O Ferreiro de Santán. Taberna sin dono

 

"O ferreiro de Santán". Pirmeiro Feito

Páxina Seguinte

O ferreiro de Santán (Pirmeiro feito)


Peza en tres feitos, o segundo partido en dous cadros

     Ista obra foi estreada no "Teatro Argentino" de Buenos Aires, no mes de decembro do ano 1941 pola Compañía Galega BOGA-TACHOLAS, co siguinte


REPARTO
(Por orden de aparizón)


FARRUCO ................................
DON PEPITO ............................
CAROLINA ...............................
BREOGAN ...............................
XOSE .......................................
ALBORADA ..............................
AGUILLON ................................
RAMIRO....................................
MARICA ...................................
FERREÑA ................................
SOLANO ..................................
CACHARUXA ............................
GUARDA 1.° .............................
GUARDA 2.° .............................
CARMELA ................................
TABOADA ................................
CARTEIRO ...............................
Fernando Iglesias  (Tacholas)
Alfonso Costela
Eva Carreras
Antonio Cubela
Xosé M.ª Vilas
Maruja Boga
Berto Salgado
Alfonso Bouzas
Pepita Arias
Orfelina Garrido
Luis López
Charito Vázquez
Xosé M. Vilas
Berto Salgado
Maruxa Lorenzo
Alfonso Bouzas
Xosé Varela
Mulleres e homes do pobo.
Apuntadores: E. Schultz e Luis Iniesta
Bocetos: Alfonso R. Castelao.

     No remate, aituaron os cantantes Xosé Vales e Lito López, como eisimesmo os acordeonistas Laxe-Sixto.
     O feito desenrólase nunha aldea da provincia de Pontevedra, aló polo año de 1917.
     Direita e izquerda, a dos traballadores da escea.




PIRMEIRO FEITO

    Unha típica forxa galega composta da maneira siguinte: No foro, á dereita, porta de duas follas superpostas que xogan independentemente, pois é costume ter aberta a de riba e cerrada a de baixo. No centro do foro, a un metro de outura, hai unha fenestra con ferros cruzados. Na banda direita, pirmeiro térmiño e formando chaflán, hai unha porta de unha soia folla, que comuñica co interior da casa. Aló perto do cume, na banda izquerda, hai un tragaluz. Mesmo enfronte da fenestra i achegado á mesma parede, está o fogón, que consiste nunha morea de pedras axeitadamente postas, pois debaixo do devandito fogón está a carboeira. Antre o fogón i a banda izquerda está o barquín, tipo antergo, a palanca. No medio da escea, asentada nun cepo de regulares dimensiós, está a zafra. Sóbor da izquerda, pirmeiro térmiño, hai unha tinalla con auga na que o ferreiro temprará as ferramentas. Unha rexa viga que atravesa de direita a izquerda sostén o tellado. Tenazas de longos brazos, sachas, ligóns, fouciños e ferros de distintos tamaños compretan a escea. As paredes i o chan son mouras, por afeitos do carbón.




ESCEA I

     A escea aparez soia, de mañán moi cedo. Dempois que o galo cantou, entra Farruco por direita.
FARRUCO.- (Viste modestas roupas de pana coor tabaco, con cueira e xionlleiras de pana moura; o chaleque é de baieta bermella. Os abusos dos malos políticos fixeron del un home rutinario, mecánico, pesimista, sin caráiter até finar o pirmeiro Feito, intre en que se atopa a sí mesmo e trócase en home de temperamento rexo e insobornábel. Corre pra os satenta anos. Dempois de lavarse na tinalla onde da as tempras, e namentres se vai secando, quítalle a tranca á porta e abre a folla superior. Achégase ao fogón pra acender o lume. Dempois duns golpes de palanca, bótase a falar). Acéndete, lumiño, acéndete, que tamén o novo día acendeu o seu candil. Vamos, vamos, que de eiquí a pouco hai duas cuartas de sol... i eu sin dar comenzo a laboura. (Sigue manexando a palanca do barquín).



ESCEA II

FARRUCO e DON PEPITO

D. PEPITO.- (Unha relaxada caricatura de fegurón. Non ten ideias, pero fai política por un desmedido afán de fegurar. Canta máis preitesía lle rinden, tanto máis se enfoncha. Cando nas conversas se atora e non atopa recursos pra sair airoso, apunta un tic nervioso consistente en estarricar a chaqueta, acomodar o chapeu, sacudir unha orella coma se nela se lle pousara unha mosca, etc., etc. E un farfalleiro, un improvisado, un home sin formación de ningunha cras, pero de bon fondo. Pasa dos sasenta anos. Viste discretamente, anque non gasta chelina; usa bigote e gasta chapeu de aza ancha. Entra resoltamente por foro).
¡Saúdiña, Farruco, saúdiña!...
FARRUCO.- ¡Saúdiña, don Pepito!... Parez que as camas se puxeron de acordo pra sacudirnos á mesma hora ¿non sí?
D. PEPITO.- ¡Estamos en días de moita madruga, meu amigo!...
FARRUCO.- ¿As eleicións, craro?
D. PEPITO.- Xustamente. E... ¿conto ou non conto co teu votiño?
FARRUCO.- ¿O meu voto? ¡Qué perguntas me fai vostede, don Pepito! ¡Diso... nin se fala, don Pepito, nin se fala! Ben ou mal empregado, pra vostede ha de ser.
D. PEPITO.- (Pasándolle a man polo lombo). Conténtasme, hom, conténtasme; es bon amigo.
FARRUCO.- Dous vicios teño que hei de levar pra o burato: o de fumar i o de votar por aquel que vostede me mande.
D. PEPITO.- (Pasándolle a man novamente). ¡Ai, se tudos foran coma tí!... Tí es un home, xa se ve...
FARRUCO.- Non sei si son un home ou son un farrapo, pero son como se ve.
D. PEPITO.- Boh, tí es como compre ser: amigo dos amigos. (Dalle tabaco).
FARRUCO.- (Poñendo lume ao pitillo). ¿Quén é, quén é o candedato?
D. PEPITO.- (Dempois dun pequeno tidubeo). Boh, trátase dun señorito de, de ...
FARRUCO.- Xa, xa... Hai quen dixo —cousa á que non dei creto ningún— que o tal señorito... non é galego.
D. PEPITO.- ¿Qué nos importa que sexa ou non sexa galego? O rapaz é de Sevilla, sí; ah, pero xa leva en Pontevedra máis de catro anos, eh.
FARRUCO.- (Apuntando a indifrencia propria do que se sabe enfermo e sin remedio pra as súas doencias). Sexa ou non galego... ¡adiante con el! (Pequena pausa). De tódalas maneiras..., botar deputados galegos pra Madrid, ven a ser o mesmo que botar fillos pra terras de fora: pérdenlle cariño á Terra i á familia. (Con certo misterio). Craro: cando se alcontran naquelas rúas madrileñas, barridas coma chan de igrexa, xa non se lembran máis da lama que nós quedamos amasando nas congostras da nosa terra.
D. PEPITO.- ¡Cómo coñeces o percal!
FARRUCO.- ¿E logo non é certo, don Pepito?
D. PEPITO.- Sí, home, sí... Os deputados galegos decote foron uns lacazáns, ¡uns galdrapeiros!
FARRUCO.- En custión de política... sofrín moitos desenganos e perdín a fe no voto.
D. PEPITO.- (Dando mostras de satisfaición). Pensas moi ben, Farruquiño, moi ben; es dos meus...
FARRUCO.- ¿E qué tal obra pormete faguer o novo deputado?
D. PEPITO.- ¡Moi boa! Antre outras cousas, agrandará as cárceres pra arrematar cos pillos, cos rillotes, cos que andan a falar de autonomías, de soparaciós, de liberdade e de outras cousas non menos noxentas.
FARRUCO.- Pois xa é algo.
D. PEPITO.- Boh, fará o que nós lle mandemos, home; pra iso entra.
FARRUCO.- Non sería malo pedirlle unha carreteira...
D. PEPITO.- (Con tono disuasivo). Tí estás louco, Farruquiño, ¡estás louco! ¿Non ves, miolo barolecido, que se nos fan unha carreteira por eiquí teremos que botar noites inteiras sin fechar ollos? (Faguendo a sinal da cruz). (¡Alabado sexa!... Non, home, non; as carreteiras son boas únicamente pra que nos aumenten os consumos e contribuciós, ao tempo que escorrentarían distas nosas aldeas a tranquilidade de que disfroitamos: os xitanos roubarían as nosas galiñas, os automovles esmagarían os nosos porcos, os nosos cuxos...
FARRUCO.- Sendo eisí... ten vostede razón. (Aparte). ¡Qué burro son eu, mala centella! (Dempois dun sorriso). Vostede ten o conto ben estudado...
D. PEPITO.- ¡Vaia se o teño!
FARRUCO.- Sí...
D. PEPITO.- Sí, home, sí. ¡Por algo me coñecen en Madrid, amiguiño! (Transición). O que nós percisamos nista nosa parroquia, é un cimiterio tan bon ou millor co de Sant'Iago.
FARRUCO.- (Mostrándose ledo). Iso, iso, don Pepito (Supricante). E percure que sexa un cimiterio tan fermoso... que mesmamente convide a morrer canto denantes; que faga estourar de envexa aos outros mortos da banda daló do río...
D. PEPITO.- Xa verás, xa verás.. Tí durme tranquiliño. (Dempois de pequena pausa, prosegue, apesadumado). Sinto muito que o teu fillo non pense coma nós, hom... (Farruco aperta o fuciño en sinal de resiñación; don Pepito, dempois duns abaneos de cachola, reaiciona). Boeno, pior pra el ¿Coidas que gañará algo faguendo propaganda pra o fillo do muiñeiro, pra ise galeguista que ninguén coñece en Madrid? Bah, bah, bah...
FARRUCO.- Ao meu fillo..., malpocado..., non lle rexe a cabeza.
D. PEPITO.- Sí, home, sí; o teu fillo é unha tarabela, un xoguete do ar...
FARRUCO.- Que Deus goberne, que se non...
D. PEPITO.- (Dispóndose a marchar). Boeno, Farruco, deica máis ver... (Alanca até a porta, detense caviloso e volta até Farruco pra decirlle, en tono confidencial). Escoita: Se poideras rispar ao teu fillo pra o noso bando... ¿Tí entendes, Farruco?
FARRUCO.- Entendo, sinor, entendo, pero... (Pechando o fuciño e pondo cara de circunstancias). ¡hummm... Non me comprometo, don Pepito. Cando se bota a falar de política, nin Deus o atalla: sabe il... o que lle esqueceu ao demo.
D. PEPITO.- (Despeitivo e dempois de apuntar repetedamente o tic nervioso). Boh, di burradas, parvadas... (Vaise até a porta e volta novamente). Se ves que o podemos domear mercándolle un traxiño...
FARRUCO.- ¡Non se fai ren! Praitica unha cras de políteca tan enrevesgada que, con tal de andar limpo, non se degora polos bons traxes, Boh, é un baldrocas...
D. PEPITO.- ¡Un lacazán! (Transición). Boeno, xa che tragueréi a papeleta pra que pasado mañán a metas na urña. (Desaparez por foro).
FARRUCO.- (Dempois de longa pausa e dar uns golpes de palanca, bótase a falar, coma enoxado consigo mesmo). ¡Unha centella que os parta! (Pequena pausa). Traballando sempre, botando escuma pola boca coma faco por baixo da albarda, pra non verme nunca dono dunha peseta. ¡Un raio que os parta a tudos xuntos en catro dúceas de anacos! (Pequena pausa). Mesmo me dan tentaciós de encher de sal os cañóns da escopeta... e barrer caciques coma que barre follas pra faguer estrume. (Vai á porta de direita pra berrar). ¡Ai, Carolina!
CAROLINA.- (Dentro). ¿Qué queres, Farruco?
FARRUCO.- ¿E non se ergueu aínda ise noso fillo, muller? (Volta até o fogón e ponse a manexar o barquín).



ESCEA III

FARRUCO e CAROLINA

CAROLINA.- (Entra a escea). Eu che axudaréi, home, eu che axudaréi; o rapaz está comendo as sopiñas: non o estorbes. (Ponse ela a manexar a palanca do barquín).
FARRUCO.- Temos un fillo que nos honra, chacha.
CAROLINA.- (Tenra nai e boa compañeira: vive pra o seu fillo e pra o seu home. De moita intuición, de poucas verbas e de caráiter afábel; pasa dos sasenta e viste homildosamente). En custión de traballo, é coma tudos; en custión de listura... non hai no mundo inteiro outro coma el.
FARRUCO.- Non foi a Cádiz pra xuntar cartos, non; foi pra escaparlle ao oficio. Pero... voltou correndo; aos dous anos, xa estaba de volta. Os andaluces..., ao parecer, tampouco pensan coma el.
CAROLINA.- (Sempre manexando a palanca do barquín). Bah, bah, bah... Boa alegría tiveches cando na casa o viches novamente.
FARRUCO.- Non o nego. Ninguén lle mandou que se fora. (Pequena pausa). Ista cras de homes con siso de laberca... non lles gosta ser ferreiros, dalles vergoña...
CAROLINA.- O rapaz nasceu pra ser outras cousas.
FARRUCO.- Nasceu pra ler libros, iso sí. E xa lle podes decir que non quero que bote a noite de cabo a rabo queimando no gas do candil. Se lle ten apego aos libros, ¡que os coma! Ah, pero... o gas costa cartiños, chacha. (Pequena pausa). (¡Libros, libros!...) Moito millor fora que trouxera menos libros e máis roupas, ou tripas curadas pra faguer chourizos.
CAROLINA.- ¡Deixa que lea, home, deixa!... Pra pandorcas abondamos tí e máis eu.
FARRUCO.- (Achegando carbós ao lume de cando en cando, remexendo nos ferros, etc.). Bah, bah, bah... Os libros son bons pra quen os entende, pra quen os estudou.
CAROLINA.- Pois el estuda pra entendelos.
FARRUCO.- Pois eu vexo que cada día que pasa máis burriño el é. Iste outro día propúxenme saber até ónde chegaba a súa listura e, malpocado, é un parvexolo calisquera.
CAROLINA.- (Zumbona). E logo... ¿cómo fixeches?
FARRUCO.- Díxenlle eisí: "Se che poñen un libro i un laconciño diante, ¿en cál das duas cousas escolles, rapaz?" E vaise el e respondeume: "Se o libro é de Pi y Margall ou de Pablo Iglesias, escollo no libro". Non puiden aturar semellante parvada e ceibei unha gargallada que fixo pandear as tellas do teito.
CAROLINA.- ¡Deus che dea siso!
FARRUCO.- (Erguendo as mans ao eco). ¡Dispreciar o laconciño por un libro!... ¿E quénes serán ise Pablo Iglesias e mail-o Pi Margall?
CAROLINA.- ¿E qué me perguntas a mín, Farruco?
FARRUCO.- Boh, uns louquiños coma el.
CAROLINA.- A tí sosmentes che convence o cacique, o D. Pepito; non porque sexa máis listo co noso fillo, senón pola vella e noxenta costume que tedes de faguer canto vos mandan os caciques, os que teñen a andorga en Galiza i o corazón fora dela.
FARRUCO.- (Con certa eistraneza). Parezme que o fillo che está revirando o siso chachiña. Non, pois... (Dempois de rosmar algo por antredentes). ¡O noso fillo non convence a ninguén!
CAROLINA.- ¿O noso fillo? Convencerá a cantos haxa que convencer, e tamén a tí.
FARRUCO.- ¿A mín? (Xa escomenza a dubidar de sí mesmo). Vaia, Carolina, vaia...



ESCEA IV

DITOS e BREOGAN

BREOGAN.- (Aposto mozo, sobrio, cauteloso, amábel: repersenta o alanque en sostida loita co medio circundante. Ten vintecinco anos. Entra resoltamente e disponse a relevar a súa nai; lémbrase do diantal, pousa o libro e volta á cociña). Xa volto, miña nai; vou polo diantal.
FARRUCO.- (Sinalando pra o libro). Velehí o tes: decote masticando libros.
CAROLINA.- E tí decote perdendo de masticar lacós.
BREOGAN.- (Volta da cociña poñendo o diantal). Deixe, nai, deixe. (Sigue manexando a palanca do barquín).
CAROLINA.- (Dende a porta da cociña, a maneira de consello). Cando veñades á cociña, abride a porta con tino.
FARRUCO.- (Con sorna). E logo... ¿vas mazar leite detrás dela ou?...
CAROLINA.- Voulle poñer uns trapiños nas randixas pra non ouvir os bourazos que dades na zafra, que xa me teñen a cabeciña louca.
FARRUCO.- (Bulrón). Se tapoas os ouvidos, aforrarás trapos: dous buracos son menos que unha dúcea deles.
CAROLINA.- Atende, atende ao que estás faguendo e deixa os meus buracos. (Desaparez por direita).
FARRUCO.- (Dempois de achegar o lume e tantear o podón que está quentando, coma falando consigo mesmo). ¡Centella che fenda! (Pequena pausa). Unhas i outras non fan máis que condenar a ialma dos que nin tempo temos pra ir á misa.
BREOGAN.- (Solprendido, parando de ler e de manexar a palanca). ¿Qué lle fixen, pai?
FARRUCO.- (Tenro). Toca, rapaz, toca, home; non é por tí que eu falo soio: é polo raio do recaudador de consumos...
BREOGAN.- (Manexando a palanca novamente). ¿Qué lle fixo?
FARRUCO.- ¿Qué me fixo? Tres patacos de suba por cada recibo. (Indiñado). Inda afoguen con iles tódol-os de Madrid.
BREOGAN.- (Decote apromado). Nin o recaudador nin os de Madrid Ile teñen a culpa, pai.
FARRUCO.- Pos non vexo quén a teña.
BREOGAN.- Pois compre que vexa quénes son os culpabres das nosas doenzas, que non son outros que vostede mesmo e tudos cantos coma vostede pensan.
FARRUCO.- (Con sóborsalto). ¿Qué teño eu a culpa? ¡Home, vai daí!... (¡Qué culpa terei eu!)...
BREOGAN.- Por pensar como pensa, sí, sinor.
FARRUCO.- (Pesimista). Boh, eu xa non penso.
BREOGAN.- Mal feito.
FARRUCO.- ¿E qué queres que faga?
BREOGAN.- ¿Qué quero que falta? Pois quero que vote polos nosos e nunca polos alleos, que se convenza de que Galiza debe ser gobernada por nós, que somos os que millor a coñecemos e queremos.
FARRUCO.- (Desprendidamente). Pois gobernádea.
BREOGAN.- Pois vexa ben pra quén vota.
FARRUCO.- Xa vexo.
BREOGAN.- Pois se ve..., ¿de qué se queixa?
FARRUCO.- Dos ladróns, que non me deixan vivir.
BREOGAN.- ¿Pra qué os vota?
FARRUCO.- (Tidubea). Boh, millor calar.
BREOGAN.- Quen da o voto aos caciques, sin ter en conta o mal que a Galiza lle veñen faguendo dende sempre, non é persoa diña nin responsábel.
FARRUCO.- Os políticos... todos che son dun feitío. I a túa política é a máis ruín de tudas.
BREOGAN.- ¿Por qué?
FARRUCO.- Home..., de ser todos igoales..., tudos seríamos ferreiros.
BREOGAN.- (Dempois dun sorriso). Unha xustiza igoal pra tódolos cibdadáns, non quer decir que todos sexamos ferreiros. (Pequena pausa). Nós queremos rispar a Galiza das gadoupas de quenes non a saben gobernar, dos que a queren únicamente pra zugala. Dempois do rescate, poñeremos ao seu fronte a tudos aquiles homes que contempren coa mor xustiza as necesidades de tudos nós...
FARRUCO.- (Saíndo do seu aparvamento). Pra conseguir iso... compre ir a Madrid armados de boas mocas, e nin eisí.
BREOGAN.- Non, pai, non; votando por quen se debe e vixilando ben o votiño...
FARRUCO.- (Xa medio convencido). Boh, vos os xóvenes coidades que Ile ides dar volta ao mundo e... (Reaicionando). A mín non me convences, eh; non teñas medo.
BREOGAN.- Pois eu tamén lle digo que as persoas honradas non dan o voto aos caciques.
FARRUCO.- (Amoscado). ¡Eeeeh!... ¿Qué é iso? Máis ó xeito, eh, máis ó xeito; nos esquenzas que son teu pai e que nascín denantes que tí.
BREOGAN.- (Homildoso). Está ben, pai, está ben... Levando as cousas a ise terreo.
FARRUCO.- (Quita o podón do lume i os dous se poñen a mallar nel. Dempois que mallaron un tempo prudencial, Farruco dá repetidos e lixeiros golpes de martelo na zafra, sinal que os ferreiros fan ao compañeiro pra que deixe de mallar. Vendo que Breogán seguía mallando sin faguer caso da sinal, Farruco berra). ¡Para, rapaz, para!... ¿Non víchel-a sinal?
BREOGAN.- Pois non sei en qué estaba pensando... (Pendúrase da palanca de barquín novamente).
FARRUCO.- (Dempois de voltar o podón ao lume e de botarlle unha ollada de soslaio a Breogán, afable e supricante). ¡Pon, home, pon atenzón ao oficio... Anque algo escravo, non é dos máis ruíns.
BREOGAN.- (Homildemente). Non me entra, pai, non me entra...
FARRUCO.- Se o colleras con un chisco de agarimo..., xa verías cómo che entraba. (Dempois de pausa, inxénua i amistosamente). E se algún día trunfan os homes que pensan coma tí, ¿nos darán algunha leiriña ou nos quitarán algunha das que temos?
BREOGAN.- (Dempois de doce sonrisa). No tocante a leiras, nin-os darán nin-os quitarán.
FARRUCO.- Entón, fillo meu ¿qué raios de política é isa? (Dempois de quitar o podón do lume e darlle unhas marteladas il soio, rosmando por antredentes, achégase á tinalla pra darlle tempra; Breogán tamén se achega). Mira cómo se da a tempra ¿ves? (Vai metendo o podón paseniñamente na tinalla pra quitalo polos ares con impresionante lixeireza —o ferreiro que coñece o oficio ben sabe que o ar tamén tempra—; despois de ista proba, que fixo con marcada solemnidade e maestría, mete e saca repetidas veces o podón na tinalla, decindo): Eisí, meter e sacar deica que lle veña...
BREOGAN.- Xa sei, xa...
FARRUCO.- (Taxante). ¿Qué sabes?
BREOGAN.- (Tidubeando). Pois..., meter e sacar deica que lle veña...
FARRUCO.- ¿Qué é o que lle ten que vir?
BREOGAN.- Boh, tiña a resposta debaixo da língoa e...
FARRUCO.- E fuxeuche pra o estámago, craro. (Transición). Dempois de meter até o fondo da tinalla a peza que se desexa temprar e quitala coa lixeireza que viche —¡non esquenzas que o ar tamén tempra!—, hai que seguir metendo e sacando até que lle veña coor de perdís. (Insinándolle o podón). Coma iste; ¿non-o ves? Pois xa está. (Dempois de pousar o podón e desatar o diantal, pergunta). ¿E María Manoela de Cornado non voltou por eiquí co importe das carabuñas que lle fixemos?
BREOGAN.- Non-a vin.
FARRUCO.- (Colle o podón e disponse a sair). De camiño que vo falar con Xoaquín do Coto, por mor da estibada da Seara, levareille o podón a Taboada. Namentres eu non volto, colle un ferro calisquera e praitica, anda. (Vai sair por foro, pero dalle outra idea e faino pola direita).
BREOGAN.- (Avisándolle). ¡Coidado, pai, coidado cos trapos!...
FARRUCO.- (Deténdose a pe da porta). ¿Qué trapos?
BREOGAN.- Os trapos que a nai dixo que ía poñer nas regandixas: ¿non se lembra?
FARRUCO.- Tes razón. (Chama). ¡Caroliiina!...
CAROLINA.- (Dentro). ¿Qué queres, Farruco?
FARRUCO.- ¡Quero que quítel-os trapiños todos!
CAROLINA.- ¿Qué dis, Farruco, qué raio dis?
FARRUCO.- (Supricante). ¡Quita, muller, quita ises farrapos!...
CAROLINA.- ¿Estás louco ou tes ganas de leria? Vai rebuldar co can, anda. (Farruco dalle un empuxón á porta e desaparez da escea).



ESCEA V

BREOGAN e XOSE

XOSE.- (Home xoven e robusto, outamente suxestionado polo cacique. Vive de xornales e viste probemente. Entra resoltamente, mal humorado, con un podón na man; a folla do podón descrebe varias curvas). ¿Non está teu pai?
BREOGAN.- Non, non está. E logo... ¿qué lle querías, Xoseíño?
XOSE.- Quero darlle unha leición en materia de tempras.
BREOGAN.- (Sorrindo). Pois non sabía eu que entendes de ferreiro.
XOSE.- Non estou pra brincadeiras, chacho. O conto é que nin ben metín o podón nas carpazas ¡zas! domeoulle o fío. Teu pai ten a noxenta costume de temprar a cota dos podóns. ¿Non sabe el que é o fío e non a cota o que debe ser temprado? Pois eí o tes: un podón noviño e quedou retorcido coma ponla de viña.
BREOGAN.- (Eisaminando o podón). Pois tes tí razón, home. Cando veña meu pai, xa lle direi que meta o fío debaixo da auga e que deixe a cota fora...
XOSE.- ¿E non mo poderías arranxar tí, home?
BREOGAN.- Non, non podo; eu non entendo de ferreiro.
XOSE.- ¡Non me digas!... E logo... ¿qué adeprendiches nos dous anos que botaches aló por Cádiz?
BREOGAN.- Pouco de tudo, e menos de ferreiro.
XOSE.- Non hai aló toxos pra cortar... ou arríncan-os coas mans?
BREOGAN.- Hai toxos, home, hai... Pero, os toxos que polo mundo adiante alcontran os que de Galiza se van, non son dos que se cortan cos podóns millor ou pior temprados: córtanse despexando ísto (Tocando a cabeza), a mente dos homes.
XOSE.- (Aparvado). E logo..., ¿qué cras de toxos son ises, meu amigo?
BREOGAN.- Boh, deixemos iso pra outra hora de máis vagar. (Transición). ¿Pra ónde vas con tanta presa?
XOSE.- ¿E pra ónde che parez que irei? Como vivo de xornal, i agora de inverno non hai quen me queira, fun cabo do tío Mingos da Casa Grande pra ofercerlle os meus brazos. Díxome que lle fora chimpar unha carrada de toxos pra ista noite cocer, e vel-eí o conto. Non gaño nada, pero teño a cea segura. Os que non temos terras proprias, se non queremos morrer de fame, temos que ofercernos pola comidiña en determiñadas ceifas do ano.
BREOGAN.- Tes razón, home, tes... ¿E non che parez que ises tamén son toxos que nos firen a ialma e que compre ver a maneira de chimpalos?
XOSE.- (Como despertando de profundo sono) ¡Xa o vexo!... ¡Craro que deben ser chimpados, barridos do poso chan pra que non firan a máis ninguén! (Entristecéndose). Pero eu, que non dispoño de outra ferramenta que iste podón, mal podo pensar en chimpar outros toxos que aquiles que aporveitamos pra cocer. Pra cortar isa cras de toxos de que falas, compren ferramentas que non están ao alcance dos meus cativos coñecementos.
BREOGAN.- (Gradamente solprendido polos razoamentos de Xosé). Xoseíño..., dentro de tí... ¡hai un home de rexedume galega!
XOSE.- (Seco). Sin faguer, xa se sabe.
BREOGAN.- Sempre que tí queiras, farémol-o; xa verás.
XOSE.- E tarde.
BREOGAN.- Nunca digas que é tarde, nin esquenzas que tudos temos axeitadas ferramentas pra loitar por unha millor vida; compre saber empregalas, iso sí.
XOSE.- Non sei se temos ou non temos tudos as ferramentas de que falas, pero, inda que as teñamos..., hai difrencia nas tempras.
BREOGAN.- Home, agora que falaches das tempras... (Mete o podón ao lume, non sin denantes darlle unhas marteladas en frío).
XOSE.- (Berrando, botando as mans á cabeza e pegando choutos poda escea adiante). ¡Por Deus, Breoganciño!... Mira que non teño outro... ¡Non mo fagas domear!...
BREOGAN.- Dalle, home, dalle ao barquín...
XOSE.- ¡Non mo queimes, polas almiñas do purgadoiro!...



ESCEA VI

DITOS e CAROLINA

CAROLINA.- (Acudindo aos berros de Xosé, moi asustada). ¿Quén, quén se queima?
BREOGAN.- Ninguén, nai, ninguén: vou a temprarlle o podón a Xosé, e teme que llo queime; tan mal ferreiro me xuzga...
CAROLINA.- Non temas, home, non temas... ¡Asús, asús!... Ouvín falar de queimar e coidei que a forxa se derretía. (Mutis por direita).
BREOGAN.- ¡Dalle, home, dalle ao barquín!...
XOSE.- Custoume sete pesetiñas e...
BREOGAN.- As que che darei, se non cho deixo coma novo.
XOSE.- Iso... xa é falar como deben falar os homes. (Ponse a manexar a palanca do barquín, moi resoltamente).
BREOGAN.- (Dempois de pausa, que aporveitou pra achegar carbón ao podón, etc.). ¿E qué me contas das eleiciós que temos á porta?
XOSE.- (Con marcada indifrencia). ¡Ben que che me importan a mín as eleiciós!...
BREOGAN.- ¿Quén che parez que trunfará, home?
XOSE.- Boh, que trunfe quen queira.
BREOGAN.- Logo... ¿tampouco sabes a quén dar o teu votiño?
XOSE.- Xa veremos; por agora..., non-o teño pensado.
BREOGAN.- Pois... gostaríame coñecer a túa opinión.
XOSE.- (Sin parar de manexar a palanca. Breogán tampouco esquencerá o podón). Parez que o fillo do muiñeiro de Rodís —que é moi listo, según teño entendido— está faguendo muito barullo pra gañar. Pero... —e quede o conto antre nós— ¿quén vai votar por el, quén o coñece?
BREOGAN.- Xa, xa. E logo... ¿quén se persenta pola outra banda?
XOSE.- Non che sei de certo, pero parezme que se trata dun señorito de Pontevedra.
BREOGAN.- ¿Víchelo algunha vez antre os labregos?
XOSE.- Home..., non; pero sendo un señorito... xa se sabe que ten de ser moi entendido...
BREOGAN.- (Grave i apenado). Xa vexo que non podemos contar contigo pra chimpar os toxos de que falamos hai unha miga. (Sentencioso). Pois o fillo do muiñeiro de Rodís, por galego e por honrado, é o home que nos convén nas Cortes e compre axudalo.
XOSE.- Eu decote voto por quen me manda don Pepito, o noso cacique ¿sabes?
BREOGAN.- ¿E qué gañas con iso?
XOSE.- Home..., unha puchiña de castañas..., un torresmiño...
BREOGAN.- (Quita o podón do lume e, dempois de unhas marteladas, dalle a tempra correitamente. Xosé sigue atento todol-os movimentos de Breogán). Os que no día das eleiciós che mercan o voto por unha pucha de castañas i un torresmiño, son os mesmos que che condenan á fame polo ano adiante. ¡Desperta, Xosé, desperta ise caletre! Galiza debe ser gobernada por homes xustos, pra que nela poidamos vivir... tudos diñamente. E pra iso, non hai máis que un camiño: meter o voto na urña con concencia galeguista...
XOSE.- (Vendo pasar a Alborada por diante da fenestra, con marcado servilismo, pretende faguer calar a Breogás). ¡Chisss!... Non, non fales máis de política, que ven eí Alborada, a filla de don Pepito. ¡Cala!... ¡Cala!...
BREOGAN.- (Decote apromado e sereo). ¡Desperta, Xosé, desperta! Non lle temas ás persoas por máis nome que elas teñan.



ESCEA VII

DITOS e ALBORADA

ALBORADA.- (Na porta). ¿Podo entrar?
BREOGAN.- ¡Adiante, adiante!
ALBORADA.- (Moza risoña, moi afábel, de temperamento rexo. Tamén simboliza o alanque e non comparte as opiniós de seu pai. Viste ben e ten vinte anos. Entra con un fouciño na man). Boas.
BREOGAN.- Moi boas, e millores dende agora.
XOSE.- (Con marcado comprexo, non sabe cómo poñerse pra millor quedar con Alborada). Moi boas, señorita Alboradiña...
ALBORADA.- (Compracente). Boas, Xoseíño, boas.
BREOGAN.- (Risoño i afábel). E teña persente a fermosa mociña que pra entrar nunha forxa non se pide licencia: fúrase pola porta pra dentro e xa está.
ALBORADA.- (Desgrauzando unha sonrisa). A falla de costume...
XOSE.- (Ceibando desmedida e bulrona gargallada de parvo). ¡Qué diaño de Breogán!... (Ri novamente). Dende que veo de Cádiz, é o mesmo perello en fegura de home. Vostede non lle faga caso, señorita Alborada... (Ri). Ah, tamén me quer convencer pra que eu dea o voto ao fillo do muiñeiro de Rodís. Pero don Pepito ben sabe que eu son seguro; xa llo pode ir decindo vostede...
BREOGAN.- (Zumbón). Sí, sí... E tamén lle podes ir decindo que lle vaia dando algunhas castañas por adiantado...
XOSE.- (Alpurizándose). ¡Panxoladas aparte! Decote votei e votarei pra quen me mande don Pepito.
ALBORADA.- (Irónica). El cho ha de agradecer...
BREOGAN.- (Entregándolle o podón). Toma, toma.
XOSE.- ¿Cánto che debo?
BREOGAN.- Nada.
XOSE.- (Mostrándose solprendido). ¡Mira ben o que dis, meu home! O voto nono levas, eh.
BREOGAN.- Antre o que vende o voto i o que o merca, non hai máis que unha pequena difrencia: o que o vende, é un burro; o que o merca, é un inútil. Eu non vendo o voto nin merco votos.
XOSE.- (Con unha sonrisa nos beizos, moi reverencioso). Deica, deica outra hora, señorita Alborada... (Mutis por foro).
BREOGAN.- (Coma arrepentido do que dixo). Perdóame; non foi pra ofenderche que eu falei dise xeito: foi por certa carraxe que me produzo a aititude de ise montón de esterco, tan burro coma malicioso. Denantes de tí chegar eiquí, razoaba como soien faguer os homes; dempois que tí chegaches, trocouse nun novelo de trapos.
ALBORADA.- A culpa é... (Transición) ¿Non está o sinor Farruco?
BREOGAN.- (Intrigado, supricante). ¡Fala, muller, fala... ¿Qué pensabas decirme?
ALBORADA.- Quería decirche que non ten o probe Xosé a culpa de ser como é nin de pensar como pensa. Por Galiza adiante... hai milleiros de homes que non pensan ou pensan coma Xosé, froito do mal estercado campo político da nosa Terra. Según tí, denantes de eu chegar, tiña Xosé os seus acertos. Pois ben; a inseguridade nos conceutos i os repentiños cambios de opinión son suficente mostra de que non hai nel unha concencia feita... nin siquera restos de unha formación política. Entón, quenes se propoñan acadar votos sans e porveitosos pra Galiza, que fagan primeiro sentementos galegos.
BREOGAN.- (Outamente impresionado). ¡Cómo me gosta ouvirche falar eisí! Até coido que, no fondo, pode que esteñamos prenamente identificados: os dous pensamos en Galiza e pra Galiza. ¡Se teu pai pensara coma tí!...
ALBORADA.- A fermosura da política está na variación das ideas; i as ideas, con tal de que sexan sans e humáns, todas teñen aporveitadura. (Cambia de conversa). ¿Non está teu pai?
BREOGAN.- (Meloso). Non, non está: deixou ao fillo na casa pra que che sirva da maneira máis satisfaitoria. ¿En qué che pode ser útil ista alma esnaquizada?
ALBORADA.- (Risoña). Perciso que me lle fagas algo de fío a iste fouciño. Supoño que non porás reparo por ser ista a pirmeira vez que veño ao ferreiro. A criada, vai na feira; o criado marchou pra as quintas e...
BREOGAN.- Encheme de ledicia que duas cousas esteñan sendo honradas coma nunca coa tua presencia, cousas tan distintas no xénero coma igoales na humildade: a forxa e máis eu. (Colle o fouciño).
ALBORADA.- (Collendo a cousa a broma). Gracias. Non son eu diña de tanta louvanza nin de tan arrecendentes froles.
BREOGAN.- Boeno, xa que froles lle chamas, tamén direi que o son. Mais, iso sí, non coides que foron apañadas ao tun-tun en calisquera prado, silveira ou xardín. Non; foron tenramente collidas pra tí, por pirmeira vez e somentes pra tí, na pranta dos máis sinceiros sentementos.
ALBORADA.- (Decote amábel e risoña). Boeno, Breogán, boeno... Estamos na mitade do inverno e non é tempo de froles.
BREOGAN.- (Cada vegada máis meloso). Sendo pra tí... non hai pranta que non froreza en calisquera ceifa do ano.
ALBORADA.- (Dempois dun curto acoramento). Arránxame o fouciño, anda.
BREOGAN.- Se tí non axudas... non poderei compracerche.
ALBORADA.- ¿Qué queres que faga?
BREOGAN.- Pois terás que manexar o barquín, namentres eu terei tino de que o fouciño non se derreta no lume.
ALBORADA.- (Pendurándose da palanca). Pois xa está dito. (Manexa a palanca coma se o fixera moitas veces).
BREOGAN.- (Dempois de meter o fouciño no lume e contemprar o discreto xeito de Alborada, moi apromadamente, rompe a falar). Ai, rapaza; o fidalgo xeito que ao barquín lle das, está faguendo que eu me encariñe co oficio que nunca collín con gosto.
ALBORADA.- (Aparte, chiscando un ollo malicosamente). ¡Cómo se bulra! (A el). Pois mira: se eu fora home... a ferreiro adeprendería, se o mestre que me ensinara o oficio fora... o fillo do FERREIRO DE SANTAN.
BREOGAN.- (Aparte, tamén chiscando un ollo). ¡Cómo se bulra! (A ela, sorrindo). Moitas gracias, amiguiña, polas froles que me botas.
ALBORADA.- Non se merescen: son irmáns das que tí me botas a mín.
BREOGAN.- (Coma atraguido por un imán, vaise achegando). ¡Qué ferreiro poderá gabarse de semellante cousa!
ALBORADA.- ¿Gabarse de qué?
BREOGAN.- De temprar un fouciño coa axuda de rapaza tan fermosa.
ALBORADA.- (Bulrona). ¡Mira que se che vai murchar a pranta!



ESCEA VIII

DITOS e AGUILLON

AGUILLON.- (Mozo xoven, dende a porta e con voz atroadora). ¡Breogán!...
BREOGAN.- (Arredándose súpetamente de Alborada e indo á porta). ¿Qué queres, Aguillón?
AGUILLON.- (Cheo de emoción). ¡Os ánemos están caldeados e o trunfo ha de ser noso!
BREOGAN.- Millor, millor. E xa o sabes: non parar de falar deica convencer a tudos.
AGUILLON.- Pra convencer a tudos, abondas tí. As tuas verbas... fan cóxegas na ialma; tudos o din.
BREOGAN.- (Impacente). Boeno, deica máis ver; estou con presa ¿sabes?
AGUILLON.- Pois non perdamos tempo: deica, deica logo. (Desaparez).
ALBORADA.- (Repetendo as verbas de Breogán, cando iste voltou a xunto dela). "Non parar de falar deica convencer a tudos".
BREOGAN.- Se non che convenzo a tí... a naide haberei convencido. (Mostrándose arrepentido do que dixo). Perdoa. A emoción está faguendo que eu diga cousas que poideran ofenderche. (Vaise achegando cada vegada máis). Ten persente que non quero verche ofendida por cousa ningunha, e que nada digo co ruín propósito de faguerche mal.
ALBORADA.- Digas o que queiras... ben sei que tudo é froito do teu bon humor.
BREOGAN.- Se te empeñas en chamarlle humor á miña seriedade...



ESCEA IX

RAMIRO.- (Outro home que anda na loita política, axudando a Breogán, berra dende a porta). !Breogán!...
BREOGAN.- (Despegándose de Alborada súpetamente, di aparte). ¡Mala centella che coma!... (Indo á porta). ¿Qué queres, Ramiro?
RAMIRO.- (Berrando a pulmón cheo). ¡Estarrícate, home, estarrícate!... ¡Ponte teso!...
BREOGAN.- (Impacente). Boeno, ista noite falaremos das eleiciós e de muitas outras cousas...
RAMIRO.- O día está chegando, mais o noso bando xa conta con muita simpatía. ¡O trunfo será noso! Tudos son a falar ben de tí e máis do fillo do muiñeiro, do noso candedato. ¿E falarás mañán no adro da igrexa?
BREOGAN.- Falarei, sí, falarei...
RAMIRO.- Pois aló estaremos tudos pra apraudir até que as mans se poñan coma lombo de sapo. (Berrando). ¡Viva o fillo do ferreiro!... (Desaperez).
BREOGAN.- (Dempois de atizar o lume, achégase novamente a Alborada). Até fai unha miga acarizaba eu a ilusión de que lle deras ás miñas verbas a importanza que lles corresponde por sinceiras, e non o foco siñificado que lle das.
ALBORADA.- Decote lle din importanza ás tuas verbas, porque decote as considerei como hilváns de conceutos porfundos e sans; pero tamén che confeso que muita máis importanza lle daría se soubera que de corazón me estás falando. (Breogán achégase máis).



ESCEA X

DITOS e FARRUCO

FARRUCO.- (Entra por direita, distraido, limpándose con un pano bermello. Cando se procata do que na escea está ocurrindo, parez que os ollos lle quixeran sair das órbitas. Dempois de recuar un pouco paseniñamente, di aparte). ¡San Antón os teña da súa man!... (Vai recuando paseniño até desaparecer por donde entrou, deixando a porta entornada pra, ao pouco, aparescer nela acompañado de Carolina).
BREOGAN.- (Collendo as mans de Alborada con moita suavidade). Se eu poidera poñer o meu corazón nestas túas manciñas, de xeito que o poideras debullar, non dubides que alcontrarías antre as súas farangullas a sinceiridade de tudo canto che estou decindo. (Descoidan o barquín, o fouciño, etc.).
ALBORADA.- Cando o corazón obriga, non se agardan oportunidades coma ista que acaba de xuntarnos: muitas veces nos atopamos e nunca diste xeito me falaches. (Carolina e Farruco asoman as cabezas pola entornada porta de direita: escoitan con relixosa atención, sin perder detalle).
BREOGAN.- (Grave, sentencioso). Unha forte razón, prudencia me aconsellou.
ALBORADA.- Gostaríame coñecela.
BREOGAN.- Está entre a túa casa i a miña.
ALBORADA.- Non che entendo.
BREOGAN.- Verás: Tí, ademáis da fermosura con que Deus che regalou, es culta, filla de pai rico, coñecido en tuda a bisbarra polo cacique don Pepito; eu... xa tí ves: fiIlo do ferreiro, do tío Farruco, dun home que non ten máis que o día i a noite, o ar i a auga... (Quédanse coma enmudecidos).
FARRUCO.- (Polo baixo, a Carolina). ¡Qué ben fala, chacha! Verbas de máis peso... non caeron antre os ferros dista forxa.
CAROLINA.- (Emocioada, con marcado orgulo de nai). ¡Por, por, por algo é fillo meu!... (Enxuga unha bágoa co mandil).
FARRUCO.- Boh, coma se tí falaras eisí...
CAROLINA.- Non falo porque non sei, pero ¡sinto! (Siguen atentos e caladiños).
BREOGAN.- Isa difrencia, trocada en moura nube de tristura, ven trousando no meu peito dende fai muito tempo as verbas que hoxe escoitaches.
ALBORADA.- (Un tanto compunxida). ¿Qué queres que che diga?
BREOGAN.- Dende logo, non quixera que esta miña franqueza...
ALBORADA.- ¿Qué culpa teño eu de que meus pais sexan ricos?
BREOGAN.- A mesma que teño eu de que os meus sexan probes, xa se sabe. Mais ten persente que canto che dixen non vai máis aló de unha pequena i anticipada defensa da miña inferior condición. Agardo non haberche ofendido...
ALBORADA.- Por outra banda, cobardía sería se por ser filla de quen son non me dixeras tudo canto sintes.
BREOGAN.- Cobardía non; tal vez temor a que tí coides que che adouro porque es rica.
ALBORADA .- Ben che sei limpo de taies ambiciós.
BREOGAN.- Conténtame muito que eisí me coñezas, Alborada. (Colléndolle as mans garimosamente). Tí acendiches no meu peito virdadeiras labaradas de amor: es o sol dos meus días videiros. (Achegándose). Alborada do meu corazón, si a eterña escuridade queres condenar a miña alma..., dime que non me achegue a tí; mais denantes de mo decir... escóitame, prendiña... Boh, non me estrevo...
ALBORADA.- (Deixándose ir, responde tenramente). ¡Fala, fala!
BREOGAN.- Cando me fun pra Cádiz, deixei o corazón nista nosa aldea, partido en dous anacos: un anaco quedou na miña casa, o outro...
ALBORADA.- ¿Deixáchelo na miña casa?
BREOGAN.- Na túa mesma casa quedou, acarón de tí.
ALBORADA.- Pois o meu... contigo pra Cádiz se foi. (Suspira). Ben me lembro das muitas bágoas que de auga me serviron pra lavar a cara nos longos días da túa ausencia.
BREOGAN.- (Outamente emocioado, dalle un bico; Alborada quédase coma cortada; Breogán, dempois de pequeno acoramento, sin saber cómo xustificar a súa aititude). E, é, e que che quero, Alborada...
ALBORADA.- (Apesadumada). Entendo, pero...
BREOGAN.- (Solermeiro). Teño pra tí, eiquí a pe do corazón, un pote cheo de bicos... (Achégase pra darlle outro).
ALBORADA.- (Arreda a cara, cortés e sorrindo). Polo de agora... non lle quites o testo.
BREOGAN.- (Dempois de pequena pausa). ¡Cánto sinto ter que ser nemigo de teu pai, no tocante ás ideas! Pero tí, muller de sans sentimentos e crara intelixencia, comprenderás que non-o fago pra satisfaición de caprichos persoaies, senón en percura da forza que ha de romper en cen anacos o xugo que a Galiza lle puñeron.
ALBORADA.- Eisí o entendo. I en canto ás ideas...
BREOGAN.- Sigue, sigue; non te deteñas...
ALBORADA.- En canto ás ideas... acaso se máis irmá túa que filla de meu pai. (Danse prolongado abrazo; sopáranse, falan entre iles, abrazándose novamente, etc., etc. Farruco, pola súa banda e maquinalmente, sin quitar ollos dos abrazados, foi recostando a Carolina escontra o seu peito pra colmala de carizas e beixos. Cando a escea leva un tempiño prudencial coas duas parellas abrazadas respeitivamente, Farruco, decote a media voz e coma despertando dun porfundo sono, rompe o silenzo pra decirlle á súa dona).
FARRUCO.- ¡Caroliiina!...
CAROLINA.- (Coma despertando de porfundo éistasis). ¿Qué queres, Farruquiño?
FARRUCO.- ¡Tempos aquiles!
ALBORADA.- (Vendo que súa nai aparez por diante da fenestra, despréndese bruscamente dos brazos de Breogán, ceibando un intenzonado berro pra que iste se decate do que ocurre). ¡Ai, miña nai!... (Saie correndo por foro. Carolina e Farruco desaparecen da porta de direita. Breogán, que non sabe a qué atribuir a aititude de Alborada, por non haber albiscado a Marica, alanca maquinalmente en direición á porta de foro e tropeza con Marica, que entra na forxa coa velocidade dun raio).



ESCEA XI

MARICA.- (Muller de caráiter outerelo, con muitos fumes de rica, falla de cultura e chea de prexuizos; ten sasenta anos e viste ben. Moi fora de sí e berrando coma unha foraxida, prántase diante de Breogán, quen, enmudecido, vai recuando. Farruco entreabre a porta de direita pra escoitar). ¿Pra ónde vas tí, desvergoñado, pra ónde vas? (Lexos de sospeitar que os rapaces se queren, e na creencia de que a súa filla estaba sendo violentada, sigue berrando). ¡Mala pécora!... Se non chego a tempo... deburábasme a filla. ¿Degóraste por ela? ¡Ela berrou, malpocado!.. .
BREOGAN.- (Avergoñado e homildemente). Non sexa inxusta, sinora Marica; non berre dise xeito...
MARICA.- (Máis enfurecida). ¡Cala, rillote, cala; cala, paraxusmeiro! ¿Quéresme acedar a filla con mira a que naide a queira pra que dempois case contigo? ¿Quérela pra que che axude a mallar no ferro? (Ceiba unha gargallada). A miña filla non che está acostumada á fame, rapaz... Denantes a prefiro no cimiterio...



ESCEA XII

FARRUCO.- (Non podendo aturar tanta inxuria, perséntase na escea trocado nun home de rexo caráiter, caráiter que conservará de eiquí pradiante). Escoite, sinora Marica, escoite...
MARICA.- (Sempre alporizada). ¿Qué, qué raios queres tí? ¡Non saiches tí denantes, demonio!...
FARRUCO.- (Mordendo o xenio). Sinora Marica...
MARICA.- (Sin baixar o tono). ¡Tan bon es tí coma el!...
BREOGAN.- (Decote avergoñado). Escoite, sinora Marica...
FARRUCO.- (A Breogán). ¡Cala! (Pequena pausa. Marica segue rosmando por antre dentes). Métete na cociña, anda. (Breogán, cabizbaixo, obedece, desaparecendo pola porta da direita. Farruco, solemne e coutando o xenio, diríxese a Marica). Teño que decirlle a vostede...
MARICA.- (Con desprezo). Bah, bah, bah... (Intenta sair da escea).
FARRUCO.- (Con acritude e severidade, dempois que foi correndo a pechar a porta do foro, ordénalle). Séntate eiquí no cornello da zafra, anda.
MARICA.- ¡Non me da a gana!
FARRUCO.- (Arremeténdolle co puño pechado). ¡Mira que che baixo un sopranarices!... (Marica, despavorida, séntase na zafra). Eisí mesmo. Se non tes crianza... adeprenderáchese. (Pequena pausa). Os probes... non somos fume de carozos nin cheiro de vacas mortas: ben se pode aturar acarón de nós; somos xentes como as outras. (Marica intenta erguerse, pero Farruco arremete novamente). Non, non te ergas, que abofé che baixo unha moufada. (Pequena pausa). Os berros da túa brutedade, a miña brutedade espertaron. (Séntase no borde da tinalla, pra seguir falando moi de vagar). Que vostede me chame probe... eisí... despreciativamente, non me ofende; mais iso de "fame"... vaia sabendo a sinora Marica que na casa diste ferreiro decote se comeu panciño, moi honradamente gañado por istas escravas mans que eiquí mira. (Móstralle as mans).
MARICA.- Bah, bah, bah...
FARRUCO.- E non esquenza vostede que lle hai muitos probes polo mundo adiante que, por dentro, son tan ricos coma calisquera que por fora millor vestido vaia.
MARICA.- Por máis que paroles... ¡o teu fillo non sairá coa súa!
FARRUCO.- Sinora Marica, o seu desprezo estame faguendo despertar...
MARICA.- (Despeitiva). Os que nascen pra dormir decote, nunca ollos abren.
FARRUCO.- (Máis enérxico). ¡Pois xa estou desperto! (Pequena pausa). É certo, sí, é certo que os probes temos o vicio de pechar os ollos á realidade de todol-os días, mais non-o faguemos pra dormir como muitos coidan: faguémol-o pra non ver todal-as inxusticias que con nosco se cometen. Ah, pero... tamén os sabemos abrir a tempo, sinora Marica.
MARICA.- ¿E cándo pensas deixarme sair?
FARRUCO.- Cando eu arremate de falar, que xa estou arrematando. (Pequena pausa). E..., xa disposto a non seguir cos ollos pechados, debo pedirlle (Bulrón) a "sinora Marica" que me pague o que me debe.
MARICA.- (Solprendida). ¿Qué eu che debo?
FARRUCO.- Sí, sinora, sí...
MARICA.- Pois non me lembro.
FARRUCO.- Créollo. Boh, os ricos nunca se lembran do que Ile deben aos probes, xa se sabe. Pois vostede débeme..., bah, pouca cousa: duas calzas de ligón, outras tantas de sacha e unhas doce crabuñas de fouciño.
MARICA.- Pois pagareiche moi axiña.
FARRUCO.- Canto denantes o faga, millor pra mín. Pero como eu son home xusto e razoábel, se vostede non puder pagar todo xunto...
MARICA.- (Indiñada). ¡Sóbranme cartos!
FARRUCO.- (Dempois de franquear a porta de foro moi de vagar, volta a pe de Marica). Eu non-a boto, pero se vostede se quere ir... a porta está aberta.
MARICA.- (Dempois de ir á porta e voltar, de dar unhas volteretas visibelmente nerviosa, encárase en Farruco). Se tí tiveras unha filla i eu un fillo, i o meu fillo se quixera botar á túa filla, ¿qué farías tí?
FARRUCO.- ¿Eu? Moerlle as costelas ao teu fillo.
MARICA.- ¡Logo sí, raio! Daquela, ¿por qué non che gosta que eu defenda a miña filla?
FARRUCO.- Porque naide lle fixo mal.
MARICA.- Porque cheguei a tempo, que se non chego...
FARRUCO.- Vostede viu mal, sinora Marica; vostede ten o fume da riqueza nos ollos i asegúrolle que ise fume é pior co dos carozos. (Transición). Eu non-a boto, eh, pero a portiña está aberta. (Marica, dempois dunhas coantas reviravoltas e de decir algo por antre dentes, desaparez de escea. Farruco achégase á porta pra voltar decindo, coma pra sí). Ainda tropeces e te enterres na lama, centelluda... (Dempois de rosmar algo por antre dentes, quitará o fouciño do lume, do que soio quedou o mango i un anaquiño de folla; dempois de que o eisamina, abaneando a cabeza e sorrindo, alanca até a porta de direita pra chamar polo fillo). ¡Breogán! ¡Ai, Breogán! (Volta pra xunto do fogón).



ESCEA XIII

BREOGAN.- (De pe na porta da direita). ¿Chamoume?
FARRUCO.- (Dende o fogón, bulrescamente e sin pornunciar verba, móstralle o fouciño. Dempois de un tempo prudencial, rompe o silenzo). Mira como quedou ¿ves? (Con acentuada iroñía). Comenzaches ben, sí, comenzaches ben, pero... cortouse pola mitade.
BREOGAN.- (Un tanto avergoñado, vaise achegando a seu pai). Unha proba máis de que non sirvo pra ferreiro.
FARRUCO.- (Iróñico i afábel). Sí, rapaz, sí... Craro: décheslle lume de golpe e... xa ves o resultado. ¡Hai que ir de apouco, rapaz, de apouco. (Tira cos restos do fouciño nun recanto e volve ao fillo, pra perguntarlle moi sereamente). ¿Cómo se che antoxou faguerlle as ñáñaras á filla do cacique?
BREOGAN.- (Con moito respeto). Góstame e..., se ela me quer...
FARRUCO.- (Finxindo desdén). Boh, tratarase de unha simpatía de pouco durar..., pasaxeira...
BREOGAN.- Tratará; mais eu coido que me quere de verdade.
FARRUCO.- ¿Estás seguro?
BREOGAN.- Estou seguro.
FARRUCO.- ¿E tí a ela?
BREOGAN.- ¡Decote a quixen! Cando en mulleres penso, a imaxe de Alborada vexo.
FARRUCO.- (Emocioado). Mal gosto non tes, home, non... (Dándolle azos). Pois se a queres... ¡adiante! O home non debe pasar a vida texendo proieutos, sin arrincar pra diante nin pra tras. (Pequena pausa). Folgareime de acocharvos aos dous co manto da paternidade: a tí, como fillo que es; a ela, coma nora que será.
BREOGAN.- (Emocioado). Ista axuda moral de vostede... faime cóxegas dentro do peito.
FARRUCO.- Boh, os pais... non-os queremos convencer de que os fillos chegan a homes. Pero hoxe, recoñecendo que es un home, compre que che diga que debes contar con teu pai en todol-os terreoos. (Pequena pausa). Tamén che siguirei nas ideas, pois sei que loitas con sinceiridade pra ben da nosa Terra.
BREOGAN.- ¡Viva Galiza!
FARRUCO.- ¡Viva! (Danse forte aperta). Voltando ao conto da rapaza... ben sei que che quere moito.
BREOGAN.- ¿Quén llo dixo a vostede?
FARRUCO.- Boh, non son cego.
BREOGAN.- Pois..., xa que a nai colleu a cousa ao rivés, anque do caso boten man pra desprestixárenme no campo da política, convén que vostede non acrare as cousas.
FARRUCO.- Nada direi que vos perxudique.
BREOGAN.- Xa tudo virá ao rego, por lei de gravedade.
FARRUCO.- ¿Por lei de quén?
BREOGAN.- Trátase de unha lei de física.
FARRUCO.- Como eu non coñezo outras leis que as dos caciques, coidei que...



ESCEA XIV

CAROLINA.- (Entra a escea chorando desconsoladamente, sin poder pornunciar verba). Por..., por... (Farruco e Breogán achéganse a Carolina).
BREOGAN.- (Acarizando na nai). ¿Qué ten, miña nai, qué ten vostede?...
FARRUCO.- (Aloumiñándoa, con marcada tenrura). ¿Qué tes, muller, qué?... (Transición). Breogán; aloumiña, anda, aloumiña a túa nai e vaite con ela pra dentro da cociña...
BREOGAN.- Veña, veña conmigo... (Vaina levando da escea).
CAROLINA.- (Deixándose ir). ¡Desprécianche porque es probe!... (Encoraxinada e voz tremorosa). Pero..., es máis listo que tudos iles xuntos! (Carolina e Breogán desaparecen por direita. Farruco, dempois de limpar unha bágoa, ponse a remexer nos ferros).



ESCEA XV

FARRUCO e XOSE

XOSE.- (Entra correndo, con moitas ansias de saber). Tío Farruco, ¿qué raios Ile fixo Breogán á señorita Alborada? (Ergue as mans ao ceo, esconde a cara antre elas, etc., etc.).
FARRUCO.- (Un tanto contrariado). Pois se queres beber en fonte limpa, corre a ela coa pergunta.
XOSE.- (Con moita estremonía, opremendo a cabeza coas mans, etc.). ¡Arre, centella, que alvorizada temol-a aldea!...



ESCEA XVI

DITOS e FERREÑA, CARMELA E XOANA; ao pouco e detrás delas, entrará AGUILLON

FERREÑA.- (Istas tres mulleres semellan tres cizañeiras, tres meigas). Conte, tío Farruquiño, cóntenos...
XOANA.- ¿Cómo, cómo foi o caso?...
CARMELA.- ¡Asús, asús, que disgracia!... (As tres fan a sinal da cruz, barullan, etc.).
AGUILLON.- (Que entra niste intre, impón silenzo). ¡Silenzo! (Pequena pausa). Se todos somos a barullar, trocaremol-a forxa nunha feira de porcos. (A Farruco). ¿Cómo foi o conto, tío Farruco? Eu non podo creer que Breogán se pasase coa filla do cacique...
FARRUCO.- (Acorado, avergoñado). Home, pois...



ESCEA XVII

DITOS, DON PEPITO e MARICA

D. PEPITO.- (Que entra enfurecido, seguido de Marica). ¿Qué ocurreu eiquí, vamos a ver?
MARICA.- (¡Qué ocurreu!)... Meresce que o metan antre ferros pra sempre.
XOSE.- (Enfrontando decididamente a Farruco, quen non sabe qué decir nin que faguer de sí). O seu fillo é o mesmo perello vistido de home...
MARICA.- Se eu non chegara a tempo... ¡nai querida!... (Fala pra os veciños, que en grande númaro e pouco a pouco foron chegando á forxa). O Breogán tíñavola antre os brazos de tal xeito apreixada que ela non se podía remexer, malpocado. Se non chego a tempo, a istas horas estaría coma figo maduro na gorxa de Breogán: papada. (Tudos fan a sinal da cruz, falan antre iles, etc., etc.).
FARRUCO.- (Conciliador). Iso de que estaría papada...
D. PEPITO.- (Dempois de sacudir a orella, estarricar a chaqueta, dar unhas pasadiñas adiante i atrás, carraspear, etc., con apromo e certa ampulosidade, bótase a falar). Dime, Farruco; ¿tí esquences que son coñecido en Madrid, e que por ser alí coñecido son o cacique dista bisbarra? (Tudos fan xestos de aprobación).
FARRUCO.- (Que xa escomenza a picarse). Eu... non esquenzo nada, sinor...
D. PEPITO.- Quero decirvos que se aló en Mádrid cantos falaban conmigo o faguían coa pucha na rnan, non consentirei que se me perda o respeto... (Despeitivo) "nesta nosa aldea". (Pequena pausa). (¡E logo!) (Pequena pausa) A ise lorchas de teu fillo non lle abonda faguerme a contra na política, senón que tamén se propón lixar a honra da miña filla. (Enérxico). Vos esquecedes que non hai mais que dous homes nesta aldea a quenes lle debedes o moor respeto: o sinor abade i eu; el, adeministrador da xustiza diviña; eu, adeministrador da zustiza da terra. (Pequena pausa). (¡E logo!) (Ao pobo). ¿E ou non é cómo eu digo?
MARICA.- ¡Craro que é! (Apraude e, con ela, as demáis mulleres e Xosé).
FARRUCO.- (Saíndo do seu aparvamento, tira cos ferros que tiña na man e bótase a falar resoltamente). ¿E qué raios de xustiza podemos agardar dos que coidan conformar aos pobos cuns zocos de bidoeiro? (Amenazante. Tudos con grande espeitativa). Mire, don Pepito, que decote o respetei; mais se me ven con panxoladas... é moi posíbel que se desencadee nista forxa un relaxado furacán de xustiza ferreirana e non quede ferro que non se erga en percura de focas cabezas caciquiles. ¡Muito ollo!... (Tudos escomenzan a mostrarse aterrados).
MARICA.- (Bulrona). ¡Probiño!... (Ceibando unha risotada). ¡Ja, ja, jaiii!... (Don Pepito reméxese tudo).
FARRUCO.- (Moi fora de sí). ¡Anden con tino e non fagan barullo!... O pobo dorme, sí, dorme..., ¡Pero se desperta!... (A forxa foise enchendo de xentes).
D. PEPITO.- (Meténdose en Farruco, ameñazante). Mira, ferreiro, mira ferreiro... que se non te pos en razón... ¡fareiche pechar a forxa!



ESCEA XVIII

DITOS e CAROLINA

CAROLINA.- (Irrumpe súpetamente na escea con unha xesta na man pra esparexer xestazos no cacique, na muller do cacique i en cantos alcontra por diante. Farruco quedouse a pe do fogón, aturdido, aparvado. A escea, envolta nun descomunal barullo, foi desaloxanda por Carolina nun abrir e cerrar de ollos. Carolina, cando botou a tudos fora, tira coa xesta ao chan, rompe a chorar desconsoladamente i abrázase ao fillo, que niste intre aparescerá de pe na porta da direita).



LENZO SUPETO

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega