O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

(De "3. O Partido Galeguista" a "3.1. Creación do P.G.")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada006.html



3. O Partido Galeguista

     3.1. Creación do Partido Galeguista

     O repetido reto electoral, primeiro municipal e despois lexislativo, que tiveron de afronta-los galeguistas, veu a remarca-Ia necesidade dunha unión orgánica de todos eles. Os distintos agrupamentos non podían seguir anclados no testemuñalismo grupuscular se non querían corre-lo risco da marxinación e da esterilidade política. Polo demais, a unidade de acción e apoio mútuo con que actuaran en ámbalas dúas campañas electorais preanunciaba xa unha próxima confluencia nun único receptáculo organizativo.
     A elo engadíase a expectativa da próxima consecución da autonomía que faría aínda máis apremiante a necesidade de que Galicia contara como mínimo cun partido de obediencia propia: «Hai que comenzar axiña pra que tan logo como o plebiscito esteña realizado saia â vida púbrica de Galicia [...] o partido nacionalista galego (1).» Sinalemos tamén a mornedade autonomista da Orga que deixou un valeiro que facilitaba a creación dun partido que, como o P.G., asumise tal postulado con maior consecuencia e radicalidade. É sintomático que os destacados membros da Orga, Victor Casas e Lugrís Freire, abandonasen a Orga desalentados para sumárense ó novo partido.
     O proceso de converxencia viuse favorecido pola existencia da revista «A Nosa Terra», na que colabran moitos, e en xeral lían todos. O propio Victor Casas recoñeceu (2) que ó traveso de A.N. T. os galeguistas lograron manter un contacto entre eles, que serviu para que pouco despois da caída da Dictadura fose posible reorganizalos cadros galeguistas que se aglutinarían en nadal de 1931 no Partido Galeguista.
     Polo demais, a revista A.N.T. pasou de se-lo portavoz das Irmandades da Fala a ser o órgano do P.G., conservando o mesmo nome; todo un símbolo que expresaba a vontade do novo partido de continua-la tradición galeguista anterior, da que se sentía herdeiro. Así o pregonaba el mesmo:

«O Partido Galeguista nasceu pra levar ao terreo da política unha gran parte das ideias que os nazonalistas galegos viñan predicando, especialmente das contidas no programa de Asambreia de Lugo do ano 1983 (3)

     E tamén a VII asamblea nacionalista (na que se acordou crea-lo P.G.): «[...] pode considerarse como unha continuación das asambreias nazonalistas celebradas entre os anos 1918 e 1922 (4)
     De feito o P.G. nace en Pontevedra na «VII Asambreia do nacionalismo», celebrada o 5 e 6 de nadal de 1931, que era a última das que as Irmandades da Fala celebraran ó longo da súa historia. O Partido Galeguista como organización disposta a batallar no marco da Segunda República, creouse un pouco tarde, oito meses despois da proclamación daquela. Por elo perdeu a posibilidade de ver incrementado o número de solicitudes de adhesión como resultado do entusiasmo que seguiu á proclamación da República e que se traducíu nun aumento da militancia dos partidos; o P.S.O.E. triplicouse e a Agrupación al Servicio de la República medrou moito tamén. O propio Emilio Ferreiro recoñece que foi serodio o nacemento do P.G., co cal —di el— o galeguismo perdeu a oportunidade histórica de enroitar o «mañificio movimento de eispansión cibdadán», que a proclamación da República supuxo, «cara a nosa autodeterminación definitiva (5)
     Vexámo-los sucesivos pasos que marcaron o proceso de confluencia dos distintos agrupamentos nun único partido.
     Pouco despois das eleccións a Cortes Constituintes, Alvaro das Casas diríxese en carta a Bóveda expresándolle a necesidade de constituir un gran partido galeguista. Segundo Das Casas, a iniciativa debía tomala o «Grupo Nazonalista de Pontevedra»: 


«Pola sua fidelidade aos principios históricos e a pureza e maor honestidade da sua conducta políteca... (o) úneco que, hastra na sua domeñazón (léase: denominación; X.C.P.), mantén a unidade da doitriña nazonalista (6)

     Logo sería mester que as organizacións máis afíns (Grupo Autonomista Galego, Irmandade de Ourense, P.N.R. de Ourense) se declararan públicamente disoltas, e se adscribisen os seus afiliados ó grupo pontevedrés; agardaba que tras diso as restantes organizacións se verían abocadas a tomar esa mesma senda unitaria. Daquela sería chegada a hora de que os catro deputados galeguistas —Castelao, Otero, Villar Ponte e Suárez Picallo—, se afastaran da minoría parlamentaria de Casares Quiroga; e para que fixeran tal cousa Esquerda Galeguista pensaba dirixirlles un escrito.
     Non cremos aventurado supoñer que este procedemento proposto por Das Casas debeu resultar pouco aceptable para a maioria dos grupúsculos galeguistas que terían de se limitar a disolverse e inscribirse no Grupo pontevedrés, sen sequera te-la posibilidade de discuti-lo seu programa. Do que non cabe dúbida e de que son os galeguistas de Pontevedra os catalizadores do proceso de unificación. En octubre de 1931 temos ó P.G. de Pontevedra realizando activas xestións tendentes a acada-la unificación cos «irmáns de Sant Iago e Cruña (7)
     Se en toda Galicia había un ambiente favorable á unificación, este era especialmente marcado na provincia pontevedresa, onde o irmanamento entre, por exemplo, o G.A.G. e o P.G., era sobremaneira notorio. Polo demais, xa a comenzos deste ano o G.A.G. tomara o acordo de intensifica-las relacións cos demais núcleos autonomistas do resto de Galicia e de fora da rexión (creo que hai que entender que se refiren ós galegos de fora) procurando que adoptasen unha organización común (8). Temos numerosos testimuños de que foi o P.G. de P. quen básicamente pulou este proceso de converxencia. Así, no borrador dunha acta da Executiva, obra de Bóveda, dise literalmente: «Unificación da laboura galeguista en toda Galiza —Convocatoria de Asambreia en Pontevedra— Primeiro -Nos (9).» A este efecto imprimiron unha folla de invitación á Asamblea de fundación, prevista para o 5 e 6 de nadal en Pontevedra, firmada por Basanta e Bóveda, en calidade de directivos do «P.G. de P.» E por se houbera algunha dúbida, tanto en «El Pueblo Gallego» (10) coma no Manifesto da «II Asambreia» do P.G. recoñecese que foron os de Pontevedra os promotores do aglutinamento de tódolos matices do galeguismo baixo un programa e disciplina únicos.
     Tamén se débe ós pontevedreses García Vidal e Filgueira Valverde a ponencia sobre o programa do futuro partido, que se enviou ós distintos agrupamentos de toda Galicia, para que a discutisen (11). Vicente Risco non ten reparo en recoñecer que a etapa galeguista que se inaugura na República marca a hexemonía de Pontevedra. Di que o nacionalismo galego pasou por diversas fases, nas que recibiu a tónica de distintas cidades, puidendo falarse dunhas fases coruñesa, ourensana e compostelana, e ó cabo, outra —a que estaban a vivir—, baixo a batuta do grupo pontevedrés (12).
     Agora ben, se o chamamento e as dilixencias partiron de Pontevedra, foi a Coruña a encargada de darlle difusión e resonancia. As Irmandades da Fala razoan que, superado o problema ó que os membros das l. da F. adicaron os seus esforzos (o triunfo da República), era xa hora de prestar atención á creación dun partido nacionalista, para o cal, facéndose eco da proposta de Pontevedra, convocan a VII Asamblea do nacionalismo para os días 5 e 6 de nadal (13).
     Xa o número de novembro de «A Nosa Terra» ven inzado de comentarios a prol da creación dun único partido; Víctor Casas pide ós galeguistas que non se afilien a ningún partido español, por autonomista que fora (14). Sabemos tamén en que tipo de partido pensaba Víctor Casas:


«Necesítase un crisol de pureza para que no partido non poidan figurar mais que nacionalistas puros, íntegros, sin o menor contaito con outras organizacións políticas. Preferibel será que sexamos menos pero seguros e bons...(15)»

     Explícitamente recoñécese que o exemplo de Cataluña animou moito ás Irmandades para que se resolveran a coadxuvar na creación do P.G. (16).
     A todo isto xa víramos como os galeguistas ourensáns matiñan boas relacións entre eles. Unha proba máis témola no feito de que o persoeiro da «Irmandade Galeguista de Ourense, Vicente Risco, dá unha conferencia organizada polo P.N.R. de O. Nela aproveita Risco para enuncia-las bases que debería ter unha organización nacionalista: Disciplina; xerarquía fundad na devoción pola causa; división do traballo (aplicada ás diversas actividades culturais e políticas); irmandade e axuda mútua entre os afiliados. No referente á acción debería observa-los seguintes principios: non intervir na política xeral pero sí na de Galicia; non misturarse con outros partidos e estimular que se formasen partidos que recolleran algúns dos seus principios; gradualismo; non adicarse exclusivamente ó seu fin último, senón ir conquerindo para Galicia adiantos e melloras; non gobernar nunca, pero intervir sempre no goberno de Galicia (17).
     Como veremos, todo isto, con excepción matizada da non intervención na política xeral, aparecerá recollido no programa e organización adoptados polo P.G., que ademais no configura como un partido democrático, aspecto este ó que non aludía Risco.
     A prensa infórmanos de que varias localidades discútese a ponencia programática nos vísporas da Asamblea; o día 3 debatena os de Pontevedra (18), e tamén a «Agrupación Nacionalista de Santiago»; na reunión desta última interveñen na discusión Tobío, Gónzález, Carballo, Vázquez, Moar, e outros, acordando sumarse ó futuro P.G., a Asamblea do cal enviaron unha comisión co encargo de presentar diversas enmendas ó proxecto de programa (19). En Vigo, o G.A.G. acorda enviar delegados á Asamblea de constitución, co mandato de defender unha serie de enmendas; levabán asi mesmo unha proposición sobre a necesidade de que o Parlamento promulgara unha lei de procedemento para a elaboración dos statutos rexionais (20).
     Da «Agrupación Viguesa al Servicio de la República», un membro da executiva, Álvarez Gallego, asistirá tamén á Asamblea dos días 5 e 6 de nadal. Non así, en cambio, Gómez Román que tardará aínda en incorporarse ó P.G. (21).
     Nas oficinas do «Grupo Nazonalista de Pontevedra», que organiza a cuestión das credenciais para asistir á Asamblea de constitución, recíbense varias ponencias de diversos grupos sobre o programa e a organización do novo partido (22).
     Vexamos agora como discurriu a Asamblea de constitución do P.G., que tivo lugar, como dixemos, en Pontevedra o 5 e 6 de nadal; seguiremos nisto a amplia crónica que lle adicou «El Pueblo Gallego» (23), e a máis suscinta glosa de «A Nosa Terra» (24).
     O sábado día 4 escomenzou ás 16 horas a sesión preparatoria da Asamblea, presentándose ó Comité Xeral as enmendas ó proxecto de programa, procedéndose logo á súa lectura; as enmendas foron presentadas polos galeguistas de Vigo, Santiago, A Coruña, Ourense, Vilagarcía e outros que non se especifican.
     Ás 8 do serán escomenzou a primeira sesión de constitución da Asamblea que os galeguistas, amigos das paradoxas, celebraron no salón de festas do Hotel Madrid. Con representación persoal e directa estaban os seguintes grupos: Irmandade da Fala da Cruña, Irmandade de Betanzos, Partido Nacionalista Republicano de Ourense, Irmandade Galeguista de Ourense, Grupo Galeguista de Lugo, Grupo Autonomista Galego de Vigo,  Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais da Arxentina, O.R.G.A. de Bos Aires, Grupo Nacionalista de Santiago, Esquerda Galeguista, Grupo Nacionalista de Pontevedra, Dereita Galeguista, Comité Repubricano Nacionalista de Esgos, Comité Repubricano Nacionalista de Paderne, Comité Repubricano Nacionalista de Cea, C.R.N. de Xinzo de Limia, C.R.N. de Viana do Bolo, Grupo Autonomista de Arbo, Grupo Galeguista do Barco, G.G. de Bazón, G.G. de Tomiño, Comité Nazonalista Repubricano de Catoira, Irmandade Galeguista de Vilagarcía, Xuntanza Nacionalista da Estrada, Grupo Autonomista Repubricano do Grove, «G.A.R. das Nieves», Instituto de Cultura Galega de Lugo, Grupo Autonomista Galego da Cañiza, Grupo Nacionalista de Viveiro, «Grupo Nacionalista de Noya», Partido Galeguista de Pontevedra, e Labor Galeguista de Pontevedra.
     Recibíronse adhesións de: Antón Villar Ponte (que non se incorporaría ó P.G.), Ramón Villar Ponte, Ramón Martínez López, Xosé Díaz Villamíl, Amando Suárez Couto, Ramón Fernández Mato, Manuel Portela Valladares, Castro López Otero, Xohan Carballeira, Vicente Risco, Gonzalo López Abente, Salvador García Bodaño, Pintos Míguez, Florencio Delgado, Roberto González Pastoriza, «Centro Repubricano de S. Miguel de Oya», Ramón Cabanillas e Victoriano Taibo.
     Concurrentes:
     —Da Coruña: Lugrís Freire, Víctor Casas, Plácido R. Castro, Salvador Mosteiro.
     —De Betanzos: Luis Cortiñas.
     —De Santiago: Benet Fontenla, Luis Tobío, Carballo Calero, Sebastián González, Anxel Casal, Antonio Moar, Xohan López, Durán, Vázquez Martínez, Cabada Vázquez.
     —De Ourense: Leuter G. Salgado, Arturo López Trasancos, Felisindo Manzana, Xosé A. Varela, Xosé Gil Bueno, O. Fernández, López González, Ramos Colemán, Xosé Goyanes, Outeiriño, Carlos Pulido, Vicente Bóveda, Manuel Pallarés, Vicente Fernández, Fernández Dacal (X. e B.).
     —De Vigo: Valentín Paz Andrade, Xerardo Álvarez Gallego, Elías Barros, Apolinar Torres, Ferro Couselo.
     —De Arbo: Gonzalo Vázquez.
     —De Barco: Xavier Fontán.
     —De Bazón: Xosé Suárez.
     —De Catoira: Alexandro Pérez.
     —De Vilagarcía: Núñez Búa, Luis Villaverde, Roxerino, Ricardo Trasmonte, Xosé Barral.
     —Da Estrada: Carlos Pardo.
     —De Mondariz: Enrique Peinador.
     —De Tomiño: Antonio Alonso Ríos.
     —Da Cañiza: Xerardo Fuentes.
     —De Noia: Alvaro das Casas.
     —De Pontevedra: Cruz Gallástegui, Xosé García Vidal, Iglesias Vilarelle, Enrique Iglesias, Gastañadui (F. e J.), Bóveda, Basanta, Álvaro Gil, Filgueira Valverde, Vidal Martínez, Candendo, Xosé Martínez, Barral Otero, Castrelos, Sánchez Puga, Gonzalo Lucientes, Claudio Losada, Álvarez Gallego (J.), Mosquera, García Cabezas, Luis Iluesa, Xosé Andrade, Emilio Abal, Vicente Fernández, Pallares, Varela Pazos e outros que non se mencionan.
     Concurriron tamén os diputados Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo, levando a representación de Antón Villar Ponte, que estaba á sazón doente.
     O presidente, señor Basanta, dá conta do labor preparatorio realizado. O Secretario procede a le-lo regulamento polo que tiña de rexirse a Asamblea, que tras lixeira discusión se aproba. Acórdase conceder dereito ó voto a tódolos asistentes á Asamblea. A continuación designouse a Mesa, resultando elixidos (non se dí por que procedemento), presidente: Banet Fontenla (considerado o patriarca do nacionalismo galego); vicepresidente primeiro: Lugrís Freire, (tido por vello loitador e tamén figura simbólica); vicepresidente segundo: Leuter G. Salgado; secretarios: Plácido R. Castro e Alexandre Bóveda. Pásase logo a debate-la totalidade do proxecto de programa actuando en calidade de ponentes Filgueira Valverde e o avogado García Vidal. Interveñen, sen que se explique en que sentido, Víctor Casas, Bóveda, Paz Andrade, Lugrís Freire, Suárez Picallo e García Vidal.
     Unha das enmendas aceptadas durante o debate da tarde foi a de facer, dentro do programa do partido, un idearium acerca dos puntos de vista do galeguismo sobre o problema agrario, que se tería de presentar ó día seguinte á Asamblea, pola ponencia nomeada a tal efecto.
     Ás 10 da noite suspéndese a sesión para reanudala novamente ás 11, continuando ata as dúas da mañá. Nesta segunda sesión sabemos que a discusión sobre cuestións doctrinais consumíu todo o tempo. Tras ampla discusión acordouse a denominación do novo partido, e decidiron deixar pendente para o final a «Declaración de Principios».
     Reúnense os asistentes outra vez o domingo ás 11 da mañá. Hai maior número de representantes que o víspora, ata o punto de que o amplísimo salón resulta xa insuficiente; o ambiente é de gran fervor e interés.
     O secretario, Bóveda, dá lectura ós títulos primeiro e segundo. Refírese o primeiro á «Organización de Galicia», en tanto que o segundo versa sobre «Democracia política». Verbo de moitos puntos entáblase un animado debate. Polo «Grupo Nazonalista de Santiago», defende unha enmenda Tobío Fernández, encol do voto dos emigrantes, retirando a ponencia o artigo obxecto de enmenda (25). Tódolos demais son aprobados.
     Discútese logo o título III do proxecto, denominado Fomento (pasará a se-lo V no programa aprobado, que, modificado restrictivamente o seu alcance, quedará en Fomento Pesqueiro). Álvarez Gallego, en representación do G.A.G., defende unha enmenda ó artículo primeiro (26), avogando pola creación de cátedras ambulantes de investigación e experimentación agrícola, forestal e pecuaria; xustifícaa alegando que namentres a divulgación quede reducida ós centros urbanos non repercutirían eficazmente as experimentacións nas aldeas. A ponencia promete engadir ó artígo a creación de seccións adicadas á divulgación no senso proposto por Álvarez Gallego, co cal retira a enmenda.
     Paz Andrade, no nome do G.A.G., promove un debate, presentando unha enmenda referente á creación de grandes portos pesqueiros e de refuxio, postulando a protección da gran pesca, o establecemento de trens expresos adicados ó transporte da pesca e a supresión do consumo obrigatorio do vinte por cen de carbón nacional nas flotas pesqueiras. Interveñen Lugrís Freire, Tobío, Alvaro das Casas, Filgueira, Álvarez Gallego, González Salgado e Paz Andrade reiteradas veces. Ó cabo, acórdase que a ponencia, de acordo con Paz Andrade, redacte as modificacións aprobadas.
     Tratouse tamén, dentro do título III, da protección que tiña de dispensarse ás industrias que tiñan un peso de importancia no caínzo económico de Galicia. No debate participan Bóveda, Basanta, Villaverde e García Vidal. No resto do título, que foi un dos que máis debates suscitou, tratouse do problema do millo. Falaron Alonso Ríos, Tobío e Cruz Gallástegui, que tivo unha documentadísima intervención. Acordouse pedi-Ia libre importación en tanto as necesidades de consumo foran superiores á capacidade de producción.
     Foron aprobados diversos artigos referidos á agricultura, gandería, repoboación forestal e cooperativismo (27). Acordouse tamén, co asentimento caluroso e unánime da Asamblea, a adopción dos principios colectivistas no réxime económico da pesca galega, encargándoselle a nova redacción do artígo a Suárez Picallo. Ó cabo, o novo texto non difire sustancialmente da redacción do Proxecto, non podendo intepretare, xa que logo, como un triunfo do sector esquerdista.
     No apartado IV, Traballo (28), a Asamblea aproba integramente o título proposto poIa ponencia, despois dalgunhas intervencións de Picallo. Tras dunha enxundiosa discusión modificase o artígo 4º por virtude do cal se elimina do trabalo industrial ós menores de 16 anos destacando as itneresantes exposicións de García Vidal e Suárez Picallo. Neste moderadisimo e cativo de extensión, (o que nos ilustra sobre o desinterés do P. G. polo sector social dos asalariados) apartado laboral, as concesións do grupo de esquerdas foron moi considerables. De tódolos xeitos sinalemo-lo feito de que por primeira vez nun programa galeguista se adica un apartado ó proletariado.
     Pásase logo a discuti-lo apartado V, Política Fiscal (29). O máis interesante é a polémica suscitada a propósito dunha enmenda de ÁIvarez Gallego ó artígo terceiro, postulando que o imposto fiscal progresivo sobre a renda teña carácter preceptivo (30). Apóiano Tobío, no nome do «Grupo Nacionalista de Santiago» e Cabada, en representación do G .A. G. García Vidal defende no nome da ponencia a redacción primitiva do artígo e tras reiteradas intervencións a favor e en contra proceden os delegados a vota-la enmenda e, mentres tanto, propón á ponencia unha nova redacción do artígo con arreglo ó sentido da proposta, aprobándose a modificación (31). Temos así que o sector dereitista víuse obrigado a facer concesións neste punto.
     No apartado VI, cultura (32), presenta Alvaro das Casas unha enmenda á totalidade no nome de «Esquerda Galeguista». A explíca e apoia o seu autor, facendo fincapé na necesidade de galeguizar, máis que a Universidade Compostelana, que contaba xa —segundo él— cun profesorado xoven que a estaba levando a efecto, as Escolas Normais e o primeiro ensino. Logo dalgunha discusión acordouse que o propoñente da modificación e a ponencia se puxeran de acordo para proceder a unha nova redacción do título. O resultado foi un texto de compromiso, xenérico, e satisfactorio para todos: «Galeguización do ensino». A esta sección presentou, ademais, enmendas o G.A.G., pedindo a creación dunha Escola de pesca e o establecemento de estacións meteorolóxicas con radiotelegrafía e rediotelefonía, que foron aprobadas, pero non serían incluidas neste título, senón no V de Fomento Pesqueiro.
     O título VII, alusivo ós Problemas Xurídicos, foi dos máis debatidos. O delegado santiagués, Tobío, solicita nunha enmenda a modificación do artígo relativo ó problema foral, no sentido de que procede a extinción das rendas forais, outorgando ou non o Estado a indemnización ó dominio directo (33). García Vidal, que defendía a postura máis moderada da ponencia, retira a parte do artígo que se retire á indemnizacións, quedando establecida únicamente a obriga da liquidación do problema foral, co cal aínda que non se pedía expresamente a indemnización, tampouco se desbotaba. Deste xeito, ambíguo, integrador, esguellábanse as friccións entre as alas conservadora e progresista dos delegados. Pero Alonso Ríos tratou de impedir esta compoñenda, pronunciándose pola abolición total dos foros, sen que o foratario tivese que pagar ó domingo directo, en ningún caso, indemnizacións de ningún xénero. Rebátelle Cortiñas argüindo que as indemnizacións debían ser pagadas en todo caso ó dominio directo, posto que o Goberno da República tiña recoñecido a varias rexións de España a obrigatoriedade da indemnización respecto a outras pensións de lexitimidade moito máis dubidosa que a foral. Intervén Paz Andrade para propoñer unha modificación ó artígo consistente: 1º) en que se consignase a necesidade de liquida-lo problema foral; 2º) en que se establecese que o dominio útil non viría nunca obrigado a pagar ó directo ningunha indemnización; 3º) que as que procedesen sexan a costa do Estado. Tras longa discusión acórdase proceder a redactar novamente o artígo, recollendo as modificacións propostas por Paz Andrade e Alonso Ríos. Ó final aprobouse un texto consensuado que dicía: «Foros. —Liquidación do problema foral mediante a extinción forzosa das rendas sin que se faga a costa do pequeno foratario rural». Como se pode ver, resulta bastante abstruso e inconcreto, quedando abertas varias posibilidades, sobre a base, iso sí, de rematar cos foros, pero sen ir en detrimento dos modestos detentadores de foros. O P.G. en constitución tiña que reolve-la contradicción que supuña erixirse en valedor dos intereses do campesinado e salvagardar, ó propio tempo, os «dereitos» dun considerable número de afiliados. Por elo a perspectiva abolicionista quedaba moi lonxe del.
     Pásase logo a debaté-Ios títulos denominados «Socialización e Expropiación». Álvarez Gallego solicita, e a ponencia acepta, que se engada ó artígo que dí: «Disposicións que impidan a excesiva fragmentación do chan nas particións de herencia», outro párrafo que extenda esa prohibición ós actos «inter vivos».
     Aceptado o cambio de ordenación dun artígo, proposto por Paz Andrade, acórdase soste-Ias modalidades rexionais de dereito civil galego, especialmente respecto á compañía familiar e o dereito sucesorio.
     Apróbase tamén unha proposta progresista, presentada polos delegados nacionalistas de Santiago, modificando o artículo 3.°, no senso de conceder igualdade de dereitos civís á muller (34).
     As tendencias progresista e conservadora pugnaron a propósito do artígo 4.° que facía referencia á gratuidade da xusticia, sen que se concluira nada, a non se-la exlusión desta prescripción, que non figura no Programa aprobado. Nova concesión, pois, ó sector de dereitas.
     Resulta bastante abraiante que fora aprobado por aclamación o artígo derradeiro deste título que dí: «6.°: amplitude do dereito de expropiación que faga posibel a socialización das riquezas naturais e das empresas económicas e unha extensa municipalización dos servicios públicos.» Causa extrañeza que a ala conservadora non se opuxese a este punto. Soamente o recíproco afán integracionistas dun e outro sector permiten entendelo acontecido. Integracionismo que tamén informaba o Proxecto presentado por García Vidal e Filgueira Valverde, quen non se limitaron a plasmar nel o seu pensamento conservador, senón que se aviñeron a consensualo. Pódese demostrar isto —que ademais foinos confirmado polas fontes orais— sinalando que o punto ó que facemos referencia figuraba xa no apartado VII de Proxecto dos mentados galeguistas conservadores, que en cambio non o introducen cando plasman fidelmente a súa ideoloxía, no programa de «Dereita Galeguista» (Vide Anexo Doc. 4).
     Ó remate da sesión, máis dun centenar de asambleístas reuníronse nun banquete. Castelao, Lugrís Freire, Víctor Casas, Paz Andrade, Alonso Ríos, Alvaro das Casas, Otero Pedrayo e Suárez Picallo, fan os brindis e pronuncian os discursos de rigor. Este último, anuncia que pon a súa acta a disposición do novo partido, e Alonso Ríos ofrece, pola súa banda, a súa colaboración ó partido.
     Reanudada a sesión ás 4 da tarde, Filgueira Valverde deu lectura á Declaración de Principios, redactada pola ponencia que tivo en consideración as enmendas presentadas polos Grupos de Pontevedra, Vigo e Santiago; acordouse un enunciado cauto e eufemístico para designa-lo carácter de Galicia como nación: «Galicia, unidade de cultura».
     Gran importancia tivo a modificación operada no segundo principio, sustituíndose a elíptica fórmula «Libre determinación dos intereses galegos polo pobo galego», pola expresa petición da «Autodetermiñación política de Galicia», e recoñecéndose sen ambaxes a «forma de goberno repubricana», asunto este omitido no Proxecto. Prosperou sen alteración ningunha o terceiro principio de inspiración claramente conservadora, que reivindicaba con notoria ambigüedade a terra para o que a traballa, coa requintada frase «A terra pra o Traballo; o traballo pra a Terra».
     O apartado último (35) suscitou un movido debate e, asimesmo, a afirmación da neutralidade relixiosa do galeguismo como partido, existindo discrepancias sobre se debía constar na Declaración, ou reservarse para a parte da regulamentación interna, posición que prevaleceu, despois das intervencións de Picallo, Das Casas, Paz Andrade, Víctor Casas e Alonso Ríos.
     Pasouse logo a disculi-la regulamentación interna. Deuse lectura ós dos proxectos presentados, un polo Grupo da Coruña e outro polo de Pontevedra. Acordaron refundilos nun só. Estaba inspirado nuns criterios democráticos, prevendo unha estructuración de abaixo para enriba; acompañábano unhas normas de disciplina orientadas a dotar de eficacia ó partido sen mengua da democracia interna, e tendentes asimesmo a  proscribi-lo caudillismo. Nesta cuestión tivo unha destacada intervención Picallo, quen, tras dun brillante discurso, conqueriu que fora aprobado en liñas xerais o proxecto presentado polo galeguistas coruñeses (36).
     Tras disto deuse lectura a unha proposición de Paz Andrade referente á formación dos Estatutos rexionais e á necesidade de que se promulgase unha lei adxectiva que a regulase. Aprobouse por unanimidade, en tanto que, os que en principio pasaban a ser deputados do partido, Castelao, Suárez Picallo, Villar Ponte (37), e Otero Pedrayo, quedaron encargados de dar á iniciativa estado parlamentario.
     Acordouse nomear un Comité encargado de resumi-Ias propostas presentadas e as suxerencias expostas na Asamblea. Este Comité actuou tamén como Consello permanente e directivo provisional. A súa composición era a seguinte: Pedro Basanta, Luis Tobío, R. Carballo Calero, Alvaro das Casas, X. Núñez Búa, R. Martínez López, Víctor Casas, M. Lugrís Freire, Plácido R. Castro, Vicente Risco, Manuel Banet Fontenla, V. Paz Andrade, A. Alonso Ríos, Alexandre Bóveda e X. Filgueira Valverde.
     Ás 8 da noite tivo lugar a clausura da Asamblea, pronunciando Banet Fontenla «un sentidisimo discurso», poñendo de relevo a trascendencia do acto e o labor a realizar no futuro a fin de acadalos dereitos de Galicia e facer dela un país próspero e glorioso. Foi afervoadamente aplaudido rematando o acto en medio de vivas a Galicia e mostras de satisfacción de tódolos asistentes.
     Do resultado da Asamblea, «El Pueblo Gallego» dá súa propia valoración. Louva (38) a envergadura dos debates que tiveron lugar, cousa segundo el insólita en Galicia, na creación dun partido político. Destaca a súa orientación esquerdista, vendo confirmados os seus desexos, que xa anunciara nun editorial anterior (39), de que o novo partido galeguista debía desbota-la fantasía de permanecer ó marxe tanto da dereita como da esquerda. Que o P.G. non se considerase de esquerdas non era, polo visto, óbice para que E.P.G. lle endilgue a etiqueta. Polo demais, cre que o P.G. conta con catro ou cinco deputados dispostos a acata-la súa disciplina e a desenrola-la súa actuación parlamentaria (40). De feito contará con tres: Castelao, Otero e Picallo.
     O diario «El Compostelano (41)» deulle moi escasa atención ó acto, despachándoo cunha brevísima reseña. «El Ideal Gallego» adícalle un tratamento bastante máis extenso. Destaca a discusión habida arrededor do imposto xeral progresivo sobre a renda, salientando a ovación de que foi obxecto «el representante de las fuerzas de la derecha señor Cabada Vázquez», que votou o que, segundo este periódico, era a solución social máis avanzada, basándose no programa católico de Lieja. Califica o programa aprobado como «de avance social», chegándose para elo a unha coincidencia entre as correntes de esquerda e dereita. Valora moi positivamente o tratamento dado ó problema relixioso, sinalando que os sectores máis extremos chegaron con gran comprensión á coincidencia, acordándose a maior tolerancia e respeto a tódalas ideas, pensando que en Galicia non existe o problema relixioso dada a espiritualidade galega (42). Ó día seguinte publica unha ampla foto da Asamblea, e inserta un novo e enxundioso comentario de moi apreciable extensión, contendo unhas opinións moi curiosas. Dí que:


«En Pontevedra bastó que el deseo de mútua transigencia permitiese oir a los católicos para que os asambleístas se midiesen a la solidez de los razonamientos empleados por los oradores que llevaban la voz de los sectores socialmente derechistas (43)

     Remarca ben que, no aspecto social, os católicos levaron a pauta e persuadiron ós esquerdistas de que o seu programa permite tódolos avances que os máis radicais poden desexar. Cautamente non entra a valorar se os ideais do novo partido son acertados ou non e salienta o feito, ó parecer novo, de que asistisen á Asamblea de constitución representantes de tódolos partidos.
     «La voz de Galicia», pola súa banda adícalle unha extensa nota informativa en páxinas interiores (44) e o número do día seguinte unha foto en primeira páxina. O tono é de obxectividade, absténdose, como soía ser costume neste diario, de emitir comentario ou xuicio ningún.
     No «Heraldo de Galicia (45)» glosan no editorial as opinións de dous caracterizados representantes das correntes conservadora e progresista, Otero Pedrayo e Suárez Picallo. Ámbolos dous coinciden en que co nacemento do P.G. superouse a división entre dereitas e esquerdas, chegándose a un eixo de coincidencias entre novos e vellos.
     Tamén na revista dos galegos en Madrid, «Celtiga», adican un editorial ó nacemento do P.G., que resulta perfectamente ilustrativo do que é a distorsión informativa.
     A sede central do novo partido quedará establecida en Pontevedra. 
     Réstanos agora por examinar brevemente a cuestión dos galeguistas que quedaron ó marxe do P.G. Polo de pronto o deputado pola provincia de Ourense, González Salgado, que formou parte da Mesa da Asamblea de Constitución, non se integrou. Non ingresaron tampouco algúns destacados membros de F.R.G., caso de Antón Villar Ponte, o ilustre médico Novoa Santos, e o Rector da Universidade compostelana, Rodríguez Cadarso, reputados galeguistas todos eles (46). Igual actitude adoptaron, o economista Luis Peña Novo que estaba afiliado á Unión Republicana (47), e o que fora destacado membro das Irmandades no Ferrol e representante da liña nacionalista dentro do P.S.O.E., Xaime Quintanilla, que tiña os seus seguidores, inda que eran máis ben escasos (Marcial Fernández, p.e.) (48). Tampouco entraron no P.G. o pintor santiagués Carlos Maside, nin o presidente do Seminario de Estudos Galegos, Salvador Cabeza de León. Ó cabo, algúns membros das Irmandades da Fala da Coruña abandonaron esta cando acordou ingresar no P.G., seguramente —sen que poidamos afirmalo con total seguridade— por seren partidarios dunha liña de galeguismo cultural exclusivo (49).




NOTAS


(1) Víctor Casas, «De Momento», A.N.T., 1-XI-1931.
(2) Víctor Casas, «Historia sintética do boletín A Nosa Terra», NOS, VII, XII-1935, Nº 139-44, pp. 183,184.
(3) «Ao paso dun rumor», A.N.T., IX-1932, páx. 1.
(4) Introducción aos documentos da I e II Asamblea do P.G.; Xaneiro 1933, Folleto editado por NOS, publicacións galegas e imprenta.
(5) Emilio Ferreiro Miguez, «Verbas da Mocedade»; Heraldo de Galicia, 28-V-1934, páx. 1.
(6) Carta de Alvaro de las Casas a Bóveda, dada a 21-VIII-1931; Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 3).
(7) Borrador de acta tomada por Bóveda na xuntanza da dirección do P.G. de Pontevedra, celebrada o 31-X-1931. Arquivo do P.G.
(8) E.P.G., 11-I-1931, páx. 6.
(9) Reunión celebrada o 17-X-1931. Arquivo do P.G.
(10) E.P.G., 26-XI-1931.
(11) «Política Gallega»; E.P.G., 2-XII-1931, páx. 1
(12) Vicente Risco, «Pontevedra y el Nacionalismo gallego»; Heraldo de Galicia, 7-XII-1931, páx.1.
(13) A.N.T., 1-XII-1931.
(14) «Do Momento», A.N.T., 1-XI-1931.
(15)  Ibídem. 
(16) Conferencia de Víctor Casas glosada en A.N.T, 1-XII-1931.
(17) E.P.G., 1-XII-1931, páx. 14.
(18) E.P.G., 2-XII-1931, páx. 9.
(19) E.P.G., 4-XII-1931, páx. 12.
(20) «La Asamblea del Partido Galleguista»; E.P.G., 5-XII-1931, páx. 4.
(21) E.P.G., 30-IV-1931, páx. 6.
(22) «La Asamblea Galleguista»; E.P.G., 3-XII-1931, páx. 1.
(23) E.P.G., 6-XII-1931, páx. 1; 8-XII-1931, pp. 9, 14.
(24) A.N.T., 1-I-1932, pp. 2 e segts.
(25) A enmenda aprobada ía no senso de amplia-la participación dos emigrantes; no Proxecto dicíase: «Voto dos emigrados pra elección de esta diputación», en tanto que na enmenda incorporada ó Programa quedou: «Estudo d-unha fórmula que permita ôs emigrantes ter representación directa na organización política de Galicia». (Vide Anexo Doc. 2)
(26) Vide no Anexo Doc. 2, apartado V, artigo 7º.
(27) Programa do Partido Galeguista (Vide Anexo Doc. 2).
(28) Pasa ó III no Programa definitivo.
(29) Pasa ó VI no Programa definitivo.
(30) No Proxecto dicíase ambígua e cautelamente: «Ensaio» dun imposto fiscal progresivo sobre a renda.
(31) No Programa definitivo ocupará o artigo 4º; ten un sentido indubidablemente progresista: «Creación de un imposto progresivo sobre da renda».
(32) Pasa ó VII no Programa que resulta aprobado. 
(33) Dicía o Proxecto: «Foros. Liquidación do probrema foral mediante a extinción de rendas forales sobre a pequena propiedade, outorgando unha moderada indemnización do Estado ó dominio directo.»
(34) Compre advertir que a cousa non quedou exactamente así no Programa aprobado. Por un lado, no Título II recoñecíase a igualdade de dereitos civís para a muller; ¡pero só para a muller casada no caso de emigración do marido!; é dicir, exactamente igual que no proxecto.
(35) «Galicia, célula de universidade. Anti-imperialismo, super-estatismo, pacifismo», que ficou igual a excepción do «super-estatismo», trocado por «federalismo intemacional».
(36) «Trascendental asamblea galeguista en Pontevedra»; Heraldo de Galicia, 7-XII-1931, páx. 1.
(37) Logo veremos que Villar Ponte permanecerá na Orga até ben avanzado o segundo bienio.
(38) E.P.G., 8-XII-1931, páx. 9.
(39) «Opiniones», E.P.G., 6-XII-1931, páx. 1.
(40) «Opiniones», E.P.G., 8-XII-1931, páx. 1.
(41) «La Asamblea Galleguista», El Compostelano, 7-XII-1931, páx. 2.
(42) «La Asamblea Galleguista de Pontevedra»; El Ideal Gallego, 8-XII-1931, páx. 8.
(43) «La Asamblea Galleguista. Enseñanzas provechosas»; El Ideal Gallego, 9-XlI-1931, páx. 3.
(44) La Voz de Galicia; 9-XII-1931, páx. 8. Xa o día anterior publicara unha nota máis breve.
(45) «Opiniones sobre la Asamblea galleguista de Pontevedra»; Heraldo de GaliIcia, 14-XII-1931, páx. 1.
(46) Enciclopedia Gallega, voz «Federación Republicana Gallega», T.11, páx.199.
(47) E.P.G., 28-I-1936, páx. 14.
(48) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-V-1978.
(49) A Asamblea na que se produciron estas baixas tivo lugar o 7 de xeneiro de 1932. Por certo que a Irmandade da Fala da Coruña non quedou nominalmente disolta ó convertirse en Delegación do P.G. naquela cidade, conservando o seu nome en sinal de recoñecemento por ter sido a iniciadora do movemento das Irmandades. A.N.T., 1-II-1932.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega