O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Carta de Castelao a Bóveda

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada233.html


Carta de Castelao a Bóveda.



Sr. Dn.
Alexando Bóveda
     Meu querido amigo e irmán: Ainda que dixen outra cousa eu fun a Barcelona coa mira de compartir a responsabilidade de canto alí pasase ou de amainar a fogaxe que poidera derrubar a orgaizacion de Galeuzca. Cardo sain de Madrid eiqui palpábase unha xenreira enorme contra os nacionalistas, debido ás referencias dos xornaes que aseguraban que se deran morras a Hespaña, etc., etc. En chegado alí comprobei que ninguén dou morras a Hespaña, que ninguén ouvíu semellante berro.
     Alvaro das Casas pronuncióu discursos fortes, pero adecuados a un nacionalista levado á deseperación. E nada máis. Pero Alvaro das Casas portouse ergueitamente e non fixo ren que mereza pola nosa parte censura de ningunha crás. Nos actos ganóu as simpatías de cataláns e vascos. Non merece, pois, pola nosa banda máis que alaudos, ainda que menos responsable que nós diga o que a nós non nos convén decir. Conste, por adiantado, a miña protesta pola rectificación do grupo de Vigo.
     Tamén eiquí, en Madrid, eu podía mandar aos xornaes unha rectificación decindo que en Barcelona non se deron morras a Hespaña e moito menos que os désemos nós, como dixeron os radicales do Ferrol. Pero ¿para qué? Dispois de pensalo coido que a rectificación do Gobernador de Barcelona abonda, ainda que non saíse en A.B.C. Que digan o que queiran. Nós seguimos adiante deixando que ladren os cans.
     O mesmo día que cheguei a Barcelona comin con Cambó. Velahí o que recollin da entrevista:
     Aconsellóu que se fixese un esforzo para presentar os Estatutos vasco e galego denantes de finar estas Cortes, porque as que veñan non os concederán. En troques pódese esperar que as Cortes que veñan, de probable significación de centro-dereita, respetarán os Estatutos concedidos xa. El traballará canto poida para asegurar, na situación próisima, ese respecto, pois ten influencia dabondo con alguns sectores dereitistas, especialmente coa dereita nacionalista de Valencia, e ten, ademáis, comprometido a Maura. Espera que a derrota do Goberno en novembro obligará a ir axiña a eleicións xerales e polo tanto compre realizar un verdadeiro esforzo e sacrificio a fin de que o trunfo do plebiscito dos nosos Estatutos poida aseguralos dentro destas Cortes. Está seguro de que para ganar o plebiscito compre dar pucheirazos como se deron en Cataluña, onde ninguén votou por non eisistir controversia i estaren todos os partidos de acordo. Eu fíxenlle notar que o egoísmo dos cataláns que hoxe palpan a necesidade de outros Estatutos para asegurar o seu, non virou isa necesidade ao discutirse a Constitución, consentindo e votando unha fórmula plebiscitaria que fai imposible de todo punto o honrado trunfo do plebiscito. El concordou en todo, ainda que aseguróu que os cataláns non o fixeron por egoísmo sinon par iñorancia e inconscencia. De todos xeitos dixo que para Cataluña o trunfo dos dous Estatutos, vasco e galego, é de absoluta necesidade por todas as razóns e ainda por ver si se pode buscar outra fórmula económica que ao serlle concedida a Basconia ou Galiza posibilite a modificación da que se lle concedeu a eles, fórmula que Cambó considera inxusta e disparatada. Pareceulle moi ben que se falase con Maciá para que él interveña perto de Azaña. Consultado no tocante á nosa entrada na S. de N.(*) dixo que non o considera, hoxe por hoxe, eficaz e necesario; pero en previsión de que poida vir unha dictadura, a S. de N. aseguraría a nosa categoría de nación no esterior.
     Tivemos varias xuntanzas para falar da entrada nosa na S. de N.: unha en Palestra e outra no Ateneo barcelonés. Dos acordos tomados terás noticia por Batista Roca. Acordamos, dende logo, asistir a Berna i entrar. Compre, pois, que se pense en quen debe ir alá i-en buscar o diñeiro que sexa necesario. Eu se podo dareille unha catada a Portela. Xa falaremos disto.
     En xuntanza cos vascos e Alvaro eu loitei con eles para amainar un pouco a fogaxe das verbas, que somentes sirvo para dar armas aos contrarios. Trunfei de todo e os vascos foron os primeiros en recoñecer que eu tiña razón. Eu falei ainda en seis ou sete actos e dixemos todo canto tiñamos de decir; pero coa miña chegada iniciouse unha táctica distinta que consisteu en predicar a unión dos cataláns (deica entón arredados por odios de partido e persoaes) i en decir que nós recollíamos as esencias da República deixadas na rua pelos republicanos hespañoles.
     E agora vai o máis importante: a cea con Maciá. Na Font del Lleó xuntámonos vascos e galegos co Goberno da Generalitat e Maciá nunha sala gardada por policías segredos cataláns. Maciá invitou primeiro a que falaran os vascos, e dispóis de relataren a sua situación acordouse que Maciá propuxese ao Goberno hespañol unha tregua na sua ofensiva, comprometéndose o Partido Nacionalista a baixar de tono limitando a propaganda ao Estatuto deica conseguilo. Dispois falei eu en nome dos galegos. Namentras falei eu non se sentía o voar dunha mosca e durou hora e media o meu discurso.
     Comecei decindo que fomos a Cataluña para pedir consello e axuda a irmán ceibe, mestra en táctica política. Macia non é somentes un símbolo para Cataluña sinón tamén para nós como é Valera e Gandi. Relatei a incomprensión dos cataláns cando se discuteu a Constitución deixando que se aprobasen uns artigos que imposibilitan o noso trunfo polo camiño legal e que deixan entregada a sorte dos Estatutos á arbitrariedade dos gobernantes, esquecéndose de nós porque eles xa tiñan gañado o plebiscito no intre favorable do movimento revolucionario e confuso. En canto se aprobóu a Constitución eu fixen un rogo ao Goberno pedíndolle normas (eiquí valdeirei todas as razóns que espuxen comparando a nosa situación coa deles e coa dos vascos e a resposta que me dou Prieto, indicadora das ruins intencións do Goberno). Dixen que aceptaron en Madrid o feito catalán porque o consideraban irremediable; pero que dende o comezo xa sabían que non habería máis Estatuto que o catalán; probas: a negación do decreto de bilingüismo que nos negaron a vascos e galegos, o que dixo Marcelino Domingo num mitin calificando de crime a creación do feito galego, a actitude de Barrés respectiva aos cursillos para encargados de curso, etc., etc. Espuxen con toda miudeza canto fixemos para sacar avante o Estatuto na Asamblea de Compostela, o procedemento seguido, os incomenentes que tivemos que vencer e o rotundo trunfo que conquerimos. Proposto o Estatuto polos Axuntamentos pedimos o decreto para ir ao Plebiscito e o Goberno concédeo o día 27 de maio, dispóis de máis de cinco meses. Eiquí relatei e demostrei os perxuicios que nos acarreou o comportamento do Goberno que dou orixe a que os enemigos tomaran pulo. Si nos desen o Decreto ninguén se atrevería a combatir o Estatuto porque vería que connosco estaban os que mandan, namentras que co desprecio que facía de nós e as declaracións do ministro da Gobernación aparecía nidiamente que nas alturas non nos facían caso. O partido radical —enemigo máis considerable— non uniría a sua sorte a do Estatuto espoñéndose a un barrido da Galiza como o foi da Cataluña, etc. Nesta parte do discurso estiven moi craro e convincente. Agora encontrámonos co Estatuto proposto, boicoteado polo Goberno, abandonado polo partido da Orga e combatido polas dereitas e partido radical... Pero o trunfo depende dun home somentes: Casares Quiroga. Si quere Santiago nos poderemos presentar axiña o noso Estatuto nas Cortes.
     Imposible refacer o discurso e menos nesta carta. Coido que estiven moi ben e poden testemuñalo Alvaro e Ramón. Agora vou ver se logro refacer cor fidelidade o remate:
     Aparte da ledicia que lle causase a Cataluña o noso trunfo eu somentes me referirei á sua comenencia. O Goberno concedeu a autonomía a Cataluña para resolver un feito perigoso, pero coa esperanza de que fracase, e asegúralle o fracaso (na sua intención) negándose a dar outras autonomías. A fórmula ecónomica é desastrosa (asentimento de Maciá) pero coa presentación dos Estatutos nosos pódese estudiar unha nova fórmula que sirva para variar a que lle concederon a eles. Os nosos Estatutos daríanlle unha forza a Galeuzca que serviría para ir decontado a estructura federal e a imposibilidade de que poida establecerse unha probable dictadura. Si Cataluña se decata da comenencia de lograr máis Estatutos que o seu debe intervir acarón do Goberno (Azaña) para que Santiago Casares se decida a cumplir co seu deber. Nós, os galeguistas, nacionalistas que non se consideran satisfeitos de todo co Estatuto, non temos anceios de gobernar ainda, e si Casares tivese a ambición de ser él quen presidise a Galiza e que o Goberno fose enteiramente seu, nós estaríamos colaborando na oposición axudandoo cor toda crás de entusiasmos e renunciamentos. Pedimos, pois, que Maciá lle faga comprender a Azaña que o seu éisito perante a Historia está nun troque de estructuras do Estado e somentes se poderá chegar a ísto coa concesión das autonomías a Galiza e Euzkadi, e que o fracaso da autonomía catalana (imposible para os cataláns, pero posible para Hespaña) seria o fracaso da República. Rogueille que fose él o intérprete das nosas boas intencións, xurándolle que non temos ambicións ningunhas, e rematei pedindo que os diputados de Galeuzca inicien xestións ou interpelen ao Goberno para que inmediatamente se conceda a Galiza e Euzkadi o decreto de bilingüismo como se Iles concedeu a eles denantes de presentaren o Estatuto. Isto ten por obxeto independizarnos de Institución libre de Enseñanza que é a Entidade hespañolista máis temible no tocante á orde cultural. Eiquí eu estiven moi forte e logrei impresionar a todos facendo unha pintura dos xesuitas laicos que intentara afogar o noso esprito valéndose do caciquismo montado dende a Xunta de Ampliación.
     Maciá estivo craro e terminante asegurando que falaría con Casares mellor que con Azaña (a quén considera pior que Casares ainda) para convencelo de que a sua salvación política está no Estatuto galego e que nós o axudaremos.
     Imposible decir o que contou Maciá e non sería cordo e correcto entregalo a unha carta. O que podo asegurar é que esta cea e esta conversa, queduróu deica as tres de mañán, poderá ser histórica.
     Nós estamos ainda moi lonxe dos cataláns e dos vascos; pero somos bén útiles. Dende logo os cataláns non se cansaron de alaudarnos polo noso tacto político e de agradecermos o servicio que lle fixemos obligando a que se xuntasen outra vez, cousa que non fixeran dende o advenimento da autonomía. Agora, como cando foi Alfredo Brañas, logramos despertar o sentimento nacionalista dos cataláns que estaban sufrindo unha gran crisis. Por certo que Cambó volveu a asegurar que foi Brañas quen despertóu o sentimento nacionalista de Prat de Ia Riva.
     En resume, unha gran xornada que asegura e éisito si sabemos maniobrar ben.
     Eu coido que debo marcharme. Espero que me deades permiso para acougar un pouco.
     O tratado co Uruguay parece que non se discutirá agora.
     Non podo máis. Doime a mar de escribir. Non sei si che relatei ben todo e coido que esquecin moitas cousas.
     Os galegos fomos os mellores de todos. Os que falamos mellor e os que dixemos mellores cousas e de máis sentido.
     Mándoche o manifesto que demos á prensa de Barcelona. Xa sabes que xuntamos aos periodistas para darlles un lunch e falarlles das nosas cousas. Alvaro foi o encargado e fixoo moi ben (eu marqueino). O manifesto está redactado por Batista Roca e os dous derradeiros párrafos son meus (é miña a idea). 
Apertas

* Sede de Nacións

Castelao



Madrid 14 Agosto 1933

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega