O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

(De "7. Dereita Galeguista" a "8. Epítome")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada213.html


7. Dereita Galeguista

   7.1. Antecedentes e xénese de Dereita Galeguista

     Podemos situar a causa remota da decisión do sector conservador do P.G. en Pontevedra de afastarse do partido, na resolución da lll Asamblea do P.G., celebrada en xaneiro de 1934, consistente en entablar negociacións coas forzas esquerdistas de cara a unha alianza. Non cabe dúbida que a decantación do P.G. cara a esquerda comprometeu gravemente o integracionismo, deica entón conquerido principalmente a base de non bascular a prol de ningún dos dous polos da esfera política, ós que mesmo se lles negaba pertinencia en Galicia.
     A ubicación do P.G. no territorio da esquerda resultaba ingrata para a súa ala conservadora tanto dende o punto de vista político como relixioso. A acendrada relixiosidade deste sector provoca neles un conflicto de conciencia ó verse aliados políticamente coa esqueda anticlerical. Así o recoñece Xerardo Alvarez Limeses cando comunica a Bóveda (1) o seu arredamento do P.G., xunto con Filgueira, X.M. Alvarez Gallego e os Caramés, todos eles de Pontevedra, porque: «non podemos ver con bos ollos a entrega do galeguismo os enemigos da Relixión» (2). Non é casual que a escisión xurdira precisamente na cidade do Teucro, onde existía bastante implantación comunista, o cal facía que os galeguistas de dereitas vivisen as tensións na práctica. Así, o 14 de abril de 1935 celebrouse un mitin unitario en Pontevedra, no que o representante do P.C. non foi precisamente deferente co P.G., tentando ademais de capitaliza-lo acto, segundo o testimuño de X. Alvarez Limeses (3). A saída formouse unha manifestación que, o dicir do antecitado galeguista: «foi case que comunista, pois os vivas que se daban eran: "Viva Ia Revolución social, Viva Rusia, Vivan los héroes de Asturias"». Polo demais, Alexandre Bóveda ten declarado que a verdadeira razón que inducira a Filgueira a escindirse non era outra que a sua creencia de que os tempos demandaban unha política de afirmación das esencias cristianas, e mesmo de adhesión a Roma. Puña en relación a tentativa partidaria de Filgueira Valverde con outras que en Italia (cecais pensaba no «Partido Populari») e en Europa en xeral inspiraba o Vaticano (4).
     En Ourense o proceso madurece máis lentamente, e de feito tardan algún tempo máis que os seus correlixionarios pontevedreses en escindírense. Pero lento e todo o proceso dase, e os síntomas existen. Otero Pedrayo, que permanecerá fidel ó partido, expresa transparentemente o desacougo dos conservadores ourensáns, nunha amplia serie de artigos, publicados algúns deles en «A.N.T.», nos que critica a orientación do P.G. e batalla con ardentía pola volta a anterior situación de isolamento. Foi él quen na IV Asamblea do P.G., acontecida en Santiago no mes de abril de 1935, propugnou, no nome dun pequeno sector do Grupo ourensán, que o P.G. se declarase incompatible co marxismo, contrario á incorporción do laicismo á Galicia futura e non adherido á doctrina da intanxibilidade da Constitución, por non acepta-la neutralidade relixiosa do Estado (5). A actitude esquerdista da meirande parte dos políticos galeguistas, sume a Vicente Risco dende moi cedo nunha crise que o leva a teoriza-lo desapego dunha realidade que lle resulta ingrata (6). Coida ademais —trocando de maneira de pensar— que non era comenente arredarse da cuestión relixiosa e social que tanto interesaba á xente, so pena de que o pobo se desinteresase dos galeguistas. A división do partido que elo comportaría resultaba para el ata certo punto inevitable, dado o malestar dos conservadores pola proclividade esquerdista da maioría do P.G. Estaba tamén a cuestión do auxe das forzas dereitistas que facía aconsellable crear un partido galeguista de similar orientación para tentar de atreguelas ó galeguismo (7). Polo demais, a sua influencia no Consello do P.G. era nula a estas alturas, o que o levou a presenta-la baixa no partido en máis dunha ocasión, pero a retirou sempre. Os vencellos de irmandade e a esperanza dun novo troque da orientación política o animaron a permanecer nel, mesmo cardo se esgazaron os pontevedreses (8). O principal portavoz das discrepancias dos galeguistas ourensáns era o «Heraldo de Galicia». Así, por exemplo, nun número de febreiro de 1935 (9), como o P.G., criticaba a política do Goberno de dereitas verbo de Galicia, por parercerlle censurable fundamentalmente na sua vertente económica, pero, a diferencia de aquel, desmárcase tamén dos partidos da oposición que clamaban descontra da desvirtuación das esencias da República do 14 de abril, dicindo que a restauración desas esencias non remediaría as necesidades vitais dos galegos: «pues tampoco se remedió aquí nada mientras tales esencias rigieron». Tamén dende a revista «Alento» fan públicas as suas ideas que estaban rifadas coa ortodoxia do P.G.
     Na cidade de Santiago buligaban, asimesmo, certos signos de descontento, en homes como Manoel Beiras ou Banet, pero tardarán ainda en coallar politicamente.


   7.2. Creación da Dereita Galeguista de Pontevedra

     O movemento de segregación de ala dereitista do P.G. parte de Pontevedra (10) onde acada completo éxito, conquerindo arrastrar a tódolos elementos significativos desta tendencia (Filgueira, García Vidal, Alvarez Limeses, etc.). Ainda que xa antes algúns foron comunicando a sua baixa (11) non é senon en maio de 1935, concretamente o día 25, que sae a luz o manifesto de «Dereita Galeguista de Pontevedra» firmado por Martínez Tiscar, Sexto López, García Vidal, Lino Sánchez, Darío Caramés e Filgueira Valverde (12). Na proclama pontevedresa propugnábase a creación dun partido galeguista de dereita e expúñase un índice do ideario que lle debía servir de base, pero esta proposta tardará ainda algúns meses en ser acollida. A nova da escisión foi ampliamente comentada polos conservadores ourensáns no seu órgano de expresión «Heraldo de Galicia». Mais as opinións estaban divididas entre os partidarios da escisión e os contrarios a ela. Dende logo todos coincidían coa ideoloxía exposta no manifesto pontevedrés, pero uns non eran en absoluto partidarios do esgazamento, e os outros ainda non estaban totalmente convencidos de que fora chegada a hora. Consideremos que estamos en xuño de 1935, momento no que o P.G. se comporta como un partido republicano de esquerda, pero ainda non se coaligara coas forzas marxistas no Frente Popular. Subsisten, pois, as esperanzas de que o P.G. modificase a sua orientación. Por todo elo a reacción do «Heraldo de Galicia» é ambígua e mesmo contradictoria. Así, no editorial (13) pronúncianse totalmente a favor da creación dun partido galeguista de dereitas e da concreta doctrina exhibida por «D.G. de P.». Pero logo reproducen en páxinas interiores (14) o manifesto completo de «D.G. de P.», puntualizando cautamente que o consideran de interés «aunque no compartamos todos sus postulados». De tódolos xeitos, interesa sinalar a efectos prácticos, que polo de agora non se suman ó movimento escisionista. Limítanse a permanecer atentos ós acontecementos e a manter certos contactos cos conservadores pontevedreses. Resulta a este respecto ilustrativo que Filgueira Valverde seña invitado polo Grupo Galeguista de Ourense, para pronunciar unha conferencia en nadal de 1935 (15).
     En Santiago tampouco tivo un eco inmediato o chamamento de «D.G. de P.».
     A reacción do P.G. ante esta crise que estala nas suas ringleiras é asaz ponderada e, asimesmo, asombroso exemplo de tolerancia política. Polo de pronto reproduce íntegro en «A.N.T.» o manifesto de D.G. de P.» (16), e no comentario que lle fan móstranse dacordo cos seus postulados a excepción do que se refire a postura confesional do galeguismo, no que o P.G. optou sempre por unha escrupulosa neutralidade. Saúdan ó novo agrupamento con «agarimo fondo», e deséxanlle sorte na sua angueira de atraguer ó galeguismo á opinión conservadora, de xeito que en troques de ficar desartellada a unidade do galeguismo se afortalase con novas aportacións. Noustante, o P.G. dubida que o conquerisen fundándose en que o galeguismo antes e despois de se artellar en partido político, e con anterioridade a ter adoptado a directriz que daquela tiña: «foi sempre ouxeto de ataque freneticamente cerril e incomprensivo, cando non de bulra», por parte de campo ideolóxico e político onde anceiaba implarse «D.G. de P.».
     Polo demais, segue a dicir que tampouco os comentarios da prensa de dereitas permitían vaticinar outra cousa. Contrariamente a elo o manifesto dos galeguistas pontevedreses deu pé a que xentes como Isidoro Millán atacaran duramente ó P.G., calificandoo de marxista, separatista e ateo (17).
     Esta postura oficial do P.G. soamente foi contraria en conversas ou cartas privadas, ou ben en público por parte dalgún galeguista aillado. Especialmente Filgueira Valverde foi obxeto de acedos comentarios, de parte de Víctor Casas —en carta a Bóveda— (18), e de severas reconvencións do propio Alexandre Bóveda nunha extensa misiva que lle remite ó persoeiro do galeguismo conservador (19). Castelao é quen dende Badaxoz envia un artigo a A.N.T. (20) censurando rexamente ós firmantes do manifesto de «D. G. de P.» por lazaren a unidade dos «bos e xenerosos» xusto no momento en que maior debía ser a sua compenetración, dadas as favorables expectativas autonómicas existentes. Castelao manifesta, ademais, a súa oposición a calquera entendemento político con eles, cuestionando a «forteza dos seus sentimentos patrióticos». Polo demais, as críticas a Filgueira feitas por algúns galeguistas dende as páxinas de «Ser» e «El Pueblo Gallego» son rápidamente acaladas por Bóveda —que víase condicionado polo seu parentesco con algúns dos escindidos (21)— dicindo en A.N.T. (22) que no se lle había de criticar por máis que cometera o erro de se escindir e andivese daquela «na compaña de instigadores de dudoso galeguismo». O voceiro oficial do P.G. publica tamén unha apostilla suscribendo a postura de Alexandre Bóveda (23). Para este dirixente do P.G., como tamén para Castelao (24), a escisión fora prematura, por considerar que ata que non fosen dabondo fortes os galeguistas como para asegura-lo triunfo da sua causa deberan permanecer unidos mantendo o convenio de neutralidade nos puntos de litixio (25).
     A unión era especialmente necesaria naqueles intres nos que se aveciñaba a batalla do Estatuto, polo que o esgazamento era marcadamente inoportuno. Conquerida a autonomía, Castelao non vería mal que o galeguismo se dividise en duas alas.


   7.3. Ideoloxía e programa do galeguismo de dereitas

     Para analizar o perfil ideolóxico e mailos obxectivos programáticos do galeguismo de signo conservador, que escomenza a súa andadura política con independencia dos seus correlixionarios galeguistas de distinta significación, aterémonos no esencial a dous documentos programáticos básicos: o programa de «Dereita Galeguista de Pontevedra» (26) e as chamadas «Bases pra o programa da federación das forzas nacionalistas e galeguistas de dereita» (27), posteriores ó anterior programa, e, ós efectos, complementarias del.
     O galeguismo de dereitas nace, segundo propia confesión, co afán de evita-lo desfase entre Galicia e outros pobos hispánicos no que fai a actitude dos partidos políticos de dereitas verbo da autonomía. Tratábase, pois, de actuar no campo da dereita para trocar a sua hostilidade contra a autonomía, nunha postura de franco apoio (28). Deste xeito, este sector do galeguismo acepta con encomiable sinceridade política a etiqueta de dereitista.
     A meirande parte dos seus obxectivos programáticos coinciden cos do P.G., dos que son unha versión sincopada. Como queira que o programa do P.G. xa foi obxeto de exhaustivo exáme noutro apartado, evitaremos tediosas repeticións, limitándonos, agora, ós aspectos novedosos do programa do galeguismo de dereitas.
     A dereita galeguista xorde cunha imaxe de maior moderación na sua posición nacionalista, que de todas formas conserva como tal. Definen a Galicia como nación, pero no programa da «D.G. de P» autoconsidéranse «galeguistas» (o que implicaba menor radicalidade que «nacionalistas») e nas «Bases» significativamente confluen, na sua aceptación, unhas forzas «nacionalistas» e outras simplemente «galeguistas». Non reclaman a autodeterminación conformándose coa autonomía, facendo constar timidamente: «que non temos esta fórmula como definitiva» (29). Pola contra, rexeitan expresamente a solución arredista.
     Hai un matiz diferencial entre o programa da «D.G. de P.» e as «Bases» (os criterios das cales prevalecen ó seren aceptados polos galeguistas pontevedreses). O primeiro ofrece unha fasquía liberaldemocrática (30), en tanto que o segundo é un híbrido entre o demoliberalismo e un sistema de democracia orgánica típica do totalitarismo de corte máis ou menos feixista. Así, propugnar que no Parlamento galego:


«compre evitar que a sua composición sexa excrusivamente de representantes do voto popular inorgánico, senon que mil deben ter unha participación, as corporacións que representan intereses económicos e esprituaes, pra evitar que Galiza sexa gobernada ao seu xeito polos partidos e fraccións políticas» (31).


     Coidamos que este sesgo organicista provén do núcleo ourensán e máis concretamente de Vicente Risco. Por outra banda, decláranse republicanos, pero na súa práctica amósanse escasamente afectos á República, por identificala coas esquerdas, segundo lles achaca o P.G. (32).
     No que máis fincapé se fai é na cuestión relixiosa. Ata o punto de que a práctica totalidade dos problemas son enfocados e valorados a lús do prisma relixioso. Deste xeito, un dos motivos invocados para repudia-lo marxismo consiste en que esta doctrina sostiña unha interpretación materialista da historia, en tanto que os galeguistas de dereitas afirmaban a preponderancia dos factores morais no proceso histórico. Tamén rexeitan ó feixismo por consideralo incompatible con «A concepción cristián do home, o respeto a súa persoalidade moral e o cumprimento dos fins individuaes» (33). Ademais, queren que os productores organizados cooperativamente teñan un concepto da actividade económica subordinado ó senso moral dos fins humanos. A sua posición é de confesionalismo a ultranza. Consideran a «Relixión Católica» consustancial a tradicional enxebreza de Galicia. Declarara que unha auténtica cultura galega debe estar decote inspirada na concepción católica do mundo e da vida humana, «e no sistema de valores éticos, estéticos e centíficos que o catolicismo representa». Postulan que o Estado ten de ser confesional, e como tal debe apoiar á Igrexa, subvencionar ó clero e lexislar de conformidade co espírito cristián. A todo isto hai que engadir que, no apartado adicado ós obreiros, limítanse única e exclusivamente a defende-los puntos das Encíclicas que conteñen a doctrina social dos Papas.
     Distingue, tamén, ó programa do galeguismo de dereitas un acusado conservadurismo, patente nos obxectivos que lle asignan á autonomía, que son, entre outros, o mantenimento da paz social e a axuda mútua. Evidénciase isto mesmo na sua vontade de defensa da pequena propiedade, do réxime familiar, e «a justa regulación dos arrendos, aparcerías e demais contratos de cultivo», co que no piden a redención dos foros, nin dos arrendamentos rústicos, nin suscreben tampouco o principio de que a terra debe ser de quen a traballa. O conservadurismo completa o seu perfíl cunha fasquía tradicionalista (34), perceptible na sua concepción da sociedade, para a que piden o: «Mantenimento do régime familiar tradicional en Galiza. A familia debe ser considerada como unha sociedade natural, baixo a precisa dirección dos ascendentes: pai e nai». Xa que logo, postulan a protección da explotación familiar do chan e a sustantividade xurídica da «Compañía familiar galega».
     Dada a primacía que xogaba o factor relixioso na ideoloxía da dereita galeguista, non nos resistimos á tentación de comparala coa do P.N.V. En efecto, do mesmo xeito que para Sabino Arana a política é unha arma ó servicio dos seus plantexamentos relixiosos, como Javier Corcuera teu demostrado (35), tamén para os galeguistas confesionais a relixión non é algo instrumental, do que valerse como bandeira política, senon mais bera a cuestión nodal que condiciona os seus plantexamentos políticos. Polo demais, segundo as revelacións de Bóveda xa apuntadas, tamén, como Sabino Arana, os galeguistas conservadores parecen estar perfectamente dispostos a someterense ós principios relixiosos e morais emanados da Igrexa católica-apostólica-romana e, asimesmo, a consagra-lo cerne tradicional da nación a que perteñecen. As diferencias non cremos que vaiar máis alá da inexistencia dun plantexamento racista no caso dos galeguistas desta arnaxe, e do seu menor rexeitamento do liberalismo (36).


   7.4 A froitificación da semente. A percura da unidade

    
Cando o P.G. suscrebe o pacto do Frente Popular reactívanse novamente as inquedanzas escisionistas de moitos dos galeguistas de dereitas que ainda permanecían dentro do partido. Esvaídas as posibilidades de que o P.G. tomase outro rumbo, a crise desátase outra vegada, seguindo unha tónica xeográfica semellante a anterior de abril de 1935. Como daquela, tamén agora é nas cidades de urdime social máis tradicional, onde se rexistra o movemento secesionista. Deste xeito, moitos dos galeguistas de dereitas de Ourense e Santiago pasan a engrosa-las filas dos que xa marcharan en Pontevedra. Pero a sua tardanza en arredarse impide que os galeguistas conservadores logren presentar unha candidatura nas eleccións xerais de febreiro de 1936. Ata días antes de celebrárense estas non se constitúe a «Dereita Galeguista de Ourense» (37), o manifesto da cal sae a luz o día 10 do mes electoral, firmado por Risco, Fernández Borrajo, José A. Varela, Isidoro Guede, José Luis Parente, José Goyanes, Argel Martínez Doval e José Perille Garra.
     Un pouco despois recollen a chamada dos galeguistas pontevedreses os seus correlixionarios de Santiago, nunha proclama impregnada de preocupación pola cuestión relixiosa (38). Firman o manifesto dado a prensa o 1° de abril de 1936: Manuel Banet Fontenla, Xosé Mosquera Pérez, Daniel Louzao, Carlos Seijas Subirá, Manuel Jiménez Puente e Manuel Beiras García. Semella que en Santiago, máis que dunha escisión, tratouse mais ben dun desdoblamento mutuamente acordado por tacticismo. Considerando que o movemento escisionista quedara convertido nun feito consumado coa marcha dos ourensáns, e non póidendo o P.G. constreñir este proceso á localidade pontevedresa de xeito que non fose máis que un pequeno problema local, semella que o P.G. aceptou que os seus membros dereitistas que o quixesen así, pasaran a engrosa-las precarias liñas de «Dereita Galeguista», de modo que esta tivese máis posibilidades de atraguer á opinión conservadora ó eido do galeguismo (39).
     A «D.G. de P.» elixe para formar parte da sua Xunta directiva (40) a: García Vidal, José Sexto, Lino Sánchez, Taboada Tabanera, Darío Caramés e Josefina Iglesias Vilarelle. Resalta a ausencia de Filgueira Valverde no núcleo dirixente. Tampouco Risco forma parte destacada da directiva ourensán, ostentando a presidencia o abogado Dacal (41)
    
Se non a «potestas», Risco segue detentando a «autoritas». En efecto, Risco, sumido nunha crise, perde a estas alturas todo interés por seguir sendo un líder político. Así o confesa él mesmo en carta a Del Riego:


«Na Dereita Galeguista serei todo o visíbile que queiras, menos cabeza. Eu xa non volvo a ser cabeza de nada na miña vida. Gastéi vinte anos, os millores do meu vivir, no choio, dín canto podía dar [...]. De que quedei exprimido o escurrichado, outros se encargaron de torcer o vieiro por onde lles paresceu, e eu fun abandonado ainda por aqueles que pensaban coma mín. (42)


     Demostra que seguía conservando o seu ascendente o feito de que seña él quen preside a reunión dos distintos grupos de dereita galeguistas, celebrada en Ourense o 19 de abril de 1936, co obxectivo de crear un partido único en base á federación de tódolos grupos nacionalistas e galeguistas de dereitas. Polo demáis, tamén foi Risco o encargado de ler as «Bases pra o programa da federación das forzas nacionalistas e galeguistas de dereita», que anteriormente comentamos, e que resultaron aprobadas (43). Queda así creada unha única «Dereita Galeguista», presidida polo abogado ourensán José Fernández Borrajo (44). Este, xunto con outros dous membros do grupo ourensán, formaban o Consello Executivo, asistido por catro representantes dos restantes grupos constituídos. Así pois, Ourense pasaba a se-lo epicentro do galeguismo conservador, encargándose os galeguistas desta cidade da dirección política e dos traballos de organización (45). Acordaron tamén que o semanario «Heraldo de Galicia», que se imprentaba en Ourense, se convertira no órgano oficio
so do partido (46).
     Conquerida a unidade organizativa, D.G. leva a cabo una laboura de espallamento tentando crear novos grupos e difundi-los ideais do partido. Lograron poñerse en relación cun certo número de persoas da província de Ourense (47), a fora dela en Arbo (48), segundo a información de que dispoñemos. Pero o tempo xogaba en contra dela xa que só tres meses despois prodúcese o levantamento militar. Para máis, a campaña de plebiscitación do Estatuto, na que D.G., como veremos, interven activamente, a obriga a distraer forzas, mermando, así, as suas posibilidades de implantación. Debemos sinalar, ademais, outro motivo que coadxuda a que D.G. non pase de ser unha tentativa fallida no que fai ó seu declarado propósito de atraguer ás suas ringleiras, ou cando menos ó campo do galeguismo, ás forzas de dereitas: non tódolos elementos que integraban a ala conservadora do P.G. participaron na andaina de D.G. En efecto persoeiros tan significados como Otero Pedrayo (49), López Cuevillas, Ramón Villar Ponte (50) e algúns outros (51) prefiren continuar no P.G. (abandonando a Risco, según él mesmo se queixaba) loitando para que éste abandonase o Frente Popular. Ademais, hai tamén quen, como Alvaro Cunqueiro —de nidio pensamento conservador—, considera que tódolos galeguistas debían seguir unidos nun mesmo frente, sen deixar que os dividiran etiquetas de esquerdismo e dereitismo (52). Así pois, era prácticamente imposible que en tan pouco tempo e con tanta desunión e confusión, a «Dereita Galeguista» conquerise dar cabo ó tradicional desapego da burguesía, de Igrexa e da opinión católica e de dereitas en xeral, verbo do galeguismo, que, con moi poucas e senlleiras excepcións, sentía, tal e como apuntan Francisco Carballo e Alfonso Magariños (53).


   7.5. Socioloxía da Dereita Galeguista

     Veleiquí a profesión da meirande parte dos membros de D.G. (54):
     


Alvarez Gallego, X. Mª.
Alvarez Limeses, Xosé
Banet Fontenla, M.
Beiras García, M.
Caramés Ruza, Darío
Caramés Ruza, M.
Dacal
Fdez. Borrajo, Xosé 
Filgueira Valverde, X.
García Vidal, Xosé
Guede, Isidro
Goyanes, Xosé
Iglesias Vilarelle, X.
Lino Sánchez, X.
Louzao, Daniel 
Martínez Doval, A.
Martínez Tiscar, X.
Mosquera Pérez, X. 
Parente, Xosé Luis
Perille Garra, X.
De Ia Riba Barba
Risco, Vicente
Seijas Subira, C.
Sexto, X.
Taboada Tobanera, P.

Pontevedra
Pontevedra
Santiago
Santiago
Pontevedra
Pontevedra
Ourense
Ourense 
Pontevedra
Pontevedra
Ourense 
Ourense
Pontevedra 
Pontevedra
Santiago
Ourense
Pontevedra
Santiago
Ourense
Ourense 
Santiago
Ourense
Santiago
Pontevedra
Pontevedra

Mestre
Periodista e funcionario
Notario
Comerciante
Inspector esc.
Comerciante
Abogado
Abogado
Catedratico Inst.
Abogado e func.
Periodista
Abogado
Mestre e escritora
Abogado
Empregado
Director e propiet. colexio
Empregado
Empregado
Lic. farmacia, Fun. telégrafos
Comerciante
Comerciante acaudalado
Catedrat. Normal
Estudiante
Funcionario
Estudiante


     Dos 25 membros de D.G. dos que coñecemos a profesión, os máis son titulados universitarios, predominando os abogados. Sobrancean, ademais, os comerciantes e mailos profesores. Debemos concluir, xa que logo, que este partido obxeto de análise, viña sendo socialmente unha parte da élite do P.G., dado o claro predomino do nivel social medio-alto. Ollamos, pois, que hai unha coincidendia entre o status profesional alto e as ideas conservadoras. Resulta igoalmente significativo que todos eles vivisen nas cidades menos avanzadas e progresistas, como eran Ourense, Santiago e Pontevedra.


   7.6. Actuación de D.G. na campaña do plebiscito do Estatuto

     Dende o venres 8 de maio a Dereita Galeguista de Ourense, que é quen leva as rendas do partido a nivel de toda Galicia, ocúpase da preparación da campaña do plebiscito do Estatuto (55). O traveso das páxinas do «Heraldo de Galicia
» (56) solicitan que o Axuntamento e maila Deputación saian do seu mutismo e se adhiran ó Estatuto apoiándoo material e moralmente. «D.G.» consideraba que a autonomía era unha cuestión central e neutral, exclusivamente de comenencia galega e que como tal debía estar por riba do tódolos partidismos. O momento exixía unha verdadeira «tregua sagrada», debéndose sentir todos galegos antes que nada (57).
     A primeros de xuño constituíuse en Ourense o Comité da Autonomía, integrado por representacións do Frente Popular. A «Dereita Galeguista
» propugnaba a incorporación ó Comité de Propaganda doutras organizacións políticas de significación autonomista —en consonancia coa sua teoría da «tregua sagrada» á que aludimos—, pero non conqueríu que prosperase a sua postura pola oposición dun sector marxista. Isto mesmo aconteceu tamén noutras provincias, pero a diferencia delas, cando menos en Ourense permitíuse a incorporación de Fernández Borrajo ó Comité de Propaganda, en calidade de secretario. Porén, especificábase que estaba alí a título personal, con independencia da súa afíliación, ainda que para ninguén era un segredo que Borrajo actuaría de feito como representante da D.G. O caso era garda-las formas (58).
     Temos así que o sectarismo da esquerda frente-populista impide que polo menos un sector da opinión conservadora, colabore unitariamente na campaña plebiscitaria. Con elo a proposta de colaboración en cuestións de significación galeguista, que a D.G. propuxera ó P.G. no seu manifesto fundacional, e que fora ben acollida polo P.G., faise inviable, inducindo, xa que logo, a ambalas duas organizacións a levar a cabo unha actividade de propaganda paralela, coincidente na práctica, pero inconexa. Poucos días despois tivo lugar unha xuntanza en Santiago dos representantes dos diversos grupos nacionalistas e galeguistas de dereita, na que Risco actuou de Secretario. Deuse conta da intervención dos representantes do partido nas reunións que se tiñan celebrado para constitui-los comités provinciais de propaganda estatutaria, acordápdose mante-la intelixencia cos partidos republicanos de dereita e centro, cos cales tiñan maior afinidade, e recaba-lo apoio dos partidos que non perteñecían ó Frente Popular, para levar a cabo conxuntamente unha campaña «en sentido estrictamente autonomista
» (59), que asegurase o éxito do Estatuto. A «Federación de Forzas Nacionalistas e Galeguistas de Dereita» realiza unha campaña de considerable intensidade. O seu Consello Executivo fai un chamamento dende a prensa (60) pedindo o SI para o Estatuto. No «Heraldo de Galicia» insertan un traballo explicando as características e ventaxas do texto autonómico (61); en varias cidades os oradores de D.G. dan conferencias en galego, que son recollidas en amplias glosas periodísticas e retransmitidas ademais pola radio, que presta —coma xa diremos— unha importante cobertura á campaña estatutaria (62) . Móstranse especialmente activos Filgueira, Banet, Risco (63) e Fernández Borrajo (64). Como é lóxico, D.G. imprime a súa propaganda estatutaria un sesgo tradicionalista e confesional; quixera que a campaña fora «estrictamente autonomista», pero os alporizados ánimos tanto da dereita como da esquerda, fan que ésta, que é a que leva o peso fundamental da propaganda do Estatuto, introduza cuestións por completo alleas á autonomía (65). D.G., pola sua banda, apela os católicos e xentes de dereitas para que apoien o Estatuto, que, segundo ela, puido e debeu vir polo esforzo das dereitas, se non fora pola sua pasividade. Sucede así que: «Outros escriben por nosotros con letra roja los postulados de nuestra doctrina» (66). Para persuadir a estes sectores fai pródigo uso da frases lapidarias («Votamos Ia autonomía para que nadie a pretexto de nuestras libertadas contradiga nuestras viejas virtudes») e argumenta que non se debían abster, por máis que as esquerdas pregoasen que non se precisaban os votos da dereita, para gañar, así, o lexítimo dereito á opinión na futura gobernación de Galicia; aducía, tamén, que se ben o Estatuto era naquel intre unha porta aberta á libertade, no futuro podía ser unha porta pechada ó comunismo (67).
     Plebiscitado favorablemente o Estatuto, nin sequera a ledicia do resultado conqueríu apagar a xenreira que o Frente Popular, e especialmente os partidos marxistas, sentían por D.G. Na propia reunión onde se deu lectura ós resultados, cando se ergueu Filgueira Valverde para falar, ás xuventudes marxistas, que estaban alí coas suas bandeiras e uniformadas, o interrumpiron impedíndolle que fixera uso da palabra (68). Non cabe dúbida que nesta actitude intransixente pesaba notoriamente a postura de catolicismo militante da D.G. A título de exemplo mencionemos que fora Filgueira quen pedira autorización para que poidesen sai-Ias procesións tradicionais en Pontevedra (69) o que lle fixera obxeto dalgunhas ironías, en tanto que a «Irmandade de Dereita Galeguista
», como se denominaba D.G. en Santiago (70), facía das misas actos de afirmación nacionalista, e para celebrar o triunfo plebiscitario costeara dous turnos de comidas para os nenos dos «Comedores de Ia Caridad», e organizara unha misa en honor dos galegos ilustres (71).
     Con ser "Dereita Galeguista" unha forza pequena, os sectores máis recalcitrantes das dereitas, virou nela un perigoso viras que podia infeccionar o campo conservador. Por elo, mereceu, antes e despois do levantamento militar, duras invectivas (72).


8. Epítome

     Nos antevísporas de réxime republicano a meirande parte dos grupúsculos e persoeiros galeguistas seguian aferrados ó accidentalismo consagrado polas «Irmandades da Fala» dende o seu nacemento. Soamente cando a República estaba a piques de ser instaurada prodúcese a súa decantación a prol de novo réxime, valorando nel a posibilidade de que adoptara unha estructura federal. A corrente nacionalista así perfilada tiña clara conciencia da sua distinta naturaleza, disociada das restantes ideoloxías en liza no trance de caída da Monarquía. Deste xeito, os distintos agrupamentos galeguistas negábanse a encadrarense nas grandes formacións políticas que se dispuñan a protagoniza-la nova etapa. Elo non obstaba para que formalizasen conxunturais coalicións cos republicanos e agrarios nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931. Así foi como, a pesares das suas vacilacións e mornedade na asunción do credo republicano, obtiveran un pequeno número de concellais, sem que tampouco lles importara en demasía dado que até ben entrado o segundo bienio o galeguismo non prestará unha atención destacada á ocupación dos resortes municipais.
     Compre tamén facer mención a un sector do galeguismo, ubicado preponderantemente na Coruña, que dende 1929 abandona a doctrina accidentalista, para comprometerse con firmedume na loita a prol da instauración da República. Foi así como A. Villar Ponte, Lugrís Freire, Anxel Casal, Víctor Casas, etc. crearon a O.R.G.A., sen abandonar por elo as I. da F. Este sector do nacionalismo asóciase cos elementos republicanos, que lideraba Casares Quiroga, a asunción do cal —polo menos teórica— do sistema federal, permítelles abriga-Ia esperanza de que labourando pola República conquerirían de paso un goberno federal para Galicia, do cal a primeira era requisito imprescindible, e como tal, prioritario. Son ademais estes galeguistas os que exhortan ós seus «irmans» para que se decantasen do mesmo xeito.
     A corrente de Anton Vilar Ponte encarna, en derradeira instancia, a tentativa de dotar de operatividade ó movemento galeguista —deica enton esfarelado e con pouca incidencia social— incrustándose na entrana dun partido forte de distinta significación á nacionalista, para influir dentro dal con miras a galeguizar a sua actuación. Esta opción perde adeptos cando se funda en nadal de 1931 o Partido Galeguista, gañados pola contraposta e preponderante opinión de que os galeguistas precisaban actuar dende un receptáculo organizativo e político propio. O feito de que o cambio de réxime xa non constituira un problema, e a inconsecuente práctica autonomista da O.R.G.A., fixeron o resto, despexando as últimas dúbidas de moitos seguidores de Antón Vilar Ponte. O fracaso terminante e definitivo desta opción non demorou moito en chegar. En afecto, en 1934 cando o P.R.G. decide fusionarse con «Izquierda Republicana», Vilar Ponte ingresa no P.G., por non estar dispoto a militar nun partido de obedencia non galega, e farto das inconsecuencias —de índole autonómica fundamentalmente— do partido de Casares. Todo elo non obstou para que durante os primerios meses de vida do sistema republicano os galeguistas da O.R.G.A. tivesen maior eficacia política que os ciscados nacionalistas puros. Así, namentras estes últimos se entregaban a unha campaña de mitins de sensibilización autonómica, o sector de Vilar Ponte conquire que a O.R.G.A. convocase unha asamblea pro-estatuto, que tivo lugar na Coruña o 4 de Xuño de 1931, da que saíu o primeiro proxecto de Estatuto, de alento federalista, que fracasou precisamente porque a Constitución non o foi, amén da precaria apoiatura social que o sustentou. Agora ben, tampouco a liña pura do nacionalismo que encarnou o P.G. puido actuar aillada das demais forzas de distinto signo, tal como eran nun principio os seus propósitos, tendo que formalizar, ó cabo, unha alianza estable con elas, sendo este o único xeito que atopou de conqueri-lo seu obxectivo mínimo —ó cal houbo de adicar un esforzo máximo— cal foi a plebiscitación favorable do Estatuto Galego. Ademais, como queira que o sistema electoral republicano favorecese as coalicións entre os partidos, os galeguistas seguidores de Bóveda e Castelao non poideron sustraerse a esa lei tendencial e velaí que houberon de aliarse con certas forzas republicanas nas tres eleccións xerais que se celebraron nos anos de vixencia do réxime republicano. Polo menos parcialmente. Así, nas de xuño de 1931, das duas provincias nas que presentaban candidatura, Pontevedra e Ourense, entraron en coalición nunha, a mencionada en segundo lugar. Na consulta de novembro de 1933, compareceron en concerto tos republicanos nos distritos de Coruña e Pontevedra. O cabo, nas eleccións de febreriro de 1936, formalizaron a alianza co Frente Popular nas catro provincias, ainda que logo, por certos avatares, resultou inoperante na lucense.
     Na República cristalizou unha corrente galeguista relativamente unida, a pesare da pugna devandita (e doutras divisións que se suscitaron ás que pararemos axiña a facer referencia), resolta en favor do P.G. Pero salientemos denantes que é neste período cando o nacionalismo galego escomenzou a ser un movemento de masas, que contaba en 1936 con deputados. (algún deles, como Castelao, o máis votado na sua provincia), concellais, asociacións agrarias e un degrao de implantación social nada desdeñable e que, ademais, ía in crescendo a un ritmo prometedor. De feito, estamos persuadidos de que de prolongarse a existencia da Segunda República algúns anos máis, podería chegar a ter unha base de masas como a que, a titulo de referencia, secundaba os proxectos nacionalistas de Cataluña e Pais Vasco. Esta implantación social do nacionalismo galego, conquerida por primeira vegada na sua historia, veu dada en gran parte pola existencia dun réxime de libertades que incitaba ás correntes ideolóxicas, plasmadas nos distintos partidos, a percura-lo apoio popular —superándose así o tradicional sistema de partidos-cúpulas dirixentes— dado que o pobo era en definitiva o protagonista do sistema, dun xeito que xa non era só, como antes, xurídico-formal. Para chegar a isto o galeguismo tivo que vencer fortísimas resistencias internas que teimaban en manter ó nacionalismo como un dominio exclusivo dunha minoría ilustrada e consciente de «bos e xenerosos». A inercia elitista frenou o espallamento do P.G. ó longo do primeiro bienio, e soamente cando aconteceu o abrouxador revés electoral de novembro de 1933, a meirande parte dos seus membros abriron os ollos e non dubidaron en dirixilos a amplia base do país, á que escomenzaron a tentar de encadrar nas organizacións do partido, e non soamente concienciar, para que se adherisen espontáneamente á senlleira minoría de patriotas, como denantes pretenderan.
     Pero diciamos anteriormente que as divisións existiron, a pesares de que non tiveron envergadura dabondo como para impedir que houbese un núcleo que sobranceara con moito por sobor dos demais —o P.G.— que deste xeito puido obter resultados políticos notables. O movemento galeguista, de feito, repártese nunha serie de organizacións febles e fugaces: «Dereita Galeguista», «Unión Socialista Gallega» e «Vangarda Nazonalista Galega», e duas máis sólidas e estables: o «Partido Galeguista» e máis a «Federación de Mocedades Galeguistas». Obviamente estas organizacións actúan entremisturándose coas formacións políticas de ámbito estatal (e tamén coa O.R.G.A., denantes de que se integrara en I.R.). Temos, pois, que xurde en Galicia unha estructura específica de partidos, vertebrado en base á suma das organizacións de ámbito estatal coas de obedencia galega. Os partidos galegos O.R.G.A., P.G. F.M.G., D.G., U.S.G. e V.N.G. constituen un subconxunto minoritario e subordinado ó que conforman as forzas de ámbito estatal, ofrecendo uns riscos de inestabilidade e febleza. Con todo, existe pola banda dos galeguistas a vontade de rematar coa situación de dobletes —é decir de partidos galegos e estatais de parecida orientación, que ocupaban polo tanto o mesmo espado político, sustituindo o espectro de forzas estatais por outro autóctono. O P.G., concretamente, coidaba que a entrada en vigor do Estatuto de autonomía favorecería este proceso. A maior parte da sua ala conservadora opinaba, pola contra, que o galeguismo podíase lanzar a este empeño na situación preautonómica, e elo foi unha das causas de que se producira a escisión de «Dereita Galeguista», que o P.G. criticou fundamentalmente por prematura e inoportuna.
     Dendo o 14 de abril apareceron nidiamente dibuxadas no movemento galeguista duas tendencias: unha progresista e de esquerdas con acento básico en Santiago e Coruña (galeguistas da O.R.G.A., Esquerda Galeguista, etc.) e outra marcadamente conservadora, ubicada de modo preferente en Ourense (P.N.R. de O.). Nas agrupacións de Vigo (G.A.G.) e Pontevedra (P.G. de P.) convivían xentes de ambas tendencias. Agora ben, estas discrepancias non foron atranco para que se levara a cabo con éxito un proceso de confluencia, pulado esencialmente polo grupo pontevedrés de Bóveda, co que rematou a situación policéntrica e mesmo taifística. Dempois de todo as diferencias non eran tan abismais, coincidindo en xeral no nacionalismo, na democracia, nun talante reformista (nun degrau maior ou menor) e no republicanismo recén adoptado. No P.G. continuaron a se manifesta-Ias correntes esquerdista e conservadora, convivindo en base ó integracionismo do partido, até que a decantación cara a esquerda resulta inaturable para a maior parte da ala de dereitas.
     Pasemos xa a ver os riscos que caracterizaban á formación política nacionalista primordial: O P. G.
     Este partido tiña unha estructura organizativa nun principio ténue pero que progresivamente foise facendo máis sólida e mellor disciplinada. Costoulle traballo que un importante número dos seus adherentes se fixesen a idea de estaren nun partido con todo o que elo comportaba. Como é ata certo punto lóxico nun partido de índole nacionalistas, preferíu organizarse sobor dunha base territorial (Grupos Locais) antes que por sectores profesionais ou frentes de intervención. A organización plegábase ó feitío do que consideraba a Galicia real, seguindo un escalonamento de menor a maior: parroquia, vila, cidade, bisbarra. Pero a pesares de fuxir das circunscripcións municipal e provincial, en febreiro de 1936 considerou necesario establecer —moi ó seu pesar— comites provinciais, por respostaren mellor ás esixencias que conlevaba a organización electoral, xa que se circunscribía a este ámeto.
     Internamente funcionaba dun xeito eminentemente democrático, decidindo as bases tódalas cuestións importantes, fundamentalmente ó traveso da asamblea de delegados, órgano soberano por excelencia, de periodicidade anual, poidendo convocarse tamén extraordinariamente. dela emanaban as instancias directivas: O Consello Executivo, máis amplio, elexido en base ó criterio funcional combinado co territorial e a Segredaría Executiva, máis reducida e operativa. Dótase, pois, de órganos de dirección colexiada, querendo evita-Ia rección unipersonalista. Sinalemos, ó cabo, que a estructura organizativa discriminaba os militantes segundo o sexo, e que o modelo que en xeral tencionaban emular era o dos partidos catalanistas de esquerda.
     Definamos a envergadura do P.G.: Na primeira fase, que abrangue ata novembro de 1933, consta de 23 Grupos, 3 Delegacións e 35 «nucleos» (que non puidemos averiguar se eran unha cousa ou outra). Estimamos que o número de militantes estaba arredor dos tres mil. Na segunda fase créanse 89 novos Grupos e 26 Delegacións, cifrándose o umbral mínimo de novos adherentes nuns 2.180. Consideramos, pois, que a tasa de afiliación superaba os 5.000 militantes.
     Velaí as notas que caracterizaban ao P.G. En primeiro lugar o nacionalismo, claro e expreso, por máis que por motivos de fonética política se definise eufemísticamente como «galeguista». Presentaba ademais un risco que damos en chamar integracionista (a verba «interclasista» quédasenos curta) na medida en que percuraba a integradas no partido de xentes de heteroxénea condición e vario pensar, por entender que a sua común pertenencia a unha mesma nación debería antepoñerse a calquera discrepancia. Este integracionismo aplicábao no eido político: sostiña que o galeguismo estaba por riba das categorias dereitas/esquerdas, ás que na primeira etapa negaba que tiveran pertinencia en Galicia; no terreo relixioso: opta pola neutralidade para que confesionalistas e laicistas poideran convivir xuntos no seu seo; no eido social: as diferencias de clase debían postergarse dado que todas tiñan un común interés patriótico; no da cultura: os partidarios dun labor exlusivamente cultural, debían colaborar cos que cifraban as súas arelas de redención nacional na actuación propiamente política, por canto que o P. G. desplegaba a súa actuación en tódolos ordes. Para evitar que as devanditas divisións comprometeran o integracionismo do partido, provocando algunha escisión, apelaba ó sentimento de irmandade, o senso da tolerancia e a idea de que a «Terra» debía estar por riba de calisquera diverxencia.
     Digamos, tamén, que resulta perceptible no P.G. un certo tinte populista. Era, ademais, un partido democrático, elitista na primeira etapa da sua andadura e de masas na segunda. Xa insinuaramos que se trataba dunha organización especial; nefeuto, ollamos como se derrama en gran variedade de eidos: o propiamente político, o cultural, artístico, linguistico, preocupándose da mellora económica de Galicia, da defensa dos seus intereses xerais, do cooperativismo, de establecer proxectos lexislativos, de desempeñar unha función ideolóxica (galeguizando ós demais partidos e por suposto a tódala sociedade)... Todo isto ven dado polo papel que asume de axente vertebrador dun país situado nun estadio de difusa e neboenta formación. Tiña de «facer país» denantes de aspirar a toma-lo poder, ou por mellor dicir, influir sobor do poder central para que aceptase despoxarse de determinadas competencias que transferiría ó galego, que, xa logo, trataríase de tomar.
     Na composición social do P.G. abundan moito os titulados universitarios e medios. A esta clase media intelectual, na que predominan os profesores, hei que engadi-los núcleos de pequenos comerciantes e industriais —dos sectores madereiro e chocolateiro singularmente— e certos elementos dispersos da burguesía galega. Rexistramos tamén a presencia dun importante número de labregos (non así de mariñeiros e de relixiosos, que escasean) e o apoio do Banco Pastor, polo menos até 1935 no que se confirma o xiro esquerdista.
     Outra cousa eran os sectores sociais ós que cobizaba atraguer. Situara en primeiro lugar ós labregos, en tanto que clase preponderante e depositaria ademais das sinais de indentidade autóctones. Interesábanlle tamén: a mocedade, os fabricantes de conservas, os intelectuais e mailos cregos. En menor medida os mariñeiros (menos numerosos e en gran medida enfeudados a ideoloxías internacionalistas), e moi escasamente os obreiros.
      Adentrándonos na cuestión da ideoloxía do P.G. observamos certas novedades con respecto ó manifesto de 1918 das I.da F., dentro dunha clara liña de continuidade. Introduce o concepto de autodeterminación, a angueira universalista, o anti-imperialismo, a cuestión do cooperativismo e o irredentismo. O programa agrario resulta máis progresista, a emigración cobra maior importancia, e o mundo obreiro recibe por primeira vegada algunha atención. Programáticamente continúa en certo modo o accidentalismo das I. da F. dado que non opta expresamente polo republicanismo. Agora ben, abundan noustante as declaracións de fé republicana, ainda que se trata dun republicanismo básicamente instrumental, en tanto que posibilitador de autogoberno galego. Constatamos, asímesmo, unha tendencia máis acentuada a afortala-lo sector público da economía e un interés deica agora inexistente pola industria pesqueira e conseveira.
     Conciben a Galicia como nación ainda que continúan coa tradicional ambigüedade terminolóxica, empregando os termos rexión e nación indistintamente. De tódolos xeitos eles autoconsidéranse nacionalistas, diferenciándose perfectamente dos rexionalistas, autonomistas e federalistas.
     Na teoría sobor da nación, Risco segue a exercer un influxo notable, manténdose como o teórico do nacionalismo galego por antonomasia. A teoría risquiana da nación partía no esencial de supostos organicistas pero incorporando eclecticamente certos riscos da concepción liberal. Polo que fai ó P.G. adhírese á teoría da vontade, tal como se pode ollar na definición que adopta encol da nación e na posición que mantén sobor da cuestión dos territorios homolíngues sitos fora dos lindes administrativos de Galicia. De tódolos xeitos, no estricto plano teórico non rexeita o organismo.
     Na definición que adopta o P.G. sobor da nación xogan un papel primordial: a língua, a arte e maila cultura. Prodúcese a identificación racial do ser galego co celta. Neste celtismo hai moito de afán enaltecedor do pobo galego por virtude da filiación cun pobo considerado prestixioso, erixindo un mito compensatorio da peiorativa visión que sobor dos galegos tiñan os de fora, e da minusvaloración que os propios galegos tiñan de sí mesmos. Aproveitemos para clarexar que, a diferencia do P.N.V., o Partido Galeguista non é racista. É así que para filiarse a él abonda cora ter veciñanza en Galicia.
     Polo demais, o P. G. acepta a visión teleolóxica, entendendo que a nación galega tiña de cumpli-la misión histórica de contribuir á civilización universal coa sua idiosincrasia. O fomento do xenuino e tradicional aparecía, así, como imprescindible, pero a carón delo situábase a necesidade da renovación, que tamén asume o P.G.
     O P.G. ollaba unha Galicia tripartita, composta pola minoría dos «bos e xenerosos», a maca do pobo, —a conciencia nacional do cal compría espertar—, e a minoría de «señoritos desleigados», alentados sobor de todo nas cidades (había no P.G. uri prurito anti-urbanista, que non lle impedía tencionar gaña-las cidades para a causa do galeguismo) e identificados cos caciques, actuando como cabalo da Troia do centralismo.
     Rematemos de dar os riscos que perfilan a ideoloxía do P.G. Sobrancean o senso ético da pureza democrática, o anticaciquismo, a pretensión pacifista, a angueira europeista («europeizar Galicia, galeguizar Europa») e mesmo tamén universalista («Galicia, célula de universalidade»), o prurito celtista e a decantación lusista. Tiñan asimesmo gran importancia o desexo de alianza con Euskadi e Cataluña («Galeuzca»), a reivindicación da «Galicia irredenta», e o postulado do federalismo internacional, erixido en base ós estados étnicos, e no que carecía de relevo o pacto sinalagmático, tan caro á tradición federalista primargaliana.
     Internamente perfilábanse no P.G. varias correntes: a conservadora, na que figuraban persoeiros da talla de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Filgueira Valverde, etc. A corrente de esquerdas, claramente maioritaria, na que podemos desagregar un sector de esquerda radical, con figuras tan prominentes como Antón Vilar Ponte, Anxel Casal, Suárez Picallo e Lugrís Freire. Duas pequenas tendencias, marxista a unha e arredista a outra, completaban o cadro.
     Na actividade política do P.G. cabe rexistrar unha primeira fase, na que repúdia o pluripartidismo e pretende actuar ailladamente como vangarda única empeñada en suscita-Ia adhesión do pobo, pero na práctica vese obrigado a coordinarse coas formacións republicanas para afrontar a cuestión autonómica e maila defensa dos intereses de Galicia. No vrán de 1933 prodúcese un deterioro grave das relacións cos partidos republicanos, básicamente pola sua mornedade no tema autonómico, e un potenciamento paralelo, e en certo modo complementario, da alianza cos partidos dos outros dous nacionalismos periféricos (Pacto de Galeuzca). Pero obrigado a percura-lo apoio dos restantes partidos de Galicia para acada-lo éxito no plebiscito do Estatuto, vira novamente cara eles, forxando unha alianza na Coruña e Pontevedra co gallo das eleccións de novembro de 1933. Tras do revés electoral, ábrese paso unha nova fase, na que o P.G. acepta o pluripartidismo endereitase cara a sua conversión nun partido de masas, e asume unha alianza estable coas forzas de esquerdas, integrándose no Frente Popular. A decantacián cara a esquerda tivo o coste político da escisión de D.G., pero a cambio fixo posible o triunfo plebiscitario do Estatuto, no que, bén é verdade, as irregularidades foron moi notorias.
     O Partido Galeguista promoveu unha organización filial para o encadramento dos mozos en idades comprendidas entre 15 e 23 anos. A Federación de Mocedades Galeguistas constitúese formalmente en xaneiro de 1934, con perto de 1.000 afiliados. Nun principio a tutela dos galeguistas adultos era moi acusada, pero cando o P.G. decide na sua III Asamblea aliarse coas forzas de esquerda, as Mocedades discrepan e escomenzan a autonomizarse do seu patrocinio
     Predominaban na F.M.G., os estudiantes, seguidos de oficinistas e clases medias en xeral. A sua ideoloxía era en todo coincidente coa do P.G., con algún matiz diferencial e, sobor de todo, cun distinto talante de maior exaltación. Estaba impregnada esta organización xuvenil dun radicalismo e agresividade que, con todo, eran mais verbalísticos que fácticos. Cabe rexistra-la importancia que tiña no seu seo a corrente arredista da cal eran eminentes persoeiros Xosé Velo, C.E. Ferreiro e Xosé B. Pazos.
     «Vangarda Nazonalista Galega» foi un fugaz grupiño político creado pola personalidade emprendedora pero versátil de Alvaro das Casas, que con anterioridade fundara os grupos xuvenís «Ultreya». Das Casas, unha vegada que houbo abandonado a sua fidelidade á Monarquía, convertiuse o credo republicano e autonomista. Autonomista foi durante case todo o primeiro bienio republicano, antes e despois de escindirse do P.G. Somentes cando a autonomía parecia inviabilizada, na etapa do segundo bienio, Alvaro das Casas radicaliza os seus plantexamentos e pasa a adherirse ó credo arredista, que predica dende o periódico «Mais». Cando, a fins de 1935, o Estatuto Galego escomenza a ter novamente unhas expectativas favorables, Das Casas recobra a esperanza na autonomía.
     «Unión Socialista Gallega» veu a ser unha tentativa de crear un socialismo galego. Xoan Xesús González, militante socialista da Agrupación de Santiago, provocou unha escisión en agosto de 1932, para crear a U.S.G. A sua ideoloxía, expresada nunha serie de manifestos e no periódico «Amañecer», achegábase mais ó galeguismo que ó socialismo, non pasando dun morno reformismo similar o das posicións republicanas esquerdistas. A sua práctica confirmou isto, abogando máis pola autonomía que por calisquera outra revindicación social ou política.
     Dempois das eleccións de 1933, U.S.G. desaparece integrándose en «Izquierda Republicana»), por considerar que a cuestión do réxime primaba por sobor da reivindicación autonomista. Volta novamente a dar sinais de vida, nun definitivo escintileo, tras das eleccións de febreiro de 1936, xuzgando que a cuestión do Estatuto pasaba a primeiro plano.
     A U.S.G., ubicada predominantemente na comarca Santiaguesa, e composta por empregados, «traballadores de oficio» e profesionais, esencialmente abogados e profesores, fracasou na sua teima de se converter nun partido socialista galego que chegara a desplazar ó seu homologo español. O feito de que non conquerise atraer ó núcleo de socialistas ferrolans de acusada orientación galeguista, liderado por Xaime Quintanilla, non foi alleo a este resultado.
     «Dereita Galeguista» naceu en Pontevedra por obra da escisión de Filgueira Valverde, García Vidal e Alvarez Limeses, entre outros, en maio de 1935. Este movemento escisionista foi logo continuado en Ourense e Santiago, coordinándose os distintos núcleos nunha «Federación de Forzas Nacionalistas e Galeguistas de Dereita». Por medio da sua ideoloxía conservadora pensaban poder atraer ás dereitas galegas cara o galeguismo.
     A composición social de D.G. resulta ser dun nivel máis alto que a do P.G. Sinalemos, ó cabo, o importante papel desempeñado por D.G. na campaña do plebiscito do Estatuto.
     Para concluir convén que nos refiramos ó común denominador sociolóxico que ofrecen os diferentes agrupamentos nacionalistas que se dibuxan na escea política de Galicia no quinquenio republicano. Observamos que nin a burguesía nin a clase obreira tiñan interés en sustenta-lo nacionalismo galego, sendo así que foi fundamental a clase media, cun forte compoñente intelectual, quen nutriu ós partidos desta significación, á cal compre engadir un fleque de pequenos comerciais e estudantes, sen esquecernos do campesinado.





NOTAS:

(1) Carta de Xerardo Alvarez Limeses a Alexandre Bóveda, firmada a 19-IV-1935; consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 11).
(2) Engade a isto: «Cuidamos que isto retrasará a Autonomía, máis ainda que a traxese nos [non] a queremos a conta de descatolizar máis do que xa os descatolizaron os nosos labregos que non han de ter compensazón cos bens materiales que de ela Ile veña cos espirituais que perdeu, que é perdelo todo». Ibídem.
(3) Ibídem.
(4) Bóveda dí isto en carta ó propio Filgueira Valverde, manifestando que el mesmo así Ilo dixera nunha conversa privada. Carta firmada en Cádiz a 10-V-1935; consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 7).
(5) Glosa da IV Asamblea en A.N.T., n.° 363, pp. 1-4. Cando se produza a escisión de «D. G. de P.», Filgueira Valverde, volverá a aludir ó tema da reforma constitucional, defendida polos galeguistas de dereitas por pretenderen que o Estado se declarase confesional. Filgueira achaca ó P.G. o ter firmado un documento con partidos republicanos, no que implicitamente renunciábase a revisa-Ia Constitución, co cal non se respetaban as discrepancias dos galeguistas de dereitas en materia relixiosa. Carta de Filgueira Valverde a Gómez Román, firmada en Pontevedra a 23-IV-1935; consultada no Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 6).
(6) Vide por exemplo o artigo de Vicente Risco, «Leria Nova», H. de G., 25-II-1935, páx. 1.
(7) Carta autógrafa de Vicente Risco a Ramón Villar Ponte, situable en xuño de 1933. Citada por G. Beramendi, Justo. Op. cit., T. II, páx. 115.
(8) Carta autografa de Otero Pedrayo a Ramón Villar Ponte, firmada en Ourense a 28-IV-1935. Citada por G. Beramendi, Justo, Op. cit. pp. 130-131.
(9) «Política madrileña», H. de G., 25-II-1935, páx. 1.
(10) Alúdese a isto na carta de Víctor Casas a Bóveda, firmada en Pontevedra a 4-V-1935. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 18).
(11) Filgueira o fai en abril do ano 1935, en carta ó presidente do P.G., Gómez Román, (Vide Anexo Doc. 6).
(12) A.N.T., 15-VI-1935.
(13) «Sobre el manifiesto de "Dereita Galeguista», H. de G., 10-VI-1935, páx. 1
(14) H de G., 10-VI-1935, páx. 4.
(15) A.N.T., 20-XII-1935.
(16) A.N.T., 15-VI-1935.
(17) Isidoro Millán dixo tamén dende as colunas de «El Faro de Vigo», que nos vísporas do movimento de outono de 1934, os galeguistas ofrecéranse en calidade de guerrilleiros, escamots e somatenistas de Companys. A.N.T., Ibídem.
(18) Víctor Casas xuzga o comportamento de Filgueira «mal intencionado e caprichoso». Carta firmada en Pontevedra a 7-V-1935. Consultada no Arquivo do P. G.
(19) Carta firmada en Cádiz a 10-V-1935. Arquivo do P.G. (Vide Anexo Doc. 7).
(20) Castelao, «Verbas de Chumbo», A.N.T., 29-VI-1935.
(21) Bóveda era un dirixente moi estricto e ríxido para cos actos de indisciplina, polo que na sua actitude de tolerancia, comprensión e mesmo defensa dos escindidos, é moi probable que influise o feito de que, destes, Xerardo Alvarez Limeses, fose o seu sogro, Xosé Alvarez Limeses, tío político, e Xosé Mª. Alvarez Gallego, cuñado.
(22) A.N.T., 1-VI-1935.
(23) Ibídem.
(24) A.N.T., 6-VII-1935.
(25) Carballo Calero abundando nesta idea dixera xa que o ideal sería que as alas dereita e esquerda do galeguismo fosen suficientemente fortes como para estaren deslindadas, ó igual que acontecía en Cataluña: «Cando en Galicia esteñan deslindados os dous frentes, a continuidade da nosa obra estará máis asegurada que na hora de hoxe» A.N.T., 16-II-1935.
(26) A.N.T., 15-VI-1935 (Vide Anexo Doc. 4).
(27) Estas bases programáticas foron aprobadas o 19-IV-1936 en Ourense. H. de G., 29-VI-1936, páx. 1.
(28) Estaba ademais o feito de que se o P.G. escorara cara a esquerda, debía existir unha dereita galeguista que se erixira en contrapeso. Vide sobor disto a carta de Filgueira Valverde a Gómez Román firmada en Pontevedra a 23-IV-1935; consultada no Arquivo do P.G. (Anexo Doc. 6).
(29) «Bases pra o programa...»; epígrafe «Galeguismo»; xa cit. Nisto inflúe a opinión de Risco, que a estas alturas seguía mantendo que; «A autonomía non é un fin: é un meio ao servizo do galeguismo, e somentes se xustifica como instrumento de galeguización»; Vicente Risco, «O meu pensamento»; E.P.G., 28-VI-1936, páx. 2.
(30) Así, por exemplo, rexeita o feixismo por, entre outras cousas, opoñerse: «a subordiñación da organización política á libertade» (Vide Anexo Doc. 4, apartado titulado «Nin marxismo min fascismo: democracia»).
(31) «Bases pra o programa...» , epígrafe «Galeguismo», xa cit.
(32) «El Partido Galleguista ante Ias elecciones»; H. de G., 3-II-1936, páx. 1.
(33) Programa de «D. de G. de P.»; epígrafe «Nin marxismo...», xa cit.
(34) Vicente Risco, que sigue tendo gran ascendente como teórico nos círculos galeguistas conservadores, dicía a sazón: «Precisamos a liberdade pra servirmos á Grande Obra. A Grande Obra é restituir a Galiza a sua fisonomía tradicional»; Vicente Risco, «O meu pensamento», E.P.G., 28-VI-1936, páx. 2.
(35) Corcuera Atienza, Javier, Op. cit., pp. 318-324.
(36) Vide sobor do pensamento nodal de Sabino Arana, Corcuera Atienza, Javier. Op. cit., páx. 430.
(37) Risco chega neste momento ó completo convencimento de que o P.G. non modificaría na sua V Asamblea o rumbo que viña seguindo. Esta convicción comunícalla a Del Riego en carta privada: «Eu aseguroche con toda certeza que non haberá troque de rumo no Partido Galeguista; que despois do plebiscito seguirase transixindo; que na quinta Asamblea non pasará nada, e que, con autonomía ou sin ela, Galicia seguirá sendo o que desde Madrid manden que sexa, coa colaboración dos propios galeguistas». Salvador Lorenzana, «O galeguismo ideolóxico de Vicente Risco»; Grial, n.° 63, I-II-III-1979, páx. 64.
(38) «A opinión galega»; E.P.G., 5-IV-1936, páx. 12.
(39) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-V-1978. sabemos que Manuel Beiras expuxo a Bóveda a decisión de arredarse do P.G. adoptada polo sector conservador do galeguismo santiagués, e tras discutir con el dentro dun clima de cordial «irmandade», o dirixente do P.G. aceptou que se adicaran a galeguizar ás dereitas e que para elo constituisen unha organización independente. Declaracións de Manoel Beiras, Santiago, 18-XII-1981.
(40) «La Derecha Galleguista», E.P.G., 21-IV-1936, páx. 11.
(41) Ibídem.
(42) Salvador Lorenzana, «O galeguismo ideolóxico de Vicente Risco»; Grial, n.° 63, I-II-III-1979, pp. 63-64.
(43) Atópanse referencias a esta xuntanza no H. de G., 20-IV-1936, páx. 1 e E.P.G., 21-IV-1936, páx. 11.
(44) «Unha conferencia sobre el Plebiscito», H. de G., 29-VI-1936, páx. 4.
(45) «Política gallega», E.P.G., 5-VI-1936, páx. 4.
(46) «La Derecha Galleguista», E.P.G., 21-IV-1936, páx. 11.
(47) H. de G., 11-V-1936, páx. 1.
(48) «Un nuevo partido», H. de G., 11-V-1936, páx. 4.
(49) A pesares de que Otero Pedrayo non segue a Risco na andaina que este emprende, as suas relacións siguen a ser cordiais, como o proba o feito de que lle publiquen artigos no «Heraldo de Galicia». Vide por exemplo Otero Pedrayo, «O camiño redimido», H. de G., 7-VII-1936, páx. 1. Outro tanto acontece con López Cuevillas a quen lle reproducen un artigo publicado en «El Pueblo Gallego» no H. de G., 29-VI-1936, páx. 1.
(50) A Ramón Villar Ponte tratouno de persuadir Risco para que se sumara a D.G., pero sen resultado. Non estaba dacordo coa escisión e mesmo chegou a culpabilizala pouco despois da represión que caera sobor dos membros do P.G., por entender que a existencia dunha Dereita Galeguista presupuña que o P.G. tiña que ser forzosamente de esquerdas, co cal pasaba a ser sospeitoso ós ollos das autoridades militares. Declaracións do seu fillo Xaime Villar Chao; Coruña, 26-VIII-1980. Ramón Villar Ponte limitóuse a non ocupar cargos directivos no P.G. Así, non figura na xunta directiva do Grupo de Viveiro elexida en xaneiro de 1936. «Grupo de Viveiro», A.N.T., 24-I, 1936, páx. 2.
(51) Así dicía o P.G. que continuaban no partido menos elementos de significación dereitista, despois da escisión do «P, G. de P.»; A.N.T., 15-VI-1935.
(52) Alvaro Cunqueiro, «Por Galiza. Notas a unhas notas» E.P.G., 8-VII-1936, páx. 14.
(53) Carballo, Francisco e Magariños, Alfonso, La Iglesia en la Galicia contemporánea, Madrid 1978, pp. 43 e segts.
(54) Conquerimos averigoar a situación profesional da maioría dos integrantes de D.G. mercede ós testimuños de Xosé Filgueira Valverde, Manoel Beiras e Xaquín Lorenzo.
(55) «Dereita Galeguista de Orense», H, de G., 11-V-1936, páx. 1.
(56) «El plebiscito y las corporaciones orensanas», Ibídem.
(57) «Se plebiscitará el Estatuto de Galicia», Ibídem.
(58) «La comprensión y el partidismo», E.P.G., 3-VI-1936, páx. 1
(59) «Política gallega», E.P.G., 5-VI-1936, páx. 4.
(60) «As Forzas Nacionalistas e Galeguistas de Dereita ante o plebiscito»; E.P.G., 13-VI-1936, páx 14.
(61) «Características, garantías y beneficios del Estatuto». H. de G., 29-VI-1936,  páx. 2.
(62) «Filgueira Valverde pronuncia en Lugo una conferencia sobre el Estatuto de Galicia»; El Ideal Gallego, 21-VI-1936, páx. 4. Esta mesma conferencia aparece resumida en El Compostelano, 20-VI-1936, páx. 1. Este mesmo periódico glosa a conferencia radiada de M. Banet Fontenla. «Autonomía de Galicia», E.C., 25-VI-1936, páx. 2.
(63) «La conferencia de Vicente Risco sobre Ia Autonomía de Galicia», H. de G., que 29-VI-1936, páx. 4.
(64) «Una conferencia sobre el Plebiscito»; Ibídem.
(65) Como sinalamos noutra parte, as forzas marxistas combinan as consignas estatutarias con outras como ¡Viva Rusia! ou ¡Viva a revolución socialista!, o cal provocou conflictos co P.G. Deste xeito dicía D.G. que: «La campaña, no siempre, es cierto, estrictamente autonomista [...]» H. de G., 22-VI-1936, páx. 1.
(66) «La Derecha Galleguista ante el Estatuto»; H. de G., 22-VI-1936, páx. 1.
(67) Este argumento gozaba de gran predicamento entre un importante número de persoas de significación conservadora, que pensaban que sobor da base da autonomía poderían conqueri-la separación de Galicia no caso de que triunfase o comunismo en España. Declaración de Xaime Villar Chao, A Coruña, 26-VIII-1980. Quezáis as oportunistas declaracións de Calvo Sotelo, a prol das autonomías, feitas a fins de maio de 1936, obedeceran á consideración antes apuntada; «Las derechas y Ia autonomía», E.P.G., 31-V-1936, páx. 16. Por certo que este argumento tiña o seu reverso nas esquerdas. Así Castelao ten esbozado unha teoría sobor dos «compartimentos estancos», segundo a cal, de proclamarse o feixismo nunha determinada parte de España, a compartimentación autonómica impediría o seu contaxio ás outras zonas.
(68) «La autonomía de Galicia», E.C., 6-VII-1936, páx. 1.
(69) E P.G., 19-V-1935.
(70) «Os nazonalistas católicos de Sant-Yago»; H. de G., 23-III-1939, páx. 1.
(71) «Irmandade de Dereita Galeguista»; E.C., 4-VII-1936, páx. 2 e E.P.G., 5-VII-1936, páx. 10.
(72) Declaración de Manuel Beiras, Santiago, 18-XII-1981.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega