O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

I. ANTECEDENTES DO NACIONALISMO REPUBLICANO

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada003.html

     l. ANTECEDENTES DO NACIONALISMO REPUBLICANO.



     1. Unha división por etapas discutible

     Ata hai ben pouco tempo, os estudios adicados a glosa-lo movemento galeguista daban por boas as pautas divisorias establecidas polos intelectuais da «Xeneración NOS». As etapas pro postas polos seus integrantes apousan sobre da base dun criterio meramente nominalista. Quere isto dicir que dividen ó movemento galeguista en fases provincialista, rexionalista e nacionalista, segundo a expresión utilizada para denominar á singularidade de Galicia. A tenor desta clasificación, a fase inicial, provincialista, parte de 1840 e caracterízase polo rexeitamento da división provincial de 1837, que fragmentaba Galicia en catro anacos arbitrariamente tracexados.
     O provincialismo postulaba, pois, o recoñecemento de Galicia como tal unidade, que tiña un feitío ó que non lle acaía ben máis que un único encadre provincial. A fase seguinte, a rexionalista, abrangue dende 1885 ata 1916, e está marcada polo tradicionalismo de Alfredo Brañas, autor de «El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario», e asimesmo pola personalidade singular de Murguía, cunha significación ideolóxica máis ben liberal e progresista. A fase propiamente nacionalista escomenza coa creación das «Irmandades da Fala» en 1916. Antón Villar Ponte é quen consagra na súa obra «El Nacionalismo Gallego. Nuestra Afirmación Regional», a verba nación. Débese tamén a el a acuñación da expresión «galeguismo», que toma do modelo «catalanismo» (1).
     Recentemente o historiador Barreiro Femández (2) enriqueceu esta clasificación combinando o tradicional criterio nominalista con outro de índole cronolóxica-política e, en parte, tamén cultural. Segundo a súa etapificación, atopámonos con catro etapas, cada unha delas dividida á súa vegada en fases. Así a etapa provincialista (1840-1868) divídese nunha fase «política», que escomenza en 1840 e remata na desfeita de 1846, e outra «cultural» caracterizada polo Rexurdimento literario; ven logo a etapa federalista (1868-1885), que comprende as fases «política» (o Sexenio 1868-1875) e «político-cultural» (a Restauración 1875-1885); segue despois a etapa rexionalista (1885-1900) á que continúa unha cuarta, presidida por «Solidaridad Gallega» (1907-1914). A etapificación elaborada por Barreiro remata coa xeira do nacionalismo, con dous primeiros momentos que son as «Irmandades da Fala» (1916-1923), e a Segunda República.
     A obxección que lle atopamos a esta etapificación estriba xustamente na atención que se presta en exclusiva á terminoloxía diferencialista, ás etapas clásicas da historia contemporánea de España (Sexenio, etc.) e ós fitos cronolóxicos marcados polas organizacións galeguistas que se foron sucedendo. Esta positivista clasificación relega os factores de tipo social e económico, quedándose tan só co que máis claramente aflora á superficie.
     Agora ben, con semellarnos discutibles as etapificacións ata agora establecidos, non podemos desbotalas polas boas. Teñamos en conta que tamén as divisións tradicionais da historia universal nas etapas antiga, media, moderna e contemporánea, se arbitran en base a determinados episodios políticos considerados cruciais e outro tanto acontece coas estipuladas para á historia de España. Sendo así que, con seren mellor coñecidas tanto a historia «social» (3) universal como a de España en xeral (3 bis), dista de haber unanimidade entre os historiadores en punto á aceptación dalguna das outras etapificacións establecidas en base a criterios que trascenden ó exclusivo nivel político (a dos modos de producción, por exemplo), de maneira que seguen a utilizárense como mal menor as tradicionais divisións, sería irresponsable obrar de distinta maneira coa historia de Galicia, e concretamente coa do galeguismo, cando o que coñecemos da súa base social e proxección económica é moi limitado.
     Por conseguinte, queremos deixar clara constancia de que non nos resulta completamente satisfactoria a etapificación do movemento galeguista que se ven usando, pero consideramos asimesmo que farán falla rigurosos estudios en profundidade dos axentes sociais que poñen en pé ó movemento galeguista, da súa ideoloxía e da súa práctica, dos obxectivos políticos e económicos, que non son sempre coincidentes, para que queden sentadas as premisas que permitan inferir unha etapificación sólidamente fundada.



     2. A minoría galeguista á procura do apoio social.

     O movemento de afirmación da diferencialidade galega foi sempre patrimonio dun reducido sector social de ubicación urbana, composto basicamente de intelectuais e profesionais. O desarraigo social do credo galeguista fai que estea confinado na marxinalidade da que lle costa gran traballo sair. Abundan as testimuñas de queixa e protesta pola incomprensión que padecían. Así Enrique Peinador refire (4) que os galeguistas que formaban unha tertulia, na librería Carré da Coruña (Lugrís Freire, Pondal, Tetamanci, Carré, etc.), á que eles denominaban «Cova Céltica», con aquel seu característico prurito étnico, eran considerados como extravagantes de dubidoso gusto e obxecto de mofas e escarnios, de entre os que non era o que menos lles doía, que se referisen despectivamente ó seu grupo co alcume de «a Academia do grelo». Claro que a extrapolación do galeguismo verbo da sociedade galega producíase non soamente pola impermeabilidade desta, senón tamén polo elitismo daquel. Eran, en efecto, moitos os galeguistas que gustaban de seren unha minoría escolleita de «bos e xenerosos», e que admitían de moi mala gaña que penetrasen no arcano círculo dos iniciados, xentes, amplas en número, que non tivesen previamente demostrada unha acendrada pureza ideolóxica (5). Pero ningún nacionalismo pode triunfar sen o apoio maioritario do país ou nación na que se encarna. Urxidos por esta necesidade tentan de galeguizar ós seus coincidadáns, para que tomen conciencia da súa identidade colectiva, como paso previo primeiro, e paralelo despois, á posta en marcha do movemento nacionalista galego.
     A febleza do galeguismo vai acompañada dunha certa falla de depuración ideolóxica. Quere isto dicir que ata 1920, en que aparece formulada por Risco a doutrina do nacionalismo galego, e mesmo despois, o galeguismo non aparece como unha realidade completamente autónoma das restantes doutrinas. Temos, en efecto, que o galeguismo presenta múltiples puntos de contacto, e mesmo auténticas interseccións, co carlismo (Brañas e Lousada Dieguez), co federalismo pimargalliano (Marcial Moure e Sánchez Villamarín), co liberalismo (Faraldo e Aurelio Aguirre), co republicanismo (Antón Villar Ponte e Lugrís Freire) e co agrarismo, como teremos ocasión de ver. Non é senón nos anos trinta, en que o galeguismo adquire un certo releve social, cando madurece doutrinalmente como unha ideoloxía perfectamente diferenciada das demais, e como un partido cunhas señas de identidade enteiramente propias, aínda que certos grupiños aparecidos xa nos anos 20, sobre todo en Ourense, prefiguraran, a escala reducida, o que acabamos de dicir.
     A vía preferentemente utilizada polo galeguismo para sair do seu illamento, consistiu en establecer contacto co movimento agrario, co campesinado, dado que as cidades, nas que se producira a xénese do galeguismo, non existía un clima apropiado para o seu proselitismo, ademais de que pola súa escasa importancia demográfica, considerábanas illas perdidas na inmensidade do océano. Xa que logo, os galeguistas preocúpanse de colaborar na prensa dos agrarios («La Zarpa», por exemplo), incorporánse eles mesmos ás organizacións agrarias e levan ós seus programas os obxectivos primordiais delas. Temos así a Murguía e Lugrís Freire en «Solidaridad Gallega», a Castelao en «Acción Gallega», a Lousada Dieguez tamén en contacto cos agrarios. Polo demais no programa das «Irmandades da Fala» as reinvindicacións agrarias ocupan un renglón privilexiado, cousa que tamén sucede co programa do P.G. Foi, pois, preocupación central do galeguismo conquerir ensamblarse coas organizacións agrarias, como xeito de acadar unha base de masas (6).
     Paralelamente coa actuación agraria, o galeguismo válese tamén da cultura buscando ó traveso dela tender unha ponte unitiva coa sociedade. O galeguismo entrégase ó estudio dos temas e problemas de Galicia, difundíndoos por medio de conferencias, mitins, exposicións, libros, folletos, revistas e artigos de prensa, coa esperanza de que a sociedade galega se recoñecera a sí mesma, vendo reflexada a súa imaxe, convenientemente depurada, no espello que os galeguistas Ile puñan diante. O labor levado a cabo polas «Irmandades da Fala», a «Xeneración NOS» e o «Seminario de Estudos Galegos» é a este respecto ben ilustrativo.
     Se decidido e continuado foi o traballo cultural, resultou en cambio feble, hesitante e discontinuo, outro dos procedementos empregados pola minoría galeguista para desembarazarse da campá de cristal que a illaba do tecido social: a actuación política. Para un sector do galeguismo constituía unha palmaria evidencia que ocupando parcelas de poder, por medio do acceso ás institucións —diputacions e concellos, fundamentalmente, pero tamén ó Parlamento—, poderían dar maior resonancia á súa doutrina. Pero non era este o sentir xeral, como o proba a existencia dunha corrente de opinión, que gozaba de considerable ascendente nas ringleiras galeguistas —sinaladamente no núcleo ourensán—, renuente á intervención política, e partidaria do abstencionismo electoral, considerando máis eficaz o labor cultural, de concienciación lenta, que dotase duns firmes alicerces ó nacionalismo, e que á postre tería tamén unha repercusión política (7). Esta discrepancia fai que o nacionalismo galego vacile repetidas veces á hora de presentarse ás eleccións, de xeito que as súas comparecencias e abstencións describen unha traxectoria irregular e sinuosa. Así, nas eleccións municipais de 1917 soamente o grupo coruñés decide presentarse, aínda que non directamente, sí incrustando candidatos seus noutras candidaturas, fundamentalmente agrarias; nas eleccións que teñen lugar en 1918, nada máis que concorren dous candidatos galeguistas, Rodrigo Sanz polo distrito de Pontedeume, e Porteiro Garea polo de Celanova; nas eleccións xerais de 1919 absteñense de presentar, pero algúns apoian en varios lugares ós candidatos considerados anticaciquís; nas municipais dese mesmo ano soamente os coruñeses manifestan a súa intención de participar, etc.



     3. A procura do recoñecemento da personalidade de Galicia

     Xa temos visto como o movemento galeguista se aplicou a conquerir que os habitantes de Galicia se recoñecesen a sí mesmos como tales, cobrando conciencia da singularidade da súa terra, de xeito que o «solar galego» se transformase «nunha patria», segundo unha expresión cara para os galeguistas. Esta é a proxección intragalega de vontade galeguista, pero vérquese tamén cara o exterior, en dirección o Estado central fundamentalmente. De feito, a primeira está en función da segunda, sendo o requisito «sine qua non». Cumpría, en efecto, que Galicia tivese previamente conciencia do seu ser diferencial, como provincia, rexión ou nación —segundo a terminoloxía sucesivamente empregada— para que fose logo recoñecida a súa idiosincrasia polo poder central, admitido o cal debérase seguir, como corolario lóxico, a concesión do autogoberno. A vindicación do recoñecemento da personalidade de Galicia vai pois unida, para o galeguismo, á esixencia dun poder de seu, nun degrao variable.
     A personalidade de Galicia exáltase na literatura, na poesía e na prensa. Pero é no terreo da política onde máis eco conquiren os galeguistas, malia o seu cativo degrao de apoio social. A primeira aldrabada deuna Antolín Faraldo na súa sonada proclama de 1846, sendo tamén importantes, dentro desta mesma etapa provincialista, os discursos pronunciados no Xantar de Conxo, xa en 1856. Esta tradición continúa coa esixencia programática dun «Cantón Gallego», que fan os federais galegos, que se achegan ó galeguismo ó tempo que creban os nexos que os unían co Directorio que conducía o partido federal español do que formaban parte. A obra de AIfredo Brañas e o complementario labor da «Asociación Rexionalista Galega», contribuiron incuestionablemente moito a dar a coñecer fóra de Galicia —especialmente en Cataluña— o anceio da «rexión» galega de dispoñer do «self-governement». A andaina continúa coa magna actuación das «Irmandades da Fala», que configuran as bases do que debería se-la «autonomía integral», que informará a ideoloxía política dos numerosos grupúsculos nacionalistas que xorden entre 1920 e 1931, incluído o propio Partido Galeguista. Foron, ademais, as l. da F. quen instauraron a data do 25 de xullo como «Día de Galicia», e moi principalmente a elas debeuse que cando en 1927 a Real Academia Española acordou contar con dous representantes por cada zona que tivese lingua, cultura e, en  definitiva, personalidade singularizada, non se limitase a designar representantes por Cataluña e Euskadi, senón que tamén incluise a Galicia. Así pasaron a ser académicos Ramón Cabanillas e Armando Cotarelo (8).
     O recoñecemento da personalidade de Galicia é novamente reivindicado nos pactos de Barrantes, San Sebastián e Lestrove; proclámase masivamente na campaña de propaganda autonomista que os galeguistas levan a cabo, con inusitada extensión e intensidade, no ano anterior á proclamación da República, sendo o acto estelar o mitin celebrado con éxito no Teatro García Barbón de Vigo (9), e continúa despois ó longo da existencia deste réxime, cun baixón no segundo bienio, e un novo relanzamento tralo triunfo do Frente Popular en febreiro de 1936, que culmina coa rexa e intensa campaña de plebiscitación do Estatuto. No referendo foi sometido a consulta e aprobado un Estatuto de Autonomía que fora apoiado nunha Asamblea de Concellos celebrada en Compostela en 1932, xa que o anteproxecto elaborado un ano antes polo «Seminario de Estudos Galegos», non conquerira o necesario apoio (ademais de estar concebido para unha constitución que consagrara o federalismo, soño do nacionalismo galego que non conseguiu ver plasmado na realidade). Foi tamén na República, cando os galeguistas conqueriron que a «Sociedade de Nacións» recoñecese, concretamente no ano 1933 en Berna, a personalidade nacional de Galicia.
     Como podemos ollar, foi o sistema republicano o marco que permitiu unha actuación máis eficaz do galeguismo a prol do recoñecemento da realidade nacional do país que reivindican. Isto xa o albiscara con antelación un sector do nacionalismo, pero non todo el. Vexámo-la cuestión.



     4. O Galeguismo ante a cuestión da República

     A cuestión da forma de Goberno plantéxana as l. da F. no manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo (18 de novembro de 1918), titulado «Ao pobo galego», no que dictan que:

     «crendo n-a accidentalidade das formas de goberno, intrésanos acrarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos, dende logo, con aquela que se mostre mais doada pra chegare a federación con Portugal».

     Esté contradictorio enunciado non obedece só á prudencia política que os levaría a esguellar unha declaración expresa de republicanismo nun momento en que tiña plena vixencia a Monarquía, senón que resposta principalmente á necesidade de atopar unha fórmula de compromiso —inevitablemente ambigua— entre os sectores monárquicos do galeguismo, os republicanos e os accidentalistas «sensu estricto», que entendían que o nacionalismo era algo por completo alleo ás mudables formas que puidese adopta-lo Estado. Polo demais, queda claro que, como ben di Alfonso Bozzo (10), a segunda afirmación nega a primeira, pois dificilmente a monarquía podía mostrarse como a forma de goberno «mais doada» para chegar á federación con Portugal. A postura das l. da F. pódese equiparar, a este respecto, coa da «Lliga» de Cambó (11).
     Para entende-Ia devandita ambigüedade cómpre referirse ó integracionismo (12) que adoita ser unha característica dos nacionalismos en xeral, e que, dende logo, o é do galego en particular. En efecto todolos elementos nacionalistas participaban da idea de que o tema da defensa de Galicia debía estar por riba de calquera outra problemática, debendo supeditarse todo en aras do común afán patriótico. Por elo, como queira que existía entre os nacionalistas algún escaso núcleo de monárquicos e un numeroso sector de accidentalistas, os republicanos evitaban manifestarse como tales a colaborar coa oposición antimonárquica para non laza-Ia unión, xa ben precaria, que existía na corrente nacionalista (13).
     Por isto é que a proposta presentada pola delegación ferrolana das l. da F., que presidía Xaime Quintanilla, na Asamblea celebrada en Monforte no ano 1922, consistente en que o nacionalismo galego se declarase republicano, non prosperou (14).
     Soamente un núcleo de galeguistas coruñeses, capitaneados por Antón Villar Ponte (Lugrís Freire, Anxel Casal, Víctor Casas, Zamora, Monasterio, etc.) (15) se uniron cos republicanos de Casares Quiroga para crear en outono de 1929 a O.R.G.A.; a elo podemos engadi-lo republicanismo militante dos galeguistas bonaerenses encadrados na «Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales» que estaban en contacto, ó traveso de Suárez Picallo, co devandito núcleo coruñés. Tanto é así que se incorporaron eles tamén á ORGA en canto se creou (16).
     Pero, en xeral, a actitude do nacionalismo galego permanece invariable ata un momento moi serodio —tras da caída da Dictadura de Primo de Rivera— no que a cuestión da República se convertiu nun tema candente que acaparou o primeiro plano da atención pública. E aínda no remate do ano 1930, erguense as voces de senlleiros galeguistas, como Arturo Noguerol (17) para repetir que os galeguistas non se debían pronunciar sobre a forma do réxime. Algo semellante dicía o galeguista que editorializaba en «El Pueblo Gallego»(18): que o problema do momento non era a forma do réxime (Monarquía/República) senón de organización do Estado (centralismo/autonomismo). Ó escomenza-lo ano 1931 tanto as l. da F. como as demais agrupacións nacionalistas seguían sen se pronunciar expresamente polo sistema republicano. O máis que chegan a facer, concretamente as l. da F., é omiti-lo punto no que facían referencia paradóxica ó accidentalismo, cando en marzo cren necesario, dadas as circunstancias críticas da hora que se vivía, recordar e revalida-lo seu programa de 1918 (19). Con gran cautela recoñecen que era no campo dos republicanos onde con máis forza se reclamaba a autonomía, pero gárdanse moito de tira-las oportunas conclusións (20). Precisemos que a maior parte dos nacionalistas recoñecían que a instauración da República favorecería a causa do autogoberno de Galicia, pero entendían que o que lles concernía a eles era potencia-lo sentimento autonómico, ou todo o máis, conquerilo compromiso das organizacións republicanas, para que desen o seu apoio a un sistema federal ou autonómico. Debido a isto os nacionalistas da provincia de Pontevedra, e en certo degrao tamén os ourensáns, entréganse a unha campaña de propaganda autonómica, que non republicana. Tamén isto explica que tanto na VI Asamblea Nacionalista, celebrada na Coruña o 27 de abril de 1930, como no Compromiso de Barrantes (25-X-1930) non haxa unha declaración de republicanismo clara e tallante. Sintomáticamente é sempre implícita ou perifrástica, diferindo, pois, nós coa interpretación de Beramendi quen mantén que todo o nacionalismo galego aposta pola República meses antes da convocatoria das eleccións municipais do 12 de abril (21). De pouco valen os chamamentos de Jesús Bal y Gay (22), Federico Zamora (23), Víctor Casas (24) e Antón Villar Ponte, exhortando ós seus correlixionarios a non perde-Io carro da historia, e aducindo que a proclamación do novo réxime necesariamente comportaría a concesión da autonomía para as nacionalidades. Entre os convencidos republicanos desta hora temperá, estaba tamén Gómez Román, futuro secretario xeral do P.G., que á sazón era membro dirixente da «Agrupación al Servicio de la República» (25).
     Escasamente un mes antes da instauración do réxime republicano as cousas cambian, en gran parte polo influxo do nacionalismo catalán, a ala de esquerdas do cal (Macia, Bofill, Rovira e Virgili, Nicolau D'Olwer, etc.) viña de decantarse a prol da República (26). Temos así que o 21 de marzo o «Grupo Autonomista Galego» difunde un comunicado (27) solicitando a amnistía xeral e declarándose incompatible coas forzas que tentaban de soste-Ia Monarquía. Antón Villar Ponte lanza unha nova andanada celebrando a declaración de fe republicana dos catalanistas de esquerda (e criticando de paso ós «plutócratas» da Lliga). Afirma que xa ían sendo moitos os nacionalistas que se declaraban republicanos e era chegada a hora de que as máis autorizadas voces do galeguismo se declarasen pola república, e cita concretamente a Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Alvaro das Casas (28). Isto dío dende as páxinas do rotativo E.P.G. e vóltao a repetir días despois en A.N.T. (29). Ó cabo, tan só unha semana antes do 14 de abril aparece o pronunciamento dun importante núcleo de nacionalistas, principalmente ourensáns (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Peña Rey, Cuevillas, Fernández Oxea, etc.). Estes:

     «[...] nacionalistas galegos e afiliados ás organizacións representativas désta doutriña política, recollendo o estado d'opinión que coidan predomiñante entre os galegos qu'arelan a liberdade e o milloramento da sua Terra [...] consideran a Repúbrica federal como a forma, de goberno mais axeitada pra lograren as arelas mínimas do nacionalismo galego, e poI-o tanto fan n-iste acto decraración de fé repubricana».

     Din tamén que só aceptan, dos programas dos partidos republicanos españoles, a súa vocación federalista, pero que de tódalas maneiras están dispostos:

     «[...] dentro do que lles permita a discipriña das orgaizacións nacionalistas a que pertenecen, a colaboraren políticamente cós partidos repubricanos eisistentes en Galiza, na defensa da soberanía popular e dos elementales supostos democráticos, na implantación do régimen republicano».

     A continuación deixan ben sentado que non recoñecen ningunha xefatura allea ás organizacións nacionalistas das que son afiliados, salvo nos compromisos concretos que contraian cos partidos republicanos nos que reiteran que non están dispostos a ingresar (30).
     Tamén Alvaro das Casas publica un artigo no que, despois de menciona-la ortodoxia da doutrina nacionalista —que sostiña que o galeguismo puro estaba máis alá da cuestión do réxime— explica que dadas as circunstancias os galeguistas debían actuar conxuntamente coas forzas republicanas nun frente antidinástico (31).
     A pesar das vacilacións e tardanzas do disperso movemento nacionalista, considerado en conxunto, en moitas localidades presentan candidatos ás eleccións municipais do 12 de abril, ben incrustándoos nas listas da coalición republicano-socialista (á que se suman en moitos sitios as sociedades agrarias), ou ben en candidaturas independentes, cousa que máis ben se dá en municipios pequenos. Non é cometido deste apartado introductorio dar unha información completa e sistemática das candidaturas presentadas en tódolos concellos de Galicia, o cal esixiría consulta-las actas municipais de todos eles, por ser esta a documentación máis exacta e fiable. Como queira que non existe bibliografía de apoio, limitarémonos a da-los datos suministrados pola prensa, que soen aparecer de xeito desordeado, incompleto e, ás veces, impreciso e mesmo confuso. Xa que logo, mencionaremo-los lugares onde sabemos con certidume que se presentaron candidatos galeguistas, podendo haber máis, aínda que non cremos que varie sustancialmente o número.
     Na Coruña preséntanse candidatos galeguistas formando parte da coalición republicano-socialista. Na provincia de Pontevedra, concorren en Vigo, Mondariz-Balneario, Salvaterra, Nigrán, Baiona e nalgunha outra localidade máis. Na provincia lucense preséntanse en Sarria, na «Alianza Republicana» —na que tamén se alistan os agrarios—, Viveiro e cremos que tamén en Lugo, encadrados na O.R.G.A. Por Ourense preséntanse dous «republicanos nacionalistas» (32) formando parte da candidatura socialista- agraria-republicana, un no municipio de Margana e outro no de Leiro. As distintas organizacións nacionalistas que apoian a estes candidatos amósanse bastante activas na campaña. Atopamos así ós máis destacados oradores galeguistas intervindo nun bo número de mítins: na Coruña a prensa destaca (33) a Luis Peña Novo e Antón Villar Ponte; na de Pontevedra, prodigan as actuacións: Gómez Román (34), Julio Vila (35), Paz Andrade e tamén Otero Pedrayo que vén dende Ourense, onde tamén actúa, a axudar ó G.A.G. Na provincia de Lugo sobresaen Ramón Villar Ponte e López Otero (36). Na de Ourense interveñen activamente como oradores, ademáis de Otero Pedrayo, Alvarez del Campo e P. Ramón F. Ojea (37). Por todas partes os galeguistas centran a propaganda na problemática autonómica, poñendo a súa resolución en función dos resultados das eleccións (38).
     As eleccións do 12 de abril leváronse a cabo nun clima pouco sosegado, cos estudiantes da Universidade de Santiago en folga, convocada pola F.U.E., e en medio de moitos incidentes, irregularidades e presións que recolle a prensa (39). É todo un síntoma que na provincia da Coruña se tivesen que repeti-Ias eleccións en toda ela, exceptuando só os principais núcleos urbanos (40).
     Tendo en conta o número de candidatos presentados, os resultados non se poden considerar malos para os nacionalistas, que se viron favorecidos polo triunfo da coalición republicano-socialista en varias das principais cidades de Galicia. Na Coruña foron elexidos concellais tres membros das l. da F.: Luis Mosquera, Alfredo Somoza e Gaspar Araujo. Por Vigo saíron vencedores: o exportador de peixe, Santiago Montenegro e o armador Costas; sete por Mondariz-Balneario, notándose o influxo do galeguista Enrique Peinador, dous máis por Salvaterra, sete por Nigrán e outros dous en sendos municipios da provincia pontevedresa, un en Baiona (40 bis) e outro, que non se especifica (41). Na provincia de Lugo accederon ó Axuntamento, Ramón Villar Ponte, en Viveiro, e algúns máis en Sarria (42). Ó cabo, por Ourense foi elexido Eleuterio González Salgado, Agustín Baladrón por Leiro (42 bis) e un máis polo concello de Margana.
     En resumidas contas, os galeguistas van a escomenza-la súa andaina polo novo réxime cunha moi feble presencia nas institucións municipais. Non ten pois nada de particular que Castelao dixese, un ano despois, que o triunfo da República pillou ós galeguistas «en mantillas» (43).
     Proclamada a República de maneira pacífica os distintos agrupamentos galeguistas apresúranse a adherirse a ela. O Grupo Autonomista Galego emite un comunicado apoiando á xunta municipal republicana, expresando a esperanza —que moi logo se vería defraudada— de que tamén o Axuntamento vigués labourase pola autonomía, obsesivo e capital tema deste grupo de galeguistas. Enviaron tamén telegramas ó Presidente do Goberno Provisional, AIcalá Zamora, e ó Ministro de Mariña, Casares Quiroga (44), mostrándolle-lo seu apoio e solicitando, como non podía ser menos, a autonomía para Galicia.
     Axiña sae o periódico das l. da F. e no editorial amosa a súa satisfacción pola proclamación da República e especialmente pola:

     «[...] forma plebiscitaria e serena con que foi instaurada [...]. A República conquerida así é algo legal e firme que todos temos o deber de acatar e defender. Ainda aqueles que sendo nacionalistas e militando nas Irmandades, onde couperon sempre repubricanos e monárquicos, non tiñan feito unha definición de forma de goberno ou sentían no íntimo o sentimento monárquico. Desapareceu este preito que, agora pode decirse, había nas ringleiras galeguistas [...]» (45).

     Na proclamación da República o himno e a bandeira galega coñecen o seu bautismo oficial. En moitas partes de Galicia cobran xa rango público e reciben multitudinario apoio. Ata este momento grupos minoritarios de galeguistas exhibían en determinadas celebracións a bandeira branca-azul e pedían ós Axuntamentos e organismos públicos que a erguesen nas súas sedes o 25 de Xullo. Tamén no Día de Galicia pedían as bandas da música, que daquela se prodigaban por todo o territorio galego, que interpretaran o Himno Galego. En efecto, nos Axuntamentos da Coruña e Santiago ergueron a bandeira republicana e a galega (46). En Pontevedra aconteceu o mesmo, coa particularidade de que a manifestación que celebrou a proclamación da República fixo ondear tamén a vermella (47). En Ourense foi Vicente Risco quen izou a bandeira galega no Axuntamento (48). En moitos sitios as bandas de música interpretan o Himno Galego na proclamación oficial da República, como en Mondoñedo (49) ou na Coruña, onde A. Villar Ponte nos conta dende E.P.G. como o himno de Pondal e a brancazul acompañaron ós acordes de Riego e ó ondear da tricolor. Tamén nas ceas de homenaxe, que tanto abundaban, e que non tiñan un especial carácter galeguista, escomenzan a interpreta-lo himno galego e o de Riego, como sucede en Ourense (50).




NOTAS

 

(1) Durán, J.A. El primer Castelao, Siglo XXI, Madrid 1972, páx. 137.
(2) Barreiro Fernández, X. R., Historia de Galicia IV. Edade Contemporánea, Galaxia, Vigo 1981, páx. 325-326.
(3) Utilizamos a expresión «historia social», na acepción da historia síntese ou total, tal e como foi definida primeiro por Lucien Febvre e Marc Bloch, e utilizada máis modernamente por Pierre Vilar e Georges Duby, entre outros. Vide Febvre, Lucien Combates por la historia, Ariel, Barcelona 1970, páx. 39-40. Un bo resume historiográfico en Cardoso, Brignoli. Los métodos de la historia, Crítica, Barcelona 1976, páx. 289-293.
(3 bis) Vide interesante ensaio de periodización de Carreras Ares, José, «Categorías historiográficas y periodificación histórica» en Once ensayos sobre la historia, Fundación Juan March, Madrid, 1976, páx. 51-56.
(4) A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 1.
(5) O propio Alexandre Bóveda recoñecendo nun escrito seu no que decía: «[...] eu estimaba preciso sair a rúa, poñerse en contacto co Pobo, ainda que fose para recadar reveses [...]. Eu entendía que non abondaba talar ao sentimento do pobo como fixeran os poetas, nin a concencia d'unha pequena élite como fixeran os Precursores (Murguía, Faraldo, Brañas) e os Continuadores (Vilar Ponte, Risco, Castelao). Había que falar ao sentimento e a concencia de todos, póndose en comunicación ca masa, co Pobo. Non tiña eu d'aquela influencia d'abondo. E tampouco ao sair do mitin do García Barbón (1930) se me escoitou.» Manuscrito de Bóveda, sen data, consultado no Arquivo do P.G.
(6) Un exemplo máis, deica agora descoñecido, o constitue o acordo da «Mocedá Galeguista d'Ourense» —da que eran membros Risco e Leuter Salgado— (posteriormente rebautizada como «Irmandade Nazonalista Galega. Delegación D'Ourense»), de levar a cabo un labor de propaganda entre a «clase labrega», e de chegar a unha intelixencia coas organizacións agrarias, todo elo con vistas a tentar de atraer ó campesinado cara o nacionalismo. Acta da Xunta Xeneral do 20 de santos de 1921, de «Mocedá Galeguista d'Ourense»; Libro de Actas da M.G. de O.; Carpeta 52, páx. 4 reverso. Arquivo Provincial de Ourense. Rexurdimento, órgano de I.N.G., 1923, páx. 2. Consultado na colección particular de Alfonso Vázquez Monxardín, Ourense.
(7) Esta cuestión está ben tratada en G. Beramendi, Justo. Vicente Risco no nacionalismo galego. 1. Dos orixes á afirmación plena, Ed. do Ceme, Santiago 1981, páx. 153-178. Hai tamén referencias en Cores Trasmonte, Baldomero. Socioloxía política de Galicia. Orígenes y desarrollo (1846-1936). Librigal, Coruña 1976, páx. 324.
(8) «Os homes, os feitos, as verbas»; NOS, nº 39, 15-III-1927, páx. 18.
(9) No que falaron Castelao, Paz Andrade e Otero Pedrayo. Paz Andrade, Valentín, «A nosa definición autonomista», NOS, nº  80, 15-VIII-1930, páx. 160.
(10) Alfonso Bozzo, A., Los partidos políticos y la autonomía de Galicia (1931-1936), Akal, Madrid 1976, páx. 265.
(11) Vide Balcells, Albert. Cataluña Contemporánea II (1900-1936). Siglo XXI, Madrid 1974, páx. 101.
(12) Por integracionismo entendémo-la pretensión de encadrar vastos sectores sociais, obviando calquera diferencia que os divida, antepoñendo o común interés nacional. Explicamos con máis vagar este termo no apartado correspondente ás características do P.G.
(13) Dende logo había excepcións, como a de Antón Villar Ponte, pero como tales excepcións non fan máis que confirma-la norma sinalada.
(14) Cores Trasmonte, Baldomero. Op. cit., páx. 324.
(15) González López, Emilio. Historia de Galicia, Coruña 1980, páx. 795.
(16) Carta autógrafa de Suárez Picallo a Casares Quiroga; firmada en Madrid a 31-VIII-1933. Consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 1).
(17) «Notas políticas», NOS, n.o 81, 15-IX-1930, páx. 174-175.
(18) E.P.G., 18-I-1931, páx. 1.
(19) «O noso programa»; A.N.T., 1-III-1931, páx. 4.
(20) A.N.T., 1-IV-1931, páx. 1.
(21) G. Beramendi, Justo. Op. cit., T. II, páx. 86.
(22) Jesús Bal y Gay, «Temas Gallegos»; E.P.G., 12-II-1931, páx. 2.
(23) Federico Zamora, «Por Galicia e para Galicia», E.P.G., 17-II-1931, páx. 16.
(24) Víctor Casas, «Do momento», A.N.T., 1-III-1931, páx. 4.
(25) «Las izquierdas viguesas ante las elecciones»; E.P.G., 9-IV-1931, páx. 6.. Semella que tamén estaba con el no «Comité Ejecutivo», Alvarez Gallego. «La Agrupación Viguesa al Servicio de la República»; E.P.G., 19-IV-1931, páx. 6.
(26) Vide Artola, Miguel. Partidos y programas políticos 1808-1936. T.I. Aguilar, Madrid 1977, páx. 581-584.
(27) «Ante las elecciones», E.P.G., 21-III-1931, páx. 3.
(28) Antón Villar Ponte. «A propósito de un manifiesto»; E.P.G., 20-III-1931, páx. 1.
(29) A.N.T., 1-IV-1931, páx. 5.
(30) Esta «Decraración de fe repubricana dos nazonalistas galegos», apareceu no H. de G., 6-IV-1931, páx. 8.
(31) Alvaro de las Casas, «Hacia otra Galicia», E.P.G., 4-IV-1931. páx. 1.
(32) Así os denomina a prensa. «Orense al día». E.P.G., 12-IV-1931, páx. 9.
(33) E.P.G., 4-IV-1931, páx. 11.
(34) E.P.G., 4-IV-1931, páx. 4 e 10.
(35) «Movimiento autonomista»; H. de G., 6-IV-1931, páx. 3.
(36) «El mitin importantísimo de VillaIba»; E.P.G., 8-IV-1931, páx. 8.
(37) E.P.G., 8-IV-1931.
(38) V. de G., 14-IV-1931, páx. 9.
(39) Vide, por exemplo, E.P.G., 11-IV-1931, páx. 9.
(40) Así consta no Boletín Oficial de la Provincia da Coruña, do 18-V-1931.
(40 bis) «Actividad Galleguista»; E.P.G., 9-X-1932, páx. 10.
(41) E.P.G., 14-IV-1931, páx. 12.
(42) Non se especifica o número concreto. «Lugo al día»; E.P.G., 3-VI-1931, páx.8.
(42 bis) A. Baladrón, «Cara a unha Galicia autónoma»; A.N.T., 22-V-1936, páx. 3.
(43) Tal dixo nun mitin recollido en E.P.G., 2-III-1932, páx. 7.
(44) Firman o comunicado do G.A.G., Paz Andrade, na súa calidade de Presidente, e Míguez Rodríguez, como Secretario accidental. E.P.G., 16-IV-1931,páx. 6.
(45) «Ao decorrel-os días»; A.N.T., 1-V-1931, páx. 1.
(46) E.P.G., 16-IV-1931, páx. 9 e 10.
(47) «Pontevedra al día», E.P.G., 16-IV-1931, páx. 8.
(48) Declaracións de Xaquín Lorenzo, Ourense, 29-IV-1981.
(49) E.P.G.,19-IV-1931, páx. 11.
(50) «Orense al día», E.P.G., 30-IV-1931, páx. 10.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega