O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Carta de Bóveda a Filgueira Valverde

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada224.html


Transcripción dunha carta de Bóveda a Filgueira Valverde desaprobando os motivos alegados para face-la escisión de «Dereita Galeguista». (Arquivo do P.G).



D. Xosé Filgueira Valverde      Pontevedra (Galiza) Cádiz, a 10 de maio do 1.935


Querido Filgueira:
     Tiña novas da túa carta; máis non a coñecía íntegra. Agora acabo de a recibir de Gómez Román e, posto que está escrita para a Historia, considero preciso poñerlle pola parte que me toca algúns comentarios, coa claridade e lealtade que ti sabes que eu emprego sempre.
     Empezarei por confesarche que me produxo lamentable impresión. Nin reflexa o que me dixeras n-aquela conversa que tivemos na túa casa cando fun a te visitare â túa volta de Madrid nin en verdade é dina de ti. Cerebral e chea de tópicos e lugares comúns, esplicables no vulgo máis non en ti. Así resulta que, pra xustificares unha decisión que pudo ser naturalísima e respetable, tes de construir todo un rosario de sofismas e ate de acusacións inxustas. Non me será difícil demostrarche canto fica dito, seguindo punto por punto a túa carta.
     Nego en primeiro termo que o teu proceder seña o que mellor correspondía aos deberes políticos que invocas. Xa cho dixen naquela conversa e díxeno sempre: a vosa obriga era traballar dentro do Partido. Antre o teu proceder e o de Otero (inda que Otero tivera decidido sair do Partido) eu preferirei sempre o d'il: tratando primeiro de convencer ao Grupo de Ourense e acudindo despóis, en representación minoritaria pra convencer â Asambreia; â luz do noso Pobo e motivando que se aclarasen posicións e fixasen ideias, das que ti ao parecer non quixeche enterarte; porque eu, que estou máis lonxe e non tiven posibilidade de asistir â Asambreia, puder informarme délas.
     Só así é posible que afirmes que se ratificaron «antre os derradeiros acordos da xuntanza posicións contrarias ao senso espritual da figura mesma de Otero». ¿Queres sinalerme un só d'ises acordos? Un xiquera contrario âs esencias cristiáns ou nazonalistas. Ao que se non accedeu foi a facer certas declaracións que tampouco se quixeron facer cando se aprobou o noso Programa (do que ti és un dos autores) e se constituiu o noso Partido. Máis o respeto e a outura con que se falou nos debates ¿temen algo que envexar ás intervencións que no 1931 tiveran en Pontevedra Tobío, Alonso Ríos, o mesmo Picallo, Tano e Durá? ¿Por qué agora desaprobas o que daquela, exposto incruso con máis rudeza por Alonso, aprobache?
     Non. N-isto non poderás convencer aos que como eu coñecemos a pequena historia do noso Partido en tódolos seus detalles. Porque certamente non tês razón. Na nosa IV Asambreia, o Partido, no orde doutriñal e de principios foi absolutamente fidel ao convenio que determiñou (coa tua aprobación) o seu nacimento e do que era punto básico a neutralidade no relixioso e na custión marxismo-antimarxismo, que todos conviñemos non podía aplicarse a Galiza na forma en que xa estaba de moda pola Europa adiante e que pouco tempo despóis importaron as dereitas hespañolas. Isto pode descoñecelo, ou esquencelo, outro; ti, non.
     Xa fica dito, en troques, que a túa postura pareceríame natual se na carta repetises sinxelamente o que a min me dixeras. Se agora creedes que os tempos demandan unha política na que non debe fallar a afirmación das esencias cristiáns, a vosa adhesión a Roma, etc, está ben. Eu —que non comparto isa posición, porque coela aplicada ao terreo político tiña de romperse fatalmente a unidade do noso Partido— comprendo isa vosa inquedanza, que é a mesma que prendeu en certos seitores inteleituás de varios países preocupados ante os grandes progresos do materialismo marxista e do positivismo filosófico.
     Pro iso e cousa moi distinta d-ise soño de que falas agora e que non quixeche defender dende vai case dous anos nin nas páxinas de A NOSA TERRA, nin nas xuntanzas do Grupo de Pontevedra, nin nas nosas Asambreias. Porque non terás esquencido que o teu criterio ante a III Asambreia —así como o de Bouza e outros— era o de que nos escindísemos en dúas bandas. Ideia contraria â que agora expós d-un partido «totalitario e nazonalista non escindido por difrencias de credos sociás». Iso era precisamente o noso, calquera que foce a súa táitica. I-está claro que non somos nós os que fallan ao convenio fundacional e as provocara. Ben sei que ti ao falar de partido totalitario refíreste ao contido doutrinal e confesional; máis así é como non se poderá endexamáis evitar as «escisións por diferencias de credos sociás». A túa contradicción sinala un camiño xa ensaiado baixo os auspícios de Roma, con pésimos froitos que a mesma Iglesia está colleitando, inda que aparentemente figura o contrario, pola Europa adiante.
     Dixeras que seguías pensando como no pasado ano e non habería —repito— que decir ren, porque eu sei que vos empulaba a elo pensar que así facíades un ben a a nosa Terra. Mais agora colócaste punha posición falsa, en contradicción incluso coa túa conducta anterior. I-eu dígoche que non sei a qué pode obeder iso; mas que, como ves, carece de lóxica, inda que poideses maxinar o contrario extraviado n-isa maraña de razonamentos con a que pretendes xustificalo.
     Que non esteñas conforme coa táitica do Partido, é outro cantar. Outro cantar do que tamén habería de falar moito. Porque eiquí a túa inxusticia chega ao agravio, n-aquil párrafo en que (sen meditar as verbas e coa lixeireza grande, despóis de invitarnos a lêr os teus traballos) nos dis —repara ben— que case todo o que nós levamos feito no orde político non é máis que «desteñido calco da ideoloxía do «Heraldo de Madrid». E isto, se non fose un agravio inxusto, pouco meditado e ate unha miguiña pedante, sería algo que renuncio a calificar, porque non quero responder a un agravio con outro. Mais deixemos isto e vexamos a custión da nosa táitica nos seus aspeitos fundamentás.
     Certo que o Partido tive no 1934 dous camiños: neutralidade nas loitas da política hespañola, ou inclinación a un dos bandos. Eu fun dos que deica principios do 1933 pensaron que a neutralidade podía ser eficaz para os nosos fins. Desenganeime cando reparei na realidade e nos resultados, cada data piores, de dous anos de esforzos formidables. Como as loitas da política hespañola se ventilara tamén na Galiza (realidade que non queríamos ver), toda a nosa enorme campaña de dous anos sirveu pra que d-ela se aproveitasen as dereitas contra dos homes da República, pra seren despois os nosos piores nemigos e —o que ainda é pior— os nemigos máis encarnizados de Galiza e do seu Estatuto, cousa que non compre demostrar. O malo foi que nos decatásemos dista gran verdade demasiado tarde; eu, polo menos. A necesidade, pois, de sair do noso aillamento estaba clara. E, ao establecer unha intelixencia, preferir aos elementos de esquerda non tiña dúbida; porque iles (dígase o que queira) posibilitaron as autonomías concederon a de Cataluña, estaban era camiño de conceder a das Vascongadas e terían concedido a nosa se nós, con máis esperencia da política e mais senso praitico, en vez de atacar aos republicáns (con grande contentamento das dereitas, ás que facíamos un gran servicio, sen o querer) houberamos tratado co-iles de outro modo. Dí esto quen tivo a máisima responsabilidade d'aquil intre por sere d-aquela S. Xeral do Partido; máis a min non me doi recoñecer os meus erros.
     Pois ben: iste criterio foi o que prevaleceu, non sô agora senon xa na Asambreia de Ourense e tamén na extraordinaria de Santiago, en setembro xa do 1933, â que ti —que eu lembre— un dos reparos que puxeche foi que ninguén se lembrase de propoñerte pra candidato, cousa que estimabas (i'eu tamén) que tiñas merecido dábondo pelos teus servicios, indiscutibres, à causa do Partido.
Discrepar d-isa tática ¿xustifica a marcha do Partido? Non. Podería xustificar como ao comenzo dixen, que ergueses noblemente bandeira contra d'ela no seo do Partido constituindote en reserva —como fixo Otero, e como se fai en tódolos Partidos serios motorizados por un ideal— para o caso de que o Partido considerase comenente variala. ¿Queres decirme qué partido totalitario —no senso era que o é o noso e nazonalista que o precisase non acudíu a toda cras de alianzas, âs veces incruso con xentes das máis opostas doutriñas?
     Xa ves como non tes razón nin pola banda da doutriña nin pola da taítica pra xustificar o teu arredamento e os teus inopinados ataques, e cómo é perigoso construir sistemas sofísticos pra xustificar posicións falsas. O teu problema de concencia é otra cousa; a convicción, esposta o ano pasado de que a escisión pode favorecer â Causa galega, tamén Todo o demais con que ves agora, non. Se é para xustificar que ise partido de dereitas que anuncias naza «sen aquel enceio de liberación» ao que non renunciou nin renunciará o noso... entón, pase.
     Se te deses o traballo de requerir a carta dirixida a I.R. comprobarías que o P.G. endexamais hipotecou a súa persoalidade e significado e se quiseses lêr o manifesto da IV Asambreia verías tamén que a nosa posición tocante â reforma constitucional nin é a que ti dís nin nos priva de mante no intre oportuno (que estimamos que non é iste, pra facerlle por segunda vegada o sogo âs dereitas, nemigas nosas) un criterio revisionista nos puntos que nos pareza preciso. E verías derradeiramente que nós non somos tan inxenuos como ti te permites supoñer (supoñer, posto que non falas sen informarte), e sabemos o que damos o que recibimos. Cando non o soupemos foi cando axudamos sen querelo aos que despois habían de ser os nosos máis grandes nemigos, como sucedería se agora tivesemos a candidez de apoialos, ségún a tua proposta, a unha revísión na que (¡ademira o esquecimento de que das probas!) un dos puntos que queren revisar, e se non recatan de o anunciar aos catro ventos, é o réxime de autonomías, ¡e non precisamente para favorecernos como podes supoñer!
     Velahí, se non houbese cen mil máis, un argumento contundente pra xustificar, ben xustificada, a oportunidade e acerto d-ise acordo da nosa IV Asambreia.
     ¿Significa iso que obramos ao dictado das esquerdas de Madrid? Só pode afirmalo quen descoñeza —e ti non podes, ou non debes descoñelo— que os promotores do movimento republicán galego, antes de que fixesen ren en Madrid, fumos nós. E somos nós tamén, como ti sabes de sobra, os que nos opuñemos a direición madrileña en todo: o caso do Seminario, que tan extraviado ía por ise camiño, pode falar con elocuencia de abondo. Tede vos conta de non persistir en tal erro, que de nós por ista banda non hai que ocuparse.
     Feitas istas aclaracións, réstame só decirche que cada un responderá dos seus feitos, e nós estamos tranquilos. Abonda pra ben da Terra que todos os realicemos con patriotismo.
     Polo demáis, non seremos nós os que quebren a unidade espritual con ningunha deslealtade â causa nin con agravio ningún a vós; máis compre que ti e os que te sigan meditedes ben se, pra evitar que nos nos vexamos na precisión, non será menor que en vez de vos arredar facendo acusación inxustas teñades o valor de declarar o voso problema íntimo, e a vosa posición conseguinte, sen rodeos.
     Como de cote, apertas do teu irmán na Patria.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega