Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. II Prosa: "Chamamento"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta14.html


CHAMAMENTO



Ó feixe de rapazas e rapaces que
tomaron parte nas representaciós
escénicas en pro dos damnificados de
   Cuba e da futura Banda da Estrada




     Máis de unha vegada tencionara adicarlle dúas liñas a este asunto, pro decote o diaño da preguiza e da nugalla me fixeron recuar. Escadasí, hoxe ó ver pubricado na revista de Bos Aires "Céltiga" -revista que sabe acoller de un xeito esgrevio as sagras arelas dos bos e xenerosos espallados aquén e alén o mar- o fermoso apropósito lírico Carta da Habana, que o García Barros soupo tecer pra pólo en escea co gallo das veladas dadas no Salón Novedades da Estrada en pro dos apouvigados con xenreira teimosa na isla de Cuba polo ciclón do vinte do derradeiro outono, botei de novo mans a unhas cuartillas e quero de unha vez saír coa miña impóndome rexamente á preguiza.
      Ben; pois o piquer é pregarlle a ese rol de rapazas donairosas e bariles rapaces, que nas devanditas veladas nos souperon amostrar xa as súas dotes prá escea —algunhas tal que de vellos e avezados artistas—, que non se esquezan do seu valer, que se non deixen domeñar pola teimosa nugalla. Xa noutra ocasión o dixen e agora quero novamente —inda que a idea iniciadora me non perteña— repetilo. Na Estrada hai dabondo ilementos pra acadar a formación de un xuntoiro escénico de caraute marcadamente enxebre; e, polo tanto, debera formarse ese xuntoiro que en toda Galicia tería de ser acollido con parabéns. Aí temos a Polifónica de Pontevedra. Pois encomezou facendo unha escolma axeitada de verdadeiros valores corales. Fágase tamén na Estrada entre a xente moza a escolma que propoño, e se verá que non vou fóra do rego ó decir que hai ilementos dabondo. O piquer é da-la pirmeira alancada, e a min paréceme que pra dala non hai polo de agora reparo algún. Está Avelina Porto, as Varela e irmán; as Rey, Abarca, Reino e outros moitos que eu non lembro. Coido que ningún se negará. ¡Conque, azos e a traballar!
     Traballar, si; mais traballemos pra nós, traballemos pola nosa cultura, a que debemos espallar por toda Galicia. Fagamos laboura enxebre. Non fallará cecais algún sabidor que coide esto que digo desbaratado e fóra de carreiro. Non fallará quen diga que, inda que se acadase o xuntoiro de que falo, non teriamos obras galegas que levar á escea, ou que, se algunha aparecese, serían cousas sen mérito. Pra tal non escoitar non hai millor meiciña que facerse o xordo. Xa non faltou tampouco quen dixese nun xornal da rexión que non poidía haber teatro galego, xa que non había asuntos que levar a il.
   Contamos xa con un feixe de obras de teatro galego. Algunhas pódense codear coas millores do teatro moderno castelán. Aí está O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, cuia pirmeira edición vai case esgotada; Trebón e Lubicán, do mestre Cotarelo; Almas mortas, de Villar Ponte; O engano de Carré; Donosiña, de Quintanilla; María Rosa, de López Abente, e moitas máis dos mesmos e de outros autores. Tampouco temos falla de esceógrafos. Falen por min Camilo Díaz e Castelao.
     Pra findar, direi que o pobo da Estrada non poidería non acoller con agarimo a isa agrupación de rapaces escolleitos antre a xuventude estradense, e si fose mester, inda sabería acudir co seu auxilio moral e material.
     Dixen*.


* Nota do editor:
"El Emigrado", n° 229,18 maio 1927. Verbo deste escrito Chamamento dirase no nº 231 (p.4) do El Emigrado: "Omisión.— En el escrito titulado 'Chamamento', que se publicó en el número 229 de EL EMIGRADO y que firma nuestro querido amigo Cabada Vázquez, aparte de varias erratas que en el mismo se deslizaron —y que constituye una enfermedad incurable del cajista y del corrector de  moldes— se ha omitido también, claro está que involuntariamente, por los referidos señores de la imprenta, los nombres de las hermanas y hermanos Pereira, que figuraban en el original. Lo lamentamos de veras".

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega