O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Programa da "Dereita Galeguista de Pontevedra"

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada221.html


DEREITA GALEGUISTA DE PONTEVEDRA

     O anuncio da reforma constitucional e a situación política creada ca suspensión do Estatuto catalán, dan seguranza de que nun prazo
non lonxano terá de prantearse diante o país a cuestión das autonomías rexionaes. E ocurre, en singular contraste cos outros pobos hispánicos, que os partidos políticos de dereitas galegos se mostran hostiles ou cando menos cheos de receios cando se trata de pedir pra Galicia o mesmo réxime de libertade que se outorgue a Cataluña i-as provincial bascas.
     Este feito levounos a pensar na comenencia de que se forme unha agrupación adicada a defensa da autonomía integrada por cantos de ela teñan unha interpretación favorabre a política dereitista. Eis eiqui como nós concebimos o ideario que ten de informar o novo agrupamento.


GALEGUISMO
     Diremos, sin eufemismos, que non somos sinxelamente «rexionalistas». A autonomía que pedimos se non basa solo nunha diferenciación de condicións xeográficas que requira medidas especiaes pra o desenrolo económico. Defendémola como corolario da diferenciación étnica do pobo galego que conserva a súa estabilidade no medio rural. E mester que teña ampritude dabondo pra estimular a vida de unha cultura particular, e grelamos que se nos deixe estabrecer a xerarquia dos valores sociaes e ter un sentido da vida axeitado ao proceso histórico da nosa cultura.
     A escisión vertical do Estado, a distribución do poder político entre os grupos profesionaes que ollan os probremas dende un punto predominantemente económico, opoñemos a existencia dos grupos étnicos con comprensión do problema total de vida humán, co alicerce de Historia, ca exaltación dos valores moraes e co dereito incontrovertibre a rexir con libertade a súa vida interna dentro das normas xeraes, producto tamén de outro proceso histórico que políticamente culmina e se concreta na Constitución do Estado.


O NOSO IDIOMA
     O idioma de un pobo non é somentes o conductor da súa cultura: e tamén o seu expoñente e un factor da súa creación. Coñocer un idioma é asimilarse o comprexo de ideas e sentimentos que forman a trama dunha cultura. Tense dito que toda lingua é un tempro que conserva como unha reliquia a i-alma dos que a falan. Si queremos manter na i-alma de Galicia a nosa propia orixinalidade persoal, temos que defender o seu idioma. Aos filólogos, literatos e poetas, compre traballalo e desenvolvelo pra que aqueza de cheo as necesidades de expresión da nosa cultura; mais ás organizacións políticas compete chamar pra Galicia o dereito a regular o uso do seu idioma na súa vida interna e a non consentir sin protesta que no noso medio rural, na escola costeada con fondos púbricos se omita o ensino da lingua materna nin se prescinda dela como medio adecuado pra a trasmisión de conocimentos ós menos.


RELIXIOSIDADE
     O respeto a creencia relixiosa e á práctica do seu culto é postulado da libertade individual de concencia, é socialmente un elemento de integración política. Consideramos a defensa dos valores espirituales do noso pobo vinculada á defensa do esprito cristián que os informa. Sostemos o dereito a profesar, practicar, i-ensinar púbricamente a relixión católica. Como creentes e como galegos non soio nos opoñemos a descristianización de Galicia, senón que intentaremos levar á vida lexislativa solucións cristián. Exaltando o valor da xerarquía ecresiástica na vida do noso pobo, non dudaríamos en destinar fondos pubricos, cando a Constitución do Estado o permita, a mellorar as institucións formadoras do crero, para que poida de cheo cumprir a súa misión moralizadora i-evanxélica.


NIN MARXISMO NIN FASCISMO: DEMOCRACIA
     O marxismo que se basa na interpretación materialista da historia e na loita de crases, i-aspira a dexeneración das culturas nun internacionalismo con idioma único e cultura proletaria única, e incompratibre co noso concepto do galeguismo que afirma a preponderancia dos factores moraes no proceso histórico dos pobos e do desenrolo paralelo e progresivo das diversas culturas que se integran sin se destruir. Galeguismo e marxismo son pra nós irreconciliabres.
     Ainda sin esta oposición doutriñal, Galicia non ofrece as condicións que unha política marxista eisixe porque eiquí o proceso histórico camiñou no senso inverso a concentración capitalista, e porque o marxismo nas súas experiencias históricas tense mostrado como nemigo do pequeno propietario rural, crás que constitui o nervio da vida social galega.
     A concepción cristián do home, o respeto a súa persoalidade moral e o cumprimento dos fins individuais, a subordinación da orgaización política á libertade, opóñense a concepción do Estado fascista que absorve o cibdadán e descoñece os seus dereitos naturaes.
     Nin marxismo nin fascismo; nin dictadura proletaria, nin dictadura burguesa. Democracia política como expresión axeitada a un estado social de respeto a persoalidade humán, ao senso da responsabilidade individual, a actividade creadora perante a cal cada home poida tapar diariamente i-en cada hora o senso da súa vida, o sentir a alegría do traballo.
     Refusamos a violencia como táctica política. Non queremos pra os nosos mozos o destiño de seren víctimas ou asesinos; desexamos enchelos de desprecio á dinamita i-a pistola como medios de acción política: nin puños pechados nin brazos en outo: a testa ergueita, chea de ideias xenerosas máis fortes que a pólvora pra destruir as formas revellidas e con forza de creación dabondo pra alumear novas normas de convivencia social que aporten melloras positivas ao benestar.


NIN SOCIALISMO NIN CAPITALISMO: COOPERATIVISMO
     Pódese concebir unha socialización sin marxismo; sinxelamente pol-a orgaización sucesiva e crecedeira de servicios púbricos pra satisfacer necesidades humáns, denantes atendidas en rexime de empresa privada. Sin que cada avance particular contradiga a nosa doutrina, o ritmo ten de axustarse de tal xeito que se non crebe o equilibrio antre o volumen do servicio púbrico e o da empresa privada e continúe colectivamente a economía desenrolándose principalmente baixo o estímulo da iniciativa individual.
     Opoñémonos de igual xeito á tendencia capitalista a concentrar a dirección financieira en poucas máns permitindo exercer presións eficaces sobre o traballo ou o pequeno productor deica conseguir a súa destrucción económica. Sobre este capitalismo básase a inxusticia anticristián da vida económica do noso tempo.
     Nin capitalismo nin socialismo: democracia de pequenos propietarios e de productores organizados cooperativamente que teñan da actividade económica un concepto subordinado ao senso moral dos fins humáns.


PROBLEMA ECONOMICO
     Non é de este lugar facer unha exaltación da transformación que o cooperativismo podía intentar na vida de Galicia ou catalogar os probremas económicos do noso pobo. Abonda afirmar que a nosa estructura social descansa na orgaización rural e mariñeira. A primeira preocupación do noso agrupamento será en todo intre atender ós fundamentos da vida económica do noso pobo.


INTEGRACION AUTONOMICA
     Interpretamos a autonomía, consagrada nun estatuto con garantías constitucionaes como dereito a organizar e regular determiñados servicios que afectan á vida interna dun pobo e a estimular o proceso
da súa cultura propia sin merma da soberanía do Estado a quen se recoñece a facultade de definir as atribucións políticas dos grupos sociaes que o integran. Non permitiremos pois que se nos alcume de separatistas tendo unha posición totalmente nidia.
     A doutrina autonomista non esgota a súa fecundidade na orgaización política da «rexión autónoma», ten de chegar a vida municipal, o municipio ten de cheo o dereito de rexir libremente a súa vida económica e a actividade política sin máis control que o xudicial, pra defensa dos dereitos dos particulares, e o do cibdadán pol-a orgaización do sufraxio e da intervención na vida púbrica. E mester borrar o concepto de obrigacións mínimas que se ten consiñado na nosa lexislación pra sometelo a unha escravitude que acabóu coa estructura dos núcreos ruraes, coa sua libertade e coa súa existencia, reducindo o concello a un orgaismo de mera recaudación e de execución dos servicios que o Estado Ile ordena.


REPUBLICANISMO
     Acatamos e defendemos o réxime repubricán do Estado hespañol. A humanidade vive horas en que o debatir universal do problema económico toda revolución inda as de propósitos meramente políticos, teñen consecuencias de trascendencia social. Por eso condenamos como unha temeridade a dos que intentan un novo período revolucionario en nome da monarquía, poñendo en perigo a civilización occidental e cristián. Unha monarquía susténtase do prestixio histórico e cando non acerta a conservalo i-e sustituída por unha democracia repubricán non cabe intentar restaurala.


CONVIVENCIA NA GALEGUIDADE
     Animanos o esprito da máis ampria comprensión pra convivir con todol-os partidos galegos e cos seus dirixentes. A oposición doutrinal non nos fará perder o respeto nos seus homes desexando a todos, mesmo os adversarios, o máximo acerto na elección dos seus dirixentes porque na súa hora levarán a representación de Galicia.
     Unha referencia especial ao Partido Galeguista. Coincidencias fundamentaes de orde ideolóxico, afectos particulares pra os seus afiliados, aseguran non somentes a cordialidade de hoxe, senón a formación dun soio frente sempre que sexa preciso actuar na defensa da nosa terra.

Pontevedra 25 de Mayo do 1395

José García Vidal
Darío Caramés
José Sesto López
José Lino Sánchez
José Filgueira Valverde
José Martínez Tiscar

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega