O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

(De "4.5. Perfil ideolóxico" a "4.9.3. A decantación autonómica da F.M.G")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada210.html


   4.5. Perfil ideolóxico

     A ideoloxía e doctrina da F.M.G é sustancialmente a mesma que a do P.G., con algún matiz diferencial, e sobor de todo, un acento máis exaltado. Polo tanto as notas de federalismo, pacifismo, universalismo, federalismo internacional, etc., que xa vimos que elaborara o P.G., son aplicables á F.M.G. Tamén os mitos e tradicións nacionais daquel —entre as que a Idade Media, concebida como etapa de libertade e esplendor cultural, ocupaba un destacado papel—, son asumidos polas Mocedades con afervoado entusiasmo. Concretamente o devandito mito da Idade de Ouro medieval, e a señardade dese paradiso perdido, o expresan caseque con arrobo:


«Houbo un tempo en que Galiza, ceibe pra desenrolar a sua cultura e a sua historia, era a nazón máis belida do mundo. A lembranza daqueles groriosos séculos debe ser a única bandeira do nazonalismo.» (63)


     Esta mesma idea a vemos recollida noutro texto que expresa, ó tempo, outra das claves ideolóxicas do P.G.: a pretensión de armonizar a renovación coa tradición:


«Si queremos construir un pobo —mellor dito, si queremos resucitalo— temos que comenzar por facer revivir tódol-os valores espritoales, amordazados hoxe pol-a cultura castelán que hai na Galiza, e que tiveron seu eisprendor na historia parada: principalmente na Edade Media. Temos que refaguer Galiza, ollando ao pasado, encarandonos coa tradizón da Patrea [...].» (64)


     O que é lóxicamente peculiar da F.M.G., son os seus símbolos, que suliñan a sua personalidade. Agora ben, a diferencia non vai máis aló da forma, sendo coincidentes cos do P.G., no contido. A bandeira das Mocedades era a «nazonal oficial» de campo branco e diagonal azul, á que se engade unha estrela verde perto do ángulo superior dereito. Esta mesma estrela verde puñanna á altura do peito, nas camisas brancas que utilizaban como uniforme, de preceptivo uso nos seus actos (65). Declararon oficial un Hino que compuxera Alfredo Brañas —que reproduciremos máis adiante—, de características nidiamente independentistas (66). Nisto as Mocedades ultrapasaban o Partido Galeguista, polo que convén deterse un chisco nesta cuestión. Existía nas Mocedades un importante sector, que chegou a ocupa-Ia dirección e a controlar «Guieiro», de convencidos separatistas, e dado que eran especialmente activos e contaban con moitos dirixentes e persoeiros (Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro, por exemplo), daban a impresión de que toda a F.M.G. era arredista, o cal non era certo. A maioría, inda que por pouco marxe, oscilaba doctrinalmente entre o federalismo e o independentismo, adoptando, chegado o caso, unha actitude eminentemente pragmática. Temos así que na III Asamblea, celebrada no mes de maio de 1936, saeu derrotada a postura arredista, pero non por razóns doctrinais, senon de táctica, estimando os seus detractores que as circunstancias políticas non a facían aconsellable. E estas circunstancias non eran outras que a inmediata expectativa de plebiscitación do Estatuto de autonomía, quedando perfectamente plasmado o posibilismo pragmático de F.M.G., no acordo da Asamblea de apoiar ó Estatuto. Xa víramos cando analizamos o P.G. que o seu esencial nódulo ideolóxico era o nacionalismo, sendo todo o demais accesorio e continxente. Deste xeito o republicanismo era instrumental e ainda que a súa cosmovisión casaba especialmente ben co federalismo, podía tamén asumi-la autonomía ou mesmo, chegado o caso, o arredismo.
     O radicalismo das Mocedades, máis verbalista que fáctico, lévaas a expoñe-la sua visión de España con máis crudeza e animosidade, que a que utilizaban os galeguistas adultos, pero se Ile restamos o arroupamento retórico-extremista con que a aduviaban, atopámonos con que no fondo eran exactamente coincidentes. En efecto, o antiespañolismo duns e doutros ía encamiñado descontra á España centralista e intolerante coas nacionalidades periféricas —distinguindose ben o que era o Estado español, do que era o pobo español, contra do que non tiñan nada— pero non descontra dunha España na que os distintos pobos que a integran poidesen convivir na armonía, equiparados por medio dun sistema federal. Así o dicía a propia F.M.G.:


«Queremos, en sustitución dunha Hespaña imperialista e decadente, que non é mais que a unión mecánica de pobos escravizados, crear a futura Hispania, que será unha confederación orgánica de pobos libres, [...] queremos reintegrarnos á civilización europea [...].» (67)


     Unha frase deste tenor motivou o secuestro de «Guieiro» e o encarceramento do seu director, que era naquel intre C. Emilio Ferreiro, e como mostra de que as diferencias non eran máis que de forma (máis estridentes nas Mocedades) o P.G. solidarizouse coa organización xuvenil. Compre tamén sinalar que as veces identifícase o «Estado opresor» con Castela (68).
     Outra nota ideolóxica destacada nas mocedades é a crítica ó pluripartidismo e as categorías dereita/esquerda, en tanto que divisoras da desexada unidade de Galicia. Como o P.G., na primeira etapa, tilda de importada a dicotomía dereita/esquerda. Manténse así a F.M.G. aferida a unha idea en principio moi querida polo P.G., cando xa este a desbotara definitivamente, para inclinarse cara a esquerda. Polo tanto, para a F.M.G., a contradicción relevante quedaba establecida entre o nacionalismo e o «Estado centralista e imperialista» (69).
     Para entender cabalmente o aspecto da ideoloxía da F.M.G., que a continuación pasaremos a sinalar, compre precisar antes o papel que se asignaba a sí mesma de «vanguarda do movimento nazonalista» (70). Consecuentemente a F.M.G. pretende erixirse en punta de lanza e avanguarda do movemento nacionalista, polo que tiña de aparecer como núcleo firme e decidido, ferreamente disciplinado, intrépido e acometedor. O mozo Xosé Bieito Pazos explicaba (71) que o Partido Galeguista era lóxico que non poidera ter un senso revolucionario por estar preso na tea de araña que tecera a sociedade arredor dos seus membros. Eran os mozos os que sí podían e debían seguir unha orientación revolucionaria (léase: radical). Esta concepción avangardista levaba ás Mocedades a empregar unha linguaxe —e as vegadas, como veremos, tamén unha práctica— tremendamente exaltada e agresiva. Deste xeito, C.E. Ferreiro coidaba que as Mocedades debían ser unha forza de choque, violenta e decidida, a modo de falanxe do nacionalismo debeladora do españolismo e auténtica «piqueta derrubadora da antipatria» (72). Segundo isto, as Mocedades Galeguistas debían emular ás xuventudes nacionalistas vascas e catalanas, ás que consideraban máis combativas, «chegando as veces á violencia» (73). Esta violencia propugnada tiña unha doble finalidade. Debía ser ofensiva, con vistas a provoca-Ia represión conseguinte, seguindo a dialéctica da exacerbación das contradiccións, pois consideraban que o desencadenamento da represión sería un signo da vitalidade do movimento nacionalista; xa que logo, comprían mártires da causa da «redenzón galega». E tiña tamén unha finalidade defensiva, a de protexerse das accións igoalmente violentas das xuventudes feixistas (da J.A.P. en especial), impedindo que se fixeran co control da rúa polo terror. Así o expresaba a F.M.G.: «E aos enemigos, aos que nos pegan, aos que non nos creen, aos que nos dudan, aos que nos quixeran pisar, ¡pisalos!» (74). Veleiquí outro texto no que se alude expresamente as «Juventudes de Acción Popular»:


«Din os "xovenes" da J.A.P. no programa da sua primeira Asamblea rexional: "Guerra sin cuartel al galleguismo separatista". E nós contestamos: Guerra ao fascismo estúpido i-encuberto. Guerra aos nemigos de Galiza. Guerra aos émulos dos asesiños dos católicos alemáns.» (75)


     Para levar a cabo esta política violenta e belixerante, postulan, tanto Xaime Illa Couto como C. Emilio Ferreiro, que en cada Mocedade se fixese unha escolleita de «patriotas fortes e decididos», para que cando fora mester saisen a rúa a impoñerse pola violencia (76). Non temos noticias de que tal grupo paramilitar tivérase levado a efecto —ainda que atisbos chegou a haber, polo menos na zona de Santiago— pero dende logo «in mente» estaba o proxecto. Este proceso de radicalización da F.M.G. estivo alentado pola exacerbación política xeral que se dexerga no período final da República; así o recoñecen implicitamente as xuventudes nacionalistas como se pode ollar no texto que a continuación reproducimos, no que, o propio tempo, constátase a intención de levar a cabo, en paralelo coa actuación política legal, outra na clandestinidade e ó marxe da legalidade (77):

 
«A Mocedade de Galiza non debe acharse ausente da loita civil que se cerne na España. A F.M.G., debe conseguir a cristalización dos seus ideaes, dentro ou fora da lei.» (78)


     Toda esta prosa de combate estaba, ademais, tinguida dunha retórica de marcado patetismo (79). Sinalemos, para rematar, que o P.G. vía estas mostras de radicalismo furibundo con benevolencia comprensiva, atribuindo estes excesos á natural vehemencia xuvenil. Consideraba que, despois de todo, non estaba mal que nas Mocedades reinara un espíritu nacionalista máis intransixente. Como testimuño disto, podemos aduci-lo feito de que non haxa un só texto no que o P.G. lles chamase a atención, tentando de morixear o seu ímpetu; e polo demais así nolo confirmaron as fontes orais (80).


   4.5.1. Matizacións Ideolóxicas (correntes minoritarias no seo da F.M.G.)

     Xa temos visto os perfís ideolóxicos da corrente maioritaria do P.G., que en síntese resultan moi semellantes ós do P.G. Pois ben, como no caso deste, tamén na F.M.G. existiron discrepancias ideolóxicas que se aglutinaran en tendencias, ainda que tampouco chegaran a cristalizar dun xeito orgánico. Veleiquí as cuestións arredor das cales producíuse o disentimento: o federalismo, considerado insuficiente por un sector que se pronunciaba polo independentismo; a neutralidade relixiosa; o emprego de métodos legais para a consecución dos obxectivos políticos; a cuestión das alianzas; a insuficiencia dunha actuación exclusivamente cultural, e a valoración do marxismo como inaplicáble a Galicia. A posta en solfa destes temas que vertebraban a doctrina da corrente maioritaria da F.M.G. prodúcese dunha maneira moi confusa e mesmo caótica, misturándose a veces as correntes que difiren entre sí en caseque todo, pero que teñen en común sorprendentes afinidades. Antes de pasar a detalla-los distintos matices, conven sinalar o doctrinarismo que existía nas Mocedades; como organización fundamentalmente estudiantil os temas ideolóxicos resultaban particularmente engaiolantes e seductores. As polémicas non se producen sobor de problemas políticos concretos, nin arredor das cuestión de actualidade; discútese encol dos grandes e abstrusos problemas ideolóxicos.


Corrente Arredista

     Constituía un sector moi numeroso (na III Asamblea votaron pola independencia 331 mozos) e que contaba con dirixentes como Xosé Velo (81), C. Emilio Ferreiro, Sánchez García, Xosé B. Pazos e Santiago Fernández. Eran característicos desta corrente slogans como o seguinte: «Namentras non se consiga a independencia da patria, Galiza e todol-os galegos, nunca s'atoparán dentro de sí» (82) . A este sector, contando coa benevolente anuencia dalgúns elementos "flexibles" da liña maioritaria, debeuse a adopción como hino das Mocedades dun poema de Alfredo Brañas, titulado «Canto a Galicia», que dí nun anaco:


«Casta dos celtas esperta axiña, 
erte do fango da escravitú.
Patria da i-alma, teus ceibes cantos 
enchan o mundo de norte a sur.

Dos meus pasados, bendita terra, 
nai amorosa da miña nai, 
creba as cadeas que te asoballan 
e cingue a croa da libertá.

Cantai galegos o himno xigante
dos pobos libres, dos pobos grandes 
cantai galegos a idea santa 
da independencia da nosa Patria.» (83)


     Hai que por a este sector en relación cos arredistas bonaerenses da «Sociedade Nazonalista Pondal», do periódico do cal, «A Fouce», reproducen as veces artigos en «Guieiro» (84). Polo demais, caracterízase o sector arredista polo desexo de pureza nacionalista, co conseguinte rexeitamento do pluripartidismo e das categorias dereita/esquerda (85); xa que logo, non nos pode extrañar que sexan contrarios as alianzas coas forzas non nacionalistas, ás que motexan de «hespañolistas». Salientan, tamen, por seren partidarios das actitudes radicais e da violencia como táctica política.
     Capítulo aparte merece o destacado dirixente xuvenil, articulista prolífico, e orador de gran impacto, Francisco Fernández del Riego. A sua importante personalidade reclama que nos deteñamos un chisco a naliza-lo seu pensamento. En efecto, temos quintaesenciada nel a actitude dun Hamlet que se val da anfibioloxía para agochar as suas variacións de posición e mesmo contradiccións teóricas. Realmente, caseque compre ser un experto en cabalística para conquerir descifrar o seu pensamento. Por un lado móstrase como arredista (86), pero por outro non lle parece mal o posibilismo autonómico do P.G. Tenta de armonizar esta contradicción apelando a unha sorte de doble política, resultante da combinación dun partido que loitase por conqueri-los obxetivos posibles, baixo un prisma semellante ó de Esquerda Catalana —pois Del Riego era claramente de esquerdas, mesmo de tendencia socializante (87)—, xunto cunha organización, como a F.M.G., que observara: «un proceder máis ríxido no senso nacionalista», xa que as Mocedades: «Sin fíns concretos e determinados —alonxados da tarefa de pedir votos e das combinacións parlamentarias e medoñentas— enrólanse no fito outo de conquerir a independencia de Galicia no espiritual e no político» (88). Aboga, tamén, polo emprego de tácticas violentas, e nun alarde de virtuosismo malabarístico, razona que non é boa a alianza do P.G. con outras forzas, que poderían desvirtua-lo seu nacionalismo, pero o propio tempo recoñece que podía ser necesario o pacto (89).


Corrente conservadora

     Era considerablemente minoritaria pero moi activa. Contaba con figuras destacadas, sendo as suas cabezas máis visibles: Xaime Illa Couto, militante católico con boa formación cultural (90), Rodríguez Seoane, de Cuntis, Taboada Tabanera, pontevedrés adicto ás teorías de Filgueira Valverde, Ramos Colemán, que formaba parte dun grupo de mozos ourensáns discípulos de Vicente Risco, e M. Vázquez Martín.
     Podemos caracteriza-Ia sua ideoloxía cos seguintes riscos: creían necesario que o nacionalismo se declarase expresamente antimarxista, por ser contrario ás creencias tradicionais de Galicia, e que se proclamase, asimesmo, como católico confesional. Son, polo tanto, detractores da neutralidade relixiosa, e ademais antilaicistas (91). Degoiran a máxima pureza nacionalista, son contrarios ás alianzas de calquera índole (e especialmente coa esquerda), e negan pertinencia á contradicción dereitas/esquerdas (92). Predominan os federalistas, ainda que tampouco fallan os independentistas, como Santiago Fernández, e había discordancia en canto ó emprego ou non da violencia como procedimento político: Xaime Illa era partidario dela, en tanto que Vázquez Martín e Taboada Tabanera estaban en franca disconformidade (93).
     Polo demais socialmente son conservadores.


Corrente Apartidaria

     Maniféstase dun xeito similar e mesmo mimético verbo da súa homóloga no seu do P.G. Son os seus abandeirados Aquilino Iglesia Alvariño (94), Mariño Dónega e Remixio G. Gándara, Caracterízase pola desconfianza da acción política, propugnando a inhibición da política xeral de España e da actuación parlamentaria, para que o nacionalismo poidese adicarse á creación dunha auténtica cultura galega, concienciando ó pobo, nunha perspectiva a moi longo plazo, entendendo que o remate do proceso Galicia conseguiría ser ceibe (95). Coidaban que Galicia percisaba replegarse sobor de sí mesma, para tomar conciencia do seu propio ser, en troques de disiparse e desdibuxarse participando en loitas que non a concernían máis que tanxencialmente. Xa en 1936, Iglesia Alvariño introduce un novo elemento, postulando que a actuación cultural a longo prazo se complementara coa intervención en certos acontecementos inmediatos (96). De tódolos xeitos, o nacionalismo, que non compría que fose un partido, nin unha organización de límites estreitos, senon un movimento ampliamente integrador, e de perfís difusos e mesmo vaporosos, debería refugar unha actuación política sistemática e continuada.


Corrente marxista

     Lembrémonos de que a corrente maioritaria da F.M.G. non é antimarxista, nin tampouco marxista, dende logo; limítase a considerar que o comunismo resulta inaplicable en Galicia, por estar a propiedade agraria moi repartida e escasearen os asalariados. Dexerga o marxismo, xa que logo, como unha doctrina importada, que non respostaba as necesidades de Galicia; valora en xeral positivamente os avances de xusticia social operados nos países onde estaba vixente tal réxime e condea o que tiña de dictadura.
     Decláranse marxistas convencidos: Galán Calvete, perteñecente ás Mocedades da Coruña (97), Victoriano Buxán Rivas e Antón Beiras García (98).
     Esta corrente era francamente minoritaria e facía especial fincapié en que a F.M.G. prestara atención ó mundo obreiro.


   4.6. Estratexia e táctica

     A estratexia das, primeiro, Mocedades, logo «Federación de Mocedades Galeguistas» e, ó cabo, «Federación de Mocedades Nacionalistas», é a de conqueri-lo autogoberno de Galicia e o afortalamento da sua personalidade, por medio de organismos de ámbito exclusivamente galego. Somos conscientes de que, dicir isto, é dicir ben pouco, pero consideramos que do seu embrionario programa e confusa ideoloxía, pouco máis se pode deducir a este respecto. Polo demais, os viraxes que experimentaron as Mocedades nos poucos anos que durou a sua andadura, fan máis acosellable centra-la análise nas tácticas empregadas, ou defendidas, en cada unha das distintas etapas. Aparecen perfiladas, com máis ou menos claridade, tres etapas:
    
     1. A primeira delas é a de maior duración; abrangue dende a creación dos primeiros grupos xuvenís en 1932, ata que remata o mandato do primeiro Consello Nacional da F.M.G., a mediados de 1935. Neste etapa, prodúcese o tránsito dende o acatamento sumiso da tutela do P.G. do que era o máximo valedor Alexandre Bóveda, que concebía ás Mocedades como unha simple correa de transmisión do P.G. (99), á independización organizativa, que quedará consagrada na seguinte etapa. Predomina o traballo de organización interna, non considerándose suficiente a actividade desplegada cara o exterior, feito este que suscita repetidas críticas á dirección, tachada de inactiva e «literaria». Antes de erixirse as Mocedades en Federación, Xaime Illa e Del Riego son os que marcan a pauta, proba do cal é que foron elexidos para o primeiro consello directivo da F.M.G. A propia heteroxeneidade ideolóxica da primeira dirección xa ilustra dabondo a inmadurez da organización e o pouco configuradas que estaban ainda as correntes. En efecto, coexisten nela un mozo partidario dunha liña de actuación cultural, como era Iglesia Alvariño, con dous conservadores integristas, Illa Couto e Ramos Colemán. Os tres teñen ó seu carón un Segredario Xeral de liña esquerdista, como era Del Riego, e outro Técnico, Fontenla, que comparte a sua orientación. Xa que logo, era ben difícil que a Federación seguise unha táctica enteiramente coherente. O único nexo que avencellaba a tódolos seus dirixentes era a concepción radical do nacionalismo, e o «pulo de romantismo» que inspiraba a exaltación que fan da violencia como método de actuación. A táctica acordada consistía en non aliarse con ningunha forza política, por afín que fose, coa sóa excepción dos puntuais acordos con outros grupos nas accións violentas que as Mocedades acometeran:


«Deben aituar  (os grupos, X.C.P.) violentamente en contra de calquer forza que se opoña direitamente âs vosas aitividás, e nistes intres sí, aituar cas forzas que se poidan xuntar a nós.» (100)


     A alianza de Galeusca establecida polo P.G., mereceu o entusiasta apoio da F.M.G. sentíndose plenamente solidaria coas xuventudes de Euzkadi e Catalunya. No vran de 1934 comenta Del Riego que era esta a política que lles interesaba e non a falaz política de dereitas contra esquerdas (101). Cando o P.G. aproba a táctica de aliarse coas forzas republicanas e autonomistas de esquerda, as Mocedades acollena mal, pero non chegar a creba-lo seu vencello co P.G.
     2. A segunda etapa dura exactamente un ano (de maio de 1935 a 1936) e está marcada por unha nova dirección elixida na II Asamblea, na que predominan os arredistas. Independentistas eran os Segretarios Xeral, de Propaganda e de Organización, Xosé Velo, Xosé Nogueiras Rumbao e Celso Emilio Ferreiro, respectivamente; Soamente o Segretario Técnico, Vicente Bóveda (irmán do dirixente do P.G., Alexandre, e moi influenciado por el (102)), mantiña unha posición federalista (103). Sintomáticamente a II Asamblea prescinde da Segretaría de enlace co P.G., que desempeñara denantes Aquilino Iglesia. A nova táctica que se inaugura será unha continuación da anterior, pero impregnada de maior radicalismo e con algúns matices diferentes. De entrada a dirección acorda arredarse do P.G., namentras perdurase a sua alianza: «cos partidos extranxeiros, pero mantendo con él «unha común identidade de ideais», e co obxectivo suplementario de que a F.M.G. acadase un dinamismo propio. O P.G. non acusa oficialmente o golpe e con gran diplomacia manifesta o seu acordo coa decisión tomada pola F.M.G., parecéndolle ben que se organizara do xeito que menor lle acomodara para levar a cabo unha actividade intensa (104). A actitude do P.G. foi certamente moi hábil, e gracias a esa política de «ceibar corda», conqueriu que a ruptura coa sua organización xuvenil non fora completa. Deste xeito, sen estridencias nin friccións, a F.M.G. foise despegando: suxírese ós Grupos de Mocedades que de ter medios para elo, buscasen locais propios, ó marxe das sedes do P.G., pero tamén puntualízase contemporizadoramente que, de non telos, permanezan nos mesmos. A mesma política seguen galeguistas adultos e mozos verbo do voceiro das Mocedades. En novembro de 1935, sae a lus o «Guieiro», como periódico independente, desprendéndose así do seo materno de «A.N.T.» onde se viña publicando deica entón, ocupando unha folla enteira. Pois ben, na primerira páxina da emancipada publicación da F.M.G., comunican a sua discrepancia coas alianzas do P.G., pero sinalan ó propio tempo que: «Estamos intimamente vinculados, coa Decraración de Principios do Partido Galeguista» (105). O P.G., pola sua banda, non ten incomenente en seguir publicando artigos de membros das Mocedades, que versan incluso sobor da propia organización destas, en «A.N.T.» (106). Polo demais, a nova dirección combate a corrente culturalista, dicindo expresamente que a F.M.G. non podía esquencerse da loita política. Batalla que se plantexa contra todo o «antigalego e hespañolizante», postulando a loita directa, aclarando que «Entendemos por loita directa, non o terrotismo como sistema, senón o non recuar ante os medios violentos cando a violenta é precisa» (107).
     Pasemos agora ó capítulo de contradiccións, que non carecen dunha racionalidade que tentaremos de explicar. En efecto, despois de afirmaren que a F.M.G. tiña que actuar politicamente, expoñen nun editorial de «Guieiro» (108) que:


«[ ...] máis que unha posición política, corresponde a F.M.G., unha posición patriótica. E decir, mais que eleicións, xestoras, concellos, etc, a F.M.G. ten de ir conquistando na mocedade galega, por medio dos valores positivos da nosa cultura —historia, língua, relixión, etc.— un amplio marxen onde poder moverse.»


     Se a contradicción é flagrante, a explicación é clara. As Mocedades queren intervir na loita política, pero con arreglo ós esquemas que eles plantexan (nacionalismo contra españolismo), pero como a teimuda realidade establece o conflicto en termos dereitas/esquerdas, optan por non intervir nela, refuxiandose no limbo da actuación culturalista. Polo demais, a loita nacionalista, real e visible, estaba centrada na consecución dun Estatuto de autonomía bastante limitado; pero ainda que fora máis amplio, cómo ían empeñarse na loita por el, eles que eran independentistas. Deste xeito, non nos pode extrañar que despois de critica-lo Estatuto saído da Asamblea de Concellos, celebrada era Compostela en 1932, digan cousas como ésta: «non é a formación dun estado, senón a reconstrucción dunha nazón, o verdadeiro sentido do galeguismo» (109). O seu descontento co estado de cousas leva á F.M.G. a acentuar as críticas ó pluripartidismo e, tamén, ó mesmo sistema parlamentario:


«O sistema parlamentario é impuro e falso, por que é o triunfo da maoría sobor da razón, dos máis sobor dos millores. Non importan pois, os votos; e sí a tua propia afirmación nazonalista.» (110)


     É dicir, abogan por unha actitude elitista, de narcisista complacencia, que nos remite ó refuxio na torre de marfil da pureza nacionalista. Soamente admítese a realidade do pluralismo político no exclusivo marco do nacionalismo: «Onte o galeguismo era menos e un. Hoxe é moito e vario» (111). Algo é algo.
     3. Entremos xa na terceira etapa. As contradiccións nas que estaba mergullada a F.M.G., eran demasiado fortes como para que non reclamaran unha solución urxente. Convócase a III Asamblea en maio de 1936, e dela agroma unha-nova táctica. Os radicais independentistas son derrotados, e a Asamblea opta por unha vía pragmática pero incongruente. O pragmatismo queda ben patente na decisión da, agora chamada, Federación de Mocedades Nacionalistas, de apoia-lo Estatuto (112) e, implicitamente, ó partido que máis denodadamente labouraba por el, é dicir, o P.G., que víu así compridamente compensado o seu tacto e pacencia. A decisión non foi meramente teórica, na medida en que a F.M.N. colaborou co maior empeño na campaña plebiscitaria. Agora ben, a incongruencia xa se albisca no feito de que o troque na denominación desta organización xuvenil (que implica a consagración do seu maximalismo nacionalista, que non collía no estreito corsé denominativo de «galeguista») vería a coindicir coa adopción dunha táctica tan posibilista, xa que postula o «cativo» obxectivo do Estatuto, denantes denostado. Pero onde a incoherencia atada o seu máximum de explendor é na definición que fan da organización «renominada» e, asimesmo, dos obxectivos que debía percurar. En efecto, defínese a F.M.N. como:


«un movimento revolucionario que remate cas loitas internas da nosa Patria, que non deixe medrar doutrinas alleas â nosa natural idiosincrasia e tradición.» (113)


     Ou sexa, seguen a dicir o que mantiñan na anterior etapa, pero a diferencia dela, agora están ombreiro con ombreiro, traballando a prol do Estatuto, xustamente con aqueles partidos que dividen Galicia e introducen nela doctrinas alleas.


   4.7. Programa

     Xa dixemos que a F.M.G. non deu artellado un programa propio, limitándose a asumi-lo do P.G., namentras foi organización autónoma súa. Cando se emancipa da súa tutela, escomenzan a erguérense voces pedindo que as Mocedade plantexaran os seus propios obxectivos programáticos nos eidos social, político e económico. Estas demandas intensifícanse ante a convocatoria da III Asamblea (114), urxindo a non limitarse á mera definición teórica e doctrinal como nacionalistas. Pero tampouco saeu dela elaborado un programa, aprobándose somentes unhas bases que presentara Illa Couto, e que nin sequera se fixeron públicas, na idea de que as desenrolara unha comisión nomeada ó efecto, composta por Illa Couto, Nogueira, Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Cesáreo Muñíz e M. Dónega Rozas, que asumíu o compromiso de presentar un proxecto de Programa doctrinal e táctico no prazo de 60 días (115). A decisión chegou tarde: o erguemento militar impediu que a comisión dera fraguado o programa.
     Mencionemos os poucos elementos programáticos que se poder abesullar no seu voceiro. Insisten con especial énfase nos principios de «Patriotismo, Anti-imperialismo, Democracia e Universalismo» (116). Sen maior precisión, Xaime Illa alude a que a F.M.G. debía ter como un dos seus obxectivos a defensa dos mozos na sua actividade profesional (117). Nun manifesto suscrito por un fato de universitarios, perteñecentes na sua meirande parte ás Mocedades (118), recabábase a autonomía para Galicia e a igualdade de dereitos para o galego en relación co castelán, e xa cinguíndose concretamente ó ámeto universitario, solicitaban a independencia universitaria verbo de Madrid, o establecimento de cátedras permanentes de cultura galega e abogaban, ademais, pola creación dunha «Federación Oficial escolar Universitaria única e galega». Un pouco máis tarde, engaden a crítica ó profesorado universitario, por haber neste estamento poucos galegos e por seren a maior parte deles «somentes galegos de partida de nascimento». Pidían que esta situación cambiase (119).
     Verbo da cuestión do idioma, propugnan a sua defensa, instando a tódolos membros das Mocedades a que falasen e escrebesen en galego, e, a pesares de existir xa en 1934 unha normativa linguistica elaborada polo S.E.G., non recomendan que a adoptasen, limitándose a solicitar que utilizasen o idioma: «[...] como seipamos, asegún decía Lois Porteiro» (120).


   4.8. Medios de difusión

     O portavoz oficial das Mocedades Galeguistas, nace adscrito ás páximas de «A.N.T.» Recibe a denominación de «Guieiro.—Outavoz patriótico da Federación de Mocedades Galeguistas». Remitámonos ós antecedentes. Dende 1932 apareceu esporádicamente en A.N.T., noticias referentes á creación de Mocedades Galeguistas en distintas vilas, anúncianse as conferencias e demais actos destas, en tanto que os seus ideólogos e líderes choutan de cando en vez (ou mesmo, con moita frecuencia, como no caso de Illa ou Del Riego) ás súas páxinas. En marzo de 1934, a F.M.G. diríxese á Segredaria Executiva do P.G. solicitando autorización para publicar unha folla quincenal dentro do semanario «A.N.T.», dirixida e controlada polo Segredario Xeral e mailo Consello Nacional da F.M.G. (121). Tres meses despois «A.N.T.» comunica ás Mocedades Galeguistas que no sucesivo a sua terceira páxina estará preferentemente adicada a reflexa-las actividades da F.M.G., e a inserta-las colaboracións dos mozos (122). Cumplindo co acordado, no primeiro número de «A.N.T.» de xullo de 1934 (123), aparece xa a «Páxina das Mocedades», que moi logo troca esta denominación pola de «Guieiro da F.M.G.» (124), encargándose, polo menos en teoría, directamente as Mocedades de compoñeren elas mesmas a sua páxina dende setembro (125). Axiña introducen un subtítulo ó «Guieiro»; o de: «Outovoz Nazonalista da F.M.G.» (126). Pouco serias resultan se-las Mocedades no seu compromiso de redacta-lo «Guieiro», obrigando as veces a Víctor Casas a rechear con algo improvisado os espacios que ficaban valeiros (127).
     Dende marzo de 1935 (128) fica encargado da redacción e fiscalización un comité presidido por Prudencio Taboada Tabanera e Xaime Illa Couto. Como voceiro independente sairá a lus en Ourense (129), o 1.° de santos de 1935, a 15 céntimos o exemplar, mantendo o mesmo título, pero cambiando someramente o subtítulo, que quedaba, así, era: «Outavoz patriótico da F.M.G.», acompañado dun logotipo consistente nunha estrela de cinco puntas (que hai que imaxinar verde). Constaba de catro páxinas e aparecía con periodicidade quincenal, salvo os últimos números que pasaron a seren mensuais. O seu primeiro director nesta nova xeira foi Manoel Vázquez Martín (130), que moi logo cedeu o posto a Celso Emilio Ferreiro. O número 3 (convén clarexar que ó independizarse reinicia novamente a numeración), correspondente ó 1.° de nadal de 1935, foi secuestrado por orde gubernativa, dictándose un auto de procesamento contra do seu director, Ferreiro, por mor de dous artigos considerados inxuriosos para España. Entrados xa no 1936, a dirección pasa a Castro Arines. O derradeiro número (o 13), tirouse o 1.° de xullo de 1936.
     Da redacción de «Guieiro» ocupábanse estudiantes, polo que o periódico víase sometido ós avatares derivados deste condicionamento; así, por exemplo, no período dos exames de xuño «Guieiro» soía retrasarse (131). Sobresaían os artigos teóricos de contido doctrinal que especulaban sen canseira arredor da ideoloxía nacionalista. A meirande parte dos artigos publicábanse anónimamente, destacando entre os colaboradores firmantes: A. Iglesia Alvariño (132), M. Vázquez Martín, C. Muñiz Sosa, Antonio Moure, Xermán Vázquez e Fernández del Riego.
     Compre tamén sinalar que en setembro de 1935 a F.M.G. creou «Nazón», como periódico ó seu servicio (133). De tódolos xeitos, non debeu sair máis que o primeiro número, pois, non só non quedou rastro del nas hemerotecas e coleccións particulares, senón que tampouco se lle fai a menor alusión nos demais periódicos consultados.
     Podemos considerar como achegada ás posicións da F.M.G., a revista «Universitarios», órgano da «Federación Universitaria Escolar» (F.U.E.) de Santiago. O seu director era Fernández del Riego (134), e nela colaboraban profesores e alunos. O número 1 apareceu en marzo de 1932, con orixinais de galeguistas como Carballo Calero, Seoane, Xurxo Lourenzo, e outros de distinta significación, como Carlos Martínez Barbeito (135). A revista «Universitarios» era bilingüe, amosábase inqueda pola cultura galega e preocupada por resolve-los problemas universitarios nun ambiente de galeguización (136).
     Nin que dicir ten que a F.M.G. valíase ademais de follas soltas e octavillas, como tamén de mitins e conferencias e, asimesmo, de pintadas nas paredes para difundi-Ia súa doctrina. Compre sinalar o gran número de folletos que editaron as Mocedades, laboura na que se destacou especialmente o Grupo de Ourense (137). Contiñan estes folletos fundamentalmente escolmas de poetas galegos, clásicos e coetáneos, glosas de conferencias, etc.


   4.9. Práctica política

     Para analizar ordenadamente este tema dividirémolo en tres etapas, que consideramos que están xustificadas pola peculiar fisonomia que presenta cada unha delas (138).


   4.9.1. Creación dunha F.M.G. con vontade de activismo

     Esta fase comprende dende 1932, en que se crean os primeiros Grupos de Mocedades, ata maio de 1935, en que se celebra a II Asamblea da F.M.G., da que sae elexida unha nova dirección. Cando o número de Grupos creados é considerado dabondo, constitúese a Federación na I Asamblea, celebrada en Ourense a mediar xaneiro de 1934 (139). A directiva escollida, na que levan a pauta Illa, Del Riego e Ramos Colemán, otorga prioridade a laboura propiamente organizativa e a de espallamento ó traveso da creación de novos Grupos. Tal política vai dando paseniñamente os seus froitos. Pero xa fora por mor de que nesta empresa quedaran absorbidos moitos esforzos, ou debido cecais ó vehemente prurito de activismo de que facían gala os xuvenís dirixentes, o caso é que moi logo escomenzan a xurdiren críticas e autocríticas pola inactividade na que se dí que estaba mergullada a F.M.G. O primeiro en referirse a isto foi o delegado do P.G. nas Mocedades, Aquilino Iglesia Alvariño (140). O Segredario de Organización, Xaime Illa, pasado un tempo (141), é quen novamente critica a pasividade das Mocedades, exhortándoas, en termos de gran exaltación, a loitar intensa e afervoadamente. O seu chamamento non caeu no valeiro. O propio P.G. escomenza por darlle a razón comentando que ás Mocedades sobráballes literatura e faltáballes acción (142). Destacados persoeiros, como Celso Emilio Ferreiro, dende Celanova, non tardan tampouco en darlla (143) . Este argumenta que os galeguistas adultos eran o cerebro, en tanto que ós mozos compríalles se-lo brazo actuante capaz de: «[ ...] afrontar a loita revolucionaria con toda-las suas consecuencias de encadeamentos, persecucións, etc.». Consecuentes con isto, en Celanova fixeran, había xa meses, unha: «recruta de voluntarios dispostos a todo», pero vían con pena como pasaba o tempo e as directrices para a acción non daban chegado. Deste xeito, agora que era patente que Illa coincidía coa sua maneira de plantexa-las cousas, instaba a que cada Mocedade fixera a sua escolleita: «de patriotas fortes e decididos, pra que cando faga falla, saian á rúa a imporse pol-a violencia». Salvo en Santiago e de xeito puntual, podemos afirmar, a tenor da documentación manexada, que a F.M.G. non constituiu tales grupos paramilitares. Pero deixamos iso e vexamos o que deica entón fixeron as Mocedades.
     No eido universitario, membros das Mocedades organizaron un cursiño de cultura galega no que falaron intelectuais galeguistas (Risco, Filgueira Valverde, Otero, etc .) (144). E de destacar tamén a actuación na F.U.E., na que coexistían duas correntes: unha republicana con diferentes matices, na que se aliñaban García Sabell, Martínez Barbeito, Santiago Girón e José Queizán, e outra galeguista que contaba con estudiantes como Carballo Calero (que fora presidente dela (145)) Seoane e Del Riego. Xa en maio de 1931, o sector galeguista conquerira que a Cámara federal da F.U.E. galega, aprobara a proposta da A.P.E.D. de Santiago sobor da galeguización da Universidade, que recollía os postulados nacionalistas (146). Del Riego, que estaba conceptuado como un bo orador, foi elexido pola F.U.E. para pronuncia-lo discurso inaugural do curso académico de 1933/34; en representación do claustro falou Moralejo, as palabras do cal, consideradas «filo-fascistas» e antigalegas, foron moi mal acollidas polos estudantes, que organizaron un considerable balbordo coas suas protestas, de xeito que non puido remata-lo seu discurso (147). Del Riego, erixido en teorizador, postuaba unha universidade galega na que se falase galego, pero que non por elo pechada ás influencias positivas das universidades do mundo; a Universidade galega, pola sua banda, autentificada —impartíndose nela contidos galegos— debería galeguizar o universo (148). Comentando a situación no ano 1933, dicía que o galego íase introducindo na Unversidade, non nas clases, onde tódolos profesores —galeguistas incluídos— impartían as súas materias en castelán, pero sí nos pasillos e claustros, e tamén nas conferencias celebradas no Paraninfo, onde adoitabase emprega-Ia língua vernácula. Destacaba, ademáis, a publicación da revista bilingüe «Universitarios», á que xa nos temos referido, e o acordo tomado aquel ano pola F.U.E. galega propugnando o «convivio» das línguas castelana e vernácula, e o ensino de materias galegas (149). En febreriro do ano seguinte, a Cámara Federal Compostelana da F.U.E. fixo público un manifesto (150) chamando á unión dos estudantes para loitar polo mantenemento das conquistas logradas e «pol-a redención da Universidade Galega», ante a perspectiva de que a dereita no poder, tras das elección de novembro de 1933, as suprimise, cousa que sucedería en efecto. Pois ben, nas actuacións levadas a cabo pola F.U.E. participaron activamente e sen fomentar divisións en base a que eles eran galeguistas e os outros non; a sua postura consistía na creación dun «frente único de estudiantes» (151). Como xa insinuamos, as cousas foron a mal, de sorte que a fíns de 1934, a Del Riego parecíalle que a Universidade galega estaba «carcomida pol-o morbo feixistoide»; pero con todo, a sua visión non era completamente desesperanzada, por entender que o nacionalismo avantaba na Universidade, xa que —segundo él— cada universitario estaba facendo tres mozos nacionalistas.
     No plano cultural proliferan as conferencias, lerias culturais e actos conmemorativos. Destaquemos o ciclo de conferencias organizado pola Mocedade viguesa, no que interviron persoeiros do P.G. (152). Outro tanto fixo a de Pontevedra (153), coa novedade dunha exposición de arte galega (154); en xeral percíbese nela unha actividade bastante intensa, organizando lerias, tertulias e actividades teatrais. Con carácter interno, os mozos máis preparados daban conferencias que lles servían de preparación para actuaren logo nas sociedades agrarias, mariñeiras e recreativas, como propagandistas do nacionalismo (155); tamén contaban cunha «Seición musical» que estaba a preparar un recital de cantos populares do país que se comprometeran a dar pola emisora da radio pontevedresa (156). Polo demais, para a propaganda escrita topaban co atranco das dificultadas económicas, pero a pesares delo pensaban imprentar modestamente pequenos folletos de iniciación doctrinal e cultural (157). Na provincia de Ourense, tanto as xuventudes de Maceda como as de Celanova, levaban a cabo unha laboura de galeguización dos nenos, con vistas ó cal tiñan avanzados proxectos de creación de sendas escolas nacionalistas (158). En Mondoñedo, as Mocedades adicábanse a revitaliza-la a tradicional «Festa dos Maios» (159), e un pouco en todas partes practicábanse excursións a pé, intertroques e máis concentracións, co obxectivo de afortalar os lazos de irmandade» (160).
     Sobrancean, tamén, as conmemoracións das principais efemérides do galeguismo: ó Día de Galicia (25 de xullo), e mailo día dos «Mártires de Carral», celebrado cada ano o 26 de abril (161), sendo de destacar o de 1934, no que ademais dos tradicionais discursos e ofrendas frorais, a F.M.G. publicou un folleto cun prólogo de Sesto, contendo o discurso de X.M. Alvarez Blázquez encol do 88 aniversario dos «hérois de Carral» (162).
     Cingámonos agora ó eido da política. As Mocedades actúan como una formación política ancilar, secundando as campañas propagandísticas e electorais do P.G. Especialmente activa mostrouse a Mocedade de Ourense colaborando na campaña electoral do P.G., no mes de santos de 1933 (163). Tras da derrota, o P.G. segue coa sua xeira de mitins, en moitos dos cales interveñen Iglesia Alvariño, ostentando a representación das Mocedades (164). Por outra banda, namentras as directrices da dirección insisten en propugna-la actuación isolada da F.M.G. ó marxe de calisquera alianza, e Emilio Ferreiro exhorta en incendiarios artigos (165) a que as Mocedades seguisen camiñando soas, utilizando rexos e revolucionarios procedementos, como o de incitar ós labregos a non paga-los trabucos, pola Coruña corren novos ventos. En aberta discordancia coa liña da dirección, e anticipándose á nova orientación do P.G. cara a esquerda que paseniñamente se ía xestando, as Mocedades da Coruña tentaban de conquerir un frente de organizacións xuveniles de esquerda (166). Agora ben, a F.M.G. escomenzaba xa a dar mitins como tal, ser que participaran neles oradores do P.G., o cal non quere dicir que se alonxaran del. Temos, así, que o Grupo de Lama (Láncara) organiza un mitin en Cobas, no que toma a palabra Palmira Piñeiro, no nome das mulleres galeguistas de Láncara, para incitar ás de Cobas a segue-lo exemplo das mozas galeguistas de Láncara; entre os oradores masculinos destaca Manoel Balboa, rapaz labrego que expuso varios puntos do programa... ¡do P.G.! O acto rematou cantando todos de pé o Hino galego (167). Tamén os mozos de Marín, Vilaboa e Pontevedra, aproveitaron para dar mitins en Vilaboa, Domaio, Tirán e Arcade, de camiño para Redondela onde tivo lugar unha concentración comarcal da F.M.G., na que tomaron parte «irmáns» procedentes de Vigo, Figueirido, Lerez e Pontevedra (168). Menos condescendentes co P.G. son os celanoveses Emilio Ferreiro e Xosé Velo que participan xunto con Vicente Bóveda e M. Vázquez Martín nun acto de afirmación nacionalista promovido pola F.M.G. en Allariz (169). Como queira que a estas alturas de 1934 menudeasen as críticas a un P.G. proclive ás alianzas con forzas estatais, os partidarios de manterse unidos ós galeguistas adultos (entre os que estaba Ramón Piñeiro), movilízanse para contrarrestar tales mostras de discordancia. R. Aguilar sae a palestra de «A.N.T.» (170) para restarlle importancia ás diferencias entre os galeguistas mozos e vellos, aducindo que a común coincidencia nos obxectivos facía improcedente calqueira tipo de esgazamento (171). A todo isto a F.M.G. ten contactos coas mocedades nacionalistas do País Vasco, as cales excitan ainda máis os seus xa alporizados ánimos, relatándolles a represión que sobor dos patriotas vascos recaía, e da que os galegos nos se deberan sustraer se é que realmente querían acada-la liberación da sua terra (172).
     De todo isto deducimos que a actividade da F.M.G., sen ser excesiva, non xustifica o draconiano xuicio de parálise emitido por Illa, Alvariño e Ferreiro. Obedece este, máis ben, ó seu xuvenil pulo, e a tentativa de emular ás mocedades peneuvistas sen esquencerse dos destemidos escamots, que seguían en Cataluña a lima radical de Dencás.
     Sigamos dexergando a actividade pública da F.M.G. para ver se conquire sair do seu suposto entumecimento. O goberno Samper, so pretexto de evitar enfrentamentos, decretou a prohibición de que os menores de 18 anos actuasen na política. A F.M.G., como no podía por menos, dado o espírito belicoso nela reinante, non acata a orde e delo derívase o seu primeiro conflicto de orde público. Dous membros da Mocedade viguesa, Varela Baqueiros e Costas Fernández, cando espallaban unha folla patriótica o día en que se homenaxeaba a Emiliano Iglesias, toparon coa policía que non tivo reparo en efectuar varios disparos contra deles por darense a fuga en troques de obedece-Ia orde de alto. Non conqueriron fuxir e foron conducidos á comisaria onde permaneceron 24 horas detidos (173), tendo que recauda-Ias Mocedades cartos por suscripción, para pagar sendas multas de 10 pesos cada unha. Tamén sobor do Grupo de Coruña recaeron as iras gubernativas, por acordaren os seus membros, reunidos en xunta xeral adherirse ás actitudes de Cataluña (que preludiaban o vindeiro levantamento) e do País Vasco (174).
     Semella que conscientes de que o radicalismo da F.M.G. non lograba rebasa-lo campo da retórica verbalista, reproducen nun recadro de Guieiro o seguinte slogan: «Non faledes moito. FALAR E FACER» (175). Facer sí, pero facer ¿qué? A F.M.G. non se marca uns obxetivos políticos de inmediata consecución, carece de programa táctico, polo que a súa actuación é puramente doctrinaria e ideoloxista, a base de mitins, artigos e conferencias de propaganda nacionalista xenérica e algunha que outra concentración ou excursión para fortalece-los vincallos de irmandade, estando allea en gran medida ó acontecer político no que se debruzaban os partidos e as clases sociais en Galicia. Soamente facíanse eco dos problemas que afectaban ós dous restantes nacionalismos periféricos, polos ventos dos cales deixábanse arrastrar. Deste xeito, o clima de enfrentamento co poder central que imperaba en Cataluña en setembro de 1934, culminando na sublevación do mes seguinte, condiciona totalmente a política da F.M.G. Así, «Guieiro» daba a consigna de escreber letreiros nas paredes de toda Galicia (iso sí, sen: «manchar os nosos edifícios artísticos») que proclamasen a reivindicación da liberdade de Galicia, en termos de: «Viva Galiza Ceibe» e «Abaixo o centralismo» (176).
      O Grupo de Pontevedra, coa bendición da Segredaría Executiva, estábase a poñer en comunicación cos demais da comarca para organizar unha campaña de propaganda, con vistas á preparación dunha asamblea cívica pro-independencia de Galicia, na que se pretendía que interviran agrarios, estudiantes, obreiros, etc.
     Se mal andaban de tácticas políticas propias, non andaban moito mellor de recursos económicos. Taboada Tabanera reclamaba maiores contribucións ós Grupos, e a F.M.G. solicitaba o apoio financieiro dos emigrados, para remedia-la sua «anguriosa» situación. Este problema, xunto co dos exámes (xa dixemos que predominaban os estudantes), ralentizaba o activismo das Mocedades que, por outro lado, semellaba que ían respostando as chamadas do Segredario de Organización, Illa Couto, «escomenzando unha xeira de gran aitividade» (177). Duas cuestións acaparan a atención da F.M.G. neste momento: a creación dunha organización estudiantil de ámeto galego e os cruciais acontecementos vividos no País Vasco e Cataluña. Antes de comentar estes temas que operan na superficie aludamos a outro que ten lugar solapadamente. Un ano antes da escisión da Dereita Galeguista, na primavera de 1934, Vicente Risco, disentindo coa orientación de esquerdas seguida polo P.G., efectua unha manobra tendente a sustraer á F.M.G. da sua dependencia do P.G. O argumento invocado era a salvaguarda da pureza nacionalista, bastardeada no P.G. polas suas concomitancias con formacións de distinto signo. Para elo válese do seu ascendente persoal sobor dun fato de mozos ourensáns, ós que convence, e da correspondencia particular cun dirixente da F.M.G. tan cualificado como Fernández del Riego, ó que non logra persuadir, co que fracasa a sua tentativa (178).
     No eido estudiantil un grupo de universitarios galeguistas, membros da «Federación Universitaria Escolar» (178 bis), disconformes coa sua dependencia de Madrid, síntense con folgos dabondo para abandonala a fins do vran de 1934 —e non en 1932, como se ten dito— con vistas a crear unha organización estudiantil que abranguera os distintos niveis educativos, de obedencia galega. Crean, así, a «Federación de Estudantes Galegos», na que Xaime Illa xoga un papel protagonístico. A fundación tivo lugar curiosamente na «Casa del Pueblo» que tiña o P.S.O.E. en Vigo, onde previamente tiveron lugar reunións de estudiantes galeguistas, con algúns socialistas e mesmo tamén comunistas, que segundo Illa estaban alí máis ben en plan de infiltración. Os elementos de distinta significación á galeguista (179) propuxeron que se denominase «Federación de Estudantes Antifascistas», ó que se opuxo Illa, argüindo que a asociación de estudantes debería ser antes que nada de defensa dos intereses profesionais do estudantado, por riba das diferencias ideolóxicas, ainda que non se opuña a que se fixara unha declaración de incompatibilidade co feixismo.
     Os galeguistas conqueriron impoñer os seus criterios e a «Federación de Estudantes Galegos» nace ó escomenza-lo curso escolar 1934-35, cun programa de tipo meramente sindical ou profesional, pero marcado polos referentes ideolóxicos da doctrina galeguista. O programa é profusamente difundido (180), destacando do seu contido o postulado da galeguización do ensino, pola que entendían fundamentalmente a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, e a creación de cátedras permanentes de cultura galega, amén dun rosario de cuestións que ían dende a petición de autonomía «integral» para a Universidade, á creación de tódalas Facultades e degraos e, asimesmo, Escolas de Arquitectura, Veterinaria, Enxeñeiros e Peritos Agrónomos; tamén a adopción de certas medidas entre as que se especifican as tendentes a suprimi-lo clasismo no ensino («que o insiño seña un dereito: non un privilexio»), e a renovación pedagóxica («Renovación da enseñanza no orde moral e intelectual e xubilación do profesorado rutinario e inepto»). Con este programa as Mocedades Galeguistas agardaban que a nova organización estudiantil superase o impasse a que chegaran as outras existentes: «por haber sido llevadas en el apasionado oleaje de Ias luchas políticas a actividades no exclusivamente profesionales» e tamén por mor da dependencia dos estudiantes galegos dos seus compañeiros de fora de Galicia (181). A dirección da F.M.G. insta ós estudiantes galeguistas a pular a F.E.G., respetando escrupulosamente a sua independencia e carácter profesional (182), procurando que ingresaran nela varias asociacións autónomas de estudiantes que existían e outras novas que compría que se crearan. Taboada Tabanera pide que conmemorasen o 15 de outono a morte de Lousada Dieguez (183), cousa que non sabemos se chegaron a facer. Pero o que si fixeron as Mocedades de Pontevedra foi constituir nesa cidade a Asociación de Estudantes de Maxisterio, que pasou a formar parte da F.E.G.; realizaran xa funcións destinadas a recaudar fondes co fin de adquirir libros da Editorial «NOS», preparaban a escenificación teatral de «A fiestra valdeira» de Dieste, e actos en conmemoración de Pondal. Tamén no Instituto de Pontevedra estaban adiantados os traballos para crear unha asociación de estudiantes (184). Tras dunha fase de auxe inicial a F.E.G. debeu esmorecer, non volvendo a dar sinales de vida. É por demais sintomático que era maio de 1936 a F.M.G. falase de crear unha «Unión Galega de Estudantes». Pero diríamos que tamén centraban o interés da F.M.G. os sucesos de Cataluña e o País Vasco (185); temos así que publica un manifesto amosando a sua solidaridade con eses dous países, e especialmente coas suas organizacións xuvenís, que estaban en rebeldía descontra o poder central, incluindo tamén un chamamento á xente nova para que fixera outro tanto (186). Agora ben, en paradóxico contraste coa radicalidade verbalista, a sua práctica é ben máis moderada; nesta cuestión concretamente, non convoca ningunha manifestación, nin apela a calisquera outra forma contundente para testimuña-la súa solidaridade.
     Por outra banda, os problemas concretos merecían moi pouca atención da F.M.G. Soamente comentan os conflictos plantexados entre algún sector de Galicia e o poder central, silenciando os habidos entre distintos sectores e clases a nivel intragalego. Este último tipo de cuestións estaba claro que crebaban a desexada unión da nación galega, pero ainda os conflictos entre determinadas parcelas da sociedade galega e o Estado, non se producían á enteira satisfacción da F.M.G. Así, cando se desplazaron a Madrid sendas comisións «das forzas vivas», a protestar, unha pola supresión que fixera o goberno das escalas que nos portos galegos facía a súa compañía trasatlántica, e outra pola introducción de sardiña portuguesa que íase permitir pela costa sul de Andalucía para alivia-Ia sua crise, cando non había quen mercara a sardiña de Galicia, «Guieiro» comenta que non lle parecía mal ese movemento de comisións que producía beneficios parciais e repostaba ás necesidade de determinados sectores. Pero valoraba, tamén que, elo comportaba a postergación:


«[...] d-aquelas outras angueiras que por non ser concretamente de ningún estamento, clas ou entidas especiaes do noso país, sono auténticamente de todos como expresión do vivir coleitivo, nacional: Porque o intrés "total" da nosa economií -pesca, gandeiría, pequena propiedade rural- está encontrado dos dos "grandes intreses nacionales" trigueiros e vlivareiros, etc.» (187)


     Remataba facendo votos para que se constituise a «Comisión permanente da nosa protesta nacional», que sería a expresión patriótica da vontade de liberación colectiva de Galicia.
     As Mocedades seguían a colaborar na propaganda do P.G.; temos datos concretos neste senso referidos ás de Lugo (188) e Ourense. O Grupo desta localidade realizou unha excursión polos pobos de Toen, Moreiras, Mugares e Alongos, aproveitando para espalla-lo folleto de Risco sobor das ideas e fíns do Partido Galeguista. Promovía, tamén, a Mocedade de Ourense uns «círculos de Estudios», nos que se debatían temas como o do separatismo e o do caciquismo (189).
     Na xuntanza que celebrou o Consello Nacional do P.G. en Santiago, no mes de marzo de 1935, o Segredario de Mocedades, Iglesia Alvariño, expuso as molestias que tivera que soportar a F.M.G. por causa do decreto que prohibía ós menores de 18 anos formar parte de agrupacións políticas. O Concello acordou que constara en acta que a F.M.G. era só unha agrupación patriótica e cultural, totalmente autónoma e allea ás actividades políticas do P.G., e para mellor amparar ás Mocedades, evitando que quedaran cabos soltos, engadíu que a Segredaría de Mocedades do P.G. era soamente un departamento encargado de estimular nos mozos actividades patrióticas, sen ningún vencellamento xerárquico coa F.M.G. A ocasión para a corrente culturalista era enormemente propicia e Iglesia Alvariño fixo canto puido para que a F.M.G. levase a cabo actividades de tipo cultural e patriótico, ó marxe da política (190)
     Chegamos así ós vísporas da II Asamblea da F.M.G., feito que é aproveitado por Xaime Illa para facer balance do camiño recorrido (191). Sinala que a F.M.G. no ano de vida que levaba de existencia fixera o que tiña de facer; non fora esta etapa inicial, de indecisión —como dixera Vázquez Martín—, nin de literatura e ensoño —segundo criticara Ferreiro— senon de preparación a afincamento. O cabo, vía ben que a F.M.G. non irrompira na vida de Galicia nada máis nacer, dando en troques os seus primeiros pasos con mesurado andar, apalpando as tebras. Ollamos, xa que logo, un Illa recapitulador, cun talante máis ponderado, pero que non atina a sinalar as vacilacións e contradiccións da F.M.G. Non era a menor destas que cando numerosos artigos en «Guieiro», e a propia dirección, refugaban a antinomía dereitas/esquerdas (dereitistas e esquerdistas son «os raposos de Castela», dicía un afiliado á F.M.G.), e a política de alianzas, as Mocedades de Monforte, por exemplo, organizan un acto conmemorativo dos «Mártires de Carral» ó que asisten representantes de lzquierda Republicana (192). As Mocedades, tanto cando dependeu do P.G., como cando son soberanas, non resolven (e nin siquera plantexan) a contradicción que supuña propugnar no plano teórico a actuación isolada dos nacionalistas e colaborar na práctica con outras forzas, tanto na F.E.G., como na actividade política xeral, ó secundar —de feito— a política de alianzas do P.G.


   4.9.2. A. F.M.G. baixo os auspicies de Xosé Velo (V-1935/V-1936)

     A nova dirección saída da II Asamblea, que comandaban Velo e Ferreiro, vaise atopar cun problema organizativo derivado da indefinición a este respecto do congreso da F.M.G., por non ter chegado a unha solución de síntese entre as tendencias centralizadora e ultrademocratista. A excesiva ideoloxización dos mozos asambeístas impedíu tamén que a II Asamblea elaborara un plan de actuación, tendo que abordar tal empresa o novo Consello Nacional, para o cal pide ideas ós Grupos. Como orientación xeral a nova dirección tentaría que a erudición e a literatura deixaran paso: «ao sentimento e ao coraxe» (193).
     A F.M.G. non remataba de camiñar por un novo sendeiro. voltamos a atoparnos coa práctica característica da anterior etapa: coros que interpretar cancións folklóricas, cadros de declamación, posta en escea dalgunhas pezas teatrais de ambiente galego, conferencias, de cando en vez algunha excursión polas aldeas dando algún mitin e espallando por elas a literatura galega, concentracións...
     Sen dúbida o acto máis destacado foi a concentración da F.M.G. en Celanova, coroada por un mitin no teatro Curros Enríquez, no que interviron como oradores Nogueira, Illa Couto, Vicente Bóveda, Xosé Velo e Del Riego. Rematado de cantar o Hino galego, organizouse unha «procesión cívica» ata a casa onde naceu Curros, na que participaron —segundo «A.N.T.»— 4.000 persoas (194). Ainda con maior énfase ponse como exemplo a seguir ás xuventudes nacionalistas vascas e catalanas, destacando delas a sua envexada combatividade, que as levaba a seren as veces violentas e a afrontar persecucións (195). A pesares de que algúns membros da corrente conservadora xa se tiñan esgazado (en Pontevedra, como axiña ollaremos) os que permanecían deberonse sentir fondamente alritados cando dende «Guieiro» critican con, bastante dureza o chamamento feito polo Papa ós católicos de todo o mundo, e en especial ós de Inglaterra e Francia, para que aceptasen e defendesen as peticións de ensanche territorial de Italia. A crítica, feita dende supostos cristiáns, ía dirixida ó apoio do Pontífice romano ó expansionismo italiano, considerado polo P.G. e polas Mocedades, como imperialista (196). O ano 1935 transcurre coa celebración dalgúns mitins e conferencias, nas que verquían as manidas críticas ó Estatuto (197) e a pseudo-división entre dereitas e esquerdas. Casares, Portela e Basilio Alvarez, son tamén obxeto do exabrupto das Mocedades por acordárense só de Galicia cando se trataba de pedir votos (198). O único destacable é o secuestro de «Guieiro» por dous soltos. Nun deles describíase a situación de postración da España do segundo bienio, rematando por aseverar enfáticamente que o galego que referíndose a esta España, berrase «¡Viva Españ!», era un malvado ou un parvo. No outro dicían que se por España se entendía a do bienio radical-cedista, ou a dos intres históricos nos que consideraban que se tiñan cometido atentados contra Galicia, sentíanse orgulosos de que os chamaram a «anti España». «A.N.T.» os reproduce literalmente e manifesta a sua solidaridade con Emilio Ferreiro, detido en calidade de director da publicación secuestrada (199). Este radicalismo verbalista non chega a traducirse nunha práctica violenta. Soamente coñecemos unha excepción a isto. Segundo Pousa Antelo (200), chegou a haber un enfrentamento entre a Mocedade galeguista santiaguesa e un grupo de feixistas á altura de 1935, máis ou menos, sen que poidéramos obter máis precisións cronolóxicas.
     Do ano entrante, o máis destacado foi o acto de afirmación nacionalista na zona sudoeste de Galicia, onde se celebraba por primeira vegada un mitin de F.M.G.; falaron: Del Riego, Taboada Tabanera e Raimundo Cal. Estaba previsto que seguisen os actos por Bueu, Figueirido, Baión, A Cañiza, Ramallosa, etc. (201). Tamén a conmemoración en Ourense, e noutros pobos, do 452 cabodano da morte de Pardo de Cela, enaltecido en calidade de herói nacional oposto á política centralizadora dos Reis Católicos; en lembranza súa, a Mocedade de Ourense espallou nas rúas e pegou nas paredes varios milleiros de follas (202). Sen dúbida o máis interesante e ilustrativo é a actitude da F.M.G. na conxuntura electoral de febreiro de 1936, pero antes de aludir a ela convén que nos remontemos a uns feitos anteriores. A Segredaría Executiva que conducía Velo acordara arredarse do P.G., como xa víramos, non sen ter que afrontar críticas da corrente pro P.G., que tiña como cabeza visible a Xosé B. Pazos, quen repetidas vegadas (203) aboga porque a F.M.G. seguise unha táctica esquerdista, en consonancia coa do P.G., formando parte dun frente de Mocedades paralelo ó dos partidos. Propugna, ademais, que a F.M.G. asumise non soamente a liberación nacional de Galicia, senon tamén a social («a explotación dos da casa»), entendendo que a inhibición e retraimento neste eido era a causa de que non se implantase na mocedade traballadora. En calquera caso o arredamento organizativo e formal, máis que cabalmente fáctico, da F.M.G. verbo do P.G. tivo que contribuir en gran medida a que caseque non repercutise nela a escisión de D.G. Únicamente era Pontevedra, segundo os datos que temos, producíronse baixas importantes, abandonando a Mocedade local algúns dos seus fundadores para integrarse na D.G. de Pontevedra. O núcleo restante, fidel a F.M.G., tivo que se reorganizar pasando a denominarse «Xuventude Nacionalista de Pontevedra» (204). A tenor das declaracións do órgano oficial das Mocedades, todo parecía indicar que a F.M.G. non apoiaría ó P.G., na campaña electoral de febreiro. En efecto, nun editorial (205) anunciara que non seguirían a ningún partido, por máis que fora de ámeto galego, que levara no seu programa a autonomía, razonando que á F.M.G. compríalle seguir, máis que unha posición política, unha actitude patriótica. Pero chegado o momento da campaña electoral de febreiro de 1936 todos estes esquemas choutan polo aire. A F.M.G. actúa ser un criterio unificado; a meirande parte dos Grupos colaboran na campaña do P.G., e os mesmos dirixentes Velo e Ferreiro, que dicían estar contra as alianzas e contra a autonomía, participan nos mitins do distrito de Celanova que lle fora asignado ó P.G., segundo a distribución feita polo Frente Popular na provincia de Ourense (206). Pola contra, un amplio sector das Mocedades de Ourense capital, non quixo colaborar na campaña, aducindo que os socialistas eran máis centralistas que Calvo Sotelo, polo que se negaron a traballar con eles (207). Tras das eleccións asistimos a unha nova paradoxa; despois de colaborar a F.M.G. na campaña do F.P., o editorial de Guieiro declara que non se fía do proclamado autonomismo das forzas triunfantes, por considerar que xa traicionaran á autonomía nas primeiras Cortes da República, e que por conseguinte adoptaría unha posición expectante (208). Sorprende, ademais do que xa se dixo, que despois de combatir ó Estatuto, queiran agora que o F.P. o faga viable. Damos a isto duas posibles interpretacións: ou ben a dirección da F.M.G. era pragmática na realidade a soamente intransixente na teoría, ou ben Guieiro escapaba ó control da Segredaría Executiva. Neste improbable caso, o distanciamento verbo da dirección, non sería atribuible ó seu director. Castro Arines, por non ser era a sua postura, senon ó amplio núcleo da Mocedade de Ourense, onde residía a redacción de Guieiro, que se negou en todo momento a colaborar na campaña. Do que non temos dúbida e de que a confusión no seo da F.M.G. non era nada desdeñable, dandose bastantes situacións de doble militancia, nas Mocedades e no P.G. (o caso de Ramón Piñeiro, por exemplo (209)) e nas Mocedades e D.G. Precisamente a clarexar esta situación, establecendo unha actitude diáfana verbo do P.G. e D.G., nortéase un dos puntos do orde do día da III Asamblea. Pero antes de examinar o que alí aconteceu vexamos o balance que fan da actividade da F.M.G. os seus propios integrantes, por certo que fixándose máis no pleno cuantitativo que cualitativo. Tanto V. Buxán Rivas, como Clodomiro R. Prenta, coinciden en que a inactividade da primeira etapa prolongárase nesta última, sinalando R. Pronta que a paralización da F.M.G., ademais de desanimar ós seus afiliados, impedíu que ingresaran os simpatizantes, botando contas que os mozos galeguistas non eran máis que un batallón de intelectuais ou «chicos listos» entregados ás lucubracións literarias (210). O propio editorial de «Guieiro» (211) valora que a F.M.G. non funcionou, excepción feita dalgúns Grupos, coa enerxía necesaria, opinión que comparte o Segredario Xeral, Velo, aducindo que elo sucedeu a pesares dos esforzos da Segredaría Executiva por dinamizala, e que a causa non era outra que o mal funcionamento organizativo, ó que compría poñer definitivo remedio. Sumábase a elo a necesidade sentida de sair da actitude «confusa e arbitraria» que mantiña a F.M.G. respecto do galeguismo, que se recoñece como plural e heteroxéneo (212). Como podemos ollar, son xa moitas as cousas que compría resolver, e para elo nada mellor que celebrar a III Asamblea ordinaria da F.M.G., coa que escomenza a derradeira etapa.


   4.9.3. A decantación autonómica da F.M.G.

     Os delegados («persoeiros») dos distintos Grupos de Mocedades axuntáronse no salón de actos do local do P.G. en Ourense, para celebrar a III Asamblea da F.M.G. Elíxese unha Mesa encargada de goberna-los traballos congresuais, presidida por Xohán Lois Ramos, a quen o acompañan X. Ferro Couselo, Claudio G. Laso, Xosé Lois Fontenla, Antón Miguez, Marino Dónega e Blanco Quintela. No orde do día un apretado temario que resultaría máis propio dunha asamblea de constitución que dunha ordinaria; en efecto abranguía cuestións tales como o contido e a interpretación do galeguismo (é dicir: programa; lembrémonos de que carecía del), táctica, posición da F.M.G. verbo dos demais sectores do galeguismo e, ó cabo, Estatutos. Nada máis escomenzar o congreso (213), Xaime Illa, que tería un gran protagonismo, propuxo que lle fora concedida voz e voto nas deliberacións, ós mozos nacionalistas que ocupaban cargos directivos nas organizacións de Dereita e Partido Galeguista, aténdose ó seu carácter de constituinte. Opúxose a elo Meixide preconizando que soamente tivesen voz, o que foi aprobado. Deseguida informa Illa do nacimento e espírito que informaba a un novo grupo do que era membro: «Onda» («Orden Nacionalista de Avanzada» ), e como queira que ían pasar a discutir a posición da F.M.G. verbo das organizacións nacionalistas, a Presidencia procede á lectura dos informes («inquéritos») que aquelas presentaban. Polo P.G., presentaron comunicación Plácido R. Castro, Bóveda e Lois Poza, abogando por unha postura de esquerdas dentro do nacionalismo. Pola D.G. leuse un informe de Filgueira Valverde, preconizado: «un movimento tipicamente tradicional e galego, dentro da ortodoxia nacionalista». O cabo, Alvaro Cunqueiro e Raimundo Aguiar crebaron unha lanza a prol dun: «nacionalismo integral, totalitario, nemigo do marxismo como contrario âs nosas esencias tradicionais». Escomenza o debate coa intervención de Remixio Gándara, quen considera que as loitas suscitadas entre as dereitas e mailas esquerdas respostan a problemas alleos a Galicia; censura tamén ó P.G. e á D.G. por introducir esa división no galeguismo, traicionando unha actitude de pureza nacionalista, entendida no senso culturalista, pola que aboga. Tercia logo Emilio Ferreiro, con quen coincide Cesáreo Muñiz, para amosarse conforme cos principios do P.G., pero fai constar o seu desexo de que fose sustituido o de «Galiza, pobo autónomo», por «Galiza pobo ceibe»; sen esa reserva, apoia ó P.G. o representante coruñés, Gómez Pedreira. Argumentan en contra Taboada Tabanera, Vidal Rei e M. Vázquez Martín, que sintonizan coa postura de Filgueira Valverde, pretendendo que as Mocedades se declarasen tradicionalistas, confesionais católicas e antimarxistas; desaproban, pola contra, a pretensión de Filgueira de que a F.M.N. estivese orientada por un corpo consultivo de vellos nacionalistas. Tras expresar Castro Arines as súas reticencias verbo da expresión «nacionalismo tradicional», toma a palabra Vicente Bóveda para defender unha postura de neutralidade relixiosa e urxi-la elaboración dun programa que permitira o ingreso das masas obreiras nas fías das Mocedades. Antes de que suspéndese o debate para que poidese informar a ponencia, Antón Moure e X. Nogueira preconizan un nacionalismo intransixente e que empregase unha táctica revolucionaria. Como podemos ollar, as distintas cuestións (problema relixioso, alianzas e táctica) entremistúranse no debate sen orde nin concerto. De todolos xeitos, axiña ficou claro que a postura de galeguismo confesional, auspiciada por Taboada Tabanera, estaba era franca minoría. Tras aprobárense os Estatutos das Mocedades, pasouse a discutir se compría pronunciarse polo separatismo ou non. A prol do arredismo argumentan Remixio Gándara, Sánchez García, Xosé Velo, e era contra o fan Castro Arines, Xohán Lois Ramos, Vázquez Martín, Cesáreo Muñiz e Illa Couto, fundamentando algúns a súa posición en base a criterios doctrinais (o arredismo era considerado oposto ó senso de universalidade do galeguismo) e outros por motivos de oportunidade política. Posta a votación triunfan os contrarios ó separatismo obtendo 439 votos, contra dos 331 conqueridos pelos arredistas. Dempois, Xaime Illa conquire que fosen aprobadas unhas bases para a elaboración do programa das Mocedades, pero non logra que prospere a barroca denominación de «Pirmeira Unión de Mocedades pol-a Patria; Orde Nacionalista de Avanzada», acordando a Asamblea que a F.M.G. pasase a denominarse «Federación de Mocedades Nacionalistas». Apróbase tamén a proposta de estimula-Ia reorganización dos grupos «Ultreya», e outras de menor importancia. Supuxo un claro triunfo para o P.G. o acordo da Asamblea de apoiar ó Estatuo de autonomía, e permiti-Ia continuidade —no marco dun criterio flexible— dos afiliados á F.M.N. nos postos que ocupaban nos comités do Frente Popular. Rematada a sesión de clausura cos Hinos de Galicia e Alfredo Brañas, organizouse unha manifestación que percorreu as rúas ourensáns.
     As conclusións da III Asamblea da F.M.N. foron consideradas acertadas polo P.G., a quen non lle parece mal que as Mocedades ratificaran a sua autonomía orgánica e disciplinaria, ó que obedecía tanto o troque de nome como o feito de que na sesión de Clausura interviran soamente oradores das Mocedades. Comenta, con sobrada razón, que o arredamento organizativo non fora endexamais óbice para que as Mocedades colaboraran conxuntamente co P.G., e remata facendo votos pela continuidade da unidade de acción (214).
     Polo que sabemos, e como polo demais é lóxico supoñer, D.G. no se debeu sentir moi satisfeita cos acordos da F.M.N. Polo pronto, a cabeza máis visible da corrente conservadora e integrista, Taboada Tabanera, escrebe no «Heraldo de Galicia» que a F.M.G. morreu asesinada «[ ...] con follas do "Socialista", o "Liberal", i o "Heraldo de Madrid" (215), frase que fora escrita por Filgueira e asumida por D.G., para significar a dependencia do P.G. verbo dos centros de decisión madrileños. Despois de dicir tales cousas, non semella aventurado conxeturar que Taboada Tabanera e probablamente algúns outros da sua mesma tendencia derrotada, abandonaram a F.M.N.
     As Mocedades, cumplindo cos seus acordos, colaboran intensamente na campaña do plebiscito do Estatuto, recaendo o peso da campaña nalgunha provincia —como a de Lugo, na que Ramón Piñeiro era Secretario provincial do Comité do Estatuto (216)— na F.M.N. Aprobado o Estatuto escomenza a laboura de reorganización; en Tui os «Ultreias» fan unha excursión na que se plantexa a sua reestructuración; na zona de Ourense celébrase o 7 de xullo unha Asamblea de persoeiros das distintas Mocedades da comarca, co obxectivo de constitui-Ia Segredaría Executiva da Zona, dacordo cos novos Estatutos da F.M.N. Guieiro preparaba un número extraordinario para conmemorar o Día de Galicia, pero denantes de que chegara o 25 de xullo de 1936 interpúxose o levantamento militar.





NOTAS:


(63) Guieiro, 15-XII-1935, páx. 2.
(64) Guieiro, 1-XI-1935, páx. 1. Non nos deben levar a confusión algunhas declaracións, insufladas de retórica, que aluden a que son unha organización revolucionaria. Así tras da III Asamblea, manifesta o Editorial de «Guieiro» que a F.M.G. era: «un movimento revolucionario»; realmente non o eran a pesares das frases «epatantes» e estridentes, máis que reformistas, e elas mesmas o veñen a dicir cardo se refiren a que a revolución que propugnan, é «unha revolución nosa» destinada a rematar «[...] cas loitas internas da nosa Patria, que non deixe medrar doutriñas alleas â nosa natural idiosincrasia e tradición». Guieiro, 1-VI-1936, páx. 1. Como se pode ver, trátase dun revolucionarismo ben pouco ambicioso e moi «tradicionalista».
(65) A.N.T., 15-IX-1934, páx. 3.
(66) Foi proposto por Manoel Beiras A.N.T., 20-IV-1935 e aprobado pola III Asamblea da F.M.G.
(67) Guieiro, 15-III-1936, páx. 2. Neste senso dicían ser nemigos, non de España en xeral, senon concretamente «da Hespaña que esnaquiza nosa economía e condena aos nosos labregos a fame a miseria»; Guieiro, 1-XII-1935, páx. 3.
(68) Vide por exemplo Guieiro n.° 13, A.N.T., 30-III-1935.
(69) A crítica da antinomia dereitas/esquerdas repítese constantemente; vide por vía de exemplo Guieiro n.° 8, A.N.T., 23-II-1935 e Guieiro n.° 10, A.N.T., 9-III-1935.
(70) Guieiro, XI-1935, páx. 3. Non é casualidade que escolleran o vocablo «Guieiro», que alude claramente ó que guía e dirixe, como tíduo para o seu voceiro oficial.
(71) A.N.T., 14-IV-1934.
(72) A.N.T., 8-IX-1934.
(73) Guieiro, 15-XI-1935, páx. 6.
(74) Guieiro, 1-XII-1935, páx. 3.
(75) A.N.T., 15-IX-1934, páx. 3.
(76) Guieiro n.° 2, A.N.T., 8-IX-1934.
(77) Esta é outra das notas distintivas das Mocedades verbo do P.G.; frente o escrupuloso democratismo e respeto fidel pola legalidade constitucional do P.G., o choutar por riba de toda norma da F.M.G.
(78) Palabras pronunciadas por C. Emilio Ferreiro nun mitin en Celanova; glosadas en Guieiro, XI-1935, páx. 3.
(79) Así cando co gallo do 25 de xullo a Mocedade pontevedresa non puido celebralo acto previsto, espallou unha folla que contiña párrafos deste tenor: «Temos de ir cara a revolución. Cara unha revolución sanguiñenta, tráxica e groriosa que nos redimirá», «F.M.G.» , A.N.T., 4-VIII-1934, páx. 3. Tamén resulta moi ilustrativo deste vehemente patetismo o seguinte solto aparecido en Guieiro, impreso en grosos caracteres tipográficos: «Estar disposto a morrer pol-a Patria, con ser moito non é todo. Por ela hai que estar disposto a matar». Guieiro, 15-I-1936, páx. 3.
(80) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago, 22-V-1978.
(81) X. Velo Mosquera era cecais a figura de maior relevo, chegando a ser elexido Secretario Xeral da F.M.G. na II Asamblea; Ramón Piñeiro nolo describe como gran orador, moi exaltado e radical, e capaz de exercer un poderoso influxo nas Mocedades. Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago, 22-V-1978. Posteriormente, foi un dos dirixentes do «Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación», participando, xunto co capitán Galvão, no secuestro do barco portugués «Santa María». Harmut Heine, A guerrilla antifranquista en Galicia, E.X.G., Vigo, 1980, páx. 83.
(82) Guieiro, 15-III-1936.
(83) A.N.T., 25-VII-1934.
(84) Por exemplo no Guieiro correspondente o 15-XII-1935, pp. 3, 4, reprodúcese un artigo tomado de «A Fouce», no que se propugna a independencia e a adopción de tácticas agresivas e violentas.
(85) Este é un rasgo común a tódalas tendencias, menos á marxista. A maioritaria, ainda que colabora coa esquerda nas eleccións de febreiro de 1936 e na campaña do plebiscito do Estatuto, rexeita no plano doctrinal a división dereitas/esquerdas. Difire, pois, en que non é sectaria na sua práctica, e sí, en cambio pragmática.
(86) Así dicía: «Pra o logro de tal idearium o nacionalismo galego non ten realizado ainda o xesto definitivo que poidese garantir a eisistencia da nosa independencia nacional»; A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 3.
(87) Nun dos seus innumerables artigos, aboga pola socialización da producción. Fala ademais dun futuro igualitario no que desaparecerían as clases e toda outra discriminación; pero todo elo cunha gran ambigüedade, que donota que a sua postura distaba de ser taxativamente marxista; A.N.T., 25-VII-1935.
(88) «Nacionalismo político i-espiritual»; A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 3.
(89) Artigo publicado por Del Riego en A.N.T., 21-IX-1935.
(90) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago, 22-V-1978.
(91) Así o expresa Taboada Tabanera en Guieiro n.° 12; A.N.T., 23-III-1935.
(92) Nisto hai unha pequena división. A maioría, seguindo a Illa rexeita o pluripartidismo; pero hai tamén un grupiño, entre os que estaban Tabanera, Vázquez Martín e Vidal Rei, que son partidarios dunha orientación francamente dereitista, seguindo as pautas marcadas por «Dereita Galeguista».
(93) Vide crónica da III Asamblea da F.M.G.; Guieiro, 1-VI-1936, pp. 2, 3.
(94) Este perteñecía ó P.G., pero por ser o delegado deste na F.M.G., exerce nela un gran influxo, como tamén o exerceu Cunqueiro, que era bastante novo, e por elo tiña estreitas relacións amistosas con moitos membros da F.M.G.
(95) Guieiro, 1-XII-1935, páx. 4.
(96) Guieiro, 15-I-1936, páx. 3.
(97) Declaracións de Fernández del Riego; Vigo, 5-VII-1980.
(98) Este estaba ademais moi próximo o P.G.; delclaracións de Ramón Piñeiro; Santiago, 22-V-1978.
(99) Declaracións de Fernández del Riego; Vigo, 5-VII-1980.
(100) «Xuntanza do Primeiro Consello Nacional da F.M.G.»; Guieiro, 24-III-1934, páx. 2.
(101) A.N.T., 25-VIII-1934.
(102) Vide Anexo Doc. 17.
(103) A.N.T., 1-VI-1935.
(104) Ibídem.
(105) Guieiro, 1-XI-1935, páx. 1.
(106) Illa, «No plano de aición da Mocedade»; A.N.T., 15-XI-1935, páx. 3. O único pequeno e diplomático reproche que se percibe nas páxinas de A.N.T., (6-XII-1935), do P.G. ás Mocedades, ven dado co gallo de algúns artigos aparecidos no número 3 de Guieiro, que os galeguistas adultos consideraban que carecían de «senso constructivo».
(107) A.N.T., 1-VI-1935.
(108) Guieiro, 15-I-1936, páx. 1.
(109) Editorial de Guieiro, 15-I-1936, páx. 1.
(110) Solto impreso en grosos caracteres aparecido en Guieiro, 15-I-1936, páx. 3.
(111) Editorial de Guieiro, 1-I-1936, páx. 1.
(112) «O Estatuto de Galiza, será un meio pra conquerir o fin das doutriñas nacionalistas. Será o ponte que no poña na beira ledizosa da liberdade. A loitar pois por il, tódol-os nacionalistas da Terra»; Guieiro, 1-VI-1936, páx. 2.
(113) Guieiro, 1-VI-1936, páx. 1.
(114) Guieiro, 1-V-1936, pp. 3, 4.
(115) Guieiro, 1-VI-1936, páx. 3.
(116) Guieiro, 15-XI-1935, páx. 3. Estes principios programáticos pertenecían ó P.G. As veces as Mocedades exprésanse como un remedo do partido dos galeguistas adultos; así por exemplo nun escrito da organización xuvenil non din querer unir a tódolos mozos galegos, ¡senon a tódolos galegos!; Guieiro, 1-XII-1935, 6 e na campa- páx. 1.
(117) A.N.T., 2-XI-1935.
(118) «F.M.G.»; A.N.T., 23-VI-1934, páx. 1.
(119) Ibídem.
(120) «Páxina das Mocedades»; A.N.T., 14-VII-1934.
(121) A.N.T., 24-III-1934, páx. 2.
(122) A.N.T, 9-VI-1934, páx. 3.
(123) A.N.T., 7-VII-1934.
(124) A.N.T., 25-VII-1934.
(125) A.N.T., 1-IX-1934.
(126) Guieiro, n.° 3; A.N.T., 15-IX-1934, páx. 3.
(127) Así o revela o propio Víctor Casas en carta a Bóveda firmada en Pontevedra a 7-V-1935; Arquivo do P.G.
(128) Guieiro, n.° 9; A.N.T., 2-III-1935.
(129) A redacción estaba ubicada en Luis Espada n.° 24.
(130) «F.M.G.»; A.N.T., 14-IX-1935.
(131) Así o declara o propio periódico; Guieiro, 1-VI-1936, páx. 3.
(132) Que estaba afiliado ó P.G., do que, na primeira época, era delegado na F.M.G. Así e todo escrebe asiduamente en «Guieiro» e exerce un gran influxo nas Mocedades Galeguistas.
(133) A.N.T., 12-X-1935.
(134) «A cultura galega hoxe en día»; NOS, n.° 115, 25-VII-1933, páx. 104.
(135) «Os homes, os feitos, as verbas»; NOS, n.° 100, 15-IV-1932, páx. 71.
(136) O n.° 2 de «Universitarios», aparece comentado en «Os homes, os feitos, as verbas»; NOS, n.° 112, 15-IV-1933, páx. 72.
(137) Puidemos consultar varios na colección particular de Alfonso Vázquez Monxardín e no Arquivo do P.G.
(138) Polo demais esta mesma etapificación foi a que seguimos no apartado correspondente a estratexia e a táctica da F.M.G.
(139) Veleiquí o primeiro «Consello Nazonal» que resultou elexido no Congreso fundacional:
     S. Executiva: S. Xeral, Del Riego; S. Organización, Xaime Illa; S. Técnico, Xosé L. Fontenla Méndez (Pontevedra); S. Propaganda, Xoán L. Ramos Colemán (Ourense). Conselleiros polas comarcas de: Ourense, Vicente Bóveda; Celanova, Xosé Velo; Lugo, Ramón Piñeiro; Viveiro, Xosé Ramón García Chao; Coruña, Xenaro Mariñas del Valle; Santiago, Francisco Ogando Vázquez; Negreira-Barcala, Avelino Pousa Antelo; Pontevedra, Xosé Alvarez Blazquez. (A.N.T., 30-VI-1934).
(140) «Arenga»; A.N.T., 26-V-1934, páx. 3.
(141) A.N.T., 25-VIII-1934.
(142) Ibídem.
(143) «¡Presentes! Pra X. Illa Couto»; Guieiro, n.° 2, A.N.T., 8-IX-1934.
(144) «La galleguización de Ia Universidad»; E.P.G., 12-IV-1931, páx. 1.
(145) Así se afirma en E.P.G., 16-IX-1932, páx. 7.
(146) «Scholarum»; E.P.G., 1-V-1931, páx. 1.
(147) A.N.T., 2-X-1933.
(148) A.N.T., 24-VI-1933.
(149) Francisco Fernández del Riego, «Galeguismo-Cultura-Universidade»; Heraldo de Galicia, 23-I-1933, páx. 1.
(150) «Un Manifiesto dos Estudantes da F.U.E.»; A.N.T., 10-II-1934.
(151) Ibídem.
(152) A.N.T., 16-X-1933.
(153) A.N.T., 30-VI-1934.
(154) «F.M.G.», A.N.T., 2-VI-1934, páx. 1.
(155) A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 3.
(156) A.N.T., 7-VII-1934, páx. 3.
(157) A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 3.
(158) A.N.T., 24-II-1934 e A.N.T., 3-111-1934.
(159) «Eis o camiño»; A.N.T., 9-VI-1934, páx. 1.
(160) A.N.T., 30-VI-1934; Tamén: Taboada Tabanera, «Os pelerinaxes da mocedade», A.N.T., 7-VII-1934, páx. 3.
(161) Conmemorábase en tal data o levantamento de 1846, promovido polo comandante Solís. Murguía, Carré Aldao e Tettamancy, atribuíronlle un carácter popular co obxectivo fundamental de conqueri-la liberación de Galicia, e con esta acepción parou a convertirse nun dos máis agarimados mitos do nacionalismo galego. Investigacións máis recentes ven en tal movemento unha confluencia de distintos sectores e aspiracións, predominando os que postulaban o cambio de réxime e a caída de Narváez, por sobor dos que anceiaban un poder autonómico para Galicia (Faraldo, Romero Ortiz, etc.). Vide encol desta cuestión Barreiro Fernández, X. R., El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo, Pico Sacro. Santiago, 1977.
(162) O discurso titulado «Berro en Lembranza aos heróis de Carral», foi publicado concretamente pola «Seición de Educación cultural e patriótica» do Grupo da F.M.G. de Pontevedra; A.N.T., 16-VI-1934, páx. 1.
(163) «Notas y noticias de Ia actividad electoral», Heraldo de Galicia, 8-XI-1933, páx. 4.
(164) A.N.T., 24-III-1934, páx. 2.
(165) Emilio Ferreiro Míguez, «Verbas da Mocedade. Novos Camiños»; Heraldo de Galicia, 28-V-1934, páx. 1.
(166) A.N.T., 3-III-1934.
(167) «Mitin galeguista en Cobas»; A.N.T., 23-VI-1934, páx. 1.
(168) A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 3.
(169) A.N.T., 11-VIII-1934.
(170) A.N.T., 25-VII-1934.
(171) Ibídem.
(172) Ibídem.
(173) A.N.T., 8-IX-1934.
(174) «Outro atropello a F.M.G. dos lacaios do Goberno», Guieiro n.° 4; A.N.T., 22-IX-1934, páx. 3.
(175) Ibídem.
(176) «Editorial e Consiña»; Guieiro n.° 4; A.N.T., 22-IX-1934, páx. 3.
(177) Taboada Tabanera, «Un pouquiño máis»; Guieiro n.° 4, A.N.T., 22-IX-1934, páx. 3.
(178) Vide o artigo do propio Del Riego, que firma co pseudónimo de Salvador de Lorenzana, «O galeguismo ideolóxico de Vicente Risco»; Grial, n.° 63, I/III-1979, pp. 56/66.
(178 bis) Axiña poderáse consultar para isto, a tese doutoral de Varela, Isaura, La Universidad de Santiago, 1898-1936, dirixida polo profesor Jesus Mª Palomares Ibañez.
(179) A actuación dos cales Illa valora negativamente; «mais ben chafaron», dicíanos. Declaracións de Xaime Illa Couto, Vigo 9-IX-1980.
(180) Aparece publicado no Guieiro n.° 6, e comentado, por exemplo, por Del Riego en A.N.T., 9-II-1935, páx. 4, e en Raza Celta, de Montevideo, XI-1934, páx.
(181) Raza Celta, XI-1934, páx. 9.
(182) «Consiñas pra os Grupos»; Guieiro n.° 6; A.N.T., 9-II-1935, páx. 3.
(183) A.N.T., 8-IX-1934.
(184) «F.E.G. A sua constitución en Pontevedra»; A.N.T., 23-II-1935, páx. 4.
(185) O conflicto entre o Goberno central e a comunidade autónoma catalana estalou en xuño cando foi aprobada por esta unha lei de reforma dos arrendamentos agrarios que permitía ós rendeiros adquirir títulos sobor da terra; tal medida provocou a oposición dos conservadores cataláns e foi, ó cabo, declarada anticonstitucional polo tribunal supremo. As forzas catalanistas de esquerda protestaron rexamente, conquerindo que os diputados nacionalistas vascos abandonaran as Cortes en solidaridade con eles. Deste xeito xestouse o clima que fixo posible a insurrección de Cataluña en outono. Así como en Cataluña xurdía a facción radical de «Estat Catalá», tamén no País Vasco escindírase en 1932 un sector extremista do P.N.V., composto de xóvenes, principalmente capitaneados par Elías de Gallástegui, que publicaba o periódico «Jagi Jagi» («Alzaos»). Ademais da repercusión que no País Vasco tivo o problema catalán, constribuiron a caldea-lo ambiente as exencións fiscais sobor do viño, aprobadas polas Cortes, que foron consideras lesivas, e a negativa do Goberno a convocar eleccións provinciais; os nacionalistas desobedeceron e con tal fin celebraron asambleas especiais de consellos municipais, facéndoas coincidir con homaxes públicos a Maciá. O propio tempo apareceron en Vizcaia pasquíns reclamando a independencia nacional. Convocada logo unha asamblea de representantes de concellos en Zumárraga, o Goberno tentou de impedila, sen conquerilo, celebrándose coa participación de parlamentarios nacionalistas vascos e cataláns, amén de socialistas. As represalias gubernativas sobor dos funcionarios municipais suscitaron novos actos de protesta e o requeremento á minoría parlamentaria vasca para que abandonase o Parlamento en sinal de protesta. A toda esta problemática viría a sumarse a insurrección socialista. Para esta custión vide Stanley G. Payne, El nacionalismo vasco, Dopesa, Barcelona 1974; pp. 165/168.
(186) A.N.T., 15-IX-1934, páx. 3.
(187) «Gaceta nacional»; Guieiro n.° 9; A.N.T., 2-III-1935, páx. 3.
(188) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago 22-V-1978.
(189) «Laboura da M. D'Ourense»; Guieiro, n.° 12; A.N.T., 23-III- 1935, páx. 3.
(190) «Importante xuntanza do noso Consello Nazonal»; A.N.T., 30-III-1935, páx. 2.
(191) Illa, «Indice»; Guieiro n.° 15; A.N.T., 13-IV-1935, páx. 3.
(192) A.N.T., 11-V-1935.
(193) A.N.T., 1-VI-1935.
(194) A.N.T., 19-X-1935.
(195) «Galeuzca»; Guieiro, 15-XI-1935, pp. 1, 2.
(196) «A nota discordante»; Guieiro, 15-XI-1935, páx. 4.
(197) «Arredor da política»; Guieiro, 1-XII-1935, páx. 1.
(198) «Saude, Casares»; Guieiro, 1-XII-1935, páx. 3.
(199) A.N.T., 20-XII-1935.
(200) Declaracións de Avelino Pousa Antelo; Santiago 30-VIII-1980. O suceso tivo lugar cando un grupo feixista penetrou na Universidade (concretamente na Facultade de Letras) portando porras coas que golpearon a varios estudiantes, fendéndolle a testa a ún; tras facer unha pintada que rezaba: «¡Muera Unamuno!» xa se retiraban sen que algúns gardas de asalto presentes se decidisen a intervir («facían a vista gorda», dicíanos o noso informante, testigo ocular dos feitos) cando algúns membros das Mocedades galeguistas e outros estudiantes lles fixeron frente, entablándose unha pelexa que non tardou en ser desfeita pola policía, que semella que non actuou imparcialmente. A vista do cal a Mocedade santiaguesa imprentou unha folla contra os feixistas, a proposta de Pousa Antelo, constituiu unha especie de organización de choque uniformada (fixeron unhas 50 camisas de cor azulina coa estrela verde de cinco puntas) e armada con porras, co obxectivo de respostar as agresións feixistas. Segundo Pousa Antelo, todo isto non chegou a ser unha cousa demasiado formal, nin xeneralizada na F.M.G.
(201) A.N.T., 29-II-1936, páx. 5.
(202) «Acción da F.M.G.»; Guieiro, 1-I-1936, páx. 3.
(203) A.N.T., 13-VII-1935 e A.N.T., 24-I-1936, páx. 1.
(204) A.N.T., 6-VII-1935.
(205) Guieiro, 15-I-1936, páx. 1.
(206) A.N.T., 29-II-1936, páx. 3.
(207) A malquerencia entre galeguistas e socialistas mozos, en Ourense viña xa dos primeiros anos da República, nos que cando o concellal González Salgado empregaba o galego no Axuntamento os mozos socialistas icrepábanlle; «¡Que fale en cristiano!»; «E Pouco»; Guieiro, 1-III-1936, páx. 4.
(208) «Despois das Eleizóns»; Guieiro, 1-III-1936, páx. 1.
(209) Piñeiro formaba parte do Grupo do P.G. en Lugo, amén de militar na F.M.G.; A.N.T., 6-XII-1935.
(210) A.N.T., 12-X-1935 e A.N.T., 21-IX-1935.
(211) Guieiro, 15-IV-1936, páx. 1.
(212) «A III Asambreia da F.M.G.»; Guieiro, 1-I-1936, páx. 1.
(213) Para o desenrolo desta importante Asamblea, vide Guieiro, 1-VI-1936, pp. 1, 2, 3 (Vide Anexo Doc. 22).
(214) «A III Asambreia da F.M.G.»; A.N.T., 8-V-1936, páx. 4.
(215) P. Taboada Tabanera, «Cuartelas. In Memoriam F.M.G.»; Heraldo de Galicia, 11-V-1936, páx. 4.
(216) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago, 22-V-1978. Tamén temos noticias concretas de que outro tanto sucedeu nas zonas de Tui e Santiago.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega