O divino sainete

Páxina Anterior

Canto VI

Páxina Seguinte

m2currosenriquezodivinosainete007
                    VI


   Diante de nós, entramentes,
D'o Mediterráneo as olas
Crechas e forforescentes,
   D'a praya dende as areas
Veñen sobr'o tren que pasa
Cuspir, de coraxe cheas.
   Detrás quedábase Niza
C'os seus alcáz'res de mármor,
Envolta en névoa sombriza,
   E de Génova o sagrado
Cemiterio, onde Mazzini
Dorme satisfeito e honrado.
   Os reis negáronlle acobo
En vida, os Papas trouxéron-o
Errante de povo en povo;
   Mais iras e teimas tantas
Non privaron que oxe o mundo
Adore suas cinzas santas.
   ¡Laudemus viros gloriosos
Homines magna virtute!...
Escraméi saudando os osos
   D'o apóstole d'a unidade.
Y-Añon, dobrando os xoellos
Dixo asintindo:—¡É verdade!
   E posto en pé decontado
Cal si d'aquil homenaxe
Estivese apesarado,
   Tornóu:—A virtú y-a groria
Son soyo dinas de laude
Sancionadas pol-a historia.
   Catón para o mundo enteiro
Pasóu por un gran romano
E foi un grande usureiro.
   Shakespeare, o poeta ogro,
Ise soñador, n'a granxa
D'Avon daba gando ó logro.
   Cervantes, qu'inda oxe pasa
Por probe, en Madrí era dôno
Non menos que d'unha casa.
   San Rosendo, bispo e asceta,
Tido por célibe, agora
Resúltanos... c'unha neta...
   Pois s'inda os d'antigüedade
Enganan ¿qué te prometes
D'os homes d'a autualidade?
   D'a sombra envoltos n'o enredo
O sol d'a crítica agardan,
E pra que luza inda é cedo
   —Unha vida toda enteira
Ó patrio ben consagrada
É de por sí unha fogueira.
   A historia fará a Mazzini
Xusticia, argüín—¿acaso
É il menos que Mazzantini?
   Y-Añon rosmóu:—Desconfía
D'os xuicios contemporáneos,
Que ten a pasión por guía.
   Y-entrando n'o vagon sesto,
Fixome boa a sua tesis
Dicindo con mordaz xesto:
   —¿Coneces iste?—É un avaro:
Prestóume us cartos ó trinta.
—Se pagaches... non foi caro.
   —¿E iste?...—Tamen. É un libreiro:
Pedíume un tomo, escribin-llo...
Quedóuseme c'o diñeiro.
   —Y-estoutro?...—Por unha leira
Vendéu sua filla á un indiano,
Como unha vaca n'a feira.
   —Pois ben, ises foraxidos
Que á raza humana deshonran,
D'o mesmo inferno saídos,
   Mañán, pol-o xubileo
D'o Papa induluxenciados,
Irán dereitos ó ceo.
   —¿Será verdá?—¡Vaya! E tanto
Que máis d'un que oxe arrenegas
Terás que o adorar por santo.
   O forno d'a idolatría
Católica non s'apaga
Y-hache de chegar un día
   En que rece o Reportorio:
"San Bras, pederasta:—tírase
Anema d'o purgatorio."


                    —


   N'estas y-outras, o poeta
Contándome casos varios,
Con verba aguda e discreta,
   De mulleres malcasadas
Que d'o leito d'o adulterio
Foron para o altar levadas
   E de ladrós y-asesinos
Que con leigados piadosos
Mercaron trunfos divinos,
   Metéume n'o derradeiro
Furgon, todo él atestado
De xoias e de diñeiro.
      E sinalando as talegas
Qu'están alí amontoadas
Con onzas d'ouro ás fanegas,
   Arrodillándose dixo:
—¡Fíncate y-adora ó santo
Que máis maravillas fixo!
   Diante El abátese a serra,
Incrínanse reverentes
As potestades d'a terra
   Y-en celestes armunías
Fanlle dende o Empíreo salvas
Os coros y-as xerarquías.
   Eu, obedente ó mandato
Quitéime homilde o chapeo,
Mais querendo, sin porcato,
   Bicar un saco d'aquiles,
Vin que m'apuntan c'o as armas
Duas parexas de civiles.
   —¡Se das un paso, rabeas!
Berróume un d'eles, deixándome
Mesmo sin sangue n'as veas.
   Recuéi enton espantado
E tras d'o inmortal poñéndome
Pra non morrer fusilado,
   Oín q'Añon me dicía:
—Pra qu'esto non ch'aconteza,
Non biques, furta outro día.
   O ladron sempre ch'escapa
Con ben: todo ese tesouro
Que vai de regalo ó Papa
   Eche o furto d'a protervia,
Que d'a bulsa d'a Homildade
Pasa ó ventre d'a Soberbia.
   Farto de ver cousas tales
Iba xa, cando enxergamos
De Roma as cen catredales.
   O tren, d'os frenos contido,
Paróu pouco á pouco; oíuse
Un abouxador pitido,
   Y-entre nubes pardacentas
De vapor, baixamos todos
D'o coche á pisadas lentas.
   Xa en terra, os romeiros fieles
Rompendo en sagradas cántigas
En Roma entraron; tras d'eles
   Marchábamos nós falando,
De cando en cando sorrindo
E graves de cando en cando.
   Xa drento d'a Cibdá santa,
Vendo n'unha longa rua
Perderse a xente que canta,
   Dixo Añon:—¡Danme trembores
De pensar que han d'ir ó ceo
Tal fato de pecadores!
   Y-eu:—Pois se son perdoados,
¡Teña Dios misericordia
D'os probes homes honrados!

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega