O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Constitución da Unión Socialista Galega

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada226.html


¿Pol-o bo camiño? Constituíuse a "Unión Socialista Galega".



     Non eisiste na nosa Terra un partido d-esquerda galeguista típicamente marxista ¿Causas d-elo? Non temos de nos pôr, n-iste intre, â sua precura. Intrésanos somentes precurar un vencello que nos xunga a tódol-os socialistas galegos, que, sentindo fondamente a vida da Galicia, sentimos tamén as doutriñas marxistas e nos afanamos en interpretal-as e adaptalas â realidade galega.
     Pra nós, Galicia é unha realidade tan crara, tan especial, que non podemos estar ao marxen d-ela, nin botarnos no espellismo d-unha vida ficticia levando de bandeira o recramo d-unha xeneralización perxudicial e d-un universalismo en preno esmorecimento. Poñemos a Galicia en primeiro prano e logo cobizamos darlle un tipo de vida que supoña unha verdadeira redención da miseria que arestora suporta. E iste novo xénero de vida que teimamos dar a Galicia, artellando centíficamente tódal-as suas posibilidás, é o socialista. Con ista teima, e pra iste ouxeto, nasce, empulada pol-a forza do ideal «Unión Socialista Gallega» .
     Galicia é unha nazonalidade ibérica con dereito, pol-o menos, a ser autónoma. Con direito a ser ceibe. Con direito a empregar a sua língua, orgaizar as suas institucións, artigoar n-un Código fundamental as suas leises, dar unha base centífica â sua economía, esprotar axeitadamente as suas fontes de riqueza, dando á vida de tódolos seus habitantes un novo senso e unha ourentazón difrente da que agora ten. Co fin de conquerir istes ouxetivos nasce Unión Socialista Gallega.
     E nasce pra toda Galicia Unión Socialista Gallega co desexo de defender n-ela o programa do Partido Socialista hespañol, en todos aquiles puntos que se aveñan cos direitos galegos e cos sentimentos do noso pobo, porque entendemos que a mellor maneira de conquerir un universalismo racional e humán, e a de avencellar tódol-os pobos (espertando os seus sentimentos e orgaizando todo o seu vivir axeitado ás suas caraiterísticas) ao torrente da civilización. Os pobos se non poden sentir irmáns si se non sinten ceibes, si se non sinten donos das suas propias persoalidades. Cobizamos un universalismo perfeito, máis canto máis o arelamos, máis desexamos unha Galicia inteiramente dona de sí.
     Socialistas de toda a vida non podemos esquencernos nin arredarnos dos postulados básicos do Partido Socialista hespañol; máis, galegos de nacimento e galegos de sentimento, tampouco podemos traicionarnos a nós mesmos, esquencéndonos de que unha das nosas primeiras obrigas é a de axeitar ises postulados ao vivir da nosa Terra, tratando de organizala d-unha máis humán e máis ideal.
Xurde, pois, Unión Socialista Gallega, co-a arela vivísima de incorporar á vida galega a esencia marxista do Partido Socialista hespañol, arredándonos, en absoluto, de toda concomitancia con doutrinas burguesas. E co-iste norde imos a orgaizar toda a nazonalidade galega, pra poder estudar e resolver tódol-os seus probremas e satisfacer todal-as suas arelas.
     A Autonomía é, pra Unión Socialista Gallega unha custión limiar e fundamental. É a nosa razón de ser, pois se non precurásemos aixiña unha autonomía integral, non se xustificaría o noso rexurdimento.
     Emporiso, ao nascer, unión Socialista Gallega acusa a necesidade d-isa autonomía, co fin de que, conquerida que sexa, poder botarse á loita por unha Galicia de tipo novo orgaizada asegún as bases centíficas do socialismo moderno. A vida galega non pode deixarse vencer pol-a «gazmoñería» e pol-a miseria que hoxe a caraiteriza e lle da un falso aspeito. No fondo, na entraña do pobo galego, hay algo máis nobre, algo máis encheito de posibilidás que isa degradación e isa probeza. E, xustamente, isa escondida potencialidade que aniña no seo de Galicia, esprotada i-escravizada, e o que precura Unión Socialista Gallega, pra poñela en estado de desenrolo e de producción.
     Pol-o minifundismo da sua propiedade, por non ter unha [ilexible] fortemente orgaizada, nin unha nobreza poderosa, Galicia tópase na máis doada das situacións pra poder encauzar a sua vida asegún o centifismo socialista, multipricando d-unha maneira máis racional a sua producción e aumentando d-unha maneira insospeitada as suas fontes de riqueza.
     Unha laboura pensada, centífica, honrada, farános donos d-unha riqueza que deica agora non tivo Galicia n-oustante ser dona de tódal-as suas fontes.
     Queremos orgaizar a nosa industria, a nosa agricultura, a nosa vida económica d-unha maneira armónica e conxunta, mais sin esquencer a nosa valoración espritual, creando ao mesmo tempo unha cultura, un pensamento, un tipo de civilización paralelo ao rexurdir económico.
     Non ofrecemos ren. Somentes pedimos homes de boa vontade que queiran a Galicia e que comulguen co ideario socialista. Homes que veñen a traballar aos nosos comités e as nosas institucións, con esprito de sacrificio, sin ambición de sinecuras e prebendas.
     Homes que veñan dispostos a impoñer en Galicia as ideias e as formas de goberno socialista, máis por meio d-un traballo arreo. Quen non esteña disposto a sacrificarse pol-o conquerimento d-unha Galicia mellor e ceibe, pol-o tanto, que non veña ás nosas fías e que se absteña de entrar nos nosos comités.
     Queremos unha Galicia autónoma e ceibe, das imposicións d-un centralismo «pernicioso».
     Temos de crear ou espertar a obriga de amar a Galicia por enriba de tódal-as cousas e de tódol-os negocios de tipo persoal, porque vemos o esquencimento en que se topa isto polo noso cometido a unha escravitude política e administrativa da que ninguén precura quitalo; porque gobernándonos por nós mesmos poderemos arranxar os nosos máis íntimos probremas, examinar ás nosas persoalidades e votar eficazmente aos nosos gobernantes.
     Autonomía que ten de nos ceibar do caciquismo centralista, da fame e da escravitude tributaria e moral en que nos teñen sumidos os poderes do Estado central.
     Non podemos decir cal será o porvir que lle está reservado na nosa Terra á «Unión Socialista Gallega». O que sí podemos asegurar é que os camiños que en todo o manifesto se asinalan con os que necesariamente deben seguir tódol-os socialistas galegos, se queren dar contido xusto e de realidade ás suas arelas e non seguir sendo víctimas da gobernación uniformista de Madrid, imposta —da o mesmo— por un goberno burguês que pol-o partido socialista.
     É o camiño que os galeguistas temos indicado moitas vegadas aos que manifestaban frialdade na defensa da causa de Galicia co pretexto da sua ideoloxía máis o menos marxista, pois ela ben sabíamos nós que non podía ser razón de fundamento máis que pra os que teñen do internazonalismo e de outros postulados a mesma idea que calquer rapaz da escola.
     Así o teñen comprendido os socialistas cataláns, que romperon hay tempo as amarras que os xunguían a Madrid e son, como se está vendo, os máis bariles defensores da liberdade da sua Terra.
     Pol-a nosa parte, recibimos con ledicia iste manifesto con que a «Unión Socialista Gallega» comparece diante do noso pobo, porque ven a demostrar que no campo ermo do socialismo galego escomenza a dar fruto a semente que xenerosamente espallamos un día e outro a tódol-os ourizontes.
     E que, dentro d-unha Galicia xa dona dos seus destinos e ceibe pra se gobernar de seu, como conveña a tódal-as suas caraiterísticas, se teime despois de estabrecer normas socialistas, parécenos moi lexítimo, inda que ista afirmación nosa lle poida producir estrañeza a certas xentes.
     Co que endexamais transixiremos é cos partidos xunguidos a Madrid, calquera que sexa a sua ideoloxía, porque iles son os responsabres de tódol-os males que á nosa Terra lle veñen acontecendo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega