O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

("3.9.2.1. Actuación do P.G na cuestión agraria e no problema ferroviario")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada206.html



     3.9.2.1 Actuación do P.G. na cuestión agraria e no problema ferroviario

     Na III Asamblea do P.G., celebrada a mediar xaneiro de 1934, todos coinciden con Víctor Casas e Paz Andrade (669) en que a actuación política do agrarismo en Galicia ata ese momento fora unha esperanza frustrada. Nas eleccións de 1933 constataran que as sociedades e sindicatos agrarios actuaban sen unidade política nin ideolóxica, servindo en ocasións a intereses que o P.G. consideraba estranos a Galicia e ós problemas do seu agro. Tal acontecera en Pontevedra, e de modo moi especial en Lugo, onde era grande o risco de que moitas asociacións agrarias fosen asimiladas polo ultradereitista «Partido Agrario Español», que contaba con dous deputados na provincia: Luis Rodríguez de Viguri e Felipe Lezcano y Morales. O temor que lle inspiraba ó P.G. o partido de Martínez de Velasco, que segundo él representaba os intereses dos ricos viñateiros e aceituneiros andaluces xunto cos dos trigueiros casteláns, quedou ben patente nunha importante cantidade de artigos adicados a combati-lo (670).
     A experiencia adquirida polo P.G. o induce a revisar a sua concepción sobor das sociedades agrarias, consistente en que se mantiveran exclusivamente no terreo gremial e técnico-económico, sen embandeirarse políticamente. A ilusoria pretensión de que as sociedades agrarias fosen o galeguismo o que a «UGT» era ó socialismo, levou a que a II Asamblea do P.G. rexeitara a solicitude de ingreso de algunhas asociacións agrarias. Na III Asamblea, os galeguistas desbotan a concepción apartidista do agrarismo aceptando que as sociedades que o desexaran se poidesen adherir ó P.G. (671). Con elo daba un importante paso no camiño da transformación dun partido de minorías, cun forte compoñente intelectual, nunha organización de masas.
     Na etapa que nos ocupa resulta máis difícil determinar o influxo do P.G. nas sociedades agrarias, por canto que na maioría dos mitins que da por invitación delas participa tamén I.R., de xeito que non podemos precisar con rigor cal dos dous partidos capitalizaba as suas simpatías. Temonos que limitar, pois, a aqueles —os menos— nos que o P.G. actúa en exclusiva, e dentro deles ós que existen testimuños claros da adhesión dos agrarios. Cónstanos que o P.G. exercía un importante ascendente sobor da «Sociedad Agraria de Lavadores» (672), agrarios de Monterroso (673), asociación de Baion e Vilagarcía, perteñecentes á «Federación Agraria Comarcal» (674), agrarios da zona do Grove (675), de Muros e da Serra de Outes (676); ó cabo, sabemos que inflúe tamén notablemente na Federación Agro-percuaria de Negreira (677). O P.G. alentou un proceso de confluencia promovido pola «Federación Agraria Comarcal de Santiago, da que eran dirixentes: Domingo Rozas e Ezequiel Rey Turnes. Suarez Picallo asistiu en representación do P.G. a un congreso comarcal celebrado en Santiago, en marzo de 1934, co obxectivo de uni-Ias asociacións e federacións comarcais dos distritos de Santiago, Negreira, Padrón e Ordes, rematando co seu taifismo por medio dunha federación provincial da Coruña que sería un paso previo para chegar a unha confederación de ámbito galego (678). A tenor dos casos que obran no noso poder, semella que tal cousa non se levou a cabo.
     O principal bastión agrario do P.G. segiu sendo a «Federación Provincial Agraria» de Pontevedra. O seu consello directivo reunido a fins de 1933 acordou activa-lo proceso de conversión das sociedades federadas en sindicatos e levar a efecto a organización dos seguros mutuos de accidentes de traballo na agricultura. Pero o que máis nos interesa é a valoración que fixo a F.P.A. da sua actuación como «Partido Agrario» nas eleccións de novembro de 1933. Recoñecía que as forzas da coalición esquerdista, nas listas da cal presentarase a F.P.A., quedaran decepcionadas porque non tódalas asociacións perteñecentes á Federación mantiveran a disciplina de voto. Noustante consideraba, «pro domo sua», que a maioría dos sufraxios obtidos pola conxunción partían do sector agrario. Segundo isto a saude da F.P.A. non podía ser mellor, pero por baixo das análises complacentes e autoafirmativas a realidade era ben outra. Voces máis críticas, como a de Indalecio Tizón, encárganse de poñela de manifesto (679). Sinala Tizón que na provincia pontevedresa os candidatos agrarios foran os menos votados da candidatura da coalición esquerdista. Pero o revés máis serio sofrido polo agrarismo non consistiría en perde-Ias eleccións, fracasando o ensaio de actuar como un partido político, senon que estribaba no deplorable estado en que quedaran as organizacións que integraban a F.P.A. En efecto, segundo Tizón, antes do 19 de novembro había varias Federacións municipais rixidamente disciplinadas. Dempois daquela data non quedaban máis que unhas cantas sociedades desmandadas, nas que nin os afiliados se entendían. A F.P.A. tiña, pois, por diante unha tarefa de reconstrucción de moitas das organizacións, de conquerir que actuaran politicamente unidas (a que actuaba con maior independencia era a de Pontevedra) e de implantarse en partidos xudiciais como Lalín, A Cañiza, Caldas de Reis e Pontecaldelas, onde non contaba con ningunha sociedade de agricultores.
     O Congreso de Vilagarcía, celebrado o 25 de febreiro de 1934, foi un momento importante no proceso de reconstrucción da F.P.A., tanto polo número de delegacións asistentes, como pola cantidade de adhesión recibidas (680). Nel aprobouse unha lista de reivindicacións e a transformación —que xa comentamos— das asociacións agrarias en sindicatos agrícolas, ó amparo da Lei Gasset de Asociacións, do 26 de Xaneiro de 1906, que as eximía de importantes pagos a Facenda. Constituiuse ademais unha ponencia co encárgo de elaborar un traballo sobor do cooperativismo (681) escindiuse o sector afecto ó P.C.E. (682) e a F.P.A. renunciou a tentativa de se converter nun partido político agrario, que por certo tiña xa un programa elaborado polo consello directivo, e discutido en reunións parciais, pero que non chegara a ser aprobado por tódalas Federacións (683). Ó cabo, os agrarios pontevedreses resolveron requerir ás formacións republicanas de esquerda para que formasen un frente en defensa da República e contra o avance da reacción e do feixismo (684). A orientación esquerdista da F.P.A. quedaba así reafirmada e a esta directriz teríanse de plegar os concellais agrarios da Federación nos Axuntamentos nos que —como Tomiño ou Ponteareas— tiña representación. Como marcaba o signo dos tempos, a proclividade esquerdista tiña o seu correlato no laicismo e, deste xeito, a título de exemplo, promoveu a secularización de cimiterios (685).
     Comentando o Congreso Agrario de Vilagarcía, Xerardo Alvarez Gallego escrebe un artigo no que expresa un punto de vista que non coincide coa tese da adscripción das asociacións agrarias ós partidos, aprobada na III Asamblea do P.G. Alvarez Gallego segue a postular (686) que as asociacións agrarias salvagardasen a sua autonomía, limitándose a apoiar dun xeito flexible ó partido que mellor estimasen que representaba os seus intereses.
     En agosto de 1934 a F.P.A. adícase a difundi-lo seu programa pola provincia, facendo fincapé nunha serie de reivindicacións ás que axiña aludiremos. Cabe destacar tamén a aceptación da oferta de converter «El Tea» de Ponteareas no voceiro oficial da Federación (687). A etapa de lenta e calada reorganización agraria da F.P.A. culminou no Congreso celebrado en Porriño o domingo 10 de marzo de 1935. Alonso Ríos agardaba que as proposicións referentes ó cooperativismo e mailo lanzamento da iniciativa dunha conferencia económica rexional marcarían novos rumbos para o agrarismo da provincia pontevedresa (nas de A Coruña e especialmente de Ourense, todo parece indicar que fracasou o empeño de espallar a F.P.A.). Isto o dí nun artigo (688) no que plasma fidelmente o ideario galeguista, afirmando que co cooperativismo conqueriríase a solidaridade económica dos campesinos, e mercede ó estudo da economía rexional chegaríase á evidencia de que o labrego ten uns intereses coincidentes cos dos restantes sectores sociais de Galicia, entramentres que podían ser alleos, e mesmo opostos, ós dos seus conxéneres doutras rexións. Engade que:


«Habremos de aprender que, queramoslo o no, por encima de Ia solidaridad de clase [...] esta Ia solidaridad económica del individuo con el medio geográfico en que vive. Comprenderemos, finalmente, que Ia servidumbre económica a que Galicia se halla sometida dentro del Estado Español [...] nos daña a todos por igual» (689).


     Istos argumentos ían destinados a un sector da F.P.A. partidario dun entendemento coas agrupacións agrarias de Castela de cara a unha actuación coincidente. A combatir esta índole de criterios adica A.N.T. varios artigos, nalgúns dos cales (690) calificaba tal idea como aberrante por teren os agrarios de Castela uns intereses antagónicos ós de Galicia; noutros censurábase a moitos sindicatos e sociedades agrarias por prestaren máis atención a problemas non galegos que ós propios deles (691).
     No transcurso do Congreso de Porriño o líder galeguista e vicepresidente da F.P.A., Alonso Ríos, tivo unha participación moi destacada. Foi el que conqueriu que se alterara o orde do día para dar prioridade a duas ponencias nas que se pedía que non se exercitara ningunha sentencia de pena de morte e se concedera a amnistía para os presos políticos (692). A cuestión do cooperativismo foi moi debatida, destacando Núñez Búa, a quen se lle pedira a sua opinión como tamén se recabara doutros técnicos especializados no tema (como por exemplo, Rof Codina, que non asistiu pero enviou unha carta). Sobor deste particular non se adoptou resolución ningunha por consideralo dabondo importante como para adicarlle maior estudo. Ademais de múltiplas resolucións sobor de diversos temas de arnaxe agraria, foron aprobadas outras referentes ó reforzamento da disciplina interna da F.P.A. (quedaba establecido que sen consultar ó Congreso as delegacións das Federacións locais non poderían rubricar pactos), a petición da autonomía para Galicia, a reposición dos concellais agrarios arbitrariamente depostos por non estaren implicados nos sucesos da revolución de Asturias, á suspensión da censura de prensa, e a promoción —como desexaba o P.G.— dunha conferencia económica rexional.
     A desmovilización cívica patente na falla de resposta ante cuestións que, como a aprobación do Tratado comercial co Uruguai, perxudicaban gravemente á economía agropecuaria de Galicia, unida ós arrancos gubernativos que ó longo deste bienio atopaban as forzas sindicais e políticas, non cabe a menor dúbida que afectaron seriamente á actividade da F.P.A. Por elo o P.G. recibiu con grande ledicia a decisión da Federación, tomada a primeiros de outono de 1935, de ir cara a formación dun frente de loita en defensa dos intereses galegos, e de convocar para o 30 de novembro un magno comicio agrario ante o monumento de Sobredo, co afán de dar ós labregos conciencia da sua solidaridade (693).
     Na segunda metade de 1935 prodúcese un certo distanciamento entre o P.G. e o seu principal líder na F.P.A. En efecto, ainda que Núñez Búa, Suarez Picallo, Anxel de Cambeses (en Lavadores) e Xerardo Alvarez Gallego (694) e posiblemente outros de menor relevo, inciden ocasionalmente na F.P.A., ningún se pode asemellar a Antón Alonso Ríos. Pois ben, o P.G. criticaba a Alonso Ríos por escribir asiduamente en «El Pueblo Gallego» (695) defendendo a actuación de Portela Valladares no Goberno, en tódolos ordes, pero singularmente na firma do Tratado co Uruguai (696). A mesma «A.N.T.» destilaba de cando en vez algunha que outra censura a actuación de Alonso Ríos. Así, nunha ocasión sinalou que este dirixente deixárase contaxiar polo ambiente nun mitin —de contido «hespañolista», segundo o P.G.— dado pola Federación Comarcal no Teatro Principal de Pontevedra, no que asistiu pouco público, os oradores expresaronse en castelán e reinou en xeral un clima de desánimo (697). De tódolos xeitos, Alonso Ríos, de quen temos o último testimuño documental de adhesión ó P.G. en outono de 1934 (698), segiu sendo un home afecto a este partido (699). De feito non nos consta que exista indicio ningún de que Alonso Ríos se divorciara da política esquerdista do P. G. para secundar a opción de centro de Portela. Hai ademais un dato que nos confirma na nosa tese: o lider agrario galeguista sintonizaba coa resolución de alianza coas forzas de esquerda, aprobada no congreso celebrado pola F.P.A. en Lavadores a fins de novembro de 1935, que foi o que fixo en parte posible que pasara a selo dirixente máis votado pola base. Neste congreso o P.G. obtivo un resoante éxito cando os máis de 300 representantes agrarios (enviados por 82 delegacións que agrupaban a 13.000 afiliados) ocupáronse de percurar un xeito de soster un pacto permanente co P.G. (700); ademais das mostras de simpatía de que foron obxeto os galeguistas, na resolución adoptada pola F.P.A. especificábase que para chegar a un frente de esquerdas, do que só debían quedar marxinadas as forzas que gobernaron ou apoiaron os gobernos dende 1933, tomaríanse como punto de partida as bases pactadas entre I.R. e o P.G. (701).
     A F.P.A. integrouse no Frente Popular, recibindo soamente un posto na sua candidatura electoral. Verificada unha votación entre os asociados saeu gañador Antón Alonso Ríos con 7.200 sufraxios, entramentres que o que viña sendo o máximo dirixente, Ramón Alonso Martínez, quedou relegado con 6.100 votos (702).
     Os temas que centraron a atención do movemento agrario no segundo bienio foron básicamente os mesmos que no primeiro, coa salvedade de que varios deles agraváronse.
     O pesadelo do foro seguía vivo no campo. A Lei de Reforma Agraria abrogará os foros de carácter señorial, pero o trámite de demostración dese tal carácter, imprescindible para que o pagador quedase exento do gravame, limitou severamente o alcance redencionista da disposición legal. Na anterior etapa de predominio da esquerda, dun modo xeral os señoríos deixaron en estado de latencia as suas reclamacións. Co acceso ó poder das forzas conservadoras, os titulares das rendas forais encoraxaronse dispostos a da-Ia batalla pola salvagarda dos seus intereses que consideraban asenderados. O problema volve a adquirir así novamente agudeza. As tramitacións xudiciais estaban de feito e «de iure» suspendidas, por existiren reiteradas resolucións neste senso, fixando o seu aplazamento até que se dictase unha lei que puxera definitivo remate ó secular pleito. A pesares delo, os cobradores de foros: «que dicen con todo descaro que Ia actuación de derechas les favorece» (703) presionaban nos xuzgados e valíanse de diversos procedementos «abusivos» para extorsionar ós labregos obrigándolles a paga-las rendas. En A Cañiza, Tui, Redondela e Vigo cometeronse actos de asoballamento, segundo denuncia a prensa (704), ante o cal ergueuse un movemento espontáneo de campesinos, que tentou de facer frente á situación, sen demasiado éxito ó que parece. Concretamente en Arbo, elementos de diversos núcleos rurais, constituiron un «Frente único antiforal» en defensa dos seus anceios de liberación (705).
     O problema perdura, pois, ó longo de todo este período, e mesmo agrávase visiblemente. Constitue un síntoma esclarecedor que a altura de xaneiro de 1936 lle propuxeran a Portela Valladares que dictase os decretos pertinentes que esixía o alcance da Base 22 da Lei de Reforma Agraria, con arreglo á cal declarábanse abolidos todolos foros de carácter señorial, que eran incontables en Galicia. Para os restantes foros solicitaban un proxecto de lei, en virtude do cal se declararan abolidos todos, fixándose normas de redención económica e prestándose o Estado a auxiliar ós campesinos probes para liberalos, tendo en conta que tamén adicara importantes sumas no resto de España destinadas ó melloramento do campesinado (706).
     Por outra banda estaba a cuestión do Tratado comercial hispanouruguaio, que permitiría a importación de 12.000.000 de kilos de carne anuais, aparte do gando vivo e mailos subproductos da gandeiría (707). O Tratado estaba só pendente de ratificación parlamentaria e dende os primeiros meses de 1934 erguense voces no Parlamento, e fora del, solicitando a aprobación definitiva. Presionaban en tal senso as autoridades uruguaias, aducindo o balance comercial bilateral desfavorable (708), e os representantes dos exportadores de viños, aceites e conservas (709) que se verían beneficiados polo réxime de contrapartidas. Os gandeiros de Pontevedra (710) e algunhas sociedades agrarias enviaron telegramas ó Goberno pedindo que non fora ratificado o Tratado, pero o P.G. temía o pior por canto non agardaba nada dos deputados galegos —entre os que figuraba pola Coruña un representante de «Frigoríficos Uruguayos» (711)— e constataba ademais a situación de desmovilización en que se atopaban as sociedades agrarias (712). Compre sinalar que o Tratado respostaba ás necesidades de exportación españolas e non ás de abastecemento do mercado interior de carne. Proba delo e que o 18 de xaneiro de 1934 o Goberno víuse na obriga de suspender a importación de carne conxelada dada a saturación que rexistraba o mercado estatal en razón dos continxentes que se introduciran a raiz da autorización ministerial do 27 de abril de 1932, destinados exclusivamente á fabricación de embutidos, pero que na práctica —segundo o recoñocía o propio Goberno— desviárase unha gran parte ó consumo directo (713).
     En marzo de 1934 discútese no Parlamento a cuestión dos tratados comerciais. Soamente o deputado por Galicia e ministro de Estado, Leandro Pita Romero, defendeu os interses gandeiros; os demais deputados galegos permaneceron en silencio sen decidirse a apoialo, quedando así completamente desasistido e tendo que arrostrar ademais a arremetida do xornal madrileño «El Sol» (714). A isto engadíase a súplica: «de tono mendicante, choroso e servil» dirixida polos organismos galegos ó Goberno, para que non foran esquencidos os intereses gandeiros de Galicia, amenazados polo Tratado co Uruguai (715). Por todo elo, o P.G. orienta a sua estratexia a conquerir que o Tratado fose modificado de xeito que resultara menos perxudicial para Galicia, antes que a impedir que se ratificara, por parecerlle xa utópico. Este punto de vista o expresa Bóveda nun artigo (716) no que ademais sinala que os galeguistas: «poñemos por enriba de todo o intrés da nosa Patria», polo que non quería aproveita-Ia ocasión para criticar ós parlamentarios galegos, querendo mellor estumulalos para que comprisen coa súa obriga. Este mesmo plantexamento o levaba a louvar o comportamento de Pita Romero, a pesares das diferencias que o arredaban del. As exhortacións que Bóveda repetía (717) pareceu por un momento que foran escoitadas cando en nadal de 1934 os deputados galegos pertenecentes ós partidos gubernamentais acordaron constituir un bloque para defender no Parlamento os intereses económicos de Galicia, especialmente os que estaban en relación coa lei de arrendamentos e cos tratados comerciais (718). Mais pouco durou o espellismo, xa que en febreiro de 1935 dábase por virtualmente aprobado o Tratado co Uruguai e gravitaba a amenaza de outro, tamen moi nocivo para Galicia, con Arxentina (719). O bloque formado polos deputados galegos revelouse inoperante, e a propia sociedade civil amosábase apática e adurmiñada (720); así o recoñecía o propio P. G.:


«Y Io que es peor, resignada, Galicia no reacciona, se conforma con que Ia arruinen. Calla a todo, y todo lo más, se lamenta en voz baja. Es cierto que no sabemos que funcione el bloque parlamentario de los deputados gallegos; pero también es cierto que el país no estimula tampoco su actividad, no exige nada de ellos, se abandona a lo que buenamente quieran o puedan hacer.» (721)


     En maio ambolos dous tratados quedaron definitivamente aprobados co consentimento de tódolos deputados galegos, dos que somentes tres fixeron algunha obxeción que non lles impediu ó cabo votalo favorablemente (722). A. Vilar Ponte sinalou que se os parlamentarios por Galicia se chegan a opoñer á aprobación contarían co apoio dos deputados cataláns, dado que o destacado economista da Lliga, Badia, dixera na Cámara que pola caída vertical do Uruguai o convenio en troques de útil resultaría perigoso (723) . O P.G. censurou o comportamento de Portela Valladares, que, sendo ministro á sazón, non fixera todo o posible para impedi-Ia aprobación do devandito Tratado, en flagrante contraste coa rexa actitude opositora que observara dous anos antes (724). Alonso Ríos, pola contra, disculpouno aducindo que cando accedeu ó Goberno xa estaba o asunto ultimado, e ademais non perteñecía ó seu departamento que era o de Gobernación (725). O P.G. criticou tamen a Basilio Alvarez por non protestar no Parlamento contra o Tratado (726).
     As repercusións da entrada das carnes procedentes dos países rioplatenses non tardaron en manifestárense (727). A pesares dela, o corpo social seguiu aletargado (728) producindose somentes esporádicas protestas (729), sen que tampouco a prensa amosara excesivo interés en aguilloar á opinión pública, e ademais naqueles contados casos en que tentaba adoptar unha actitude contestaria a censura encargábase de calmarlle os ánimos (730).
     Aludiremos agora a outros temas que tamen preocupaban ós agrarios.
     Os gravámes existentes para a destilación do bagazo e a comercialización dos augardentes, eran adoito impugnados nos congresos agrarios (731). En relación con isto, solicitaban que se intensificara a vixilancia para evitar a fabricación artificial de uvas e se limitara, nunha medida prudente, a entrada en Galicia de caldos exóticos que servían para abasta-lo producto e para adultera-los viños do país (732).
     Considerábase moi urxente a elaboración dun Catastro de rústica que evitase as inxustas e discriminatorias imposicións tributarias (733). Os agrarios en xeral sostiñan o criterio de que, por distintos conceptos, tributaban máis do que en xusticia lles correspondería (734). Chegou a haber sucesos cruentos co gallo da cobranza dun imposto (repartimento de Utilidades) ó que os labregos opúñanse por consideralo inicuo. A traxedia deuse en Baltar, pobo da provincia de Ourense que continuou así a tradición de lamentables episodios da Monarquía: Oseira, Nebra, Sofán, Sobredo, etc. (735). Velaí por qué unha reivindicación moi reiterada era a petición de exención tributaria para os uteis de traballo, carros do país que non se adicaran a labouras de transporte para terceiras persoas e o patrimonio familiar. Opúñanse os agrarios a que se estableceran impostos onerosos para os concellos rurais, que facian imposible a percepción de recursos para facer frente ás necesidades impostas polo Estado (736). Pedían tamén a supresión do imposto de persoas xurídicas para os sindicatos agrícolas e a anulación das cédulas personais, sustituindoas por un carnet de identidade gratuito. Interesaba, ademais, ós agrarios a cuestión do cooperativismo, a mellora da comercialización do gando e o incremento da vixilancia para evitar o contrabando de gando na fronteira. A reforma das transaccións das feiras, de xeito que se efectuasen ó contado e desaparecese a cautela evitando as «martingalas» dos traficantes. A creación de escolas, granxas agrícolas e cátedras ambulantes; a supresión do caciquismo e a libre importación do millo, impedíndose o acaparamento (737). Máis excepcional era a petición de que os obreiros do campo en paro poidesen percibir tamén o subsidio obreiro (738). Polo demais, o bloqueo dos xiros da emigración incidiu moi negativamente no campesiñado. En efecto, o «Centro de Hijos de Vigo» enviou un documento ós deputados galegos, no que denunciaba a grave penuria, e ainda verdadeira fame, que reinaba entre moitos campesiños polo bloqueo do diñeiro procedente de América (uns trescentos millóns anuais), co que se cobría o deficit da producción familiar, aliviábanse as leiras do recargo contributivo e evitábase caer no prestamo usuario. Sucedía, ademais, que por efecto do bloqueo o diñeiro de America perdía valor adquisitivo, de xeito que un cheque en pesetas custaba cada vegada máis pesos arxentinos ou máis reais brasileños. Estimábase que este diñeiro perdera un trinta por cento da sua cotización cambiaria. A elo hai que engadir o regreso forzado a América de familias enteiras, tornadas xa do éxodo co ánimo de permanecer en Galicia mercede ós seus aforros, cousa imposible por mor da devaluación que fixera mella neles. Non nos debe extrañar, pois, que as sociedades agrarias tivesen gran interés en que se establecese un convenio comercial cos países de America (para importar millo, por exemplo) que, equilibrando a balanza de pagos, permitira o desbloqueo e evitara a manobra cambista sobor dos xiros (739).
     A cuestión da construcción do ferrocarril de A Coruña a Zamora saeu novamente á palestra pública a raiz dun acordo do Consello de ministros, celebrado a mediar febreiro de 1934, polo que se concedía preferencia ás obras da ferrovia galega. Noustante E.P.G. recibíu con reticencia esta disposición (740) por poñe-la urxencia da intensificación do ferrocarril central galego no mesmo plano que outras obras secundarias, e porque namentras que se mantiña a lonxanía dos grandes portos galegos verbo de Madrid, acortábase a distancia dende outros portos españois do Cantábrico.
     As obras do ferrocarril galego proseguiron ainda que non ó ritmo desexable (741). Paralelamente, Bóveda aproveita unha elevación de tarifas ferroviarias para atacar á compañía do Norte —atribuindolle a culpa do atraso ferroviario de Galicia—, e tamén á compañía do Oeste, que segundo el obtiñan beneficios en Galicia, polo que resultaba de todo punto inxustificada a suba das tarifas. Galicia, pois, padecía unha medida decretada para toda España, que non teña nela xustificación. Era unha manifestación máis do centralismo que perxudicaba a exportación de peixe e gando, sen que, a todo isto, os parlamentarios galegos protestasen (742).
     En situación estacionaria estaban, en febreiro de 1934, as obras do ferrocarril Ferrol-Xixón, que escomenzaran facía nada menos que cincoenta anos, sen que se albiscara unha perspectiva clara de reanudación (743). As crises gubernamentais que se producen a mediados de 1935 comportan a supresión da consignación presupostaria asignada para o ferrocarril Zamora-Coruña, coa conseguinte amenaza de paralización das obras e o despido dos 6.100 traballadores galegos ocupados nelas (744). A pesares das xestións gubernativas de Portela Valladares e dunha interpelación parlamentaria dirixida polo deputado Fábrega ó ministro de Obras Públicas, Manuel Marraco (745), as obras interrompíronse en agosto no tramo Ourense-Santiago (746), en tanto que no primeiro de setembro seguiron análoga sorte os tramos restantes (747). A todo isto as obras de ferrocarril da costa estaban támén paralizadas. As reunións das autoridades locais e provinciais sucédense, e os parlamentarios efectúan xestións que non obteñen máis que respostas contemporizadoras (748). Compre salientar a falta da reacción cívica que tan punxente agromara no bienio anterior. O P.G. fiaba pouco na actuación dos parlamentarios porque votaran favorablemente no Parlamento a lei que deixaba ó ferrocarril galego sen consignación (749). Estando así as cousas, ten lugar na Coruña unha magna asamblea (750) o 16 de setembro. O P.G. mostrábase partidario de adoptar actitudes contundentes que fixeran ceder ó Goberno (751), e quedou descontento do resultado da asamblea. Polo interés que ten referirémonos a ela con certo detenimento. Digamos previamente que o movemento que deu orixe á asamblea foi pulado por forzas políticas e sociais de significación moi dereitista e conservadora, destacando o presidente da «Asociación Patronal de La Coruña», Pérez Cepeda. Os representantes destes sectores ostentaron a presidencia da asamblea da Coruña e conduciron o proceso, co cal se lle arrebatou ó pobo o protagonismo na cuestión do ferrocarril, segundo sinalaba o periódico galeguista de esquerdas «Ser» (752). A relación de organismos e entidades asistentes (753) confirma o punto de vista devandito. Noustante, a opinión de esquerdas, encarnada por Suarez Picallo e Cesar Alvajar, plantexou a batalla. A primeira escaramuza tivo lugar cando facía uso da palabra o alcalde de Santiago (por designación gubernativa) Vázquez Enríquez; este aludíu a que o quebranto da economía de Galicia xurdíu ó escomenza-lo réxime republicano, provocando suspicacias das que se fixo eco Suarez Picallo, quen se creu na obriga de interrumpilo para defender ó réxime, afirmando que a economía de Galicia estaba xa quebrantada dende antes do advenimento da Republica, pola Dictadura e a Monarquía. A intervención de Picallo suscitou rebumbio e protestas, que estimularon ó representante do P.G. a continuar falando:


«¿Con qué derecho quienes deben al Gobierno central sus puestos, quienes apoyan con sus votos a ese Gobierno se quejan de los malos tratos de ese mismo Gobierno? Sólo unos farsantes pueden aconsejar al pueblo actitudes heroicas contra las medidas de un Gobierno al que sirven, pues si esas actitudes se llevasen a cabo ellos serían los primeros en castigarlas desde los cargos que ocupan.» (754)


     As palabras de Picallo cambiaron o ambiente da asamblea, de xeito que Vázquez Enríquez non puido continua-lo seu discurso a pesares de clarexar que non quixo imputar o réxime, senón a quen o tiñan conducido nos primeiros tempos.
     Dempois da intervención do diputado coruñés, Rodríguez Pérez, quen se referiu ó informe emitido polo «Consejo Superior Ferroviario» que acordara que todolos ferrocarriles en construcción pasaran ó grupo B, ou sexa ós que se debían construir coa aportación económica das Deputacións provinciais interesadas na obra, tivo lugar o segundo embate da esquerda. Producíuse este a raíz da intervención de Cesar Alvajar, presidente do «Casino Republicano», quen presentou unha moción na que propuña o nomeamento dunha Xunta de Defensa, capaz de levar a termo as aspiracións populares na cuestión do ferrocarril e de extender logo a sua beneficiosa acción cidadana a outros aspectos relacionados co progreso e benestar de Galicia; atacou logo ó Goberno e a «Compañía do Norte», (imputándo a Emiliano Iglesias de ter intereses nela), e rematou solicitando a dimisión dos cargos oficiais. Suarez Picallo apoióuno precisando que a Xunta de Defensa debía encarnar a unidade de Galicia como entidade diferencial, e facendo notar a discriminación económica que padecía Galicia en relación ó trato dado polo Goberno a outras rexións, como Andalucía. Ambolos dous oradores foron amonestados polo delegado gubernativo, circulando o bulo entre o publico asistente de que serían detidos ó remate do acto, o cal xenerou un movimento de protesta e a amenaza do emisario gubernativo de suspende-Ia asamblea. O cabo, Manuel Casás conqueriu reconducir a marcha da asamblea cunha intervención moi aplaudida, á que puxo remate solicitando a dimisión dos parlamentarios e mailas corporacións se non se construía o ferrocarril. Leronse a continuación as conclusións nas que se pedía a construcción de todo o trazado sen postergar ningún tramo. Puxéronse, así, de manifesto os intereses coruñesistas que temían que se aplazara o traxecto Ourense-Santiago, inferíndose un rudo golpe ó porto da Coruña, que podería perde-Ia sua categoría internacional xa que outros portos rexionais quedarían mellor comunicados mercede ó enlace ferroviario coa liña Zamora-Ourense. Ademais, a asamblea fixo suas as peticións de outra asamblea, celebrada no Ferrol o 14 de setembro, no senso de que se levase a cabo a construcción do ferrocarril da costa (755). De xeito moi neboento recollíase a moción do Casino Republicano, que fora ovacionada pola Asamblea, pero —segundo denuncia «Ser» (756)— a Mesa ergueu a sesión dun xeito inopinado deixando sen determinar a forma de cumplimento da devandita proposta, a pesares das protestas dun sector do público. Deste xeito a manobra dereitista conqueríu evitar que a Asamblea designase novos representantes. A todo isto, os delegados de Zamora, Ourense e Vigo retiráronse da asamblea pretextando o «ambiente político y coactivo en que se desarrollaban los debates» (757), pero en realidade a sua actitude obedecía a intereses de protagonismo localista e mesmo tamén de política partidaria (758).
     A opinión que lle mereceu o P.G. a asamblea da Coruña foi considerablemente escéptica. A sua postura saíra derrotada, pero ademais a desunión motivada polas rivalidades políticas e localistas, amenazaban con esterilizala. O cabo, tiña moitas reservas sobor de que os deputados dos partidos gubernamentales e os alcaldes designados gubernativamente renunciaran, chegado o caso, ós seus postos (759).
     A resonancia da asamblea coruñesa non tivo amplitude dabondo como para evita-Ia paralización dos poucos anacos da construcción ferroviaria que ainda latexaban co ritmo humano do traballo das brigadas. O non haber consignación os contratistas estaban a despedir ós obreiros negándose a continuar adiantando cartos (760). Carentes de protección social, os traballadores da maior empresa galega, cal era a da construcción do ferrocarril, tiñan por diante un inverno no que as perspectivas de continuar percibindo o salario distaban de seren claras. Estaban xa afeitos ás privacións e dificultades que lles ocasionaran as repetidas interrupcións da construcción do trazado de ferrocarril, nos últimos anos. E sabían que a única solución neses casos era a mendicidade. Por elo recibiron con grande ledicia a noticia de que no Consello de ministros celebrado na segunda quincena de novembro acordárase considera-Ias obras do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, de inmediata urxencia (761). Con todo, a fórmula proposta polo Goberno, consistente en garantizar ós contratistas o interés das cantidades que anticipasen, distaba de ser enteiramente satisfactoria, non só para o P.G. que a criticou (762) , senón para os propios contratistas. Temos así que ó mediar nadal de 1935 estaban paralizadas máis da metade das obras (763), por canto que os cáseque tres millóns de pesetas que asignou daquela o Goberno de Portela Valladares para que proseguiran non foron mais que un mero paliativo (764). Deste xeito, a coalición do Frente Popular, recibirá este problema como legado.





NOTAS:


(669) H. de G., 15-I-1934, páx. 1.
(670) Así por exemplo, A.N.T., 18-XII-1933, «O Partido Agrario en Galicia»; A.N.T., 9-III-1935, páx. 1. «Agrarismo hespañol en marcha»; A.N.T., 11-V-1935 e A.N.T., 18-V-1935.
(671) A.N.T., 18-XII-1933 e 28-I-1934.
(672) A.N.T., 3-111-1934.
(673) Os agrarios de Monterroso, liderados por Abelardo Fernández, conqueriron enviar directamente por ferrocarril o gando a Madrid, prescindindo dos intermediarios. A reacción destes non tardou en producirse, e apoiados pola «Federación Católica Agraria de Lugo» boicotearon a venda facendo que lles pagasen precios irrisorios. No curso deste conflicto Abelardo Fernández ingresou no P.G. Nueva Galicia, 13-VI-1937, páx. 3.
(674) A.N.T., 9-VI-1934, páx. 2.
(675) Onde era moi influinte a familia do galeguista Jacobo Barral Otero, Declaracións de Valentín Paz Andrade, Vigo, 25-XII-1980.
(676) A.N.T., 22-IX-1934, páx. 4. e A.N.T., 20-XII-1935.
(677) Esta Federación contaba con 19 sociedades agrícolas confederadas, e cun total de 2.500 asociados. «Barcala-Negreira»; E.P.G., 17-I-1936, páx. 13, A.N.T., 31-I-1936, páx. 4. En Barcala editábase «La Voz de Barcala», o director da cal era Manuel Riveiro Barreiro, en un dos colaboradores o galeguista Avelino Pousa Antelo; Declaracións de A.P. Antelo, Santiago, 30-VIII-1980.
(678) «O Agrarismo galego»; A.N.T., 17-III-1934. Vide tamén A.N.T., 10-II-1934.
(679) Indalecio Tizón. «Un balance. El año agrario»; E.P.G., 2-I-1934, páx. 5.
(680) «Opiniones»; E.P.G., 6-III-1934, páx. 1.
(681) «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 4-VII-1934, páx. 7.
(682) G. Alvarez Gallego, «AI hilo de un congreso»; E.P.G., 6-III-1934, páx. última.
(683) Ibídem.
(684) A.N.T., 3-III-1934 e «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 30-VIII-1934, páx. 3.
(685) Como por exemplo o da Ramallosa (Nigrán). «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 4-VII-1934, páx. 7.
(686) G. Alvarez Gallego, «Al hilo de un Congreso»; E.P.G., 6-III-1934, páx. última.
(687) «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 30-VIII-1934, páx. 3.
(688) Antonio Alonso Ríos, «Un congreso económico-agrario»; E.P.G., 7-III-1935, páx. 1.
(689) Ibídem.
(690) Vide por exemplo A.N.T., 12-X-1932.
(691) Xohan A. Suárez, «Comentario. As Sociedades Agrarias n-esta hora de Galicia»; A.N.T., 9-XI-1935, páx. 3.
(692) Para un amplio resume do Congreso de Porriño vide «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 13-III-1935, páx. 3. Nesta glosa non se especifica o número de federacións con que contaba a estas alturas a F.P.A. Sinala, noustante, como datos reveladores que os sindicatos presentes tiñan propiedades por valor de 492.641 pts. Os seguros mútuos de gando vacuno destes sindicatos cifrábanse en 3.641.222 pts., con 2.214 reses. Entre os seus asociados resolveran por medio dos seus tribunais de arbitraxe, amigablemente, 461 conflictos, que se terían convertido noutros tantos pleitos.
(693) Antonio Alonso Ríos, «Reanimando al agrarismo gallego», E.P.G., 6-X-1935, páx. 58.
(694) De feito dou mitins e conferencias para os agrarios da F.P.A. A.N.T., 27-XII-1935.
(695) En marzo de 1935 «A.N.T.» acusaba a «E.P.G.» de ter unha posición contemporizadora co Goberno para evitarse problemas. Perdera, ademais, o senso de galeguidade que antes lle daban especialmente os editoriais de Alvarez Gallego, o cal abandonara o periódico por discrepancias ideolóxicas con Portela Valladares. «Panorama. A prensa galega»; A.N.T., 23-III-1935, páx. 1.
(696) Ser, 19-V-1935. Os artigos que escrebe Alonso Ríos a mediar 1935 son de tono moito máis moderado que os seus discursos dos primeiros tempos da República. Así, por exemplo, consideraba positivo en xuño de 1935 o fracaso do separatismo e a firmeza con que Portela mantiña as rendas do orde público. Antonio Alonso Ríos. «Galicia y Ia autonomía»; E.P.G., 5-VI-1935, páx. 1. Noutro artigo criticaba ós obreiros por «pedir peras al olmo», sendo insolidarios coa economía de Galicia. A. Alonso Ríos, «Un llamado a Ias ciudades»; E.P.G., 22-XI-1935, páx. última.
(697) A.N.T., 1-VI-1935.
(698) Declárase membro do P.G. en carta manuscrita remitida a Castelao, firmada na Coruña a 27-X-1934. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 10).
(699) Declaracións de Ramón Martínez López; Santiago, 13-XI-1980.
(700) «Los agrarios gallegos»; Ser, 1-XII-1935, páx. 5.
(701) Víctor Casas, «O Congreso agrario de Lavadores»; A.N.T., 6-XII-1935, páx. 1.
(702) «Federación Agraria Provincial de Pontevedra. Proclamación de candidatos»; E.P.G., 31-I-1936, páx. 5.
(703) Antonio Alonso Ríos, «La pesadilla del labrador gallego»; E.P.G., 23-V-1935, páx. 1.
(704) Ibídem. No Congreso de Porriño da F.A.P. foron denunciadas anomalías no cobro de foros que estaban legalmente abolidos, empregando para elo á Guardia Civil, e chegando a encarcelar ós refractarios ó pago. A. F.A.P. denunciaba tamén a falla de claridade existente sobor de cales foros quedaran abolidos e cales seguían suxeitos a pago. E.P.G., 13-III-1935, páx. 3.
(705) «Opiniones. La pesadilla del foro»; E.P.G., 28-I-1934, páx. 1.
(706) «Hacia Ia solución del problema foral en Galicia»; E.P.G., 24-I-1936, páx. 1.
(707) Segundo o P.G. isto representaba perto do 40 por cento da carne de vacuno que Galicia comercializaba no mercado español. A.N.T., 10-11-1934
(708) «Ante un grave peligro para Galicia»; E.P.G., 23-II-1934, páx. 12.
(709) «Opiniones»; E.P.G., 13-11-1934, páx. 1.
(710) «Junta Provincial de Ganaderos»; E.P.G., 23-II-1934, páx. 12.
(711) A.N.T., 11-I-1934.
(712) A.N.T., 11-I-1934 e 24-II-1934.
(713) «De interés para Galicia. Queda suspendida, temporalmente, la importación de carnes congeladas»; E.P.G., 21-I-1934, páx. 1.
(714) A.N.T., 17-III-1934.
(715) Ibídem. 14-III-1934, páx. 1.
(716) A. Bóveda, «Os tratados comerciales»; E.P.G., 14-III-1934, páx 1.
(717) A. Bóveda, «Primeiras consecuencias»; E.P.G., 3-IV-1934, páx. 16.
(718) «Los diputados gallegos gubernamentales. Acuerdan constituirse en bloque de defensa económica de Galicia»; E.P.G., 5-XII-1934, páx. 1.
(719) A.N.T., 16-II-1935.
(720) Unha mostra do precario tono reivindicativo témola no artigo de Antonio Alonso Ríos: «Persistiendo en el error»; E.P.G., 5-IV-1935, páx. 1.
(721) H. de G., 25-II-1935, páx. 1.
(722) A.N.T., 18-V-1935.
(723) A.N.T., 25-V-1935.
(724) A.N.T., 18-V-1935.
(725) Antonio Alonso Ríos, «Intereses Gallegos»; E.P.G., 12-V-1935, páx. 1. A pesares delo Alonso Ríos non deixou endexamais de recoñecer que o Tratado co Uruguai era moi nocivo para Galicia. Mesmo polemizou con quen sostiña o contrario; vide, por via de exemplo; Isaías Táboas, «Réplica-colaboración al señor Alonso Ríos»; E.P.G., 12-IX 1935, páx. última. Antonio Alonso Ríos, «Contestando al señor Táboas. El tratado con el Uruguay perjudicial al labrador gallego»; E.P.G., 2-X-1935, páx última.
(726) A.N.T., 18-V-1935. O longo destes anos o P.G. criticou a Basilio Alvarez en diversas ocasións. En xeral considerabao como un gran orador que puxera en marcha un forte movemento agrario, pero ó mesmo tempo responsable do seu fracaso. Vide A.N.T., 17-III-1934, 25-VIII-1934, 5-X-1935.
(727) A.N.T., 29-VI-1935.
(728) Así o denuncia, por exemplo, «Ser», dicindo que, pesia fame e ruina económica, os paisanos galegos mantíñanse calados e pasivos. Ser, 22-XII-1935, páx. 1
(729) Vide sobor disto A.N.T., 8-VI-1935 e 25-VII-1935. Tamén Ser, 11-VIII-1935, pp. 2 e 3.
(730) Así, por exemplo, A.N.T., víuse imposibilitada pola censura para denunciar certos «entresijos» verbo da aprobación do tratado co Uruguai. A.N.T., 18-V1935.
(731) «Federación Agraria Provincial», E.P.G., 13-III-1935, páx. 3.
(732) «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 30-VIII-1934; páx. 3.
(733) Os agrarios de Pontevedra sostiñan que o distrito de Ponteareas pagaba o Estado, por contribución rústica, unha cantidade maior que toda a provincia de Zamora: E.P.G., 13-III-1935, páx. 3.
(734) Temos, así, que a F.A.P. acordou en xullo de 1934 propagar nos seus mitins a idea de que os agricultores eran a cenicienta a efectos de tributación, E.P.G., 4-VII-1934, páx. 7.
(735) «Impresiones. Sangre en el rus»; E.P.G., 6-XII-1935, páx. 1 e A.N.T., 13-XII-1935.
(736) E.P.G., 30-VIII-1934, páx. 3.
(737) «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 4-VII-1934, páx. 7.
(738) «Federación Agraria Provincial»; E.P.G., 13-III-1935, páx. 5.
(739) «Opiniones. Hambre en el agro»; E.P.G., 8-VI-1934, páx. 1.
(740) «Opiniones. Para que un propósito tenga eficacia»; E.P.G., 15-II-1934, páx. 1.
(741) Hai neste senso denuncias en Ourense. «Opiniones»; E.P.G., 27-IX-1934, páx. 1.
(742) A.N.T., 14-VII-1934.
(743) E.P.G., 7-II-1935, páx. 14; A.N.T., 11-V-1935.
(744) «En Galicia van a quedar parados más de 6.000 obreros»; E.P.G., 28-VI-1935, páx. 1 e A.N.T., 29-VI-1935.
(745) «Impresiones»; E.P.G., 26-VII-1935, páx. última.
(746) A.N.T., 31-VIII-1935.
(747) A.N.T., 7-IX-1935.
(748) E.P.G., 24-VIII-1935, páx. última e 30-VIII-1935, páx. última.
(749) A.N.T., 31-VIII-1935.
(750) Sobor da convocatoria da mesma, vide «El Ferrocarril Zamora-La Coruña»; E.P.G., 3-IX-1935, páx. última.
(751) A.N.T., 14-IX-1935.
(752) «En torno al ferrocarril de Zamora a La Coruña»; Ser, 22-IX-1935, pp. 4-5.
(753) «La Magna Asamblea de ayer... Representaciones que asisten»; E.P.G., 17-IX-1935, páx. última.
(754) O discurso o pronunciou Picallo en galego ainda que aparece transcrito ó castelán. Ser, 22-IX-1935, pp. 4-5. Algunhas frases de Picallo foron reproducidas sesgadas en certos periódicos de Santiago e Vigo («E.P.G.», por exemplo) de xeito que quedaba terxiversado o seu verdadeiro alcance. «Ser» quéixase delo.
(755) Vide sobor disto A.N.T., 21-IX-1935.
(756) Artigo cit. supra.
(757) «Una nota de las representaciones de Zamora, Orense y Vigo»; E.P.G., 17-IX1935, páx. última.
(758) Así o revela A.N.T., 21-IX-1935, e o propio E.P.G. que agora amortigua moito as críticas ó Goberno, por figurar nél o seu director-propietario. E.P.G., 18-IX 1935, pp. 1 e última, e tamén 20-IX-1935, páx. 1.
(759) A.N.T., 21-IX-1935.
(760) A.N.T., 28-IX-1935. E.P.G., 26-IX-1935, páx. 1 e 1-X-1935, páx. última.
(761) «Impresiones. Una vez en el clavo»; E.P.G., 24-XI-1935, páx. 1.
(762) «O ferrocarril»; A.N.T., 29-XI-1935.
(763) E.P.G., 19-XII-1935, páx. 1.
(764) «Una aspiración galleguista servida»; E.P.G., 24-XII-1935, páx. 1 «AI paso de una maniobra electorera» E.P.G., 14-I-1936, páx. 1. A.N.T., 27-XII-1935

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega