Luz de novembro

 

I. Quintana dos mortos. Escolma.

Páxina Seguinte

v1bernadinogranaluz001.html

LUZ DE NOVEMBRO
(NA MORTE DO XENERAL FRANCO)


E, por fin, xeneral, xa vas fedendo.

E agora que os carunchos, as lombrigas,
os vermes, as bacterias en exércitos
avanzan contra ti baixo da terra
e van furar voraces na fermosa,
rica madeira e guata do teu leito,
nós temos que facernos outros bichos,
nós temos que afiar uns dentes irtos,
potentes, penetrantes, para roerte,
para acabar contigo e cos soldados
na inercia das túas ordes, sen cerebro.
Nós temos que saber erguer os puños
pechados e moi fortes ós fociños
dos ogros axudantes do teu reino.

Non vale que ti mesmo, os teus esbirros,
vos agachedes baixo os crucifixos,
non vale que finxades ser apóstolos
ou santos baixo palio ou pobres vellos.

Sabemos que nos toca o labor duro,
a loita de escachar todo o castelo
montado na traición e na falsía,
e agora, coma a chuvia de Galicia,
cairemos sobre vós pinga tras pinga,
cairemos coma os golpes do martelo
do firme forxador ou do canteiro.
E afastaremos as noxentas bocas
dos teus lobos e cans a recomernos
e temos que facer que estoupe o ventre
que deixas empreñado con xermolos
dos teus horrendos cómplices do infemo.

Vexo a cidade estática, pasmada,
polas molladas rúas amencendo,
falando en grupo a xente, con prudencia,
con pánico avanzando. Hai unha nube
moi grande e moi escura polo ceo.
Os fumes dos tellados soben lentos.
Domina aínda a sombra, pero hai patios,
reductos que alimentan en segredo
unha manda de galos atrevidos
que van cantar a luz, dar peteirazos,
escangallar coas uñas os poleiros
das pitas da inmundicia medoñenta.
E axiña firmemente escacharemos
a longa noite pétrea, todo o medo.

Por fin, ouh desgraciado, vas metido
nun rico cadaleito, es un cadáver
que fede en toda España xa hai ben tempo,
que quixo a todos nós apodrecernos
xa antes de morrer, e irás seguido
de outros coma ti podres por dentro,
podremia con aspecto de persoas,
fantoches xunto a cruces, entre bispos,
hipócrita función, fraude do demo.

Abramos as ventás. Amence un día
que trae o amencer dun novo tempo.
¡Hai aire renovado! ¡Xa respiro!
¡Xa cantan polo albor os galos ledos!

¡Vainos nacer gran luz nesta xornada!
As néboas da nenez, aqueles contos
terribles xa se van esmorecendo.
E vexo, xeneral, as bambolinas,
cortinas, gran telón, todo o teatro
da farsa, da mentira desfacéndose.

Agora contra ti un gran exército
de couzas, vermes, lesmas e bacterias
avanzan invencibles baixo terra,
soben á faraónica pirámide,
ó teu vaidoso túmulo con templo,
ostentación de cruz en sacrilexio,
e invaden de «caudillos victoriosos»
polo aire, polas fendas do sartego,
avanzan implacables na túa caixa,
profundan polo escroto, polo cranio,
papan os torpes miolos, xa devoran
a man coa que firmaches as sentencias,
a man que só quería firmar morte
e ternos entre reixas e tristeiros.

¡Cantemos! ¡Aleluia! ¡Deamos gracias!
¡Morreu o Satanás, o non amigo!
iGran luz pode vir hoxe, neste día,
neste amencer grisallo de Novembro!

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega