Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. II Prosa: "A nena encantada"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta15.html


A NENA ENCANTADA



Pra Maruxiña, no ferventío
do meu amoroso anceio



     Dende a miña fiestra, aberta ó SW., vexo a brancura impoluta e cachoenta do impoñente cadoiro que o Fervenza forma no seu cobreguento despeño polo torto e estreito canle das Penizas. O Fervenza ten fartura de ágoas e abonda en escumas, nos días de circio e crú inverno; cal este ano os do antroido. O zoar do Fervenza é tido como agoiro do bo ou mal tempo, asegún que o seu son chegue ós ouvidos da veciñanza labrega do frolido val codesedán, levián e maimiño, ou, pola contra, forte e farturento. O fervenza fai, ademais, arestora de liña de demarcamento antre as aldeas de Barro e Quintas e antre as veigas e chouzas de unha e outra banda. Na aba das Penizas as ágoas do Fervenza son apreixoadas por man do home, que as fai entrar na aberta do muiño, pra saír axiña despedidas pola buxa do cubo nun arrepiante troupelexar escontra ás penas do rodicio, esfarelándose nun neboeiro de miúdas pingotas, que can a engadírselle na corrente do río que sigue baixando en tola loita polo estreito canle, até despeñarse novamente no pequeno e afervoado cadoiro do Pégo. A este pozo, de xeito de estanque, iamos na miña infancia a sulagar nosos corpos rebuldáns e barulleiros os rapaces de Barro e Quintas. Alí adeprendimos con tolo anceio os escomenzos do arte natatorio. iOuh lembranzas!...
     Ás nais non lles aquecía migalla aquel noso xeito. A cotío nos rifaban.
     Do Pégo falábanse moitas cousas. Había no seu fondo unha ola que tragaba ós rapaces. Nós tiñámoslle certo recelo á aquela banda do pozo. Del gardaba a tradición lendas de encantamentos.
     Unha vez -aconteceu nos tempos mozos dos avós dos bisavós meus- ía un mozo cun fol de gran a rens pra moer no moíño de Fervenza. Na beira do Pégo, mirou sentada unha belida nena a chorar. Non lle dixo ren, e pasou sin darlle creto ás súas coitas. Mais, en voltando, achegóuselle a facerlle o inquérito da súa mágoa.—¡Ouh belida nena! ¿que coita che doi pra así chorares tan acedamente? ¿Que fonda ferida de amor gardas aberta no recuncho da alma? Se por mágoas de amor son esas bágoas, eu che as xugaría, dorida nena, pousando a mel dos meus beizos mornos nas túas rousadas meixelas, deitando un segredo e doce bálsamo sobre da túa ferida. Se che aquecera, serías ende agora a dona das miñas coitas, o ben da casa miña, a miña inmorrente compañeira...
     A estas verbas do mozo, ergueu a nena súa testa e, limpando as bagullas, repuxo: —Ben sei que falas por falar somentes e por monfarte do meu dore. Mais, inda así, direiche, ouh mozo lanzal, que de hai moito eu peno encantada no Pégo, chorando a cotío mágoas de amor e agardando o día en que me sexa doado tornar de novo a ser quen fun.
—Ese día que agardas ben poidera ser hoxe -engadeu o mozo-.—Endebén, xa que así o cobizas, darei creto ás túas falas; serei a dona dos teus pensamentos e acharei en ti a arelada meiciña pra as miñas mágoas. Fala, pro ten tino de non perguntarme cando, como e por quen fun encantada.
     O mozo, ledo coa ledicia dos nenos por páscoas frolidas, inquireu:
—¿Que teño de facer -di- pra o teu desencantamento acadar? —Chámome Frolinda. Toma ese anelo de ouro; lévallo a que o crego cho beizoe. Logo, virás, e no canto en que agora estou pensaralo, e tres vegadas chamarás: "Ven, belida nena dos meus amores; sal do teu encantamento, Frolinda linda". Así feito, verasme saír do meio dun remuíño de ágoas. De entón achégate sen reparo nin receio e ponme o anelo no dedo en que agora mo viras. —¡Fareino! -xurou o mozo-. —Mais coida dimpois de non chamarme endexamais "Frolinda encantada", o que sería pra min terrible, e co que ti abranguerías acedas e abondantes bágoas.
     Despareceu antre as escumas e o mozo dou axiña comenzo á laboura prometida.
     De abondo se falou do desencantamento aquel antre a veciñanza do val de Codeseda e os seus arredores. O casoiro tivo canto ós poucos días. A vida dos desposados foise desenrolando nun ambente de feliz cordialidade, enroitada sempre cara ó Ben. Frolinda dábase de seu a todo xeito de labouras e traballos. Decote faladora e facendosa, era o agarimo e o sostén dos vellos pais do seu home. Este amábaa cada día con máis subido amor.
     Un mal fadado día, por unha lixeireza de que ela se non decatou, xurdiron antre home e muller unhas falas aspras e alteirosas. El, afervoado e fóra de si, berroulle: —¡Frolinda encantada!. Ela lle non dixo ren. Pillou as carreiras, e cando o seu home chegaba tras dela ó Pégo mirou arrepiante nun remoíño de escumas os livianos de Frolinda, que seguiron sosténdose e bambeándose na tona das ágoas.
     O mozo non poido coutar un cotián cadoiro de bágoas, que lle aburaban as meixelas, e non lle faltou ren pra tolear. O feito gardouse na hucha das tradiciós da veciñanza, contándose de pais a fillos*.


*Nota do editor:
Céltiga, 25 outubro 1927. A esta colaboración (e á súa adicatoria: "Pra Maruxiña...") do poeta de Codeseda reférese Ken Keirades nas súas Rexoubas (El Emigrado, 31 decembro 1927) deste xeito: "O Cabada Vázquez adícalle o seu fermoso traballo de Céltiga 'a Maruxiña, con amoroso anceio', Fólgome que non lle decaia o seu entusiasmo polas Maruxas, xa noutras ocasións manifestado. O pior é que se a sorte é boa, dentro de pouco vai a ter que contentarse con confesalas", Efectivamente, e seguramente co pesar do seu amigo Ken Keirades, por estas datas, no outono do 1927 Cabada Vázquez decidiu volver á Universidade Pontificia de Santiago para continuar coa carreira eclesiástica, que deixara catro anos antes ó remata-lo seu primeiro curso de teoloxfa. A "sorte", efectivamente, non lIe foi "boa" a Cabada Vázquez, pois deixou definitivamente a carreira eclesiástica catro anos despois, pouco antes do presbiterado, No n° 291 (setembro de 1935) da Revista Oficial del Centro Gallego de Avellaneda (Buenos Aires) publicouse, oito anos despois da súa primeira aparición en Céltiga, esta mesma colaboración de Cabada Vázquez, mais sen que nela figure nin o nome do seu autor nin a referencia a Céltiga.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega