O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

("3.9.1.2. Actuación do P.G na cuestión agraria e no problema do ferrocarril")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada204



     3.9.1.2. Actuación do P.G. na cuestión agraria e no problema do ferrocarril

     No atomizado panorama organizativo do agrarismo dos anos trinta o P.G. ten como unha das tarefas principais atraguer, concienciar e unir ó maior número posible de sociedades agrarias existentes, e crealas alí onde non existisen. Mencionaremos de seguida as sociedades agrarias das que temos constancia documental de que eran, nalgunha medida, afectas ó P.G., por telo invitado a dar mitins e conferencias para os seus afiliados, ou ben por asistiren con interés, e mesmo entusiasmo, ós actos galeguistas. Son as seguintes: Vilaxoan, Centro Agrario de Viascón e labradores de San Xurxo, «Sociedad Agraria de Cesantes», Salceda, Aurora de Sárdoma, Sociedades Agrarias da comarca de Xinzo de Limia, Sociedad Agraria de Viso (Redondela), Sindicato Agrario de Ouces (Bergondo), «Sociedad Agraria de Caroi», Sociedades Agrarias dos contornos de Buxán, «Sociedad Agraria de Cobas», Sociedades Agrarias dos arredores de Lugo, Sociedad Agropecuaria de Bando (perto de Santiago), Federación Agraria de Negreira e Federación Agraria de Ordes (307). A estas hai que engadir as que estaban orgánicamente unidas ó P.G. (308) e algunhas outras na comarca do Condado (309) , na zona da Estrada e en xeral na provincia de Pontevedra, de xeito moi marcado no extremo sudoccidental, de Tomiño a Tui, onde residía o principal líder agrario do P.G., Alonso Rios. Tanto por ser este membro destacado do partido obxecto de estudio, como por operar nunha xurdia e vizosa entidade agraria cal era a «Federación Agraria Provincial» de Pontevedra, cremos comenente deternos un chisco a analisar, sequera seña superficialmente, o agrarismo na provincia pontevedresa onde o P.G. conqueriu ter considerable influxo.
     A «Federación Provincial Agraria» xurde a mediados de xuño de 1932 no congreso celebrado en Lavadores, agrupando ós agrarios de Vigo, Lavadores, Vilaboa, Pontevedra (de tendencia comunista), Ponteareas, Porriño, Vilagarcía, Redondela, Salvaterra, Tui e Tomiño. Para dirixir esta Federación, que nace xa moi politizada con proclividade esquerdista (310) foi elexido un «Consejo directivo provisional» do que formaba parte Antonio Alonso Ríos, representando a Tomiño. Noustante o dirixente galeguista non figura de momento na máxima cúpula dirixente que estaba liderada polo radical Ramón Alonso (Presidente), seguido de Manuel Aldecoa (Vicepresidente), Indalecio Tizón (Secretario), Cándido Pampillón (Vicesecretario) e Manuel Rodríguez (Tesoreiro).
     En maio a F.A.P. escomenza a camiñar cara a sua conversión no «Partido Agrario Gallego», decidido a pular unha «política netamente agraria», pretendendo organizarse en toda Galicia, pero non fora dela. Nisto e nas suas bases programáticas (311) advirtese un claro influxo galeguista. Por certo que caiu moi mol no despacho de dirección de periódico de Portela Valladares, a nova da pretensión de estructurar nun partido político ás organizacións agrarias de Galicia. En efecto, o editorialista de «El Pueblo Gallego» (312) temía que se constituise un partido agrario rixidamente disciplinado, que suprimise a flexibilidade que deica entón tivera o movimento agrario para optar en cada momento electoral por un determinado candidato. Causa abraio a transparencia con que se expresa o perigo que elo supuña para o manteñemento da base electoral de Portela Valladares, que xogara sempre a fondo a carta do agrarismo. Por esta razón invoca as tentativas sempre fallidas que deica entón se fixeran en tal senso; somentes unha vegada se conquerira a unidade agraria na fantasmal «Confederación Regional», que viviu só nominalmente, segundo «E.P.G.» O cabo, minimiza a importancia da F.P.A. decindo que únicamente agrupaba ás sociedades agrarias dunha parte da provincia de Pontevedra. Pero o certo era que a F.P.A. tiña unha implantación moi considerable. Estaban adheridas a ela: a Federación de Nigrán, con máis de 800 afiliados (313), a Federación Agraria de Tomiño, con mais de 1.600 afiliados (314) a F.A. de Lavadores, a F.A. de Mos (315), a F.A. de Porriño (316) a F.A. de Redondela (317), Sindicatos agrícolas de Frades e Cargamala (Mondariz), e tamén Barciademera xunto con Castelanes (Covelo), a F. Municipal Agraria de Pontevedra con 700 asociados (318), a F.A. da Estrada (319) a F.A. de Vilagarcía (320), e outras que non poidemos averiguar cales eran, ata completar un total de 14 federacións, entre as comarcais e municipais, que englobaban a 280 asociacións agrarias (321). En total sobrepasaba con moito a cifra de 20.000 asociados (322). Ademais contaba con algúns núcleos na provincia coruñesa (especialmente en Cambre), onde estaba realizando traballos para crear a «Federación Provincial de Ia Coruña», e en maior medida na de Ourense, onde se chegou a constituir. Sobrada razón tiña polo tanto «El Pueblo Gallego» para preocuparse, do que era signo inequívoco que lle adicase o editorial na primeira páxina. De tódolos xeitos, a tentativa política que encarna o «Partido Agrario Galego» experimenta un forte revés, que problematiza o seu futuro, cando se presenta as eleccións xerais de 1933 na compaña do P.G. e doutros partidos republicanos, e non conquire que saise elexido ningún dos seus candidatos: Ramón Alonso Martínez (Presidente) e Antón Alonso Rios (vicepresidente). Terá que agardar as eleccións de 1936 para acadar un éxito neste terreo.
     No primeiro bienio o P.A.G. funciona máis eficazmente como asociación agraria —ten un notable papel na protesta descontra o tratado comecial co Uruguai— que como entidade política. Os seus asociados, pesia estar obrigados disciplinariamente a votar pola «Candidatura de Izquierda Republicana», na práctica desacatan en gran medida a orde de voto. Orabén, a F.A.P. desempeña un rol político importante, ainda que non electoral, apoiando o Estatuto de autonomía.
     Outro feito destacable na vida da F.P.A. foi a conversión en «Sindicato Agrícola» en novembro de 1933, acolléndose a Lei do 16 de xaneiro de 1906, de xeito que quedaba excluida dos impostos do timbre e dereitos reais (323). Tivo lugar esta transformación polo feito de que na Lei de Asociacións republicana figuraban como suxeitos promotores de asociacións, os obreiros e os empresarios, pero non os pequenos propietarios que cultivaban por sí mesmos a terra (324).
     O Partido Galeguista chegou a ter un influxo considerable no campesinado da provincia pontevedresa, non tanto polos seus Grupos, como polo feito de contar cun líder da categoría de Alonso Rios, que chegou a ser vicepresidente da F.P.A. neste período e obtivo ademais a máxima votación para ser candidato a diputado pola Federación (325). Era Alonso Rios un gran orador de masas e un activista incansable, que ollamos aparecer sistemáticamente en cantos actos organiza a F.P.A., desempeñando decote un papel brillante. Contaba ademais co apoio de Suarez Picallo, que esporádicamente acudía as asambleas da F.P.A. ostentando a representación da «Federación de Sociedades Agrarias de Bos Aires» (326). De tódolos xeitos temos a impresión de que tanto nesta provincia como nas restantes de Galicia tiña superior peso no movimento agrario o Partido Radical (327).
     No período que nos ocupa, as cuestións que en maior medida preocupaban as asociacións agrarias, e que saen a relocir con máis frecuencia nos seus congresos (328), son a dos foros, o minifundismo, a desgravación da contribución territorial para os pequenos agricultores e a exención da urbana para os alboios (ou cando menos a evitación dos continuos aumentos de tributación), a libre destilación do bagazo, as restriccións na importación do millo, a introducción de carne conxelada procedente de América e o proteccionismo gandeiro. De todos eles os que máis protestas suscitaron foron: o dos foros, que non foi decididamente arrostrado pola lexislación republicana, ocasionándo así constantes escritos de protesta (329), mitins antiforistas (330) e interpelacións parlamentarias, e o da importación das carnes conxeladas. Sobor deste último problema, sabemos que antes de que se cumplise o primeiro ano da existencia do réxime republicano producense baixas no precio da carne por mor da competencia dos continxentes de carne conxelada americana, e conseguintemente teñen lugar os primeiros actos de protesta, como a manifestación de labregos que tivo lugar en Lugo en febreiro de 1932 (331). Pero foi no vran do ano seguinte cando a protesta arreciou con máis forza dada a inminente tramitación nas Cortes do tratado comercial co Uruguai, que perxudicaba grandemente a economía campesiña de Asturias, Santander e Galicia. O Goberno —Casares Ouiroga incluido— dera a sua aprobación ó tratado que soamente precisaba para entrar en vigor do trámite de ratificación polo Parlamento. A oposición dos parlamentarios galegos, con excepción dos socialistas que estaban dispostos a votar co Goberno (332), conqueriu conxelar o acordo co Uruguai. As presións do cónsul deste país, xunto cos intereses pesqueiros (favorecidos polas contrapartidas do tratado) e a forza de Casares Quiroga, non poideron doblegar o movimento de protesta que tivo lugar en toda Galicia, destacando ás grandes manifestacións e mitins dos agrarios e demais «forzas vivas» que se produciron, no mes de xullo con especial intensidade, nas cidades de Vigo (organizada pola F.A.P.), Lugo, Monforte, Pontevedra e Coruña, e que contaban ademais co apoio do P.R.G. (333). Agora ben, este partido estaba dividido entre os partidarios de ratificar o tratado seguindo ó seu líder Casares (334), e os contrarios ó mesmo, como Laureano Gómez Paratcha, que pasou a ocupar a carteira de Industria e Comercio a raiz da crise gubernamental de setembro de 1933. Foi, xa que logo, a actitude dos parlamentarios galegos (335) apoiados pela opinión pública, en unión da crise da maioría gobernante, o que permitiu que de momento se alonxara o perigo.
     En toda a loita descontra da aprobación do tratado co Uruguai o P.G. xogou un papel básico. Foi Suarez Picallo quen convocou ós deputados por Galicia e Santander para tracexar unha estratexia parlamentaria (consistente en pedir o quorum) de oposición ó Tratado, enfrentándose a quen, como Azpiazu e Osorio Tafall, pensaban máis en pedir compensacións que o fixeran menos lesivo, que en opoñerse, e conquerindo o cabo que prevalecera o eu criterio (336). Polo demais, incitou ó movimento de protesta, pedindo a unión de todolos galegos para opoñerse «[...] as disparatadas e perxudiciales disposicións do Poder Central» (337), e tivo unha destacada participación nel actuando os seus dirixentes como oradores en varios mitins (338).
     O marxe da actuación neste importante conflicto, a política agraria do P.G. tivo como principais eixos conquerir a inembargabilidade e exención tributaria da pequena propiedade rústica, de cara a consecución da cal presentou nas Cortes un proxecto de lei que fracasou por opoñerselle socialistas e bastantes deputados da minoría da F.R.G. (339); plantexar que Galicia quedara ó marxe da Lei de Reforma Agraria, no que lograron a sua pretensión a pesares dos socialistas (340); crear nos labregos «conciencia de cras» (341); atraguer o agrarismo ó eido do galeguismo: «A hora que chega, pois, sólo será fecunda para a causa agraria, si ésta se identifica denantes coa causa galega» (342). Alonso Rios foi quen con maior adicación e resultados se entregou a devandita laboura (343). Agora ben, a política do P.G. tendente a acada-la adhesión das sociedades agrarias, non implicaba, no primeiro ano de existencia do partido, que quixera que se afiliasen a el. Contrariamente percura só a sua simpatía, por entender que era en termos xerais contraproducente que o agrarismo se encadrara nos partidos políticos, polo risco de división do movimento agrario (xa dabondo esfarelado) que tal cousa entrañaría. Somentes a partires da sua II Asamblea troca de punto de vista e escomenza a afiliar ás sociedades agrarias que estaban na sua órbita (344). Neste mesmo senso, vía ben que o agrarismo intervira nas eleccións municipais, pero non nas xerais. Isto tamén en 1932 (345), posto que en 1933 non ten incomenente en ir ás eleccións ó Parlamento pola provincia de Pontevedra na campaña da Federación Agraria Provincial e doutros partidos. Preconizaba o P.G. a unidade dos agrarios, pero a un nivel que non sobrepasara o marco de Galicia, en consecuente aplicación do principio de autoorganización nacional que encarnaba el no eido político (346). Para chegar a conseguir unha organización agraria a un nivel superior ó dunha soa provincia, obxectivo polo que se pronuncia Alonso Rios nun importante mitin celebrado en Sobredo (347), e tamén para exercer un influxo galeguizador, o P.G. costea os desplazamentos de Alonso Ríos por varios pobos da provincia de Ourense (Celanova, Bande, Trives, Barra de Miño, etc.) (348). En gran parte a resultas deste traballo, tivo lugar a fins de outono de 1933 un congreso agrario da provincia de Ourense, convocado pola F.P.A. e pola «Federación de Sociedades Agrarias e Culturales de Buenos Aires» (afecta ó P.G.). Estaban representados 64 sindicatos e asociacións agrarias ourensanas —o que constituíu un importante éxito— levadas alí co propósito de funda-Ia Federación Provincial Agraria de Ourense (349). Polo demais, nin que dicir ten que o P.G. postulaba que as sociedades agrarias habianse de asentar sobor da realidade primaria da parroquia. Neste senso, o dinámico líder agrario que era Alonso Rios (350), conqueriu que a F.A.P. asumise unha estructura organizativa en base a asociacións parroquiais. En efecto, nun primeiro momento asociábanse nos niveis municipal, de partido e xudicial, antes de facelo na Federación Provincial (351), máis logo —a proposta de Ríos— pasaron a estar directamente representadas na Federación Provincial, suprimindose os escalóns intermedios (352). Para poder seguir levando a cabo esta laboura, Alonso Ríos, que en agosto de 1933 pertenecía a dirección do P.G., (353) tivo que abandonala dous meses despois, cando a F.P.A., que estaba a dar firmes pasos para convertirse nun partido agrarista, prohibiu a doble militancia (354). De tódolos xeitos, Alonso Rios continuou sendo sempre un home do P.G.
     Pasemos a referirnos ó problema do ferrocarril que mantivo en tensión tanto á sociedade civil de Galicia como as suas forzas políticas. En Nadal de 1931 estaba amenazada a continuación das obras do ferrocarril central Zamora-Coruña, que por ser tan caras debido a topografía do terreo, resultaban —segundo Portela Valladares (355)— unha carga para o Tesouro e un perxuicio para a Compañía do Norte. En Ourense tivo lugar unha asamblea na que estiveron representadas 106 sociedades, tomándose acordos tan enérxicos como a amenaza de folga xeral revolucionaria, causar baixa na contribución todo o comercio de Galicia, renunciar a representación os deputados en Cortes, presidentes de Deputacións e alcaldes, etc., no caso de que cesaran as obras do ferrocarril. As declaracións de Indalecio Prieto causaron gran alarma e conseguintemente o presidente do Comité pro ferrocarril Zamora-Coruña, Fabrega, promoveu reunións de parlamentarios para que estes efectuasen as oportunas xestións. Fabrega pronunciábase pola renuncia dos deputados no caso de que a suspensión se confirmara (356). Otero Pedrayo, na reunión do Comité provincial de Ourense (sic) do P.G. anuncia a sua disposición a renunciar ó escaño en caso necesario, e a intención do P.G. de loitar contra dunha medida que comprometería gravemente o futuro económico de Galicia e deixaría no paro forzoso e en situación de indixencia a perto de 15.000 familias proletarias. Para Portela Valladares era absurdo que o Goberno concedera cretos para realizar obras nas provincias afectadas polo paro forzoso, deixando sin recursos obras en construcción que, como ésta, ó paralizárense, xenerarían meirande paro. Os estudantes de Santiago sensibilizados polo tema efectúan unha folga —que «El Ideal Gallego» califica de galeguista— (357) no transcurso de cal colocan a bandeira galega en sustitución da española no concello santiagués. O tempo que o «Comité interprovincial de trabajadores pro ferrocarril» alerta á poboación sobor do perigo que se cierne (358), no Parlamento teñen lugar varias reunións de deputados por Galicia e Zamora para discutir a estratexia a seguir en caso de paralización das obras. Perfílanse duas tendencias, unha máis conciliadora e outra máis enérxica, partidaria de renunciar ás actas en caso extremo. Nesta última tendencia aliñábanse os deputados galeguistas (359), e na primeira un sector da minoría do P.R.G. que secundaba a Casares no seu posicionamento co Goberno a prol da paralización (360). Entrementres o Goberno, á vista do estado de ánimo reinante, acorda conceder un creto para continuar as obras durante un mes, por ser este o plano requerido para realizar un estudo da viabilidad da continuación das obras. Non por elo cesa o desacougo e en Pontevedra e Santiago teñen lugar asambleas nas que se debate a cuestión. Especial importancia tivo a de Santiago, convocada polo «Comité pro ferrocarril de Ourense», na que participaron numerosos Axuntamentos e as Deputacións de Zamora e Galicia, e entidades económicas (Cámaras de Comercio, etc.) amén dalgúns deputados e representantes de partidos. Bóveda polo P.G. fixo fincapié en que a construcción do ferrocarril galego era un deber de xusticia, e non un privilexio, dado que Galicia dispuña dunha infraestructura ferroviaria inferior á doutras rexións, e polo demais xa a tiña dabondo pagada co que tributara á Facenda sen contrapartida equitativa. Propugna agardar polo informe técnico para encamiña-la protesta. O cabo, a Asamblea concluíu que o Estado debería aportar as cantidades precisas para prosegui-las obras ó mesmo ritmo de execución, declarando solemnemente que estas eran de interés rexional e nacional. En caso de paralización confían nas xestións dos deputados, ben entendido que en último extremo suscribirían as radicais conclusións da Asamblea pro-ferrocarril celebrada en Ourense o 10 de Nadal de 1931. Otorgou tamén un voto de confianza ó «Comité pro ferrocarril de Orense» par que proseguise as suas xestións (361). Abrese un compás de espera no que se suceden as reunións e negociacións, plantexándose diversas alternativas para viabilizar económicamente o proxecto. O P.G. é acusado (semella que por González López) de defender a construcción do ferrocarril con argumentos pueriles e de utilizar a cuestión como un pretexto de axitación popular (362). A actitude enérxica que mantén, manifestando:


«[...] a sua adhesión pra todo canto se faga en pro do dito ferrocarril, e que si unha vez agotados todolos meios legais non se percura do Estado a subvención necesaria pra qu'as obras continúen, levar a cabo os actos de protesta que de común acordo coas demais forzas se poñan en práutica» (363)


     estaba na raiz das críticas que recibe. Os deputados por Galicia actúan unidos e con dilixencia, releando co Goberno e plantexando unha interpelación parlamentaria que non se chegou a producir (364). Pesia todo os resultados non se ven por ningures, e teméndose a paralisación das obras, en Ourense declarase unha folga xeral pacífica que é seguida en parte da provincia (365). Nunha manifestación celebrada en Ourense capital, na que se portaban carteis contra Prieto e Casares Quiroga, o gobernador civil (posto por Casares), ordena cargar producíndose varios feridos de bala, e a tráxica morte dun rapaz de 15 anos, Jenaro Ortiz, membro de «Ultreya». A actitude do P.G. consiste en pedir serenidade e, nuns termos de gran moderación, solicita a dimisión do gobernador Varela Radio (366). A protesta espállase estimulada pola represión e pola noticia de que a paralisación sería inevitable. En Pontevedra e Vigo dimiten a maioría dos concellais (os socialistas non secundan inicialmente o movimento dimisionario) (367), e en Santiago o fai a Corporación de cheo (368). En Ourense a folga xeral prolongase durante varios días sin que nos demais puntos de Galicia se decidan as forzas sociais e políticas a secundala. De tódolos xeitos a fervescencia popular é grande como e testimuña o feito de que os concellais socialistas de Vigo se visen obrigados a dimitir a pesares de non estaren dacordo. No Parlamento, Basilio Alvarez, Martinez Risco e Villanueva presentan unha interpelación sobor da actuación da Guardia Civil en Ourense —apoiada por Otero Pedrayo, que tamén protesta polo trato violento dado polas autoridades ó pobo ourensán— que contesta Casares Quiroga, argüindo que primeiro foran guindadas pedras sobor das forzas do orde (369). En tanto que unha comisión negociadora desplázase a Madrid, Pontevedra e Santiago unense a folga de Ourense (370), seguidas axiña de Lugo e Lalín. O cabo, o Goberno cede e otorga un creto de 20 millóns para prosegui-las obras; ademais busca un plan definitivo que permita rematalo trazado do ferrocarril galego, que queda comprendido nos de utilidade nacional (371).
     A conflictividade social foi paseniñamente esmorecendo, pero os ánimos nos recuperaron completo acougo. O presuposto para a construcción do ferrocarril central galego foi aprobado pero sen consignación. Tratábase de que Galicia aportara o 50% do custe da continuación dos traballos ferroviarios, cousa na que estiveron dacordo a meirande parte dos deputados da área afectada, pero non así o P.G. que discrepaba por considerar que a inxusticia tributaria que pesaba sobor de Galicia facía que xa o tivera pagado sobradamente (372). No mes de xuño o problema volta a enguedellarse novamente. Prieto presenta un «Plan de Urgencia» no que somentes constaba que o Estado construiría os ferrocarriles Ferrol-Xixón e o tramo Santiago-Coruña, quedando fora os tramos principais, comprendidos entre Zamora e Ourense. Castelao e Otero Pedrayo acusan a Casares Quiroga de actuar maquiavélicamente pensando na súa provincia que saía claramente beneficiada (373). No xantar celebrado na «Barxa» (Vigo) o 25 de xullo, Castelao manifesta que os deputados galeguistas puñan o máximo empeño en lograr que o primordial tramo marxinado fora tamén costeado polo Estado. En caso que non o conqueriran propugna, non unha folga, «que al fin y al cabo iría en perjuicio de Galicia» , sinon a negativa a pagar as contribucións:


«Porque en nuestro país —añadió— en donde fracasaron tantos ministros de Hacienda, el único que no fracasó fue el contribuyente, y desde luego, el gallego, esclavo secular del fisco, que tributa más del noventa por ciento, en tanto otras regiones no llegan al veinte. Pues si el ferrocarril no se consigue, se impone que por una vez fracase el sufrido contribuyente de Galicia» (374).


     A Asamblea de «forzas vivas», celebrada en Ourense a fins de xuño, rexeita o procedimento de que os municipios afectados tiveran que contribuir a costear o tramo Zamora-Ourense. Xa que logo, o «Comité interregional pro ferrocarril» encomenda ós deputados a defensa deste acordo (375). Pero estes actuaban cada vegada con meirande desunión e canseira; dos 45 de que dispuña Galicia, soamente unha ducia escasa acudia ás reunións nas que se planificaba a estratexia a seguir para resolve-lo problema ferroviario (376) . Entre os máis activos negociadores estaban: A. Villar Ponte, Portela Valladares e Castelao (377). O cabo, a Comisión de Obras Públicas, acordou que o anaco comprendido entre Zamora e Ourense fose construído con cárrego ós presupostos do Estado (378). Semella que as xestións de Becerra e o socialista Gómez Osorio foron cruciais (379). Pero non remataba aquí o «vaivén cardíaco» da cuestión ferroviaria. Cando o vento soplaba de popa e as comisións parlamentarias de Presupostos e Obras Públicas, dictaminaron favorablemente o proxecto, baten co último farallón: a aceptación do Goberno para presentalo as Cortes (380). A demora que isto comportaba fixo planear novamente a pantasma da paralización, co conseguinte paro obreiro que xeneraba. Por elo son os traballadores da construcción do ferrocarril quén erguen con maior forza a sua voz de protesta; o Comité da Casa do Pobo de Ourense amenaza coa folga xeral (381); prodúcense os primeiros despidos (382) e a protesta extendese a outros sectores, (como as Cámaras de Comercio). O Goberno foille dando largas ó asunto e entramentres as obras ficaron completamente paralizadas. No presuposto de Obras Públicas presentado por Prieto ó Parlamento introdúcese a construcción dunha estación subterránea de enlace en Madrid, evaluada en 300 millóns de pts.(383); pero nada se di da financiación das obras do ferrocarril Zamora-Coruña. Otero Pedrayo protestou, pero soamente tres deputados galegos (o propio Otero, Picallo e Martínez Risco, de A.R.) votaron en contra do presuposto, que foi así aprobado, mercede en gran parte ós votos dos socialistas e radicais-socialistas (384). As obras cesaron e pouco a pouco o tema foi caendo no esquecemento, crebado de cando en cando por algunha que outra xestión parlamentaria infructuosa ou a petición de tal ou cal entidade (385). Así continuou a cuestión ata que en outono de 1933 circulou por Ourense a xubilosa nova de que o Goberno concedera un creto de tres millons seiscentas cinconta mil pts. para reanuda-las obras (386). Polo momento quedaba resolto o problema.





NOTAS:


(307) Estes datos proceden de distintos números de E.P.G. e A.N.T.
(308) Vide apartado de organización do P.G.
(309) Así o recolle Freixanes, Víctor, Op. cit., páx. 25.
(310) Nos Estatutos dicíase que a Federación declarábase incompatible política e socialmente con calqueira grupo ou partido representante da burguesía. «Actividad agraria. EI Congreso de Lavadores» E.P.G., 14-VI-1932, páx. 7.
(311) «El Partido Agrario Gallego» ; E.P.G., 7-V-1933, páx. 9.
(312) «Opiniones. El agrarismo, partido político»; E.P.G., 10-V-1933, páx. 1.
(313) Estaba integrada polas asociacións de Panxón, Priegue, Camos, Ramallosa e Nigrán. E.P.G., 12-XI-1933, páx. 9.
(314) Integrábana delegacións de Tomiño, Tebra, Taborda, Sobrada-Currás, Barrantes, Piñeiro e Forcadela. Ibídem.
(315) Composta das Sociedades de Petelos, Torroso, Pereiro, Tameiga, Cela, Sanguiñeda e Mos. E.P.G., 15-XI-1933, páx. 5.
(316) «Federación Agraria Provincial»; Ibídem. Tiña seccións en Porriño, Cans, Atios, Budiño, Torneiros, Pontellas e Chenlo. E.P.G., 14-XI-1933, páx. 7.
(317) Con seccións en Ventosela, Quintela, Negros, Viso, Vilar, Trasmañó, Cesantes, Cabeiro, «Sajamonte», Reboreda e Cederia. Ibídem.
(318) Tiña filiales en Alba, Tomeza, Campañó, Cerponzones, Marcón e Poio. «Los agrarios de Pontevedra»; E. P. G., 14-XI-1933, páx. 7.
(319) Tiña seccións en Toedo, Rivela, Valeira, Santa Cristina de Vea, Viveiro, Matalobos, Pardemarín, Parada, Aguións, San Miguel de Barcala, Guimarei, Codesecha, San Andrés de Vea, Callobre, Ancarados e Agar. Ibídem.
(320) Acollía asociacións de agricultores de Bamio, Cornazo, Cea, Rubiáns, Cabeiro, Carril, Fagilde, Vilanova, Tremoedo, Trabanca, Vilaxoan, Coron, Deiro e outras que non se especifican. «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 17-XI-1933, páx. 6.
(321) «Federación Agraria Provincial. Reunión de su Comité Ejecutivo»; E.P.G., 14-X-1933, páx. 7.
(322) Sabemos que dez das federacións de que constaba a F.A.P. agrupaban a 18.100 asociados según declaraba a propia Federación Agraria Provincial». A maior abundamento no congreso celebrado en Pontevedra en 1932, asistiron 212 delegados en representación de 108 sociedades e sindicatos agrícolas que agrupaban a 34.519 campesinos. «Los campesinos de Ia provincia»; E.P.G., 1-III-1932, páx. ilexíble.
(323) «Federación Agraria Provincial. Una orden interesante»; E.P.G., 5-XI-1933, páx. 7.
(324) «F.A.P. Sesión del Consejo Directivo»; E.P.G., 13-IX-1932, páx. ilexíble.
(325) «Galería de candidatos»; E.P.G., 5-XI-1933, páx. 16.
(326) Vide por exemplo E.P.G., 20-VI-1933, páx. 6.
(327) De feito contaba cun lider tan sobranceiro como Basilio Alvarez. Sabemos ademais que nas eleccións xerais de 1933 moitas sociedades agrarias, non incluídas na F.P.A., votaron á candidatura radical. «El rumor en marcha», E.P.G., 2-XI-1933, páx. 12. Para unha aproximación a este tema vide Ramón Villares Paz, «Problemas agrarias e agrarismo na II República»; A.N.T., 8/21-IV-1981, páx. 24. Reviste tamén gran interés o artigo de Dionisio Pereira, «A. C.N.T. no campo galego (1931-1936); C.E.G., T. XXXI, pp. 246-270.
(328) «Federación Agraria de Puenteareas»; E.P.G., 19-XII-1931, páx. 7. «La gran Asamblea Agraria»; E.P.G., 20-VI-1933, páx. 6. «Lugo al día. Importante asamblea agraria»; E.P.G., 19-IV-1932, páx. 10. «Pontevedra. Congreso Comarcal Agrario, E.P.G., 29-IX-1932, páx. 10. «Federación Agraria Provincial. La Junta Planaria»; E.P.G., 23-VI-1933, páx. 5.
(329) «La Comarcal y los foros»; E.P.G., 23-XII-1931, páx. 10.
(330) «El acto agrario del domingo»; E.P.G., 22-XII-1931, páx. 9.
(331) «Lugo al día. Manifestación de protesta»; E.P.G., 5-II-1932, páx. 9.
(332) Os socialistas supeditaban nesta cuestión os intereses de Galicia á disciplina de partido. Pola contra os diputados galegos perteñecentes a «Acción Republicana» e «Partido Republicano Radical» conqueriron que os seus respectivos partidos —que votaban a favor do tratado— respetaran a súa libertade de voto.
(333) El Pueblo Gallego, presta unha gran atención a este conflicto, servíndolle de caixa de resonancia (contrastaba esta actitude co distinto comportamento de El Faro de Vigo, El Progreso e La Voz de Galicia). Atópase gran cantidade de información nos exemplares de xullo, agosto e setembro de 1933. Sobor da actitude da prensa verbo do tratado do Uruguai vide A.N.T., 16-VII-1933. O P.G. aborda tamén esta cuestión en A.N.T., 25-VII-1933.
(334) O dicir do P.G. eran os máis da minoría parlamentaria do P.R.G., «E agora o Tratado do Uruguai?»; A.N.T., 18-IX-1933, páx. 2.
(335) A excepción dos socialistas e dalgúns do P.R.G., que tampouco podían obrar con enteira libertade, presionados como estaban polas bases (que amenzaron con retirar ó seu representate Casares Quiroga do Goberno) e pola opinión pública. O propio diario El Sol recoñece que o tratado foi frenado pola actitude dos parlamentarios galegos. Artigo reproducido en E.P.G., 11-VII-1933, páx. 2.
(336) «EI Tratado Comercial con el Uruguay. Los Diputados por Galicia y Santander se reunieron...»; E.P.G., 6-VII-1933, páx. 2.
(337) «Una nota del Partido galleguista»; E.P.G., 12-VII-1933, páx. 1. Outra mostra da participación do P.G. nas movilizacións contra o tratado temola en «El acto de mañana. Adhesión del Grupo Galleguistas de Vigo», E.P.G., 15-VII-1933, páx. 1.
(338) Así por exemplo no de Vigo, onde falaron Picallo e Castelao nun acto multitudinario organizado pola F.A.P., ou no de Monforte, promovido pola Mocedade Galeguista, amén doutros grupos republicanos, onde se exhibiron moitas bandeiras galegas e falaron Picallo e Alonso Ríos, «Contra el Tratado con el Uruguay»; E.P.G., 4-VIII-1933, páx. 12.
(339) «Galicia y sus representantes en Cortes»; E.P.G., 6-III-1932, páx. 3. O proxecto de lei foi reproducido por E.P.G., 24-II-1932, páx. 3.
(340) Vide sobor disto carta manuscrita de Castelao a Bóveda, s.d., Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 14).
(341) Risco é quen plantexa a necesidade de que o P.G. se preocupe de crear esta conciencia nos labregos. Vide acta da xuntanza do C.E. do P.G. celebrada o 3-IV-1932; Arquivo do P.G.
(342) «Manifesto pubricado pol-o Partido no Día de Galicia de 1932»; NOS, publicacións galegas e imprenta. Santiago.
(343) A título de exemplo, a comenzos de 1932 o P.G. encomenda a Alonso Ríos que leve a cabo as xestións cos agrarios. Acta dunha xuntanza do C.E. do P.G., s.d. pero situable en xaneiro ou febreiro de 1932. Arquivo do P.G.
(344) «II Asamblea Regional del P.G.»; E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9.
(345) Esta é a postura que defende Alonso Ríos no Congreso Agrario de Lavadores. E.P.G., 1-III-1932, páx. ilexible.
(346) Deste xeito, os galeguistas censuraban ós agrarios galegos que se federaban cos asturiáns. «Vibración agraria»; E.P.G., 15-III-1931, páx. 14.
(347) «Ayer se cumplieron diez años de los fusilamientos de Sobredo»; E.P.G., 29 XI-1932, páx. 9. Vide tamén A.N.T., 11-IX-1933.
(348) Vide documento do Consello Executivo do P.G. «Relación de gastos producidos na orgaización do agrarismo», acompañado de outros documentos referentes a este mesmo asunto. Arquivo do P.G.
(349) «Congreso Agrario de Orense»; E.P.G., 28-X-1933, páx. 5 e 31-X-1933, páx. 9.
(350) En varias ocasión fala con extremada radicalidade. Xa o temos visto en Santiago no conflicto do ferrocarril. Tamén nunha reunión da directiva da F.A.P., celebrada en Vilagarcía, «Invita a Ia violencia en procedimientos sobre el problema foral», segundo recolle a crónica de E.P.G., 20-VI-1933; páx. 6.
(351) «El Congreso Agrario de Lavadores»; E.P.G., 7-III-1932, páx. ilexible.
(352) «F.A.P. Importante asamblea en Puenteareas»; E.P.G., 17-VIII-1932, páx. 7.
(353) Vide circular remitida por Bóveda a Alonso Ríos, firmada en Pontevedra a 10-VIII-1933. Arquivo de P.G.
(354) «Disciplina Agraria»; E.P.G., 15-X-1933, páx. 5.
(355) «Defensa del ferrocarril Zamora-La Coruña»; E.P.G., 10-XII-1931, páx. 1.
(356) «Orense al día»; E.P.G., 1-I-1932, páx. 15.
(357) El Ideal Gallego, 17-1-1932, páx. 1. Esta folga era apoiada pola F.U.E. «Compostela al día. Una hoja de Ia F.U.E.» , E.P.G., 24-I-1932, páx. 10.
(358) «Orense al día» ; E.P.G., 21-I-1932, páx. 10.
(359) «Defensa del ferrocarril Zamora-La Coruña»; E.P.G., 22-1-1932, páx. 1.
(360) E.P.G., 15-I-1932, páx. 3.
(361) «La magna Asamblea gallega de ayer en Santiago»; E.P.G., 31-I-1932, páx. 6.
(362) «El Partido Galleguista y el ferrocarril Zamora-Coruña», E.P.G., 9-III-1932, páx. 10.
(363) «El Partido Galleguista y el ferrocarril»; E.P.G., 10-III-1932, páx. 10.
(364) Villar Ponte, «Pretextos cotidianos»; E.P.G., 15-III-1932, páx. 1.
(365) «Galicia pide que se le haga justicia»; E.P.G., 22-III-1932, páx. 1.
(366) «El Gobernador y Jenaro Ortiz»; H. de G., 28-III-1932, páx. 1.
(367) E.P.G., 23-III-1932, pp. 1-5.
(368) E.P.G., 24-III-1932, páx. 2.
(369) «La sesión de ayer en las Cortes Constituyentes», E.P.G., 24-III-1932, páx. 5.
(370) «No aminoró Galicia Ia intensidad de su decisión defensiva del ferrocarril»; E.P.G., 25-III-1932, pp. 1, 2, 8.
(371) «Ultima hora»; E.P.G., 26-III-1932, páx. 5.
(372) A.N.T., 15-IV-1932.
(373) E.P.G., 24-VI-1932, páx. 1.
(374) Transcripción do discurso, pronunciado en galego, feita por E.P.G., 26-VII-1932, páx. 9.
(375) E.P.G., 25-VI-1932, páx. 1.
(376) Polo P.R.G. ían soamente dous ou tres, e acontecía con certa frecuencia que mantiñan criterios dispares. «Opiniones. Nuestros diputados nominales»; E.P.G., 7-VII-1932, páx. 1.
(377) «Labor de los parlamentarios gallegos»; E.P.G., 10-VII-1932, páx. 3.
(378) «Nuestro ansiado ferrocarril»; E.P.G., 29-VII-1932, páx. 1.
(379) «Los diputados gallegos tratan del problema del ferrocarril»; E.P.G., 11-VIII-1932, páx. 8.
(380) «Opiniones. Nuestro ferrocarril entorpecido otra vez»; E.P.G., 10-IX-1932, páx. 1.
(381) «De novo o ferrocarril de Ourense», A.N.T., 3-IX-1932, páx. 4. «Orense»; E.P.G., 16-IX-1932, páx. 7.
(382) «Crisis de trabajo. Las obras del ferrocarril»; E.P.G., 24-IX-1932, páx. 11.
(383) «Opiniones. Ya no habrá ferrocarril»; E.P.G., 9-XII-1932, páx. 1.
(384) H. de G., 7-XI-1932, páx. 1.
(385) A.N.T., 25-VII-1933; «El ferrocarril Zamora-Orense-La Coruña»; E.P.G., 30-IX-1933, páx. 2.
(386) «Orense»; E.P.G., 14-X-1933, páx. 10.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega