O divino sainete

Páxina Anterior

Canto V

Páxina Seguinte

m2currosenriquezodivinosainete006
                    V


   Murchol-os dous y-abismados,
Púxose de novo en marcha
O tren d'os Sete Pecados.
   A noite á bó andar caía
E d'esparexer tratando
A miña malencunía,
   Asoméime á unha vidreira
Y-o cheiro aspiréi que mandan
A touza e máil-a silveira.
   Ráfagas d'os altos cumes,
¡Cánto enton me gorentaron
Os vosos puros perfumes!
   Gratos perfumes d'a serra,
¡Cánto enton me recordastes
Os cheiros d'a miña terra!
   N'aquil celaxe promizo
Que o azul profundo tapaba,
N'aquil paisaxe invernizo,
   Vin algo d'o aterimento
D'o meu nativo curruncho
Y-él se foi meu pensamento.
   Mais n'a probe patria miña
Son máis tristes os crepúsculos,
Eterna dôr alí aniña;
   Que anque unha grande hermandade
Hai entre todol-os povos
Que buscan a libertade,
   Pol-a vereda que avanza
Cara ós seus nobres destinos,
Perdoando a comparanza,
   Italia marcha dereita
E Galicia trenqueleando
Como unha vella tolleita.


                    —


   Velliña que andas agatas
Sin que teñas quen t'axude,
¿Cándo has tirar c'o as caxatas
   Y-airada, valente, forte,
Porás o pé n'o pescozo
D'os que te firen de morte?...


                     —


   Para atallar a corrente
D'as miñas negras ideas
Paséime a mau pol-a frente,
   Y-hachando os dedos lixados
D'un polvo branco e mïudo,
Volvínme pra todos lados
   E vin á Añon n'a faena
De peneirar entretido
C'unha peneira pequena
   Por sobre min un farelo
Que me tiña enfarelado
Dende os pés hastr'o cabelo.
   —Olla o que fas, que me lixas
Y-entrar limpo quero en Roma...
—S'é por eso, non t'afrixas.
   Outros van máis emporcados
Que tí e saen que dá vicio
De limpos e de lavados.
   Leva forrado o caledro
Á Cibdá Eterna, escurricha
N'o diñeiro de San Pedro
   Toda tua honrada probeza,
E volveráste pr'a casa,
Nobre e santo, n'unha peza.
   D'algun petrucio gallego
Sei eu que, sin ter un carto
Pra mandar tocar á un cego,
   Pillóu, non sei con qué trapa,
Unhas cantas onzas d'ouro,
Fóise á Roma á ver ó Papa
   Y-alí, sua orixen caótica
Perdendo, fíxose ó punto
Fidalgo... de raza gótica.
   —No, pedricar ben pedricas,
Pero inda non me dixeches
Por qué istes polvos m'apricas.
   —Esto que contigo fago
Hate librar, si Dios quere
Y-a Virxe, d'un gran estrago.
   —Pero é fariña ou é sénica?
—Non t'apures: simpremente
Unha precaución hixiénica.


                    —


   E sin me dar máis resposta
Añon, sempre d'o meu brazo,
Téndose en pé a moita costa,
   Entróu comigo de novo
N'outro vagon ás escuras,
Negro cal boca de lobo.
   Nada alí drento se vía.
Tapada a luz por un númaro
D'a Fe, morta parecía.
   Mais pol-o que eu escoitaba,
Entr'aquela escuridade
Gran rebulicio reinaba.
   Sentin solouzos, acentos
De piedá, ferventes rogos
Entre afogados lamentos,
   Ais de pena e de tenrura,
Suspiros d'amor y-azoutes
De maus sobre carne dura.
   —¡Cómo é sabia a Porvidencia,
Penséi—que me trai o cabo
A un lugar de penitencia!
   Non, non é o mal tan profundo.
¡Inda hai arrepentimento,
Inda hai virtude n'o mundo!
   Y-aconchegando a cabeza
Pra dormir, pois tiña sono,
Y-o sono é media manteza,
   Enterréi todo o cogote
N'un respaldar suave e quente
Como de lan óu nescote.
   Mais non ben tiña pechado
Os ollos, topéime preso,
D'ambol-os remos travado,
   Y-en menos tempo que o esprico
Sentin n'a meixela esquerda
Un roce estraño... Era un bico.
   —¡Cóngrio!—berréi—¿quén s'astreve?...
E sin poder facer forzas,
Frío como a mesma neve,
   Esconxuréi o enemigo,
Palpéi y apreséi... ¡qué diaño!
O que apreséi... non-o digo.
   D'a lámpara n'este istante
Cayéuse o chau o periódeco
Y-ó seu resprandor brilante
   Vinme—¡á contal-o resisto!—
Entr'os brazos d'unha dona
Que me tomaba por Cristo.
   Volvendo os ollos en torno,
N'a miña propia autitude
Descobrin n'o espacio morno
   Cen beatas e beatos,
Rufando místicamente
Como n'a xaneira os gatos;
   Os cuales, volta ás alturas
A mirada compunxida
D'as murillesas figuras
   En grupos de xeito vario,
Mais todos en cruz, facían
D'aquil lugar un Calvario.
   Eu, que outra tal nunca vira,
Adimiréime ás primeiras,
Pero, mira que te mira,
   Notando en forza d'olladas
Que iles fan de crucifixos
Y-elas de crucificadas,
   E vendo que, ó fin y-ó cabo,
Pol-as fendas que s'abrían
Non traspasa ningun cravo,
   Peguéi un brinco terribre
Y-abrindo por aquel bosque
De Belfegor paso libre,
   Dixen:—¡Atentade ó demo!
Y-eles:—¡Fóra o alcanforado!
Berraron—¡fóra o brasfemo!


                    —


   Añon, que agardaba á porta,
Perguntóume:—¿Qué hai, meu rolo?
—¿A tí que rayo ch'importa?
   Repriquéi.—¿Vésme enfadado?
¡Bon modo de agradecerme
O de terte peneirado!
   —¿Pra qué me metiche ahí drento?
—¿Pra qué? Pois logoi infrinxiche
Cecais algun mandamento?
   —Eu non.—Pois á min m'o debes;
Porque s'á pecar chegaras,
Inda con pecados leves,
   Non che valeran recetas
Humanas pra te curares
D'enfermedades... sacretas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega