Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. I Poesía: "Soñei contigo"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta11.html

SOÑEI CONTIGO


     Pra Maruxiña Montemar



Soñei contigo esta noite;
meniña, non teñas medo.
A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo.

O mar era unha resteva
sementada de vieiros.
Dentro de min alentaba
o esforzado mariñeiro:
a nao belida eras ti
e eran meus brazos os remos.

A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo.

Naufraguei na inmensidade,
apouvigado dos ventos.
Baixo as pingotas de luces
que orballaban os luceiros,
a nao ía mariñando
polo ronsel do misterio.

Soñei contigo esta noite;
meniña, non teñas medo.

De súpeto, no horizonte
o faro da espranza aceso,
a tecer e destecer
unha rede de vieiros,
abalou meu curazón,
que ía na proa senlleiro.

A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo.

No lonxe, o porto arelado
lucía bicos e acenos;
relanzo do meu esprito,
acougo dos meus desexos.
A nao fuxía, embalada
polo batuxar dos remos,
namentras tremelucía
unha canción nos meus beizos...

Soñei contigo esta noite;
meniña, non teñas medo.
A lúa ía peneirando
foulas de luz polo ceo...


Faro de Vigo
, 9 outubro 1932, p. 9. O poema está asinado co pseudónimo J. Lamenú.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega