O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

("3.9.1.1. O P.G no difícil camiño da autonomía")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada203



     3.9.1.1. O P.G. No difícil camiño da autonomía

     O cabo de poucos días da creación do P.G., o seu C.E. dirixiu un escrito as catro diputacións de Galicia pregándolles que comunicaran o estado no que se atopaban as xestións de cara a tramitación do Estatuto (200). O P.G., no remate do mes de nadal de 1931 non tiña xa grandes esperanzas na xestión das Deputacións, tanto pola pouca dilixencia que amosaran na laboura autonomista, como porque na Constitución que viña de proclamarse non se lles atribuia, en contra do que todos agardaban, a iniciativa autonómica. Por elo, e por unha serie de razóns xa apuntadas noutro capítulo, os sectores partidarios do Estatuto creían necesario elaborar un novo texto e seguir un procedemento distinto. Como queira que a Constitución non establecía cómo e quén tería de proceder a redactar o Estatuto que —iso sí o decía— despois deberían aprobar as duas terceiras partes dos Axuntamentos, Castelao formula un prego nas Cortes, no nome dalgúns diputados máis que os dous restantes do seu partido, pedindo —sen acritude para non enturbiar as cordiais relacións co Goberno— que se procedera a encher ese valeiro, precisándose quén debera redactar ó Estatuto. A situación era difícil, dado que como o propio Castelao dicía: «Galicia no cuenta con un organismo oficial que Ia represente, no tiene en estos momentos sus Diputaciones provinciales constituídas con arreglo a Ia ley y no posee una ciudad que sea cabeza indiscutible de Ia región» (201). Indalecio Prieto respostou que fosen os concellos galegos os que formularan a petición. Consignemos a interrupción de que foi obxecto polo seu correlixionario, o diputado Muiño, quén aseverou que en Galicia non existía ambiente autonomista, co que non facía máis que actualiza-la coñecida tese aprobada no Congreso de Monforte (202). Suarez Picallo non puido permanecer calado e retrucou dicindo que no suposto caso de que non o houbera, habería que crealo (203). Tanto a actitude de Prieto, e dos socialistas en xeral, como a dos partidos republicanos que integraban a coalición gubernamental, era pouco condescendente coa autonomía de Galicia. Temos así que Casares Quiroga nin sequera fixo valer o interés autonomista de Galicia permitindo que Azaña, no seu discurso de presentación ás Cortes, testimuñase somentes o seu apoio ó Estatuto de Cataluña omitindo calquera referencia ós de Galicia e Vasconia, co que puña de manifesto a escasa consideración que estas duas autonomías merecían nas altas esferas do Poder. E máis marcadamente a de Galicia, dado que ó Pais Vasco polo menos lle concedera un decreto conferindo ás comisións xestoras das provincias vasco-navarras o encargo de confeccionar o Estatuto, en tanto que a Galicia non se lle deron máis que as boas palabra dunha declaración ministerial na que se expresaba que calquera que fose a orixe da iniciativa, cando xurdira en Galicia, recibiría o mesmo trato que as de Cataluña e Euskadi (204).
     A interpelación de Castelao era claramente indicativa de que o seu partido estaba a percurar novas vías, descreído da xestións das Deputacións. De todos modos, isto non será óbice para que durante os seguintes meses continúe a reclamar que se active a tramitación deste Estatuto, ó non perfilarse outra expectativa. As opinións de «E.P.G.» que reflexan neste momento uns puntos de vista case que calcados do P.G., aludían claramente a que se necesitaba unha nova carta que non suscitara as disconformidades das anteriores e que reunise tódalas garantías legais necesarias para granxearlle o meirande asentimento posible (205).
     De tódolos xeitos, durante o primeiro trimestre de 1932 seguese a falar de «exhumar» o Estatuto dos parlamentarios. Coa asunción da presidencia da minoría parlamentaria da F.R.G. por parte de Gómez Paratcha, A. Villar Ponte e Suarez Picallo cren chegado o momento de tirar o Estatuto do abandono no que se atopaba, amparándose no proclamado autonomismo de Paratcha. Villar Ponte, que reflexa o sentir do sector máis autonomista da minoría da F.R.G., chega a dicir que de non enmendarse o comportamento dunha amplia franxa da ORGA, e de ex-orguistas que proclamaban que Galicia tería a autonomía cando a merecera, tanto él como Picallo abandonarían o grupo parlamentario (206). Víctor Casas traduce a opinión do P.G. cando, nun artigo (207), manifesta as suas dúbidas de que a F.R.G. rectificase. Namentras o Estatuto segue paralizado pola división entre os republicanos galegos, segundo o devandito galeguista (208), o P.G. lanza unha campaña de mitins cos que tenta, entre outras cousas, de crear maior sensibilización popular verbo da autonomía. Deste contacto directo coa poboación —poboación falta, como o propio P.G. recoñece, de cultura cívica (209)— tiran a conclusión de que: «O ambente autonomista é craro e contundente» (210), cousa na que reiteradamente insisten para contrarrestar o argumento das forzas opostas ó Estatuto, que argüian xustamente o contrario. O compás de espera, que xenerou gran desconcerto e desánimo, interrompiuse cunha proposición presentada no Concello de Santiago por un concellal e profesor da Facultade de Dereito, quén vendo que: «Galicia [...] agitada no hace mucho, por el problema de su propio Gobierno, parece que lo ha abandonado (o Estatuto), porque, aún respondiendo a un sentimiento popular y a necesidades vitales, Ias corporaciones de Derecho público, a quienes, por precepto constitucional, incumbe Ia iniciativa, no dan muestras de actividad en este orden» (211) pide que sexa o Axuntamento santiagués quen tome a iniciativa de convocar a asamblea de corporacións locais. O P.G. bule a sumarse a esta nova tentativa que, de súpeto, aparece, e o propio Castelao envía unha carta a Rajoy felicitándoo pola idea (212). O Axuntamento aproba a proposta e establece un plan consistente en crear unha comisión —a equilibrada composición da cal, a base de dous concellais de dereita e outros dous de esquerda, era sumamente reveladora— que visitara ós principais Axuntamentos invitándoos a que expresaran a sua vontade de reunirse nunha asamblea preparatoria, a que asistirían tamén outras entidades e institucións. Nela deberían acordar si es aceptaba algún dos proxectos xa elaborados, ou ben se confeccionaba un novo, que recollese o criterio maioritario e que ademais tivese en conta a experiencia da discusión parlamentaria do Estatuto catalán. Unha vegada postos de acordo sobor do proxecto de Estatuto convocaríase unha asamblea de Axuntamentos para que o sometera o consideración e aprobase, non sin antes abrir un período de información pública (213). O P.G. explica nunha nota que evitou deliberadamente ser el quen tomase a iniciativa, para non complicar máis un problema que xa estaba enguedellado de máis, envolvendoo nunha loita partidista, polo que agardou ata que a corporación de Santiago tomou a iniciativa, adicándose entramentes á galeguización do pobo (214). Manifesta oficialmente que colaborará nesta segunda tentativa levaba a cabo dende as institucións, pero precisa  —como fixera xa antes verbo do proxecto dos parlamentarios— que en canto sexa conquerida unha «cativa autonomía» seguirá loitando por «[...] un réxime de prena libertade» (215). Polo demais, da conta da sua proclividade a un Estatuto transacional, por entender que acadalo por consenso entre as distintas forzas políticas, fosen de esquerdas ou de dereitas, era  «mellor que conquerido por unha agrupación política calquera [...]» (216). O engranaxe do partido ponse era marcha para recabar os apoios necesarios para a sustentación da empresa, que con dilixencia levaban a termo os concellais santiagueses e o propio alcalde López Pol, e temos así que en Ourense, Risco e o presidente do Grupo, Peña Rey, acuden a recibir a comisión, e ademais convocan ós partidos republicanos a unha reunión para tratar a cuestión autonómica (217).
     O 3 de xullo celébrase no Paraninfo da Universidade de Santiago a Asamblea preparatoria do Estatuto de Galicia (218). Asisten a ela deputados, representantes dos partidos e dos alcaldes dos municipios cabezas de partido. Xaime Quintanilla, que representaba non ó seu partido senon ós axuntamentos da comarca ferrolana, tivo unha destacada actuación, sendo elixido para ocupa-Ia presidencia da mesa. Pronunciouse por un novo Estatuto de concordia, que fose aceptable para todos. Axiña se revelou que este era o sentir maioritario. Prácticamente todos coincidían en que se ben o Estatuto dos parlamentarios fora redactado cando se coñecían xa os artigos constitucionais que regulaban a autonomía (porén a Constitución ainda non fora proclamada), faltáballe prácticamente tódolo que se refería á cuestión económica, concitara animadversións múltiplas e, por ende, non recollía o criterio do Goberno sobor dos límites da autonomía, manifestado co gallo da discusión do Estatuto catalán no Parlamento. O que suscitou maior controversia foi a cuestión de determinar o proxecto ou proxectos estatutarios que deberían servir de base para a elaboración dun novo Estatuto. A Asamblea polarizouse arredor de duas posturas. Unha delas, que tiña como portavoces a Iglesias Corral. Rajoy Leloup e Reyno Caamaño, inclinábase por basearse exclusivamente no Estatuto dos parlamentarios, ó que se poderían facer as reformas que se estimase oportuno. A segunda, defendida por Bóveda, Picallo e outros afiliados ó P.G., e apoiada polo partido federal de Santiago, preconizaba que se tomaran como base de discusión tódolos Estatutos, sen darlle preferencia a ningún, de xeito que a comisión redactora poidese recoller tódalas ideas positivas que en todos eles se atoparan. O trasfondo desta polémica era si o Estatuto debería ter o máximo de competencias que a Constitución permitía, ou tan só aquelas que Galicia estaba preparada para asumir, segundo o parecer do sector máis mornamente autonomista da ORGA e outros partidos. Como o mesmo Alexandre Bóveda declaraba, o P.G. era partidario do Estatuto máximo:


«pero nos damos cuenta de que aquí no venimos más que a hacer una labor de concordia, a ponernos de acuerdo todos en lo que podamos lograr» (219).


     Co cal evidenciaba o espiritu transaccional do seu partido. Como queira que non se conqueria chegar a un acordo, corréndose o risco de que se esvaise o espíritu de concordia, os galeguistas plantexaron e lograron que se aceptara, que fose a Comisión redactora quen decidise sobor do particular. Procedese despois a elexir duas comisións. Unha que actuaría como ponencia, composta por dez membros, elixidos non en base a sua afiliación política senon a sua preparación técnica, que debería elaborar un proxecto de Estatuto asesorándose de organismos tales como Cámaras de Comercio, Colexios de Abogados, etc. (220). Resultaron elixidos: Salvador Cabeza de León, Decano da Facultade de Dereito e presidente do SEG, Iglesias Corral, alcalde da Coruña, Eladio Rodríguez González, presidente da Academia Galega, Manuel Lugrís Freire, membro da citada corporación e patriarca do galeguismo, Rodrigo Sanz, presidente do Secretariado de Galicia en Madrid, Montero Díaz, arqueólogo e bibliotecario da Universidade, Rajoy Leloup, concellal e Decano do Colexio de Abogados de Santiago, Avelino López Otero, abogado e dirixente do PRG, e ó cabo dous técnicos, Bóveda e Jacobo Arias del Villar, enxeñeiro forestal. A segunda comisión, tiña asignado o labor de propaganda, e estaría constituída por representantes dos partidos.
     Na Comisión encargada de elaborar o anteproxecto do Estatuto, cun criterio integrador (221), Bóveda xoga un papel sumamente destacado (222). Conquire que se tomen como base de discusión tódolos anteproxectos existentes, logra que a maioría acepte a cooficilaidade do galego co castelán (223) e o seu influxo é determinante nos apartados económicos. A primeiros de setembro estaba xa rematado o anteproxecto que se publica íntegro na maior parte da prensa (224). Abrese daquela un plazo de información pública para que tódalas persoas e entidades interesadas enviasen enmendas que terían de ser examinadas pola Comisión. O P.G. aproveita esta fase para teimar nos seus puntos de vista que non foran tidos en consideración. Son primordialmente as zonas de Pontevedra e Vigo, e os especialistas en dereito Banet Fontenla e Carballo Calero (225) os encargados de plantexar as enmendas.
     Paralelamente prodúcense distintos signos que, agora alumean con claridade o futuro do Estatuto, agora o arrodean de inquedantes sombras. Azaña visita Galicia a fins de setembro e nunha entrevista con Castelao, revélalle que o seu Goberno está disposto a concederlle a Galicia tanta autonomía como a Cataluña (226). Por contraposición, Luis Bello, presidente da Comisión de Estatutos, publica no diario madrileño «Luz», correspondente ó 23 de setembro, un artigo pouco favorable para os desexos autonómicos de Galicia. Do mesmo xeito, o presidente das Cortes, Besteiro, efectuou unhas declaracións á prensa precisando que as autonomías somentes serían concedidas «según quien Ias pida» (227).
     O escomenzar novembro o Consello Executivo do P.G. adopta unha nova táctica na sua laboura estatutaria. Entendendo que o Estatuto estaba xa en marcha —que era ó que deica agora adicara os seus esforzos— acorda encamiñar a sua propaganda non só a expoñer a comenencia do réxime autonómico, senon primordialmente a conquerir apoio as teses galeguistas con vistas a facelas triunfar na Asamblea de Axuntamentos. As discrepancias do P.G. co anteproxecto que se tería de discutir nela, estribaban no tratamento, que estimaban insuficiente, dos artigos referentes ó recoñecimento da lingua galega, ensino, garantías de democracia directa, réxime fiscal e económico, e a transformación do réxime burocrático e fiscal vixentes. Tentarían, ademais, de crear un movimento de opinión favorable á formación dun núcleo galeguista na futura Asamblea Constituinte de Galicia. O cabo acordou o organo de dirección do P.G. nomear a Sebastián González, representante do partido na Comisión de Propaganda do Estatuto (228). Os galeguistas, como xa fixeran antes e seguirán facendo despois, publican numerosos artigos na prensa defendendo a autonomía. Como en tantas outras cousas, sobrancea tamén nisto Bóveda, quen nas colunas dos periódicos polemiza con Vicente Sierra, Isidoro Millán, García Ramos e Azpiazu, todos eles belixerantes antiautonomistas (229) que adoitaban facer publicos os seus escritos nas páxinas de «El Faro de Vigo», periódico contrario ó Estatuto, que acollía nas suas colunas a todos cantos artigos contrarios ó Estatuto lle enviaban, publicandoos frecuentemente nun lugar destacado da primeira páxina; cando menos isto é o que denuncia o P.G. (230). De tódolos xeitos, Bóveda entendía que despois de todo non era malo que houbera certa oposición ó Estatuto, por ser mellor un clima de interés e de loita, que de pasivo rexeitamento, que xeneraría mais indiferencia e non tería a virtude de estimular os elementos pro-autonomistas (231).
     Transcurrido o período informativo, os afiliados do P.G. conquiren situarse en varias das Seccións en que se organiza a Asamblea de Concellos. Concretamente cinco galeguistas son designados secretarios en catro das cinco Seccións: Fernández del Riego, Sebastián González, López Durá, Manuel Beiras e Luis Seoane (232). A Asamblea vaise celebrar nun clima bastante favorable para o Estatuto, pero cunha cuestión perigosa planeando sobor dél: o problema da capitalidade ó que compre que nos refiramos.
     A capitalidade de Galicia era cobizada fundamentalmente pola Coruña, pero tamén por Santiago, centro xeográfico, cultural e espiritual de Galicia, ademais de propulsor da segunda tentativa autonómica oficial, e con certo pintoresquismo, por Mondoñedo, o valedor da cal, Troncoso Osorio, aducía a superior espiritualidade desta vila (233). De todas elas, foi Coruña sen dúbida a cidade máis belixerante. Os ánimos coruñesistas foron alporizados pola intitulada «Agrupación a Ia Tercera República», entidade na que no fundamental convivían radicais e radicais-socialistas. Ainda que en teoría tratabase dunha entidade que postulaba a transformación da II República, feble e insegura, nunha III República firmemente enraigañada na entrana popular, na práctica deveu en debeladora da aspiración de Santiago a se converter na sede das institucións autonómicas. A este efecto levou a cabo unha campaña de denuncia do xeito en que se estaba a levar a cabo o proceso autonómico. Tamén o xornal «La Voz de Galicia» cauterizaba dun modo sistemático á opinión pública coruñesa enarbolando a reivindicación da capitalidade. Consideraba insatisfactoria a fórmula establecida pola Comisión Redactora do Estatuto —consistente en pospoñer o problema ata que a primeira Asamblea de diputados galegos dirimise a cuestión— o que obrigou a ésta a sairlle ó paso (234). Neste clima así creado, reúnese en pleno a corporación coruñesa, nun ambiente de gran expectación, e o alcalde Iglesias Corral propon que a Coruña non aceptase a posta en cuestión da capitalidade que por dereito lle correspondía, e que ó escomenzar a Asamblea de Axuntamentos preguntase: «si ha lugar a deliberar respecto a Ia capitalidad», retirándose no caso de que se lle inferise a ofensa de discuti-lo seu dereito. Compre sinalar, por ende, que as «forzas vivas» da Coruña apoiaban de maneira unánime a esixencia de capitalidade (235). A corporación aprobou unánimemente a tese de Iglesias Corral (236). En medio de divisións e localismos celebrouse os días 17, 18 e 19 de nadal a Asamblea de Concellos, que tivo por marco o Salón de Actos da Facultade de Medicinñ. Ademais da meirande parte dos concellos de Galicia, asistían tamén a este congreso: deputados, autoridades provinciais e representantes dos partidos e institucións, como a Universidade. Os galeguistas desempeñaron un papel certamente crucial. Eles foron quen se enfrentaron a Pita Romero, Iglesias Corral, e outros caracterizados representantes da ORGA, que pretendían que o Estatuto non podía ser definitivamente aprobado pola Asamblea, senon que debía ser remitido novamente ós Axuntamentos para a sua aprobación ou recusación, argumentando que os representantes municipais tiñan facultades para aprobar o Estatuto que se presentara á Asamblea, pero non o que sairía dela reformado, o que se interpretou como unha manobra dilatoria (237). Foi Bóveda —non sen que antes Otero Pedrayo puxera de manifesto a posición maximalista do P.G. verbo do Estatuto, a pesares do cal non tiña incomenente en colabourar á consecución dun Estatuto mínimo— quen, ostentando a representación da Ponencia, polemizou con Iglesias Corral cando este, de forma moi habil, defendeu o «no ha lugar a deliberar» sobor da cuestión da capitalidade, engadindo entre fortes rumores que se os galegos discutían o que non debía discutirse, non terían autonomía (238). O problema da capitalidade provocou un maremagum na Asamblea, estando a piques de compromete-lo necesario concerto establecido. Para salvar a situación os partidos políticos autonomistas plantexaron unha enmenda ó artigo 36, que era o que establecía que tería de ser o parlamento galego quen dirimise o problema da capitalidade, en virtude da cal desaparecería a referencia a que o Parlamento debera designar a capitalidade, querendo dar satisfacción a Coruña —ambiguamente, para non ferir a Santiago—, que na tal omisión debería ver tácitamente aceptada a sua pretensión a capitalidade, sobor da que non admitía cuestionamento. A fórmula foi aprobada, pero non conqueriu que a Coruña dera o seu respaldo, polo momento, ó Estatuto. De tódolos xeitos, ainda que a representación coruñesa retirouse da Asamblea, os ánimos dos teimudos coruñesistas apaciguaronse considerablemente (239).
     Non podemos esquencernos de sinalar o que o P.G. conquire introducir no Estatuto, tanto no previo traballo da Comisión, como tamén no plenario de municipios, e asimesmo o que non lle foi aceptado. Conquire que o Estatuto recolla a posibilidade de que se incorporasen ó réxime autonómico galego calisquera territorios limítrofes, foran ou non municipios (240). O principio da cooficialidade entre os idiomas galego e castelán foi recollido polo Estatuto despois dun puxilato verbal, no que a oratoria de Montero Díaz (240 bis), posta ó servicio da oficialidade exclusiva do castelán, causou un tremendo impacto na Asamblea, e somentes prevaleceu a tese bilingüística, dempois de que Bóveda pronunciara un dos discursos máis brillantes e convincentes dos que naquela ocasión se ouviron (e posiblemente da sua vida) (241). Porén, tal e como quedou establecida, a cooficialidade, que por exemplo no ensino somentes se permitía a nível primario (242), distaba de satisfacer enteiramente ó P.G., que pesia todo retirou as enmendas maximalistas presentadas por Filgueira Valverde e Vidal Bustamante, por entender que o degrao de conciencia da Asamblea non permitía outra cousa (243). Estaban, ademais, ainda vivas as negativas resonancias que esta cuestión suscitara nos anteriores anteproxectos. No eido lexislativo, a proposta do experto no tema, señor Lezón, a comunidade autónoma recoñecía o «Dereito Foral Galego» e declarábase disposta a lexislar en base a él. Banet Fontenla foi o encargado de da-Ias gracias no nome do seu partido ó devandito señor Lezón, polas suas aportacións, e como especialista que era no tema explicou á Asamblea como podía chegarse á formación do «Código Foral Galego». Na parte referida a Facenda rexional, resulta marcadamente perceptible a mán de Bóveda. Este, da mesma maneira que os restantes membros da Comisión, sabía perfectamente que as Cortes non aceptarían un réxime de cupo, similar ó de Euskadi, por mais que resultara grandemente beneficioso para Galicia. Por posibilismo político o P.G. aceptou que as bases financieiras autonómicas non fosen demasiado amplias (244). Os impostos, dereitos e bens, eran os dous apartados que fornecían a meirande cantidade de ingresos, seguidos da emisión de empréstitos. Á pericia técnica de Bóveda debeuse que se fixera constar a posibilidade de creación dun banco galego que podía utilizar as «Cajas de Ahorro» existentes (unha das cales a de Pontevedra —Lérez— puxera en pé o propio Alexandre Bóveda) e entidades análogas. Tamén eran debidas ó dirixente galeguista as argucias consistentes, unha en crear un sistema de compensacións en favor de Galicia, aplicable cando e producto da «Deuda Pública» do Estado tivera como obxetivo invertir en servicios existentes no resto do territorio, pero que en Galicia dependían non do poder central, senon do autonómico, por estarenlle transferidos; outra en que a Rexión podería actuar como axente recaudador de contribucións da Facenda da República, do mesmo xeito que calquera particular, quedándose cunha parte do recaudado. Especialmente grata ó P.G. era a desgravación arancelaria que figuraba no Estatuto a modo de proposición ó Goberno para que a aplicara no millo e mailo forraxe que entrasen polos portos galegos, e asimesmo nas materias primas necesarias para as indústrias básicas galegas. Establecíase tamén que a Rexión estaría permanentemente representada nas institucións oficiais que regulaban os aranceis, continxentes de importacións e exportacións, e precios e tasas da distribución e venda dos productos tanto industriais como agrícolas. En materia agraria estipulábase que esta era unha competencia exclusiva da Rexión, así como a de crear institucións autónomas para a execución da sua específica reforma agraria, pero se facían importantes salvedades que restaban materias de trascendental importancia (245). Figuraban tamén competencias en canto ó establecemento de cooperativas —non só agrarias— punto este básico para o P.G., por todo o cal a parte económica tiña o mínimo imprescindible como para que os galeguistas se decidisen a apoiala. E así o fixo Bóveda, que a defendeu como portavoz da Ponencia conquerindo unha prolongada ovación da Asamblea e a retirada das enmendas presentadas polo P.R.R.S. e Cerqueiras, no nome de varias institucións económicas, ó Título IV, que foi aprobado por aclamación (246). O P.G. víu tamén complacido como se adscribian á Rexión competencias exclusivas na conservación de monumentos e na defensa do patrimonio artístico e cultural de Galicia, que non podería ser enaxenado nin levado fora de Rexión. Polo demais, constaba o recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia, ainda que quedaba revalidado o sistema municipal e mesmo afortalado, dadas as prerrogativas derivadas da autonomía da administración local. Pola contra o Estatuto non consagraba a estructura provincial (247) ainda que tampouco aceptaba a comarcal, como pretendía o P.G., pero cando menos abría a posibilidade de que o futuro Parlamento Galego crease a delimitación comarcal. Puntos do programa do P.G. referentes a participación dos electores no proceso lexislativo (referendum e iniciativa lexislativa popular) e no control da actuación gubernativa (designación e revocación de gobernantes, etc.), e asimesmo o dereito a executar expropiacións e socializacións de riquezas naturais e empresas económicas, foron recollidos no articulado do Estatuto. Pola contra, no ensino as competencias non eran moitas (248).
     Na solemne sesión de clausura da Asamblea —que foi retransmitida por radio para os galegos de América— Osorio Tafall deu a noticia de que o Estatuto fora aprobado por 209 Axuntamentos, dos 319 existentes en Galicia. Traducido a poboación representaban a 339.000 votantes dos 444.000 das listas electorais. Para ir cara o plebiscito sobraban votos, xa que abondaría —a nível estrictamente aritmético— con que o propuxeran 160 Concellos (249). O proceso estatutario cobraba novo pulo, e o que foi un dos seus máximos artífices, Alexandre Bóveda, recibeu xunto co presidente da histórica Asamblea, Tafall, un homenaxe popular que, por aquelo de que política e gastronomía están engarzadas por non se sabe ben que extraños vencellos, consisteu nun banquete en Pontevedra (250).
     O Estatuto saído da Asamblea de Concellos encamiñábase cara o plebiscito nunhas condicións bastante boas, e dende logo muito mellores que os proxectos precedentes. O que variara non era a actitude da forza política mais afervoadamente autonomista, o P.G., que do mesmo xeito que fixera co anterior Estatuto dos parlamentarios, estaba tamén disposta agora a adoptar unha «posición de sacrificio», traballando con ardentía por un Estatuto ó que non consideraba máis que como «unha cativa reivindicación», postergando as suas arelas maximalistas (251). A mutación tivera lugar, pola contra, nunha parte destacable da opinión pública e sobre todo das institucións económicas e entidades e profesionais, que a estas alturas —dempois das sucesivas tentativas e da aprobación polas Cortes do Estatuto Catalán— consideraban que a autonomía remataría indefectiblemente por chegar tamén a Galicia; xa que logo, por elemental realismo político o que cumpría era adaptarse á nova situación. Non foi alleo a este resultado o exquisito cuidado que se puxera en lograr un Estatuto que gozara de amplio consenso, e na medida do posible «neutral».
     Podemos considerar que, sen demasiado entusiasmo (252), apoiaban o Estatuto as entidades e partidos que a continuación sinalamos. En primeiro termo, as Camaras de Comercio votan a prol da autonomía, (253) ainda que co temor de que se crearan novos impostos. A mais reticente era a da Coruña, por discrepancias na cuestión da capitalidade, o que era común ás restantes entidades coruñesas, incluida a propia Academia Galega (254) coa excepción da Deputación (255). Eran tamén favorables ó Estatuto a «Confederación de Cajas de Ahorro de Galicia» e as Cámaras da Propiedade (256), a Asociación de Contables de Vigo, e a Federación Gremial de Patronos desa mesma cidade que tributou unha longa ovación a Bóveda o remate da conferencia pro-estatutista que pronunciou por invitación da devandita entidade patronal (257). Apoian, ademais, o Estatuto as Diputacións provinciais e, o que é novo e fundamental, a meirande parte dos Axutamentos, con duas importantes excepcións: o concello da Coruña, por razóns xa mencionadas, o de Vigo, de maioría radical-socialista, por estimar «que Galicia no está en condiciones para afrontar el problema ni capacitada Ia región para dar leyes sin preparación previa» (258); e, con xa menor importancia, compre mencionar a oposición dos Concellos de Moaña, Mondoñedo e Lugo. Polo que fai, ós partidos políticos, valerémonos do informe do secretario do «Comité rexional de Autonomía», Rajoy Leloup, que dispuña de fontes de primeira mán (259). Segundo el, sectores dalgúns partidos que se tiñan declarado favorables a autonomía na Asamblea de Compostela, emprenderon contradictoriamente despois unha campaña «francamente antiautonomista». Antes de pasar a detallar as posicións concretas, comenta Rajoy a guisa de introducción, que existían como forzas políticas de maior implantación as seguintes: «Partido Republicano Gallego», «Partido Republicano Radical», «Radical Socialista», «Acción Republicana», «Partido Socialista», «Partido Federal de Izquierda Gallega», «Partido Galeguista», «Unión Regional de Derechas», e os elementos agrarios (sic). Había ademais outras organizacións políticas, non tan importantes, porque algunhas non tiñan máis que os cadros de mando e outras se atopaban en estado de embrión; cita neste senso ó «Partido Republicano Conservador», o Liberal-Democrático, «Unión Socialista Gallega», etc. A «Unión Regional de Derechas» acordou inhibirse, pero non combatir ó Estatuto, deixando en libertade ós seus elementos para que poidesen, se querían, defender a autonomía (260). A pesares desta ponderación e ecuanimidade proclamadas, a U.R.D. amosóuse agresiva co P.G. por considerar a este partido como o principal valedor do Estatuto (261) . O PSOE acudiu a Asamblea de Concellos e alí expuso, por boca do seu diputado Lorenzo, que non se consideraba no caso de contribuir a crear o sentimento autonomista, pero que si o Estatuto era aprobado en plebiscito pola maioría dos galegos, a minoría parlamentaria socialista daríalle o seu respaldo nas Cortes como llo dera ó Estatuto catalán (262). Verbo do P.R.S.S. o informe de Rajoy Leloup é bastante parco. Limítase a sinala-lo seu apoio ó Estatuto manifestado na Asamblea compostelana, e a participación do deputado García Becerra, no nome da organización central do seu partido, na comisión parlamentaria que visitou ó Goberno para solicitala convocatoria do plebiscito. De feito, as cousas non eran tan sinxelas. Dun modo xeral, os radicais-socialistas pensaban que a diferencialidade de Galicia non era para tanto, e neste senso criticaban ó P.G. (263). O partido de Gordón Ordás non actuaba uniformemente (e non era o único partido que actuaba de tal xeito en Galicia); adoito manifestaban os seus adherentes un criterio diverso segundo as localidades nas que residían, nuns lugares a favor da autonomía e noutros totalmente en contra (264). Destacáronse pola sua belixerancia anti-estatutaria os radicais-socialistas da zona coruñesa. Polo demais, deron o seu apoio ó Estatuto: o delegado rexional do «Partido Republicano Progresista», Alvarez de Neyra, e os dirixentes de «Acción Republicana», Vilanova e Martínez Risco. O «Partido Republicano Gallego» era oficialmente autonomista, pero existía un amplio sector deste partido —o mesmo que plantexou inoportunas cuestións no transcurso da Asamblea de Compostela— que non tardaría en poñer de manifesto a sua mornedade e inconsecuencia. O «Partido Republicano Radical» distaba de actuar coa cohesión na cuestión do Estatuto. Globalmente podemos dicir que o seu autonomismo era algo máis ben programático e formal, que efectivo e sinceiro. Alejandro Lerroux, en carta datada a 12 de outubro de 1932, comunicou ó comité autonómico que tería en relación co Estatuto galego a mesma actitude que tivera co de Cataluña, o que implicaba que o votaría favorablemente. Agora ben, o «Comité regional» do Partido Radical foi ben máis reticente cando comunicou oficialmente, o 22 de novembro de 1932, que se abstería de colaborar na propaganda estatutaria «mientras no se den garantías de que era el plebiscito [...] ha de haber Ia libertad necesaria para que Ia votación sea el reflejo fiel de Ia voluntad de Ia Región —y no Ia expresión del deseo de un determinado partido político—[...]». A maior abondamento, Vicente Sierra como portavoz da representación radical na Asamblea de Compostela, adheriuse ó Estatuto pero poñendo como condición que no momento en que se constituise o goberno autonómico, os Gobernos civís e os principais postos deberían repartirse entre tódolos partidos políticos. Eis unha das claves que explican as reticencias dos radicais verbo do Estatuto: como dixera Bóveda (265) os radicais temían que co goberno autónomo se repetise o que acontecera nos primeiros momentos da existencia do réxime republicano, e que novamente o P.R.G. monopolizaría tódolos cargos importantes, quedando relegado o Partido Radical. Somentes o núcleo santiagués do P.R. era verdadeira e cabalmente autonomista. Con posterioridade á Asamblea de Compostela bastantes elementos do Partido Radical —como denuncia Rajoy— atacaron frontalmente o Estatuto. Por contraposición á U.S.G. e P.R.F. de Izquierda Gallega, que eran clara e meridianamente favorables ó Estatuto, o Partido Republicano Liberal Democrático, liderado por Melquiades Alvarez, era antiautonomista por entender que o Estatuto atentaba descontra da unidade nacional. De tódolos xeitos non fixo campaña en contra da autonomía. O Partido Republicano Conservador (maurista) carecía de organización en Galicia cando se celebrou a Asamblea de Compostela, pero o diputado Cornide, de significación dereitista conservadora expresou o seu apoio ó Estatuto. Respecto das sociedades agrarias, Rajoy sinala que maioritariamente se adheriran a autonomía (266). No que fai ó mundo obreiro, hai que dicir que estaba bastante desolidarizado da cuestión autonómica. Somentes temos datos de que apoiasen o Estatuto o «Centro Obrero de Oficios Varios do Partido Socialista de Laza», a «Sociedad de Trabajadores de Bandeira y sus contornos», a «Agrupación de Trabajadores de Serres» e a «Unión de trabajadores de Mar y Tierra de Muros». Como se pode ver, ben pouca cousa. Na C.N.T. somente hai un somero atisbo de achegamento a posturas autonomistas, encarnado no artigo que Fausto Brand publica no órgano oficial da CNT-AIT, «Solidaridad Obrera» (267). Este artigo, no que se defende a autonomía dende supostos anarco-sindicalistas, parece evidenciar que non tódolos cenetistas estaban en contra do Estatuto, pero por tratarse dun feito aillado, non ten tampouco demasiado relevo.
     O Consello Executivo do P.G. acorda integrarse na «Comisión Central pro-Estatuto» encargada de levar a cabo os traballos de propaganda e organización do plebiscito, «sin perjuicio de Ia labor que el partido realice por su cuenta y sin que ello signifique en ningún caso renunciamiento a seguir laborando en pro de los principios maximalistas, que los representantes del galleguismo señalaron en Ia Asamblea de Ayuntamientos, hasta conseguir el triunfo de los mismos» (268). Destaquemos tamén o apoio que os emigrantes en Sudamérica prestan o labor do P.G., e dun modo xeral á autonomía. 
     A fins de xaneiro de 1933 sae a luz un importante manifesto suscrito por profesionais e intelectuais de diversas ideoloxías e encadramentos partidarios, pronunciándose polo triunfo plebiscitario do Estatuto, que aseguraban non era de dereitas nin de esquerdas (269). Neste mesmo mes unha comisión formada polos deputados Castelao, Edmundo Lorenzo (PSOE), García Becerra (PRRS) e Paratche (PRG) entrevistouse co ministro de Gobernación, Casares Quiroga, que estaba á sazón atrafegado por mor dos levantamentos anarquistas e os dramáticos acontecementos de Casas Viejas (270) («En estos momentos de graves preocupaciones para el pobre Casares, que no duerme», decíalle Paratcha a Castelao), transmitíndolle o desexo de Galicia de celebrar o plebiscito en febreiro, con anterioridade ás eleccións municipais. As razóns desta premura foron expostas por Castelao do seguinte xeito (271): a petición do plebiscito era anterior á convocatoria das eleccións municipais; de celebrarense antes éstas quedaría cortocircuitado o entusiasmo xenerado pola Asamblea de Santiago; a competencia dos partidos na campaña electoral imposibilitaría o necesario clima de armonía, que era algo esencial para o éxito do plebiscito; ó cabo, os novos Concellos formados despois das eleccións poderían seren contrarios ó Estatuto. Casares amosouse moi reticente pretextando que non era serio celebrar o plebiscito no domingo de entroido (celebración coa que efectivamente coincidía a data prevista), e que ademais non se podería contar para ese día co novo censo electoral que o Goberno estaba a elaborar (272). Castelao viu con grande tristura como os seus compañeiros puñanse do lado do Ministro, o tempo que Casares aducia tamén que en Galicia non existía suficiente ambiente autonomista, mostrándose molesto de que estivera sinalada a data do plebiscito no documento elevado ó Goberno, e manifestando gran preocupación por quen tería de ser o Presidente de Galicia e, asimesmo, por quen ocuparían as Consellerías, estando en contra de que Otero Pedrayo desempeñase a de Instrucción. Conqueriron logo os comisionados entrevistarse con Azaña, quen acolleu o asunto con interés, quedando en comentalo con Casares e levalo ó Consello de Ministros. Nesta segunda reunión, Gómez Paratcha plantexou o problema do censo con afán obstrucionista, polo cal Castelao montexouno de «traidor» no seu informe (273).
     Nunha conferencia pronunciada en Marín no mes de febreiro de 1933, Bóveda recapitula os actos de propaganda autonómica efectuados polo P.G.: 196 en total (273 bis). Esta actividade concienciadora non tivo como complemento a benevolencia oficial. Ata o 27 de maio —despois de celebradas as eleccións municipais— non apareceu o Decreto da Presidencia do Consello de Ministros facultando o Comité designado na Asamblea de Santiago para someter a referendum plebiscitario o Estatuto galego (274). A primordial razón da demora, segundo o recoñoce alguén tan pouco sospeitoso de exaltación —amén de correlixionario do ministro da gobernación— Emílio González López (275), foi a renuencia de Casares. Para os galeguistas este retraso creou desconcerto e desánimo entre os autonomistas. Fixo ademais que os nemigos da autonomía colleran pulo e se envalentonaran á vista do desprecio con que trataba o Goberno a cuestión autonómica de Galicia (276). Neste paréntese de cinco meses a ofensiva contra do Estatuto chega a cotas de bastante intensidade. A «Agrupación a Ia Tercera República», as dereitas e os radicais —que agora dicían que non estaban conformes con algúns puntos do Estatuto— sumaban azos neste común empeño. Dende as páxinas gasalleiras de «El Faro de Vigo» —que fora o único xornal que se negara a publica-lo Estatuto (277)— Isidoro Millán, Gárcía Ramos, Vicente Sierra e José Valledor, combatían sañudamente a autonomía (278). Por contraposición, a campaña de propaganda autonómica levada a cabo pelos partidos agrupados no Comité Pro-Autonomía foi francamente feble. O P.R.G. colaborou nela en moi escasa medida e soamente o P.G. se entregou con tesón a unha campaña de mitins. Para reforzala o P.G. patrocinou a película de propaganda autonómica «Por unha Galicia nova», realizada pola empresa «Folk» de Pontevedra (279). Unha gran parte da propaganda a prol do Estatuto canalizabase ó traveso doutro medio deica agora tamén inédito nas lides políticas: a radio. A este efecto instalouse unha estación radio-emisora en Santiago dende a que adoitaban darse noticias e conferencias autonomistas (280). A inactividade do P.R.G. e a actitude do seu representante no Goberno crearon unha situación tan difícil que o Consello Executivo do P.G. ordenou ós seus diputados, poucos días denantes da aparición inesperada do decreto, que de continua-Ia demora abandonasen o Parlamento (281).
     O Comité Central do Estatuto fixou a data do plebiscito para setembro de 1933 (282). Acordouse tamén facer unha intensa campaña estatutaria que durase todo o vran, pero axiña tornou a reaparecer a apatía na meirande parte das forzas políticas comprometidas co Estatuto. O P.G., que invocaba unha e outra vegada a necesidade da unión de toda Galicia, por riba de partidismos e divisións de clase, non pode evita-Ia censura ós outros partidos pola sua mornedade manifestada no pouco dinamismo propagandístico (283).
     No mes de xullo ten lugar en Santiago o primeiro gran acto da campaña pro-estatuto, convocado polo C.C. de A., e o P.R.G. non asiste. Os galeguistas alporizanse e non cesan xa de criticar ós partidarios de Casares, co cal dende logo non contribuen a incrementar o seu interés polo Estatuto (284). Desoen deste xeito os prudentes consellos dados a Bóveda por Correa Calderón (285).
     Para maior desesperación do P.G. as Diputacións e Concellos (organismos nos que era hexemónico o partido de Casares) non se decidían a aporta-los recursos económicos necesarios para sufragar a campaña, que, daquel xeito, distaba de acadar a forza necesaria para superar a barreira dos dous tercios; ademais, os partidos integrantes do C.C. de A. non procedían con dilixencia na constitución dos comités provinciais e locais de propaganda. O P.G. fai todas estas imputacións nunha xuntanza do C. C. de A. e convoca unha reunión extraordinaria para tratar o tema do incumplimento destes acordos (286). Nela o P.G. —apoiado polo seu afiliado Alonso Ríos que representaba á «Federación Provincial Agraria»— critica a inconsecuencia dos partidos gubernamentais, Deputacións e demais organismos que dependían deles, e recaba a libertade de expoñer a sua posición ante o Pais Galego, para non ter que compartir as responsabilidades polo incumplimento. Pero ainda que se arreda do Comité, deixa unha porta aberta a futuras colaboracións sempre e cando estivera disposto a acometer con seriedade unha intensa laboura autonomista (287). Daquela o C.C. de A. escomenza a perfila-lo seu diseño organizativo nos niveis inferiores coa colaboración do P.R.G. (288), partido que se ben promete «emprender sin nuevas dilaciones una activa propaganda en favor de Ia Autonomía gallega [...] (289)», mantén pola contra o criterio de sinalar a data do plebiscito «en el momento mismo en que se estime que Ia labor de estudio de los problemas que suscite Ia autonomía y su propaganda aseguren un feliz resultado» (290). Que o P.R.G. dixera a estas alturas que era necesario estudar os problemas que plantexaba a implantación do Estatuto, foi considerado polo P.G. como unha bulra e unha provocación.
     Habida conta da confusión e desorientación reinantes, o C.C. de A. convoca unha reunión dos representantes das forzas políticas, sociais e económicas, para o día 3 de setembro en Santiago, na que se decidiría se Galicia proseguiría a campaña autonomista ou ben a abandonaba (291). A xuntanza, que tivo que ser sucesivamente aplazada ata o día 17 primeiro (para non coincidir coas votacións para vocais do Tribunal de Garantías Constitucionais) celebrouse ó cabo o día 28 sen a asistencia do P.G. que actuaba ó marxe das demais forzas políticas (292). Os galeguistas ó longo deste vran continúan co seu labor de propaganda autonomista, por medio de mitins fundamentalmente, pero tamén polemizando na prensa cos antiautonomistas. Esta firme actitude dos nacionalistas acarréxalles críticas e ataques como os proferidos por Rivero, Martínez Morás e Suarez Ferrín, no mitin anti-estatutista celebrado no Teatro Rosalía Castro da Coruña o primeiro domingo de setembro (293). De tódolos xeitos o P.G. non conquire, nin con moito, suplir coa sua soa actividade a propaganda que os demais partidos deixan de facer, e ó cabo o desánimo cunde tamén nas ringleiras galeguistas (293 bis).
     Paralelamente o P.G. firma o pacto de Galeuzca e recaba en especial o apoio dos dirixentes catalanistas para o Estatuto galego. Neste contexto tivo lugar unha importante reunión en Barcelona entre Castelao e Cambó, no transcurso da cal (294) o lider da Lliga puxo de manifesto a urxencia de que os Estatutos vasco e galego se presentaran denantes da disolución das Cortes constituintes, porque con gran sagacidade abesullaba que as que habían de sucederlle, de probable significación centro-dereitista, ó seu ver, non os concederían, pero en cambio era factible que respetaran os Estatutos concedidos xa. Cando menos, Cambó comprometíase a presionar para que fosen respetados. Por todo elo, Castelao insta a Bóveda, no informe que lle envía da sua conversa co dirixente da Lliga, para que os galeguistas fixeran un magno esforzo orientado cara o rápido triunfo plebiscitario do Estatuto e a posterior aprobación polar Constituintes. Segue a relatar Castelao que Cambó aseguraba que para gañar o plebiscito compría dar pucheirazos como se deran en Cataluña «onde ninguén votou por non existir controversia i estaren todos os partidos de acordo» (295). Castelao botoulle en cara o egoismo dos cataláns, que en 1933 vían a necesidade de que se aprobaran outros Estatutos para asegurar o deles e por elo mostrabanse prestos a solidaridade, en tanto que pola contra non viran esa mesma urxencia cando se discutira a Constitución, e insolidariamente consentiran e votaran unha fórmula plebiscitaria: «Que fai imposibel de todo punto o honrado triunfo do plebiscito» (296)  Cambó defendeuse decindo que os cataláns non actuaran movidos por egoismo, senón que sinxelamente non sopesaran dabondo a cuestión. De todolos xeitos deixou claro que para eles o triunfo dos dous Estatutos citados era básico, entre outras razóns, pola posibilidade de que se concedera a Galicia ou ó Pais Vasco unha fórmula económica distinta da deles, que abriría o camiño para a modificación da catalana, que non a consideraba satisfactoria.
     A crise gubernamental de setembro, supuxo para o P.R.G. a perda dos seus recortes institucionais en Galicia, que pasaron así a máns de membros do Partido Radical que, como denuncia Rajoy, eran nemigos da autonomía, co cal existía o risco de que os utilizasen para presionar en contra da aprobación do Estatuto (297). A pesares delo o Comité de Autonomía, que tiña unha actividade máis ben escasa, sitiado económicamente como estaba polos organismos galegos que non lle remitían fondos (298), resolveu convocar o plebiscito para o 17 de nadal. O P.G., que non asistira a xuntanza celebrada polo C.C. de A. o 28 de setembro, de conformidade coa política de non colaboración que viña seguindo últimamente, adicado como estaba a denunciar «ante o noso País a farse e deslealtade de que o están facendo ouxeto ises falsos autonomistas» (299), enterouse pola prensa do acordo, estimandoo oportuno. Para o P.G. era crucial sacar adiante o Estatuto canto antes, por iso vía ben a próxima convocatoria do plebiscito, sin deixarse arredrar nin pola expectativa dunhas eleccións inminentes que problematizaban o triunfo do Estatuto, nin polo, feito de que os radicais controlasen a maior parte dos Gobernos Civis e Diputacións (300). Vía as cousas polo lado positivo, crendo —cun chisco de inxenuidade— que o P. Radical xa non se podía opoñer o plebiscito alegando que o P.R.G., que era quen controlaba anteriormente as instancias oficiais, podía establecer un novo caciquismo, e, a sua vegada o P.R.G., que xa non detentaba o ministerio de Gobernación, non podería seguir pretextando que non traballaba con entusiasmo polos seus postulados autonomistas, por medo de que o poideran tachar de impureza. Con todo e parecerlle ben a convocatoria do plebiscito para o 17 de nadal, o Consello Executivo do P.G. segue firme na sua actitude de non acudir ás xuntanzas do C.C. de A., ainda que volta novamente a precisar que colaborara con él cando demostre con feitos unha sinceira rectificación «da conducta de deslealtade que se tivo coa Terra» (301). Enrique Rajoy, que traballara con gran entrega e adicación á causa do Estatuto, pide, facendo gala dun voluntarismo que nos recorda ó do P.G., que a próxima contenda electoral non se plantexara como batalla entre dereitas e esquerdas, senon como campaña xa estatutista entre galegos e antigalegos (302). O empeño era inútil e o propio Rajoy desalentado de que non se lle proporcionasen a C.C. de A. os medios indispensables para o comprimento do seu cometido, renuncia a seguir sendo o seu secretario xeral (303). Sobrada razón tiña Antón Villar Ponte cando argumentaba que as eleccións de novembro, pola importancia que tiñan, relegarían o plebiscito a segundo termo, polo que sería oportuno o seu aplazamento (304). Non conqueriu convencer a ninguen. Pero en realidade o único que aproveitou a campaña electoral para facer de paso propaganda estatutaria foi o P.G. (305). Tiveron que gañar as dereitas as eleccións para que todos, P.G. e C.C. de A. incluídos, se convenceran —tras dun primeiro momento de vacilación (305 bis) da inevitabilidade de aplazamento «sine die» da votación do plebiscito, posto que entrega-lo proxecto de Estatuto ás novas Cortes sería —segundo a expresión de Alvarez de Neira—: «tanto como colocar un obxeto artístico de vidrio, debaixo dos pes dunha cabaleiría» (306).





NOTAS:


(200) E.P.G., 29-XII-1931, páx. 12.
(201) D. de S., n.° 92, pp. 2.977 e 2.979. O discurso foi profusamente comentado na prensa galega. E.P.G., o reproduciu integro o 25-XII-1931, pp. 9-12.
(202) Sobor disto e da actitude dos socialistas verbo do Estatuto dos parlamentarios puidemos consultar un interesante manuscrito de Bóveda, que leva por título «Ante o Estatuto de Galiza». Arquivo do P.G.
(203) «Opiniones. La formación del Estatuto»; E.P.G., 20-XII-1931.
(204) A.N.T., 15-V-1932.
(205) «Opiniones»; E.P.G., 29-XII-1931, páx. 1.
(206) A. Villar Ponte, «La bandera de Ia autonomía»; E.P.G., 25-II-1932, pp. 1-5.
(207) Víctor Casas, «Fenestra, ¿será certo?»; E.P.G., 26-II-1932, pp. 1-6.
(208) Víctor Casas, «Fenestra ¿a qué se agarda?»; E.P.G., 27-III-1932, páx. 1.
(209) Plácido R. Castro. «Impresiones de propaganda»; E.P.G., 30-IV-1932, páx. 1.
(210) V. Casas, artigo cit., E.P.G., 27-III-1932, páx. 1. Son moitos os afiliados do P.G. que escreben rebatindo a teoría de que en Galicia non existía o necesario ambiente autonomista, de xeito que quedaba xustificada a pasividade verbo desta cuestión. O P.G. aduce, pois, que tal ambiente existía, pero ainda no hipotético caso de que Galicia non sentise a arela autonómica coa debida intensidade, compriría seguir teimando na cuestión ata facerllela sentir. Vide por exemplo Paz Andrade, «A ideia e a masa»; A.N. T., 25-VII-1932, páx. 1. O único galeguista que declara que non existe a suficiente atmósfera autonomista é Xerardo Alvarez Gallego —cousa que dí, provocando un certo escándalo, na asamblea preparatoria do Estatuto celebrada a primeiros de xullo de 1932— pero engade a renglón seguido que somentes o P.G. labouraba por ela, e que poderíase tornar nun ambiente entusiástico demostrando á poboación, nunha campaña de propaganda que era inescusable realizar, as ventaxas que traería consigo o Estatuto. E.P.G., 8-VII-1932, páx. 2.
(211) «El Estatuto Gallego. Una iniciativa oficial»; E.P.G., 22-IV-1932, páx. 1.
(212) «EI Ayuntamiento compostelano y la autonomía gallega»; E.P.G., 28-IV-1932, páx. 12.
(213) «La Autonomía gallega» ; E.P.G., 29-V-1932, páx. 14.
(214) A.N.T., 15-V-1932.
(215) Ibídem.
(216) Ibídem.
(217) E.P.G., 1-V-1932, (paxinación ilexible) e 27-V-1932, páx. 5.
(218) Un sector da prensa deu amplia reserva informativa deste acto. Vide E.P.G., 5-VII-1932 e 6-VII-1932. Para a valoración da Asamblea desde un prisma estrictamente galeguista vide H. de G., 4-VII-1932 e A.N.T., VIII-1932.
(219) E.P.G., 5-VII-1932, páx 9.
(220) Alfonso Bozzo considera erroneamente, ó noso xuicio, que a ponencia foi elexida en base a un criterio de representatividade política. Tampouco se axusta á realidade a sua interpretación de que catro dos integrantes da Comisión redactora eran galeguistas.
     Vide Alfonso Bozzo. op. cit., páx. 292.
(221) «El Estatuto Gallego» (nota oficiosa); H. de G., 8-VIII-1932, páx. 2.
(222) Aporta moitos datos sobor deste particular Xerardo Alvarez Gallego, na sua obra Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Buenos Aires 1972, pp. 112-120.
(223) Dos membros da Comisión, Rodrigo Sanz e Montero Díaz non aceptaron o criterio maioritario, consistente na cooficialidade dos dous idiomas. Por elo mantiveron votos particulares a este artigo; o de Rodrigo Sanz a prol da oficialidade do castelán e o de Montero Díaz moi limitativo para o galego. E.P.G., 12-VII-1932, páx. 1 e 13-VII-1932, páx. 1.
(224) Constatamos a sua inserción en E.P.G., La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, El Compostelano e El Eco de Santiago.
(225) «El Estatuto de Galicia»; E.P.G., 16-X-1932, páx. 5.
(226) Juan Carballeira, «En torno a Ia autonomía. Azaña y Castelao»; E.P.G., 27-IX-1932, páx. 1.
(227) Tales declaracións foron recollidas na prensa o venres 30 de setembro. Vide E.M. Brandón (membro da Comisión de Propaganda do Estatuto), «El Estatuto de Galicia. Juicios temerarios»; E.P.G., 6-X-1932, páx. 5.
(228) «Partido Galleguista. Una importante reunión del Consejo Ejecutivo»; E.P.G., 2-XI-1932, páx. 10.
(229) A.N.T., 6-X-1933. Esta laboura tiña como complemento toda unha serie de conferencias pro-autonomia.
(230) «Paneirando»; A.N.T., IX-1932, páx. 4. De feito, por elo e polo seu antigaleguismo Castelao cesou de publicar as suas celebradas «Cousas da vida».
(231) Notas manuscritas de Alexandre Bóveda; sen data pero situables a comenzos de 1933. Arquivo do P.G.
(232) «Estatuto Gallego»; I.G., 10-XII-1932, páx. 6.
(233) La Voz de la Verdad, 14-VI-1931, páx. 8.
(234) «Autonomía regional»; E.P.G., 19-XI-1932. A campaña de La Voz de Galicia espertou gran indignación nunha parte de opinión santiaguesa, tamén aguilloada por un senso localista «pro domo sua» segundo refire Vicente Risco. «Compostelanas». H. de G., 2-I-1933, páx. 2. Pola nosa banda, puidemolo comprobar en «El Ayuntamiento de Santiago hace un Ilamamiento a Ia cordialidad regional»; E.P.G., 16-XII-1932, páx. 7.
(235) Así o expresan nunha asamblea de «forzas vivas» celebrada no Axuntamento. El Ideal Gallego, 14-XII-1932, pp. 1-2.
(236) «La sesión de ayer en el Ayuntamiento»; El Ideal Gallego, 15-XII-1932, páx. 3. Nesta sesión ratificouse o acordo tomado xa duas semanas denantes. «Coruña. La capitalidad de Galicia en el Estatuto»; E.P.G., 1-XII-1932, páx. 7.
(237) «Galicia ante su autonomía»; E.P.G., 18-XII-1932, pp. 1-9.
(238) «Queda terminada Ia discusión de Ia totalidad del proyecto»; Ibíd, páx. 9. Sobor da polémica da capitalidade na Asamblea de Concellos vide Galicia, Madrid XI-XII-1932, páx. 5 e tamén o número desta revista correspondente ó I-1933, páx. 6.
(239) E.P.G., 20-XII-1932, pp. 10-11.
(240) A enmenda aceptada foi plantexada por «Labor Gallega»; E.P.G., 20-XII 1932, páx. 1 e Vilas Nogueira, Op. cit., pp. 232-233.
(240 bis) Montero Díaz, autor dun folleto sobor de «Los separarismos» no que se pronuncia a prol dun federalismo «con contido de clase», pero en contra dos nacionalismos periféricos, foi o mesmo que polemizou con Otero Pedrayo no «Banquete da Bombilla». Alma Gallega, 15-X-1931, páx. 85.
(241) Para un amplio resume dos discursos de Montero Díaz e Bóveda, vide E.P.G., 20-XII-1932, páx. 1.
(242) Un extenso tratamento desta cuestión en Alfonso Bozzo, Op. cit., pp. 310-312. Digamos ademais, pola nosa banda, que Martínez López plantexou unha enmenda, que foi desestimada, para que no ensino ata os nove anos se empregase exclusivamente o galego. E.P.G., 20-XII-1932, páx. 10.
(243) E.P.G., 20-XII-1932, páx. 9.
(244) Para non reiterar cuestións xa estudiadas, queremos millor enviar á consulta da obra de Alfonso Bozzo, Op. cit., pp. 331-339
(245) Vide Alfonso Bozzo, Op. cit., pp. 327-328.
(246) E.P.G., 20-XII-1932, páx. 10.
(247) Esta é a interpretación dada por Vilas Nogueira ó artigo que dicía: «su territorio [de Galicia] es el de los municipios comprendidos dentro de los actuales límites administrativos de Ias cuatro provincias (...)»; Vilas Nogueira, Op. cit., páx. 230. Semella que este artigo do Estatuto definitivo estaba rifado co artigo 22 da Constitución.
(248) Para unha análise detallada vide Alfonso Bozzo, Op. cit., pp. 323-325.
(249) E.P.G., 20-XII-1932, páx. 11. Vide sobor disto González López, Emilio, Historia de Galicia, V. de G., Coruña 1980, páx. 804.
(250) «Un banquete»; E.P.G., 24-XII-1932, páx. 132.
(251) Na II Asamblea do P.G., Bóveda e Alvarez Gallego convenceron ós delegados para que limitasen as suas aspiracións a aquel proxecto en aras da pronta obtención da autonomía. De tódolos xeitos a Asamblea acordou (e así o fixo o P.G.) presentar enmendas ós títulos que eran obxeto das principais discrepancias (o II-III-IV e V) con carácter testimuñal, para que quedara pública constancia da sua maximalista postura. «II Asamblea Regional del P.G.»; E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9. Con respecto ó anterior proxecto dos parlamentarios a postura do P.G. fora similar. Vide proposta de Bóveda ó C.E. do P.G. Arquivo do P.G.; esta postura tamén queda patente no artigo de Luis Cortiñas Díaz «Camiñar de cangrexo», H. de G., 8-II-1932, páx. 2.
     Engadamos que na sua II Asamblea, o P.G. proclamou que na autonomía que se conquerise non aspiraba a desempeña-lo Goberno, senon a colaborar dende a oposición. Isto era un mentís: «para cuantos sintonizan por ignorancia o por mala fé, el posible logro de Ia autonomía con su ascensión al mando, que él mismo imposibilita con esta su solemne declaración». «II Asamblea Regional del P.G.», E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9.
(252) Así o recoñece o propio P.G. «La Asamblea de Santiago»; H. de G., 12-XII-1932, páx. 1.
(253) As Cámaras de Comercio das principais cidades galegas, ás que se uníu tamén a de Vilagarcía, presentaron unha enmenda ó artículo 20 do Estatuto, pola que se impedía á Rexión crear novos impostos, E.P.G., 14-XII-1932, páx. 8.
(254) O presidente da Academia Galega manifestou que non asistiría a Asamblea de Concellos se non se renunciaba a cuestiona-la capitalidade para a cidade herculina. «La Academia Gallega. Un tumultuoso incidente»; E.P.G., 14-XII-1932, páx. 8.
(255) E.P.G., Ibídem e E.I.G., 9-XII-1932, páx. 7, 11-XII-1932, páx. 6, e 14-XII-1932, páx. 1.
(256) A Cámara da Propiedade da Coruña destacouse como a menos autonomista de todas, tanto pola sua actitude verbo da cuestión da capitalidade, como pola sua oposición ó Estatuto de Cataluña. De tódolos xeitos, non se atreveu a opoñerse frontalmente ó Estatuto Galego. Vide artigo de A. Villar Ponte «Los enemigos que tenemos en casa», E. P. G., 3-VI-1932, páx. 6, e a contestación do presidente da Cámara da Propiedade Coruñesa, Elías Moreno Jiménez: «Sobre un comentario de Villar Ponte»; E.P.G., 10-VI-1932, páx. 6.
(257) Que, por certo, púxoselle o requisito de que se expresara en castelán, cousa que aceptou, precisando na conferencia que: «...hablo en castellano porque aparte de que podrán entenderlo así gentes no gallegas, creo que da una prueba de comprensión y de transigencia, ya que inalterablemente Ia disciplina política a que pertenece emplea el gallego por muchas razones que no son del caso explicar. Añade que si creyera que Ia invitación a expresarse en idioma no gallego, significara el residenciamiento de éste —cosa que, desde luego, no sucede en este caso— no podría aceptar Ia indicación». «Bóveda, en Ia Patronal»; E.P.G., 9-VII-1932, páx. 8.
(258) «En el Ayuntamiento»; E.P.G., 14-XII-1932, páx. 6.
(259) Este informe foi exposto por Rajoy nunha conferencia radiada, e E.P.G. reproducíuno íntegro polo interés que tiña. «Los partidarios políticos en Galicia y Ia autonomía regional»; E.P.G., 23-III-1933, páx. 10, 24-III-1933, páx. 9, 25-III-1933, páx. 10 e 26-III-1933, páx. 9. Esta fonte, de crucial importancia, non a utiliza Alfonso Bozzo no seu libro tantas vegadas citado, que dende logo resulta tamén moi útil para obter información sobor deste particular.
(260) En efecto, como xa víramos noutra parte, existía en Santiago un núcleo de afiliados a U.R.D., que eran pro-autonomistas. Especifica Rajov que integraban este núcleo o deán de Santiago, Portela Pazos, o corredor de Comercio, Balboa, Eugenio Vázquez Gundín, o doctor Sal Lence, o profesor Varela de Limia, e moitos xóvenes universitarios. Non se limitaron a manifestar as suas simpatías autonomistas, senón que ademais realizaron actos en defensa do Estatuto.
(261) Así o revela E.P.G. no seu editorial «Opiniones», 27-XII-1932, páx. 1.
(262) Vide sobor disto H. de G., 3-IV-1933, páx. 1 e A.N.T., IX-1932, páx. 1.
(263) A.N.T., VIII-1932.
(264) Víctor Casas, «Fenestra», E.P.G., 16-VIII-1932, páx. 14.
(265) Escrito de Alexandre Bóveda titulado: «Sobre o Estatuto. A autonomía administrativa ao alcance de todos»; xaneiro de 1933. Arquivo do P.G.
(266) Na imposibilidade de citar tódalas sociedades agrarias que se pronunciaron favorablemente á autonomía, menciona só as principais: Federación provincial agraria de Pontevedra, «Liga de Defensa Agraria de Ia provincia de Lugo»; «Federación de Asociaciones y Sindicatos agrícolas de los partidos de Fonsagrada, Villalba y Estrada»; «Sindicato Cámara Agrícola de Ia provincia de La Coruña»; «Federación de Sociedades Agrarias de Allariz (Orense)»; «Sociedades Agrarias y Oficios varios de Moraña, San Amaro (Orense)»; «Federación Agraria del Valle Menor»; «Unión Agraria de Dacón (Orense)», integrada por tres mil agricultores, etc., E.P.G., 25-III-1933, páx. 10.
(267) Fausto Brand, «En torno a Ia autonomía regional. Incomprensión castellanista», Solidaridad Obrera, 25-VI-1932, páx. 1.
(268) «Partido Galleguista», H. de G., 16-I-1933, páx. 1.
(269) Velaí os firmantes: Luis Iglesias e Iglesias (catedrático de Universidade), Angel Baltar Cortés (médico), Manuel Díaz Rozas (inspector de primeiro ensino), Fernando Calvet (catedrat. de univ.), Ramón Rodríguez Somoza (director Manicomio de Lugo), Ramón Sobrino Buhigas (catedrático de instituto), Jacobo Varela de Limia (profesor universitario), José García Vidal (asesor xurídico da Dip. Pont.), Ernestina Otero Sestelo (profesora da normal de Pont.), Gerardo Alvarez Limeses (inspector de prim. ensino), José Puente Castro (médico), Manuel Souto Vilas (cated. inst.), José García Blanco (cated. univ.), Manuel Vidal Rodríguez (cated. Inst.), Pablo Pérez Constante (arquiveiro), prof. Salustiano Portela Pazos (deán cat. Santiago), Alvaro de Ias Casas (director Inst. Noia), Cruz Gallástegui (direc. Misión Biolóxica), Maria Cruz Pérez González (inspectora 1.° ensino), Juan Novas y Guillén (inspector 1.° ensino) En E.P.G., apareceu publicado o 7-II-1933, páx. 1.
(270) Vide sobor disto Seco Serrano, Carlos Historia de España, T. VI-1, Instituto Gallach, Barcelona 1975, pp. 78-83.
(271) Vide Informe manuscrito de Castelao, firmado en Madrid a 17-I-1933. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 12).
(272) No novo censo electoral, as mulleres figuraban tamén. Castelao dixérella a Casares que a xuicio do P.G. o voto da muller non alteraría o resultado do plebiscito. Tendo en conta a existencia do requisito da aprobación dos dous tercios do censo, que non dos votantes, o censo vello non era satisfactorio por estar inflado, figurando persoas finadas e emigradas; pero o novo censo incluía ás mulleres, que por un lado carecían de hábito de acudir ás urnas e por outro —segundo o estimaba o «Comité Central Pro-Autonomía»— non se pronunciarían favorablemente dado o influxo que exercía sobor delas o clero, que non era autonomista, Vicente Risco, de feito, móstrase máis preocupado que Castelao encol deste problema do voto femenino.
(273) Vide Anexo Doc. 12.
(273 bis) Manuscrito de Bóveda, contendo o esquema da conferencia pronunciada en Marín o 17-II-1933. Arquivo do P.G.
(274) A.N.T., 24-VI-1933.
(275) González López, Emilio, Historia de Galicia, Coruña 1980, pp. 804-805.
(276) Carta manuscrita de Castelao a Bóveda, datada en Madrid a 14-VIII-1933. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 16).
(277) «Ante el Estatuto»; E.P.G., 26-IX-1933, páx. 14. En parte polo seu anti-autonomismo, en parte pola sua postura contraria ó galeguismo, Castelao deixou a principios de 1933 de publicar as suas celebradas caricaturas e dibuxos.
(278) A.N.T., 3-IX-1933, páx. 4.
(279) «Una nota del Partido Galleguista sobre el Estatuto»; E.P.G., 16-III-1933, páx. 13.
(280) «Estación Radio-emisora»; E.I.G., 15-XII-1932, páx. 6. Pasaría axiña a chamarse «Unión Radio Galicia».
(281) Había ademais outro motivo que alporizaba ó P.G.: o retraso na autorización ós seus diputados para efectua-la interpelación sobor dos mais graves problemas de Galicia, que reiteradas vegadas interesaran ó Goberno. «Una enérgica nota del Partido Galleguista»; E.P.G., 18-V-1933, páx. 6.
(282) A.N.T., 16-VII-1933.
(283) Ibídem.
(284) «Opiniones. Así, no habrá referendum»; E.P.G., 5-VIII-1933, páx. 1.
(285) Carta remitida a Bóveda polo diputado Corroa Calderón, firmada en Barcelona a 27-VII-1933. Arquivo do P.G.
(286) «Ante Ia actitud del Partido Galleguista»; E.P.G., 8-VIII-1933, páx. 12.
(287) «Comité Central de Autonomía»; E.P.G., 9-VIII-1933, páx. 12.
(288) «Autonomía de Galicia»; E.P.G., 11-VIII-1933, páx. 1.
(289) «Ao Partido Republicano Gallego», Manifesto do P.G., xa cit.
(290) Ibídem.
(291) «Una nota interesante del Comité de Autonomía»; E.P.G., 12-VIII-1933, páx. 1.
(292) Actitude na que cada vegada ratificabase máis vendo como o P.R.G., dempois de dos anos de inactividade, alegaba agora falla de ambiente autonómico que ben pouco fixera por crear. Plácido R. Castro, «Pretextos inadmisibles»; E.P.G., 8-IX-1933, páx. 16.
(293) «Coruña. Un mítin contra el Estatuto»; E.P.G., 5-IX-1933, páx. 10. 
(293 bis) A.N.T., 25-IX-1933.
(294) Carta manuscrita de Castelao a Bóveda, firmada en Madrid a 14-VIII-1933. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 16).
(295) Ibídem.
(296) Ibídem. Esta opinión de Castelao, sobor da imposibilidade de gañar limpamente o plebiscito, era copartida «in pectore» polos seus compañeiros de militancia. Risco atrévese a dicilo nun documento tan importante como o informe presentado no Congreso de Minorías Nacionais de Berna. En efecto, dempois de aludir ó requisito da votación favorable das duas terceiras partes dos Concellos, do 75% dos electores inscritos no censo, coa agravante de que o número de electores fora aumentado considerablemente por mor da rebaixa da idade electoral, ademais da inclusión das mulleres, engade: «A movilización dunha tan formidábele masa eleitoral n-un pais como Galiza de intensa emigración e de poboación espallada con malas comunicacións é d-unha dificultade casi insuperábele». V. Risco, «Galiza, Nazón»; A.N.T., 29-IX-1934, páx. 4.
(297) Enrique Rajoy, «Ante el Estatuto»; E.P.G., 26-IX-1933, páx. 14.
(298) De feito, pouco máis podía facer que radiar propaganda estatutista. «Autonomía de Galicia»; A.N.T., 3-IX-1933, páx. 3.
(299) A. Bóveda, «Autonomía»; E.P.G., 1-X-1933, páx. 14. Coa actitude aillacionista que adoptaran, Bóveda dicía que de paso puñan en evidencia ata que punto era un mero pretexto o argumento do P.R.G., de que os galeguistas eran, polos seus anceios de nacionalistas, un dos atrancos que impedían a sua colaboración, xa que estando fora o P.G., seguían sen prestala.
(300) A.N.T., 2-X-1933.
(301) A. Bóveda «Autonomía»; E.P.G., 1-X-1933, páx. 14.
(302) Enrique Rajoy, «Ante El Estatuto»; E.P.G., 12-X-1933, páx. 12.
(303) «Plebiscito del Estauto Gallego, dimisión del Secretario del Comité»; E.P.G., 23-XI-1933, páx. 12.
(304) A. Villar Ponte, «Pretextos Cotidianos»; E.P.G., 19-X-1933, páx. 12.
(305) Víctor Casas, «Fenestra»; E.P.G., 14-XI-1933, páx. 5.
(305 bis) «Fracasa Ia Asamblea Pro Estatuto»; E.I.G., 28-XI-1933, páx. última.
(306) A.N.T., 3-I-1936.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega