Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. II Prosa: "Carta a Camilo Díaz Baliño (I)"

 

m4cabadavazquezobracompleta17.html

A CAMILO DÍAZ BALIÑO [I]

José Ml. Cabada Vázquez
Pazo de Rajoy - Santiago

Hoxe 23 -maio- 1931



     Meu querido amigo e irmán: ¿Será que no teu viaxe a esas terras afogaches nas salgadas augas do Atlántico a amistade que nos xunguira? Coido que non acontecería así, aínda que o teu longo e escuro silenzo o pareza confirmar.
     Nas túas mans debes ter xa de hai tempo unha carta miña, na que con unha estreita aperta che mandaba miña máis fonda embora polos trunfos acadados. Con dor vexo que pra o caso foi coma se non che a mandara, xa que non quixeches contestar, non embargantes a túa promesa e a de Salvador. Non recebín ningunha revista nin xornal. Nin siquera "Céltiga" chegou a min pra traerme notizas da vosa xornada magna por isas terras de Alénmar. Mais con todo, soupen revolverme pra saber algo de vós e dos vosos trunfos.
    Aquí isto anda todo revolto. Por Galicia adiante anda unha manchea de "bos e xenerosos" chamando ás concencias da xente. Inda que traballamos, temo que non académo-lo froito cobizado. A min, os da miña banda —-xa sabes de quenes falo— xa me teñen fichado. Mais non importa. Inda poidera ser que fora cantar misa a isas terras. Agora ando a ver si dentro de quince días podo finda-los estudios universitarios. Xa veremos.
    Hoxe estiven na túa casa con a túa muller e con os teus fillos. Falamos todo o tempo de ti. Queren que os mandes ir, se te quedas ahí; pois según me dixeron parece que non pensas voltar tan axiña. Eu xa ti sabes como penso acerca dise asunto, polo que temos falado denantes da túa marcha. O de aquí xa o coñeces, e polo tanto debes de aproveita-las boas ocasións se é que che se ofrecen ahí. A ver se inda nos topamos algún día por alá, e che podo servir pra porche algunha inscripción en latín. Debes de escrebirlle á túa muller dereitamente, e falarlle de xeito que a tranquilices, pois xa sabes canto che quere, e canto se alegra coas noticias dos teus trunfos. Todos están moi ben, e moi contentos e queren saber se pensas de verdá quedarte por ahí, e d'entón cando vas a mandalos ir. Paréceme que non lles gustou que o Salvador che escribira pedíndoche nada sen avisalos.
     O teu irmán Xermán pasou uns días no Sanatario de Ponte, e parolamos encol dos teus asuntos. Agora está pola Cruña. Según me enteiraron no Sanatorio está bastante mal, anque el non sabe nada. Se vou o catro á asambreia da Cruña, penso falar con eles na túa casa.
    Quero que esta carta a contestes asemade que a recibas, e me contes moitas cousas de ti e do Coro. Escribe longo e tendido sen dor da tinta nin do papel.
    Namentras por riba do mar tendo os meus brazos abertos pra estreitar nunha aperta garimosa ó bo amigo. ¡Terra a nosa!
    Teu sempre affmo e irmán

José M. Cabada Vázquez



     P.D.
    Saúdos ó Salvador, e dille que me poña tamén unhas letras e me mande algunhas noticias.


Vale



     O Casal veuse coa imprenta pra Santiago e foise estabrecer ó n° 20 das Hortas. Xa ves que foi casoalidá. Saíches ti e entrou el *.



——————
Nota do editor.
     De xaneiro a maio de 1931 Díaz Baliño viaxou coa Coral de Ruada por diversos países de América. "O Salvador" é seguramente Salvador García Bodaño. "O Casal" é Anxel Casal, que en 1936 sería alcalde de Santiago e que neste ano —o mesmo que o destinatario desta carta e só cinco días despois del— sería "paseado". Débolle a lsaac Diaz Pardo (gracias ás xestións de Valentín García Gómez) copia tanto desta coma das posteriores cartas de Cabada Vázquez a seu pai Camilo.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega