Obra completa. Poemas e outros escritos

Páxina Anterior

Escolma. I Poesía: "No día de Galicia"

Páxina Seguinte

m4cabadavazquezobracompleta12.html

NO DÍA DE GALICIA


¡Cantora de Galicia,
esperta do teu sono! ¡Erte!... ¡Canta!...

Chegamos en romaxe á túa beira,
nesta magna Diada,
nas mans coa ofrenda sagra dunhas rosas,
nos beizos a emoción dunha pregaria

Non vimos a chorar a túa perda,
de abondo xa chorada,
nin a enxoitar tampouco as bágoas nosas.
Outra minsión máis outa e máis honrada
traguemos que cumprir os eiquí xuntos
ó pé da túa estatua:

Queremos ser cruzados de Galicia;
queremos afincar a fe na Causa,
e vimos para armarnos cabaleiros
nesta cibdade santa,
gardadora das cinzas de Santiago,
e verdadeiro altar da nosa patria;
cabaleiros de Cristo e de Galicia,
defensores das libertades sagras
da Terra, e da Fe ardente
que eiquí o Santo Apóstol predicara.

Queremos, Rosalía, que hoxe encendas
no noso peito as roxas labaradas
que outrora os teus Cantares
e as túas Follas Novas inspiraran.
Nas chamas de ise fogo sagrosanto
temprar vimos prá loita as nosas armas,
e a recoller alentos
e folgos pra seguir a roita sagra
que ti nos amostrache nos teus versos
e a miúdo amoleceche coas tuas bágoas.

Repara en derredor,
esperta, nosa Santa,
e escoita as notas fortes e bariles
que vén ceibando ó vento a nosa gaita.
Non chora, cal dinantes nos dixeras,
non chora, non, que canta:
¡canta o rexurdimento dunha terra,
o despertar glorioso dunha raza,
o abrente dunha data que se achega,
o trunfo dunha loita que se agarda!

Galicia xa desperta
do sono en que dorrnira escravizada,
e a voz dos xenerosos
exténdese por montes e valgadas
chamándonos á loita que escomeza
pra conquerir a libertade ansiada.
Mais hainos que están xordos,
e n'oien a chamada,
e cegos, e non ven o que lle ofrecen,
e coxos ou varados, e non andan.

Por ises malpocados
tamén nosa pregaria:
Que a gracia de El Señor lles abra os ollos,
que anden e que escoiten nosa fala;
que prenda o amor da terra nos seus peitos
e abrase a cobardía das suas almas.

¡Galicia!...¡Nai Galicia!...¡Terra a nosa!...
¡Caiamos por Galicia na batalla!




Nota do editor:
     Nós, 25 xullo 1931 (Día de Galicia do 1931). No final do poema indícase na devandita revista: "Iste traballo será leído polo seu autor ó pé da estatua de Rosalía, co gallo da magna procesión cívica que se celebrará hoxe en Santiago". O poema foi publicado tamén no Suplemento Gratuito de NÓS de agosto1931 (Fascículo XXXIII), pp, 10-12. O mesmo poema, mais con título diferente (¡¡Galicia!!), aparece no Faro de Vigo, 30 agosto 1931, p. 12.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega