O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

 

(De "3.8. Medios de difusión do P.G" a "3.8.3. Outros medios de propaganda")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada201


3.8. Medios de difusión do P.G

     O P.G. se val, para difundir o seu ideario e liña política, principalmente da propaganda oral e da escrita. A oral vehiculízase por medio do mitin e da conferencia, pero tamén de novedosos sistemas como era a radio daquela. A propaganda escrita difúndese mediante a prensa do propio P.G. ou a achegada ós seus posicionamentos, ademais de folletos, carteis e pasquins. Máis raramente utiliza o cine, xa ben mediante cuñas publicitarias, ou ben algunha película realizada exprofeso. Vexamo-la cuestión por apartados.


     3.8.1. Prensa do P.G.

     O P.G. dispuña dun órgano propio de expresión que era o semanario «A Nosa Terra». Esta revista non nace por obra do partido que estudamos, sendo a súa existencia moito máis longa que a breve vida do P.G. (1). O número 292 de A.N.T., saído á lus o 15 de abril de 1932, cun novo formato, aparece como voceiro oficial do P.G. pasando a ser semanario para mellor respostar as necesidades políticas do partido (2). Deste xeito abandona os seus reales na Coruña (3) para establecer a súa redacción-administración en Pontevedra, na rúa Tetuán 2-1º, por estar situada alí a sede central do P.G. Imprimíase no prelo de Xulio Antúnez, custando o número solto 10 céntimos.
     No mes de Santos de 1931 foi designado para dirixir A.N.T. Víctor Casas, conselleiro da Irmandade da Fala da Cruña e para ocuparse da administración, Benito Ferreiro, contador da I. da F. da mesma cidade.
     Aparecerá regularmente salvo moi contadas ocasións, como o período que media entre setembro de 1932 o 24 de Xuño de 1933, no que deixa de publicarse por dificultades económicas. O reaparecer cambia de director, pasando ó seu frente Aquilino Iglesias Alvariño.
     Na II Asamblea do P.G., acórdase que A.N.T., non fora soamente o boletín privado do partido, destinado a ser repartido entre os seus afiliados, senón máis ben un órgano con proxección externa, de propaganda e loita política (4).
     Na primeira quincena do mes de Santos de 1933 non comparece A.N.T o seu puntual compromiso, posiblemente por estaren tódolos membros do P.G. absorbidos pola campaña electoral ás segundas cortes lexislativas. A partires da data de rapertura tirárase no prelo da Editorial NOS, en Santiago de Compostela, situado na rúa do Vilar, nº. 15.
     En Xaneiro de 1934 ocupa a dirección Suarez Picallo, que xa non é parlamentario, (5) sendo Fernández del Riego segredario de redacción. Por certas dificultades, seguramente técnicas, deixa un tempo de publicarse ata que en maio deste ano volta novamente a editarse en Pontevedra, onde ocupa interinamente a dirección, xuntamente coa administración, Bóveda, conquerindo sanear a sua maltreita economía. Os sucesos de Outono deste ano de 1934 impiden a saída de A.N.T. por un espacio de tempo superior ós tres meses. Voltou a reaparecer a comenzos de 1935, baixo a dirección de Víctor Casas, funcionario do partido, que co apoio de Bóveda conquire asegura-la publicación sistemática da revista. O problema será agora a censura gubernativa que a supervisaba; censura que xa fixera a sua aparición esporádica con anterioridade (en xuño de 1934 funcionaba xa a censura previa en toda a prensa (6)), pero que a partires deste momento a somete a visa sistemática. De tódolos xeitos, a non ser a molestia de obrigalos a facer as galeradas con antelación, non lles tacharía nada atá o número correspondente ó 18-V-1935, en que lles censura uns comentarios alusivos ó comportamento do entón ministro da Gobernación, Portela Valladares, a raíz do Tratado comercial co Uruguai. «A Nosa Terra» non se verá libre do visado gubernativo ata o número do 13-VII-1935. A pesares deste atranco, segue aparecendo ininterrumpidamente ata o número correspondente a mediados de febreiro de 1936, que non pode sair por estaren os seus redactores entregados á campaña electoral (7).
     A súa distribución facíase mediante o envio postal ós suscriptores —tódolos afiliados ó P.G. tiñan a obriga de estaren suscritos—, e dos exemplares sobrantes encargábanse os afiliados responsabilizados a este efecto en cada Grupo.
     Dispoñemos dalgúns datos sobre a tirada da revista; sabemos que en marzo de 1934 anunciase a duplicación dos exemplares, o cal está en cabal congruencia co novo propósito do partido de chegar a convertirse nunha amplia organización da masas. A fins de 1935, segundo relata Víctor Casas na glosa que fixo da historia da revista, a cidade que contaba con maior número de suscriptores era Coruña, seguida, por este orde, de Lugo, Ourense, Vigo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Tiña suscriptores en caseque tódalas vilas, sendo poucos os Concellos onde non houbese algún suscriptor, entre os que figuraban gran cantidade de escolantes. Fora de Galicia, destacaba Barcelona con perto de cincoenta suscriptores, seguida de Madrid. Cincoenta exemplares enviábanse tamén a Bos Aires e Montevideo, respectivamente. Dicía Víctor Casas que nos medios rurais líase tamén moito A.N.T., pola acción dos Grupos galeguistas e polos suscriptores directos que a espallaban, sendo tamén de destacar, neste senso, a actuación dos mestres. A tirada era nese momento de 1.100 exemplares semanais.
     Polo que respecta o seu contido, era o característico dun voceiro de partido: seccións fixas («Do Momento», «Revoldaina») nas que se analizaba a coxuntura política en Galicia, na península e inclusive no mundo, inda que en menor medida, como é natural. Dábase conta das actividades programadas e dos actos realizados. Os discursos pronunciados polos seus dirixentes nos mitins e no Parlamento, así como as conferencias dadas nos seus locais, adoitaban seren reproducidos resumidamente.
     Daba tamén conta dos informes emitidos polas distintas secretarias, sin que relegaran tampouco as noticias relacionadas coa cultura, coas xuntanzas das sociedades agrarias, ás que prestaba gran atención, en marcado contraste coas escasísimas alusións ós conflictos sociais e máis concretamente laborais. Dende marzo de 1934 (8) os Grupos Galeguistas debían ter un corresponsal encargado de informar ó periódico de tódolos asuntos de interés, da actuación do Grupo, das institucións agrarias e culturais e dos grupos políticos afíns —republicanos e autonomistas— «así como toda cras de información de interés popular». Deste xeito, abundan os comentarios e críticas ós partidos no poder ou simplemente de distinto signo político. Non se prodigaban menos os artigos doctrinarios nos que se ilustraba a ideoloxía galeguista. Compre asimesmo consignar que, en consonancia coa progresiva orientación esquerdista do P.G., a mediados de abril ofrece a sua tribuna a tódalas organizacións republicanas, socialistas, obreiras e campesinas, invitandoas a que remitisen á redacción de A.N.T. noticias das suas reunións, actos, acordos, etc.
     Atópase tamén en «A NOSA TERRA» o puntual informe do orde do día das xuntanzas dos Grupos; as directivas dos mesmos aparecen tamén expresamente mencionadas. Todo elo, como dixemos, por medio dos informes remitidos polos corresponsais designados en cada localidade ou parroquia onde tivera implantación o P.G.
     Capítulo aparte merecían no tratamento informativo de A.N.T. as «Asambreias» de delegados dos distintos Grupos, celebradas anualmente para establecer a liña política a seguir, escoitar —e no seu caso aprobar— o informe de xestión da dirección sainte, e elexir a nova dirección. De cando en vez reproducían artigos de outros voceiros, respetando en ocasións o idioma castelán no que estaban escritos. Salvo algunha excepción, a prensa diaria adoitaba ser duramente fustigada pola súa pouca sensibilidade cara a problemática galega, e máis concretamente para co galeguismo. Causa certo abrario atoparse coa presencia de anuncios nun xornal partidista como era A.N.T. Procedimento este utilizado polo P.G. para subvenir as necesidades financieiras do seu órgano de expresión; as casas anunciantes serán un factor de primeira importancia para detectar a base social do mencionado partido.
     Adicábaselle especial atención ós temas económicos, sobor de todo agrarios, especialmente dende o 20-IV-1935 en que na IV Asamblea deciden adicar a páxina tres a estes temas, medida que non será observada de maneira estricta (9). O absoluto respeto á democracia que o P.G. observaba no seu funcionamiento interno, tiña o seu comprido reflexo na posibilidade de expresarense as posicións diverxentes da liña política do Partido, ainda que contraviñeran gravemente esta; había para elo establecida unha «Tribuna Libre». As polémicas producíanse con algunha frecuencia, máis ben escasa, pero adoitaban manterse nunha tesitura cordial, de irmandade e respeto mútuo.
     Polo demáis, «A NOSA TERRA» constaba de catro páxinas de gran tamaño, exceptuando os números extraordinarios, que aparecían normalmente o 25 de Xulio, Dia de Galicia, con doble número de páxinas. Colaboraban en A.N.T.: Castelao, Víctor Casas, Antón e o seu irmán Ramón Vilar Ponte, Otero Pedrayo, Ramón Suarez Picallo, Placido R. Castro, Victoriano Buxán Rivas, Carballo Calero, Alexandre Bóveda, Xerardo Alvarez Gallego, Aquilino Iglesias Alvariño, Francisco Fernández del Riego, Núñez Búa, Vicente Risco, Lois Rivaya Riaño, Cuevillas, etc.
     A revista desaparece co gallo do pronunciamento militar de xullo de 1936 e volta a rexurdir novamente, en Bos Aires onde recolle as palpitacións dos sobrevivintes do P.G. na diáspora do exilio (10).
     Ademais da devandita publicación, que era o órgano central, contaba o P.G. con varias publicacións locais que corrían a cargo dos Grupos respectivos, ainda que á caixa central do P.G. soía contribuir a sua financiación. O Grupo de Vilagarcía editaba o periódico «Roteiro», o primeiro número de cal debeu sair aproximadamente en xaneiro de 1933 (11). Tamén este mesmo Grupo escomenzou a facer no outono de 1934, «Verbo», que era unha folla mural de periodicidade mensual, «primeiro xornal diste xeito que se publicaba na Iberia», como proclamaba fachendosamente A.N.T. (12). Tiña o tamaño dunha páxina de xornal (0'70 x 0'50), e contiña un texto en grosos caracteres, con párrafos sintéticos e algo sensacionalistas, exaltando o sentimento nacional galego, e mailos resumes dos principais acontecimentos do mes comenentemente enfocados baixo un prisma nacionalista; levaba tamén unha ilustración artística. Tiñan os galeguistas de Vilagarcía o proxecto —que non sabemos en que medida se compriu— de distribuir «Verbo» por distintas partes de Galicia, por medio dunha rede de corresponsais, que o pegarían nas paredes dos lugares máis frecuentados (adros, feiras, peiraos, estacións ferroviarias), a ser posible nunha táboa feita exprofeso e fixa nun lugar concurrido; deberían tamén vixiar a folla mural e repoñela no caso de que fose arrincada.
     O Grupo de Redondela editaba «Terra!», o primeiro número do cal apareceu no mes de abril de 1933. Constaba de catro páxinas escritas en galego e castelán co predominio do primeiro idioma. Apareceron como mínimo oito números, tendo o número 5 unha tirada de 300 exemplares e o oito de 200 (13).
     Polo demais, o Grupo de Ferrol tiraba en 1933 «Erte...!». Ainda que non o sabemos con exactitude, consideramos moi probable que o periódico de Mondoñedo «Galiza», (14) o semanario lucense «Guión», no que colaboraban Risco, Otero Pedrayo, Vilar Ponte e Avelino López Otero, e o tamén semanario de Celanova «Adiante» (1934), fosen promovidos polos Grupos Galeguistas respectivos (15).
     A delegación do P.G. en Bos Aires, «Organización Nazonalista Republicana Galega», edita a partires de 1.° de Outono de 1934 o periodico mensual «Opinión Galeguista»; estaba escrito integramente en galego e temos constancia da sua publicación ata o número cinco (16). O primeiro número saíu a luz con duas páxinas, en tanto que o 3 constaba de catro.


     3.8.2. Prensa achegada ó Partido Galeguista

    
Esbocemos previamente —a maneira de contextualización— o panorama periodístico xeral. A opinión conservadora contaba con catro grandes diarios, editados todos eles en Madrid; eran estes «El Imparcial», que desaparece en 1933, «A.B.C.», «El Debate» que fundara Angel Herrera e defendía os puntos de vista da xerarquia católica e, o cabo, «La Nación», de extrema dereita (16 bis).
     Significación claramente progresista e republicana tiñan os periodicos: «El Sol», que en marzo de 1931 pasou a máns dos monárquicos, segregandose o grupo capitaneado por Félix Lorenzo e Ortega y Gasset para fundar «Crisol», que logo (en 1932) pasou a denominarse «Luz»; os vespertinos «La Voz» e «Heraldo de Madrid», os matutinos «La Libertad», «El Liberal», e o diario gráfico «Ahora» (17).
     Vexámos a continuación en que medida tiña o P.G. acceso á prensa de Madrid e o tratamento dado por esta ó galeguismo. Referímonos á prensa central por ser a de maior difusión tanto en Galicia como en España, e por ser a que máis preocupa ó P.G., sendo así que o propio partido nos ofrece bastante información sobor deIa, habendo, pola contra, moi escasas referencias á prensa das duas nacionalidades restantes; de feito pouco máis sabemos que Risco colaboraba asiduamente en «Euzkadi», órgano do P.N.V. (17 bis).
     A prensa que calificamos de conservadora, era naturalmente centralista, polo que tende a minimizar a importancia do diferencialismo galego, de modo que os escasos comentarios que lle adica son sistemáticamente hostís. En xusta reciprocidade «A.N.T.» ataca repetidamente a estes diarios e marcadamente ó «A.B.C.» e «El Debate».
     Polo que fai á prensa progresista, as relacións do P.G. con ela son distantes e por veces tensas, na primeira etapa da andadura deste partido, e seguen a ser distantes pero mais cordiais a partires de 1934. Sentou un mal precedente o duro tratamento que recibiron as palabras de Otero Pedrayo pronunciadas no restaurante «La Bombilla», pouco antes do nacemento do P.G. Xa víramos as críticas, réplicas e contrarréplicas, a que tal incidente deu lugar; os galeguistas —Antón Vilar Ponte, por exemplo— chegan a dicir que a prensa de Madrid, e «El Sol» principalmente, artellara, unha campaña de desprestixio da figura de Otero Pedrayo, e do nacionalismo galego no seu conxunto. O P.G. lamenta non só o pouco interés e simpatía co que contemplaba a súa actuación a prensa madrileña, senón tamén a pouca atención que lle merecía a problemática de Galicia. A xuzgar polos datos que temos, o descoñecemento e en certo modo o desdén, que a prensa de Madrid tiña polas cuestións galegas debeu ser certamente considerable. Resulta notablemente ilustrativo que periódicos da importancia de «El Liberal», «Heraldo de Madrid» e «La Libertad», non tivesen tan siquiera un só corresponsal destacado en Galicia (18); xa que logo, non nos pode extrañar que o caudal informativo que reciben de Galicia sexa ínfimo. Por todo elo o P.G. quéixase da incomprensión manifestada polos xornais madrileños verbo de Galicia e do galeguismo. «A.N.T.» declara que durante moito tempo a tal prensa estivo empeñada en que os galeguistas e a Orga eran a mesma cousa. Tamén a principios de 1935 confunden ó recén estrenado gobernador xeral de Cataluña, Portela Valladares, cos nacionalistas galegos (19). Alvaro das Casas, pola sua banda, fala gavanciosamente do periódico «El Sol», por ser o único dos diarios de Madrid que lle prestaba atención informativa a Galicia (20). Como queira que o devandito periódico tivese seccións adicadas ás letras e ós comentarios de libros, os nacionalistas vascos, cataláns e galegos queixábanse do silencio de que facía obxecto a crítica madrileña ás suas respectivas literaturas. «El Sol» retrucaba dicindo que non había nel un prurito discriminatorio, pero que lle había facer se vascos, galegos e cataláns non enviaban libro ningún que valese a pena de comento (21).
     Tamén Alvaro das Casas queixase do desdén con que o diario «Crisol» —que polo demais lle merecía respeto e mesmo simpatía— trataba a Galicia, a sua cultura e mesmo tamén ós seus deputados dos que non sabía ben os nomes, confundía e trabucaba os seus apelidos co que, segundo él, puña en evidencia a pouca importancia que concedía á representación parlamentaria galega.
     En termos xerais podemos afirmar que existe un mútuo desinterés entre o P.G. e a prensa de Madrid. Así por exemplo Víctor Casas en carta a Bóveda (22) particípalle non ter conquerido que nin un só periódico de Madrid, tanto da dereita como da esquerda republicana, publicara o extracto de manifesto elaborado, parece ser, co gallo do 14 de abril de 1935; e elo a pesares de mandalo en papel oficial da Segredaria Executiva e con rogo de publicación. Agora ben, á inversa temos testimuños (23) que revelan que o P.G. descoidaba bastante á prensa republicana de Madrid. Recoñecese este feito a fins do segundo bienio e considerandoo un erro propoñense enviar resumes telegráficos dos actos que realizase o P.G.
     Botemos seguidamente unha ollada ó panorama que ofrecía a prensa de Galicia no quinquenio republicano (23 bis). A meirande parte dos diarios tiñan un cuño inequivocamente de dereitas. Na Coruña editábase «La Voz de Galicia», de tradición garciprietista; non tiña na etapa republicana unha posición ideolóxica definida, pero dende logo apoiaba as dereitas e era máis ben anti-autonomista. A presencia en «La Coz de Galicia», como a motexaban os galeguistas e as esquerdas en xeral, de Antón Vilar Ponte non era senón un luxo que ademais servía para darlle un tinte liberal ó periódico. O P.G. critica, con moita frecuencia (24) e con bastante acritude a este xornal polo trato que lle daba ó galeguismo, ó Estatuto, e polo pouco entusiasmo que puña na defensa dos intereses de Galicia. Tirábase tamén na cidade herculina «El Ideal Gallego», pertenecente á rede de diarios da ACN de P. publicados pola Editorial Católica. Era tamén contrario á autonomía, dicindo —do mesmo xeito que argumentaban os socialistas na primeira etapa da República— que o ideal autonómico non se sentía en Galicia. Tal aseveración era ironizada por «A.N.T.» quen deixaba caer que: «Se o ideal da Terra non se sinte, ¿Qué pinta por ahí un "Ideal Gallego"?» (25). Pois ben, este periódico adoitaba atacar ó galeguismo, dun modo directo e aberto, nos seus editoriais (26). Menor importancia tiña «El Noroeste», que era ademais moito menos belixerante. En febreiro de 1933 foi nomeado director deste xornal o galeguista Roberto Blanco Torres (27), sen que isto se notara tampouco en demasía.
     No Ferrol tiña asento «El Correo Gallego» (27 bis), de marcada significación dereitista e antisocialista, non en balde era esta cidade un dos bastións dos seguidores de Pablo Iglesias.
     En Santiago editábase «El Compostelano», que tiña sona de estar ligado ó arcebispado (28), e tamén «El Eco de Santiago», de orientación conservadora e católica e, ó devir das xentes de esquerda, controlado polos coengos. En Pontevedra editábanse nada menos que tres diarios: «El Progreso», melquiadista, «El Diario de Pontevedra», católico, e «El País», fundado en 1932 con marcada tendencia esquerdista e republicana.
     Saía a luz en Vigo «El Faro de Vigo» (28 bis), periódico co que o P.G. ten unhas relacións algo máis que tensas. O P.G. dí del que atacaba ós galeguistas, non directamente, como víamos que facía «El Ideal Gallego», senon acollendo e resaltando nas suas páxinas a cantos escritores antigaleguistas e antiautonomistas querían escreber nelas (29). A.N.T. fustiga incesantemente ó que chama «El candil», que non «Faro», e o mesmo Castelao deixa de publicar nel as suas viñetas que tanto éxito acadaran (30). Tamén publicabase na cidade da oliva «El Pueblo Gallego», propiedade de Portela Valladares; diario netamente republicano, moi achegado ó P.G. de esquerdas nunha primeira etapa, e de centro e bastante distanciado do galeguismo na segunda etapa. Referirémonos a él con maior extensión cando falemos da prensa achegada ó P.G.
     En Lugo editábanse «El Progreso», católico e «arqueolóxico» (31), «La Voz de Ia Verdad», de parecida significación, e «Vanguardia Gallega», periódico da familia Correa Calderón que, polos números que consultamos, (32) podemos adscribirlo ós de orientación contraria á autonomía. Na cidade das termas publicábase «Galicia», que se autoproclamaba como o de maior difusión na provincia de Ourense; fundarao Macíal Ginzo Soto e apoiaba a Calvo Sotelo (33). Existían, asimesmo, «La Región», moi conservador e anti-autonomista, e «La Zarpa», que nacera ó calor das loitas agrarias e dirixía Basilio Alvarez, pero que na etapa republicana perdera moita de sua anterior vitalidade contestataria.
     A altura de 1936, E.P.G. nos da como impresión xeral, que dos doce diarios que se publicaban en Galicia na República, soamente tres eran declaradamente republicanos, sendo os demais monárquicos (34). Para remediar esa carencia dende «Ser» lanzase o proxecto de crear un gran diario republicano mediante mil accións de 100 pts., por estimaren que a cifra de cen mil pesetas era a cantidade indispensable para garantizar a existencia do novo periódico durante seis meses (35).
     Na prensa de periodicidade diversa, pero distinta da diaria, a situación era ben máis afalagadora para as forzas autonomistas e de esquerda. Existía un bo mangado de semanarios de esquerda como «La Calle» e «La Draga», ambolos dous na Coruña, «Yunque», en Lugo (contando coa destacada participación de Anxel Fole), «Don Claro», «La Hora» (en Pontevedra), ademais das publicacións oficiais dos partidos de esquerdas, como podía ser «Galicia Federal», órgano do «Centro Federal de Izquierda Gallego» de Santiago (36). Claro que tamén as forzas conservadoras contaban con importantes publicacións, entre as que destacaba a veterana «Vida Gallega», revista ilustrada que dirixía en Vigo, Jaime Solá (37). Convén tamén salientar a publicación «Unidad», saida a luz en Santiago no mes de nadal de 1933, auspiciada por un grupo de xóvenes universitarios, entre os que se atopaba o versátil S. Montero Díaz, co declarado propósito de combatir o Estatuto, e ó seu principal valedor, o Partido Galeguista (38).
     Pasemos xa sen máis preámbulos a considerar a prensa achegada ó Partido Galeguista.
     Moi sensible ós plantexamentos galeguistas era a publicación estradense «La Estrada» (subtitulada «Organo defensor de los intereses de Ia comarca») que, amén de declararse expresamente galeguista, adica o 25 de xullo de 1932, un número extraordinario adicado a conmemorar o Día de Galicia, integramente en galego, e contando coa colaboración de varios membros do P.G. (39). Semellante significación ten «La Temporada», editada no balneario de Mondariz, polo afiliado ó P.G. e mecenas galeguista, Enrique Peinador, que por certo tiña a Ramón Cabanillas como secretario literario. A revista era, digámolo así, «de sociedade», pero contiña colaboracións de galeguistas, maiormente escritas en galego, e debuxos de Castelao (40).
     Totalmente pro P.G. era «Ser», subtitulado «Semanario Gallego de Izquierdas». Neste semanario editado en Santiago en 1935, colaboraba todo o sector de esquerdas do P.G.: Alvarez Gallego, Blanco Torres, Joan Carballeira, Manoel Colmeiro, Placido R. Castro, Camilo Díaz Baliño, Anxel Fole, Fernández del Riego, Emilio Pita, Rodolfo Prada, Eliseo Pulpeiro, Luis Seoane, e Antón Vilar Ponte. Ilustran a revista cos seus debuxos: Castelao, Camilo Díaz, Maside e Seoane. Escreben tamén Blanco Amor, Alvaro das Casas, Luis Peña Novo e Carlos Maside, que non eran do P.G., pero sí galeguistas e de esquerdas, e Paz Andrade, afiliado ó P.G. que ainda que non era de esquerdas non tiña reparo en figurar entre os colaboradores dunha revista de tal signo. A maior abundamento, o seu director era Suarez Picallo, na portada reproduce con frecuencia consignas do P.G., e a revista «NOS», louvaa en termos moi encomiásticos e exhorta a sua lectura. Polo demais era bilingüe con predomino do castelán (41).
     Tamén en Santiago, publicábase o semanario «Claridad», nos anos 1933-34, sendo pois o precedente cronolóxico de «Ser», dado que non temos noticias de que «Claridad» seguise a facerse a altura de 1935. En «Claridad» colaboran xóvenes universitarios membros da F.U.E., xentes de esquerdas do P.G. e outros de tendencia igualmente esquerdista (42). O director era Luis Manteiga, e Seoane xunto cora Suarez Picallo, actuaban como directores suplentes. Polo demais, da parte gráfica ocupabanse Seoane e Colmeiro, e significativamente reproducen nas suas páxinas os principais puntos programáticos do P.G.
     Achegado ó P.G. era tamén o semanario «Crítica», nacido a fins de 1935, e que as veces reproduce traballos tirados de «A.N.T.» (43) .
     Periódico oficioso do P.G. era «Heraldo de Galicia» polo menos hastra 1935 era que pasa a ser portavoz de Dereita Galeguista. O propio periódico recoñece implicitamente o seu vencello co P. G., cando manifesta que se ben non era órgano oficial da ningún partido, hai un «sector político por el que teremos simpatía» (44). O «Heraldo» adxetivábase como cultural e informativo, tiña unha periodicidade semanal, saindo o luns; facíase en Ourense dende a sua aparición en 1929; era bilingüe con predomino do castelán, e estaba considerado como portavoz da corrente de dereitas do P.G. Os editoriais corrían a cargo de López Cuevillas, sendo Risco e Otero Pedrayo, colaboradores asíduos.
     Tamén en Ourense, víu a luz o «Heraldo Orensano», semanario vespertino dos luns. O primeiro número data do 15 de abril de 1929, e nel os seus redactores declaraban velar polos intereses de Ourense; colaboraban Otero Pedrayo, Noriega Varela, Vicente Risco, Leuter G. Salgado, e un galeguista que firmaba co pseudónimo de «O Fidalgo de Monterrey». Foi declarado en xaneiro de 1932 órgano oficial do P.G. en Ourense (45). De tódolos xeitos a sua significación era menor ca do «Heraldo de Galicia», debendo desaparecer axiña (46).
     Cecais o apoio periodístico mais importante de que gozou o partido obxecto de estudio foi o que lle dispensou o diario vigués «El Pueblo Gallego». Este xornal naceu en 1924 xestado pola «Liga de Defensores de Vigo», sendo o seu primeiro director Ramón Fernández Mato. Contaba con talleres propios, inda que con medios moi rudimentarios (maquinaria de segunda mán e vella), resultando así e todo un periódico moi digno, con bastante información de toda Galicia, de España e internacional. A tirada oscilaba, chegando nos momentos de auxe ós 31.000 exemplares (47). Plumas tan significadas como eran as de Fernández Florez, J.L. Borges, Ortega y Gasset, Fernando de los Ríos, Blanco Amor, etc., enviaban colaboracións (nalgúns casos por medio dunha axencia). Na etapa que nos ocupa, «El Pueblo Gallego» é un periódico republicano, liberal e autonomista. Salienta especialmente os actos galeguistas, os movementos de Portela Valladares, e en xeral das forzas republicanas. Moita menor atención reciben os partidos e organizacións obreiras. Verbo das relacións E.P.G.-P.G., o primeiro que compre destacar é a gran cantidade de intelectuais do P.G. que colaborar no diario vigués, moitos deles con seccións fixas. Caseque a diario publicaba Antón Villar Ponte a sua sección fixa titulada «Buenos Días», trocando logo o nome por «Pretextos Cotidianos». Víctor Casas publicaba a sua sección fixa «Fenestra»; Ramón Villar Ponte, «Verbas no Vieiro»; Otero Pedrayo, «Prosas Galegas»; Roxerius, «Ronsel y-ardentía». Dunha maneira máis esporádica escrebían: Bóveda, Alvaro das Casas, Alonso Ríos, Pousa Antelo, Suarez Picallo, Vicente Risco e un musicólogo que estaba moi perto do P.G. Xesús Bal y Gay. As caricaturas humorísticas facíanas o afiliado ó P.G., Torres, e o galeguista Maside. Para completar o cadro digamos que o redactor xefe era Roberto Blanco Torres, membro do P.G. (48); os editoriais, salvo moi raras vegadas nas que os dictaba directamente Portela Valladares por teléfono, facíaos o tamén afiliado ó P.G. Xerardo Alvarez Gallego, e cando este rifou con Portela por cuestións de tipo laboral segundo o testimuño de Paz Andrade, ou por discrepancias ideolóxicas ó dicir de A.N.T., pasou a ocuparse dos editoriais o destacado membro do P.G., Valentín Paz Andrade, quen tamén facía unha sección de comentarios, cun tinte humorístico, denominada «Crónicas de Johan Quinto» (49). Polo tanto o Partido Galeguista pódese expresar ás suas anchas no xornal vigués, e testimuño do seu agradecimento é o telegrama que lle foi remitido pola II Asamblea do P.G. Claro que a utilización desta importante tribuna apousaba sobor dunha clase moi feble e inestable: as relacións dos galeguistas con Portela Valladares. Estas eran sumamente amistosas e cordiais, pero dada a afición de Portela pola política non se podía prever o albur que correrían. Deste xeito, cecais por previsión, cecais por dispoñer dun diario directamente ó seu servicio, Bóveda elaborou un «Proieito de adquisición de "El Pueblo Gallego"», que aprobou o Consello Nazonal en setembro de 1934.
     O proxecto consistía na creación dunha sociedade por accións, en base a unha participación mínima de 250 ou 500 pts., ata chegar a xuntar un capital de 300.000 pts. Aparte das accións que mercarían os afiliados do P.G., estaba tamén previsto que colaborasen os nacionalistas vascos e cataláns, e algúns republicanos de clara significación autonomista, e xunguidos ó P.G. por vincallos amistosos, que ademais estaban en absoluta minoría, como eran Elpidio Villaverde, Ossorio Tafall, Viana e algún outro que non se menciona expresamente (50). A tentativa de compra chegou a adquirir un degrao de madurecimento considerable, contándose con importantes aportacións (o Grupo de Vigo desembolsou 60.000 pts., o de Pontevedra 23.500, o de Ourense 9.000, etc.); pero o cruce de cartas entre Bóveda e Portela Valladares (51), procedemento polo que ó parecer se xestionaba a compra, non dou os resultados apetecidos polo P.G. O motivo delo cecais residise en que Portela Valladares non quería verse privado dun importante resorte periodístico que o respaldaba ante o seu electorado, e lle permitía manter o seu capital protagonismo na alta política do Estado. Polo demais, se de algo estaba sobrado Portela, era de cartos (52). Houbo tamén o proxecto de resucitar «Galicia», o xornal que dirixira Paz Andrade nos anos vinte, pero nada se chegou a facer neste senso. Como xa deixamos esbozado, o achegamento do periódico vigués ó P.G., non perdurou ó longo de todo o quinquenio republicano. Dende 1934 escomenza o distanciamento, que vai medrando progresivamente conforme se bifurcan as orientacións políticas respectivas. O P.G. vaise decantando cara a esquerda, en tanto que E.P.G. escora, seguindo o rumbo marcado por Portela, cara unha posición de centrismo político. Antes de ceibar definitivamente as amarras, o P.G. pedíulle a Xerardo Alvarez Gallego que permanecera no «Pueblo», para ver de facer o que poidera (53), pero as suas tensas relacións tanto con Portela, como con Paz Andrade, o levaron a abandonar definitivamente o periódico (54). Tras disto a información que dá E.P.G., dos actos galeguistas é moi cativa, a meirande parte dos intelectuais do P.G. deixan de colaborar nel, e ata xurden friccións, perceptibles en A.N.T. (55).
     Dadas as especiais características do Partido Galeguista, xa explicadas, consideramos oportuno incluir neste apartado as revistas «Logos» e «NOS», na medida en que contribuen a difundir a doctrina do galeguismo. A revista «Logos». «Boletín Católico Mensual», naceu en Pontevedra en xaneiro de 1931 e continuou publicándose até 1936. Na cabeceira desta revista, escrita integramente en galego e inspirada por persoeiros da corrente de dereitas do P.G., como Risco e Filgueira Valverde, da mán cos mercedarios do convento de Poio (era en Poio onde se editaba), figuraba o lema irmandiño «Deus Fratesque Gallaeciae». A revista adoptou o nome de «Logos» por suxerencia do coengo compostelán de gran altura teolóxica, Amor Ruibal, que chegara a escreber unhas liñas para encabezar o primeiro número, pero finou denantes (56). Os colaboradores eran caseque todos frades ou sacerdotes: Cabada Vázquez, P.E. Silva, José Maria Vallejo, G. Garmá, P.G. Placer, F. Pazos, P. Pedret Casado, J. Acuña e C. Longa. Colaboraban ademais Xesús Carro (tamén de condición relixiosa) Alvaro das Casas, Otero Pedrayo, Enrique F. Villamil e Victoriano Taibo. Os temas tratados versan sobor da historia relixiosa de Galicia (mosteiros, santos, etc), a doctrina social da Igrexa, as relacións Igrexa-Estado (nisto é favorable ó Concordato), e o uso da lingoa galega na liturxia. Abogan pola predicación do Evanxeo en galego (57) na defensa do cal tema sobresaía o citado Amor Ruibal. A temática filosófica, erudita, arqueolóxica e artística, non estaba tampouco ausente nas páxinas de «Logos». Vicente Risco valorou a aparición desta revista como unha inflexión na tendencia a vivir de costas a renacencia da cultura galega por parte do pensamento católico, e agardaba ver reflexado nas suas páxinas o troque coas revistas máis importantes deste tipo en Europa e América, que o propio Risco tivera ocasión de ler nas bibliotecas de Europa Central (58). Destaquemos, ó cabo, a traducción dalgún artigo de Jacques Maritain ó galego.
     Mencionemos, para rematar, a revista «NOS», aparecida en Ourense en 1920, co subtítulo de «Revista Mensual da Cultura Galega». Risco ocúpase da dirección, Arturo Noguerol da xerencia e Castelao da parte artística (58 bis). Entre os colaboradores distinguimos a plana maior da intelectualidade galeguista: Antón Villar Ponte, Alvaro das Casas, Otero Pedrayo, Cabanillas, López Cuevillas, Noriega Varela, etc. A revista, estrictamente monolingüe, conqueriu manterse, eso sí cunha tirada reducida que non rebasaba os 500 exemplares, ata xuño de 1935, cunha breve interrupción en 1923 por motivos económicos e non pola censura de Primo de Rivera como se ten dito. Con «NOS» quedou fixada a prosa galega moderna, ó utilizaren o idioma, ainda que coa inevitable confusión e heteroxeneidade gráfica, para a crítica literaria e a creación, para a etnoloxía, a estética e mesmo para a economía; quer dicir que todas ou a meirande parte das parcelas do saber, foron tratadas por primeira vegada, cun galego de pulso firme. Segundo un estudo realizado encol da temática de «NOS» (59), sobresae polo seu cultivo a área literaria, seguida da etnoloxía, folklore e arqueoloxía, tendo moi escasa cabida os temas económicos e políticos (60).


     3.8.3. Outros medios de propaganda

     Para difundir a sua política ou recabar apoio electoral para os seus candidatos, o P.G. utilizaba moito, do mesmo xeito que os demáis partidos, as octavillas. Sabemos que, por exemplo, nas eleccións a cortes de 1933, espallou 22.000 octavillas (e tamén 8.000 coartelas) (61), e meses antes, en febreiro concretamente, difundiu por este procedimento 20.000 copias dun manifesto (62). Polo demais, na II Asamblea do P.G., celebrada en nadal de 1932, fan balance da propaganda realizada, resultando que no ano que levaba funcionando o partido repartira 95.000 follas sobre diversas cuestións, e 10.000 impresos contendo o Programa (63). Botaba tamén abondante mán do folleto, oscilando as tiradas notablemente; así, no vran de 1933 imprentou 10.000 exemplares dun folleto de 32 páxinas (seguramente o titulado «A interpelación dos diputados galeguistas»), e somentes 2.000 doutro folleto, máis breve, titulado «Partido Galeguista. Documentos I e II Asambreia, 1931-1932») (64). Valíase tamén dos carteis, ainda que en menor medida que dos anteditos medios (65).
     A radio era profusamente utilizada para dictar cursos e conferencias de propaganda galeguista, especialmente en Pontevedra (onde «Labor Galego» tiña un programa regular) e en Santiago, segundo a información de que dispoñemos (66). A radio, como veremos noutro apartado, xogou un importante papel na propaganda estatutaria, en boa parte realizada polo P. G.
     Para rematar aludamos ó cine, medio este, incipientemente empregado na propaganda política do P.G. Concretamente financiou con 3.000 pts. unha película de propaganda galeguista, que foi exhibida en moitas localidades (67). Tamén na propaganda do Estatuto empregaron, o P.G. e mailas restantes forzas autonomistas, cuñas publicitarias proxectadas nas sás de cine.





NOTAS:

(1) Xurde por primeira vez «A Nosa Terra» na Coruña como voceiro de «Solidaridad Gallega» o 4 de agosto de 1907. A súa periodicidade era semanal e podemos considerar como os seus inspiradores máis representativos a Rodrigo Sanz, Murguía, Manuel Lugrís Freire e Florencio Vaamonde.
     Arredor do 75% do seu contido aparece no idioma galego pero paradóxicamente recomenda ós seus colaboradores que procurasen envia-los seus traballos en castelán por seren de mais doada comprensión.
     Este primeira etapa durou tanto como perdurou o movimento que a patrocinaba, de tal modo que cando este, tras efímera vida, deu as derradeiras boquexadas, fixo correr unha sorte paralela a «A NOSA TERRA».
     Tras desta primeira etapa volta a reaparecer o 14 de Santos de 1916 como boletín decenal das Irmandades de Fala, ás que serve de «Idearium». O promotor deste movemento de recuperación cultural e linguistica, Antón Vilar Ponte, asume con radicalidade o termo de nacionalista, e nesta mesma liña as Irmandades adoptas a fala vernácula como esclusivo vehículo de comunicación escrita. Nas páxinas do seu boletín colaborarán profusamente unha pleiade de brilantes prosistas, estilistas de gran talla, que formarán parte da chamada «Xeneración NOS», denominación que lles virá dada polo tíduo da revista cultural arredor da cal se axuntan.
     Formaban parte da mencionada corrente cultural: Vicente Risco, o teórico do nacionalismo galego, tamén novelista; o filósofo e pensador Xohan Vicente Viqueira, frecuentador dos cenáculos Krausistas; Florentino López Cuevillas, avezado pescudador das raiceiras remotas dun pobo apegado á sua entrana; Ramón Otero Pedrayo, polígrafo de feiticeiras verbas que verte a cachón a súa aborbolloante imaxinación nos mais variegados ríos do saber que rinden inexorabelmente as súas augas no encoro do galeguismo tradicional; e outros como o profesor pontevedrés, de fecundo maxisterio galeguista, Lousada Dieguez, o editor Anxel Casal, Lois Porteiro, Xaime Quintanilla, etc.
     Baixo a impronta das Irmandades «A NOSA TERRA, Idearium das Irmandades da Fala na Galiza e nas Colonias Galegas de América», convertíuse no primeiro periódico feito en Galicia integramente en galego. Como reza o seu tíduo, a Galicia emigrada, a Galicia do Alén mar, tivo un lugar nas suas páxinas, financiadas mediante as suscripcións e cuotas destas organizacións patrióticas. Publicouse como decenal durante algún tempo, tendo a súa redacción e administración no Cantón Grande, no despacho do poeta galeguista Xosé Iglesias Roura. Durante moitos anos foi o seu director o periodista Antón Vilar Ponte. Este logrou que a revista saíse normalmente, salvo moi pequenas e pouco frecuentes intermitencias. A rexa liña nacionalista que lle imprimiu Vilar Ponte provocou o progresivo arredamento dalguns dos seus iniciais colaboradores, (que eran tamén membros das I. da F.) que ficaron ancordos no rexionalismo, convertíndose moitos deles en antinacionalistas. Destacaron polas súas colaboracións: Lois Porteiro, Xohán V. Viqueira, Lousada Dieguez, Ricardo Carballal e Iglesias Roura. Amado Carballo e Manuel Antonio deron as primicias da sua obra poética. Colaboraron tamén Luis Peña Novo, Xaime Quintanilla e o sacerdote Pedret Casado. Tras da IV Asamblea nacionalista, celebrada en Monforte en 1921, causou baixa na dirección da revista Antón Vilar Ponte, por mor das diferencias entre os partidarios da intervención do nacionalismo na política, e os contrarios a ela. Designouse unha nova redacción do boletín, ocupándose da administración Víctor Casas. Este, durante o período da Dictadura, escrebeu moitos números caseque por enteiro. Nos primeiros anos desta etapa, sobor de todo, a revista tivo grandes dificultadas coa censura, aparecendo números cos orixinais caseque completamente peneirados pela censura; cambia ademais a periodicidade, pasando de decenal a mensual. Compre sinalar que, a pesares da pretensión de monolingüismo galego, aparecían tamén de cando en vez, nesta etapa, artigos en castelán.
     Cando Anxel Casal fundou con Leandro Carré a Editorial Lar, valéndose dunha imprenta creada un pouco en precario, A.N.T. escomenzou a ser tirada por Lar, concretamente o 25 de xullo de 1925. Aquí seguíuse imprentando ata 1930 (n.° 271, correspondente ao 1.° de maio), salvo unha breve tampada que se publicou en Betanzos. Nestes cinco anos escrebían fundamentalmente Víctor Casas e Carré, con Otero Pedrayo como colaborador asiduo, e pouco máis. A administración seguía estando a cárgo de Víctor Casas.
     Esta reseña está feita sobor da base da glosa de Víctor Casas, «Historia sintética do boletín A Nosa Terra», en NÓS, n.° 139-44, VII-XII-1935, pp. 183/185; e tamén Luca de Tena, Gustavo, Lengua, cultura y periodismo en Galicia, 1876-1936, suplemento n.° 70 de Cuadernos para el Diálogo, Madrid 1976, pp. 18/21.
(2) Con tal motivo publicouse un fermoso editorial, que merecería figurar na máis esixente escolma de literatura patriótica.
(3) A redacción estaba situada na rúa Fermín Galán, 26-1.°. O precio de cada exemplar era de 40 céntimos, e a suscripción anual para América custaba 8 pts. Vide Luca de Tena, Op. cit., páx. 22.
(4) «De Ia Asamblea del Partido galleguista»; H. de G., 12-XII-1932, páx. 3.
(5) H. de G., 15-I-1934, páx. 1.
(6) A.N.T., 16-VI-1934, páx. 1.
(7) A mesma revista comunica a causa da sua interrupción; A.N.T., 7-II-1936, páx. 3.
(8) A.N.T., 3-III-1934.
(9) A.N.T., 11-V-1935.
(10) Reaparece en Bos Aires no ano 1940, continuando coa numeración que tiña esta cabeceira cando deixou de publicarse en Galicia. Xa non se intitula órgano oficial do P.G. senón simplemente «Periódico Galego»; a redacción a cargo do «Centro Orensano», reside na Rúa Belgrano 2.186. Consta de catro páxinas, máis ou menos como na anterior etapa, estando tamén íntegramente escrita en galego, pero difire en cambio na periodicidade, que pasa a ser moi irregular. Colaboran Ramón Rey Baltar, Antón Gómez, Lorenzo Fragoso, Manoel Mera, B. Soto, Emilio González López, Bieito Cupeiro, Xan do Val, Antón Castro, Avelino Pousa Antelo, e Moisés da Presa, que era «de facto» o seu principal artífice.
     Obtivemos esta información en base a alguns números de A.N.T., desta etapa bonaerense, consultados na Hemeroteca de I.P.S. e na colección particular de Avelino Pousa Antelo, así como tamén nas declaracións de Luz Fandiño Rodríguez, emigrante en Bos Aires que coñeceu personalmente a Moisés da Presa.
(11) Non temos datos precisos ó respecto. Sabemos, en cambio, que para coadxuvar a sua financiación o Consello Executivo do P.G., pagou 50 pts. Documentación do Arquivo do P.G.
(12) «Iniciativa e chamada»; A.N.T., 29-IX-1934, páx. 2.
(13) Factura por gastos de imprenta do P.G., atopada no Arquivo deste.
(14) Revista NOS, nº 115, 25-VII-1933, nº 104.
(15) Marcos Valcárcel, «Prensa galeguista na II República (III)», La Región, 15-X 1980, n.° 3.
(16) A aparición do número 5 e comentada en A.N.T., 9-III-1935, páx. 2.
(16 bis) Para unha visión panorámica da prensa estatal vide Gómez Aparicio, Pedro, Historia del periodismo español. De Ia Dictadura a Ia Guerra Civil, T. IV, Editora Nacional, Madrid 1981, pp. 237-485.
(17) Desvois, J. M., La prensa en España (1900-1931), Siglo XXI, Madrid, 1977, pp, 53-64.
(17 bis) Vide Saiz Valdivieso, Alfonso, Triunfo y tragedia del periodismo vasco (1900-1939), Editora Nacional, Madrid, 1977.
(18) Carta manuscrita de Víctor Casas a Bóveda, firmada en Pontevedra a 7-V-1935; Arquivo do P.G.
(19) A.N.T., 16-II-1935.
(20) Alvaro de Ias Casas, «Hacia otra Galicia»; E.P.G., 15-III-1931, páx. 1.
(21) Alvaro de Ias Casas, E.P.G., 4-XI-1931, páx. 10.
(22) Carta manuscrita de Víctor Casas a Bóveda, firmada en Pontevedra a 7-V-1935. Arquivo do P.G.
(23) Manuscrito anónimo atopado no Arquivo do P.G.
(23 bis) Para unha visión panorámica da prensa galega vide Palomares Ibáñez, Jesús M.ª «Las estadísticas de Ia prensa periódica y Ia prensa de Galicia», (no prelo) Investigaciones Históricas, n.° 3, Valladolid, 1982.
(24) Vide por exemplo A.N.T., 16-VII-1933 e 11-I-1934.
(25) A.N.T., 25-IX-1933.
(26) Así o revela A.N.T., 4-VIII-1934, páx. 4. Poidemos constatalo tamén na cala que efectuamos na colección de El Ideal Gallego.
(27) «Coruña, E.P.G., 5-II-1933, páx. 4.
(27 bis) Vide sobor da historia deste periódico, Blanco Vila, Luis, El Corro Gallego. Cien años de aportación a la historia (1878-1978), Ed. Compostela, Santiago, 1978.
(28) Asevérase tal cousa nunha reportaxe sobor da prensa española titulado «El pueblo republicano sin periódicos», aparecido no semanario azañista «Política», que dirixía Luis Bello. A parte referida á prensa de Galicia foi reproducida en Ser, 5-V-1935, pp. 4-5.
(28 bis) Vide Altabella, J. e Leal Insua, F., El Faro de Vigo y su proyección histórica, Madrid 1965.
(29) A.N.T., 4-VIII-1934, páx. 4.
(30) A crítica acada en ocasións gran dureza; así dí: «O órgano, primeiro vergonzante e despois destapado, do monarquismo calvosotelista en Galiza cobroulle ao Galeguismo unha gran xenreira dende que Castelao, por diñidade, Ile retirou a súa colaboración. A xenreira foi tal que os bigotudos e antediluvianos rexentes do "Candil" (e non "Faro") vigués ¡chegaron a silenciar o ingreso na Academia Galega de figuras como Vilar Ponte e Castelao! (...) Pero onde o xornal vigués se cubriu de gloria foi co seu extraordinario adicado... ao Día de Galiza non; aos galeguistas. Despois de vir silenciando sistemáticamente todol-os aitos, semella que se lle non coupese no corpo toda a bilis que durante o ano foi acumulando ao ver como seguimos o noso camiño cada data con máis eisito e firmeza». Naquela sinalada data o xornal adicáralle 32 páxinas ós galeguistas: «Pra que ao xornal do Sr. Bárcena non Ile fallase ren, ademais da colaboración de Emiliano, Honorio Maura e outros escritores igualmente distinguidos, hai n-il un autógrafo de Lerroux, diño da mentalidade de reata que o "Faro" exibe a cotío. D. Ale fálalles da Galiza resiñada, sumisa, sacrificada sempre pola Patria grande (...). Os galeguistas deben facer que as xentes comprendan a conducta antigalega do «Candil», pra que proceda en consecuencia»; A.N.T., 11-VIII-1934. Tamén no devandito artigo de Ser, dicíase: «De "EI Faro de Vigo" solo podemos decir que podría escribirse en papiro, tal es su ancianidad, que, por cierto, carece de aquella nobleza que se confiere a los años. Pertenece a "Renovación Española", y con decir eso, basta»; «El Pueblo republicano sin periódicos. Galicia entregada a Ias derechas»; Ser, 5-V-1935, pp. 4,
(31) Vide Ser, ibídem.
(32) Hemeroteca do I.P.S.
(33) Foi creado a comenzos da década dos 30. Aporta moita información sobor da política xeral do Estado e moi pouca de Galicia. Da conta abondosa dos movimentos das forzas de dereita e do sindicalismo católico. Na bilbioteca do Ministerio de Cultura, en Ourense, consérvanse bastantes exemplares, todo eles perteñecentes ó ano 1936.
(34) «Impresiones»; E.P.G., 7-I-1936, páx. 1.
(35) Vide Ser, ibídem.
(36) «Santiago»; E.P.G., 7-VIII-1932.
(37) O P.G. amosou unha especial animadversión por esta publicación, da que dicía que contribuía ó desprestixio de Galicia; A.N.T., 25-VII-1934.
(38) Ademais do xa citado Montero Díaz, promoven «Unidad»: A. Iglesia de Ia Riba e Eugenio López Aydillo. Colaboran no primeiro número a plana maior dos escritores antiautonomistas: Carmelo Viñas y Mey e Vicente Sierra, célebre pola polémica que entablou con Bóveda. «Unidad» nace coa pretensión de ser quincenario, pero só temos constancia da aparición do primeiro número (correspondente ó 1° de nadal de 1933), que por certo foi considerado como unha provocación por elementos esquerdistas que asaltaron o prelo no que se editaba. Na sua cabeceira figuraba o lema: «España, Una, Grande, Libre». Sostén que «los gallegos somos los españoles de Galicia». Abelloa repetidamente ó P.G. e tamén ó Estatuto, convencido de que: «El Estatuto es el antifaz del separatismo. Representa Ia esclavitud económica del obrero y el campesino. Aplastará el comercio y Ia industria con gravámenes insostenibles. Todo a beneficio de una minoría hambrienta, desleal y mediocre».
     O exemplar número 1 alcóntrase no Arquivo do P.G.
(39) Puidemos consultar este número de «La Estrada», nos fondos da Biblioteca de Fermín Bouza Brey, Cortegada (Ourense).
(40) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago 22-V-1978, e constatacións nosas na Hemeroteca do I.P.S.
(41) Conservanse bastantes números na Hemeroteca do I.P.S., e algún solto no Arquivo do P.G.
(42) Entre os restantes integrantes do «Grupo Claridad» que realizaba a revista, atopamos o abogado da U.S.G., Xoan Xesús González. Mencionemos ós restantes: Anxel Fole, Domínguez Caamaño, Anxel Casal, Raimundo Aguiar, Sixto de Aguirre y Garín, Elías Arias de Parga, Constantino Díaz, L. Santiso Girón, José Ramallo Gómez e José Fernández Silva. Engadamos que o director, Luis Manteiga, cesa por discrepancias co resto do «Grupo Calridad» no número 24, correspondente ó 3-VI-1934, sucedéndolle F. Domínguez Caamaño, que foi encarcelado por delitos de opinión. Os artigos están preponderantemente escritos en castelán, ainda que hai algún que outro en galego, e teñen en xeral un tono moi radical; en síntese a sua ideoloxía é galeguista, republicana de esquerdas, laicista, antifascista, sensible ás aspiracións proletarias e partidaria da dignificación da vida campesina e mariñeira (sic). O «Grupo Claridad» aglutinaba a un fato de mozos que se consideraban membros dunha mesma xeneración, marcada polos acontecementos de 1930, ou nas suas propias palabras: «forxada en rexa loita contra a Monarquía»; Claridad, 3-VI-1934, páx. 4. Na Hemeroteca do I.P.S. atópase a serie completa dos primeiros 24 números.
(43) Así o declara A.N.T., 6-XII-1935.
(44) «Contestando al señor Fábrega»; H. de G., 12-XII-1932, páx. 1.
(45) E.P.G., 7-I-1932, páx. 8.
(46) De feito non atopamos en ningunha hemeroteca de Galicia, exemplares do ano 1932 en adiante. Unicamente nos fondos da Biblioteca do Ministerio de Cultura en Ourense teñen varios números, pero ningún deles vai mais aló de maio de 1930. Polo demais, endexamais nin A.N.T., nin E.P.G., nin calquera outro dos periódicos consultados menciona para nada ó «Heraldo Ourensano».
(47) Declaración do corresponsal de «E.P.G.», Julio Dorzán. Ourense, 29-X-1980.
(48) Dato este revelado por Blanco Amor, Eduardo, na sua conferencia Estado actual de la Cultura Gallega, publicada en Propaganda Galeguista, s.d.
(49) Declaracións de Valentín Paz Andrade; Vigo, 25-XII-1980.
(50) «Proieito de adquisición de «El Pueblo Gallego»; documento oficial do P.G. que se conserva no seu Arquivo.
(51) No Arquivo consérvase un fragamento dunha carta de Portela na que resposta a Bóveda sobor deste particular.
(52) A gran fortuna de Portela, é o motivo polo que o noso entrevistado Julio Dorzán, estima que o P.G. non tiña posibilidades de mercar «E.P.G.». Declaracións do corresponsal de «E.P.G.» en Ourense, Julio Dorzán, 29-X-1980.
(53) Declaracións de Fernández del Riego; Vigo, 5-VII-1980.
(54) Ibídem.
(55) Vide por exemplo o artigo «Cumprimento d-un acordo da IV Asambreia»; A.N.T., 1-VI-1935.
(56) Carballo, Francisco e Magariños, Alfonso, La lglesia en Ia Galicia contemporánea, Madrid 1978, páx. 45.
(57) Un crego que firma «Marcos», sostén que a predicación do Evanxeo debía ser en galego, fundamentalmente por unha razón de tipo práctico: somentes así sería acaídamente comprendida a palabra de Deus; «Insistindo. Verbas de un crego»; Logos, n.° 25, I-1933, páx. 10.
(58) Vicente Risco, «A revista "Logos"»; E.P.G., 25-III-1931, páx. 1.
(58 bis) Vide número conmemorativo do cincuentenario de NOS, incluido na edición facsimilar editada a instancias da «Real Academia Gallega», NOS, A Cruña, 30-X-1970, n.° 145, pp. 3-62.
(59) Traballo de cuantificación efectuado por Esteban García, citado en Fernández Barreiro, X.R., Historia de Galicia IV. Edade Contemporánea, Galaxia, Vigo, 1981, páx. 349.
(60) Para un tratamento máis amplio da cuestión, vide Luca de Tena, Gustavo, Op. cit., pp. 25/29; e Carballo Calero, Ricardo, Historia da Literatura Galega, Galaxia, Vigo 1975, pp. 633/636.
(61) Recibo da Imprenta Gráfica, da Coruña. Arquivo do P.G.
(62) Factura atopada no Arquivo do P.G.
(63) «II Asamblea regional del Partido Galleguista»; E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9.
(64) Datos tirados de diversas facturas consultadas no Arquivo do P.G.
(65) Así sabemos que en 1933 gasta 533,50 pts. en octavillas, follas e folletos e somentes 86 pts. en carteis. Claro que devimos isto coas debidas reservas, dado que non sabemos se é un dato parcial ou non. Factura consultada no Arquivo do P.G.
(66) Así o afirma A.N.T., 8-IX-1934, amén de outros testimuños, como poder ser, por citar un, as declaracións feitas por Manuel Beiras, Santiago. 10-I-1981.
(67) Dato atopado nun manuscrito de Bóveda no que se especifican algúns dos gastos e ingresos do partido (Arquivo do P.G.).


 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega