O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

Anexo I: Artigo de Bóveda

Páxina Seguinte

v4xaviercastroencrucillada241.html


Artigo de Bóveda no que clarifica a cuestión da relación entre a doctrina nacionalista e as distintas correntes políticas, sostendo que podería optar polo autonomismo, federalismo ou arredismo, segundo aconsellasen as circunstancias.


Posicións craras
Así poderemos entendernos

     O número de «A Fouce» de Bos Aires, correspodente ao mes de xaneiro, que se recibíu con moito retraso, publica un extenso manifesto da «Pondal», ao que me parece comenente facer algúns comentarios.
     Con respeto as persoas (que moitas vegadas houbo que botar de menos nas páxinas de «A Fouce»), expónense n-ise manifesto posicións claras, que xa cumprían pra que poidéramos entendernos.
     Agora sabemos concretamente qué quer o grupo de nazonalistas da «Pondal», cuio órgao é «A Fouce», e podemos tamén sinalar a nosa posición respeito d-iles.
     Cando se refiren á «verdade innegábel da eisistenza da Nazón e da Patria Galega» e fan unha afirmación rexa de nazonalismo, que «non é unha teoría inventada por alguén» senón a racionalización dun sentimento e a afirmación d-un feito persistente a través de séculos de opresión e a sindicación da soberanía da Nazón Galega»... eu subscrito, totalmente, as súas opinións.
     Cando afirman que a realidade galega proclama que as comenencias de Galiza están no arredismo total dos demáis pobos da Hespaña... non podo menos de recoñecer —como teño afirmado en público moitas vegadas— que a nosa economía é separatista con relación é do Estado hespañol, ou a son as dos demáis pobos que o integran con relación á nosa, sin que endexamais o Estado centralizador e uniformista teña feito ren pra armonizal-as, pois a sua política —niste orde, como no da cultura— foi sempre someter todal-as demás a algunha d-elas que exerce hexemonía.
     Agora ben; postos a traballar a prol de Galiza, os camiños que se sigan poden ser difrentes. Risco, revisando a súa «Teoría do nazonalismo», acaba de escribir con visión certeira: «O nazonalismo galego é unha doutrina no económico e no cultural e social. O Autonomismo, o federalismo, o arredismo, non son mais que doutriñas políticas». E mais adiante engade: «Un movimento nazonalista político será unha ou outra d-isas tres cousas, asegún as comenenzas nazonás e asegún as circunstancias históricas do instante.» A realidade ten demostrado, como exemplo de todol-os movimentos nazonalistas anteriores ou parellos ao noso, que istas verbas de Risco expresan unha gran verdade.
     E o Partido Galeguista naceu, precisamente, nun intre en que todol-os nazonalistas —dende os mais eisaltados arredistas hastra os autonomistas moderados— estimamos que as circunstancias aconsellaban aceptar unha solución federal ou autonómica. Así consta, ben claramente, no programa de aición do noso Partido. Consideración aceptada incluso por irmáns que gozan hoxe do favor de «A Fouce».
     Poderase estar conforme ou non co-ista ourentación. E lexítimo que se faga o posibel por provocar outra, si se considera máis comenente pra o futuro da Patria galega. Ao que non hai dereito é a negar lealtade e honradeza nas intencións cando ninguén pode amostrar un historial de limpeza de conducta í esprito de sacrifizo que aventaxe ao noso.
     Nos estimamos que o camiño que o Partido Galeguista sigue é o mais acertado pra Galicia. E que debe persistir n-el, porque agora se aproisiman os intres en que pode dar froitos.
     Se outros pensan que o do arredismo é mellor, que se poñan a andalo con constancia e firmeza. Veña ise Partido que a «Pondal» e «A Fouce» propunan, que non seremos nós os que lle poñan pedras onde tropece.
     A realidade dirá quén ten razón.
     Pero que ninguén pretenda que nós deixémol-o noso e nos poñamos á laboura que non acaban de acometer os mesmos que nol-a sinalan como obriga.


Alexandre Bóveda



Pontevedra, 21-3-935.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega