Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. I Poesía: "A noite era un cadaleito"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta6.html

A NOITE ERA UN CADALEITO


No silencio ermo da noite
escoitouse unha canción:
ela viña delorida
buscando o meu curazón.


Era a noite un piago infindo
onde a canción se afogou:
ti quedache salaiante
e eu mal-ferido de amor.


As nosas queixas bicáronse,
magoadas da mesma dor:
a noite era un cadaleito
e os mortos eramos nós




Nota do editor.
    Tanto este coma o seguinte poema, Nos dondos brazos da noite, foron dados a coñecer, en edición facsímil, por X. Alonso Montero no Apéndice da segunda edición de Vagalumes (1989), pp. 56-57. Sobre eles indica o mesmo autor: «No arquivo Filgueira Valverde figuran dous poemas, sen data, que son posteriores a 1931. Ademais de moi valiosos, contribúen a destruí-la imaxe decimonónica que gravita sobre a súa condición de poeta» (o.c., 30). Pola miña parte, coido que ámbolos dous poemas poderían ter que ver cunha primeira resposta ou envío do poeta ( que non chegaría a completarse debido á prematura morte do poeta a comezos de abril de 1936) ó inquérito ou cuestionario que Filgueira Valverde dirixiu, no Nadal de 1935, a uns cincuenta poetas coa finalidade de realizar unha Antoloxía da creación lírica galega. Se isto fose así, habería que situar a redacción destes dous poemas entre os últimos días de 1935 e marzo de 1936. Cf. Filgueira Valverde, Xosé, «Presentación». En: Cunqueiro, Álvaro, Autopoética e poesías 1935. Autógrafo e inéditos (s.l., Consello da Cultura Galega, 1991), pp.5-11.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega