Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. II Prosa: "O Mestre Amor Ruibal. Verbas de loito"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta16.html

O MESTRE AMOR RUIBAL. VERBAS DE LOITO



     Dende hai tempo pousara riba del súas poutas a Dor, e cada día o viña magoando con novas feridas. Nós decote o ollabamos sofrir caladiña e resinadamente, sin unha sola queixa e sin un soio laio. Ben sabiamos que moitas noites non acadaba pecha-los seus ollos, inda que, non embargantes, fixera uso do fanodormo. Mais agora fechounos xa pra sempre e quedóusenos dormido nos brazos da Morte, que axexaba cabo del.
     A nova saeu polos aramios e polos cables submarinos cara a tódalas bandas do mundo e en tódalas bandas do mundo arrancou bágoas e pregarias. A Prensa levou o seu nome a tódolos leitores, espallou a tódolos ventos louvanzas do seu saber profundo e da súa sinxela homildeza.
     As campás da vella Compostela debullaron tristeiros laios, e do coro da Catedral escoitáronse os acentos doridos das leicións de Xob e dos psalmos davídicos, mesturados coas notas arrepiantes e as pregarias do Dies irae, cos aies do órgao e as bágoas da xente. No peito dos que, a mais da admiración, estabamos xunguidos a el por un amor franco e sinceiro, aniñou a desolazón e foi o noso corazón mergullado en eterno loito.
     Inda foi onte cando nos achegabamos á súa mesa de traballo co encárrego de rogarlle que fose el quen apadriñase ista nova revista, e foi "LOGOS" o nome que lle impuxo, adicándonos, de camiño, verbas agarimosas, cheas de laudos e de sinceira emoción, porque "coido -nos decía- que isa nova publicación galega e galeguista terá de encher o espazo baleiro que se atopa nas demais pubricazóns que na actualidade ven a luz na Galicia". Prometéranos unhas liñas súas pra encabezar este primeiro número, pro Deus chamouno a Si denantes de que as poidera escrebir. ¡Non maxinabamos que fose tan axiña!
     A súa homildeza e a súa modestia levouno a renunciar moitas vegadas a honores, eloxios, dinidades e outos cárregos. Máis de unha vez veuse precisado a ter que recurrir ás súas amistades pra que impedisen, co seu valer, que se lle fixese aceitar unha mitra que se lle trataba de impor por forza. "Que me deixen cos meus estudos -lles decía en carta que achamos antre os seus papeles- e que non maxinen en min pra ise cárrego. Non teño outras aspiracións que as aspiracións do Ceo, e quero vivir somente cos meus libros e coas miñas obrigaciós de crego sinxelo". A miúdo negou tamén o seu consentimento pra que falasen del, refusando asimesmo toda cras de louvanzas.
     A súa autoridade como filólogo, teólogo, filósofo, penalista e escriturario de outos vós foi acatada, sen reparo algún, por tódolos sabios especializados en cada unha das devanditas materias, e delo son boa proba as consultas que a cotío se lle facía dende tódolos recunchos do mundo centífico e, de xeito especial, dende as Universidades de Alemaña, Austria, Suiza, Bélxica, Italia, Francia e América.
     Sendo inda alumno de Teoloxía na Universidade Pontificia Compostelana, foille premeada nun concurso internacional, celebrado en Berlín, un traballo encol do desenrolo das léngoas asirocaldeas e da súa influencia no hebreo bíblico, merecendo, ademais, ser nomeado socio de honor da "Sociedade xermana de Filoloxía oriental". Tal traballo, co prémeo donado, foille remitido dende Berlín a nome do M. l. Sr. Dr. Anxel Amor Ruibal, Reitor da Universidade Pontificia de Santiago. Tanta era xa a súa valía que o coidaban Reitor, cando somente era un alumno do mentado centro.
     Dimpois de termina-la carreira ós 24 anos e de ter oposicionado a unha canonxía, merecendo figurar en terna, saeu pra Roma, pensionado polo Seminario de Santiago, e na Universidade Gregoriana fixo os estudos de Dereito canónico e Dereito Romano, chamando a atención de alumnos e mestres e admirando a todos polo seu talento extraordinario. En Italia foi tamén socio do "Liceo de Linguas orientales" de Roma.
      Ó seu paso por Barcelona acadara tamén o grado de Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade catalana. Era, pois, o Mestre Amor Ruibal Doctor en Sagrada Teoloxía, en Filosofía, en Cánones, Licenciado en Filosofía e Letras e membro de diversas sociedades centíficas da Penínsua e do extranxeiro, a mais de correspondente das Reales Academias da Léngoa e de Cencias Morales e Políticas e socio honorario da Real Gallega.
      Deixa pubricados arredor de vinte volumes sobre Filoloxía, Filosofía, Teoloxía, Dereito, Historia, etc. etc., e uns cantos feixes de cuartelas inéditas, que, anque sexa soio en forma de ensaios e anotacións, terán de ver a luz.
     A súa vida foi de cheo adicada ó estudo, chegando, polo seu amor ós libros, ó sacrifizo dos máis outos cárregos. O correio traíalle decote consultas de tódalas bandas, e a todas elas ía contestando sempre, sendo de doerse que non poideran pubricarse tódalas súas contestaciós, por ter el mesmo roto moitas vegadas os orixinales. En cada carta e en cada liña súa encerrábase a miúdo unha idea-nai ou unha observación prefunda.
     Como unha proba do seu amor e da súa preocupación polos libros, hei de referir aquí o que el mesmo me refireu sinxelamente días antes da súa fuxida ó mundo dos espíritos:
     Querendo ver de atopar uns coadernos dunha obra alemana encol do Código de Hammurabi, por precisar tomar deles unha nota, mandou baixar dous nenos de Coro pra que lle cambeasen algúns dos volumes dende o seu despacho a unha das outras habitaciós, e reparar, de camiño, si antre eles se alcontraban os devanditos coadernos. Perante uns días durou esta faena e, como non aparecesen, de tal xeito chegou a preocuparse por eles que unha noite soñou que os tiña postos debaixo dun gran volume. De mañanciña, ó erguerse, quixo ver se a realidade confirmaba o soño, e foise ver se estaban onde os soñara, e efeitivamente alí os atopou postos da maneira en que os vira en soños. Cando despois nolo refería, cheo de ledicia infantil, dixémoslle sorrindo que iso viña confirmar aquelo de que "fan máis algúns dormindo do que outros espertos".
     Do seu amor e do seu intrés por Galicia e por os asuntos da terra, non é mester falar, pois é de todos ben coñecido. Non embargantes, os que tivémo-la dita de vivir cabo del e de escoitalo a cotío en conversas íntimas e familiares, poidemos decatarnos máis craramente delo. De hai tempo abrigaba o propósito de facer un Diccionario etimolóxico da Língoa galega pra mostrarlle ás Academias un modelo que seguir, e a cantos a cotío se moufan dos que queremos soerguer a nosa Fala un testemoño irrecusábel do seu valor. O rexurdimento da nosa Fala -nos dixo algunha vegada- ten de vir como efeito obrigado da nosa reintegración etnolóxica e cultural; porque, así como non se pode chegar na Penínsua a unha unidade etnográfica, do mesmo xeito será sempre disparatado e utópico o querer xunguirnos a tódolos habitantes da Iberia a un soio meio de expresión. É lei xeral que á distinta rama etnográfica corresponde distinto meio de expresión, porque tamén nistas cousas se ten de cumprir aquel principio filosófico de "operatio sequitur esse". Ó esperanto chamoulle en algunha ocasión o aborto máis grande da Filoloxía e a proba máis aberta da inorancia sufrida en custións de Lingüística. Decía que era algo así como a selección de razas e tipos. Era mester primeiro unificar as psicoloxías todas. Temos de expor tamén en "LOGOS" o parecer de Amor Ruibal encol da predicación en galego, cousa á que debe chegarse axiña, como igualmente acochamos o propósito de traer a istas páxinas algo do que deixa inédito e algunhas anédotas e datos encol da súa vida.
     Sexa por hoxe iste o meu sinxelo homenaxe ó Mestre de Mestres.
     Pazo de Raxoi — Sant-Iago, Nbre.1930.



Nota do editor:
Logos. Boletín Católico Mensual, n° 1, xaneiro 1931, páx. 1-4. Este artigo de Cabada Vázquez sobre o falecido Amor Ruibal encabeza o primeiro número da nova revista Logos. Como escribe Filgueira Valverde no seu Limiar á reedición desta revista, o lugar que ía ocupar o prometido ensaio de Amor Ruibal "encheuno a súa necroloxía, escrita polo poeta X. Manuel Cabada Vázquez, que era o mediador antre o egrexio mestre compostelán e o grupo pontevedrés", do que formaban parte, entre outros, Antonio Iglesias Vilarelle e o propio Filgueira. Cf. pp. IX-X da nova edición de Logos (Barcelona, Ed. Sotelo Blanco, 1983).

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega