O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Carta de Castelao a Martínez López

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada237.html


Transcripción dunha carta manuscrita de Castelao a Ramón Martínez López, ofrecéndolle axuda económica para exiliarse.



Sr. Dn. R. Martínez López
     Meu querido irmán: Fai duas horas que recibin a tua carta. Non logrei comunicarme con Castro; pero falei por teléfono con outro directivo. Eu teño falado varias veces do teu caso con Castro e demais membros do «Frente Popular Gallego» e sempre descontaron a solución favorable. Fai algúns dias díxome Castro que o asunto do teu pasaxe estaba arranxado. Agora dime que che mandaron unha carta por avión e para que ti foses a unha axencia de ahi a recoller o pasaxe. Supoño que cha mandarian fai poucas datas e que se cruzaria coa tua. Non sabia eu que te atopabas tan apurado, pois de sabelo recurriría a outros procedimentos e a estas horas estaria resolto o caso —o teu e o da tua muller—. Coidei que tí non querías meter en apuros aos amigos de ahi e que preferias deberlle o pasaxe a unha entidade destas que se adican a pagar pasaxes aos refuxiados (cousa natural pois o diñeiro non lle sobra a ninguén e ninguén vive tan folgadamente que non lle importe desprenderse d-uns centos de pesos). A túa carta descóbreme a verdade craramente e agora véxoa. Non-a vin así antes nin ti ma presentaches. Pois ben, eu teño uns poucos aforros para chegar ahí e vivir os primeiros tempos —aforros conqueridos cum traballo e uns sagrificios bastante serios— e ofrézoche cincoenta dolares para axuda dos que xa teñas na man, no caso de que esa carta de que me falan non estea xa no teu poder. Eu garantizo a entrega de cincoenta dolares cando chegue a Bos-Aires, a quén teña a xenerosidade de adiantalos. Como ten de ser un amigo ou un irmán calculo que abonda esta mesma carta como garantía. Dispois ti devolvesmos, pois co que eiquí vas gañar non será un gran esforzo. Esta carta chegará con tempo ás túas maus e creo que é o mesmo que si chos xirase. Non chos xiro porque creo que podes ter o pasaxe e ao mellor xa non-os necesitas. Eses cincoenta dolares que che ofrezo teño-os e pol-o tanto hai a seguridade absoluta de que os entregaría en caso necesario. Vai a miña axuda en recompensa das que tí me tes prestado, en cafés e máis en patacas cando vivíamos en Barcelona.
     Sei que se arranxou o asunto do meu permiso para entrar ahi; pero ainda non-o teño nas mans. Estou que non vivo agardando por el. Ai, qué despedida lle vou facer â estatua da Liberdade! Non, cicais te vexa eiquí se é que ves por Nova York.
     Un saudo meu e da miña muller par-a a tua. Apertas a ese home forte que se chama Nuñez Búa e ti recibe unha moi forte do teu amigo e irmán.

Castelao 
19-abril-1940



     P.D.:
     Escuso decirche que buscarei hoxe mesmo a Castro para decirlle os teus apuros. Espero velo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega