O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

(De "3.6. Estratexia e Táctica do P.G." a "3.6.2. A táctica do P.G. na 2ª. fase")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada013.html




3.6. Estratexia e Táctica do P.G.

     A estratexia do P.G. permaneceu invariable ó traveso da sua andadura política. Consistía na consecución dun goberno para Galicia inscrito nun artellamento federal do Estado Español. Entendía que elo era necesario para afirmar a personalidade nacional de Galicia e conseguir unha sustantiva mellora económica.
     O que non gozou de similar perdurabilidade foi a táctica que o P.G. en parte quixo, en parte se veu obrigado, a empregar para acadá-los seus obxectivos estratéxicos. Vémonos así obrigados a falar mais que de unha sóa táctica, de varias.
     Agora ben, denantes de examinar cales foron éstas, sinalemos un rasgo común a todas elas: o gradualismo, a política de posibilismo reformista que en todo momento observou o partido que estamos a analisar. E este reformismo atopou na legalidade constitucional republicana un canle axeitado.
     Victor Casas expresa así o rexeitamento do P.G. da vía radical, violenta e revolucionaria:

«Galicia non pode erguerse violentamente contra o Estado Español en percura dunha independencia que necesita.
     Cataluña e Vasconia nos demostran que ese camino non é nin práctico, nin de posibel percorrido. Cantos exempros, os arredistas oficiaes, nos opoñan acontecidos no século pasado ou a comenzos do aitual non sirven para rén. Hoxe é imposibel trunfar por tales medios contra un Estado moderno.» (1)

     Distinguiremos entre a táctica nos obxectivos e a táctica nos procedimentos que o P.G. empregou para tentar de acadar os obxectivos propostos.
     Polo que ó primeiro respecta, sinalemos que a aceptación polo P.G. da autonomía foi sempre como un obxetivo táctico, como unha conquista limitada e conxuntural, sen que en ningún caso chegase a implicar a renuncia a sua angueira federalista estratéxica. Nelo insistirá sempre este partido e consideramos excusado traer eiquí a colación textos demostrativos, por encaixaren mellor no capítulo que ven tras deste.
     Pasemos pois a referirmos ós procedimentos tácticos a que recurre o P.G., precisando que todos eles están inscritos no campo específico que o propio partido establece e que non ven dado polo enfrentamento entre clases sociais, senón pola dicotomía existente entre pobos ricos e pobos pobres, entre zonas desenroladas e subdesenroladas, en suma, entre capitalismo central e capitalismo periférico incipiente.



    3.6.1. As tácticas do P.G. na sua primeira fase.

     Lembrémonos de que esta primeira fase da vida do P.G. se corresponde coa concepción elitista do partido. Pois ben, a sua táctica implícita, e que por veces se fai expresa, baséase no repudio do pluripartidismo, por entender que tanto os partidos de dereita como de esquerda, eran sucursalistas e sementadores da división de Galicia, á que o P.G. anceiaba ver unida nunha especie de frente único anticentralista.
     Segundo esta táctica, a élite dirixente galeguista, esa minoría dos «Bos e xenerosos» que encarna a conciencia de Galicia (o P.G.), tería de suscitar unha sorte de adhesión espontánea da gran maioría de Galicia, especialmente da maioritaria e «auténtica», a campesina e mariñeira, quedando soamente fora unha exigüa minoría de «desleigados». Vexamos un testimuño deste rasgo: «Nos estamos contra todos porque a Galicia verdadeira somentes a interpretamos e faremos nós» (2).
     Para que se producira esta especie de sortilexio, o P.G. fai énfase na propaganda, na actividade concienciadora, cunha perspectiva a moi longo prazo (3), tentando de que se operara o espertar do pobo que levaría aparellado a súa identificación automática cos nacionalistas, e descoida en cambio o traballo organizativo, de encadramento popular no partido.
     Agora ben, de pouco servía que o P.G. insistira en proclamar os seus desexos de integración nacional, negando que as loitas da política española, e as conseguintes divisións que xeneraban, se plasmaban tamén en Galicia. Igoalmente vana era a sua teima en manterse neutral nesas pugnas, porque certamente repercutían en Galicia, sendo esta unha realidade inesguellable coa que rematara por bater o P.G. e, ó cabo, non terá mais remedio que recoñecer.
     A sua concepción ideolóxica, e a táctica que dela deriva, eran un exercicio de ilusionismo político construido facendo abstracción da existencia real dun variado repertorio de forzas políticas presentes tanto nas institucións como na conciencia da opinión pública. Por elo o P.G. víuse obrigado a buscar algún acomodo coa situación política real, o cal supuxo caer nunha contradicción que o convertiu ó traveso de toda esta primeira andadura, nun ente político esquizofrénico: contemplábase a sí mesmo dun xeito e se vía obrigado a actuar de outro.
     A necesidade de conqueri-lo establecimento dun réxime autonómico para Galicia, xunto coa resolución dos seus acuciantes problemas económicos, induce ó P.G. a actuar coordinadamente con algunhas das forzas republicanas, ainda que non estableza ningunha alianza formal con elas e opere primordialmente de xeito aillado. Temos así que colabora con outros partidos en varias cuestións que conciernen ó Estatuto: xestións parlamentarias, Comité proautonomía, redacción do Estatuto e mitins; e tamén na percura de solucións ós problemas galegos: ferrocarril, Misión Biolóxica, etc.
     Verbo do Goberno levou a cabo unha política de oposición moderada, apoiandoo en ocasións (Casas Viejas, por exemplo). Deste xeito, a crítica da política económica da coalición republicano-socialista no poder, que o P.G. entendía moi desfavorable para Galicia, non foi denunciada con excesiva causticidade e mordente por temor a que a ORGA, partido do poder en Galicia, retirara o seu apoio ó Estatuto.
     Tal cautela foi mantida polo P.G. ata o vran de 1933, momento no que pasa a censurar durísimamente a actuación do Goberno en Galicia.
     Insistamos en que o P.G. se aveu a colabourar con outras formacións políticas por un ineludible imperativo de realismo político. O seu desexo era ben outro: ser o único partido dos galegos, e a esta concepción resposta a actitude de comparecer en solitario nas eleccións municipais de 1933.
     Agora ben, no derradeiro semestre de 1933 tiveron lugar dous xiros políticos espectaculares que revelan a pouca experiencia política do nacionalismo galego.
     En efecto, no vran de 1933 as relacións do P.G. coas forzas republicanas (a excepción dos fedeais, A.R., U.S.G., progresistas e agrarios de Pontevedra (4)) estaban moi deterioradas polo incumplimento do compromiso de facer campaña autonómica. En setembro se produce a ruptura: o P.G. denunciaos nun manifesto que fai público e se retira da principal plataforma de colaboración unitaria, o Comité de autonomía. Deste xeito, sucedense os ataques a Casares Quiroga e o seu partido (P.R.G.), terciados con censuras alporizadas ós Gobernos de Lerroux e Martínez Barrio. Neste preciso intre ensaia unha nova táctica, consistente en establecer a alianza de Galeusca, é decir dos nacionalistas galegos, vascos e cataláns para actuar conxuntamente descontra o centralismo do Estado. Deste xeito Victor Casas propugna eludir calisquera tipo de alianzas cos republicanos galegos, para pasar a dar prioridade a actuación coordinada dos nacionalismos periféricos:

«Eu xa teño mais confianza e espranza na xuntanza cos nacionalistas vascos e cataláns que todo canto con relación a Galicia poídanos dar a Repúbrica falsificada e adulterada.» (5)

     E así se expresa tamén o Consello do P.G., entendendo que os galeguistas debían traballar en solitario polo Estatuto, combatendo «ao Goberno centralista que cada día nos crea un novo problema» (6).
     E decir laboura de oposición, combinada coa potenciación da alianza de Galeusca: «[...] loita, en pura ortodoxia nacionalista, sin transixencias. De obra mancomunada con catalás e bascos pra os fins comúns» (7).
     O pacto de Galeuzca completábase coa alianza con tódalas forzas autonomistas do Estado que se percurou sen éxito, quedando esterilizada a tentativa de crear a «Federación Republicana Autonomista». Excusandonos por non dar agora mais detalles, que cadran mellor no apartado correspondente a práctica política do P.G., pasemos a ver o problema a nivel interno de Galicia, que a alianza de Galeuzca non podía solucionar, obrigando ó P.G. a esbozar unha nova táctica. A cuestión era que o apoio dos nacionalistas vascos e cataláns que podía ser moi útil no Parlamento, non servía practicamente para nada á hora que conquerir en Galicia o necesario respaldo para o Estatuto, que, nono esquenzamos, debería ser aprobado nun plebiscito polos dous tercios do censo electoral. Este plantexamento tivo que estar presente na mente dos dirixentes galeguistas cando en outono de 1933 o Comité de autonomía convocou o plebiscito (que logo non se celebraría) para un mes despois das eleccións lexislativas de novembro (8). A cousa non tiña volta. De seguir o P.G. coa táctica de hostigamiento ás forzas republicanas que, mal que ben, apoiaban á autonomía, o plebiscito podía darse por perdido. Velaí por qué na I Asamblea extraordinaria que celebra o P.G. en Santiago o 21 de octubro de 1933 producese un espectacular cambio de táctica: acorda ir as eleccións en alianza coas forzas autonomistas. Así, após de rápidas negociacións, o P.G. consigue plasmar esta nova táctica nas duas provincias occidentais onde lle foi posible facelo; na da Coruña, onde vai en alianza cos federais, e na de Pontevedra onde conquire unha coalición un pouco mais amplia.



     3.6.2. A táctica do P.G. na segunda fase.

    
Correspóndese esta nova táctica do P.G. coa tentativa de se convertir nun amplio partido de masas, levando a cabo unha acción na que se mancomunaba a propaganda co esforzo organizativo, tentando de encadrar políticamente ó país. Todo elo despois das eleccións de novembro de 1933.
     Na Asamblea extraordinaria de outono de 1933 o P.G. recoñoceu algo importante: que a división entre a esquerda e maila dereita dabase tamén en Galicia, pero non tirou as pertinentes conclusións. Ben é verdade que tampouco os vísporas do plebiscito (que logo resultou aprazado) eran o momento mai axeitado para extraelas. Foi así que se presentou as eleccións como unha opción de «pura autoctonía», xenuinamente galega e ó marxe da dicotomía que se establecía entre dereitas e esquerdas. Ademais, deliberada e significativamente denominaba como «autonómicas» ás forzas coas que pretendía aliarse, e non «de esquerdas».
     As dereitas no poder no segundo bienio foron as encargadas de que o P.G., na sua III Asamblea, descobrise áreas de coincidencia cos partidos republicanos de esquerda, entendendo que eran os únicos dispostos a coadxuvar no esforzo autonómico. Esta táctica, tan radicalmente distinta da anterior, comporta a alianza do P.G. cos partidos republicanos, e mesmo tamén obreiros, e quedou plasmada no Frente Popular. Supón, pois, a aceptación do xogo pluripartidista, o abandono daquel limbo ilusorio onde se quixo situa-lo P.G. na anterior etapa, tentando de permanecer ó marxe do conflicto que en toda España se rexistraba entre a dereita e maila esquerda, para decantarse expresamente pola colaboración cos partidos esquerdistas.
     Tivemos a fortuna de atopar un valioso documento (9) no que Bóveda se refire á nova táctica de alianza formal e expresa coa esquerda, facendo unha autocrítica da primeira actitude considerada a posteriori errónea:

«[...] vexamos a custión da nosa táitica nos seus aspeitos fundamentás.
     Certo que o Partido tivo no 1934 dous camiños: neutralidade nas loitas da política hespañola, ou inclinación a un dos bandos. Eu fun dos que deica principios do 1933 pensaron que a neutralidade podía ser eficaz para os nosos fins. Desengañeime cando reparei na realidade e nos resultados, cada data piores, de dous anos de esforzos formidables. Como as loitas da política hespañola se ventilan tamén na Galiza (realidade que non queríamos ver), toda a nosa enorme campaña sirveu para que d-ela se aproveitasen as dereitas contra dos
homes da República, pra seren despois os nosos piores enemigos e —o que ainda é pior— os nemigos mais encarnizados de Galiza e do seu Estatuto, cousa que non compre demostrar. O malo foi que nos decatásemos d-ista gran verdade demasiado tarde; eu, polo menos. A necesidade, pois, de sair do noso aillamento estaba clara. E, ao establecer unha intelixencia, preferir aos elementos de esquerda non tiña dúbida; porque iles (dígase o que queira) posibilitaron as autonomías, concederon a de Cataluña, estaban no camiño de conceder a das Vascongadas e terían concedido a nosa se nós, con mais esperiencia política e mais senso praitico, en vez de atacar aos republicáns (con grande contentamento das dereitas, ás que facíamos un gran servicio, sen o querer) houbéramos tratado co-iles de outro modo. Dí esto quen tivo a máisima responsabilidade d'aquil intre por sere d'aquela S. Xeral do Partido; mais a mín non me doi recoñocer os meus erros.»





NOTAS

 

(1) Víctor Casas, «Do momento», A.N.T., 14-IV-1934.
(2) Víctor Casas, «Do momento», A.N.T., 11-IX-1933.
(3) Dicía o P.G. no Manifesto da II Asamblea: «O ideal de refacer un pobo é obra de xeneracións [...]»; folleto editado por NOS en 1932.
(4) Víctor Casas, «Fenestra» E.P.G., 30-VIII-1933.
(5) Víctor Casas, «Do momento», A.N.T., 13-VIII-1933.
(6) Solobio, «Xestos», A.N.T., 13-VIII-1933, páx. 3.
(7) Ibídem.
(8) Víctor Casas, «Del momento»; E.P.G., 14-X-1933, páx.12.
(9) Carta de Alexandre Bóveda a Filgueira Valverde, firmada en Cádiz a 10-V-1935. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc.7).

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega