Gallegada, tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña

Páxina Anterior

"O zapateiro de Cangas"

Páxina Seguinte

m2lamascarvajalzapateirodecangas.html

     Non foi un personaxe, pr'o ten relembranza e xusta fama n-a nosa terra. É conecido d'oubidas comotodol-os héroes antigos. A non ser pol-o seu zapateiro, a vila de Cangas faría esquecida com'outras moitas que gardan recordos históricos, tradiciôs groriosas, e cinsas de xenios ilustres, sin que por eso teñan lembradía.
     O zapateiro de Cangas, n-aquela celebre axuntanza de bruxa que foi o comenzo d'a sua inmortalidade, puxo como diante d'un espello a fisonomía d'o carauter gallego, dado á revoltas e retranqueiras, nemigo de rifar con naide en aparencias, e pol-a calada algueirante e capaz de xogarlle unha mala pasada ô mesmo demo, como aconteceu n-o presente caso.
     O zapateiro de Cangas arrenegaba ô demo sin terlle medo, e cando oubía prenunciar o seu nome, faguía o sinal d'a cruz por costume, e porque ansí ll'o deprenderan cando neno; mais alá pr'os seus adrentos toupada de risa ô faguer aquela cirimonia, e que Dios non ll'o tomase en conta, pasáballe âs veces pol-o pensamento a idea d'entropezar c'o demo en calquera congostra, pr'arrenegalo mais c'unha boa asentada de paus n-o medio e medio d'o cernizo c'o fungueiro que manexaba a concencia, pol-o menos en opinion d'os mozos d'alcaldía, que co-a sinal d'a cruz, pois inda que non aprendera n-a escola o zapateiro mais que á faguer garabatos y-á turrar d'as letras pra que saisen as palabras, tiña deprendido, ou metéraselle n-a cabeza, que o demo á forza de ser arrenegado co-a sinal d'a cruz, fórase afacendo á vela sin renegar, como se afai un labrego á comer broa, leite e caldiño d'unto, anque non ll'o leve o estomago, por non ter outros manxares de mais apetencia que levar â boca.
     As cornas d'o demo non lle podían tampouco poñer medo, porque dende que tiña ollos n-a cara, e dinantes que soñase en coller a subela, xa vira as cornas d'as vacas e d'os bois, e sabía por esperencia que as cornas d'a nosa terriña campan n-as testas d'os animaliños por adorno e non pr'afuracar bandullos. Ademais —segun as crónecas botaba esta conta— a lua tamen ten os seus cornos, e cando pol-os ceos andan, non é milagre nin cousa de mal agoiro que os leve o demo n-a cabeza. N-o tocantes ô rabo, tíñao por pecata minuta; millor que millor, de se chegar á ver diante d'o demo, aduanaría o collerllo entre portas como se lle colle ôs ratôs n-a ratoeira, sempre que o rey d'os infernos lle dise motivo pra que o zapateiro lle xogase unha mala pasada.
     Co-estes pensamentos andaba o zapateiro de Cangas devanando os meolos, cando a sua muller, que s'asemellaba á unha sogra pol-o roñona que era cando rifaba, pol-o xeneral á todal-as horas, lle botaba n-a cara os defeutos, que non pasaban nunca á maores, pois non tiña outros, que durmir a mona dende o lus hastr'o miércoles, e rebaixar, pol-o medio e medio as ganancias que tiña n-o trato. De festa en festa, cando unha rapaciña de ollos churrusqueiros e xeitosa de corpo lle facía encarga d'us zapatos, o zapateiro de Cangas, non porque levase picardía n-o feito, sino pra se desquitar d'as falcatruadas d'a muller, facíallos de balde y-esmerábase n-o traballo de tal modo, que saían d'as suas maus acabadiños de ben feitos e dinos de levar o aguinaldo n-unha esposición de obra prima.
     O xuncras d'a muller xa cansa de que o seu home non escarmentase con berros e churumicadas, acodeu á razôs mais contundentes. Un dia tiroulle c'unha forma ôs faciños e con tal coraxe que lle guindou os dous dentes dianteiros «¡Hoxe é dia santo n-a miña casa!» escramou o zapateiro con voz de trebon. «¡Hoxe c'o tirapê vou á repinicar n-as tuas costas como repinican as campanas cando non paran os badales!» E dito e feito, o tirapê caíulle riba d'o lombo unha, duas, vinte, corenta, cen veces, y-a probe d'a muller levou unhas fregas de coiro contra coiro, que foran d'abondo pra lle barrer cantos puntos de costado poideran afrixila anque vivise maís anos que Matusalem.
     Pra que o seu home non volvese á dar mais dias santos pol-o estilo n-a casa, colleu ela a dianteira d'as disculpas e díxolle que lle tirara a forma ôs fuciños porque a atentara o demo.
     Non quixo saber mais o zapateiro de Cangas. Ca como bon cristiano lle tiña xenreira e colleulla de renegon cando soubo que o príncipe d'os infernos, como si fose calquera mal veciño que dispuxera de vagar, se metía n-as cousas d'a sua casa, baixándose â cativez de lle dar aqueles consellos â sua parenta.
     E como en Cangas habia n-aqueles tempos bruxas —pol-o menos ansí o dixo D. Antonio Neira de Mosquera— o zapateiro entrou en tratos co-elas pra se vengar d'o demo, e dempois d'impoñerse ben n-as aduanerías e falcatruadas d'o gremio, de s'exercitar n-o manexo d'as unturas pra rubir pol-a gramalleira, e de saber montar d'acanchaperna n-o pau d'unha basoira e d'alcender como quen alcende un misto, os ôsos d'os difuntos restregándoos contr'as paredes, e d'emprestar servicios n-a Compaña pol-as aldeas, cuáseque bruxo feito e dereito, capaz de servir en casos d'apurarada d'estadeiña, ou de calquera d'esas zaramalladas d'a bruxería, o zapateiro de Cangas misturado entr'as bruxas e sin esquecerse de levar a subela, por un si acaso, voou pol-a carrilleira d'os infernos sintindo sede e fame de venganza.
     Cando chegou ô cabo d'o viaxe, ventando ô demo, dixo pol-a calada: «¡Vasmas á pagar todas xuntas!» E socedeu o que todol-os gallegos sabendes; que o demo estaba recibindo Córte, que todal-as bruxas lle bicaban o traseiro, e que cando lle chegou o turno ô zapateiro de Cangas, lonxe de lle dar o bico de cirimonia, enterroulle a subela hastr'o redaño, e que o demo non deu un brinco porque tén o pelexo muy duro e tomou a picadura, por unha cóxega, contentándose con preguntar:
     —¿Quén bicou?
     —O zapateiro de Cangas —responderon os condanados.
     —Pois que non volva á bicar porque lle pican as barbas —añadeu o demo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega