O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

(De "5. Vangarda Nazonalista Galega" a "5.4. Epílogo necesario")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada211.html


5. Vangarda Nazonalista Galega

     Foi «Vangarda Nazonalista Galega» un grupúsculo nacionalista creado en 1933 por un personaxe insólito e complexo, chamado Alvaro das Casas. A existencia de V.N.G. está de tal xeito vencellada a esta personalidade contradictoria, polifacética e hiperactiva, que consideramos inexcusable referirnos a ela, para tentar de explica-las causas e a razón de ser da organización nacionalista por el creada.


   5.1. Antecedentes. Actividade de Alvaro das Casas ata a creación de V.N.G.

     No continente humano de Alvaro María de las Casas Blanco, máis ben baixo e certamente groso (1), cobraba vida un espíritu entusiasta, dinámico e emprendedor. As descripcións dos que foron os seus correlixionarios e amigos (2) coinciden en presentárnolo como un home aberto, extrovertido, de sana gordura, benhumorado, simpático e falangueiro. A súa entrega ó estudo, e os viaxes realizados polo extranxeiro, fixerono posuidor dunha sólida formación cultural e dunha mentalidade aberta. Verqueu os seus amplios coñecimentos nunha pródiga actividade como profesor, literato, político, ensaísta, periodista e conferenciante. Sendo como era, imaxinativo, gran orador e escritor notable, dotado ademais de grandes dotes de organizador, puido ser unha figura equiparable á de Otero Pedrayo, de non ser pola sua inconstancia, falla de disciplina e versatilidade, o seu excesivo protagonismo e afán de sobresair. Non cabe dúbida que todo isto, xunto cun aire que gastaba entre extravagante e snob, e unha certa sona de homosexual, fíxolle perder adeptos e granxeoulle non poucas reticencias. Considerado por uns como un home de esquerdas (3), e como conservador por outros, coidamos que non é desorbitado pensar que fora as duas cousas a un tempo, predominando unha ou outra segundo as circunstancias, as influencias que recibía e máis lle impactaban, e ata poida que o estado de ánimo. Como xa iremos vendo non era precisamente de contradiccións do que estaba máis menesteroso Alvaro das Casas. Filgueira Valverde nolo describe como unha «mistura de aristocraticismo e populismo», expresión que nos parece certeira, e que podemos relacionar coa sua concepción elitista —de filiación orteguiana—, da sociedade e da política, pero non entendida como actitude vital.
     Como queira que a actividade de Alvaro das Casas ten sido estudiada por Emilio Ulloa Fernández (4), limitarémonos pola nosa banda a narrar eiquí os aspectos que non foron recollidos no seu traballo, resumindo coa maior brevedade posible o que xa foi tratado por Ulloa, para non interrumpir a liña de evolución de A. das Casas, de sorte que resulte comprensible. Haberá, tamén, cuestións de interpretación —que puntualmente sinalaremos— nas que nos apartamos deste autor, por teren para nós outra significación á luz da documentacion que menexamos.
     En 1920 escomenza a singladura política de Alvaro das Casas. A sua primeira etapa abrangue ata 1928. Ten fixada a súa residencia en Madrid, estando ademais estreitamente vencellado ó poder central ó traveso do seu cárgo de preceptor real. Como lle sería achacado dempois, presentouse individualmente, como candidato independente a deputado, «sin encadramento partidario do mesmo xeito que calquera cacique a vella usanza» (5), sen obter éxito no seu propósito. O máis destacable desta etapa é a sua inquedanza por Portugal. En efecto, estaba moi en contacto cos círculos intelectuais portugueses, especialmente co pensador reaccionario Sardiña, de quen era moi amigo, ingresando en 1925 na «Hermandad Real de los Infanzones de Illesca», na que ocupou un cárgo directivo (6). Era ademais académico do «Instituto Histórico del Miño» e viceconsul de Portugal en Madrid. Como premio a sua laboura de achegamento hispanoportuguesa concedéuselle en 1924 a Cruz de Alfonso XII. Consideramos que esta preocupación por Portugal, que será unha constante nel (7), contribuiu a achegalo ó credo galeguista, pois non era difícil o paso do portuguesismo hispanista ó lusismo galeguista. Paralelamente esperta nel o interés polos temas de Galicia, por máis que esta preocupación non tería sido máis que superficial e folklórica, como dí Ulloa. Perto xa do ano 1928, que sinala unha clara inflexión na sua biografía, amósase partidario da autonomía de Galicia, e considerando logo que esta era incompatible coa Monarquía, rompe con ela e ten a audacia de devolver a El Rei o título que lle tiña sido concedido por mercede súa de «gentilhombre de su Majestad», a pesares do perigo que supuña (8). O tempo que renuncia á sua anterior vida social, conquire o nomenamento de director da «Biblioteca de Estudios Gallegos» en Madrid, cárgo que lle permitirá entrar en contacto coa intelectualidade galega, e moi especialmente co núcleo ourensán, por elementais razóns de xeografía, dado que él tiña fidalga residencia en Esposende, lugar situado perto de Ourense. Ingresa na «Irmandade Nazionalista Galega» (9) e escomenza a colaborar nas revistas «NOS» e «A.N.T.». Alvaro das Casas conquire que a «Biblioteca de Estudios Gallegos» funcione ademais como editora de libros, publicando algúns interesantes títulos como «Aportaciones a Ia historia de Galicia» do catedrático Marcelo Macías e «El problema político de Galicia» de Vicente Risco (10). Máis proíalle ó noso home e inquedanza de voltar a Galicia, e conquire en 1929 un destino en Noia cun encárgo de cátedra de Xeografía e Historia. A partires deste momento entrégase en corpo e ialma á causa do nacionalismo galego, en función da cal apoia as actividades conspirativas dos republicanos. No período do goberno Berenguer no acouga: funda en Noia a «Irmandade Galeguista» cun programa de autonomía, defensa xeral de Galicia e de xeito moi especial da sua cultura; aparece entre os firmantes do «Pacto de Barrantes», participa na manifestación organizada contra Calvo Sotelo co gallo da sua visita a Ourense (11) e, como el mesmo di: «[...] non houbo conspiración na que non traballara» (12). Situado xa nos meses anteriores á proclamación da República, no ano 1931, suscribe o manifesto de «Esquerda Galeguista», no que da público testimuño de dous elementos novos que non figuraban no programa da «Irmandade Galeguista» de Noia; son estes o republicanismo e a sua proclividade cara a esquerda. Como contrapartida, aparece invariable ó papel de primacía otorgado á cultura. En mítins dados en Vilanova e Pontevedra ratifica a sua adhesión ó ideario republicano, por se-Ia Monarquía incompatible coa autonomía de Galicia. Insistindo nisto debemos suliñar que neste momento Das Casas se expresa como un demócrata e republicano galeguista (13) nos artigos que escrebe, uns en galego e outros en castelán; perteñece ó «Centro Republicano Demócrata de Noya» (14) e escomenza a recibir o aplauso público polo seu labor cultural, do que temos un inequívoco testimuño nas gavanzas do editor Arturo Cuadrado por ter conquerido sobrepoñerse ó ambiente de Noia, logrando que se convertise nun gran mercado do libro galego (15). Convocadas eleccións a Cortes Constituintes, Das Casas incurre en flagrante contradicción. Como os demais firmantes do manifesto de «Esquerda Galeguista» anuncia que se absterá de participar nelas, dadas as irregularidades e prácticas caciquís observadas na confección das candidaturas, pero veleiquí que participa en cantos mitins organiza por tódala provincia de Pontevedra a, «Candidatura Galeguista», na que él mesmo é proclamado candidato. Traduce esta contradicción un desequilibrio que terá de repetirse, entre o maximalismo que pretende e proclama, e o posibilismo que practica.
     En nadal de 1931 crease o Partido Galeguista, e Alvaro das Casas ingresa nel, sendo lexido para formar parte do Consello Executivo. Coidando que a mocedade tiña unha importancia capital para o presente e porvir do galeguismo, crea en febreiro de 1932 os grupos Ultreyas (16), nos que chegaron a integrarense perto de 2.000 rapaces (17) de idades comprendidas entre 12 e 20 anos, espallados polas vilas e cidades de Galicia. Tivo gran repercusión pública o feito de que Das Casas, na sua condición de director do Instituto de Noia, pronunciara en galego o discurso de apertura do curso académico 1932-33 nun solemne acto oficial (18).
     Algo debeu pasar para que a fins de 1932 Alvaro das Casas decidírase a enviar unha carta ó Consello Executivo do P.G. dando conta da sua baixa no partido, invocando «discrepancias tácticas» (19). Segundo a documentación inédita consultada por Ulloa no Pazo de Esposende, atopámonos con que xa dende febreiro deste ano critica a desorganización do P.G., confesa sentir noxo da política e manifesta querer alonxarse dela para adicar tódolos seus azos a potencia-los grupos «Ultreyas» (20). Nin o que públicamente dí, nin o que privadamente recoñece, nos pareceu explicacións plausibles da súa resolución de abandona-lo P.G. Ben é verdade que a estas alturas non estaba o P.G. ben organizado, como era natural que así fose considerando os escasos meses transcurridos dende a sua creación, pero tamén é certo que estábanse a dar pasos firmes para estructurar mellor este colectivo e dotalo de disciplina. Non estiveran, ademais, mellor organizadas a «I.N.G.» , a «I.G. de Noia» ou a mesma «E.G.», e endexamais manifestou Das Casas análoga protesta. O seu noxo pola política, puido ser un sentimento auténtico, pero dende logo ben tornadizo xa que pouco tempo tivo que pasar para que de novo o vexamos debruzado no activismo máis político que maxinarse un poida. De tódolos xeitos, de haber unha razón política que explique o seu arredamento do P.G., é con toda probabilidade ésta. O engado da pureza, de non debruzarse na actividade política contaminada, é unha tentación constante nel, que xa se manifestara nos vísporas das eleccións a Cortes Constituintes, pero esta tentación non resiste o pulo de activismo que o proe. De aí veñen, en parte, as súas contradiccións. A valoración do labor cultural como unha actividade de primerísima importancia (concebido, do mesmo xeito que víamos en Risco, como un labor político-operativo a longo prazo que, como tal, soamente é «apolítico» no que se refire ó retraimento da política inmediata e cotián) é un tema recurrente nel, do que xa deixara constancia na «I. G.» de Noia, en «E.G.», e que volta novamente a manifestarse en 1932, plasmándose nos «Ultreyas», o programa dos cales resposta perfectamente a esta orientación. Claro que se este «culturalismo» non lle impedira denante afiliarse ó P.G., tampouco Ile vai impedir agora que sae dél, fundar V.N.G. e mesmo dar ós «Ultreyas» un inesperado sesgo político na medida en que él os representa no secretariado de Galeuza, que é un pacto eminentemente político. Agora ben, esta contradicción non obsta para que no intre preciso de abandona-lo P.G., Das Casas sentise realmente noxo pola política e arelase adicarse ó «culturalismo» para o cal «Ultreya» era unha oportunidade magnífica. De tódolos xeitos isto non explica satisfactoriamente a súa actitude de abandona-lo P.G., por canto que o integracionismo deste permitía que coexistiran dentro del os que tiñan vocación política cos «culturalistas», e Das Casas non era o único que pretendía seguir esta última orientación. Pensamos, por todo elo, que a razón suplementaria ven dada polo seu personalismo —no que abundaremos logo— que o levaba a percurar nos «Ultreyas» un couto no que campease él en exclusiva. Xa aludimos, en afecto, a que as súas discrepancias xorden sincrónicamente co problema dos Ultreyas, ós que quería arredar do P.G., para dirixilos el en exclusiva, e poida que naquel intre tamén pretendera apartalos da política inmediata á que os podía avencellar a sua conexión co P.G. Nun manuscrito seu, datado en marzo de 1932 (21)revela que:

«non estou d'acordo co-a orientación do Consello, eu non quero entrambelicarme con ela; eu teño ideas craras encol dos nosos fins, penso que os podo desenrolar cos meus rapaces, e non quero que naide poida dificultalas. Desexo responsabilidade e libertade.»


     Coidamos que o devandito queda aquí ben plasmado. Precisemos, ademais, que a concesión feita a Alvaro das Casas polo Consello do P.G., celebrado en febreiro de 1932, consistente en que se poidera encargar en exclusiva de «Ultreya», non foi máis que provisional, voltando a replantexarse a cuestión dous meses despois. O P.G. non estaba disposto a perde-lo control sobor da organización xuvenil como o denota a recomendación que fai en outono deste ano a Segredaría Executiva para que Filgueira Valverde e Núñez Búa se ocuparan dos «Ultreyas», prestándolles o seu apoio (22). Plantexadas así as cousas o conflicto era inevitable.
     Polo demais, discrepancias —que non dí cales eran— coa orientación táctica do P.G. no habían ser moitas, cando encol dunha cuestión tan crucial como a da autonomía, que o P.G. apoia sen que por elo deixara de expresa-las súas reservas dada a cativeza do Estatuto, Alvaro Das Casas manifesta nun artigo publicado en xaneiro de 1933 —é dicir, estando xa fora do P.G.— que a susodita peza legal abría un vieiro por onde os nacionalistas galegos podían camiñar (23). Por todo elo atrevémonos a pensar —coincidindo nisto con Ulloa— que o móvil que o levou a dimitir do P.G. debeu ser primordialmente de tipo personalista. Sabemos, en efecto, que era Das Casas un home con gran afán de protagonismo e notoriedade, polo que moi ben puido sentirse ferido no seu amor propio ó verse postergado da dirección efectiva do P.G., que residía na Segredaría Executiva, por máis que o Consello Executivo, do que el formaba parte, tiña tamén un importante papel na conducción do partido. A isto unese que o funcionamento ferreamente colexiado dos órganos de dirección do P.G., deixaba moi escaso marxe para que puidesen aflorar as actitudes personalistas dos que, como Alvaro das Casas, necesitaban cintilar con lus propia.
     Tras do abandono do P.G. escomenza o brevísimo período «apolítico» de Alvaro das Casas. Claro que o seu desdén pola política é moi «sui generis». Así, non deixa de participar e mesmo de intervir como orador no banquete que se celebra en Pontevedra o 4 de xaneiro de 1933, en homenaxe a Bóveda e Tafall polo seu destacado papel no proceso de elaboración do Estatuto de Compostela (24). Da conferencias en galego nos institutos de Noia (25) e Pontevedra (26) á que, por certo, asiste a plana maior do P.G., e tamén na Universidade (27). Deterémonos nesta última pola trascendencia que tivo. A conferencia deuna Das Casas no paraninfo da Universidade sobor do tema «O momento universitario» (28). Tras de presentación feita polo presidente de «A.P.E.F.L.», Fernández del Riego, espuxo o que debía se-Ia Universidade: a rectoralía capaz de estructura-la cultura dun pobo, de capacitalo para unha empresa civilizadora, e de ergue-Ia súa conciencia nacional. Puxo de manifesto a sua separación da política para adicarse por inteiro á loita cultural, xa que se non existía unha conciencia de tódolo que Galicia representaba, a loita política sería ineficaz, e a victoria nas urnas, sen a victoria cultural, inútil. Sinalou logo que a Unversidade estaba en crise, e ainda que se estaba a remozar en parte, o certo era que adolecía da falla dun plan orgánico de restauración total. Antes de rematar incitando ós universtarios composteláns a poñerense ó frente do movemento nacionalista galego, libertándose de partidos e personalismos, conqueriu alporiza-los ánimos do profesorado dicindo que un dos elementos da crise da Universidade de Santiago cifrábase na sua posta a mercede de docentes forasteiros que —salvo excepcións honrosísimas— chegaban sen outra preocupación que a de conquerir un traslado rápido que os levara fora dun país que nin amaban, nin comprendían. A reacción do profesorado numerario —a pesares de que ningún membro deste estamento asistira á conferencia— non se fixo agardar: semella que a instancias de tres «lentes» que se consideraron aludidos, 23 catedráticos piden ó Rector, que se lle abra expedente (29), ó que éste accede con dilixencia. Para entende-Ia expeditiva e rápida resposta dos catedráticos compre ter en conta o clima previo de tensión entre alunos e profesores por mor da folga xeral decretada pola F.U.E. en apoio da sua petición de xubilación do catedrático de Quirúrxica, por consideralo inepto para o ensino (30). «El Pueblo Gallego» sae na súa defensa considerando que no existiría libertada de cátedra se nin sequera se poidesen facer alusións xenéricas ós catedráticos de «ida y vuelta» (31). O mesmo fai «A.N.T.» e os estudiantes galeguistas, que precisamente viñan de facer público un manifesto no que se verquían críticas á Universidade semellantes ás realizadas por Alvaro das Casas, e pronunciábanse pola galeguización da máxima institución docente (32). Nun mitin estudiantil celebrado no Paseo da «Herradura» aludíuse ó expedente a Das Casas, e nunha manifestación que tivo lugar a continuación déronse berros no seu favor. A «Camara Federal da F.U.E.», con tódalas asociacións que a integraban, enviou unha nota á prensa manifestando a sua adhesión a Alvaro das Casas (33). A trascendencia do conflicto induce a 29 catedráticos, co rector e catro decanos ó frente, a publicar un manifesto (34) no que rexeitan a división entre profesores forasteiros e nativos, defenden ó compañeiro cuestionado polos alunos e, asimesmo, o dereito ó traslado ó amparo da lexislación vixente. A «F.U.E.» e Das Casas (35) contestan, e a prensa en xeral ligue con atención o desenrolo do conflicto.


   5.2. O sarampelo arredista: «Vangarda Nazonalista Galega»

     Dous meses antes de fundar V.N.G., pronuncia Das Casas unha conferencia no Liceo da Poboa do Caramiñal (36), e como calquera outro galeguista apela á unión de tódolos galegos, de calquera confesión e ideoloxía, por defender a Galicia, que tiña dereito a confederarse cos demais pobos peninsulares. Por esas mesmas datas publica un artigo (37) no que manifesta que sigue confiando nos homes da Rapública, pero confesa xa a sua desilusión polos dous anos transcurridos sen que as arelas de Galicia foran satisfeitas. Non podemos por menos que sentir abraio ante a sua fulgurante conversión ó arredismo que o leva a voltar a interesarse novamente pola política —se é que algunha vegada se desinteresou dela— decidíndose a formar un partido político do signo apuntado. Era Alvaro das Casas un home moi sensible ás influencias do entorno, e teremos que apelar a éste para tentar de explicarmonos as causas da sua radicalización. No mes de xullo en que nace V.N.G., vivíase en Galicia un ambiente de malestar e enrarecimiento por mor da política xeral do Goberno. O propio Alvaro das Casas nos conta nun esclarecedor artigo (38) que:


«[...] Galicia no recibe una sola ley que Ia favorezca; se desatienden nuestros problemas, se desdeñan nuestras necesidades, se nos ofende, veja y hiere en cuantas ocasiones se presentan; se destroza nuestra economía, se arruina nuestra agricultura, se paraliza nuestra industria, se dificulta nuestra formación y expansión cultural...»

 
     A isto engádese que a autonomía estaba nunha vía morta por mor de que o decreto de autorización do plebiscito non daba chegado. E hai ademais outro factor: no mes de Santiago fírmase o Pacto de Galeuza, no que participa Das Casas, e elo trae consigo un gran entusiasmo nacionalista. Todo este cúmulo de factores suscita tamén no Partido Galeguista unhas reaccións moi semellantes ás de Alvaro das Casas, a tal punto que podemos considerar que a sua actitude puido moi ben ser adoptada polo P.G., de non ser éste un partido con responsabilidades e mesmo representación parlamentaria, polo que estaba obrigado a meditar máis as cousas.
     Alvaro das Casas aparece como arredista declarado no Pacto de Galeuzca. No seu «Diario dunha viaxe de nazonalistas. Galeuzca» (39) relátanos que propuxo ós membros de Galeuzca, nunha reunión celebrada en Bilbao, que se definisen por unha opción arredista, sendo só ben acollida polos nacionalistas vascos e a U.D.C. Na viaxe realizada pronunciou, como xa deixamos apuntado, discursos de tono exaltado e radical, atribuíndolle a prensa o ter dado morras a España (40) e frases como: «De vuelta de Ia tierra extranjera que nos vimos precisados a pisar para venir a Cataluña [...] (41)»
     As suas relacións co P.G. —ou polo menos coa maioría dos seus membros— seguían a ser bastante boas. Xa víramos cómo a maioría o defende cando a prensa o hostiliza por mor dos seus alporizados discursos. O propio Castelao en carta a Bóveda (42) dí que no curso da viaxe de Galeuza deran os dous unha roda de prensa e Das Casas, ó que consideraba fogoso demais polo que compría refrealo algo: «foi o encargado e fixoo moi ben (eu marqueino)». Son os galeguistas de Vigo e o propio Alexandre Bóveda os que máis a disgosto están con Das Casas, porque co seu radicalismo, comenentemente instrumentalizado pola prensa conservadora que os puña nun mesmo saco, rodifaba ó P.G., perxudicando a súa imaxe. Noustante, Bóveda, mal que lle pesara, pola súa condición de representante do P.G. no Secretariado Galego de Galeuzca, tiña de convivir con Das Casas, que estaba nel a título de representante de «Ultreya» (43).
     Dun xeito oficial «Vangarda Nazonalista Galega» sae a luz pública o 25 de xullo de 1933, por medio dun voceiro titulado «Mais!» (44) . Nel, Das Casas manifesta a sua pretensión de que Galicia se arredase de España. O periódico «Mais!» era o órgano de: «un grupo disidente do Partido Galeguista» (45) que pretendía ir —como o seu mesmo nome indica— máis alá do susodito partido. Consciente da sua debilidade, o periódico dí que se publicaría da cando en vez —cando poidese— ou se cadra non se voltaría a publicar máis (46) . Tiña un sesgo entre radical e efectista, plasmado tanto no feito de que se distribuise gratuitamente, como no tono de revolucionarismo verbalista (47). Entre os que escribían en «Mais!» atopábanse Ramón Martínez López e Fernández del Riego, que estaban afiliados ó P.G., polo que reciben unha severa recriminación de Bóveda, quen os conmina a non voltar a colaborar (48).
     A ideoloxía de «V.N.G.», deixando a un lado o seu verbalismoo extremista e a sua postura arredista, era en todo coincidente coa do P.G. Pesia o seu arredismo, manifesta, por exemplo, querer europeizar Galicia. Débase isto a que o pensamento de Alvaro das Casas non é sustancialmente diferente do que podemos considerar denominador común da ideoloxía galeguista no tempo da República. Crente de firmes conviccións (chega a adicar un artigo (49) a demostrar a consagración das nacionalidades nos Evanxeos), elitista de filiación orteguinana na concepción da sociedade (50), organicista risquiano na teoría da nación (51), lusista, etc. Curiosamente a radicalización política non leva aparellada unha actitude igoalmente extrema na cuestión do idioma. De feito, o seu propio voceiro estaba redactado en castelán, e o propio Alvaro das Casas escrebe, como sempre fixera, artigos na prensa en galego e máis en castelán. A teoriza-la sua práctica linguística adica Alvaro das Casas un interesante artigo (52)no que propugnaba o uso inflexible do galego no libro, na conferencia académica, na carta e nas relación familiares ou sociais,


«Máis na aituazón políteca, en troques, entendo en verdade que son moitas as ocasións nas que é comenente o emprego do castelán pra atinxir a maor eficaza nas nosas labouras.»


     Hai que dicir que nisto quedábase «máis acá» do P.G., quen redacta integramente en galego «A Nosa Terra». Un detalle tan precioso non o deixa pasar Bóveda sen aproveitalo para abelloar a Das Casas, dicindo, ademais, que a actividade de V.N.G. non se vía por ningures (53). E non debía andar moi descamiñado Bóveda. «V.N.G.» non só carece de programa, de estructura organizativa, de órgano de dirección, de implantación (54), senón que ademais non da sinais de vida. Por ningunha parte ollamos que este grupúsculo ínfimo organice acto político ningún. Resulta ademais paradóxico que Das Casas estivera no Secretariado galego de Gaeluzca representando a unha organízación que non era estrictamente política  —«Ultreya»— en troques da súa V.N.G. (55). Compre ademais apuntar, a beneficio do inventario de contradiccións de Alvaro das Casas, o feito de que mantivese unha postura independentista e ó mesmo tempo firmase o Pacto de Galeuzca que, como queira que non se establecese sobor das bases arredistas que el desexaba, tiña unhas implicacións de apoio ás autonomías das tres nacionalidades. No fondo Das Casas era considerablemente posibilista.
     Ante o ataque público de que fixo obxeto Bóveda a Alvaro das Casas, dende as páxinas de A.N.T., éste defendeuse, pero con timidez, renunciando a divulgar na prensa a súa réplica: «para non dar as xentes a certeza da desunión». Contéstalle por elo en carta privada (56), dicíndolle, en tono amigable, que os membros do P.G. non o apoiaran cando tivera problemas por causa do seu radicalismo nacionalista, na medida en que Bóveda dicía, e que era inxusto con el ó esquencerse das cousas positivas que fixera, tales como dar conferencias galeguistas en Vigo, no Instituto de Pontevedra, Redondela, Tui, A Estrada, Ferrol, etc. ou como ter sido —segundo el— o primeiro «lente» da península que non empregou o idioma oficial en duas aperturas de curso.
     Convocadas eleccións xerais para o mes de novembro de 1933, Alvaro das Casas anuncia que se presentaría como candidato nacionalista independente (57) pola provincia de A Coruña. Quere isto dicir que Das Casas desdeña unha oportunidade óptima para tentar de conquerir respaldo popular para V.N.G., preferindo presentarse el só sen o amparo dunhas siglas, o cal equivale a ergue-Ia acta de defunción dunha organización que, polo que temos visto, non chegou endexamais a trascende-lo estado embrionario.
     A campaña electoral de Das Casas consisteu no reparto dun manifesto electoral, algunha que outra conferencia (58) e a inserción na prensa de publicidade da sua candidatura (59). Utilizando electoralmente o idioma castelán preséntase como «nacionalista» o que, se ben implica un certo degrau de radicalismo, na medida en que tal etiqueta suscitaba suspicacias e adoitaba ser malinterpretada (velahí por qué o P.G. denominábase «galeguista», e como tal se presentaba ós comicios), tamén comporta a renuncia ou o enmasearamento do arredismo que preconizaba. O prestixio intelectual e a sona de Álvaro das Casas, posibilitaron que acadara unha votación considerable nalgúns municipios de provincia coruñesa, especialmente no da Serra de Outes, onde foi o candidato máis votado, e no de Santiago, onde acadou 334 votos (60). De tódolos xeitos, os sufraxios obtidos en total non chegaron ós cincocentos (61), dos cales é moi probable que unha boa parte procederan de afiliados do P.G. —no que xa vimos que existía unha corrente arredista— que, mercede ó sistema de listas abertas, podían compatibilizar o voto polos principais candidatos presentados polo seu partido, co apoio á candidatura independente de Alvaro das Casas. Disconforme o catedrático de Noia cos devanditos resultados, impugnou as actas actuando dun xeito tal que estivo a piques de ter que sofrir un proceso xudicial (62).
     Non podemos abrigar dúbidas de que a estas alturas a posición política de Alvaro das Casas seguía coincidindo coa das esquerdas. De feito, atopámolo entre os representates dos partidos socialista (Marcial Fernández), radical-socialista (Rey Barral), federal (Escariz), comunista (Carnero Valenzuela), unión socialista gallega (Xoan Xesús González) e galeguista (Picallo), que tiñan previsto dar un mitin «de exaltación liberal» en Boiro, onde se tiñan producido lamentables incidentes co galo das eleccións, e que tivo que ser suspendido polo estado de prevención (63).
     En adiante non manifesta Alvaro das Casas o seu punto de vista arredista, cecais porque as circunstancias políticas son adversas a este tipo de exaltación. No vran de 1934 viaxa por Europa e visita tamén Valencia e Cataluña. En Barcelona entrevístase cunha personalidade proclive ó independentismo, Dencás —xefe dos escamots e conselleiro de gobernación da Generalitat— departe tamén con Companys e mailos directivos de Palestra, e con outros que, como Riera Punti, de arredistas non tiñan nada. Na descripción que fai nunhas crónicas que envia a «El Pueblo Gallego» (64), das forzas políticas catalanistas e valencianistas tenta de ser ecuánime e obxectivo, e non deixa traslocir simpatías claras polos arredistas. Por outra banda, namentras estaba de viaxe Alvaro das Casas, sae en Santiago o primeiro número da revista «Alento», subtitulado «Boletín de Estudios Polítecos» (65). Esta revista estaba dirixida por él, contando coa axuda de Xoan Brañas e Fernández del Riego. En «Alento», Das Casas xúntase «cun fato de patriotas», notorios representantes da ala conservadora do P.G.: Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, etc., para os que a revista serve de plataforma dende a que manifesta-Ia sua disconformidade coa política de alianzas do P.G. cos partidos de esquerda. Dende un posicionamento de maximalismo nacionalista, critican as concesións e mailo pactismo do P.G., que lles desagrada en tanto que nacionalistas radicais e en canto que conservadores, xa que a alianza do partido criticado efectúase coas forzas republicanas de esquerda. Claro que isto último non é válido para Alvaro das Casas —como xa vimos e seguiremos vendo— a quen, en cambio, se axusta perfectamente a declaración de intencións expostas no editorial do primeiro número de «Alento»:


«Faguemos "Alento" no inquerito de ir precisando máis limpa e rexa ortodoxia nazonalista nestes tempos tristeiros de vacilazóns e dúbidas. Dito está que nos emprazamos ao marxen dos partidos e que quixéramos ficar sempre enriba dos partidos.» (66)


     Resulta bastante paradóxico que Risco, Ramón V. Ponte, Del Riego, etc., estando afiliados ó P.G., pretendesen situarse por riba dos partidos. Alvaro das Casas maniféstase como radical no seu nacionalismo veteado de certos escintileos independentistas (67). O seu arredismo xa non é tan patente e franco. Compre precisar que nos atopamos no bienio lerrouxista, nos vísporas da revolución de outono, e cecais isto obrigara a Alvaro de las Casas a expresarse con cautela, morixerando o seu independentismo. Defeito, «Alento» dende o número 4, correspondente a outono de 1934, aparece visado pola censura militar e, por estas datas, estivo Das Casas 19 días preso, suxeito a consello de guerra, sendo ó cabo sobreseído o seu proceso (68). Insistimos, pois, en que segue a profesa-lo credo independentista, pero coidándose de facelo demasiado explícito, o cal non é óbice para que os arredistas da «Sociedade Nazonalista Pondal» de Bos Aires o sigan tendo por tal e, deste xeito, invítano a pronunciar un ciclo de conferencias no mes de setembro de 1934, que ó cabo non se celebra por non poder acudir Alvaro de las Casas a Bos Aires (69). Cando, a comenzos de 1935, «Alento» xa non é supervisada pola censura militar, expresa de xeito taxativamente claro a súa concepción arredista e antiestatutista. Así nos relata él mesmo que lle dixera a Maciá en Barcelona:


«Eu insisto en que pra moitos de nós o Estatuto non resolverá o problema galego, afogará as arelas nazonalistas, e ainda no millor caso será posto na práitica por xentes sen geleguidade que o trocarán nun instrumento máis do goberno central en desprestixio dos nosos ideaes. Voto por unha aizón crara e sinaladamente arredista.» (70)


     Por outra banda, un tanto importante apuntábase Alvaro das Casas publicando en «El Pueblo Gallego» (71) un reportaxe sobor da amenaza de desaparición que pesaba sobor da «Editorial NOS», por razóns económicas, e que suscita gran conmoción na intelectualidade galeguista, aprestándose moitos escritores a celebrar unha xuntanza en Compostela (o 7 de outono) para rendir homenaxe a Anxel Casal e percurar solucións (72).
     En marzo de 1935 polemiza longamente no xornal «El Compostelano» (73) co presbítero Amor Naveiro, sostendo que a casa de Austria coincide coa decadencia de España, o que rebate Naveiro aducindo que aqueles foron os tempos dos maiores triunfos españoles. Neste mesmo ano atopamos a Das Casas entre os colaboradores da esquerdista revista «Ser» (74), arrodeado agora do sector de esquerdas do P.G. O escomenza-lo ano 1936, prodúcense unha serie de circunstancias que non podían menos que repercutir nunha persoa tan influenciable. Sen mediar explicación, Alvaro das Casas abdica do seu independentismo, voltando a sua posición anterior: o sarampelo arredista esvaese como por sorte de maxia.


   5.3. Renovada esperanza na Autonomía

     A comenzos de 1936 Alvaro das Casas eríxese en valedor do proxecto ideado por Antón Villar Ponte, consistente en crear unha
«Asociación de Escritores Gallegos» (75), obxectivo a prol do cal non deixará de traballar até que o vexa realizado. Paralelamente promove a «Unión de Cosecheros del Ribero de Avia», sociedade defensora dos viños desta comarca, da que ademáis foi presidente (76) . Pero o máis importante é a aparición pública de Alvaro das Casas como partidario do Estatuto de Autonomía. Dicíamos no epígrafe precedente que tiveran lugar certos acontecementos que suscitaron o viraxe ideolóxico de Das Casas. Referíamonos ó triunfo do Frente Popular nas eleccións de febreiro, que chega ó poder co compromiso de plebiscita-lo Estatuto galego. Alvaro das Casas publica daquela un artigo (77) no que considera descalificadas as dereitas españolas pola sua actitude contraria ós partidos nacionalistas e mailos estatutos de autonomía, ó longo do segundo bienio republicano; explica que para os nacionalistas como el a cousa estaba clara dende hai anos, e por elo apoiou sempre ás forzas de esquerdas, e manifesta, para rematar, a sua esperanza de que éstas, correxindo erros e mornedades pasadas, abrísen un firme canle polo que poidese discurri-lo Estatuto de autonomía de Galicia. Deste xeito, ten boas relacións cos partidos integrantes do Frente Popular ata o punto de que o invitan a pronunciar unha conferencia era Boiro (78), e mesmo tamén co Partido Galeguista, que lle publica un artigo en «A Nosa Terra» (79) e ademais o invita a dictar unha conferencia no acto de constitución do Grupo Galeguista de Palmeira, no curso da cal, segundo recolle a glosadada pola prensa (80):


«estimuló a todos a defender apasionadamente el régimen y encareció Ia necesidad de conseguir el Estatuto Gallego, que garantizará Ia República y salvará para siempre Galicia.»


     Xa entrados era cheo na campaña do plebiscito autonómico, publica afervoados artigos a prol do Estatuto (81), e días antes da data da votación sae de viaxe para Alemania (82), onde o sorprende o ergemento militar. Pero antes disto envía unhas crónicas a «El Pueblo Gallego» (83) nas que deixa traslocir unha impresión optimista do país xermano.


   5.4. Epílogo necesario

     Xa dixemos que Alvaro das Casas era doadamente impresionable. Sae de Galicia como republicano e autonomista convencido e chega a unha Alemania en poder do nacional-socialismo. Nas suas crónicas de viaxe pintanos unha Alemania sana, creadora e leda que o debeu impactar con toda a parafernalia da grandiosidade hitleriana. Ben é verdade que non louva nin encomia a doctrina nazi, pero tamén é certo que tampouco o critica, máis ainda, nin alude a el, o cal non pode por menos que causar abraio. Resultan en certo modo ilustrativas da impresión que debeu recibir as notas coloristas con que describe Hamburgo, onde:


«[...] por todas partes se levantan cientos, miles, millones de mástiles con banderas, estandartes y gallardetes. Soy un devoto de Ias banderas como tema de decoración, [...] y soñe —ya cuando he visto por Italia embanderamientos análogos— con el día en que Galicia esté toda llena de mástiles afilados y banderas —nuestra bandera, tan alegre y limpia. (84)


     Xa nos «Ultreyas» tiña posto de manifesto a sua afición ós emblemas, hinos, uniformes e desfiles en formación. Por esta vía simbólica, emblemática e, en suma emotiva, a Alemania hitleriana debeu deixar nel un pouso notable. Pouso que non foi suficiente como para evitar que se exiliara cando tivo lugar a sublevación militar, negándose a regresar a España. Recorreu diversos países sudamericanos, e entre eles Chile e Arxentina (85). Antes de tornar a Barcelona, bastantes anos despois, onde por certo finou (86), escrebeu dous libros: «La angustia de nuestro tiempo» e «Qué es Ia cultura», onde asume a nivel racional e reflexivo a doctrina totalitaria. Destas dúas obras, analizadas por Ulloa (87), soamente a segunda ten data de impresión, 1940, (a outra debeu probablemente aparecer tamén na primeira métade da década dos corenta), coincidindo, pois, coa fase de auxe e triunfo bélico das potencias totalizarias que configuraban o eixo Roma-Berlín-Tokio. Daquela moitos indicios parecían indicar que estas nacións estaban chamadas a istaurar un novo orde feixista, sobor das cinzas do demoliberalismo dacadente. Coidamos que este espellismo o debeu engaiolar (88). Sexa como fora, a realidade incuestionable é que virou de maneira de pensar. Temos así que distinguir tres etapas doctrinais na vida de Alvaro das Casas: a monárquica, a republicana e a feixista. Polo que fai ó problema de Galicia ten catro fases:
     Unha primeira centralista, unha segunda autonomista, ven logo a arredista, e ó cabo outra novamente autonomista. Son estas conclusións nosas moi desemellantes das que tira Ulloa Fernández (89) no seu documentado pero, ó noso entender, confuso estudio sobor de Alvaro Das Casas, no que estas etapas non se precisan con claridade e, por conseguinte, non queda ben delimitada a evolución do seu pensamento.





NOTAS:


(1) Vide fotografía súa no Anexo de Ilustracións.
(2) Testimuños de Ramón Piñeiro; Santiago, 22-V-1978, Pousa Antelo, Santiago, 30-VIII-1980 e Filgueira Valverde. Ulloa Fernández, Emilio. Alvaro das Casas y los grupos Ultreyas, páx. 125.
(3) Así nolo describe o mozo da organización Ultreya, Remixio González Gándara: «vírao en Ourense cando veu Calvo Sotelo, dando paus e dirixindo todo. Xa entón me pareceu un gran home de acción [...] é baixo, gordo, sano, alegre, e sempre de bo humor; é moi dicharacheiro e na primeira ollada fáisenos simpatiquísimo [...] é home de izquierdas [...] de unha alegría espontánea e rebuldeíra». «Ultreya», NOS, n.° 105, 15-IX-1932, páx. 185.
(4) Ulloa Fernández, Emilio, Alvaro de Ias Casas y los grupos Ultreyas, Memoria de licenciatura presentada na Universidade de Santiago en 1977, inédita. Dírixida polo profesor Jesus Mª. Palomares Ibáñez.
(5) Nestes termos llo criticaba a O.N.R.G. de Bos Aires, Opinión Galeguista, n.° 1, 1-X-1934, páx. 1.
(6) Declaracións de Ramón Martínez López; Santiago 8-VII-1981 e tamén Ulloa Fernández, Op. cit., páx. 123.
(7) Consideraba a Portugal como a sua segunda patria, visitabao adoito, colaboraba nos seus periódicos e pronunciou alí varias conferencias. Ulloa Fernández, Op. cit., , páx. 125.
(8) Así o narra el mesmo en Opinión Galeguista, 1-XII-1934, páx. 4.
(9) Que como xa vimos noutro apartado, capitaneaba Risco, con que Alvaro das Casas tiña gran amistade. Acta de altas de socios da «Irmandade Nazionalista Galega», Arquivo Histórico Provincial de Ourense, carpeta 25. O dato da amistade con Risco suministrounolo R. Martínez López; Santiago, 13-XI-1980.
(10) «Os homes, os feitos, as verbas», NOS, n.° 75, 15-III-1930, páx. 66.
(11) NOS, n.° 105, 15-IX-1932, páx. 185.
(12) Opinión Galeguista, 1-XII-1934, páx. 4.
(13) Vide por exem. o artigo: «Invocación a Ia juventud»; E.P.G., 9-IV-1931, pp. 1-12.
(14) «Una felicitación a Ia F.U.E.» ; E.P.G., 25-IV-1931, páx. 5.
(15) «Desfile de hechos»; E.P.G., 28-I-1931, páx. 1.
(16) «Ultreya» significa, segundo o diccionario de Franco Grande, un canto ou hino antergo entonado polos pelegríns que visitaban o sártego de Santiago Apóstolo. Esta organización está abundante e documentadamente estudiada no traballo de Ulloa Fernández polo que excusarásenos de referirnos a ela. Limitarémonos a compendiar resumidamente a sua ideoloxía, inspirda na do grupo catatán «Palestra». Veleiquí o que en síntese percuraban os «Ultreyas»: —Fomento do amor e fidelidade a Galicia. 
—Desexo dunha Galicia autenticamente galega. 
—Compañerismo e loita contra a mentalidade clasista. 
—Probidade como futuros cibdadáns.
—Fomento do estudo e o traballo. 
—Excursionismo, afición a naturaleza.
«Os homes, os feitos, as verbas»; Os Agrupamentos «Ultreya» NOS, 15-II-1932, n.° 98, páx. 33.
(17) Cifra aportada por Vicente Risco no seu informe presentado ó Congreso de Minorías Nacionais, celebrado en Berna en 1933. Manuscrito consultado no Arquivo do P.G.
(18) «La apertura de curso en el instituto de Noya»; E.P.G., 7-X-1932, páx. 8.
(19) Deuse lectura a esta carta na II Asamblea do P.G., celebrada en nadal de 1932; «II Asamblea Regional del P.G.»; E.P.G., 13-XII-1932, páx. 9.
(20) A dependencia que os Ultreyas tiñan verbo do P.G. escomenza a ser cuestionada por Das Casas. Na xuntanza celebrada polo Consello Executivo do P.G. a mediar febreiro de 1932, Alvaro Das Casas presenta a sua dimisión do cargo de conselleiro e chega a un acordo co Consello consistente en reservarse a xefatura e organización dos «Ultreyas», sen interferencias de ningún tipo, afastándose de tódolo que non se reaacionara coa xuventude. Claro que como teremos de ver a cuestión non queda definitivamente zanxada. Ulloa Fernández, Op. cit., páx. 185.
(21) Ulloa Fernández, Emilio, Op. cit., pp. 185-186.
(22) Acta da xuntanza da Segredaría Executiva do P.G., con data do 12-X-1932. Consultada no Arquivo do P.G.
(23) Alvaro das Casas, «No Aninovo»; E.P.G., 1-I-1933. Queremos deixar aquí constancia da nosa discrepancia con Fernández Ulloa na valoración que fai (Op. cit., pp. 135-136) de certos xuicios verquidos por Das Casas ó pouco tempo de instaurarse a República, pretendendo que existen contradiccións entre eles. En todos está claro o seu posicionamento pola autonomía. En efecto, no primeiro, cando dí Das Casas que: «Si Ia República cayese en el unitarismo, nosotros habríamos de refugiar nuestra espiritualidad en el más acre separatismo» (E.P.G., 6-V-1931) está clarísimamente optando pola autonomía, utilizando o argumento do separatismo —como pensamos ter demostrado noutro apartado desta obra— como un mero instrumento de presión, que non outra cousa é a amenaza de radicalización, que, polo demais, non é el o único que a utiliza. Tampouco é indicio dun auténtico sentir arredista o párrafo entresacado do manifesto de «Ezquerda Galeguista» que dí o seguinte: «Temos a obriga de confesar que o problema galego vaise tornando pra nós incompatibre cós homes de Hespaña» (E.P.G., 17-VI-1931). Alude máis ben a problemas xurdidos na confección das candidaturas republicanas, especialmente na provincia da Coruña, nas que aparecían persoas consideradas caciques, e outras pouco vencelladas a Galicia, postas desde os estados maiores dos partidos republicanos de ameto estatal en sustitución de outras mais estimadas. Da mesma maneira o exabrupto mitineiro de que: «Debemos volvernos de espaldas a ese Madrid de Ias componendas y pactos ocultos y laborar pensando, unicamente, en Galicia» (E.P.G., 1-VIII-1931) non se pode interpretar, como fai Ulloa, no senso de que: «En agosto confiesa ya Ia necesidad de que Galicia resuelva ]os problemas por sí misma, sin contar ni esperar nada del nuevo Régimen» (Op. cit., páx. 135).
     Cremos, así pois, que non hai contradicción entre estas frases tomadas de Alvaro Das Casas, e as declaracións por el mesmo feitas á prensa de Madrid (El Liberal, 7-VIII-1931) nas que recoñece —supoñemos que complacido— a boa intención do Goberno para encauza-la problemática galega.
     Por todo elo deducimos que en 1931 Alvaro Das Casas distaba de profesar a doctrina do arredismo, tendo que agardarmos até ben entrado 1933 para que se manifeste como tal, como o confirma a positiva valoración que fai do Estatuto de Compostela, en xaneiro de 1933, ainda que como tamén facía o P.G., o considere como un mero paso táctico. Contradiccións dabondo ten xa Alvaro Das Casas para que —por suposto que inadvertidamente— se lle endilguen ainda máis.
(24) «Otro gran acto de galleguidad. Habla D. Alvaro de Ias Casas» , E.P.G., 4-I-1933, páx. 9.
(25) «Ayer, en el Instituto»; E.P.G., 15-II-1933, páx. 8.
(26) «Pontevedra. Conferencia de Alvaro de Ias Casas»; E.P.G., 21-II-1933, páx. 13.
(27) Esta conferencia foi reseñada en gran parte da prensa. Vide por exemplo, «Os homes, os feitos, as verbas»; NOS, n.° 111, 15-III-1933, páx. 55, e tamén E.P.G., 11-III-1933, páx. 10.
(28) A conferencia foi logo publicada en forma de folleto, co tíduo: Verbas aos mozos galegos. O momento universitario. Santiago 1933. Consultado na colección particular de Fermín Bouza-Brey, Cortegada-Ourense.
(29) A.N.T., 24-VI-1933 e E.P.G., 16-III-1933.
(30) «Santiago. El conflicto escolar»; E.P.G., 22-III-1933, páx. 9.
(31) «La cola de una conferencia», Los catedráticos de "ida y vuelta", Ia serenidad universitaria y un expediente»; E.P.G., 21-III-1933, páx. I.
(32) Del Riego reproduce un párrafo do manifesto no que dicían: «Brindémoslle a posibilidade de se convertir nun museu paleontolóxico ou nun bazar de eisóticas mercaderías». «A nosa Universidade está en crises»; E.P.G., 22-III-1933, páx. I.
(33) «Scholarum»; E.P.G., 25-III-1933, páx. 14.
(34) «Un manifiesto de los profesores universitarios»; E.P.G., 24-III-1933, páx. 1.
(35) Alvaro de Ias Casas, «En propia defensa. Contestando a los catedráticos de Ia Universidad de Santiago»; E.P.G., 28-III-1933, páx. 1.
(36) «Puebla del Caramiñal. Conferencia de Alvaro de Las Casas; E.P.G., 28-IV-1933.
(37) Alvaro de Ias Casas, «Dos años de República»; E.P.G., 16-IV-1933, páx. 1
(38) Alvaro de Ias Casas, «En torno a un viaje de nacionalistas. Yo no rectifico»; E.P.G., 20-VIII-1933, páx. 1.
(39) Artigo aparecido en Alento, números 1-2, 3 e 7-8.
(40) Das Casas nega que nin el, nin ningún outro, berrara unha soa vegada «muera España». Alvaro de Ias Casas, «En torno a un viaje de nacionalistas. Yo no rectifico»; E.P.G., 20-VIII-1933, páx, 1. Neste mesmo artigo aproveita para dicir que ainda que non agarda nada da República, que o decepcionou fondamente, entende que nunha Monarquía ou en calquera outro réxime, Galicia estaría ainda pior.
(41) «Un fuerte acto nacionalista», E.P.G., 6-VIII-1933, páx. 1.
(42) Carta autógrafa de Castelao a Bóveda, firmada en Madrid a 14-VIII-1933. Consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doe. 16).
(43) Carta de Alexandre Bóveda ó Segredarío Xeral de Galeuzca eu Donostia, firmada a 20-IX-1933.
(44) Non existen en ningunha hemeroteca exemplares deste periódico, polo que dubidamos que aparecera máis dun número. Temos a suspeita de que nalgunha colección particular das sondeadas por nós consérvase, pero resultounos imposible aceeder a el. Por conseguinte vémonos obrigados a remitimos a comentarios sobor de «Máis!» aparecidos na prensa, concretamente en A.N.T., 25-IX-1933, e E.P.G., 6-VIII-1933, páx. 1.
(45) Frase tomada dunha circular de Bóveda a Ramón Martínez López, firmada a 29-VII-1933. Consultada na colección particular de R. Martínez López.
(46) «Máis!»; E.P.G., 6-VIII-1933, páx. 1.
(47) Incluía soltos como este: «Por Mondoñedo —tierras de Pardo de Cela— hay una docena de miserables que se dedican a publicar hojas contra Galicia. Y cientos de cobardes que aún no les machacaron los sesos». Ibídem.
(48) Vide circular de Bóveda citada. No caso de Fernández del Riego el mesmo nos informou de que recibira unha carta análoga á que reproducimos de Martínez López. Declaracións de Fernández del Riego, Vigo, 5-VII-1980.
(49) A. das Casas, «Conceito e sentimento da patria nos Evanxeus»; Alento, n.° 6, XII-1934, pp. 115-122.
(50) Este rasgo aparece en varios artigos e publicacións súas. Nun dos seus artigos manifesta que a intelectualidade galeguista era tanto como dicir o galeguismo, o que cobra unha significaeión especial se temos en conta que por estes anos o galeguismo escomenza a ter unha base de masas. Alvaro das Casas, «Las rutas políticas de Ia intelectualidad galleguista», La Temporada de Mondariz, 19-VII-1935, pp. 4-5.
(51) «A nación é unha entidade natural superior á nosa voluntade», dicía Das Casas en «Apotegmas», Ser, 14-IV-1935, páx. 7.
(52) Alvaro das Casas, «Valorizazón políteca da lingoa». Alento, n.° 5, XI-1934, páx. 88.
(53) Comentando a actuación de A. das Casas nun ano dí: «Unha conferencia estridente na Universidade, cuios únicos defensores fumos os galeguistas, pra que, en fin de contas, o seu autor rematase decindo que os únicos patriotas galegos son os de «A Fouce» de Bos Aires. Unhas verbas fortes en Barcelona, que toda a caterva contraloide nos achacou a nós, e que nós defendimos. E —como remate— un xornal... ¡escrito en castelán!, d'unha Vangarda Nazonalista Galega cuia actuación como lle correspondía non vemos por ningures. Moitos discursos nos cafés; iso, sí. E por si isto fora pouco, toda unha serie de artigos en castelán, a língua do imperialismo que nos abafa. Francamente: pra isto non paga a pena de chamarse separatista». A.N.T., 25-IX-1933.
(54) Vicente Risco comenta que por estas datas estábanse a formar en Galicia algúns núcleos que seguían as directrices da «Sociedade Nazonalista Pondal», sobor da que tiña gran ascendente Alvaro das Casas, pero que el non tiña noticias de que chegaram a cristalizaren. Vicente Risco, «Galicia, Nazón»; A.N.T., 29-IX-1934, páx. 4. O separatismo galego políticamente organizado tivo, pois, escasísima forza, do mesmo xeito que acontece co separatismo catalán, encarnado no «Partit Nacionalista Catalá». Vide sobor disto Molas, Isidre, El sistema de partidos políticos en Cataluña, 1931-1936, Península, Barcelona 1974, pp. 84-87.
(55) Tamén ó longo da viaxe de Galeuzca figura sempre como representante de «Ultreya», en tódolos actos políticos nos que intervén, a excepción dum telegrama enviado dende Barcelona, por un conxunto de partidos nacionalistas, a Asamblea de Axuntamentos vascos reunida en Vitoria, no que firma por «Vangarda Nazonalista Galega». A. das Casas «Diario de unha viaxe...», Alento, n.° 7-8, III-1935, páx. 98.
(56) Carta de Alvaro das Casas a Alexandre Bóveda, firmada en Noia o 18-X-1933. Consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 19).
(57) «Alvaro de Ias Casas»; E.P.G., 4-XI-1933, páx. 12.
(58) O manifesto electoral, nin o resume a prensa, nin o puidemos atopar en ningures. Tampouco sabemos o carácter da conferencia que pronunciou no Círculo Mercantil da Coruña, invitado por un fato de amigos. «Alvaro de Ias Casas»; E.P.G., 11-XI-1933, páx. 8.
(59) E.P.G., 16-XI-1933, páx. 12 (Vide Anexo Doct. 19).
(60) E.P.G., 21-XI-1933, páx. 9.
(61) «Coruña. Ultimos datos de Ias elecciones»; E.P.G., 26-XI-1933, páx. 7.
(62) «Santiago. Alvaro de Ias Casas»; E.P.G., 13-I-1934, páx. 7.
(63) «Boiro»; E.P.G., 7-XII-1933, páx. 7.
(64) Alvaro de Ias Casas, «Outro diario de navegazón. De Cataluña a Galiza»; E.P.G., 21-VII-1934, pp. 1 e última; 26-VII-1934, páx. 12; 27-VII-1934, páx. 1.
(65) O número 1-2 (en realidade trátase dum número doble) corresponde ós meses de Xullo-Agosto de 1934, e o último, que fixo o número 9, saíu con data de marzo de 1935. A redacción estaba ubicada nas Casas Baratas, 19, Santiago. Era unha revista densa, de reflexión teórica e, xa que logo, destinada a un público minoritario. A precaria financiación —uns poucos anuncios e os cartos dos promotores— provocou dificultadas na marcha da revista, como adoitaba suceder coas publicacións galeguistas, carentes do respaldo económico dunha forte burguesía, do cal na revista NOS temos un exemplo paradigmático. Aparte dos problemas de financiación e do pouco «senso de popularidade» que tiña, debeu ser tamén causa da irregular aparición de «Alento» o boicot do P.G., partido que era criticado nesta revista. Así o da a entender Alvaro das Casas cando se queixa da: «[...] pouca acollida e calor que lle prestan aqueles que estaban obrigados a prestarllo». «A revista Alento»; A.N.T., 7-III-1936, páx. 2.
(66) Alento números 1 e 2, VII-VIII-1934, páx. 1.
(67) Así no «Diario de unha viaxe de nazonalistas. Galeuzca», publicado por entregas en tres números de «Alento» (1-2, 3, e con discontinuidade fornada pola prohibición da censura, 7-8), manifesta estes cintileos en afirmacións tales como que se deran: «[...] berros do máis xurdio arredismo» (Alento, VII-VIII-1934, páx. 19), ou que: «as posas decrarazóns arredistas arrincan longas ovazóns» (Ibíd., páx. 22), ou tamén: «Uns señoritos [...] como si nos insoltasen, chámannos separatistas e botan a correr» (Alento, IX-1934, páx. 58).
(68) Así o narra o propio Das Casas, sen dar máis precisións cronolóxicas, en carta ó periódico Opinión Galeguista, firmada en Santiago a 1-XI-1934. O.G., 1-XII1934, páx. 4.
(69) «Alvaro de las Casas. Se marcha en setiembre, para Buenos Aires»; E.P.G., 22-VIII-1934, páx. 12.
(70) «Diario de unha viaxe...», Alento, números  7-8, I-II-1935, páx. 111.
(71) E.P.G., 23-IX-1934, páx. 1.
(72) E.P.G., 30-IX-1934, páx. última.
(73) «Informazóns»; Alento, n.° 9, III-1935, páx. 191.
(74) Consérvanse varios números de Ser na hemeroteca do I.P.S.
(75) Alvaro de las Casas, «Hacia Ia Asociación de Escritores Gallegos»; E.P.G., 17-I-1936, páx. 14.
(76) «U.C.R.A.». «Gran proyecto en marcha»; E.P.G., 5-II-1936, páx. 14.
(77) Alvaro de Ias Casas, «Por Galicia y Ia República»; E.P.G., 28-17-1936, páx. 14.
(78) Pronuncióuna en galego, na sociedade «La Fraternidad», asistindo o acto o AIcalde, a comisión xestora do Axuntamento e unha representación de tódolos partidos do Frente Popular. «Borro»; E.P.G., 26-III-1936, páx. 14.
(79) Alvaro das Casas, «Oremus»; A.N.T., 13-III-1936, páx. 2.
(80) «Palmeira. Conferencia de Alvaro de Ias Casas»; E.P.G., 26-III-1936, páx. 15.
(81) «En Ia campaña pro-Estatuto. Palabras de adhesión y estímulo»; E.P.G., 12-VI-1936, páx. 12 e «En la campaña autonomista»; E.P.G., 14-VI-1936, páx. 2
(82) «Alvaro de Ias Casas sale hoy para Alemania»; E.P.G., 19-VI-1936, páx. 14.
(83) «Cartas de Alemania. La agonía de Neptuno»; E.P.G., 10-VII-1936, páx. 14 e «Cartas de Alemania. Hermes triunfante»; E.P.G., 15-VII-1936, páx.
(84) «Hermes triunfante», artigo xa cit.
(85) Declaracións de Valentín Paz Andrade; Vígo, 25-XII-1980.
(86) Ibídem.
(87) Alvaro das Casas, La angustia de nuestro tiempo, Nascimento, Santiago de Chile, 1940, e Qué es Ia cultura, Ultreya, Santa Fe (Arxentina), sen data. Vide a descripción que fai delas Ulloa Fernández, Op. cit., pp. 214 e segts.
(88) Pensemos que só tres anos antes declarábase contrario ó feixismo e anti-imperialista, escribindo en «Ser», que: «Os grandes imperios debrúzanse inexorabremente na guerra». Ser, 14-IV-1935, páx. 7. Tamén segundo recolle Ulloa (Op. cit., páx. 126) conforme se ían exacerbando as contradiccións na vida política española entre o marxismo e o feixismo, declaraba Das Casas que con ningún dos dous estaba en absoluto de acordo.
(89) Op. cit., pp. 214 e segts.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega