O castelo de Pambre

Páxina Anterior

Capítulo VI (páx. 63-68)

Páxina Seguinte

m5lopferrocastelodepambret006html


[p. 63]


VI
ALBERTE! ALBERTE!



   O señor de Sampayo, Vasco Gomez das Seixas, tiña na parroquia d' Ermora, que cuase estaba partindo frutos ca de Libureiro dous casares testos de labranza; pero como él era tan xurafás e tan ríspito, nin por canto hachaba quen Ilos quixese arrendar, ou poñerse neles de serviçal como estonces dicían. Fíxoos alguns traballar aa forza aos viciños d' acaron; pero, xa se ve, como a terra tamen quere ser traballada con amor e agarimo, o preduto que sacaba deles podiao encerrar na cáscara d'unha noz. Véuse pol-o tanto obrigado á mellorar as condiciós do contrato, tal como o tempo que dibía durar aumentadoo hastra vinte anos en vez dos dez que d' ordinario tiñan estes contratos, o poñer él todo o gando en vez da metá, e ofrecer así outras avantaxes que non eran para desprecear. Os casares en sí xa eran boos; tiñan monte, devesa, herbeiras, labradío, horta e

[p. 64]

unha regular casa cas suas correspondentes cortes e alpendres.
   Alberte tiña conocemento desto, e calquera dos dous casares inchíalle o ollo; mais por eso dubidaba de arrendalo por medo ao Sr. Vasco Gomez. Estivo así algún tempo entre duas, sin saber que facer; pois él en por sí non tiña mais que unhas cantas guicholas en Libureiro, espalladas pol-a parroquia adiante, e para traballa-as e para manter á tres ou catro pícaros que tiña, que todos xuntos cabían debaixo d' unha cesta, víase o boo do home nelas. Ao fin, acurrado como estaba, dicideuse á ir estar co señor de Sampayo xustamente dous días despois da xunta de Pambre.
   Era Vasco Gomez un home baixote, pero de moitos anchos, moreno, de barbas e cabelo crecho, ca crica revirada para arriba ensinando algo as ventas, os ollos negros e sombrizos, e os beizos grosos e botados afora. Tíña unhas forzas desconformes, podíanlle apricar aquel verso do apitafio de Vasco Fernandez de Temes:
   Pequeno de corpo e grande de esforzo anque do outro verso,
            Boo de rogar e mao de forzar
seilo lle aditaba a segunda parte.
   Por eso en borra e fachenda nadie lle empataba, e onde él estivese xa non había nin nobre, nin señor, nin cabaleiro que chistase. Tiña varíos fillos, e o terceir deles,

[p. 65]

que Ile chamaban Nuño, era o que estaba namorado de Beringuela.
   Ao tempo que Alberte foy á buscal-o, hachábase no Castro das Seixas, apurando aos canteiros para que lle acabasen logo a nova fortaleza, qu' ali estaba costruindo. A cal fortaleza, tiña de forma un cadrado cun torreon tamen cadrado nas esquinas; soilo que o torreon da esquina que miraba ao Surleste, era mais grande que os outros, por canto ali estaba aberta a porta que daba entrada ao castelo. A fortaleza viña, pois, á encerrar un patio cadrado, sendo asi que as casas de morada estaban pegadas ao lenzo Norte da muralla.
   Non era este o terratorio do seu lexítimo señorío; que éste tiñao duas légoas mais arriba escontra Friol, onde ainda hoxe se conservan as ruínas das torres de Sampayo; mais despois que se apoderou da parte dos estados d' Ulloa que estaba ao Norte do Ulla, convíñalle ter nela de sua man algunhas fortalezas que fosen base e aseguranza da sua dominación naquela comarca. Este era o ouxeto que se propuña na construción d' aquela fortaleza.
   Alberte, carrán, carrán, foyse chegando co pucho na man onde estaba o señor de Sampayo, o cual desde o alto dun torreón, que xa estaba acabado, espeucionaba as obras incruindo tamén aos que estaban abrindo o foxo que habia de rodeyar o cas-

[p. 66]

telo. Así que estivo preto, estaricou un brazo, estaricou o outro, abréuselle a boca como si sintira un ataque de frato, rañou a testa; e despois destes preparativos moy homildoso e pousón: —Señor —saleu —ouvín dicir que a sua mercé andaba buscando un serviçal pra o casal do monte, na parroquia d' Érmora.
   Vasco Gomez torceu a vista pra o sitio onde viña a voz, botoulle á Alberte unha ollada d' arriba a abaixo, e sin mais mandoulle que fose á estar co seu moordomo.
   Alberte non esperou mais; foy á buscar ao moordomo, o cual despois de pidirlle algun conocemeuto da sua persona, mandoulle que fose á avisar o notario de MiIlide para outorgar a escritura, cos verbos ou condicions do contrato. Alberte foy voando, contento coma unhas páscoas; porque xa lle paricía que non pudía apetecer mais. Cuasimente o notario tiña a casa escontra á aquel-a maravillosa portada travesa da eirexa do San Pedro, que non pode contemprarse sin verdadeira sorpresa. Parece obra de mediados do sigro XIII, e inda hoxe ostenta as suas cinco variadas archivoltas incruindo o tornachuvias, descansando sobre un tableiro ou imposta tamén moldurado e sostido aa sua vez por seis colunas, tres de cada lado, os capiteles das cuales están primorosamente tallados

[p. 67]

con follas de palma e retortas volutas e follas d' acanto os da dreita.
   O noso Alberte non se parou moito á mirar aqueles debuxos; mais indo dreito ao seu feito avisou ao notario, o cal poucas arredras Ile puxo pra ir insiguida a outorgar o contrato, que poI-os somellantes que termos visto dibía dicir así:
   «Era de M e CCCC e XVI (ano 1378), XXII días de Mayo. Nos Alberte Dominguez e miña muller Dominga Alvarez facemos preito e praço coutado en cen maravedís á vos o señor Vasco Gomez das Seixas que des deste San Martiño primeiro que ven hastra vinte anos seremos vosos fiees serviçaes e vasallos sen outro señorío no casar do Monte so sino de S. Bartolomé de Ermora. Pra o cual casar vos dades á mín e aa dita miña moller Dominga Alvarez en pobranza dous bois e catro vacas e vinte rexelos e seis porcos. Demais nos dades á mín AIberte Dominguez un cerame de segobiao e unha saya ou capote de picote e a dita miña moller tres varas de valancina; e per benfeituria duas outavas de pan, unha de millo e outra de cebeira. E neste tempo debemos á dar á vos o dito señor Vasco Gomez a metá de canto labrarmos e críarmos; e por foros vinte soldos, tres galiñas, un cabirto e trinta ovos. Fiido o dito término, canto enteiramente labrarmos, criarmos, aumentarmos, profei-

[p. 68]

tarmos e houbermos, todo ben e fielmente de por meo partamos, así os cabos como a crianza. Testemoyas que a esto foron presentes etc.....».
   Boa gana tivo Alberte de asperar ao San Martiño para meterse no casal; correndo foy para él con toda a sua xente maxinando que ali había d' estar a todo o seu leser.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega