O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I)

Páxina Anterior

("3.4. Socioloxía do P.G.")

Páxina Seguinte

v3xaviercastroencrucillada009.html

 

  3.4. Socioloxía do P.G.

    
Para coñecer ben a natureza do partido obxecto de análise, non cabe dúbida de que constitúe un instrumento privilexiado determina-la profesión dos seus adherentes. Non se conservan as fichas de afiliación nas que constaba a profesión, de maneira que o labor de establecer un censo de militantes agrupados por categorías socio-profesionais resulta notablemente árduo e dificultoso. Habida conta do cal o procedemento que nos vimos obrigados a empregar non puido ser outro que o atento e paciente exame de varias publicacións (1), que, moi de cando en cando, ben sexa en guías profesionais ou ben en noticias e comentarios diversos, aportaban algún dato; completámo-la lista así obtida elaborando unha relación de membros do P.G. que aparecían mencionados nos distintos números da colección de «A Nosa Terra», sen precisa-la súa profesión, pero sí a súa condición de afiliados ó mencionado partido; feito o cal, no curso de prolongadas entrevistas presentámoslle este elenco aos galeguistas que foron destacados membros do mencionado partido (2).
     Os resultados así obtidos foron bastante positivos e completos, dado que sumados cobren toda a xeografía galega e pensamos que altamente fiables, pois —polo que fai á información obtida oralmente— tivemos múltiples oportunidades de contrastala coa documentación escrita, coincidindo sempre (hai que ter en conta que cada informante daba noticia exclusivamente dos galeguistas que coñeceu personalmente e que normalmente vivían na súa mesma localidade). Velaqui a lista de afiliados coa súa correspondente profesión:


Afiliado Poboación Profesión
Alvarez Blázquez, Emilio A Guardia Médico
Alvarez Limeses, Xosé Pontevedra Poeta e Escritor
Alvarez Limeses, Xerardo Pontevedra Inspector Escola
Alonso Ríos, Antonio Silleda Mestre
Alonso Rey, Xosé A Estrada Notario
Abeleira, Francisco Coruña Empregado
Alvarez Gallego, Xerardo Vigo Avogado-Procurador
Alvarez Gallego, Emilio Pontevedra Mestre
Alvarez Villamil Lugo Avogado
Acuña, Xosé Lois Ourense Mestre e Poeta
Bello Piñeiro, Felipe Ferrol Pintor
Blanco Alfaya, Xosé M.ª Redondela Perito Agrícola (tamén peqno. prop. agr.)
Brañas Cancelo, Pedro Santiago Estudiante
Beiras García, Amador Santiago Comerciante
Bóveda, Vicente Ourense Estudiante
Barros, Elías Vigo Avogado
Barral Otero, Jacobo Vigo Funcionario
Bouza Brey, Fermín A Estrada Xuiz
Basanta del Río, Pedro Pontevedra Enxeñeiro
Banet Fontenla, Manuel Santiago Notario
Balboa, Manuel Láncara Campesino
Beiras García, Manuel Santiago Comerciante
Bóveda, Alexandre Pontevedra Funcionario
Blanco Torres, Roberto Ourense Xornalista
Bouza Brey, Luis Vilagarcía Avogado
Barreiro Salaño, Francisco Santiago Perito Agrícola
Borrajo Dacal, Xosé F. Ourense Avogado
Barreiro, Xosé Bueu Executivo Fábrica
Brañas, Gonzalo Lic. en Dereito
Bouzas-Brey, Luis Vilagarcía Avogado
Carballeira, Xohán Bueu Xornalista
Castro Bono, R. Alfonso A Estrada Mestre
Carrón, Celso Lalín Comerciante
Cal Fernández, Avelino Redondela Empregado
Corredoira, Teolindo Lugo Estudiante Dereito
Calviño, Xosé Maria Lalín Carteiro
Cunqueiro, Alvaro Mondoñedo Escritor
Casal, Anxel Santiago Editor e Profesor
Cabada Vázquez, Xosé A Estrada Direc. Inst. e Poeta
Cruz Gallástegui, Unamuno Pontevedra Agrónomo
Carballo Calero, Ricardo Santiago Escritor e Avogado
Cañizo, Manuel Vigo Veterinario
Conde, Xesús Vigo Empregado
Cabirta Otero, Ramón Arcade Mestre
Colmeiro, Manuel Silleda Pintor
Casado, Luis Santiago Fotógrafo
De las Casas, Augusto Ourense Avogado e Poeta
De las Casas, Alvaro Noia Cat. de Instituto
Castro, Plácido Ramón Coruña Escritor
Caamaño, Amancio Pontevedra Médico
Casas, Víctor Pontevedra Viaxante-func. do P.G.
Domínguez, Eloy A Guardia Industrial
Díaz Valiño, Camilo Santiago Pintor
Delgado Gurriarán, Florencio Córgomo Avogado
Eiroa, Xosé Cecebre Escultor 
Fernández, Constantino Ribadeo Estudiante
Fernández, Ramiro PoI (Lugo) Mestre
Fuertes, Xerardo A Cañiza Peqno. propietario
Fole, Anxel Lugo Escritor e Estudiante
Fernández Borrajo, Benigno Ourense Empregado
Fernández Borrajo, Xosé Ourense Avogado (Bufete part.)
Fernández Pimentel, Xosé Lugo Químico
Fernández Urgarri Cira Obreiro
Ferro Couselo, Xesús Cordeiro (Valga) Prof. Instituto
Fraguas, Antonio Santiago Direc. Instituto
Falcoeira Mestre
Fernández del Riego, Francisco Vigo Prof. Universidad
Fernández Fernández, Antonio Vigo Enxeñeiro
Fernández, Horacio Ferrol Mestre
Fernández López, Antonio Lugo Enxeñeiro
Filgueira Valverde, Xosé Pontevedra Cat. Instituto
Fernández Oxea, Xosé Ramón Sta. Marta de M. Mestre
Fernández Losada, Odilo Ourense Peqno. Comerciante
Fontán, Xavier Barro Médico
González Aller, Servando Lugo Avogado
Goyanes, Horacio Lalín Avogado
González García-Paz, Sebastián Pontevedra Lic. Filos. e Profesor Universitario
González Pastoriza Vigo Avogado
González R. Manuel Soutolongo, Lalín Mestre
Gómez Román, Manuel Vigo Arquitecto
Galera, José Viveiro Mestre
Goyanes, Xosé Ourense Avogado
García Cabezas, Carlos Pontevedra Médico
Gómez Reinaldo Lugo Pqno. Comerciante
García Vidal, Xosé Pontevedra Avogado Deputación
Gil, Alvaro Pontevedra Empregado Deputación
González, Ricardo Láncara Campesino
Gastañaduy, Francisco Pontevedra Avogado e Funcionario da Facenda
Gastañaduy, J Pontevedra Farmacéutico
Gil Varela, Emilio Lugo Enxeñeiro
González, Claudio O Barco Labr. e pqno. prop.
Gayoso, Xosé O Barco Mestre
González, Dario Pontevedra Estudiante
Gómez García, Xosé Ourense Perito Agrícola
García Pereira, Nicolás Ferrol Profesor
González Salgado, Eleuterio Ourense Mestre
García Núñez, Segundo O Barco Avogado
Hermida Alvarez, Xosé Axente Comercial
Iglesias Alvariño, Aquilino Vilagarcía Poeta e Profesor
Iglesias Vilarelle, Antonio Pontevedra Empregado
Iglesias, Enrique Pontevedra Empregado
Illa Couto, Ramiro Reprs. Comercio
Illa Couto, Xaime Vigo Avogado
López Durá, Xoán Santiago Avogado e Prof. Univ.
López Cuevillas, Florentino Ourense Farmacéutico e Prehistoriador
López Otero, Casto Tui Empregado
Lourenzo, Xaquín Ourense  Lic. Filosofía e Etnógrafo
López Viador, Xesús Nadela (Lugo) Campesino
Losada Castelao, Xosé Rianxo  Mestre
Losada Fernández, Claudio Pontevedra Médico
López y López, Ramiro Páramo (Lugo) Estudiante
López Trasancos, Arturo Ourense Médico
López Roca, Xermán Vigo Repres. Comercio
López Noguerol Lalín Avogado
Lino Sánchez, Xosé Pontevedra Avogado
Ledo, Manuel Monforte Labrego
López Rouco Camanzo Labrego
Manteiga, Severo Barcala Mestre
Martínez Doval, Angel Ourense Lic. Filosofía e Propietario dun Colexio
Moreira, Xosé Vilagarcía Médico
Mosquera, Evaristo Pontevedra Func. da Facenda
Mosteiro, Salvador A Coruña Méd. Odontólogo
Morales, Maria Luz Barcelona Period. e Escritora
Martínez López, Ramón Lugo Cat. Instituto
Mucientes, Gonzalo Pontevedra Empregado
Mejuto, Xavier Madrid Periodista
Montero, Xosé Vigo Empregado
Moreiras, Manuel  Conces. Fáb. A Barxa
Míguez, Antonio Profesor
Morandeira, Ramón Santiago Prop. Hotel Europa
Martínez Risco, Vicente Ourense Lic. Dereito-Filosofía, Escritor e Catedrático
Noya, Celestino O Grove Lic. Filos. e Letras e Escritor
Neo Rodríguez, Xosé Rois Médico
Núñez Búa, Xosé Vilagarcía Avogado e Direc. Col.
Núñez Rodríguez, Bernardino Viveiro Obreiro
Obella Vidal, Ramón Bastabales Médico
Outeiriño, Xosé Ourense Periodista
Ortiz, Ernesto Ourense Prof. Instituto
Otero Pedrayo, Ramón Ourense Cat. Instituto
Pita, Emilio Poeta
Pedret Casado, Paulino Santiago Escritor e Sacerdote
Peinador Lines, Enrique Mondariz Empresario
Pardo, Xavier A Coruña Pqno. Comerciante
Pardo Ciorraga, Carlos A Estrada Enxeñeiro
Pereira, Francisco Redondela Farmacéutico
Pereiro, Maximiliano Vigo Fab. Chocolates
Pas S., Xan Mestre
Pantaleón, Eduardo A Guardia Comerciante
Pérez Prieto, Claudio Ribadeo Farmacéutico
Pérez González, Roxelio Pontevedra  Inspector Escolas
Peña Rey, Manuel Ourense  Médico
Paz Andrade, Valentín Vigo Avogado
«Pitorro» Bueu Empresario Transp.
Prada Losada, Xaime Debuxante
Pita, Emilio Bós Aires Administrativo
Pousa Antelo, Avelino Negreira Mestre
Pintos Míguez, Antón Baión Médico
Pardo e Pardo, Benigno Monforte Mestre
Pulido, Carlos Ourense Emp. da Facenda
Parga Pondal Químico
Pena Rois, Xaquín Melide Perito Agrícola
Paz Sueiro, Xoán Lalín Mestre
Quiroga, Pablo A Rúa Farmacéutico
Quintela Novoa, Xermán Vilagarcía Médico
Ramos Coleman, X.L. Ourense Notario
Rivero, Carlos Pontecaldelas Periodista
Rivaya Riaño, Lois Valdeorras Avogado
Rivadulla, Benito Chantada Empregado Banca
Romero Cerdeiriña Ourense Notario
Rodríguez Somoza, Ramón Santiago Médico
Ramos Coleman, Anxel Ourense Estudiante
Rodríguez Castelao, Manuel Rianxo Mestre
Rodriguez Castelao, Daniel A. Pontevedra Médico, Funcionario e Artista
Sigüenza Raimúndez, Xulio A Cruña Periodista e Poeta
Suarez Delgado, Luis Barcelona Viaxante
Souto, Arturo Vigo Pintor
Seoane, Luis Santiago Pintor e Avogado
Sánchez Puga, Xosé Pontevedra Empregado
Sánchez Puga, Ismael Pontevedra Empregado
Soto Valenzuela, Xavier Vigo Apoderado Fábrica Conservas
Segundo García O Barco Avogado
Santiso Girón, Laureano Lugo  Avogado
Somoza, Alfredo Viaxante
Segade, Xoan Ourense Axente de Ventas
Sánchez Taiz, Carlos Monforte Avogado
Suarez Picallo, Ramón Sada Avogado
Saco, Cesáreo Monforte Mestre
Suarez Picano, Xohan A. Sada Mariñeiro
Tomé, Xusto Vigo Comerciante
Taboada Bande, Manuel Páramo (Lugo) Taberneiro
Tobío Fernández, Luis Santiago Lic. Dereito, Prof. Universitario
Taboada Roca Melide Farmacéutico
Temes, Ovidio Vigo Apod. Fáb. Conservas
Taibo García, Victoriano Vigo Mestre e Poeta
Varela Docampo, Bernardino A Coruña Marino Mercante
Vidal Martínez, Xoan Pontevedra Mestre e Poeta
Villaverde, Luis Vilagarcía Comerciante
Vázquez Martínez, Gonzalo Arbo Avogado
Vidal, Enrique Lalín Catedrático
Valenzuela, Ramón Lalín Estudiante de Dereito
Vázquez, Xosé Mª Avogado
Vidal Losada, Máximo Mestre Est. Dereito
Vilela Pena, Xosé Cota (Lugo) Empresario
Villar Ponte, Antón A Coruña Lic. Farmacia e Periodista
Varela, Benigno Lugo Avogado
Vázquez Martínez, Alfonso Arbo Cat. Instituto
Valcárcel, Manuel A Rúa Piloto e Poeta
«Vascuas» Fonsagrada Segret. Axuntamento
Vázquez Monxardín, Alfonso Ourense Repres. Seguros
Villar Ponte, Ramón Viveiro Lic. Hist., Profesor
Varela da Costa, Xosé Vigo Xastre
Vázquez Alonso, Luis Escudeiros Mestre
Xiráldez Redondela Mestre

 

     De toda esta relación nos podemos tirar conclusións terminantes nin matemáticamente exactas, porque, por suposto, dista de ser completa. Quizais non sería un despropósito establecer porcentaxes entre as distintas profesións, en razón de que o cálculo non diferiría seguramente moito da verdadeira composición deste partido, posto que o método aleatorio asistemático seguido para a obtención destes datos permite pensar que o marxe de erro sería escaso (3). De tódolos xeitos queremos mellor darlle un valor meramente indicativo a estes resultados.
     Do total de 213 membros do Partido Galeguista dos que coñecemos con exactitude a súa profesión, vemos que abundan moito os titulados universitarios (perto de 76) entre os que os avogados ocupan un capítulo especialmente numeroso (arredor de 33), seguido dos médicos (14), licenciados en Farmacia (5) e Filosofía (5). Polo que fai á ocupación laboral obsérvese que cinco son profesores universitarios e outros cinco de Instituto, a maioría desempeñan profesións moi variadas (químicos —2—, agrónomos —1—, etc.), e hai un crecido monto do que poderiamos chama-Ias élites profesionais, composto de xuices, notarios, enxeñeiros, catedráticos, arquitectos, que suman un total de 19, ó que poderiamos engadir 3 directores de Instituto e outros 2 de colexios privados. E tamén apreciable o número de titulados medios: 4 peritos agrícolas e 31 mestres. Un total de 30 son poetas, artistas, ou escritores, 7 son periodistas, 1 é editor, e outros 2 son arqueólogos, prehistoriadores e etnógrafos (habendo moitos máis que colaboran esporádicamente nestes mesteres). 
     En conclusión temos que o sector máis vasto pertence ó que xenericamente podemos denominar clase media intelectual, con predominio dos profesores (4).
     Engrosarían este continxente algúns funcionarios (das Deputacións, das Delegacións Ministeriais —de Facenda principalmente— e en menor medida dos Axuntamentos), asalariados dos servicios (1 mariño mercante, 10 representantes e viaxantes, 13 empregados, 1 carteiro) e tres administrativos. Tamén podemos incluir neste apartado a 13 pequenos comerciantes, 1 xastre, e 2 apoderados de fábricas de conservas.
     A burguesía industrial e comercial está moi escasamente representada. Hai soamente 1 propietario dunha empresa de transportes, outros 2 respectivamente dun hotel e dun balneario, e 5 fabricantes.
     É, asimesmo, significativo que só haxa un sacerdote, un mariñeiro e 2 obreiros, en tanto que o número de campesinos, 6, non resulta en modo algún apodíctico segundo outras informacións complementarias que pasaremos logo a analisar (5).
     Adiquemos tamén unha somera análise ás profesións dos dirixentes galeguistas. Case todos son licenciados universitarios, rexistrándose un predomínio dos avogados (Paz Andrade, Carballo Calero, Banet Fontenla, Vicente Risco, X. Álvarez Gallego, Benigno Varela, e Lois Tobío Fernández) e, en segundo lugar, dos licenciados en Filosofía e Letras (Ramón Villar Ponte, Otero Pedrayo, Núñez Búa, Martínez López, Vicente Risco —con doble licenciatura— e Filgueira Valverde ). Entre os titulados en Direito hai tamén algún notario (Banet Fontenla), varios se adican ó exercicio liberal da avogacía (Paz Andrade, Álvarez Gallego, Suárez Picallo, Benigno Varela), e algún sitúase como profesor universitario (Lois Tobío), en tanto que a maioría dos de letras funxen de profesores (Ramón Villar Ponte, Núñez Búa, Risco, Martínez López, Filgueira), sendo algúns deles catedráticos de Instituto (Martínez López, Otero Pedrayo, Risco —da Escola Normal—, Filgueira).
     Dirixentes de alta cualificación profesional, provintes de carreiras técnicas había varios: Gómez Román, arquitecto, Pedro Basanta, enxeñeiro; con menor cualificación estaba Alexandre Bóveda, que era técnico do Ministerio da Facenda. Había tamén médicos  (Castelao, Arturo López Trasancos) e titulados medios: Alonso Ríos (mestre). Finalmente, un propietario (Enrique Peinador), un periodista (Antón Villar Ponte —que tiña título de licenciado en Farmacia—), un escritor Plácido R. Castro, e algúns representantes ou dependentes de comercio (Ramiro Isla, Víctor Casas  —que pasa  pronto a ser funcionario do P.G.—).
     Resultará tamén ilustrativo facer unhas consideracións sobre o medio socio-familiar e profesional do que proveñen os principais  ideólogos e dirixentes galeguistas. Dito doutro xeito, averiguala súa extracción social.
     Non son poucos os líderes galeguistas que pertenecen a familias rurais ou vilegas, propietarias de rendas e de terras; é a fidalguía  rural da que eles son os últimos vástagos; temos un cadro moi gráfico do seu entorno xenealóxico na literatura naturalista, e moi especialmente en «Los pazos de Ulloa» de Pardo Bazán. AIgúns destes xurdios galeguistas expresan o tránsito do arcaísmo á modernidade, da aldea á cidade, de fidalgos foristas (e especialmente subforistas)  a pequenos burgueses. Velaí como a súa ideoloxía terá tamén este doble compoñente: por un lado son científicos (historiadores, arqueólogos...) ou literatos embebidos nas máis novedosas correntes europeas, son homes cultos e ben informados, pero, por outro as
señardadas das súas orixes lévanos a mitifica-Io pasado de Galicia e a facer un canto épico dun mundo idílico, metade soñado, metade  real, que estivo conformado polas pautas da fidalguía. A literatura de Otero Pedrayo é o mellor expoñente deste espirito afidalgado e  antiburgués. Polo demais, anceian unha Terra farta e petrucial, cunha nova vixencia da parroquia, do gremio e da compañía familiar labrega (6), coa reviviscencia do espírito auténtico de Galicia, e  polo tanto da língua e cultura tradicional galegas, que non encarna  máis que nos labregos e na fidalguía.
     Neste sector de oriundos da fidalguía, «aggiornados», convertidos en profesores ou profesionais liberais, temos a Otero Pedrayo, afeito a escribir ó carón dun carballo do seu pazo de Trasalba; ou a Vicente Risco, nacido en Allariz, nunha familia do tipo que indicamos, cun pai avogado e propietario de moitas leiras, que xuntara un importante patrimonio coas terras gananciais aportadas pola súa dona igualmente fidalga (7); igual berce tivo Alvaro de las Casas, dono dun pazo en Esposende (Ribadavia), que gustaba de escribilas súas cartas nun papel que levaba impreso o seu blasón (8); polo demais, educado nunha mentalidade nobiliaria de lealdade á Monarquía, tardou moito en adherirse ó republicanismo. E non nos esquenzamos dos irmáns Villar Ponte, Antón e Ramón, nacidos no seo dunha familia de Viveiro que se beneficiaba de considerables  rendas e terras; con este nexo Antón rompe dende moi temperán, marchando a Cuba, para facerse periodista de ideas avanzadas, liberais, republicanas e galeguistas; non así Ramón, que permaneceu ligado ó ambiente familiar, sendo moi católico e non moi progresista (9).
     Hai tamén outro compoñente na cúpula dirixente do galeguismo. Son os fillos das clases medias urbanas; un Filgueira Valverde que tivo por proxenitor a un médico ben situado (10), un Pío Ramón Oxea (Ben-Cho-Shey), que descendía dun profesor da Escola Normal de Ourense (11), tamén un Florentino L. Cuevillas de ascendencia igualmente mesocrática, ou Gómez Román, antigo membro da «Liga de Defensores de Vigo»(12). Semellante condición teñen Xerardo Álvarez Gallego e Castelao, pero no caso deste último compre matizar algo. O seu pai era mariñeiro e non nunha cidade, senón na vila costeira de Rianxo; tivo que emigrar a Arxentina e voltou con cartos abondo como para asegura-la posición do seu fillo e mandalo á Universidade. Ámbolos dous, Álvarez Gallego e Castelao, comparten unha mentalidade semellante (e tamén en común teñen a súa condición funcionarial e de licenciados) que os fai refractarios ó espírito do avolengo fidalgo. Deste xeito, Castelao fai seu, reproduce (e parécenos crer que tamén ilustra gráficamente)  un párrafo do que era autor A. Gallego, e que rezaba o seguinte: «o albre xenealóxico d'unha vaca leiteira vale moito mais que o albre d'un aristócrata»(13).
     No fleco inferior desta clase media, xa lindando co estrato mais baixo dos asalariados, atopamos a Alexandre Bóveda, fillo dun menestral, carpinteiro en Ourense, que ó igual que o pai de Castelao, tivera que emigrar para que o seu fillo puidera aproveita-lo seu talento cursando unha carreira da grado medio (perito mercantil) para poder facer despois oposicións á Facenda (14).
     Cabería preguntarse como puideron harmonizarse estas dúas maneiras tan distintas de ve-lo mundo e a vida. Pois da mesma maneira que conviviron sempre, no galeguismo, accidentalistas e republicanos, laicistas e confesionalistas, esquerdistas e conservadores: poñendo a «Patria común» por riba de calquera outro factor de discrepancia. Pois, para eles, a consigna era: ¡Galicia ante todo!

Representación por medio dun «Gráfico de Bastóns» da
Composición Social do P.G., cun Valor Aproximativo

 

A

Clase media intelectual

F

Mariñeiros

B Clase media baixa G Burguesía industrial e comercial
C Administrativos e funcionarios H Cregos
D Labregos I Obreiros
E Pequenos comerciantes


(80: moitos; 50: bastantes; 30: algúns; 10: poucos; —10: insignificantes).

 

     Adentrarémonos a continuación na cuestión dos grupos económicos e sectores sociais que apoian ó P.G. Para determinar uns e outros valerémonos aquí das fontes orais e escritas. Entre estas últimas cómpre destacar especialmente «A Nosa Terra» que curiosamente acolle nas suas páxinas a casas comerciais e firmas industriais por medio da inserción de anuncios pagados. Podería obxectarse que as entidades anunciantes non teñen necesariamente que apoiar a este partido polo mero feito de anunciarse no seu órgano de expresión. Agora ben, o feito de que os mesmos anuncios aparezan sempre en galego e ininterrumpidamente durante varios anos, como sucede en non poucos casos, e asimesmo o acendrado carácter galeguista dalgúns deles (15), sumado a que, —non o esquenzamos— se anuncian nun voceiro vencellado orgánica e expresamente ó P. G., deberá bastar para disipar calquera sombra de dúbida que razonablemente puideramos concebir.
     Hai ademais un dato que nos confirma que tódalas firmas comerciais e industriais que se anuncian en A.N.T. ou estaban vencelIadas ó P.G. por seren propietarias delas membros deste partido, ou, cando menos, tiñan unha certa simpatía que permitía ós adherintes do P.G. que traballaban nelas conqueri-lo seu beneplácito para paga-lo anuncio; este dato dánolo a propia A.N.T. que, apremiada por dificultades económicas, recaba a axuda dos máis pudentes sectores do partido nestes termos: «os industriales, comerciantes e profesionais en xeral, que pertenezcan ó Partido, terán unha  rebaixa nos seus anuncios que non deberán faltar» (16).
     Velaí pois a lista de entidades anunciantes:
     —Colexio «León XIII» - Vilagarcía.
     —Academia «Xelmírez» - Santiago (Colexio-Residencia).
     —Librería «Cincke Hermanos» - Coruña.
     —Tenda de obxectos artísticos e vaixelas «Casa Mariño» - Pontevedra.
     —Ferretería «Fillos de H. Hervada» - Coruña.
     —Tenda de paquetería e camisería «Vicente López» - Santiago.
     —Talabartería «Veiga» - Santiago.
     —Almacens «Olmedo» (Casa importante con comercios en Pontevedra, Vigo, Coruña, Ourense e Lugo).
     —Comercio de accesorios de automóviles «Gonzacoca», ó mesmo tempo, Compañía de Seguros «La Equitativa» - Vigo.
     —Almacén de viños «Viños Parras» - Coruña e Ferrol.
     —Almacén de tecidos «Nuevo Mundo» - Coruña.
     —Comercio de artículos para barcos pesqueiros «Paulino Freire», central en Bouzas - Vigo, e sucursal na Coruña.
     —Axencia galega dunha empresa estranxeira de impermeabilizantes «Waterstop».
     —Axencia comercial de aduanas «Vda. de Pio S. Carrasco» - Vilagarcía.
     —Empresa consignataria de buques «Curbera y Lorenzo» - Vigo.
     —Alvaro Vázquez, consignatario dos aceites «Ibarra y Cía.» e axente da Cía. de Seguros «Aurora».
     —Consignatarios de Carbones, Sal e Gas-Oil, «Suarez y Cía., S.A.» - Vigo.
     —Empresa consignataria, axencia de aduanas, expedición, tránsitos e seguros marítimos, «A. Cardona» - Vigo.
     —Distribuidor de recauchutados «Villazón» - Ourense.
     —Distribuidor de neumáticos «Superneumáticos India» - Ourense.
     —Comercio de zapatería «Calzados Mosquera» - Ourense.
     —Restaurante «La Marisquería» - Vigo.
     —Restaurante «Casa Pepe» - Vigo.
     —Café «Galicia» - Coruña.
     —Hotel «Europa» - Santiago.
     —Laboratorio de Análises Clínicas «Fernández Martínez» - Ourense.
     —Peluquería - Coruña.
     —Peluquería «Amador» - Ourense.
     —Peluquería «Salón de peinados Alejandro» - Ourense.
     —Farmacia «Lugrís» - Coruña.
     —Droguería «Fábrega» - Ourense.
     —Xastre «Pazos» - Vigo.
     —Xastrería «Xastrería Miguel» - Ourense.
     —Grupo Musical «Os Tempranos de Eirís» - Coruña.
     —Imprenta - Betanzos.
     —Imprenta - Pontevedra.
     —Obradoiro de mármore «Fillo de Francisco Piñeiro» - Ourense.
     —Fábrica e comercio de viños tostados galegos, «Emilia Pardo Bazán» e «Concepción Arenal» - Vigo.
     —Dentrífico (probablemente fábrica) «Perborato dental Castillo».
     —Fábrica de deterxente «Jabolio» - O Barco.
     —Fábrica de aserrados de madeira «La Erizana» - Vigo.
     —Fábrica de chocolates «Gloria» -Vigo.
     —Fábrica de cervexas «A Barxa» (filial de cervexas de Santander) Vigo.
     —Fábrica de calzados «A Senra» - Coruña.
     —Fábrica de chocolates - Santiago.
     —Fábrica de chocolates «Antonio Alvarez» - Ourense.
     —Banco Pastor - Coruña.
     —Banco «Alves, Cardoso y Compañía, Banqueiros, Cambio, Banca, Bolsa» - Vigo.
     —«Caja de Ahorros Provincial de Orense» - Ourense (17).
     
     OlIamos como hai un pequeno fato de comerciantes, almacenistas e tendeiros que apoian o proxecto político que encarna o P.G. Salvo algunha que outra excepción, como a dun Enrique Peinador (18), propietario do balneario de Mondariz, de gran categoría naquel tempo —alí tomaba as augas o dictador Primo de Rivera— que estaba afiliado ó P.G. e o financiaba economicamente (19), en xeral trátase de pequenos establecementos e algún que outro mediano, sen que poidamos precisar tampouco demasiado.
     Na lista de adherintes víramos como había varios pequenos comerciantes aínda que predominaban os dependentes e viaxantes de comercio. Na cidade de Ourense temos noticias orais (20) de que entre os comerciantes había algúns que eran simpatizantes, e mesmo activos militantes do galeguismo. Esta mesma impresión transmitiunola Ramón Piñeiro para as cidades de Lugo e Santiago (21)

     De tódolos xeitos non debeu ser moi amplo o apoio dado polo sector dos comerciantes ó P.G.; en primeiro lugar —segundo os testimuños que puidemos recoller (22)— os comerciantes adoitaban ser en xeral xentes de dereitas, conservadores e partidarios do orde establecido e non fiarían demasiado nun partido que non só non se definía como de dereitas, senón que ademais establecía alianza coa esquerda; en segundo lugar, o propio P.G. quéixase do escaso número de comerciantes que fan a súa publicidade en galego (e suscriben implícitamente o ideal galeguista) (23); polo demais semella que un estimable número das persoas que se adicaban ás actividades comerciais en Galicia tiñan unha procedencia foránea, principalmente de Castela e da Maragatería. O propio P.G. insiste nelo; critica duramente a un gremio de comerciantes de Ourense —dos que asegura que na súa case totalidade eran casteláns (24)— por se-la única entidade que en Galicia protestou contra o Estatuto de Cataluña (25). Polo que respecta ós maragatos compre dicir que foron moi mal vistos polo P.G.; así dí Xohan A. Suárez:

«o pan ganado co noso esforzo e co noso sudor, que hoxe vai a encherlles o bandullo a maragatos, a ricachóns doutras letras, e aos que aquí comen o sangue e os hosos dos campesiños e mariñeiros.»(26).

     De todo elo cabe deducir que non debeu ter arraigo o P.G. entre estes comerciantes maragatos.
     Podemos considerar que sustenta a actividade do P.G. unha franxa do que poderíamos denominar burguesía intermediaria, constituida por empresas consignatarias (de carbón, sal e gas-oil; de aceites Ibarra, impermeabilizantes «Vaterstop») e de distribución de mercancías producidas fóra de Galicia (neumáticos «India», recauchutados «Villazón»). Hai tamén un pequeno fato de industrias que apoia a esta organización partidaria. Concretamente hai tres fabricantes de chocolates entre os anunciantes en A.N.T., e o que sí estamos en condicións de afirmar é que hai unha vontade do P.G. de erixirse en representante deste sector da industria. Ante todo o partido quere conqueri-la unión de todos estes fabricantes, a nivel galego, de sorte que se poidan defender mellor; a este efecto exhortaos a que se integren na «Asociación de Fabricantes de Chocolates de Galicia» (27). Polo demais, moi significativamente, como veremos en detalle noutro apartado, o P.G. intervén politicamente para conquerir facilidades de importación do cacao e, ó cabo, o abaratamento desta materia prima. A todo isto se engade as incitacións ós galegos para que consuman o seu chocolate.
     No sector da madeira observamos que algún predicamento tiña o P.G.; de feito este sector, constituido por gran cantidade de pequenos aserradeiros rurais que xeraban abundantes postos de trabaIlo, atopa no galeguismo dun defensor do seu mercado frente ás madeiras importadas do extranxeiro.
     Os demais empresarios galeguistas movíanse en áreas económicas diversas, cabendo destacar a Eloy Domínguez, home de gran fortuna e propietario dunha fábrica de cerámica en Catoira (28). Distinto é o caso do afiliado ó P.G. Alvaro XiI, persoa moi adiñeirada e vencellada a varias empresas, pero que non foi no período republicano —no que era un simple funcionario da Deputación— cando fixo a súa fortuna, senón na etapa da postguerra ó traveso da súa relación co grupo dos Fernández.
     Víamos que había tres bancos entre os anunciantes no órgano do P.G., un banco de Vigo, outro de Ourense —a caixa de Aforros—, e un terceiro da Coruña, o importante «Banco Pastor». Temos constancia documental de que esta entidade prestaba o seu apoio económico ó partido obxecto do noso estudio. Elocuentemente o Banco Pastor pagaba anuncios non só en A.N.T., senón noutras publicacións de signo galeguista; é igualmente sintomático que o P. G, realizase a maioría das súas operacións económicas na casa Pastor, tendo nela os seus fondos e xestionando ó seu traveso as actuacións con vistas á compra de «El Pueblo Gallego (29)». Sabe mos tamén que D. Ricardo Pastor era home de conviccións liberais e de sentimento galeguista que tivo problemas co franquismo, chegando a ser deposto desta institución para ser reemplazado por un parente seu, adicto ó novo réxime, D. Pedro Barrié (30). Para rematar, atopamos entre unhas anotacións económicas de Alexandre Bóveda, unha referencia clara ó dono deste Banco indicándose que aportara a importante cantidade de 5.000 pts. para contribuir a sufraga-la campaña electoral do Partido Galeguista en novembro de 1933 (31). Por todo elo pensamos que estamos en condicións de afirmar que a maior entidade financieira da Galicia republicana, o Banco Pastor, suscribía o proxecto político encarnado polo P.G., Agora ben, cómpre tamén sinalar que este apoio non permeneceu fiel ó longo de toda a andadura política deste partido. En efecto, cando o Partido Galeguista, tras da súa III Asamblea, escomenza a escorar cara a esquerda, aliándose con forzas que presumiblemente debían resultar ben pouco gratas para os intereses deste importante banqueiro, podemos conxeturar razonablemente que lle retirou o seu apoio. Fundamentamos esta apreciación no feito de que en coincidencia co xiro esquerdista do P.G., deixan de publicarse anuncios do Banco Pastor en A.N.T., cando ata ese momento apareceran de maneira practicamente ininterrompida. Concretamente a partir do nº 358 de A.N.T., correspondente ó 23 de marzo de 1935, non voltaremos a atopar ningún anuncio deste banco.
     Por outra banda o Partido Galeguista logrou implantarse nunha certa medida no dificilmente penetrable sector do campesinado. Na lista de adherintes que presentamos víramos que había catro ou cinco labregos. Victor Casas declaraba a este respecto que existían no P.G. grupos labregos (32). Ó entrevistar ós que foron membros do P.G. déronnos testimuños de algo que polo demais resulta de elemental lóxica: como regla xeral nos Grupos e Delegacións de parroquias rurais predominaba o elemento campesino. De maneira que podemos colexir en principio que había labregos afiliados ó P.G. nas seguintes localidades:
     Provincia da Coruña: Ames, A Baña, Vedra, Brión, Trazo, Comarca de Ordes, Abegondo, Cambre, Oleiros, Bergondo e Comarca de Miño.
     Provincia de Pontevedra: Cotobade, Catoira, Portas, Tomiño, As Neves, Arbo, A Cañiza, Soutomaor, Comarca de Lalín, e Meis.
     Provincia de Lugo: Láncara, Muras, Cospeito, Friol, Guntín, Antas de Ulla, Monterroso, Taboada, Carballedo, Sober, Samos, Triacastela, Baralla, Páramo, Castroverde.
     Provincia de Ourense: Cea, Cenlle, Melón, Bande, Lovios, Barbadás, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, Esgos, Maceda, A Vega, Cualedro, Chandrexa, Vilamartín, Trasmirás, A Merca, Beade, San Amaro, Maside, Toén.
     Temos, ademais, informacións concretas aínda que fragmentarias. Sabemos que en Sta. Cristina de Vilariño (concello de Pereiro de Aguiar) estaba afiliado un grupo de «labregos probes (33)»; en Barcala ingresara no P.G. a «Xuntanza Cultural Barcalesa», sociedade agraria e cultural con máis de cen adherintes, na súa maior parte labregos (34); temos tamén testimuños de que nos Grupos de Vilagarcía e Baión había campesinos (35) e, asimesmo, de que o Grupo de Campelo (Poio) contaba coa afiliación de case toda a parroquia (36), que era eminentemente campesina; predominaba tamén o compoñente labrego nos Grupos parroquiais de San Mamede de Grou e San Xes de Lobeira (37), e completamente labrega era a Sociedade Agraria de San Vicente de Lobeira, que estaba vencellada ó P.G. (38). Había tamén membros deste sector social nos Grupos de Láncara (39), Asados e Araño (40), e parece ser que tamén na comarca do Condado onde existían algunhas sociedades agrarias de inspiración galeguista (41). Ramón Piñeiro, nacido él mesmo no seo dunha familia de labregos de Láncara, dá conta de que existían campesinos afiliados en Nadela, Páramo e Gotá (42). Sabemos tamén que dos 50 afiliados do Grupo de Trazo, a maioría eran campesinos (43), como tamén o eran moitos dos membros do Grupo de Vilariño (44), de Bergondo (que tiña máis de 100 afiliados e era eminentemente labrego) (45), de Escudeiros (46), de Taboada (47), e de Carnota (48).
     Cuestión inextricable é a de sabe-lo tipo concreto de labregos que estaban afiliados ó P.G. Como teremos oportunidade de ver noutro capítulo, era frecuente que un campesino fora á vez pequeno propietario e usufructuario ou dono de foros e arrendamentos. Era sumamente raro o tipo de campesino puro que cultivase a terra nun único réxime de tenencia. Segundo puidemos averiguar (49), nos Grupos rurais plasmábase a escala reducida a fisionomía social dunha aldea galega: había labregos de todo tipo e condición, predominando os pequenos propietarios e arrendatarios.
     Polo que respecta ós mariñeiros todo parece indicar que debeu ser pequena a apoiatura que atopou neles o P.G. Nesta categoría social predominaba o influxo da C.N.T. e en menor medida dos socialistas, destes especialmente na zona do Ferrol, pero tamén nas Rías Baixas, Bueu por exemplo. (50).
     Do mesmo xeito que fixemos antes, podemos considerar tamén que nos Grupos galeguistas das vilas do litoral, habería mariñeiros. Segundo isto temos que mencionar: A Guardia, Baiona, Cangas, Bueu, O Grove, Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía, Rianxo, Noia, Sada, Marín, Boiro, Poboa do Caramiñal, Riveira, Muros, Carnota, Arteixo, Miño, Mugardos, Valdoviño e Ortigueira.
     Na documentación manexada atopamos escasas referencias á afiliación de mariñeiros ó P.G., o cal é —pensamos— de abondo significativo, aínda que sabemos que había algúns Grupos mariñeiros (51). Curiosamente temos información de que nalgunhas vilas e parroquias costeiras había labregos e sociedades agrarias relacionadas co partido. Así na zona do Pindo —onde se rexistraron moitos votos galeguistas nas eleccións de 1933 (52)— o P.G. dá unha xeira de mitins a requerimento dunhas sociedades agrarias e mariñeiras —sendo esta a única excepción ó sinalado enriba— que eran concretamente da comarca de Lira (53); labregos, tamén, había no Grupo da Poboa do Caramiñal (54), en Viveiro e Sada (55), onde destacaba o mariñeiro X.A. Suárez Picallo (irmán do diputado).
     A todo isto o gran ausente nas ringleiras galeguistas, eran os asalariados industriais. Soamente temos constancia da existencia de obreiros —sen mais detalles— no Grupo de Rianxo (56), no de Bergondo (57), e no de Viascón (58).
     Sorprende especialmente o escaso número de cregos que militaban ou simpatizaban co P.G., o que era unha carencia especialmente grave dado o enorme peso social que en Galicia tiña a Igrexa. Para comprobar se efectivamente a Igrexa estivo ó marxe do galeguismo, consultámo-los Boletíns da Diócese de Santiago (59), non atopando a menor alusión a esta cuestión, o que serve para corroborar que o tema efectivamente non preocupaba. Quizais esta institución, ademais das causas históricas, que apuntaremos logo, non consideraba ó P.G., coa súa mentalidade de non belixerancia na cuestión relixiosa, como un valedor suficientemente rexo, nun momento en que a problemática clerical se atopaba nun degrao máximo de efervescencia; e elo a pesares de que nas ringleiras do galeguismo militaban afervoados católicos como Filgueira, Risco e Pedrayo, ou xentes que como Núñez Búa nos anos 1920-21 fora propagandista do «Sindicato Católico Agrario de Vilagarcía» —dando xa daquela mítins en galego (60)—, ou ben Cruz Gallástegui que, se ben non coa mesma asiduidade que Rof Codina, colaboraba con algunha frecuencia nas revistas e boletíns dos sindicatos católicos (61).
     As queixas por incomprensión son a este respecto contínuas. Así Núñez Búa dicía que os católicos galegos ignoraban olímpicamente que dende había tempo publicábase en Galicia un boletín católico en galego, chamado «Logos», arredor do cal se agrupaba un fato de galeguistas cristiáns, e comparaba a súa actitude desapegada por contraposición á dos cregos vascos:


«Os cregos en Euskadi non se entregaron aos políticos hespañoles [...]. Os nosos cregos poderían adeprender eiquí (refírese ó País Vasco) no que consiste a perfeita comunión dos pastores cos seus feligreses, comprenderían como iles, desentendendose das vivas arelas do seu pobo, defensores e sostedores de xentes alleas, traicionan a sua misión e a sua terra. Istes nosos cregos que iñoran que fai anos se publica en Galiza un boletín católico en lingua vernácula, «Logos (62)».


     O distinto talante dos eclesiásticos en Galicia e no País Vasco, verbo do galeguismo e vasquismo respectivamente, ten unhas causas que ultrapasan o marco da segunda República para afundilas súas raíces no século precedente. O nacionalismo vasco, dende as súas orixes, fixo bandeira da defensa da relixión, e o seu principal teórico Sabino Arana chegou ó patriotismo ó traveso da Fe, e unicamente para servir á Fe (63). Nada tén pois de extraño que a Igrexa e os católicos vascos sintonizasen con quen con tanta ardentía os defendían. No caso do galeguismo o problema é distinto. A súa historia é a este respecto máis plural non habendo a mesma unanimidade que no nacionalismo vasco en orde ó tema relixioso. Tres son os sendeiros polos que as primeiras manifestacións do galeguismo (provincialismo e rexionalismo) dan os seus primeiros pasos: o liberalismo, o carlismo e o federalismo (64). Temos así que frente ó conservadurismo católico de Brañas, ou a un Lago González, nada menos que arcebispo de Santiago, aparece o anticlericalismo de Curros Enriquez cando non un Aurelio Aguirre en conflicto co prelado compostelano (65). Por isto o galeguismo nunca puido ser considerado pola Igrexa como un movemento fiel ó seu credo e intereses.
     Para que quede ben claro citemos outro exemplo, no que refiríndose o P. G. a que había moitos católicos galegos que «confunden a Deus co Estado», eran antiautonomistas e salvo contadas excepcións foran de sempre contrarios ó galeguismo, valora moi negativamente o talante dos católicos galegos en aberto contraste cos vascos, irlandeses e polacos:


«exceptuemos dous ou tres nomes —ademirados e reverenciados por nós— e veremos como a galeguidade renacente tivo en frente ao catolicismo oficial, cego, frio, sin matices, funcionarista, hermético, sin o mais leve hálito de i-alma da raza e da Terra (66)

     En efecto, esta incomprensión dos católicos en xeral e dos cregos en particular —e moi especialmente dos que estaban en contacto directo cos campesinos por desempeña-lo seu ministerio en parroquias rurais— verbo do galeguismo magoaba particularmente a sensibilidade do P.G.: «[...] doinos máis que nada que non señan os cregos que zugan a cotío o celme aldeán da terra —como en Cataluña, como en Euskadi— os semeadores esgrevios do galeguismo (67)
     Teñamos en conta que o P.G. aspiraba —como veremos a continuación— a implantarse no campo, e neste medio eran innumerables as sociedades agrarias que estaban directamente controladas polos católicos, ou cando menos influenciadas por eles.
     O P.G. sinalaba como unha das causas do aloxamento dos cregos, e especialmente a xerarquía eclesiástica, verbo do galeguismo, o feito de que moitos deles non fosen nados en Galicia. Así, por exemplo, deploran que o Arcebispo de Santiago fose andaluz (68).
     Outro motivo estribaba en que o P.G. era sospeitoso de esquerdismo: «Os abades fuxen de nós porque din que somos das ezquerdas, e isto é un aldraxe» (69). Sinalan tamén como outro factor a orientación pedagóxica desgaleguizadora dos Seminarios que conseguiran crebar unha tenue tradición galeguista da que foran propulsores Xelmírez, Sarmiento, Fruime, López Peláez e Lago González; conqueriron ademais que os curas párrocos das freguesías rurais, de humilde extracción aldeá, predicasen en castelán dende o púlpito e o altar, cando utilizaban a língua vernácula nas relacións da vida familiar e nas relacións cos seus frigueses (70).
     A pesáres de todo elo na zona de Pontevedra sabemos que estaban adheridos ó Partido Galeguista algúns sacerdotes e relixiosos (71). Tamén se constituíu un grupo galeguista católico en Santiago, formado por xóvens estudiantes e obreiros afiliados á «Unión Regional de Derechas», do que eran directores: Xosé Portal Fradejas (presidente) e Antonio Asorey Andaluz (segretario) (72). E non eran certamente coitados no seu proclamado galeguismo; así, Manuel Balboa López, nunha conferencia declarábase home de dereitas pero elo non era óbice para que definise a Galicia como nacionalidade, abominase do centralismo e reclamase a autonomía integral, posto que ó seu entender: «No cabe eso que muchos llaman descentralización administrativa (73).» 

Representación por medio dun «Gráfico de Bastóns» dos
Sectores Sociais que apoian ó P.G.,
cun Valor Aproximativo


A Pequenos comerciantes E Campesinado
B Delegación de empresas F Mariñeiros
C Pequenos industriais G Obreiros
D Bancos H Cregos


(80: moitos; 50: bastantes; 30: algúns; 10: poucos; —10: insignificantes).







NOTAS


(1) Utilizamos fundamentalmente as coleccións completas de A Nosa Terra, El Pueblo Gallego e a revista NOS.
(2) Déronnos información precisa: Francisco Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo, Xaime Isla Couto, Ramiro Isla Couto, Manoel Meixide, Xaquín Lorenzo, Valentín Paz Andrade, Ramón Martínez López, Ramón Piñeiro, Manuel Pombo, e Xaime Villar Chao (este último non foi membro do P.G., pola súa curta idade, pero garda lembranza de moitos feitos vividos en familia co seu pai Ramon Villar Ponte, ou que lle foron relatados por este).
(3) Queremos consignar que hai un pequeno risco de inexactitude habida conta de que nas fontes escritas aparecen preferentemente postos de relevo os afiliados profesionalmente destacados, e un perigo parecido existe na memoria dos nosos informantes que recordan con maior facilidade ós seus compañeiros de partido que máis sobresaían e que invariablemente tiñan un estatus social alto.
Este probable marxe de desviación cremos que queda compensado cos datos que aportamos un pouco máis adiante sobre a afiliación dos baixos estratos sociais (labregos e mariñeiros, fundamentalmente) os nomes dos cales non adoitan figurar en ningunha parte.
(4) Temos tamén referencias, neste mesmo senso concordantes, de Avelino Pousa Antelo. Santiago 30-VIII-1980.
(5) Adiantemos que, como queda reflexado no gráfico, había un considerable número de labregos afiliados ó P.G.
(6) Na obra de Risco isto percíbese con diáfana claridade. Así entregou un artigo ó Consello Executivo do P.G., no que sostiña as ventaxas da organización económica atrasada galega, frente á crise económica do 29, e a tódalas crises xerais de carácter económico, por entender que repercutía menos defavorablemente que nas zonas industrializadas e desenvolvidas. (Intruducción de Risco ó artigo «Hora d'unha raza», NOS, nº 102, 15-VI-1932, páx. 94).
(7) Declaracións de Xaquín Lorenzo, Ourense, 29-IV-1981.
(8) Carta consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doé. 3).
(9) Declaracións do seu fillo, Xaime Villar Chao, Coruña 26-VIII-1980.
(10) E.P.G., 3-III-1933, páx. 1.
(11) Declaracións de Xaquín Lorenzo, Ourense, 29-IV-1981.
(12) Declaracións de V. Paz Andrade, Vigo 25-XII-1980.
(13)  A.N.T., 16-VI-1934, páx. 1.
(14) Nota biográfica atopada no Arquivo do P.G.
(15) Traiamos a colación un, a título de exemplo: «A superioridade dos calzados Senra abonda para xustificar a preferencia dos consumidores, máis o prodecere d'unha industria galega HONRA DA NOSA REXION obriga a non gastar outros a cantos sinten amor pola sua Terra». A.N.T., 1-III-1931.
(16) A.N.T., 16-VIII-1933.
(17)  Nove destas entidades anunciantes non aparecen en A.N.T., senón algunhas nun folleto da F.M.G. (con data 25-VII-1935. Arquivo do P.G.) e outras no Heraldo de Galicia. No primeiro caso estimamos que ten o mesmo valor que se foran publicados en A.N.T., e no segundo acontece outro tanto, dado que a ningén se lle ocultaba que H. de G. era un periódico de liña nacionalista, e a maior seguridade, tomamos nota exclusivamente dos anuncios que estaban redactados en galego, que eran unha minoría en relación ós escritos en castelán.
(18) Aínda que non puña anuncios en A.N.T., pagábaos noutras moitas publicacións periódicas galeguistas.
(19) para as aleccións xerais de 1933 deu 1.000 pts. segundo consta nunhas notas manuscritas de Bóveda. Arquivo do P.G.
(20) Declaracións de Xaquín Lorenzo, 29-IV-1981.
(21) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-VIII-1980. Este aportounos tamén o dato de que o dono da tintorería España, en Santiago, perteñecía ó P.G.
(22) Por exemplo, os de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-VIII-1980.
(23) A.N.T., 3-III-1934.
(24) Semella ser certo que un sector dos comerciantes galegos proviñan de Castela, de onde no século XIX houbera unha intensa emigración; eran especialmente de Palencia, Valladolid e Soria (sobresaindo aquí o pobo Ortigosa de Cameros); Barreiro Fernández, X. R. «A Edade Contemporánea até 1936», en Historia de Galicia, de varios autores, Pontedeume (Coruña) 1979, páx. 162.
(25) A.N.T., 15-V-1932.
(26) O mencionado historiador Barreiro Fernández sostén que os maragatos foron ben vistos polos galegos. Dende logo isto non se cumple para os galeguistas que lles puñan a chata na súa falla de identificación con Galicia. A título de exemplo témo-lo texto enriba mencionado, tomado de A.N.T, 15-VI-1935.
(27) A.N.T., 1-V-1936. Velaquí un solto repetidas veces reproducido: «GALEGOS consumide CHOCOLATE fabricado en Galicia. Así defenderedes a economía de nosa Terra. Chocolateiros galegos: para defender os vosos intereses, os da vosa industria e os da nosa Terra, non debe haber ningún que non pertenezca a Asociación de Fabricantes de Chocolates de Galicia». (A.N.T., 7-II-1936, páx. 3).
(28) Declaracións de Paz Andrade, Vigo 25-XII-1980.
(29) Puidemos consultar gran número de letras, recibos e facturas do Banco Pastor a nome do P.G. ou dos membros deste, no Arquivo do P.G.
(30) Declaración de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-V-1978.
(31) Manuscrito de Alexandre Bóveda. Arquivo do P.G.
(32) Víctor Casas, «Fenestra»; E.P.G., 18-XI-1932, páx.16.
(33) A.N.T., 25-VII-1935.
(34) A.N.T., 24-IV-1936, páx.1
(35) «Grupo de Vilagarcía», A.N.T., 9-VI-1934, páx. 2.
(36) A.N.T., VIII-1932.
(37) Declaracións de Xaquín Lorenzo, Ourense, 29-IV-1981.
(38) Ibídem
(39) Eran estes uns campesinos especialmente activos no seu compromiso galeguista, boa mostra do cal é o feito de que se despracen a Ourense para asistir á III Asamblea do P.G. (Heraldo de Galicia, 15-I-1934, páx. 1).
(40) A.N.T., 13-VII-1935.
(41) Freixanes, Víctor: O Fresco. Memoria dun fuxido, Edicións Xerais, Vigo, 1980, páx. 25.
(42) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-VIII-1980.
(43) «Grupo de Trazo»; A.N.T., 9-VI-1936, páx. 3.
(44) A.N.T., 15-IX-1934, páx. 2.
(45) «Aitividades dos nosos Grupos. Bergondo», A.N.T., 17-I-1936, páx. 3.
(46) «A nosa propaganda»; A.N.T., 24-IV-1936, páx. 3.
(47) «Grupo de Taboada»; A.N.T., 12- VI-1936, páx, 2.
(48) A.N.T., 2-XI-1935.
(49) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 2-IX-1981.
(50) «Bueu», E.P.G., 30-IV-1931, páx. 9.
(51) Así o declara Víctor Casas en «Fenestra»; E.P.G., 18-XI-1932, páx. 16.
(52) A.N.T., 22-IX-1934, páx. 4.
(53) A.N.T., 22-IX-1934, páx. 4.
(54) A.N.T., 15-V-1935.
(55) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago, 2-IX-1981.
(56) A.N.T., 13-VII-1935.
(57) A.N.T., 27-III-1936, páx. 3.
(58) E.P.G., 16-II-1932, páx. 10.
(59) Consultámolos no «Archivo Diocesano de Santiago».
(60) Dato suministrado por Alberto Martínez, quen o encontrou na publicación La Integridad de Tui. Tese doutoral sobre o agrarismo católico, en proceso de realización, baixo a dirección de Jesús Mª Palomares.
(61) Ibídem.
(62) Conferencia pronunciada por X. Núñez Búa en San Sebastián, recollida en A.N.T., 8-IX-1934. Sobre a revista Logos vide F. Carballo e A. Magariños, La Iglesia en la Galicia contemporánea, Akal, Madrid 1978, pp. 505/510.
(63) Vide sobre desta cuestión Larronde, Jean-Claude, El nacionalismo vasco, su origen, su ideología en la obra de Sabino Arana-Goiri, Txertoa, San Sebastián 1977, pp. 80, 86/97.
(64) Vide Barreiro Fernández, X.R. «Igrexa e galeguismo na historia (1840- 1923)», en Encrucillada, nº 2, III-IV-1977, pp. 3/16.
(65)  Murguía, M., Política y sociedad en Galicia, Akal, Madrid 1974, pp. 49/52.
(66) A.N.T., 2-X-1933.
(67) Isto foi escrito por un home tan pouco dado ó fervor relixioso como era Antón Villar Ponte, polo que tén particular interés ó amosar que a importancia que lle concedía a penetración do galeguismo nos ámbitos católicos era medida máis con módulos de interés político que de simple afinidade confesional, por parte dalgúns membros do P.G.; A.V.P., «Radiogramas del Olimpo»; A.N.T., 14-IV-1934.
(68) Solovio, «Estetoscopio»; A.N.T., 10-IV-1936, páx. 4. Sobre a cuestión de que non eran moitas as sedes galegas ocupadas por nativos do país, vide Carballo, Francisco e Magariños, Alfonso, La Iglesia en la Galicia contemporánea, Akal, Madrid 1978, páx. 16.
(69) «Guieiro, núm. 13, A.N.T., 30-III-1935.
(70) A. Villar Ponte, «El enorme yerro del clero gallego»; E.P.G., 8-VI-1933, páx.1. Vide tamén F. Carballo e A. Magariños, Op. cit., pp. 497,498.
(71) A.N.T., 8-IX-1934.
(72) El Ideal Gallego, 17-XII-1932, páx. 8.
(73) «La autonomía de Galicia»; E.P.G., 23-II-1933, páx. 14.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega