Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae"

Páxina Anterior

VIII. Leigos na cultura e no nacionalismo de dereitas e de esquerdas

 

v3victorinoperezgalegosecristians011.html
 


1. SEPT, a militancia da vella guardia: Xaime Isla, Domingo F. del Riego, Alfonso Zulueta, Quico Dominguez ...

"Eu non son cristián de práctica relixiosa, pero sentiría moito que Xaime non o fora... Xaime foi postconciliar antes do Concilio" (Ramón Piñeiro).

     A frase de Ramón Piñeiro, galeguista a quen tanto lle debe esta terra, sitúa ben a realidade de Xaime Isla, un crente galego, cristián postconciliar e progresista, increiblemente activo e traballador a prol da causa de Xesús Cristo e Galicia, terra e xente, que merece con toda xustiza o título de militante cristián, polo seu presente e pola rica historia da súa vida. Militante na xenuina e mellor acepción desta palabra: o que descubre o devenir da historia, e á xente que construe esa historia, e se compromete xenerosamente na súa transformación, desde unha perspectiva utópica (o que "non é", pero "pode ser") (1) pero tamén desde unha análise crítica da realidade. Esta militancia pode ser desde unha fe no ser humán e en Deus, ou simplemente desde unha fe na capacidad dos homes e mulleres para construir o seu futuro; no caso de Xaime Isla, trátase dunha militancia desde a fe en Galicia, nos galegos, en Deus e no proxecto liberador de Xesús Cristo na Igrexa. Con el, algúns outros embarcados en numerosas empresas comúns e particularmente no grupo SEPT (Sociedade de Estudos, publicacións e traballos), do que foi un dos fundadores.



I. XAIME ISLA COUTO naceu en Santiago en 1916, no seo dunha familia humilde. "O meu pai era un portento de imaxinación —dime na súa conversa, cargada do optimismo e vitalismo que o caracteriza—, cando todo o mundo presentaba contrapostos a Franco e Stalin, meu pai xa dicía que eran o mesmo". Iso que o seu pai foi guardia civil, carreira que abandonou para ser visitador médico. Vai xa de neno a vivir a Vigo e estudia primeiro de bacharelato nos Salesianos e logo no Instituto.
     O galeguismo de Xaime Isla xa ven da súa infancia por influencia do seu admirado irmán maior, Ramiro, que lle escribía de América. Así o contaba hai anos:

"El era o máis vello e coido que eu non nacera cando marchou para América de quince anos. No seu segundo viaxe levou alá, por encomenda de Vicente Risco, a delegación da Irmandade Nacionalista Galega. Fundou a revista Terra, versión emigrada de Nós..., traballou no periódico A fouce defendendo o nacionalismo máis arriscado con plantexamentos sociopolíticos de esquerda... Foi o pioneiro do galeguismo político nas Américas...
Con 9 anos escribinlle ao meu irmán a miña primeira carta, en castelán, e el respondeume en galego dándome azos para que empregara a nosa lingua na correspondencia entre os dous"(2).

     "O mellor tesouro que teño é a correspondencia co meu irmán Ramiro, que me mandaba cartas falando de todo", dime. Ramiro foi quen o iniciou na cultura galega e púxoo en contacto cos galeguistas daquí, particularmente por medio de Anxel Casal, editor de Nós. Xaime conserva un libro de Blanco Amor coa dedicatoria: "O nacionalista máis noviño de Galicia". En A fouce publicaría os seus primeiros artigos. Xa no Bacharelato formaba parte dunha asociación cultural que se sumou ás "Irmandades da Fala" na Asemblea de A Coruña e participou na creación do "Grupo Autonomista Galego" de Vigo, que había rematar logo no Partido Galeguista. "Eu ía as reunións preparatorias de pantalón corto co meu pai". Xaime Isla foi moi cedo galeguista e republicano: "Tiña eu quince anos e proclamei a República no Instituto o mesmo 14 de Abril, horas antes de que sucedera en Madrid". Nos anos da República participa na fundación das "Mocedades Galeguistas" —con menos de 20 anos—, nas que chegará a ser secretario de organización e na "Unión Galega de Estudantes". Forma parte dos equipos de traballo do Seminario de Estudos Galegos. E nesto chegou a Guerra Civil:

"Vinte anos tiña eu, acugulados da máis pura e rica vivencia galeguista... Meses antes no grupo das Mocedades Galeguista de Pontevedra, baixo o rubro de Orde Nacionalista de Avanzada preparáramos un inquérito enviado ás figuras egrexias do galeguismo... No mes de xuño fundáramos a Unión Galega de Estudantes. Na campaña pro-Estatuto participabamos por aquelas datas toda unha xeración de oradores noviños e lembro que nas mesmas vésperas do plebiscito fixen eu a presentación de todos os persoeiros do Frente Popular eiquí, en Vigo...
A guerra tronzou moitas vidas de irmáns e amigos"(3)

     "Tras da Guerra Civil, que foi un machadazo para tódalas nosas esperanzas, tivemos a forza de remontar aquilo e coller o legado dos vellos galeguistas, para transmitilo ás nosa xentes", dime. Xaime Isla fixera os estudios de Maxisterio nos anos da República, pero as depuracións do Réxime (foi expedientado) impedíronlle exercer de mestre ("Condenanme por roxo separatista, cando xa na República defendera a concepción católica no tribunal de Reválida da Normal"). Entón fai a Licenciatura en Dereito, enfocando os seus estudios cara ó eido da economía, "polo camiño de Lois Peña Novo, que me influíu moito"(4), tal como me comenta na súa conversa, na que nombra repetidamente a Gallástegui, que soubo valorar o labor do labrego galego. Máis adiante fará o Doutoramento en Dereito e en Económicas. Exerceu a avogacía e a docencia na Escola de Inxeneria de Vigo e na Universidade de Santiago; foi asesor de varias empresas e director da Revista de Economía de Galicia desde a que manifestou os primeiros postulados da economía galega da postguerra, que xa empezara nos Cadernos Grial (5); tamén dirixiu máis adiante a Revista Galega de Estudios Agrarios. Os seus libros foron tamén fundamentalmente no eido da economía (Economía e sociedade en Galicia, 1958-1967, Introducción á economía galega de hoxe, Construir Galicia). A súa paixón cando fala deste tema, é aínda hoxe case tan forte como cando fala de política, de cultura ou do seu compromiso cristián.

"Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. E non so como cultura, como fin, como creación colectiva de valores, senón como economía, medio ou base da nosa supervivencia e desenvolvemento material, e como política, ou vontade e acción liberadora no dobre sentido de acadar o recoñecemento dos nosos dereitos e poderes propios de pobo diferenciado e de subordinar ou encamiñar aquela base material á organización dunha convivencia social máis xusta e á radicalización final daqueles valores culturais"(6).

     A vocación política de Xaime Isla séguese manifestando nos anos da clandestinidade e da democracia. Busca un nacionalismo non marxista (7) Por exemplo, a idea marxista da explotación aquí habería que referila no noso caso á estructura enteira da comunidade e non a un elemento dela... como é o proletariado urbán". (paxs. 175-176), pero que el rexeita chamar "nacionalismo de dereitas". E faino en base, precisamente, ó seu compromiso constante de cristián, cun claro enraizamento no persoalismo de Mounier:

"Eu denunciei sempre, e mesmo combatín con carraxe, a confusión da Eirexa co Poder neste país durante moitos anos, o vencellamento da relixión na política. Por eso abandonei a Acción Católica despois de ter traballado ardidamente nos tempos difíciles participando en experiencias tan fecundas como o agromar do que foi máis tarde a HOAC (gardo unha lembranza inesquecible daquel fundador que foi Rovirosa)... Quixen adicarme en solitario (en soedade total, prolongada e ingrata, dadas as estructuras coloniais da Eirexa na nosa Terra) á loita por un futuro post-conciliar anos antes do Concilio.
Non quero falar da dereita, porque o termo lembra unha chea de cousas contra as que sempre loitei. Eu penso que máis ben habería que falar dunha nova esquerda que enriqueza e contrapoña dialécticamente a concepción marxista do home cunha concepción ética cuia referencia última é de raíz cristiá e humanista no noso mundo, ao xeito da revolución persoalista e comunitaria do francés Mounier...
A min o que me preocupou sempre foi Galicia como país. E xa como cristián que son, preocupoume de sempre o divorcio grande entre a Eirexa e Galicia e as realidades galegas"(8).

     Esa concepción política pensaba Xaime que se podía encauzar por unha especie de partido social cristiano ó estilo da democracia cristiá de Ruiz Giménez, pero enraizada en Galicia. Foi o que deu orixe ó extinto Partido Popular Galego, que se íntegrou na democracia cristiana de Gil Robles e Ruíz Giménez (Izquierda Democrática), e ó que o actual PP lle roubaron as siglas e puxeron outra cousa no seu lugar, como conta alporizado. Aínda que se presentaron as primeiras eleccións democráticas co Partido Galego Socialdemócrata, o fracaso electoral foi grande; cousa que Xaime Isla analiza dicindome que "Os nosos cronistas políticos, influidos polos radicalismos ideolóxicos dese tempo, apenas prestaron atención ós valores e propostas anovadoras, progresivas e participadoras daquel proxecto". Así llo dicía hai anos a Freixanes:

"Observamos un desfase entre as minorías fortemente politizadas nun galeguismo moi á esquerda e a insensibilización de grandes sectores da nosa realidade sociolóxica dominados por unha mentalidade tradicional, inertes ou reticentes... A filosofía cristiá pode ter solucións ahí. Pensemos, por exemplo, na clase media, que está absolutamente desgaleguizada... Penso tamén nos grandes sectores do campesiñado... A extrema esquerda... en certos sectores da clase media está a provocar reaccións contrarias de oposición, de tal xeito que se tende a identificar extrema esquerda ou estratexia de extrema esquerda con galeguismo"(9).

     Xaime vencella estes plantexamentos ó nacemento, en 1965, da editorial SEPT, que se definiu desde o comezo como cristiá e galeguista, nacendo como canle para a publicación de materiais teolóxicos, pastorais e sociais para esta nova Igrexa Galega, como se verá logo. Xa participara en 1950 na fundación da editorial Galaxia e da súa revista Grial.
     Presidente de Xusticia e Paz de Vigo e da Comunidade de Vida Cristiá e Presidente do Instituto Galego de Estudos Comunitarios, de clara matriz cristiá ...
Os seus premios veñen marcados polo seu compromiso cristián e galeguista militante: Memorial Juan XXIII (1986), Medalla de Castelao (1987), Premio Trasalba (1992).E é membro numerario da Real Academia Galega.
     A conexión cos galeguistas cristiáns xa lle viñera pouco despois da Guerra Civil, mediante "Labor Galega", e persoas como Iglesias Vilarelle e Filgueira Valverde que fixeran nos tempos da República a revista Logos. "A Iglesias Vilarelle débolle a miña volta ó catolicismo, tras da crise xuvenil". Pero Xaime Isla quéixase do posicionamento tomado posteriormente por Filgueira:

"A cousa de Filgueira é triste, pásalle como a algún outro, que son un pouco suicidas de si mesmos, matou algo que foi valiosísimo nel, o contacto cos mellores galeguistas, aínda que o recuperou en parte despois. Tratou de nadar por riba dos acontecementos e perdeu a fondura do que foi máis fundamental na súa vida. Pero fun eu mesmo, que tiven problemas con el a raíz das súas posturas na Guerra, o que fixo o seu eloxio en Trasalba".

     Ese contacto e a lectura de Maritain (a quen escoitou nunhas charlas que deron orixe ó libro deste pensador católico francés: Humanismo integral) levouno a recobrar a súa fe de neno, medio apagada na adolescencia. Nos seus anos mozos chegara a formar parte dun grupo no Instituto que se chamaba "Nin amo nin Dios", aínda que ía a clase de Relixión; tivo que aturar un consello de disciplina por pitarlle ó bispo. "Pero foi tan só a febre da adolescencia", dime. Xaime Isla foi republicano, pero tamén cristián.
     No ano 1939, nunha reunión analizando cuns amigos o desastre do triunfo do fascismo, Xaime Isla fai esta reflexión: "Temos que realizarnos no fracaso, a pesar da morte do galeguismo". O traballo fíxose sobre todo desde o labor en Deus Fratresque Gallaeciae, con Iglesias Vilarelle, Fontenla Méndez...; grupo que se refixo formalmente a comezos dos 50. Na casa de Iglesias Vilarelle realizaban celebracións paralitúrxicas en galego, oracións, tradución de lecturas evanxélicas... Alí se puxo a andar todo o proceso de primeira galeguización da Igrexa. Fixeron mesmo algún misaliño galego manual (feito literalmente a man). En 1950 xa multicopian en Pontevedra o texto galego das resposta á Misa dos fieis, e mándase ó arcebispo Quiroga solicitando o Imprimatur definitivo, pero tal aprobación non chega ata 1963, no que se edita a traducción do Ordinario da Misa (10)... Logo contarían coa axuda de curas tan excepcionais como Xaime Seixas. Pero daquela Xaime Isla aínda que se tería que casar en castelán, por non atopar un cura que o fixera en galego.
     De todo xeitos, nesta loita polo galego na liturxia, Xaime Isla recoñece que non se lle pode botar toda a culpa á xerarquia e ós cregos, senon tamén á mesma xente e á lentitude da dinámica dos procesos de cambio fondos: "A Igrexa non pode coller un home cheo de condicionamentos históricos e sociais e convertilo nun paradigma do futuro". Iso queda reflexado na polémica suscitada desde o semanario católico Galicia social, no que tamén           Xaime Isla traballara na súa formación polos ano 60, con seccións claramente galeguistas e cun pensamento social cristiano. "Empezamos a publicar o Evanxeo cada semana e cousas sobre a liturxia en galego, e choveron as cartas en contra"(11). Tiveron unha liberdade relativo polo feito de que ó ser unha publicación da Igrexa non se tiña que someter á censura.
Xaime Isla metérase nos anos anteriores en Acción Católica, pero terminará por deixala polas súas posturas pechadas, sobre todo respecto do galeguismo; cando en Euzkadi e Cataluña, xa tiñan isto máis asumido. O que lembra como máis auténtico eran os grupos da HOAC. Non quixo entrar, en cambio, na Asociación Católica de Propagandistas. Pero si lembra como algo moi importante as Conversacións Internacionais Católicas de San Sebastián, unha experiencia que durou varios anos; contame que aquelo era "unha especie de luz nova que nos chegaba de Francia".
     1965, Ano Santo compostelano, foi o ano da clausura do Concilio Vaticano II que revolucionou moitas cousas na Igrexa, foi tamén o ano da primeira Misa integramente en galego; pero a Igrexa oficial seguía ben indiferente á realidade cultural do país, particularmente no terreo litúrxico. En Xullo redáctase o programa fundacional de SEPT, que manifesta como finalidades concretas: "A edición, venda e difusión de libros, revistas e demáis publicacións de carácter relixioso ... a promoción de toda clase de traduccións, estudios e traballos complementarios"(12). Martiño Montero comentaba anos despois: "SEPT virá suplir durante anos a inoperancia da Igrexa oficial respeito das publicazóns en galego, mormente litúrxicas"(13) . Así llo contaba Xaime Isla a Freixanes dez anos despois:

"Creamos arredor do ano 1965 a editorial SEPT pra sensibilizar, precisamente a gran masa cristiá encol da problemática e as reivindicacións concretas da terra en todos os sensos, cultural, relixioso, económico, político, etc. Era unha laboura difícil, longa sensibilizadora, como tantas outras que neste senso se levaron adiante no país...
A gran loita pola liturxia vernácula —que entrañaba tamén unha pastoral vernácula— foi unha loita política, entendida no seu senso humán e de verdadeira política cristiá. Nel tivo SEPT e o seu entorno un papel moi importante"(14).

     "Eu había anos que fixera un proxecto que lle leváramos ó cardeal Quiroga"(15). Os seus fundadores foran: Domingo Fernández del Riego, Fontenla Méndez, Alfonso Zulueta, Isidoro Millán, Camilo Nogueira, Giménez Bascoy... E contaron co apoio incondicional de Ramón Piñeiro. Domingo del Riego fora da xuventude católica nos anos da República e coñecía ó mesmo Tarancón, polo que tivo un papel fundamental na súa aprobación, deixando as súas responsabilidades no Colexio Farmacéutico de Vigo para dedicarse completamente ó proxecto.
     Actualmente o seu proxecto máis querido é o Centro de Cristianismo e Cultura, que funciona xuridicamente como "Fundación Xaime Isla": "É o resultado da miña experiencia vital". Esta fundación ten tres principios básicos: 1) Crear unha biblioteca interdisciplinar en colaboración coa fundación Penzol (ciencia, cultura, filosofía, teoloxía,..) 2) Creación dunha conciencia comunitaria a través dun Instituto Galego de Estudios Comunitarios 3) Inculturación relixiosa dos valores galegos, co convencemento de que a nova sociedade terá que recuperar os valores relixiosos. "Os valores relixiosos son os que terán que reconstruír o tecido social", dime Xaime.
     Para rematar, compre dicir que este home de primeira talla intelectual, memoria viva do galeguismo máis cristián, é tamén catequista da mocidade na parroquia de Raxó, preto de Pontevedra. Está integrado completamente na súa comunidade parroquial, e conta orgulloso como o queren e como se entende cos rapaces do seu grupo.



II. DOMINGO FERNANDEZ DEL RIEGO (1916-1978) farmacéutico de Vigo que foi o primeiro secretario xeral da Mocidade Galeguista de Santiago e activo militante do movemento católico universitario nos seus anos de estudiante universitario, o seus galeguismo e o seu compromiso cristián foron un camiño progresivo toda a súa vida. O P. Seixas, de quen foi o seu colaborador máis estreito, non dubida en dicir del:

"A Igrexa galega naceu e medrou en boa parte nunha farmacia, na de Domingo Fernández del Riego, na rúa do Principe" (16)

     Casado cunha irmá de Xohan Ledo, o que foi moitos anos o gran diseñador de Galaxia, o derradeiro tramo da súa vida adicouno a atender exemplarmente á súa muller, afectada do mal de Alzheimer. Fundador da Cooperativa Farmacéutica de Vigo, presidente do Colexio provincial e membro do Consello nacional, exerceu un verdadeiro liderazgo no seu campo profesional. Pero non só, como recoñece o seu vello amigo Xaime Isla, Domingo acada pronto, tamén, un gran prestixio persoal e social, que se suma ó seu prestixio como profesional.
     O que fai poñer nel parte das esperanzas galeguistas.

"Despois do Concilio Vaticano II, Ramón Piñeiro e máis eu falamos con Domingo facéndolle ver a necesidade que Galicia tiña del para intervir de xeito decisivo e eficaz na etapa de concienciación anovadora que se abría para a Igrexa na nosa Terra, dada a súa vella militancia cristiá, o seu galeguismo e as súas cualidades persoais.
A súa resposta non puido ser mellor, asumindo un compromiso e entrega totais e fecundos, que non abandonaría no resto da súa existencia. No prolongado e azaroso camiño que seguimos, sempre contamos coa súa presencia, iniciativa e xenerosidade, sabendo implicar a outros amigos".

     Este último aspecto parece ser un dos máis sinalados en Domingo del Riego: o seu tesón para ir comprometendo a amigos e coñecidos no compromiso cristián-galeguista. Participou na xestión que se fixo ante a Compañía de Xesús, para que o P. Seixas puidese permanecer de liberado en Vigo traballando na obra galeguizadora da Igrexa que levaban a cabo. Tivo tamén unha especial participación na súa Comunidade de Vida Cristiá e na fundación do coro "Ondas do Mar de Vigo"(17) e na galeguización da liturxia en parroquias de Vigo e a bisbarra, pero tamén por todo Galicia. Foi un dos primeiros asinantes da fundación de SEPT, como se dixo, e na súa xestión ante o cardeal Quiroga Palacios.

"Coa linguaxe nace o home como tal.. Un idiona é o medio peculiar a traveso do cal unha comunidade humá se comunica e expresa a súa propia persoalidade colectiva... A lingua galega é a creación colectiva do noso pobo campesiño e mariñeiro, dos traballadores, das clases máis pobres do país... Secularmente despreciada polos notables, desasistida de estímulos altos ...
Cando Igrexa decideu entrañar a liturxia nas linguas vernáculas ... nós quixemos, aquí, na nosa Terra, convertirnos nos voceiros da Boa Nova e en servidores ou xornaleiros da súa realización. E así, ano tras ano, foron moitas as Misas iniciales ou fundacionales da liturxia en galego, nas que tivemos a honra e a ledicia de participar coas nosas voces ... O redor destas eucaristías formáronse de¡verdadeiras comunidades fundidas pola conciencia de celebrar a Palabra na lingua de expresión orixinal e común"(18)

     Tampouco se pode esquecer a súa participación na reconfiguración das forzas políticas galeguistas opostas ó franquismo; participación que fixo desde o Partido Galego Socialdemócrata (PGSD) cos seus vellos amigos Fontenla Méndez e Pousa Antelo, e outros máis novos (Alfonso Zulueta, Xosé Manteiga, Quico Dominguez, Moncho Barral, ...). O fracaso electoral foi grande, como se apuntou. Cousa que non semellou aflixilo moito, como conta Xaime Isla:

"Domingo —como caseque tódolos seus compañeiros de aventura— carecía de toda cobiza de medro político, polo que el sentía máis ben noxo. O seu compromiso era co País, asentado e condicionado por un profundo senso de responsabilidade ética. Por iso, a querencia máis entrañable da súa acción foi a de apoio, axuda e colaboración á obra do P. Seixas e a Comunidade de Vida Cristiá por el fundada. Para todos os que andabamos ó seu redor, Xaime Seixas e Domingo del Riego eran —son— dous santos familiares; santos da Igrexa galega. Eles, con exemplo de cristiá humildade, aprendéronos a nós a ser formigas de Deus na nosa Terra, como lle gustaba dicir a Domingo".




III. ALFONSO ZULUETA DE HAZ é outro persoeiro fundamental de SEPT, presidente desde hai anos da editorial. Naceu o ano 1924 en Vigo, onde exerceu de notario nos últimos anos. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. Ademais de SEPT é conselleiro de Galaxia, vicepresidente da Fundación Penzol e membro do Seminario de Estudos Galegos, da Fundación Castelao e do Consello da Cultura Galega, e colaborador de moitas entidades máis. Entre elas compre destacar pola súa significación social a Asociación Xoán XXIII para deficientes psíquicos, e a Fundación Tutelar Galega Sálvora, para menores con problemas (cousas que, confesa, lle reportan unha gran gratificación persoal).
     Tamén andou na política galeguista, como membro fundador e logo presidente do extinto PGSD, en 1974, con Domingo del Riego , Manteiga ..., tal como se dixo; colaborando logo na refundación do Partido Galeguista e participando nas famosas Conversacións do Hostal para a reelaboración do Estatuto de Autonomía.
     Alfonso Zulueta é de familia de fala castelá. Por riba, estivo traballando na Serranía de Ronda (en Gaucín, onde fundou un Patronato de Educación e Cultura, que foi de gran axuda na promoción da xente para sair do paro, o gran problema andaluz). Cando volve para Galicia, a Marín, é cando descubre a realidade do galego, como problema, no contacto cos paisanos e cos problemas de Galicia.

"Espértase en min unha ambición por coñecer a realidade de Galicia, que non me ensinaran de pequeno, vivindo de costas a esa realidade. Aí empezan as miñas vinculación co galego, unidas á actividade política clandestina pola relación con Domingo Fernández del Riego, Fontenla Méndez, Manteiga, Xaime Isla, Quico Dominguez...Todos fixeron que a vinculación con Galicia fora moi forte nun coñecemento fondo da realidade galega".

     "Galicia é a situación concreta, particular, desde a que eu teño que ollar o mundo". Perspectiva universal si, pero relación particular con Galicia. "Non se pode ser verdadeiramente universal sen ter unha clara conciencia de particularidade, das propias fronteiras", dime. ¿Cristianismo e galeguismo? A resposta de Zulueta é clara.

"A mesma pregunta é froito de certa anormalidade que existe neste país, porque se o país fora normal, o lóxico sería que un cristián que tivera unha preocupación verdadeiramente cristián fora naturalmente galeguista, como defensa da cultura na que está encarnada a súa fe. A realidade contrasta con esta idea. Pero hai que ir evolucionando dentro do cristianismo para que a harmonía entre cristianismo e galeguismo non sexa algo excepcional, senón algo natural.
Pero natural sobre todo desde o punto de vista espiritual e cultural, pois desde o punto de vista ideolóxico e político pódese militar en moitos campos; pero sempre un cristián galego debe ter unha vinculación galeguista."

     Zulueta precisa aínda máis. El sabe que a mesma idea de "cristianismo" pode ser ambigua, non só na vivencia senón na mesma concepción. Por iso sabe que non pode ser cristián sen Igrexa, a pesar de tantas cousas desta que non lle gostan:

"Síntome encarnado nunha Igrexa. Son católico e practicante, aínda que crítico. Creo que non se pode abandonar o barco, como dicía o teólogo Hans Küng, hai que estar dentro do barco. Hai cousas que podemos e incluso debemos criticar, pero debemos permanecer no barco, a pesar das incomodidades. A loita limpa por uns ideais hai que seguila facendo dentro do barco da Igrexa. Con tódolos problemas que me poida causar, hai que permanecer nesta Igrexa que é o Pobo de Deus".

     Máis aínda, non lle molesta a verba "catolicismo", aínda que é consciente que está moi vinculada a unhas posturas reaccionarias e autoritarias, que distan moito da súa concepción do ser cristián. "Eu síntome católico na verdadeira acepción da palabra, co sentido de apertura".

"Non debemos darlle unha connotación negativa á verba católico. Hai unha concepción católica da vida que é unha concepción enormemente fecunda e non limitativa, pois é unha concepción cristiá auténtica".

     Pero, Zulueta láiase de que a Igrexa xerárquica galega no soubo acoller ós galeguistas cristiáns, como a catalana, e mesmo tivo un receo respecto do galeguismo. "Agora pode haber máis ou menos simpatía, pero non pode haber o receo que houbo anteriormente". Por outra banda, Alfonso Zulueta recoñece que o problema da secularización do galeguismo é o mesmo que o da secularización da sociedade, non é algo particular de Galicia. "Non hai atrancos insalvables na Igrexa de agora para que un galeguista atope o lugar onde expresar a súa fe. Cada vez é máis fácil poder ser un cristián galeguista. Vaise dando unha progresión neste punto, aínda que quede moito por recorrer".
     Se hai unha Igrexa que non valora suficientemente o galego, tamén "hai unha miopía incrible por parte de certos sectores do galeguismo con respecto do que fan moitos cristiáns nesta mesma Igrexa", di. Así, o caso da Biblia en galego, que para alguén foi "o feito cultural galego máis importante deste século", e recibiu como recoñecemento o Premio Nacional de Traducción, "esvara totalmente dos grandes cenáculos que reparten premios en Galicia". Quizá porque "hai un fundamentalismo das ideas que é máis grave que o fundamentalismo das crenzas", dime Zulueta. "Algúns cenáculos, pensando que a edición da Biblia en galego é tan so unha cousa relixiosa rexeitaron o feito cultural de primeiro orde da aparición da Biblia en galego".



IV. Outro home que compre lembrar especialmente na militancia dos laicos cristiás e galeguistas hoxe, e que ten tamén un papel destacado en SEPT, como xerente da editorial, na mesma Comunidade de Vida Cristiá de Vigo, en Badal, e en todo o referente á Igrexa Galega-galeguista é QUICO DOMÍNGUEZ. Naceu no ano 1944 en Ribeira, no seo dunha familia galegofalante, pero pouco relixiosa, e mesmo "un pouco anticlerical", dime. O seu pai foi outro dos mestres depurados tras da Guerra Civil, como consecuencia da súa actividade política, e morreu cando Quico era moi novo. Isto fai que teña unha infancia dura, pero tamén lle serve para ser moi sensible ante a inxustiza, e mesmo para ir medrando nunha fe madura e socialmente comprometida. Desde a súa mocidade estivo metido en movementos cristiáns. Estudiando e traballando simultaneamente, fai o Bacharelato en Ribeira, logo Perito industrial en Vigo, onde se integra na XEC, chegando a ser presidente diocesano; mediante a Revisión de Vida, vai madurando nunha fe comprometida na acción sindical e política. En 1965 vai facer os estudios de Inxeñeiro Industrial a Bilbao, onde colabora activamente co galeguismo mediante a relación co Centro Galego de Baracaldo e a casa de Galicia de Bilbao, volvendo a Vigo no ano 1970.
     Polo ano 1964, Quico Dominguez coñece a Xaime Illa, catedrático na Escola de Peritos de Vigo, que lle regala os seus primeiros libros galegos, e o invita a entrar na corrente do galeguismo cristián. "Aquel compromiso galeguista e cristián a un tempo era o que eu estivera sempre buscando". Quico recoñece tamén o influxo de Domingo Fernández del Riego no seu compromiso por este camiño: "Unha persoa excepcional polas súas condicións de humanidade e acollida. Cristián e galeguista de toda a vida".
O primeiro traballo de Quico Dominguez nesta nova militancia será recoller firmas en apoio dun escrito no que se solicitaba dos bispos galegos a a probación do galego como lingua litúrxica. Coñece logo ó P.Seixas, que viña no ano 1965 da América e colabora con el na fundación da Comunidade de Vida Cristiá (da que é hoxe o secretario) e o coro de obreiros "Ondas do Mar de Vigo". Desde 1971 irase incorporando tamén ó traballo de SEPT, que presidía Xaime Isla, e pasaba por unha etapa de baixa actividade, pero pouco a poco vai recobrando o seu ritmo co mesmo Quico e con Alfonso Zulueta; foron os anos da aparición do Novo Testamento e Biblia en galego.
     A súa preocupación social plásmase, entre outras cousa, na fundación da Escola de Formación Social de Vigo con Federico Fierro, nos últimos anos do frnaquismo. O seu obxectivo era a formación laboral, sindical, política e social nos turbulentos anos da transición. Entre os seus traballos destaca un extenso estudio sobre o proxecto de Estatuto de Autonomía, no que colaborou activamente Quico e que viu a luz na revista Encrucillada (19) e recibiu o Premio Fernández Latorre aquel ano. No eido político, foi secretario de Organización do PGSD, e logo ocupa o mesmo posto no refundado Partido Galeguista, indo nas listas de Unidade Galega nas eleccións xerais.
     E finalmente, compre falar da súa participación na folla dominical Badal, para as celebracións en galego. Foi un dos seus fundadores en 1987, e colabora moi activamente nela ata hoxe, con gratuidade, voluntariado e amor á Galicia e á causa de Xesús, como o resto do equipo. A folla síntese continuadora do labor do equipo de homilías comezado polo P.Seixas a comezos dos 70, que logo tería continuidade no traballo de Boa Nova, de Ferrol.

"A miña sensibilidade cara ás inxustizas, o meu espírito de rebeldía comtra o menosprezo que hai cara ós valores galegos, sumados a unha sensibilidade cristiá que foi madurando cos anos, fixéronme moi sensible á un cristianismo comprometido no galeguismo. Hoxe considero claramente que non se pode ser un bo cristián en Galicia sen apostar polo galego; pois o cristianismo é unha relixión comprometida contra a inxustiza, e a meirande inxustiza que se da en Galicia é o non recoñecemento da identidade propia de Galicia. A liberación dos galegos ten que chegar necesariamente pola dignificación do noso, e sentirnos máis auténticos, realizándonos como pobo galego. Isto é o que a min me chama constantemente: Hai que traballar por un mundo mellor nun proxecto de liberación persoal e comunitaria. Nesto quero ser moi radical".

     ¿E o conflicto? Quico víveo tentando transformar a Igrexa desde dentro, aínda que sempre foi moi crítico co clericalismo eclesiástico, e coa Institución en xeral, e cústalle entrar aí; pois reivindica un xeito de ser Igrexa no que os leigos teñan un protagonismo e unha capacidade de decisión efectiva. Iso é o que vive na súa comunidade cristiá, na que non lle costa sentir a presencia de Deus como compañeiro no camiño dun mundo novo.



V. Aínda compre lembrar, finalmente, a outros contemporáneos de Xaime Isla. En primeiro lugar a un compañeiro de proxectos durante moitos anos, particularmente nos anos máis duros da Guerra "Incivil" —como gosta de chamala— e da posguerra, XOSÉ LUÍS FONTENLA MENDEZ, que foi membro do Seminario de Estudos Galegos e presidente da Mocidade Galega Católica (20) Nunha das cartas a Guerra Campos, tras
manifestar, entre outras cousas, que "cremos que pra maioría do país —que fala galego— é mester o uso do idioma a fin de que participen activa e conscientemente nos actos relixiosos", conclue expresando a súa motivación: "Quero participarlle que as nosas actuacións son debidas a unha fonda preocupación por tódolos problemas que aqueixan ó catolicismo no mundo e á responsabilidade que como católicos e como galegos sentimos todos", e tivo o privilexio de estar presente no Consello de Guerra que condenou a Bóveda ("A serenidade de Bóveda foi impresionante —dime—, non a esquecerei endexamais"). Nacera en Pontevedra no 1915 e achegouse ó galeguismo empuxado por Filgueira Valverde; estivo primeiro en "Ultreya"(21) ¡toda Galicia vai nela! ..." e logo en "Labor Galega" (Sánchez Cantón, Iglesias Vilarelle, ...), "Deus Fratresque Gallaeciae" (organización na que colaborou facendo os Estatutos), e en Logos, como todos eles.

"Eramos católicos e galeguistas —dime—. Catolicismo e galeguismo parecíame a mesma cousa. Por iso pensaba que era absurdo que a bandeira do galeguismo a levaran as esquerdas. Pola contra, o fascismo parecíame anticatólico, aínda que moitos católicos simpatizaran con el; sempre tiven medo del, creo que non me mataron porque tiña dous militares na casa, pero ameazar si que me ameazaron. O franquismo había que borralo da historia.
Cando fundamos 'Deus Fratresque' pensabamos ¿Por que non nos reunimos os católicos para refacer a nación galega?. Por iso, a medalla tiña a lenda:'Pola fe dos nosos pais'.
O gran fallo da República foi o seu ataque á relixión. Iso foi unha estupidez, e crearon un ambiente de división entre xente que traballaba xunta, como eran os galeguistas. Eu vin que os perseguidos eran os católicos e púxenme claramente ó seu lado. Pero xa o dicía o meu pai: Neste país, ou te fusilan por ir a Misa, ou te fusilan por non ir."

     Xosé Luís Fontenla aínda pensa hoxe: "A bandeira da redención de Galicia debía levala a Igrexa. Galeguismo e cristianismo debían estar intimamente vencellados en Galicia. Ademais, o Evanxelio ten que levar a defender ós máis perxudicados, e quen máis prexudicado está en Galicia é o mesmo pobo galego". Sen embargo, está moi desencantado do papel xogado pola Igrexa, polos curas. Pero non tanto como para abandonar o barco.
     De feito, tivo un papel moi activo no proceso de galeguización da Liturxia, na primeira elaboración de materiais (fixo un dos primeiros ordinarios da Misa en galego), desde a Mocidade Galeguista Católica e desde SEPT. Participou activamente no debate sobre o galego na liturxia, recollido no libro de Caamaño e Pampín (22). Tamén foron famosos os seus comentarios evanxélicos en galego no xornal La Noche. Hoxe está máis afastado, pero segue sendo galeguista de corazón e cristián practicante.
     E tamén a MANOLO BEIRAS GARCIA (Santiago 1904), que foi concellal galeguista e fundador do Patronato Rosalía de Castro, participando xa en 1932 na primeira Misa de Rosalía, pola que traballou ardegamente para que fora canto antes en galego. Recibiu merecidamente hai poucos anos a medalla de Castelao, e outros premios pola súa fidelidade á causa galeguista. É un fervente e militante cristián. Contame con emocionadas verbas o que para el representan o galeguismo e o cristianismo:

"O galeguismo prendeu en min xa de moi mozo. Andados os anos, cando a introducción do galego no culto católico por medio da Misa en galego, comecei a profundar libremente neste feito da radical presencia da Palabra de Cristo dentro dun contexto xeográfico, social e cultural; un contexto radicalmente humán, que nos fixo meditar desde una postura radicalmente galega, como o cristianismo é aquí galeguista na súa esencia".

     Máia aínda, comentando os valores do home a a muller galega, fala da súa esperanza e da súa fe, e dime:

"Eu, como galeguista, teño reparado como o home e a muller galegas, sobre todo os do noso agro, en graos diferentes, e aínda nas súas dificultades económicas, sinten a ledicia de vivir para servir a Deus Noso Señor. A xenerosidade, a beleza, o apaño familiar que nos deu a Terra e a súa paisaxe, Galiza, fai que o galego manteña no seu interior ese amor á Terra e á Familia, que acolleu firme e devotamente o cristianismo como algo primario e consustancial coa Terra galega".

     Particularmente, para Manolo Beiras a participación nutrida na Misa de Rosalía, particularmente de emigrantes, é un feito ben expresivo deste enraizamento da fe cristián na realidade galega: "Unha proba das raíces cristiás e de amor á Terra destas xentes que, ceacais ó estaren lonxe, deixaron a un lado o cumprimento dos mandamentos da Igrexa, pero que conservaron no seu corazón eses sentimentos de auténtico amor". As súas verbas de nonaxenario aínda lúcido, comprensivamente xeneroso de máis coa súa Igrexa, pedían ó remate:

"Manteñamos a fidelidade á nosa fe, axudados polos nosos cregos, que están tan perto das nosas conciencias e das nosas experiencias relixiosas, matinando nunha virtude como é a confianza en Deus Noso Señor, que eu manteño apegadiña á fe que aprendín de neno. ¡Señor, en ti confío!"

     AGUSTIN SIXTO SECO (Mugardos-Coruña 1926) é o actual presidente do Patronato Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, secretario do Consello da Cultura Galega, correspondente da R.A. Galega, e participa en varias sociedades máis (Museo do Pobo Galego, Fundación Penzol, ed. Galaxia, ed. SEPT...). Este histórico galeguista, tamén da súa corrente crente, é profesionalmente médico, especialista en icurxía e ortopedia (materia sobre a que versan as súas obras publicadas), e exerce de director dun centro médico santiagués.
     Nacido nunha familia ferrolá que foi represaliada no franquismo, Sixto Seco confésase "un galego, galeguista e nacionalista", facendo súa unha famosa frase de Ramón Piñeiro: "Somos galegos por nación; españois pola historia; europeos pola cultura". Pero tamén crente, cristián de Igrexa:

"Os meus anos, cando un constata que xa anda o camiño de volta, descúbrome máis crente que nunca, tan cristián coma decote católico ad hoc. Paréce que formo parte desa inmensa tropa que declara pertencer o glorioso exército católico ... Pero, cunha cartilla militar na que algúns artigos van amañados. Eu adoito presumir de ser 'católico, apostólico e ... ¡compostelano!' Por si acaso de romano merma algo a miña galeguidade".

     A confesión de fe galeguista e cristián deste home de talante conservador e liberal resulta sumamente interesante:

"Houbo tempos nos que o galeguismo era para min unha realidade exclusivamente temerosa e agochada no peito dos que daquela eran alcumados de 'roxos'. Procedendo eu dunha desas familias (un tio fusilado, outro fuxido e o meu pai na cadea), aínda hoxe non me explico moi ben como daquela en min non entraron en conflicto esterilizante o formento galeguista que eu apalpaba nos meus, coas manifestacións de fe cristiá na que tamén fun educado, participando nasa actividades da Acción Católica. A convivencia universitaria e a posterior actividade profesional leváronme a unha perfecta simbiose das dúas realidades. Aínda que eu seguín sendo un inquedo animador de algúns dos movementos cristiás (A.C., Cursiños de Cristiandade...), non ocultaba que os meus mellores amigos eran agnósticos, pero galeguistas.

     Recoñece Sixto Seco que desde entón, na súa vida estiveron sempre moi relacionados o galeguismo (Galaxia, Patronato Rosalía de Castro, Museo do Pobo galego ...) e o cristianismo: "Axudei e fun Director-xerente nunha das súas primeiras alancadas, da benemérita Ed. SEPT, á que tanto lle debo o afán galeguizador da práctica cristiá. Compláceme moito verme retratado en fotos que recollen o momento no que se lle está entregando ó Cardeal Quiroga Palacios un exemplar dos Evanxeos en galego".
     Pero non oculta a conflictividade destas dúas realidades no seo da Igrexa, aínda que recoñeza un camiño feito:

"Xa foi peor do que é a situación da Igrexa fronte o Páis no que ela asenta e ó que ten a obriga de servir evanxélicamente. Refírome ó feito necesario da incardinación da nosa Igrexa entre nós, asumindo o que somos: galegos. Sitúome críticamente frente á confusa actitude da nosa Igrexa para impregnar coa nosa lingua toda a liturxia que nos é propia. Tamén declaro sentirme insatisfeito porque aínda se constate que a nosa segue a ser máis ben unha Igrexa en Galicia que unha Igrexa galega".






2. Filgueira Valverde, a pervivencia, discutida, dos vellos tempos

"Galicia existe... Os homes nacemos avencellados a unha colectividade humana, real e histórica. Por eso temos unha patria. E a patria dos galegos é Galicia.
Galicia existe, e Galicia ten unha personalidade ... Nós, galegos, temos a obriga de cultivar a persoalidade da nosa Terra... Podemos establecer unha relación entre nación e nacionalidade, Galicia e a galeguidade. Galicia entidade natural ... Cando se actúa esta conciencia do ser galegos ... daquela atopamos a galeguidade, a personalidade galega"(23).

     Posiblemente, Filgueira Valverde é hoxe o meirande persoeiro vivo da cultura galega. Tanto si se está de acordo coa súa persoa e a súa traxectoria —riquísima en tantos aspectos—, como se non se está (ben pola súa conivencia cun Réxime político que non respectou nin ós seus amigos galeguistas nin a personalidade e a cultura de Galicia, ou ben polo que sexa...), paréceme incuestionable a realidade concreta da obra inxente a prol da cultura galega que leva realizado. Ademais de ser dunha miopía grave non aproveitar a prodixiosa memoria histórica dun home que é unha enciclopedia galega vivente; polo que ten vivido e traballado, pola xente que ten coñecido, e porque é capaz de lembrar con precisión datos de hai sesenta anos. A súa abundantísima producción literaria e científica, de indubidable calidade, fai del un polígrafo e un humanista ó estilo de Otero Pedrayo, de quen foi gran amigo. Tamén contou coa amistade de Cuevillas, Risco, Castelao; Cabanillas, os curas de Logos e case que tódolos galeguistas históricos, ata a do mesmo arcebispo Lago, que fora compañeiro de estudios e amigo do seu pai. O amor a Galicia e a súa cidade natal, Pontevedra, semellan ter marcado a traxectoria de toda a súa vida, vinculada á cidade do Lérez, da que foi alcalde (1959-1968) e á que lle deu un gran Museo que pode codearse cos grandes. Outra cuestión é a súa coherencia cos ideais e os compromisos galeguistas e cristiáns nos momentos máis difíciles da nosa historia ...
     Naceu en Pontevedra en 1906, fillo dun médico xa con fonda vocación humanística. Bacharelato na súa cidade, Dereito e Filosofía e Letras en Santiago. Foi co-fundador do Seminario de Estudos Galegos na súa mocidade (1921). Profesor e catedrático no Instituto de Pontevedra, do que foi Director ata a súa xubilación. Fundou e dirixiu o Museo de Pontevedra (1927), foi director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e forma parte doutros centros semellantes no estranxeiro. Membro da Real Academia Galega, da R.A. de Historia, da R.A. de la Lengua Española, da de Bellas Artes de San Fernando, etc.; os seus títulos semellan unha guía do que un intelectual pode acadar. Por outra banda, os seus premios literarios comezaron co da "I Festa da Fala Galega" en 1925, e non pararon ata o Pedrón de Ouro en 1973, etc. A súa inxente obra científica e literaria fórmana máis de 230 libros e folletos e miles de artigos, moitos deles recollidos nos 8 tomos que, co título de Adral editou Edicións do Castro entre 1979 e 1994, que reflexan un coñecemento único sobre artes, letras, feitos, símbolos e mestres da cultura galega. No seu traballo científico destacan os seus estudios sobre a lírica galego-portuguesa medieval, na que fixo importantes descubrimentos.
     So cun repaso ós artigos dos volumes de Adral, abondaba para ver a relación que existe no pensamento de Filgueira Valverde entre galeguismo e cristianismo. Nas súas páxinas está constantemente presente a preocupación pola cultura de Galicia e a súa sensibilidade non so cristiá, senón de Igrexa, no espectro dun home conservador, no que está ausente un cristianismo socialmente militante.
     Reparando tan so nos tres primeiros tomos, e fixándose nun aspecto en particular, atópase un tratamento recorrente do tema da Virxe María(24) . No segundo achamos unha versión galega do propio Filgueira dunha "Oración" de Gerardo Diego, que manifesta o seu interese polo tema de María:

"Nosa Señora dos Bos Libros
Santa María Nena e Santa Ana.
Quen, coma ti, aprendendera na Escritura
profecía sinxela, tronco e rama.
Flor de sabencia, Ave María. (...)"(25)

     No mesmo volume encontramos tamén un fermoso artigo aparecido no Faro de Vigo co título "Deus nace galego", sobre o tema das panxoliñas que cantan que o Neno Deus nace "nun Belén de Galicia" e a súa nai é "de Compostela" e "fermosa galega". Un compositor de panxoliñas que chega a dicir que "Deus é galego porque se chama Manoel". Para Filgueira, a razón de tan ousada afirmación non pode ser outra que o feito de que os galegos eramos nos séculos XVII-XVIII o prototipo da xente pobre e aldraxada. "O Neno Xesús, encoiro, entre pallas, ou camiñando cos pes espidos é un galeguiño"; e recorre a versos de vilancicos andaluces do s.XVII que din que Xesús é "Rey de Galicia... desnudiño que es galleguiño non poide negar". Conclúe con humor que ós galegos isto "compensounos 'a lo divino' do rudo encono dos aldraxes que, naqueles séculos, corrína escontra de nós"(26). Pola mesma, o nadal galego é un "Nadal saudoso", como di noutro artigo; é un Nadal de "emoción contida, ledicia serea, evanxelio, teoloxía, algunha petición de dons e moi poucas rexoubas. Nada de encher a andorga, nin de 'echa la bota María', nin de peixes 'que beben y beben..."(27).
     Pero, se o análise da súa obra é ben expresivo para o tema que nos ocupa, aínda resulta máis interesante a conversa con el. A súa casa de Pontevedra é toda ela un museo e unha inmensa biblioteca de máis de 20.000 volumes. A parola é sempre rica en ideas, datos e matices. Desde "a santiña" Rosalía ó influxo de Bergson nos galeguistas da xeración Nós e as súas relacións coa Institución Libre de Ensinanza; o agnosticismo de Viqueira e o espiritualismo de Risco, o catolicismo militante de Losada, o populismo de Castelao e o marxismo de Seoane ...; e sobre todo, Otero Pedrayo e Cuevillas, "católicos de toda a vida", e os seus amigos cregos de Logos e o Seminario de Estudos Galegos.
     Católico tradicional, de moita práctica relixiosa, amigo de curas e galeguista de sempre, fálame Filgueira da súa relación de mozo co arcebispo Lago, unha amistade que naceu na súa infancia e que se acrecentou coas visitas frecuentes a palacio cando Lago era bispo de Santiago e Filgueira estudiante na Universidade. "Lago era un home magnífico, de gran talla intelectual e moi humano, con gran sentido do humor e nada engolado, gran amante de todo o referente á cultura galega e moi galeguista". Cóntame anécdotas expresivas destas cualidades e da opinión dalgún cura referente a este bispo que era "un periodista e nada máis".
     Fálame tamén, inevitablemente, do movemento galeguista e de Igrexa Deus Fratresque Gallaeciae, que nace polos anos 20 e que en 1935 publica os seus estatutos da man do propio Filgueira, de Iglesias Vilarelle (28), Fontenla Méndez, Isla Couto, e algúns cregos que logo se darían a coñecer desde Logos... Son anos de gran actividade a prol dunha incipiente galeguización da liturxia, traducindo textos, facendo edicións do Rosario e do Viacrucis en galego, do Oficio de Defuntos, e ata dos "Diálogos" de San Gregorio. "A pesar de que tiñamos que traballar de maneira medio clandestina, lograbamos bastante facilmente o Imprimátur do que faciamos en galego". Cóntame unha anécdota xa coñecida sobre un Viacrucis en galego que se fixera na igrexa da Universidade de Santiago, cando se imprentara con fermosa portada de Castelao."Foi un Viacrucis de intelectuais, algúns deles agnósticos", di, pero dirixido por Pedret Casado e Carro. Como a igrexa estaba aberta, sumáronse dúas velliñas "de pano na cabeza", que se sentaron nun banco ó fondo:

"Nunca escoitaran falar de Cristo en galego. Nunca oíran o Evanxeo en galego. A lectura dos pasaxes do Evanxeo e a explicación de Pedret para elas foi un deslumbramento. O remate unha delas achegousenos e díxonos: Hai que cousa bonita Señor. E ...¿non será pecado?. Para min é unha anécdota clave para comprender a importancia do galego na Igrexa".

     Nos anos 50 volverá refacerse o movemento Deus Fratresque Gallaeciae, como grupo de encontro e intercambio, colaborando activamente na Misa de Rosalía e na normalización do galego na liturxia da Igrexa. En 1953 elixen para a presidencia a Florentino Cuevillas. Na nova convocatoria resultará significativa a ausencia de Filgueira.
     En 1931 virá Logos, revista na que tivo un papel protagonista con algúns leigos e moitos clérigos, co apoio de Amor Ruibal, "que me felicitou por un premio galego que tiven nos Maios no ano 1924" —dime—. Para Filgueira, o galeguismo de Amor Ruibal ven da súa infancia na que so falaba galego, ata o punto de que "suspendeu en primeira instancia o Ingreso do Seminario por non saber castelán". Cabada Vázquez, man dereita de Amor Ruibal, Pedret Casado, Ramón Mª Aller, Xesús Carro, Gumersindo Placer e os agustinos de Poio, o P. Pardo e algúns dominicos... e o mesmo Quiroga Palacios.
     Por outra banda, a Filgueira parécelle clarísima a fe católica de Rosalía, practicante, e que recibiu os sacramentos antes de morrer. "É un disparate presentar a Rosalía coma unha incrédula, cando era grandísimamente relixiosa. Seguro que iría a Misa sempre. Non hai dúbida". De Castelao dime que "era un home profundísimamente relixioso —resalta o de profundísimamente—, aínda que apartado ás veces do catolicismo oficial, por críticas da Igrexa a algún dos seus escritos... El ía a Misa aquí sempre, e mesmo paréceme que seguiu indo en Buenos Aires". Insiste en que recibiu os sacramentos antes de morrer; "por outra parte —dime Filgueira— non deixaría de confesarse e recibir o viático, porque se coidaría moito diso Virxinia". O entusiasmo relixioso e o respecto a Igrexa que profesaba Castelao, queda patente para Filgueira na colaboración desinteresada en tantas cousas relixiosas, as ilustracións de Logos, o Viacrucis, etc. O certo é, que Castelao era particularmente xeneroso con todo o referente á Galicia e á súa cultura.
     Con respecto de Bóveda afirma con contundencia: "Era un santo, que se decidiu pola esquerda porque era a única maneira de sacar o Estatuto; unha decisión fundamentalmente pragmática. Foi unha barbaridade que o fusilaran; nin el nin nós pensabamos que se puidera chegar a tal cousa, pois defendeu a Pontevedra". "Ese e tantos outros asasinatos non tiveron sentido —engade—, os falanxistas mataron a xente de dereitas e de esquerdas. Foi terrible".
     Como é sabido, Filgueira Valverde participa na fundación do Partido Galeguista, que nace en 1931 como froito da confluencia do xa chamado Partido Galeguista de Pontevedra (Castelao, Paz Andrade, Cabanillas e o propio Filgueira), o Partido Nacionalista de Ourense (Otero e Risco), as Irmandades da Fala de Santiago, Lugo e Vigo e a Organización Republicana Galega Autónoma (Suárez Picallo, ...) (29). Nel Filgueira Valverde formaba parte do grupo dos conservadores (Risco, Otero, e outros) que non quería unha alianza coa esquerda (30). É tamén coñecida a crise interna que se deu no partido coa integración na Fronte Popular, co que a dereita
galeguista escindiuse e deu orixe a un partido novo, que logo tamén colaborará no referendum do Estatuto. Filgueira xustificame a fundación de Dereita Galeguista (31) "para que a xente puidera votar o Estatuto Galego, ó que lle tiñan medo porque era cousa de esquerdas"; está convencido de que ese grupo foi "decisivo" na aprobación do efímero Estatuto.
     Bóveda, nun artigo de A Nosa Terra, recoñecía con elegancia a honradez da postura dos protagonistas desta escisión, aínda que non a compartira, e sufrira con ela, coma outros moitos compañeiros: "Eu teño a seguranza de que alí onde esteña Filgueira, haberá un obreiro da causa galega" (32). Filgueira e os seus compañeiros xustificaban a súa decisión con estas verbas:

"O respeto á crencia relixiosa e á práctica do seu culto é postulado da liberdade individual de conciencia; isto é socialmente un elemento de integración política... Como crentes e como galegos no soio nos oporemos á descristianización de Galicia, senón que intentaremos levar á vida intelectual e á vida lexislativa solucións cristiáns. Exaltando o valor da xerarquía eclesiástica na vida do noso pobo, non dudaríamos en destiñar fondos púbricos a mellorar as institucións do crero, para que poida cumprir de cheo a súa misión moralizadora e evanxélica"(33).

     Filgueira non dubida na resposta cando lle pregunto sobre a relación entre o seu galeguismo e cristianismo, e que foi o primeiro nel: "Cristianismo, por suposto, e ademais prioritariamente. Son ante todo católico". Nacido nunha familia moi cristiá, sempre foi moi relixioso e amante da Igrexa. O seu galeguismo tamén é moi temperá, pois o seu pai falaba galego, aínda que a súa nai non, pois era de fora; le a Rosalía na súa infancia e conecta cedo cos sectores galeguistas. Católico, pois, de toda a vida, sente nel un fondo vencello entre esta fe e as raíces da súa Terra.

"Cristianismo e galeguismo foron sempre para min dúas realidades mutuamente enriquecedoras, como o foi o cristianismo para Galicia.
Non entendo a miña fe cristiá, se non é desde Galicia e mesturada co galego; enraizada nesta Terra e nesta cultura".

     Polo mesmo, di sentir "unha tremenda pena por unha Igrexa que foi tan pouco agradecida cos galeguistas, cando a historia do galeguismo está chea de eclesiásticos e leigos católicos galeguistas". Dime concretamente que non comprende como xente da talla de Torres Queiruga "non acada máis altas dignidades na Igrexa", pois el, que é un católico tradicional, non hai atopa "herexías" no seu discurso do teólogo galego.
     Dóelle esta Igrexa de Galicia, tan pouco amante do galego, que di cousas coma estas que lle oíu a un cura: "A Dios hay que hablarle como se le habla al Gobernado Civil". Ve incomprensible que sobre todo os curas rurais, que falan galego constantemente cos seus fregueses se cambien ó castelán cando entran na Igrexa, "unha lingua que resulta tan incomprensible para moita xente do pobo coma o latín". Dóelle, pero, di, "non me escandaliza"; outro tanto lle ocorría a Otero, tan bo que non quería condenar a ninguén.
     Filgueira é consciente que tampouco a cultura en Galicia está galeguizada, polo que "a Igrexa forma parte da tónica xeral da sociedade galega". Por outra banda, tampouco entende o galeguismo dos que se definen ateos e anticristiáns en Galicia. Tamén se queixa Filgueira da falla de formación relixiosa dos titulados da Universidade e a xente da cultura hoxe.





3. "Na fronteira": Pousa Antelo, F.Fernández del Riego, Carlos Casares

I.
"Avelino Pousa Antelo, regando a vella planta do galeguismo", é o pe dunha caricatura que Siro lle fixo a AVELINO POUSA ANTELO, e que este colga, enmarcada, no despacho da súa casa de Teo, xa retirado da súa azarosa vida. Presidente da Fundación Castelao e secretario da do Pedrón de Ouro, foi tamén no pasado Secretario Xeral (1978) e logo Presidente (1979) do Partido Galeguista nos últimos tempos. Ten varios premios ó seu labor técnico e galeguista, entre eles a medalla de Castelao e a medalla á lealdade galeguista do PG de México.
     Este vello galeguista naceu en Barcala-A Baña en 1914, estudiou primeiro no Seminario de Santiago polo ano 1925, aínda que non garda moi bo recordo del; logo fixo Maxisterio na mesma cidade, e máis adiante Comercio en Lugo e Xerencia de Empresas en Zaragoza. Abrollou novo ó galeguismo. "Un leva algo dentro e maniféstase nun momento dado", dime; o seu primeiro momento fora xa no Seminario de Santiago, nunhas tertulias que organizaba Cabada Vázquez, seminarista amigo de Amor Ruibal. Pero a data máis destacable que recorda como punto de arrinque do seu proceso galeguista é 1931, nun mitin galeguista no teatro Principal de Santiago, no que falaran Carballo Calero, Paz Andrade, e sobre todo Castelao, que pechou o mitin; "o escoitar a Castelao, creo que me marcou de por vida". É particularmente importante para el a visita cotiá á imprenta Nós, que rexentaba Anxel Casal ("alcalde mártir de Santiago"); cóntame que Castelao dicía del que fixera máis pola vida galega que tódolos demais galeguistas xuntos. Saían a vender os libros galegos desta editorial, sobre todo a colección Lar, polas feiras de Santiago. Da súa historia galeguista conta máis cousas Amancio Liñares, no seu libro Conversas con Avelino Pousa Antelo (34)
     Experto en cooperativismo, xa escribiu sobre ese tema en La Voz de Barcala, editada na imprenta Nós, nos anos 30. Colabora co agrarismo con menos de 20 anos, e co Partido Galeguista (por medio das "Mocidades galeguistas") e participa na propaganda do Estatuto do 36. A Guerra é para el un pesadelo, pero foi saíndo adiante como mestre interino de escola. A súa vea agraria vai impoñéndose, e en 1948 pon a funcionar a Granxa Agraria de Barreiros, con Valentín Arias. As súas publicacións son maiormente deste tema agrario,
particularmente de cooperativismo (Temas de Agricultura (1951), Cooperativa de Explotación Comunitaria para unha parroquia rural (1968), ¿Valen ou non as Cooperativas de Explotación Comunitaria para o campo galego? (1971); pero tamén escribiu Galicia, tarefa urxente. En Cooperativismo e capitalismo na Galicia rural escribe que "o desenrolo do capitalismo na agricultura leva consigo a ruína da pequena explotación familiar [maioritaria no campo galego]... As empresas capitalistas baixaron os ingresos dos nosos labregos, pois supoñen unha competencia desleal"(35). Fronte ó capitalismo, que se rexe tan pola máxima do lucro, as cooperativas nacen para defender a realidade socioeconómica dos socios, ó xeito das vellas empresas familiares: "Só elas poden evitar a desintegración da Galicia rural, que é a máis auténtica e representativa do noso pobo, se a deixamos morrer quer dicir que xa non queremos seguir chamándonos galegos"(36).
     A súa fe cristiá de mozo fora esmorecendo cos paos da Guerra Civil e o posicionamento vergonzoso da Igrexa. "Eu dixen daquela dos cregos: Eu non podo bailar con vós". Pero renaceu coa chegada dos novos ventos progresistas aventados polo Concilio Vaticano II: "Tomei parte en moitas reunións na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago e na parroquia do Castiñeiriño"; onde ía a súa Misa, e á de Rosalía en San Domingos de Bonaval. Lembra tamén especialmente ó P. Seixas, "un home venerable". Particularmente sinala Pousa Antelo a importancia que tiveron para el os Coloquios de Parroquias, nos que tomou parte en diversas ocasións dando algunha ponencia. Logo con Encrucillada e Irimia foi atopando un canle intelectual e expresivo para a súa fe.

"Considérome crente crítico e con dúbidas. Cristián, desde logo; coido que aínda que o negara, seguiríao sendo. Cos anos e coas experiencias, ás veces ingratas, funme facendo rebelde. Rebelde contra as inxusticias que padecín e vin padecer a tantos galegos; situacións de abuso de poder económico, social ou relixioso. Rebelde contra a institución eclesial, sobre todo na etapa do nacionalcatolicismo. Por iso síntome católico con reservas, as reservas do meu inconformismo coa hipocresía de moitos católicos que falan de cousas ideais e móvense só polo diñeiro e o poder".

     Para Avelino Pousa Antelo "un cristián galego non pode menos que ser galeguista", e máis aínda, di con contundencia, "cun clero non galeguizado eu non quero nada, non me sirve; prefiro quedar na casa". Quizá por eso non é hoxe demasiado practicante, por non atopar a canle axeitada para a expresión da súa fe. Cóntame como nas Mocidades Galeguistas definíanse dicindo: "Eu son católico, apostólico e galego". "Son un añorante desa Igrexa galega que hoxe só está viva nuns cantos cregos novos", dime na súa conversa.

"Cristianismo e galeguismo deben estar necesariamente vencellados en Galicia. Nunca teremos unha verdadeira relixiosidade en Galicia mentres non se incardine na nosa etnia, na nosa maneira de ser, na nosa lingua, na nosa cultura, na nosa triste historia. Pero aínda estamos a tempo para remediar as inxusticias, carencias e erros.
A nova Igrexa Galega que ides facendo desde Encrucillada e Irimia é a única na que eu podo encaixar como crente. Penso que é a esperanza da nova relixiosidade que deberamos ter en Galicia dende sempre; pero nunca é tarde, cando chega. Que chegue agora e avance, aínda que sexa o paso de tartaruga. É o meu afervoado desexo de crente e de galego".




II. FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO é outro dos históricos galeguistas que aínda temos entre nós.
Membro numerario da Real Academia Galega, é tamén Medalla de Castelao, Pedrón de Ouro, Premio Trasalba, ... Este nacionalista galego, hoxe recoñecido e respectado, tivo que aturar a marxinación polos seus posicionamentos. Tamén se considera católico, aínda que "escasamente practicante", segundo as súas palabras. Pero afirma claramente que cristianismo e nacionalismo galego son dúas realidades que deben ir vinculadas na nosa Terra.
     Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913 e estudiou Dereito e Filosofía e letras entre as Universidades de Santiago e Madrid. Exerceu a docencia como profesor de Dereito Civil na Universidade de Compostela, pero foi inhabilitado na posguerra polas súas posturas galeguistas. Escritor prolífico, foi director de Galaxia e co-director da revista Grial, actualmente dirixe a Biblioteca Penzol, de Vigo. As súa obra está exclusivamente centrada no mundo cultural galego: Cos ollos do noso espírito (Buenos Aires 1949), Letras do noso tempo (Vigo 1974), Historia da Literatura Galega (Vigo 1978),... e moitas máis; ata as últimas: O rio do tempo (A Coruña 1990) e a fermosa Alvaro Cunqueiro e o seu mundo (Vigo 1991).



III. CARLOS CASARES, galeguista de nome recoñecido, escritor, numerario da Real Academia Galega, cun bo feixe de premios literarios enriba; recoñece que, aínda que é crente e se sente cristián, non é moi consecuente coa práctica que a Igrexa católica lle pide ós seus membros. É outro crente galego "na fronteira".

"Eu creo que a miña denominación correcta é a de cristián. Toda a miña formación é cristiá e o meu pensamento tamén o é aínda hoxe. O de 'católico' resúltame máis comprometido, pois comporta unha serie de obrigacións para os membros da Igrexa, que eu non cumpro de todo neste momento. Mesmo, non vexo o termino 'católico' cunha connotación moi positiva. Sinto máis simpatía polo termino cristián, porque me parece máis amplo, menos ríxido".

     A madurez da fe de Casares, segundo recoñece na nosa conversa, chegoulle con Xoán XXIII e o Concilio Vaticano II. "Eu nacín baixo o pontificado de Pío XII, pero descubrín o cristianismo con Xoán XXIII". Nace o ano 1941 no Ourense de Risco e Otero Pedrayo, que marcaron decisivamente a súa traxectoria. Pero, ademais, Carlos Casres naceu nunha familia "moi clerical", con varios tíos curas; mesmo a súa nai educouse cun tío sacerdote que renunciou a un bispado en Orihuela-Alicante, para coidar ós seus sobriños, ós que lles morrera o pai de cativos. Incluso tiña un parente arcebispo en Cuba, que viña frecuentemente a ver a familia e que Carlos lembra de neno, pero polo que se interesou xa de mozo e adulto, pois leu La historia me absolverá, onde Fidel Castro dáballe as gracias ó seu tío por salvarlle a vida, e Casares era daquela moi castrista. Estudiou cinco anos no Seminario, recibindo "unha formación bastante ríxida e estreita". O Concilio píllao nos seus anos de estudiante. Fixo a carreira de Filosofía e Letras (Filoloxía Románica) en Santiago. Así me contaba as súas vivencia de entón:

"Cando eu descubrín os aspectos máis bonitos e máis atractivos do cristianismo foi desde o Concilio. Vivino moi de cerca; estaba suscrito a Témoignage Chretien e a Information Catholique International, e a través diso fun seguindo o Concilio, chegando a ser bastante experto no que aló se dicía. Mesmo cheguei a facerme amigo de Pierre Hofman, Relator do esquema XIII, que coñecín de maneira casual, pero co que mantiven logo unha forte relación. Tamén coñecín na mesma ocasión ó cardeal Garone".

     Carlos Casares estaba entusiasmado co Concilio, "foi algo moi bonito para min", pero atopábase cunha contradicción que había facer mella nel: "Eu quería falar cos curas das encíclicas de Xoán XXIII e Paulo VI, pero, atopábame coa sorpresa de que esa xente, que eu cría que debían saber moito diso, nin as lían nin sequera as coñecían moitas veces; o que para min era unha cousa absolutamente incomprensible". Pola contra, manifestábanse contrarios ás ideas verquidas nelas, descalificando a ousadía do bo do rapaz: "Todo o que era defensa dos dereitos humanos, da cultura contemporánea, das culturas minoritarias, ... parecíalles que non era aceptable, aínda que o dixera o Papa". Esa etapa pon a Casares en contacto cun sector da Igrexa galega máis pobre intelectualmente, cunha formación —dime— "quizá academicamente correcta", pero totalmente despreocupada da actualización que representaban os aires conciliares, e allea ó pensamento contemporáneo.
     Pero Casares entrou tamén en contacto con outra xente de Igrexa perfectamente informada dos novos rumbos e moi ó día, "o que me redimiu, en parte, das outras experiencias negativas". Particularmente tivo relación cos curas cataláns progresistas por medio de Mosén Totosaus, moi famoso naquel tempo, sobre todo en Cataluña, pero tamén no resto do Estado polo seu protagonismo na "Manifestación das sotanas"; e tamén por Mosén Dalmau. Con Totosaus andou vendo a realidade rural de Ourense, sobre todo para coñecer a mentalidade do clero rural galego: "Ver a aquel cura tan progresista enfrontado cos seus compañeiros das aldeas era case cómico. Pero a realidade era tremenda".
     Pasado o entusiasmo do Concilio e o pontificado do seu realizador, o papa Paulo VI, de talla intelectual excepcional, Casares vai perdendo interese pola realidade dunha Igrexa que vai vendo nunha situación de involución progresiva, e "vaise a posicións de retagarda". Pero cre que o que el sente cadra cunha situación bastante xeral hoxe, manifestada no que cre unha na baixa grande na difusión do libro relixioso respecto dos anos 60-70. Casares leu ós teólogos que fixeron o concilio (I.Congar, K.Rahner, H.Küng, J.L.Aranguren...), e tódolos libros de Torres Queiruga; manifesta un gran coñecemento da reflexión teolóxica, pero recoñece que a orixinal reflexión feita pola Teoloxía da Liberación xa o colleu con menos interese polo tema, sobre todo na súa vertente social e comprometida. O Deus misericordioso e amante do home, o "gran compañeiro" que di Whitehead e que manifesta a teoloxía de Torres Queiruga (37), é o que lle gustaría terse encontrado de pequeno.
     Carlos Casares, víctima dun clima social que ve á Igrexa lonxe, allea á sua realidade, non chegou a conectar activamente coa nova realidade da Igrexa en Galicia, aínda que sabe dela. A Igrexa que el ve é unha Igrexa pouco metida nos problemas do mundo, unha Igrexa que "te deixa fora, porque está en contradicción co que eu creo e sinto". Máis aínda, dime, "dáme a impresión que vós [os de Irimia, Encrucillada...] estades tamén un pouco fora, excluídos dese círculo da gran Igrexa".
     A obra literaria de Casares reflexa claramente este coñecemento do mundo relixioso e da Igrexa. Desde Xoguetes para un tempo prohibido, unha novela na que o tema relixioso abonda en cada páxina e reflexa a súa infancia e os seus anos de Seminario, ata Ilustrísima (38), onde manifesta unha clara simpatía polo drama do prelado moderno que se sente preso dunha curia conservadora. O libro ten a súa orixe nas vivencias familiares,
concretamente a relación cos seus tíos curas. Nunha cea que lembra vivamente, estaba o seu tío arcebispo —un home gordo e comedor, bondadoso e tolerante— discutindo sobre a realidade de Cuba con outro cura de formas máis austeras, pero un dogmático intolerante. "Deime conta de que este cura era un home malo, de cortesía artificial e cunha agresividade tremenda, fronte á bondade do meu tío, que non se irritaba nin perdía a calma". Xa a Don Ramón Otero Pedrayo lle gustaban os curas orondos, e dicía:"Eses curas delgados, cargados de teoloxías... hai que ter coidado con eles". A novela de Casares é, nas súas palabras, "unha defensa dos valores cristiáns: a bondade acompañada da intelixencia e a tolerancia".
     A idea que hoxe ten Casares de Deus recoñece que é "pouco teolóxica", mesmo algo infantil, por falla de interese de afondar na realidade de Deus a través da teoloxía; "acórdome de Deus en situacións difíciles, pero despois repróchome ser tan egoísta". Respecto de Xesús Cristo, é "quen me mostra o mellor rostro de Deus"; unha persoa fascinante polo que di que sentiu sempre entusiasmo desde neno: "Toda a visión do mundo que teño eu está baseada na predicación de Xesús, unha visión cristiá e evanxélica"; pero non quere quedarse na realidade puramente humana e histórica de Xesús Cristo, é consciente de que a súa fondura apunta a algo moi meirande, Deus, aínda que non sexa capaz de comprendelo ben. Coa Igrexa maniféstase respectuoso, valorando a riqueza que hai nela; pero a xerarquía xa non ll parece tan fascinante, "síntome moi distante da maioría dela, aínda que a respecte.

"A mellor xente que coñecín na miña vida foron case todos curas, aínda que atopei tamén xente pouco recomendable; a xente máis sacrificada polos demais; unha xente que me ten marabillado pola súa paz interior, que eu me pregunto sempre de onde lle ven. No so curas, senón tamén tantos cristián militantes, xente moi activa, sobre todo monxas. A Igrexa verdadeira, a comunidade de Xesús, é esta xente que o toma en serio; a outra dáme a impresión de que está só por cumprir".

     Casares dime que a relación entre os escritores galegos e o cristianismo é actualmente boa. El cre que xa non hai problema nin prexuízo entre galeguismo e cristianismo, "os galeguistas xa non ven hoxe con desconfianza ós cristiáns"; máis aínda, "hai moitos escritores galegos que son cristiáns".





4. Homes e mulleres cristiáns no nacionalismo radical, no movemento ecoloxista, pacifista e de cooperación co Terceiro Mundo, no movemento veciñal e Asociacións Culturais, grupos de base e Movementos apostólicos

     A presencia dos cristiás nos partidos nacionalistas e nos movementos sociais ten hoxe, tivo sempre, un peso absolutamente substancial. Fronte a unha Igrexa institucional tantas veces inmobilista, moitos leigos, sen deixar de ser Igrexa, souberon comprometerse en tódolos movementos de renovación e transformación social a prol dos débiles deste mundo, "dando o callo", polo menos, como calquera dos seus compañeiros non crentes. Son case sempre, persoas da base, de nome publicamente pouco coñecido; o que manifesta, segundo creo, dúas cousas, entre outras: a súa xenerosidade, que non busca un traballo "para a galería"; e a inxusticia, ás veces, das súas mesmas organizacións que os marxinan de postos de relevancia polo seu compromiso relixioso.
     Son moi consciente de que esta segunda afirmación é inxusta en máis dunha ocasión (nestas páxinas quedou proba diso), pero, con todo, atopo unha falta de perspectiva en moitos militantes de esquerda, que os leva a ver con certa desconfianza a unha persoa crente e practicante, simplemente polo feito de selo. Sei ben que non digo o que non é, pois na conversa con xente cristiá comprometida sindical ou politicamente saían unha e outra vez estas queixas.



I. No mundo do COMPROMISO POLÍTICO NACIONALISTA atopo un home excepcional, ó que só os pitoños lle poderán negar eses adxectivos de "nacionalista comprometido na liberación de Galicia", porque non pertenceu ó partido que pretendeu ter case a patente exclusiva do nacionalismo galego máis auténtico. Xosé Lois, cristián e nacionalista galego, ten unha historia de compromiso nestas dúas liñas, que o levou a traballar moi activamente na política nunha organización nacionalista, pola banda da fe a ser catequista e relixioso misioneiro. No seu mesmo partido, ESQUERDA GALEGA, tamén podería falar do seu máximo líder, Camilo Nogueira (asiduo participante nas Romaxes de Crentes Galegos), e de Xan López Facal (que foi militante da XEC, un movemento de Acción Católica); aínda que ambos non teñen unha historia de militancia cristiá tan clara. Ou podería falar de Madó Domínguez, psiquiatra que foi responsable das finanzas desta organización política, e o seu home Lois Ferradás, que participaron moi activamente na súa parroquia do Castiñeiriño. Podería falar tamén dun número grande de militantes activos desta organización nacionalista, homes e mulleres descoñecidos fora do seu campo de traballo político ou laboral, pero que son de primeirísima talla humana e política.
     Polo que se refire á outra alternativa do nacionalismo político, o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, que desde o ano 1994 agrupa as dúas grandes tendencias do nacionalismo galego, tamén habería que falar de moitos militantes que son simultaneamente xente crente e relixiosa. Maiormente na base (labregos, obreiros, profesionais do ensino e doutros campos, etc.), pero tamén en postos de responsabilidade (Consello Nacional, concellais, etc.), tal como nos recordaba en páxinas anteriores Francisco Carballo, destacado militante desta organización. Algún son mesmo catequistas en parroquias. De todos xeitos, quedoume ben gravada unha frase dun antigo activista da UPG (partido líder do BNG), Xosé Antón Iglesias: "É difícil que un militante do BNG queira aparecer en público como cristián practicante". Ben é certo que oíra tamén algo que me deixara abraiado, que "Esquerda Nacionalista", corrente organizada do BNG, se definía como atea nos seus Estatutos; o cal é falso, tal como o puiden comprobar: "E.N. declárase a prol do laicismo na conceición da sociedade e da práitica social a respeito dos fenómenos relixiosos, respeitando as crencias individuais e a súa prática"(39).
     Xosé Lois Vilar naceu en Lugo no ano 1952, nunha familia relixiosa, e xa na adolescencia vaise convertendo a unha fe comprometida coa realidade social; desde aí vai comprendendo a orientación da súa vida coma un compromiso de transformación social movido pola causa de Xesús de Nazaret. Isto lévao en primeiro lugar a entrar nos irmáns Maristas, onde esa intuición adolescente se vai perfilando e reelaborando; ingresa en 1964 no seminario que esta congregación relixiosa ten en Tui, onde fai o Bacharelato e logo os estudios de Filosofía, Teoloxía e Maxisterio en Salamanca (1969-1973). Da clases en diversos colexios galegos, e no ano 1978 vaise de misioneiro a América Latina (República Dominicana), volvendo en 1981. De volta a Galicia, deixa a Congregación por conflictos relixiosos e políticos xerados na súa estancia na República Dominicana, traballa coma mestre e entra no compromiso político como fenómeno organizado co nacionalismo galego en EG, partido que vira a luz poucos meses antes:

"Desde a lóxica coherencia cos meus presupostos dunha crencia comprometida cos pobres, tal como a vivira en América latina, nunha lóxica de continuidade, nace en min o galeguismo".

     Eses presupostos galeguistas e cristiáns póñeno en contacto coa tamén nacente Irimia, entrando ó pouco tempo como membro moi activo na súa mesa de redacción. "Engánchase" no partido e na revista perante dez activísimos anos (40), nos que ten que compatibilizar este compromiso co seu traballo de mestre en "Preescolar na casa" primeiro e como mestre da escola de Oirán-Mondoñedo logo, concello do que sería tamén concellal por uns anos.
     Desprazado de Mondoñedo por razóns laborais (a praza definitiva na docencia), vaise para Xuño-Porto do Son. Collido por unha situación familiar difícil debido a problemas de saúde dunha filla, desencantado do traballo político por non conectar completamente cos novos proxectos do nacionalismo, e tamén nunha posición crítica coa súa Igrexa, segue, sen embargo, sendo nacionalista e cristián. Pero cre que a súa fe está ben plasmada polas verbas de Cristo na cruz: "Meu Deus, por que nos abandonaches".

"Sentín que é certo que o grupo de Irimia e algúns sectores da Igrexa son tremendamente sensibles á realidade da xente —sobre todo ás súas penurias— e a identidade do país; non tanto no senso cultural —menos importante—, senón, sobre todo, como un traballo por rescatar a dignidade da xente, que a xente sexa persoa. Pero síntome decepcionado do aparato eclesial, con honrosas excepcións, o que me leva a unha práctica relixiosa irregular e pouco ilusionada; aínda que me siga considerando unha persoa crente e relixiosa.
As veces síntome cristián ó meu pesar: non é que queira ser voluntaristamente cristián ¡é que non poido deixar de selo! A mesma Igrexa é necesaria, pois é unha forma de ser e de vivir a mensaxe cristiá, á que non puido renunciar. Igual que cando vexo unha necesidade son incapaz de permanecer insensible ante ela. E sempre me situei, inevitablemente, do lado dos perdedores; o que me levou, incluso profesionalmente, a perder moitas ocasións de medrar. Non é mérito, é que o meu entendemento da vida no me deixa ser doutra forma".

     Outro tan lle ocorre a nivel político: "Un proxecto que eu cría que era bastante racional para conciliar nacionalismo e esquerda, e tantas outra cousas boas para o país, non é aceptado".
     Desde ese destino case de traxedia grega, Xosé Lois séntese un pouco abandonado do seu pobo. "Tantos compañeiros, tanta xente que apostou tanto, que puxo tanto de si mesma en proxectos relixiosos e políticos, cunha xenerosidade a toda proba, e, sen embargo non acadou o respaldo popular e social. Somos os perdedores da historia, os perdedores de sempre". Non é cuestión masoquista, precísame Xosé Lois, que se confesa feliz coa súa vida, senón unha visión realista dunha realidade histórica que non lle gusta como vai. Por iso, comprende agora mellor que nunca aquela frase de Xesús que el sabe moi ben que non é unha fase espiritualista e evasiva, senón ben comprometida. "O meu Reino non é deste mundo". "Esta frase identificaría a todo o que hai de utópico polo mundo adiante —dime—. O noso Reino non é deste Mundo, porque o Mundo non esta por este labor, porque predicamos no deserto".
     "¿Onde estás Pai Deus?", pregúntase hoxe Xosé Lois Vilar; pero non é unha pregunta pechada, senón unha pregunta aberta e serena. "A experiencia humana daquel home de Nazaret é tamén a miña, aínda que con moita menos xenerosidade pola miña parte. ¡Deus me libre de dicir que a miña traxectoria é a de Xesús de Nazaret, o Cristo!". Por iso, non ten ningunha envexa dos triunfadores deste mundo (onde "ascende o que menos fai, o que mellor se busca o acomodo e fai máis a pelota, o que menos sensible é..."), que cada vez se parece máis á propaganda moderna: "moito envoltorio, pero pouca realidade"; un mundo no que a xente está cada vez máis alienada, é cada vez máis vanal, máis superficial e vacía.
     Xosé Lois seguro que sabe, sen embargo, que o home de Nazaret, que morreu esmagado pola lóxica histórica do máis forte, non é un fracasado, senón un triunfador. Iso afirmamos os que cremos na Resurrección, e nos tomamos en serio aquelo que dixo o mesmo Nazareno: "Se o gran de trigo non cae na terra e morre, queda infecundo, pero se morre, da moito froito".



II. Nos MOVEMENTOS SOCIAIS (movemento veciñal, asociacións culturais, movementos ecoloxista e pacifista, movemento feminista, movementos en apoio do Terceiro Mundo, diversas ONG's, etc.), a presencia dos cristiáns galeguistas é evidente, tal como reflexan pródigamente os artigos aparecidos na revista Irimia.
     Jesús Medín Roca (A Coruña 1956) é unha persoa destacada para falar desta realidade. Psicólogo de profesión, traballa desde hai máis de 15 anos no "Centro Galego do Menor"(41), do que é responsable dos programas. Crente e galeguista, con fondas raíces en ambas realidades, integrante dunha comunidade cristiá de base e antigo militante de EG, é tamén o Coordinador do comité territorial de INTERMON Galicia, unha das ONG's con máis presencia e realidade organizada no Estado. Pero tamén pode falar da realidade do movemento veciñal, desde a súa participación na "Alternativa de veciños" de Cambre (Coruña), organización dos veciños que empezou traballando simplemente como asociación e converteuse en candidatura municipal que acadou algúns concellais; o movemento anima a vida municipal, sobre todo no aspecto cultural, dando alternativas para o tempo libre a fomentando a participación dos veciños. Non é o único cristián galeguista nese colectivo. Nas orixes do movemento veciñal, particularmente en A Coruña, tiveron un papel protagonista as comunidades cristiás dos barrios de Labañou, Palavea e o Barrio das Flores.
     Co seu coñecemento da realidade actual do movemento pacifista, ecoloxista e de cooperación co Terceiro Mundo, fálame Jesús Medín de todo ese mundo que se englobar no amplo concepto de "cultura da solidariedade", organizada na "Coordenadora Galega de ONG's para o Desenvolvemento". Xa de entrada, Jesús Medín non dubida en dicirme con claridade:

"O compromiso co Terceiro Mundo modifica unha serie de valores do Primeiro Mundo, como a solidariedade, a austeridade e o aproveitamento racional dos recursos, o respecto da terra e a recusación da violencia que o Primeiro Mundo fai contra o Terceiro Mundo".

     O ecoloxismo galego está organizado na "Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturistas de Galicia", na que está integradas unha longa lista de 35 colectivos, a maioría de carácter local (ADEGA, Arco Iris, Biotopo, XEVALE, ...). Non destaca particularmente neles a presencia dos cristiáns, pero atmén eles estan ahí. Máis presencia hai no movemento pacifista, coordinado en dúas plataformas: As "Xornadas de Educadores para a Paz", da Nova Escola Galega, e o "Seminario Permanente de Educación para a Paz", vinculado á CIG. Pero onde a presencia dos cristiáns é máis clara, é nas organizacións de cooperación co Terceiro Mundo; esa presencia destaca particularmente en: INTERMON, Mans Unidas, COSAL, e o Movemento 0,7%. Os que colaboran neste último, chamábaselles popularmente "cristianitos". COSAL e os "Comités Oscar Romero" mantéñense no compromiso con América Latina e contan nas súas filas cun número maioritariamente cristián, pero non son colectivos numerosos. Respecto de "Mans Unidas", a súa definición confesionalmente católica, resulta un impedimento para a colaboración con xente non crente; o que non impide que sexa a organización que conta con máis colaboradores, ó ter gran implantación en numerosas parroquias.
     Sen embargo, os cristiáns galeguistas comprometidos na Cooperación para o Desenvolvemento do Terceiro Mundo están sobre todo en INTERMON Galicia, organización da que Jesús Medín é o coordinador. Aínda que ten a súa orixe nos xesuitas cataláns polo ano 1956, hoxe é unha organización plural, na que participan tamén non crentes. Os seus proxectos son a Cooperación económica, técnica e organizativa en proxectos desenvolvemento; e a Educación para o Desenvolvemento. A motivación de gran parte dos seus membros é a utopía de Xesús, na loita por un mundo máis xusto cos pobres; en Galicia e desde Galicia. Por iso os seus materiais de propagando son realizados maiormente en galego.
     Polo que respecta á presencia dos cristiás nas Asociacións Culturais, ninguén mellor para falar que Alfonso Blanco Torrado, que xa saíu anteriormente nestas páxinas. O movemento das Asociacións Culturais galegas comezou en Madrid (o grupo "Brais Pinto") e Barcelona ("Mocidade Galega") cos grupos de estudiantes comprometidos. En Galicia empezou co comezo dos anos 60 coa agrupación "O Galo" de Santiago, e pouco despois "O Facho" de A Coruña, a Asociación Cultural de Vigo, etc., sempre marcadas cun claro compromiso coa cultura galega.
     Na participación concreta dos cristiáns nestas Asociacións, compre salientar que xa nunha das pioneiras, "O Facho", ten un protagonismo importante unha persoa comprometida coa Igrexa, Manuel Caamaño, da Comunidade Cristiá Home Novo. Outro leigo que é un activo militante cristián, Amancio Liñares, é o fundador da A.C. "Alfonso Eáns" de Negreira, Francisco Carballo é o fundador da A.C. de Vigo, o crego de Galloso é o fundador da A.C. "Penas de Rodas"; e moitos outros grupos anónimos das Asociacións Culturais teñen unha preocupación especial pola galeguización da liturxia, cos seus coros e outros medios de partipación. Para Blanco Torrado, crego fundador á súa vez da galardonada A.C. "Xermolos" de Guitiriz, nas Asociacións Culturais "fíxose mellor que noutros espacios o casamento entre o galeguismo e o cristianismo, de maneira non traumática".



III. Finalmente, os galeguistas abundan tamén nos MOVEMENTOS CRISTIÁNS DE BASE, como algunhas Comunidades Cristiás de Base ("Comunidade de Vida Cristiá" de Vigo, "Comunidade Home Novo" de A Coruña, "Vangarda Obreira", ...). E nos MOVEMENTOS APOSTÓLICOS como a HOAC, a XOC, o Movemento Rural, o Movemento de Estudiantes Cristiáns Galegos, o Movemento Junior, etc. Movementos cristiáns de base e movementos apostólicos levan coordinandose desde hai dez anos na "Asemblea de Cristiáns Galegos".



1) Xa se falou anteriormente da Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía de Vigo, fundada polo P. Seixas, e que conta co vello militante galeguista Xaime Isla e toda a herdanza do cristianismo galeguista aflorado na cidade polos anos 30 e logo na clandestinidade. Nesta cidade leva tamén unha dinámica galeguista outra fermosa comunidade cristiá que está na parroquia do Cristo da Victoria; e algunha outra realidade máis. Por outra banda, a Comunidade Home Novo foi fundada en A Coruña por outro crego galeguista, Manuel Espiña, tal como se dixo tamén anteriormente; é das comunidades pioneiras na liturxia en galego e protagoniza un galeguismo moderado, que resulta revolucionario nunha cidade que practica o españolismo militante, liderado polo seu alcalde socialista Paco Vázquez.
     Vangarda Obreira é outra activa comunidade cristiá coruñesa que semella ter nome trotskista, pero que é obra dos xesuitas (42). Naceu nesta cidade tamén da man do P. Seixas, tal como conta no libro de Conversas:

"En Galicia eu mesmo fundei as Vangardas en Santiago e a Coruña (1961), e esta última chegou a ser importante... O noso traballo alí estaba moi galeguizado. O galego era a lingua habitual incluso nos actos públicos" (43).

     Na fundación de Vangarda Obreira de a Coruña tivo tamén un gran protagonismo Filo Beiras, relixiosa da Compañía de María e irmá do histórico galeguista Manuel Beiras, pai de Xosé Manuel Beiras Torrado. Cando o P.Seixas se vai a América, ocupa o seu posto o P.Busto, tamén xesuíta, entre o ano 1962 e o comezo dos 70. Formado na JOC, o movemento pai do obreirismo católico, Busto chega á Coruña para facerse cargo da pastoral obreira e dálle ó salto a Vangarda de ser só algo de mozos a unha organización de adultos. Este xesuíta, que logo botou varios anos no barrio de Palavea, foi chamado ó orde en varias ocasións polas súa homilías comprometidas, e tivo que padecer duros interrogatorios na comisaría.
     Sempre, pero sobre todo a partir dos anos 60, esta comunidade, os seus membros, estiveron fondamente comprometidos no sindicalismo e a política obreira. Así, foron militantes primeiro nos sindicatos USO e CC OO e no PCE, respectivamente; e máis adiante nos movementos nacionalistas, a INTG e logo a CIG, EG e BNG. Paco Martínez, obreiro e sindicalista toda a súa vida, entrou moi novo na organización xa a mediados dos anos 60, por invitación de amigos e animado pola lectura de La Voz del Trabajo, boletín de Vangarda Obreira. Sempre soubo compaxinar o seu activismo sindicalista coa a súa fe cristiá; militante de USO e de EG, aínda que sempre se sentiu máis sindicalista que político, traballa gustoso en ambos campos para a transformación do mundo obreiro e de Galicia. Por iso, nunca lle importou ter de compañeiros de camiño a xente que non pensaba
en algunhas cousas coma el (social e relixiosamente). "O importante era a transformación social —dime— a ideoloxía importaba menos". A súa muller, Tereixa Rodriguez, entrou algo máis tarde que el, pero tamén ten unha longa historia no grupo.
     Outro obreiro, Anuncio Maroño entra na comunidade a finais do ano 78, desde o seu achegamento ás Comunidades Cristiás Populares. O seu camiño foi distinto; desde unha fe comprometida descubre o sindicalismo e o compromiso político: PSG, EG e finalmente BNG. O seu compromiso galeguista na súa parroquia de Nosa Señora do Socorro, no coruñés barrio de Labañou tiña un referente en Vangarda Obreira. "Daquela V.S.O. (Vangarda Social Obreira) era para min o non vai máis do compromiso cristiá", dime. "Hoxe paréceme imposible ser cristián en Galicia, sen ser galeguista —confesa na súa conversa—; o meu nacionalismo galego axúdame a quererlle á miña Terra e ó meu pobo galego, e a comprometerme con tódolos pobos oprimidos do mundo".
     Amable Filgueiras e Tereixa Espasandín, outro matrimonio da comunidade, tamén teñen a súa historia particular. "Eu nacín na aldea e sempre falei galego, era o normal", dime Amable. Sen embargo, estes obreiros cristiáns están metidos no sindicalismo nacionalista, en movementos de cooperación co Terceiro Mundo coma o COSAL e o do 0,7%, etc... aínda que non teñan tempo de ver a tele.
     O caso de Mario Rodriguez é diferente; non é galego de nacemento, senón de adopción. Este valisoletano, que estudou nos xesuitas e mantivo sempre unha fe comprometida, chegou a Galicia a comezos dos 70; mergullouse de tal xeito na realidade galega, que polo ano 1974, a pouco de chegar, xa estaba metido na ANPG; logo seguiría no PSG, en evolución semellante ós seus irmáns de comunidade. El mesmo cóntame que algún membro, Concha, estivo metida na mesma UPG; e Vangarda estivo nunha reunión en A Ramallosa polos anos 60, da que sairía esa formación nacionalista. El teno moi claro: "Se estás nun lugar concreto, tes que comprometerte coa xente e a cultura concreta dese pobo".
     Tamén forman parte da comunidade antigos xesuítas como Xoán Herranz (experto biblista, cotraductor da Biblia ó galego) e Alfonso Mascuñana, cos súas respectivas mulleres, Luísa e Victoria. E María Xosé Escudero, unha muller exemplarmente activa no compromiso co Terceiro Mundo, que adoptou un neno nicaragüense. E Pacita, e Amelia, e algúns máis.
     Hoxe Vangarda Obreira mantense coma unha comunidade cristiá viva, que comparte a súa fe e o seu compromiso sociopolítico, que ora e celebra a presencia de Xesús Cristo entre os pobres, en relación co resto dos grupos da Igrexa renovadora en Galicia, claramente comprometida co galego. Un momento importante no seu proceso foi cando, a mediados dos 70, deixan de ser unha organización específica e convértense nunha comunidade cristiá de base, coordinada co movemento das Comunidades Cristiás Populares, vizoso nalgunhas zonas urbanas do Estado Español, particularmente en Madrid, onde teñen o apoio dun gran teólogo galego: Julio Lois.



2) A HOAC (Irmandade ["Hermandad" en castelán] Obreira de Acción Católica) foi un dos grupos máis activos da Acción Católica polos anos 40-50; o seu periódico era un dos poucos espacios libres e críticos co Réxime franquista, amparado na lei que lle permitía á prensa católica non sufrir a censura do goberno. Tamén en Galicia tiña unha importante implantación, sobre todo nos dous núcleos que tiñan máis presencia obreira, Ferrol e Vigo. En Ferrol empezaron a funcionar grupos de HOAC de maneira sistemática a partir de 1946, pouco despois da fundación da HOAC; Camilo Cés, un vello militante que aínda vive, participou ese ano con outros obreiros da A.C. de Ferrol na "I Semana Nacional da HOAC", en Madrid, e trouxeron este movemento para Galicia. Pouco despois, tamén chegaron a funcionar grupos en Vigo (vencellados sobre todo ó sector naval), Ourense (sobre todo con traballadores da RENFE), Santiago, Lugo, A Coruña e Vilagarcía. Estes grupos seguiron funcionando regularmente ata a crise dos movementos de A.C. a finais dos 60, debido ó seu enfrontamento coa xerarquía católica, maiormente adicta ó Réxime. Aínda seguirían en contacto cos líderes máis destacados da HOAC, como Guillermo Rovirosa (o seu fundador), que participou nalgún dos actos organizados con ocasión do 1º de maio en varias cidades galegas anteriormente aludidas.
     Polo ano 1979, cando se viña de superarar a crise, quedaban uns poucos militantes na HOAC de Ferrol (Xoán Silva e Angel Leiras) co seu consiliario, o crego Alfonso Gil, que mantiñan relación coa organización estatal da HOAC. Nesta relación entraron en contacto con Jesús Martín Mendieta, un crego vasco que era dos históricos da HOAC, e que remataba un período de relanzamento da organización en Sevilla; pedíronlle que viñera a facer outro tanto en Ferrol, vindo para aquí ese mesmo ano. Tres equipos de militantes en Ferrol e un en Xove, son o froito do traballo deste vasco loitador. Neste tempo, o mesmo Jesús Martín relanza a HOAC en Ourense (no barrio da Ponte, da man do crego Xesús Pousa, ó que se sumou deseguida Xosé Xulio Rodriguez) e apoia a de Vigo, que xa empezara a renacer en anos anteriores, e na que tiveron e teñen unha presencia destacada o xesuíta Benito Santos e outro vello militante obreiro, Luis Calvo, co apoio da parroquia dominica do Cristo da Victoria. Hoxe a HOAC é, con moito, o movemento apostólico mellor organizado e máis numeroso do estado, nunha clara liña renovadora (os seus militantes está comprometidos en sindicatos e partidos progresistas); está tamén perfectamente coordinado co Movemento Obreiro Católico Internacional.
     Pepe Couce Rey (Vilarrube-Valdoviño 1934), antigo militante da XOC e que entrou na HOAC por obra de Jesús Martín, é hoxe un dos curas máis activos do movemento, no que destacan o vello militante Xoán Silva, obreiro da Bazán, e a súa muller Pilar García. A HOAC galega foise abrindo progresivamente á galeguidade, sen demasiado conflicto, a pesar de que os seus militantes obreiros en Ferrol e Vigo son maiormente de extracción castelánfalante; hoxe o galego e o sentimento nacionalista van tendo carta de natureza (os materiais de Iniciación xa están editados en galego), habendo militantes hoacistas que están tamén na CIG e no BNG. Cóntame Pepe Couce en poucas palabras os retos plantexados hoxe á HOAC:

"Dous retos se lle plantexan a todo aquel que se preocupa pola liberación no Mundo Obreiro, por unha banda a internacionalización dos problemas, que require accións supra-nacionais; por outra a realidade concreta que está a vivir o traballador no seu entorno, que ten unhas características moi diferenciadas.
A problemática social e a conflictividade laboral vivida pola clase obreira galega, fai que a HOAC vaia asumindo a encarnación na realidade, na cultura e na lingua galega. O principio con dificultades, desconfianzas e timideces, froito da extracción castelán falante dos seus membros e de certos prexuízos. A coordinación entre as tres realidades diocesanas da HOAC de Galicia (Ferrol, Vigo e Ourense) favorece que se vaian consolidando e complementando os dous compromisos: o compromiso obreiro-cristián e o compromiso con Galicia".

     Xoán Xosé Lozano (Cervo 1958) é un obreiro que traballa desde hai anos nunha das empresas auxiliares da Alúmina-Aluminio de San Ciprián-Xove; militante nacionalista, sindicalista da CIG, foi candidato do BNG nunhas eleccións municipais a finais dos 80. É tamén un militante cristián da HOAC desde hai seis anos, moitos anos compañeiro do equipo de este que escribe. Para Xoán Xosé, a HOAC lévao ó "compromiso de transformación do meu pobo cos meus compañeiros obreiros". Para el, a relación entre galeguismo e cristianismo é evidente:

"Como traballador galego non podo menos que ser galeguista, e quero celebrar a miña fe cristiá en galego. A loita da lingua é moi importante, pois o castelán foi un elemento de opresión dos galegos. Son cristián practicante e nacionalista galego, pero para min o máis importante é o primeiro, ser cristián, como un compromiso de seguimento de Xesús Cristo. Sen embargo, non atopo conflicto entre ambas realidades".

     Plantea Xoán Xosé unha pregunta ben interesante: "¿Se Xesús foi un home que fixo unha aposta tan forte polos pobres, por que os partidos de esquerda, que queren defender ós pobres, teñen un rechazo tan grande da Igrexa de Xesús?". Ben é certo que el sabe parte da resposta, pois coñece a Historia contradictoria da súa Igrexa.



3) O Movemento Rural Cristián Galego é o homólogo da HOAC para o mundo dos labregos. Aínda que non ten tanta historia en Galicia, é un movemento que cre e aposta pola xente nova e non tan nova do mundo rural galego, pola capacidade das súas xentes para a festa e a transformación do seu medio, desde a perspectiva liberadora de Xesús Cristo. Así o conta unha das súas militantes:

"O Movemento Rural cre nas posibilidades e no futuro do rural para unha vida sa e feliz; alternativa á sociedade opulenta, consumista e competitiva que ofrece o neocapitalismo do Primeiro Mundo. Intenta ir descubrindo e vivindo a grande sabedoría da cultura rural e do seu medio, e desde aí busca descubrir e disfrutar da presencia do Deus vivo nel.
É unha realidade cativa en número, pero que intenta vivir a fondo a mística do pequeno que en Deus se volve grande, a mística do débil que en Deus se volve forte. E así está presente con esa teima de loita e festa a través de pequenos grupos de 5, 10, 15 persoas en varias parroquias galegas dos concellos de Abadín, Pastoriza, O Cebreiro, Dumbría, Cesuras, Noia, Arzúa, Teo, Ordes, Bazar".

     O Movemento Rural leva uns dez anos traballando en Galicia, pois naceu dunhas xuntanzas de xente inqueda metida na animación da fe e a realidade social do mundo rural, no mosteiro de Samos a mediados dos anos 80. Manolo Regal Ledo foi un dos líderes do Movemento, xunto cun grupo de curas e monxas. Eu mesmo participei activamente na súa fundación e na animación de grupos en Pastoriza-Lugo. As xuntanzas fóronse convertendo en cursos de verán e reunións periódicas, que deron lugar a todo un plan de Iniciación, en galego, que mesmo está sendo utilizado —traducido— por outros grupos do Movemento Rural do Estado, como pode afirmar con coñecemento de causa o que isto escribe, que tivo non pouco que ver con ese material. A festa de San Cidre Labrego é celebrada cada ano con solemnidade en diferentes lugares do agro galego, como celebración do Día dos Labregos.
     O Movemento Rural é galego, comprometido coa realidade galega, "porque facendo un compromiso co rural, en Galicia, non pode ser doutra maneira", dime Tereixa, unha das súas animadoras máis activas. Ademais de Tereixa Ledo, son animadoras deste movemento Henar, labrega con estudios de Labrada-Abadín,... e un activo grupo formado por comunidades relixiosas e cregos comprometidos nese eido, tal como se falou no capítulo anterior. No Movemento da Mocidade Rural destaca tamén un estudiante universitario comprometido co mundo rural: Rubén Rivas, de Lagoa-Pastoriza; Maruxa Cambeiro, labrega de Buxantes-Dumbría, e Emilio Avión, que chegaría a ser presidente do Consello da Mocidade en Galicia.
     Tereixa Ledo Regal, cos mesmos apelido dos seu tío Manolo Regal, pero cambiados, é unha muller profundamente cristiá que veu de fora de Galicia co seu título do trinque e comprometeuse coa realidade galega, particularmente co mundo rural galego por algo máis que un tempo pasaxeiro. Nacera en 1961 en Chantada e pasou a súa infancia e adolescencia cos seus pais emigrantes en Argenteuil, nas aforas de París. Estudia Socioloxía na Universidade de Deusto (Bilbao), onde se achega a grupos cristiáns con forte compromiso social. Sentindo fondamente a chamada da Terra, veuse para o mundo rural galego no ano 1985. Desde aquela leva vivindo en Romariz-Abadín, a carón dos labregos e compartindo con eles as alegrías e as penas, loitas, triunfos e fracasos. Desenrola a súa acción desde o compromiso social (os problemas concretos dos veciños cada día, charlas de promoción dos labregos, participación e animación de mobilizacións na defensa do seu medio de traballo,...), político (militancia en EG e concellal de AVELA, Agrupación Veciñal de Labregos de Abadín) e eclesial (catequista na súa parroquia e animadora do Movemento Rural de mozos e adultos, e do Movemento Junior).
     Nin é monxa nin o foi nunca, pero a experiencia espiritual de Tereixa é tan fonda, que moitos que a len ou escoitan non poden crer que sexa unha "simple" muller segrar. Recentemente deu un testemuño excepcional do que é a súa vida e a súa fe, desde as páxinas de Encrucillada, da que tamén é actualmente membro do Consello. Naquel artigo falaba dos aspectos que foron e están adquirindo meirande calidade humana e foron e son fonte de meirande felicidade, por ser a súa "unha vida crente". Non precisa nomear unha vez a palabra Galicia, nin o galego, porque o mundo rural galego é a realidade concreta na que se desenvolve a súa vida e a súa fe, co convencemento de que "vivir como crente é a maior calidade humana":

1) O sentido do realismo cru e progresivo. "É un sentido do realismo a nivel histórico. No canto de achegarme á realidade cunha actitude... idealista e a través dunha construcción ideolóxica preconcibida e inamovible... vou aprendendo a ser fiel ó que é: o que a xente pensa e fai, ó que os grupos de traballo senten, pensan e fan, ó que na sociedade e na Igrexa somos, sentimos, pensamos e facemos ... Aprendo a ser fiel ó que é e a respectalo e a amalo así... [Este querer ser fiel] lévame á Verdade, que sempre é descubrimento de Deus, e acoller a eses Deus nas súas encarnacións históricas máis concretas. A un tempo vou descubrindo que o Evanxeo é un libro abundante de realismo".
2) A cara e a cruz. "Coñecerme máis e máis e quererme así, como son. A miña grandeza e a miña miseria... A Tereixa que vai descubrindo que o seu rostro, o seu sorriso e a súa voz son de Deus... e aprende a ser filla de Deus... Pero tamén o descubrimento lento dos máis baixos fondos do meu ser..."
3) Vivir crecentemente a todos e todas coma radicalmente irmáns. "Non condenar a ninguén, senón a comprender desde dentro a maldade do outro, a maldade da vida... E apreciar, respectar e querer o que de bondade hai ó meu redor... Pero esto non nega nin esquece o conflicto, senón que o integra nunha dinámica de amor curativo para resolvelo".
4) A pobreza. "Voume descubrindo coma pobre: coma radicalmente necesitada do outro, e coma radicalmente necesitada de Deus pai, porque El é o único que me pode liberar totalmente... Vaime descubrindo pobre e irmá dos máis pobres... Amar ó pobre con feitos de concreción... Amalo non paternalistamente. desde arriba, senon de igual a igual... O pobre e a nosa pobreza ábrennos a porta a Deus... sálvannos".
5) O aprecio polo pequeno, o humilde, o débil. "Vou comprobando que todo ten un valor incalculable ós ollos de Deus e... no máis débil, aí se desvela con máis plenitude a forza liberadora de Deus... Vou enxergando tamén que podo vivir con moi poucas cousas... E comezo a andar polo camiño de liberdade que San Juan de la Cruz expresaba dicindo:'porque nada necesito, todo o teño'... E así empezar a sentirse habitada por todos e por todo. Polo Todo".
6) "Integrar o fracaso na miña vida. E co fracaso, tamén o mal... Pois a Cruz é o resultado inevitable de quen empeza a andar na verdade do Reino".
7) Vivir o horizonte utópico no día a día.:"Aleluia! porque comeza o reino do Señor"(Ap 19,6)
8) Vivir con menos medos: "Se Deus está con nos ¿quen contra nós?" (Rom 8, 32).
9) Nun encontro de amor: "O amor non pasa endexamais" (I Cor 13, 8).
10) A dimensión do amor. "O útil e o eficaz perde senso en si mesmo e vaino adquirindo en función do amor".
11) Inmerso na Historia da Salvación (44).




4) Outro movemento que merece unha mención aparte é o Movemento Junior. Trátase dunha organización cunhas claves e unha dinámica semellantes ós movementos anteriores, pero centrada no mundo dos nenos. A súa intuición fundamental é crer na capacidade do neno galego para vivir e transformar o seu medio, para vivir unha experiencia de Xesús Cristo e anuncialo no seu ambiente. É tamén un movemento cun gran artellamento institucional a nivel do Estado, aínda que ultimamente sufriu unha importante crise, debida, en parte, á confrontación entre unha liña máis galega, fronte a posturas máis centralistas.
     O movemento —que xorde no Estado en 1929— naceu en Galicia (45) en torno ó ano 1978, en Santiago, fundamentalmente da man de Bartolo Sánchez Canals, un crego compostelán; outros cregos moi activos nel foron Xoanxo Garcia Barreiro, Gumersindo Campaña, Manuel Barreiro Conde ... Foi facendo un proceso de galeguización progresiva, ata chegar a unha normalización da vivencia da galeguidade. Hoxe ten un claro compromiso cos pobres e está implantado case exclusivamente no mundo rural galego nas dióceses de Santiago (con grupos en Visantoña, Arzúa, Galegos, Noia e Cesuras) e Mondoñedo (Abadin, aínda que houbo grupos en Vilalba e As Pontes). En épocas pasadas estivo tamén nas cidades de Ourense e Vigo. Houbo leigos moi significativos (Soco e Feli de Santiago, Lino de Vigo, Toño de Ourense), pero neste momento está sendo levado máis ben por curas e monxas, que son os seus animadores e responsables; a razón non é outra que a dificultade de conseguir leigos militantes no mundo rural.



5) O Movemento de Estudiantes Cristiáns Galegos (MECG) naceu polo lonxano 1976, recollendo algo da herdanza da JEC, descabezada case dez anos antes en todo o Estado. Recordo aínda moi vivamente aquela histórica reunión en Pontedeume; os que estabamos alí xa peiteamos todos canas. Dous anos e pico despois (1978), o Movemento celebraba a súa primeira "Asemblea nacional [galega]" en Melide; nas súas conclusións dicían cousas coma esta: "Formamos parte dun pobo que non é protagonista da súa propia historia. A nivel de Galicia compre tamén unha liberación", "Queremos reler a Biblia desde a nos propia situación galega". E cantaban: "¡Ven, vamos agora, que esperar non é saber; o que sabe fai agora, non espera acontecer!".
     Desde o comezo, este movemento estudiantil cristián definiuse pola súa vontade de seguimento de Xesús Cristo e polo seu compromiso coa realidade galega (o mapa de Galicia e a cruz formaban a súa insignia); non era para menos, algúns dos seus membros máis activos estaban en ERGA e nas mocidades do PSG. Hoxe son un grupo pequeno, inserto no ensino medio e universitario, pero son dos poucos grupos de mocidade estudiantil cristiá que teñen claro a aposta por Galicia, o seu pobo e a súa lingua. Nun artigo colectivo, o MECG definíase así en 1985:

"Somos un grupo de mozos e mozas que estamos tentando levar adiante unha experiencia de grupo cristián. Isto supón: celebrar xuntos a nosa fe, revisa-lo noso traballo en Galicia e cos noso compañeiros da JEC española, compartir o noso tempo, os nosos cartos... E traballar no mundo que nos rodea animados polo noso compromiso cristián... Apostamos por unha universidade máis de todos, máis participativa e máis comprometida coa realidade social galega, co noso pobo" (46).






5. Os/as de Irimia e de Encrucillada

    
Irimia e Encrucillada non son as únicas revistas da Igrexa galega que escriben en galego, pero a conta remataría rapidamente aludindo a Lumieira e a algún boletín parroquial; con todo, compre ter en conta que na actualidade ningunha destas outras ten o galego totalmente normalizado, escribindo indistintamente en galego e castelán. O que fai das dúas primeiras que nomeabamos o símbolo da Igrexa galeguista, para alegría duns e desgracia doutros.
     Xa escribín noutra ocasión sobre as publicacións periódicas da Igrexa en Galicia (47). Aludía tamén á revista de investigación histórica e relixiosa Compostellanum, editada polo Centro de Estudos Xacobeos desde 1956; e a Estudios Mindonienses, de talante semellante, pero editada pola diócese de Mondoñedo a partir de 1985. Non nomeaba daquela Lucensia, semellante ás anteriores, editada pola diócese de Lugo, e que aparece en 1990. Lumieira, que leva saíndo desde 1985, ten máis semellanza con Encrucillada, pero quere ser exclusivamente un servicio á acción pastoral, e non só para Galicia, polo que publica tamén en castelán, opción máis que discutible, que a fai escasamente galega.
     En cambio, na aposta clara por Galicia e o galego está tamén a publicación Badal, que ofrece material litúrxico e pastoral exclusivamente en galego desde 1987, elaborada por un equipo de Vigo no que están coñecidos persoeiros como Xaime Isla, e Xulio Andión, algún máis como Quico Domínguez, Benito Santos —que saíron anteriormente nestas páxinas—, Xoán Andión, e outros non tan coñecidos como Xesús Gago, Constantino González, Antón Vidal, Clodomiro Ogando, ... Na súa presentación recoñecían a importancia da publicación que foi a súa antecesora, Boa Nova:

"Algún día terá que se facer a historia e rendirlle a homenaxe debida, daquela esforzada e xenerosa empresa alentada baixo o rubro de Boa Nova do Ferrol ó servicio da celebración vernácula —no seu senso pleno— da Eucaristía, e da renovación da catequese na súa extensión máis integral.
O traballo asisado, paciente e exemplar dos homes de Boa Nova deparounos un conxunto de materiais —completo, rico, variado—, de preciosa utilidade para todos cantos viñeron e veñen facendo a celebracións litúrxica no noso idioma, e cumprindo con elo unha obriga que debe ser asumida por toda a Igrexa de Galicia, si de verdade queremos ser fieis ós mandatos do Concilio Vaticano II e ás mesmas orientacións do Concilio Pastoral Galego".

     Xa se falou nestas páxinas de Boa Nova, do seu equipo e dos seus fundadores. A mesma xente que logo daría paso a Irimia. Tiña, ademais do material litúrxico-pastoral, unha folliña parroquial, primeiro en castelán (Buena Noticia) e logo en galego, que foi, ata no formato, o precedente da futura Irimia.
     Outra publicación galega de feliz memoria foi o Boletín interparroquial Fátima, elaborado dacabalo entre Santiago e A Coruña; o máis digno dos boletíns parroquiais que se publicaron en Galicia. A maioría están en castelán, con excepcións como unha folla parroquial de continuada permanencia desde hai anos, Tambo, publicada en Pontevedra, e algunhas honrosas excepcións de menos permanencia.



I. Noutro número de IRIMIA (48) teño falado tamén do nacemento da revista, no que estiven con outros colaboradores cregos aludidos máis arriba, con algúns leigos (Alexande Fernández Pumariño e Lois Ferradás) e outros que se foron sumando paulatinamente ó proxecto: Madalena Mariño (que non era outro que o coñecido e laureado escritor Agustín Fernández Paz), e sobre todo Daniel López Muñoz, Xosé Lois Vilar, Marta Sopeña e Tereixa Ledo, que foron o equipo estable durante case dez anos, xunto cunha longa lista de colaboradores. Co tempo, a antiga mesa de redacción, que se xuntaba a cabalo entre Lagoa de Pastoriza, Romariz, Xove e Oirán, pediu o relevo; e en 1991 artellouse unha mesa nova en Santiago, gañando en presencia de leigos. A nova directora (tras un ano de interinidade do antigo director) será a partir de 1992 a mestra Carmen Puente; na nova mesa de redacción estarán algúns leigos de antes como Daniel, e outros novos como Carmela Capeáns (presidenta da A.Irimia) e o seu home Agustín Bueno, Mariano Guizán, Luciano Pena, Carmen Iglesias, Severino Gestoso, Xavier Losada, Manoli Paz, Pedro Pedrouzo e a máis nova que é Beatriz Garcia Turnes, dunha familia que leva tempo neste círculo cristián e galeguista.
     Van xa aló máis de catrocentos números, que a convirten na publicación en galego de máis longa permanencia na historia do xornalismo galego, xunto co periódico nacionalista A Nosa Terra. É unha publicación que se define claramente de Igrexa, pero a Igrexa galega non quere recoñecerse nela, aínda que é incapaz de sacar adiante unha publicación alternativa, porque non pode atopar un equipo tan xeneroso e tan capaz.
     Xa se falou anteriormente de Tereixa Ledo e de Xosé Lois Vilar, un dos leigos máis creativos e comprometidos que pasou pola revista. Como é tamén o caso de Daniel López Muñoz, que desde a súa columna O trasno esculca a realidade sociopolítica cotiá co ollo crítico do sociólogo e do cristián. Daniel naceu en Vigo en 1957 e estudiou o Bacharelato en Vigo e Socioloxía en Madrid. De boa formación teolóxica, ademais da súa formación sociopolítica, Daniel traballou no campo da marxinación social como educador do Colectivo Galego do Menor, acollendo na súa casa —xunto coa súa muller, Ana Giménez— a nenos de familias marxinais. Tamén traballou en investigacións sobre a terceira idade, publicando o libro Ser vello en Lugo (1984); e na planificación de servicios sociais en coordinación con Cáritas Diocesana de Lugo. Particularmente importante é o seu traballo de análise sociolingüística da Igrexa Galega, que deu lugar ó interesantísimo libro O idioma da Igrexa en Galicia (1989), citado repetidamente nestas páxinas.
     Case desde os seus comezos foi colaborador da revista e chegou a ser Presidente da Asociación Irimia. Na súa fidel colaboración en Irimia, "O Trasno", manifesta Daniel a súa fe cristiá e galeguista. A primeira das colaboracións (nº 321, set. 1989) xa levaba por título: "Nacionalismo e postura corporal" ("Haberá que ir
creando desde abaixo unha plataforma de encontro, diálogo e acordo nacionalista [galego]"). Pero a súa fe nacionalista, segundo o que el entende por tal cousa no conxunto de Europa, nótase mellor en "Eurosalvación": "Un determinado nacionalismo énos imprescindible. Non aquel que pense que do equilibrio de egoísmos nacionais nace o progreso, senón esoutro fraternal e solidario" (nº 436, xuño 1994). A súa militancia —verba que a el non lle gusta, pero si ó que isto escribe— cristiá queda patente, ademais da colaboración na parroquia, en artigos como "Seica Deus está vivo", falando do asasinato de Ignacio Ellacuría (49) e os seus compañeiros xesuítas no Salvador:

"A morte de I. Ellacuría resulta impúdica ... Polo que ten de afirmación da Fe, da Esperanza e o Amor entendidos como práctica liberadora. Afirmación que contrasta cunha sociedade... sen horizontes, que primeiro 'superou' a fe en Deus, despois na revolución e moi logo en calquera soño de transformación da Historia".

     Daniel aínda está disposto a precisar máis sobre o tema que nos ocupa particularmente, a relación entre cristianismo e nacionalismo en Galicia:

"Non a vexo precisamente como exemplo de relación fluída e cordial, non. E isto dígocho así, a bote pronto, digamos, desde o dato sociolóxico máis groseiro, a partir dunha realidade social e cultural que a maioría, dun lado e doutro, dá por suposto, con esa preguiza mental tan típica do que vive máis da experiencia da maioría cá da propia experiencia, aínda que esta sexa a única realmente válida.
Hai certamente un non-diálogo, fortemente condicionado por dogmatismos e apriorismos doutrinais e institucionais. Dun lado está o que todo o mundo sabe e a cultura dominante salienta (con boa dose de razón, e un aquel de revanchismo): o escurantismo, a resistencia da parte visible e socialmente relevante da Igrexa a entrar en diálogo profundo coa causa da galeguidade e da esquerda socio-política. Doutro lado está o menos publicitado, pero tanto ou máis real, o doutrinarismo dese discurso con 'pedigree nacionalista de esquerda' na 'liña correcta', que está continuamente dando por suposto que a fe é un estadio primitivo da conciencia, un atranco que hai que superar, que máis cedo ou máis tarde se superará, se pretende ser un militante fetén".

     Como Daniel semella estar a denunciar a necesidade dunha especie de "salvoconducto de agnosticismo ou ateísmo" para a homologación como "bo nacionalista", pídolle que me precise máis o que quere dicir:

"Quizais non tanto. O que si hai é un condicionamento psicolóxico, un proído mental, eso que os psicólogos sociais chaman 'disonancia cognoscitiva' e que vén sendo un profundo desacougo interno que produce o feito de estar máis só cá unha coa túa fe, coma un becho raro, tipo estraño e maniático con residuos de irracionalidade pre-moderna, etc. Queirámolo ou non tendemos a acomodarmos, a buscar o equilibrio co medio cultural no que estás, a practicar aquelo de 'en terra de lobos ouvear coma todos'.
É importante este aspecto psicolóxico e case inconsciente, porque en realidade o que é falar, non se fala do tema. Deus é un tema bastante tabú, está implícito que é un asunto reaccionario, marxinal e, no mellor dos casos, íntimo. Pero se lle dás a volta ó asunto e te cambias ó outro bando os condicionamentos psicolóxicos non son menores. En moitos ambientes eclesiais, mencionar ó Bloque é mencionar ó demo. Eu téñoche experiencias nos dous lados. Pero... insisto, ¡eh!, estamos falando de posturas maioritarias, dominantes".

     Cando escoito a Daniel, decátome que unha parte moi importante do problema pode estar en que quizais hai un gran descoñecemento mutuo. As veces resulta sorprendente o ignoradas que son moitas iniciativas de comunidades cristiás e a influencia tan grande que tiveron na transición política, na formación de militantes, na análise crítica da realidade, os grupos de base eclesiais. El respóndeme con claridade:

"Houbo un fenómeno curioso. A preocupación pola transformación da realidade, a absolutización de certas causas, foi deixando nun recuncho o cultivo da experiencia de fe. Se a eso lle engades a frustración e a orfandade que a todo cristián de fronteira lle produce a involución eclesial e o labor de certos anticatequizadores —coñezo a algún experto na materia—, tes outros elementos para que moita xente que naceu á conciencia crítica e ós valores de fraternidade ó abeiro da fe non se recoñeza, pasados uns anos, nesa matriz. O máis tremendo é que a maioría, unha vez chegados á época actual de morte dos grandes relatos históricos, se encontren sen referencias".

     Ante este dilema, non podo menos que preguntarlle se é posible vivir ese compromiso interior entre fe e nacionalismo de esquerda:

"Se ben a fe é unha experiencia persoal, íntima e case inexplicable, ten unha función unificadora de todo o teu vivir. A túa actuación, social, política —partidaria ou non—, cultural, veciñal, etc... ten que ver coa túa vida interior. Eu e outros coma min metémonos en certos fregados non 'a pesar de sermos crentes', senón 'polo feito de o sermos'. Da fe cristiá tiras en primeiro lugar o marco de referencia principal, que é a opción polos oprimidos e os humildes: é ademais unha deducción directa, ineludible, incuestionable. Tremenda deducción por outra parte que che fai un 'inadaptado' nun mundo dominado pola ideoloxía do vencedor, polo máis fero darwinismo social. A partir dese dato, a fe constitúe para moitos membros de comunidades e movementos eclesiais de base, unha fonte xeradora de utopías, unha fonte de inspiración para dar sentido global a unha existencia individual.
Pero diríache máis. A fe, vivida con honestidade, dáche unha intuición e unha sensibilidade especiais, é dicir, axuda a discernir, escoller e analizar. Creo que ten moito que ver co aspecto paradoxal da fe cristiá, aínda que non sexa, nin moito menos, exclusiva dela. Creo que ten que ver co espírito desconcertante das benaventuranzas. E, a partir de aí, descobres, na túa realidade, unha serie de valores que converxen cos que ti intúes como positivos a partir da experiencia reconfortante e liberadora da fe: a igualdade do home e da muller; a xustiza social, traducible como socialismo participativo; a democracia real; o ecoloxismo; a paz activa; a defensa das minorías e a igualdade de dereitos de pobos e culturas".

     Coido que non se podería expresar moito mellor. Pero aínda demando de Daniel a súa opinión de sociólogo. ¿Como se explica o famoso divorcio entre fe e galeguidade, Igrexa e nacionalismo galego?

"Unha das claves está no feito de que a Igrexa debe aceptar a autonomía e a pluralidade da sociedade. O respecto á liberdade e o pluralismo é unha esixencia da fe e unha materia pendente. Non é a Igrexa a que ten que 'militar' na política, na cultura, etc... iso é o modelo de Cristiandade. E desgraciadamente é o que se leva.
A Igrexa é a comunidade de comunidades. O punto de referencia, o lugar de encontro para compartir, educar e medrar na fe. Non é un poder máis, nin sequera simbólico, comparable ós demais poderes.
É nos crentes, onde se debe facer a síntese entre fe e compromiso, sempre dentro daquel marco fundamental de referencia que é a opción polos pobres. Por iso hai que cambiar moitas actitudes. O lexítimo, paréceme a min, é ter unha postura confesante, dialogante, aberta. Afirmar o que un é, pero facelo con profundo respecto ó pluralismo, con respecto á alteridade, ó que outro é, distinto de min. A neoapoloxética, o neoconfesionalismo, o espírito de cruzada lévannos a un camiño sen saída.
Se a Igrexa fose máis 'ecclesia' —asemblea— e menos poder, menos afán de conquista e máis paixón pola humanidade, o conflicto iría esvaecendo".

     Pola súa banda, a compañeira de Xosé Lois Vilar, Marta Sopeña é unha catalana que soubo transplantar o seu nacionalismo catalán á realidade galega, xa nos seus anos de relixiosa na "Sagrada Familia de Nazaret", facendo algo máis que aprender galego. Activa militante nos movementos de renovación pedagóxica galega, nos movementos de compromiso cos pobres e o Terceiro Mundo, participou en gran parte das actividades e encontros da nova Igrexa Galega.



II. Polo que se refire a ENCRUCILLADA, esta revista, ademais dos cregos dos que xa se falou anteriormente, tamén ten na redacción un bo grupo de leigos. Actualmente o redactor xefe é Xabier Rodríguez Madriñán, un profesor da penúltima hora da revista; están tamén na Mesa de Redacción, ademais da secretaria, Engracia Vidal, da que xa se falou, o xornalista Agustín Díaz Blanco (Tintxu), Portas Ferro e Chao Rego. Pero no seu Consello de Redacción atópanse outros leigos militantes do cristianismo galeguista como Agustín Bueno, Hermelinda Dapena, Manuel Dourado Deira, Mariano Guizán, Xosé María Lema e Amancio Liñares. E outros máis recentes como Ramón Latas, Xaime González Ortega e a mesma Tereixa Ledo. Houbo tamén outros leigos que pasaron polo Consello de Redacción da revista; a súa presencia actual é moito máis significativa, ata o punto de acadar o 50%, cousa insólita hai dez anos.
     Deste rico grupo, escollo a dous cristiáns con longa e rica experiencia de militancia, dous profesores: Hermelinda Dapena e Manolo Dourado.
     Hermelinda Dapena Tarela é unha cristiá galega militante, que, ademais de formar parte de Encrucillada desde poucos anos despois de iniciar a revista a súa andaina, exerce na súa parroquia como catequista. Licenciada en Clásicas, traballa nun Colexio de EXB dando clases de Lingua, Sociais e Relixión. Naceu o ano 1935 en Pontevedra, nunha familia fondamente crente e practicante; na casa había moitas referencias á cultura galega, mesmo había admiración por Castelao e tiñan colgada na parede unha obra de Laxeiro; os seus pais falaban galego entre eles, pero non así cos fillos, como adoita ocorrer."Os meus pais dábanme a entender que aquelo do galego era un mundo que estaba aí, pero no que eu non me implicara, polas consecuencias que me podía traer".
     Por outra banda, o seu pai era de fondo espírito franciscano, foi "o dentista de tódolos relixiosos de Pontevedra". Ela tamén frecuentaba os franciscanos e as clarisas; é Terciaria franciscana, ..."Cando casei, antes de ir ó banquete fun levarlle as flores ás clarisas. Mesmo pensei en ser monxa". Pouco a pouco foi descubrindo que a súa vocación era a educación, e que para iso non precisaba do convento.
     No ano 1952 comeza os estudios na Universidade de Santiago, alí segue vinculada ós círculos católicos por medio da Asociación de Propagandistas de Acción Católica. Dous anos despois continúa os estudios en Madrid (1954-57) e alí colabora nunha parroquia dos suburbios, na zona de Vallecas.
     O Vaticano II axudoulle a facer toda unha revisión da fe. Unha Semana de Teoloxía de Bilbao foi a aldrabada que lle fai descubrir o aspecto liberador da fe.

"Na medida en que ía optando por unha fe liberadora ía medrando nunha mais fonda esixencia de fe e espiritualidade. Descubro máis conscientemente o mundo dos pobres e síntome implicada no pecado social. Abriuse a miña dimensión de fe e empecei a buscar con máis forza para chegar a un compromiso de fe meirande".

     O compromiso con Galicia vai chegando precisamente da man deste meirande compromiso cristián. Desta volta, foron os Coloquios e logo o movemento de Encrucillada os que a achegaron a esta realidade galega. "Alí empecei a facer as miñas primeiras experiencias de falar galego. Pouco a pouco foise convertendo noutra referencia fonda da miña vida". Tivo tamén importancia a relación coa xente sinxela que acudía á farmacia de Estribela, onde traballa o seu home, un barrio mariñeiro de lingua fundamentalmente galega; alí comprendeu que a lingua podía ser un factor afastador ou achegador á xente.
     Galeguismo e cristianismo xa estarán para sempre vencellados en Hermelinda. Pero descobre tamén, de seguida, que a súa Igrexa non fala galego, o que lle crea conflicto mesmo coa parroquia na que colaboraba en Pontevedra e termina por abandonala. En San Bartolomé, no mesmo casco vello de Pontevedra, si atopa a canle onde vivir este xeito de fe. Pero tamén a abandona para traballar nunha parroquia máis humilde, Lourizán, onde está o seu colexio. Alí volve atopar a reticencia da xente popular para aceptar o galego na celebración da fe. Outra experiencia positiva foi para ela os Encontros de Música Relixiosa de Poio. E, sobre todo, o equipo de Encrucillada.
     O conflicto é superado desde a comprensión e a paz. Porque Hermelinda é unha muller pacífica, defende as súas posturas, pero sen agresividade, desde a paz de quen sabe que descubriu un tesouro e quere ofrecelo, pero non impoñelo á forza. "Síntome feliz de ser galega; sendo galega son eu mesma. E ser cristián é a forza meirande para min: Un Pai que me quere e me acepta como son ¿Que máis podo pedir?".
     Manuel Dourado Deira é un mestre rianxeiro que naceu en Araño-Rianxo no ano 1929. Bacharelato, Maxisterio e Licenciatura en Dereito en Compostela. Sempre tivo unha vocación eminentemente docente; está no Ensino desde 1970. A outra gran paixón de Dourado é a de escribir; os seus comezos estiveron no xornal La Noche, de Santiago, a finais dos anos 50, onde publicou ata os primeiros dos 60 artigos sobre temas galegos. A partir de 1970 escribe en El Faro de Vigo e La Voz de Galicia; algúns dos seus polémicos comentarios sociopolíticos tiveron bastante repercusión na Galicia da diáspora arxentina a través do xornal Galicia, de Bos Aires, e nas emisións radiofónicas do programa "Sempre en Galiza", do Patronato de Cultura Galega de Montevideo. O seu xeito de facer contrastaba co periodismo habitual que se facía por eses anos nestas terras. Tras dun silencio nos últimos anos do réxime franquista e a transición, volve a La Voz de Galicia en 1987 e pasa a El Correo Gallego ó ano seguinte, cunha sección fixa en O Correo Galego desde comezos de 1994.
     Colabora en Encrucillada desde mediados dos 80, sendo actualmente membro do seu Consello de Redacción. Acadaron un bo eco uns artigos seus en varios números desta revista co título xenérico de "Primeiras experiencias dun mestre novato"(50). E seguiu escribindo sobre temas culturais e relixiosos ata a actualidade(51).
     Defínese coma "cristián de a pé, home de fe preocupado pola marcha da Igrexa nesta hora presente". Pero coñece ben o mundo clerical católico, como manifesta nos seus artigos. Algúns deles duros e ó mesmo tempo comprensivos coa realidade do baixo clero, que ve nunha situación de crise profunda:

"Os nosos cregos son e viven coma unha grei de almas resignadas, atrapadas en situacións estructural e funcionalmente anacrónicas... Deste xeito, só se pode transmitir unha imaxe de Deus distorsionada, que non convence a ninguén. E a súa mensaxe tampouco resulta interesante nin, polo tanto, salvadora (...)
¿Que pasa: está xordo o Santo Espírito, ou máis ben somos nós, a Igrexa docente e discente, ós que témo-las antenas avariadas para capta-las ondas do Espírito"(52)

     Respecto do seu galeguismo, Manolo Dourado confesa que é "un neno da Guerra do 36; víctima, durante un tempo, do complexo de que 'falar galego é falar mal', tiven que o superar pola vía do dominio do castelán". Prefire a verba "galeguidade" a "galeguismo", como expresión do seu ser galego, "pola contaminante adulteración ó que a somete o mesianismo político de irremediable vocación centralista, que impera en Galicia", segundo me conta. Dourado manifesta tamén os seus reparos respecto da verba "nacionalismo" ("un dos vocábulos máis perigosamente equívocos"). Pero, precísame, "se por nacionalismo debemos entender 'o amor á terra que me viu nacer, que me deu o ser, e incluso o manter', entón parece de elemental evidencia que se son galego é porque nacín e vivo en, por e para Galicia, e a miña raizame nútrese de todo o que Galicia é". Desta maneira, galeguismo e nacionalismo se converten en "realidades que se implican secuencialmente": Son galego (galeguismo) na medida na que amo a Galicia (nacionalismo), que é a forma máis digna de amarse a si mesmo. "A quen a propia torpeza o incapacite, o nacionalismo debería ser, polo menos, unha realidade de estómago agradecido". Dourado ten completamente claro que galeguidade e fe cristiá deben ir xuntas, máis aínda:

"Galeguismo e cristianismo deben ser realidades necesariamente vencelladas, por unha substancial complementariedade: Son cristián dende a radicalidade do meu ser galego. Outra cousa é, para min, unha absurda contradicción. Sería como ser dende o non-ser; ser dende "outro"; ser dende unha imposta ou asumida alienación. E iso carece de sentido; é unha dramática contradictio terminis".






6. Tres poetas e un escritor comprometido co seu pobo e a súa Igrexa.

     Non é doado atopar hoxe escritores que se declaren cristiáns, e menos aínda cristiáns practicantes ou católicos practicantes. Certamente, as posturas involucionistas da Igrexa nos últimos tempos non "venden" ben no mundo da cultura e botan para atrás a mentes abertas e críticas con calquera tipo de autoritarismo ou reaccionarismo; e mesmo os crentes non se senten xa empuxados a dicir como Vicente Risco outrora: "Eu son heterodoxo en todo menos en Relixión" (afirmación que tampouco era xa demasiado sincera en Risco). As posturas abertas, ecuménicas e tolerantes da nova reflexión teolóxica puideron levar, ás veces, a un confusionismo e a non ter as cousas claras, pero maiormente foron un bálsamo contra a angustia dos quen non podían casar facilmente a súa honradez intelectual e científica, ou a súa liberdade creativa no campo da arte ou da escrita, coas posturas encasteladas e incuestionables dunha Igrexa de verdades inmutables, onde tódalas afirmacións da xerarquía eclesiástica parecían ser dogmáticas e invariables. Esto levou a unha vivencia da fe, nos crentes, en diversos grados de relación e compromiso coa Igrexa, pero que non deixa de manifestar nalgúns escritores da Galicia de hoxe unha clara autodefinición de fe cristiá; moitas veces ésta non é de todo
consecuente, nin eclesial, como recoñecen, pero noutros casos si. Vimos xa anteriormente a postura "na fronteira" de Carlos Casares ou Fernández del Riego, vexamos, para rematar, a doutro escritor cunha postura máis clara e tres mulleres poetas de gran sensibilidade.



I. XESÚS FERRO RUIBAL é un home claramente vinculado á Igrexa, que colabora na catequese da parroquia e que está moi a gosto na nova Igrexa Galega, que moitos andamos xa a construír en Galicia, na mesma medida en que é crítico coa súa Igrexa. Naceu no ano 1944 en Moraña. Estudiou no Seminario de Santiago e nas universidades de Comillas e Roma. Foi compañeiro de curso de Torres Queiruga, e por medio del coñeceu a Ramón Piñeiro e a moitos persoeiros da cultura galega. "A xente máis valiosa de Galicia —dime— que estaba facendo unha patria diferente da oficial. O galeguismo levoume ó descubrimento de xente dunha altura moral e intelectual extraordinaria". Licenciado en Filoloxía Clásica, é profesor de grego e de latín, traballa actualmente no Centro Ramón Piñeiro, e láiase de que hoxe non teñamos unha mesa camilla como a deste persoeiro singular da historia galega.
     Bo coñecedor da realidade cultural galega, particularmente das raíces da súa fala, escribe moi ben, como manifestan os seus premios (Premio Galicia de Xornalismo e Premio Nacional de Periodismo Julio Camba). É un apaixonado do galego e dunha relixión encarnada en Galicia; a súa obra manifesta claramente esta realidade nos seus mesmos títulos: Galicia existe e resiste, Compre aprendermos en galego, Deus tamén fala galego e A Igrexa e a lingua galega; ademais do seu Refraneiro galego e o Diccionario dos nomes galegos. É un asiduo colaborador de Encrucillada, Irimia e La Voz de Galicia. Nun do seus libros fai esta autoconfesión:

"Eu son un home que tivo que ir a Roma para descubrir que era galego. E na meditación das feituras de Xesús o galileo descubriu moitas semellanzas entre a súa mensaxe e certas páxinas de Castelao e dalgún outro poeta galego. Alí descubrín que eu era dun País que ignoraba e actor, sen sabelo, dunha triste historia. Alí descubrín un programa para a miña vida e unha Esperanza para a miña Terra.
A miña preocupación é a lingua. Porque nesta metáfora xoga o home valores moi profundos e a súa existencia os cristiáns. Eu escribo para galeguizar"(53).

     Contrariamente ó que se adoita dicir, Ferro sabe, e dío, que en Galicia, como en gran parte das culturas minoritarias, foron os cregos "os primeiros que deron a voz de alarma ante a súa aniquilación e organizaron a resistencia máis aló do folclore". Fálame de como se manifesta esta afirmación no nacionalismo catalán, vasco, esloveno, cerdeño, etc. "En Galicia tamén —di Ferro—. O único estraño é o que dura a marxinación destes curas galeguistas no estamento institucional da Igrexa, ó que lle custa asimilar o que eles representan". Xa con ocasión dun premio concedido a Torres Queiruga, Ferro Ruibal laiouse da falla de recoñecemento da súa Igrexa. "Os curas padecen un dobre celibato: o de non ter muller e familia, e o de non ter na súa Igrexa un niño que lles dea calor".
     No seu libro A Igrexa e a lingua galega recoñece como

"A Igrexa galega foi a primeira víctima da castelanización. Contra a oposición dos cabidos catedralicios, do clero, das institucións populares e do propio pobo, os reis de Castela converten ós bispos galegos nos seus representantes e axentes... e colocaron á cabeza das dióceses galegas bispos non galegos que ignoraban o galego... A práctica dos séculos posteriores incrementouse de forma humillante para Galicia... É difícil atopar un caso dunha comunidade tan radicalmente podada"(54).

     Máis aínda, pregúntase Ferro "¿Sería posible a conservación da lingua galega se o clero baixo actuase só en castelán como se dá por suposto? [Refírese a certas opinións e particularmente ó documento da UPG Acusamos] ¿Non serán Feixoo, Sarmiento, Sobreira e o cura de Fruíme a punta dun iceberg?"(55).
¿Galeguismo e cristianismo un conflicto? A resposta que me da Ferro é clara e contundente:

"Non me colle na cabeza pensar que poidan ser un conflicto. O conflicto está precisamente no feito de que o aparato visible da Igrexa si quere crear un conflicto. O conflicto non está para min entre galeguismo e cristianismo, senón entre cristianismo e Igrexa. Na dificultade para ser cristián nunha Igrexa na que unha parte do seu aparato non é cristián. O problema non está na só súa miopía para ver a realidade da lingua, senón en que poidan montar unha tenda dentro da catedral para sacar cartos; ou montar unha exposición ostentosamente blasfema sobre Santiago e América, pois é unha mentira insultante dicir que Santiago matou algún mouro.
O problema é coma á Igrexa non lle crea ningún problema o comercio que fai a conta dos santos. Así, á Virxe dos Milagres de Amil xa lle cambiaron o nome polo de os 'Milagres de A-cincomil'.¿Cal é a teoloxía que rexe esta Igrexa Institución?. En que medida se pode dicir que esta é unha relixión que ten que ver co Evanxelio. Eu penso que ten moi pouco que ver. ¿Canto tempo vai tardar Galicia en ter os bispos que necesita?. ¿Por que aquí é mentira o que é unha verdade en Cataluña?
A Igrexa ten unha tendencia á fosilización, porque aínda non descubriu a democracia. A miña opinión non conta absolutamente nada na marcha da Igrexa."

     Con todo, que esta crítica non despiste ó lector, Ferro Ruibal é crente, cristián, practicante e "de Igrexa", colaborando na catequese e "en moitos máis servicios calados á Igrexa, que non chos poido contar, porque teño o compromiso de non contalos", dime. E alude a aquela frase citada de Suárez Picallo, cando traduciu as lecturas da Misa en galego que fixo Antonio Rodríguez Fraiz en Bos Aires. "E logo din por alá que eu son un ateo". No seu haber, hai moito traballo en elaboración de materiais, moitas charlas dadas con xenerosidade sobre a liturxia e o galego. "Cando facía ver en foros de Igrexa as que pasou o galego e como se vai recuperando a pesar de tódolos prognósticos na sociedade e na mesma Igrexa, algúns teñen chorado".

Ferro sabe que a súa fe cristiá ten que ser encarnada, o ser galego conforma necesariamente a súa fe cristiá: "Eu non podo ser cristián aquí como o sería en Pekin".
"Cando eu chego a Roma en 1966 e descubro realmente que son galego, leo Sempre en Galiza e, de repente, non só empezo a interpretar e comprender que é realmente Galicia, senón que descubrín tamén unha maneira de traducir realmente que é eso da fe; non simplemente 'creer lo que no vimos' que dicía o catecismo, senón un programa de traballo pra toda a vida.
Nunha ocasión, na conversa entre Queiruga e un militante comunista falaban de Mendez Ferrin. E di Andrés —¿Se un día a Ferrin se lle plantexase o dilema de decidir entre marxismo e galeguismo con que se quedaría? E o outro respondeulle —A pregunta non ten sentido. Eu non sei se a pregunta tiña sentido ou non, pero para min, o dilema entre galeguismo e cristianismo tampouco ten sentido para min. O cristianismo axudoume a entender o misterio da Encarnación e mesmo o da Trinidade: Se Deus é vario, a variedade da natureza e do xénero humano, a variedade de linguas e culturas, non é unha maldición, é algo divino".




III. Non é moi abondosa a producción literaria feminina en Galicia, e en galego —presuposto do galeguismo
que se estudia neste libro—, pero xa vai habendo unha realidade vizosa. Xa non son os tempos ermos de Rosalía ou Francisca Herrera. Carmen Blanco fixo unha recolleita no seu libro Literatura galega de muller, e tiven tamén a ocasión de falar con ela sobre o tema. Certamente, parte das escritoras galegas non se definen cristiás, e algunhas maniféstanse claramente á marxe; pero Carmen Blanco, que non se sitúa entre as mulleres crentes, recoñece que un grupo importante si o son. Así mo comenta:

"En liñas xerais, o cristianismo e o catolicismo son bases ideolóxicas omnipresentes na maioría das autoras das xeracións de preguerra como Francisca Herrera, Filomena Dato ou Carmen Prieto Rouco, e aínda as pertencentes á xeración da postguerra, como Dora Vázquez e Pura, a súa irmá. Pero nas figuras máis próximas ao canon e, polo tanto máis consideradas, como a propia Pura, en ocasións, ou Luz Pozo, a súa relixiosidade estaría ubicada nunha heterodoxia; en parte común ao pannaturalismo galaico e con particularidades específicas que habería que estudiar en cada caso.
Polo que fai referencia ás creadoras das xeracións máis recentes, como Xohana Torres, María Xosé Queizán, Margarita Ledo e un sennúmero que non vou enumerar, a súa obra semella claramente materialista, como corresponde ao signo dos tempos".

     Xa se verá como estas apreciacións de Carmen Blanco non son de todo exactas. Con toda seguridade no que se refire a Luz Pozo, que se define actualmente non só como cristiá, senón mesmo como católica. Haberá ocasión de escoitar a confesión de fe doutras escritoras como Helena Villar e Marica Campo, coas que tamén tiven ocasión de falar. Máis aínda ¿é un signo dos tempos maioritario a increnza? Eu teño serias e abondosas razóns para dubidalo, outra cousa é manter unha fe cun credo concreto, consecuente e practicante.



1. A mesma Pura Vázquez (Ourense 1918), unha mestra que ten numerosa obra poética publicada, manifesta unha fe cristiá aparentemente clara en versos coma os desta "Prega", aínda que fora escrita hai case corenta anos:

"Po-la herbiña miuda, pol-a raíz do toxo,
pol-o vento do Norte, pol-a pinga da choiva,
pol-as fitas do millo, pol-a escama dos peixes,
¡lévame par-a os valos, Virxe Nosa Señora!

Polo celme regato, pol-o fío da lúa,
pol-a mágoa do pobre, pol-o canto da rula (...)
pol-a voz das fontelas, pol-o chío dos paxaros,
¡lévame pra Galicia, Virxe Nosa Señora!"(56)

     Teresa Barro (A Coruña 1936) é presentada por Carmen Blanco, no libro aludido, como representante "dunha corrente case insólita no pensamento feminista galego, que conxuga o feminismo radical diferencialista co humanismo cristián". Segundo Carmen Blanco, no feminismo galego independente habería dúas liñas: a "corrente materialista", representada por María Xosé Queizán, e a "corrente espiritualista", representada por Teresa Barro (57). Teresa Barro, asentada en Londres, está —segundo me informa Carmen Blanco— vinculada a grupos cristiáns da capital británica.
     A este respecto, destacan dous breves ensaios seus publicados en Grial: "A creación da muller no
Xénesis. Un estudio feminista" (36, 1972) e as "Cartas a Rosalía". O primeiro, a pesar do ambicioso do título, é un estudio cativo, pero manifesta defender un punto de vista feminista e cristián, "descubrindo" que do relato bíblico non se saca unha subordinación da muller ó varón, senón unha situación de igualdade (58). As "Cartas a Rosalía", ensaio máis amplo que deu lugar a un libro co mesmo título, tocan os polémicos temas da liberdade sexual da muller, a prostitución, o divorcio e o aborto; reivindicacións clásicas dun movemento de liberación da muller que Teresa Barro cre que non debera ser tan simplista. Non se manifesta tan pacata como ve Carmen Blanco, e si crítica cunha Igrexa machista, gobernada por célibes "que pouco poden saber destas materias", o que debía levalos a estar máis calados, di. O ensaio desta feminista galeguista manifesta unha muller respectuosa da súa fe cristiá:

"As leises divinas non son caprichosas; están pensadas para impedir que nos inxuriemos os uns ós outros, para evitar o odio, a enemistade e o abuso. O sexto mandamento, que se convertiu en sinónimo do ridículo gracias ás tonterias dos que estaban chamados a guiar almas e non o fixeron, básase en que quen fornica usa e abusa de outro ou outra, utiliza seres humáns como se foran ouxetos depositados no mundo para o seu pracer. Non é unha lei ñoña; é unha lei de respeto á integridade propia e allea... A Igrexa tinxiu toda a sexualidade de desprezo á muller... Daí que agora a muller empeza a se rebelar, non saiba como sair do paso e non diga máis que insipideces que non convencen a ninguén" (59).

     E fala con valentía da cuestión do aborto:

"Téndese sempre a pensar que oporse ao aborto é sinónimo de beatería católica, pero non é así. Dentro do Movemento de Liberación da Muller hai grupos ateos que rechazan o aborto por razóns simplemente humáns e non relixiosas. As que o defenden din que 'temos dereito ó corpo'. Afirmación moi atractiva, que encerra nembargantes un sofisma... O aborto non é exercicio dun dereito, senón abuso dun poder: o poder do máis forte, do máis grande, do que pode elexir... As mulleres non podemos pensar, nen por un momento, que temos dereito a todo, incluso a matar, por moi xustificado que pareza estar"(60).

     Tamén Pura Lorenzana (Chantada 1914) manifesta un feminismo galeguista e crente, comprometido co nacionalismo. Trátase dunha historiadora universitaria, vinculada na postguerra ó Patronato Rosalía de Castro, e "ubicada no catolicismo e no nacionalismo de dereitas", segundo me conta Carmen Blanco. É particularmente importante unha conferencia que pronunciou en 1931 para a Xuventude Católica Feminina de Santiago ( Suplementos de Nós, A Coruña 1931) invitando ás mozas á abrazar as ideas galeguistas. "O seu discurso é unha defensa das ideas do nacionalismo católico do momento", comenta Carmen Blanco. Isto dicía Pura Lorenzana xa daquela:

"Sinto later no meu peito todo-los anseios da patria, como galegas que sodes vosoutras dispostas a defender e honrar Galiza atendédeme, compañeiras no santo amor da Terra, unha súprica, un prego: amade a Galiza con afervoamento e agarimo mais fondo, amádea con reverencia mais sincera, pero non a amedes porque seña grande, nin porque seña bela.... e se a vedes tremer pola perda dos seus ideais, dexenerazón dos costumes ou relixión, restauradea; ... pra que así podamos procramar con orgulo diante do mundo enteiro ¡Terra a Nosa!".

     Neste eido do feminismo tamén é importante un breve ensaio de Nieves Herrero publicado máis recentemente en Encrucillada co título "Teoloxía feminista". Para Nieves Herrero, antropóloga e profesora da Universidade de Santiago, "Un feminismo que está a revisar e cuestiona-la sociedade en xeral, e en particular, a producción teórica que reproduce un mundo inxusto para as mulleres, debe enfrontarse tamén coa Teoloxía"(61). De feito, a teoloxía feminista xa o está facendo, cuestionando e revisando a simbólica xudeu- cristiá; particularmente denúnciase a figura do Deus Pai como mecanismo de lexitimación sacralizante da superioridade do varón. "A partir daquí imponse a subversión simbólica, a busca doutra imaxe de Deus por diferentes camiños"(62).



2. LUZ POZO GARZA é das poetas actuais galegas recoñecidas nas que a presencia do relixioso é máis palpable na súa producción literaria. Unha relixiosidade que, contrariamente ó que se ten escrito, é cristiá e católica. Ben é certo, que Luz Pozo recoñece que "Hoxe en día síntome católica, aínda que pasei por moitas fases". Non en van é filla dun librepensador republicano reprimido polos feixistas, aínda que moi respectuoso coa relixión.
     Luz Pozo naceu no ano 1922 en Ribadeo; estudiou Filosofía e Letras, Maxisterio e Piano. Na actualidade está retirada na Coruña, tras anos de actividade na docencia. É correspondente da Real Academia Galega, directora desde hai moitos anos da revista literaria Nordés, e ten acadado diversos premios literarios, en poesía e ensaio. Entre as súas obras poden citarse os poemarios en castelán: Anfora (1949), El vagabundo e Cita en el viento; en galego: O paxaro na boca (1952), Verbas derradeiras (1976), Concerto de outono (1981), Códice Calixtino (1986) e Prometo a flor de loto (1992), a súa obra máis transida de relixiosidade. En ensaio publicou: A bordo de "Barco sin luces (1990) e Alvaro Cunqueiro e "Herba aquí ou acolá" (1991); ademais doutros publicado en Grial sobre a "Negra sombra" de Rosalía, Alvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Franco Grande, etc.
     Respecto do galeguismo dime: "Sempre fun galeguista, aínda que non afiliada. Vivino na miña casa; a pesar de que os meus pais viviron moitos anos en Castela e no extranxeiro". O contacto coa fala e a cultura da aldea, onde tiña unha tía, marcou decisivamente a súa vida.
     Ferrin dixo que a poesía de Luz Pozo é "unha arela de beleza absoluta, unha arela de absoluto". E un pensa naquel verso impresionante de Díaz Castro: "A beleza feriume para sempre". Luz Pozo non dubida en dicir que tamén a ela lle impresiona sobre maneira este verso de Díaz Castro; e, como ocorrera posiblemente no caso do poeta de Guitiriz, tamén ela é lectora de San Xoán da Cruz, o místico que se manifesta nos seus versos "ferido polo Amado". "Aprendín moitos versos del de memoria", aínda que recoñece ser máis lectora de Frei Luis de León, particularmente as súas Odas.

"Esa poesía paréceme marabillosa. Encóntrome moi identificada con ela. Toda poesía que sexa elevación, que sexa altura, que sexa beleza, que sexa espiritualidade, que sexa un achegamento á divinidade, ... séntome sempre identificada con ela".

     Hoxe, Luz Pozo séntese católica, aínda que recoñece unha evolución marcada pola súa crise de adolescencia, pola persecución do seu pai, debido ás súas posturas republicanas e socialistas (fora primeiro de Izquierda Republicana e logo radical socialista), a morte do seu irmán na Guerra Civil e a postura da Igrexa nela. Tan só tiña catorce anos en 1936, pero eses acontecementos marcárona. O seu pai, inspector veterinario, chegou a ir preso ó cárcere e foi destituído do seu cárrego, polo que tras a guerra van a Marrocos. "Debido a eses traumas alonxeime bastante da práctica relixiosa. Dicía que Deus non me escoitaba, que estabamos abandoados da man de Deus". As súas lecturas de Renán e os racionalistas protestantes tamén tiveron non pouco que ver coa nova postura, pois atopaba dificultade para casar fe e razón, "dúas maneiras diferentes para coñecer a verdade", recoñece hoxe. Tras moitos avatares, hoxe atópase a gusto na Igrexa e séntese feliz, aínda que non deixe de recoñecer as moitas equivocacións que tivo no pasado e no presente: "Iso pasa en tódalas relixións —dime—. O que hai que ter en conta son os valores cristiáns, a forma de conformación deses valores".
     A morte do seu home, o tamén poeta Eduardo Moreiras, fíxolle redescubrir e afondar na realidade do sentimento relixioso, como busca da inmortalidade e do absoluto. Nun tempo fora polo camiño da espiritualidade oriental, particularmente o budismo, polo que tiña grandes simpatías Eduardo Moreiras. Cítame Luz Pozo ó Dalai Lama, e manifesta atopar puntos comúns entre o budismo e o cristianismo, ata no mesmo sacramento da penitencia, ou confesión. Parece dicilo con medo de crebar o dogma, pero eu ben sei que a verdade non ten patente de exclusividade nunha relixión ou noutra. Particularmente, tamén no cristianismo a confesión auricular naceu nos mosteiros, entre os monxes, como ocorre coa experiencia semellante dos lamas tibetanos.
     O seu libro Prometo a flor de loto é para ela un canto á esperanza e á resignación cristiá ante a morte e o máis aló, con ocasión do pasamento de Eduardo Moreiras. Confesa aceptar mellor a idea cristiá da resurrección que a idea hinduísta-budista da reencarnación das almas; aínda que lle pareza moi enriquecedora a visión espiritual destas relixións. Nese libro podemos atopar versos coma os do poema "Disputa da alma e o corpo", onde manifesta esta fe na vida alén da morte:

"As leis da continxencia
quedaron transgredidas
e a morte e a esperanza confundidas.
A figura cinguida
perfectamente seria
O lenzol sudario
no reino inconsumido da carencia (...)
Derramadas sustancias
en fráxiles lucencias
O espírito no Espírito
na onda mística da única conciencia
O amor ó corazón á derradeira rosa
dona eis-Dómine-vitam aeternam" (63).

     Ou estes outros de "Cidade do sacramento", nos que a poetisa, consciente de que o seu home non era amigo de entrar con ela a rezar nas igrexas, achégase á catedral de Lugo a orar ante o misterio do Sacramento, do que é tan devota. Vexa o lector de que maneira a autora manifesta a súa fe en que Cristo resucitado é quen "de superar a cinza" e de "anular o tempo" e "incendiar a morte", facéndose presente na Eucaristía:

"Prometín volver a esta cidade ...
Onde noutrora deambulamos transidos
              dunha chuvia insistente e hostil
Presentín que un día voltaría soa a pregar por ti
Na catedral hai un rumor luído
              unha memoria escura e indefensa
              un silencio como de loito puro
Un sol sacramentado que expón o seu misterio
de vencer a materia
de superar a cinza
              na insistencia da luz
              na aurora consumada
Veño á cita eucarística do reino
              para anular o tempo
              para incendiar a morte
              para pregar por nós"(64)

     Tamén "in memoriam" de Eduardo Moreiras son os seus versos nas primeiras páxinas do número monográfico que lle dedicou a revista Nordés (maio de 1992). Uns versos con sabor á poesía de Frei Luis de León:

"Ben sei que asumirías a música divina
como última beleza.
Pois agora que habitas as veladas esferas
xa nada é transitorio.
E os espacios celestes —onde a luz se contempla
no supremo silencio da morte—
fican lonxe do pranto".

     "En min hai unha compoñente que pode ser mística, que está aí permanentemente", dime na súa conversa; por iso é unha gran lectora dos clásicos da poesía mística como Santa Teresa de Xesús, San Xoán da Cruz, Frei Luis de León, ... e a súa cruz no peito é para ela moito máis que un adorno: "É un símbolo vivo auténticamente de fe e de esperanza". Luz Pozo contrapón a riqueza da simboloxía católica e o seu espírito máis lúdico, fronte á austeridade protestante. Para ela, as igrexiñas sinxelas é afastadas son un espacio privilexiado para o encontro con Deus; por iso recoñece non ser moito "de comunidade", aínda que acepta o valor da comunidade, e sabe que Igrexa é ante todo comunidade. Ama o silencio, pero tamén a oración sinxela e popular da xaculatoria, esa exclamación relixiosa breve.
     Igualmente, este amor ós símbolos lévaa a apreciar en gran maneira os sacramentos, particularmente a eucaristía; sobre a que líamos nos versos máis arriba: "Un sol sacramentado que expón o seu misterio/ de vencer a materia":

"Para min a eucaristía é algo esencial. Paréceme algo incriblemente grande, se non fose divina, como obra material tan só sería algo xenial. Pensar que está alí Cristo presente e contigo é algo inenarrable. Os que estivemos alonxados diso e volvemos apreciámolo máis, sentímolo máis fondamente".

     No mesmo sentido vai a atracción pola figura humana e simbólica de Xesús Cristo e a súa nai, María. "Esas figuras atráenos porque somos seres humanos que necesitamos humanidade en todo, mesmo na relixión". Por iso, na súa fe cristiá a figura esencial é Cristo, o Pai parécelle "demasiado inconmensurable"; o Deus Creador non é o que máis peso ten na súa fe. Non lle preocupan particularmente as relacións entre a ciencia e a fe, aínda que, boa lectora de Jung, alude ás relacións entre materia e espírito, que se comunican no vértice a modo de iconos contrapostos. "Todo está feito para camiñar en evolución cara ó espírito", dime Luz Pozo, como lectora, tamén, de Teilhard de Chardin. Esa espiritualidade maniféstase hoxe nos valores da solidariedade e a entrega ós demais, e tamén na fame de Deus.
     Cristianismo e galeguismo son vividos sen meirande reflexión nin artellamento teórico por Luz Pozo, pero si manifesta emocionarse nas celebracións en galego: "Atopo nelas a Deus de xeito máis próximo a nós". Mesmo maniféstame a poetisa que o seu galeguismo axudoulle á súa fe. E ten nun lugar preferente na súa biblioteca a Biblia galega, que le frecuentemente; particularmente, como non podía ser menos, os "Salmos" e o "Cantar dos Cantares".
     Luz Pozo Garza confésame finalmente que non lle ten medo á morte porque xa leva anos preparándose para ela de xeito paseniño.

"Penso que recibirei a morte sen traumas. Pero quero que me axuden a ben morrer, acompañándome nos derradeiros momentos con oracións, falándome do Espírito nese tránsito. Díxenlles os meus fillos que a min non me deixen morrer así de calquera xeito, senón léndome cousas espirituais. Eu non quero morrer sen enteirarme. Quero que veña o sacerdote e me poña os sacramentos e me fale de Cristo que me ven recoller.
Quero que me enterren pola Igrexa con tódolos ritos católicos. Mesmo me gustaría que me cantaran en latín no meu enterro".

     Esta poetisa da Coruña sabe, en fin, que a morte cristiá pode ser dramática, pero non tráxica, porque a vida, e non o vacío, está despois da morte. Nisto, como no do enterro con latines e gregoriano, ten unha semellanza con ese outro gran galego que foi Don Ramón Otero Pedrayo.



3. HELENA VILLAR JANEIRO, escritora en prosa e en verso, é de Becerreá (Lugo), onde naceu no ano 1940, e exerce a docencia en Santiago. Ten no seu haber diversos premios literarios, algúns compartidos co seu home Xesús Rábade Paredes: o do Patronato Rosalía de Castro, o de Galicia de Poesía (1981) e de Novela (1980), etc. Publicou: Alalás, Símbolos de Galicia, O sangue na paisaxe, Morrer en Vilaquinte, O libro de María (de particular interese para a súa dimensión relixiosa), Rosalía no espello, Ero e o capitán Creonte, ... Para Filgueira Valverde, o que máis lle debe a literatura galega ó labor do binomio de escritores Rábade Paredes-Villar Janeiro é a calidade do galego que empregan, tanto en prosa coma en verso: "Rabade Villar (así, sen guión) é xa un fito na historia do galego literario" (65).
     Pero, ademais de galeguista, Helena Villar é unha persoa fondamente crente. Velahí a súa confesión persoal, mergullada na súa realidade histórica:

"Eu son unha persoa mística polas características psicolóxicas miñas, sempre fun unha persoa relixiosa, xa desde moi pequena, a pesar de que a miña familia estaba bastante distanciada da relixión. A miña nai nunca fora unha persoa moi de igrexa e o meu pai, aínda que fora sancristán e estudiante de cura, quedou mo marcado na Guerra Civil polo que consideraba era un posicionamento hostil da Igrexa contra algún familiares que lle mataron inxustamente.
Antes de cumprir os dous anos fixen de anxo nunha cerimonia do Corpus. Fixen a Primeira Comunión ós seis anos, ulindo a cinamomo, por iso os cinamomos húlenme a Deus. Recibín a Confirmación marabillando ó Señor bispo mediante o meu coñecemento relixioso. Arredor dos 21 anos, cando fixen as oposicións de Maxisterio, tiven unha experiencia relixiosa moi forte, que me levou a querer ser monxa de clausura, carmelita; pero logo perdín o interese. Posta de mestra na miña aldea de becerreá, tiven moito trato cos curas e colaborei moito nas cousas das igrexas.
Ese misticismo funo verquendo logo na miña poesía, e empecei a escribir. Seguín cunha relación coa Igrexa. Casada cunha persoa agnóstica, aínda que respectuosa coa relixión, chegamos a facer xuntos algunha obra de carácter relixioso. Chegan os nosos fillos, María e Abelardo, para os que fixen poemas, oracións e cancións, para cantarlle e que aprenderan. María era moi relixiosa...
Pero, pola época da transición española, por culpa de certos sermóns e de certos curas, acabei totalmente afastada da práctica relixiosa, da Igrexa oficial. Danme pena como se fan os enterros e as demais celebracións. E dáme pena particularmente o divorcio entre a Igrexa e o galego, é o que menos lle perdoo. Podo perdoarlle a miña Igrexa certas visións trasnoitadas, pero non lle perdoo ese divorcio, que me parece unha burla de cara ó país.
Sen embargo, descubrín a nova Igrexa Galega e tiven ocasión de ser cooficiante nas Romaxes de Crentes Galegos, unha experiencia na que me sentín especialmente digna na miña Igrexa, o que revitalizou a miña fe cristiá.
Hoxe sigo tendo ese espírito místico e contemplativo, que posiblemente fose unha razón de crencia, e aínda me atrevo a dicir que por razóns estéticas".

     "A Deus deberíanlle os seus ministros permitir que respectase a lingua que falaron os mortos", escribiu nunha ocasión (66). "Nun pobo tan relixioso como é o galego, os curas están distorsionando o Espírito —dime na conversa—, sobre todo pola súa traición á lingua". O seu home Rábade Paredes, engade que é unha miopía por parte de certos galeguistas o posicionamento contra o elemento relixioso galego:

"As relacións entre o galeguismo e a Igrexa deberon ser máis estreitas. Pero hoxe estamos nun momento oportunísimo para establecer esa ponte, por parte de algúns curas que son bós representantes do pobo, os mellores curas do país, aínda que estean distanciados da xerarquía. Eles poden ser a ponte entre o galeguismo e a xerarquía eclesiástica para que a Igrexa deste pais se encarne na realidade da Terra.
Non houbo entendemento porque non houbo coñecemento da realidade. O galeguismo non tivo un coñecemento pragmático da realidade sociolóxica de Galicia, se o tivese teríase aproximado antes á Igrexa, aínda que so fose por conveniencia política, cousa que non fixo. Certo nacionalismo segue sen entender socioloxicamente o país, e o peso da relixión nel. E ten que entendelo para chegar a unha transformación real da realidade".

     Helena Villar séntese hoxe moi cristiá, a pesar dun certo distanciamento da Igrexa, que a leva a non sentirse, as veces, "moi católica". Foi ela a que compuxo con letra e música unha popular canción que se canta nas igrexas do país, "Teño un amigo eu":

"Teño un amigo eu
que é mariñeiro e pescador.
Teño un amigo eu.
Chámase Deus e é o Señor.
               Eu quero ser mariñeiro
               Eu quero ser pescador
               e hei cruzar con valentía
               polo mar do seu amor"(67)

     Vive a Deus coma un interlocutor que se pon en contacto coa persoa, un pai-nai magnánimo que é máis forte que a mesma morte, aínda que non comprende moi ben o tema da resurrección."A idea da resurrección ou da inmortalidade é unha idea que me seduce e me achega moito á relixión". Amante dos símbolos, como Luz Pozo, é tamén amiga dos sacramentos, particularmente da eucaristía, que lle parece un símbolo riquísimo; o malo é atoparse a gosto nas celebracións da eucaristía, cousa que lle resulta case imposible nunha lingua prexuiciosamente allea.



4. MARICA CAMPO DOMINGUEZ, nacida no Val do Mao-Incio en 1948, exerce a docencia no ensino público en Xove. Confésase crente de toda a vida ("Tería que facer moitas máis reflexións para non crer que para crer"), pois esta mestra e escritora galega veu ó mundo nunha familia moi relixiosa. O que non quita que sufrira unha fonda evolución na súa fe, que ela considera purificadora. "O Deus que me deu a miña familia non me gustaba, porque era moi terrorífico. Tiven que botalo pola ventá. Ademais —precisa— non cadraba coa bondade da xente da miña casa". De carácter rebelde, pasou pola inevitable crise de fe adolescente. Pero logo decide meterse monxa, mesmo das de clausura; aínda que acaba nas relixiosas do Divino Maestro. Coas monxas fai os estudios de Maxisterio e de Teoloxía; pero deixaas moi cedo. As veces manifesta un contencioso coa súa Igrexa, fronte a que é crítica e discrepante, pero segue a confesarse católica e practicante, e mesmo di: "Non podo calar en público a miña fe".

"O único que me rescata da miña desesperación existencial é o pensamento na piedade de Deus, da que nos deu noticia Xesús. Percibo a existencia dun xeito bastante dramático e moitas veces a vida deixa de me seducir. Daquela só me sostén o amor ós que quero e a esperanza no Deus de Xesús".

     Polo que respecta ó seu galeguismo, ten unha orixe máis serodia, na súa estancia no Colexio Público de Castro de Rei, cando coñece a un cura galeguista: Xosé Manuel Carballo, que xa apareceu nestas páxinas. "En Castro de Rei descubro a lingua como a única realidade coa que podía expresar esta terra. ¿Como nomear a realidade da Terra nunha lingua allea?". Le apresuradamente ós autores galegos e comeza a escribir versos en galego, publicando algúns en Encrucillada hai xa máis de dez anos. Coñece tamén ó grupo musical Fuxan os ventos, vinculado a Mato, un cura de Lugo, e componlle as letras dalgunhas das súas cancións: "Muller" (Sementeira), "Mencer" e "Canción para adurmiñar a lembranza" (Quen a soubera cantar), "Fame, soidade e bágoas" (Noutrora). Algunhas delas son tan impresionantes como estes versos de "Mencer":

"Disque vai frío nos montes galegos,
disque vai vento na beira do mar;
disque morreu a esperanza no pobo,
disque o futuro non pode agromar.
Lerias e lerias dos abafantes
dos que se empeñan o pobo afogar!:
ti e máis eu, todos nosoutros, somos Galicia,
e aínda estamos por enterrar!
Temos futuro, temos mañán,
xa que Galicia está a despertar!"

     Recentemente publicou algúns dos seus poemas no libro Tras as portas do rostro (A Coruña 1992). Pero son os seus versos publicados en Encrucillada, os que tratan máis directamente o tema relixioso, desde a perspectiva galega. Así "A Palabra de Deus ecoaba lizgaira"(31, 1983), a modo de glosa do Prólogo do evanxeo de san Xoán; "Rorate caeli desuper" (35, 1983) e "Lembranzas para un Nadal ferido" (40, 1984). Eis uns versos do primeiro dos poemas citados:

"A Palabra era en Deus e era a orixe das cousas,
o comezo de todo: falaba Deus e había.
              Topaba arreo a carne radicais impotencias
              xunto a un anceio eterno a emergullar co sangue.
Que difícil ser Deus e te-las máns atadas
coa ligame irrompible da liberdade humana.
              que difícil ser home con un soño alugado
              a imposibles querencias como de Deus xurdidas"

              Sen esquecer que un dos Himnos da Liturxia das Horas (a oración oficial dos clérigos e monxas) é da súa autoría:

"Loado sexas, Deus nas túas obras,
loado por poñer tanta beleza
nos montes e nos rios e nos prados,
no chan e no alto ceo desta terra.

Loado sexas na suor de esforzos
que ergueron este mundo pedra a pedra.
Loanza de quen loita, xeneroso,
pra ser fillo e señor da nosa terra. (...)

Loado sexas, Deus, en toda a vida,
loado por chamarnos á túa festa.
Loado sexas, Deus, pola túa gloria,
loado sexas, Deus, louvado sexas".

              ¿Fe e galeguidade? "Se son crente e son galeguista —dime Marica— non preciso conxugar nada. Son termos que se enriquecen mutuamente". En definitiva, Marica é unha cristiá galeguista porque sabe que a fe non se pode vivir lonxe da realidade. "O galeguismo axúdame a entender e amar á miña xente de xeito concreto. ¿Como amar a Deus a quen non ves, se non amas á xente á que si ves?".
              Son unhas boas palabras para rematar este libro sobre galegos e cristiáns, enraizadas na realidade galega e no Xesús dos Evanxeos.





NOTAS


(1) "I have a dream" ("Tiven un soño"), dicía Luther King ó comezo dos seus mitins, rodeado de xente que se foi sumando ó seu soño: "Aínda que soupera que o mundo ía desaparecer mañá, eu igual plantaría a miña maceira". Non era un farsante, pagou co seu sangue ese soño dunha América onde se recoñeceran os dereitos dos negros, e ese sangue non foi verquido inútilmente. O seu "soño", como o de Xesús de Nazaret e outros moitos "utópicos", fixo avanzar a historia, aínda que os postmodernos pensen o contrario.
(2) Na entrevista que lle fixo Victor F. Freixanes en Unha ducia de galegos, op. cit. pax. 166
(3) Ibidem, pax. 168
(4) Os seus libros Nuevas orientaciones sociales, La mancomunidada gallega...
(5) Foi pioneiro un ensaio seu no último número dos "Cadernos Grial" (1952) titulado "Algúns caraiteres da economía galega aitual". Freixanes califica con xusticia a experiencia da Revista de Economía Galega como "unha das experiencias intelectuais máis interesantes da postguerra galega" (pax. 178).
(6) Xaime Isla Couto, Construir Galicia, Ourense 1992, pax. 8
(7) Xaime Isla nunca foi antimarxista, mesmo na súa mocidade era un verdadeiro "roxo", fundando no su Instituto unha asociación de "amigos da URSS" chamada "Socorro Roxo". Coa madurez e o coñecemento fondo da política e a economía, vai tomando unha postura máis aquilatada, sobre todo contra o que el chama "o marxismo escolástico e pedestre"."Moitos marxistas non saben ir ó verdadeiro Marx, o Marx crítico que sabe profundizar na realidade social; ríxense so por uns esquemas escolares", dime na súa conversa.
     Xa lle manifesta a Freixanes en 1975: "O marxismo é un xeito de análisis parcial pra abranguer e explicar totalmente a realidade. A perspectiva económica non abonda; hai factores íntimos, históricos, ideolóxicos, culturais ... que van moitos máis aló. Non vou a discutir a grande importancia da posición marxista no mundo moderno nin as súas aportacións positivas ao desenrolo da sociedade cara a unha maior xusticia. Eso sería unha parvada. Agora ben penso que compre clarexar a parcialidade dos seus análisis e mesmo dos seus métodos...
(8) Ibidem, paxs. 170-171
(9) Ibidem pax. 171
(10) Ver a información ordeanada cronolóxicamente no libro de Daniel López Muñoz O idioma da Igrexa en Galicia, op. cit. paxs. 32-33
(11) Ver no libro de D.López Muñoz algúns datos da polémica, pax. 33
(12) No prólogo do Misal galego, publicado poucos anos despois, dicían que SEPT "naceu no Ano Santo compostelano de 1965 pola iniciativa dun grupo de católicos galegos, conscientes da súa responsabilidade cara Galiza neste intre de renovación conciliar... Animada polos máis altos ideais cristiáns, propúxose traballar sempre dacordo coas orientacións emanadas do Concilio Vaticano II". SEPT, Vigo, 1968, paxs. 19-20. Lémbrese que a primeira obra publicada pola editorial foron os catro Evanxelios, en traducción de Espiña e Morente, A Palabra de Deus
(13) M. Montero Santalla, "Panorama da Literatura Relixiosa...", cit. pax. 36. No artigo da a referencia e breve nota dos primeiros libros editados pola editorial; moitos deles xa foron aparecendo nestas páxinas.
(14) Op. cit. pax. 171 e 172
(15) No proxecto que lle presentaron ó cardeal Quiroga, manifestábanse: "Conscientes dos deberes como cristiáns e galegos que esixe de nós a hora actual e inspirados por un afán sincero, profundo e decidido de incorporar ás actividades editoriais que sirven de canle ó renacemento cultural de Galicia, o espírito renovador que vive hoxe a Igrexa".
(16) In Conversas do P. Seixas..., op. cit. paxs. 120-21
(17) Así falaba o mesmo Domingo da razón de ser deste coro, con ocasión da ofrenda da Comunidade de Vida Cristiá e o propio Coro no Ano Santo de 1976: "Este coro nace pola vontade dun feixe de traballadores, seguindo a tradición dos grupos corales de Galicia... Todos eles eran moi conscientes da situación de inxusticia e desigualdade que oprime á clase máis desfavorecida da sociedade, que é a súa, e da necesidade de loitar polas lexítimas reivindicacións dos traballadores e o conquerimento dunha sociedade máis igualitaria".
(18) Ibidem
(19) Número extraordinario aparecido en Xuño de 1980
(20) Ver no libro de Caamaño-Pampin, Pro e contra ..., op.cit. pxs.49-90. Aquí se poden atopar as cartas entre X.L. Fontenla ("a Mocidade Galega Católica") e o cardeal Quiroga Palacios; tamén cos bispos Romero de Lema e Guerra Campos, particularmente éste último, co que tivo unha longa correspondencia, a numerosas Comisións e ata a mesma Igrexa Evanxélica de Galicia.
(21) Ramón Martínez López fala de este grupo, promovido desde Noia polo catedrático ourensán Alvaro de las Casas, como "boy-scouts galeguistas". In Ramón Martinez López pola universalidade de Galicia, Sementeira Edicións, Noia 1992. Fermín Bouza Brey fíxolles o himno, que cantaba cousas coma éstas: "A balandra dos Ultreya
           leva os corazóns por vela;
           navega cara ó futuro ...
(22) Pro e contra da liturxia .... op. cit. px. 22
(23) X. Filgueira Valverde, "Da personalidade de Galicia", A Nosa Terra, 24 Xuño 1933
(24) Adral 1: "A Virxe nave", "A Virxe na Barca", "A raiola e a vidreira".
Adral 2: "Nosa Señora dos Bos Libros", "A Virxe Estrela", "A Virxe Fonte", "As sete doores".
Adral 3: "O Nacimento da Virxe", "Nosa Señora de Chaves", "A Virxe do Carmen".
(25) X. Filgueira Valverde, "Nosa Señora dos Bos Libros" (1980), Segundo Adral, O Castro A Coruña 1981, pax. 67
(26) X. Filgueira Valverde, "Panxoliñas e vilancicos", Segundo Adral, páxs. 117-119
(27) X. Filgueira Valverde, "Nadal saudoso" (1979), ibidem, pax. 115
(28) Do seu amigo Antón Iglesias Vilarelle ten escrito Filgueira Valverde en varias ocasións: "Iglesias Vilarelle", El Ideal Gallego (1980) en Segundo Adral, páxs.418-421. E "Iglesias Vilarelle, home de moitas almas", La Voz de Galicia (1991) en VII Adral, A Coruña 1992, páxs. 305-308. El foi o autor das primeiras aportacións ao canto litúrxico en galego e mesmo fixo unha Misa Galega.
(29) Pódese ver unha información máis completa na obra de Barreiro Fernández Historia de Galicia IV. Edade contemporánea, op. cit. páxs. 352-355.
(30) É interesante destacar o talante interclasista e aconfesional do Partido, a prol dun galeguismo integrador. Como dicía A Nosa Terra: "Si para ser galeguista un home precisa que o noso partido seña de dereitas ou de esquerdas, ise home non será un autonomista verdadeiro, será un comecregos ou un comesantos".
(31) A escisión do Partido Galeguista produciuse definitivamente co manifesto da "Dereita galeguista de Pontevedra", firmado o 25 de maio de 1935 por: Filgueira, Xosé García Vidal, Xosé Lino Sánchez, Dario Caramés, Xosé Sesto López e Xosé Martínez Tiscar; segundo refire Xosé Mª Alvarez Blázquez en Alexandro Bóveda, op. cit. (nota 34 do cap.V): "A ninguén se lle ocultaba que a principal figura daquel movimento era Xosé Filgueira Valverde, xoven profesor de vasta cultura e fervente sentido cristián e nacionalista", comenta Alvarez Blazquez. A escisión contou co apoio de Vicente Risco, pero non co de Otero Pedrayo, como é sabido.
     No libro de Alvarez Blázquez pode verse o resumo do seu ideario, centrado nos epígrafes: Galeguismo. O noso idioma. Relixiosidade. Nin marxismo nin fascismo: democracia. Nin socialismo nin capitalismo: cooperativismo. Problema económico. Integración autonómica. Republicanismo. Convivencia na galeguidade. "O miolo do pensamento de Dereita Galeguista —di Alvarez Blázquez— situábase no tema relixioso, que foi en realidade o determinante da separación" (pax. 120).
(32) Alexandre Bóveda en A Nosa Terra, 368, 1 de Xuño de 1935.
(33) No libro citado de Alvarez Blázquez, pax. 120.
(34) A. Liñares Giraut, Conversas con Avelino Pousa Antelo, Ed. do Castro, A Coruña 1991.
(35) A. Pousa Antelo, "Capitalismo e cooperativismo na Galicia rural", no libro A Galicia rural na encrucillada, Galaxia, Vigo 1975, pax. 332,
(36) Ibidem pax.352
(37) Por Queiruga coñezo unha fermosa definición de Deus que fixo este gran teólogo inglés contemporáneo, creador da "teoloxía como proceso": "The great companion, the fellow sufferer, who understands" (O gran compañeiro, o amigo fiel, o que te comprende).
(38) Carlos Casares, Ilustrísima, Galaxia, Vigo 1983. A dedicatoria é ben expresiva: "Ao meu tío Xosé Mouriño, abade de Beiro, bo representante dunha longa tradición familiar de cregos, cóengos e bispos, esta novela que en certo xeito lle debía".
(39) Doc. nº 1 Declaración de principios ideolóxico-políticos III, punto 7
(40) Abandona o labor máis activo na revista coa remodelación da redacción no ano 92, solicitada polo mesmo equipo que a levara case dez anos; e abandona EG coa crise deste proxecto político no ano 1993
(41) O Colectivo Galego do Menor é unha asociación que desde hai case 20 anos engloba a maioría dos Centros de Protección de Menores de Galicia. Gran parte deste traballo realízase desde as Casas de Familia, onde familias "normais" acollen a nenos marxinais.
Cómpre destacar no traballo realizado por este colectivo o labor de Sara Jato na residencia de María Mediadora en Vilalba, galeguista e cristiá con posicionamentos claros. Cumpriría aludir tamén a Gelín, Lurdes Lage e a Chus Cobián.
(42) As "Vangardas" naceran polos anos 40 da man dos xesuitas (o P. Joaquín García Granda) como organizacións para a evanxelización do mundo obreiro, na mocidade e nos adultos; as de adultos denominábanse "Vangarda Social Obreira". De seguida foron tamén espacios políticos e sindicais porque tiñan unha gran preocupación social e non había outros espacios de organización e formación da clase obreira no país. Nestes espacios obreiros cristiáns, particularmente na HOAC e na XOC, formáronse os futuros cadros dos sindicatos e os partidos de esquerda do país.
(43) Conversas..., op. cit. pax. 65, con foto na pax, 67
(44) T.Ledo Regal, "Cómo vivo a calidade humana da miña vida crente", Encrucillada, 86, 1994, paxs. 42-56
(45) Ver o artigo de Xoanxo Barreiro, actual consiliario do Junior do Estado, "III Asemblea de Educadores do Movemento Junior de Galicia", Irimia, 187, 1985, paxs. 4-5
(46) "¿Que é o Movemento de Estudiantes Cristiáns Galegos?", Irimia, 206, 1985, pax.9
(47) V. Pérez Prieto, "As publicacións periódicas de Igrexa en Galicia", Irimia, 300, pax. 9. Ver tamén o artigo de Tintxu (Agustín Díaz) "Publicacións periódicas non diarias nos anos 70", Encrucillada, 26, 1982, paxs. 23-37
(48) V. Pérez, "O nacemento dunha revista", Irimia, 306, pax. 9
(49) Por certo, que alí cita Daniel unha frase coñecida e magnífica deste xesuíta español:"Se Deus morreu é aquí onde morreu, sintoo por vostedes, pero non se crean o centro do mundo que son só unha minoría privilexiada que vive no piso de arriba. Aló, no meu pequeno país Deus está ben vivo"
(50) M. Dourado Deira, "Primeiras experiencias dun mestre novato", Encrucillada 61, 64, 65 (1989) e 68 (1990)
(51) Particularmente sobre o tema do Celibato e os curas (números 73, 78 e 83) e unha boa reportaxe sobre o tema da droga: "Narcotráfico: Hidra e couza da convivencia", 87 (1994), entre outros
(52) M. Dourado "A clerecía parroquial: ¿unha especie atrapada a extinguir", Encrucillada, 78 1992, páxs. 83 e 84
(53) X.Ferro Ruibal, A Igrexa e a lingua galega, Consello da Cultura Galega, Santiago 1987, pax.5
(54) Ibidem, pax. 24
(55) Idem, pax. 44
(56) Pura Vázquez, Maturidade, Ed.Galicia, Buenos Aires 1955
(57) Carmen Blanco, op. cit. páxs. 102-103
(58) Teresa Barro, "A creación da muller no Xénesis. Un estudio feminista", Grial, 36, 1972
(59) Teresa Barro, "Cartas a Rosalía", Grial, 61, 1978, páxs. 291-292
(60) Ibidem, pax. 298
(61) Nieves Herrero, "Teoloxía feminista", Encrucillada, 42, 1985, pax. 6
(62) Ibidem, pax. 7. Ver tamén nestas páxinas a nota 6 do capítulo VI
(63) Luz Pozo Garza, Prometo a flor de loto, A Coruña 1992, páxs. 29-30
(64) Ibidem, páxs. 61-62
(65) X. Filgueira Valverde, "Xesús Rábade Paredes/Helena Villar Xaneiro, como acontecemento", no IV Adral, op. cit. pax. 288
(66) Helena Villar Janeiro, "Cambiáronlleme o Deus a María", Encrucillada, 38, 1984, pax. 67
(67)

H. Villar Janeiro en Encrucillada, 38, 1984

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega