O divino sainete

Páxina Anterior

Canto III

Páxina Seguinte

m2currosenriquezodivinosainete004.htm
                    III


   Mentres á nosa visita
Dábamos comenzo, a máquena
Roda furiosa e crepita
   Y-a través d'unha vidreira
Ollando, vin que xa tíñamos
Atravesado a fronteira.
   D'os carrís por ambos lados
A vella terra d'as Galias
Ergue os petoutos nevados
   Y-en aldraxante palique
Dínnos ó pasar as xentes:
Bon jour, messieurs fanatiques.
   Alritado á tal esceso,
Quexéime á Añon d'o saúdo.
Dixo: —Pois eche un progreso;
   Que en non moi lexanos prazos
O tren francés recibíase
En España á trabucazos.


                    —


   N'esto n'o vagon segundo
Entramos; sai d'alá dentro
Un cheiro tan nauseabundo
   Que, non querendo asfisiado
Morrer, busquéi o moqueiro,
Pero... ¡tíñanm-o roubado!
   —Non pases d'a porta, tente—
Acrecentóume o poeta—
D'a Envidia estás frente a frente
   E conven que non te colla
Por diante: este mónstro vive
Somentes d'o que desolla.
   Agradecido ó consello
Paréime e púxenme á escoita
Por non desgustar ó vello,
   Chegando hastra min, sombría,
Entr'aquel tafo que afoga
Unha estraña algarabía.
   Anque a desputa era brava,
Caín n'a conta ben logo
Que d'as letras se trataba
   E como d'as letras vivo
Dínme á axexar de tal sorte
Que esto collin que aquí escribo:


                    —


   —Dígame, miña señora:
¿É certo que n'a sua terra
Renace a poesía agora?
   —Boubas que ceiban ó vento
Catro soñadores tolos...
¡Non ll'hai tal renacemento!
   —Non haberá; mais non quita
Pra que Castelar o afirme.
—Xa ll'eu tiréi d'a lavita
   En certa acasion... ¡Ten gracia
Eso de chamar poetas
Á esas rans d'a democracia!
   —Non me maltrate ó grande home...
¡Él, ó fin, n'as apuradas
É o que n'os da un pouco nome!
   D'alguén sei que, tras de rirse
D'íl e d'os seus ideales,
Cando quixo redemirse
   D'o olvido, sentóuno á mesa,
Fíxo-o falar... y-á eso debe
Valer o que val e pesa.
  —S'eso que dí vai comigo,
Mente. Eu brillo con luz propia.
—Morra o conto...—¡Mente, digo!
   Y-en demostra de que mente,
Faga o favor de ler ise
Tomo, e despois escarmente.
   E de súpeto escoitando
Un tumbo, baixéi os ollos
E vin á meus pes, rolando,
   Un libro d'a nova escola
Que cheira á Carulla ás légoas
E fede qu'apesta á Zola.
  —¿Convencéuse?—Estóu ferido
Pol-o argomento, que é forte,
Mais non estóu convencido.
   Eu sosteño, e trayo probas,
Que Galicia esperta; díga-o
A autora d'as Follas Novas.
  —¡Valente choromiqueira!
Poetas d'ese feitío
Cómpranse á centos n'a feira.
   Fai anos que un mala peza
Quixo coröala en vida
Y-eu tiréillo d'a cabeza.
  —Agora comprendo o gusto
Con que lle rezóu pol-a alma...
—Honrar ós mortos é xusto.
   —Ese deber todos temos;
Pero inda máis xusto hacho
Que ós vivos non deshonremos.
   Mais a ilustre padronesa
Deixando, pois hastra coido
Que de mental-a lle pesa,
   Diga e perdoe: ¿ises vates
Que mostran tantos alentos
Para os modernos combates;
   Ises Novos e Labartas,
Ises Lagos, esas pelras
Que surxen á luz en sartas;
   Esa xeneración nova
De parleiros rousinoles?...
—Cantan... como Xan d'a Coba.
   Non quixen oïr máis nada.
—Vámonos, roguéille ó Mestre,
¡Óu fago unha xudiada!
   Y-atravesando aquel triste
Lugar, cobil d'unha fera
Que á nadia á seu par resiste,
   Mentres c'o a rabia maúla,
Metímonos n'o terceiro
Departamento—o d'a Gula.
  —Antes d'entrar—con amargo
Acento, indicóume o vello—
Que teñas calma che encargo;
   Por que vas ver cousas tales
Que nin n'as noites de febre
Tes soñado outras iguales.
   A fame negra aquí mora;
Vai con tento, que o seu dente
Vivos e mortos devora.


                    —


   Entréi n'o vagon, e diante
De min persentóuse a escena
Máis atroz e repunante.
   Monton de frades noxentes
Ouscenos, crasos, cebados,
De longas uñas e dentes,
   Con rudo ranxer de moas
Botan a parva, engulindo
Cal torpes serpentes bóas.
   Chocóume d'a xente aquela
A feroz voracidade
Qu'érgue o estómago de vel-a
   Y-espricarm-a non sabía
Cando oín que un d'os viaxeiros
Convidándome dicía:
  —¿Quérme acompañar? Sin gana
Cómesell'esto.—¿E qué é eso?
—Un pouco de carne humana
  —Mesmo de xunt'a rileira;
Nunca sayo sin un tôro
De Murguía n'a fiambreira.
   —Mercé, non levo apetito.
—Matámolo á paus nantronte
¡Y-elle bocado esquisito!
   Non ben houbo iste acabado
Saltóu outro:—Ó señor halle
De gustar máis o pescado.
   Se así for, por sorte, apreixe
Un bocadiño siquera
De Manuel Anxel...—¡Bon peixe!
  —D'a Cruña cayéu n'a praya:
Úsanse alí unhas traíñas
D'onde non s'ergue o que caya...
   Y-así, pra min estendendo
Anacos d'o seu almorzo,
Todos fóronme ofrecendo
   Con crianza e fidalguía
Talladas de Oxea, Vicetto,
Lamas, Pondal, Rosalía...


                    —


   Mirando aquiles horrores,
Vendo qué trato merecen
Os artistas y-escritores,
   Suspiréi con triste xesto:
¡Pardiola! ¡Non val a pena
D'amar a patria pra esto!
   Atento Añon ó meu dito
—Ten conta, ouserbóu, ten conta
Con non alzarel-o grito;
   Que se esta xente soubera
Quen eres tí, que a censuras...
¡Non ch'arrendo a que ch'espera!
   ¿Coidabas outra caricia
Outer d'a que outemos todos,
D'os críticos de Galicia?...
   Pois, meu amante, vai vendo...
Y-Añon amostróume un frade
Que iba os meus osos roendo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega