O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

(De "6. Unión Socialista Gallega" a "6.4. Definitivo escintileo da U.S.G")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada212.html


6. Unión Socialista Gallega

     A creación a mediar 1932 da «Unión Socialista Gallega», como tentativa de implantación dun partido socialista de obedencia galega, debeuse en gran medida a actuación do seu dirixente Xoan Xesús González, polo que convén adicar unhas breves liñas a esbozar a sua personalidade e traxectoria.


   6.1. Perfil e actividade de Xoan Xesús González

     Era Xoan Xesús González un home de humilde procedencia social, que gozaba de gran vitalidade e simpatía (1), e estaba dotado ademais dunha poderosa forza de vontade mercede á cal pasou de ser canteiro a mestre, conquerindo logo licenciarse en Dereito. Ademais de adicarse á política, —na que destacou máis polas suas dotes de activista que pola sua formación política (2) —cultivou a novela (3), o periodismo, o ensaio (4) e a poesía (5).
     Xa antes de proclamarse a República aparece Xoan Xesús González como militante socialista dando mítins en representación deste partido (6). Moi logo foi elexido presidente da Agrupación Socialista de Santiago (PSOE), e dende este posto directivo lanzou a idea de crear unha federación de entidades socialistas, obreiras e agrarias da comarca de Compostela. A tal efecto tivo lugar unha xuntanza en Santiago, no mes de xuño de 1931, que presidíu él, á que acudiron delegados de máis de trinta asociacións, entre obreiras e agrarias, que dicían representar máis de 6.000 afiliados, contando ademais coa adhesión de varias entidades que non poideran acudir por mor das eleccións a xueces municipais, e que encadraban a similar número de afiliados. Aprobouse unha política socialista e anticaciquil e máis un reglamento da Federación de conformidade cos principios que inspiraban ó PSOE. Por aclamación elexíuse un Comité federal ó frente do cal estaban dous homes, que logo veremos na USG: Leoncio Virgós, presidente, e Xoan Xesús González, secretario. Como tesoureiro actuaba Manuel Maroño Calvo. Ó cabo acordaron editar un periódico da Federación que se chamaría «Trabajo» (7).
     Segundo relata o estudioso do socialismo galego, González Probados (8), en xuño deste ano producíuse unha crise na organización socialista santiaguesa, sen que poidamos precisar ben os motivos, de resultas da cal dimiteu toda a dirección e deixou de publicarse «Trabajo». Cando a situación se normaliza ó mes seguinte, non figura xa X.X. González na nova directiva. Pero é mester retrotraernos novamente a abril de 1931 para constata-Ia doble militancia de Xoan Xesús González. En efecto, aparece ó frente da «Agrupación Nazonalista» creada en Santiago ante a expectativa da celebración dunha asamblea na que se aprobaría un proxecto de Estatuto. Esta entidade nacionalista subsisteu até nadal de 1931 en que se integrou no P.G. Tal fixeron Luis Seoane, Sebastián González, Banet Fontenla, Cabada, Carballo Calero, etc., Pero non Xoan Xesús González que ficou ó marxe.
     Temos perfilados así as duas cuestións que centran a atención de X.X. González: o galeguismo (que tiña como prioridade a consecución dun Estatuto para Galicia) e o socialismo, entendido dun xeito máis ben agrarista. A ambalas duas inquedanzas adica os seus esforzos, tal e como queda plasmado nos mitins que pronuncia (9) e nos artigos que escrebe na prensa, nos que baixo un prisma xurídico denuncia o caciquismo dos xuzgados municipais de aldea (10).
     Un momento crucial na biografía de X.X. González é o do Congreso Rexional do PSOE, celebrado en Monforte o 17 de outono de 1931. A este cónclave socialista non asiste el por Santiago, senón Francisco Barcia, co cal o sector autonomista do PSOE, representado polo núcleo ferrolado —que era o segundo en importancia dempois de Vigo— que encabezaba Xaime Ouintanilla, perde un calificado defensor. A resolución adoptada de non apoia-lo Estatuto foi o detonante para que o abogado santiagués se determinara a crear un «Seminario de Estudios Socialistas» en maio do ano seguinte. A tenor da investigación de González Probados (11) sabemos que contaba este Semanario —que sirve de plataforma para a creación da USG— coa colaboración de Anxel Valcárcel Piñeiro e, nun principio, de Manuel Moure, xunto con persoas pertenecentes a algúns Comités Parroquiais constituídos por aquelas datas en Cuntis, Enfesta, Ceste de Santiago e Teo.


   6.2. Tentativa dun socialismo galeguista: USG

     No mes de agosto, coincidindo cun momento álxido do proceso estatutario, determinado pola reunión da comisión preparatoria da Asamblea de Municipios, que pouco despois aprobará o proxecto de Estatuto, os promotores do novo partido erixidos en comité provisorio, deseñan a estructura organizativa, os estatutos e a liña política xeral da USG, acordando, ó propio tempo, levar a cabo unha campaña de mitins parroquiais en setembro. O 11 de agosto, o novo partido «Unión Socialista Gallega» da a coñece-lo seu manifesto fundacional, redactado en castelán, que reproduce a prensa diaria (12) e os semanarios galeguistas «A Nosa Terra» (13) e «Heraldo de Galicia» (14).
     O programa de USG, para Artola: «no va más allá de un reformismo de limitados alcances, que no lo distingue doctrinalmente de Ias posiciones republicanas izquierdistas» (15). Na declaración de principios establece como directriz central adaptar a teoría marxista á realidade galega, tentando de acadar unha Galicia socialista. Define a Galicia como nación e reclama o seu dereito a ser ceibe, ou polo menos, autónoma. Atribúe a autonomía tanta importancia, que chega a afirmar que: «E a nosa razón de ser». Acepta os postulados básicos do PSOE, na medida en que: «[...] se aveñan cos direitos galegos e cos sentimentos do noso pobo», xa que: «[...] unha das nosas primeiras obrigas é a de aceitar ises postulados ao vivir da nosa Terra» (16). Coida que esta autonomía debe ter a sua plasmación na estructura organizativa dos partidos, por iso a USG rexeita: «La uniformidad rígida, dura e inflexible del clásico socialismo español, su estructura centralizadora [...]» (17).
     Sintomáticamente o seu manifesto está dirixido á xuventude universitaria, ós campesinos e obreiros de Galicia, por este orde. A causa de estaren citados en primeiro termo os estudiantes universitarios moi ben pode deberse ó influxo da cidade na que nace, á comarca da cal prácticamente circunscríbese a USG, Santiago, onde reside a institución universitaria, e os seus estudiantes xogan un papel político primordial. Tamén os campesinos antepóñense ós obreiros, debido a que —como explica no manifesto— a poboación campesina comprendía as tres cuartas partes da poboación total galega. Teñamos en conta que por un lado era moi reducida a franxa do proletariado na pirámide de clases de Compostela, e por outro, como logo veremos, na composición social da USG predominan con moito, os profesionais e clases medias en xeral, en tanto que os asalariados son unha minoría ínfima. Esta valoración das clases sociais difire notoriamente da doctrina marxista, pero éste era o xeito que tiña a USG de adecuala á idiosincrasia da formación social galega. Polo demais, non é este o único apartado no que a USG amosa un coñecemento pouco satisfactorio da teoría marxista (18).
     Chegada a hora de especificar as reivindicacións polas que loitará a USG, menciona en primeiro termo os obxectivos de tipo nacionalista (un Estado galego federado cos outros «Estados Ibéricos», recoñecemento da personalidade da parroquia, potenciación e exaltación de Galicia en tódolos ordes, etc.) e non é senón despois que especifica os sociais, e dentro destes antepón os agrarios, ós obreiros. Agora ben, isto non é algo que a USG agoche, expresando nidiamente o seu interclasismo en expresións como a que a continuación reproducimos, na que fai votos pola mellora de Galicia mercede ó «[...] trabajo de todos los gallegos unidos en una sola comunidad ideológica, representada por el sentimiento cumbre de mestra amada tierra» (19). Noustante proclamar a USG estar disposta a enaltecer tódolos valores de Galicia, incluídos por suposto os culturais, e a traballar pola «inmediata creación del culto galleguista», incorre en evidente incoherencia esquencéndose de empregar o galego non só no seu manifesto programático, senón tamén en todos cantos documentos políticos difunde.
     O programa agrario constaba de reivindicacións semellantes ás preconizadas polo PSOE: supresión dos foros, abolición das aparcerias de gando e de terras, desgravación fiscal da pequena propiedade considerada como instrumento de traballo e eliminación da usura. Tiña tamén moitas similitudes co do Partido Galeguista, otorgándolle moita importancia ó fomento do cooperativismo, etc., pero presentaba un sesgo algo máis radical por canto incorporaba peticións como a de abolición da emigración, e sobor de todo a desaparición sen máis do foro, que máis ben o equiparan coas teses defendidas polo sector de esquerdas do P.G.
     O apartado adícado á clase obreira é sumamente cativo e incuestionablemente reformista. Ten tamén, de tódolos xeitos, unha orientación máis esquerdista que o asumido oficialmente polo P.G.
     O manifesto remata cun saúdo gasalleiro para o P.G., partido co que se desexa manter cordiais relacións. Estando isto claro, réstanos por saber qué opina ó respecto o partido aludido. Para o P.G. (20) era un signo alentador que sectores marxistas, tradicionalmente imbuídos dun simplista senso do internacionalismo que os incapacitaba para asumi-las inquedanzas dos nacionalismos, mostráranse sensibles a elas. Non perde ademais o oportunidade de apuntarse un tanto dicindo que tal cambio de actitude supón que: «[...] escomenza a dar fruto a semente que xenerosamente espallamos un día e outro a toda-los ourizontes» (21), o cal prodúcelle a natural ledicia. Pero, ó propio tempo, non pode agochar certa reticencia verbo da U.S.G., do que é un índice elocuente o propio tiduo entre signos de interrogación que escolle para encabezar a declaración de principios da U.S.G., en A.N.T.: «¿Polo bo camiño?»; fúndase este receio en que non vía claro o porvir que estaba reservado a este partido, cecais debido a sua escasa afiliación de partida, agravada por estar concentrada na bisbarra santiaguesa, sendo insignificante a sua presencia alén dela. Máis tamén influía a prematura froitificación desa semente abonada polo P.G. En efecto, estamos nun momento no que o P.G. non acepta de bon grado o pluripartidismo que lañaba a cohesión nacional de Galicia, dificultando a aglutinación de tódolos galegos que debían poñe-la sua condición de tales por riba de calquera discrepancia, e deste xeito menoscababa o desexado frente común anticentralista. E isto é o primordial, ainda que non era unha cuestión baladí que ó seren estes partidos (excepto a U.S.G.) de ámbito estatal, instrumentalizaban ós galegos, postergando as súas direccións madrileñas o problemas de Galicia en favor de outras comenencias foráneas. Por ser isto así o P.G. non postula a suplantación do espectro de forzas políticas «españolistas» operantes en Galicia, por outro de partidos de ámbito galego, ate que non se conquerise o obxectivo mínimo da autonomía, a conquista da cal entendía que esixía a maior converxencia posible de forzas. Neste senso a creación da U.S.G. era prematura, como tamén consideraron igualmente precipitada, anos despois, a aparición da «Dereita Galeguista». Xa que logo, as forzas políticas de obediencia galega e diversa inspiración ideolóxica, deberían froitificar, e suplantar ás estatalistas, dempois da posta en vigor do Estatuto. Fundamentamos esta análise nosa en base ó estudo da teoría e maila práctica do P.G., a que nos referimos noutros apartados, pero tamén na propia glosa que este partido fai dos principios inspiradores da U.S.G. Citaremos un párrafo dela que ó noso xuicio trasluce esta visión, referida concretamente á U.S.G.:

«E que, dentro dunha Galicia xa dona dos seus destiños e ceibe pra se gobernar de seu, como conveña a todal-as suas características, se teime despois de estabrecer normas socialistas, parécenos moi lexítimo.» (21 bis)


     Todo o antedito explica as relacións ambivalentes que o P.G. manterá en adiante coa U.S.G., como iremos vendo. Xa temos analizado un dos polos cos que lindaba ideolóxicamente a U.S.G., vexamos agora o outro: o P.S.O.E. «El Socialista» adícalle un artigo (22) no que escomenza desmarcándose da nova organización, cuestionando o seu carácter obreiro (23). Sinala logo, en coincidencia coa nota que anteriormente fixera pública a Federación provincial do PSOE, que a sua política era compatible co rexionalismo, pero éste no debería supoñer na sua actuación seccións disgregadas nin dispares, xa que o partido socialista tiña carácter nacional, e o anseio internacional de unión e solidaridade dos partidos socialistas. Por todo elo considera que a U.S.G. representaba unha reacción contra o movemento de unión proletaria (sic), e remata insinuando que a nova sigla podía ser unha máscara do caciquismo de sempre.
     Non era máis contemporizador o comunicado dado a prensa (24) pola Federación Provincial Coruñesa do P.S.O.E., que por certo ía firmado por Xaime Quintanilla, galeguista e amigo personal de Xoan Xesús González. Nel dicíase sen ambaxes que a U.S.G. non tiña de socialista máis que o nome.
     Como demostra González Probados (25), na hostilidade amosada polo P.S.O.E. influía non só o desagrado que lle producía o interclasismo da U.S.G. e o seu desviacionismo nacionalista, senón tamén o feito de que o partido de Xoan Xesús González constituía o máis serio opoñente, xunto coa C.N.T., na laboura de captación de labregos que levaba a cabo a «Federación Nacional de Trabajadores de Ia Tierra».
     Para ninguén era un segredo, e a nota publicada por «El Socialista» o puña de relevo con toda claridade, que a U.S.G. nacía secundando o exemplo do partido homónimo de Cataluña. En efecto a «Unió Socialista de Catalunya» era como diríamos homónima, pero ademais bastante homóloga no tocante a reformismo e moderación, (polo menos ata que Comorera lle imprime unha orientación radical) e na asunción do problema nacional. Tiña tamén unha composición social bastante similar, predominando os intelectuais e os sectores profesionais, pero como no podía ser doutro xeito, dada a disparidade no degrado da industrialización que se rexistraba en Galicia e Cataluña, había tamén obreiros calificados, que non existían na U.S.G. De tódalas maneiras a influencia da U.S.C. no seo da clase obreira non era grande, sendo en troques moi estimable o ascendente que acadou no campesinado, ó traveso da «Acció Social Agrária de Gerona» e da «Unió de Rabassaires», no que tamén coincide coa U.S.G. Coincidían tamén as duas en que ningunha delas chegou a ter unha militancia importante nin un peso político determinante. A «Unión Socialista de Catalunya» tivo dende logo maior forza, logrando catro escaños nas Cortes Constituintes e cinco no Parlamento de Cataluña, pero estes resultados hainos que atribuir máis ben a sua constante alianza con «Esquerra de Catalunya» que ó seu propio peso específico. Xogaba tamén no seu favor a reducida implantación que tivo o P.S.O.E. en Cataluña, onde a diferencia de Galicia, a superior conciencia nacional favorecía unha opción de socialismo autóctono, máxime dada a mornedade autonomista do partido de Besteiro e Prieto. Ademais, a U.S.C. levaba bastantes máis anos de rodaxe, fundada que fora en 1923, por certo que por motivos idénticos ós que xeneraron a creación do partido de X.X. González caseque unha década dempois: a minusvaloración da cuestión nacional. En efecto, o programa adoptado polo P.S.O.E. en 1919 condicionaba o recoñecemento das nacionalidades ibéricas ó feito de que demostraran aptitudes ou capacidade para o goberno propio, sempre a cando, ademais, que non fora en detrimento da democracia e das conquistas sociais (26)
     Vexámos agora a composición social da U.S.G. por medio do status profesional de varios dos seus integrantes, que en conxunto compoñen unha mostra que estimamos representativa (27):


Barros, Francisco
Brandon
Castiñeiras, Maximino 
Esturao Calvo, Ramón 
Fuentes, Benito 
Fuentes, Antonio
Ferrin, Manuel 
González, Xoan Xesús 
Guimil, Ramón
Moure, Francisco
Núñez Rodriguez, Xesús 
Nogueira
Pena Sayans, Manuel 
Santos Quintela 
Seoane, Luis 
Valcarcel, Anxel 
Vidal, Antonio 
Villar, Xosé

Licenciado en Dereito e escritor
Carpintero
Practicante
Estudiante de Dereito 
Empregado de cine 
Perteñecente á pequena burguesía (28).
Profesor matemáticas 
Abogado
Barbeiro e axente dun abogado 
Tipógrafo
«Cosecheiro» (29)
Carteiro
Mestre 
Crego 
Abogado 
Administrativo 
Abogado
Empregado de banca


    
Constatamos que na militancia da U.S.G., ubicada predominantemente na comarca santiaguesa, prevalecen os empregados, «traballadores de oficio» (que non asalariados da industria) e profesionais entre os que compre salientar ós abogados e profesores.
     Polo que respecta ó sistema organizativo adoptado pola U.S.G., vémonos obrigados a dar unhas notas moi sumarias, por non conservarse un documento tan esencial como son os seus estatutos (30). Os órganos de encadramento dos afiliados eran os Comités Locais, que podían ser municipais ou parroquiais, o que é coherente co seu postulado de recoñecemento da personalidade da parroquia. As funcións de coordinación e dirección residían no Comité Central do que emanaba unha Secretaría, a modo de comité executivo, na que existían unha secretaria xeral, que ocupaba Xoan Xesús González, outra de organización, que corría a cárgo de Anxel Valcárcel, e a presidencia, desempeñada por Ramón Güimil (31). Semella que o núcleo dirixente non tiña excesiva preocupación pola observancia das régoas democráticas no funcionamento interno do partido, ainda que elo non chegou a suscitar na base protestas nin acusacións de antidemocratismo. Resulta revelador a este respecto que a U.S.G. non nacera nun congreso constituinte, que en boa lóxica democrática debera ser quer aprobase o programa, a liña política e mailos estatutos. Estes tres pilares do partido foron elaborados polo comité provisorio e aprobados logo polo Comité Central. Tampouco existen noticias de que a U.S.G. celebrase posteriormente algún congreso ordinario. Todo isto debíase en gran medida a que a U.S.G. era un xerme de partido. Moi condicionado por X.X. González, estando ata certo punto personalizado nel, nun fato de amigos seus, e nos contactos e clientela de todos eles. Xa que logo, todo parece indicar que non chegou a crear unha estructura organizativa con peso de seu, que funcionase como tal, e a cal se supeditasen tódolos seus compoñentes (32).
     Polo que fai a implantación (33), xa deixamos dito que no esencial cinguíase á bisbarra de Santiago, onde existían comités en Labacolla (Enfesta), Figueiras, Oeste de Santiago, Bugallido (Ames), Teo, Boqueixón e varios no partido xudicial de Arzúa.
     Fora da provicia sinalada, a presencia da U.S.G. dilúese enormemente, contando só con agrupacións en Mondoñedo, Cuntis, Cequeril, O Barco e 2 comités parroquiais —de problemática existencia, ó noso xuicio— espallados por diversos puntos das provincias de Ourense e Pontevedra, a tenor dos informes dados polo Comité Central da U.S.G. a fins de 1932. Ademais de dispoñer dos devanditos comités, a U.S.G. influía nalgúns sectores do campesinado, que agrupaba en Comités parroquiais, logrando constitui-Ia «Federación Comarcal Agraria» que contaba con doce sociedades agrarias adheridas, perteñecentes á comarca compostelana.
     Transcorrido un ano dende a fundación da U.S.G., saeu a luz o semanario «Amañecer», que a prensa etiqueta co adxetivo de «regionalista» e non de socialista (34), o que non podía ser máis exacto. Dirixe «Amañecer», Xoan Xesús González, e podemolo considerar como o órgano oficioso da U.S.G. Oficioso e non oficial, xa que dende o seu primeiro número (35) declara expresamente a sua independencia política. No editorial proclama a sua resolución de loitar exclusivamente polos intereses dunha Galicia que se quere dona dos seus destinos. A meirande parte dos artigos versan sobor da autonomía e da problemática de Galicia, sen que se lle adique a menor atención ós temas socialistas e ás inquedanzas da clase obreira. Agora ben, a pesares do seu carácter galeguista, «Amañecer» é unha revista bilingüe con predominio notorio do castelán, idioma éste que nalgún número (o 4 por exemplo), campea en exclusiva.
     Vexamos agora a actividade da U.S.G. Un dos seus primeiros acordos consisteu en entablar relación coa «Unió Socialista de Catalunya», sen que o chegara a levar a cabo. Maior efectividade tivo a resolución de encetar unha campaña de mitins de propaganda estatutaria pola zona rural (36). Conquerido o permiso gubernativo para celebrar 20 actos políticos na comarca santiaguesa, topan co primeiro atranco de Lestedo (Boqueixón), onde o alcalde enviou unha parella da «Guardia Civil» para que non tivese lugar o mitin anunciado (37), tendo que ser aplazado (38). Revestiu especial relevo o comicio celebrado en Arzúa (39), no que X.X. González, A. Valcárcel, Luis Seoane e Santos Quintela, dirixiron a palabra a perto de 3.000 labregos da bisbarra. Tanto neste mitin, como no tamén importante celebrado en Bugallido, e en tódolos demais, os temas aludidos son, en primeiro lugar a defensa da autonomía, coas conseguintes críticas a O.R.G.A., e tras disto o cooperativismo, a unión dos labregos, o anticaciquismo e mailas cuestións concretas da localidade.
     Paralelamente desenrolou a U.S.G. un traballo estrictamente agrarista. O froito máis espectacular foi a manifestación celebrada en Santiago, o 22 de novembro, de máis de 400 agricultores das parroquias de Arines, O Eixo e Marrozos, en protesta pola amenaza de embargo de bens que pesaba sobor dos campesinos de Arines, por deixaren de satisface-lo pago dos arbitrios que consideraban inxusta e caprichosamente establecidos polo axente executivo da recaudación. Proba de que a manifestación estaba dirixida e controlada pola U.S.G. é que na comisión elixida polos manifestantes, cando menos dous, José Antelo López e José Pombo Varela, dos sete membros que a integraban, eran membros fundadores da U.S.G. (40). Pero, ademais, o primeiro que fai esta comisión é entrevistarse co Comité Central da U.S.G., o cal designa a Angel Valcárcel para acompañala na entrevista co rexidor municipal, chegándose ó acordo de que o axente executivo se retiraría das parroquias durante un prazo de oito días, tempo que a comisión estimou oportuno para estuda-lo problema e presentar un escrito o Axuntamento razonando os motivos legais e os dereitos que asistían ós labregos (41). Dada a importancia do litixio plantexado, a U.S.G. decide convocar unha reunión da «Federación Comarcal Agraria», no Pabellón da «Herradura» de Santiago (42). Deste xeito, o domingo 27 de novembro celebrouse a asamblea agraria, contando coa participación de máis de 200 representantes da «Federación Comarcal Agraria», no curso da cal o presidente e segretario da U.S.G., Angel Valcárcel, dou lectura a un escrito firmado por X.X. González e mailas directivas de tódalas sociedades agrarias da comarca, destinado a entregar no Axuntamento. Acordouse asímesmo, que no caso de que se pretendera embargar ós agricultores de Arines, presionarían deixando de concorrer ó mercado, co que o Concello veríase privado de percibir por arbitrios máis de catrocentas pts. diarias que pagaban os campesinos (43). Pesia todas estas movilizacións, o conflicto se non debeu resolver favorablemente para os agrarios de Arines que foron embargados, a xuzgar pola información aportada por X.X. González co gallo da defensa que fixo da U.S.G. dos ataques de Buján Casal, que entablara polémica con él (44).
     No derradeiro mes de 1932 a U.S.G. publica un alporizado manifesto (45) censurando acedamente ós coruñesistas que, como o alcalde Iglesias Corral e o ex-alcalde Casás, postulaban a capitalidade para Coruña como requisito para apoiaren o Estatuto. Protesta tamén pola paralización que sofriran as obras do ferrocarril Zamora-Coruña, polo contrabando de gando que se producía ó traveso da fronteira portuguesa e, asimesmo, pola importación de continxentes de carnes conxeladas arxentinas. Pouco despois envía un telegrama ó Goberno manifestando o seu desacordo coas negociacións comerciais con Rusia con vistas a importar madeira que competiría coa galega, a cal xa tiña dificultadas de venda (46).
     A estas alturas as relacións co P.G. eran boas. Resulta altamente revelador que asistiran representantes da U.S.G. á II Asamblea do P.G., pesia a ter carácter reservado, sendo ademais moi aplaudidos polos delegados galeguistas, cando o presidente da Mesa, Peña Rey, lles dou a boavinda (47).
     No primeiro catrimestre de 1933 a U.S.G. estaba absorbida na campaña de mitins pro-autonómicos. Os seus propagandistas recorren Meira, Cequeril, Cuntis, Villestro, Trasiglesias, Arzua (o que xa fixemos alusión) Santa Susana, San Miguel dos Agros e Bugallido (48). Tanta importancia otorga o partido de X.X. González ó tema da autonomía que o seu Comité Central, en sesión celebrada o 12 de febreiro, acorda non acudir ás eleccións municipais convocadas para abril, e enviar un escrito ó Goberno solicitando a suspensión das eleccións, polo menos en Galicia, por entender que distraerían ó corpo electoral do seu primordial interés, cal era a votación da carta autonómica de Galicia (49). Na seguinte reunión mensual do órgano de dirección da U.S.G. (50), volve a preocuparse novamente do tema autonómico, resolvendo asistir a tódalas reunións que se celebraran relacionadas co Estatuto a enviar un telefonema ó Xefe do Goberno excitándoo para que se publicara na Gaceta o decreto autorizando o plebiscito. Asimesmo, acordan que X.X. González respostase na prensa ás alusións feitas por Enrique Rajoy, nunha conferencia sobor da actitude dos partidos políticos verbo da autonomía (51).
     O acendrado autonomismo da U.S.G. a sitúa en posicións próximas ó P.G. Pero xa dixemos que entre os dous partidos existen unhas relacións ambivalentes. Así o representante do P.G. no Pacto de Galeuza, Bóveda, opúxose á participación da U.S.G. no mesmo, desbotando unha proposta que en tal senso fixera Alvaro das Casas (52). Noustante o cal —e cecais ignorando isto— Xoan Xesús González consagra grandes louvanzas ó P.G. na revista «Amañecer» (53), encarecendo a sua laboura autonómica (di que o P.G. deu máis de 300 mitins autonómicos, e a U.S.G. máis de 100) (54), e reproducido mesmo un texto de Bóveda, no que éste atacaba a Antón Villar Ponte por permanecer nun partido que como o P.R.G., consideraba que estaba obstaculizando a autonomía. Este mesmo tema trátase no editorial, e tamén a combatir ós anti-autonomistas (Vicente Sierra, a coruñesista agrupación «A Ia Tercera República») adícanse outros artigos, que en conxunto configuran unha publicación prácticamente monotemática, se facemos excepción dun breve comentario sobor do agrarismo (55).
    
Convocadas eleccións xerais para o mes de novembro de 1933, a U.S.G.tiña pensado no presentarse como tal partido, por estimar incomenente entrar na loita electoral, lanzando en cambio a candidatura de X.X. González, como galeguista independente, co apoio dos comités da provincia coruñesa, para sondear á opinión (56). Pero os comités orensanos da U.S.G. manifestaron o seu desexo de presentar tamén un candidato: o cosecheiro Jesús Núñez Rodríguez. Este plantexamento foi aceptado na xuntanza de tódolos comités locais cos que contaba a U.S.G. en Galicia, celebrada en Santiago. Acordaron, pois, presentar como independentes ós citados persoeiros, e demais ampliar o radio de acción electoral ás duas provincias restantes nas que tamén presentarían candidatos polas minorías. Por Lugo teríase de presentar Siervo González e por Pontevedra, Francisco Guimarei. Polo demais, facultouse ó Comité Central, que agora presidía Manuel Fontáns, en tanto X.X. González seguía ó frente da segretaría xeral, para que establecera todos cantos pactos considerara necesarios cos partidos republicanos, a excepción da O.R.G.A., dándolle prioridade ó P.G., federais e radicais-socialistas (57). Entre estas forzas políticas houbo contactos e negociacións, Pero non chegaron a froitificar (58). O máis que logrou conqueri-la U.S.G. fou unha colaboración, na práctica, co P.G. na provincia da Coruña. Así, Xoan Xesús González da as vegada mitins conxuntamente co P.G., como en Ortigueira onde participa con Suárez Picallo (59). Agora ben, semella que foron máis os actos electorais celebrados pola U.S.G. ailladamente. O mitin de Curtis, por exemplo, correu a cárgo exclusivamente da U.S.G. (60), como asímesmo aconteceu cos dados na comarca santiaguesa (Rois, Boqueixón, Negreira, Brión, etc.). Polo demais, non se conqueriu tampouco redactar un manifesto electoral unitario, facendo público cada quen o seu (61). A U.S.G. non puido sustraerse ó movemento xeral de retroceso de tódala esquerda naquelas segundas eleccións xerais, e non conseguíu obter ningún escaño. O candidato da U.S.G. que maior votación obtivo foi o seu segretario xeral, que acadou algo máis de 3.000 sufraxios.
     A pesares da cautela adoptada pola U.S.G., consistente en evitar presentarse coas súas siglas á confrontación electoral, explicable polo propósito de sustraerse ó desgaste dun revés previsible dada a sua debilidade, o fracaso dos seus candidatos deu ó traste coa tentativa de crear un partido socialista autoorganizado a nivel de Galicia e que asumise a cuestión nacional. O feito de que o núcleo autonomista do P.S.O.E. en Ferrol, que capitaneaba Xaime Quintanilla, non se tivese sumado a este proxecto, cecais por non considera-lo dabondo socialista, indubidablemente coadxuvou a impedi-Ia sua virtualidade.
     Xa que logo, asistiremos ó eclipse da U.S.G. Nas postrimerías da etapa republicana un grupo de afiliados tentara de encetar novamente este proxecto, pero o tempo non Ilo permitirá.


   6.3. Eclipse da "Unión Socialista Gallega"

     A última sinal de vida da U.S.G. ven dada polo anuncio de participación de X.X. González, a título de representante dela, nun mitin que estaba previsto que celebraran en Boiro varios partidos de esquerda, e que ó cabo foi prohibido (62). Inviabilizada a acción autonómica no plano político, debido á actitude contraria do goberno radical-cedista, Xoan Xesús González decide adicar este tempo de fornada parálise a inculca-Ia necesidade do Estatuto na conciencia popular, que consideraba desinformada. Deste xeito crea en Santiago, a mediar xaneiro de 1934, a «Agrupación al Servicio de Ia Autonomía» (63), no manifesto fundacional da cal critica ó caciquismo e mailos partidos políticos por fomentar a insolidaridade e a disgregación individualista, e por non ter contado co pobo na cuestión do Estatuto. Para remediar esta situación propón que se formase un gran feixe de cidadáns entregados a sensibilizar á opinión pública encol do significado da autonomía e das ventaxas que comportaba.
     A «Unión socialista Gallega» resolve sumarse ás forzas republicanas que loitaban para reconquistar as esencias da República que se perderam en novembro de 1933. Tras unha consulta evacuada com Manuel Azaña, intégrase en «Izquierda Republicana» (64), constituindo dentro dela un grupiño relativamente avanzado ou radical, intitulado «Vanguardia de Izquierda Republicana» (65)
     X.X González conxugaba o labor autonómico e político, coexercido da profesión de abogado e máis co periodismo. Encárgase, así, da defensa de varios procesados pola sua actuación nos sucesos revolucionarios de outono de 1934, e escrebe artigos sobor de temas económicos e xurídicos. Nun deles (66) aboga por unha conferencia encol da economía de Galicia, á que concurrisen institucións e persoas versadas en cuestións económicas, para analisa-Ia problemática económica de Galicia, e diagnosticar posibles solucións. A analisa-Ia Lei de Arrendamentos rústicos de abril de 1935, adica unha amplia serie de artigos publicados en varias revistas e periódicos (67), nos que a tilda de centralista, por ter sido elaborada co pensamento posto en Salamanca e nas duas Castelas, reaccionaria e ruinosa para á economía de Galicia. Con semellante prodigalidade trata o tema das rendas forais, e especialmente as de orixe señorial na «Lei de Reforma da Reforma Agraria», desconfiando dos seus resultados (68). Na crítica desta última lei, fai gala dunha moderación que non corresponde coa sua anterior posición socialista. Estábase efectivamente producindo un cambio na sua visión política que se albisca con meridiana claridade en xaneiro de 1936. Concretamente o 15 deste mes escomenzan a sair a luz varios artigos de X.X. González (69) nos que queda en evidencia a sua abdicación do socialismo e mesmo do esquerdismo. Convírtese nun propagandista do centrismo político que abandeiraba Portela Valladares; porén, segue a mante-la sua acritude favorable á autonomía. Disto despréndese que debeu abandonar I.R., a diferencia dos seus antigos compañeiros da U.S.G. que permañeceron no partido de Azaña e Casares.


   6.4. Definitivo escintileo da U.S.G.

     Os membros da U.S.G. consideraran no segundo bienio que era prioritario adicarse á política xeral do Estado, deixando nun segundo plano a cuestión galega. O triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936 supuxo para eles un punto de inflexión, decidindo relegar a un terreo secundario a política española en xeral. Así o fan saber en maio (70)nunha nota dada á prensa. Deste xeito acordan reorganiza-lo partido para reanuda-la loita pola implantación do réxime autonómico. A U.S.G. elixe novo Comité Central e maniféstase disposta a colaborar na endeita da aprobación do Estatuto. Nada se nos dí da composición da nova directiva, a non se-lo nome do segretario accidental, Manuel Brandón. De tódolos xeitos, sen que o poidamos aseverar con certidume, parecemos razonable conxeturar que Xoan Xesús González, non participa nesta segunda andaina.
     Na breve etapa que durou o Frente Popular en Galicia, sabemos de X.X. González pela sua actividade periodística. Segue ocupándose dos temas agrarios (71), valorando positivamente o Decreto do ministro de Xusticia, dado o 29 de febreiro, polo que quedaban en suspenso tódolos xuicios de deshaucio promovidos pelos propietarios de terras de laborío, descentra dos seus arrendatarios ou aparceiros. Criticamente enxuicia o prexecto de nova Lei de Arrendamentos rústicos aprobado polo Consello de ministros a primeiros de abril, reputandoo de centralista (72).
     Tamén se ocupa da autonomía (73), da «Asociación de Escritores Gallegos» (74), da morte de Antón Vilar Ponte (75), e dalgunhas outras cuestións económicas e xurídicas (76). O producirse o levantamento militar, Xoan Xesús González opúxose activamente ós insurxentes, entrando en Santiago ó frente dun grupo de homes que se bautizaron coa denominación de «Tercio de Calo». Isto custoulle a vida, sendo afusilado o 12 de setembro de 1936 (77).





NOTAS:


(1) Declaracións de Ramón Piñeiro; Santiago 22-V-1978 e Enrique Gippini; Santiago 12-XII-1981.
(2) Segundo as declaracións de Ramón Martínez López, que o coñeceu, posuia unha escasa formación política; Declaracións feitas en Santiago a 13-XI-1980. Nisto coincide tamén Enrique Gippini, quen engade que non estaba dotado de facultades oratorias e tiña en cambio certo afán de protagonismo.
(3) Na colección «Lar» publicou duas noveliñas románticas: Ana María e A filla da patrona. A Editorial NOS editoulle A modelo de Paco Asorey, historia de amor entre romántica e modernista. Vide Carballo Calero, Ricardo. Historia da literatura galega, Galaxia, 2.° ed., Vigo 1975, pp. 622-623.
(4) En 1925 deu ó prelo un pequeno folleto, contendo un ensaio titulado Hacia una morfología de Ia vida gallega (Tipografía «El Eco de Santiago»; consultada na biblioteca particular de Ramón Martínez López). Nel considera (positivamente) o individualismo como rasgo característico dos galegos, que os fai incompatibles coa existencia da cidade e sobor de todo dunha gran cidade, opoñéndose nisto a A. Villar Ponte, Antolín Faraldo, Valle Inclán e García Martí, que soñaban cunha Barcelona galega. Dende unha óptica ruralista, exalta a importancia das pequenas vilas. Apunta tamén a cuestión da pluralidade rexional de España e propugna a confederación, para volver novamente a retomar esta problemática no folleto: Regionalismo, Nacionalismo, Separatismo (Edit. NOS, Santiago 1933). Defende aquí a existencia de Galicia como nación e o seu dereito ó autogoberno: «[...] Repudiamos como falsa Ia doctrina de que solo los países oprimidos por potencial exteriores tienen derecho a ser libres. Los países que hoy forman aún docilmente Ia triste realidad de Ia España unitaria sienten Ia tiranía como impuesta por una potencia extranjera cual es el Estado centralista español [...]». Ibídem, páx. 24. Postula o separatismo, do cal dí que non está asociado ó reaccionarismo.
(5) Chegou a realizar un libriño de poemas: Agarimos (1925) e publicou, ademais, algunhas poesías en castelán na prensa. Vide por exemplo: Juan Jesus González, «Poemas del recuerdo», El Compostelano, 24-IV-1935, páx. 1.
(6) «Caramiñal. Un mitin socialista»; E.P.G., 9-IV-1931, páx. 11.
(7) «Compostela al día»; E.P.G., 10-VI-1931, páx. 6.
(8) González Probados, Manuel. Movemento obreiro e socialismo. Coruña 1931, Memoria de licenciatura inédita, presentada na Universidade de Santiago, páx. 135. Dirixida polo profesor Jesus Mª Palomares Ibánez.
(9) Así por exemplo o dado na «Sociedad Agraria del Eijo»; E.P.G., 10-VI-1932, páx. 9.
(10) X.X. González, «De Ia Galicia caciquil», El Compostelano, 1-XII-1931, páx. 1, e «De la Galicia del pasado. Casos impresionantes. Consideraciones jurídicas», La Voz de Galicia, 4-XII-1931, páx. 2. 
(11) González Probados, Manuel, Ibídem.
(12) E.P.G., 11 -VIII- 1932, páx. 9.
(13) En A.N.T. apareceu unha versión algo distinta e traducida o galego, seguida dun enxundioso comentario revelador da posición do P.G. verbo da U.S.G. «¿Polo bo camiño? Constituise a «Unión Socialista Gallega»; A.N.T., VIII-1932 (Vide Anexo Doc. 9).
(14) «Un Manifiesto»; Heraldo de Galicia; 15-VIII-1932, páx. 2.
(15) Artola, Miguel. Partidos y programas políticos 1808-1936. T. E. Aguilar, Madrid 1977, páx. 654.
(16) Todo o que está ata eiquí en cita entrecomillada perteñece o manifesto versionado ó galego, publicado en A.N.T. VIII-1932, páx. 4.
(17) «Unión Socialista Gallega». Manifesto. Folla solta imprentada pola editorial NOS; Santiago 1932. Consultada no Arquivo Municipal de Santiago; Ramón Güimil, 8-XI-1932. O compoñente galeguista da U.S.G. frase pormenorizando gradualmente. Así, moi logo acepta a idea de que Galicia estaba gravada polo fisco nun degrao superior ó de calquera outra área da península, que era un dos argumentos esgrimidos polo P.G. («U.S.G. A Ia opinión de Galicia en general». 7-XII-1932, A.M.S. R. Güimil). Acorda despois que a bandeira da U.S.G. seña de cor bermella, cunha franxa diagonal de dereita a esquerda, en azul e branco; «Santiago»; E.P.G., 8-II-1933, páx. 6.
(18) Frases como a de que: «Pol-o minifundismo da sua propiedade [...] Galicia tópase na mais doada das situacións pra poder encauzar a súa vida asegún o centifismo socialista [...]». Artigo cit., A.N.T., VIII-1932, páx. 4.
(19) Ibídem.
(20) Vide comentario á declaración de principios da U.S.G. en A.N.T., VIII-1932, páx. 4 (Anexo Doc. 9).
(21) Ibídem.
(21 bis) Ibídem.
(22) Aparece reproducido en E.P.G., 6-XI-1932, páx. 3, de onde o tomamos.
(23) «En Santiago se ha iniciado por lo visto, um movimiento de carácter más o menos legitimamente obrero [...] Desde luego, no se trata, en modo alguno, de segregaciones ni de confusiones con el Partido Socialista. Son gente extraña a nuestras organizaciones [...]». Ibídem.
(24) La Voz de Galicia, 3-XI-1932.
(25) González Probados, Manuel. Op. cit., páx. 113.
(26) Para unha información máis extensa da «Unió Socialista de Catalunya», vide, Molas Isidre. Op. cit., pp. 93-98; Balcells, Alberto. Cataluña contemporánea. II (1900-1936). Siglo XXI, Madrid 1974, pp. 32-33; Hernández Lafuente, Adolfo, Op. cit., páx. 97; Artola, Miguel, Op. cit., T. I., pp. 589 e 639.
(27) Resultounos farto dificultoso averiguar a profesión dun representativo elenco de militantes da U.S.G. Tras varias tentativas infructuosas conquerimos datos precisos, fundamentalmente por medio de entrevistas con Enrique Gippini, ó que mencionamos noutra parte, Martínez López, Manuel Beiras e Maximino Castiñeiras, militante da U.S.G.; A Mahía (Coruña) 20-XII-1981.
(28) Non puidemos obter máis precisións das fontes orais.
(29) A fonte (E.P.G., artigo xa cit.) o califica deste xeito ambiguo. De tódolos xeitos pensamos que do adxectivo «cosechero» pódese colexir que se trata dalgo máis que dun campesino pequeno propietario.
(30) Non os vimos publicados na prensa consultada, nin tampouco resultou fructífera a nosa denodada percura no Arquivo Municipal de Santiago, onde se atopan outros documentos da U.S.G. Non é descartable que aparezan cando se proceda a clarificar con rigor o rico material que alberga.
(31) Así se di no manifesto «Unión Socialista Gallega». «A la opinión de Galicia en general», xa cit.
(32) Esta impresión nosa confirmóunola o mestre santiagués E. Güippini. Declaracións feitas en Santiago, 7-XII-1981. Polo demais, participan desta mesma idea Ramón Martínez López e Ramón Piñeiro.
(33) Vide Anexo Mapa V.
(34) E.P.G., 6-VII-1933, páx. 9.
(35) Amañecer n.° 1, 6-VII-1933. Consérvase este número, xunto co 4, na hemeroteca do I.P.S.
(36) Acordaron tamén efectuar unha campaña de exaltación dos persoeiros históricos de Galicia, en combinación co «Seminario de Estudios Socialistas de Galicia», por medio dun ciclo de conferencias no que intervirian oradores de distintas ideoloxías, pero «de franca emoción galleguista», sen que teñamos noticias de que se levara realmente a cabo «Santiago. Unión Socialista Gallega». E.P.G., 21-IX-1932, páx. 7.
(37) O cal motiva unha enérxica nota de protesta da U.S.G. E.P.G., 17-XI-1932, páx. 9.
(38) «Santiago. Unión Socialista Gallega» , E.P.G., 22-XI-1932, páx. 10.
(39) «Arzúa. Un mitin», E.P.G., 12-II-1933, páx. 13.
(40) De feito aparecen entre a lista de firmantes do manifesto fundacional da U.S.G., reproducido na prensa, E.P.G., 11-VIII-1932, páx. 9.
(41) «Santiago. Una manifestación»; E.P.G., 23-XI-1932, páx. 11.
(42) «Federación Comarcal Agraria», E.P.G., 26-XI-1932, páx. 11.
(43) «Santiago. Nota oficiosa de «Unión Socialista Gallega»; E.P.G., 30-XI-1932, páx. 10.
(44) X. Xesús González, «Para el señor Buján Casal», El Compostelano, 3-XII-1932, páx. 1.
(45) «A Ia opinión de Galicia en general»; folla solta editada na Imprenta Hortas, datada a 7-XII-1932. Consultada no Arquivo Municipal de Santiago, Güimil.
(46) Vide Sobor disto González Probados, Manuel. Op. cit., páx. 138.
(47) «II Asamblea del Partido Galleguista», Heraldo de Galicia, 12-XII-1932, páx. 1.
(48) En xeral a prensa da provincia coruñesa faise eco destes mitins. Vide, por exemplo El compostelano, 14-II-1933, páx. 1 e 11-IV-1933, páx. I.
(49) «Unión Socialista Gallega»; El Compostelano, 16-II-1933, páx. 1.
(50) «Unión Socialista Gallega»; El Compostelano, 25-III-1933, páx. 1.
(51) Vide «Unión Socialista Gallega»; E.C., 25-III-1933, páx. 1. Días dempois, X.X. González denuncia a aparición nas rúas composteláns duns enormes carteles ofensivos, coa agravante do anonimato. «Unos rótulos ponzoñosos», E.C., 28-III-1933, páx. 1.
(52) Alvaro das Casas, «Diario de unha viaxe de nazonalistas. Galeuzca»; Alento, números 1-2, VII-VIII-1934, páx. 21.
(53) Amañecer, n.° 4, 1-IX-1933, páx. l.
(54) Ibídem, páx. 1.
(55) Concretamente protestan de que o Gobernador Civil da Coruña ordenara pechar «sine die» tódalas sociedades agrarias do termo de Ordes. Amañecer, n.° cit., páx. 4.
(56) E.C., 2-XI-1933.
(57) «Unión Socialista Gallega»; E.C., 3-XI-1933, páx. 1, e E.P.G., 4-XI-1933, páx. 12.
(58) «Santiago. Una reunión»; E.P.G., 12-XI-1933, páx. 10.
(59) «Santiago. Mítin»; Ibídem:
(60) «Santiago. Otro mítin»; Ibídem.
(61) X.X. González diríxiu ós electores o seu propio manifesto, como se fai constar en Heraldo de Galicia, 8-XI-1933, páx. 4.
(62) «Boiro. Un Mitin»; E.P.G., 7-XII-1933, páx. 7.
(63) «Al Servicio de Ia Autonomía»; La Voz de Galicia, 14-I-1934, páx. 1.
(64) «Una nota de Unión Socialista Gallega»; E.P.G., 17-V-1936, páx. 12.
(65) Sabemos da existencia deste grupo mercede únicamente ó testimuño do que foi membro dela, Maximino Castiñeiras; Declaracións feitas en A Mahía, 20-XII-1981.
(66) Raza Celta, n.° 12, I-II-1935, páx. 16.
(67) Detectamos artigos de X.X. González encol dos arrendamentos rústicos en Ser, 28-IV-1935, páx. 6; E.C., 13-IV-1935, páx. 1 e 20-IV-1935, páx. 1; V. de G., 18-IV-1935, páx. 1, 20-IV-1935, páx. 1, 24-IV-1935, páx. 1.
(68) Vide a serie de artigos publicados en E.P.G., 29-XI-1935, páx. última, 4-XII 1935, páx. última, 12-XII-1935, páx. últ., 14-XII-1935, páx. últ., 28-XII-1935, páx. 1, 3-I-1936, páx. 14.
(69) Juan Jesús González, «La hora de hacer una política centro», E.P.G., 15-I-1936, páx. 1. Vide tamén E.P.G., 18-I-1936, páx. 1, 31-I-1936, páx. 1, 6-II-1936, páx. 14, 9-II-1936, páx. 16.
(70) «Una nota de Unión Socialista Gallega»; E.P.G., 17-V-1936, páx. 12.
(71) Juan Jesus González, «Los arrendatarios y aparceros gallegos, recobran su tranquilidad»; E.P.G., 7-Ill-1936, páx: 1.
(72) J.J. González, «Galicia ante Ia nueva Lei de Arrendamientos rústicos», E.P.G., 9-IV-1936, páx. 14.
(73) J.J. González, «Nuestra autodeterminación y nuestros grandes problemas», E.P.G., 25-III-1936, páx. 1.
(74) J.J. González, «Hoy, en Compostela»; E.P.G., 29-III-1936, páx. 16.
(75) J.J. González, «Honras. Os homaxes a Villar Ponte»; E.P.G., 24-III-1936, páx. 1.
(76) Localizamos os seguintes artigos de X.X. González: «Bases para una economía interregional», E.P.G., 17-V-1936, páx. 16, 23-V-1936, páx. 11, 29-V-1936, páx. 11; «¿Debemos aspirar a la unidad de los abogados gallegos?», E.P.G., 2-VI-1936, páx. 16 e 12-VI-1936, páx. 12: «Hacia un Estatuto de Ia Vivienda»; E.P.G., 30-IV-1936, páx. 14.
(77) Para o relato disto, vide a obra, notoriamente parcial, de Silva Ferreiro, M. Galicia y el Movimiento Nacional, Santiago 1938, pp. 107/108 (Consultado na biblioteca do I.P.S.).

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega