Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. I Poesía: "O merlo"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta1.html

O MERLO


No eixido da casa vinculeira
vive un merlo, xa vello cantador,
que desfía decote unha muiñeira
nos abrentes xentís da primaveira,
cando esbrochan os albres a dar flor.

Este merlo, tan ledo e satisfeito,
ó eixido da casa colleu lei;
ten seu niño nuns ramos moi refeito,
come zreixas, mazáns, figos a eito,
de cotío contento coma un rei.

Que o herdeiro lle quere e aloumiña
ben o sabe o merlo cantador;
as costumes coñece da casiña,
ten amigos xa vellos na cuciña
que n'esquecen tratalo do millor.

Noutro tempo, cal hospe prisioneiro,
en dourada gaiola xa se veu;
foi destonces o dono vinculeiro
o seu mestre na música primeiro,
e a subia-la muiñeira deprendeu.

Por eso ora se escoita satisfeito
a muiñeira decote desfiar,
anunciando o abrente; deste xeito
deixa o dono seu mol e quente leito
e home e merlo confunden seu cantar.

No eixido da casa vinculeira
vive un merlo, xa vello cantador,
que desfía decote unha muiñeira
nos abrentes xentís da primaveira,
cando esbrochan os albres a dar flor.
 


Vida Gallega, 20 de xuño 1929. El Compostelano, 9 de xullo 1929 e 10 de maio 1935 (Vagalumes, 57-59).

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega