3.7.3-4.
Obxectivos Pesqueiros e postura do P.G. verbo desta
problemática:
Para situar brevemente a
cuestión, digamos que por estes anos a pesca galega presenta unha doble
vertente. En efecto, existe un tipo de pesca artesanal, de baixura, e
outro de gran altura, realizado nas costas de Irlanda, con modernas
embarcacións propulsadas por motores Diesel (269). O P.G. adica un apartado
do seu programa (o V) ó «Fomento Pesqueiro». No punto 1.° se pronuncia
polo «Retorno os principios colectivistas tradicionaes no réxime económico
da pesca galega, por vía da cooperativa específicamente peixeira con
ourentación técnica e social» (270). Ollamos como quere o P.G.
que continúe o espíritu de explotación comunitaria dos recursos pesqueiros
con enraizada tradición en Galicia, especialmente no subsector
marisqueiro pero canalizandoo ó traveso da fórmula cooperativista.
Solicitan en segundo lugar a creación de piscifactorías para a repoboación
dos ríos, e repoboación, asimesmo, das rías con especies sedentarias,
industrializando o seu aproveitamento. Maior trascendencia tivo o punto
5.°) referente á creación de grandes portos pesqueiros o pequenos portos
de refuxio. O tema motivou máis dunha intervención dos parlamentarios
galeguistas. Especialmente tratou o tema Picallo (non en balde era oriundo
da vila mariñeira de Sada); decía este (271) que entre as obras públicas que
era oportuno facer figuraba a construcción de portos de refuxio pesqueiro,
necesarios para protexe-las pequenas embarcacións e tamén as casas dos mariñeiros. Volvendo novamente sobre o tema noutra actuación parlamentaria
(272), explica que había en Galicia, en 1933, 119 portos
abandonados con expedentes no Ministerio recabando obras de abrigo e
refuxio, dos que soamente o de Malpica obtivera satisfacción. Argumentaba
que a situación en que estaban facía que os temporais arrincaran as
embarcacións pola noite dos seus fondeadeiros e as escachifaran contra das
rochas. Ainda que non se esquece dos grandes portos pesqueiros (273) de Galicia, sostén que son prioritarias as pequenas
obras de refuxio, e non só por perentorias razóns de seguridade, senón
tamén por motivos económicos, dado que un porto galego de 7.000 habitantes
producía un rendemento económico de 3 millóns de pts. anuais. Pide ademais
o establecemento dun plan de obras portuarias da mesma maneira que existía
un plan de embalses. Semellante importancia
estivo chamado a ter o ponto 7.°) e derradeiro, no que se postulaba a
creación de Escolas de Pesca, dun Laboratorio costeiro e de Estacións
meteorolóxicas e radiotelegráficas. Dicía a este respecto Picallo (274), en 1933, que Galicia, aportando o 75 % da producción
pesqueira española, non tiña ningunha escola de pesca, a excepción dunha
que viña de fundarse en Cangas, polo esforzo particular do mestre Felipe
Carnicer, feita mercede as súas xestións ante a Deputación e o
Axuntamento; ensinábase nela oceanografía, piscicultura, bioloxía mariña e
cuestións tales como componer as redes e as velas das embarcacións.
Solicitaba axuda económica para ela por considerar insuficiente a
consignación de 1.000 pts. concedida pola Subsecretaría de Marina civil.
Consideraba Picallo que no litoral galego facían falla catro ou cinco
Escolas de Pesca que serían complementadas con ensinanzas especiais, dadas
por técnicos en problemas pesqueiros. Hai que
engadir a isto que, dende Rianxo, o galeguista Bieito Rial propuxo a
creación dunha «Misión Biolóxica do Mar» (275). Tamén a
IV Asamblea do P.G. aprobou (276) a proposta de Manuel R. Castelao, do Grupo de Rianxo,
de insertar no apartado programático que estamos a analisar, tres novas
cuestións. Referíase a primeira ó establecimento dunha lexislación
especial para pesca costeira e outra para a da ría, entendendo que dadas
as peculiaridades que presentaban cada unha de elas, era comenente o
deslinde. Aludía a segunda á comenencia de considerar as rías como grandes
comarcas naturais, debéndose crear organismos especiais para o seu
aproveitamento e vixilancia. Estes organismos debían ter unha composición
en parte técnica, en parte representativa (quere isto dicir que os
Axuntamentos da ría debían elexir, mediante votación ós seus
representantes), e o seu cometido tería de ser a vixilancia, información e
encauzamento de tódolos asuntos referentes a cada ría, tales como obras do
porto, repoboación, sistemas pesqueiros, artes, etc. A terceira cuestión,
en relación estreita coa anterior, consistía na petición de que foran
exoneradas as Comandancias de Marina das suas atribucións en materia de
pesca, trasladandoas ós organismos anteriormente expresados. En efecto,
reiteradas vegadas, o P.G. censura ás Comandancias pola sua ineficacia á
hora de facer compri-la lexislación pesqueira, tildandoas ademais de
neglixentes e burocráticas. Picallo revela nas Cortes (277) a desconfianza que ó seu partido lle merecían os
organismos pesqueiros que subsistían do vello réxime, agardando ainda algo
da Subsecretaría da marina civil, por mor de ter sido creada pola
República. Denuncia a falla de vixilancia e protección das pesqueirías
galegas, o cal tiña nefastas consecuencias por obra dos arroaces e dos
dinamiteiros. Estaba bastante extendida a utilización da dinamita como
contundente e estragador procedimento pesqueiro; a combatir e denunciar
este feito adicou o valioso periodista, afiliado ó P.G. en Bueu, Xohan
Carballeira, gran número de artigos en «El Pueblo Gallego» . Polo demais,
na IV Asamblea do P.G. presentouse unha proposta na que se pedía a
reprobación dunha lei que se vira de promulgar permitindo a pesca cos
aparellos de arrastre denominados: «bous», «boliches», «jábegas» , «rapetas» , etc.
(278). Un dos problemas que
revestiu maior envergadura no período estudiado, foi o dos stocks,
especialmente de sardiña. Novamente é Suarez Picallo quen no Parlamento
dilucida a custión (279). Aduce que o tema era sumamente preocupante por afectar
a cento e pico mil familias pescadoras galegas, que vían descender
progresivamente a cotización do cesto de sardiñas: 57 pts. en 1930, 21,80
pts. en 1931, 17 pts. en 1932 e ¡oito pesetas en 1933! O problema era de
falla de mercados, afectando tamén gravemente a crise da industria
conserveira, que tiña a sardiña como unha das suas principais materias
primas. A crise afectaba tamén á industria do salgado, habendo problemas
para vender a producción de sardiñas salgadas, das que, en 1928, Vigo
exportou caseque a coarta parte do total exportado por España (485.000 kg.
dun total de 2.000.000 de kg .) (280). Dábase a paradoxa de que sendo no ano 1932 abondosa a
producción sardiñeira das rías, reinaba autêntica fame en moitos fogares
mariñeiros, porque a contracción do mercado era incapaz de absorbelos
excedentes. A comenzos de 1935 agravouse a situación por causa de que as
Cortes aprobaron unha lei que rebaixaba grandemente os dereitos de
importación da sardiña portuguesa que facía a competencia á galega (281), e en consecuencia
constreñíronse ainda máis os
mercados ós que se exportaba (282). Esta situación fixo que se incrementara a utilización
deste peixe como abono agrícola. En efecto, sobre todo no litoral, usábase
o peixe salgado como adubo, especialmente para a producción de patacas e
de mainzo, con bo resultado práctico. A vista desta situación, o P.G.
propugnaba (283) a constitución nos portos pesqueiros, de
almacéns-depósito de peixe salgado, nos que gardar o sobrante nos días de
pesca abondosa, de modo que se evitase a súa venda a baixos precios que
enriquecía ós acaparadores, e que asimesmo se poidese vender no inverno,
ou na época da sementeira como adubo, sustituindo ós sulfatos e potasas de
importación que xa se empregaban en determinadas zonas. En maio de 1936, a
iniciativa do alcalde galeguista de Bueu, Xohan Carballeira, convocouse en
Vigo unha xuntanza de fabricantes de conservas, exportadores de peixe e mariñeiros, para trata-lo grave problema da depreciación da
sardiña,
chegándose a un acordo provisional, que tería de contribuir a solucionar
en parte a cuestión (284). De todas formas o acordo foi só un paliativo e a crise
continuou. Pero non só tiña problemas de comercialización a sardiña.
Tamén as anchoas en salazón, segundo revela Picallo (285), estaban almacenadas dende facía cinco anos por non
teren saída. Pero non todo foi adverso. Nos anos trinta recuperouse a
pesca tradicional do bacallao (que tan importante papel comprira na dieta
humana de Galicia, especialmente nos días da Coresma) en caladeiros
remotos, que fora perdida a raiz da independencia dos EE.UU. e a
decadencia do imperio colonial español (286). No tocante ó marisqueo, Bieito Rial, salienta (287) problema dos intermediarios e da falla de vixilancia.
Cita o caso da ría de Arousa na que se collía traballosamente a ameixa
turrando dun longo varal que rastrexaba os fondos. Este marisco permitía
unha fácil exportación por conservarse vivo en seco durante oito ou dez
días. A falla de estadísticas, calculaba en 4.000 pts. diarias os
beneficios da venda das ameixas, das cales 1.000 serían para os
mariscadores e 3.000 para os intermediarios. Facía notar, ademais, que por
mor da neglixencia da Comandancia de Marina producíanse grandes perdas por
inobservancia das vedas e por se tolerar o uso de pequenas crías de
cangrexo machucadas como carnada. De tódolos
xeitos a actividade marisqueira actuaba como un paliativo frente a crise
económica que afectaba ós sectores da economía galega que, como o da pesca
ou o madereiro, estaban insertos no mundo do mercado e do capitalismo, e
operaba ademais como un amortiguador das tensións sociais. De feito,
segundo nos informa «A Nosa Terra» (288), na ría de Vilagarcía moitos homes arruinados pola
crise madereira (do piñeiro moi principalmente) evitaban a fame adicándose
ó exercicio do marisqueo. Tamén verbo do marisqueo pedía Picallo (289) que os pescadores tiveran un papel na vixilancia das
rías. E cita o exemplo do seu benfacer en Arcade e Ponte Sampaio, onde
existía un viveiro de ostras colectivista, reglamentado polas Sociedades
obreiras, do que ninguén podía sacar a diario nada máis que unha
determinada cantidade de ostras para repartir así equitativamente os
beneficios e evitar, ademais, que non se esgotara ese «tesouro» das
rías. Para rematar mencionemos o problema do
transporte do peixe. Xa no mes de outono de 1931, unha comisión de
representantes das industrias pesqueiras dos portos galegos visitaron en
Madrid diversos organismos, solicitando melloras por parte das compañías
ferroviarias, que o traslado do peixe se fixera en vagóns frigoríficos e,
asimesmo, a supresión da sobretasa que cobraba a Compañía ferroviaria do
Norte (290). Suarez Picallo, en interpelación parlamentaria (291), alude ás dificultades que atopaba o peixe fresco
galego que se exportaba por tren ás principais cidades españolas.
Refire que o custe do transporte dun vagón de peixe fresco dende Vigo ó
centro de España tiña un precio catro veces superior que o doutro producto
calquera, por ter unha prima en contra. Polo demais, namentras que en
Francia os trens de peixe fresco tiñan preferencia para pasar dediante de
calquera outros, en España tiñan a sardina fresca 24 horas agardando
enlaces ferroviarios e outros entorpecementos.
Sinalemos, tamén, que cando o P.G. se decanta cara a esquerda radicaliza
as suas posturas e pide, non só melloras técnicas e solucións a problemas
de contido nidiamente interclasista, senón tamén resposta a acuciantes
problemas populares, p.e.: «medidas que defendan aos nosos pescadores da
explotación pol-os intermediarios» (292).
3.7.3-5. Obxectivos Forestais do
P.G. e postura ante a problemática xeral dos
montes:
O P.G. reclama no seu
Programa a creación de centros técnicos de investigación e experimentación
forestal. Fai unha énfase moi especial na necesidade da repoboación
forestal intensiva dos montes comunais que quere que sexa levada a termo
polo poder político galego; no que respecta ós montes de propiedade
privada pronúnciase pola sindicación forzosa a fin de posibilitar a
repoboación. Ollamos eiquí o pertinente
distingo entre montes privados e comunais. Demos unha somera información
sobre estes últimos (293); seguindo a García Fernández, temos que os montes
comunais non foron afectados pola desamortización, debido á maneira tan
peculiar en que esta foi levada a cabo en Galicia, permanecendo así unidos
á economía campesina da mesma maneira na que estiveran durante varios
séculos. En efecto, ó venderse, non as terras que tiñan pertenecido ás
entidades eclesiásticas, senón os dereitos de foro, evitouse que os montes
saisen a subasta como aconteceu noutras rexións, e fosen así enaxenados.
Como os montes estaban unidos, mediante os foros, ós casais ou unidades de
explotación, considerouse que formaban parte deles, e que, como sobre os
montes existían xa uns dereitos os do dorninio útil debían ser
inalienables. Deste xeito, foron exceptuados da desamortización en canto
tales montes, e entraron dentro dos dereitos de foro que se enaxenaron. A
función do monte non variou, pero sí que cambiou, pola contra, a sua
propiedade. Axiña considerouse como algo propio do dominio directo, é
decir, unha propiedade dos donos dos casais, foran éstes campasinos ou
non. A súa sorte foi idéntica á do terrazgo: da pertenencia de mosteiros e
igrexas pasou ó dominio de xentes alleas ó campo. A súa propiedade, que
denantes estaba concentrada en moi poucas máns, quedou esmigallada nun
número moito maior de persoas. Pero houbo unha diferencia entre os montes
e o resto dos bens que foron desamortizados: nos montes, a superficie que
se atribuíu ós novos foratarios non foi precisada, do mesmo xeito que non
o estaba tampouco denantes da desamortización. Os novos donos do monte
mantiveron a súa propiedade en pro indiviso. En realidade, o que obtiveron
os compradores de foros non foi a propiedade dos montes, senón uns
dereitos na propiedade do monte, que eran, como antano, proporcionais á
superficie de terra cultivada de que dispuñan os casais e casas de
labranza. Os montes non se dividiron ó trocar de propiedade xustamente por
terse conservado o réxime tradicional de teñencia da terra. Para os novos
detentadores dos foros, ó non explotaren directamente o terrazgo, e non
poderen ademais arredar os montes do labradío, carecía de interés. Eran
uns meros perceptores de rendas, e os dereitos que tiñan ó monte
repercutían nelas. Para os campesinos tampouco tiña ningún aliciente
semellante división naquel momento. Dado que o seu valor estaba cifrado
unicamente nas colleitas de cereais que podían obter cun sistema de longas
barbeiteiras, o mellor xeito de aproveitamento era o que se tiña realizado
sempre. Por iso ós montes, se lles seguiu denominando «montes de man
común». Noustante, endexamais foron considerados como unha propiedade
comunal, senón máis ben, de aproveitamento común, por entenderse que a
propiedade seguía estando nas máns dos donos dos casais, como antes
perteneceran ós mosteiros. A organización do seu aproveitamento non quedou
vencellada ós Axuntamentos, senón que se confiou ós vecinos de cada aldea
que dentro da súa xurisdicción tiñan os seus espacios propios e
privativos. Eran chamados «voces», ou « senaras», que se consideraban
incluidos nos montes da parroquia, pero que eran de aproveitamento
exclusivo dos campesinos de cada lugar, sen que os das restantes aldeas
tiveran ningún dereito sobre eles. En síntese, os montes tiñan categoría
dunha propiedade privada que pertenecía ós donos da casa de labranza, os
cales a mantiñan en pro indiviso, como partícipes dela, sendo o seu
usufructo entregado, en gran número de casos, ós veciños labradores de
cada lugar. Velaí a denominación tan usual de «montes de veciños». Otero Pedrayo nun discurso
parlamentario (294) amosábase contrario á idea do reparto dos bens comunais
e de propios. Razonaba que existían en gran cantidade, estando moitos
deles en plena producción; tanto era así que había Axuntamentos que
pagaban caseque todas as súas cargas co producto das herbas e madeiras dos
seus montes comunais. Esta arela viuse satisfeita ó quedaren exceptuadas
da lei de reforma agraria de setembro de 1932 as terras comunais, entre
outras. Agora ben, a súa negativa a que fosen parcelados, complementábase
coa petición de que foran intervidos polo poder autónomo, polos
Axuntamentos, ou por calquera outra institución, coa ollada posta en que
foran explotados dun xeito moderno e rentable.
Portela Valladares (295) alude ó problema de que o Estado atribuíase
indebidamente a propiedade de montes sen reparar nos títulos que pobos e
particulares ostentaban. Elo obrigaba a que se tivesen que seguir
inacabables expedentes para reivindicalos, e ó cabo enguedellarse en
pleitos contenciosos contra sistemáticas resolucións adversas a tales
expedentes. Polo demais, na etapa do segundo
bienio, aconteceu que algúns alcaldes designados gubernativamente,
enaxenaron montes comunais ó Estado. Tal fixo o alcalde do Grove cos
montes de A Toxa (296). Os galeguistas
asignábanlle un importante papel á repoboación forestal no rexurxir
económico de Galicia. Suarez Picallo levou a solicitude ó Parlamento (297), lembrando a intensa obra de repoboación de montes que
estaban adicados ó pastoreo e ó estrume con baixa rentabilidade, levada a
cabo no período da Dictadura por Daniel de Ia Sota ó frente da Diputación
de Pontevedra. Repoboaronse, así, na provincia de Pontevedra máis de 6.000
hectáreas en somentes 5 anos (298), cando aduce Picallo o Estado
Español, cos cuantiosos
recursos económicos e técnicos de que dispón, repobou en corenta anos
1.500 hectáreas nada máis. Isto abría, a xuicio do diputado galeguista,
unhas perspectivas extraordinariamente boas para a obra do goberno
autónomo. Quéixase Picallo de que a República non pulase a repoboación,
por falla de recursos, quedando interrumpida a de Pontevedra, no poidendo
levarse a efecto o proxecto que tiña a provincia da Coruña, e quedando
tamén paralizada a iniciativa na de Lugo. Unha
das bandeiras máis caras ó P.G. foi a dos agravios comparativos. Así, en
1935 protesta (299) de que o Goberno acordara
adicar 2 millón de pts. a
repoboación forestal en Andalucía, para paliar o paro e a fame que alí
agudamente se rexistraban. E queixábase porque a Galicia non se lle
concedera outro tanto, argüindo que as mencionadas lacras afectaban tamén
a Galicia. En canto poden os galeguistas aproveitan os resortes a súa
disposición para emprender a repoboación. Así o fixo Daniel Calzado,
alcalde galeguista de Tomiño, que repobou os montes que eran propiedade do
Concello, deixando así de estaren ermos e improductivos (300). Esta ansia repoboadora
explícase polas posibilidades económicas tan grandes que tiña Galicia,
dada a súa idoneidade para o cultivo desta materia prima. Vexamos
brevemente como foi que se escomenzou a sentir esta arela forestal.
Segundo García Fernández, dende o momento en que os modernos medios de
transporte (ferrocarril e navegación a vapor) puxeron a Galicia en doada
comunicación con outras zonas, a orientación dos montes cara a producción
de madeira atopou un estímulo como endexamais tivera. A escasa aptitude
madereira da vexetación dun territorio esencialmente mediterráneo, como é
o Español, e a intensa deforestación que tiñan experimentando por elo as
áreas do dominio peninsular Atlántico, fixeron que ó configurarse unha
economía moderna, a satisfacción dunha demanda madereira adquirise
particular urxencia. A solución ó problema, como ocurriu co abasto de
productos gandeiros, percurouse naquelas zonas máis idóneas polo seu clima
máis húmido. Esta circunstancia supuxo unha excelente conxuntura para os
montes de Galicia. A demanda xeral do país, acentuada eiquí por outra
local, que xenerou a actividade pesqueira, proporcionou un gran aliciente
á explotación forestal; as favorables condicións ecolóxicas fixeron o
resto. No Programa do P.G. figura tamén a
cración dun seguro forestal e o establecemento e fomento de zonas de
pastoreo. Compre ter en conta que o monte galego aparece como unha
continuación do terrazgo, e como o terrazgo ten unha significación
polivalente (301): suministra madeira, proporciona colleitas de cereal
para a alimentación familiar, é o principal elemento na producción do
esterco (ó traveso do toxo, indispensable para o estrume), e ademais
contribúe a alimentación do gando. Por elo comprían amplas extensións de
pasto para poder alimentar a importante cabana gandeira, que era un dos
principais recursos económicos de Galicia. Por outra banda, a crise
económica afectaba non só a exportación de carne senón tamén ó sector
madereiro. Xa en 1932 o «Sindicato de Aserradores de Málaga», que todo
parece indicar que estaba afiliado á C.N.T., amenaza con opoñerse á
descarga de madeira galega, o que motiva a protesta do P. G.(302). O ano seguinte Suarez Picallo pide nas Cortes (303) protección para a riqueza madereira de Galicia, os
pinos especialmente, sobre todo porque: «El pino en Galicia, el pequeno
pinar, es para el campesino caja de ahorros» (304). Denuncia a competencia que sofría a madeira galega
pola importación sen control de productos extranxeiros, singularmente do
Norte de Europa. Concretamente con márchamo finlandés entraba por
Valencia, para ser empregada no envase da froita, e entraba tamén polos
portos de Andalucía para outras cousas, madeira que viña a precios de «dumping». Engade noutra intervención (305) que as madeiras importadas
proviñan de Suecia, Noruega
e Rusia, introducidas polos portos de Vigo, Coruña e Pasaxes, e tamén de
Francia e Portugal (por Irún e a fronteira salmantina). Este tipo de
importacións facíase sen que houbera ningún tipo de regulación e
gravitaban pesadamente sobre a economía galega, pola falla de demanda que
xeneraban. Aporta datos concretos sobre a caída dos
precios:
m2
«machiembrada»
m3 en bruto |
1931 |
3' 40 pesetas |
110 pesetas |
1933 |
2' 50 pesetas |
80
pesetas |
En setembro deste
mesmo ano, «A Nosa Terra» alerta (306) de que o goberno pretendía concluir un tratado con
Rusia para importar madeira que, de firmarse, «arruinaría» a producción
madereira galega, ademais de provocar unha gran depreciación que faría por
ende inviable a repoboación forestal. O P.G. estaba especialmente alarmado
polo ambiente de desmovilización e frustración que se rexistraba no país
galego, en setembro de 1933, a todas luces impropio para dar unha resposta
ante o que consideraba unha agresión económica. Tanto era así que Galicia
nin siquera enviou representantes a Asamblea de municipios forestais que
se celebrou en Cuenca. Un caso particular de
crise era a que afectaba ó castiñeiro, pois o dito anteriormente está
fundamentalmente referido ó piñeiro. Tiñan moitos castiñeiros a
enfermedade chamada de «tinta» (fungos denominados científicamente «Phytophtora
cambivora» e «Phytophtora cinnamomi») que escomenzou a
atacalos a partires de 1875. O clima húmido e as temperaturas soaves
favoreceron a propagación da doenza en Galicia a tal punto que quedaron
destruídas as nove décimas partes dos castiñeiros galegos, desaparecendo
por completo nalgunhas comarcas. O perxuicio que supuxo para a economía
galega foi moi notable dado o papel que as castañas desempeñaban na
alimentación humana. Foi esta unha das causas que influiron decisivamente
na adopción da pataca como alimento primordial (307). Pois ben, no período republicano a tinta seguía
asolando ós castiñeiros e Suarez Picallo recrimina (308) ó Goberno co gallo da neglixencia posta de manifesto
polos técnicos do Ministerio de Agricultura para remediar este mal.
Censura a súa pasividade namentras era exterminada unha especie que
ocupaba un importante renglón na economía forestal de Galicia. Consideraba
grave que sobor desta cuestión non existira estudio ningún a non ser un
traballo publicado por unha revista dunha institución privada,
concretamente os «Arquivos do Seminario de Estudos Galegos». Tamén a
Misión Biolóxica investigou a enfermedade logrando certos resultados,
hibridando o castiñeiro do país co do Xapón que é immune á tinta (309). Polo demais
entendía o
P.G. que sería proveitoso o desenvolvemento da arboricultura, dos frutais
especialmente, para a cal Galicia reunía óptimas
condicións.
3.7.3-6. Obxectivos do P.G. no sector
industrial e postura encol desta
problemática:
Galicia ten na etapa
republicana unha estructura económica basicamente precapitalista, cunha
agricultura orientada fundamentalmente ó autoconsumo e cun sector
industrial moi cativo e desvertebrado, tanto sectorial como
territorialmente. Esta realidade determinou que a crise económica dos anos
trinta repercutira en Galicia menos que en outras áreas peninsulares. De
tódolos xeitos, a crise chegou e deixou unha impronta ben perceptible. E
chegou porque, a pesares do atraso económico e industrial, Galicia estaba
xa inserta no universo do mercado. En efecto, xa temos visto como o sector
primario presentaba un carácter híbrido: a agricultura de policultivo de
subsistencia e maila pesca artesanal, complementábanse con sendas facianas
mercantiles, constituídas pola exportación de carne nun caso, e de peixe
no outro. A Exportación deste producto facíase con moi pouco valor
engadido, salvo no caso dalgunhas especies de peixe (como a sardiña) que
era sometida a un proceso de manipulación industrial nas fábricas
conserveiras. O sector exportador, que debruzaba a economía galega no
sistema capitalista (dada a sua orientación cara o mercado) e que era
compatible coa febleza dos asentamentos industriais, completábase con
outros dous «productos»: a madeira, por suposto sen transformar, e a
forza de traballo. Eis o endémico problema de emigración, como
consecuencia de todo o anterior. O emigrante abandona Galicia
practicamente sen cualificación profesional, cando non sen saber ler nin
escreber (310). A febleza da
industrialización galega levaba aparellada unha cativa tasa de
asalarización. E non era só que fosen poucos os traballadores asalariados,
senón que nunha parte considerable distaban de ser traballadores puros:
eran matade labregos e metade obreiros, é decir, simbióticos. Mostras
palpables disto témolas nos operarios da vía do ferrocarril, que eran
certamente moitos na etapa republicana, e en determinadas fábricas nas
que, ó chegar o vran, suscitábase o problema de que os traballadres as
abandonaban para se adicaren ás labouras do campo, tornando novamente ás
factorías no outono. Esta peculiar idiosincrasia da forza de traballo
galega, moi característica, por outra banda, das sociedades en
transición (310 bis) debeu favorecer o achegamento entre as sociedades
agrarias e os sindicatos obreiros, da existencia do cal vencello temos
constancia documental, non sistemática, pero sí indicativa e
elocuente. O programa industrial do P.G. e brevísimo e por ende deslabazado (non hai un apartado especificamente
adicado á industrialización). Interesa especialmente ó partido que estamos
a estudar a protección a certas industrias. En primeiro termo á industria
madereira (311). Esta petición de proteccionismo non quedou en mera
declaración programática, senón que do mesmo xeito que as restantes, foi
levada ó parlamento polos diputados galeguistas. Suarez Picallo (312) expón en 1933 que
máis do 50 por cen das fábricas
madereiras tiveron que parar, por falla de demanda, dada a competencia
exercida no mercado español polas madereiras extranxeiras importadas. E
das que continuaban en activo, ainda prescindindo do 80 por 100 dos
obreiros ós que denantes daban traballo, non tiñan suficiente emprego
para os obreiros restantes, reducindose a semana laboral a tres días. Delo
derivábanse duas secuelas obvias. En primeiro lugar, nos lugares onde
existía abundancia de piñeiros, a madeira estaba arrumbada e botándose a
perder. En segundo termo, acontecía que unha gran cantidade dos
traballadores galegos, que vivían desta industria e da preparación da
madeira, traballaban na sua terceira parte e a razón de tres turnos por
semana, co cal agravábase o problema do paro obreiro, especialmente en
Vilagarcía e noutros lugares de Ourense, Lugo e A
Garda. Pedía o P.G., tamén, protección para
outro sector afectado pola crise, cal era o da industria pesqueira e
conseveira (313); solicitaba asimesmo amparo para as novas industrias
adicadas á grande pesca e desgravación arancelaria das materias primas das
industrias pesqueira e conserveira. Segundo o
economista Nogueira Román (314), o sector industrial pesqueiro aparece en Galicia no
remate do século XIX. Consta da conserva de peixe e dos servicios
industriais relacionados coa pesca, así como dos asteleiros adicados a
construcción deste tipo de buques. A aparición deste sector está
vencellada co descobrimento en Francia da esterilización de alimentos en
recipientes herméticos, coa tradición pesqueira e máis tamen coa
existencia de multitude de fábricas de salgazón, sendo os cataláns quen
primeiro principiaron estas manufacturas (Curbera, Massó, Albo,
etc.) (315). Segundo Barreiro Fernández (316), en 1931 Galicia posuía 178 fábricas conserveiras, 384
de salgadura e 164 de escabeche; en conxunto representaban o 34 por cen do
total español. Producíanse 22.971.355 Kgs. de latas, o que significaba o
53 por cen de toda a producción española. Exportábanse para o extranxeiro
conservas por valor de 15.018.700 pts., e neste sector atopaban ocupación
directa ou indirectamente 80.000 persoas. O
encargado de tirar a colación a cuestión nas Cortes é unha vegada máis
Ramón Suarez Picallo (317). Manifesta que a crise conserveira de Galicia é
excepcionalmente aguda por causa do cerre dos mercados, especialmente os
americanos. Xa ó escomenzar o ano 1931, Arxentina, que era un dos
principais mercados, aumentou ó cuádruple a súa tarifa arancelaria,
facendoa prohibitiva. Deste xeito a conserva da sardiña que era antes un
producto de consumo popular, pasou a convertirse nun artículo de luxo.
Ante este estado de cousas, os conserveiros galegos dirixíronse ó Goberno
provisional para que se fixeran xestións diplomáticas ante os gobernos
americanos de xeito que rebaixaran os aranceis, que entendían que non
estaban xustificados, xa que as conservas galegas non debían competir alí
con ningunha clase de artículo similar da sua producción nacional. A todo
isto Picallo dí que non se coñecia ningunha xestión feito polo Goberno en
tal senso, en tanto que a crise seguía agravándose repercutindo nos
pescadores, que vían baixar aceleradamente os precios do peixe, e moi
especialmente da sardiña. Os valados
aduaneiros erixidos polos gobernos americanos seguiron dificultando a colocación das conservas de peixe galegas
neses mercados ó traveso de todo o período republicano. Sabemos que en
maio de 1936 os mandatarios mexicanos sobiron o arancel, resultando
afectados varios productos españois, e entre eles as conservas (318). A tenor da información
suministrada por «El Pueblo Gallego» (319) temos que os principais mercados para a exportación das
conservas galegas eran, amais dos americanos xa mencionados, Italia,
Arxentina e Francia, por este orde. Os gobernos destes dous últimos paises
non tardaron en adoptar medidas proteccionistas que fixeron cundir a
alarma no litoral galego. A industria conserveira galega acadara un
elevado degrao de perfección técnica que a facía competitiva no mercado
mundial. A capacidade exportadora era grande: en 1928 dos 14 millóns de
Kgs. de sardiña en conserva exportados por España, caseque a metade
proviña de Galicia (seis millóns e medio de Kgs.). Nese mesmo ano, Vigo
exportou 7 millóns e medio de Kgs. doutras conservas de peixe, do total de
19 millóns e medio de Kgs. remesados por
España. O goberno francés, adoptando o reflexo
proteccionista con que tódolos países industrializados trataban de
defenderse nos anos da Gran Depresión, sinalou un cupo no continxente de
importación da sardiña en conserva que resultaba moi perxudicial para a
industria galega (320). Picallo pide ó Goberno que abra mercados a conserva
galega censurando a súa ineficacia e pasividade. Resulta que as conservas
portuguesas tiñan maiores facilidades de exportación tanto en Francia como
en Alemania, onde a mediados de 1935 se lle fixera un pedido enorme ó país
luso. O P.G. pide que o Goberno español actuase tomando exemplo do
portugués (321). Fai tamén fincapié este
partido (322) no perxuicio que para a industria pesqueira de Galicia
supuña o arancel que gravaba a importación de carbón inglés, obrigando a
industria pesqueira a que consumise unha determinada cantidade de carbón
de Asturias «con enorme sobreprecio y con una detestable calidad» (323). Concretamente os pesqueiros tiñan que queimar nos seus
vapores un vinte por cen de carbón asturiano que era caro e levantaba
pouca presión. De parecido proteccionismo gozaba o aceite de oliva, de
xeito que os conserveiros tiñan que empregar «velis nolis» o devandito
aceite, a pesares de serlle máis comenente, para algunhas clases de
conservas, o de sementes. A política
arancelaria era ademais adversa na medida en que gravaba a importación dun
producto tan esencial para a industria conserveira como era a folla de
lata (324). A protesta por mor da
falla de preocupación gubernamental pola promoción da conserva galega nos
mercados internacionais, volve a reiterarse no segundo bienio, sendo así
unha constante de todo este período (325). E a falla de interés sumábase, ó dicir do P.G. a
discriminación: das primas que reparteu o Goberno en 1935 para combatir o
paro obreiro, algo lle tocou ós conserveiros, pero non ós galegos, o que
motivou a protesta da « Federación de Fabricantes de Conservas de
Galicia»
quen aducíu que o paro rexistrado neste sector no país galego era
especialmente grave, do que daba idea o feito de que fosen 15.000 os
asalariados que dependían da Federación (326). Estaba ademais o problema
dos transportes. Facía notar Picallo nunha das suas intervencións
parlamentarias (327), que custaba máis trasladar as conservas de peixe
galegas dende Vigo a Cádiz ou Barcelona, que a Bos Aires ou Estocolmo,
dada a lentitude e carestía do ferrocarril. A
industria da construcción naval pasaba tamén por un dificil trance.
Tomando conciencia da gravedade do problema, Suarez Picallo require (328) a axuda do Estado non sen antes xustificar a petición
de construcción de novos buques de guerra en aras dos intereses dos
traballadores afectados pola escasez de traballo, deixando ben sentado que
el, e o P.G., ó que perteñecía, eran pacifistas e mesmo tamén «profundamente
antimilitaristas», e que estaban en todo de acordo co
principio constitucional segundo o cal España renunciaba á guerra como
instrumento de política internacional. Razona que O Ferrol, principal
asento deste tipo de asteleiros, foi unha cidade creada polo Estado e para
o Estado dende os tempos de Carlos III; explica que traballaban nestas
factorías navais ó servicio do Estado varios miles de traballadores
especializados que se verían inexorablemente abocados á fame ou á
emigración, e a adoptar conseguintemente a actitude airada do proletariado
doutras rexións que o P.G. non desexaba, se o Goberno non incluía nos
presupostos de Mariña para 1932 unha partida adicada a financiar a
construcción de máis barcos de guerra. Picallo volve a tocar novamente o
tema co gallo da discusión parlamentaria dos presupostos de Mariña do ano
seguinte (1933). Con manifesto idealismo sostén que en España, como
tampouco en Europa, podería haber guerras:
«pues aunque quisieran
que las hubiera los que se lucran de ellas, sería impedido por los
que siempre resultan sus víctimas [...], por las clases
trabajadoras, por los pueblos puestos en
pie.» |
Claro que isto non o
levaba a soster a tese de que se abandonara todo o meterial bélico que o
Estado posuía en condicións utilizabeis. Contradicindo o que afirmara na
anterior alocución, referente a petición de que fosen creados novos
buques, agora, madurecida a cuestión, dí non pretender tal cousa, e ofrece
un novo enfoque. Refírese ó acorazado «España» que coa recorrida que no
presuposto se consignaba, podía quedar relativamente útil, ainda que os
galeguistas preferirían, dada a importancia social do problema (dos 3.000
obreiros da factoría naval do Ferrol foran xa despedidos 700) non o
arranxo senón a reconstrucción integral do mencionado acorazado. Pide
tamén que en canto as bases navais, se lle asignara algo ó Ferrol e se
mantivera a partida para o buque planeiro (que era un buque de tipo civil,
co cometido de levantar planos, estudiar zonas, etc.), pois tanto neste
caso como no do recorrido do acorazado «España» foran presentadas enmendas
solicitando a supresión das correspondentes partidas presupostarias, que
Suarez Picallo solicita que se retirasen. Aproveita para facer unha
declaración de intencións, aludindo a que co tempo os galeguistas
desexarían a reconversión desta industria bélica noutra de tipo civil e
que, cando Galicia acadase a súa autonomía, O Ferrol se erixiría en base
dun plan de industrialización de materias primas (agropecuarias
fundamentalmente) aproveitando os seus técnicos e os seus talleres. Como
queira que o problema continuaba sen se resolver, en maio de 1933 propón
Picallo presentándose en tal senso unha proposición de lei na Comisión de
Mariña que os obreiros e empregados do Arsenal de O Ferrol, e doutros de
España, pasaran a ser funcionarios do estado, dado que traballaban nunha
empresa privada que habitualmente facía obras para o
Estado. Cando en 1934 o P.G. viuse privado de
representación parlamentaria, censura ó traveso de «A Nosa Terra» (329) ós diputados por Galicia por non protestarem pola
preterición de que foran obxecto os asteleiros de Ferrol en favor de
Cádiz, onde se construía un barco planeiro que estaba previsto facer no
Ferrol. Era o eterno tema dos agravios comparativos que nesta ocasión
revestían segundo o P.G. singular gravedade por seren galegos os dous
presidentes das Comisións de Marina e Presupostos (Villanueva). Aproveitan
para propugna-la reorientación dos asteleiros do Ferrol cara a
construcción de mercantes que era necesario crear para evita-lo oneroso
pago de fletes á Mariña extranxeira. Por outra
banda, o Partido Galeguista eríxese en valedor dos intereses dos
fabricantes de chiculate, ós que instaba para que se afiliasen á «Asociación de Fabricantes de
Galicia» . A tenor da información que aporta «A Nosa Terra» (330), había en Galicia arredor de 95 fábricas e obradoiros
de chiculate de importancia diversa, cun capital inmovilizado a renda de 1
millón de pts. A producción anual bordeaba os 7 millóns de libras de
chiculate, que representaban uns 12 millón de pesetas. Parta manter este
volume de producción precisaban 700.000 Kgs. de cacao anuais, chegando as
veces ó millón. O Goberno obrigaba ós fabricantes de chiculate a merca-lo
cacao en Fernando Poo, onde había un proveedor único que, por mor do
réxime de monopolio que establecía, encarecía o cacao ata 3,5 pts. o.Kg.,
cando no Brasil custaba 1 pts., coa ventaxa adicional de que adquirindo o
cacao no Brasil sería factible introducir nese mercado as conservas
galegas. Polo demais, o P.G. protestaba da pretensión que en nadal de 1935
tiña o Monopolio do cacao en Fernando Poo, valéndose das súas influencias
en Madrid, de que se obrigara ós fabricantes de chiculate a sobir o
ingredente de cacao na elaboración do chiculate dende o 18 ou 20 por 100,
que se vira usando, ata o 30 por 100. A « Asociación de Fabricantes de
Galicia» estaba disposta a sobir o continxente de cacao hastra un 22 por
100 como máximo. Tamén pedía o P.G. que se concederan facilidades
aduaneiras para importa-lo cacao. Polo demais,
o P.G. vía tamén necesaria a industrialización rural (331), se ben este aspecto non chegou a estar suficientemente
pergueñado. En aras da promoción da
producción industrial e artesanal de Galicia, e por inspiración do pintor
galeguista ferrolán Bello Piñeiro, fíxose o «II Certame do traballo
galego», celebrado en 1935, que foi continuación doutro que tivera lugar
dous anos antes e que a diferencia deste II°, no acadara resonancia
nacional. O certame reuníu mostras das labouras de artesanía, das
industrias e dos artistas galegos (332).
3.7.3.-7. Obxectivos do P.G. no eido
dos transportes, e actitude verbo desta
problemática:
Unha mostra máis
das limitacións do Programa do P.G., no senso de que hai moitas cuestións
que acapararon a atención deste partido que non figuran na sua carta magna
probablemente debido ó apresuramento con que foi redactada ven dada polo
feito de que non haxa un só artículo adicado a problemática dos
transportes. Problemática non precisamente baladí, xa que custións como a
da paralización das obras do ferrocarril polarizaron a atención non soamente dos galeguistas, senón da sociedade galega
toda. Vexamos como enfocaba o P.G. a cuestión
do transporte ferroviario (333). De entrada consideraba moi insuficiente a rede
ferroviaria que servía Galicia, como tampouco era satisfactoria a do
conxunto do Estado (333 bis) Existía, con todo, un problema de discriminación:
namentras para o conxunto español había 1 Km. de ferrocarril por cada
1.300 habitantes, Galicia tiña só 1 km. de ferrocarril por cada 3.300
habitantes (334). Outro índice do estado de retraso dos ferrocarriles
galegos en números absolutos, viña dado polo feito de que con 2 millóns e
medio de habitantes non chegaba a rede ferroviaria ós 700 km., segundo
cifras oficiais aportadas por Bóveda. A esta precariedade da rede sumábase
a escasez de trenes e a súa irrisoria velocidade (concretamente o que
comunicaba Galicia con Portugal, pola fronteira tudense, acadaba unha
velocidade media de 12 km./h.) (335). Para sair desta situación de marasmo das comunicacións
a totalidade das clases sociais galegas e a maioria das forzas políticas
depositaban grandes esperanzas na construcción do ferrocarril
Zamora-Ourense-A Coruña. A esta cuestión adicou Castelao unha sonada
interpelación parlamentaria (336). No curso dela manifestou a sua protesta contra do
Ministro de Obras Públicas, Prieto, que non estaba disposto a construir
máis Kms. de ferrocarril, pero que pola contra permitía a construcción de
ferrocarriles subterráneos de elevado custo, discutida utilidade e interés
local. Aproveitou tamen para recapitular brevemente a historia deste
ferrocarril galego: esta obra tiña a súa orixe no plan xeral de
ferrocarriles do ano 55, sendo Práxades Mateo Sagasta quen fixou a
orientación do seu trazado (337). Con grandes dificultades
económicas e financieiras, e cunha irrisoria axuda do Estado, fixose o de
Medina do Campo-Zamora e Vigo-Ourense. Para evitar a execución do pedazo
intermedio (Zamora-Ourense) a «Compañía del Norte» tivo influencia
dabondo como para que o Estado construira pola sua conta o ramal de
Monforte a Ourense, para empalmar así coa rede do Norte, co que se
convertiu na única vía férrea que servia á Galicia do sul. Deste xeito
favoreceronse os intereses da Compañía del Norte» pero a costa de
perxudica-los de Galicia. Castelao clamaba
pola terminación do tramo íntegro Zamora-Coruña e pola construcción do
Ferrocarril Central Galego. Aduce que a construcción deste Ferrocarril era
da meirande importancia para o intercambio de productos entre Galicia e
Castela, tráfico que se beneficiaría do acortamento da distancia e
conseguintemente de tempo, mercede ó mellor trazado da liña; deste xeito
evitariase aquela especie de aduana interior existente en Monforte que
gravaba ós productos de importación e exportación en termos insoportables,
polas distancias innecesarias que tiñan de recorrer. Consecuentemente,
aminoraríanse notablemente os gastos de transporte, co cal Galicia
deixaría de estar nunha situación de desigoaldade respecto das demais
rexión do litoral. Fai fincapié en que as rexións as que tiña de servir de
enlace o ferrocarril galego eran de producción complementaria, e alude ó
absurdo de que as fariñas de Castela chegaran a Galicia polas liñas
protuguesas, porque os acortamentos de recorrido compensaban dabondo os
incrementos aduaneiros. Rebate Rodríguez Castelao a idea de que o nivel de
tráfico económico non xustificaba a elevada inversión na infraestructura
ferroviaria (338), argüindo que a riqueza mineira e forestal, a gandería
e a pesca galegas, estaban fortemente vencelladas a esta obra. E cita dous
exemplos. Na provincia de Pontevedra, na zona pola que discurría o trazado
do ferrocarril, tributaban ó Estado máis de corenta minas, de wolfram e
estaño principalmente, que no poideran explotarse por carecer de medios de
transporte económicos (339). Ademais, por seren tan elevadas as tarifas do
ferrocarril do Norte, fracasaran os matadeiros rurais de Galicia, citando
o caso particularmente patético de Porriño, por supoñer o primeiro ensaio
frustrado de experiencia cooperativista, e por estaren amenazadas de
embargo 7.000 familias labregas. Recorda que Galicia necesitaba desa obra
que estaba pedindo dende facía setenta anos (340), e que, unha vegada feita, non sería como se decía
ruinosa para o Estado, pois segundo cálculos que merecían credibilidade o
ferrocarril galego considerado como empresa industrial, produciría do 3 ó
4 por 100, do que seguíase que era a todas luces improcedente, como
suxerían os seus detractores, abandonar totalmente a obra dando por
perdidos os millóns empregados e indemnizando ás compañías
constructoras. A maior abundamento trae
Castelao a colación un novo argumento. A pobreza de Galicia podería en
certo modo disculpar, o abandono en que a tiña o Estado, se éste non a
obrigase a tributar como rica. Os galeguistas decatábanse da crítica
situación da Facenda española, pero era chegado o momento de pedirlle un
sacrificio para quen se tiña sacrificado sempre. Polo demais o Estado
estaba en deuda con Galicia; así segundo datos obtidos pola Secretaría
Técnica do P.G. (341), Galicia satisfaceu ó Estado en 1930, por todo xénero
de impostos, contribucións e monopolios, 135 millóns, en tanto que o
Estado gastou ese ano en Galicia, por toda clase de atencións, mesmo as de
Obras Públicas, 126.200.000 pts., quedando un remanente a prol de Galicia
de 8.800.000 pts., que na práctica era moito maior, achegandose ós 12
millóns. De modo que Galicia xa tiña máis que pagado o custe do seu
ferrocarril. «A Nosa Terra» resalta en grandes
titulares (342) o aforro de tempo que traguería consigo a apertura da
nova vía: Co vello trazado do ferrocarril para ir de Santiago a Madrid
había que recorrer 906 km. nunha viaxe de 23 h. 14 minutos. Co novo
trazado por Zamora, que evitaba o arrodeo de Monforte, pasarían a ser 664
km. e 16 h. e media. Aparte do argumento do grave perxuicio que para a
economía de Galicia supoñería o abandono das obras do ferrocarril, o P.
G. fai tamén fincapié en todas cantas veces se plantexa a cuestión
cuestión que se suscita ó traveso de todo este quinquenio no problema do
paro ó que se verían abocados milleiros de traballadores galegos (343). O problema da paralización
das obras ferroviarias por dificultades presupostarias serpea durante este
quinquenio. A última medida resolutoria adoptouna o goberno Azaña que
sobíu ó poder tras das eleccións de febreriro de 1936, quen aprobou
consignacións para a prosecución das obras, mercede as xestións do
ministro galego Casares Quiroga (344). Digamos, para rematar, que
a liña Zamora-Ourense-Santiago non foi inaugurada ata 1958, e, un pouco
antes, en 1943, foi aberto ó tráfico o tramo Santiago-A Coruña (345). Por semellantes
vicisitudes pasaron as obras de construción do ferrocarril da costa,
Ferrol-Xixón. Tamén eiquí as insuficiencias da Facenda determinaron a
paralización das obras en reiteradas ocasións, solicitando en todo momento
o P.G., de consuno coas «forzas vivas» de Galicia, a reanudación das
obras; «A Nosa Terra» trata en innumerables ocasións o tema (346), e cando se suscita a cuestión no Parlamento
interveñen
os diputados galeguistas, sinaladamente Picallo. Os argumentos manexados
son básicamente os coñecidos, aludindo tamén eiquí os agravios
comparativos (347). Para completar a
perspectiva refirámonos ó enfoque dado polo P.G. á cuestión do transporte
por carretera. Rodríguez Castelao, nunha intervención parlamentaria, dicía
que as carreteras que unen Galicia co interior tiñan bo trazado, pero
carecían de firmes modernos, o se atopaban caseque sempre nun estado
deplorable, pesia o cal os autocameóns facían a competencia ós trenes; «¡Que tal será el
tren!» (348), apostillaba o diputado de Rianxo.
Os
galeguistas, inda que o tema non foi obxeto dun tratamento máis alá do
incidental, abogaban polo tren frente ó automóvil, e elo por razóns de
balanza comercial. En efecto, o tren utilizaba unha fonte de enerxía, o
carbón, que era de producción nacional, namentras que a utilizada polos
automóviles, caucho e bencina, eran de importación (349). A pesares de que este orde de preferencias era o que
«mutatis mutandis» inspiraba a política económica do Goberno republicano,
non por elo quedaron satisfeitos os galeguistas. Acontecía que o Goberno
decidira fomentar o transporte ferroviario frenando o que se realizaba por
estrada (350); sairon así á luz os decretos de xullo e agosto de 1935
gravando o transporte por carretera, que loxicamente foron contestados
polos transportistas (351). O P.G. asume a reivindicación destes últimos quen
entendían que o gravame de 2,50 céntimos por km., era excesivo, sendo
suficiente 1 céntimo razonando que Galicia saía moi perxudicada dado que
o escaso tendido ferroviario alí existente (682 km.) determinaba que boa
parte do transporte de viaxeiros e mercancías se fixera por carretera (352). Estes Decretos foron
máis tarde anulados,
concretamente ó pouco de se constituir o primeiro goberno do Frente
Popular (353). O Estado, a xuicio dos galeguistas, sempre se desentendera do
problema das comunicacións galegas. E citan duas obras a título de
exemplos ilustrativos. A carretera chamada do Guadarrama, que vai de
Madrid a Coruña, foi abonada integramente por Galicia, e a de Vigo a
Villacastín, que era a directa a Madrid, fixérase mediante un anticipo
reintegrable das Deputacións de Zamora, Ourense e Pontevedra. No caso
desta última resultou que para obter do Estado o reintegro da cantidade
anticipada vírase na necesidade de soster un pleito, que fora fallado
favorablemente polo Tribunal Supremo, pero que estaba daquela ainda sen
comprir, ocasionándolle un perxuicio de 2 millons e medio de pesetas (354). Pero non soamente lle imputaban ó Estado a súa desatención á rede
viaria de Galicia, senón que ademais entendían que gravaba fiscalmente en
exceso ós automóviles galegos. Argumentaban que por concepto de patentes
de automóviles, Vigo pagaba 443.826 pts. Dito doutra maneira: as tres
provincias vascas, con triple número de autos que Galicia, pagaban menos
que Vilagarcía (355).
3.7.3.-8. Obxectivos Fiscais do P.G.
e actitude verbo desta
problemática:
O apartado IV do Programa do P.G. (356) estaba integramente adicado á Política Fiscal, proba da
importancia que lle atribuian ó tema. Nel pedíase o deslinde entre o
réxime fiscal do Estado e o do poder autónomo dos municipios. A supresión
de tódalas consignacións dos presupostos municipais que sostiveran
servicios alleos ós concellos (357), e tamén a abolición do imposto de cédulas personais (358) que sería sustituido por un carnet de
identidade. Esbozan,
pois, no Programa unha política fiscal esquemática por demais, centrada na
autonomía fiscal dos distintos niveis institucionais, no principio
espacial da inversión dos recursos alá onde se recaudaran e no imposto
directo. Débese a Alexandre Bóveda o desenrolo deste breve enunciado de
medidas. Empeza Bóveda criticando o sistema fiscal vixente por estar
baseado nos impostos indirectos (359) e por estar tripartita a recaudación entre os
Concellos, Estado e Deputacións, o cal multiplicaba por tres os gastos e a
burocracia de xeito que: «perturban as transaccións e o normal desenrolo
da nosa pobre industria, impedindo en moitos casos novos intentos
industriais» (360); e ademais fomentaba o caciquismo, dado que a facultade
impositiva, polo menos parcialmente, así como a función recaudatoria,
dependían en boa medida do arbitrio caciquil. Polo demais, o arrendo dos
servicios recaudatorios a compañías e particulares practicado daquela era
fonte de rendementos privados que deberan revertir na
colectividade. As bases da reforma fiscal que
él propón baseábanse no imposto único; xestión única, dado que a
administración do imposto dependería exclusivamente da Xunta de Galicia,
nos servicios que se lle transferisen ó Goberno autónomo; xusticia social
respondendo a idea de progresionalidade, gravando os capitais ou as
rendas, segundo os casos, considerando que as escalas progresivas de
capitais improductivos serían mais fortes que as rendas de capitais ou de
traballo. Polo demais, nas rendas de traballo tenderíase a declarar
exceptuada para cada contribuinte a cantidade precisa para a subsistencia
da familia; modernización da administración galega, axilizándose os
trámites seguindo un parámetro de tipo bancario; supresión dos arrendos
das contribucións (361). Tamén propuña Bóveda a
creación dun Banco galego avalado e dirixido pola xunta de Galicia, que
tería de ser a peza clave da organización fiscal e financieira de
Galicia. Por outra banda, xa ó marxe do
proxecto de reforma fiscal de Bóveda, consideraba necesario o P.G. a
confección do catastro e amillaramento da riqueza rústica (362). Sucedía que as constribucións por rústicas repartíanse
como o imposto de consumos, e como queira que a tasación estipulada non
contemplara as alteracións de propiedade, había labregos que tiñan que
pagar a contribución das terras que obraban en propiedade doutros
campesinos. Deste xeito, moitos «caciques» con influencia pagaban pouca o
ningunha contribución, tendo moitísimas leiras. A realización dun catastro
serio contribuiría a poñer remedio a este tipo de
anomalías. Amén de todas estas cuestións hai,
no eido que estamos a tratar, catro apartados que concentran a atención do
P.G. e que gravitan arredor do problema das recaudacións que o Estado
efectuaba en Galicia e noutras áreas do Estado, e, asimesmo, da
correspondente inversión. Debullémolos. En
primeiro lugar queixábase o P.G. de que o Estado recaudaba
proporcionalmente mais en Galicia que noutras áreas. Co gallo da discusión
dos presupostos de Agricultura para 1933 aludía Suarez Picallo (363) a que Galicia tributaba ó Estado
español, por concepto
de territorial, 24 millóns de pts., cantidade que xuzgaba exhorbitante,
posta en relación co País Vasco, que gozaba de« un convenio económico de
privilegio», tributando soamente 4 millón de pts. E non comentes isto; nas
conclusións do congreso de Porriño da «Federación Provincial Agraria» de
Pontevedra, dicíase que as deficiencias do catástro da rústica daban pé a
notorias inxusticias tributarias, sendo así que o distrito de Ponteareas
pagaba ó fisco por contribución rústica unha cantidade maior á aportada
por toda a provincia de Zamora (364). Sinalaba tamén Suarez Picallo que Galicia, por
contribución territorial, pagaba 70 pts. por hectárea, entramentres que o
resto de España, singularmente Extremadura, Andalucía e Castela, pagaban
entre 5 e 6 pts. por hectárea. Os galegusitas sentíanse especialmente
molestos polos privilexios fiscais do País Vasco, e a elo se refiren en
numerosas ocasións. Algo semallante acontecía coa autonomía de Cataluña.
En efecto, cando se discuteu nas Cortes o Estatuto catalán, Castelao
manifestou (365) que os diputados galeguistas votarían a favor do
Estatuto de Cataluña, pero que opuñan reparos a parte económica por
entender que agravaría a situación económica do país que representaban.
Concreta que a fórmula de concederlle a Cataluña unha participación nos
ingresos do Estado era sinxela pero inaceptable tendo en conta que
sentaría un precedente que se podería aplicar logo a Galicia na medida que
os pobos autónomos quedarían sometidos a unha especie de réxime de
caridade contrario a esencia mesma da autonomía. Discrepaba tamén en que
ficara establecido para os impostos de Utilidade e de Timbre unha especie
de concerto, que a longo prazo convertiríase en privilexio, creando
contribuintes de primeria e de segunda clase. Creábase ademais un sistema
de participación na Débeda con arreglo ó número de habitantes, en troques
de efectuar a contribución en función de criterios de xusticia (en
relación coa renda, suporemos). Polo demais, no dictame da Comisión
revalidábase o réxime contributivo vixente daquela, polo menos durante
cinco anos, o que resultaba inaceptable por consideralo o P.G. inxusto e
gravemente perxudicial para Galicia. Concluía Castelao decindo que
Cataluña e outras rexións gozaban de privilexios xa antes de que tivesen
Estatutos. Todas estas críticas apousaban nos
minuciosos estudos económico-fiscais realizados por Bóveda, dos que temos
abundante constancia documental (366). En segundo lugar,
queixábase o partido obxecto de análise de que o Estado invertía menos en
Galicia que noutras partes. As referencias a este tipo de agravios
comparativos son moi numerosas, e establecia estas comparacións en base á
«Gaceta» da que dicían que era a mellor propagandista do galeguismo.
Mencionemos algúns exemplos. Sinalaban que en 1933 o Estado presupostou 7
millóns de pts. para Turismo, dos que corresponderon a Galicia 50.000
pts., que viñan representando 0,20 pts. por habitante tendo en conta que a
poboación galega cifrábase en 2,5 millóns de persoas, considerando isto
discriminatorio dado que, sobre un total de 25 millóns de habitantes que
tiña España, deberían corresponder a cada español un promedio de 0,28 pts.
No mesmo ano contable gastou o Estado en Agricultura 188 millóns, dos que
se invertiran en Galicia 400.000 pts. (que supuñan 0,16 pts. por
habitante, e 13,79 por kilómetro), cando a nivel español corresponderían
5,48 por habitante e 270 por kilómetro (367). O terceiro motivo de
protesta para os galeguistas reside no feito de que consideraban que o
Estado invertía menos en Galicia do que recaudaba nela. Así, dicía Otero
Pedrayo que:
«[...] el Estado español
explota a Galicia, y Ia explota porque su enorme esfuerzo de
trabajo, su capacidad contributiva siempre en aumento, no son
compensadas por parte del Estado aplicándole aquella justicia
distributiva a que viene obligado.» (368) |
Bóveda cita os
traballos de Alfredo Brañas realizados a fins do XIX, e de Asdrúbal
Ferreiro de 1925, nos que se demostra que xa de vello Galicia tributaba ó
Estado máis do que este invertía nela. Similar demostración realiza Bóveda
no quinquenio republicano. De entre as moitas vegadas que as páxinas do
portavoz do P.G., «A Nosa Terra» aluden a este desequilibrio entre o que
Galicia aporta ó Tesouro e o que recibe a cambio, poderíamos menciona-lo
Manifesto da IV «Asambreia» (369). O cabo, a cuarta
disconformidade do P.G. refírese a que as inversións do Estado en Galicia,
non só eran cativas, senón que ademáis estaban desnortadas, non apuntando
ás cuestións que o P.G. consideraba prioritarias. Citemos, por vía de
exemplo, o que nos conta Suarez Picallo (370) que sucedía
coas inversións do Estado en Agricultura; nos presupostos para 1933
estaba previsto invertir nun apartado, tido polo P.G. como da máxima
importancia, cal era o de Escolas de capataces e Granxas de
experimentación, soamente 47.700 pts., en tanto que para burocracia e
material de oficiñas asignábase a candidade de 147.000 pts.
Os onerosos gravámes tributarios, as parcas
inversións públicas, a succión de recursos, e o desacerto nas
inversións, eran, en suma, os catro xinetes da Apocalipse tributaria,
segundo a visión do P.G.
3.7.3-9. Obxectivos Comerciais
do P.G., e actitude verbo desta
problemática
Referirémonos neste
apartado dun modo caseque exclusivo ó comercio internacional. Sinalemos
ante todo que nada dí desta cuestión o esquemático Programa do P.G.,
téndonos que limitar ás referencias que nos diversos momentos da sua
actuación política fai ós temas comerciais. O comercio interior non
aludiremos por estar xa tratado o tema en anteriores apartados. Neles
víamos que o P.G. quería incrementar o consumo de carne, madeira e peixe
(tanto fresco e salgado como en conserva) por seren productos de abondosa
producción; engadamos que exportaba tamén Galicia, patacas, viño e
derivados do porcino, como xamóns. Semella que por un alento galeguista
estaban inspirados «tres entusiastas galegos» que en Bilbao constituíran
unha sociedade anónima denominada «Centro de Contratación de Productos
Galegos», co obxetivo expreso de fomentar a venda de artículos galegos en
Euzkadi. En nadal de 1935 ostentaban xa a representación dos viños
tostados do Riveiro, augardentes, conservas, castañas, noces e alguns
outros productos (371). Moitos dos tratados
comerciais que foran establecendo os distintos gobernos republicanos
mereceron a posta en solfa e rexeitamento do P.G., que de contínuo abogou
pola sua derogación, chegando a ser un punto importante do seu programa
táctico en 1935 (372). O tratado comercial que
máis encono suscitou nos medios galeguistas, por consideralo especialmente
perxudicial para a economía galega, foi o estipulado cos países
riopratenses (Uruguai primordialmente) para importar carne conxelada. O
P.G. propugnaba que en troques de carne, debíanse importar de América
graos millo en especial; e non somentes iso: «se Galiza disfrutando de
plena soberanía poidese concertar tratados cos países consumidores [...]»
(373) o que faría, segundo o criterio do P.G., sería exportar
conservas de peixe a cambio de importar millo (374). O Goberno, pola contra, exportaba a América arroz (375), a troque do millo que importaba, inda que non na
medida que o P.G. estimaba necesaria. E esta unha custión insistentemente
expresada nas Cortes polos diputados galeguistas (376). Precisemos que no tratado comercial co Uruguai
figuraban as conservas galegas entre as contrapartidas á carne conxelada
que recibiría España, pero non por elo o P.G. deixou de opoñerse a el
entendendo que era maior o perxuicio causado á gandería que o beneficio
que obtiña a industria conserveira. Polo
demais foron tamén impugandos polo P.G. o convenio con Rusia para a
importación de madeira de piñeiro (377), e un tratado con Francia estipulado ó escomenza-lo
segundo bienio que, segundo Bóveda, perxudicaba ás madeiras, viños e
productos agrícolas galegos en xeral (378), sen esquencernos dos convenios suscritos con Holanda e
Francia que atentaban contra das industrias lácteas de Galicia (379). Para rematar mencionemos
tamén unha crítica do P.G. a esa peculiar forma de exportación exterior
que, ós efectos, é o turismo (o consumo do turista no mercado interior
equivale á exportación ó extranxeiro). Pois ben, Otero Pedrayo consideraba
que Galicia estaba sendo discriminada pola canalización do turismo que viña a España poios portos do Atlántico, pero non polos de Galicia (380).
3.7.4. Programa Cultural,
Lingüístico e Educativo
3.7.4-1. Programa e Obxectivos
Culturais
Para o nacionalismo
galego organizado a cultura tiña unha importancia capital. Ante todo a
língoa e a cultura galegas eran o testimuño diferenciador máis ostensible,
e potenciar ambas equivalía a afortala-lo espírito
nacional. Tense suliñado moito a
dimensión cultural que de sempre tivo o galeguismo o que frecuentemente se
atribuíu ó inequívoco diletantismo culturalista da pequena burguesía
nacionalista. Coido que apreciacións deste tenor son unha mostra elocuente
dunha profunda incomprensión do papel político directo e non indirecto
como opera a cultura nunha nación normalizada que desempeña a cultura
nacional nunha comunidade integralmente oprimida. En efecto, o idioma, a
cultura vernácula e a ideoloxía nacionalistas cos seus mitos colectivos e
os seus anceios liberadores, son o ligame indispensable entre as clases que virtualizan un proxeto de
«reconstrucción» nacional. Darlle á cultura
galega unha dimensión moderna e escrita, promovela e tentar de espallala
entre os máis amplos sectores da poboación era a premisa necesaria para
dotar da coherencia indispensable ó conxunto de clases que asumen, ou
poden asumiren, un mesmo proxecto nacional. A
adscripción dos individuos a unha mesma comunidade de cultura, a
conformación duns valores nacionales, o manteñemento de idénticos costumes
e tradicións e o emprego dunha mesma lingoa, constitúe o tecido conxuntivo
capaz de vertebrar unha formación social na solidaridade interclasista
indispensable para calisquera pretensión de emancipación
nacional. O espertar da cultura, o
rexurdimento, estivo sempre no humus nutricio dos movimentos políticos na
sua etapa pre-soberana. Sempre este movimento liberador foi precedido pola
expansión das manifestacións culturais autóctonas. A cultura da nación
oprimida adoita constituir un método de movilización de grupos, sendo
deste xeito, un instrumento na loita pola conquista dos dereitos políticos
deste pais. O fenómeno do Rexurdimento cultural é a primeira resposta dada
a tentativa de asimilación cultural do Estado opresor. A esta fase de
impugnación da cultura dominante seguirá outra de impugnación global da
dominación. A cultura creación da sociedade e
síntese dos equilibrios e solucións que enxendra para resolve-los
conflictos que a caracterizan en cada fase histórica constitúe a
posibilidade mesma dun movimento nacionalista, pois só aquelas sociedades
que conquiren preserva-la sua cultura logran movilizárense e loitar
descontra da dominación. A laboura cultural do
galeguismo non foi soamente un paso previo indispensable para artellar
logo un frente político, foi sobre todo, xa dende o comenzo, obxetivamente
política de seu, consciente ou involuntariamente. En efecto, cando un
sistema opresor con todo o seu universo cultural se superpón a outro
agredido, o cal tenta esfarelar e integrar en tódolos ordes, a resistencia
á integración, a defensa da cultura subordinada e do seu idioma, e a
posterior utilización dese idioma en tódolos eidos, é xa erguer un valado
defensivo que menoscaba a eficacia da penetración cultural, agresión
económica, e asoballamento político do nacionalismo
dominante. A resistencia ante a agresión
cultural levouna a cabo unha minoría ilustrada da pequena burguesía,
tratando de conectar coa gran masa rural da poboación que se mantiña ó
marxe, escasamente influenciada pola cultura dominante; o propio tempo,
foi a consevación do patrimonio cultural tradicional polas masas rurales o
que permitiu a acción resistente. A elite
intelectualizada identificouse coa cultura nacional da que son protadoras
as masas campesinas, e lavou a cabo o que se adoita denominar «retorno ás
fontes». Esta minoria que retorna ás fontes nega a cultura dominante na
que estaba socialmente instalada, pon en tea de xuicio a sua pretendida
supremacía, e afirma o dereito a existencia libre e singularizada da
cultura galega, como parte integrante do patrimonio cultural da
Humanidade. Otero Pedrayo consideraba que a clase culta galega, non
galeguista, fracasou na gobernación de Galicia por ser unha clase que
perdeu a relación co seu cerne espiritual, sendo a sua cultura neboenta,
de aluvión e de «imitanza». O papel da cultura era para él esencial: «Soilo cando na Galiza mande unha cultura galega haberá verdadeira
políteca nosa», e define a cultura galega como:
«un conquerir do noso
intenso ser pôsto a ton da cultura oucidental, a nosa orixinalidade
pequena ou grande no seo de Europa nova, un sentir en galego as arelas do mundo, un rego do noso esprito en todol'os terreos do
pensamento e da aitividade.» (381) |
Deste xeito, os
dirixentes políticos galeguistas serán todos eles activos intelectuais,
artistas, escritores; alentaran editoriais e vastas empresas de
investigación e difusión cultural. De feito,
en 1935, o P.G. alude a que sempre os mesmos galeguistas que se afanaban
nas tarefas culturais, tiñan que adicarse tamén a actividade política,
pois eran poucos e debían multiplica-los esforzos en tódolos campos. Pero
as cousas escomenzaban a cambiar daquela, na medida en que o galeguismo ía
acadando implantación social. Significativamente por esas datas as
principais institucións culturais (o S.E.G., a Academia, Coral Polifónica
de Pontevedra, Labor Galego, Misión Biolóxica, Editorial NOS, etc.)
escomenzaban segundo o P.G. a estar levadas por homes que non
pertenecían ó partido. O P.G. que abogaba pola
especialización, valoraba isto moi positivamente (382). Que a cultura galega que
se faga nos comenzos, esteña circunscrita a un ámeto social moi reducido e
francamente minoritario non resta valor a súa tarefa, na medida en que non
tardarán en aparecer os canles que rachen co seu aillamento actuando como
un nexo entre a vangarda e o pobo. As declaracións do tenor:
«Trátase dend'os
Precursores de recreiar unha Cultura. Da cultura virá a verdadeira
políteca» (383), non son só de Otero Pedrayo. O propio P.G. sitúa, na
sua Declaración de Principios, á cultura como primeiro risco
caracterizador de Galicia: «Galicia, unidade cultural. Afincamento das
características da persoalidade galega: língoa, arte, esprito» (384). Evaristo A. Mosquera expresa con claridade louvable a
dimensión política que o P.G. lle atribuía á cultura galega como
aglutinante colectivo, ademais de considerala como premisa indispensable
para que a autonomía poidera ser conquerida. Deste xeito, comentando a
Declaración de Principios do P.G., enriba citada, xustifica a anteposición
deste punto ó que Ile segue («Galicia pobo autónomo») argumentando que
«a
cultura galega é a ialma e a ialma e a autonomía o corpo» (385). Polo demais, na concepción teleolóxica que Risco
conqueriu que fose aceptada polo P.G. como doctrina oficial, a cultura
desempeña un rol capital (386). Segundo isto Galicia tiña un compromiso coa
Humanidade, a obriga a ser, de existir coa sua idiosincrasia propia. A
supervivencia do ser diferencial de Galicia cifrábase fundamentalmente no
seu espírito, no conxunto de características que configuran a súa cultura.
Por conseguinte Galicia debía remarcar ben os seus trazos peculiares, para
poder aporta-la sua cultura diferencial ó patrimonio cultural da
Humanidade. Nesta visión teleolóxica a cultura desempeñaba un papel
crucial, polo que a tarefa cultural tiña un valor caseque mesiánico. Velaí
polo que non podemos sustraernos á impresión de que o tratamento que ás
cuestións culturais lle otrogaban os galeguistas, tiña un aquel de
misticismo, un certo recendo a apostolado
redentorista. Para potenciar a cultura galega,
un membro do P.G. propuña (387) nun determinado momento que se adoptase o modelo da
entidade vasca «Gipuzco Idazkariza», organización patriótica onde
converxían tódalas iniciativas nacionalistas e dende a que se propagaba a
cultura e maila ideoloxía patriótica, e promovíanse, asimesmo, entidades
nacionalistas. A cultura era importante, sí,
pero qué cultura, ¿cómo concebía o Partido Galeguista a cultura? A base de
partida de toda creación cultural auténtica situabana no espíritu
autóctono, enxebre, que compría revitalizar e depurar de todo lixo alleo.
Denominaban isto «regaleguización», entendida como: «[...] dar
continuidade á tradición dos seus costumes, faguendo compatibre cos
meirandes avances técnicos e sociais o apego aos valores enxebres da vida
galega» (388). Quere isto dicir que, da mesma maneira que víamos que
non aceptaban un capitalismo calquera, unha industrialzación alóxena,
senón todo elo en perfecta armonía coa idiosincrasia de Galicia, tampouco
os novos valores, as novas técnicas e creacións (é dicir, a
modernización), deberian estar malmaridados coa cultura e espírito
tradicionalmente imperantes en Galicia. O
entendemento que da cultura tiña o P.G. non era provinciano, nin «pueblerino». Non refugaban sen
máis a introducción en Galicia das
manifestacións culturais doutros países de alén do Padornelo. Falaban de
«europeizar Galicia e galeguizar Europa». Especialmente na literatura
traducen ó Galego algunhas das obras máis interesantes do momento, mesmo
con anterioridade a que foran verquidas ó castelán (388 bis). O P.G. non pecha as fronteiras, pero sí, peneira,
escolle o que considera, amais de intrínsecamente valioso, en consonancia
co feitío socio-cultural de Galicia, ou que respostase as suas inquedanzas
colectivas. O que si desbota o P.G. é a
introdución en Galicia de certos usos e costumes, ou usanzas culturais no
senso amplo, que lle semellaban extravagantes e miméticos. Tal sucedía, a
título de exemplo, co feito de que no curso dunha procesión de Semana
Santa se cantaran saetas, cousa que critica. Ou que se celebraran corridas
de touros en Galicia, censuradas por «bárbaras e alleas aos nosos costumes
festivos». Dicía a este respecto Villar Ponte: «Arreneguei das corridas de
touros pensaba como tí irmán Castelao [...] "lástima de bois" e
folgueime de que Galicia non dira toureiros» (389). A actitude nesta cuestión de Ramón Villar Ponte chega a
adquirir un tinte pintoresco. Resultaba que era aficionadísimo ás
corridas, un verdadeiro entendido que na sua etapa de estudiante en Madrid
non había festa taurina á que non asistira. Pois ben, unha vegada que se
houbo establecido en Viveiro como xurdio adepto ó nacionalismo, renunciou
con fonda door de corazón a presenciar unha sóa corrida. ¡Por
principios!(390). Tampouco semellaba asilado
ó P.G. a introducción de elementos culturais que ainda que non eran
descabardados podían suplantar formas culturais propias. Tal acontecía coa
actividade de certos coros que cantaban pezas orfeónicas, coas que estaba
en desacordo o P.G. por entender que desvirtuaban a sua misión como
divulgadores da música popular (391). Este exemplo ilustra sobre cál era a concepción que o
partido obxeto de análise tiña da cultura: unha posición defensiva,
puramente resistente, de preservación do legado cultural xenerado polas
sucesivas xeneracións de galegos ó longo dos séculos, pero na que non
primaban os plantexamentos de renovación, de creación dunha nova cultura,
axeitada as necesidades dun tempo de cambio, no que se debuxaba unha
sensibilidade tamén nova, como diferentes eran os retos ós que tiña que
dar resposta. De acomoda-la cultura galega tradicional, repetitiva,
basicamente oral e un chisco esclerotizada ás exixencias do século vinte
non atopamos excesivas referencias, e compre sinalalo. Cecais sexa na
plástica, e fundamentalmente na pintura, onde os creadores galeguistas se
revelaron máis innovadores. O que tiña
prioridade na actuación cultural dos intelectuais do P.G. era a
consolidación do patrimonio herdado, a recuperación do perdido ou que
corría o risco de se perder. E significativo o desenrolo tan importante
que coñecen eidos culturais como a etnoloxía o folcklore, a arqueoloxía (392) e a prehistoria. Non en van consideraba o P.G. que a
cultura galega se atopaba num « estadio de regaleguización», co que
pretendían significar que a auténtica enxebreza cultural de Galicia que
acadara a sua etapa de plenitude e explendor no medioevo perdérase en
gran parte, ou sexa, desgaleguizárase, por mor da tentativa de asimilación
«imperialista», polo que o que compría era voltar novamente a «regaleguizar» a cultura galega (393). En orde á potenciación da
cultura popular, Villar Ponte pedía (394) ós galeguistas que teimasen na revitalización das
festas galegas, mantendo ou recuperando a sua enxebreza. Bóveda e Castelao
eran membros da Polifónica de Pontevedra, na que cantaban, e no Grupo de
Lalín tiñan afiliado un grupo de gaiteiros («Os Dezas») (395) que interviñan en moitos actos galeguistas. O mesmo
acontecía cos bailes. Ben-Cho-Shey (pseudónimo de Xosé Ramón Fernández
Oxea) nos conta que a comenzos de século aínda remataban os bailes de gala
dos casinos, tanto vilegos como das cidades, coa muiñeira ritual. Máis,
pouco a pouco, foise desbotando o baile enxebre «porque as nenas cursis
non o consideraban elegante», e ficou confinado exclusivamente nos
turreiros das aldeas como danza popular (396). Este galeguista levou a cabo toda unha cruzada a prol
da dignificación dos bailes populares de sempre. Adicou artigos a censurar
ós «señoritos elegantes, vilegos e desleigados» que consideraban ridículo
beilar a muiñeira (397). E recriminaba tamén ós propios mozos galeguistas por
avergoñárense e sentírense ridículos diante dos seus amigos e compañeiros
de clase ó danza-la muiñeira enxebre. Xustificaba a sua amonestación no
temor de que se poideran perder os bailes típicamente galegos «pola
preguiza e señoritismo dos mozos galegos» (398). Bóveda, pola sua banda,
coidaba que Galiza deberia ter o seu «Baile Nacional», e propugnaba que se
convertise en tal «A Redonda», que semella ser un tipo de muiñeira, que
podía ser beilada a un tempo, cun ritmo e co mesmo punto, por centos ou
milleiros de persoas (399). A tradicional
«Festa dos Maios», que escomenzaba a ir en declive, recibe un forte pulo por obra dos
galeguistas. As Mocedades Galeguistas fan a este respecto unha importante
laboura en Ourense. Tamén fai o propio «Labor Galego» en Pontevedra (os
directivos do cal, García Vidal e Filgueira, eran membros do P.G.),
convocando concursos (unha das condicións era: «As coplas hanse cantar en
Galego e co aire dos maios de Pontevedra, non con música allea») e
otorgando premios que soían ser lotes de libros galegos (400). As proteicas e espontáneas
manifestacións da cultura popular son para o P.G. un termómetro da
situación do galeguismo. Prestaba, por conseguinte, gran atención a todo
este tipo de cuestións. Así, co gallo das festas do Antroido de 1934
aledouse de que a galeguización fose medrando no pobo, de abaixo cara
enriba: «Eisi, vimos desfilar polas ruas composteláns unhas vinte
comparsas procedentes doutras tantas aldeas e comarcas: Todas, sin faltar
unha, ostentaban notas que demostran como retorna o pobo ao seu propio
ser: a gaita, as cantigas en galego, a música popular galega» (401); segue a comentar logo que felizmente morreran as
bandurrias, as guitarras, os valses «cursis», as barcarolas e toda aquela
«merengada» dos carnavais clásicos. Destaca especialmente unha comparsa
de Padrón, denominada «Os autonomistas» que enarbolaba unha bandeira
galega e que tiña unhas «hestorias» nas que non había un só cantar que
non aludise gavanciosamente a autonomía. Claro que a cousa tiña os seus
fluxos e refluxos, e ó ano seguinte, tamén nas festas do Antroido un
galeguista adicouse a recoller as coplas escritas, atopándose co
desalentador resultado de que, nas cidades, de 185 coplas reunidas, só 19
estaban en galego, e nas aldeas e lugares, de 66 coplas, soamente o
estaban 29 (402). Así e todo as análises que fan, adoitan ser bastante
positivas e confortadoras. Repetidas vegadas aluden (403) a que en xeral a galeguización avantaba a nivel
popular, sendo grande o espallamento do Hino e a Bandeira, galeguizándose
cada vegada máis as festas, os anuncios e as mesmas marcas dos productos
industriais, xa non tan exóticas como antes; ata nas vilas e casinos
creían albiscar o progreso que se rexistraba, homenaxeándose en moitas
cidades ós devanceiros ilustres, etc. O
ensalzamento das figuras ilustres da historia e das letras de Galicia é
unha das tarefas culturais á que se entregan con fruición os galeguistas.
Promoven e participan en cantas comisións recaban fondos para erguer
monumentos (a Pardo de Cela en A Estrada, ó poeta Manoel Antonio na Illa
de Malveira, a Curros Enríquez en Celanova, e ó mesmo A. Villar Ponte,
recén finado en 1936, na Coruña, etc.). Neste senso conmemoran o cabodano
da morte de poetas e escritores (Rosalía, Pondal, Murguía, etc.). Co gallo
de ter lugar o centenario pondaliano, en 1935, por exemplo, amósanse
fachendosos da gran cantidade de actos celebrados en toda Galicia: veladas
literarias, lecturas de poesías nas escolas, artigos de prensa,
espallamento de folletos con poesías de Pondal, conferencias pola radio,
visitas á sua sepultura, etc. (404). Por contraposición a isto, Ramón Villar Ponte
censuraba a moitas institucións galegas por conmemorar o centenario de
Lope de Vega, o que non lle parecería mal, senón fora que se esquenceran,
como se esquencían de celebrar o dos escritores galegos, botándolles en
cara que «Contribuien a manter ista situación de colonia en que Galicia
vive aldraxada e preterida decote» (405). A cuestión da toponimia
era motivo de preocupación para o P.G. A alteración dos nomes de lugares
(moitos dos cales estaban en «castrapo» segundo o P.G.) que rexistraba o
nomenclator era donde logo anterior a etapa republicana, sendo frecuente
que a prensa do período citase a «Vivero» , «Corujo» , «Rianjo» , etc.,
en troques de facelo segundo a forma auténtica, tal e como era pronunciada
polas xentes: Viveiro, Coruxo, Rianxo (406). Carballo Calero e Fernández Oxea semellan seren os
máis preocupados por esta cuestión da recuperación da toponimia
verdadeira. Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) é autor dun escrito á Academia
Galega, pedindo-lle que coa maior urxencia procedese a rectificar o
Nomenclator para «volver ao seu ser todol-os nomes que ata hoxe andan
barbaramente castelanizados» suxire que, concluído o traballo coa maior
rapidez posible, fose sometido á consideración de Alcalá Zamora, (que por
certo era académico honorário) quén pola súa calidade de presidente da
República podería ordenar a súa rectificación (407). Por certo que, polo que sabemos, a Academia non tivo
en consideración a proposta. O ano seguinte Carballo Calero propón que o
P.G. se dirixise ó «Seminario de Estudos Galegos» encargándolle a
revisión da toponímia (408). Na xuntanza das Minorías
Nacionais celebrada en Xinebra o 4 de setembro de 1935, o P.G., na
imposibilidade de enviar un delegado, remesou un escrito que contiña un
apartado no que se facían unhas consideracións sobre o dereito a empregar
libremente os nomes dos lugares na língoa materna. Expuña que non existía
en Galicia a prohibición de empregar na prensa ou nos discursos os nomes
dos diversos lugares en galego, pero que o problema interesaba a Galicia
por causa do emprego oficial dos nomes galegos deformados «co fin de lles
dar un son e un aspeito casteláns», o que ó seu entender era un medio de
asimilación «i-exerce unha constante influencia sobor do pobo contraria a
conservación das características nacionais de Galicia». Por todo o cal o
P.G. instaba ó Congreso para que proclamase o dereito dos pobos a
emprega-los nomes de lugar na língua materna de cada un deles (409). Ademais de velar o P.G.
pola pureza dos topónimos (por certo que non fai o mesmo cos antropónimos,
limitándose os galeguistas e non todos a galeguizar os seus propios
nomes a título particular) interesase tamén pola conservación do
patrimonio artístico de Galicia. No seu Programa adican o punto primeiro
do apartado, adicado á cultura (que é o VI) a reclamar a: « Soberanía de
Galicia sobre o seu patrimonio cultural e artistico». Otero Pedrayo pide
no curso dunha intervención parlamentaria (410), que a riqueza artística galega non dependese da Lei de
Patrimonio artístico nacional, por considerar que gran parte da riqueza
artística de Galicia fora destruída e dispersada por ter sido involucrada
en disposicións de carácter xeral. Filgueira Valverde pronunciábase no seu
«breviario» (411) pola defensa do propio patrimonio artístico contra a
incultura e a barbarie, detendose a desglosar ós nemigos do patrimonio
artístico que compría vixiar. Eran estes os: «novos ricos», as autoridades
incompetentes e as masas tortamenete guiadas». Abogaba ademais polo
estímulo da producción artística galega, mercede á protección dos artistas
e a exposición das suas obras, «enroitando cara a Terra os seus
traballos». Os denostados e perigosos (artisticamente falando) «novos
ricos», aludidos por Filgueira Valverde, debían ser principalmente as
xentes enriquecidas en América, os «indianos», ós que tanto Vicente Risco
(412) como Paz Andrade, espetan rexas diatribas por
introduci-los influxos de América na arquitectura galega que se estaba a
facer na etapa republicana e con anterioridade a ela. Segundo Paz Andrade,
o seu mal gosto levábaos a construir no lugar natal os «nefandos» chalets
estilo «che» (413). Falemos agora un pouco do
labor de creación do P.G. Teorizando sobor da arte, Gómez Román propugna
«[...] que as novas modalidades de Arte pasen pola peneira das nosas
reflexións, e non cheguen a inzar como outras vegadas, o noso solar cousas
estranas á nosa ideoloxía por falla de asimilación e nazonalización das
suxerencias alleas (414). O P.G. contaba entre os seus membros cun plantel de
artistas de primeiro orde: escultores como Eiroa, pintores e debuxantes
como Castelao, Souto, Seoane, Camilo Díaz, Bello Piñeiro, Colmeiro e un
interminable elenco de poetas e escritores. En arquitectura destaca Gómez
Román, dotado de gran prestixio como arquitecto por plasmar o feitío
tradicional das construccións galegas nos seus proxectos arquitectónicos,
sendo este un dos motivos que determinaron a súa elección para a
Segredaria Xeral do P.G. (415). Aplauden tamén a orixinal obra de Palacios, ó que
consideran perto, ou cando menos sensible, ós plantexamentos galeguistas,
e non soamente no eido da estilística arquitectónica. A propósito de
arquitectura Otero Pedrayo cree ver simbolizado nela, e na paisaxe, o
contraste entre a «alma galega» e a castelana; decía así a glosa dunha
conferencia sua:
«Contraposición radical
da i-alma galega e a i-alma castelán, comparando as duas paisaxes e
as duas arquiteituras. Castela simbolízase na rexa xeometría do
Escorial. Galiza, no brillar perenne das Torres de Compostela.
Individualismo, ascesis, forxa imperial meseteña, d'unha beira. Da
outra, panteísmo, sensualismo, senso atlántico-humán do vivir.» (416) |
Solicitaba este
persoeiro galeguista nun discurso parlamentario (417), que as construccións escolares que daquela se
prodigában tivesen o estilo arquitectónico típico da paisaxe campesina,
protestanto tamén do «absurdo» que se daba nas obras oficiales feitas nas
cidades, que moitas vegadas tiñan un selo arquitectónico
standarizado. A literatura é, sen lugar a
dúbidas, o eido da creación ó que con mellor empeño se adicaron os
galeguistas. O cultivo da literatura conferíanlle unha gran trascendencia
en tanto que dignificadora e cristalizadora do idioma galego. Dicía neste
senso Del Riego: «Compre dar â nosa literatura un afán proselitista de
eispansión do idioma»(418). Claro que o galeguismo
literario, vizoso na producción, atopábase coa barreira dun número de
lectores sumamente reducido. Nos tempos do S.E.G. a edición dun libro non
superaba ós 200 exemplares (419), chegando como máximo, entrados xa na etapa republicana
de cheo, ós 500 exemplares (420). Varios galeguistas, entre os que figuraba Augusto
Maria Casas, lamentábanse da considerable indiferencia con que o público
acollía as obras escritas en galego, e o pouco calor que en Galicia se Ile
daba ó que eles consideraban como renacemento da cultura galega que se
estaba operando. De feito, os libros editados por «NOS», a propia e moi
estimable revista do mesmo nome, e o mensuario «Alento», topaban cun clima
pouco receptivo. As causas que explican este fenómeno, segundo o
galeguista que firma co pseudónimo «Eu» en A.N.T., estriban en que: «en
Galicia están supervivintes as alleas infruencias», facendo notar
especialmente que as persoas e institución que poderían pular o «Rexurdimento no orde
cultural», estaban ainda divorciadas «da Terra».
Sinala tamén a grave carencia de medios económicos (lembrémonos que son as
clases medias e os sectores profesionais os que financian o proxecto de
recuperación cultural), e o propio momento que se vivía, no que
preponderaba abrouxadamente a política, adicando a xente moi pouco tempo á
lectura; para exemplificar isto refírese a que o editor Anxel Casal
metérase a alcalde (de Santiago) (421) Mais optimista era Alvarez
Gallego, que escrebe un artigo titulado «Capacidade do idioma propio» (421
bis), no que rebate a aludida teoría da indiferencia
para cos libros galegos, de que se doía Antón Villar Ponte, entre outros.
Argumenta que se ben, os libros galegos tiñan pouca saída no mercado,
tampouco desfroitaban de mellor situación os que estaban escritos en
castelán, que tiñan segundo el proporcionalmente menos venda
aínda; elo
era debido, non á falla de inquedanzas, senón de capacidade adquisitiva.
Sostén que o número de lectores de galego medrara extraordinariamente, en
parte polos artigos que de cando en vez publicaban en galego algúns
xornais, máis tamén por obra dos libros. Sinala, ó cabo, que tampouco o
número de exemplares vendidos rexistraba o número de lectores, habendo
libros (cita «Os dous de sempre», de Castelao) que mercede ós préstamos
eran lidos por cinco persoas. Eran especialmente ben reputadas e vendidas
as obras de Castelao e Otero Pedrayo. Deste último, decía Carballo Calero,
recensionando un dos libros saídos da súa por demais pródiga pluma, que
era o creador da moderna prosa galega «por desfacerse dos lastres de
plebeísmo que impedían dignificarse ô noso idioma»; engadía que Otero tiña
a forza do autêntico valor artístico, sendo esta a clave da importante
difusión da sua obra, a pesares, eso si, das imperfeccións ortográficas,
gramaticais e mesmo lexicais que, con todo non embazaban a sua obra, sendo
ademais doadamente eliminables (422). E curiosa a valoración que
fan da obra de Valle Inclán. Cando fina a principios de 1936, o P.G.
reserva amplos espacios en A.N.T. adicados a glosa-la sua obra e
personalidade, facendo un chamamento o Grupo de Santiago a asistir ó seu
enterro. Recofiecen os galeguistas que: « Tense discutido moito a prol de
sí a obra de Valle Inclán era ou non unha obra galega», e resolven que sí:
«Galega pol-a forma e galega pol-o esprito que a animou». A louvanza sobe
de tono, recoñecendo, agora que morreu, que era a «única representación
auténtica da nosa Galicia fora dos eidos patrios» (423) Algúns esforzos adican,
polo demais, ó teatro. A Sección de Propaganda do Grupo da Coruña, estaba
a constituir en 1935 un cadro de declamación, que contaba xa con bastantes
membros para escomenzar axiña os ensaios de Yeats, traducidos por A.
Villar Ponte e Plácido R. Castro, e, endemais, «A fiesta valdeira», de
Rafael Dieste (424). Pola sua banda, o Grupo de Asados (Rianxo) formou un
cadro de declamación composto por rapaces, que puña en escea varias pezas
de teatro galego (425). E non foron estes dous os únicos
casos. Algo fixeron tamén no cine. Aparte dun
film de propaganda galeguista e
estatutaria, do que falaremos noutro apartado, cabe destacar a película «Galicia en Buenos
Aires», producida por «CeltaFilm», entidade ligada á «Federación de Sociedades Gallegas Agrarias e
Culturales», e ó semanario «Galicia» . Nela recollíanse as festas, veladas literarias, actos
patrióticos e sociais dos galegos de Bos Aires. En «Celta-Film»
sobranceaba a personalidade do afiliado ó P.G., Xosé Saavedra, que trouxo
a película a Galicia en 1934 (426). Paralela á actividade
creadora dun considerable número de adherentes ó P.G., estaba a laboura de
difusión. No «Programa de acción para os Grupos Galeguistas» aprobado na
II Asamblea (427), redactado por Filgueira Valverde, e considerado por un
home de moi distinta significación ideolóxica, Suarez Picallo, como o «breviario do
galeguismo», prescribíanse como obrigas dos afiliados,
labourar en todo momento por acrecentar o prestixio e os medios das
entidades galegas de cultura, difundi-las publicacións e mailos libros «que auténticamente representan o noso
esprito» e, ó cabo, traballar polo
espallamento da cultura galega en tódolos ordes e por tódolos medios
(impresos, conferencias, teatros, coros,
etc.). Á laboura de difusión cultural
entréganse os galeguistas con especial entusiasmo. Neste senso podemos
dicir que a actuación do P.G. se acomoda a uns parámetros culturalistas,
empregando esta verba coas debidas reservas. Entre as actividades dos
Grupos, a organización de ciclos de conferencias culturais, ocupaba un
capítulo de capital importancia. Actuaban deste xeito seguindo a directriz
tracexada por Filgueira consistente en que:
«Os grupos galeguistas teñen de sere os máis activos axentes na defensa das características
da nosa persoalidade, do desenrolo da nosa concencia colectiva, do
soerguimento da nosa riqueza, da nosa vinculación á cultura
universal»(428) |
Criticando ó
folcklorismo cultural sinalaba o P.G. que a maneira de honrar a Galicia
non era «botar aturuxos» nin adicar loubanzas sensibleiras a «terriña
meiga» e a «emoción da gaita»; o xeito correcto de honrala consistia en
mercar libros galegos e coadxuvar ó espallamento da cultura e lingua
autóctonas (429). Especialmente os rapaces galeguistas adicábanse a ir polas feiras
vendendo libros galegos, colabourando os galeguistas adultos coas
Mocedades do P.G. na difusión das poesías dos precursores e dos poetas
contemporáneos, por medio de follas e folletos (430). O apoio do P.G. ás entidades culturais que promocionaban a cultura
vernácula é incuestionable. Sintomáticamente consignaba nos seus estatutos
que en caso de disolución do partido, os seus bens pasarían a ser
propiedade do «Seminario de Estudos Galegos», organismo no que labouraban
moitos membros do P.G., padecendo así os rigores dunha especie de doble
militancia. Temos constancia documental (431) dun acordo do Consello do P.G., adoptado moi
probablemente a proposta de Filgueira Valverde, en virtude do cal o P.G.
axudaría con 50 pts. mensuais a pagar o local de «Labor Galego» de
Pontevedra. Sabemos tamén que o Grupo
Galeguista de Páramo promoveu o «Centro Cultural Recreativo», no que
adoito dábanse conferencias galeguistas (432). Poderíamos citar
máis casos, pero para non abrumar con
excesivos datos e sinalada xa a orientación neste senso, contentarémonos
con mencionar o « Ateneo de Cultura Político Social» de Sada, no que
convivían galeguistas, elementos obreiros e republicanos, do cal foi o
primeiro presidente o afiliado ó P.G. Xohan A. Suarez Picallo (irmán do
deputado Ramón Suarez Picallo) (433). Temos que dicir que non
temos constancia de que afiliados ó P.G. participasen na tentativa máis importante de difusión cultural emprendida pola República; referímonos ás
«Misiones Pedagógicas», que escomenzan a chegar a Galicia no vran de
1933. Somentes o galeguista Rafael Dieste, que non perteñecía ó P.G.,
colabourou nelas. Pola contra sí que participaron intelectuais galeguistas
nun importante acontecemento cultural, cal foi o «Congreso das Ciencias»celebrado en 1934, no que destacou a figura senlleira de Otero
Pedrayo, cunha conferencia encol de «Compostela monumental». A mesma «A
Nosa Terra» lle adicou gran atención a este congreso nas súas páxinas (434).
3.7.4-2. Programa e obxectivos
lingüísticos
A lingua aparece na «Declaración de
Principios» do P.G., como un dos primordiais rasgos
caracterizadores de Galicia, e en calidade de tal proclamaba a vontade de
potenciala (435). A
filosofía que inspira a
política lingüistica esbozada por este partido queda ben reflexada no
alegato de Vicente Risco enviado polo P.G. ó Congreso de Minorias
Nacionais celebrado en Berna. Nel dicíase que Galicia, perdido o seu
antergo idioma céltico, falaba un idioma neolatino (436), que é a língua de seu. Consideraba o castelán como
idioma foráneo «imposto en Galiza». Ocúpase brevemente da descripción
deste proceso de «asoballamento lingüistico» (437), aportando uns datos que non son todos enteiramente
fiables (437 bis). Esta consideración do castelán como lingua
importada aparece na meirande parte dos escritos galeguistas que versan
sobor do tema lingüístico (438). Como nacionalistas
tiñan unha estimación ben máis alta
da lingua autóctona que da alóctona, en parte por convicción doctrinaria,
en parte porque a lingua oficial gozaba xa de suficientes prerrogativas e
valedores. Pedían, programaticamente, o dereito ó emprego do galego, e a
sua cooficialidade co castelán (439). Poderíamos dicir que o P.G. adheríase a unha postura
de bilingüismo desequilibrado en favor do galego para contrarrestar os
desniveis con que este se atopaba no uso social. Sin embargo, os
galeguistas gardábanse moi moito de dar motivos para que alguén poidese
pensar que pretendían desterrar ó castelán fora das fronteiras galegas,
insistindo en que eles non tiñan unha xenreira especial descontra o
castelán, ó cal respetaban, dado que o único que desexaban era que o
galego tivese igoal rango oficial co castelán e, o propio tempo, que fora
introducido na escola. Esta era en esencia a súa postura, con matices que
en ocasións lle daban un tinto belixerantemente anticastelanista. Aducían
tamén que o galego podería ser a ponte de unión entre o castelán e mailo
portugués, contribuindo a irmandade dos pobos ibéricos, todo elo dentro da
súa perspectiva de federalismo peninsular. Son relativamente abondosos os
exemplos desta ramalada de hostilidade contra a lingua castelana, tildada
de «imperialista» non poucas vegadas (440). Con todo o que sobrancea é a vontade de dignificación
dunha lingua socialmente desprestixiada, ou para decilo con Castelao: «Nós
[...] non queremos que na fala dos nosos abós, que na língoa dos
Cancioeiros, se siga eispresando, sômentes, a incultura e a probeza que,
por outra parte, lle debemos ô centralismo» (441). Por outra banda, era inevitable que o P.G. se erixise
en defensor do idioma popular, por ser o pobo (labregos e mariñeiros
principalmente, na súa óptica) quen conservara as señas de identidade
galegas, das cales a lingua constituía parte principalisima. Como
testimuño de que o P.G. era consciente da adecuación lingua-pobo,
poderíamos citar numerosos textos (que proliferan por ser esta unha
cuestión considerada de vital importancia), de entre os que escolleremos
un dun poeta galeguista que reflexa o feito sinalado por exclusión.
Delgado Gurriarán publica un poema (442) no que dí que falan o castelán os caciques que habitan
nos pazos (fidalgos), os funcionarios públicos, e máis concretamente os
encargados do cobro das contribucións, os cregos, sen excluir ós das
aldeas, os señoritos da vila, os comerciantes maragatos, os arrivistas, a
administración de xusticia; e remata coa seguinte estrofa:
«¡Ouh lingua de Cervantes, de
Lope e de Quevedo!; ¡Ouh fala de Castela, nai de
conqueridores!; ¡Ouh idioma subrime!; ¡Ouh castelán sonoro! ¡O
que é, na nosa terra, tés bos
embaixadores!» |
O idioma
galego é defendido polo P.G. con ardentía, se ben non exenta de
contradiccións, seguindo nisto a tradición galeguista, anterior mesmo ás
Irmandades da Fala. No P.G. había un desexo de consecuente lealtade
lingüistica, de defensa e uso arreo do galego. Así no «Programa de acción
para os Grupos...», proclamábase o imperativo da lealtade: «Os grupos, na
sua actuación colectiva, serán de agora en diante inexorabres no uso da
língua galega» (443). Tiñan os galeguistas unha adhesión ó galego por
motivos intrínsecos, e extrinsecos, poderíamos dicir. Ramón Villar Ponte,
probablemente quén máis se destacou na defensa da lingua, amosa que os
galeguistas tiñan conciencia do valor político da lingoa vernácula,
falando de cultivo «premeditado» e que «puidéramos chamar político, da
nosa lingua» (444). Pero dicíamos que os
membros do P.G. tiñan contradiccións e incoherencias á hora de levar á
práctica a proclamada vontade de fidelidade ó monolingüismo, nunha especie
de militancia lingüistica. En efecto, todos, ou caseque todos, os
galeguistas que se movían nun medio social castelan-falante (os que vivían
nas cidades, é dicir, caseque tódolos dirixentes) utilizaban o castelán
como lingua familiar, non tendo en xeral os seus fillos o galego como
lingua materna (445). Todo parece indicar que na sua correspondencia
ordinaria empregaban tamén o castelán (446). Nos seus escritos na prensa eran bilingües,
utilizando dende logo o castelán con notable frecuencia. Tal facían homes
tan significados como o presidente do P.G., Gomez Román, e outros como
Bóveda (447), Anton Villar Ponte (448), Filgueira Valverde, Alvaro das Casas, Alvarez Gallego
e ata o mesmo Otero Pedrayo (448) cousa nel moi excepcional. Os únicos galeguistas que
escrebían cunha certa asiduidade, dos que non atopamos absolutamente
ningún escrito en castelán son: Ramón Villar Ponte e Fernandez del Riego,
sendo tamén sumamente consecuentes neste senso Otero Pedrayo e Vicente
Risco. Significativamente o semanario «Ser»,
subtitulado en castelán «Semanario Gallego de Izquierdas», estando baixo
a dirección de Suarez Picallo, polo que podería estar escrito integramente
en galego, está caseque todo en castelán, con algún que outro artigo en
galego. Máis ilustrativo ainda é o caso do periodico «Terra!» (450) directamente ligado ó P.G., por depender do Grupo de
Redondela, que é bilingüe, ainda que predomina o galego. E dicimos que
isto é especialmente significativo porque na prensa diaria non se admitía
unha colaboración sistemática en galego, a excepción de «El Pueblo
Gallego» (451). Ramón Villar Ponte é a
conciencia crítica desta situación. Nun artigo titulado «Predicade co
exempro» (452) manifesta en tono de censura que, feita a excepción de
catro ou cinco, que empregaban decote o idioma vernáculo nos seus
escritos, os demais galeguistas que adoitaban escribiren para o público,
non o utilizaban máis que de cando en vez. Na
prensa, o galego podémolo atopar en artigos de opinión, literarios, nas
poesías, e en menor medida, nalgún entrefilete ou comentario irónico ou
xocoso. Tódolo que era a información resultaba ser dominio exclusivo do
castelán. Como nota curiosa diremos que a primeira esquela que atopamos en
galego (de Romero Cerdeiriña), cousa insólita, apareceu nun número de «El
Pueblo Gallego» aparecido en febreiro de 1931 (452 bis).
Nos actos públicos, culturais e políticos, era
bastante máis cativo o desaxuste entre os desexos de monolingüismo
absoluto e a práctica bilingüista (453) e elo por un motivo de orde práctico: os receptores da
mensaxe estaban afeitos a escoitar fala-lo galego, que todos entendían,
pero non así a lelo. Atopámonos, deste xeito,
con que o uso do idioma de Galicia por parte dos nacionalistas galegos era
básicamente un código interno e un instrumento político. En efecto, poucas
dúbidas existen de que usasen sistemáticamente o galego entre eles, como
lingua oral; e tamén escrita: toda a correspondencia entre eles e falamos
pola parte que poidemos consultar, que é bastante numerosa e coidamos que
representativa esta invariablemente escrita en galego, con só unha
excepción (454). En galego estaban tódolos documentos oficiais do
partido e o seu órgano de expresión «A Nosa Terra», e tamén na lingua de
Rosalía verquíase unha boa parte dos escritos públicos dos afiliados, e a
práctica totalidade das actuacións orais cara a
galería. Non era o Partido Galeguista o único
que utilizaba o galego como instrumento político. Membros doutras
formacións políticas o usaban tamén esporádicamente. Tal facía, por de
pronto, o sector galeguista da Orga (455) unha personalidade políticamente
tan versátil como Portela Valladares, o radical Basilio Alvarez (456) algúns federais, como Carnero Valenzuela, e moitos
homes de « Izquierda Republicana», especialmente na campana de mitins que
fixeron xuntamente co P.G. cando ambalas dúas formacións actuaban
coaligadamente, en 1935 e ó ano seguinte (457). Os partidos marxistas, principalmente na etapa do
Frente Popular, valíanse tamén frecuentemente do galego nos actos de
masas, sendo perceptible nisto o influxo do P.G. neles (458). Mais arrichado no emprego da lingua vernácula era o
Partido Comunista que o socialista, que de sempre tivo máis prevencións ó
respecto. Con todo,compre destacar os socialistas Xaime Quintanilla e
Marcial Fernández, que adoito expresábanse en galego nos mitins (459). O que non facían os
restantes partidos, distintos do P.G., era emprega-lo galego na escrita,
xa fora nos pasquíns ou nos seus documentos oficiais e publicacións
periódicas. Nin sequera nas publicacións do Frente Popular atopamos cousa
ningunha que non fora escrita en castelán. E elo a pesares de que o P.G.
puxo como condición para se incorporar á coalición frente-populista que
toda a propaganda fora bilingüe. Por
conseguinte, a diferencia entre a práctica lingüista do P.G., e a
dalgunhas das restantes forzas políticas (as de esquerdas exclusivamente)
non era o uso ou non uso do galego. A diferencia reside, no emprego
sistemático do idioma autóctono por parte dos nacionalistas, contra o
esporádico dos partidos doutro signo; no uso escrito e oral, frente ó
exclusivamente verbal; na convicción, na valoración intrínseca e no esbozo
dunha política de defensa do idioma, por contraposición a unha utilización
pragmática, e indiferente a sorte que poidera corre-lo idioma
galego. A percura de coherencia coa proclamada
vontade de defensa do idioma vernáculo parte das « Irmandades da Fala».
Así, a diferencia do que adoitaba acontecer, o seu Manifesto apareceu
publicado en 1918 exclusivamente en galego, e non en bilingüe (460). Na etapa republica asistimos a intensificación do
esforzo en aras da lealtade ó galego. Deste xeito, non será nada insólito
atopar nas publicacións galeguistas exhortacións ós lectores para que non
deixaran de ler os textos redactados en galego pola dificultade que lles
supuña a sua lectura (461). Asi pois, temos de
recoñecer que a defensa do idioma e
o seu uso sistemático non é un simple principio doctrinal que se pon nun
programa para non voltar a facer caso del. E unha teima constante dos
galeguistas e a proba témola no número de ocasións nas que se insiste nelo
(462). Bóveda escrebía en galego
ós catalanistas (que contaban con traductor) e recibía as contestacións en
bilingüe ou catalán exclusivamente, «para irse entrenando» (463). Polo demais, os galeguistas tiñan gran preocupación
pola corrección do galego que utilizaban, correxíndose os uns ós outros, e
sendo todos un pouco aprendices de filólogos (464). Esta inquedanza levou ó Grupo de Ourense a
propoñer
que o P.G. se dirixira ó S.E.G. pregándolle que fixera unha edición
económica dun diccionario de galego-castelán (465). Citemos tamén o caso de Sebastián Gonzalez e Filgueira
Valverde que, invitados a dar unhas conferencias nun cursiño organizado
por escolantes en Pontevedra, puxeron como
condición a de se expresar en galego. Exemplo de defensa pública do galego
témola en Antón Villar Ponte que censura a Rey Soto polo seu desleixamento
verbo da lingua de Pondal (466). E tamen no seu irmán Ramón, alcendido valedor do
galego e atento observador dos comportamentos lingüisticos dos
galeguistas, sobor dos que facía caer as suas invectivas a pouco que se
arredasen da ortodoxia. Así, recrimina (iso sí, sen dar nomes) ós
afiliados ó P. G. que ocupando un cargo de representación pública nos
Concellos principalmente prescindían do uso do galego; lembráballes a
«[...] obriga primeira e ineludibel, que todo galeguista ten, de usare a
cotio a lingua vernácula, non xa nas conversas privadas, senón tamén en
todal-as suas actuacións púbricas» (467). E remataba de darlles o varapao decindolles que os que
non se sentisen con forzas para proceder en consonancia con esta obriga,
que dimitisen. Compre sinalar que a política
lingüistica do P.G. foi combatida dende moi diversos ángulos. Polo pronto
as forzas de dereita, de inequívoco cuño centralista, a consideraban como
unha mostra de extremismo e adoitaban tildala de separatista. Na outra
banda do abano político, a C.N.T., imbuida de «universalismo» doctrinario,
ollaba con reticencia, cando non con hostilidade, esta militancia
lingüistica do P.G.; hai que dicir, tamén, que non era alleo a este encono
o feito de que considerara ó P.G. como un partido de burgueses
explotadores. Así, nada menos que o dirixente Villaverde, nun mitin
celebrado en Vilaxoán (468), atacou feramente ós políticos que falaban en galego
por entender que facían tal cousa para mellor explotar ós labregos e
obreiros. Máis sotil era a crítica que certas
xentes facían ó P.G. por utilizar un galego artificial e arbitrario, que
pouco tiña que ver co que falaba o pobo. Os galeguistas defendíanse desta
crítica dicindo que sempre houbo en tódalas linguas unha diferencia entre
o «sermo vulgaris» e a utilización culta da linguaxe, e que o galego non
había de ser menos. E retrucaban que decote foi un pretexto para atacar ó
galego, por parte de quen o saben pero non o falan, decir que os que o
empregan (moitos dos cais non o adeprenderon como lingua materna) o fan
mal (469). Había tamén os que lle
puñan ós galeguistas a chata de retrógados e oscurantistas por entender
que coa sua teima en falar galego opúñanse ós movimentos universalistas
dos pobos. Invocaban a necesidade práctica dunha lingua universal na que
se poidera entende-la humanidade toda. Esta era unha das críticas máis
frecuentes e a rebatila se aplican os nacionalistas. Argüen que cada
nación debía falar a sua lingua, ou as suas linguas se tal cousa se dera,
pero non por elo se opufian a que cando se conquerise unha federación
universal dos pobos, se falase o Esperanto, sen que por elo se deixara de
fala-lo galego (470). Para os galeguistas unha cousa era a unidade, que
aceptan, e outra a uniformidade que rexeitan decididamente.
No plano
dos logros concretos, cecais sexa a arela de conquerir o decreto de
bilingüismo a que máis motiva a actuación dos galeguistas. O pouco de se
proclamar a República sae xa a cuestión ó candeleiro; fan repetidas
xestións ó longo do primeiro bienio, empalidece o tema ó sobir ó poder a
coalición radical-cedista, para voltar a relanzarse na breve etapa en que
preside o goberno Portela Valladares (dende o 14 de nadal de 1935 ata
febreiro do ano seguinte), momento no que os galeguistas están
esperanzados, e todo se volve facer xestións para que se concedera a
Galicia un decreto de bilingüismo a semellanza do que Ile fora otorgado a
Cataluña anos antes (471); a esperanza segue viva tras da victoria do Frente
Popular, pero cando xa estaban a piques de conquerilo mediante a posta en
vigor do Estatuto plebiscitado, os acontecementos de xullo coutaron tal
posibilidade. O decreto de bilingüismo entendíano a nivel xeral, como
cooficialidade das duas linguas que se falan en Galicia; endeben,
parecíalles especialmente importante a sua aplicación na escola, onde o
problema da exclusión do galego era considerado máis grave pola sua
negativa incidencia pedagóxica (472). Tamén era precisamente neste eido no que máis
oposición se rexistraba á inclusión do galego. Xa vimos noutro apartado
como o primeiro proxecto estatutario, promovido pola F.R.G., atopou a
meirande oposición en importantes sectores da opinión (o influinte diario
«La Voz de Galicia», e o representante dos mestres López Varela, por
exemplo), precisamente no artículo que establecía o ensino obrigatorio do
galego nos niveis non só básecos. Para tentar de esvair receios os
galeguistas publican na prensa numerosos artigos a prol da necesidade do
bilingüismo (473) en xeral, e moi particularmente no ameto escolar. Claro
que os anti-bilingüistas eran tamén moi belixerantes e deixaron na prensa
da época múltiples mostras desta súa teima (474). Temos a impresión de que
na opinión pública galega da época o que equivale a referirse a un sector
moi reducido da poboación, pois a meirande parte non constituía o que se
adoita chamar con rigor sociolóxico «opinión pública», era moi escasa a
sensibilización verbo da cuestión da oficialización do galego en pé de
igoaldade co castelán. En aparente paradoxa con isto a maioria dos
galegos, empregaban adoito o idioma
autóctono, cousa que o P.G. sinala sen canseira. Varias publicacións
galeguistas (ANT, «Ser», etc.) difunden un estudo científico realizado por
Hans Schneider, no sul da provincia de Ourense no ano 1933 (475), que chegaba as seguintes conclusións sobor da
situación do galego:
Ainda que na mariña e no mar falaban todos o
galego, este retrocedía frente ó castelán. A morfoloxía e a fonética
escomenzaban a estaren alteradas polo idioma castelán en non poucos casos,
pero o deterioro notábase especialmente no vocabulario. Sobor da base dun
cuestionario de 170 termos escollidos, o porcentaxe de castelanismos
(incluindo as formas híbridas, ou castrapismos), oscilaba entre o 8,4 e o
21,5 por cento. Somentes en dous pobos os castelanismos constituían o 18 e
21,5 por cento. O promedio de castelanismos na meirande parte dos pobos
era do 11 por cento. Tódolo devantido era para
o investigador un signo da vitalidade do galego. Neste mesmo senso
valoraba tamén o feito de que os emigrantes en América conservaran a
lingua galega, tornando a empregala ó voltar. Do mesmo xeito, refire que
os fillos dos emigrantes nados no alén mar adeprendian castelán, pero ó
chegar a Galicia falaban o galego. Xerardo
Alvarez Gallego amósase optimista pola revalidación operada en poucos anos
co idioma galego; entendía que era indubidáble a sua aptitude en tódolos
campos, servindo tanto para expresar temas da pantasía como da
investigación e da ciencia, sendo así que xa non poderían desprecialo os
que enxuiciaban o asunto «dende o cerqueiro limitado do casiño de cibdade», por inexpresivo, inactual ou esgotado. A laboura científica desenrolada
en galego polo S.E.G., da que da conta o bó monto de publicacións e os «Arquivos», estaba na base deste comentario de Alvarez Gallego, quen
sosten, por ende, que se mantiña vivo no noventa e cinto por cento da
poboación campesina, e era falado, con máis ou menos propiedade, polo
trinta por cento dos habitantes das cidades galegas (476). Claro que isto o dí a ollo de bon cubeiro, e sen unha
apoiatura estadística rigorosa. Se socialmente
o idioma galego distaba de estar normalizado, atopándose nunha situación
que sociolingüistas como Ferguson ou Ninyoles (477) denominan diglosia ou bilingüismo diglósico, tampouco o
estaba normativizado. Cada quén escrebía máis ou menos como lle petaba,
pero a preocupación por establece-la uniformización normativa do galego
estaba moi espallada entre os galeguistas. En nadal de 1931 Armando
Cotarelo comenta a cuestión na prensa sinalando o problema que
representaba a efectos de uniformización a existencia de catro grandes
zonas dialectais: norte, sul, leste e oeste, notándose nesta última a
influencia do asturiano e do castelán leonés, e no sul o influxo
portugués. A única solución que albiscaba era facer cos distintos
elementos que a realidade lingüistica ofrecía, un idioma literario, ainda
que fose dun xeito artificioso, pospoñendo para máis adiante a cuestión
de si sería efectivamente aceptado e usado. Estas elucidacións de Cotarelo
foron consideradas como perigosas por outro galeguista tamén versado en
filoloxía, Domingos Outon, por coidar que podían ser aproveitadas por quén
tiñan xenreira descontra da fala galega. Molestáballe que Cotarelo non
mencionara para nada a Portugal que Ile dera unha dimensión universal ó
idioma común, espallándoo polo mundo; e polo demais negaba que o galego
tivera esas subdivisións tan marcadas, non sendo, segundo el, fixas nin
exclusivas as variantes comarcais, senón meramente preferenciais (478). No fondo subxacía o temor a que os detractores do
idioma utilizaran para os seus fins o argumento do taifas
lingüistico. Ramón Villar Ponte pola sua
banda, entende que sería prematura a unificación normativa, porque «o
rexurdimento do idioma» fora encetado ainda facía poucos anos. Razona que
o catalán permaneceu moitos anos se normativa única ata que foi
establecida unha en 1913, sen que por iso ficase comprometida a sua
supervivencia. Califica de impacentes os alarmistas filólogos, escritores
e gramáticos que se laiaban de que ó cabo de vinte anos ben escasos de
«cultivo premeditado, de cultivo, que puideramos chamar político da nosa
lingua», esta non abranguera o que o idioma catalán somentes puido acadar
ó cabo de algo menos dun século de cultivo constante (479). De distinta maneira pensaba a
« Seizón de Filoloxía»
do S.E.G., que elaborou e fixo públicas a mediar 1934 unhas normas para a
unificación do idioma galego, que semellan máis ben lusistas ou
reintegracionistas. No informe da Sección que acompañaba ás normas
explicitaban que a orientación seguida era a de: «Achegamento ao portugués
nos valdeiros que hai que encher no noso idioma», pero matizaban
que:
«Mais somentes debemos
achegarmos nos valdeiros que hai que encher na nosa fala, pois agás
da nosa principal obriga de deixar que o galego siga ceibemente
polos sulcos que él vaise marcando non podemos creer que o portugués
sexa unha lingua perfeita ainda coa relativa perfeizón a que se pode
aspirar nas cousas do lenguaxe, e por esto cando unha construzón
castelán que viva suplir unha falla no galego tomou patria no noso
idioma, se aquela é superior técnicamente á portuguesa coela debemos
ficar.» (480) |
Digamos, para rematar, que o portavoz do P.G., «A Nosa
Terra» manifesta non compartir integramente algunhas destas normas, poro
que noustante as adoptaría todas por parecerlle que posibilitaban o libre
desenrolo do galego e por entender que era comenente que se escomenzara a
escreber o noso idioma con certa uniformidade, cando menos naqueles
aspectos nos que ía habendo conformidade, o cal comunica ós seus
colaboradores ó efecto de que se ativeran á normativa do
SEG.
3.7.4-3. Programa e obxectivos
educativos
A situación escolar de
Galicia no período repubicano presentaba uns rasgos de notable penuria.
Segundo datos elaborados en 1927 polo inspector de ensino primario,
Luciano Seoane (481), o analfabetismo en Galicia afectaba a máis da metade
da poboación galega, estando bastante igoaladas nelo as catro provincias,
cun porcentaxe lixeiramente superior nas de Ourense e A Coruña. Polo
demais, este tratadista sinala como causas do analfabetismo: a
diseminación da poboación rural, o insuficiente número de escolas, a
indiferencia e abandono dos pais, a escasa matrícula escolar e a
irregularidade na asistencia ás clases. Neste mesmo ano o número total de
mestres, sumados os que exercían o maxisterio nas escolas nacionais,
municipais e privadas, era de 5.248, que representaba algo máis do 7,5 por
cen do total español. O número de asistentes ás escolas primarias en
Galicia era de 259.455 alunos, ocupando un maior porcentaxe as escolas
nacionais (71,36 %), seguidas das privadas (26,10 %), estando en
derradeiro termo as municipais (2,54 %). A media de alunos por clase a
situaba Luciano Seoane en 50, que semella baixa en comparación con outros
datos aportados por mestres do P.G., que logo ofreceremos. Polo que
respecta a matrícula e asistencia escolares, somentes o 53 por cen da
poboación infantil escolar estaba matriculada, sendo a asistencia media ás
clases do 50,60 por cen do total dos
matriculados. Tomando como base os datos
aportados por Asdrúbal Ferreiro en 1928 (482), o número de matriculados na Universidade de Santiago
era de 1.307; cursaban estudios nas Normais de mestres, 848 alunos e 938
alunas; nas Escolas de Comercio, 382; nas de Artes e Oficios, 1.153; nas
Industriais, 152; nos Institutos, 2.410, e nos Seminarios, 1.363. Sobor de
pouco máis ou menos esta situación, planea a actuación educativa dos
sucesivos gobernos e contrapostas políticas, habidos durante a etapa
republicana (483). O goberno provisional aplicouse a levar a efecto as vellas
ideas do rexeneracionismo costista «reforma de Ia educación en todos sus
grados», cun ambicioso proxecto de reestructuración do sistema educativo,
inspirado nos pilares dos principios históricos do liberalismo español, da
moderna pedagoxía dos institucionistas e mailas ideas educativas do
socialismo. Os decretos do ministro de «Instrucción Pública y Bellas
Artes», Marcelino Domingo, regulaban o bilingüismo nas escolas catalanas
e eventualmente permitían a sua aplicación noutras áreas lingüisticas,
creaban as misións pedagóxicas, encargadas de difundi-la cultura xeneral
principalmente no ámeto rural, establecían un plan de construcción de
cinco mil escolas ó ano (484) para remedia-lo problema de desescolarización de máis
dun millón de nenos, incrementaban, ó propio tempo, as retribucións dos
mestres, derogando o clásico sistema de oposicións sustituído por uns
cursivos de selección, e introducían un novo plan de ensino. Pero o que máis
oposicón estivo chamado a ter, foi a proclamación da libertade
relixiosa na escola, ainda que se mantiña naqueles casos en que os pais
desexaran que fora impartida. No caso de que o mestre invocara a libertade
de conciencia, ocuparíase do ensino relixioso un sacerdote.
Posteriormente, o director xeneral do Ensino Primario, Rodolfo Llopis,
publicou unha circular sentando as bases do que podería ter sido a
tolerancia relixiosa na II República. Os mestres, libres de impartiren ou
non a relixión nas escolas, tiñan, en cambio, a obriga de comunicar ós
pais o dereito que Iles asistía de solicitar da escola instrucción
relixiosa. Igoalmente establecíase que os símbolos relixiosos poderían
permanecer nas aulas cando houbera consenso entre pais e mestres.
Mencionemos tamén, por ser importante o tema para o programa pedagóxico do
P.G. que veremos logo, as bases nas que se inspiraba a lei de instrucción
pública en preparación, que sumariamente se asentaban nos principios de
escola única e educación pública. Eran estas as seguintes: a educación é
unha función do Estado, que podía delegar na rexión, provincia ou
municipio, pero compatible co ensino privado; debía ser leiga e gratuita,
especialmente nos primeiros degraos, activa e creadora; inserta na
comunidade social e posibilitadora da
coeducación. Todo isto foi considerado pola
xerarquía eclesiástica, en base ó «Syllabus», como atentatório ó seu
dereito a intervir nas escolas. A «guerra escolar» estoupou cando foi
aprobada a Constitución o 9 de nadal de 1931 que, recollendo a tradición
liberal, proclamaba no artículo 26 a separación entre a Igrexa e o Estado.
Deuse a coñecer entón a pastoral colectiva na que se rexeitaba a carta
constitucional, afirmando o dereito da Igrexa a ensinar e o dos pais á
elección dos centros docentes que estimaran comenentes para a educación
dos seus fillos. A disolución da «Compañía de Jesús» e a prohibición de
exerce-la docencia, extensiva a tódalas ordes relixiosas subsistentes, non
fixo máis que agrava-las cousas, alporizando máis os ánimos. O programa e actitude do Partido
Galeguista, verbo de todo o devandito non será máis que aplicación
específica do seu integracionismo xenérico. En efecto, o sector de
dereitas e o de esquerdas, os partidarios da confesionalidade do Estado e
os laicistas, dificilmente poderían chegar a poñerse de acordo sobre
cuestións tan polémicas como se o ensino debería de ser público ou
privado, coeducativo ou segregado segundo os sexos, leigo ou relixioso,
etc. Por elo optan por non tocar para nada ningunha destas cuestións que
poderían comprometer a precaria unidade do Partido Galeguista. Deste
xeito, no brevísimo Programa limítanse a pedir a «Soberanía de Galicia pra
determinar a ourentación das súas institucións pedagóxicas» (485), e a
«Galeguización do ensino» (486). Pero non só no Programa teñen un exquisito coidado por
non tratar tan peliagudas cuestión (que tampouco tratan no máis extenso
texto doctrinal que era o «Programa de Acción pra os Grupos Galeguistas»),
senón que nin unha sóa vegada o seu semanario oficial (A.N.T.) se fai eco
das polémicas xurdidas na sociedade sobor deste particular. O silencio o
esguellamento da cuestión, é, de seu, ben
elocuente. A pesares de que o P.G. lle
asignaba á escola un papel privilexiado decía nun manifesto: «Da escola
faredes o instrumento máis eficaz da cultura galega, pra empregal-o a
fondo na obra de renovar o esprito da nosa xente» (487), reflexo do cal é o gran número de artigos adicados a
cuestión educativa, son moi escasos os temas tratados. A única teima, na
que machaconamente insisten, é na galeguización do ensino, lóxica
proxección do seu nacionalismo no eido da pedagoxía. A preocupación
central pola galeguización do ensino tina duas vertentes: as materias,
pedíndose a introducción nos plans de estudos de asignaturas referentes a
Galicia, fundamentalmente de xeografía e historia, literatura, arte e
economía; o vehículo pedagóxico, que implica o uso do galego, xunto co do
castelán, é dicir, o bilingüismo (488). Nelo subxacia a idea de achegar o ensino á realidade
social de Galicia, para que deixara de ser un instrumento
desnacionalizador ó servicio do Estado central. Así decía M. Lema que: «O
ensino feito en Galicia de costas a ela fai que sintamos preferencia
pol-o alleo esquecendo ou negando o noso» (489). Amén disto, o centralismo era, para o P.G., o causante
da situación de penuria escolar que se rexistraba en Galicia: «Galicia
sofre as consecuencias do analfabetismo que ao centralismo debemos»(490). Non só a escolarización acadaba un degrao baixo, senón
que ademais, a asistencia as clases era moi irregular, habendo escolas con
82 alunos por aula, segundo revela o mestre e publicista Pousa Antelo (491). O Estado centralista que con tan pouco, acerto se
conducía no eido educativo, en Galicia, era ademais criticado con certa
asiduidade polas discriminacións de que facía obxeto ó sistema escolar
galego. Así, por exemplo, cando en 1933 se organizaron uns cursiños para
profesores, Galicia quedou excluída, ó que resposta A.N.T. cunha dura
crítica (492). Por todo elo non nos pode causar abraio que o P.G.
anceie que o campo da educación seña de exclusiva competencia do poder
autónomo galego. Non estaban os galeguistas moi a ben que digamos coa
corrente pedagóxica auspiciada pola «Institución Libre de Enseñanza».
Acusábana de centralista, de «grea de xesuítas laicos»(493) que atacan ó galeguismo en todas cantas ocasións se lle
brindan. Castelao ten unhas verbas moi duras para calificar a Institución
Libre; dí que era a «[...] entidade hespañolista máis temible no tocante
á orde cultural»; repite logo o de xesuitas laicos «que intentan afogar o
noso espritu valéndose do caciquismo montado dende a Xunta de Ampliación» (494). O P.G. solicitaba no seu
Programa o: «Dereito ô emprego do noso idioma e cooficialidade co
castelán» (495), o cal levaba implícito o bilingüismo no ensino. O
primeiro decreto do Goberno Provisional en materia educativa (29-IV-1931)
regulaba o bilingüismo nas escolas catalanas, posibilitando o ensino en
língua materna, fose catalana ou castelana, nos xardíns de infancia e
escolas de párvulos; o ensino da língua castelana ós alunos cataláns a
partires dos oito anos de idade (polo tanto ensino en catalán), e a
organización pola Universidade de Barcelona de cursos de perfeccionamento
do catalán (496). Precisábase tamén no decreto que o tratamento que se
lle daba á língua catalana tiña un carácter prioritario, polo acuciante
que era alí a situación, pero non de privilexio, «sino que se extiende a
Ias otras lenguas peninsulares que se juzguen y se Ias juzgue con idéntico
derecho»(497). Deste xeito, Otero Pedrayo, aduce esta
«extensibilidade», reclamando nas Cortes o decreto de bilingüismo que se
lle concedera a Cataluña, despois de pondera-los méritos que adornaban a
língua vernácula do seu país, alegando ademais que a F.U.E. compostelana,
tanto no seu programa como nas suas actividades, tiña manifestado sempre
esta necesidade (498). Pasemos a analiza-lo xeito
en que enfocaban o pregonado postulado de bilingüismo escolar. Cremos
percibir nesta cuestión dúas correntes, que non coinciden cos parámetros
que vimos establecendo de dereita a esquerda, en canto ó degrao de
equiparación do galego co castelán na escola. Risco, era bastante moderado
nisto; propugna que a escola fora como era a vida en Ourense: bilingüe,
marcando o obxetivo de que os nenos adeprendan con perfección as dúas
linguas. Ainda que para nada se refire a cal debía ser o idioma utilizado
para imparti-lo ensino nos degraos medio e superior (pois no inferior
todos estaban dacordo en que debia ser a lingua materna), de aplicarse o
bilingüismo descompensado en favor do castelán, que era a situación
vixente no Ourense da época, non debería de xogar un gran papel o galego
(499). Varios mestres do P.G. que escreben sobor do
bilingüismo escolar (500), están máis, ou menos nesta onda de bilingüismo para o
galego, propugnando o emprego do idioma vernáculo no parvulario e nos
primeiros anos escolares, pero non nos degraos superiores, o que
implicitamente tería duas consecuencias: os nenos non terían que soportar
o trauma que supón o aprendizaxe nunha lingua distinta da materna, co que
non se Iles xeneraría o desprecio e autoodio descontra o propio idioma,
pero ó cabo non sería senón unha forma «armónica» de integración no
universo do castelán, segundo a nosa interpretación. Frente a este sector
erguese unha segunda corrente máis radical verbo do papel que debera
desempeñar o idioma galego no sistema educativo. Situamos nela a mestres
como Roxerius (pseudónimo co que firmaba os seus escritos Roxelio Pérez
González), que proclamaba afervoadamente a: «[...] necesidade de co
ensino na Galiza, sexa predominante, senón eiscrusivamente galego, galego
e galego» (501); ou como tamén Alonso Rios, que dirixía en
Tomiño as
escolas «Aurora del Porvenir», sostidas por emigrantes en América e
Lisboa, partidarios de que os niveis medio e superior do ensino foran
tamén bilingües, agora ben, dando ó castelán o carácter e importancia dun
idioma auxiliar, entendendo que a verdadeira cultura galega soamente
podería producirse en galego (502). Como podemos ollar, a
concepción que o P.G. tiña do bilingüismo escolar era bastante moderada,
distando moito da radical proposta plantexada por Castelao no seu libro «Sempre en
Galiza», consistente en otorgar ó castelán, o papel dunha
asignatura. Deixando a un lado as posturas
teóricas e remitindonos ós feitos, temos de consignar que non existen
indicios de que galeguizasen «de facto» o ensino, no que fai a cuestión
idiomática. Somentes temos algún testimuño do emprego do galego nos
primeiros degraos do ensino (503) por parecerlles un flagrante disparate non utilizar a
língua materna. Polo demais, mantíñanse nunha tesitura legalista,
acatando a obriga que como empregados do Estado tiñan de ensinar en
castelán, en agarda do decreto de bilingüismo que non daría
chegado. Vexamos agora, un por un, a actuación
do P.G., nos distintos niveis educativos. A
orientación xeral que establecen artigos como os publicados por Pousa
Antelo, semella estar inspirada nos principios de adecuación da
organización escolar á comunidade na que estaba inserta, segundo os
concebía a «Liga Internacional de Educación Nova» (504).
Estimaban os galeguistas
que a escola rural non debía estar extrapolada do entorno agrícola, e o
mesmo polo que fai a escola situada no litoral verbo das cuestións mariñeiras. Das escolas situadas no medio urbano falan menos pola menor
importancia que tiñan as cidades, tanto na sua visión de Galicia, como na
súa estratexia política. Pero algo dín ocasionalmente; así Nuñez Búa
(director do colexio privado «Leon XIII» en Vilagarcía, de ideoloxía
católica como o seu propio nome indica e con sona de «duro» polos métodos
e disciplina) propugnaba, nunha conferencia dada en Vigo: «Escolas de
formación cibdadán e campesiña» a imitación do exemplo danés, e
concretamente dos módulos pedagóxicos do profesor Grundwidg (505) Hai tamén algún escrito no que se propón imita-lo
modelo escolar vasco, polo menos nalgúns aspectos, como o das «escolas de
barriada», que non se refire ás barriadas das cidades, senón a un tipo
disperso de escolas apto para atende-las necesidades dunha poboación
diseminada como era a galega (506). Eran obxectivos
primordiais do P.G. neste eido, a utilización do galego como recurso
pedagóxico, seguindo os pasos do mestre compostelán Francisco Maria de Ia
Iglesia, un dos primeiros pedagogos que empregaron o galego de tal xeito
(507), e tamén impartir coñecementos relativos á cultura e
realidade de Galicia, insertando ós rapaces no entramado do seu país, de
maneira que ficasen racional o sentimentalmente enraigañados na «Terra».
Anceiaban ademais os galeguistas enmendar os considerados desatinos,
provocados pola visión uniformizadora dos diferentes gobernos
centralistas. Isto proxectábano en varios ordes de cousas. Aparte do plan
de estudios, no que non entraban materias referidas a Galicia, Risco albiscaba o «criterio uniformizador do Poder Central» no calendario
e horario escolar. En efecto, non se axeitaba a disposición oficial do
curso, vacacións e horario, á vida rural galega, do que resultaba o
absentismo escolar forzoso (508). A isto mesmo alude Falcoeira, quen despois de aplaudir
as disposicións do ministro de Instrucción Pública, Marcelino Domingo,
adoptadas en marzo de 1936, e que, segundo él, respostaban a un concepto
de dignificación do ensino, dí que agardaban que ademais fose trocado ó
plan de estudos uniformado, por estar completamente divorciado das «esencias primarias e sustantivas da vida
galega» (509). Política uniforme, tamén, nos tipos de asentamentos
escolares e no estilo das construccións. Así o significaba Otero Pedrayo,
nunha interpelación parlamentaria xa mencionada (510), pedíndolle ó goberno que tivera en conta a maneira
peculiar en que estaba distribuida a poboación en Galicia; entendía que
no canto dos grupos escolares facían falla moitas pequenas escolas, e que
estas debíanse construir con arreglo a un estilo de arquitectura que
estivese en armonía coa paisaxe rural e mailas construccións campesinas.
Supoñemos que cando menos neste último aspecto a demanda de Pedrayo tería
boa acollida, dado que ó ocupa-la carteira de Instrucción Pública, o
socialista e «institucionista», Fernando de los Ríos, co encargo de
desenvolver a política educativa do Goberno provisional, dictouse un
decreto encamiñado a crear prototipos de edificios escolares para cada
rexión xeográfica (511). Sebemos, ademáis, que a fins de 1931 aprobouse a
partida presupostaria do Estado, para a construcción de escolas graduadas
en Vigo, cun total de 18 seccións. Os dous edificios que se crearían para
alberga-las, foron encomendados a D. Jenaro Lafuente para que as
proxectase cun carácter típicamente galego (512). Malestar e protesta dos
galeguistas suscitaron as lóxicas consecuencias da existencia dun corpo de
funcionarios docentes a nivel estatal. Na realidade de tal corpo,
territorialmente uniforme, vían un instrumento ó servicio da asimilación
cultural. A protesta do P.G. é, neste senso, bidireccional: quéixase da
disfuncionalidade que ocasionaban en Galicia os mestres vidos de fora e
descoñecedores das suas «señas de identidade» básicas (513); e a inversa, do problema da marcha de centos de
escolantes galegos para ocuparen destinos en Extremadura, Castela,
Canarias e Valencia, principalmente (514). Ramón Villar Ponte, propuxo que o P.G. levara a cabo
accións destinadas a impedir que continuara este orde de cousas (515), pero o seu partido, pouco proclive a precipita-las
cousas, quixo mellor agardar a posta en vigor do Estatuto, co que
doadamente se arranxaría este problema. Polo
demais, tanto na obra de Luis Bello, como no recente estudo de Antón
Costa, e na documentación manexada, aparece claro que foi neste nivel onde
máis vizoso e intenso resultou o esforzo dos emigrados galegos,
primordialmente en América. Dende comenzos de século financiaron a
construcción de varios centos de escolas, con boas condicións e en xeral
na liña das máis modernas correntes pedagóxicas, sendo especialmente
perceptible esta obra nas zonas costeiras. Casos destacados eran as «Sociedades de Emigrantes en
Cuba», que a altura de 1933, tiñan construido
75 escolas, dunha ou varias aulas cada unha, ademais de concederen axudas
monetarias a escolas xa existentes, ou a Sociedade «Naturales de A Peroxa
(Ourense)» , que sostiña trece escolas, ou tamén, a «Ilustrisima Sociedad
de Vivero y su comarca», que edificou 21 escolas, amén de colaborar ó
sosteñemento de 47 máis (516). A este esforzo de
«redención
cultural», sumáronse tamén
algúns filántropos, como D. Gaspar Vizoso, que donou un edificio en Ares
para escola nacional (517). Agora ben, o P.G. aplaudia, nin que dicir ten, todo
este labor, pero atopáballe unha eiva, a de non estaren estas escolas
suficientemente galeguizadas, fundamentalmente por non incluir nos seus
programas, asignaturas de lingua, xeografía e economía de Galicia. Semella
que os propios emigrantes, polo menos os da «Federación de Sociedades
Gallegas Agrarias y Culturales, de Bos Aires», decatáronse delo, e tomaron
o acordo, xa en 1925 de orientar dun xeito galego as escolas que sostiñan
en Galicia. Pero os resultados prácticos foron, ó decir do P.G., escasos.
Na etapa do primeiro bienio, as Sociedades de Silleda e Bandeira en Bos
Aires, tomaron a iniciativa de facer das suas escolas unha «Gran Escola
Comarcal» de orientación campesina, que era outro dos xeitos de
galeguizalas (518). Nela estudiaríase esconomía rural, as posibilidades
cooperativas, as de industrialización de productos agropecuarios, novas
sementes, novedosos xeitos de traballo labrego, ademais das cuestións
culturais galegas e do ensino en xeral. O autor do artigo do que tomamos
esta información descoñece o degrao de plasmación desta iniciativa. Tamén
por aquelas datas, a «Unión Provincial Ourensá», de Bos Aires, á que
caracterizan como unha «bella institución de esprito avanzado, social e
democrático», que sostiña dende facía moitos anos unha escola leiga en
Ourense, acordou subvencionar unha «Escola Galega», encomendando a sua
dirección ó Grupo Galeguista de Ourense. E non foi somentes esta a única
experiencia pedagóxica galeguista; o filántropo galeguista, Francisco
Dominguez Mosquera, financiaba a escola de Santiago de Lousada, no
Concello de Carballedo (Lugo) (519); as Mocedades Galeguistas de Celanova e Vigo, o Grupo
Galeguista de Santiago e algúns outros andaban na endeita de organizaren
escolas galegas a imitanza da que precursoramente fundara a Irmandade da
Fala da Coruña (520). Na renovación dos métodos
pedagóxicos non eran os galeguistas moi renovadores. Así, Vicente Risco,
especialista no tema, ante o encargo feito polos emigrantes residentes en
Bos Aires ó Grupo de Ourense, para que dirixira unha escola financiada por
eles, resume o seu «Plan Pedagóxico pr'a galeguización das
Escolas», que fixera en 1921. Propugna que o escolante dispoña de
libertade para empregar os métodos que mellor lle parezan, móstrase
reticente verbo dos métodos «novos e raros», e engade que «na nosa terra,
a discipriña escolar non pode ser tan laxa como pretenden certas escolar
d'outros países» (521). Claro que esta concepción pedagóxica autoritaria, que
compartía tamén, como xa deixamos dito, Núñez Búa (522), non podemos sen
máis, facela extensiva ó conxunto dos
integrantes do P.G. De tódolos xeitos, semella evidente a pouca
preocupación pola innovación dos métodos
pedagóxicos. Polo que fai ó segundo degrao do
ensino, solicitaban cátedras de língua e cultura galega. Cando ocupaba a
carteira de Instrucción Pública, Barnés, establecéronse varios Centros
estratéxicos para a selección e preparación de profesores encargados de
curso nos Institutos e Escolas subvencionadas de segundo ensino. Como
queira que a Galicia non se lle asignara ningún centro destas
características, Otero Pedrayo o reclama nas Cortes, amosando o espantallo
do separatismo como arma de presión, dicindo que de continua-la
confabulación deste e outros ministerios contra Galicia, non atoparía
Galicia para o logro das suas aspiracións máis que dous camiños: «o Ia
autonomía o el separatismo» (523). Gran preocupación lles merece a situación das escolas
de maxisterio, chamadas «Normales» . Destaquemos que na Normal de
Maxisterio de Pontevedra tiveron lugar uns cursos de cultura galega, nos
que deron conferencias destacados galeguistas. Otero Pedrayo, pide no
curso dunha interpelación parlamentaria, realizada en maio de 1933,
cátedras de galego para estes centros (524). Tras do triunfo do Frente Popular, volven novamente a
insistir neste tema (525), solicitando ademais cátedras de asignaturas referentes
á cultura galega (526). Testimuño da importancia que
lle otorgaban ás Normais,
é a pintoresca proposta dun galeguista anónimo, autor dun escrito no que
plantexa apoderarse do profesorado das escolas Normais, considerando
esencial a incidencia destes «forxadores de espritos» (526
bis). No eido universitario
abondan as referencias e mailos escritos dos galeguistas. Pero antes de
aludir a eles esbozemos brevemente a situación do ensino universitario na
etapa republicana. No bienio azañista sobrancea o proxecto de lei de
Bases de Reforma Universitaria, que tentaba de crear unha Universidade moi
distinta da que quedara configurada pola lei Moyano. Frente a unha
institución tradicional que se limitaba a administrar o saber adequirido e
a proporcionar títulos académicos, prefigurábase unha institución que
asumise a triple función de difundi-la cultura moderna, formar
cientificamente ós diversos profesionais e fomenta-la investigación. Os
avances conqueridos no primeiro bienio quedaron en gran parte suprimidos
na contrarreforma educativa emprendida no bienio radical-cedista;
desapareceu así a representación estudiantil nos claustros, xuntas de
goberno e xuntas de facultades, púxose cabo a autonomía de Cataluña en
materia de ensino, etc. Na etapa frentepopulista tentouse de continua-la
política encetada nos primeiros anos da República, pero a falta de tempo e
a atención preferente otorgada ó primeiro ensino, non permitiron a
consecución de obxetivos importantes (528), o que era certamente moi pouco. Vicente Risco adica un
importante artículo a comenta-la situación universitaria en 1931 (529). Escomenza considerando que a Universidade Compostelana
non era galega senón unha universidade castelana enclavada en Galicia. Por
elo a cultura galega tiña que vivir de costas á vida oficial, o cal non
era bo, polo que propugnaba a conquista da Universidade para a cultura do
seu país. Sinala tres factores básicos que operaban como axentes
desgaleguizadores: o profesorado, «habendo catedráticos nemigos xurados da
renacencia galega»; o alto porcentaxe de alunos matriculados, procedentes
de fora de Galicia, fundamentalmente vascos e cataláns que, segundo él, en
Facultades como Dereito, Letras e Farmacia, chegaban ó 60 por cento ou
máis; e tamén o abandono de Galicia de moitos estudiantes galegos, que ían
matricularse á universidades de fora, primordialmente Valladolid, que tiña
sona de «coladera», como en épocas anteriores ían a Salamanca. Polo
demais, consideraba necesario potencia-la Universidade, dotándoa de máis
medios, e traballar asimesmo pola «Residencia de Estudantes», en Santiago,
para atraguer ós estudiantes galegos, máxime considerando a competencia
que supoñería a posta en funcionamento da cidade universitaria de Madrid,
empresa na que colaboraban emigrantes galegos en América, ós que criticaba
por elo. Algo máis aporta Fernandez del Riego, que trata adoito estas
cuestións. Pronunciase pola democratización do ensino e pola apertura da
Universidade ós probes con talento, en tanto que non debían acceder a ela
os ricos sen vocación nen aptitudes (530). Otero Pedrayo reclama nas Cortes a autonomía
universitaria para Galicia, estimando necesario que a Universidade de
Compostela gozara dun amplo marxe para que poidera crea-las Facultades que
Galicia percisaba e, entre elas, moi principalmente, unha Facultade de
estudios rexionais. Agora ben, Pedrayo, para disipar receios, precisa que
isto non quería decir que os galeguistas quixeran pechar a Universidade á
cultura universal, senón que o que pretendían era converti-la Universidade
galega nun foco de cultura universal, e que o cosmos do saber universal
fora estudiado con espíritu e sensibilidade galegas (531). Antes xa, os
deputados galegos pedíran ó Goberno unha Facultade de Economía para
Santiago (532). Pero o gran tema para o P.G. era a galeguización da
Universidade. Por tal, o estudantes de dereito por certo que a Facultade
de Dereito era considerada daquela como a máis progresista e menos
desgaleguizada Carballo Calero entendía: «[...] estudar os problemas
xenerais tendo en conta que os que estudan son galegos; estudar
galegamente o universo. Imprantar logo cadeiras especiais pra os nosos
problemas, e poñerse a servirse do idioma natal de acordo co-as
concrusiós da Asociazón Profesional de Estudantes de Dereito» (533). De tódolos xeitos, pouco foi o conquerido. A laboura
galeguizadora realízana primordialmente os estudiantes, polo que
consideramos oportuno relatala no apartado correspondente ás Mocedades
Galeguistas, sendo de destacar que a presión ambiental na Universidade
Santiaguesa debía ser de tal índole que ningún dos moitos profesores
universitarios cos que contaba o P.G., utilizaba o galego para imparti-lo
ensino. O P.G. estaba fundamente satisfeito
coa rectoría de Rodriguez Cadarso (Otero Pedrayo non ten reparo en louvalo
nas Cortes) a quen consideraba como galeguista. Na etapa de Cadarso,
organizaronse na Universidade catro cursos libres, de quince días cada un,
de historia, literatura, idioma e xeografía de Galicia, dos cales somentes
se celebaron dous que, ó dicir de Risco, tiveron un éxito extraordinario;
encetábase así unha orientación comprensiva cara os pilares da cultura
autóctona (534). Finado Rodriguez Cadarso en accidente, sucedéuno
Montequi, quén, a pouco de tomar posesión do rectorado en 1934, fixo unhas
declaracións nas que falou de «la Universidad Española en Galicia», e
referíuse á Residencia de Estudiantes dicindo que pagara os pratos rotos
do «fracasado» Estatuto Galego, por daren algunhas corporacións municipais
para a propaganda estatutaria o que habían dar para a Residencia,
declaracións, dicimos, que o P.G., calificou de desafortunadas (535). Con Montequi os cursivos de cultura galega quedaron
suprimidos e anulada a laboura do Instituto de Estudos Galegos e
Portugueses, sendo en xeral «antigaleguista» a orientación marcada por
este Rector, polo que foi obxeto de crítica, menudeando as declaracións de
membros do P.G. nas que sinalaban que con Montequi a Universidade galega era «eisaitamente igoal que se dixéramos,
Universidade inglesa de Calcuta» (536). Así seguiron as cousas ata que no ano 1936 foi elexido
Rector, Luis Iglesias, que era discutido presidente do S.E.G. Para chegar
ó Rectorado houbera unhas eleccións nas que resultou derrotado o candidato
Novo Campelo, que, segundo o P.G., para axuntar votos entre os seus compañeiros de claustro, alegara a sua condición de antigaleguista
declarado. O P.G. manifesta que puído facer campaña de prensa contra dél,
ou ben actuar perto dun bo número dos que o podían elexir, pero que
preferiu non facelo, seguro como estaba de que o Claustro non sería capaz
de descoñece-lo estado de opinión operante en Galicia
(537). De tódolos xeitos, engadamos nós, en
« E.P.G.» e tamén
en «El Faro de Vigo» , ex-universitarios que ocupaban á sazón postos de
relevo no campo da ciencia galega (entre os que figuraban membros do P.G.)
fixeron campaña descontra de Campelo (538). O P.G. saudou con prudencia ó novo Rector electo,
Iglesias, que a pesares de ser presidente do S.E.G., non só non era
galeguista, senón que tampouco era galego, como non puido deixar de dicir
o P.G.(539).
3.7.5. Programa
Laboral
Ocupa o apartado laboral do
P.G., dentro do seu programa xeral unha extensión moi reducida proba do
escaso interés deste partido polos traballadores asalariados, que son os
destinatarios do conxunto de medidas propostas. Contrasta este apartado,
que ocupa o terceiro lugar no seu programa co que ven a renglón seguido, o
referente ás cuestións agrarias, que ocupa moito maior
espacio. Volvamos a repetir unha vegada
máis que isto non quere dicir que o P.G. fora agrarista, no senso de non
querer para Galicia un despegue industrial; moi o contrario, o seu
programa agrario orientase a reestructura-lo campo mellorando a
productividade mediante unha reforma cooperativista da agricultura que
redundaria nunha ampliación do mercado interno de Galicia o incrementarse
a capacidade adquisitiva do campesinado; isto era condición sine qua non
para un programa de desenrolo industrial de base nacional galega. O feito
de que se lle adicara moita maior atención o problema agrario que ás
relacións laborais no mundo da industria, evidencia sobor de todo o seu
orde de prioridades que é o lóxico nun proxecto de modernización
económica, pois sen contar cunha prospera economía agraria resulta dificil
concebir un programa de desenvolvemento industrial. Ainda máis, o primeiro
é premisa para o segundo. Polo demáis, xa
dixemos que no medio rural estaba a potencial base de movilización do
P.G. Non só era reducido o programa laboral
senón que, ademais, estaba redactado nuns termos eufemísticos bastante
notorios. En cinco breves puntos reivindican a aplicación a Galicia das
normas internacionales da lexislación do traballo, o reconocemento de «dereitos
sindicaes», ambígua expresión que deixa unha porta aberta a
restrición destes dereitos dado que non se pide expresamente o
reconocemento de tódolos dereitos, nin tampouco se mencionan aqueles que
teñen de ser recoñecidos. No punto terceiro
introdúcese unha petición reformista tinguida dun idealismo conectado coa
doctrina social da Igrexa; todo elo nuns termos ambiguos e mesmo confusos
nos que aparece polo medio a familia: «Réxime integral de seguro social,
previsión e xusta participación familiar do traballo no beneficio» (540). O apartado remata pedindo a prohibición do traballo
industrial para os menores de 16 anos, e maila creación de escolas de
orientación profesional ou de traballo dependentes do poder autonómico.
Como se pode ver, as omisións son notorias; o salario mínimo, as
condicións de seguridade e hixiene no traballo, a xornada laboral, e
representación dos traballadores no seo da empresa, etc., están
ausentes. Tampouco no Programa aprobado en
1932 na sua II.ª Asambreia, atopamos maior concreción que no Programa
fundacional. Máis ainda, xa nin siquera se alude á problemática laboral,
seguramente considerando que co dito no correspondente apartado do
primeiro programa abondaba; elo a pesares de que no programa de 1932
amplianse considerablemente certos apartados, como os correspondentes á
cultura, autonomía, cooperativismo e a proxección ideolóxica
universal. Posteriormente, na IV Asamblea,
celebrada en Santiago en abril de 1935, o Grupo Galeguista dunha cidade
onde o peso da clase obreira se deixaba sentir, como era A Coruña,
presentou unha proposta solicitando que o P.G. estudase os problemas
industriais e económicos co fin de elaborar un programa laboral axeitado,
ampliando o apartado correspondente ó Traballo, de xeito que estivera en
consonancia coa progresiva significación que o proletariado ía tendo na
política galega, sobre da base do cal escomenza-la propaganda do P.G. nos
centros industriais de Galicia. A Asamblea non tomou con demasiado interés
a proposta, e a cuestión ficou medio esguellada co acordo de que o Comite
Executivo fixera un estudio meditado do tema (541). A preocupación polas eleccións xerais e polo
plebiscito do Estatuto, acapararon a atención do partido obxeto de estudo,
de xeito que o tema laboral non volveu a sair a
colación. O feble peso específico dos
traballadores asalariados, unido á sua maioritaria adscripción a
organizacións estatais e ó feito de que non eran os obreiros os principais
detentadores das señas de identidade que configuraban a diferencialidade
galega, facía que o P.G. reparase pouco neles, considerandoos como clase «para a
nación», e non como clase «para sí mesma». En efecto, a gran
maioría das ocasións en que se alude ós asalariados, é no contexto da
problemática nacional galega xeral. Así, no conflicto do ferrocarril, a
construción do cal era un obxetivo interclasista, alúdese ó problema do
paro obreiro que ocasionaría a paralización das obras, como un elemento máis
a prol da sua reanudación. Tamén na crise da construción naval do
Ferrol, refírese o P.G. á crise laboral como un dos determinantes do
deterioro social e económico de Galicia, especialmente grave polo risco de
que toda unha cidade galega, que vivía exclusivamente dese ramo da
industria, quedase reducida á mínima
expresión. Non é ningunha casualidade que os
conflictos sociais intragalegos, os conflictos propiamente de clase, ben
están ausentes, ben aparecen en sordina, ou ben son interpretados con
arreglo o esquema: enfrentamento pobo/caciques ó servicio do centralismo,
nas páxinas de «A Nosa Terra». A razón é clara: menoscababan a cohesión
nacional, crebaban a desexada unidade de tódolos galegos. Polo demais, as
referencias que atopamos ós dereitos laborais dos asalariados están
caseque sempre insertas e diluidas no conxunto «dos que viven polas súas
mans», para decílo con Jorge Manrique. Así, no bienio radical-cedista
Bóveda sinalaba nunha conferencia que os gobernantes: «se propoñen furtar
as lexítimas conquistas dos obreiros, tiranizar ao labrador, agobiar ao
contribuinte pobre [...]» (542). E Suarez Picallo, pola sua banda, entendía que o P.G.
debía traballar polas: «conquistas democrático-sociais tendentes a un
superior nivel de vida das nosas clases laboriosas» (543). Sinalemos, ó cabo, a
primordial actuación do P.G., verbo das cuestións laborais. Suarez Picallo
dirixíu no Parlamento un rogo ó ministro de Traballo e Previsión (544) pedíndolle que a Lei de Seguro de maternidade fose
adaptada ás características específicas da industria galega, e que, no
entretanto, non se fixera efectiva a sua aplicación. Explica que él por
principio non se opuña a ningunha lei de previsión social, pero sí
particularmente a aquela por estar concebida cun criterio uniforme, polo
cal motivo estaba provocando perturbacións na industria conserveira de
Galicia. As propias mulleres empregadas na industria conserveira opúñanse
a ela, e declararanse en folga (especialmente as afiliadas á C.N.T.),
porque exceptuados uns cantos centenares de obreiras permanentes, en Vigo
especialmente, as demais eran eventuais. Traballaban en xeral tres meses ó
ano, tendo que pagar todo o ano o seguro de maternidade. A meirande parte
eran mulleres de labradores e de emigrados, que compangaban o traballo das
terras co da elaboración das conservas de peixe durante tres ou catro
meses do ano, nos cales o cultivo do campo requería menos coidados.
Ademais eran moitas as solteiras. Picallo remata expoñendo o criterio do
P.G. consistente en que debera ser o goberno autónomo galego o que
aplicase a lexislación social, dado que consideraba próxima a conquista do
Estatuto.
3.7.6. Programa Xurídico e
Administrativo
O darradeiro epígrafe do Programa galeguista (o VIII),
plantexa os problemas xurídicos. A este respecto reclaman un dereito que
testimuña o alcance do escoamento migratorio, que deixaba á muller casada
nuha situación de desvalimento legal ó monopolizar o home certos dereitos
civís que lle eran negados á muller (tiña que ser representado polo seu
marido nun xuício, non poidendo legalmente defenderse ela sóa, p.e.). Este
debía de ser un problema bastante xeneralizado e agudo para que o P.G.
tente de porlle remedio pedindo a: «Igualdade de dereitos civiles pra
muller casada no caso de emigración do marido». A petición é do máis timorata e non
arranxa a situación de discriminación da muller, senón que se limita a
paliar unha situación extrema de aguda penuria legal na que se tiñan de
atopa-las viuvas de vivos. E é que o P.G. non pide a igoaldade de dereitos
civís para a muller en xeral, senón só para as casadas que por ende
tivesen os maridos emigrados. Lembrémonos de que no concernente ós
dereitos políticos este partido era máis igualitario. Solicitan tamén que cando se
aplicase a lexislación galega, a función dos tribunais de xusticia
rematara en derradeiro recurso en Galicia. Piden, ademais, o recoñecemento
das modalidades de dereito civil galego: campaña familiar, dereito
sucesorio, réxime matrimonial dos bens, distribución das terras, e certas
formas contractuais, etc. Galicia ten,
nefeuto, un dereito foral que non foi recollido no Código Civil
escomenzado a facer a fins do XIX, nin tampouco foi introducido no apéndice que se fixo posteriormente como acontecera co de Aragón (545). O Dereito Foral Galego consta de múltiples
institucións peculiares, entre as cales as sucesorias testamento
mancomunado, mellora e petruciazgo son as máis significativas, pero non
as únicas: compaña familiar, viudedade universal, foros, montes e augas
comunais, son tamen importantes. Foi o
deputado pontevedrés Rodriguez Castelao quen, nunha intervención
parlamentaria en defensa da pequena propiedade rural (546) mencionou o «Apéndice ao Códivo civil» que fora
presentado ás Cortes de 1915, e ainda estaba sen aprobar, solicitando que
fose levado ó Parlamento, para ser aprobado tras poñelo ó día.
Consideraba que a aprobación do Apéndice ó Código civil era requisito
imprescindible para solventa-los problemas do minifundismo galego. Nada se
conqueriu e posteriormente a cuestión sae de novo ó candeleiro cando, a
proposta de Banet Fontela, a IV Asamblea do P.G. decideu dirixirse ó
goberno protestando pola preterición que se cometera con Galicia ó non
concedérselle un posto na Comisión Xurídica Asesora ós Colexios de
Abogados de Galicia, expoñendo unha interesante argumentación en apoio
desta pretensión, polo que consideramos oportuno reproducila en nota (547). O tema xurídico-social en
relación coa propiedade rústica de Galicia é abordado nun estudo de Lois
Rivaya Riaño (548), cumplindo deste xeito o acordo da III Asamblea do
P.G., a tenor dunha proposta do galeguista Ovella, consistente en ir
elaborando un variado repertorio de proxectos lexislativos, referentes ás
principais cuestións que tiña plantexades Galicia, que terían de ser
promulgados e levados a efecto polo parlamento autónomo en canto se
constituise (549). E, xa sen máis, pasemos a
analiza-lo programa e obxectivos do P.G. verbo das cuestións
administrativas. A división provincial e
municipal de Galicia vixente na II República era considerada polo P.G.
como desaxeitada ás características de Galicia. Analisemos primeiramente
cal foi a orixe destas institucións
administrativas. Galicia nos comenzos da Idade
Moderna aparece dividida en cinco provincias que se corresponderían coas
principais cidades daquela, que por seren tales posuían en exlusiva o
dereito de representación na «Junta del Reino»: Santiago, Betanzoa, Lugo,
Mondoñedo, e Ourense. Esta estructura pervive ata a metade do século XVI,
intre no que Tui e A Coruña se erixen tamén en cabezas de provincia. Así
continuarán as cousas deica 1785, ano en que se procede a efectua-la
reforma de Floridablanca, de xeito que o Estado Español pasa a
estructurarse en 31 Intendencias, unha das cales era a galega; deste xeito
se lle pasará a denominar Provincia a toda Galicia (de ahí a denominación
de provincialista ó movimento de Faraldo e Romero Ortiz). Segundo o
estudoso deste tema, Pablo González Mariñas (550), Galicia recibía tamén a denominación de
Reino-Provincia. Deste modo as antigas sete provincias esmorecen e van
perdendo vixencia, fenómeno facilitado polo feito de que no parece que
tiveran endexamáis unha significación administrativa de primeiro orde,
todo elo sin que cheguen a seren abolidas, de modo que coexisten coa
Intendencia. A principios do século XIX a tras dos avatares da guerra de
Independencia, instaurase en 1813 a primeira «Diputación Provincial Unica
de Galicia», na que teñen asento os vocales das vellas sete «provincias».
O ano seguinte, Fernando VII suprime as diputacións no seu afán de
desmontaxe da organización provincial saída das Cortes de Cádiz. Pasado o
sexenio absolutista, ábrese paso o liberalismo que dominará o Trienio
Liberal (1820-1823), no que reaparecerá por segunda vegada a «Diputación
Provincial Unica». Neste período dividíuse Galicia en 43 Partidos
xudiciales en troques dos 47 existentes ata entón, pero tal medida
provocou fondo malestar e múltiples protestas nos pobos, polo cal as
Cortes reunidas no vrán de 1821 decidiron deixar sin efecto a devandita
reestructuración. A Diputación Unica, Pola sua banda, acordou establecer
Axuntamentos nos lugares nos que xa se tivesen creado en 1814 e
progresivamente nas restantes localidades, elo a pesare do seu desaxeitado
acomodo á dispersión do habitat e papando por riba da oposición dos
curiais temerosos de perderen os seus privilexios. Para efectuar a
división tetraprovincial de Galicia, a Comisión de Xeografía das Cortes
realizou unha «Carta Geográfica» á que, ainda que non haxa uns datos
enteiramente satisfactorios a este respecto, podería atribuirselle en
parte o feito de que quedaran fora das provincias de Lugo e Ourense áreas
que son cultural e lingüisticamente galegas. Dicimos que só en parte xa
que o Bierzo realizou esforzos notabeis para artellarse como provincia
arredada de Galicia. Pola contra, consta o interés de moitos pobos do
Reino de León por incorporarse a Galicia, pretensión que recibeu o
respaldo da «Diputación Unica de Galicia» , inda que logo non prosperou.
Por lei decretada o 27 de Xaneiro de 1822 dividíuse Galicia en catro
provincias, o que levou consigo a desaparición da Diputación única. Os
límites e capitalidade das provincias de Ourense e Lugo foron aceptados
sin disputas, pero non sucedeu o mesmo coas da Coruña e Pontevedra, dado
que Santiago por un lado e Tui polo outro, impugnaron a capitalidade e
presentaron propostas de división de Galicia ata en seis provincias. De
tódolos xeitos, esta desagregación da Diputación única en catro durará
pouco, pois os bandazos de un e outro signo que abanearon o século pasado
dificultaron a consolidación das novas institucións. Así, a «Década
Ominosa» que se extende deica 1833, supuxo unha regresión ó vello
organigrama administrativo cortado polo patrón do «Ancién Régime». Tería
que chegar a década seguinte, de moderado liberalismo, para que quedara
definitivamente consolidada a división de Galicia en catro diputacións
provinciales, que chegarán caseque incólumes ata os nosos días. Un goberno
mornamente reformista de Cea Bermúdez aprobou por Real decreto, o 30 de
nadal de 1833, inspirándose nos proxetos elaborados por Javier de Burgos,
a mencionada división provincial o tempo que clarificou o anteriormente
confuso mando provincial que pasou a encarnarse nos recén nados
Subdelegados, que máis serodiamente pasaron a denominarse « Gobernadores
Civiles». Agora ben, a provincia liberal e constitucional, nace cun cuño
inequívocamente centralizador: é un ente administrativo creado e
afortalado non para facer máis vizosa a vida local, senón xustamente para
o contrario, para multiplicar a eficacia do exercicio do poder central nas
áreas máis excéntricas. O P.G. criticou
acerbamente a arbitraria división administrativa que separou de Galicia
algúns territorios que son étnicamente afins; deste xeito reclamaba, como
xa temos indicado, no seu Programa de Acción: «Incorporación a Galicia das
terras colindantes que teñen comunicade étnica, histórica, e lingüistica
con ela, sempre que se determiñen a elo por medio de plebiscito.» (551) Comentaba Paz Andrade (552), pouco tempo denantes de crearse o P.G., pero
reflexando as suas palabras perfectamante ben o pensamento deste, que España era un mosaico administrativo retallado en medio cento de
provincias, tan irreal, frio e artificioso como os mosaicos cerámicos.
Entendía que nin ainda disponendo as Deputacións de gran amplitude de
funcións e folgura de medios económicos, situación de que gozaran na etapa
de Dictadura mercede ó «Estatuto Provincial», foron quen de revelarse como
eficaces. Valoraba tamén, este mesmo autor noutro artigo posterior (553), que o erro fundamental da Constitución republicana,
residía en facer conciliables a existencia das provincias e das rexións
autónomas, co cal dificultábase que o novo estado autonómico tivese unha
dinámica administrativa «desembarazada e eficiente». Por conseguinte o
P.G. pedirá a desaparición das Deputacións provinciais e a sua sustitución
por un único organismo democrático e deliberante capaz de rexir con
enteira autonomía os intereses de Galicia. E é que ademáis da ineficacia
demostrada, o exclusivo recoñecemento de catro provincias escuartexaba a
unidade política de Galicia como nación; amén do cal fomentaba divisións e
liortas localistas. Pero vaiamos por partes:
«Galicia por obra do
centralismo cesarista, está arbitrariamente dividida en catro
anacos. Catro feudos políticos a cuio frente cada novo Goberno
pon outros tantos representates seus. A unidade política galega está
así rota, sendo o corrente que tales representantes do Poder
central obren de xeitos distintos, asegún a súa persoalidade e
conforme as inspiracións do xefe provincial de turno.» (554) |
Tampouco o sistema de
Axuntamentos quedaba libre da posta en solfa, dado que os Axuntamentos
eran en todo caso para este partido, instrumentos do centralismo, sen
apenas autonomía con respecto ó poder central, e situados de maneira
improcedente e aleatoria no ámbito rural. De aí que o P.G. incorporase o
seu Programa a petición da: « Prena autonomía municipal, recoñecendo a
persoalidade administrativa da parroquia rural e da comarca con dereito a
administración dos seus peculiares intreses.» (555) No propio Nomenclator de
1920 alúdese a unha entidade con personalidade propia de orde civil,
inferior en tamaño o Concello, que só existe en Galicia, na zona
occidental de Asturias e no Bierzo leonés: a parroquia. A pesares deste
reconocemento explícito, endexamáis se estableceu unha lexislación local
específica para Galicia, e así o denunciaba Cuevillas (556). O sistema de Concellos
estaba pensado para agrupacións humanas rurales ou urbanas pero non para
unha poboación rural espallada nunha moitedume de lugares que se denominan
parróquias. Os nomenclátores oficiais sinalan a existencia de 3.811
parróquias, tendo cada unha delas: «Un territorio, uns montes veciñais, un
cimiterio, un santo patrón, unha eirexa, unha festa, un pedáneo, unha
vecindade da feito e unha concencia parroquial» (557). Abundan, nos escritos dos membros do P.G., as
referencias exaltadoras da importancia capital das parroquias; así, para
Risco «a unidade económica en Galicia é a casa, e o fato social
trasfamiliar é a parroquia». Como «auténtica molécula social do noso
campo», e «a forma natural, espontánea e inmorrente da poboación
campesiña», a califican respectivamente Cuevillas e Otero
Pedrayo. Os Concellos que ficaron establecidos
en Galicia varían entre 100 e 400 Km., polo que forzosamente agrupan a
varias perroquias, quedando algunhas delas a cabalo de dous municipios.
Este desaxuste motivou a falla de vida municipal nos Concellos rurais. Foi
en parte así, na opinión do P.G., como xurdiu o ente simulador desa
función inexistente: o cacique. Por todo o cal, o P.G. nas súas «Bases pra
Reforma do Réxime local», era terminante a este respecto: «Os Concellos
rurás deben ser suprimidos sen ningunha vacilación (558). Deste xeito, só subsistirían os Concellos das cidades
e vilas, ós que se lle engadirían os nucleos rurais que xirasen na súa
órbita económica. Ademais, no proxecto de novo réxime local de Cuevillas,
as parroquias non só serían recoñecidas, senón que ademais terían ó seu
cargo unha serie de servicios rurais, que deberían ser transferidos dende
os Concellos que desaparecesen. As parroquias funcionarían en rexieme de
Concello aberto, baixo a presidencia dun pedáneo ou vigairo elexido por
elas. As suas fontes de financiación virían dadas polos repartementos que
as parroquias mesmas acordasen nas suas seccións, a base das
contribucións. A nova Administración de Galicia, tal e como a concebía o
P.G., debía estar asentada sobor dos pilares da parroquia, e da comarca
natural ou bisbarra. Agora ben, o problema xurdía, amén da factibilidade
política do proxecto, da inexistencia dun estudo sobor das bisbarras
galegas que permitise precisar con exactitude os límites de cada unha
delas, límites que non estaban para ninguén claros a diferencia dos das
parroquias que eran conecidos con precisión polos vecifios que habitaban
nelas, tal e como o pón de relevo Anton Vilar Ponte (559). Fora destes grandes temas
de doctrina nacionalista, nos atopamos cun valeiro grande no que fai a
programas de ameto municipal. O P.G. prestou escasa atención a este tema,
dispoñendo de moi poucos concellais. O primeiro programa local elaborado
polos galeguistas foi o do Grupo de Sada en 1935 (560). A estas alturas da República, a «Segredaría
Política»
do P.G. pasa a considerar importante a cuestión e exhorta ós demais Grupos
a seguiren o exemplo do da Sada. Tras das eleccións xerais de febreiro de
1936, créndose próxima a celebración de comicios municipais, eran varios
os Grupos que, como o de Vigo, estaban a elaborar programas locais con
solucións concretas e alternativas ós problemas municipais (561).
NOTAS |