O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

II. AS FORZAS POLÍTICAS NACIONALISTAS NA II REPÚBLICA ("1. A configuración ...")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada004.html

II. AS FORZAS POLÍTICAS NACIONALISTAS NA II REPÚBLICA



1. A configuración dunha estructura específica de partidos

     Na etapa que nos ocupa configúrase en Galicia unha estructura específica de partidos, que aínda que non tén un perfil tan claro como en Cataluña, por cita-lo caso en que se dá dun xeito arquetípico, non se pode nega-Ia realidade da súa existencia. Prodúcese este feito xustamente no período republicano debido a que é nese momento cando xorden grandes partidos de masas, con ideoloxías definidas e claros programas políticos, que teñen que ter en conta ós electores, que a ampliación do censo convirte na maioría do país, e xa non dun xeito meramente formal, como antes. A pérdida de vixencia das pequenas formacións políticas que só agrupaban a notables, percíbese tamén en Galicia, e no galeguismo concretamente.
     Consideramos con Isidre Molas (1), que non se pode falar da existencia dun sistema de partidos de carácter homoxéneo na España republicana. O que en realidade existe é a suma dos diversos sistemas de partidos circunscritos fundamentalmente a nivel das nacionalidades e rexións. Sentado isto, pasemos a analisa-los condicionantes que operan no sistema de partidos políticos de Galicia, sendo algúns deles prácticamente os mesmos que inciden sobre os restantes sistemas, pero que o fan, no caso concreto que estudiamos, dunha maneira peculiar.
     O primeiro factor a considerar é a lexislación electoral. Segundo esta, quedaba configurado un sistema de escrutinio maioritario a dúas voltas (cousa que poucas veces se produciu) con representación da minoría, sobre a base circunscripcional das provincias, e posibilitando a participación da poboación maior de 23 anos (mulleres incluídas, dende a lei de 27 de xullo de 1933). Como explica Maurice Duverger (2), os sistemas electorais maioritarios a dúas voltas propenden, por unha lei tendencial, a crear un sistema pluripartidista, con partidos interdependentes dispostos á alianza. Temos así que as pequenas formacións políticas conquiren subsistir, mercede a necesidade que teñen os grandes grupos de estableceren coalicións con elas. Pero subsisten ó precio de vérense en certo modo subordinadas, afectándolles grandemente a tendencia á concentración das forzas políticas, pulada pola polarización crecente das forzas sociais e políticas ante os grandes temas (autonomías, democracia, reforma agraria, relacións Igrexa-Estado, revolución, etc.) e asímesmo favorecida tamén polo sistema electoral. En efecto, o sufraxio maioritario, con representación da minoría, e a circunscripción de dimensións provinciais, tendían —como dí Molas (3)— á estructuración dun sistema de partidos ordenado en dous bloques antagónicos, quedando as forzas minoritarias (caso dos nacionalistas e centristas) progresivamente subordinadas.
     Non é de extrañar, pois, que os partidos minoritarios, véndose perxudicados, pretendesen a reforma do sistema electoral. Concretamente o P.G. facía moito fincapé nesta cuestión, tanto no seu programa (4), como en diversos artigos dos seus dirixentes (5), ou nas mesmas Cortes (6). O que o P.G. pretendía fundamentalmente era o establecemento do sistema de escrutinio proporcional puro, sen correctivos, nin primas, e a supresión da provincia como circunscripción electoral, sendo sustituída por unha única circunscripción electoral que abranguera toda Galicia. Era lóxico que o P.G. propugnase estas dúas medidas, dado que evitarían que se vise subrepresentado ou excluído do Parlamento.
     O segundo condicionante do sistema de partidos da Galicia republicana, foi o caciquismo, que está en gran medida relacionado coa lexislación electoral, anteriormente aludida.
     O caciquismo preexistente non foi extirpado pola República, de maneira que continuou funcionando, adaptándose perfectamente ben ó novo réxime, que resulta así en certa medida desvirtuado. Como ben sinala Alfonso Bozzo (7), o carácter non totalmente rupturista da reforma electoral de 1931 e 1933, deixaba en pé algúns aspectos da legalidade anterior, primordialmente no que fai ó procedimento electoral (a composición das Mesas, e o acto do escrutinio, reservado ata entón, ós persoeiros locais, que acostumaban a actuar caciquilmente), sendo especialmente importante a distribución concentrada dos colexios electorais no campo, en contraste coa dispersión da poboación, que favorecía a actuación do caciquismo e retraía ós electores.
     A importancia destas «miudaxes» referentes á mecánica electoral, restaron eficacia á pretensión reformadora de lexislación electoral republicana que derogou dous importantes pilares do sistema caciquil: o articulo 29, que permitía a proclamación automática dos candidatos, e a circunscripción uninominal de tamaño reducido. Ambolos dous eran, segundo as l. da F., auténticos «niños de caciques» (8).
     O caciquismo seguíu tendo, pois, un terreo de xogo, ó abeiro da lexislación electoral, pero ademais tampouco o Gobemo provisional, nin o que se formou tras das eleccións ás Cortes Constituíntes, tiveron vontade política de desmonta-la rede caciquil que servira de sustentación ó rexime anterior. Esta falla de depuración é denunciada repetidas veces polas formacións nacionalistas nos primeiros meses da República (9) e polo P. G. a partir de 1932, atribuíndolle gran importancia. Por elo, o caciquismo funciona na práctica como un elemento corruptor da autenticidade do sufraxio, o que xa é de seu grave, pero resulta aínda máis deturpadora a distorsión que ocasiona no sistema de representación parlamentaria, ó introducir nel o clientelismo. En efecto, a utilización do caciquismo por varias formacións políticas republicanas establece un sistema no que se combinan dous conxuntos, un, que agrupa á suma dos electores que fan individualmente un uso libre do seu sufraxio, constituíndo un factor autentificador da representación, e outro, que aglutina a un segmento do electorado encadrado nas distintas clientelas caciquís, erixíndose nun factor desvirtuador. Tal é a hibridación que a queixa ó sistema pluripartidista de representación política en Galicia.
     Noutra parte teremos oportunidade de ver máis polo miúdo o papel de saneamento que asume a principal das organizacións de signo nacionalista: o P.G. En efecto, ó longo de toda a etapa republicana este partido denuncia incesantemente as actuacións caciquís dun modo xeral, e no terreo das eleccións en concreto e con particular énfase, tal e como sinala Alfonso Bozzo (10). Conqueri-la desaparición das irregularidades e pucheirazos nas eleccións foi un dos «desiderata» do P. G., inscrito dentro do seu proxecto de dignificación da vida pública da Galicia republicana. A este efecto deu instruccións ós seus militantes para que velasen pola pureza do sufraxio, absténdose eles mesmos de «volcar o censo» aínda no caso de que se visen favorecidos, e abríu asímesmo unha oficina na que se recollían denuncias.
     Claro que o caciquismo era en gran parte posible pola falla de cultura cívico-política dunha gran parte da poboación galega. Entramos deste xeito xa, na consideración do terceiro dos factores que inciden sobre do sistema de partidos políticos de Galicia.
     A escasa ou nula formación cívico-política era un feito constatable en extensas capas —sobre todo rurais— da sociedade galega. A doutrina da soberanía popular e a ideoloxía demoliberal, que informan o sistema de representación parlamentaria por mediación dos partidos políticos, foi concebida en países de altos niveis de industrialización, urbanización e poboación escolarizada. Ó ser implantada en sociedades en gran medida arcaicas e precapitalistas, inevitablemente se tiñan de producir disfuncións que chegaban a alterala súa propia natureza. A nivel de toda España isto pódese ver de maneira paradigmática no período da Restauración. Centrándonos no período que nos ocupa, temos que en Galicia se dan unhas bases moi precarias para que o sistema de partidos poida funcionar correctamente. A poboación é maioritariamente analfabeta, e con escaso de grao de escolarización a que sabe ler e escribir, ubícase preponderantemente no medio rural e adícase, conseguintemente, ás actividades relacionadas co sector primario. O nivel de formación e información política tiña que ser forzosamente baixo. Por todo elo atopámonos con que en Galicia non hai propiamente o que se chama «un réxime de opinión», na medida en que a opinión pública, informada é capaz de discernir con claridade as distintas opcións políticas, é en puridade unha cativa franxa da poboación, que se asenta, de xeito preponderante, nas cidades. Non nos pode, xa que logo, causar abraio, que o caciquismo, o personalismo, o cuneirismo, e a indisciplina interna dos partidos, campeen polos seus foros. Á luz de todo isto cobra todo o seu patético significado unha frase da autoría de Bóveda, segundo a cal en Galicia «non houbo propiamente partidos, senón "partidas"» (11).
     Pasemos a continuación a examina-la estructura de partidos existente a nivel xeral español, para analizar logo a que opera sobre Galicia.
     A nota característica da estructura de partidos a escala de todo o Estado, é a acentuada división, froito tanto da escasa rodaxe do sistema democrático, como da existencia dun variado repertorio de problemas ante os que era mester tomar posición (monarquía-república, federalismo-autonomismo-unitarismo, laicismo-catolicismo,reforma agraria-pervivencia do sistema latifundario, capitalismo-socialismo, etc.). Ó longo do período republicano foise producindo un fenómeno de confluencia partidaria que concluiu coa consagración da C.E.D.A., como único grupo dominante no campo da dereita, tras da descomposición do Partido Radical, (quedando soamente extramuros os monárquicos alfonsinos e mailos tradicionalistas) e o establecemento do Frente Popular no polo político oposto. Entre os dous quedou un centro, que non puido erixirse en eixe de gravitación, dada a marcada tendencia á polarización política.
     Seguindo a Molas (12) temos que o republicanismo, no momento de producirse o cambio de réxime, aparece escindido nunha tendencia conservadora (o «Partido Radical» de Lerroux) e unha tendencia reformista, dividida en dous partidos de ámbito xeográfico limitado (O.R.G.A., E.R.C.) e dous de ámbito estatal, «Acción Republicana» e o «Partido Radical Socialista». O único partido de masas organizado, era o «Partido Socialista» que dispuña, ademais, da U.G.T., na que encadraba amplios sectores da clase obreira. Os partidos de dereitas, os antigos partidos monárquicos, atopábanse, pola contra, completamente esfarangullados. Por elo, as forzas sociais conservadoras víronse obrigadas a crear un novo partido, dado que non podía servirlle-lo radicalismo lerrouxista polo seu laicismo e a heteroxeneidade dos seus líderes. «Acción Popular», adicouse á endeita de crear un gran partido de afiliación, que sería a C.E.D.A. (Tamén se formou daquela a «Lliga Catalana»). Tras do triunfo da dereita en novembro de 1933 as organizacións reformistas víronse forzadas á reestructuración. Creouse así a «Izquierda Republicana», e modificáronse tamén algúns partidos obreiros (P.O.U.M., P.S.U.C.). A alianza dos partidos republicanos e obreiros desbancou á dereita do poder, en febreiro do 1936, en tanto que a oposición centrista auspiciada por Portela Valladares, non conqueriu callar.
     No ámbito de Galicia non existe un único partido que agrupe á pequena burguesía democrática, que pulou a loita a prol da instauración da República. «Acción Republicana» compite coa O.R.G.A., que detenta con exclusividade o poder en Galicia durante o primeiro bienio (13). Ó seu carón o radical-socialismo galego tenta de afonda-lo programa democrático e de reforma do Estado, en tanto que o «Partido Galeguista» se erixe en núcleo dinamizador da cuestión autonómica. No espacio político de centro-dereita, o «Partido Radical», que chegou a ter gran implantación e poder, pero que se foi autodestruíndo pola súa heteroxeneidade interna, ten que lidar con distintos partidos republicanos de significación conservadora, tales como o P.L.R., P.R.C. e P.P., que non conqueriron ser aceptados como alternativa de orde dentro da aceptación do réxime republicano. Na dereita, a C.E.D.A. configúrase, provincialmente, como unha organización de masas de orientación máis conservadora que en outras zonas do Estado. Teñen tamén considerable forza os monárquicos aglutinados arredor da figura de Calvo Sotelo. Compre consignar, ademais, a tentativa de «Dereita Galeguista», xa nas postrimerías da República, de gaña-Io apoio da opinión conservadora para o Estatuto. Fora precedida nisto por un minoritario sector da CEDA, ubicado en Santiago principalmente, que con antelación fixera gala dun morno galeguismo. Pasando á outra banda do espectro, atopámonos cun P.S.O.E que conquire estar sobrerrepresentado nas primeiras cortes republicanas. A súa forza é comparativamente importante, e non chega a ser maior pola reducida extensión da poboación asalariada, consecuencia da incipiente industrialización, así como polo enraizamento da C.N.T. en núcleos como A Coruña. Ó P.S.O.E sáelle un doblete en Galicia (como tamén en Cataluña): a «Unión Socialista Gallega» que, na práctica, se configura como unha organización «guadianica», máis achegada ó republicanismo de esquerdas que ó obreirismo marxista, e máis interesada pola autonomía que polo socialismo.
     Constatamos, xa que logo, a existencia dun sistema específico de partidos en Galicia, que ven dado pola suma das organizacións de ámbito estatal coas de obedencia exclusivamente galega. Os partidos galegos, O.R.G.A.,  P.G. (coa súa organización xuvenil F.M.G.), D.G., U.S.G. e a fantasmal «Vangarda Nazonalista Galega», constitúen un subconxunto, minoritario, en relación ás forzas de ámbito xeral operantes en Galicia, e supeditado a el. En efecto, o P.R.G. (antes O.R.G.A.) intégrase en «Izquierda Republicana» e perde con elo a súa independencia. Aínda que o P.G. non fai exactamente o mesmo, actúa de maneira coordinada con I.R. e algo máis tarde con tódalas forzas que integran o Frente Popular. A «Unión Socialista Gallega» desaparece como tal ó integrarse no partido de Azaña, e soamente recupera novamente a súa identidade, de maneira efímera e fuxidía, cando o réxime republicano se atopa nos derradeiros estertores. Temos, pois, que o subconxunto de forzas políticas galegas presenta uns rasgos de inestabilidade e febleza. Non conquiren vertebrar unha estructura de forzas políticas autóctonas, sólidas e implantadas, que abranguendo os diversos niveis do espectro político, sustitúa ós distintos partidos de ámbito estatal. O que sí existe é a vontade de conquerir tal obxectivo, e no P.G. isto resulta particularmente claro. Un dos factores que provocaron a situación descrita, aparte evidentemente da cuestión da maior ou menor conciencia nacional da sociedade galega, foi a brevedade e insuficiente consolidación da democracia republicana. En efecto a U.S.G. decide integrarse transitoriamente en I.R., cando considera en 1934 que as esencias do 14 de abril corren o risco de perderse; considera, pois, lóxico defender primeiro a pervivencia da República, problema que afectaba a toda España, de aí que se integre nun partido implantado en toda España, como era I.R., para, unha vez resolta esta cuestión, entregarse á promoción do Estatuto de Galicia. Polo que ó P.G. respecta, antepón a consecución dun sistema autonómico para Galicia, á angueira de sustituir ós partidos que chama «españolistas» por outros galegos. Segundo o seu enfoque era imprescindible conqueri-lo maior apoio posible para acada-Ia autonomía, e esta estratexia pasaba inevitablemente pola alianza cos partidos de ámbito estatal. Pensaba que a posta en vigor do Estatuto favorecería o labor de creación dun sistema de forzas políticas xenuinamente galegas, e sería daquela chegado o momento de plantexarse prioritariamente a cuestión. De feito a crítica que lle fixo á escisión de «Dereita Galeguista» foi fundamentalmente a de ser prematura. Pero o feito é que esta escisión se producíu no ano 1935, como consecuencia da alianza do P.G. cos partidos de esquerda, por entender que eran estes os únicos que estaban dispostos a pula-lo Estatuto; o malestar creado así na ala conservadora do P.G., precipitou o esgazamento, co cal atopámonos con que no marco político de Galicia xorde un partido de dirección galega de dereitas, que complementa a outro de esquerdas xa existente, de xeito que quedaban xa sentadas, na etapa preautonómica, as bases que prefiguraban os desexos que os galeguistas querían ver cumpridos nunha Galicia autonómica.
     Se establecemos un parangón entre a estructura de partidos políticos de Galicia e a de Cataluña e Euskadi, axiña vemos que o compoñente nacionalista é moito máis forte nas dúas últimas comunidades citadas. Nelas a conciencia da súa diferencialidade era moi superior e ademais gozaron da vixencia dos seus respectivos Estatutos, no caso de Cataluña dende moi cedo, e no do País Vasco nun período en que a República xa non existía en Galicia. Actuaban polo demais, nestas dúas nacionalidades, uns partidos políticos que gozaban de arraigo e dunha importante tradición (P.N.V. en Euzkadi; Lliga e os que deron orixe na República a E.R.C., P.C.R., etc.) (14) anterior á República, da que visiblemente carecían os partidos galeguistas.




NOTAS

 

(1) Molas, Isidre. El sistema de partidos políticos en Cataluña. 1931-1936. Península, Barcelona 1974, páx. 16. Sobre está cuestión resulta proveitosa a lectura dos traballos de Prada Femández, Rodrígez Zapata, Gumersindo Trujillo e o xa citado Isidre Molas, agrupados en Teoría y práctica de los partidos políticos, C.p.D., Madrid 1977. Vide tamén Linz, J.J., El sistema de partidos en España. Narcea, Madrid 1974.
(2) Duverger, Maurice, Los partidos políticos, F.C.E., Mexico 1957, páx. 266 e segts.
(3) Molas, Isidre. Op. cit., páx. 15.
(4) A.N.T., 1-I-1932 (Vide Anexo Doc. 2).
(5) Vide por exemplo: Víctor Casas, «Unha opinión...»; A.N.T., 17-I-1936, páx.1.
(6) Intervención de Suárez-Picallo, acontecida a primeiros de agosto de 1933. Vide Diario de Sesiones de Cortes, 4-III-1933, páx. 13.803-13.809. Este é un dos poucos discursos de interés que non foron recollidos na escolma feita por Xosé Lois García, Discursos Parlamentarios (1931-1933), Ed. do Castro, Coruña 1978.
(7) Alfonso Bozzo, A., Los partidos políticos y la autonomía en Galicia. 1931-1936. Akal, Madrid 1976, páx. 246-247.
(8) A.N.T., 1-VI-1931.
(9) Prácticamente en tódolos números de A.N.T., dende maio de 1931 ata mediados do ano seguinte, alúdese a esta cuestión. Vide, por exemplo, os artigos «Do Momento») de Víctor Casas.
(10) Alfonso Bozzo, A., Op. cit., páx. 247.
(11) Manuscrito de Alexandre Bóveda, consultado no Arquivo do P.G.; sen data.
(12) Molas, Isidre. Op. cit., páx. 12-18.
(13) Atópase un bo estudio estasiolóxico de Galicia, en A. Bozzo, Op. cit., páx.45-48.
(14) Solé Tura, Jordi e Aja, Eliseo, en Constituciones y períodos constítuyentes en España (1808-1936), Siglo XXI, Madrid 1977, páx. 85, chegan a dicir que en Cataluña se forma dende comenzos do século actual un sistema propio de partidos, que conquire desplazar ós partidos gubemamentais «Lliga Regionalista» en 1901, «Solidaritat Catalana» en 1906). Sobre isto vide Hemández La fuente. Op. cit., páx. 88-109; Molas, Isidre, Op. cit, páx. 19-21; Artola, Miguel, Op. cit., páx. 409-437 e 442-466.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega