Gallegada, tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña

 

"A xusticia de Goriño d'a Estrada"

Páxina Seguinte

m2lamascarvajalxusticiadegorinho.html

     Era un hombe escuro; como vivira morreu iñorado pol-os seus viciños, que oito dias dempois de que o meteran n-a focha, nin xiquera o lembraban.
     ¡Quó fará hoxe, dempois de pasaren setenta anos!
     Faloume d'él un vello nado n-a Estrada e que recorda d'ouvidas ô Goriño, pol-os contos que lle contaban as vellas n-o fiadeiro cando ainda andaba deprendeno á soletrear n-a escola.
     O Goriño d'a Estrada vivia d'o seu como todol-os labregos; precuraba os bês qu'herdara d'os seus pais e mantíñase con traballo, mais non tiña moitos crebadeiros de cabeza, nin pasaba pol-as apuradas e sofocós que pasaban algús, porque campaba de solteiro pol-os seus respetos, non tendo muller nin fillos que lle comesen o pan, nin xiquera can que lle ladrase.
     As suas obligaciós, com'él dicía, levábaas o lombo e podia ben co-elas.
     Pero n-este mundo cativo ninguen se vé libre de traballos, e saiulle un veciño de porta con porta, picapreitos y aduanante, que lle deu mais disgustos qu'estrelas brilan n-o ceo n-as noites de vran.
     O tal veciño era o alcalde d'a Estrada, que por aquela facía de xuez, ou de nembro d'a señora xusticia, de ese eme qu de gue, como acostumaba á falar o bigairo d'a vila.
     O señor alcalde, como dispuña d'un anaquiño de mando, cobizaba que todol-os veciños o agasallasen sacándolle a manteira n-a rua e deixándolle un pernil, ou cousa pol o estilo que s'achegase ô estómago, n-a casa; tal e como si fose un señor feudal con direito á recoller cánimas e cobrar alcabalas e dezmos; mais o Goriño, que non se afacía á levar o brazo crebado, e que tiña os seus fumes de liberal, chamábase o toco n-o tocantes á sacar a monteira, e d'a sua casa n-o tocantes á carrexar regalos pr'as alleas. E como as pitas que lle cacarexaban n-o corral nunca puxeran un ovo n-a despensa d'o señor alcalde e nunca deran n-a mala maña de se deixar cocer n-o pote para serviren de prato n-a sua mesa, colleulle unha tema enrabecha ô tal Goriño, e non tivo vagar de mais prèsa que facerlle a contra para ver si lograba botalo á presidio.
     Pol-a promeira prantoulle un interdíuto, n-o que o Goriño saíu condanado con costas. «¡A promeira n-a frente!» —rosmou o Goriño rañando unha orella.
     Pol-a segunda, valéndose de testigos falsos, disputoulle o directo âs augas d'un lameiro, e tamen perdeu o preito con costas, á maores de lle quedar o seu en seco. «¡A segunda n-a boca d'o alcalde» —escramou o Goriño maneando a cabeza, e falando d'a conta á cantos querían oubilo e botaban co él un vaso n-a taberna, decíalles que o alcalde traballara tanto pra lle ganar o preito d'as augas, pol-a mor de que non lle debecese a ferraña n-o lameiro e de que non lle faltase, com'ô burro de boa caste, a matanza n-o presebe.
     O señor alcalde soub'o dito, que n-as aldeas non se fala cousa que non se sepia, colleullo por testigos, e meteuno n-unha causa criminal por desacato «¡A terceira n-o peito!» —rosmou o Goriño, e dende aquela xuroullas e fixo mentres de tomar a xusticia pol-a sua mau.
     En tendo noticia de que ô señor alcalde lle doia a cabeza, dispoñendo de cartiños o Goriño, mercaba foguetes de tres estralos e púñase á botalos dend'a solaina d'a sua casa: si non-os tiña, contentábase con meter moito barullo.
     Si o alcalde saía, púñase á tocar un corno, e inda ben non lle ganaba unha volta cando escarrameland'os ollos e botando a monteira pr'atrás, acenáballe d'un xeito que calo, porque fora descurtesía decilo. Vamos, que lle faguía unha figa con mangas.
     N-eso de xenreiras, non hay millores maestros qu'os aldeanos, y-o señor alcalde, que pouco mais, pouco menos, era d'a xeitura d'o Goriño, non se quedaba curto en amostrarlle o coraxe que lle tiña. E socedeu d'unha vez que namentres que o Goriño foi â feira de Santiago, botoulle herba d'o rato âs pitas que touparon como castañas.
     'O volver d'o viaxe e vendo aquela estragueira n-o seu galiñeiro, deprocatándose de quen fora, botou un ¡barau! que resoóu n-as carballeiras veciñas, e dixo berrando com'un condanado: «¡Nin por esas ha d'ir o preito adiante: pr'o feito non vale a pena de pidir xusticia escribindo en papel sellado! ¡A miña xusticia háse de faguer de modo que deixe sona!»
     E non falou mais nin houbo en tres dias quen vise o Goriño en ningures. Algús coidaron qu'enfermara c'o sentemento d'a morte d'as galiñas.
     Por aquela eran as vísporas d'a festa d'a vila.
     O maor d'a xusticia de Santiago tiña por costume ir á ela e parar n-a casa d'o señor alcalde d'a Estrada. Aquel personaxe de tantos perendengues montaba unha égoa de mais de sete coartas d'alzada, d'un paso d'andadura en armunía co-a grandeza d'o princepe d'a curia gallega e que causaba ademiracion e pasmo entr'as xentes d'a vila, d'o que non deixaba de se gabar o seu dono.
     Chegou o dia d'a festa, y-o cabaleiro de Santiago non faltou. Apeóuse d'a égoa, e namentres o criado, dempois d'atala, foi a porpararlle o acomodo, paseniño, paseniño, coidando de que ninguen o vise, chegouse o Goriño â besta, e c'unha navalla d'a barba arrabanoulle o fuciño d'enriba deixándoll'os dentes ô descuberto. Dempois fuxiu pr'a sua casa, e como quen non alcontra en que pasar o tempo, púxose n-a ventana c'un pito alceso n-a boca, vendo pasar a xente e deixando cair de pouco en pouco unha galiña morta diante por diante d'o animaliño que s'alcontraba debaixo.
     As xentes qu'iban e viñan escomenzaron á fixarse n-o fato de galiñas tumbadas n-o chau, e n-os dentes d'a desfociñada égoa d'o gran señor de Santiago e non fatou quen dixese con estraneza: «¡N-a miña vida outra che vin! ¡Estas bestas d'os grandes señores non fan mais que rir! ¡Cómo se conece que andan folgadas e que teñen que comer â fartura!».
     Estes ditos y-o run-run d'os curiosos, chegaron a oubidas d'o señor alcalde d'a Estrada e d'o gran maxistrado de Santiago, que viron pol-os seus ollos a falcatruada.
     —¡Foi o Goriño, que malos lobos me non coman si non foi él quen tal fixo! —escramou o alcalde n-a cume d'a indinacion.— ¡Prendelo e que se presente diante de min! —añadiu o maxitrado tremando de coraxe.
     O Goriño compareceu, manso com'unha ovella e tranquilo com'un inocente.
     —¿Sabes o que fixeche? —interrogou o maxistrado poñéndoll'us ollos com'os d'as furias d'o inferno.
     —Ande, como non s'esprique d'outra maneira, ansí Dios me salve si o entendo.
     —¿Sabes en que disposicion s'alcontra a miña égoa?
     —Si lle son de servicio e quere que a vexa, dempois de m'enteirar direillo, anque a miña opinio n-eso de torzós de cabalos non lle val nin migalla; xa se vé, como nin xiquera son ferrador...
     —¡Pero eres un pillo!
     —Como vosté conece, naide ten mais creto que o que lle queren dar.
     —Tí fuche o que me desfuciñache a égoa.
     —¡Ay María Santísima que cousas m'apoñen, señor maxistrado!
     —¿Quéres negalo?
     —¡E porque non hei de negalo, si non fun!
     —¿Non sabes que a miña égoa está desfociñada e c'os dentes d'enriba ô descuberto, de xeito que parés qu'está rindo?
     —¡Acabáramos, señor maxistrado! ¡Estonces xa cayo n-a conta, estaráselle rindo d'as miñas galiñas mortas! Non s'apure, a cousa elle natural, pois non é milagre nin cousa que se lle pareza, que a besta d'o señor maxistrado (con perdon) esté rindo unha gracia d'o meu señor alcalde. Fóralle pior que non poidera reíla como lle pasa âs miñas galiñas, que morreron por unha desgracia.
     O señor maxistrado, caindo n-a conta d'a retranqueira, escomenzou á rir com'un tolo, namentres que o alcalde d'a Estrada dábase á todol-os diaños ô ver a mala pasada que lle xogera o seu enemigo de sempre.
     Mais tarde, e por aqueles tempos, cand'as cousas se falaron como foran, non había nin curial nin preiteante en Galicia que non soupese de que casta era a xusticia d'o Goriño d'a Estrada.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega