das súas correspondentes institucións. Hoxe quedan moi poucos.
A fe cristiá e galeguista de Benito Santos queda ben manifesta nestas palabras súas:

"Cristianismo e galeguismo son dúas realidades vencelladas para min dun xeito fundamental. A fe cristiá enriquécese e enriquece toda cultura, pois a súa dinámica interna é a inculturación, a sumir cada unha das culturas insuflándolles o seu elemento liberador.
Ser de Galicia é participar da raíz dun pobo: somos este pobo concreto, o galego, nin mellores nin peores que outros, pero coa nosa propia cultura e maneira de ser. Se non se asume iso estase de espaldas á realidade. Sempre me sentín chamado a ese compromiso co pobo galego, e a ser tamén factor de cambio, para que ese pobo fora tomando máis conciencia do seu propio ser, que non teña que ocultar o que é.
O fundamental do cristianismo é a idea de liberación, irnos construíndo como un home novo, libre, á imaxe de Xesús. E iso tamén ten que operar a nivel cultural, deixándonos configurar polo noso propio idioma nacional, conscientes de que formamos parte dun estado plurinacional".

     A Compañía de Xesús en Galicia non tivo nin ten un manifesto compromiso galeguista, a pesar de contar no seu seo cun home tan emblemático como o P. Seixas e un home tan comprometido coas loitas populares de Galicia como Benito Santos e outro crego excepcional moitos anos comprometido co mundo rural, Modesto Vázquez Gundín, que foi cura e alcalde de Muras (Lugo). Benito recoñece que o gran traballo culturizador realizado pola Compañía en Galicia foi feito "desde unha perspectiva colonizadora castelá"; aínda que actualmente haxa un respecto polas opcións galeguistas, e mesmo é algo teoricamente asumido e aínda "desexado" por moitos.
     Ademais de Xaime Seixas, Benito e Modesto, foron e aínda son de forma desigual, outros xesuítas cun compromiso coa realidade galega: Alonso Busto (a pesar de ser asturiano), Fondado, Bandeira, Nico Pombo, Luis Amor, Rodríguez Herranz e Alfonso Mascuñana (secularizados), o o coñecido sociólogo Pérez Vilariño (autor de varios libros sobre a realidad galega) ... "O eixe Vigo-Santiago-Coruña funcionou durante moitos anos e alí confluíron proxectos, experiencias e urxencias de inculturación na realidade galega, que logo se levaban ás instancias centrais da Institución".



II. XAQUÍN CAMPO FREIRE, crego diocesano de Mondoñedo, naceu nunha familia humilde e galego-falante en S. Xulián de Roca, preto de Guitiriz, no ano 1937. Estudia no Seminario de Mondoñedo, e descubre alí o galeguismo pola vía da literatura. Tamén descubre alí una Igrexa aberta e progresista, para o que foron decisivos os aires do Vaticano II e persoas como Chao Regoe o bispo D. Jacinto Argaya, que creara un Convictorio Sacerdotal en Ferrol, onde remataban os futuros cregos. A realidade do movemento obreiro foina descubrindo tamén nesta cidade, no ano do Convictorio, gracias a Gabriel Vázquez Seijas e os movementos obreiros de A.C. nos que este cura tan activamente militaba, particularmente a XOC e a HOAC. Ordénase crego no ano 1963.
     Son, entre outras cousas, os anos da polémica polo uso do galego na liturxia e os do espertar democratizador e galeguista da Igrexa, os dos cambios revolucionarios do clero ("pasouse da sotana ó traxe sen o intermedio do cleryman", que diría Alvilares), e os do compromiso coas clases traballadoras, ... Anxo Currás, Ramón Díaz Raña, Manolo Cillero, ... foron curas importantes no seu proceso galeguista. No ano 1968 di no peirao do Ferrol unha das primeiras Misas en galego na diócese, con gran afluencia de xente.
     Aínda que a súa primeira vocación é o mundo rural, participando na XARC, pronto se decanta polo mundo obreiro, facendo diversos traballos e acabando na sanidade, onde traballa aínda agora, ademais do seu labor parroquial. Compañeiros seus que foron tamén cregos obreiros en Ferrol, son: Vicente Couce, Anxo Currás, Bello Trigo, ...
     A Igrexa de Ferrol tivo unha vida intensa. Compre destacar aquí o labor dalgúns curas como Vicente Couce, que fora do "Movemento de Xesús Obreiro" e compañeiro de Chao Rego na parroquia de Santa Mariña do Ferrol, militante do PC e logo cura secularizado; Chao fala del como "unha persoa xenerosamente comprometida coa clase obreira", compromiso que tivo que pagar coa represión e o cárcere.
     Pero destaca sobranceiramente a figura doutro crego excepcional, CUCO (Eliseo Ruíz de Cortázar). Consiliario nacional da XOC, pasou por varias parroquias en Ferrol. Non era un gran galeguista e falaba moi mal o galego ("galeguista cuase póstumo", chámalle Chao), pero era "galego de corazón" —di Xaquín— e sobre todo, unha persoa moi sensible á realidade dos pobres e dos obreiros; instruíu a lideres sindicais, promoveu as asociacións de veciños, albergues, ... Chao escribiu na prensa pouco despois da súa morte prematura en 1978 (47 anos), falando do sinsentido do alcume de Eliseo Cortázar, pois era todo menos "cuco", calculador e sinuoso:

"Con el se murió un poco la espontaneidad evangélica más cercana a la candidez columbina que al brujulear de la serpiente...
Era un burgués que supo desclasarse al revés de lo habitual...
Su gran verdad fué el muelle de Ferrol. Algo así como Corinto y los estibadores de su puerto fueron el clima en el que Pablo de Tarso se desquitó de su fracaso en la intelectual ágora ateniense"(96).

     Tamén con ocasión da súa morte, Encrucillada publicou unha reflexión feita polos seus compañeiros valorando o seu labor. Alí dicían cousas como estas:

"Os cregos temos necesidade de figuras de identificación, máis temos o perigo de caer no espírito de casta. E Cuco foi pra toda a xente, non pros curas. Cuco deu un paso do Cristo espiritualista ó Xesús da Historia e entregouse ós pobres...
Foi un santo porque rompeu o corazón por todos...
Encarnou o sacerdocio de Xesucristo... cando nos pedía cartos ou firmas, ou un despacho pra que un grupo poidera reunirse cando a clandestinidade... Interpelábanos a todos... A un Cuco que non falaba ben ... chegaron a entendelo todos".(97)

     O compañeiro de Cuco en Caranza, Pepe Couce, home con gran experiencia na pastoral obreira desde a HOAC, fálame así de Cuco:

"A vida de Cuco en Caranza foron catro anos de evanxelización da clase obreira; dende o diálogo...; dende a súa capacidade organizativa; dende o amor ás persoas concretas... Para el o tempo non contaba cando se atopaba coas persoas...
Era unha persoa piadosa. Rezaba e celebraba dende a vida ... Era organizador frente ás necesidades dos obreiros e dos pobres. As primeiras AA de VV...A promoción e organización sa empleadas de fogar...A difusión do sindicalismo... Era un promotor da cultura obreira. Difusor de libros e revistas de fomación da conciencia obreira...
Era tamén un admirador de Galicia e da lingua galega. Falaba con dificultade o galego, pero esforzábase por facelo sempre que tiña ocasión".

     A década 1965-75 foron os anos dunha nova presencia da Igrexa en Ferrol, movida polo impulso duns curas (98) con vontade de compromiso coas forzas democráticas e obreiras, e mesmo con gran apoio do bispo D. Jacinto, que se foi da diócese cando o conflicto lle resultou insostenible, e logo por parte de D. Miguel-Anxo Araújo, alcumado polas forzas reaccionarias "el camarada Araújo" ("Un home que foi sempre fiel ó seu pobo, á súa igrexa e ós seus curas", confesa Xaquín Campo). Desde posturas eminentemente pastorais e crentes estes cregos van facendo fronte común coas forzas opositoras ó franquismo, como froito do seu compromiso cristián. O problema da empresa bacaladeira PYSBE (1969), no que Cuco foi insultado e apaleado pola policía; os conflictos de PENINSULAR MADERERA e da empresa eléctrica MEGASA (1970), conflicto longo e no que se implicaron moitos curas, prestando as igrexas para os peches de traballadores, participando nas mobilizacións, recollendo axudas desde Cáritas, ...; e logo os conflictos de A Bazán e ASTANO ... Por iso Xabier Costa Clavell escribía por eses anos, tras falar criticamente da realidade do clero galego:

"Desde hace unos años, las cosas han empezado a cambiar de signo en Galicia. La Iglesia gallega —de modo especial un sector mayoritario del clero joven, generoso y combativo, de clara inspiración postconciliar— se afanan por recomponer su imagen ante el pueblo.
Resulta estimulante que el idioma vernáculo haya sido desagraviado por la Iglesia gallega y entronizado de nuevo en los templos. Por otra parte, los problemas que afectan a las clases humildes son abordados por gran número de sacerdotes con un claro espíritu de justicia. El clero gallego más consciente suele hacer causa común con los gallegos desposeídos y adopta en los conflictos laborales una encomiable postura de apoyo a los trabajadores"(99)

     Daquela, este grupo activo da Igrexa ferrolana estaba sempre apoiando os movementos clandestinos políticos e sindicais, sobre todo CC OO, que nacera nos círculos do movemento obreiro católico e a xente do PC. No estado de excepción imposto polo goberno de Franco (1969-70) son represaliados varios cregos: Cuco (daquela na parroquia do Socorro), Aneiros (párroco de San Pablo de Catabois), Vicente Couce e o mesmo Chao, que compartían o traballo parroquial en Santa Mariña; Vicente Couce e Chao foron os que levaron a peor parte, pois tiveron que botar moito tempo pendentes da xustiza, e Couce un longo período no cárcere de Zamora. Foi o primeiro encausamento destes curas, pero non o último.
     En 1972 caen baixo as balas da policía Amador Rey e Daniel Niebla, dous pacíficos obreiros da Bazán que non tiveron máis falta que a de manifestarse con outros compañeiros en defensa dun posto de traballo digno. "Hoxe estamos ante o corpo sen vida dun mártir do mundo do traballo —dixo o cura, Aneiros, no seu enterro no cemiterio de Catabois—. Ante os mártires non cabe máis postura que a de veneración"(100). En varias parroquias leuse unha homilía elaborada por un equipo de cregos da cidade (Cuco, Vicente Couce, Xaquín, Currás, Alfonso Gil, Gabriel Vázquez Seijas, Bello Trigo, Ladra,...) e que foi aprobada polo bispo, quen aconsellou a súa lectura nos templos da cidade. D. Miguel recibiu anónimos sobre a "orixe comunista" da homilía, pois "con toda seguridade" —dicían— tres dos seus autores eran comunistas. Sobre ela pesou moito tempo unha grave prohibición estatal de ser editada e difundida na prensa. Na homilía dicíanse cousas coma estas:

"Como cristiáns non podemos calar... O mundo en trance de evolución está á percura de formas novas de vida e convivencia social, e as clases privilexiadas teñen que ir habituándose ás formas novas que están a vir. Non se pode liquidar un problema laboral botándolle a culpa á palabra 'subversión', cando apalpamos algo tan fondo e que alcanza os imperativos divinos do home...
O traspaso do conflicto laboral ó terreo do orde público, terreo ó que nunca debeu chegar. Tódalas consecuencias, a partires daquí son previsibles, como este dooroso acontecemento...
A desproporción e a desigualdade entre o capital e o traballo... Despedir ós representantes dos obreiros precisamente polo capital ... é algo tan inxusto que non se pode admitir...
Perante a morte dos noso irmáns, só ouvimos a voz do Sinaí: NON MATARAS... Desexamos e pedimos con toda a forza que esas mortes sexan as últimas..."(101)

     A homilía valeulle a D. Miguel Araújo o alcume de "camarada Araújo", por interpretarse que fora obra súa (102) Pero as reaccións positivas foron moitas máis. Desde gran parte dos cregos da súa diócese (entre eles xente coñecida e que sal nestas liñas, como Bernardo G. Cendán desde París, Manolo Mejuto e Cuco desde Madrid, ou varios arciprestados, os cregos dun deles dicían:"Quérennos meter de novo nas sacristías pra que sigamos bautizando, casando e enterrando sen máis", pax. 376), e outros cregos coñecidos como Moncho Valcarce ("Pregamos nas nosas eucaristías por vostede, pra que continúe sendo o noso guía e defensor e pra que Deus lle dea forzas pra seguir camiñando co Pobo", pax. 389) e Paco de Aguiño, ata bispos coma o seu precedesor, D. Jacinto Argaya ("Ha tenido usted una actuación verdaderamente episcopal. Le felicito", pax. 379) e o bispo de Tui. E numerosos leigos, desde xente anónima, a xente coñecida coma o avogado Iglesias Corral, ou o catedrático Carlos Baliñas, ata o mesmo secretario do PC no exilio Santiago Carrillo; sen esquecer a grupos dos movementos obreiros XOC, HOAC, etc.. Pero o feito ocasionou tamén unha nova represión de Aneiros, o cura que dixo a homilía no cemiterio, e Anxo Currás por outra homilía, coas correspondentes multas e cárcere. Segundo encausamento dos curas ferroláns; aínda habería un terceiro, en 1973, na persoa de Gabriel Vázquez Seijas. Pero peor o pasaron os militantes obreiros xulgados polos feitos do 72 no "xuízo dos 23", para os que se pedían 140 anos de cárcere, e botaron anos encausados.
     Antón Martínez Aneiros (Narón 1933) era daquela párroco de San Pablo de Catabois, parroquia nunha barriada de casas sindicais nas que "os problemas humanos e sociais obrigaban ou a estar na lúa ou pisar terra firme", di Chao. Era tamén Delegado de Cáritas Diocesana e mesmo chegara a ser Coordinador das Cáritas de Galicia. O seu papel á fronte de Cáritas neses conflictivos anos foi dunha gran relevancia, pois nela había moita participación de militantes obreiros, mesmo na xunta directiva, e eles traían alí os problemas dos seus compañeiros. Logo abandonaría o exercicio do sacerdocio, sendo alcalde de Narón e logo deputado nacionalista de EG.
     Nunha das súas comunicacións no xornal con ocasión do conflicto de MEGASA escribía:

"Cáritas... por definición está siempre de parte del más débil. Aún en el caso —que yo personalmente dudo mucho— de que tuvieran la culpa los obreros estaría de parte de ellos, ya que no existen dudas de que constituyen la parte menos poderosa... Si hace pupa, lo siento, pero el evangelio fué dado para que nos hiciera pupa a todos"(103)

     Anxo Ferreiro Currás (Boizán 1935), daquela crego de San Xoán de Filgueiras e que estivo na parroquia máis de 20 anos, é tamén un obreiro, traballando desde hai anos nunha autoescola. Currás e Aneiros teñen falado dos sucesos do 72, recollendo a súa versión en Encrucillada (nº 27). Por outra banda, Currás ten recoñecido que a súa conversión ó galeguismo veu parella co seu compromiso progresista, e naceu na lectura de libros clandestinos nos anos do franquismo (104). Multado en varias ocasións polas súas homilías ("a necesidade que sentiamos de falar claro na igrexa facía que buscasemos información de primeira man nos obreiros que estaban a vivir esas vicisitudes", di en Encrucillada), houbo quen lle recomendou que podía empezalas co agarimoso saúdo de "carísimos irmáns".
     Un feito emblemático destes anos, posiblemente o punto de arranque de toda a conflictividade sacerdotal en Ferrol, foi o acontecido no Corpus de 1968, que fixo que D. Jacinto pedira o traslado, que Fernando Porta (crego de San Xulián) fora desprazado, e que Chao fora destituído como arcipreste. O conflicto naceu simplemente pola decisión do Consello Presbiteral, do que Chao era secretario, de reducir ó mínimo o aspecto procesional do Corpus, que convertía o sacramento en verdadeira ocasión de burla, máis que de expresión relixiosa. Pero non se pode esquecer que varios meses despois declarábase o estado de excepción, polo que o ambiente estaba moi caldeado.
     Cinco anos despois, 1973, e noutra cidade, Lugo, tamén aconteceu un feito significativo con ocasión do Corpus na Cidade do Sacramento; cóntao magnificamente Alvilares, expresando toda a riqueza simbólica dun feito sinxelo que tivo moita menos transcendencia que o do Corpus de Ferrol, pero que tamén fora moi comentado (eu lembro vivamente o seu eco no mesmo Seminario de Santiago):

"Na festa da infraoitava do Corpus tomaban parte en Lugo as autoridades políticas xunto cos bispos, sen que iso cuestionase o exercicio do poder sobre e contra a vontade popular. Estaba en xogo e función social da Eucaristía, a incoherencia co sentido do memorial da Paixón de Xesús...
Escollemos un modo de expresión simbólica, concreta, en contrapunto coa festa episcopal e política. Tamén nós iamos celebrar unha comida no mesmo pazo episcopal, sentados nas escaleiras polas que tiñan que subir a comer os invitados do bispo. Pan e touciño, como as comidas populares... Era a protesta simbólica contra unha celebración do Corpus na que se esquece ou se nega practicamente a comuñón coa realidade do pobo e a comunicación dentro da mesma Igrexa".(105)

     A década 1965-1975 remata co asasinato do militante nacionalista Moncho Reboiras en Agosto do 75. Con ocasión deste asasinato, a policía cometeu o insólito atropelo (polo seu significado no contexto do réxime franquista) de facer un rexistro na "Domus Ecclesiae" de Ferrol, incluída a residencia particular do bispo, sospeitando que puideran estar escondidos alí outros dous activistas, tal como conta Don Miguel nas súas memorias(106).





9. Unha longa nómina de curas e ex-curas comprometidos no galeguismo

I.
A longa nómina de curas comprometidos co galeguismo no eido cultural, sindical e político, manifesta a capacidade de entrega deste colectivo, tan inxustamente valorado socialmente, e o seu labor a prol da
normalización do galego e o crecemento da conciencia galega. Compre tamén salientar, crebando unha lanza a prol desa gran parte do clero rural que non chegou a asumir posturas galeguistas e que non chegou tampouco a actualizar a súa teoloxía e a súa pastoral, que é, en moitos casos, a primeira víctima da estructura xerárquica, o que favoreceu o seu inmobilismo. Sen moita formación intelectual (nin sequera teolóxica e pastoral), sen o aprecio dos seus superiores, sen unha dose mínima de autoestima pola pouca gratificación afectiva do seu traballo, e duramente censurado polos seus fregueses, ¿que pode esperar? ¿que motivacións ten para posicionamentos comprometidos nun proxecto de utopía?

     Francisco Lorenzo Mariño (Porto do Son 1930), crego da diócese de Santiago, estudiou en Salamanca e é Licenciado en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma. Traballou de crego uns anos en Sada, pero de seguida foi para Aguiño no ano 1959, onde permaneceu ata hoxe dando mostras constantes dun compromiso claro cunha Igrexa Galega. Sempre foi un asiduo participante nos Coloquios, Cruceiros, Romaxes (unha das primeiras foi na súa parroquia de Aguiño, co lema "Batidos pola mar") e Irimia, para a que ten escrito un bo feixe de artigos; tamén en Encrucillada publicou un fermoso "Viacrucis". É, sen dúbida, dos cregos máis coherentes nesta liña de compromiso cristián e galeguista.
     Paco de Aguiño, como é máis coñecido, escribiu unha fermosa carta a Don Miguel-Anxo Araújo coa ocasión da polémica do 72 en Ferrol, na que dicía:

"Sonlle un pobre cura dun pobo mariñeiro... Eu por aquí tamén lle vou loitando o meu, e estou vendo que son os cregos, moitas veces, os que están máis lonxe de Cristo... cada vez me convenzo máis que non adoramos nin servimos ao mesmo Deus, ten que vir unha división forzosa: Cristo e os fariseos non poden comulgar"(107).

     Na súa parroquia de Aguiño, un egrexio fregués cantou Misa en galego polo lonxano ano de 1965, Andrés Torres Queiruga, sempre fiel ó seu párroco, pero do que este é debedor do seu galeguismo. O templo parroquial de Aguiño, feito de nova planta, foi a primeira igrexa con rótulos en galego; Paco ten o galego normalizado completamente no labor parroquial desde hai un cuarto de século, porque "estaba moito máis a gusto rezándolle a Deus en galego que non facendoo en castelán; ademais, coido que se chega máis a alma do pobo"(108). A súa opción ten unha raíz evanxélica e teolóxico-pastoral, pero tamén política a un tempo ("política é toda a vida queiras ou non", di). Tivo a sorte de contar sempre co apoio e o agarimo da súa xente, que o axudou a levar ben a contestación que tivo que soportar por parte dalgún sector.

"Se traballamos en galego, se comemos en galego, se facemos todo en galego coa xente ¿por que lle imos falar a Deus en castelán, se o noso idioma é tan digno como calquera?. Ademais, é o único que non nos puideron levar, a pesar de que tentaron desterralo de aquí. E debémolo conservar, é a alma do pobo e a alma da terra".

     Paco de Aguiño é consciente de que o seu labor non foi estéril, pois foi espallándose pouco a pouco ás parroquias veciñas, pero dóelle que non se avanzara máis en tantos anos.
     
     Miguel Fernández Grande (Ourense 1937), é o crego de Parada de Outeiro (Ourense) desde hai máis de 20 anos e está tamén na revista Encrucillada. Cura de mentalidade progresista, antes de vir desprazado para esta parroquia, protagonizou un dos máis agudos conflictos do postconcilio na Igrexa Galega ó enfrontarse, xunto cos seus compañeiros de equipo sacerdotal en Ribadavia, co bispo Temiño polo xeito progresista e galeguista de levar esta importante parroquia ourensá. Cousas tan sinxelas como querer celebrar a eucaristía en galego, representaron un problema insalvable para este bispo, que con razón pasaba por ser o máis reaccionario de Galicia, aínda que Don Miguel Araújo fale da súa bondade. Ben é certo que tamén había outras cuestións máis conflictivas como a gratuidade dos servicios, a reforma do sistema funerario e demais formas de artellar a pastoral.
     Os seus posicionamentos nacen dunha clara opción polo galeguismo, motivada fundamentalmente por razóns de fe, razóns teolóxicas, máis que simplemente pastorais: "Nace do principio da Encarnación. Se Deus se fixo un home concreto, encarnado nunha aldea, nun país, nunha lingua e nunha cultura ...non pode haber unha actuación verdadeiramente cristiá se non hai unha verdadeira encarnación na realidade do pobo" (109).

     Evencio Dominguez Lorenzo (Quintela de Leirado 1940) é outro cura ourensán, que ademais é mestre e ATS, compaxinando esta última profesión co seu traballo pastoral na parroquia de Cexo-Verea e outras veciñas, onde está desde o ano 1973. Ordenado sacerdote no 68, estivo anteriormente en Arzádegos-Vilar de Vós, facendo equipo con Ramón Vázquez e Bieito Ledo (actualmente secularizados, o último na Editorial "Ir Indo"). Con Miguel Fernández Grande, ten participado activamente na promoción do sindicalismo agrario no campo galego desde o SAGA. Mesmo chegou a ir nunha candidatura independente e nacionalista nas primeiras eleccións municipais da democracia. As súas obras comunitarias e populares, sempre da man do pobo, foron numerosas: camiños, prazas, festas ... Pero compre dicir tamén, que Evencio é un cura comprometido co seu ministerio sacerdotal, por iso forma parte da Asociación de Sacerdotes do Prado, que ten como lema "curas pobres para os pobres"; nela foi un dos primeiros da súa diócese.
     O galeguismo de Evencio xa ven de vello, dos anos do Seminario. Non é de estrañar, pois, que desde que se ordenou de cura xa misara en galego. Non só ten normalizada a lingua nas súas parroquias desde hai anos, senón que con laboriosidade fixo uns leccionarios domésticos, "ad usum privatum", das lecturas litúrxicas de cada día, que algúns amigos puidemos disfrutar e usar, sendo de gran utilidade neste longo período de normalización do material litúrxico.
     Os demais sacerdotes do Prado de Ourense tamén comparten a aposta galeguista de Evencio; os máis vellos desde hai anos (Bruno Fuentes, Pepe Gallego e Manolo Pérez González), e os máis novos desde o comezo do seu ministerio (Xosé Xulio Rodriguez, cura de A Ponte, Manolo Rodicio, actualmente de misioneiro no Ecuador, e Manolo Pérez Vences, na parroquia de Maceda).

     Xaquín Gómez Barros (Cuntis 1932). Este crego é un vello militante do galeguismo na Igrexa nos anos duros da década dos 60-70, sobre todo como animador da Mocidade rural da XARC, un dos xermes das CC LL (foi consiliario do Movemento Rural e da Mocidade Rural entre 1965-1975, e logo retomou o cargo algún tempo máis). Xa en 1967, na primeira Festa da Mocidade Rural fixeron todo en galego, coa aprobación e o empuxe do Cardeal Quiroga. Desde o comezo dos 80 leva a parroquia de Portonovo en galego e con humor. Ten publicado varias colaboracións en libros sobre o tema do crego e a parroquia: "O crego na Galicia rural", en A Galicia rural na encrucillada, con X.M. Beiras, Camilo Nogueira, López Suevos, e outros (Vigo 1975) e "Liñas de promoción dun laicado", en A parroquia hoxe (Vigo 1970). Está actualmente no círculo de Encrucillada.

     Antón Gandoi (Lugo 1930), máis famoso na cidade do sacramento que o mesmo bispo, popularmente era coñecido en Lugo como "o cura da bicicleta", a pesar de que a súa constitución obesa non manifestaba precisamente a un deportista que busque "estar en forma"; o que é indicador do por que da bicicleta de Gandoi... simplemente que ¡non tiña coche!. Participante nos Coloquios e na formación de Encrucillada, leva vinte anos na Delegación diocesana de Cáritas de Lugo, sendo mesmo Secretario de Acción Rexional de Caritas de Galicia. Sen embargo, a gran obra de Gandoi, desde o seu traballo á fronte de Cáritas, foi Preescolar na casa, que comezou no curso 1977-78 e segue iniciando nenos galegos e en galego ata hoxe, sobre todo no mundo rural. El mesmo contaba a súa experiencia hai uns anos en Encrucillada:

"Os nosos paisanos, discriminados desde a nenez, emigraban polo mundo adiante, dentro e fora de España,a face-los traballos que outros non queren. Pronto nos decatamos de que os nosos manifestos, comunicados e denuncias dirixidos a institucións, entidades e á propia opinión pública sobre estes temas non daban resultado naquel momento. Así naceu unha das ideas que aínda hoxe inspiran ós responsables de P.na C.: os nenos non agardan... Chegamos á idea básica do servicio, conseguir que os pais traballaran cos seus fillos e o fixeran mellor"(110)

     Non ten desperdicio o seu Decálogo do orientador de "Preescolar na casa":

1º. Amarás ó neniño rural galego por riba de tódalas cousas.
2º. Non tomarás o seu nome en vano,
nin perderás o tempo falando de bonitos proxectos sen levar ningún a cabo.
3º. Farás festa cando desapareza a súa marxinación educativa.
(...)
6º. Non cometerás o grave adulterio de privalo da súa lingua, impoñéndolle unha allea.
7º. Non lle roubarás nin deixarás que lle rouben a súa personalidade rural galega.
(...)


     Nicanor Rielo Carballo (Arcos-Pol 1932), cura de Os Peares desde hai moitos anos, é tamén membro do Instituto Padre Sarmiento e do Patronato do Museo do Pobo Galego. Galeguista moderado, é colaborador da prensa e pertence ós Consellos de Redacción de Encrucillada e de Lucensia. Ten publicado varios libros, entre eles Escolma de Carballedo, A Romaxe do Faro e Do meu lar.

     Xosé Manuel Rodriguez Pampín (Melide 1940), este crego Licenciado en Teoloxía é tamén membro de Encrucillada, onde ten publicado numerosos e interesantes artigos; foi un activo colaborador en galego na prensa nos anos 70-80. É un dos traductores da Biblia ó galego e dunha edición para os nenos, A Biblia dos nenos. Publicou varios libros sobre o proceso de galeguización da Igrexa: Nova conciencia na Igrexa galega (Vigo 1976), Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica (Vigo 1980).

     Marcelino Liste (Santiago 1925), cóengo da Colexiata da Coruña e educador nun colexio da cidade para nenos subnormais (ASPRONAGA), é ademais secretario da Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña. Ten unha longa historia como líder no movemento veciñal da súa cidade. "Ata andaba medindo as aceiras para denunciar ó Concello se non cumpría o servicio estipulado", coméntame un dos seus amigos. A súa historia manifesta unha evolución desde a dereita eclesiástica ata posturas progresistas e de esquerda militante e galeguista (MCG, Bandeira Roxa, ...). Foi un dos protagonistas do movemento dos Coloquios, do que foi algúns anos secretario, e nas Comunidades Cristiás de Base.

     Xosé Morente Torres (Coirós-Betanzos 1932), cóengo tamén da Colexiata da Coruña (Maxistral) e párroco de San Nicolás, é outro histórico da galeguización da Igrexa, aínda que se demarcara moito desta empresa desde hai anos e hoxe o galego non está moi presente nin na súa parroquia nin na súa acción pastoral, agás a folla parroquial Pobo de Deus, de carácter moi moderado. Pero compre recoñecerlle o mérito do labor realizado con Espiña: A primeira versión ó galego dos Evanxeos (A Palabra de Deus, 1965) e a primeira edición galega do Misal (Misal Galego, 1968); traballos polos que recibiron o Pedrón de Ouro en 1968. Compre valorar tamén o seu protagonismo nas primeiras misas en galego que se fixeron en A Coruña (nas Capuchinas) e o seu labor na editorial SEPT. Tamén editou O Catecismo na Escola e colaborou na edición definitiva do Misal Romano en galego.

     Xosé Godoi (Santa Cristina de Barro, Noia 1932), estivo de profesor no Seminario Menor de Santiago, e desde 1966 está na parroquia de San Antonio da Coruña. Este cura, de mentalidade conservadora, leva máis de vinte anos co galego normalizado nesta parroquia. Morente Torres e un fregués ben coñecido da mesma parroquia, Vidán Torreira, axudáronlle a dar o paso; a iso colaborou tamén o feito de que, a pesar de ser unha parroquia de A Coruña, é un barrio no que o 80% é de procedencia rural, polo que é un colectivo galegofalante. Ata o arcebispo Suquía celebrou en galego na parroquia. Pero tamén é consciente de que a súa postura segue a ser aínda minoritaria en Galicia.

     Uxío Garcia Amor (Sante-Lugo 1928), moitos anos vicario xeral da súa diócese de Mondoñedo, que rexentou na "sede vacante" despois da dimisión de Don Miguel-Anxo Araújo, do que foi fiel colaborador. Home de evanxélica humildade, a pesares dos seus títulos en Filosofía, Teoloxía e Sagrada Escritura, dos seus coñecementos de música (é director da Coral polifónica ferrolana), dos seus premios, dos seus cargos diocesáns e da súa recoñecida valía. Compre salientar particularmente aquí a súa decidida e consecuente aposta galeguista, manifesta na normalización do galego, especialmente nas súas constantes actuacións públicas e en tódolos seus escritos desde hai anos; así como no seu apoio á Igrexa galeguista.

     Vicente Cerdeiriña (A Coruña 1952) é un crego máis novo, amigo íntimo de Moncho Valcarce, coma el formado en Santiago e Roma, é outro militante do galeguismo na Igrexa que, ademais de ter normalizado o galego na súa parroquia de Poio, conseguiu que o Noso Pai en galego, estivera gravado nunha basílica de Xerusalén. Tamén é de destacar o seu labor á fronte da folla interparroquial Tambo, totalmente en galego. O seu compromiso galeguista nace dun claro achegamento á xente, que fala maiormente galego nesa parroquia, socioloxicamente coma unha bisbarra de Pontevedra.

     Aínda habería que falar doutros moitos curas que teñen normalizado o galego nas súas parroquias desde hai moitos anos, cando este simple feito non era tan doado, e que teñen na súa biografiía unha historia máis ou menos longa de aposta galeguista, en moitos casos como verdadeiros puntais da causa nos seus lugares de traballo: Anxo González, cura do Incio desde hai máis de 25 anos, a súa foi das primeiras parroquias galegas nas que se galeguizou a liturxia de maneira estable; Suso de Rao, cunha longa historia de traballo socio-cultural e pastoral e parroquias rurias afastadas nos límites de Galicia, Asturias e León; Xesús Mato, un dos poucos curas xornalistas que escriben en galego, mentor de "Fuxan os ventos" e doutras moitas relidades culturais na súa cidade de Lugo, ademáis de atender con ilusión e agarimo unhas parroquias da montaña luguesa; Xesús Acuña, cura de Placeres-Pontevedra e do Consello de redacción da revista Encrucillada; Waldo Garcia Romero, cura de Cedeira e Trasmañó, perto de Vigo, que ten normalizado o galego, cousa desgraciadamente excepcional nesa zona.
     E outros máis novos como Antonio Rodriguez Basanta, Delegado de Catequese da diócese de Mondoñedo e cura de varias parroquias na Terra Chá lucense; Xosé Roman Escourido, cura e animador sociocultural creativo en Bravos-Ourol e logo en Xove (Lugo); Manuel Pérez Blanco, cura de Vilariño-Teo, preto de Santiago; Manuel Barreiro Conde, que foi cura de Arzúa; Clodomiro Ogando, en parroquias de Salvaterra do Miño e logo nunha barriada de Porriño, teólogo e profesor tamén no Seminario de Vigo e colaborador do equipo de Badal; e Ramiro en Cervantes, e o orixinalísimo cura ecoloxista Leopoldo en Sindrán-Monforte, ... e un bastante longo etcétera que fai inxusto o feito de deixalos fora, se non fose que non se pode converter o libro nun longo vademecum. Con razón dixo D. Miguel-Anxo Araújo, nun contexto máis amplo:

"Se miro cara atrás, non me resulta difícil atoparme cunha serie de sacerdotes, especialmente no mundo rural, que verdadeiramente viviron os problemas da xente. Se algún día se chegara a facer a verdadeira historia do noso clero rural, atopariámonos con verdadeiras sorpresas"(111).




II. Por outra banda, a nómina de ex-curas galeguistas, ou máis correctamente, curas secularizados, por aquelo que lles cantaron o día da súa ordenación sacerdotal: "Ti es sacerdote para sempre", faría unha lista verdadeiramente longa. Algúns dos reseñados anteriormente, xa se atopan nesta tesitura actualmente, como é o
caso de Xosé Chao Rego, Xesús Portas Ferro, Manolo Regal, Ramón Díaz Raña, Anxo Currás, ... Do resto só é posible reseñar algúns, que compre lembrar con respecto e agradecemento, a pesar da súa dispar evolución relixiosa, sociopolítica e cultural.
     Entre os que levan máis tempo e se atopan máis desvencellados da súa antiga situación, compre destacar en primeiro lugar a Antón Gómez Vilasó (Palmeira-Ribeira 1929). Ordenado crego en 1952, é pioneiro da galeguización da Igrexa na súa estancia na parroquia compostelana do Castiñeiriño, que rexentou entre 1960 e 1974, e unha referencia á que moitos recoñecen un papel fundamental no seu proceso de compromiso con Galicia, persoas hoxe significadas na Igrexa Galega. A súa parroquia de Fátima foi a primeira na celebración habitual da Misa en galego; pero entendían xa que a galeguización da Igrexa ten que ir moito máis lonxe, por iso, parello á cuestión litúrxica foi o esforzo de galeguización de todo o traballo pastoral nunha liña de democratización da Igrexa, con participación protagonista dos segrares. Xuntos elaboraban o Boletín Fátima, exemplo de boletín parroquial galeguista, que se repartía en varias parroquias.
     Certo que para isto contou con persoas dunha grandísima calidade humana, intelectual e crente, como Agustín Bueno e Carmela Capeáns (actual presidente da Asociación Irimia), Lois Ferradás e Madó, ... Pero tamén foron moi conscientes da dificultade para renovar a Igrexa desde a estructura parroquial, pois os párrocos non son nomeados democraticamente, senón impostos desde arriba; por iso, o Castiñeiriño é actualmente, tan so a leve sombra do que foi. E o seu ex-párroco reduciu o seu galeguismo a rexentar unha librería na que se pode atopar moito libro galego.

     Dino Pacio Lindín (Pastoriza-Lugo 1934). É un sociolingüista de primeira fila comprometido nunha educación liberadora. Foi crego na diócese de Mondoñedo, fixo os seus estudios de Filosofía e Teoloxía en Comillas e Roma, e Socioloxía en Madrid. Foi profesor no Seminario de Mondoñedo e levou diversas parroquias rurais desta diócese (o santuario de San Cosme de Galgao, Cadavedo, ...). As súas posturas progresistas e a súa sensibilidade galeguista marcaron sempre o seu labor sacerdotal.
     Traballou logo en Madrid con grupos de estudiantes e finalmente en New York (1970), onde fundou Solidaridad Humana (1974), un interesantísimo proxecto educativo coa comunidade hispana marxinada de USA, que vai desde a alfabetización ata os grados universitarios, e chegou a acadar en 1982 o Premio Nacional de Universidades Comunais, a pesar da súa manifesta ideoloxía reivindicativa dos dereitos dos hispanos, que os levou a ter problemas en moitas ocasións, sobre todo nos anos do goberno Reagan. A súa orixe é, en palabras de Dino Pacio, "Responder ós berros do pobo que di: queremos estudiar e ser máis". O seu lema é "Todos ensinan, todos aprenden". Ten editado varios libros, entre eles Terra húmida (Lugo 1979) e Juventud radical 1956-1968 (O Ministerio de Interior prohibiu o libro en 1969, e tardaria case dez anos en saír, xa coa democracia, en Madrid no ano 1978). Do primeiro son estas verbas:

"Os universais abstractos —desertos de po sin pobos— son horrendos, os universais concretos —pobos sin po nos vales e nos montes— son portentosos" (pax. 5).

"¡Despertade animadores! Sin Orfeos estamos orfos. Sede aguillóns, doces e envenenados. Cantar é máis radical que falar. Pra cantar non abonda ver nin berrar, hai que tocar. Fai falla saúdar a terra pisándoa e bailando nela... Animadores, axudádenos a ser socios solidarios desta terra e da súa xente... A terra nosa quere socios que sigan facendo o novo camiño, máis cos pes constructores que coas máquinas destructoras... Un xoglar dixo hai máis de corenta anos que a súa guitarra era unha máquina que mataba feixistas" (páxs.21-24).

"Vermella ten que ser a xusticia pra poñer verdes aos nemigos da terra verde e da súa xente. Xa naceu a xente nova que fará trunfar a xusticia bermella na terra verde... A xente vermella da terra verde non se avergoñará de que a língoa eiquí non valla pra epopeias e para épicas" (pax. 51)

     Xosé Estevez Rodriguez (1943), foi cura en Fonsagrada e logo en Madrid. Actualmente é profesor na Universidade de Bilbao. Ten publicado varios libros, entre os que compre salientar Os nacionalismos e os seus estatutos na Segunda República e Impenitencias Galeuzcas.
     No eido político, Carlos Vázquez (1935), actualmente destacado líder nacionalista, foi un activo consiliario da XOC, que traballou moi activamente de crego no barrio das Flores, na Coruña. O seu compromiso político chegou desde a reflexión feita polos Cristiás polo Socialismo; primeiro achegado ó PC e logo á ANPG, achegouse ós posicionamentos de EG, onde militou activamente. Igualmente Antón Martínez Aneiros, do que se falou máis atrás.
     Suso Mosquera, un ex-crego que chegou a ser profesor do Seminario de Ourense con Angel Temiño, coñecido bispo ultra. É lembrada, entre os que gardan a memoria histórica das loitas nacionalistas dos anos do antifranquismo, a súa actividade política como simpatizante da UPG, ocultando ós seus líderes na persecución que seguiu á morte de Moncho Reboiras; aínda que el viña dos círculos do MCG. Camilo Modesto, antigo crego de Grou (Santa Comba de Bande), traballou activamente no sindicalismo agrario.





10. As monxas: Pilar Wirtz, Engracia Vidal, Amalia e Pepa

"A Vida Relixiosa tradicionalmente tivo pouco arraigo en Galicia como pobo diferenciado. Son raras as comunidades que empregan o galego na súa vida normal; no seu rezo, na súa comunicación escrita,... Esta actitude ante o idioma pode ser símbolo dunha situación máis ampla: descoñecemento e desidentificación coa cultura, historia, idiosincrasia desta realidade e falta de conciencia da Galicia viva como proxecto".

     Estas palabras de Pilar Wirtz (112), monxa da Compañía de María, manifestan que se o proceso de galeguización da Igrexa galega é lento e atopa moitos atrancos nos cregos e leigos, este proceso faise aínda máis difícil nas relixiosas pola súa extracción maiormente burguesa ou pequeno burguesa, e por tanto castelanfalante, e porque os seus centros de decisión están fora de Galicia, aínda máis que no resto da Igrexa (a maioría dos Superiores Maiores residen normalmente fora de Galicia); mesmo pertencen en moitas ocasións a provincias eclesiásticas moito máis amplas que a xeografía galega. Moitas relixiosas e relixiosos que viven en Galicia non son galegos e están temporalmente aquí; e aínda os/as que son galegos foron na súa maioría formados fóra de Galicia, alleos a esta realidade e cun certo desclasamento. "Normalmente percíbese nestes relixiosos unha identificación sentimental con Galicia, pero pouca consciencia activa e incluso certo rechazo a que o galego poida ser unha cuestión que lles afecte", recoñece Pilar Wirtz.
     Por outra banda, o colectivo da Vida Relixiosa non recibe da Igrexa e a sociedade galega unha invitación e chamada clara a utilizar o galego e a identificarse cos propios valores. Máis aínda, como afirma Pilar, "A mensaxe explícita ou implícita que se recibe da Igrexa galega é que se trata de algo non importante e que pouco ten que ver coa fidelidade e o traballo polo Reino". A apertura dos conventos preconizada polo Concilio e o desenrolo teolóxico intelectual foron os canles para liberarse dos vellos atavismos.
     En Galicia compre destacar o labor de Torres Queiruga como ponte privilexiada entre o mundo galeguista e a realidade dos conventos e ordes relixiosas femininas, polo seu prestixio e porque é un home moderado nas formas e piadoso.
     No panorama da Vida Relixiosa feminina en Galicia, destacan sobre todo dúas realidades presentes: A Compañía de María, unha das ordes relixiosas con máis prestixio no mundo, e as Doroteas; tamén as Xesuitinas de Noia, comprometidas no mundo rural galego en galego, e as Filipenses, sensibles ó nacionalismo galego pola súa orixe catalá (no seu colexio de Vilagarcía houbo reunións políticas importantes dos partidos nacionalistas na clandestinidade); aínda que non se pode esquecer unha comunidade de monxas singular, que está no mundo rural, en Abadín, son as da Sagrada Familia de Burdeos. Pero compre lembrar tamén a congregación do Sagrado Corazón, cun pasado glorioso no eido galeguista, pero hoxe case esquecido. Da man de tres monxas e dunha ex-monxa, o achegamento a esta realidade será doado e feito con garantías de fidelidade e obxectividade.


I. PILAR WIRTZ MOLEZUN é unha testemuña privilexiada para falar da realidade das relixiosas en Galicia, pois foi Presidenta da CONFER de Galicia (Confederación de Relixiosos/as) e Provincial da Compañía de María tres mandatos consecutivos.
     Esta muller de apelido alemán, que fala perfectamente galego cun estraño acento, naceu en A Coruña en 1938 nun ambiente nada galego, filla dun inxeñeiro de ascendencia alemana. Outras dúas irmás tamén son da súa mesma orde relixiosa (María e Teresa). Noviciado na Compañía de María no País Vasco (Humanidades, Teoloxía, ...), fai os estudios de Maxisterio en San Sebastián, e de Matemáticas na Universidade Complutense de Madrid. Volve a Galicia en 1966 como Directora de Estudios do Colexio da Compañía en Santiago, e fai o seu primeiro contacto coa realidade galega, coa "outra" realidade galega, totalmente descoñecida para ela.

"Son galega, aínda que tardei en sabelo —dime—. Ata os 30 anos sentíame exclusivamente coruñesa. Estaba contenta e mesmo orgullosa con esta miña procedencia, pero, certamente, este sentimento nada tiña que ver coa miña realidade fonda humana e crente. Non me irmandaba con ninguén".

     O seu bautismo de lume vai ser nos seus anos de Directora do Colexio Maior "El Pilar" (1967-69), cando chegan a Santiago os aires do Vaticano II e contacta con toda a efervescencia da mocidade estudiantil do Santiago do ano 68 e os sectores progresistas da Igrexa Galega. Isto marcou para Pilar o comezo dunha nova etapa: "Abrinme ó galeguismo, tan sospeitoso daquela nos ambientes de Igrexa, nun dos Coloquios, nos que participou Alonso Montero".

"A partir deste momento fun camiñando lenta e progresivamente nunha dobre dirección: Fun descubrindo a dimensión comprometida e solidaria da fe, sobre todo cos máis pobres (a chamada da misión). Fun descubrindo a identificación visceral con Galicia, cos seus símbolos, cos seus gozos e coa súa dor (a chamada da realidade). Esta dobre dirección foi tomando corpo en min e fundíndose nunha vivencia única e dinamizadora".

     Contacto coa xente de esquerdas, os cantautores de "Voces Ceibes", que participaban en recitais semiprohibidos no Colexio Maior (Alí serían tamén os primeiros contactos do que isto escribe con ese mundo fascinante) e de contado coñece a un crego que habería ter unha importancia decisiva na súa evolución: Torres Queiruga, recén chegado de Roma. "Foi a Andrés á primeira persoa á que lle escoitei falar galego seguido", dime Pilar. As actividades do Colexio non podían pasar inadvertidas para o férreo control franquista, e, a raíz dun recital de "Voces Ceibes" no primeiro trimestre de 1968, o Rector da Universidade (Sr. Garrido), que tiña gravada a "subversiva" introducción ó recital e algunhas confidencias de alumnas do Colexio, chámaa capítulo, e ensínalle a ficha que xa tiñan dela, como revolucionaria e comunista, cando tan so levaba dous anos en Santiago. A conclusión da conversa non pode ser máis contundente: Ten que deixar a dirección do Colexio, ou dou contrario péchano. Plego de descargo, ... apoio da súa orde (a Provincial deféndea, porque "é nova e inxenua, e debe estar manipulada"), suspensión de actividades no Colexio, inspección policial ... Pero, a Provincial pídelle que siga na Dirección pola súa capacidade, a pesar das ameazas do Rector da Universidade, que remata por conseguir pola vía da forza os seus propósitos. "A pesar do fracaso, sentinme acollida polo mundo que viña de descubrir —confésame na conversa—, foron momentos de contacto forte, aínda non asimilados, cousa que sucedería despois".
     Volve ó Ensino Medio. E no curso 70-71 comeza algo que tamén será moi importante para Pilar, o Grupo de Teoloxía, con Queiruga e algunhas monxas máis como Engracia Vidal (Sagrado Corazón), Pepa (Doroteas) e Maquicha (Compañía). Vai ser o labor de Torres Queiruga o que irá lentamente abríndoas o galeguismo e a unha reflexión teolóxica coherente coa modernidade que xa estaban vivindo. Pilar recoñécelle tamén unha ascendencia a Engracia Vidal e ás relixiosas do Sagrado Corazón, que ían por diante na apertura e o compromiso da orde, sobre todo desde a súa Residencia de "A Lareira". A conversión foi radical: unha apertura ideolóxica e teolóxica que a levou a ela e ás súas compañeiras a un compromiso cos pobres; un compromiso que realizan entre conflictos e que a leva deixar o Colexio, optando só polo traballo nun barrio.

"En 1973 atopábame cunha Congregación relixiosa moi metida nos colexios e nun ambiente burgués. Fomos descubrindo un xeito novo de ser relixiosas. Ese ano saímos un grupo do convento para vivir nos barrios de San Lázaro e o Castiñeiriño, o que foi un gran revulsivo. Porque ese movemento chocaba co conxunto da provincia"

     En 1977 entra no Equipo Provincial, sen abandonar as posturas tomadas, iníciase un proceso de reconciliación no seo da Congregación, que soupo asumir os novos rumbos como un progreso necesario. Segue traballando e vivindo no barrio. É o ano en que nace Encrucillada, revista na que participa desde o comezo e que ten desde sempre as reunións do Consello de Redacción no seu Colexio. En 1982 fana Mestra de Novicias, e en 1985 pasa a ser Provincial, cargo que exerce ininterrompidamente durante tres mandatos (1985-1994), prazo máximo permitido polas Constitucións.

"Aprendín a escoitar sen deixar de ser eu mesma. Creo que a xente captou iso e eu sentinme sempre respectada e apreciada. Non necesitei abandonar nada do que descubrira e seguín estando presente en lugares conflictivos".

     E non abandonou; velaí están os seus compromisos: a continuada participación en Encrucillada, unha revista conflictiva que é verdadeiro signo de contradicción nunha Igrexa Galega desgaleguizada, e en todo o que xira arredor da Asociación e a revista Irimia. No ano 1986, paradóxicamente é elixida como Presidenta da CONFER de Galicia, que agrupa a tódolos relixiosos e relixiosas galegas. A súa presencia seguro que marcará un fito galeguista no mundo dos/as relixiosos/as en Galicia. Ela mesma fai a confesión da súa fe cristiá e galeguista:

"Conxuntar misión e realidade —cristianismo e galeguismo— no medio de tensións e buscas complexas, vai configurando o sentido da miña vida e achegándome á miña verdade persoal. Máis como convencemento que arraiga e abre camiños desde dentro, que como principio teórico que a priori sabe onde vai. Mais como froito do Espírito que se recibe coma don, que como obriga voluntarista a cumprir.
Desde aquí, pretendo que este convencemento vaia enchéndose de contido no meu vivir cotián. Intento, non sempre o consigo, avanzar sen cansarme desde a miña lingua materna (o castelán), cara a miña lingua asumida desde a liberdade solidaria (o galego).
Desde esta experiencia persoal intento tamén poñer os medios para que este descubrimento penetre nos ambientes nos que me movo. Presentalo coma Boa Nova potenciadora de fidelidades fondas e non coma lei que obriga e separa ós que non a cumpren. A miña experiencia nestes anos no propio grupo da Congregación e no traballo na CONFER de Galicia confírmame que este é o único camiño eficaz a longo prazo".

     Polo que se refire á situación da Vida Relixiosa en Galicia, a opinión autorizada de Pilar Wirtz ve signos que apuntan a algo diferente. "A necesidade da inculturación vaise introducindo coma elemento importante á hora de vivir a espiritualidade e a misión". Como factores deste avance, ve Pilar: 1) A nova situación sociopolítica, que vai rompendo vellos prexuízos sobre o galeguismo como algo exclusivo dos grupos radicais. 2) Os movementos eclesiais de base nos que sempre están presentes os relixiosos/as (Irimia, Encrucillada, Romaxes, Comunidades de Vida Cristiá, Xornadas de Música Relixiosa de Poio,...). 3) Os grupos de relixiosos insertos no mundo rural e nos medios populares, que esperta a esta dimensión galeguista en contacto cos pobres. 4) Algunhas Congregacións con maior implantación en Galicia, o que supón mellores condicións para comprender a situación diferencia deste país, animada en moitos casos polo propio goberno da Congregación. 5) A orientación que nos últimos anos se está dando á Confer Galicia, elemento concienciador importante a través das súas actividades, comunicacións, etc.
     Con todo, cre Pilar que, desde o realismo "non parece posible pensar que o colectivo global da Vida Relixiosa poida chegar a ser unha forza galeguizadora na Igrexa e na sociedade". Aínda que se pode avanzar nunha triple dirección:
     "a) A minoría concienciada pode irse facendo máis ampla, máis consistente, máis activa...
     b) O gran grupo ten un longo camiño por percorrer (deixar prexuízos, aceptar cordialmente a lingua e normalizala no posible,...)
     c) A Confer de Galicia pode chegar a xogar nisto un papel moi importante. Nos seus obxectivos, estratexias e actividades terá que ter máis en conta ás minorías concienciadas, apoialas, deixarse influír por elas, chamalas a colaborar, etc. E terá tamén que iluminar e motivar constantemente ó gran grupo: fundamentar as razóns humano-teolóxicas deste intento, abrir perspectivas, contaxiar con todo o seu estilo que paga a pena traballar nesta dirección, etc."
     Falar de compromiso galeguista na Compañía de María é necesariamente falar da realidade dunha Congregación relixiosa que actualmente ten normalizado o galego nun 80% da provincia eclesiástica (desde hai uns anos circunscrita tan so a Galicia, pero deica non hai moito chegaba ata Andalucía e Euzkadi). Isto resulta particularmente significativo nun colectivo que conta tan só cun 30% de compoñentes que teñan o galego como lingua materna. Pola dobre razón de extracción burguesa e porque mesmo esta provincia conta cunha comunidade en Madrid, nutrida de xente maiormente castelá. "Houbo que estudialo en serio para chegar a coñecelo e falo máis ou menos ben", dime outra monxa da Congregación, que conta das súa clases de galego na Escola de Idiomas.
     A galeguización veu parella coa renovación da Congregación polos anos 70 (abandono do molesto hábito, que impedía meterse no pobo, saída dos conventos para ir a barrios marxinais e ó mundo rural, ...). A revolución que isto supuxo compre calibrala desde a comprensión da súa identidade: sempre foron "monxas-monxas", pois teñen votos perpetuos e solemnes, foron de clausura rigorosa, aínda que non contemplativas; pois Santa Xoana de Lestonac (a súa fundadora no s.XVI, que era sobriña de Montaigne) concebiunas como un servicio á educación. A galeguización supuxo un cambio en aspectos tan significativos como ter as Constitucións en galego, facer a profesión de votos en galego, e unha normalización bastante grande do galego nos colexios, mesmo en Coruña e Ferrol, cidades tradicionalmente pouco acolledoras do galego.
     Finalmente, falar de galeguismo na Compañía de María é falar das monxas que a forman, e moi particularmente dalgunhas comunidades na vangarda do compromiso cos pobres. É o caso da aludida comunidade do barrio de San Lázaro, na que segue Pilar Wirtz. Ou a do tamén barrio santiagués do Castiñeiriño, onde estiveron Mari Carmen Pablos, a mesma Pilar e outras que se foron ó rural; e seguen monxas do temple de Sole González, toledana que fixo a súa profesión dos votos pioneiramente en galego, e foi unha moi activa militante de EG no traballo de barrios, estivo na ANPG desde a súa fundación e participou nas súas manifestacións e reivindicacións populares; e Lola Barros, e outras.
     Compre falar tamén das comunidades rurais de Dumbría-Buxantes e Hospital do Cebreiro; na primeira Lourdes Pardo manifesta o compromiso galeguista na educación e promoción dos labregos desde o Movemento Rural Cristián Galego, particularmente no traballo realizado coa mocidade, un traballo tremendamente dinamizador, aínda que co ritmo lento da realidade rural. Na comunidade de Hospital do Cebreiro, na dura montaña luguesa, outra irmá de Pilar María Wirtz (que estivo tamén traballando en Nicaragua cos máis pobres (113) Actualmente traballa en Preescolar na casa, un proxecto educativo comprometido na defensa dos nenos galegos e da cultura galega.), Maquicha Garcia Agudín e Manola González, manifestan un compromiso co mundo rural que non é ocasional, pois levan máis de dez anos traballando na promoción dos labregos, compartindo a súa vida e a súa fe. Non se pode esquecer a unha monxa singular, militante da nova pedagoxía na liña da liberación, mestra rural comprometida co nacionalismo galego e que leva xa varios anos en Nicaragua, entre os máis pobres, Ana Vila, de Lugo.
     Finalmente, hai que falar tamén da comunidade de As Pontes, da que Moncho Valcarce gozou coa súa amistade. Alí houbo sempre unha cambiante pero nutrida comunidade, atendendo a realidade educativa e pastoral da zona: Herminia Estoa, que participou desde o comenzo nos movementos de galeguización da Igrexa, Charo Fernández España, de coñecido apelido, que tivo que aprender o galego e chegou a amalo, María Carmen Saavedra, sempre coa súa bondade ás costas, Alicia Martínez, que tivo que andar soa de mestra moito tempo, e outras dúas irmás que finaron nun accidente de coche Trini Formoso e María Rey.


II. ENGRACIA VIDAL ESTEVEZ, secretaria de Encrucillada desde os seus comezos, foi monxa do Sagrado Corazón, e, aínda que na actualidade abandonou esa congregación por motivos persoais que se verán logo, a súa participación activa nela, nos mellores tempos en que esta orde relixiosa estaba en punta no compromiso por unha Igrexa Galega renovada, convírtea nun elemento privilexiado para completar as afirmacións anteriores.
     Engracia Vidal naceu no ano 1930 en Cambados. Xa de nena achégase á Congregación das relixiosas do Sagrado Corazón, fai o Bacharelato no seu colexio de Placeres (Marín), e logo o noviciado. Sal ós 18 anos de Galicia e botará 20 anos fora. Xa como relixiosa desta orde, estudia Maxisterio en Granada e a Licenciatura en Historia na Universidade de Madrid; estudios que completará logo cos de Teoloxía e Pastoral, o que lle dará unha gran preparación para o labor que desenrolará logo a prol dunha Igrexa Galega misioneira e comprometida con esta Terra, tal como manifesta nunha colaboración no libro A crise da conciencia relixiosa no mundo actual (114). Xa no ano 1972, escribe que aínda que o pobo galego é fondamente relixioso, precisa dunha evanxelización (misión) para acadar unha auténtica postura de fe cristiá; ou o que é o mesmo, pasar de bautizado a cristián crente:

"Para chegar a unha fe en plenitude, hai que chegar a aceptación da mensaxe total coa vida. Pero é preciso encher a vida hastra a súa plenitude para poder recibir a mensaxe da fe. Os primeiros pasos témolos que dar na liña da cultura, facendo desaparecer do noso xeito de vida todo o que pode impedir unha aceptación profunda e verdadeira de Deus... O segundo paso será o desenrolo persoal e social... Desenrolo que terá que empezar polo biolóxico ... para chegar á intelixencia e á vontade á conciencia de libertade e ao seu dereito uso"(115).

     Ela mesma me conta como se foi entrelazando o seu crecemento na fe e a súa descuberta e compromiso con Galicia:

"Saín de Galicia moi nova, sen conciencia do que era nin do que supuña o galeguismo. Pero levaba a Galicia fondamente gravada. Mesmo a súa lingua, non era a miña fala habitual, pero érame coñecida; a xente do arredor, fora da miña familia, falaba. Na casa oía con normalidade, pois meu avó —médico rural xa velliño— usaba a miúdo; tamén cando o meu pai trataba cos galegofalantes no exercicio da súa profesión; nunca vin desprezo, aínda que si sabía que diferenciaba as clases sociais.
Fora de Galicia si sentín que o noso acento non era ben visto e tíñase coma un defecto ('hablas con mucho acento'). Os xesuítas eran modélicos porque 'nunca se lles nota o acento do seu lugar de orixe'. Cando estaba de lectora no comedor, se viña algunha persoa importante suplíanme por outra que tivera acento máis castelán".

     Volve a Galicia en 1970 e o primeiro quinquenio desa década van ser anos dunha febril e interesante actividade en Compostela, nun período privilexiado. Primeiro como profesora de Catequética nos cursos do Secretariado Nacional de Catequese, e logo no Seminario Menor de Belvís, onde foi chamada polo crego Antón Miramontes, entón Xefe de Estudios; era a primeira muller que entraba como profesora nese centro (116), que ata entón só se entendía como canle de formación para "alevins de cregos", co tempo chegarían a ser tres. Pero, sobre todo, a súa actividade centrábase na nova Residencia do Sagrado Corazón da que foi fundadora; era unha residencia para rapazas de Ensino Medio, preferentemente de extracción rural e sen moitos medios económicos. É a finais dese ano cando o daquela Delegado de Ensino, Jaime Rodriguez, preséntalle un cura novo que andaba en moto e que era "un apasionado del gallego"; non era outro que Torres Queiruga. Aquela primeira chamada da realidade galega desde posturas de Igrexa foise afondando de seguida coas Misas en galego na igrexa das Animas, que celebraban, ademais de Queiruga, X.R. Barreiro Fernández (logo cura secularizado e catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na Universidade Compostelana) e Rafael Silva (que logo se dedicaría á librería "Follas Novas" de Santiago).
     Engracia cóntame como un momento privilexiado no proceso da súa conciencia galeguista unha conferencia que tivo que dar no ano 71 en Pontevedra co tema "O espertar da fe e o seu desenrolo nos condicionamentos do pobo galego" (aparecida logo no libro citado):

"Aceptei sen problemas. Acababa de estudiar Pastoral, e viña ben disposta a comunicar o aprendido. Despois de quince días entérome de que ten que ser en galego, para a miña sorpresa. Collo Sempre en Galiza e, ó rematalo, sáeme a charla escrita en galego, aínda que fose cos seus erros, nunha lingua na que non podería ter entrado só coa lectura de Castelao se non estivera moi dentro de min. Din a conferencia no casino de Pontevedra e foi o primeiro paso. Os outros viñeron de seu. Nos principios que desenvolvín sobre a fe xa estaba a necesidade de vivila no compromiso coa realidade".

     No Secretariado de Catequese colabora co crego nacionalista Xosé Antón Iglesias, xa aludido, e outro crego, Pepe Ferreiro, que logo sería cura do Castiñeiriño, sucedendo dignamente a Antón Vilasó; o galego era a lingua de uso normal, o que supón un paso máis no proceso. Este proceso recibiría o seu artellamento teolóxico, en coherencia coa súa fe, gracias ó grupo de Teoloxía con Queiruga. Elemento importante sería tamén a participación nos Coloquios, particularmente no VIII (1971), en Ferrol, no que ela e algunhas monxas máis serían as primeiras mulleres en participar. "O proceso fíxose xa irreversible —cóntame—. O meu compromiso cristián e relixioso tiña que pasar necesariamente pola encarnación na Terra e a asunción da súa cultura".
     A actividade de Engracia na Residencia do Sagrado Corazón (primeiro en San Roque e logo, tras da súa partida a Ferrol, na Rúa dos Xasmíns, onde collería o nome de "A Lareira"), foi decidida desde o comezo. Charlas comprometidas e en galego, recitais de cantantes como Bibiano e Benedicto, ... A chegada dunha monxa con apelido estranxeiro, Tere Mailly, significou un aporte fundamental. "Chegara en Xaneiro de 1971 de Alemania, e en outubro veu para a Residencia. En segredo comezou a aprender o galego, pois dábanselle moi ben os idiomas, e no mes de Xuño, ó remate do curso, sorprendeunos un bo día cambiando de lingua e falando en galego da mañá á noite".
     Certo que Tere Mailly non era unha muller calquera, como manifesta a súa historia. Só dúas pinceladas. Esta monxa de orixe alemán, que naceu accidentalmente en A Coruña, e que hoxe está cos pobres de Africa en O Chad e pasou catro anos en Exipto, foi militante moi activa da ANPG. Non é de estrañar que, aínda sendo publicamente descoñecida a súa militancia nas organizacións nacionalistas, cando en 1978 se lle propón levar a dirección dunha nova revista dos cristiás galegos, Irimia, xunto cunha nova comunidade de monxas que se ía crear en Sobrado dos Monxes, o arcebispo Suquía presionara ante a Provincial para que non permitira tal cousa. E non puido ser, pois a fundación fíxose noutro lugar, polo que non se puido contar coa colaboración da relixiosa. En 1981, o que isto escribe asumiría tal responsabilidade, tras dous anos co proxecto parado, por non atopar a persoa adecuada. En 1972, ano dos sucesos do Ferrol, Tere Mailly toma a dirección de "A Lareira", que compaxina coas clases nunha escola preto de Santiago. Así fala Engracia da Residencia neses anos:

"Tiñamos a casa literalmente aberta, non se botaba a pechadura nin pola noite. A nosa apertura chegaba a todos, de xeito que alí acolliamos grupos que se reunían con fins relixiosos, culturais e políticos. Alí se xestaron accións políticas, como manifestos, recollida de firmas, custodia de materiais comprometedores, manifestacións e asistencia ós detidos, ... Lembro o día dos asasinatos de Amador e Daniel. Estabamos nunha celebración coresmal aberta, presidida por Antón Vilasó, cando nos deron a noticia, que cambiou toda a celebración. A media noite tivemos que erguernos para acoller a dous cregos que viñan de Ferrol a establecer contacto cos de Santiago (Anxo Currás e o seu arcipreste, Ladra)".

     Non era este o estilo do resto da Congregación e pronto xurdiron os problemas. "A simple fala víase con connotacións políticas". E o grupo foise desfacendo en poucos anos. Non se pode esquecer o resto das monxas que participaron neste fermoso proxecto, sobre todo Marta García de Leánez (y Díaz de Rebordillo!, que ese é o apelido completo...); unha monxa que tras do seu aristocrático nome agachaba sangue dobremente vermello, e tamén participaría nos compromisos políticos de Tere Mailly, ademáis de ser das primeiras en ir traballar o mundo rural. Logo lle comentarían a Engracia que as cousas na organización nacionalista clandestina funcionaban co mesmo ríxido ritual e a mesma autoridade indiscutible que nas congregacións relixiosas de antes.
     Tampouco se pode esquecer a outras compañeiras neste fermoso proxecto, como Amelia Calvo e Pepita Caballero ("que desde o seu andaluz fixeron o imposible por galeguizarse"), Petro Muñoz, Tere Tejedor, Mercedes Cerrada e Matilde Moreno, que militou na ANPG. Cóntame Engracia un dato revelador, a cerimonia de profesión dos votos de Amelia, no Outono do 1972, foi na igrexa do Carme totalmente en galego. Tamén tivo un destacado compromiso galeguista Carmen Cervera.
     Engracia seguirá a súa andadura en Ferrol, tras un ano de reciclaxe en París no INODEP coa pedagoxía liberadora de Paulo Freire. Alí participará no nacemento de Encrucillada, "con tódalas benzóns da Congregación e do bispo, Monseñor Araújo". Catro felices anos, tras os que remata a vida relixiosa de Engracia, pois a nova Provincial pediulle "dispoñibilidade total para ir a calquera parte de España", o que supuña a posibilidade de deixar o traballo en Galicia. Cousa que ela non aceptou.

"Eu entendín que a o meu lugar estaba aquí. Todo o que eu era e a preparación que adquirira servía fundamentalmente para Galicia; Encrucillada estaba no seu terceiro ano e eu era parte do seu motor, asumido co consentimento da Congregación. ¿A que deixala?. Un accidente da miña nai, que contaba 90 anos fíxome tomar a determinación de vir coidala, e así cheguei a Pontevedra, coa Encrucillada ás costas, que desde entón ten aquí a sede".

     Hoxe Engracia, que segue fiel a aquela descuberta de moza, é consciente de que o problema da súa antiga Congregación non é outro que non ter feito unha verdadeira encarnación nesta Terra, pois a inculturación e o compromiso foi so cousa de algúns membros, ou ó sumo dalgunha comunidade: "Placeres foi sempre a casa forte, a casa grande, e non asumiu seriamente esta orientación. Galicia dependeu sempre de Madrid, unha gran cabeza de polbo onde reside o 80% dos membros. As relixiosas con inquedanzas sociais postconciliares preferiron os barrios da periferia madrileña ou as misións. Galegas de orixe eramos moi poucas, e a maioría, as de fala galega, cun rechazo que aínda hoxe non superaron; en parte polo seu complexo, e en parte porque as superioras non souberon curalas".
     Esta incongruencia é un "misterio" para Engracia: "Sempre escoitei loubar ás misioneiras, porque ó chegar se convertían ó xeito do país onde ían, e aquí non houbo nin hai sensibilidade para facer que os colexios, residencias ou garderías sexan de, en e para Galicia, en galego". Pero ela quere seguir sendo fiel ó camiño emprendido de compromiso cristián e galeguista, na súa Terra. "Nesa tarefa ando aínda, e supoño que non darei chegado nunca á meta".


III. Finalmente, entre estas monxas de temple comprometidas coa causa dun Xesús Cristo liberador e dunha Galicia tamén liberada, compre lembrar a Pepa e Amalia así como a súa compañeira Manola, irmá de Pepa. Todas elas son relixiosas Doroteas comprometidas no mundo rural, que viviron no antigo pazo de Galegos (Ordes). A comunidade veu en 1964 para esta aldea, pois tiveron a doación do pazo para fundar unha comunidade encargada da educación e a promoción dos labregos da zona. Por alí pasaron tamén outras monxas de temple: Remedios e Carmiña Miguélez,... e sobre todo Angelines García, unha monxa non galega, pero que asimilou o galego e ensinaba en galego. "Tanto a vías dando clase, como subida a un tractor, como axudando a parir a unha vaca —dinme Pepa e Amalia—. O seu compromiso cos pobres levouna asumir a galeguidade". Actualmente está entre os pobres de Bolivia.

     AMALIA TOMÉ ROCHA naceu no ano 1928 en Sela-Argo, nunha familia bilingüe (o pai falaba galego e nai, de familia máis podente, castelán). Entrou na Congregación e estudiou Filosofía e Letras para dar clases nun colexio. Pero descubriu o compromiso cos pobres na súa estancia en Perú, no medio dunha realidade rural, participando en accións con cristiáns comprometidos. "Chego a Galicia en 1972, e encóntrome con xente que tamén empezaba a estar comprometida cos pobres, mesmo politicamente, e vin que eran galeguistas, como Pepa, e iso foi para min unha forte chamada".
     Daquela, unhas compañeiras da comunidade de Galegos lanzaron o proxecto "A terra para quen a traballa", para repartir as terras da doación que recibiran entre os labregos-caseiros, que vivían nelas como colonos. Superando difíciles atrancos xurídicos, lograron repartilas entre os devanditos caseiros, "vendéndollelas" por un precio simbólico. "Costoume entendelo, dime, pero na medida en que o descubrín, comprometinme cos pobres e con Galicia". Mais lle custou aínda entender o da relación entre o galeguismo e o cristianismo, e a súa conexión co mundo dos pobres. "Sobre todo, porque se dicía que iso máis que fe era política. Pero eu vía que as compañeiras que si o tiñan asumido, facíano desde a súa fe".
     Como educadora, foi do máis gratificante para ela ver como os nenos asimilaban moito mellor en galego que en castelán. "Un día descubrín que ¡lían todo en galego, mesmo os libros que estaban en castelán!". Amalia tamén leva moitos anos facendo un traballo fundamental na administración de Encrucillada, á que chegou por invitación de Engracia, a suxerencia de Pepa. "Hoxe só vexo o meu labor en Galicia, desde Galicia e en galego", di con contundencia.

"O tomar parte nestes grupos foi para min o poñer pe na realidade integralmente. Asumir o que son e facer máis auténtica a miña fe. Vexo a fe so desde aí, como liberación dos marxinados da nosa Terra. Mesmo vexo a madurez da xente para aceptar a fe desde aí".

     PEPA RODRÍGUEZ PRESEDO. Naceu en Meangos-Begondo (1937), nunha familia totalmente galego-falante. "Non falei outra cousa que o galego ata os 20 anos". Empezou a estudiar moi tarde, facendo Maxisterio, e decatouse en seguida que a cultura estaba só en castelán. "Aínda que non reneguei do galego, tiven que pasarme para case todo ó castelán". Pero as raíces eran profundas, e por iso dime emocionada que "cando por fin puiden rezar en galego sentín unha verdadeira liberación gozosa. Empecei a pensar que podía ser eu mesma desde o fondo".
     Cando veu a Galegos en 1980, xa traía unha pequena gran historia de compromiso cos pobres e co galeguismo, pois traballara coa ANPG nos seus anos de Santiago. Daquela, a Residencia das Doroteas na parte nova de Santiago, era un viveiro de cristianismo progresista, servindo de cobertura en mais dunha ocasión ó movemento dos Cristiáns polo Socialismo. "A miña descuberta veume polo contacto con xente de Igrexa que estaba nunha determinada liña, particularmente no grupo de Teoloxía de Santiago, con Queiruga, Engracia, Pilar Wirtz, Maquicha, ...". Participara nos Coloquios, nas reunións do Castiñeiriño e na vida dos grupos cristiáns progresistas de Galicia; tamén nos sindicatos e os movementos de renovación pedagóxica, ... E sentira a chamada forte ó compromiso no mundo rural galego.
     Desta maneira, o compromiso cos pobres e o compromiso con Galicia foi nacendo nelas complementariamente. "Para min non se pode superar a fe do compromiso con Galicia, o galeguismo —dime Pepa—; parécenme dúas realidades inseparables. A fe cristiá dun galego sen o compromiso con Galicia está totalmente coxa".
     Pero non é esa, desgraciadamente, tal como recoñecen, a realidade común, nin sequera maioritaria da súa orde relixiosa. "Na nosa Congregación non ten ningún peso especial o da galeguidade, aínda que si conta moito na reflexión o compromiso cos pobres". Falar galego non se asume como un valor necesario nese compromiso cos pobres en Galicia, sobre todo no mundo rural. Por iso di Pepa con valentía: "Se non se descubre a necesaria relación da nosa opción polos pobres co galeguismo, é porque non se está realmente cos pobres, as afirmación son puramente teóricas. Non se decatan que o galego, a lingua dos pobres, é unha lingua desprestixiada, o que esixe un meirande compromiso con ela, se é que queremos comprometermos coa realidade dos pobres". Non é estraño que estas monxas maduras, que seguen gustosas na súa orde relixiosa, despois de tantos anos e tanta historia, conclúan: "Dóenos moito que a nosa Igrexa e a nosa Congregación non descubriran o compromiso galeguista e non se dean pasos para progresar niso".





NOTAS


(1) Francisco Carballo "A Igrexa, un perfil preocupante", Decenario A Nosa Terra, , 1998, pax. 210
(2) Miguel-Anxo Araúxo, A fe cristiá ante a cuestión da língua galega, SEPT, Vigo 1975, páxs.7-9
(3) M.- A. Araújo, Memoria de vida, Ir Indo, Vigo 1993, pax. 16
(4) Víctor Freixanes, op. cit. páxs. 260-261
(5) Memoria de vida, pax. 110
(6) Unha ducia de galegos, pax. 260
(7) Don Amando merece unha alusión destacada como cura galeguista. Ademais destes polémicos versos é autor doutros escritos en galego, fundamentalmente referentes á liturxia.
(8) Ver máis adiante estes conflictos no contexto dos curas no mundo obreiro
(9) Ver a súa Memoria de vida, op. cit. nas páxs. 225-226, e máis polo miúdo en Escritos cristiáns, Ed. do Castro, A Coruña 1987, páxs. 320-410 e páxs.37-93
(10) Memoria... pax. 357
(11) M.- A. Araújo, Palabras para os amigos, Ourense 1989. Alí se poden ver: "Presencia de D. Ramón Otero Pedrayo", "Lembranza de D. Ramón Otero Pedrayo", "Na morte de Ben-Cho-Sei", "No primeiro centenario do nacemento de Castelao", "No primeiro centenario do nacemento de Cuevillas", "Cabodano do pasamento de Alvaro Cunqueiro"
(12) Aquí se poden ver, ademais dalgún dos anteriores, outro traballo diferente sobre Castelao, e traballos sobre López Ferreiro, Rosalía, e Pardo de Cela
(13) A fe cristiá... op. cit. páxs. 13-15
(14) Ibidem páxs. 25 e 31
(15) En Escritos cristiáns, páxs. 23-36.
(16) M.- A. Araújo, "A Igrexa galega despois do Vaticano II", na obra colectiva O Feito Relixioso na Historia de Galicia, Noia 1993, pax. 131
(17) Nas conversas con Silvestre G.Xurxo que quedaron no libro Conversas do P.Xaime Seixas con Silvestre G.Xurxo, Ed.SEPT, Vigo 1985, pax. 8
(18) Manuel Espiña, "O querido Padre Seixas", en O outeiro de San Xusto, sección de La Voz de Galicia, 19-VI-85
(19) Conversas..., op. cit., pax.11
(20) Op. cit. pax. 61
(21) Ibidem, pax. 11
(22) O sociólogo Daniel López Muñoz fixo un completo traballo sobre a Igrexa e o galego, publicado co título O idioma da Igrexa en Galicia, Consello da Cultura Galega, Santiago 1989. Alí sitúa ben esta famosa Misa no contexto dunha cronoloxía do longo camiño de reconciliación entre o galego e a Igrexa. Desde a primeira edición do "Noso Pai" en 1787 ata as Romaxes de Crentes Galegos de Irimia (desde 1978). Pasando pola Asociación Deus Fratresque Gallaeciae (1935) e o seu traballo galeguizador da Liturxia, particularmente a elaboración do primeiro Misal dos fieis en galego, que pode ver a luz en 1968. O Misal Galego completo, segundo o Vaticano II non aparecerá ata 1987; e ó ano seguinte a Biblia Galega. As primeiras Misas en galego de xeito estable foron a dos Capuchinos de A Coruña, con Espiña e Morente, e a de Vilasó no Castiñeiriño, en Santiago.
(23) Teño tamén parte da correspondencia do P. Seixas, amablemente subministrada por Benito Santos, que manifesta a paixón con que vivía unha fe cristiá e galeguista. Correspondencia con Sebastián Martínez Risco (Presidente da Real Academia galega), Marino Dónega, Morente Torres, Manuel Espiña, etc.
     Marino Dónega escribíalle nunha das súas cartas: "Quixo Deus que houbera homes coma ti na nosa Terra, para levar adiante un labor que outros moitos homes trabucados tolleron. Máis estes serán cada vez menos. E o porvir do galego será dos que veñan atrás nosa. Fico canda ti sempre en Galicia e na espranza dun mundo verdadeiramente cristián" (20 Maio 1970).
(24) O P.Peteiro, galego de Mezonzo nas terras de Vilasantar, e actual arcebispo de Tanxer, é unha das honrosas excepcións de franciscanos galeguistas; xunto co seu colega de orde e episcopado, o P. Gómez (bispo de Lugo), que ten publicado artigos en galego e manifestado unha sensibilidade cara a nosa lingua e a nosa realidade (El Progreso e Irimia). O tamén franciscano de Santiago, P. Oro, historiador, publicou recentemente a primeira Historia da Igrexa Galega, con Manolo Regal e Arximiro López
(25) In La Voz de Galicia 11-XI-73. A semblanza de Espiña aparece tamén na selección dos artigos que se fixo para o libro do mesmo nome.
(26) Do discurso de Ramón Piñeiro en contestación ó discurso de Queiruga no seu ingreso como membro numerario da Real Academia Galega (1980). En A.Torres Queiruga, Nova aproximación a unha filosofía da saudade, Vigo 1981.
(27) Grial 9, 1965, páxs. 304-310
(28) Unha historia, aínda que incompleta, dos Coloquios pode verse no libro de X.M. Rodriguez Pampin, Nova conciencia na Igrexa galega, SEPT, Vigo 1976. Francisco Carballo completouna nun valioso artigo "Os Coloquios Galegos de Cristiáns, 1966-1987, Encrucillada, 53, 1987. Ver máis adiante, na pax. 123 e nota 41.
(29) Nun documento da UPG aludido páxinas atrás, Manifesto da UPG aos cregos de Galicia (1974), dicían dos "Europeos": "Un movemento que aglutinou a unha nova xeneración de cregos, sobre todo, e a algúns seglares dispostos a reconsiderar a súa postura diante o pobo do que forman parte. Este movemento chámase popularmente 'europeos', e escomenza en 1967; adoutando unha serie de posturas positivas: inicio do emprego da lingua do pobo oprimido na liturxia e en documentos, defensa dos labregos, supresión da 'mercadoría' coa relixión, xorden algúns cregos obreiros e traballadores..."
(30) Colaborou asiduamente en El Correo Gallego e La Voz de Galicia, e ocasionalmente noutros xornais. Entre as revistas, ademais de Encrucillada, pertence ós consellos de redacción de Iglesia viva, Sal Terrae, Communio e Corintios XIII.
(31) Unha ollada rápida ós títulos dalgúns dos seus artigos na revista, manifesta os acentos e a amplitude da reflexión teolóxica de Andrés Torres Queiruga: "Reflexións sobre o nacionalismo" (3, 1977); "Pensa-la Igrexa galega" (6, 1978); "Cristianismo e relixión. ¿Favoritismo divino ou necesidade de amor?" (19, 1980); "Creo en Deus Pai. Fe en Deus e autonomía humana" (26, 1982); "A humanidade de Xesús de Nazaret" (35, 1983); "A volta de Castelao" (39, 1984); "Vicente Risco, entre a ortodoxia e o galeguismo" (40, 1984); "Catro perspectivas na actitude relixiosa de Rosalía" (43, 1985); "Culpa, pecado e perdón" (58, 1988); "Prisciliano e Amor Ruibal" (65, 1989); "Alvaro Cunqueiro: o envés da realidade" (72, 1991); "Democracia na Igrexa" (78, 1992); "A oración cristiá: de convencer a deixarse convencer" (83, 1993); ...
(32) No nº 50 da revista pode ollarse unha historia dela, aínda que a algúns lles pareza unha visión parcial, e abundantes datos sobre esa década.
(33) Torres Queiruga, A revelación de Deus na realización do home, Galaxia, Vigo 1985, pax. 109
(34) Torres Queiruga, Creo en Deus Pai, SEPT, Vigo 1986, pax. 12
(35) R.Piñeiro, na resposta ó discurso de ingreso na Real Academia Galega, op. cit. pax. 77
(36) Art. cit. pax. 306
(37) Torres Queiruga, Teoloxía e sociedade, SEPT, Vigo 1974, pax. 52
(38) Ibidem páxs. 44-45
(39) En Encrucillada, 2, 1977, páxs. 40-43
(40) Nunha entrevista aparecida en O Correo Galego o 19-V-94, "Andrés Torres Queiruga. Galego de fe"
(41) En Rolda de ideas, op. cit. páxs.23-25
(42) Limiar de Eu renazo galego, Ed. do Castro, A Coruña, 1983, pax. 14
(43) Os Coloquios seguirán o seu curso ata finais dos anos 80. O VI Coloquio foi dos que contou cunha afluencia meirande. No VIII, participou o bispo Araújo, manifestándose "amigo" dos Coloquios. E no IX, en Poio (1972), tocouse o espiñento tema de Cristiáns no Socialismo.
     En xaneiro 1977, o XIV, celebrouse o máis polémico dos Coloquios nunha situación de semiclandestinidade, por ser previamente prohibida a convocatoria feita para fianis do 1976; contou con gran aparato policial. O tema era comprometido: "O cristián ante a coiuntura actual de Galiza". Un momento importante foi unha mesa redonda coa participación da meirande parte dos partidos políticos da oposición: PSOE, PSG (Beiras), PCG, PPG (Garcia Agudín), PGSD, MCG e UPG (Camilo Nogueira). Pero tamén as ponencias dos teólogos progresistas Xulio Lois e Reyes Mate. Aprobouse unha ponencia na que se dicía: "A coherencia entre a fe e a práctica política pasa por un compromiso activo nos intereses das clases traballadoras, que hoxe se concreta para nós naquelas opcións políticas que loitan polo socialismo... Como cristiáns temos que levar adiante a loita polos intereses nacionais de Galiza" (XIV Coloquio, conclusións 2ª e 4ª)
     Os Coloquios XV e XVI (1977-78) foron sobre as históricas eleccións de 1977. O Coloquio XIX (Melide 1981) marca o comezo dunha nova etapa, máis minoritaria. Os seus temas son a involución, os procesos de liberación, o paro, a industrialización, a paz e o desarme, ... Sen dúbida, son documentos imprescindibles para coñecer a historia de Galicia e da Igrexa galega neses anos. O XXV coloquio (Santiago 1987), foi o derradeiro.
(44) A. Torres Queiruga, "Periodismo teolóxico", Outeiro de San Xusto, La Voz de Galicia, 14-XI-76
(45) Unha ollada ó esquema do libro xa resulta expresiva: 1) ¿Rexión ou nación?. 2) A etnia galega. 3) O paraísos perdido. 4) O compromiso ético. 5) Función medicinal da galeguidade. 6) Función profética. 7) Función cantora.
(46) X. Chao Rego, Para comprendermos Galicia, Galaxia, Vigo 1987, pax. 10. De novo, unha ollada ó esquema do libro indícanos como se artella o traballo: 1) Unha cultura agonal (o espacio, o tempo o comportamento). 2) Ideoloxía do antagonismo. 3) Asunción do protagonismo
(47) Unha ollada ós títulos dos seus artigos nesta revista da idea do inxente labor de análise e reflexión realizado por este home que é un verdadeiro mago da palabra e que ten unha das mellores prosas que se fan hoxe en Galicia, a dicir do mesmo Torres Queiruga. So escollo algúns títulos máis significativos do que nos ocupa: "O federalismo na Biblia" (1, 1977), "O nacionalismo na Biblia" (2, 1977), "Crear unha simbólica galega" (5, 1977), "Remoendo a galeguidade" (6, 1978), "¿Igrexa nacionalista?" (11, 1979), "¿Igrexa autonómica? (18, 1980), "A débeda da Igrexa coa galeguidade" (32, 1983), "A dignificación da terra en R.Cabanillas" (52, 1987), "A Igrexa na sociedade galega" (60, 1988)
(48) Compre destacar que gran parte das liturxias das Romaxes, fermosas e cargadas de simbolismo (para algúns demasiado) son obra de Pepe Chao; desde a súa historia A meiga e os frades. Lenda do Pedregal de Irimia, editada recentemente na colección Contos do Castromil, Ir Indo, Vigo 1993
(49) Uns versos de Chao feitos para o "Cantar do irimego" do nº 0, que estaría parado tres anos, e que querían inéditos, son ben expresivos do que se quería que fora a revista:

"Hoxe nace un semanario
e faille falla partida
¿quen vai facer de notario?
¿quen lle ha dar fe de vida?
Levantar acta dos feitos
denunciar a inxusticia
facer valer os dereitos
da nosa Terra: Galicia"

Noutro "Cantar" escribiría tamén:

"Nós, os bos e xenerosos
deixaremos de estar cegos,
habemos abrir os ollos
(50) Unha das persoas máis importantes de Lumieira é Andrés Garcia Vilariño, crego coruñés moderadamente galeguista, que ten publicado tamén artigos en Encrucillada, e presenta un programa relixioso en galego na TVG (Televisión autonómica de Galicia): "A sentinela". Na revista están tamén na redacción ou son colaboradores outros cregos máis, algúns de tradición galeguista e vellos colaboradores de Encrucillada e outros maiormente reticentes co seu presunto "galeguismo radical". De feito, no único programa religioso televisivo da Igrexa Galega nunca apareceu a realidade de IRIMIA, a máis manifestamente galega da Igrexa.
(51) X. Alvilares, Memorial de agravios, Galaxia, Vigo 1992, pax. 213
(52) Ibidem, pax. 378
(53) Pro en contra...,op. cit. pxs. 11-12
(54) "Un novo estudo sobre Prisciliano", Encrucillada 1, 1977; "Exeria, unha peregrina galega do s.IV", Encrucillada 8, 1979; "Un misioneiro en Galicia: S.Martiño de Dumio", Encrucillada 3, 1979
(55) X.A. Miguélez, La teología de la liberación y su método. Estudio en Hugo Assmann y Gustavo Gutiérrez, Herder, Barcelona 1976
(56) X.A. Miguélez Díaz, "9 poemas", Grial 29, 1970, páxs. 319-323
(57) Xosé Lois García, Escola da Poesía Galega (1976-1984), Sotelo Blanco, Barcelona 1984, páxs.30-35
(58) X.A. Miguélez, "O amor político, desafío aos cristiáns. Reflexión sobre unha urxencia", Encrucillada, 1, 1977, páxs. 31-32
(59) X.A. Miguélez-Manolo Regal, "O galego na liturxia", Encrucillada, 24, 1981, páxs.42-57
(60) X.A. Miguélez, "Fe e galeguidade. Dificultades e fecundidade dunha integración", Encrucillada 24, 1981, pax. 10
(61) Ibidem, pax. 29
(62) X.A. Miguélez, "Galego e nacionalismo", Encrucillada 60, 1988, px. 29
(63) X.A. Miguélez, "Fe cristiá e nacionalismo galego", Encrucillada, 85, 1993, pxs. 48-53
(64) M. Chamoso Lamas, V. González, Bernardo Regal, Galicia. Vol 2 de La España Románica, Encuentro, Madrid 1979. Tamén "Monacato e sociedade na Galicia do século XVIII", Grial, 62, 1978.
(65) Patxi Loidi-Manuel Regal, Gritos y plegarias, DDB, Bilbao 1978
(66) A historia de "Xermolos" e do movemento das Asociacións Culturais galegas quedou magnificamente recollida no libro Dez anos na busca da nosa identidade, editado por esta asociación cultural en Lugo no ano 1991.
(67) Xosé Manuel Carballo ten publicado: O menciñeiro a forza, Castrelos, Vigo 1971; Parábolas chairegas, Castrelos, Vigo 1981; e recentemente Don Otto de viaxe pola chaira, Citania, Lugo 1993. Pero tamén escribiu outras obras de teatro (¡Bo Nadal?, Auto do Nadal, Recobrou o sorriso o Eleuterio, Dous vellos e unha soa soidade e Vaise pechar unha casa máis, estas últimas en colaboración con Marica Campo e Xulio Pita) e de narrativa (Un accidente entre querido e non querido, Celestino Racamonde, premio M.Rodríguez Figueiredo do Pedrón de Ouro 1993). E ten varios premios máis.
(68) Manuel Rodrigues Lapa, finado en 1990, foi un filólogo portugués especialista en Literatura Medieval galego-portuguesa. Ten publicado, entre outras, as obras Estudos galego-portugueses (1979) e Liçoes de Literatura Portuguesa (1981)
(69) Ramón Piñeiro, "Carta a don Manuel Rodrigues Lapa" (1973), en Olladas no futuro, Galaxia, Vigo 1974, pax. 275
(70) R. Carvalho Calero "Sobre a nossa lingua", capítulo I do libro Problemas da língua galega, Lisboa 1981. Recollido e comentado po Martinho Montero en Comentario de textos literarios, Madrid 1986, paxs. 454-456
(71) Isaac Alonso Estravís (Vilaseca-Ourense 1935), licenciado en Filosofía e en Románicas pola Universidade Complutense de Madrid, foi monxe en Oseira e actualmente é profesor de Maxisterio na Universidade de Vigo. Membro moi activo nos primeiros tempos da galeguización da liturxia, colaborou no primeiro Misal Galego e publicou a tamén primeira versión galega do Libro dos Salmos (Pontevedra 1967), e a versión galega das encíclicas Populorum Progresio, Pacem in Terris, e mesmo o Manifesto comunista. A súa obra máis importante foi a dirección do gran Diccionario da Lingua Galega, que pretende acoller as dúas tendencias do galego. Tamén publicou a obra de investigación Estudos filolóxicos galego-portugueses (1987)
(72) Habería que falar tamén doutros persoeiros coñecidos, manifestamente cristiáns e galeguistas no eido reintegracionista: Joam Trilho, cura secularizado e actualmente director da Xove Orquestra de Galicia; é ademais un musicólogo que ten publicadas varias obras. Maria do Carmo Henriquez Salido, catedrática da Escola Universitaria de Ourense e directora da revista Agalia, foi do equipo que levou a cabo a traducción da Biblia ó galego. O antropólogo, catedrático e crego Marcial Gondar (A morte, Romeiros do alén,...), do que xa se falou anteriormente.
O economista e escritor Joam José Santamaria Conde, antigo colaborador de Encrucillada e Antom Santamarinha, tamén colaborador da revista. O avogado e escritor José Luis Fontenla(fillo). O profesor Antom Gil Hernandez, director da revista lusófona Nós. A profesora Araceli Herrero, etc. Ver nota seguinte
(73) Maria do Carmo Henriquez Salido publicou en Agalia un completo artigo sobre a historia da Asociación desde os seus primeiros días, na primavera de 1981. Unha das primeiras reunións foi no Seminario Maior de Santiago, onde daquela daba clases Martinho Montero, e na que participou tamén outro crego da súa diócese de Mondoñedo, Joaquim Campo Freire. A asemblea fundacional, en Outubro de 1981 foi no Centro Don Bosco, tamén pertencente á Igrexa.
(74) No Prontuario ortográfico galego editado por AGAL (1985) ven unha extensa referencia dos seus artigos, publicados en Grial, Nova Galiza, O Tempo e o Modo, O Ensino, Agalia e A Nosa Terra. Desde o de referencia obrigada "Unificación ortográfica galego-portuguesa", Grial 51, 1976; ata o "Problema do ensino da lingua na Galiza", O Ensino, 7-10, 1985. Particular interese ten para o tema que nos atañe "A normativa lingüística nos textos litúrxicos galegos", A Nosa Terra 14-V-1982, no seu Especial Letras Galegas; nel lamenta Martinho que a Igrexa en Galicia so contase coa "parte oficialista" para a revisión dos textos
(75) Este traballo, que saíu a ciclostilo, como adoitaba a ser daquela coas organizacións que tiñan medios pobres, apareceu en cinco entregas entre decembro de 1976 e abril de 1977. Ia desde a xustificación do compromiso cristián e a valoración do nacionalismo desde a Biblia, ata unha valoración positiva do nacionalismo político desde a fe cristiá, mesmo ata chegar á autodeterminación e o separatismo.
(76) Miguel-Anxo Araújo, Memoria de vida, op. cit. pax.226
(77) Firmaban aquel manifesto, entre outros, ademais de Montero Santalha, Joam Trilho, Uxío Romero Pose, Antonio Busto, ... Alí referíanse xa constantemente ó galego como "lingua galego-portuguesa" e referente ás versións litúrxicas e bíblicas dicían que "A Igrexa galega procurará actuar en coordinación íntima coas Igrexas de lingua portuguesa".
Pode verse na súa versión castelá aparecida en Cuadernos pare el diálogo, no libro de Pilar García Negro O galego e as leis, Vigo 1991, paxs. 358-367
(78) Grial, 51, 1976, paxs.3 e 5
(79) "Moncho Valcarce. El último cura comunista", Alandar, Madrid, Abril 1993
(80) "O cura das Encrobas", El Progreso, Lugo, 12-II-93
(81) "Moncho Valcarce e a súa mensaxe", La Voz de Galicia, 21-II-93
(82) No Prólogo do libro Revolucionario e místico. Diario íntimo da doenza final, Encrucillada. Monografías, Santiago 1994
(83) No libro Moncho Valcarce. Semente en tódolos campos, A Coruña 1993
(84) Ibidem. Tamén na "Pequena biografía desde a amizade", feita por Manuel Espiña para Revolucionario e místico, op. cit.
(85) O P.Seixas era outro dos mentores da Asociación Cultural de Vigo, que foi un elemento dinamizador do galeguismo de primeiro orde. Alí estiveron Méndez Ferrín, Camilo Nogueira, Pepiño de Redondela, ...
(86) O groso e documentado volume F. Carballo-A. Magariños La Iglesia en la Galicia contemporánea. Análisis histórico-teológico del período 1931-36, Akal, Madrid 1978.
(87) Con este mesmo título saíron dous libros: Historia de Galicia, publicada pola ANPG, Pontedeume 1973 (con Barreiro Fernández, Felipe Senén e Anselmo López Carreira; no que Carballo levou a parte moderna e contemporánea) e Historia de Galicia, ANT, Vigo 1991 (en colaboración cun abano meirande de autores)
(88) Nunha entrevista para a revista de humor editada en Vigo Can sen dono.
(89) X. Alvilares, op. cit. paxs. 317-318.
(90) Xesús Portas Ferro (Cordeiro, 1944) nacera tamén ó galeguismo en Comillas —como todos naqueles anos—, onde fora estudiar Filosofía e Teoloxía (1966). O volver vai con Gumersindo a Visantoña, pero pronto abandona a dureza destas terras. Volve a Madrid a estudiar Sagrada Escritura, e á volta é destinado á Coruña a colaborar con outro cura galeguista, Xosé Godoi. Participa nos Coloquios. Remata abandonando o traballo de cura e pasa ó Ensino e ó traballo cultural galeguista en Pontevedra, colaborando tamén con Esquerda Galega. Entra en Encrucillada no ano 1984, despois dunha colaboración nunha Romaxe, pasando enseguida ó Consello de Redacción.
(91) Paréceme de xusticia nomear aquí o traballo de Licenciatura en Teoloxía de Xosé Carlos, que me resultou de gran axuda para o meu libro A Xeración Nós. Galeguismo e relixión; levaba por título Renascencia espiritual galega (1978), e estaba centrado na análise da revista Logos. Presentada en galego,a pesar de ser na Universidade de Salamanca, foi dirixido polo egrexio teólogo e profesor Xavier Pikaza Ibarrondo.
(92) En Daniel López Muñoz, O Idioma da Igrexa en Galicia, Santiago 1989
(93) X. Alvilares, Memorial de agravios, op. cit. pax. 309
(94) Un documento aparecido en Encrucillada, 29, 1982, páxs. 53-54 ("Xuntanza de cregos obreiros do Estado Español") sitúanos nos últimos posicionamentos deste movemento no Estado: "1)Reafirmámonos como sacerdotes que decidimos vivi-lo noso seguimento de Xesús Cristo e o nos servicio sacerdotal como calquera explotado por esta sociedade capitalista. 2)Queremos participar coa nosa condición de obreiros en tódolos asoballamentos, loitas e esperanzas da clase traballadora. 3)Desexamos contribuír sinceramente na recuperación dunha Igrexa pobre entre os pobres... 4)Queixámonos de falta de apoio, estímulo e comprensión da Igrexa xerárquica... 5)Facemos un firme compromiso de seguir xunguidos e coordinados nesta tarefa difícil pero fundamental.
(95) Ver máis información unhas páxinas máis adiante.
(96) X. Chao Rego,"Y Cuco dijo: Yo lucho", La Voz de Galicia 26-IV-1978
(97) "Encontro para falar de Cuco", Encrucillada, 8, 1978, páxs. 92-96.
(98) Xosé Chao Rego publicou un interesante artigo na revista Ferrol Análisis, 2, 1990, "Lembranzas da Igrexa ferrolá", no que fala dos curas que tiveron un protagonismo no Ferrol destes anos ("Nomes para unha crónica"). Fala de Cuco, Pepe Couce, o seu compañeiro de Caranza e animador da HOAC, Alfonso Gil, "de xorne aberto e sereno", tamén consiliario da HOAC e un importante puntal de Boa Nova, Manolo Cillero, "alma da renovación da catequese en Galicia enteira", fundamental tamén en Boa Nova; Ramón Díaz Raña, idem, "a quen Galicia lle debe tantos esforzos e iniciativas"; Bernardo Garcia Cendán, do que xa se falou; Xabier Méndez, excelente compositor que "principiou a compoñer boa música relixiosa en galego", finado prematuramente; Martinho Montero, "pioneiro da liturxia en galego"; Anxo Ferreiro Currás e Antonio Martínez Aneiros varias veces represaliados; Vicente Couce, "o crego ó que lle fervía o sangue pola clase obreira á que el pertencía por nacencia e con orgullo"; Evaristo Ourol, tamén comprometido cos obreiros; Manolo Mejuto, Fernando Porta, ...
(99) Javier Costa Clavell, Perfil conflictivo de Galicia, Barcelona 1976, páxs. 28-29
(100) Aínda que non aparecen estas verbas, parte da homilía foi recollida por D.Miguel-Anxo Araújo no seu libro Escritos cristiáns sobre problemas, personaxes e conflictos de Galicia, op. cit. páxs. 406-408
(101) Tomada do artigo de Bernardo Garcia Cendán "Hai dez anos, en Ferrol. Unha conversa sobor dun compromiso de Igrexa", Encrucillada, 27, 1982, páxs.47-49
(102) No libro citado, D.Miguel fala desta homilía e das reaccións públicas e privadas ante ela, recolléndoas amplamente nas páxs. 351-395. Entre as reaccións negativas houbo algunhas tan extremistas como a dun anónimo que dicía que "los españoles ya sabemos que la huelga en el Ferrol del Caudillo se debió a una especie de arenga que su eminencia echó en el púlpito de su parroquia en la que ensalzaba a los obreros de la Empresa Bazán a que se sublevaran contra el Gobierno...En lo que no estamos de acuerdo con el Caudillo es en que, a estas alturas, no les haya fusilado a todos, empezando por el sacerdote y acabando con el Obispo" (pax. 366). Pero outras máis "moderadas", como a dun ferrolano identificado, que dicía que "lo más grave [dos sucesos acontecidos] ha sido el obligar a que fuera leída en las parroquias esa homilía" (pax. 356). Outro cura dicía que de seguir así "acabaremos peor que los protestantes".
(103) En El Ideal Gallego 3-XI-1970
(104) No libro citado de Daniel López Muñoz, páxs. 129-31
(105) X. Alvilares, op. cit. páxs. 328-329
(106) Miguel-Anxo Araújo, Memoria de vida, op. cit. páxs. 224-225
(107) En Miguel Angel Araújo, Escritos cristiáns..., op. cit. pax.375
(108) Esta e as seguintes citas están collidas da súa entrevista aparecida en O idioma da Igrexa en Galicia, op. cit. páxs. 126-28
(109) Da entrevista en O idioma da Igrexa en Galicia, op. cit. páxs. 139-41
(110) Da entrevista feita por Tintxu: "Retrato de Antón Gandoi, o cura da bicicleta, promotor de 'Preescolar na casa, Encrucillada, 36, 1984, páxs.42-47
(111) En Xavier Costa Clavell, Perfil conflictivo de Galicia, op. cit. pax. 36
(112) Para unha valoración global da Vida Relixiosa, particularmente en Galicia, será moi interesante ollar o artigo de Pilar Wirtz "Tensións actuais na vida das monxas", Encrucillada, 42, 1985
(113) Sobre a experiencia desta monxa apaixonada da causa de Xesús a prol dos máis pobres, comprometida desde as raíces galegas cos máis pobres do pobo galego, o mundo rural, publicou recentemente unha entrevista Manolo Regal en Encrucillada. Alí contaba María a súa vida movida: "Metinme monxa moi nova. O meu afán era traballar moito e ser unha persoa moi espiritual...[Santiago, barrio obreiro de Madrid,]. Polos anos 70 produciuse na miña vida unha verdadeira conversión. Eu tiña unha concepción da vida e das cousas que pasaban no mundo moi pechada e inxenua: No mundo hai bos e malos; os que traballan fanse ricos e os folgazáns e ruíns quédanse pobres... En contacto co mundo obreiro decateime de que as cousas non eran así...Un par de anos en Extremadura e logo volvín para Galicia. Quixen traballar un ano de empregada de fogar... E de novo volvín a verme sorprendida pola luz da nova comprensión ...Despois descubrín o mundo rural e namoreime del... Fun para Bazar, en Santa Comba, e logo para Hospital do Cebreiro, onde estiven ata que hai dous anos e medio fun para Nicaragua, e onde estou agora, desde que regresei...
Unha cousa que fun descubrindo cada vez con máis forza na miña vida era a urxencia de dedicar a miña vida ós máis necesitados; eran os predilectos de Xesús, e debían ser tamén os meus predilectos...
Os pobres téñenme ensinado que con pouco se pode ser moi feliz... Téñenme ensinado a loitar en grupo, en comunidade... Téñenme ensinado a crer... Téñenme ensinado a enorme carga de pecado e inxustiza que ten o neoliberalismo ou capitalismo que temos hoxe". "Vivir cun pobo na fame. Entrevista a María Wirtz", Encrucillada, 86, 1994, páxs. 57-58 e 62.
(114) A. Torres Queiruga, E. Vidal Estévez, C. Montero Rodriguez, X. Alvilares Moure, Monseñor Delicado Baeza, A crise da conciencia relixiosa no mundo moderno, SEPT, Vigo 1972
(115) Ibidem, páxs. 54-55
(116) Cóntame Engracia as reticencias do cardeal Quiroga Palacios, que tardou e dar o permiso. "Ós poucos días de empezar —dime— o Cardeal mandoume recado de que ás clases debía ir con hábito. A apertura de Don Fernando ó máis que chegaba era a deixarme dar clase alí, pero costáballe o da vestimenta. Tiven que dicirlle que xa non o tiña; pero logo, cando me viu, non me librei dunha boa reprimenda". Claro que máis grave lle parece a Engracia o que fixo o prelado que sucedeu a este bo cardeal, Angel Suquía, pois fixo desaparece

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega