5. Vangarda Nazonalista Galega
Foi «Vangarda Nazonalista Galega» un
grupúsculo nacionalista creado en 1933 por un personaxe insólito e
complexo, chamado Alvaro das Casas. A existencia de V.N.G. está de tal
xeito vencellada a esta personalidade contradictoria, polifacética e
hiperactiva, que consideramos inexcusable referirnos a ela, para tentar
de explica-las causas e a razón de ser da organización nacionalista
por el creada.
5.1. Antecedentes. Actividade de Alvaro das Casas ata a creación de
V.N.G.
No continente humano de Alvaro María de las
Casas Blanco, máis ben baixo e certamente groso (1), cobraba vida un
espíritu entusiasta, dinámico e emprendedor. As descripcións dos que
foron os seus correlixionarios e amigos (2)
coinciden en presentárnolo como
un home aberto, extrovertido, de sana gordura, benhumorado, simpático
e falangueiro. A súa entrega ó estudo, e os viaxes realizados polo
extranxeiro, fixerono posuidor dunha sólida formación cultural e dunha
mentalidade aberta. Verqueu os seus amplios coñecimentos nunha pródiga
actividade como profesor, literato, político, ensaísta, periodista e
conferenciante. Sendo como era, imaxinativo, gran orador e escritor
notable, dotado ademais de grandes dotes de organizador, puido ser unha
figura equiparable á de Otero Pedrayo, de non ser pola sua
inconstancia, falla de disciplina e versatilidade, o seu excesivo
protagonismo e afán de sobresair. Non cabe dúbida que todo isto, xunto
cun aire que gastaba entre extravagante e snob, e unha certa sona de
homosexual, fíxolle perder adeptos e granxeoulle non poucas
reticencias. Considerado por uns como un home de esquerdas (3), e como
conservador por outros, coidamos que non é desorbitado pensar que fora
as duas cousas a un tempo, predominando unha ou outra segundo as
circunstancias, as influencias que recibía e máis lle impactaban, e ata
poida que o estado de ánimo. Como xa iremos vendo non era precisamente
de contradiccións do que estaba máis menesteroso Alvaro das Casas.
Filgueira Valverde nolo describe como unha «mistura de
aristocraticismo e populismo», expresión que nos parece certeira,
e que podemos relacionar coa sua concepción elitista de filiación
orteguiana, da sociedade e da política, pero non entendida como
actitude vital.
Como queira que a actividade de Alvaro das
Casas ten sido estudiada por Emilio Ulloa Fernández (4), limitarémonos
pola nosa banda a narrar eiquí os aspectos que non foron recollidos no
seu traballo, resumindo coa maior brevedade posible o que xa foi tratado
por Ulloa, para non interrumpir a liña de evolución de A. das Casas, de
sorte que resulte comprensible. Haberá, tamén, cuestións de
interpretación que puntualmente sinalaremos nas que nos apartamos
deste autor, por teren para nós outra significación á luz da
documentacion que menexamos.
En 1920 escomenza a singladura política de
Alvaro das Casas. A sua primeira etapa abrangue ata 1928. Ten fixada a
súa residencia en Madrid, estando ademais estreitamente vencellado ó
poder central ó traveso do seu cárgo de preceptor real. Como lle sería
achacado dempois, presentouse individualmente, como candidato
independente a deputado, «sin encadramento partidario do mesmo
xeito que calquera cacique a vella usanza» (5), sen obter éxito no
seu propósito. O máis destacable desta etapa é a sua inquedanza por
Portugal. En efecto, estaba moi en contacto cos círculos intelectuais
portugueses, especialmente co pensador reaccionario Sardiña, de quen era
moi amigo, ingresando en 1925 na «Hermandad Real de los Infanzones
de Illesca», na que ocupou un cárgo directivo (6). Era ademais
académico do «Instituto Histórico del Miño» e viceconsul
de Portugal en Madrid. Como premio a sua laboura de achegamento
hispanoportuguesa concedéuselle en 1924 a Cruz de Alfonso XII.
Consideramos que esta preocupación por Portugal, que será unha
constante nel (7), contribuiu a achegalo ó credo galeguista, pois non era
difícil o paso do portuguesismo hispanista ó lusismo galeguista.
Paralelamente esperta nel o interés polos temas de Galicia, por máis
que esta preocupación non tería sido máis que superficial e
folklórica, como dí Ulloa. Perto xa do ano 1928, que sinala unha clara
inflexión na sua biografía, amósase partidario da autonomía de
Galicia, e considerando logo que esta era incompatible coa Monarquía,
rompe con ela e ten a audacia de devolver a El Rei o título que lle tiña sido concedido por mercede
súa de «gentilhombre de su
Majestad», a pesares do perigo que supuña (8). O tempo que renuncia á
sua anterior vida social, conquire o nomenamento de director da «Biblioteca de Estudios Gallegos» en Madrid, cárgo que lle
permitirá entrar en contacto coa intelectualidade galega, e moi
especialmente co núcleo ourensán, por elementais razóns de
xeografía, dado que él tiña fidalga residencia en Esposende, lugar
situado perto de Ourense. Ingresa na «Irmandade Nazionalista
Galega» (9) e escomenza a colaborar nas revistas «NOS»
e «A.N.T.». Alvaro das Casas conquire que a «Biblioteca
de Estudios Gallegos» funcione ademais como editora de libros,
publicando algúns interesantes títulos como «Aportaciones a Ia
historia de Galicia» do catedrático Marcelo Macías e «El
problema político de Galicia» de Vicente Risco (10). Máis
proíalle ó noso home e inquedanza de voltar a Galicia, e conquire en
1929 un destino en Noia cun encárgo de cátedra de Xeografía e
Historia. A partires deste momento entrégase en corpo e ialma á causa
do nacionalismo galego, en función da cal apoia as actividades
conspirativas dos republicanos. No período do goberno Berenguer no
acouga: funda en Noia a «Irmandade Galeguista» cun programa de autonomía, defensa xeral de Galicia e de xeito moi especial da sua
cultura; aparece entre os firmantes do «Pacto de Barrantes»,
participa na manifestación organizada contra Calvo Sotelo co gallo da
sua visita a Ourense (11) e, como el mesmo di: «[...] non houbo
conspiración na que non traballara» (12). Situado xa nos meses
anteriores á proclamación da República, no ano 1931, suscribe o
manifesto de «Esquerda Galeguista», no que da público testimuño de
dous elementos novos que non figuraban no programa da «Irmandade Galeguista» de Noia; son estes o republicanismo e
a sua proclividade cara a esquerda. Como contrapartida, aparece
invariable ó papel de primacía otorgado á cultura. En mítins dados
en Vilanova e Pontevedra ratifica a sua adhesión ó ideario
republicano, por se-Ia Monarquía incompatible coa autonomía de Galicia.
Insistindo nisto debemos suliñar que neste momento Das Casas se expresa
como un demócrata e republicano galeguista (13)
nos artigos que escrebe,
uns en galego e outros en castelán; perteñece ó «Centro
Republicano Demócrata de Noya» (14)
e escomenza a recibir o aplauso
público polo seu labor cultural, do que temos un inequívoco testimuño
nas gavanzas do editor Arturo Cuadrado por ter conquerido sobrepoñerse
ó ambiente de Noia, logrando que se convertise nun gran mercado do
libro galego (15). Convocadas eleccións a Cortes Constituintes, Das Casas
incurre en flagrante contradicción. Como os demais firmantes do
manifesto de «Esquerda Galeguista» anuncia que se absterá de
participar nelas, dadas as irregularidades e prácticas caciquís
observadas na confección das candidaturas, pero veleiquí que participa
en cantos mitins organiza por tódala provincia de Pontevedra a, «Candidatura Galeguista», na que él mesmo é proclamado
candidato. Traduce esta contradicción un desequilibrio que terá de
repetirse, entre o maximalismo que pretende e proclama, e o posibilismo
que practica.
En nadal de 1931 crease o Partido Galeguista, e
Alvaro das Casas ingresa nel, sendo lexido para formar parte do Consello
Executivo. Coidando que a mocedade tiña unha importancia capital para o
presente e porvir do galeguismo, crea en febreiro de 1932 os grupos
Ultreyas (16), nos que chegaron a integrarense perto de 2.000 rapaces
(17) de
idades comprendidas entre 12 e 20 anos, espallados polas vilas e cidades
de Galicia. Tivo gran repercusión pública o feito de que Das Casas, na
sua condición de director do Instituto de Noia, pronunciara en galego o
discurso de apertura do curso académico 1932-33 nun solemne acto
oficial (18).
Algo debeu pasar para que a fins de 1932 Alvaro
das Casas decidírase a enviar unha carta ó Consello Executivo do P.G.
dando conta da sua baixa no partido, invocando «discrepancias
tácticas» (19). Segundo a documentación inédita consultada por
Ulloa no Pazo de Esposende, atopámonos con que xa dende febreiro deste
ano critica a desorganización do P.G., confesa sentir noxo da política
e manifesta querer alonxarse dela para adicar tódolos seus azos a
potencia-los grupos «Ultreyas» (20). Nin o que públicamente
dí, nin o que privadamente recoñece, nos pareceu explicacións
plausibles da súa resolución de abandona-lo P.G. Ben é verdade que a
estas alturas non estaba o P.G. ben organizado, como era natural que
así fose considerando os escasos meses transcurridos dende a sua creación, pero tamén é certo que estábanse a dar
pasos firmes para
estructurar mellor este colectivo e dotalo de disciplina. Non estiveran,
ademais, mellor organizadas a «I.N.G.» , a «I.G. de Noia»
ou a mesma «E.G.», e endexamais manifestou Das Casas análoga
protesta. O seu noxo pola política, puido ser un sentimento auténtico, pero dende logo ben tornadizo xa que pouco tempo tivo que
pasar para que de novo o vexamos debruzado no activismo máis político
que maxinarse un poida. De tódolos xeitos, de haber unha razón
política que explique o seu arredamento do P.G., é con toda
probabilidade ésta. O engado da pureza, de non debruzarse na actividade
política contaminada, é unha tentación constante nel, que xa se
manifestara nos vísporas das eleccións a Cortes Constituintes, pero
esta tentación non resiste o pulo de activismo que o proe. De aí veñen,
en parte, as súas contradiccións. A valoración do labor
cultural como unha actividade de primerísima importancia (concebido,
do mesmo xeito que víamos en Risco, como un labor político-operativo a
longo prazo que, como tal, soamente é «apolítico» no que
se refire ó retraimento da política inmediata e cotián) é un tema
recurrente nel, do que xa deixara constancia na «I. G.» de
Noia, en «E.G.», e que volta novamente a manifestarse en
1932, plasmándose nos «Ultreyas», o programa dos cales
resposta perfectamente a esta orientación. Claro que se este «culturalismo» non lle impedira denante afiliarse ó P.G.,
tampouco Ile vai impedir agora que sae dél, fundar V.N.G. e mesmo dar
ós «Ultreyas» un inesperado sesgo político na medida en que
él os representa no secretariado de Galeuza, que é un pacto
eminentemente político. Agora ben, esta contradicción non obsta para
que no intre preciso de abandona-lo P.G., Das Casas sentise realmente
noxo pola política e arelase adicarse ó «culturalismo»
para o cal «Ultreya» era unha oportunidade magnífica. De
tódolos xeitos isto non explica satisfactoriamente a súa actitude de
abandona-lo P.G., por canto que o integracionismo deste permitía que
coexistiran dentro del os que tiñan vocación política cos «culturalistas», e Das Casas non era o único que
pretendía
seguir esta última orientación. Pensamos, por todo elo, que a razón
suplementaria ven dada polo seu personalismo no que abundaremos logo
que o levaba a percurar nos «Ultreyas» un couto no que
campease él en exclusiva. Xa aludimos, en afecto, a que as súas
discrepancias xorden sincrónicamente co problema dos Ultreyas, ós que
quería arredar do P.G., para dirixilos el en exclusiva, e poida que
naquel intre tamén pretendera apartalos da política inmediata á que
os podía avencellar a sua conexión co P.G. Nun manuscrito seu, datado
en marzo de 1932 (21)revela que:
«non estou d'acordo co-a orientación do
Consello, eu non quero entrambelicarme con ela; eu teño ideas craras
encol dos nosos fins, penso que os podo desenrolar cos meus rapaces, e
non quero que naide poida dificultalas. Desexo responsabilidade e
libertade.» |
Coidamos que o devandito queda aquí ben
plasmado. Precisemos, ademais, que a concesión feita a Alvaro das Casas
polo Consello do P.G., celebrado en febreiro de 1932, consistente en que
se poidera encargar en exclusiva de «Ultreya», non foi máis
que provisional, voltando a replantexarse a cuestión dous meses
despois. O P.G. non estaba disposto a perde-lo control sobor da
organización xuvenil como o denota a recomendación que fai en outono
deste ano a Segredaría Executiva para que Filgueira Valverde e Núñez
Búa se ocuparan dos «Ultreyas», prestándolles o seu apoio (22).
Plantexadas así as cousas o conflicto era inevitable.
Polo demais, discrepancias que non dí cales eran coa orientación
táctica do P.G. no habían ser moitas, cando encol dunha cuestión tan
crucial como a da autonomía, que o P.G. apoia sen que por elo deixara de
expresa-las súas reservas dada a cativeza do Estatuto, Alvaro Das Casas
manifesta nun artigo publicado en xaneiro de 1933 é dicir, estando xa
fora do P.G. que a susodita peza legal abría un vieiro por onde os
nacionalistas galegos podían camiñar (23). Por todo elo atrevémonos a
pensar coincidindo nisto con Ulloa que o móvil que o levou a dimitir
do P.G. debeu ser primordialmente de tipo personalista. Sabemos, en
efecto, que era Das Casas un home con gran afán de protagonismo e
notoriedade, polo que moi ben puido sentirse ferido no seu amor propio
ó verse postergado da dirección efectiva do P.G., que residía na
Segredaría Executiva, por máis que o Consello Executivo, do que el
formaba parte, tiña tamén un importante papel na conducción do
partido. A isto unese que o funcionamento ferreamente colexiado dos
órganos de dirección do P.G., deixaba moi escaso marxe para que
puidesen aflorar as actitudes personalistas dos que, como Alvaro das
Casas, necesitaban cintilar con lus propia.
Tras do abandono do P.G. escomenza o brevísimo
período «apolítico» de Alvaro das Casas. Claro que o seu
desdén pola política é moi «sui generis». Así, non deixa
de participar e mesmo de intervir como orador no banquete que se celebra
en Pontevedra o 4 de xaneiro de 1933, en homenaxe a Bóveda e Tafall
polo seu destacado papel no proceso de elaboración do Estatuto de
Compostela (24). Da conferencias en galego nos institutos de Noia
(25) e Pontevedra (26)
á que, por certo, asiste a plana maior do P.G., e tamén
na Universidade (27). Deterémonos nesta última pola trascendencia que
tivo. A conferencia deuna Das Casas no paraninfo da Universidade sobor
do tema «O momento universitario» (28). Tras de presentación
feita polo presidente de «A.P.E.F.L.», Fernández del Riego,
espuxo o que debía se-Ia Universidade: a rectoralía capaz de
estructura-la cultura dun pobo, de capacitalo para unha empresa
civilizadora, e de ergue-Ia súa conciencia nacional. Puxo de manifesto
a sua separación da política para adicarse por inteiro á loita
cultural, xa que se non existía unha conciencia de tódolo que Galicia
representaba, a loita política sería ineficaz, e a victoria nas urnas,
sen a victoria cultural, inútil. Sinalou logo que a Unversidade estaba
en crise, e ainda que se estaba a remozar en parte, o certo era que
adolecía da falla dun plan orgánico de restauración total. Antes de
rematar incitando ós universtarios composteláns a poñerense ó frente
do movemento nacionalista galego, libertándose de partidos e
personalismos, conqueriu alporiza-los ánimos do profesorado dicindo que
un dos elementos da crise da Universidade de Santiago cifrábase na sua
posta a mercede de docentes forasteiros que salvo excepcións
honrosísimas chegaban sen outra preocupación que a de conquerir un
traslado rápido que os levara fora dun país que nin amaban, nin
comprendían. A reacción do profesorado numerario a pesares de que
ningún membro deste estamento asistira á conferencia non se fixo
agardar: semella que a instancias de tres «lentes» que se
consideraron aludidos, 23 catedráticos piden ó Rector, que se lle abra
expedente (29), ó que éste accede con dilixencia. Para entende-Ia
expeditiva e rápida resposta dos catedráticos compre ter en conta o
clima previo de tensión entre alunos e profesores por mor da folga
xeral decretada pola F.U.E. en apoio da sua petición de xubilación do
catedrático de Quirúrxica, por consideralo inepto para o ensino (30).
«El Pueblo Gallego» sae na súa defensa considerando que no existiría libertada de cátedra se nin sequera se poidesen facer
alusións xenéricas ós catedráticos de «ida y vuelta» (31).
O mesmo fai «A.N.T.» e os estudiantes galeguistas, que
precisamente viñan de facer público un manifesto no que se verquían
críticas á Universidade semellantes ás realizadas por Alvaro das
Casas, e pronunciábanse pola galeguización da máxima institución
docente (32). Nun mitin estudiantil celebrado no Paseo da «Herradura» aludíuse ó expedente a Das Casas, e
nunha
manifestación que tivo lugar a continuación déronse berros no seu
favor. A «Camara Federal da F.U.E.», con tódalas asociacións
que a integraban, enviou unha nota á prensa manifestando a sua
adhesión a Alvaro das Casas (33). A trascendencia do conflicto induce a
29 catedráticos, co rector e catro decanos ó frente, a publicar un
manifesto (34) no que rexeitan a división entre profesores forasteiros e
nativos, defenden ó compañeiro cuestionado polos alunos e, asimesmo, o
dereito ó traslado ó amparo da lexislación vixente. A «F.U.E.» e Das Casas
(35) contestan, e a prensa en xeral
ligue con atención o desenrolo do conflicto.
5.2. O sarampelo arredista: «Vangarda Nazonalista Galega»
Dous meses
antes de fundar V.N.G., pronuncia Das Casas unha conferencia no Liceo da
Poboa do Caramiñal (36), e como calquera outro galeguista apela á unión de tódolos galegos,
de calquera confesión e ideoloxía, por defender a Galicia, que tiña
dereito a confederarse cos demais pobos peninsulares. Por esas mesmas
datas publica un artigo (37) no que manifesta que sigue confiando nos homes da Rapública, pero confesa xa a sua desilusión polos dous anos
transcurridos sen que as arelas de Galicia foran satisfeitas. Non
podemos por menos que sentir abraio ante a sua fulgurante conversión ó
arredismo que o leva a voltar a interesarse novamente pola política se
é que algunha vegada se desinteresou dela decidíndose a formar un
partido político do signo apuntado. Era Alvaro das Casas un home moi
sensible ás influencias do entorno, e teremos que apelar a éste para
tentar de explicarmonos as causas da sua radicalización. No mes de
xullo en que nace V.N.G., vivíase en Galicia un ambiente de malestar e
enrarecimiento por mor da política xeral do Goberno. O propio Alvaro
das Casas nos conta nun esclarecedor artigo (38)
que:
«[...] Galicia no recibe una sola ley que
Ia favorezca; se desatienden nuestros problemas, se desdeñan nuestras
necesidades, se nos ofende, veja y hiere en cuantas ocasiones se
presentan; se destroza nuestra economía, se arruina nuestra agricultura,
se paraliza nuestra industria, se dificulta nuestra formación y
expansión cultural...» |
A isto engádese que a autonomía estaba nunha
vía morta por mor de que o decreto de autorización do plebiscito non
daba chegado. E hai ademais outro factor: no mes de Santiago fírmase o
Pacto de Galeuza, no que participa Das Casas, e elo trae consigo un gran
entusiasmo nacionalista. Todo este cúmulo de factores suscita tamén no
Partido Galeguista unhas reaccións moi semellantes ás de Alvaro das
Casas, a tal punto que podemos considerar que a sua actitude puido moi
ben ser adoptada polo P.G., de non ser éste un partido con
responsabilidades e mesmo representación parlamentaria, polo que estaba
obrigado a meditar máis as cousas.
Alvaro das Casas aparece como arredista declarado no Pacto de Galeuzca.
No seu «Diario dunha viaxe de nazonalistas. Galeuzca» (39)
relátanos que propuxo ós membros de Galeuzca, nunha reunión celebrada
en Bilbao, que se definisen por unha opción arredista, sendo só ben
acollida polos nacionalistas vascos e a U.D.C. Na viaxe realizada
pronunciou, como xa deixamos apuntado, discursos de tono exaltado e
radical, atribuíndolle a prensa o ter dado morras a España (40)
e frases
como: «De vuelta de Ia tierra extranjera que nos vimos precisados a
pisar para venir a Cataluña [...] (41)»
As suas relacións co P.G. ou polo menos
coa maioría dos seus membros seguían a ser bastante boas. Xa víramos
cómo a maioría o defende cando a prensa o hostiliza por mor dos seus
alporizados discursos. O propio Castelao en carta a Bóveda (42)
dí que no
curso da viaxe de Galeuza deran os dous unha roda de prensa e Das Casas,
ó que consideraba fogoso demais polo que compría refrealo algo: «foi o encargado e fixoo moi ben (eu
marqueino)». Son os
galeguistas de Vigo e o propio Alexandre Bóveda os que máis a disgosto
están con Das Casas, porque co seu radicalismo, comenentemente
instrumentalizado pola prensa conservadora que os puña nun mesmo saco,
rodifaba ó P.G., perxudicando a súa imaxe. Noustante, Bóveda, mal que
lle pesara, pola súa condición de representante do P.G. no
Secretariado Galego de Galeuzca, tiña de convivir con Das Casas, que
estaba nel a título de representante de «Ultreya» (43).
Dun xeito oficial «Vangarda Nazonalista Galega» sae a luz pública o 25 de xullo de 1933, por medio dun
voceiro titulado «Mais!» (44) . Nel, Das Casas manifesta a sua
pretensión de que Galicia se arredase de España. O periódico «Mais!» era o órgano de:
«un grupo disidente do Partido
Galeguista» (45) que pretendía ir como o seu mesmo nome indica
máis alá do susodito partido. Consciente da sua debilidade, o
periódico dí que se publicaría da cando en vez cando poidese ou se
cadra non se voltaría a publicar máis (46) . Tiña un sesgo entre radical e
efectista, plasmado tanto no feito de que se distribuise gratuitamente,
como no tono de revolucionarismo verbalista (47). Entre os que escribían
en «Mais!» atopábanse Ramón Martínez López e Fernández
del Riego, que estaban afiliados ó P.G., polo que reciben unha severa
recriminación de Bóveda, quen os conmina a non voltar a colaborar (48).
A ideoloxía de «V.N.G.», deixando a un lado o seu verbalismoo
extremista e a sua postura arredista, era en todo coincidente coa do P.G. Pesia o seu arredismo, manifesta, por exemplo, querer europeizar
Galicia. Débase isto a que o pensamento de Alvaro das Casas non é
sustancialmente diferente do que podemos considerar denominador común
da ideoloxía galeguista no tempo da República. Crente de firmes
conviccións (chega a adicar un artigo (49)
a demostrar a consagración
das nacionalidades nos Evanxeos), elitista de filiación orteguinana na
concepción da sociedade (50), organicista risquiano na
teoría da
nación (51), lusista, etc. Curiosamente a radicalización política non
leva aparellada unha actitude igoalmente extrema na cuestión do idioma.
De feito, o seu propio voceiro estaba redactado en castelán, e o propio
Alvaro das Casas escrebe, como sempre fixera, artigos na prensa en
galego e máis en castelán. A teoriza-la sua práctica linguística
adica Alvaro das Casas un interesante artigo (52)no que propugnaba o uso
inflexible do galego no libro, na conferencia académica, na carta e nas
relación familiares ou sociais,
«Máis na aituazón políteca, en troques,
entendo en verdade que son moitas as ocasións nas que é comenente o
emprego do castelán pra atinxir a maor eficaza nas nosas
labouras.» |
Hai que dicir que nisto quedábase «máis
acá» do P.G., quen redacta integramente en galego «A Nosa
Terra». Un detalle tan precioso non o deixa pasar Bóveda sen
aproveitalo para abelloar a Das Casas, dicindo, ademais, que a
actividade de V.N.G. non se vía por ningures (53). E non debía andar moi
descamiñado Bóveda. «V.N.G.» non só carece de programa, de
estructura organizativa, de órgano de dirección, de implantación (54),
senón que ademais non da sinais de vida. Por ningunha parte ollamos que
este grupúsculo ínfimo organice acto político ningún. Resulta
ademais paradóxico que Das Casas estivera no Secretariado galego de
Gaeluzca representando a unha organízación que non era estrictamente
política «Ultreya» en troques da súa V.N.G. (55). Compre
ademais apuntar, a beneficio do inventario de contradiccións de Alvaro
das Casas, o feito de que mantivese unha postura independentista e ó
mesmo tempo firmase o Pacto de Galeuzca que, como queira que non se
establecese sobor das bases arredistas que el desexaba, tiña unhas
implicacións de apoio ás autonomías das tres nacionalidades. No fondo
Das Casas era considerablemente posibilista.
Ante o ataque público de que fixo obxeto Bóveda a Alvaro das Casas,
dende as páxinas de A.N.T., éste defendeuse, pero con timidez,
renunciando a divulgar na prensa a súa réplica: «para non dar
as xentes a certeza da desunión». Contéstalle por elo en carta
privada (56), dicíndolle, en tono amigable, que os membros do P.G. non o
apoiaran cando tivera problemas por causa do seu radicalismo
nacionalista, na medida en que Bóveda dicía, e que era inxusto con el
ó esquencerse das cousas positivas que fixera, tales como dar
conferencias galeguistas en Vigo, no Instituto de Pontevedra, Redondela,
Tui, A Estrada, Ferrol, etc. ou como ter sido segundo el o primeiro
«lente» da península que non empregou o idioma oficial en
duas aperturas de curso.
Convocadas eleccións xerais para o mes de
novembro de 1933, Alvaro das Casas anuncia que se presentaría como
candidato nacionalista independente (57)
pola provincia de A Coruña. Quere
isto dicir que Das Casas desdeña unha oportunidade óptima para tentar
de conquerir respaldo popular para V.N.G., preferindo presentarse el só
sen o amparo dunhas siglas, o cal equivale a ergue-Ia acta de defunción
dunha organización que, polo que temos visto, non chegou endexamais a
trascende-lo estado embrionario.
A campaña electoral de Das Casas consisteu no
reparto dun manifesto electoral, algunha que outra conferencia (58)
e a
inserción na prensa de publicidade da sua candidatura (59). Utilizando
electoralmente o idioma castelán preséntase como «nacionalista» o que, se
ben implica un certo degrau de
radicalismo, na medida en que tal etiqueta suscitaba suspicacias e
adoitaba ser malinterpretada (velahí por qué o P.G. denominábase «galeguista», e como tal se presentaba ós
comicios), tamén
comporta a renuncia ou o enmasearamento do arredismo que preconizaba. O
prestixio intelectual e a sona de Álvaro das Casas, posibilitaron que
acadara unha votación considerable nalgúns municipios de provincia
coruñesa, especialmente no da Serra de Outes, onde foi o candidato máis
votado, e no de Santiago, onde acadou 334 votos (60). De tódolos xeitos,
os sufraxios obtidos en total non chegaron ós cincocentos (61), dos cales
é moi probable que unha boa parte procederan de afiliados do P.G. no
que xa vimos que existía unha corrente arredista que, mercede ó
sistema de listas abertas, podían compatibilizar o voto polos principais
candidatos presentados polo seu partido, co apoio á candidatura
independente de Alvaro das Casas. Disconforme o catedrático de Noia cos
devanditos resultados, impugnou as actas actuando dun xeito tal que
estivo a piques de ter que sofrir un proceso xudicial (62).
Non podemos abrigar dúbidas de que a estas
alturas a posición política de Alvaro das Casas seguía coincidindo coa
das esquerdas. De feito, atopámolo entre os representates dos partidos
socialista (Marcial Fernández), radical-socialista (Rey Barral),
federal (Escariz), comunista (Carnero Valenzuela), unión socialista
gallega (Xoan Xesús González) e galeguista (Picallo), que tiñan
previsto dar un mitin «de exaltación liberal» en Boiro, onde
se tiñan producido lamentables incidentes co galo das eleccións, e que
tivo que ser suspendido polo estado de prevención (63).
En adiante non manifesta Alvaro das Casas o seu
punto de vista arredista, cecais porque as circunstancias políticas son
adversas a este tipo de exaltación. No vran de 1934 viaxa por Europa e
visita tamén Valencia e Cataluña. En Barcelona entrevístase cunha
personalidade proclive ó independentismo, Dencás xefe dos escamots e
conselleiro de gobernación da Generalitat departe tamén con Companys
e mailos directivos de Palestra, e con outros que, como Riera Punti, de
arredistas non tiñan nada. Na descripción que fai nunhas crónicas que
envia a «El Pueblo Gallego» (64),
das forzas políticas
catalanistas e valencianistas tenta de ser ecuánime e obxectivo, e non
deixa traslocir simpatías claras polos arredistas. Por outra banda,
namentras estaba de viaxe Alvaro das Casas, sae en Santiago o primeiro
número da revista «Alento», subtitulado «Boletín de
Estudios Polítecos» (65). Esta revista estaba dirixida por él,
contando coa axuda de Xoan Brañas e Fernández del Riego. En «Alento», Das Casas xúntase
«cun fato de
patriotas», notorios representantes da ala conservadora do P.G.:
Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, etc.,
para os que a revista serve de plataforma dende a que manifesta-Ia sua
disconformidade coa política de alianzas do P.G. cos partidos de
esquerda. Dende un posicionamento de maximalismo nacionalista, critican
as concesións e mailo pactismo do P.G., que lles desagrada en tanto que
nacionalistas radicais e en canto que conservadores, xa que a alianza do
partido criticado efectúase coas forzas republicanas de esquerda. Claro
que isto último non é válido para Alvaro das Casas como xa vimos e
seguiremos vendo a quen, en cambio, se axusta perfectamente a declaración de intencións expostas no editorial do primeiro número de
«Alento»:
«Faguemos "Alento" no inquerito
de ir precisando máis limpa e rexa ortodoxia nazonalista nestes tempos
tristeiros de vacilazóns e dúbidas. Dito está que nos emprazamos ao
marxen dos partidos e que quixéramos ficar sempre enriba dos
partidos.» (66) |
Resulta bastante paradóxico que Risco, Ramón
V. Ponte, Del Riego, etc., estando afiliados ó P.G., pretendesen
situarse por riba dos partidos. Alvaro das Casas maniféstase como
radical no seu nacionalismo veteado de certos escintileos
independentistas (67). O seu arredismo xa non é tan patente e franco.
Compre precisar que nos atopamos no bienio lerrouxista, nos vísporas da
revolución de outono, e cecais isto obrigara a Alvaro de las Casas a
expresarse con cautela, morixerando o seu independentismo. Defeito, «Alento» dende o número 4, correspondente a outono de 1934,
aparece visado pola censura militar e, por estas datas, estivo Das Casas
19 días preso, suxeito a consello de guerra, sendo ó cabo sobreseído o
seu proceso (68). Insistimos, pois, en que segue a profesa-lo credo independentista, pero coidándose de
facelo demasiado explícito, o cal
non é óbice para que os arredistas da «Sociedade Nazonalista
Pondal» de Bos Aires o sigan tendo por tal e, deste xeito,
invítano a pronunciar un ciclo de conferencias no mes de setembro de
1934, que ó cabo non se celebra por non poder acudir Alvaro de las
Casas a Bos Aires (69). Cando, a comenzos de 1935, «Alento» xa
non é supervisada pola censura militar, expresa de xeito taxativamente
claro a súa concepción arredista e antiestatutista. Así nos relata
él mesmo que lle dixera a Maciá en Barcelona:
«Eu insisto en que pra moitos de nós o
Estatuto non resolverá o problema galego, afogará as arelas
nazonalistas, e ainda no millor caso será posto na práitica por xentes
sen geleguidade que o trocarán nun instrumento máis do goberno central
en desprestixio dos nosos ideaes. Voto por unha aizón crara e
sinaladamente arredista.» (70) |
Por outra banda, un tanto importante
apuntábase Alvaro das Casas publicando en «El Pueblo
Gallego» (71) un reportaxe sobor da amenaza de desaparición que
pesaba sobor da «Editorial NOS», por razóns económicas, e
que suscita gran conmoción na intelectualidade galeguista,
aprestándose moitos escritores a celebrar unha xuntanza en Compostela
(o 7 de outono) para rendir homenaxe a Anxel Casal e percurar solucións
(72).
En marzo de 1935 polemiza longamente no xornal
«El
Compostelano» (73) co presbítero Amor Naveiro, sostendo que a casa de
Austria coincide coa decadencia de España, o que rebate Naveiro
aducindo que aqueles foron os tempos dos maiores triunfos españoles.
Neste mesmo ano atopamos a Das Casas entre os colaboradores da
esquerdista revista «Ser» (74), arrodeado agora do sector de
esquerdas do P.G. O escomenza-lo ano 1936, prodúcense unha serie de
circunstancias que non podían menos que repercutir nunha persoa tan
influenciable. Sen mediar explicación, Alvaro das Casas abdica do seu
independentismo, voltando a sua posición anterior: o sarampelo
arredista esvaese como por sorte de maxia.
5.3. Renovada esperanza na Autonomía
A comenzos de 1936 Alvaro das Casas eríxese en
valedor do proxecto ideado por Antón Villar Ponte, consistente en crear
unha
«Asociación de Escritores Gallegos» (75), obxectivo a prol do cal non
deixará de traballar até que o vexa realizado. Paralelamente promove a
«Unión de Cosecheros del Ribero de Avia», sociedade defensora
dos viños desta comarca, da que ademáis foi presidente (76)
. Pero o máis
importante é a aparición pública de Alvaro das Casas como partidario
do Estatuto de Autonomía. Dicíamos no epígrafe precedente que tiveran
lugar certos acontecementos que suscitaron o viraxe ideolóxico de Das
Casas. Referíamonos ó triunfo do Frente Popular nas eleccións de
febreiro, que chega ó poder co compromiso de plebiscita-lo Estatuto
galego. Alvaro das Casas publica daquela un artigo (77)
no que
considera descalificadas as dereitas españolas pola sua actitude
contraria ós partidos nacionalistas e mailos estatutos de autonomía, ó
longo do segundo bienio republicano; explica que para os nacionalistas
como el a cousa estaba clara dende hai anos, e por elo apoiou sempre ás
forzas de esquerdas, e manifesta, para rematar, a sua esperanza de que
éstas, correxindo erros e mornedades pasadas, abrísen un firme canle
polo que poidese discurri-lo Estatuto de autonomía de Galicia. Deste
xeito, ten boas relacións cos partidos integrantes do Frente Popular
ata o punto de que o invitan a pronunciar unha conferencia era Boiro (78),
e mesmo tamén co Partido Galeguista, que lle publica un artigo en «A Nosa Terra»
(79) e ademais o invita a dictar unha conferencia
no acto de constitución do Grupo Galeguista de Palmeira, no curso da
cal, segundo recolle a glosadada pola prensa (80):
«estimuló a todos a defender apasionadamente el
régimen y encareció Ia necesidad de conseguir el Estatuto Gallego, que
garantizará Ia República y salvará para siempre Galicia.» |
Xa entrados era cheo na campaña do plebiscito
autonómico, publica afervoados artigos a prol do Estatuto (81), e días
antes da data da votación sae de viaxe para Alemania (82), onde o
sorprende o ergemento militar. Pero antes disto envía unhas crónicas a
«El Pueblo Gallego» (83) nas que deixa traslocir unha impresión
optimista do país xermano.
5.4. Epílogo necesario
Xa dixemos que Alvaro das Casas era doadamente
impresionable. Sae de Galicia como republicano e autonomista convencido
e chega a unha Alemania en poder do nacional-socialismo. Nas suas
crónicas de viaxe pintanos unha Alemania sana, creadora e leda que o
debeu impactar con toda a parafernalia da grandiosidade hitleriana. Ben
é verdade que non louva nin encomia a doctrina nazi, pero tamén é
certo que tampouco o critica, máis ainda, nin alude a el, o cal non pode
por menos que causar abraio. Resultan en certo modo ilustrativas da
impresión que debeu recibir as notas coloristas con que describe
Hamburgo, onde:
«[...] por todas partes se levantan cientos, miles, millones de mástiles con banderas, estandartes y
gallardetes. Soy un devoto de Ias banderas como tema de decoración,
[...] y soñe ya cuando he visto por Italia embanderamientos análogos
con el día en que Galicia esté toda llena de mástiles afilados y
banderas nuestra bandera, tan alegre y limpia. (84) |
Xa nos «Ultreyas» tiña posto de
manifesto a sua afición ós emblemas, hinos, uniformes e desfiles en
formación. Por esta vía simbólica, emblemática e, en suma emotiva,
a Alemania hitleriana debeu deixar nel un pouso notable. Pouso que non
foi suficiente como para evitar que se exiliara cando tivo lugar a
sublevación militar, negándose a regresar a España. Recorreu diversos
países sudamericanos, e entre eles Chile e Arxentina (85). Antes de tornar
a Barcelona, bastantes anos despois, onde por certo finou (86), escrebeu
dous
libros: «La angustia de nuestro tiempo» e «Qué es Ia
cultura», onde asume a nivel racional e reflexivo a doctrina totalitaria. Destas dúas obras, analizadas por
Ulloa (87), soamente a
segunda ten data de impresión, 1940, (a outra debeu probablemente
aparecer tamén na primeira métade da década dos corenta),
coincidindo, pois, coa fase de auxe e triunfo bélico das potencias
totalizarias que configuraban o eixo Roma-Berlín-Tokio. Daquela moitos
indicios parecían indicar que estas nacións estaban chamadas a
istaurar un novo orde feixista, sobor das cinzas do demoliberalismo
dacadente. Coidamos que este espellismo o debeu engaiolar (88). Sexa como
fora, a realidade incuestionable é que virou de maneira de pensar.
Temos así que distinguir tres etapas doctrinais na vida de Alvaro das
Casas: a monárquica, a republicana e a feixista. Polo que fai ó
problema de Galicia ten catro fases:
Unha primeira centralista, unha segunda
autonomista, ven logo a arredista, e ó cabo outra novamente
autonomista. Son estas conclusións nosas moi desemellantes das que tira
Ulloa Fernández (89) no seu documentado pero, ó noso entender, confuso
estudio sobor de Alvaro Das Casas, no que estas etapas non se precisan
con claridade e, por conseguinte, non queda ben delimitada a evolución
do seu pensamento.
NOTAS:
|