O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. II)

Páxina Anterior

(De "4. Federación de Mocedades Galeguistas" a "4.4. Socioloxía")

Páxina Seguinte

v4xaviercastroogaleguismonaencrucillada209.html


4. Federación de Mocedades Galeguistas


   4.1. Creación da Federación de Mocedades Galeguistas

     Dende moi cedo o P.G. plantexóuse a cuestión, sentida como necesaria, de crear unha organización filial do partido na que tiveran cabida os mozos que se sentían identificados coa súa alternativa política.
     Os xóvenes galeguistas, especialmente os estudiantes, facía xa tempo que desenvolvían un labor cultural e político na liña do P.G. Deste xeito, ollamos rebulir, pouco antes da instauración da República, a un fato de universitarios composteláns que percuran a galeguización da Universidade, e a tal fin organizan na Facultade de Filosofía e Letras un ciclo de conferencias para o que invitan a Cabezá de León, Moralejo, Tobío Fernández e Sebastián Gaonzález (1).
     Moi axiña, en febreiro de 1932, constitúense sendos grupos de mocedades na Coruña e na cidade de Ourense. En efecto, en xuntanza celebrada na «Irmandade da Fala» herculina, foi elexida a directiva da «Mocedade Galeguista», adscrita ó P.G., tendo a Alfonso Núñez por presidente, e a Angel Cocho, como segretario (2); a creada en Ourense denominouse «Xuventude Galeguista», constándonos que estaba formada por maioria de estudiantes, tamén adherida ó P.G., pero recoñencéndoselle explicitamente a autonomía no seu réxime interno (3). Deixemos xa claro que as Mocedades non xorden como un movimento autónomo, a instancias das propias esixencias e angueiras dos xóvenes, senon que son fomentadas e tuteladas polos nacionalistas adultos. Temos constancia documental de que xa en marzo de 1932 o Consello Executivo do P.G. plantéxase a cuestión das Mocedades. Na discusión producida agroman pareceres distintos sobor de se compría potenciar ós Ultreyas, ou ben crear unha organización xuvenil de novo cuño; polo demais, barallaron tamén a posibilidade de que foran compatibles ambalas duas. Acordaron, ó cabo, que da problemática das Mocedades, e do artellamento que debían ter co partido, se ocupara Alvaro das Casas. A xuntanza non rematou ser que antes un dos conselleiros expusera o risco que ó seu parecer ofrecían as poucas Mocedades Galeguistas creadas deica entón para a «orgaización totalista do Partido», na medida en que arredaban ós rapaces comprendidos entre 18 e 22 anos dos Grupos onde a súa actividade de afiliados debía render os mellores froitos, de xeito que o P.G. quedaría amenazado de se converter nunha xuntanza de xente de certa idade. Temía tamén polo perigo de división do galeguismo que implicaba. Para rematar, sostiña este Conselleiro, a tese de que os rapaces deberían levar a cabo unha laboura formativa completamente arredada da política militante (4).
     As Mocedades ían nacendo ós poucos, e os rapaces nelas integrados colaboraban co partido, limitando o seu traballo practicamente a iso (5). A Mocedade de Ourense, que presidía Remixio González Gándara, leva a cabo un intenso traballo de espallamento organizativo, froito do cal son os Grupos que nacen en Allariz, Bande, Celanova e tamén o de Maceda que estaba a piques de ser creado (6). En Vigo constituiuse unha Mocedade Galeguista que contaba con 60 afiliados (7). O seu segretario xeral, Xaime Illa Couto, foi o autor dun chamamento no que exhortaba a constituir unha federación que agrupase ás distintas mocedades locais. Ó chamamento de Illa respostaron as Mocedades Galeguistas de Allariz, Ourense, Celanova, Pontevedra, etc. (8)
     Victoriano Buxán Rivas é quen, próxima a celebrarse a «Asamblea de Mocedades Galeguistas», recorda ás agrupacións de mozos que debían asistir. Dí claramente que «En Pontevedra e Vigo como rasgo fundamental dunhas xuntanzas que teñen as "Mocedades" de ditas poblaciós, xurde a idea de reunir os esforzos de todol-os mozos pra loitar baixo unha mesma bandeira e por un mesmo fin» (9). Ó propio tempo pon de manifesto o seu pleno acordo co P.G., traslucindo que o único matiz diferencial das Mocedades verbo do P.G., tiña de ser o calor xuvenil que aquelas aportarían á defensa dos ideais deste; paradoxicamente nada dí de asumir un programa reivindicativo especificamente xuvenil, o cal revela o que xa deixamos dito verbo de que as Mocedades non nacen espontáneamente, por obra dos rapaces que nelas vanse encadrando, senon a instancias dos membros do P.G., e estes non consideran necesario insuflarlles uns obxetivos acaidos á peculiar problemática das xentes mozas. Buxán Rivas, e co il os seus compañeiros, de momento aceptan de bo grado a tutela e orientacións do P.G. (10). A medida que pase o tempo e conforme as mocedades collan pulo e autodinamismo, cambeará bastante esta actitude de sumiso acatamento. Polo demais, Buxán deixa esbozado o que logo quedaría consagrado: das duas problemáticas que afectan ás Mocedades, a xuvenil e a nacionalista, será esta última a que lles preocupe caseque en esclusiva.
     A primeiros de xaneiro de 1934 o representante das Mocedades, Aquilino Iglesia Alvariño solicita e obtén autorización do P.G. para celebrar unha Asamblea no local social do partido co obxectivo de crear a Federación e discuti-Ia firma concreta en que quedarían vencelladas ó P.G. (11). Formalmente a Federación de Mocedades Galeguistas naceu nunha xuntanza de delegados dos distintos Grupos de mocedades celebrada paralelamente á III Asamblea do P.G. os días 13 e 14 de xaneiro de 1934, en Ourense (12). De tódolos xeitos, na práctica, a Federación non funcionou dunha maneira cabal ata ben avanzado o ano 1935. Funcionaba iso si, cada mocedade local, gozando todas de gran autonomia (13). Na Asamblea fundacional estaban representadas as Mocedades de Lugo (por Ramón Piñeiro), Viveiro (por Ramón V. Ponte), Coruña (por Pedro Galán Calvete), Ourense (por Vicente Bóveda), Baión e Godos (por A. Iglesia Alvarino), Vigo (por Illa Couto), Monforte, Celanova (por Celso Emilio Ferreiro), Allariz, Maceda, Vilanova de Lourenzá (por Francisco Fernández del Riego), Santiago (por Domingo Fernández del Riego), Pontevedra, Franza e Láncara. Non eran estes tódolos Grupos existentes, pois o cronista (14) nos dí que había outros Grupos, dos que non precisa a sua ubicación, que enviaron un saúdo, cousa que tamén fixo un grupo de mozas de Santiago. Polo demais, dise, mais ben de maneira aproximativa, que contaban as Mocedades con perto de 1.000 afiliados. A Mocedade de Vigo foi quen levou a batuta, discutindose as ponencias que ela elaborara tanto sobor dos Estatutos como tamén encol do Programa de acción.
     Resultou elexida a seguinte Segredaría Executiva:

     —Segredario Xeral, Francisco Fernández del Riego.
     —Segredario de Organización, Xaime Illa Couto. 
     —Segredario Técnico, Xosé L. Fontela Méndez.
     —Segredario de Propaganda, Xoan Lois Ramos Colemán.
     —Delegado do P.G. na F.M.G., Aquilino Iglesia Alvariño (15).

     Acordouse, asimesmo, que sete membros do Consello Nacional foran elexidos respectivamente polas mocedades de cada bisbarra. Deste xeito, foi escollido Conselleiro Comarcal de Lugo: Ramón Piñeiro, de Ourense: Xosé Velo, de Vigo: F. Vila, de Santiago: Ogando Vázquez, de Pontevedra: Alvarez Blázquez, e da Coruña non temos datos.
     Deste primeiro congreso saíron aprobados uns Estatutos, que tiveron de ser revalidados denantes pola Asamblea do P.G., pero non así un «Programa de acción», que sería unha significativa carencía crónica.


4.2. Organización da Federación de Mocedades Galeguistas

    
Iglesia Alvariño, na sua calidade de delegado do P.G. na F.M.G., foi quen, representando a esta na III Asamblea do P.G., someteu a aprobación do congreso dos galeguistas adultos os Estatutos que viñan de seren aprobados pola recén nada F.M.G., e que supuñan a tutela practicamente total por parte do P.G., sendo votados favorablemente por este (16).


   4.2.1. Os Estatutos: un proceso constituinte permanente

     Os Estatutos da Federación de Mocedades galeguistas, son practicamente unha réplica abreviada dos do P.G., que serven de marco de referencia claro, chegando mesmo a expresar que: «Pra casos non previstos n-istes Estatutos, servirán de norma os Estatutos do Partido Galeguista» (17).
    
A F.M.G. quedaba configurada como unha «Agrupación autónoma dentro da Decraración de Principios do P.G.», destinada a aglutinar ós mozos maiores de 15 anos e menores de 23.
     O seu funcionamento estaba rexido polos seguintes órganos:

     —A «Asambreia xeral»: órgano supremo que se reúne cada ano, podendo ser convocada extraordinariamente polo Consello Nacional, ou por un número de grupos locais que en total sumen a maioria dos afiliados. Elixe ó Consello Nacional e resolve as cuestións de Programa, táctica e actividades. 
     —O «Consello Nacional»: órgano directivo formado polos ConseIleiros das comarcas e pola Segretaría Executiva. Xúntase trimestralmente e designa ós Directores dos Departamentos encargados da planificación das actividades da Federación. Asimesmo designa ó representante da F.M.G. no Consello do P.G. 
     —A «Segredaría Executiva»: consta de catro membros (Segretario Xeral, de Orgaización, Técnico e de Propaganda). A periodicidade mensual das súas reunións o convirten na práctica no principal órgano de dirección.

     Polo demais, estipúlase que a F.M.G. se articula á base de Grupos locais, que no agro debíanse acomodar ó marco da parroquia. Os Grupos dispuñan de autonomía interna non poidendo formarse sen un número mínimo de cinco afiliados. Para regula-lo seu funcionamento interno estaban previstos dous organismos:

     —A «Xunta Xeral»: debíase reunir cunha periodicidade mensual. Cada ano tiña de elexir a Segredaría Executiva e nomear ós directores das seccións establecidas de acordo cos Departamentos de actividades da F.M.G. Designaba tamén ó membro que representaba á Mocedade no Consello do Grupo Galeguista (do P.G.) en caso de existir.
     —A «Segredaría Executiva»: integrábana tres «Segredarios» (Xeral, de Orgaización e de Propaganda), que debían estar en relación cos membros correspondentes da Segredaría Executiva da F.M.G. Reuníase semanalmente.

     No que fai ó sosteñemento da F.M.G., cada Grupo podía establecer libremente o tipo de cotización que deberían entrega-los seus afiliados; o 15 % da cotización de cada Grupo debíase destinar ós fondos da dirección da F.M.G. Establecíase, ó cabo, que en caso de disolución, os seus bens pasarían a ser propiedade do Seminario de Estudos Galegos. Quedaba, pois, configurada a F.M.G., como filial xuvenil do partido, en estreita dependencia do mesmo.
     Ata este momento os estudantes galeguistas e a xente moza, onde quera que non constituira Grupos de Mocedades, militaba no P.G. (18). Esta situación foi variando paulatina e lentamente, conforme se produce o desdoblamento organizativo e a progresiva autonomización das Mocedades. Temos constancia que en 1934 había membros das Mocedades que perteñecían ó mesmo tempo o partido (19), o cal debeu ser unha constante ó traveso de toda a vida destas duas organizacións, pois, en 1936, como teremos ocasión de comprobar, persiste esta situación de doble militancia en determinados casos (20). Era esta unha situación «de facto» que non estaba estatutariamente regulada. Sucedía tamén en ocasións que os afiliados do P.G. menores de 23 anos non acababan de desvencellarse do partido para constituir a Mocedade correspondente. Tanto é así que, ó cumplirse un ano de funcionamento da F.M.G., Xaime Illa, tivo que exportar ós afiliados do P.G. menores de 23 anos, para que formasen Grupos e Delegacións da F.M.G. (21).
     Na sua primeira xuntanza, o Consello Nacional manifesta que as Mocedades estaban abertas a cantos quixeran entrar nelas; agora ben, para salvagardar a pureza nacionalistas e o espíritu combativo que se pretendía que tivese a F.M.G., pensaban en arbitrar un procedemento: «ben entendido que terá de haber células primas no seo das que se gardará a máis estreita discipriña» (22).
    
Como queira que careceran de reglamentos, a «Segredaría Executiva» enviou a tódolos Grupos un «Proeito de Ordenamento pra as Mocedades» (23). O máis destacabel era o establecemento de duas Seccións:

     —De educación cultural e patriótica. 
     —De educación física e deportiva.

     Os directores destas Seccións eran designados libremente pola xunta xeral de cada Grupo. Ademais delo, cada afiliado ó Grupo debería traballar nalgunha das células que debían crearse en todas as actividades profesionais, deportivas, culturais, escolares, recreativas, de barrio, rúa, etc.: «pra millor exercer o proselitismo e influxo nazonalista» (24).
     No orde das realizacións prácticas sinalemos que a Mocedade de Pontevedra creara unha Sección musical e outra deportiva; o Grupo de Vigo dispuña dunha «Seizón de educación física e deportiva
», que tiña pensado formar un equipo de baloncesto, e outra «Seizón cultural e patriótica», que estaba a formar a «Biblioteca da Mocedade»; contaba tamén este Grupo cunha escola de oradores e de política. A Mocedade de Ourense, que era das máis fortes, constituira Seccións de «Excursións e Deportes» e de «Música e Declamación»; contaba ademais cunha Sección infantil e un equipo deportivo —«Breogán F.C.» que xogaba con camiseta azul e estrela verde. Na Mocedade pontevedresa configuráronse tres Seccións: «de Educazón Cultural e Patriótica», Musical, e de Educación Física e Deportiva, que contaba, con equipos de natación, Water-polo, futbol e excursionismo. Estes eran os casos máìs destacados, estando as Seccións nas restantes Mocedades, moito menos desenvoltas, cando non sinxelamente increadas.
     Os conselleiros das comarcas tiñan dereito de inspección en tódolos Grupos, poidendo facetas oportunas observacións para a súa boa marcha e funcionamento, que deberían ser tidas en conta. Asimesmo, os Grupos debían facer cantas suxerencias e encomendas quixeran ós conselleiros para que estes as puxeran en coñecemento da «Segredaría Executiva
».
     O Cabo, apareceu mencionadas as Delegacións, sen que se precise o número de membros necesarios para constituilas. Pouco despois apareceron duas modificacións (25) a este proxecto de ordenamento. Poderíanse admitir mozos de maior ou menor idade que as expresadas (23 e 15 respectivamente), se as circunstancias o aconsellaran e previa consulta coa Segredaría Executiva. En segundo lugar, dábanse maiores facilidades para convocar xuntanzas xerais extraordinarias dos Grupos, abondando con que o pedíse a metade máis un dos membros, en troques das duas terceiras partes como se establecía antes.
     Na II Asamblea das Mocedades, celebrada os días 20, 21 de abril de 1935, vólvese a discutir novamente a cuestión da organización, polarizándose o congreso arredor de duas posturas encontradas: A primeira tese sostiña a comenencia de crear grupos comarcais cun enlace puramente consultivo. O xeito da organización sería atomizado, quedando a organismo central privado de capacidade executiva, e somentes no caso de que fora precisa unha acción conxunta de toda a Mocedade poderíase centralizar circunstancialmente o mando. A segunda tese, aglutinada arredor do deseño de Xaime Illa, postulaba a concentración do mando en moi poucos dirixentes, considerado requisito imprescindible para acadar unha actuación única, coherente e monolítica de toda a F.M.G. Como argumento de fondo aducía que as Mocedades deberíanse arredar de todo contacto coas outras ideoloxías de esquerda ou dereita, para non fomenta-las divisións intragalegas, posto que era precisa a máxima cohesión nacional posible. A plasmación deste plantexamento na organización interna das Mocedades, reclamaba unha estructuración e un estilo propio e centralizado de actuación: «Todo en Galiza debe ser unificado, Galiza é unha unidade, e o máis arduo problema do nazonalismo e agudizar a concencia da sua unidade. A nosa orgaización ter de responder a esa unidade
» (26). Polo demais, en opinión deste sector, a F.M.G. tiña como mal de orixe un excesivo respeto pola democracia, parecéndolle que se atopaba no estado primario dunha asamblea constituinte. Consideraba que as necesidades políticas do momento reclamaban unha organización de acción e non de discusión. Era, pois, imprescindible a dirección única e centralista, e asimesmo botar man da disciplina.
     A Asamblea non chegou a pronunciarse por ningunha destas duas posturas, e a altura do nadal de 1935 insístese en que o Consello e a Segredaría non debían templar gaitas, resolvéndose a poñer remedio á desorientación froito da indefinición organizativa (27). Os Estatutos quedan, pois, pendentes de reforma, pero en calquera caso estipulan con toda claridade que para formar un grupo comprían cinco mozos, en tanto que unha Delegación podíana formar de un a catro xovenes (28).
     Retrotraiámonos a maio de 1935 para glosar sen choutos as sucesivas engádegas e revisións dos Estatutos da F.M.G. Neste mes, como reflexo das discrepancias que progresivamente distancian ás Mocedades do partido, deciden arredarse dos locais do P.G., sempre e cando fora económicamente viable para o Grupo en cuestión (29).
     En novembro de 1935 (30), Xaime Illa establece tres tipos de células nas que se tiñan de subdividir os Grupos:

     —Célula de Localidade. 
     —Célula de Entidade. 
     —Célula de Acción.

     Cada unha destas Células debía elexir un xefe, que debía estar en relación directa coa S.E. do Grupo.
     As Células de Localidade, podían ser de distrito, barriada ou rúa. A sua actividade debía consistir en facer propaganda nacionalista e coidar dos intereses da localidade, denunciando os problemas e elaborando solucións.
     As Células de Entidades, podían ser por sectores profesionais, ou ben de tipo cultural, recreativas, deportivas, etc. O labor a desenrolar consistía en facerse co control destas entidades para orienta-Ias suas actividades nun senso nacionalista. Percura-la galeguización destes sectores ou entidades. Defender, tamén, os dereitos dos mozos na profesión, realizar estudos e proxectos sobor do seu melloramento, etc. (31). Ademais debían procurar facer ofertas de colocación: «prós irmáns sen traballo
».
     As Células de Acción: servirían para vencellar a tódalas demais. Poderían formar parte delas os xefes das outras células do Grupo, e preferentemente os mozos que non estiveran encadrados en ningunha outra célula. A modo da F.A.I. dentro da C.N.T., deberían controlar e velar pola ortodoxia nacionalista do Grupo e seleccionar os novos afiliados; terían ademais a finalidade suplementaria de servir de motor para tódalas actividades do Grupo, encargándose do espallamento da propaganda clandestina.
     Nunhas novas intruccións dadas en novembro deste ano de 1935 (32), establécense os criterios territoriais de organización. Rexeitan a estructuración por provincial, municipios rurais e partidos xudiciais por consideralos artificiais. Propugnan unha estructuración sobor da base escalonada da parroquia, vila, cidade, bisbarra (comarca natural pequena), e rexións (comarcas grandes). Neste último ámbito inclínanse (dun xeito non dogmático, por entender que necesitábanse estudos ó respecto) polas circunscripcións correspondentes ás antigas cidades capitais de provincia xunto coas novas cidades:

     1) A provincia da Coruña quedaría subdividida en: Santiago, A Coruña, e Betanzos-Ferrol;
     2) A de Pontevedra en: Tui, Pontevedra, e Vigo;
     3) A provincia de Ourense manteríase como tal.
     4) A provincia de Lugo en: Lugo, Monforte, Mondoñedo e Viveiro.

     Este escalonamento remataba no superior ámbito da nación.
    
Sinalemos, ainda que é bastante obvio, que de todo isto moi pouco foi levado á práctica, dado que sete meses despois as Mocedades deixaban de existir legalmente. De tódolos xeitos algo se fixo; en Pontevedra precursoramente o Grupo dividéuse en células de parroquias e lugares, constituíndose catro: Lerez, O Burgo, Santa Maria e San Bartolomé (33).
     Ó mes seguinte (nadal de 1935) (34) o infatigable Segredario de Orgaización, Illa Couto, publica unha ampliación dos Estatutos da F.M.G., matizando máis os detalles. Sinalemos, polo interés que ten, as obrigas e actividades dos militantes:

     —Estudar a Historia, Literatura, Economía e problemas galegos en xeral.
     —Cultiva-lo sentimento galeguista.
     —Practica-lo excursionismo, a hixiene, a ximnásia ou algún outro deporte.
     —Facer unha biblioteca galega para o seu uso; suscreberse ós periódicos e revistas patrióticas; protexer ó S.E.G. e outras institucións e obras de exaltación nacional; falar e escreber arreo en galego; cantar as cántigas galegas e bailar os bailes galegos; leva-Ia bandeira galega onde queira que fose, poñéndoa ademais nun lugar preferente da habitación.
     —Mercar productos galegos e facer propaganda deles; axudar á formación nacionalista dos amigos; ensinar lingoa, literatura, historia de Galicia, etc.; prestar libros galeguistas e espallar folletos e follas de propaganda; traballar para que tódalas bibliotecas adquiran libros galegos, e se formen bibliotecas nas aldeas, sociedades, etc.; empregar personal galego, etc. 
     —Crear un clima de irmandade entre os mozos da F.M.G.

     No portavoz da F.M.G., «Guieiro
», aparecido a mediados de abril de 1936 (35), Xaime Illa Couto, publica un novo proxecto de Estatuto da F.M.G., que, en principio, serviría de ponencia na III Asamblea das Mocedades. O máis novedoso é a nova denominación dos Grupos locais, denominados agora «Irmandades locales», a percura da centralización da estructura organizativa, que con todo segue mantendo o seu carácter democrático (36), atribuíndolle a suprema autoridade á Xunta Nacional (composta dun «Segredario Xeral» e catro «Rectores») en detrimento do Consello Nacional, organismo directivo máis amplio, que pasa a ser soamente consultivo e que ademais só se debía reunir cando o convocara a Xunta Nacional; este mesmo afán centralizador albíscase na figura da «Oficiña Nacional», que estaría baixo a xefatura dun membro da Xunta suprema nacional, destinada a centralizar tódalas tarefas da F.M.G.; oficina que tería a sua réplica exacta nos dous niveis inferiores, de zona e localidade. Polo demais, insístese moito nas medidas disciplinarias e, sintomáticamente, non se especifica onde quedaría fixado o domicilio da F.M.G. ós efectos legais, en consonancia co acordado en maio de 1935, a diferencia dos primeiros Estatutos nos que se especificaba sen ningún xénero de reparos que sería o mesmo do P.G. en Pontevedra.
     A primeiros de maio de 1936 aparecen novamente unhas consideracións sobor da organización da F.M.G. (37). Distínguense teóricamente as células das organizacións auxiliares:

«As células son órgaos nosos, as propias terminacións nerviosas da nosa estructuración interna [...]. As organizacións auxiliares son orgánicamente alleas a nós, nás que é mester incruir masa neutra, máis que son percisamente a mellor base operante pras nosas células.
» (38)


     Dicíase tamén que:


«Pode suceder que isa Asociación seña contraria a nós ou poida selo ou que seña indifrente. N-ises casos o noso traballo tenderá ao seu desfaguemento ou gañala pra nós autuando namos casos dentro da mesma, constituindo unha Sección.
» (39)


     A proposta de Estatutos da Federación de Mocedades, agora chamadas «Nacionalistas
», presentada por Illa na III Asamblea (40) —que por certo se celebrou no local do P.G. en Ourense—, non chegou a ser discutida, por retirala o seu autor con obxecto de facilitar a discusión; con todo, os Estatutos aprobados por esta Asamblea, sobre a base do proxecto presentado polo Grupo de Ourense, non difiren sustancialmente da proposta de Xaime Illa. Velai as diferencias en síntese:

     —No proxecto de Illa sinalábase que poderían ser membros da Federación tódolos mozos galegos, en tanto que nos Estatutos definitivos dicíase, para evitar suspicacias, que terían a oportunidade de entrar nela mozos que non foran nados en Galiza. 
     —Os dous organismos directivos previstos por Illa, a Xunta Nacional (executiva) e o Consello Nacional (consultivo), refúndense nunha única instancia que se denomina «Consello Executivo Nacional
».
     —Persiste o afán centralizador pero con menor intensidade que no proxecto do mozo vigués. Así, aquela «Oficina Nacional
», que Illa revestía de caseque omnímodos poderes, queda agora reducida a un simple organismo informativo. Como valoración xeral, podemos considerar que son uns Estatutos de síntese entre as correntes autoritaria e centralizadora, por un lado, e a democrática con algúns ribetes acráticos, por outro. O principal era que quedaba salvagardado o dereito da base a discutir todo acordo denantes de ser aprobado polos órgaos directivos da F.M.N. Prohíbese a doble militancia (á que se non refería Illa), polo menos nas entidades de ideoloxía contraposta á das Mocedades. 
     —Do mesmo xeito que no proxecto de Illa Couto, non se sinala o mesmo domicilio social que o do P.G.


   4.2.2. Implantación da F.M.G.

     Como vimos que acontecía cos Grupos locais do P.G., tampouco dispoñemos dunha lista de Grupos e afiliados á F.M.G., por ter desaparecido como consecuencia das cautelas impostas polas severas medidas das autoridades, que en 1936 estableceron un novo réxime. Xa que logo, temos que reconstruir o catálogo de Grupos en base ós datos ciscados por toda a documentación manexada, servíndonos primordialmente de A.N.T., e do órgano oficial das Mocedades, «Guieiro
». Constatamos, así, a existencia de Grupos de Mocedades nas seguintes localidades: Carballedo, Santiago, San Xoan de BarcaIa, Maceda, Franza, Viveiro, Allariz, Bande, Celanova, Laxes, Ourense (onde había dous, un masculino e outro femenino), Mourillós, Bentraces, Verín, Pontevedra, Vigo, Monforte, Tui, Coruña, Bergondo, Pontedeume, A Estrada, Bueu, Pontecaldelas, Redondela, Mondariz, Escudeiros, Puga, Lugo, Bandeira, Rianxo, Baión e Godos, Lama (Lugo), Láncara, Laxe, Taboada, Vilanova de Lourenzá, Negreira, Lariñao, San Xulián, Ribadeo, Sarria e Muros. Sabemos que estaban en proceso de creación as Mocedades de Marín e Ponte de Mera, sen que se nos diga se chegaron a constituirse ou non. Rexistramos a presencia de Delegacións en: Mourillón (que dependía da Mocedade de Láncara), Cotovade, Figueirido, Cangas, A Cañiza, Ramallosa, Cuntis, Ponteareas, Cobas, Fontabaín, Balse (Vide Anexo Mapa IV).
     Como tampouco contamos cunha lista de afiliados, calcularemos o umbral mínimo, sobor da base de que cada Grupo de Mocedades debía ter, de conformidade cos Estatutos, un mínimo de 5 afiliados e as Delegacións entre 1 e 4. Temos un total de 45 Grupos e 13 Delegacións (42). Antes de multiplicar respectivamente por 5 e por 2, restaremos cinco Grupos dos que temos ditos concretos sobor da afiliación; son os de Ourense, 58 afiliados (43), Allariz, 32 afiliados, Bande, con 29 (44), Celanova con 90 afiliados (45), e Santiago con perto de 80 (sendo no período do curso académico bastantes máis, xa que a maioría eran estudiantes) (46). Así pois, os 40 Grupos e 13 Delegacións, arroxan un total de 226 membros, que sumidos á cifra de 289, proveñente dos Grupos de afiliación coñecida, dan un montante de 515.
     Organigrama da F.M.G (41).



     Tamén como referencia digamos que Risco apuntaba que en 1933 as Mocedades contaban con perto de 500 afiliados (47). O nacer a F.M.G., en xaneiro de 1934, «A.N.T.
» da a cifra de perto de 1.000 afiliados (48); e meses despois volvese novamente a dar esa mesma cantidade de afiliación (49). Esta cifra debémola tomar coas debidas reservas, dado que toda organización política soe esaxerar o seu número de adscritos. Sinalemos, o cabo, verbo da afiliación que tiña a F.M.G. en 1936, e cun carácter meramente indicativo, que votan na II Asamblea, celebrada en maio dese ano, 770 afiliados (50).


   4.3. Características da F.M.G.

    
O primeiro risco caracterizador das Mocedades é o nacionalismo, como non podía ser menos nunha organización patrocinada polo P.G. Na sua propia definición, faise mostración deste ingredente que, como no caso do partido tutor, aparece cautamente suavizado, figurando como galeguista. Como teremos ocasión de ver logo en detalle, as Mocedades amósanse máis radicais que o P.G. no seu común nacionalismo, non resistindo moito tempo a tentación de plasma-lo seu xuvenil extremismo nacionalista nas siglas; deste xeito, acordan na III Asamblea troca-Ia sua primeira denominación, pola máis valente de «Federación de Mocedades Nacionalistas
».
     Pouca falla fará insistir na sua segunda nota distintiva, a de ser unha organización xuvenil, que englobaba mozos (e mozas, pero aparte, habendo nalgunhas localidades un grupo masculino e outro femenino, organizativamente deslindados. Isto mesmo sucedía tamén no P.G.), entre quince e vintetrés anos. Este carácter de mocedade, deixara sentir a sua pegada con meirande nitidez no talante que no programa. En efecto, no programa, tácito, esfiañado, pois que a paternidade dó P.G. supuxo a orfandade programática da F.M.G., o non verse impelida a redactar ún, dada a cómoda posibilidade de acobillarse ó abeiro doctrinal do partido tutor; pois ben, dicíamos que no «programa
» non figuran reivindicacións e angueiras especificamente xuvenís, en tanto que o talante, impetuoso, afiuzado, radical e coraxoso, si que ten moito que ver cos poucos anos. Sinalemos, en terceiro lugar o integracionismo, que non difire do P.G., coa salvedade de que nas Mocedades en tanto máis necesario, canto que era máis difícil de conquerir; necesidade e dificultade que estában en relación directa coa virulencia e crispación con que se exhiben as diferencias de todo orde, que era mester conciliar. Así expresaba a propia F.M.G. esta angueira integradora no seu órgano de expresión «Guieiro»: «No noso seo, as difrenzas de toda cras, diluense no fondo sentimento de irmandade que nos cingue», pero ben entendido que «ser fillos da nai Patria [...] non é impedimento pra que cada un de nós teña, ou deixe de ter, un credo filosófico, político ou relixioso» (51). As diferencias que compría conxugar e integrar eran de tipo relixioso (agnósticos e creentes, laicistas e confesionais, con diversos degraos e matices), de índole política (dereitas e esquerdas) e social. Dado que os dous primeiros verémolos con máis extensión en breve, citaremos un texto que ilustre o integracionismo social, que admite a existencia das clases sociais pero pretende que todas elas subordinen as súas diferencias en aras do común interés nacional:


«A mocedade galeguista de Celanova [...] fai un chamamento garimoso a todo-los mozos celanoveses, pra que (sin distinción de clases nin castas, pois ante a nosa nai Galiza todos somos irmáns) veñan a prestarnos o alento vital do seu entusiasmo i-esforzo
» (52)


     Ó servicio deste prurito tratan de fomentar entre os mozos a tolerancia e mailo sentimento de irmandade, do que era signo inequívoco o tratamento que se daban entre eles de «irmán
». Deste xeito exhortábase aos mozos para que practicasen distintas formas de irmandade, entre as que mencionaban as tertulias, peñas e xuntanzas dos galeguistas de distintas localidades, a axuda mútua e o fomento da amistade entre eles (53); tamén promóvense, con este mesmo obxectivo, excursións de intercambio, concentracións das Mocedades de distintas localidades, etc (54). A cuarta nota distintiva da F.M.G é a sua definición como organización de masas. Nas notas esbozadas por Xaime Illa para o programa da F.M.G., concibe a esta organización como de masas (55). E así rezaba un solto aparecido a modo de lema na revista «Guieiro»:


«O nacionalismo non compre soio d-unha minoria seleita, sinon de todol-os galegos. Atraelos â nosa causa é a obriga de todol-os nacionalistas
» (56).


     Digamos, ó cabo, que nacimento serodio da F.M.G., librouna do viraxe dado dende unha concepción minoritaria a outra de masas, que xa víramos como experimentara o P.G. Xa que logo, cando a F.M.G. xorde en xaneiro de 1934, a sua pretensión de amplo encadreamento está, como non podía ser menos, en completa adecuación coa concepción de sí mesmo tiña o partido, verbo do cal —non o esquenzamos— foi durante a primeira etapa, organización autónoma.
     O quinto factor caracterizador da F.M.G é a democracia, sistema polo que aboga tanto para o artellamento político da sociedade, como no seu propio seo. En efecto, xa dexergamos no apartado de organización, como os Estatutos e reglamentos internos da F.M.G., respetan sempre a democracia, salvagardándose o dereito das bases a establece-la liña política, e a participar na toma das decisións máis importantes, principalmente por medio dos congresos anuais e extraordinarios, que a F.M.G. denominaba «Asambreias
». Elo non obstante, no interior da F.M.G., pugnaban duas correntes extremas, unha ferreamente centralizadora, e outra maximalista na concepción da democracia e a descentralización interna. A correlación de forzas quedou reflexada na III Asamblea, na que foron aprobados uns Estatutos democráticos, pero cun sesgo centralizante. Sinalemos ó cabo, que a verba «Federación» que figura nas siglas da organización obxeto de análise, non quer indicar que fora este o xeito de artellar no plano organizativo a sua concepción de democracia, é dicir, que a estructura organizativa da F.M.G. non era federal; soamente pretende expresar que non se trataba dun partido, senon dunha organización de masas, as cales soíanse denominar «unión», «liga» ou «federación».


   4.4 Socioloxía

     Temonos que valer de datos desconexos e informacións ciscadas, para averigua-Ia composición interna das Mocedades, dado que a lista de afiliados foi destruida no vran de 1936 por motivos doados de imaxinar. Temos, así, referencias de que F.M.G. nutríase primordialmente de estudiantes (57), contando tamén con gran número de empregados, oficinistas e membros das clases medias en xeral (58), dentro das que podemos incardinar un certo núcleo de artistas (59). Campesinos algúns debía haber nos Grupos rurais, pero todo nos fai pensar que debían ser sumamente escasos. Deducimos isto, en primeiro lugar, de que non atopamos ningunha referencia a que houbera moitos labregos (e decimos labregos, máis que de extracción social campesina, porque como é sabido, a «compañía familiara labrega
», vixente en Galicia, implicaba que traballaban tódolos membros da mesma na explotación agraria) nas Mocedades, cousa que estimamos de seu moi significativa, sobor de todo se consideramos que a implantación no campesinado era unha das prioridades da F.M.G., polo que, de obter resultados positivos neste eido, faltaríalle tempo para pregoalos ós catro ventos. E, inferímolo en segundo lugar, da composición social dun Grupo de Mocedades (o de Carballedo, en Cotovade) que coñecemos, e que pode resultar bastante representativo a este efecto, por estar inserto nun medio eminentemente rural. Na composición social da «Mocedade Nacionalista de Carballedo», distinguimos: tres estudantes de bacharelato, un ferreriro, un albañil, un mestre, un estudiante de Dereito, un panadeiro, un xastre, un carpinteiro, e, ó cabo, un mecánico e un zapateiro (60). Como se pode ollar, non aparece ningún labrego, o que indica, non que non existiran en absoluto campesinos nos restantes Grupos rurais —o que sería unha interpretación abusiva—, senon que debían seren certamente poucos.
     Vexámos agora os sectores sociais que maior interés espertaban na F.M.G., de cara a granxearse o seu apoio. Esto podemolo establecer con bastante precisión. Interesáballe primordialmente o sector estudiantil, especialmente no nivel universitario, pero tamén nos degraos inferiores do ensino (61). Sinalaba, en segundo lugar, o mundo do deporte, fixándose primordialmente no excursionismo, actividade que permitía coñecer Galicia e tomar convencia da sua unidade. Ian despois, as clases medias, con atención especial ós empregados e oficinistas, querendo encadralos en «seccións sindicais galegas
», tendentes a unha futura «Organización Galega de Empregados e Oficinistas». En cuarto lugar, os campesinos e mariñeiros, verbo dos cales propugnaba a creación de Sindicatos campesinos e mariñeiros, ou ben seccións —pois non tiña isto claro, nin discutido—, que integrarían unha futura «gran sindical galega de carácter nacional». Aludía, a renglón seguido, ós obreiros, recoñecendo que: «O máis alonxado, pol-o intre, é iste sector»; de tódolos xeitos non desdeñaba o apoio deste segmento da sociedade galega (62), e marcábase a tarefa de infiltrarse nas organizacións sindicais existentes. Interesáballe, en sexto lugar, os escritores e artistas, entendendo que eran especialmente receptivos á prédica nacionalista; coidaba comenente aglutinaIos en fortes organizacións, para elimina-Ia inoperancia a que os conducía o seu desvertebramento. O cabo, asignábaselles un séptimo e octavo postos, ós sectores femenino e infantil, respectivamente.





NOTAS:


(1) «La galleguización de Ia Universidad», E.P.G., 24-III-1931, páx. 1. 2.
(2) «Reunión de "Irmandade da Fala"»; E.P.G., 4-II-1932, páx. 11.
(3) E.P.G., 5-II-1932, pás. 11.
(4) Borrador de acta feito por Bóveda; Arquivo do P.G.
(5) Declaracións de Avelino Pousa Antelo, Santiago, 30-VIII-1980.
(6) A.N.T., IX-1932, páx. 4.
(7) A.N.T., 2-X-1933.
(8) Ibídem.
(9) «F.M.G.», A.N.T., 11-I-1934.
(10) Ibídem.
(11) Heraldo de Galicia, 15-I-1934, páx. 1.
(12) A.N.T., 28-I-1934. Breve nota en La Región, 16-1934, páx. 5.
(13) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-V-1978.
(14) A.N.T., 28-I-1934.
(15) «Asamblea de Ia Federación de Mocedades Galeguistas»; Heraldo de Galicia, 15-I-1934, páx. 1.
(16) A.N.T., 28-I-1934.
(17) Apartado IV, artículo 24; A.N.T., 10-XI-1934. Ademais a efectos legais o domicilio da F.M.G. era o mesmo que tiña o P.G. en Pontevedra (Rua de Tetuán, 2, 1º).
(18) Declaracións de Ramón Piñeiro, Santiago, 22-V-1978.
(19) Despréndese isto do contido da carta enviada por Xosé B. Pazos a Alexandre Bóveda, dada en Lavadores a 30-VIII-1934; Arquivo do P.G.
(20) Na etapa final a doble militancia complicase pois non só había membros das mocedades afiliados ó P.G., senon tamén á Dereita Galeguista. Guieiro, 1-VI-1936, páx. 2.
(21) Guieiro, n.° 6; A.N.T., 9-II-1935.
(22) «Xuntanza do Primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas», A.N.T., 24-III-1934, páx. 2
(23) A.N.T., 9-VI-1934, páx. 3.
(24) Ibídem.
(25) A.N.T., 6-X-1934.
(26) «Problemas da F.M.G.», Guieiro, 1-XII-1935, páx. 2.
(27) Guieiro, 1-XII-1935, páx. 2.
(28) «Problemas da F.M.G.», Guieiro, 15-I-1936.
(29) A.N.T., 1-VI-1935.
(30) A.N.T., 2-XI-1935.
(31) Eiquí aparece un atisbo de programa especificamente xuvenil das Mocedades, pero este embrión non chegou a xerminar.
(32) A.N.T., 15-XI-1935.
(33) A.N.T., 18-VIII-1934, páx. 3.
(34) A.N.T., 20-XII-1935.
(35) Guieiro, 15-IV-1936, pp. 2, 3.
(36) Tódolos dirixentes debían ser elexidos pola Samblea nacional. Polo demais, as Irmandades locais debíanse xuntar en pleno, antes das xuntanzas de zona e das Asambleas nacionais, pera que fora tido en contra o seu parecer
(37) «Problemas da F.M.G.», Guieiro, 1-V-1936, páx. 2.
(38) Ibídem.
(39) Ibídem.
(40) Guieiro, 1-VI-1936, páx. 4.
(41) Organigrama confeccionado segundo os Estatutos da F.M.G., aprobados na I Asamblea realizada en Ourense o 14-I-1934, e as sucesivas aportacións e engádegas
(42) Contamos como Delegacións, os núcleos existentes en Marín e Ponte de Mera, que estaban en proceso de se constituir en Grupos.
(43) A.N.T., IX-1932, páx. 4.
(44) Ibídem.
(45) A.N.T., 24-II-1934.
(46) Declaracións de Avelino Pousa Antelo; Santiago, 30-VIII-1980.
(47) Vicente Risco, «Galiza Nazón»; A.N.T., 29-IX-1934, páx. 4.
(48) A.N.T., 28-1-1934.
(49) A.N.T., 15-IX-1934, páx. 3.
(50) Guieiro, 1-VI-1936, páx. 3.
(51) Guieiro, 15-I-1936, páx. 1.
(52) A.N.T., 3-III-1934.
(53) Guieiro, 1-VII-1936, páx. 2.
(54) A.N.T., 30-VI-1934.
(55) A.N.T., 2-X-1933.
(56) Guieiro, 1-VI-1936, páx. 3.
(57) Tal cousa dise en A.N.T., 21-IX-1935.
(58) «Problemas da F.M.G.»; Guieiro, 1-V-1936, páx. 2.
(59) Así por exemplo o pintor de Villaiba, Antonio Insua, afiliado á F.M.G., que fora becado pola Deputación para ampliar estudos en Madrid; Nueva Galicia, 13-VI-1937, páx. 3.
(60) Guieiro, 1-I-1936, páx. 4.
(61) A escala de prioridades que iremos establecendo aparece descrita nun artigo titulado «Problemas da F.M.G.», aparecido en Guieiro, 1-V-1936, páx. 2.
(62) Xa en 1933 dicía Xaime Illa, que as Mocedades, que ainda non eran Federación, debían traballar e percura-lo apoio de tódolos sectores, incluindo o obreiro; A.N.T., 2-X-1933.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega