O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

(De "3.5.9. Proxección fora de Galicia" a "3.5.10-5. Consignas e slógans")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada012.html




3.5.9. Proxección fora de Galicia

3.5.9-1. Europeísmo e universalismo

    
A mentalidade dos intelectuais do P.G. era nidiamente europeísta. Tratábase de abrirse a Europa, de sair do atraso económico e marasmo cultural no que se atopaba a Galicia. Esta angueira de apertura ó horizonte europeo era común á gran parte da intelectualidade española dende a «Generación del 98», fora anteriormente preconizada por Vives e os «ilustrados» españoles, e coñecera notable vigor no sexenio que se abre coa revolución de 1868 (419). Agora ben, a relación que eles soñaban entre Galicia e europa debía ser de intercambio cultural recíproco e de trato económico en pé de igoaldade. Ou como eles gostaban de decir: «europeizar Galicia e galeguizar europa».
     Nin que dicir ten que a apertura de Galicia a Europa no podía supoñer a perda da diferencialidade lingüistico-cultural galega, pois isto sería para eles de todo punto inadmisible, polo uniformismo que supoñería e conseguintemente polo que tería de empobrecemento ó non salvagardar a variedade na unidade.
     Mais ainda, Galicia tiña o deber de colabourar coa cultura europea e de non facelo traicionaría a súa misión histórica.
     Moito preocupaba ó P.G. deixar ben claro que o nacionalismo centrífugo non era regresivo nin anti-histórico, polo cal tiña sempre presente as loitas, fallidas ou triunfantes, das pequenas nacionalidades polo dereito de autodeterminación, como probas testificais da sua perfecta sintonía coa corrente histórica, xa que daquela estaba moi espallada a ideología, que eles chamaban «cosmopolita», segundo a cal o mundo camiñaba cara a creación de grandes bloques supranacionais de xeito que pretender crear novos estados sobre da base das pequenas nacións subsumidas nas grandes unidades estatais, practicamente equivalía a retroceder a Idade Media. Frente a esta concepción cosmopolita que sacraliza a unidade do Estado, confunde unidade con uniformidade, e ó cabo desprecia o dereito que toda nacionalidade ten a súa autodeterminación, o P.G. opón a súa distinta concepción europeísta e universalista.
     No seu enfoque do fenómeno urbano xa víramos esta contraposición entre o universalismo que se acepta e o cosmopolitismo que se rexeita: «Universalista foi Santiago antano: cosmopolita é o Vigo d' hoxe» (420).
     O P.G. tiña pois o:

«[...] degoiro de armonizar na cultura universal o rexurdimento da nosa cultura, de integrar na comunidade dos pobos a liberdade do noso pobo, de coordinar, ca solidaridade da economía mundial o
melloramento da nosa economía, en suma, de que Galicia existindo, "vivindo a sua vida", se capacite pra ser un novo orgao da humanidade. O Partido Galeguista pretende pois que Galicia, cumprindo os seus destiños históricos, encha o imperativo que representa a súa vinculación a unha superior unidade humán, que intente asegurar, guindando as fronteiras, a paz dos pobos e o benestar dos homes.» (421)

     O universalismo do P.G. obedecía a un convencimiento da súa necesidade, pero tamén tiña unha función de redondeo da súa doctrina, apuntalando un flanco débil polo que os galeguistas eran constantemente atacados.
     A cuestión mereceu gran atención dos galeguistas. Ramón Vilar Ponte adicou o seu discurso de ingreso no S.E.G. á problemática da relación nacionalismo-internacionalismo. Conclue que un e outro eran compatibeis, entendendo ademais que só polo desenrolo e triunfo dos ideais nacionalistas, podería chegarse a unha auténtica e fraterna estructuración internacional (422).
     Non hai de todos modos lugar a dúbida do universalismo galeguista:

«Os grupos galeguistas consideran pois imprescindible realizar, a par da laboura galeguizadora, unha outa función de universalidade, difundindo fora de Galicia a nosa cultura, introducindo en Galiza os avances da cultura ecuménica, dotando as nosas masas populares de fondo senso de irmandade universal, de colaboración con alleos.» (423)

     Os galeguistas mantiñan polémicas coas doctrinas defensoras do internacionalismo abstracto que, imbuídas dun prurito de xigantismo, deviñan menospreciativas verbo de Galicia, por mor do seu reducido tamaño. Aducían os exemplos de Bélxica e suiza como demostrativos de que non era a extensión do territorio, senon a condición de pobos ceibes, o que determinaba a equiparación no concerto das nacionalidades mundiais. (424)
     O P.G. estaba presto a calqueira fórmula de cooperación entre as distintas nacións, pero sempre e cando elo non supuxera facer «tabula rassa» da heteroxenidade que debía ser repetada, e mesmo fomentada, en tanto que enriquecedora de esa desexable unidade (425).
     En só moi contades ocasións a doctrina galeguista segue as pautas triunfalistas de Curros Enríquez cando dicía que o idioma universal que remataría impoéndose sobor dos demais tería de ser o galego. Pódese dicir que salvo algún que outro detalle anecdótico, a ideoloxía galeguista fuxe do chauvinismo patrioteiro ou expansivo.
     A concepción universalista do P.G., tinguida pola ideoloxía federal, queda perfectamente reflexada na fórmula programática: «Galicia, célula de universalidade».
     Os galeguistas viron na Idade Media o período de maior esplendor cultural, co Camiño de Santiago, Xelmirez e mailos Cancioneiros galaico-portugueses. Foi este un período en que Galicia estaba aberta a Europa sen que por elo perdera nada das suas xenuinas carcterísticas. Así, decía Otero Pedrayo: «Galicia foi enteiramente Galicia cando foi mais universal».
     Semellante mentalidade eurogaleguista denotan as verbas de Risco:

«Eu quixera que a inteleitualidade galega se fixera tan siquera europea. Galicia na Edade Meia era Europa. Temos que reintegrar o noso esprito o esprito de humanidade. Temos que poñer a cultura europea en galego. Europeismo i enxebrismo conxugados dan o atlantismo (superocidentalismo - supereuropeismo). Europa é unha ponte e mais un camiño.» (426)




     3.5.9-2. Federalismo Internacional

     Os principios de anti-imperialismo e federalismo internacional do P.G. gardan entre sí unha correlación similar á que existe entre os paradigmas das nacionalidades e o igoalitarismo, —cos cais teñen parentesco— que constitúen xunto co humanitario, o trípode sobor do que se asentaba a doctrina internacional dos republicanos federais (427). En efecto, para os federais tódolos pobos eran igoais, polo que non existían razóns para que os pobos máis fortes colonizaran e mediatizaran a vida dos máis febles. Sendo isto así, propugnaban unha comunidade internacional («Estados Unidos Europeos») formada por entidades igoais e soberanas unidas por un pacto sinalagmático (428). Se a inspiración do P.G. nos postulados do vello federalismo é clara, tamén son evidentes as diferencias. O P.G. non fala para nada do pacto sinalagmático e puña a énfase no papel das nacións, que no caso dos federais estaba atemperado polo seu convencimento de que existían intereses máis universais, ante os que compría postergar os particularistas, e tamén pola sua teoría de que era necesario respetar aquelas outras unidades inferiores que integraban a mesma nación. Polo demais o P.G. leva a utopía do federalismo europeo á escala universal.
     Existía para o P.G. en todo o mundo un amplio movimento de liberación das nacións oprimidas. Algunhas delas, como a India, Checoslovaquia, Polonia e Irlanda, conqueriran dotarse de estados propios. Pois ben, o P.G. fundamenta as suas esperanzas de que se chegase a establecer un sistema federal a escala planetaria xustamente nesa corrente de reivindicacións dos países satelizados.
     Normalmente non descendía do terreo das declaracións grandilocuentes:

«A concepción nacionalista de Galicia [...] Aspira a que se constituia a Federación Mundial de Nacionalidades Libres e independientes en que a xenreira e o odio que guia sistematicamente a vida dos grandes Estados e Imperios de boxe se troque en irmandade e solidaridade entre todolos pobos, pra terminar dunha vez coa codicia belicista que tanto sangre fixo verter a humanidades [...].» (429)

     Debía ser así, dado que para o P.G.:

«Os Estados europeos de hoxe, formas híbridas, mixtura confusa e caótica de elementos, e sangues diferentes, cotels raciales sin formas definidas, constituien o mais bárbaro atentado que podemos maxinar contra da bioloxía e a historia. No futuro esstas creacións inorgánicas e artificiaes teflen que desaparecer inevitablemente.» (430)

     Xa co dito anteriormente coidamos que ficou claro de abondo o espírito federalista do P.G., pero para remachar este aspecto, nodal na súa ideoloxía, citaremos opinións verquidas por persoeiros galeguistas, nas que inequivocamente se afirma a súa preferencia por este sistema de articulación entre os futuros Estados de base étnico-nacional. Así, na opinión de Bóveda, comprían:

«Novas institucións político-económicas sobre a base da federación universal das patrias naturás (guindando) pra sempre cos artificiás Estados históricos, cuio imperialismo e inxusticia social e unitarismo pretende exaltar e perpetuar o feixismo, reacción histérica dun réxime chamado a desaparecer.» (431)

     Agora ben, a federación mundial que se pretende debería asentarse sobre a base das nacións «vivas e reales» (432), é dicir, as que corresponden a cada unha das étnias existentes, que terán de desembarazarse de asoballamento centralista (433).
     E tamén: «Soio a ruptura de europa pol-as liñas naturais da sua dislocación pode traguer unha Europa federada.» (434)



     3.5.9-3. Celtismo, Atlantismo e Pangaleguismo

     Na doctrina galeguista atopámonos con que o celtismo se proxecta en duas dimensións: por unha banda alude ás oríxes diferenciais do Pobo Galego e, por outra, a uns lazos de solidaridade entre os pobos europeus de orixe céltico (Bretaña, Illa de Man, Cornwall, Irlanda, País de Gales, Highlands e Galicia). Isto último denomínano «Panceltismo».
     Ainda que se pode atopar algún outro precedente (Aguiar), foi en realidade o historiador romántico Benito Vicetto o difusor do mito do celtismo, cando mencionou na súa monumental historia de Galicia á «nacionalidad céltica» (435). Esta tradición a recollen Murguía (436) e o propio Vicente Risco (437)
    No estado actual de coñecementos, sábese que con anterioridade á chegada a Galicia, na Idade do Ferro, dos pobos Celtas, poboaron Galicia unhas xentes que os autores gregos denominaron oestrymnios. Baixo esta imprecisa denominación se agrupaban varios sustratos raciais: en primeiro lugar o home de Cromagnon, que habitou Galicia durante o paleolítico; un aporte de orixe mediterráneo, morenos e de pequena estatura, na etapa neolítica; e, ó cabo, na Idade do Bronce engádense sustratos raciais de tipo alpino e nórdico (438).
     Agora ben, isto era daquela descoñecido, e na penumbra así creada froleceu o mito do celtismo. Esta lenda cumplia unha doble finalidade: En primeiro lugar, diferenciar étnicamente a Galicia verbo do entorno territorial no que tiña sido asimilada nun determinado intre histórico. En segundo, o mencionado mito cumplía co propósito de magnificar as oríxes do Pobo Galego, facendoo descender do valeroso caudillo celta Breogán (439).
     A funcionalidade mítica do celtismo, engrandecendo as nosas oríxes, sería similar á que tivo a epopeia de Virxilio, «La Eneida», verbo de Roma, se Vicetto non tivera que preocuparse tamén por singularizar Galicia dos países colindantes da península ibérica para disipar o que os galeguistas consideraban como a falacia da uniformidade española.
     Desta teoría participaban absolutamente tódolos galeguistas. Así, Taboada Tabanera denomina a Pondal como: «mozo bergantiñan de rexo esprito celta» (440). O mestre Xan Pas, pola súa banda, caracteriza o poder centralista como: «a man tiránica do fidalgo castelán (... que) transforma os herdeiros dos celtas en pobo de mártires e escravos» (441). Nun manifesto dirixido á mocedade dí o P.G.

«Tendes unha patria nova que descubrir como Olaf, o navigante do norte; tendes unha patria vella que redimir como os irmáns irlandeses» (442). Que, claro está, eran celtas.

     Como queira que os galeguistas reivindicaban para Galicia o rango de nacionalidade céltica, solicitaron o establecimento de relacións coa «Celtic Association». Esta entidade celebraba congresos pan-célticos, a algún dos cais procuraron asistir os nacionalistas galegos (443).
     Polo que respecta a solidaridade entre os pobos celtas débeselle a Vicente Risco a autoría dunha teorización sobre o seu papel na historia. Así, recollía o P.G. a teoría panceltista esbozada por Risco na sua «Teoría do Nacionalismo Galego»:

«Galicia non está soia no mundo. Existe un área de irmandade internacional con Galicia que nós, lonxe de todo sono imperialista, temos que cultivar como algo noso. Galicia ten unha solidaridade étnica que a xungue as terras célticas, sempre en loita pol-o seu propio ser.» (444)

     Tras da desfeita da Primeira Guerra Mundial, Risco viu chegado o momento de sustituir a civilización Mediterránea —A yankee non a conta por non considerála mais que como unha prolongación da Europa— pola civilización Atlántica na que Galicia desempeñaría un papel fundamental (445). A decadencia das étnias mediterráneas debido ó mestizaxe que nelas se daba, de xudíos, mouros, etc., contrastaba coas poboacións arias do Atlántico, moi pouco desvirtuadas por cruces raciais. Por elo as sete nacións célticas, tiñan de porse á cabeza de Europa para dirixi-lo seu destino, salvándoa da decadencia. Toda esta concepción teleolóxica do nacionalismo galego adubiábase coa revitalización do mito da Atlántida, ó que en varias ocasións se ten referido Risco, considerando a este lexendario continente mergullado nas augas do Océano, como o símbolo da civilización céltica, escurecida e asoballada pola civilización mediterránea aportada polo «imperialismo romano» (446).
     Por outra banda, baseándose no filósofo catalán Xenius, Risco contempla tres civilizacións: a Mediterránea, «civilización da Intelixencia» , a Oriental e maila Ianquee, civilizacións da «Vontade», e por último a de Portugal e Galicia que denomina civilización da «Memoria... Morriña e Saudade» (447). Desde xeito, formando xuntamente con Galicia a civilización da Morriña e a Saudade, otorga Risco un papel a Portugal —que non é un país Celta, pero que asoma ó Atlántico, «mare nostrum» dos celtas— na civilización atlántica panceltista. Así: «A misión histórica de Galicia e Portugal é d'oponer ó mediterraneismo, o atlantismo, fórmula da Era futura» (448).
     Resulta comprensible que un partido de liberación dunha nacionalidade oprimida, e en xeral o nacionalismo de calisquer tipo, elabore unha teoría destinada a imbricar o propio movimento nun contexto mais amplio. Deste xeito, son moitos os movimentos de liberación en Africa ou Latinoamérica (e tamén ocurre cos nacionalismos europeos: panxermanismo, paneslavismo) que teñen como meta a unificación continental baseada na súa común identidade cultural, e as veces racial ou étnica (panamericanismo, panafricanismo). Algo disto sucede co P.G. que alude expresamente ó pangaleguismo no Programa de 1933. Nesta teorización Galicia xoga o papel clave, en tanto que país líder dos celtas e actuando ademais como tecido conxuntivo entre estes e a área luso-brasileira. O pangaleguismo viría constituido polos países celtas, as zonas culturalmente afins dos aledaños de Galicia (Galicia irredenta), a colectividade emigrada a tamén a área luso-brasileira que igoalmente ten un posto neste diseño (449).



     3.5.9-4. Lusismo

     O tema da federación con Portugal xa foi plantexado no século XIX por correntes ideolóxicas distintas da galeguista, entre elas a carlista e maila federal (450). Como ten dito Carlos Rama (451), os nacionalismos periféricos plantexan a unión con Portugal nunha federación ibérica, como fórmula que resolva o problema interno do Estado español e o da sua resurrección económica, e o mesmo tempo anule, co seu peso xeográfico, a Castela como forza hexemónica centralizadora. Se isto o atopamos nos diversos nacionalismos do Estado Español, con máis razón o teremos de ver no galego, por evidentes razóns de proximidade xeográfica, afinidade lingüística e cultural, amén das raices históricas comúns.
     O galeguismo plantexou a cuestión da federación con Portugal, como pouco, dende a Asamblea Nazonalista de Lugo celebrada no ano 1918 (452). En xeral podemos dicir que de sempre a tradición galeguista foi lusista. Non só Antolín Faraldo andivo exiliado por aqueles pagos, senón que o mesmo A. Vilar Ponte confesa ter recibido un aldabonazo cando comprobou que o alter galego, que non outra cousa é o portugues, tiña a dignidade de idioma oficial. Isto en gran parte condicionou o nacimento das Irmandades da Fala, que, como o seu nome indica, facían da lingüa cuestión preferente. Tamén é altamente significativo que no poema «Os Pinos», de Pondal, nas estrofas seguintes as do hino galego, se diga: «A nobre Lusitania / os brazos tende amigos, / os eidos ben antigos / con un punxente afán».
     Otero Pedrayo, que por certo amenazou coa «boutade» de recurrir a axuda militar portuguesa, se non eran atendidas as esixencias de Galicia en orde o seu autogoberno, dicía que a preocupación polos homes e cousas de Portugal foi esencial dende os comenzos do galeguismo; continuaba afirmando que dende os devanceiros ata os mestres recentes do galeguismo (cita a Viqueira, Lousada, Vilar Ponte e Risco) non se fixo nada por Galicia que non fora pensando en Portugal. El mesmo incitaba ós intelectuais galegos a atender a Portugal (453).
     Existían xentes en Galicia e fora dela que consideraban o galego como unha variante dialectal do castelán (454). Normalmente estas persoas menospreciaban a cultura galega así como tamén a portuguesa. Antón Villar Ponte comenta nun dos seus artigos (455) a nula atención que no propio Madrid se prestaba á literatura e mailo idioma portugueses, en contraste coa actitude da intelectualidade portuguesa que sí coñecía a producción libresca española. A cousa chegaba a tal extremo que nin sequera nas Universidades de Galicia e Salamanca se lle rendían honores de belixerancia ó portugués entre os idiomas vivos de Europa, e a maior abondamento, non eran —segundo él— poucos os españois que no propio Portugal se alporizaban en comercios e establecimentos públicos porque non se lles falaba «en cristiano», como denominaban ó castelán. Pois ben, así as cousas, entendían que somentes federándose a República con Portugal se suprimiría ese desdén e descoñecimento.
     O P.G. non perde oportunidade de suliñar as similitudes xeográficas, históricas, lingüísticas e culturais entre o norte de Portugal, ata o río Mondego, e Galicia: «[...] o Miño non é unha fronteira con Portugal en Galicia» (456); «[ ..] as terras do Mino portugués son galegas» (457). O mesmo Castelao ten adicado un dibuxo do seu «Album NOS», audaz e cauto a un tempo, a esta custión.

    
Xa dixemos que, na teleoloxía galeguista, Galicia debía cumplir a sua misión histórica de aproximación a Portugal e a Brasil (458).
     Nin que dicir ten que os portugueses tampouco deixaron de deseñar plans en relación a Galicia. Así, do pensador de significación integrista Antonio Sardinha deuse a conecer postumamente en 1935 a sua obra «Nacionalismo Galego e lirismo Portugués». Neste libro otorgaba a Galicia o papel de reconciliador entre Portugal e España. Dando primacía á soberanía espiritual sobor da política, cifraba no lirismo dos cancioneiros —patrimonio luso-galego— unha das pedras angulares dos nacionalismos portugués e galego (459).
     Diremos tamén que a teoría atlantista, que como xa expuxemos, comportaba a confluencia luso-galaica, non debía de ser para os propios galeguistas moito máis cun sono poético. Levanos a decir isto o feito de que, cando dende as páxinas de «El Sol», Américo Castro moquéase de todo isto denominandoo: «un bufo imperialismo luso-galaico-brasileño», Antón Villar Ponte, que lle sae ó paso, nin siquera se molesta en defender a tal doctrina, que, dende logo, imperialista non era, decindo que o único que pretendían era chegar a unha verdadeira compenetración lingüística que fomentara un mellor coñecimento mútuo (460).
     Moitos escritores galeguistas mantiveron unha relación cultural e amistosa de notable intensidade, con certos sectores da intelectualidade Portuguesa. Agardaban que de esa mútua porosidade «[...] vendrá así el día, como Eugenio Montes insinuó, en que pueda alzarse "una cultura común sobre ambas orillas del futuro mare nostrum"» (461).
     O Seminario de Estudos Galegos tratou dende a sua fundación en 1923 de establecer relacións cos intelectuais portugueses. Segundo refire Filgueira Valverde (462), os primeiros en achegárense ós galeguistas foron Mendez Correa, Mario Cardoso, Pires de Lima, Santos Junio, Serpa Pinto e Rodríguez Lapa. Os galeguistas que máis os cultivaron —directamente e por carta— foron Risco, Castelao, Martínez López e, concretamente co grupo de Porto, Otero Pedrayo, Paz Andrade e Bouza-Brey. Vicente Risco gozaba de gran prestixio nos medios intelectuais lusos. Afeito a ler literatura portuguesa, temos tamén constancia de que estaba suscrito a revistas desa mesma procedencia, entre as que destacaba «A Aguia», que se editaba en Porto, contando coa colaboración de Leonardo de Coimbra (pensador ó que adoitaba citar Viqueira) e Teixeira Rego, ambolos dous amigos de Risco. Deles dicía que eran os ecos mais fideis que tivo a Galicia renacente no alén Miño:

«Un eco sen o cal a nosa renacencia non sería mais qu'un pequeno pleito provincial, un regionalismo sen gravedade.» (463)

     Arredor da revista «A Aguia» aglutinábase o grupo «Renasença», conservador e de gran interés artístico. A alma desta intelectualidade era Pascoaes, en tanto que o catedrático de filosofia Leonardo Coimbra (pensador, idealista, moi relixioso e nada progresista, por quen Risco tiña veneración) actuaba como mentor teórico. Entre Risco, Otero Pedrayo e en xeral o núcleo de galeguistas ourensáns, existiu un claro nexo co grupo de «A Aguia» (464). Proba delo é a colaboración de escritores portugueses na revista «NOS», ó que se alude noutro apartado. Vicente Risco, xuntamente con Castelao, foron nomeados en 1933 membros da Academia Nacional de Belas Artes de Lisboa, que presidía o crítico Xosé de Figueiredo (465). Este xesto patentizaba o recoñecemento oficial da cultura galega por parte dos intelectuais lusos. No que fai a Castelao, esta designación expresa ben a sua sona e reputación como artista. Esta relativa celebridade fundamentábase na serie de conferencias que deu, principalmente en Porto e Lisboa, e nos estreitos vincallos amistosos que mantivo con varios intelectuais lusos, e moi sinaladamente con Teixeira de Pascoaes, quen sentía devoción pola súa arte, creador da teoría da saudade, tan querida dos galeguistas, e con Rodríguez Lapa a quen visitou decote aproveitando a sua estancia en Badaxoz (466). Mais ou menos outro tanto cabería dicir de Paz Andrade, que expresaba a sua filla portuguesista titulando as suas colaboracións en «El Pueblo Gallego» do seguinte xeito: «Crónicas de Johan Quinto». Ramón Martínez López, oficiou a modo de embaixador do galeguismo en Portugal. O seu cárgo de director do Instituto Español de Lisboa, que desempeñou dende 1933, permitíulle trabar relación co grupo de intelectuais de Lisboa, cos que existían menos vincallos que cos de Porto; amigos seus foron Fernando Pessoa, o pintor Almada Negreiros, o catedrático Hernani Cidade, en xeral os integrantes do grupo poético «Presença», e tamén Teixeira de Pascoaes, de quen traducíu ó castelán a sua obra «São Paulo», cun prólogo de Unamuno (467).
     En 1932, os intelectuais portugueses Rodríguez Lapa, Mario Saa e Mario Cardozo, recorren Galicia en viaxe de estudos sendo agasallados por moitos intelectuais galeguistas (468). O interés dos investigadores portugueses pola cultura galega podemolo exemplificar co caso arquetípico de Rui de Serpa Pinto que escribeu para a revista «NÓS», e colaborou no estudo do pasado de Galicia co «Seminario de Estudos Galegos» (469).
     Para instrumentar o coñecimento recíproco, organizáronse duas «Semanas Luso-Galaicas». A primeira delas celebrouse en Vigo, en marzo de 1933 (470). A segunda tivo lugar na Facultade de Ciencias da cidade de Porto, nos primeiros días de abril de 1935; nela participou o «Seminario de Estudos Galegos» dando gran número de conferencias (471). Funcionaba tamén na Universidade compostelana o «Instituto de Estudios Portugueses», debido a iniciativa do rector Alejandro Rodríguez Cadarso. Polo demais, houbo propostas de instalar unha feira ou exposición permanente da Arte e do Libro portugués (472), pero non chegaron a callar en nada concreto.
     Agora ben, tampouco convén esaxerar as cousas; o portugués Antonio A. Doria, de Braga, recoñecía e lamentaba que os intelectuais portugueses, atentos as novedades literarias francesas, descoñecían a literatura galega (473). Antón Villar Ponte, polo seu lado, constataba con pesadume que moitos filólogos portugueses e tamén non poucos galegos «que se llaman cultos», descoñecían que en Galicia había un idioma moi semellante ó luso (474). Vexamos agora a cuestión do idioma. Como ten dito Carballo Calero (475), os galeguistas non contaron con ningún filólogo orixinal que contraviñese as ideas que sobor do galego e o portugués profesaba a ciencia romanística. Para esta, tal coma a expuxeran Carolina Michaelis de Vasconcelos ou Ramón Menéndez Pidal, os actuais idiomas galego e portugués son distintas formas dun mesmo sistema lingüístico: o galego-portugués. Para Castelao, o idioma galego nace nunha Galicia que se extendía a ambas beiras do Miño, e de Galicia pasa o territorio lusitano que comenzaba alén do Douro ou do Mondego. Portugal, que exportou o seu nome cara o sul, é orixinariamente parte integrante de Galicia; deste xeito, a dualidade de nomes provén de separación política. En moitas ocasións os galeguistas manifestan con certa fachenda que o galego é o pai do actual portugués (476). Tamén é verdade que as vegadas dín que o mesmo da dicir que Galicia no aspecto lingüístico é unha prolongación de Portugal, como que Portugal é unha prolongación de Galicia (477). Así pois, fluctúan entre a teoría dos codialectos e a doctrina da primacía do galego, polo menos en termos históricos. Agora ben, cando falan da situación lingüística do seu tempo, recoñecen que se ben xeneticamente o portugués era un dialecto do galego, sociolóxicamente era, á inversa, o galego unha variante do portugués. Digamos ademais que adoitaban apelar á comunidade lingüística galego-luso-brasileira, para amosar a difusión e importancia do galego-portugués en función do crecido número de falantes.
     Polo que puidemos apreciar na investigación realizada, varios destacados galeguistas —Antón Villar Ponte, Joan Carballeira, antes Viqueira e noutra tesitura, ideolóxica, Portela Valladares— sostiñan que ambos idiomas non somentes partían dun berce común, senón que ademais seguían sendo moi semellantes naquela altura do século XX (478). Segundo isto somentes diferirían na fonética e na ortografia e, con todo, non moito máis que o castelán que se falaba nas duas mesetas verbo do que se empregaba en Andalucía ou na Arxentina (479). Tan convencido estaba disto Antón Villar Ponte que chegou a propoñer que se organizara un congreso lingüístico ó que concurrisen representantes autorizados de Portugal, Brasil e Galicia, que poidera servir de punto de partida para arribar á creación dunha Academia onde o idioma galaico-portugués tivese un cultivo unificador (480).
     Ante o problema das desemellanzas fonéticas e ortográficas, os galeguistas pensaban que algo había que facer. A primeira cuestión era inabordable, pero non acontecía o mesmo coa segunda. En efecto, existía a posibilidade de establecer unha normativa que unificase o galego baixo uns supostos reintegracionistas. Deixemos eiquí ó marxe a cuestión de se pensaban que conviña ou non unificar o galego mediante unha normativa, cuestión esta polémica que tratamos noutro capítulo. Respostando ó criterio mais xeneralizado entre os galeguistas, consistente en que conviña unificar o idioma galego para fixar a sua categoria, o «Seminario de Estudos Galegos» estableceu en 1934 unhas normas, que A.N.T. convertíu no seu galego normativo, que se ben non eran completamente lusistas, aceptaban moitas das solucións establecidas pola lingua portuguesa. Esta normativa estaba enmarcada na perspectiva dun progresivo achegamento ó portugués; así, prescindíase da representación dos fonemas ‌ g ‌ e ‌ j ‌, pero só «por razóns de comenencia actual» e de modo provisorio. De tódolos xeitos non era este un criterio compartido por todos. Juan Carballeira, por citar un caso, precisaba que seria máis axeitado —tal como propuxera Rafael Dieste (481)— empregar o ‌ x ‌ na forma demótica, nos xornais populares e publicacións de grau público, e a forma etimolóxica culta ‌ j ‌ nos traballos destinados ás minorias, libros e revistas especializadas. Esta teoría era a que, con certas ambigüidades, se seguía na práctica, como se pode ver contrastando o galego dunha revista como A.N.T., que pretendia chegar a un público amplio, co empregado nunha revista cultural e minoritaria como era «NÓS». Ata o propio Vicente Risco, a quen os seus compañeiros de credo chamaban «o honre das "jotas"» (482) pola sua afición a prodigar tal grafismo, se gardaba moi moito de empregalo nos traballos que facía con destino a divulgación amplia (483). Para rematar digamos que se a normativa do S.E.G. desbota o fonema ‌ z ‌ non é por ser un arcaísmo —e como tal lusista— senón por mor do seu són castelán (484).



     3.5.9-5. Galeuzca

     Con este vocablo (485), suma das sílabas iniciais de Galicia, Euzkadi e Cataluña, aludían os nacionalistas a sua alianza triangular descontra o centralismo do Estado. Esta idea non foi pergueñada no período republicano, senon que xa unha década antes fora concebida polo escritor catalanista de esquerdas Antoni Rovira i Virgili (486). A primeira realización fáctica do proxecto de Galeuzca tivo lugar en 1923, tendo como escenario a cidade de Barcelona, en data tan sinalada como o 11 de setembro, Diada de Cataluña. Na xuntanza de constitución da «Triple Alianza Nacionalista», representaban ós nacionalistas galegos: Zamora e Alfredo Somoza, no nome da «Irmandade Nazonalista Galega» (487) e das «Irmandades da Fala» (488). Dous dias despois produciuse o golpe militar de Primo de Rivera, imposibilitando que o compromiso dos nacionalistas chegara a ter virtualidade, entre outras razóns, como apunta Víctor Casas, porque moitas das persoas vencelladas a el foron perseguidas, tendo que exiliarse algunhas delas (489). Un antecedente claro deste primeiro ensaio de alianza entre os nacionalismos periféricos, ven dado polo acordo tomado en abril de 1921 pola «Mocedá Galeguista de Ourense» (que logo pasou a denominarse I.N.G.), de entrar en relación con Cataluña, Euskadi e Aragón, de cara a establecer a «Liga das Nazós do Norte d'Iberia», que funcionaría a base de asambleas anuais ou bianuais (490).
     O devandito acordo supuxo unha inflexión no centro de atención do galeguismo de principios do século, circunscrito ata ese intre a Cataluña. En efecto, foi en Barcelona onde Alfredo Brañas publicou o célebre libro «El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario», que contiña o ideario do movemento rexionalista. Tamén a «Solidaridad Gallega» (1907-1914) organización que integraba a heteroxéneas correntes políticas (carlistas, republicanos, rexionalistas, e independentes), inspirouse na Solidaridade promovida por Salmerón en Cataluña, e que obtivera un clamoroso éxito nas eleccións de 1907 (491).
     Menos coñecida é a viaxe que en 1918 efectuaron a Cataluña Porteiro Garea e Lousada Diéguez, pronunciando numerosas conferencias e abrindo unha corrente de cordialidade entre o galeguismo e o catalanismo. Tanto se asociou na mente das xentes este binomio que non tardaron en arreciar as críticas ós nacionalistas galegos, tildados de miméticos verbo do catalanismo. Cecais como un reflexo defensivo se poden interpretar as alegacións de numerosos galeguistas no senso de que a influencia entre Galicia e Cataluña era recíproca, non sendo aquela simple remedo desta. Levados por este prurito chegan a reivindicar para o País Galego o ter sido pioneiros na angueira da afirmación das señas de identidade propias —afirmación que como sabemos é ben discutible— por mais que os froitos desa pretendida anticipación fosen, na etapa republicana, ben cativos en relación ó punxente movemento catalanista (492).
     Precisemos de tódolos xeitos, que ainda que dende a década dos anos vinte, Euskadi merece tamén a atención do nacionalismo galego, segue a ser Cataluña o exemplo a imitar por parte dos galeguistas (493).
     O Galeusca que a efectos deste traballo nos interesa preponderantemente é o que se plasmou no vran de 1933, dez anos despois do «Pacto da Triple Alianza». Pero ¿por qué motivo fraguouse neste ano? A percura dunha resposta satisfactoria analizaremos a conxuntura en que se atopan á sazón os tres nacionalismos.
     Para o nacionalismo catalán a alianza triple era un vello proxecto enxendrado por eles, e foi xustamente a Esquerra Republicana de Cataluña a que fixo o primeiro chamamento para formar a alianza nos anos trinta. Para eles Galeusca serviría para favorecer un clima de maior unidade entre as distintas forzas nacionalistas —pois se trataba de que todas elas formasen parte de Galeusca profundamente divididas na conxuntura estival de 1933 (494). O feito de que a Generalitat non atopase grandes problemas no traspaso de servicios, que se efectuaba con bastante rapidez, ata despois das eleccións xerais a Cortes de novembro de 1933, non foi óbice para que os nacionalistas, aleccionados polas resistencias que atoparan para conquerir que as Cortes aprobaran o seu Estatuto, distasen de sentirse confiados nas posibilidades de que prosperase o desenrolo da sua autonomía en solitario. Interesáballes, por elo, que as outras duas nacionalidades accederan tamén a autonomía (495) e, xa que logo, compría mellorar a correlación de forzas pro-autonómicas na seguinte lexislatura. Asimesmo, interesáballes a perspectiva estratéxica de reformar a constitución de modo que estructurase a República de xeito federal, para a cal fora concebido o Estatuto de Nuria que foi logo despoxado do seu federalismo na Comisión parlamentaria (496).
     Para os nacionalistas galegos tres eran os problemas fundamentais que tiña plantexados Galicia e que tentaban de resolver coa fórmula política que representaba Galeusca. A situación a resume con louvable claridade Víctor Casas (497). En primeiro lugar a República non tiña sido organizada federalmente, tal e como eles desexaban, de conformidade co expresado no anteproxecto do Estatuto elaborado polo «S.E.G.». Estaba, a continuación, a vía morta na que se atopaba o Estatuto de Compostela, pola falla de consecuencia dos partidos republicanos que se declaraban autonomistas, e moi especialmente o «P.R.G.» que coa sua política dilatoria na autorización do plebiscito, conqueriu alporizar sobremaneira os ánimos dos galeguistas. A isto se engadía a política económica do Goberno (obras do ferrocarril, arancel do millo, importación de carnes conxeladas, stocks na industria conserveira, etc.) que fixo incrementar a tensión entre o P.G. e os partidos republicanos (498). Tratábase, en suma, de reemplazar o alianza coas organizacions autonomistas de Galicia, por outra cos nacionalistas vascos e cataláns, con vistas a propulsar o autogoberno galego. Trataremos máis extensamente esta cuestión no apartado da actuación do P.G.
     A situación en Euxkadi tampouco era considerada como halagüeña polas forzas que integraban o nacionalismo vasco. Nun importante docurhento de «Acción Nacionalista Vasca» (499) quedan transparentados os problemas das forzas abertzales. Estas tiveran enfrentamentos coa coalición republicano-socialista que detentaba o poder central de resultas dos cales foran encarcelados militantes nacionalistas e pechadas moitas das suas sedes (500). Queixábanse de que o proxecto de Estatuto vasco fora paralizado polas forzas republicanas do goberno e percisaban das influencias dos dirixentes catalanistas ante o ministro de Obas Públicas e factotum de política vasca, Indalecio Prieto, para desbloquear a autonomía. Con Galeusca os vascos tencionaban conquerir no Parlamento un bloque de 60 ou 70 parlamentarios que acelerase o proceso autonómico, e escomenzase a traballar logo no obxetivo estratéxico dunha confederación de nacións ibéricas. Por ende, «A.N.V.» agardaba que coa incorporación do «P.N.V.» á alianza triangular se conqueriria contrarrestar a sua tendencia a aliarse «con los clericales» (501)
     Na primavera de 1933 nun mitin celebrado pola A.N.V. no frontón Euskalduna, que contou coa participación do membro de «E.R.C.», J. Riera Puntí, lanzouse a idea (502). Tivo lugar logo unha conversa en Guernica de representantes da «A.N.V.» con Riera Puntí e Castelao, quedando acordes en que compría facer algo práctico, á que seguiu un novo intercambio de impresións en Madrid, acudindo pola «A.N.V.» Luis de Urrengoechea e Julian de Arrien. Estes plantexaron a necesidade de que dentro de Euskadi se contara coa adhesión á «Triple» do P.N.V., por ser alí a organización nacionalista mais forte e estar ademais disposto a elo, ó que o P.G. deu a sua aprobación pero non así a Esquerra. Estas xestións quedaron logo interrumpidas ata que quedou en parte despexada a situación de Bizcaia, onde foran apresados militantes nacionalistas e pechados algúns importantes centros. A mediar xuño o Comité Nacional da «A.N.V.» envía unha carta (503) ós dirixentes da Esquerra, Ventura Gassol, Joan Puig i Ferreter e Riera Puntí, voltando novamente a tratar a cuestión. Reiteran que tanto o seu partido como o P.N.V., que contaban coa adhesión do sindicato mais forte do País Vasco, a «Solidaridad de Trabajadores Vascos» (que aglutinaba a mais de 50.000 afiliados) estaban completamente conforme coa idea da «Triple». Tentan de esvair as reticencias da Esquerra verbo do «matiz algo reaccionario» e clericalista do P.N.V., argumentando que este tendía a disiparse a cada pouco, e que a opinión nacionalista se orientaba con meirande forza cada vegada cara a sua organización. Abogan pola incorporación a Galeusca de tódolos grupos nacionalistas de Cataluña, utilizando a organización «Palestra» como medio de obviar as dificultades que indubidablemente existían para elo. Propoñen aproveitar o vran para dar forma a «Triple Alianza» , pero agora «en bases de realidad práctica y con pocas cosas sentimentales, defecto de que adoleció el anterior» (504) soa e piden ó cabo que Companys como ministro, xunto co federal Franchy Roca, ou ben o propio Maciá, presionaran sobre Prieto para que poideran plebiscitar o Estatuto vasco. Suxiren unha viaxe do presidente Francisco Maciá, «por quien los vascos sentimos verdadera veneración y respeto, sin distinción de matices» (505) a Bilbao, para selar a «Triple Alianza».
     Tal xeito de levar a efecto o pacto de Galeusca deixaba ós galeguistas nun evidente segundo plano, que por outro lado estaba en consonancia co seu menor peso específico relativo. O cabo quedouse en facer unha viaxe de representantes dos tres nacionalismos polas tres nacionalidades implicadas que servise para fomentar o mellor coñecimento mútuo a estreitar os seus vincallos amistosos. En efecto, de Cataluña o 21 de xullo, e de San Sebastián o 22, saen os nacionalistas vascos e cataláns para percorrer Ourense, Vigo, Santiago e outras cidades galegas na compaña dos galeguistas, que se sumarian logo a excursión por Euskadi ata rematar en Cataluña. «El Pueblo Gallego» otorgalle ó tema un tratamento informativo xeneroso (506) que contrasta coas suspicacias que suscita na prensa conservadora de Galicia, que era con moito a predominante. Na data simbólica do 25 de xullo do 1933, suscribese solemnemente en Compostela, na sede do Seminario de Estudos Galegos, o Pacto de Galeuzca «de irmandade e defensa mútua para o loita [...] pol-as suas liberdades», que trataremos polo miudo noutro apartado (507) polo que se creaba un Secretariado permanente, con oficinas en Cataluña, Euskadi e Galicia, como órgano coordinador das forzas nacionalistas que o apoiaban (508). Estas eran o P.G. e Ultreya (representada por Alvaro das Casas), «P.N.V.» (representado por Irujo), A.N.V. por Euskadi, e «Acció Catalana» , «U.D.C.» (por quen firmou Batista Roca) e «Palestra» por Cataluña (509). Compre sinalar tamén que Galeusca estaba concebida como plataforma para formar un frente federal peninsular que coordinase tódalas forzas federalistas de España co obxetivo de combatir mellor a política centralista e asimiladora (510). Se ben Galeusca non conqueriu integrar á totalidade das forzas nacionalistas (a ausencia máis significativa foi a da Lliga de Cambó) si que logrou aglutinar a maior parte delas, o que podemos considerar como un triunfo do integracionismo que adoita ser un rasgo común ás distintas ideoloxías nacionalistas. Deste xeito conqueriron poñer nun segundo plano as diferencias existentes entre nacionalistas confesionais e conservadores (P.N.V.) e os laicistas de esquerdas (E.R.C.), e asimesmo a contradicción existente e operante entre os nacionalismos dos países adiantados (o vasco e o catalán) e o da subdesenvolta Galicia (511), todo elo en aras do empeño común anticentralista que os unía (512).
     No curso da viaxe triangular tivo lugar en Bilbao unha xuntanza de Galeusca no casal das Xuntas Municipais, por estar pechado pola policía o do Euzkadi Buru Batzar. Asisten Pau Vila (Acció Catalana), Esterlich (Lliga Regionalista), Batista i Roca e Dr. Xirona (Palestra), Riera Puntí (Ezquerra Catalana), Carrasco Formiguera e Castañer (Unió Democrática de Catalunya), Perca (Acción Nacionalista Vasca), Leizaola, Irujo e outros (Partido Nacionalista Vasco), e Das Casas por Ultreya (o P.G. non asisteu a esta reunión). O primordial foron as declaracións dos representantes da «A.N.V.» e de «E.R.C.» dicindo que as suas organizacións suscribirían con gran satisfacción o pacto, e as reticencias do representante da «Lliga», Esterlich. Acordase que no plazo dun mes os partidos e organizacións deberian ratificar a firma dos seus representantes.
     A viaxe de Galeusca (513) concluiu en Barcelona (onde tiveron lugar desavenencias entre nacionalistas radicais e moderados) cunha recepción no pazo da Generalitat seguida dun banquete no Axuntamento, no que tomaron a palabra o representante do nacionalismo vasco Irazorrieta, o valencianista Reige e o galeguista Otero Pedrayo. No manifesto que fixo público Galeusca se evidenciaba un espíritu de moderación. Entresaquemos o párrafo no que se expresan os seus obxetivos:

«La unió actual de bascos, gallecs y catalans, doncs, un intent de fer reviure l'autèntic esperit originari de Ia República, i d'enfortir-la amb el respete als drets i a les personalitats nacionals de Galícia, Euzkadi i Catalunya, que han d'esser les sòlides bases en que aquella fonamenti Ia seva permanència, l'obstacle més ferm a tota tentativa de subversió i l'origen d'un nou ordre de relacions entre els pobles peninsulars.» (514)

     Con posterioridade tivo lugar un acto en «Palestra», en honor dos nacionalistas vascos e galegos, no que os oradores se expresaron en termos de gran exaltación. Alvaro das Casas —que tentara sen éxito que o Pacto de Galeusca se fixera sobre bases de maior radicalidade— dixo, referindose ás bandeiras galega, vasca e catalana con estrelas, «que se encontraba muy satisfecho de encontrarse entre aquellas banderas, que le honraban, y lejos de aquella otra cuya presencia tanto le ofendía». O representante vasco, Hernandorena, pola sua banda, afirmou que: «somos absolutamente enemigos de ese pueblo que quiere ahogarnos» (515). Nin que dicir ten que o escándalo de prensa foi maiúsculo, resaltando as estridentes notas de «El Debate» e «La Epoca» (516). Tamén no Parlamento, Perez Madrigal, apoiado por Royo Vilanova, alude ó tema. En Galicia somentes «E.P.G.» sae en defensa dos nacionalistas (517), e o propio Grupo galeguista de Vigo se desmarca das afirmacións de Álvaro das Casas, enmendando a plana a un editorial de «El Faro de Vigo» no que erroneamente se dicía que as frases consideradas de caracter separatistas foran pronunciadas por dous diputados do P.G. (518). Agora ben, non todos os sectores do P.G. adoptaron esa mesma actitude. Víctor Casas aduce que dado o trato que Galicia estaba recibindo dos gobernos da República non tiña nada de particular que tiveran lugar actos como o de Barcelona (519). O propio dí Del Riego (520), e tamén Castelao, en carta a Bóveda (521), discrepa coa nota dada á prensa polo Grupo vigués. Otero Pedrayo acusa á prensa de silenciar as conferencias, intercambios culturais e os mitins «de ton sempre ergueito e xeneroso» e mesmo de mentir inventando supostos «mueras» a España e outros berros «de mal gosto» (522).
     Pasada a treboada, nos meses seguintes os órganos directivos das organizacións firmantes do Pacto de Galeuzca o van ratificando o tempo que designan ós seus representantes en cada un dos Consellos nacionais de Galeuzca (523). A tenor da documentación de que dispoñemos, sabemos que no «Consell Catalá de Galeuzca», representaba a U.D.C. Pau Romera i Ferrer, diputado no parlamento catalán, en tanto que no Consello Galego, Bóveda e Alvaro das Casas representaban respectivamente ó P.G. e Ultreya. A «Segredaria Xeral» de Galeuzca, que coordinaba ós distintos Consellos nacionais tiña a sua sede en Donostia (524).
     As eleccións xerais de novembro de 1933 supuxeron a creba da tentativa de Galeuzca, na medida en que non conqueriu enviar ó parlamento un número de parlamentarios suficiente como para constituir un bloque que traballase a prol das autonomías. En efecto, se ben os nacionalistas vascos obtiveron un gran triunfo electoral, acadando doce dos vintecatro escanos parlamentarios das catro provincias, a sua representación quedaba noustante limitada a Vizcaia e Guipuzcoa, fracasando en Navarra e Alava, onde venceron os carlistas, que non estaban integrados en Galeuzca (525). En Galicia o P.G. non obtivo nin un só escaño, vendose privado da sua exigua representación parlamentaria. En Cataluña fracasaron tamén os nacionalistas de Galeuzca, triunfando en cambio a Lliga, que acadou nada menos que catorce escaños, pero xa víramos que esta organización non quixo firmar o Pacto Triangular, por canto que o seu xefe Francesc Cambó consideraba que unha alianza formal de grupos autonomistas non faría mais que avivecer os antagonismos e alentaría a formación dun bloque antiautonomista moito mais forte (526).
     O paralelo fracaso dos partidos republicanos de esquerdas en todo o Estado e a conseguinte formación dun goberno central antiautonomista declarado (527), que paralizou o Estatuto galego, provocou tensións coas forzas autonomistas vascas, a pesares de seren predominantemente de dereitas, dificultou o traspaso de servicios a Generalitat catalana, e suscitou notables crispacións na tentativa de frenar a sua autonomía efectiva, fixo que os nacionalistas tomaran conciencia da importancia que tiña que fosen os partidos republicanos de esquerda os que detentasen o poder. Con tódalas suas limitacións, o contraste entre o seu talante verbo das autonomías e o das dereitas era marcadamente evidente. Por elo os nacionalistas cataláns e galegos adoptan unha política de colaboración cos partidos republicanos de significación esquerdista. Así, confiando máis no apoio á autonomía dos partidos republicanos da oposición, que na alianza entre as forzas nacionalistas periféricas, o P.G. enceta unha política de colaboración con I.R. e os catalanistas crean o «Front d'Esquerres», cun programa orientado a colaborar co Frente Popular dos republicanos españois, unindo o destino da autonomía de Cataluña á supervivencia dunha República democrática (528).
     De tódolos xeitos a idea de Galeuzca e o proxecto dunha alianza de partidos federais e autonomistas de toda España, non morrerá completamente (529), e de feito asistimos a intentos en tal senso (530) —que preferimos narrar noutro apartado— pero ocupando unha importancia secundaria, verbo do preponderante papel asignado a colaboración coas forzas republicanas de ámbito estatal e significación esquerdista. Como un eco un pouco lonxano de todo isto, se fundará en Bos Aires a mediar os anos corenta a revista «Galeuzca» (531).
     De tódolos xeitos, as relacións do nacionalismo galego cos restantes movementos nacionalistas do norte da península non se limitaron ó que vimos de describir. Os contactos foron múltiples ó longo de todo este quinquenio. Ilustraremos isto con algúns exemplos. Foron varios os intelectuais galeguistas que, en distintos momentos, deron conferencias e interviñeron en mitins en Euzkadi (Paz Andrade (532), Alvarez Gallego (533) Núñez Búa...) e Cataluña (Castelao, Otero Pedrayo, Suarez Delgado (534)...). Por certo que as mocedades dos partidos signantes do Pacto de Galeuzca sentíanse tamén vencelladas a este (535). Polo demais, nos dificiles momentos de 1934 o P.G. móstrase plenamente solidario, cunha solidaridade excepcionalmente activa, incluso, con vascos e cataláns: «Temos que estar preparados pra axudar en caso preciso a Cataluña e Basconia a manter as súas libertades» (536). Co gallo da «Diada de Sant Jordi», celebrouse unha festa catalana en Compostela (537), cidade na que tamén tivo lugar en 1936 a constitución do Consello da «Agrupación universitaria hespañola pro Sociedade de Nacións», asistindo persoeiros universitarios das asociacións catalana e galega. Esta entidade tiña como finalidade traballar a prol dunha política de colaboración internacional basada nos principios nos que se inspiraba o «Pacto da Sociedade de Nacións» (538). O cabo non podíamos deixar de mencionar a asidua colaboración de Vicente Risco na revista do P.N.V., «Euskadi» (539).



     3.5.9-6. Irredentismo

     O territorio que xeográfica, lingüistica e culturalmente forma parte de Galicia, non foi todo el comprendido nas catro provincias en que foi escuartexada en 1833. Non carecían de peso as razóns esgrimidas polo P.G., baixo o noso punto de vista, para rexeitar a división de Galicia en catro provincias. Noutro apartado analisaremos con maior extensión como a partición tetraprovincial de Galicia, e en xeral todo o sistema de provincias deseñado por Javier de Burgos, e posto en vigor polo goberno de Cea Bermudez na terceira década do século denanterior —que chega practicamente intacto ata os nosos dias—, percuraba antes garantizar a eficacia da acción do poder central, que posibilitar unha máis sólida e independente vida local (540). O P.G. criticaba, dende logo, o propósito centralizador con que naceu e continuou o sistema provincial, pero incidía tamén na sua artificiosidade por entender que non se axustaba á morfoloxía de Galicia, que se artellaba nunha rede de parroquias e bisbarras naturais. Pero ós efectos que eiqui interesan, o P.G. non deixou de por de relevo que as provincias galegas, debido en parte ó criterio arbitrario con que foron establecidas, e en parte ó descoñecemento que da auténtica realidade de Galicia tivo decote o poder central —todo elo segundo o P.G.— deixaron fora unha franxa do seu territorio que resultou encadrada nas provincias limítrofes de Asturias, León e Zamora.
     A Galicia histórica, que chegaba ata o Mondego portugués, perdera xa a sua parte sul, situada alén do Miño, coa independencia política de Portugal, recibiu a sua segunda amputación co réxime administrativo promovido polo liberalismo. O problema de Galicia non é en absoluto excepcional nunha Europa na que os estados históricos se constituiron sen ter en conta as nacións étnicas. Deste xeito aconteceu usualmente que varias destas étnias foron incorporadas a un mesmo Estado, como tamén sucedeu que unha mesma étnia viuse fragmentada en duas partes pertenecentes a diferentes Estados. Sen ir máis lonxe Cataluña e Euskadi sofriron continxencias deste xénero, vendose separadas da sua parte norte que quedou integrada no veciño Estado francês. O movimento irredentista que xenerou en Occidente o orde de cousas descrito, tivo en Espana unha marcada manifestación en Euskadi, menor en Cataluña e practicamente nula en Galicia. Influiu nisto os séculos transcurridos dende o esgazamento da parte sul de Galicia, que convertían a cuestión nun dato caseque inamovible. Soamente no contexto dun federalismo ibérico estarían sentadas as premisas políticas para que a reunificación dos territorios situados en ambalas duas marxes do Miño, puidera polo menos plantexarse. Por todo elo o P.G. limítase a enunciar xenéricamente que:

«A Galicia Histórica e natural non está comprendida nos lindeiros da Galicia administrativa dos nosos días. [...] as terras do Miño portugués son galegas.» (541)

     Arelando exclusivamente: «[...] manter a súa galeguidade estimulando un cordial intercambio» (542). Por conseguinte temos que o irredentismo do P.G. limitase exclusivamente ó marco configurado polo Estado Español. Non hai lugar a dúbidas de que o P.G. se fixa o obxetivo político de acadar a incorporación a Galicia da comarca berciana, as terras de Sanabria e a franxa colindante da provincia de Oviedo, aducindo que perteneceran ó Antigo Reino de Galicia e eran ademais de fala galega (homolíngües). Os seus textos programáticos son a este respecto terminantes: «Incorporación a Galicia das terras colindantes que teñan comunidade étnica, histórica e lingüística con ela» (543). Esta angueira figuraba no proxecto de Estatuto que elaborara o «Seminario de Estudos Galegos», e o P.G. conqueriu que fora incorporada ó definitivo proxecto de Estatuto (544) que chegou a ser plebiscitado favorablemente, sen que se considerara atranco para elo o artigo 13 da Constitución que dicía que: «en ningún caso se admite Ia federación de regiones autónomas» (545). Agora ben, o P.G. non pretendía anexionarse pura e simplemente estas terras colindantes homófonas. Establecía como requisito para tal unión a conformidade dos membros desas comunidades irredentas; deste xeito, precisaba no seu Programa que a incorporación deses territorios a Galicia efectuaríase «sempre que se determiñen a elo por medio de plebiscito» (546).
     Xa vimos como esta aspiración distou de ser unha utopía na medida en que foi recollida nun texto legal, do rango do Estatuto de Autonomía, que tería sido posto en vigor de non ser polo erguemento militar. Restanos agora por saber se para esas comunidades coas que se desexaban apertar os galegos, constituía a unión un proxecto engaiolante. Algúns síntomas disto hai, se ben son máis ben escasos. Sabemos que no Concello de Sanabria un grupo de partidarios do redentismo —sen que seipamos con exactitude o seu número e representatividade— ergueron en 1932 a bandeira galega (547). Tamén unha delegación de veciños da parroquia asturiana de Santa Comba de Coutos desplazouse a Lugo no mes de outono de 1932 co obxecto de entrevistarse co ministro da Gobernación, que visitaba a cidade, para plantexarlle a súa pretensión de incorporarse ó Axuntamento galego de Navia de Suarna (548). Seña isto moito ou pouco, expresivo ou non da vontade de reincorporación a Galicia dos habitantes destas comarcas que foron nun tempo galegas, quedará para sempre como un interrogante se no caso de que se chegase a ter convocado un plebiscito e unha campaña de propaganda alentara a revivificación da sua conciencia de galeguidade, chegaría a resultar exitosa, ou sería pola contra un fracaso.



     3.5.10. Análise Semiolóxica da Linguaxe Galeguista

    
Para determinar a ideoloxía segregada polos intelectuais galeguistas no período histórico obxecto de estudo (que en parte a recollen da tradición anterior) temos naturalmente que atender ós contidos dos textos nos que vai quedando plasmado o seu pensamento. Mais tamén adoitase recoñecer polos historiadores que o estudo do mesmo discurso, da estructura propiamente lingüística dos textos, pode resultar moi revelador, como complemento auxiliar, en orden a captar matices e rasgos que a ideoloxía galeguista —como calquera outra— amosa con especial claridade no seu léxico, nos seus enunciados, consignas e formas de salutación; e tamén, como non, nos títulos dos seus periódicos e na denominación das suas organizacións, que non se escollen sen que medie madura reflexión, para que resulten expresivos dos contidos ideolóxicos dos cales están chamados a ser portavoces.
     O traveso da análise semiolóxica dos textos, concebidos como algo máis que meros soportes de contidos, podemos aprehender o que se da en chamar «l'ennonciatión», é decir, a:

«[...] attitude du locuteur devant son prope énoncé, comme insertión du sujet à l'interieur des représentatións, du cadre idéologique qui le gouvernent et dont il est le support, comme l'acte de production du discours.» (549)




     3.5.10-1. Títulos dos periódicos

     Consideraremos aqui os que dependen directamente do P.G., así como os que non teñen tal nexo orgánico pero foron creados por membros deste partido, respostando a sua liña dun modo xeral ós parámetros ideolóxicos galeguistas, e, o cabo, algún que outro que está tamén dalgún xeito na órbita do P.G., por contar con colaboracións de certos membros deste partido; partido que polo demáis eríxese en obrigado punto de referencia ainda que só sexa en tanto que referente ó que se critica ou mesmo que se nega (caso de «A Fouce»).
     O primeiro que sobrancea nestes titulares e a identificación que establecen entre a nación e a «Terra»; o campo, a Galicia non urbana, («A Nosa Terra», «Terra!»); o cal xa nos ilustra sobor dun certo tinte precapitalista que lle atribúen a Galicia, e que dende logo era congruente coa cativez dos núcleos urbanos que servían de asento a un capitalismo ainda incipiente. A nación, equiparada co rús, afirmana con certa énfase, as veces apropiativo («A Nosa Terra») e outras veces non («Galicia», «Galiza», «Ser», «NÓS», «Raza Celta») pero en todo caso queda claro o afán de suliñar a diferencialidade, a sustantividade étnica e nacional. Pero non se limitan simplemente a enunciar a idiosincrasia, senón que tamén a exaltan e enaltecen empregando expresivos signos de admiración («Terra!»), ainda que con menos frecuencia e sen aquela afervoada devoción dos primeiros tempos do nacionalismo en que xurdiron cabeceiras nas que era perceptible o inequívoco curo de romanticismo («El Idólatra de Galicia», por exemplo); isto nos fala dun certo sosego e remansamento do nacionalismo nesta etapa. Abundan polo demais as cabeceiras que chaman e exhortan ó espertar da conciencia nacional («Erte!» (550), «Alento», «Amañecer»). Era mester esta eclosión para que se poidesen acadar os dereitos de que Galicia era merecente dada a sua condición de nación. Tras da toma de conciencia, sobreviña a fase ulterior da posta en marcha do nacionalismo, en loita para acadar o autogoberno de Galicia. Non son escasos os titulares con esta connotación («A Fouce», «Adiante», «Loita», «Mais», «Yunque»). Outros titulares expresan a vontade dirixente dos galeguistas, que eran os chamados a marcar a senda do nacionalismo («Guieiro», «Guión», «Roteiro»). O cabo, hai algúns semánticamente máis anodinos, que poñen o acento na súa condición de portavoces da corrente galeguista, de maneira evidente («Opinión Galeguista»), ou encuberta no caso de duas publicacións da ala conservadora do P.G. («Heraldo de Galicia» e «Logos»). Esta última, de connotacións bíblicas inequívocas, como era lóxico dado o seu carácter de portavoce dos galeguistas católicos.



     3.5.10-2. Denominación das agrupacións políticas e culturais

     No que fai ós partidos veremos aqueles que conflúen no P.G. ou están na súa órbita ideolóxica, e polo que respecta ás entidades culturais examinaremos ás que fan labor galego, coa inspiración ou aporte de membros do P.G.
     Moitas veces na intitulación que escollen os partidos, expresan ás claras a pretensión unitaria e integracionista do galeguismo coa verba: «Irmandade»; así a «Irmandade da Fala» da Coruña (que na República pasa a ser o Grupo do P.G. na Coruña) a «Irmandade Galeguista de Ourense» e a filial do P.G. no Uruguai, «Irmandade Galeguista de Uruguai».
     A adxetivación de «repubricano» é típica das postrimerias da Monarquía, en que o antagonismo monarquía/república estaba situado nun primeiro plano, e desaparece unha vegada instaurado o novo réxime. Así existían antes do P.G., o «Partido Nacionalista Repubricano de Ourense», varios denominados «Comité Nacionalista Repubricano de...» (Esgos ou Catoira, por exemplo). A única excepción é a sucursal do P.G. na Arxentina, chamada «Organización Nacionalista Republicana Gallega», que a distancia xeografica a convirte en atípica a este e outros efectos.
     Constatamos tamén que antes da proclamación da República os galeguistas escollen indistintamente o adxetivo «nacionalista» ou «galeguista» con independencia da sua orientación moderada ou radical; así, os galeguistas moderados de Ourense se agrupan baixo a denominación de «Partido Nacionalista Republicano de Ourense», como tamén os progresistas de Santiago, «Grupo Nacionalista de Santiago», e de Pontevedra, «Grupo Nazonalista de Pontevedra». Pero, proclamada a República, ó ter que confrontarse coa opinión pública, os partidos afinan máis a sua adxetivación. Así, os moderados escollen sempre o calificativo de «galeguista» («Partido Galeguista», «Dereita Galeguista» , «Irmandade Galeguista de Uruguai»), en tanto que os partidarios dun nacionalismo radical e mesmo independentistas optan polo vocablo «nacionalista» ou o máis arcaizante e diferencialista «nazonalista» («Sociedade Nazonalista Pondal», «Vangarda Nazonalista Galega»). Ilustra isto moi ben o cambio na denominación que rexistran as mocedades do P.G.: mentras prevalece a liña moderada chámanse «Federación de Mocedades Galeguistas», pero en canto gana forza a tendencia radical pasa a denominarse «Federación de Mocedades Nacionalistas». A única excepción é novamente a «Organización Nacionalista Gallega», de Bos Aires, de signo moderado, que seguramente se permite o luxo de chamarse nacionalista porque actúa fora de Galicia, o que non obriga a tantos matices e cautelas.
     Moi rara vez reflexan estes partidos na sua intitulación a significación dereitista, esquerdista ou de centro, que de feito teñen; a sua arela integracionista impídello. Soamente ó calor da efervescencia que segue a proclamación da República xorde unha «Esquerda Galeguista», que dura poucos meses, ou cando o bloque maioritario do P.G. se inclina cara a esquerda, ó final da etapa republicana en que o antagonismo entre as dereitas e as esquerdas se agudiza, nace con louvable transparencia ideolóxica unha «Dereita Galeguista», querendo ser o seu complemento.
     As entidades móis ou menos parasindicais, como a «Asociación de Escritores Galegos» e a «Federación de Estudantes Galegos», rexeitan incluso a desinencia ista (de galeguista), a pesares de o seren, para non comprometer a sua pretensión de acadar a maior encadramento posible, posto que aspiraban a afiliar xentes que podían moi ben sentirse a disgosto baixo a etiqueta de «galeguistas».
     Esta mesma tónica, de prudencia e moderación, seguen a totalidade das institucións culturais forxadas polos galeguistas: «Seminario de Estudos Galegos», «Real Academia Gallega», «Labor Galego», «Instituto de Estudios Gallegos» (que ten a sua denominación en castelán por depender dunha institución oficial, cal era a Universidade), «Instituto de Cultura Galega de Lugo», etc.
     Significativamente unha entidade cultural, «Labor Galeguista de Pontevedra», que aspira a ter unha proxección política, usa, como vemos, a desinencia ista.



     3.5.10-3. Insignea


     O P.G. escolle tres símbolos que son unha mostra condensada da sua significación ideolóxica. A bandeira coa diagonal azul que expresaba o seu carácter de partido galego e defensor dos intereses de Galicia; ademais, este uso partidista da bandeira indica a equiparación que establecía entre o P.G. e a Galicia enxebre e auténtica, da que entendía usufructua-lo monopolio, cousa que plasmaba coa expresión «Galicia somos nós».
     A estrela de cinco puntas, característica de tódolos movementos de liberación, reflexaba clara e sintéticamente que o seu propósito central era a liberación de Galicia do asoballamento centralista.
     E, para rematar, a fouce entendemos que conleva unha doble virtualidade semántica. E, por un lado, un trebello de labranza, representativo da Galicia campesina, que era para o P.G. a enxebre e auténtica e, por conseguinte, a que aspiraba a atraer e movilizar; e, por outro lado, tratase dunha ferramenta que serve para a defensa e para a loita, co que expresaba simbólicamente ben, a belixerancia política do nacionalismo encarnado no P.G.



     3.5.10.-4. Fórmulas de salutación

     As máis comúns son:
     —«Saude e Terra».
     —«Terra a Nosa!» (usada como fórmula de despedida en cartas ou como colofón de artigos).
     —«Saudos Galeguistas».
     —«Irmán na Terra».
     —«Benquerido Irmán».
     —«Saúde, irmáns da Pátrea!».
     —«Voso, na Terra».
     —«E sempre, Terra e Libertade».
     —«Saúde e Terra ceibe».
     —«Saúde e pátrea».
     —«Unha aperta garimosa do seu irmán na Pátria Galega».
     —«Seu de cote na Patria».
     —«Viva Galicia Ceibe».
     —«Viva Galiza Ceibe».

     Testimuñan, pois, o espírito fraterno que tentan que reine entre tódolos membros da familia galeguista, a consubstanciación entre os galeguistas e a sua pátria, Galicia, identificada coa «Terra», co que non é cidade, e a exaltación do País ó que se pertenece («Terra a Nosa!»). Manifestan tamén un patriótico desexo de libertade colectiva.



     3.5.10-5. Consignas e slógans

     Son os principais:

     —«Pol-a grandeza i-a liberdade da Mai-Terra». 
     —«Viva Galiza Ceibe» .
     —«Pol-a redención da Terra asoballada». 
     —«Terra a Nosa».
     —«¡A Nosa Terra, Nosa!» . 
     —«Terra e Liberdade».
     —«¡Andiante pol-a Terra e pol-a Libertade». 
     —«Galiza érguete, como en Irlanda».
     —«Ei, Terra».
     —«¡¡Terra!!».
     —«A nosa Terra será nosa, irmáns».
     —«Adiante, ¡Terra a Nosa!».

     Ollamos eiqui repetidos os mesmos «items»: A «Terra», a pretensión liberadora, e, especialmente suliñado, aparece o orgúlo étnico, a afirmación enfática da pertenecencia a Galicia, á que se exalta e otorga tratamento de nai. Como novedade, o exemplo de Irlanda como camiño a seguir, e a esperanzada idea de que Galicia deixará de estar noutras máns distintas das dos galegos.




NOTAS


(419) Vide sobor disto Mª. Victoria López-Cordón. «El pensamiento político internacional del federalismo español». Ponencia presentada ó III Coloquio del Seminario de Estudios de los Siglo XIX-XX, celebrado na Universidade de Pau; Edicusa, Madrid, 1973, páx. 91.
(420) Antón Villar Ponte, «A fontenla viva da nosa cultura», NOS, n.° 38, 15-II-1927, páx. 6.
(421) «Programa de acción...», A.N.T., 8-VI-1935.
(422) «Os homes, os feitos, as verbas. O Sentimento nazonalista e o internazonalista», NOS, n.° 38, 15-II-1927, páx. 16.
(423) Ibídem. Polo demais tamén Fernández del Riego manifesta o seu: «Degoiro de armonizar na cultura universal o rexurdimento da cultura do noso pobo» . F.del Riego, «Galicia frente a política centralizadora», A.N.T., 22-VI-1935.
(424) «Non somos separatistas [...] pensando que Galicia forma parte do concerto de nacionalidades mundias e que é irmán de todol-os pobos do mundo. Non unha irmán cativa como a ven os ollos internacionalistas dos que nos critican sin pensare en Bélxica, Suiza, Holanda e outras tantas nacións que, si son pequenas en territorio e habitantes son non embargantes, moi grandes e fortes na súa potencialidá de pobos ceibes que viven pol-os seus médios [...]. Ehi queda acrarado o noso pensamento de habitantes do mundo e cidadáns galegos.» (L.R., «Ao pasar», A.N.T., 28-IX-1935).
(425) «Mais ista doutriña da cooperación internacional non impón como norma a igualdade cultural. Precisamente o funcionamento interno das nacionalidades deberá de ser un eixempro de disparidade e difrenzación como corresponde a entidades de esencias difrentes e antinómicas. Soio diste xeito se logrará que cada pobo dé e produza o que en realidade pode dar. Non deixarlle desenrolar as suas posibilidades internas con arreglo ao seu paideuma é obstruir a súa aición creadora, destruir unha fonte de cultura que podería reportar inmensos beneficios pra humanidade. Isto é o que non poideron ver ises que hoxe andan a querer axuntarnos a todos n-un ficticio feixe común como si non existise unha lei da desigualdade tan férrea e inevitabel como falsa e incongruente é a tesis do uniformismo que eles sosteñen [...]. Mais coisto non se quere siñificar que deben pecharse as portas as correntes do pensamento e da cencia. Todo o contrario. Queremos facer de Galicia unha célula de universalidade, aberta a todol-os ventos da cultura [...].» Amadeo Varela, «Cara a fase dinámica do nacionalismo galego»; A.N.T., n.° 393.
(426) Cita tomada do artigo «Lembranza da revista NOS» de Salvador de Lorenzana, aparecido na revista de cultura galega Grial. Polo demais para entender acaidamente a cosmovisión do P.G. é interesante o artigo de Plácido R. Castro, conselleiro de relacións internacionais do P.G., titulado: «Encol do noso universalismo», en A.N.T., 25-VII-1932, páx. 4.
(427) Vide M. Victoria López-Cordón. «El pensamiento político internacional del federalismo español»; xa cit, pp. 92-95.
(428) F. Pi i Margall Las nacionalidades. Cuadernos para el Diálogo, Madrid 1973, 3ª. ed., pp. 368 e segts. Sobor do pensamento de Pi i Margall vide Jutglar, Antoni, Pi i Margall y el federalismo español. Taurus, Madrid 1976.
(429) Amadeo Varela, «Cara a fase dinámica do nacionalismo galego», A.N.T., 393.
(430) Ibídem.
(431) A.N.T., 14-IV-1934.
(432) Plácido R. Castro, «As conferencias da Irmandade», A.N.T., 1-I-1932.
(433) Ibídem.
(434) A.N.T., 25-VII-1934.
(435) Benito Vicetto, Historia de Galicia, Tomo I, Lugo 1978, páx. 43.
(436) O historiador decimonónico Verea, foi precursor de Murguía en establece-lo carácter celta da «Raza galega». A afirmación por parte de Murguía da condición céltica dos galegos tiña dous corolarios: o de ser unha raza diferente dos restantes pobos peninsulares e o de ser unha raza superior, pesia que esta superioridade estivese agachada pola dependencia española. (Vide Villares Paz, Ramón, «A Fase Provincialista», en Historia de Galicia, Vol. II, Planeta, páx. 185).
(437) Así escrebía Risco «[...] os galegos somos unha raza distinta da dos demais hespañoles; iles son de raza ibera; nós, de raza celta, como os bretós e os irlandeses.» («Ideas que defende e fíns que se propón o P.G.», apartado VII, A.N.T., 17-VIII-1935). Noutra parte matiza un pouco máis, revelando nidiamente o seu afán diferencialista: «A raza galega sigue sendo a vella raza céltica, mesturada con íberos, romanos e xermanos, máis impoñendos os carauteres dos celtas por riba de todol-os demais. E pol-o tanto a menos ibérica da Peninsua, e con estreitos parentescos étnicos fora da Hespaña.» (Teoría do Nacionalismo Galego. «A xente galega», xa cit. páx. 22). Por certo que Risco quería salvagardar a preponderancia céltica da «raza galega», para o cal «bendecía Ia endogamia, creía en Ia selección natural y Ia eugenesia y conocía Ias propiedades degenetarivas del mestizaje» (V. Risco, «A Raza», A.N.T., 15-XI-1921, citado por Bobillo, Francisco J., Op. cit., páx. 348). Sobor disto vide tamén A. Mato, Historiografía y Nacionalismo (1981), tesina realizada baixo a dirección do profesor Jesus Mª. Palomares Ibáñez.
(438) Villares Paz, Ramn. Historia de Galiza, Santillana, Madrid 1980, pp. 4-5.
(439) Alonso del Real ten chamado a atención sobor da escisión da conciencia colectiva do país entre a minoría intelectual galeguista que califica de celtas os nosos máis remotos antergos, e a xeneralidade do pobo que prefire recurrir os «mouros» á hora de explicar o pasado esquencido. Isto testimuña tamén a escasa eficacia permeabilizadora do P.G. para difundir ante o pobo o seu sistema de explicacións sobor das remotas orixes étnicas da nación galega. A ponte de unión entre estes dous hemisferios interpretativos veu dada pola obra literaria de Alvaro Cunqueiro, que recolle a tradición popular dos mouros conferíndolle un tratamento literario culto.
(440) A.N.T., 16-II-1935.
(441) A.N.T., 4-V-1935.
(442) «O Partido Galeguista a-o País», A.N.T., 5-VII-1932, páx. 2.
(443) En 1932 por circunstancias imprevistas non poideron asistir. A revista NOS estaba en contacto cos organizadores para preparar a representación galega no congreso que tiña de celebrarse en Brest en 1933. «Os homes, os feitos, as verbas», NOS, n.º108, 15-XII-1932, páx. 231. De tódolos xeitos, a xuzgar pola información suministrada polo corresponsal de A.N.T. en Londres, Assía, os galeguistas non chegaron a asistir a ningún destes congresos. Assía, «Estudo da cultura céltica», A.N.T., 28-IX-1935.
(444) «Programa de acción...». A.N.T., 8-VI-1935.
(445) «[...] as sete nacións célticas: Highlands, Illa de Man, Irlanda, Gales, Cornwall, Bretaña e Galicia. Estas non desenvolveron as suas posibilidades autóutonas. Xulio César afogou o celtismo nos comenzos do seu desenrolo. Agora destruido todo gran poder europeo, as circunstancias son as millores pra qu'o celtismo se desenvolva na creación d'unha civilización atlántica. [...] Porque non había de ser Galicia o centro da nova civilización, porque non había d'estar na nosa terra o omphalón da terra toda? A espansión emigratoria de Galicia e Portugal en América non nos da dereito a pensalo?» (Vicente Risco, Teoría do Nacionalismo Galego, [1920], Buenos Aires, 1966, pp. 35-36).
(446) «¿Foi a Atlántida un continente histórico? Pouco importa. A Atlántida, hoxe coberta pol-as augas salgadas do Océano, é un símbolo: é o símbolo da nosa civiliazión céltica, escurecida y-asoballada por unha civilización estrana e nemiga que é a civilización mediterránea, traguida eiquí pol-o imperialismo romano, prototipo de todol-os imperialismos. Y-é tamén o símbolo da nosa nacionalidá galega, tamén escurecida, tamén asoballada por un poder que pra nos igualar con pobos d'outra raza, trata c'unha rabia cega de nos roubar a nosa língoa, a noso carautere, a nosa fartura y-a nosa libertade.» V. Risco, Op. cit., páx. 37.
(447) V. Risco. Teoría do Nacionalismo Galego, xa cit., páx. 36.
(448) V. Risco, Op. cit., páx. 37.
(449) Vide Anexo Doc. 5. Respecto a este tipo de teorías o líder de Guinea-Bissau, Amílcar Cabral, ten feito unhas interesantes consideracións que estimo oportuno traer a colación: «Ciertas afinidades genético-somática y culturales existen entre distintos grupos humanos de uno o varios continentes, así como una situación más o menos semejante respecto del dominio colonial y racista, han desembocado en la formulación de teorías y Ia creación de "Movimientos" inspirados en Ia hipótesis de Ia existencia de culturas raciales o continentales. Sin pretender minimizar Ia importancia de tales teorías y "Movimientos" que, fructifiquen o no, hay que aceptar como tentativas de búsqueda de una identidad y como medios de impugnación de Ia dominación extranjera, podemos sin embargo afirmar que un análisis objetivo de Ia realidad cultural conduce a negar Ia existencia de culturas raciales continentales.» Vide Amílcar Cabral y la independencia de Guinea-Bissau, selección de escritos feita por viçens Fisas Armengol, Barceona 1974, páx. 124.
(450) Sobor desta última vide Mª Victoria López-Cordón, O. cit. pp. 91-100.
(451) Rama, Carlos. La crisis española del siglo XX, F.C.E., Madrid 1976, pp. 30-31.
(452) Dicían no punto 4.º) do Programa aprobado: «Federación de Iberia», e engadían no 5.º): «Dentro desa federación, igoaldade de relacións con Portugal».
(453) Otero Pedrayo, «A chamada do Sul», Céltiga, 10-VIII-1931.
(454) Recolle esta teoría un editorial de E.P.G.: «Galicia en la cultura de Occidente», E.P.G., 11-VII-1936, páx. 1.
(455) A. Villar Ponte, «Pretextos cotidianos. El desdén por Ia lengua portuguesa», E.P.G., 24-VIII-1933, páx. 12.
(456) Castelao, «Propaganda galeguista», A.N.T., 1-I-1932.
(457) A.N.T., 16-VII-1933.
(458) Plácido R. Castro, «Encol do noso universalismo», A.N.T., 25-VII-1932, páxina 4.
(459) A.N.T., 1-V-1936, páx. 4. Compre precisar que esta teoría de Sardinha supuña un cambio verbo das suas posicións anteriores. Quere isto dicir que con anterioridade optaba por unha fórmula iberista (hispano-portuguesa) que a Risco semellaba unha entrega da nación portuguesa, con armas e bagaxes ó nemigo castelán que acabaría afogandoa social e culturalmente. Vide Bobillo, F.J., Op. cit., pp. 467-468.
(460) A. Villar Ponte, «Pretextos cotidianos. Una fantasía y una aspiración», E.P.G., 21-VII-1935, páx. 1.
(461) Juan Carballeira, «Temas gallegos. El estímulo de Portugal», E.P.G., 15-IX-1934, páx. 16.
(462) Xosé Filgueira Valverde: «O que foi o S.E.G.», Testimuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, Edicións do Castro, 1978, páx. 37.
(463) Vicente Risco, «Mensaxes», H. de G., 8-II-1932, páx. 1.
(464) Declaracións de Ramón Martínez López; Santiago 7-VI-1980
(465) «Perfiles ilustrados», E.P.G., 11-VIII-1933, páx. 1.
(466) Atestigua isto as cartas de Castelao dirixidas a Ramón Martínez López, firmadas en Badaxoz nos meses de xaneiro e novembro de 1935. Consultadas na colección particular de Ramón Martínez López.
(467) Declaracións de Ramón Martínez López, Santiago, 7-VI-1980.
(468) «Os homes, os feitos, as verbas», NOS, n.° 102, 15-VI-1932, páx. 110.
(469) Vide o artigo necrolóxico de Bouza-Brey, «Dor de Portugal», E.P.G., 5-IV-1933, páx. 12.
(470) «Opiniones. Una Semana Luso-Galaica» ; E.P.G., 11-III-1933, páx. 1.
(471) E.P.G., 28-III-1935, páx. 16; E.P.G., 31-III-1935, páx. 16 e 19-IV-1935, páx. última.
(472) Johan Carballeira, «Temas Galegos. A prol do conocimiento Galaico-Portugués», E.P.G., 30-VI-1934, páx. 14 e tamén o artigo do mesmo autor «Portugal e Galiza», E.P.G., 7-II-1933, páx. 1.
(473) A.N.T., 13-XI-1935.
(474) A.Villar Ponte, «Un erro de moitos portugueses», E.P.G., 7-X-1932, páx. 1.
(475) Ricardo Carballo Calero, «O galego e o castelán», La Voz de Galicia, 13-XI-1981, páx. 43.
(476) Así Castelao: «Galiza é unha auténtica nacionalidade. Tén un idioma propio, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués, [...]». Sempre en Galiza, xa cit., páx. 322. Por citar outro exemplo, Xermán Pichel Bouzas, considera nun artigo ó galego como nai do portugués, A.N.T., 28-XII-1933.
(477) Vide por exemplo o discurso pronunciado por Otero Pedrayo no Parlamento o 18-IX-1931; García, X.L., Op. cit., páx. 103.
(478) «El gallego y el portugués tienen un común origen; puede decirse que fueron uno y el mismo idioma hasta el advenimiento de los Reyes Católicos. Esto se demuestra estudiando textos antiguos. Y aún hoy puede afirmarse que no hay vocablo netamente portugués que no sea retamente gallego y viceversa. La construcción resulta también idéntica. "Os Lusíadas", por ejemplo, está más cerca, atendiendo al léxico, del gallego actual que del portugués moderno.» A. Villar Ponte, «Pretextos cotidianos», E.P.G., 27-V-1933, páx. 14.
(479) A. Villar Ponte, «Un erro de moitos portugueses», E.P.G., 7-X-1932, páx. 1. Tamén artigo deste autor «En beneficio del idioma gallego», E.P.G., 4-XI-1934, páx. 1.
(480)  A. Villar Ponte, «Pretextos cotidianos. Una empresa de transcendencia», E.P.G., 27-V-1933, páx. 14.
(481) Juan Carballeira, «Língua galega. Unificación» , E.P.G., 15-XI-1932, páx. 1.
(482) A.N.T., 25-VII-1932, páx. 4.
(483) Vide por exemplo o seu folleto «Ideas que defende e fins que se propón o Partido Galeguista».
(484) Juan Carballeira, «A unificazón do noso idioma», E.P.G., 22-VII-1934, páxina 1.
(485) As veces aparece trocado o «z» en «s» (Galeusca), en outras sen «l» (Gaeuzca).
(486) Payne, Stanley G. El nacionalismo vasco. De sus orígenes a ETA, Dopesa, Barcelona 1974, páx. 164.
(487) Beramendi, Justo G., Op. cit., páx. 39.
(488) Del Riego refiere que as bases da «Triple Alianza» estaban baladas «num triple apoio mútuo defensivo e ofensivo, contra da España oficial, constituindo un «[...] paito secreto de matiz francamente arredista, e cuio orixinal depositouse en Paris». Por Euzkadi firmouno o P.N.V., representado por Egileor, Galástegui, Uribe-Etxobaría e Robles Axanguiz. Por Cataluña rubricouno «Acció Catalana , «Federació Nacionalista» e «Unió Catalanista» , que tiñan por persoeiros a Nicolau d'Olwer, Maciá, Gassols e Rovira y Virgili. Francisco F. del Riego, «Poliorama da Triple Alianza»; Alento, n.º 1-2, VII-VIII-1934, páx. 9.
(489) Víctor Casas, «Fenestra. Cousas da Alianza Nacionalista», E.P.G., 7-IX-1933, páx. 14.
(490) Acta da Xunta Xeral da Mocedá galeguista de Ourense, celebrada o 10-IV-1921. Libro de Actas de M.G. de O., consultado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, carp. 52, páx.4.
(491) Barreiro Fernández, X.R., Historia de Galicia. IV Edade Contemporánea, Galaxia, Vigo, 1981, páx.342.
(492) Así, Ramón Villar Ponte dicía que: «A circunstancia de que a terra galega fose a primeira terra ibérica en que se manifestou o degoiro de abranguer o autodominio e a primeira, pol-o mesmo, en que se fixeron prédicas de senso rexionalista, que o inesquecibre apostol Alfredo Brañas levou logo a Cataluña, cando alí ainda se non pensaba no magno problema da liberdade rexional, como en certa ocasión recoñeceu Cambó, sen que dispois o froito d-isas prédicas se ollase na Galicia por parte algunha [...].» A.N.T., 15-V-1932.
(493) Temos sinalado noutra parte as similitudes entre as ideoloxías galeguistas e catalanista. Tamén dixemos que Castelao puña ós partidos catalanistas —«os únicos ben organizados de Hespaña»— como un exemplo a imitar polo P.G. Algo parecido ben a dicir Amaro de Vilameye en A.N.T., 1-II-1932.
(494) Dos varios grupos catalanistas existentes («U.S.C.», «A.C.R.», «Lliga», «U.D.C.») tan só a Esquerra de Maciá detentaba o goberno monocolor da Generalitat, sendo criticado en maior ou menor medida, por tódolos demais partidos. Pero a mesma «Esquerra Republicana de Catalunya», estaba «grosso modo» integrada por tres núcleos: o radical «Estat Catalá», os republicanos e os homes de «L' Opinió», entre os que as rivalidades eran habituais, tendo que actuar Maciá como un elemento arbitral e conciliador. O traspaso de competencias enfrentou ó primeiro conselleiro do goberno, Lluhí —membro de «L' Opinió»— con catro conselleiros, e a estructura do partido na que tamén predominaba Maciá. A expulsión do grupo de «Lhuhís», suscitou ainda maior división, dado que os excluídos constituiron un novo partido, o «Partido Nacionalista Republicá d'Esquerra». Para unha análise desta crise cfr. Molas, Isidre. El sistema de partidos políticos en Cataluña. 1931-1936, Península, Barcelona 1974, pp. 79-80.
(495) Tal cousa di por exemplo Víctor Casas en «Fenestra. Centralismo e federalismo», E.P.G., 4-VI-1933, páx.1.
(496) Vide Hernández Lafuente, Adolfo. Autonomía e integración en la Segunda República, Encuentro, Madrid 1980, pp. 333-334-335 e 343.
(497) Víctor Casas, «Fenestra. Cousas da Alianza Nacionalista», E.P.G., 7-IX-1933, páx. 14.
(498) Resulta ilustrativo o seguinte párrafo de Víctor Casas:«Eu xa teño máis confianza e espranza na xuntanza cos nacionalistas vascos e cataláns que todo canto con relación a Galicia póidamos dar a República falsificada e adulterada». «Do momento», A.N.T., 13-VIII-1933.
(499) Carta do Comité Nacional de «A.N.V.» dirixida ó goberno da Generalitat, firmada o 14-VI-1933. Consultada no Arquivo Histórico Nacional de Salamanca, carp. 195, legajo 3102. (Vide Anexo Doc. 23).
(500) Para o desenrolo destes sucesos vide Payne, Stanley G., Op. cit., pp. 156-161.
(501) Confer. carta citada (Vide Anexo Doc. 23).
(502) Ibídem. Esta idea xurdira en Barcelona, nunha conversa celebrada entre Batista i Roca e Monzón. Álvaro de las Casas, «Diario de unha viaxe de nazonalistas. Galeuzca», Alento, nº 1-2, VII-VIII-1934, páx. 20.
(503) Ibídem.
(504) Ibídem.
(505) Ibídem.
(506) Vide crónicas e comentarios sobor de «Galeuzca» nos nº de E.P.G., do ano 1933 correspondentes ós días 19-VII, páx. 1; 21-VII páx. 8; 22-VII, páx. 10; 29-VII, páx. 7; 2-VIII, páx. 7; 4-VIII, páx. 1; 8-VIII, páx. 1; 10-VIII, páx. 1; 11-VIII, páx. 12; 7-IX, páx. 14; e 8-IX, páx. 8.
(507) Abóndenos eiquí con dicir que a prensa, incluida a internacional, lle deu considerable importancia a noticia do pacto. Destacaron as notas dadas por «Berliner Tageblatt», «Telegraas», «Petit Parisien»,  «Il Citadino», e «The Times», A.N.T., 3-IX-1933, páx. 1.
(508) Como símbolo da unión dos tres nacionalismos, Alvaro das Casas, Renart e Bello Piñeiro, no curso da viaxe Triangular, acordaron facer unha bandeira para Galeuzca, que era «partida en banda co-as cores da galega, tendo no tercio superior as cores bascas e no inferior as cataláns». Ainda que non temos noticias de que chegara a ser oficialmente adoptada, si sabemos que foi exhibida en actos nacionalistyas celebrados na xeira Triangular. «Diario de unha viaxe...», xa cit. páx. 25.
(509) A. das Casas, «Diario de unha viaxe...», xa cit., páx. 21.
(510) Así se dí nun número de Tierra Vasca, órgano de «A.N.V.», aparecido en maio de 1933, citado en «Opiniones», E.P.G., 24-V-1933, páx. 1.
(511) A contradicción entre o nacionalismo representante dos paises ricos e o que defendía ós paises probes (o galego e o andaluz) tivo operatividade real nos anos da República, cando menos no que fai ó galego. Noutro apartado analizaremos por extenso a oposición do P.G. á parte económica do Estatuto Catalán e ós concertos vascos, por considerar que creaban situacións de privilexio que perxudicaban as áreas deprimidas, como era Galicia. Aidantemos un texto de Alexandre Bóveda que transparenta este espírito: «Ninguén pode negar que dentro do Estado español hai tres pobos privilexiados, cuias peticións son escoitadas sempre e cuios problemas merecen do Poder central a máis dilixente atención tan axiña como se prantean: Cataluña, as Vascongadas e Valencia. «Galeguismo. Exemplos convincentes», E.P.G., 5-V-1933, páx. 12. Polo demais o tratado co Uruguai favorecía a industria catalana, e perxudicaba a gandeiría galega, polo que podía ser pedra de discordia entre Galicia e Cataluña, tal como recoñece Das Casas nunhas declaracións á prensa catalana. «Diario de unha viaxe..», xa citado, Alento, 1-II-1935, páx. 100.
(512) Algo disto esboza Plácido R. Castro no seu artigo «La política exterior de Galicia», E.P.G., 4-VIII-1933, páx. 1.
(513) Para unha descripción detallada do mesmo vide Alvaro de Ias Casas «Diario de unha viaxe de nacionalistas», Alento, n.° 1-2, 9-X-1934; n.° 3, IX-1934; e nºs 7 e 8, 1-II-1935.
(514) Documento consultado no Arquivo do P.G.
(515) «Final del viaje Triangular», E.P.G., 8-VIII-1933, páx. 1.
(516) «Opiniones», E.P.G., 10-VIII-1933
(517) Ibídem.
(518) «Los actos nacionalistas de Barcelona y el Partido Galleguista»; E.P.G., 11-VIII-1933, páx. 12.
(519) «Fenestra», E.P.G., 7-IX-1933, páx. 14.
(520) Francisco F. del Riego, «Roteiros. Nacionalismos ibéricos», E.P.G., 8-IX-1933, páx. 8.
(521) Aludiremos por extenso a esta carta no apartado correspondente á práctica política do P.G.
(522) Comenta tamén Otero Pedrayo que a prensa se abstivo de aludir a unanimidade rexistrada entre tódolos partidos autonomistas cataláns dende a Esquerra á Lliga, o que contrasta coa información aportada por Stanley Payne (op. cit., páx. 164) e co que implicitamente se dí no manifesto de Galeuzca en Barcelona, no senso de que a Lliga rexeitou colaborar na empresa de Galeuzca. R. Otero Pedrayo, «Galeuzca», E.P.G., 20-VIII-1933, páx. 14.
(523) Vide cartas de U.D.C. a Bóveda, do Segredario Xeral de Galeuzca en Donostia a Bóveda, e deste ó anterior, consultadas no Arquivo do P.G.
(524) Carta de Bóveda ó Segredario Xeral de Galeuzca, en Donostia, firmada a 20-IX-1933. Consultada no Arquivo do P.G.
(525) Payne, Stanley G., Op. cit., páx. 162.
(526) Ibídem, páx. 164.
(527) No Congreso español, a CEDA convertiuse con 115 escaños no partido hexemónico, seguido a pouca distancia polos radicais con 102 diputados. Os agrarios e o TYRE (Tradicionalista y Renovación Española) conquerian 36 escaños cada un. Hernández Lafuente, Adolfo. Op. cit., páx. 343.
(528) Ibídem, páx. 347.
(529) Así sabemos que en febreiro de 1935 tivo lugar unha reunión de «Galeuzca», presidida por Otero Pedrayo, asistindo Del Riego pola F.M.G., Das Casas por Ultreya, Placido R. Castro polo P.G., e estando representadas Cataluña por Calvet e Euzkadi por Rezola. Alento, nº 7-8, 1-II-1935, páx. 173.
(530) Vide a este respecto Gaspar Torrente, «Por un frente autonomista», A.N.T., 10-I-1936, páx. 4.
(531) Dende agosto de 1945 ata xullo de 1946, edítase en Buenos aires a revista «Galeuzca» . En total 12 números de periodicidade mensual. Estaba feita fundamentalmente polos exiliados galegos, vascos e cataláns, de significación nacionalista, e redactada en castelán, idioma que funcionaba como interlíngua, asequible a todos eles. Colaboraban desterrados residentes en diversas partes do mundo (México, Paris, Londres...). No editorial do nº. 1 explican que adoptan o anagrama «Galeuzca» (proveñente de Galicia, Euzkadi e Cataluña) para simbolizar a unión entre estes tres pobos, guiados do propósito de que integren con Castela —e, no seu caso, con Portugal— a Confederación de pobos ibéricos.
(532) «Conferencia de Paz Andrade en San Sebastián», E.P.G., 30-IX-1932, páx. 8.
(533) «Vascos, catalanes y gallegos celebran en Tolosa un importante acto de afirmación nacionalista», E.P.G., 17-VII-1934, páx. 3.
(534) E.P.G., 6-V-1933, páx. 12.
(535) Así, Del Riego manda unha mensaxe de adhesión das «Xuventudes patrióticas de Galiza» ás xuventudes patrióticas de Euzkadi e Cataluña: «[...] nistres intres en que os xenios nacionás dos dous pobos irmáns, libran batallas de redención [...]. As xuventudes das tres Patrias irmáns nos mesmos anceios, rubricados no Paito de Compostela, naquila estampa de Galeuzca, están obrigadas a aituar seguindo o mesmo roteiro, pra o conquerimento dunha libertade integral, de Galiza, de Euzkadi, de Catalunya.» «Mensaxe de adhesión», A.N.T., 25-VIII-1933.
(536) Conferencia pronunciada por Bóveda no local do Grupo Galeguista de Vigo, glosada en A.N.T., 17-III-1933.
(537) «De Galicia a Cataluña», A.N.T., 24-IV-1936, páx. 1.
(538) Nesta xuntanza foi designado o seguinte Comité Executivo: Presidente, Carlos Euxenio Mascareñas, (Cataluña); Vicepresidente, Xohan López Durá, (Galicia); Segredario Xeral, Xosé Luis Segarra, (Cataluña); Segredario de Aitas, Xohán Bravas Cancelo, (Galicia); Tesoureiro, Francisco Gomá, (Cataluña).
(539) A.N.T., 1-IX-1934.
(540) Vide Retortillo-Argulol Murgadas, Martín. «Aproximación al tema de Ia descentralización» en Descentralización administrativa y organización política, I, Madrid 1973, páx. 94; tamén González mariñas, Pablo. Las Diputaciones provinciales en Galicia: del Antiguo Régimen al Constitucionalismo. Edit. Diputación P. de La Coruña, Coruña 1978, pp. 154-155.
(541) «Programa de acción...» , xa cit. (Vide Anexo Doc. 5).
(542) Ibídem.
(543) «Programa do Partido Galeguista», A.N.T., 1-I-1932 (Vide Anexo Doc. 2).
(544) Nese proxecto de Estatuto, despois de definir, no Título I, o territorio de Galicia como o comprendido nas catro provincias actuais, indicábase que «[...] poderá agregarse ao territorio de Galicia calquer concello ou bisbarra de caraiterísticas históricas, culturaes i-económicas semellantes.» Reproducido en A.N.T., IX-1932, páx. 2.
(545) Vide para esta cuestión Vilas Nogueira, Xosé. O Estatuto galego, Rueiro, A Cruña 1975, pp. 232, 233.
(546) «Programa do Partido Galeguista», xa cit.
(547) Por suposto que isto encheu de gozo ós galeguistas que cecais interpretando abusivamente o feito dicían que os de Sanabria eran xa galegos: «[...] por libre determinación de su voluntad, por elección de patria que ellos hacen». Valoraban ademais tal acontecemento como dato probatorio que se tiña avanzado moito na dignificación da «abatida» Galicia, onde moita xente sentía vergoña da súa condición de galegos, amosando que o ser galego era xa desexable. «Sanabria y Galicia», Heraldo de Galicia, 28-III-1932, páx.1. A noticia tamén se recolle e comenta en A.N.T., 15-IV-1932.
(548) «Para pedir a anexión de una parroquia asturiana al Ayuntamiento de Navia de Suarna», E.P.G., 11-X-1932, páx.10.
(549) Robine, Regine, Histoire el lingüistique, Armand Colin, Paris 1973, páx. 23.
(550) Significa: ¡levántate!

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega