O divino sainete

Páxina Anterior

Canto I

Páxina Seguinte

m2currosenriquezodivinosainete002.html
                    I


   Era o Nadal: noite fría
Iba pechando entre nubes
Que un vento forte tanguía.
   Desertas prazas e ruas,
Madrí estremélase todo
D'o norte ás rafagas cruas.
   N'o meu capote embrullado
Eu iba, cal sempre, triste,
Por longa estrada enfiado,
   Pensando co'a testa ó peito
N'aquiles que n'esta noite
Non teñen lume nin leito,
   Cando, n'a inmensa negrura
D'a sombra que m'envolvía
Como n'unha sepoltura,
   Escoitéi mainiño e quedo
Grave romor de parola
Que m'harripióu de medo.
  —¡Ay d'o que busca a verdade
D'a fé c'o candil mortizo,
Que nunca deu craridade!
   ¡Ay d'o que en sombras camiña!
¡Ay d'o que quer facer caldo
E non ten unto e fariña!
   ¡Ay d'o que as festas condena,
E quer millorar as xentes
Fuxindo d'elas con pena!
   Así unha voz me dicía
Que un longo, invisibre coro
Lentamente repetía.
   Era un coro resoante,
Como un piñar que removen
As témporas d'o levante;
   Coro en que hai xordos queixidos,
Estralos de gallas secas
E de corazós partidos,
   Afagos de suaves brisas,
Berros de gorxas abertas,
Notas d'afogadas risas.
   De forte facendo gala
Erguin a testa soberbo
E perguntéi: —¿Quén me fala?
   Y-a voz tornóu: —Non ch'o digo
S'antes sobr'a crus non xuras
Ir, ond'eu vaya, comigo.
   —Xurado está, s'é por eso;
Que oxe por xurar en falso
A ninguén che levan preso.
   Así falei; voz estraña
Berróu n'este medio tempo:
"¡Adiante a Santa Compaña!".
   E us brincando, outros ausortos,
Miréi pasar en ringleira
Unha procesion de mortos,
   E sentin n'as pedras duras
Ruxir de zocos, sandalias
E talares vesteduras.
   D'a procesión marcha diante
O que falara primeiro
E detrás un redobrante.
   De tempo en tempo parando,
¡Racatapran!... xordamente
¡Racatapran!... vai dobrando.
   D'insana curiosidade
Levado, seguín ós mortos
Pol-a densa escuridade,
   E fomos con paso incerto
D'ancha gándara areosa
Atravesando o deserto.
   Alá lonxe, fulgurantes,
Asomellando dous soles
Fixos e parpadexantes,
   Relocian n'o hourizonte
Dous discos roxos, que finxen
Os ollos d'un mastodonte.
   —¿Onde esta xente me leva?
Pensaba eu, indo ás palpadas
Pol-o camiño de treva.
   ¿Volveréime tolo agora
Ou pillaríanme as bruxas?...
¡San Silvestre! ¡meigas fora!
   Y-o tambor que ó par levaba:
¡Racatapran! —solasmentes
¡Racatapran! —contestaba.


                    —


   De pronto paróuse o coro,
Volvéuse pra min o guia
Y-acenóume con decoro.
   Detiven enton a pranta
E topéime á campo aberto
N'unha pranura que espanta.
   Diante de min, encurvado
Sobre unha caxata, un vello
D'a pelresia tocado,
   Ollábame fito á fito
C'os seus grandes ollos d'águia,
D'un cristicismo infinito.
   Coroza viste e monteira;
De sol é feita a sua cara,
De lua sua cabeleira,
   E ten nos beizos gallegos
As sexipedalia verba
D'os grandes tráxicos griegos.
   —Mortal que hastr'aquí chegache
Con ánemo forte e rixo,
Comprindo o que me xurache,
   S'o teu arroxo non mente
E com'eres d'arriscado
Eres d'agudo e prudente;
   Tí, que buscas sin paría,
Consolos pr'os disgraciados
E pr'as almas alegría;
   Tí, meu coitado San Bode
D'escepticismo repreto,
Que quere creer... e non pode;
   Tí, que ves n'un mesmo día
Nacer Dios e caer morto
De inania canto Dios cría...
   Y-á espricarte non acertas
D'eses contrastel-as causas,
Pra tí entre sombra cobertas;
   Disponte, que vou levarte
Onde todol-os misterios
Han deixar d'atormentarte
   Y-onde, d'a razon co'a axuda,
Non máis ch'estrocen a alma
Os negros dentes d'a duda.


                    —


   Y-esto dito, o bon d'o vello
Calóuse, e estendendo o brazo
Mentres me fita d'esguello,
   Mostróume foncha, sonora,
Detrás d'él borbolletando
Xigante locomotora.
   Rubindo estonces con modos
D'os sete vagós que leva
Ó derradeiro de todos,
   Tendéume a mau decontado,
Fíxome entrar e mandóume
Que me asentase ó seu lado.
   Cal can que obedece ó dôno
Sentéime e vínme entre xentes
Que topenexan c'o sono.
   Alá fora, n'o entretanto,
Erguídal-as maus pr'o ceo,
Os mortos, en doce canto:
   —"¡De cote honorado sea
O vello vate —cramaban—
Que os patrios eidos recrea!
   "Téñao Dios n'o seu agrado;
E pois vai por lan á Roma,
¡Que non torne trasquiado!...
   "¡Groria á Añon! —en altas preces,
¡Groria á Añon! —berraron todos
¡Groria á Añon!" —por catro veces;
   E todos, de novo oindo
O ¡racatapran! d'a caixa,
¡Racatapran!... fóronse índo.


                    —


   Pegóu de súpeto un pulo
O tren, e con movimentos
Primeiramente d'arrulo,
   E logo con desatados
Epilépticos esforzos
De tigres encadeados,
   Comenzámol-a xornada,
Mentres n'o ceo rompe a lua
Á rir n'unha carcaxada.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega