O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

("3.9.4. Epílogo: Da desfeita á reorganización")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada208.html


   3.9.4 Epílogo: Da desfeita á reorganización

     Ainda que traspasemos o marco cronolóxico o que se cingue este traballo, cremos porén necesario narrar, siquera sexa sumariamente, o acontecido ó P.G. despois do 18 de xullo de 1936. O erguemento militar trinfou en Galicia con relativa rapidez, non sen ter que doblega-la resistencia das forzas de esquerda, en especial nas cidades (979). A falla de estudos monográficos rigurosos, teremos que recurrir ós testimuños orais (980) e a autores como Castelao, segundo os cales a sociedade galega en xeral estaba máis en favor do orde republicano que do novo réxime que se estaba a impoñer. O certo é que na opinión pública da zona republicana, nos anos da guerra, estaba xeneralizada á impresión de que Galicia era feixista, explicándose o rápido triunfo das tropas franquistas por gozaren dun suposto apoio popular. Esta opinión reflexábase de cando en vez na prensa, equiparando o caso de Galicia co de Navarra. Castelao retrucou a esta conxetura (981) aducindo que a resistencia tiña sido grande, e mesmo heroica, en tanto que a Falanxe non contaba denantes do erguemento máis que cun reducidisimo número de afiliados. Seguindo co fio argumental, Castelao explicaba o triunfo do feixismo en Galicia por:

«unha política trabucada e suicida, unha falla absoluta de armas, a carencia de grandes núcleos obreiristas, a falla dunha autoridade republicán que representase a unidade de Galiza para orgaizar a defensa do pobo contra os militares sublevados, etc.» (982)


     A excepción dun pequeno grupo de galeguistas (Castelao por exemplo) ós que o erguemento solprende en Madrid, no acto de entrega do Estatuto, os demais viven unha dura etapa represiva. Moitos foron detidos e sancionados, algúns lograron exiliarse, outros botáronse ó monte como fuxidos ou permañeceron atemorizados nas suas casas. Houbo tamén quen se alistaron como voluntarios no exército franquista para poderen pasar logo as filas republicanas (983), e quen, como non, perderon a vida en xuicios sumarísimos ou ben en siniestros paseos.
     Pereceron, sen chegar sequera a ser xuzgados, os seguintes membros do P.G.: Xohan Carballeira, alcalde de Bueu (984), Anxel Casal (985), Brasilino Alvarez (986), Celso Collazo (987); Manoel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao (988), Xohan Suárez Picallo (989), Manoel Lustres Rivas (990), o abogado de O Barco, Segundo García (991) e Camilo Díaz Valiño (992). Das Mocedades foron paseados Galán Calvete (993) e Xaquín Domínguez (994). Foron afusilados: Alexandre Bóveda (995), Víctor Casas (996) e Alvarez Villaamil (997). Tamén, sen pretensións de exhaustividade, mencionaremos ós galeguistas que sofriron cárcere ou algún tipo de sanción. Foron encarcelados: Carballo Calero (998), Evaristo Mosquera, Alvaro Xil (999), Paz Andrade (1000), Núñez Búa (1001) e Ramón de Valenzuela. Houbo tamén casos de desterros, como o de Paz Andrade ou o do coengo Piñeriro que se víu forzado a establece-la sua residencia en Burgos (1002). Castigos infamantes padeceron varias afiliadas do P.G. en A Estrada, obrigadas a levar o pelo rapado e a beber aceite de ricino, e tamén o catedrático do instituto da mentada vila, Antón Fraguas, a quen varios alumnos seus vestidos de falanxistas fixeron basoirar as ruas da vila (1003). Fraguas foi ademais destituido (1004) cousa que tamén lle aconteceu a López Durá, Martínez López, Del Riego e Otero Pedrayo. En Ourense a represión que houberon de sofrir os galeguistas foi pequena: Otero Pedrayo foi multado con dez mil pesetas e outros moitos con setecentas cincoenta. A razón da benignidade punitiva non radica só na significación conservadora de moitos galeguistas ourensáns, senon tamén na informalidade burocrática do Grupo local. En efecto, deron de alta no P.G. a moita xente que despois evolucionou ideoloxicamente nun senso diverxente, sen que ninguén se molestara en dala de baixa. Resultou, así, que entre os moitos afiliados teóricos que apareceron no libro de rexistro de adherentes figuraban non poucas autoridades do novo réxime (1005).
     Tiveron que partir paro o exilio, fundamentalmente bonaerense: Martínez López, Sebastián González, Alonso Ríos (1006), Silvio Santiago (1007), Castelao, Suárez Picallo, Núñez Bua (1008), Lois Tobío Fernández (1009), Ramiro Illa Couto, Emilio Pita, Xohan López Durá, Xerardo Alvarez Gallego e Lois Seoane.
     O P.G. quedou, pois, desartellado e sen núcleo dirixente. Non extrañará polo tanto que o galeguismo recuperase o pulso moi lentamente. O P.G. non apoiou como tal partido a loita guerrilleira, que era o principal foco de opisición ó franquismo en Galicia. Houbo, con todo, membros do P.G. que participaron ou apoiaron na actuación das guerrillas. Tal fixeron Raul, que combatía na zona de Ourense, Otero Castelao, Velo e Manoel González Fresco (que era máis ben simpatizante do P.G.) (1010); como colaboradores podemos mencionar ós galeguistas da zona de Mesía, e a Roberto García Amigo, na comarca da Braña (1011). Pero insistamos era que a estratexia do P.G. reconstuido non pasaba pola acción armada. Tanto é así que chamou o orde a Otero Castelao e máis a Velo, por estaren na guerrilla sen a autorización do partido (1012).
     Pero vexámos como foi que se reorganizou o P.G. En setembro de 1939, a pouco de rematada a guerra civil, coinciden en Compostela algúns estudiantes que perteñeceran ás Mocedades e consideran a posibilidade de encetar novamente a actividade política, organizándose clandestinamente. Desbotan esta opción «porque estaban en vísporas dunha nova guerra europea» (1013). Neste mesmo ano, Del Riego, Gómez Román e Enrique Peinador teñen unha conversa en Vigo, na cal coinciden na necesidade de reconstruir o P.G. , avencellando ós galeguistas ciscados. En 1940 tivo lugar na casa de Del Riego en Coruxo (Vigo) unha asamblea xeral do P.G., á que asistiron perto de trinta persoas. Acordaron voltar a poñer en pé ó P.G. e edita-lo voceiro «Roteiro». Decidiron ademais converter a Ramón Piñeiro en militante liberado do partido, encargándolle a misión de que establecese contacto coas restantes forzas políticas da oposición. Piñeiro escomenza as suas negociacións —nas que esporadicamente o acompaña Del Riego (1014)— conquerindo que os nacionalistas vascos e cataláns apoiasen os dereitos autonómicos de Galicia nas negociacións que celebraban coas forzas da oposición democrática. O plantexamento que facía podese resumir do seguinte xeito: A presumible victoria aliada —que xa se albiscaba en 1943— ía supoñe-la creba das potencias totalitarias que arrastrarían na sua caída o réxime do xeneral Franco. Tratábase que, daquela, quedara restablecida a legalidade republicana e con ela os estatutos de autonomía. Os esforzos dos nacionalistas estaban orientados de cara a que as forzas da oposición asumisen no seu programa as autonomías. Por elo o P.G. participou nas distintas plataformas antifranquistas que se artellaron (1015). Vascos e cataláns acordaron que Galicia contara cun representante no goberno Giral no exilio. En Santiago reunense os representantes da oposición e aceptan que Castelao fora o representante de Galicia e que o P.G. levara a cabo as oportunas negociacións no nome de toda a oposición (1016). Piñeiro pasou clandestinamente a fronteira francesa e, co apoio de Irujo, logrou que Giral aceptase a Castelao, tendo que vencer para elo as reticencias de Giral que non coincidía políticamente con Castelao e ademais tiña o seu propio candidato: Portela Valladares (1017). Despois disto os contactos coa oposición continuaron e nin sequera o apresamento de Ramón Piñeiro foi quen de impedilos. Pero en 1950 os galeguistas escomenzaron a ter clara conciencia de que as potencias democráticas non ían restablece-la democracia en España. Por conseguinte a actuación clandestina carecía dun horizonte real de esperanza polo que era mester abrir un novo frente. Fundan así a editorial «Galaxia» co obxetivo de conquerir a galeguización das novas xeneracións por medio da cultura. A partires deste momento o P.G. ficou practicantemente desfeito, levando unha esmorecida existencia limitada a algunha que outra rara xuntanza para establecer contactos coa oposición antifranquista. O que non houbo foi un acto formal de disolución. Sinalemos ó cabo que a sensación de acoso policial xogou incuestionablemente un papel paralizador (1018) .
     Paralelamente, os exiliados galeguistas en América emprenden tamén diversas accións de resistencia cultural e política. O máis destacado foi a creación do «Consello de Galiza» en Bos Aires o 15 de novembro de 1944 (1019). Formaban parte del cinco deputados galegos nas últimas Cortes republicanas: Castelao, Alonso Ríos, Suárez Picallo, Elpidio Villaverde e Basilio Alvarez. Foi concebido non tanto a xeito de goberno galego no exilio, a semellanza dos que tiñan vascos e cataláns, senon máis ben como órgano de direccion política e de defensa dos dereitos de Galicia ante as forzas republicanas exiliadas (1020). O Consello gozaba de amplio ascendente entre os galegos emigrados nos países riopratenses, pero non tódolos galeguistas estaban dacordo verbo da sua operatividade política en tanto que organismo que encarnaba unha legalidade de problemática recuperación. En América, Núñez Búa, Colmeiro e Seoane discrepaban del (1021) e entre a oposición interior non contaba tampouco con moitos entusiastas, nin siquera entre os propios galeguistas.
     Por inspiración de Castelao en México creouse a «Irmandade Galeguista», que reclamaba para sí a continuidade do P.G., ainda que sobor disto existe pouca claridade (1022). Pero o que nos interesa eiquí salientar é que o propio Castelao discrepaba da orientación dos galeguistas do interior. Para el o traballo galeguista fundamental habíao que realizar na comunidade emigrada, infundíndolle o espírito da Terra, para que logo o contaxiara á propia Galicia, ó traveso dos contactos que mantiña cos seus familiares nela (1023). Se Castelao discurría así pouco antes do seu pasamento acontecido en 1950, os seus compañeiros de exilio eran mais críticos cos galeguistas do interior. En 1958 Perfecto López, no nome deles e do propio «Consello de Galiza», expuso nunha xuntanza celebrada en Compostela, na casa de García Sabell (1024), a sua discrepancia coa orientación culturalista do galeguismo e coa renuncia ó activismo político. Ofreceu a financiación dende Bos Aires da resistencia nacionalista organizada clandestinamente. Os galeguistas desbotaron a proposta en razón da perigosidade que entrañaba, querendo mellor continuar cun labor de sensibilización cultural e apartidista, levado a cabo fundamentalmente entre un determinado sector da mocedade estudiantil, que andando o tempo fornecería as bases dun abano de partidos de distinto signo (marxista, socialdemócrata, democristián, etc.), pero cunha impronta nacionalista común.





NOTAS:


(979) Costa Clavell, Xavier. Las dos caras de Galicia bajo el franquismo, Cambio 16, Madrid 1977, pp. 43-89.
(980) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago 22-VIII-1980.
(981) Galicia Libre, Buenos Aires, 4-VII-1937.
(982) Ibídem.
(983) Foi este o caso de Ramón de Valenzuela, do que deixou testimuño en dúas novelas: Non agardei por ninguén, Akal, Madrid 1976, e Era tempo de apandar, Akar, Madrid 1980.
(984) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago 22-VIII-1980.
(985) Ibídem.
(986) Brasilino Alvarez era da zona de A Garda. Sobor da represión nesta zona pódese ler a obra do galeguista Noya Gil, Juan, Fuxidos, Caracas 1976.
(987) Declaracións de Luis Soto é revista Teima, 9/16-VI-1977, páx. 24.
(988) Nueva Galicia, n.° 3, 30-V-1937, páx. 5.
(989) Nueva Galicia, 6-VI-1937, páx. 4.
(990) Lustres Rivas era un escritor galeguista e pensamos que perteñecía ó P.G., ainda que non temos total certidume. Vide Freixanes, Víctor, O Fresco, memoria dun fuxido. 1936, xa cit.
(991) Declaracións de Valentín Paz Andrade, Vigo, 25-XII-1980.
(992) Declaracións de Ramón Martínez López, Santiago 13-XI-1980.
(993) Galán era un mozo coruñés de conviccións marxistas. Declaracións de Fernández Del Riego, Vigo, 5-VII-1980.
(994) Declaracións conxuntas de Manuel Meixide, e os irmáns Xaime e Ramiro Illa Couto, Vigo, 9-IX-1980.
(995) Bóveda escribeu dende a cadea unhas interesantes cartas, de entre as que seleccionamos unha dirixida ó seu irmán Vicente, exhortándoo, con gran presencia de ánimo, a permanecer leal ó ideal galeguista.
(996) Galicia hoy, Ruedo Ibérico, Argentina 1966, páx. 57.
(997) Declaracións de Valentín Paz Andrade, Vigo 20-XI-1980.
(998) Carta de Xesús Carro dirixida a Martínez López; firmada en Compostela a 7-XII-1940. Colección particular de R. Martínez Lopez.
(999) Declaracións de Amalia Alvarez Gallego, Pontevedra 21-X-1980.
(1000) Declaracións de Valentín Paz Andrade, Vigo 20-XI-1980.
(1001) Declaracións de Ramón Martínez López, Santiago 13-XI-1980.
(1002) Declaracións de Manuel Beiras, Santiago 1-XI-1980.
(1003) Valenzuela, Ramón de Era tempo de apandar, Madrid 1980, páx. 163.
(1004) Carta de Xesús Carro a Martínez López; firmada en Santiago a 31-I-1941.
(1005) Declaracións de Xaquín Lorenzo, Orense 29-IV-1981.
(1006) As peripecias que tivo que correr para lograr exiliarse quedaron reflexadas na novela autobiográfica O siñor Afranio, Castrelos, Vigo, 1979.
(1007) Tamén escribeu unha novela autobiográfica O silencio Redimido, Galaxia.
(1008) Declaracións de Valentín Paz Andrade, Vigo 20-XI-1980.
(1009) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago 22-VIII-1980.
(1010) Segundo Hertmut Heine, na creación da «IV Agrupación de guerrilleiros de Galicia participaron alguns ex-militantes do P.G. Heine, Hartmut. A guerrilla antifranquista en Galicia, Vigo 1980, páx. 83.
(1011) Declaracións de Avelino Pousa Antelo, Santiago 30-VII-1980.
(1012) Declaracións de Fernández del Riego, Vogo 5-VII-1980.
(1013) Ramón Piñeiro, «Galaxia e o frente cultural», Mancomún, II-1981, páx. 35.
(1014) Declaracións de Fernández del Riego, Vigo 5-VII-1980.
(1015) Ata en Francia, onde formou parte do «Bloque Nacional Republicano Gallego creado en Tolouse en 1944. Vide Heine, Hartmut. «La evolución política en Galicia (1939-1975)», en Cuadernos de Ruedo Ibérico, V-X-1976, páx. 25.
(1016) Declaracións de Fernández del Riego, Vigo 5-VII-1980.
(1017) Entrevista feita por Luis Alvarez Pousa a Ramón Piñeiro. V. de G, 3-I-1981.
(1018) Declaracións de Manoel Beiras, Santiago 1-XI-1980.
(1019) Vide sobor disto a revista Geleuza, xa cit., pp. 33 e segts.
(1020) A idea de crea-lo Consello de Galiza fora de Tobío. Declaracións de Fernández del Riego, Vigo 5-VII-1980.
(1021) Ibídem.
(1022) Entrevista de B. Carballiño a Rodríguez de Bretaña. E.I.G., 15-X-1978, páx. 16.
(1023) Carta de Castelao a Paz Andrade, que nos foi resumida por éste. Vigo 25-XII-1980.
(1024) A esta xuntanza asistiron Ramón Piñeiro, Manoel Beiras, Illa Couto, Alvarez. Blázquez, Fermín Penzol, Saco, Xosé Manuel Beiras e así ata completar unha lista de dazaoito persoas, mais ou menos. Declaracións de Manoel Beiras, Santiago 1-XI-1980.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega